E278 Sendeiro dos ríos Guillade e Baíña (Baiona)


Sol, 27 de xaneiro de 2013

A cousa non pintaban ben, despois de cicloxénesis explosivas, intensas nevaradas e alertas de tódalas cores, e outra noite na que so me liberou de sumar unha resaca de “pai e moi señor meu” o ter que traer de volta a casa, a ser posible no mesmo estado no que se me confiou, a miña debilidade, pois cando espertei a chuvia repenicaba con forza na fiestra e os meus queridiños Alex e Salo xa confirmaban as primeiras deserción, mentres Miguel, que enlamara pola noite tra-lo canto das sereas, chamaba para dicir que si pero non, que si mantiñámo-la cita, pero que non para patear, pois o tempo, como na semana pasada era máis proclive a alongar a sobremesa despois dun bo xantar.

O Xacobe convidaranos á merenda no seu refuxio de Sabarís, así que non era cuestión de facerlle un feo, so de convencelo para troca-la merenda polo almorzo. Tampouco viña moi convencida Sonia, esa rapaza que aleda as últimas convocatorias deste grupo de sementadores de pegadas, cando me recolleu, e conforme avanzábamos cara a Foz do Miñor, baixo un persistente diluvio, menos convencida estaba de mante-la saída eivadiña, e quizais empezaba a dubidar da nosa saúde mental, aínda que esta é unha eiva coma outra calquera, e nós aceptamos ata polbo como animal de compañía.

Tranquilizáronse as tropas ó chegar a casa de Xacobe, onde María nos brindou un vermut, mal sabíamos que as olivas que o acompañaron eran o único sólido que iamos inxerir ata remata-la xornada sendeirista, pois o teimudo Xacobe insistiu en mante-lo plan inicial e pronto nos arrincou da placidez do seu sofá e non nos deixou nin chiar e levounos das orellas a enfrontar o desapacible clima.

Algo acougaran as precipitacións, así que non atopamos máis desculpas para dar unha voltiña polos montes da Groba, pois en calquera momento, segundo o noso guía, podíamos tomar un atallo e volver ó campo base, así que fomos enlazando rúas e camiños asfaltados ata un lugar, O Castro, onde semellaba que remataba o mundo e onde non quedaba outra que poñerse a camiñar.

Sen que tivera tempo a rosmar os meus amigos xa estaban en marcha coas súas roupas hidrófugas e cadanseu paraugas, coma se seguisen o rumor hipnótico do río Guillade, que baixaba ben cheíño, e que deseguida xurdiu ós nosos pes.

Dende as primeiras pegadas confirmouse que teríamos unha dirección bicéfala, o noso presidente co “jipiese” na man, de tal xeito que ía máis atento ó trazado virtual que ó camiño, e o noso secretario e armadanzas maior de feisbu, fiel á tradición, coa cartografía impresa en cores sobre a que trazara o itinerario a seguir.

Ao principio pouca foi a polémica, pois só tiñamos que seguir, a montante, o curso do río, que estaba fermoso de verdade, por unha pista chea de cascallos de piñeiros que conformaban o bosque, máis non tardou o mesmo río en cortarnos o paso e tivemos que improvisar unha alternativa ante a imposibilidade de cruzalo.
Subimos por un souto, e na subida a piques estivemos de levar un paraugazo, pois quixen axudar a Sonia, que estaba a perder tracción, e case tiro con ela ¡esta visto que as Eivadiñas non precisan axuda e que é mellor non botarlle unha man se non a reclaman!! 

Pola contra comezou a escampar, e albergámo-la esperanza de que a climatoloxía mellorase. Cando menos o terreo fíxose mais amable, diminuíu o desnivel e puidemos admirar as primeiras panorámicas da Foz do Miñor e da Ría de Baiona, entretivemos, o Xaco e mais eu, en atrapar imaxes invertidas nos charcos, mentres o Paneteimprimía o ritmo eivadiño con Sonia ó seu carón.

