E20 Sendeiro da Costa da Vela (Cangas do Morrazo)



Sábado, 24 de febreiro do 2007




Toda regra ten a súa excepción, esa variable que confirma que nada é inmutable, e que a vontade pode quebrar as máis férreas disciplinas e transformar os costumes. E máis aínda nesta sorte de entregas sendeiristas onde a fórmula utilizada saíu dunha alquimia interesada polos horarios imposibles e as lesións musculares. Por iso non dubido en cambiar o día da convocatoria a pesares de que non sempre ocorren as cousas como un planea.

En definitiva, que tiña os meus motivos para cambiar a miña cita dominical con eses exercicios ximnásticos e por iso adiantei un día a data, sabendo, eso si, que atoparía algún entusiasta dos camiños para acompañarme. Na comida da véspera, apuntáronse Nacho e Zalo a miña proposta, aínda que no momento da verdade só o último teña forzas para vencer os virus e sumarse á miña intención de recorrer a Costa da Vela.

O que non supón unha excepción é a falta de sono que me acompaña, por eses vicios nocturnos ós que non me resisto con suficiente vehemencia, e que engaden dureza á orografía que temos que recorrer, non sen antes, en esto si que non admito fracturas ideolóxicas, encher o estómago con algo mellor que boas razóns. Para elo voltamos a Coiro, onde tiñamos previsto camiñar nun primeiro momento, pero a ausencia de Tesorito, que ía exercerde guía, nos fai recalar aquí somentes para xantar. Como corresponde á nosa condición espartana, pedimos un menú frugal: tortilla de patacas, croquetas e calamares, e unha botelliña de godello da casa, para contrarrestar os efectos da noite.

Atravesando o corazón do Morrazo chegamos ó Espacio Natural, en réxime de protección xeral, da Costa da Vela, onde se atopa o Areal de Barra, un importante cordón dunar que se estende pola ladeira do monte ata a praia do mesmo nome. As previsións meteorolóxicas non son precisamente boas como para un día de praia, e por iso antes de abandonar o noso vehículo vestímonos con roupas hidrófugas para protexernos da persistente cortina de auga que está derramándose dende o ceo. Atopamos unha paisaxe moi distinta á do verán é máis, agora podemos atopar a verdadeira paisaxe, libre da invasión masiva helitrópicos, aínda que o seu rastro é bastante evidente en todo o extenso piñeiral que anticipa o encontro co océano: envoltorios de plástico, recipientes de cristal e outros materias que degradan este lugar máxico.

A franxa de litoral formada por branquísimas areas que delimita esta enseada, segue sendo un pequeno anaco do paraíso, e non é de estrañar que fose escollido polos precursores do nudismo en Galiza, é máis, o meu compañeiro pode dar fe dos malos modos que os axentes da autoridade tiñan para tratar de impedilo, xa que por este motivo deu cos seus osos no cuartel de Cangas.

Mentres camiñamos polas dunas que se moven imperceptiblemente co empuxe dos ventos, observamos a variedade de especies vexetais, condicionada pola aportación de carbonatos procedentes dos restos das conchas e moluscos, e pola salinidade que proporciona o preto que está o mar. Pese a estas duras condicións da vida determináronse ata 140 especies diferentes, a pesares de que conforme nos acercamos á costa, debido ó constante varrido dos ventos, só se manifestan en abundancia os espiñosos cardos, o brezo e as zarzas.

Chegados ás beiras do océano asistimos a un magnifico espectáculo da praia deshabitada, se descontamos os exemplares de cormoráns e gaivotas que levantan o voo noso paso, e sementemos as nosas pegadas na area virxe, como si aterraramos nun planeta deserto. Pese á contumaz chuvia que cae sobre nós, avanzamos a bo paso ata acadar a costa rochosa, non sen antes atravesar un pequeno regato que desemboca no mar formando unha minúscula lagoa que contribúe a enriquecer aínda máis a variedade botánica.

Dende a mesma foz parte un estreito sendeiro, que bordea os cantís, e por el transitamos mentres vai remitindo a poalla, e incluso algúns raios de sol son capaces de rasgar a compacta formación de nubes e derreter un pouco de ouro líquido sobre o mar. Camiñamos entre espesas matas de toxos, e conforme gañamos altura van aparecendo manchas dispersas de eucaliptos, unha das sete pragas que azoutan a este país, ata que xa arredados do areal adentrámonosnas ruínas dunha fábrica de salazón, que debido ó seu tamaño debeu ter unha certa importancia na economía da rexión.

Sempre a poucos metros do mar imos debuxando unha liña costeira que nos leva a unha finca con unha desas construccións de fortuna que evitan o derribo pola súa precariedade, e que aínda así dispón dun rústico porto, incluso dunha aparatosa guía para izar as embarcacións. Aquí existe unha pequena cala, cara onde descenden unhas escaleiras de madeira, e tamén aquí se acaba o sendeiro que vemos seguindo, polo que temos que voltar sobre os nosos pasos e coller un desvío cara arriba, para acadar o facho que se fai visible ó lonxe.

O sendeiro polo que ascendemos esta pechado por unha cancela metálica, a que temos que escalar dada a imposibilidade de rodeala, tal é a espesura dos toxos e silveiras que a envolven. Cremos invadir unha propiedade privada, pero cando saltamos ó outro lado decatámonos de que non entramos en ningunha finca, sino que saímos, xa que atopamos un cartel advertindo do perigo de cans soltos. Por sorte, os únicos cans que saíron ó camiño hoxe somos nós, desprezando as ameazas de un ceo preñado de nubes que, desalentado polo noso desafío, deixa definitivamente de enviarnos auga.

Saímos a unha ampla pista forestal, na que abundan os sinais de tráfico, e a que non lle falta moito para ser cuberta por unha espesa capa de piche, dadas as trazas que está adquirindo a irrupción de vehículos a motor neste espacio protexido, e por ela chegamos ó facho de Punta Subrido, dende onde temos unha bela panorámica da Ensinada de Barra, e de boa parte do camiño que deixamos atrás. Dende esta atalaia tamén podemos observar a Praia de Melide cara onde nos diriximos, dando as costas á sinxela construción marítima, tan importante en outros tempos para a navegación cando non existían os satélites nin o resto da tecnoloxía coa que se guían hoxe as naves.

Chegamos ó areal por un estreito sendeiro, e atravesámolo levantando ó noso paso o voo dun feixe de aves acuáticas. Esta pequena e alonxada praia é outro anaco do paraíso, eso si, tal e como a atopamos agora: sen máis presencia que a nosa, xa que coas facilidades de aceso que teñen na actualidade atopase bastante poboada en época estival. Dende ela voltando a retomar a pista que a circunvala, dende o pobo de Donón, a Costa da Vela, chegamos a Punta Roncudo, onde se alza un minúsculo facho granate, encarando as Illas Cíes, maxestosos xendarmes que gardan a entrada na ría e un dos atractivos turísticos máis populares da comarca.

Moi preto, na Punta Vixía, está o último dos fachos que gardan o Cabo Home, o maior en altura e dende onde se contemplan as mellores vistas desta franxa litoral, a máis abrupta da provincia de Pontevedra, con pronunciados cantís que chegan a acadar os 300 metros de altura e que son golpeados de seguido polas frías augas do Atlántico. Esta accidentada costa xurde como consecuencia dunha fosa tectónica que discorre en dirección norte-sur e a que se contrapón un gran bloque, formado polas serras de A Madalena, Coiro, Poniente e Donón.

Abandonando o facho resistímonos a seguir camiñando pola pista, e un pescador dános involuntariamente a pista dun pequeno sendeiro entre os toxos, que nos permite continuar ós poucos metros do gran azul. Durante un bo anaco crémonos capaces de avanzar pola accidentada aba do cabo, atónitos ante as enormes olas que baten con gran estrondo contra os farallóns, como unha xigantesca exaculación que se repite ritmicamente, pero o camiño morre nunha diminuta cala, e vémonos obrigados a remontar ata a pista forestal.

O esforzo da ascensión déixanos exhaustos, e case agradecemos continuar por un firme máis horizontal, aínda que nos vexamos privados de vistas tan magnificas. Pero a visión do pobo de Donón, tras recorrer un bo tramo desta pista que incluso en días tan inestables come este ten tráfico de coches, alixéiranos o paso, e non só polo encanto do entorno que forma este pequeno núcleo rural do concello de Cangas, co impoñente Monte do Facho as súas costas, senón pola posibilidade de tomarnos un refresco no primeiro bar que atopemos.

Este resulta ser, para facer honor á ruta, o Costa da Vela, e atopámolo cheo de sendeiristas, que tiveron a mesma idea que nós e están facendo parada de avituallamento. A nosa e breve, so o tempo que nos leva baixarnos unha cervexa e preguntarnos de onde carallo sairía esta tropa. A resposta, como di a cantiga, está no vento, e con el atravesamos o pobo, buscando o camiño que nos devolva ós areais de Barra. Non nos leva moito tempo, gracias ó Zalo, que xa comandou tropas nesta praza, e recorda os desvíos que temos que tomar, polos que descendemos a unha zoa de campos de cultivo, pastizais e vides.

Entre eles un pequeno regato que, como comprobaremos despois, conduciranos ó seu encontro co mar, e que nos seus derradeiros metros sorpréndenos cunha ampla variedade de plantas acuáticas: xuncos, carrizos, espadanas, canabazas... seguindo o curso fluvial atravesamos os campos fértiles de Donón, e pouco a pouco adentámonos no piñeiral que se estende polo complexo dunar, ata chegar á pequena lagoa que se forma na foz, que atravesamos a poucos metros de onde o fixemos fai tres horas e media. Só nos queda un breve tramo de praia e voltar a internarnos no piñeiral para acadar o coche que nos devolverá á metrópole. Cansos, pero satisfeitos da ruta realizada, facemos os últimos estiramentos, mentres comezamos a soñar novos camiños.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores