Domingo, 18 de febreiro de 2007
“A parte máis salvaxe de toda a Costa da Vela atópase en dirección sur-norte, dende Punta Subrido ata Punta Couso. En este tramo os cantís rochosos acadan alturas máis que razoables, polos que calquera intención de recorrelos a pe pode plantexar máis dun problema tanto pola bravura do mar –as mareas na zoa soben a presa-, como polos constantes cortados e desniveis da orografía. Así de salvaxe e indómita e aberta ó océano estendese ata a baliza de sinalización de Punta couso. Neste punto, un faro minúsculo e coqueto, como de xoguete, da entrada a unha das rías máis pequenas da provincia de Pontevedra. Son soamente sete quilómetros que dan forma a Ensinada de Aldán.
A costa enlaza a través de numerosas calas con Punta Testada, a antesala do impresionante Cabo Udra. Neste punto xeográfico transforma a suavidade e a paz da diminuta ría en moles graníticas labradas polos ventos, debuxadas con formas caprichosas e fantásticas polo paso do tempo. A fantasía deste lugar xoga a adiviñar formas entre os rochedos que salpican toda esta plataforma de singular beleza, que é outro dos indiscutibles balcóns galegos ó océano Atlántico. Na lonxanía e con boa visibilidade, as terras de Ribeira, a Illa de Ons e a inmensidade do mar debuxan a paisaxe.”
Con esta narración emotiva descríbense na “Guía de espacios naturais de Galiza”, publicada por unha editorial madrileña, algúns dos lugares que eliximos para insistir na alquimia de combinar no encontro cos amigos, as saídas montañeiras e as xornadas gastronómicas, e que non levou nunha ducia de ocasións a este territorio con alma de Paredes de Coura, e tamén a recorrer as beiras dos ríos Lérez e Xesta, os cumios do monte Galiñeiro, ou o complexo hidráulico dos Muíños do Folón.
Aínda que nestas datas, co Entroido en todo o seu apoxeo, no sexa este suficiente reclamo para os meus camaradas helitrópicos, que decidiron buscar refuxio entre as sabas, a pesar de que no ceo estalara unha primavera atípica, anunciando que os efectos do cambio climático confundiron definitivamente ás estacións. Menos mal que Nuria e Habibi, que este ano non tiveron a cara para máscaras, decidiron sumarse a unha nova convocatoria dominical, e non teño que engadir esta o meu club do camiñante solitario.
Como xa é tradición, antes de comezar a nosa incesante sementeira de pegadas, recalamos nunha casa de comidas para facer o propio, a pesares de que, como nos movemos na franxa horaria dos compatriotas de Viriato, temos que esperar a que abran a cociña no restaurante de Coiro no que decidimos xantar. Mentres ollamos a prensa e espertamos as bolboretas a golpe de café, sorpréndenos a irrupción dunha charanga multitudinaria que nos deleita coas súas coplas ácidas sobre a política municipal. Coa entrada desta comparsa de entroido chegan á nosa mesa a empanada de berberechos, os calamares á romana e, cando damos boa conta destes manxares, unha fonte chea de churrasco, críollos e patacas. Todo rico, rico, rico.
Satisfeitos polo trato recibido voltamos ó asfalto, recorrendo as estradas que atravesan o corazón do Morrazo, para chegar a Donón, o punto de partida do noso itinerario pedestre, dende onde temos unha impresionante vista da Costa da Vela e das Illas Cíes. Despois de contemplar estas belas panorámicas dámoslles as costas, e comezamos a ascender ó Monte do Facho, por unha calzada de pedra onde nos recibe un cartel anunciándonos as escavacións arqueolóxicas que deixaron ó descuberto a citania de orixe prerrománica que estaba soterrada no cumio. Non todos, porque Habibi abandona a calzada e sobe monte a través, sorteando o desnivel como un avezado montañeiro.
Dende o cumio, coroado por unha antiga torre de vixilancia do século XVII e que foi construída para previr os ataques de ingleses e berberiscos, o Facho de Donón, disfrutamos dunha atalaia privilexiada para divisar Cabo Home a un lado, as Illas Cíes anticipando a inmensidade do Atlántico, e cara o outro o Cabo Couso, noso modesto obxectivo, enfrontando á Illa de Ons, e un pouco máis ala a Serra do Barbanza, debuxando a súa silueta no horizonte.
Unha vez que cargamos as nosas mochilas con estas fantásticas visións, descendemos os metros gañados ó ceo para continuar un camiño que transita nas últimas terras de cultivos dos habitantes de Donón, xa que deseguida enlazamos con unha ampla pista forestal polas que debuxamos unha liña sobre a Costa da Soavela, que é como denominan algúns mapas a esta parte da Península do Morrazo. Mentres tanto Habibi ponnos ó corrente das innovacións en materia sendeirista, incorporando movementos peristálticos a súa marcha, combinando os deportes terrestres cós aéreos, nunha sorte que non abandonara ata o final do traxecto.
Acompañados polo improvisado recital do Home Orquestra, discorremos en todo momento pola pista forestal desestimando os desvíos que nos saen ó paso, tanto a nosa dereita cara o monte, como a nosa esquerda cara os cantís. Ata que o camiño desaparece baixo unha barreira infranqueable de toxos e xestas, e en vista que non temos outra opción descendemos por un bosque de eucaliptos que, pese a todo, ten certo encanto, con grandes penedos cubertos por musgos esmeraldas. Aquí é onde Habibi está campión, sorteando tódolos obstáculos como Indiana Jones, mentres Nuria i eu seguimos facendo equilibrios intentando salva-lo desnivel sen que as nosas pousadeiras coñezan a dureza do chan.
Despois destes momentos de saborear intensamente a aventura, atopamos un camiño empedrado que ascende levemente e, tras confirmar a dirección que cremos correcta, avanzamos por el baixo a sombra das especies invasoras, ata recuperar a mesma traxectoria que tiñamos na pista forestal sen saída.
Sobre nós álzanse agora os cables de alta tensión do tendido eléctrico, ata que o firme empedrado se bifurca, abandonando a sucesión de torres metálicas que imos sorteando e, algúns, fotografando. Voltamos a descender os metros que gañaramos, a pesares de que ó pouco tempo o sendeiro morre, incomprensiblemente, outra vez baixo un manto espeso de toxos.
Como vemos de preto as casas, e unha pequena lingua de asfalto marcando o acceso a esta, decidimos atravesar os metros que nos separan da estrada a través das toxeiras, antes de retroceder e buscar outra opción máis razoable. Deseguida dámonos conta que precisamente o piche, que ven dende o pobo de Vilaboa, é o que permite o tránsito ó complexo residencial que ten restrinxido o paso, onde se atopan unha decena de construccións de xentes tan pudientes que non dubidan en contratar a un servicio de seguridade, para que non se nos ocorra atravesala.
Vémonos obrigados a tomar un rodeo, empregando os muros de este fortín como referencia, mentres maldicimos ó unísono ós propietarios deste recinto. Pero non por eso nos desalentamos e despois deste encontro desagradable franqueamos a última casa antes de chegar á costa, a que chegamos por un estreito sendeiro que nos conduce ó diminuto facho de Punta Couso, alzándose orgulloso sobre os cantís onde as olas traballan o granito coa paciencia dun artesán, debuxando curiosas formas.
Así que detémonos o tempo suficiente para arrancar un puñado de imaxes dixitais, xa que o entorno ben o merece, a pesar dos embates do vento que, neste punto, fan perigoso o acercarse ós farallóns de pedra, baixo os que se axita furiosa a lingua do océano. A panorámica dende Cabo Couso é impresionante, máis que nada por que anticípanos un dos lugares máis belos da provincia: a Ensinada de Aldán. Cara ela nos diriximos, non sen certa resistencia a abandonar o entorno do facho, por un camiño coas ribeiras invadidas polas mimosas, sobre un firme empedrado que tamén ten a súa maxia, mentres vemos vendo as pequenas calas que anticipan á Praia de Area Brava, que divisamos ó lonxe.
Cando chegamos ás primeiras casas de Vilaboa (volvemos ascender cara o monte, por outra calzada empedrada que en cada desvío fainos plantear unha e outra vez a dirección correcta, o que aumenta nosa inquietude, xa que o sol xa non é visible no horizonte, e a distancia que nos separa do noso coche é considerable. Aínda así avanzamos a bo paso polas lousas desgastadas, ata enlazar con un sendeiro no que se detén a nosa ascensión, e se multiplican as nosas forzas gracias á suavidade do térreno.
Para animar os derradeiros quilómetros recítolles os meus compañeiros os artigos da constitución, comezando un deses debates estériles sobre os dereitos fundamentais que a carta magna establece e o poder executivo se pasa polo forro. Mentres tanto empezamos a ver, coas últimas luces do crepúsculo, a cresta redondeada do Monte Facho, anticipándonos a chegada ó pobo de Donón. Cando chegamos ó punto de partida xa pasaron catro horas, e os tres estamos esgotados pola xornada deportiva, tanto que incluso cústanos os estiramentos de rigor, utilizando unha estructura artística parecida a un caracol metálico como axuda.
Voltamos satisfeitos, como sempre uns máis que outros e cada un por motivos diferentes, á estrada, cruzando esta vez o corazón da noite, con moita sede acumulada na gorxa. Así que, como colofón, paramos no pobo de Vilariño, onde aínda están a vivir o entroido, a tomar unhas cervexas nun curioso bar do que, cousa rara, non tiña constancia.
En fin, outra xornada máis na que teño a sorte de camiñar cos meus seres queridos, neste afán de atesourar sendeiros, e xantares, e sorrisos, e todos aqueles motivos polos que paga a pena un novo amencer.
No hay comentarios:
Publicar un comentario