Cruzamos, finalmente, o río Guillade, por un paso ben seguro, e o meu pe esquerdo comezou a rosmar, e boteille un ollo ó mapa do noso Industrial, que fixo que aínda rosmara máis: non ía ser doado rematar a xornada sen que a dor se manifestase con forza.

Tentei non quedarme atrás, mentres o “jipiese” seguía rivalizando coa cartografía, e Miguel anotouse outro tanto ó atopar o camiño real, por onde non tardamos en albiscar as marcas do Sendeiro das Greas.

Por un carreiro entre piñeiros, que máis ben era un regueiro, desviámonos para visitar a Estación Rupestre de Baíña, as tripas xa ruxían pola falta de asistencia, e Xacobe tentou atallar a insurrección con galletas e mazás.

Seica dimos algunha volta de mais pola falta dunha dirección clara, xa eu teño dito que a democracia na montaña non é un bo invento, pero finalmente chegamos ó Outeiro dos Lameiros, tamén chamado Devesa do Rei, onde fai catro mil anos os nosos antergos deron en se expresar con curiosas formas gravadas na pedra.

Coviñas, labirintos, e unha boa provisión de cabalos, ata unha curiosa raiadura, nun entorno bastante ben musealizado, que ben paga a pena visitar con algo de calma, a pesares de que despois de facelo teñamos que volver sobre as nosas pegadas para tomar o camiño certo.

A estas alturas o meu pe xa ouveaba, e non me quedou outra que botarlle un nova ollada ó mapa, por se había posibilidade de atallar, e había, seguindo pola pista e evitando a subida cara o alto da Groba por outro tramo do Camiño Real que tiña toda a pinta de nos facer esvarar, e penso que Sonia, que tamén sufría en silencio das súas eivas, tamén mo agradeceu.

Pasamos polo lugar de San Cosme e retratamos ó Santiño, mentres descubría que o Petete tamén tiña o seu pasado de campamentos xuvenís, coma Alex, Miguel i eu, e que pouco nos faltou para rematar  de catequistas… ¡bos abades mitrados daríamos!!!

Coxeando, ou camiñando (segundo quen) cruzámolo río de Baíña, e case sen decatarnos, sempre pola pista forestal, saímos ó Chan da Lagoa. Eu tentei facer valer a miña autoridade para tomarlle un café no chiringo e descansar o pé, máis os demócratas outra vez foron maioría, aínda que houbo quen recibiu o seu castigo e embarrou ben embarrado… castigo divino!!! 

Menos mal que o camiño era con desnivel descendente, pois a luz xa non daba moitas alegrías para tentar atrapar algunha imaxe para o fesisbú, agás os reflexos que capturamos ó pasar polo encoro de Baíña, ou o momento simpático onde Miguel atopou a súa sorte, en forma de ferradura (e que levou canda el o resto do camiño).

Cando chegamos ó mundo incivilizado déronme ganas de bicar o asfalto, senón fora que aínda quedaba un bo treito para chegar á merenda que nos agardaba en Sabarís, e debía ter xa tan mal aspecto que un poldro asustouse o pasar canda el e comezou a brincar dun lado a outro nunha leira, protexido pola súa nai. 

Menos mal que o Xacobe, home de recursos, aínda tiña un ás gardado na manga, e levounos por un fermoso paseo de madeiras, aínda que algo esvaradías, que percorre os derradeiros metros do río Baíña, antes da súa desembocadura na praia de Santa Marta, e que grazas a todo o que chovera era unha sucesión de rápidos que eu, coma si tivera o corpo para tal, soñaba en navegar na miña piragua.

Foi un auténtico festín para os nosos ollos, e de seguro que o noso guía sacou bo proveito dese efecto seda que domina, eu pola miña parte arranquei as imaxes que a fortuna me deixou gardar na miña caixiña, para recuperar nos momentos nos que o corpiño non estea para andar nestas aventuras.

O sol foi caendo, lenemente, detrás das illas, tinguindo de ouro un anaquiño de océano, e eu sentíame caer con el, máis seguín  a estela dos meus compañeiros, onde non se queixaba res, agás o Miguel que xa facía un inventario de todo o que tiña gaña de xantar, que era moito.

Chegamos neste estado ó refuxio de Sabarís, onde tivemos que deixar as botas na porta, tal e como se fai nos países escandinavos, para non emporcalo, pois era moita a lama que chucharamos, especialmente o noso presidente, que ten a teima de enlamar si ou si. O secretario, mentres, colgábase do pasamáns das escaleiras, facendo uso do espazo comunitario para os seus estiramentos, e María, dende a porta ofrecíanos a posibilidade dunha ducha quente, e a promesa do arrecendo que chegaba dende a cociña.

Houbo ducha, e ben que nos prestou, e máis nos prestou o convite, onde degustamos unha tortilla de patacas sobresaínte, unha kiche vexetal realmente espectacular, riquísimos chourizos ó viño, e aínda unha ensalada que tiña de todo e quedou en nada. Realmente os nosos anfitrións estiveron fantabulasticos, e ata tivemos torta de aniversario, mercada pola mañá por Sonia nunha pastelería de Sabarís, para celebrar o aniversario de Miguel, que quedou abraiado de que nos houberamos acordado.

E así foi a xornada, e así volo conto, e se queredes máis… teredes que agardar á próxima semana.

7 comentarios:

  1. Fantabuloso, coma aquelo que cantaban os Cool Jerks fai un feixe de anos.
    Fantabulosas as cores bermellas das faldas monteiras ainda que unha pintiga achárase desfeita.
    Fantabulosa a auga polos carrouchos baixando brava
    e remansando nas areas da Marta, na sempre praia.
    Fantabulosas parolas, as lerias e as verbas
    que a poucos poallan xa revolta a miña morriña
    duns eidos que sendo un rapaz voaba polas pistas
    descubrindo ferradas e gravuras a cabalo da minha cicleta.
    Outra viravolta convosco que lévame polos carrouchos do tempo do Antón.
    Dende a Groba ata o Chandebrito, e logo O Calvario, a rúa dos cines, ao rematar o serán.
    Breves saúdos
    Saude e Ceibedade

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Fai de tudo isto moito tempo, mais de once e a beira dunha castinheira e dun negrillo
      Xa caminhamos xa:

      https://www.flickr.com/photos/124176082@N02/32658810900/

      https://www.flickr.com/photos/124176082@N02/32795721033/

      Eliminar
  2. Ben querido Bricd, sexas quen sexas, as túas verbas danlle sentido a toda esta xeira de pretender unha xeografía que vaía máis alá dos mapas, que tenta unir e confundir pegadas e parolas, sentires e soños... sinto que hai unha comunión entre os que camiñan a través das letras e os que o fan físicamente, quizais algún día invirtamos os papeis... ata entón, unha aperta agarimosa.

    ResponderEliminar
  3. Meu queridiño Petete, coma é habitual as túas imaxes son doutra división, dos que ademáis de acumular uns coñecementos técnicos axeitados, e quen de empregalos con un chisquiño de maxia. Vasme ter que dar unha clases co trebello novo... Biquiños.

    ResponderEliminar
  4. Bueno, con este comentario espiache os teus pecados, pois despois de chamarme teimudo e armadanzas case che quito a fala

    ResponderEliminar
  5. Benqueridos Eivados, foi un placer pasar a xornada dominical outra vez ó voso carón. Sodes os mellores compañeiros ata cando hai días nos que non se fala no camiño. Iso si, o paso eivadiño as veces é difícil de seguir, mais chegar a casa esgotado e pensar nas aventuriñas do día, e na boa acollida na casa de Xacobe antes e despois da andaina, fai esquecer todos os males. Sobre todo, desta vez: gracias a María e a Xacobe pola sua hospitalidade e por facernos sentir que estamos na nosa propia casa.
    Bicos,

    ResponderEliminar
  6. Que mellor forma de celebrar o meu aniversario que acompañado dos meus eivadiños. Grazas pola pateada e polo convite sorpresa. Eivadiños for ever!!

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores