E284 Polos montes de Moaña e outros mundos


Chegamos ó mirador das fragas á hora marcada, Anxo e Luís, e non era para menos xa que despois de chover toda a semana, este sábado espertou con ganas de quentarnos as costas. Era unha aposta de dous e alí estabamos, preparamos as cousas e deixamos a tras aquel anfiteatro natural, con un val inmenso que bica o Atlántico. Comezamos a subir polo camiño que noutro tempo foi de carro e atravesamos aquel monte que aínda sendo rapaz recordo todo cuberto de pinos mansos, os cativos subiamos apañar os piñóns . Chamábanlle o Cerrado, pero todo cambiou coa chegada da celulosa e o eucalipto , por obra e graza da ditadura, os pinos foron arrancados e sementaron eucaliptos.

Na metade da subida pasamos por un lugar onde nace auga, pero e coñecida como Fonte Seca, xa que a maior parte do ano esta seca. Unha volta no camiño e chegamos a unha atalaia, chamada o Outeiro do Raposo, contan as lendas que por este lugar nas noites de lúa a raposa chamaba polo raposo para baixar o pobo a buscar galiñas e cando berraba a xente entráballe o medo. Continuamos camiño arriba ata chegar a Chan de Bolas, xusto ós pes do pico de Agudelo, alí ollamos unha boa plantación de castaños e carballos. O nome deste lugar llo deron os rapaces que cando viñan co gando para o monte, como este é un lugar plano xogaban aquí a bola, e hoxe se coñece como a Chan de Bolas . Decidimos non subir ó Agudelo, porque queda moito por camiñar e non e plan rebentarse na primeira hora.

Atravesamos o monte e nos pasamos a zona de Marín, fomos visitar os restos da antiga capela de San Lourenzo, capela de moita tradición no concello de Bueu, desde sempre . No ultimo deslinde feito polo franquismo, a capela quedou no territorio de Marín, pero desde a súa fundación pertenceu a Bueu, incluso o santo e o capitel co nome da capela están gardados na igrexa de Cela. Este tivo que ser un lugar cheo de carballos e castaños, preñado de moitas lendas que están recollidas, incluso sobre a fonte . Hoxe comprobamos como a capela está tirada no chan, como moito patrimonio do país totalmente abandonado. Como querendo reclamar o seu espazo no interior da capela naceu un carballo que xa ten un bo porte, que se non se ten coidado pode tirar os restos dos muros que aínda están en pe. Vemos con satisfacción  como aínda ai xente que se achega ata a capela a deixar flores e velas nas repisas.

Desandamos un pouco e entramos de volta nos montes de Moaña, entramos pola porteliña e seguimos polo camiño de carro ata as Chans de Cachón . Un lugar especial onde a terra e o mar dormen os seus pes, un miñato sobrevoa e nos saúda debuxando círculos por riba de nos,”quizais sexa un vixiante deste anaco de monte”.  De novo unha fermosa plantación de arbores autóctonos, protexidos con arame para que os cabalos non os  rompan. Cachón ten algo que o fai especial, as veces si te sentas debaixo de un carballo, o vento trae o son dos vellos coa fouce, apañando o toxo para estrumar o gando. Seguimos por unha congostra que no seu tempo fora feita para que o carro non abocara, cando ía cargados de toxo ou leña, chegamos o cruzamento de dous camiños, o lugar se coñece como Praza da Virxe, por unha pedra que había polo entorno que e semellaba o manto dunha virxe . A pedra xa fai tempo que desapareceu, mais ben a roubaron . Neste lugar ou praza se poñía unha persoa na parte de abaixo e si viña un carro da riba , mandaban para o que comezaba a subir, algo como regular o trafico, pero con carros, pois nos camiños era imposible dar volta.


O pouco tempo chegamos á Cruz de Cela, cruz que foi posta polos monxes bieitos de Hermelo a la polo 1700, como así reza na inscrición. Xa fai anos que o monólito lle foi roubada a cruz que tiña na parte alta, quedando so a pedra, coas letras do Mosteiro de Hermelo, marcando o devir da historia, por algo todo o Morrazo estaba baixo a xurisdición do mosteiro. Despois da sesión de  fotos subimos un anaco pola estrada que antes fora camiño, hoxe cuberto de piche e os pes o notan, así chegamos o comezo da pista de terra que nos leva o Monte Paralaia. Comezamos a subir a costa e o pouco tempo, deixamos a man esquerda o lugar de Foxonoval onde nace o río do Inferno, que desde estas alturas percorre Broullon, Paradela, A Marrua, o Redondo e se abraza o mar fronte do concello de Moaña. Seguimos ata o cumio do monte, onde xa apreciamos arbores novas de plantacións anteriores, chopos, bidueiros, olmos, e unha boa mancha de pino común, e de novo o noso miñato protector nos di que esta cerca.

Debido a maleza que o cubre todo non podemos baixar ata a cova da Paralaia, onde aqueles farallóns impoñen respecto, son testemuñas pétreas dos nosos días . Atravesamos o monte cara o sur e vamos por un camiño entre carballos e moles de pedra ata o Monte Xestoso, alí esta a Cruz de Paralaia, feita de madeira de carballo desde a primeira vez que se puxo ai preto de cen anos. Desde este lugar privilexiado un ten a sensación de que pode apañar coas mans a ría, Vigo, as Cies e todo o Morrazo, é un lugar encantado e nos días de inverno se escoita falar as arbores coas pedras . Comezamos a baixar por unha congostra de lama e pedra que nos leva a Hermelo, por estes lugares a auga e unha constante, a terra e negra con moitos minerais e a terra ideal para os Cantarelos no seu tempo.

Chegamos a aldea de Hermelo, somos ben recibidos por este lugar tan fermoso e amable para os ollos, case podemos dicir que Hermelo e un anaco do Paraíso. Aquí era obrigado repoñer forzas, previo acordo na Taberna de María, demos conta de unha fonte de raxo e patacas fritidas, con un xerro de porcelana de tres litros de Tinta Femia, todo estivo moi bo, ata o café con o bagazo que fixo que aparecera o”pedro chosco” facéndonos cóchegas na cabeza,  a idea case era esa, pero cando chegamos a Esculca nos atopamos con un grupo de almas en pena, da cidade, que xa andaban medios perdidos na Cruz do Xestoso. Entón sen darnos conta se apegaron e comezamos a facer de guías de este grupo do club dos desachegados. Comezamos a baixar e pasamos pola beira do pequeno cemiterio de Hermelo, onde lles conto que aquí está enterrada a mellor tecedeira de Pontevedra do século pasado,  Sra. Pepa de Florencia, pola súa casa pasaron Cunqueiro e Castroviejo en certa ocasión, animando a muller para que participara nunha feira de artesanía galega de moita importancia en Pontevedra, ala polos anos 50. Enfilamos o vello camiño real que ía de Hermelo a Moaña (San Martiño), por este camiño podemos ver a mostra dos miles de carros que pasaron por el, con marcas petrificadas  nas pedras de ata 25centimetros de fondo.

Pola metade do camiño nos atopamos co nacemento do río Bouzos, que cruza toda a Fraga de Coiro, rega veigas e comareiros, fai moer un feixe de muíños coma o de Fausto e se bica co mar na zona da praia de Rodeira . Seguimos baixando e chegamos a un lugar mítico dos montes do Morrazo, O Pouso das Cruces, a este lugar por temperas cando se remataba os traballos das sementeiras nos campos, as xentes de San Martiño, Hermelo, e Coiro, saian desde as súas igrexas ata aquí en procesión e así como ían chegando posaban os estandartes e as cruces no monte, de ai o seu nome . Facían unha misa e pedían ter boas colleitas,  despois todo o día era troula, ata a volta que era do mesmo xeito. Este lugar ten un uñeiro, onde nace boa auga, esta cuberto de carballos os cales teñen unhas polas especiais polas formas que fan, conta a vella lenda que por este lugar andaban os druídas celtas recollendo o visgo das polas, para facer pósemas .
O Pouso das Cruces e un lugar especial e o sabían os noso devanceiros que puxeron no entorno o primeiro mogon de deslinde das tres parroquias, que hoxe delimita os concellos . O entorno  conta con mesas e bancos de pedra así coma asadeiros e era un lugar moi concorrido cando se podía facer lume, pero no verán aínda e moita a xente que se acerca a esta curruncho natural.

Seguimos ata o lugar do Outeiro, zona arborada con fontes e con vistas impresionantes da ría, Cangas, Baiona...., lugar rico en cogomelos . Aquí se celebra todos os anos a festa do Leñador no mes de agosto, acude moita xente do pobo e de fora, e un día de troula en plena natureza, sempre se pide respectar o entorno. Aquí Anxo e mais eu deixamos a tropa das almas perdidas e comezamos a andaina pola pista que nos levara a Broullon . Son as seis da tarde e sacando a hora de comida todo foi camiñar e os corpos comezan a negarse a andar para diante. Nas primeiras casas de Broullon somos recibidos polos cans que semellan querer comer o mundo, os cabalos que comen nas veigas non lles fan ningún caso, coma se non escoitaran o barullo que fan os cadelos, dous gatos se poñen a facer posturas para a foto. Chegamos ó Cruceiro da Salvante, probablemente un dos cruceiros mais antigos de Moaña, foi construído ai varios centos de anos, e foi sufrindo varios cambios de sitios o longo dos anos, pero sigue en pe, con a súa memoria e historia viva.

Pouco a pouco case que arrastrándonos fomos chegando os coches, o mirador das Fragas seguía sendo amable, pero o cansazo podía con nos. Estabamos poñendo o loureiro a unha xornada completa que comezara as 11 da maña e remataba as 7 da tarde, os corpos esmagados, os callos derretidos,  pero na memoria un día histórico para arquivar unha camiñada completa, onde descubrimos lugares e pequenas cousas da toponimia que xa forman parte de nos. Cumprimos así unha promesa que xa se perdía co paso dos días.  Ollamos para os farallóns do monte Paralaia por ultima vez, e ala andaba o miñato, o noso compañeiro da andaina quedaba no se medio vital e nos, quizais pensando en outra.


Sábado 30/3/2013, Luís Chapela 

1 comentario:

  1. Home entre por o bisbarrismo mogon, eu iría por millor mogón; ainda que moito millor o de marco ou marco da cota. Seica este é un pouco máis propio e fai lembranza dun que raia con lusitania nunha bisbarra de Ourense. Ta ben mogon, máis ca tilde ainda millor.(Ainda que tamén hai moxón.Soio eso) En Cangas(que te escagallas) ou en Moanha( onde cae poalla), Limens(onde hai limóns)ou na beira de Meira tamén escoitei este castrapismo. A contaminación co castelanismo do innombrabel ou dos reises do 1492 fixeron xa das suas na lingua galaica; ven fondo e no fondo, xa no tempo do rei sabo cando andaba compondo en Xinzo as cántigas(e digo cántiga, coma podería dicir méndigo xa que xaeme do máis fondo) andaban a desbaratarlles os plans pra evitar ca lingua dos suevos fora a que fixara no conxunto da pinínsua...Pois

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores