E28 Percurso da Agua (Ponte da Lima)



Domingo, 22 de abril de 2007

Esperto coas fendas de Sísifo arando a miña fronte, coa gorxa cuberta da area do trópico e unha pasta de teas de araña cubríndome as moas, e cando intento apagar os berros desesperados da alarma, as miñas articulacións renxen como galletas. Si, seguramente xa o tendes adiviñado: outro domingo confirmando os síntomas da resaca.

Por culpar a alguén podería buscar a escusa do concerto dos Transilvanians, onde se me facían inevitables as Coronitas, para soportar os rigores da atmosfera infernal e os xarotos da risa, para acompañar os ritmos xamaicanos de Almu e os seus rapaces.
Pero si esperto en condicións tan desfavorables como as sinaladas ten máis que ver a miña asertividade, co meu carácter afín coas señoritas daquela película de Sergio Leone, que non sabían dicir que non, que cos actos festivos e culturais cos que asiduamente combato a miña condición.

Aínda así agradezo os berros do espertador, e as sucesivas comunicacións do satélite anunciándome motivos para abandonar os restos do naufraxio entre as sábenas, e abrir de para en par as fiestras para que me invada o luxurioso abrazo dun sol primaveral. Encho outra vez a mochila de ilusións, coas mesmas ganas que o facía cando era outro o corpo que as contiña, e apresúrome ó encontro dos meus fieis, que xa teñen as súas cheas de pegadas para a semente.

Tesorito xa me agarda cos seus propios plans, i é quen de convencerme para que mude os meus. Pensaba insistir na paisaxe protexida de Corno de Bico para iniciar a Yuka neste territorio con encanto, pero como nin ela nin Ramón poñen demasiadas obxeccións decidimos insistir noutra área protexida, a das Lagoas de Bertiandos, que descubrimos fai unha semana baixo a dirección da nosa amiga burgalesa.

No lugar de reunión habitual sumásenos Isabel, a Brujita, con menos efectos secundarios do concerto da véspera que este cronista, pese a ter menos horas de sono no corpo. Son esas forzas que dá a xuventude, e que eu case non lembro, e que incluso lle facultan para que se faga cargo do transporte das tropas ata terras portuguesas, onde os nosos estómagos demandan novas comunións.

Eso si, despois de polemizar sobre o tipo de combustible e sobre a estación de servicio máis idóneas, cuestión na que non hai unanimidade e que nos fai perder uns minutos preciosos. A pesar de todo non temos claro con que proporción de auga no depósito imos cara nosa cita dominical.

Aquí, á eterna sombra do sinal de tráfico, espéranos Zalo e Petete, un para insistir nos beneficios do arroz malandro, e outro para descubrilos. Aínda que Tesorito, que ven rebelde, chame á disidencia do arroz tamboril e do arroz de marisco, para desafiar a pouca autoridade que me queda.

Por iso, de tódalas cousas que se trataron no xantar, tanto polo seu fondo como pola súa forma, prefiro non deixar constancia neste informe, porque, quizais debido a circunstancias alleas á miña vontade, algúns insistían en agravar as secuelas das sustancias inxeridas na noite anterior e que eu empeñábame en combater a golpe de malandrina.

Ser como for, xantamos unha vez máis como abades mitrados, e con esta sorte de santidade abandonamos o noso templo, despois de despedir ó Emperador, ó que desexamos unha pronta incorporación ós camiños, e tomamos a autoestrada para descontar os quilómetros que nos separan de Ponte da Lima. Dende esta vila bonita, a máis antiga de Portugal, acedemos á área protexida das Lagoas de Bertiandos e San Pedro d’Arcos, atopando a súa zona de aparcamento deserta, asolagada pola lingua de lume do Lourenzo, que ameazaba os nosos ánimos.

Tras visitar o Centro de Interpretación Ambiental, onde curioseamos sobre a flora, fauna e costumes deste pequeno parque natural, e onde nos facemos coas guías sobre os camiños que o atravesan, nos poñemos en marcha para intentar completar os doce quilómetros que compoñen a ruta máis ambiciosa da zona: o Percurso da Água. Este sendeiro ten como principal obxectivo a comprensión do movemento do seu principal elemento: a auga, nos tramos finais do río Estorâos, ata a súa desembocadura no río Lima, e a interpretación da área das Tapadas do Mimoso, onde se atopan os máis espectaculares humedais, e no contacto coa forma de distribución da actividade humana no seu contorno.

Nada máis abandonar o noso vehículo, camiñando por un firme empedrado e sombreado por densos piñeirais, chegamos a unha pequena estrada, e as primeiras casas de San Pedro d’Arcos, que bordean o parque. Non levamos nin dez minutos no camiño e atopamos a primeira sorpresa: unhas enormes formacións de palla e canas, ó modo dos medeiros, batuques ou masas da nosa terra, suspendidas das ramas de media ducia de sobreiras. Como se tivesen un especial magnetismo, temos que deter a nosa marcha, e intentar retratar estas imaxes insólitas, que nos transportan a unha forma de vida tan allea á nosa.

Volvemos constatar a explosión da primaveira nos primeiros campos que atopamos neste pequeno núcleo rural, como si estenderan unha sucesión de alfombras tecidas cos pétalos dun milleiro de flores amarelas, brancas, violetas e vermellas, ata cubrir a herba fresca de onde brotan as oliveiras, laranxeiras e outros frutais. Pouco nos importa, nun primeiro momento, estar pisando asfalto, nin tan sequera nos afectan os lategazos de lume que nos chegan do ceo, porque temos os sentidos emboutados de estío, aínda que cando levamos recorrido os primeiros quilómetros e o camiño que discorre polo pobo se transforma en estrada xa non nos fai tanta gracia.

Por ela chegamos á Quinta de Pentieiros, onde ademais da casa señorial e os campos ben coidados, atopamos un cámping, onde hai bastante jolgorio, aínda que non sexa temporada alta. Neste punto empezamos a dubidar da nosa dirección, xa que vemos un camiño xunto a un sinal de desvío, pese a que os nosos mapas nos indiquen que debemos continuar pola estrada, e finalmente seguimos por ela, con certa desconfianza, ata cruzar debaixo da autoestrada.

Aquí Tesorito, que se adiantou como un explorador apache, volve atopar os sinais que nos conducen á freguesía de Estorâos. Baixo a silueta das Serras de Arga e Cabraçao, desde onde chegan as augas desta área protexida, chegamos a outro enclave rural, e antes de visitar a igrexa, o cemiterio, a ponte medieval, o cruceiro e o peto de ánimas, que forman parte de este lugar con encanto, sentámonos nunha terraza a recuperarnos dos rigores do clima.

Xeados, cervexas e repaso ás imaxes dixitais que capturamos polo camiño. Todos coincidimos en que este primeiro tramos non foi moi agarimoso, e que sen a dirección de Yuka non é o mesmo, polo que esperamos que volva guiarnos co seu bo criterio.

Despois visitamos brevemente a igrexa, onde nos chama a atención a gran coroa que envolve o seu campanario, e cruzamos o río Estorâos por unha ponte de pedra de tres arcos desiguais, construído no século XVI, e detémonos tamén a contemplar a Azenha, onde se atopa un curioso muíño, cunha gran roda de madeira no seu exterior.

Abandonando este belo entorno pasamos baixo a sombra da Capela de San Amaro, templo do século XVIII, de senlleira factura, que non nos detemos a contemplar para non dilatar máis o noso itinerario, e camiñamos á par do Regadío de Estorâos, ou sexa o seu canal conductor xeral, que fertiliza as terras deste val. Boa proba da súa eficacia son os numerosos campos cultivados que atopamos, as oliveiras e vides, todos eles, por suposto, salpicados por un cardume de flores.

Chegamos así ó monumento de Quatro Mâos, símbolo da unión das freguesías de Estorâos, Bertiandos, Sá e San Pedro d¡Arcos, onde desbotamos o camiño que nos invita a camiñar entre os campos de labranza da Veiga de Sobreiro, preñados de primaveira e seguimos polo asfalto, seguindo as indicacións dos paneis do noso percurso. Estre tramo comunica coa estrada de patinaxe, pola que nos introducimos na área protexida dos humedais, onde comeza a refrescarnos a sombra de faias e bidueiros, e outras especies de ribeira. Estamo na Freixa, e atravesamos outra vez o río Estorâos pola ponte do mesmo nome, para camiñar, para montante, as súas beiras coa tentación permanente do baño.

Como non temos a certeza de que os seareiros non se escandalicen coas nosas peles espidas, desbotamos refrescarnos no río e nos diriximos ás Lagoas da Tapada do Mimoso, nunha das maiores masas de augas superficiais do parque, onde Xurxo, facendo os honores, lle da mimos a un par de carballos. Esta é a parte máis espectacular da ruta, xa que camiñamos sobre as lameiras sobre pasarelas de madeira, alternando as zonas lacustres con outras selváticas, onde as enredadeiras trepan polos troncos das árbores, debuxando unha paisaxe esmeralda.

Despois deste tramo acadamos un cruce de camiños, onde hai un muíño en ruínas e unha pontella, e nos diriximos á Porta de Bertiandos, para dirixirnos, outra vez sobre asfalto, cara a Quinta de Bertiandos, un dos pequenos pazos que abundan no norte do país, onde, entre outras marabillas, se conserva un marco miliario erixido en 1566.

Neste lugar facemos un alto, e refrescamos a gorxa nunha tenda, onde decidimos desbotar o resto do percurso, que discorre pola estrada, e volver pola zona dos humedais.

Así o facemos, e ben que nos ven, xa que o tempo que restamos ó sendeiro, o empregamos en facer unha corta visita a Ponte de Lima, onde pomos un broche de ouro líquido a nosa saída dominical.

E27 Percurso mixto das Lagoas (Ponte de Lima)


Domingo, 15 de abril de 2007
Atravesando esa delgada liña vermella que me separa do territorio dos soños, onde non sempre me son propicias as pantasmas, desgarro as teas de araña que me cobren as pálpebras, e enfronto un novo día, facendo un breve balance da véspera. As percusións rabiosas e as guitarras desgarradoras do hard-rock do grupo alemán Zero Mentality, que onte soaron no ventre da Iguana, aínda soan hoxe na miña cabeza, grazas aos efectos das sustancias psicotrópicas que conseguen, unha vez máis, que esperte con xesto adolescente, esto é: con resaca domingueira. E a pesar de todo, agradezo unha vez máis os berros do espertador, que me anuncian unha nova convocatoria onde volvo debuxar a xeografía dos meus mapas emocionais e físicos, nesa sorte de poder disfrutar dos meus seres queridos e dos grandes espazos ó mesmo tempo.

Na nómina de afectos está Xurxo, que dende aquel primeiro de outubro, ás beiras do Lérez, no que comezamos a sementar pegadas polos camiños, contáxianos continuamente con un entusiasmo inagotable; e María, a Chinita, habitante permanente deste hotel disparatado que palpita baixo o meu peito, e que decidiu cambiar os areais bañados por un sol que anuncia as estacións cálidas pola nosa compaña. A eles se engade Ramón, outro fanático de congostras, canicoubas e corredoiras, un novo valor a sumar á nosa pequena e desordenada tropa de Eivadiños, que parece disfrutar da nosa fórmula; e Yuka, a súa compañeira de fatigas, que viu dende o lonxano Oriente, ou dende a meseta castelá, non o teño do todo claro, para guiarnos nas procelosas curvas de nivel da orografía lusa.

Como somos animais de costumes ou, máis ben, como son un animal de costumes (aínda que todo se contaxia), levo ós meus fieis o meu cuartel xeral, para que volvan comulgar a malandrina e fagan acopio de forzas para completar a ruta. Espéranos o Xeneral Almeida, convalecente da última reconquista, ou máis ben das últimas conquistas (montañeiras, se entende) para facer os honores e interesarse por eses proxectos que, de momento, non pode compartir. O que non compartimos é a inquietude de Ramón polas evolucións de certo piloto asturiano, vese que non temos paixón ningunha polo mundo do motor. Pero bo, o importante é incidir nas coincidencias e no Stop é fácil: non hai quen resista a media dose de arroz malandro.

Despois de dar boa conta do menú e de despedirnos do Emperador, que marcha camiño dunha sesta reparadora, metémonos na autopista para acurtar a distancia que nos separa de Ponte da Lima, onde pretendemos abrir outra sucursal desta organización non gobernamental e sen ánimo de lucro. Chegamos de seguida, xa que o noso conductor decide emular a Fernando Alonso, e a vila máis antiga de Portugal recíbenos cunha beleza espectacular, case irreal, que nos anticipa o que vamos atopar despois, cando chegamos a San Pedro d’Arcos.

Neste lugar se atopa o parque natural, paisagem protegida na denominación local, que comprende unha área de 350 hectáreas, envolvendo dúas lagoas e as marxes do río Estorâos, e comprenden un interesante mosaico de hábitats, destacando as zonas humedas pola elevada biodiversidade que presentan.

No parking do centro de interpretación ambiental, que se atopa deserto baixo un sol abrasador, deixamos o Ferrari de Ramón, e despois duns breves estiramentos poñémonos en marcha baixo a dirección de Yuka, que estudiou o trazado dos distintos percursos que atravesan a zona, e que comezan todos neste mesmo punto.

Decidímonos polo Percurso da Veiga, que ten como principal obxectivo a interpretación da zona de regadías, en áreas predominantemente agrícolas, onde se cultiva o millo, nos meses cálidos, e outro tipo de gramíneas nos meses máis fríos, atopándose tamén pequenas manchas con viña e oliveiras dispersas, como apunta a pequena guía que manexamos. Deixamos o húmedal ás nosas costas, e atravesamos un piñeiral, onde a nosa irrupción produce unha algarabía de paxaros, quizais algunhas delas gaios ou grallas.

Dende o piñeiral desembocamos nun estreito firme asfaltado que discorre entre casas solarengas onde so os grandes muros impiden que asaltemos as laranxeiras ateigadas de froita, e ademais nos sorprende a cantidade de oliveiras que atopamos ó noso paso, e para non deixar de asombrarnos, os prados cubertos de flores de tódalas cores, debuxando bandeiras de países mitolóxicos.

Esta explosión de primavera esperta a miña cobiza, e volvo retrasar ó grupo coa avidez de retratar tódalas postais posibles, para consolar os días nos que non poda camiñar entre estas marabillas, tendo que sacrificar as imaxes da noite pasada, incluído algún dos vídeos que atiborran a miña memoria dixital. Ata as mesmas portas das casas chega a cor, e se non esperta un sorriso doce, confirmando a fortuna de estar aquí e agora.

Camiñamos entre as casas espalladas, seguindo o trazado dunha levada que serve para alimentar os numerosos cultivos de cereais, viñas e oliveiras que atopamos, e que se trata, como rezan os grandes sinais esculpidos en pedra, do Regadío de Estorâos, distribuidor de Tenaes.

Todo chama a nosa atención: a roupa colgada en perfecto orden descendente, o peto de ánimas con servicio de correos e contador eléctrico incluído... tanto é así que non podemos deixar de vitorear a Yuka, que nos trouxo ata aquí, e quen nos guía con determinación ata as beiras do río que dá orixe a este val.

Sorteamos as augas por un paso de grandes pedras, aínda que hai quen prefire facelo pola ponte medieval que, sobre tres arcos desiguais, salva o mesmo obstáculo e nos conduce a unha Azenha, un maxestosos enxeño hidráulico reconvertido en hospedaxe.

Tras unha breve visita volvemos cruzar o río para facer un alto no lugar de Estorâos, á sombra da súa igrexa, onde atopamos unha terraza que, cos lategazos continuos do Lourenzo, convértese nunha especie de oasis para o grupo. Cada cal elixe como refrescarse, aínda que a maioría nos decantemos por uns finos fresquiños que, polo menos a min, me saben a gloria bendita, non sei moi ben se pola proximidade do recinto sagrado.

Indagamos no mapa a distancia recorrida e convimos en que debemos levar máis dun tercio da ruta elixida, así que o tomamos debagar e tras calmar as nosas gorxas, e tras unha visita obrigada ó templo, volvemos cruzar, por terceira vez, o río, coa tentación de mergullarnos nel.

Camiñamos entre casas señoriais, custodiadas pola pequena Capela de Santo Amaro, ata abandonar o pobo seguindo as marxes do río, que se fai notar fertilizando viñedos e prados onde a primavera tece improvisadas bandeiras. Polo firme asfaltado que nos levou ó pobo, chegamos a un curioso monumento onde catro mans, unidas en torno a un aro, simbolizan a unión das catro freguesías nas que se divide o val.

Despois de cruzar novamente o leito fluvial nos internamos, por unha estreita pista de herba, na Veiga do Sobreiro, unha gran chaira onde se atopan cultivos de millo, tanto así que para encher os baches da pista utilizan carozos debulladas, aínda hai a quen lle guste imaxinar a un exército de esquíos debullando espigas.

Tras atravesar este verxel introducímonos na espesura da Freixa, onde abundan carballos, faias e bidueiros, por unha pequena estrada transformada en pista de patinaxe. Pola ponte do mesmo nome, outra vez sobre o río Estorâos abandonamos o noso sendeiro orixinal e tomamos o Percurso da água, o máis longo do parque, xa que a nosa guía nos ten deseñada unha alternativa para alongar o itinerario.

A fraga se espesa aínda máis e nos choven gotas grosas dunha sustancia que preferimos non definir, desprendidas dalgúns árbores, mentres nos internamos na área da Lagoa do Mimoso, por un intricado sistema de pasarelas de madeira que nos manteñen a salvo dos húmidos terreos da lameira. Onde asoman varias especies de xuncos, carrizos e nenúfares. O certo é que ten algo de bosque tropical e me lembra ó parque de Doñana, incluso na disposición dos postos de observación dende onde nos esforzamos en ver algún paxaro.

Logramos ver unha garza e unha pequena formación de parrulos, e un pouco máis adiante incluso temos o privilexio de ver un esquío, e non podemos evitar que Xurxo, presa da emoción, se lle de por frotarse unha vez máis cun carballo. Menos mal que a nosa guía logra que nos poñamos outra vez en marcha, para abandonar outra vez o sendeiro e tomar o Percurso do río, e mentres ela fai consulta dos seus mapas, aproveitamos para observar a Ponte de Esteiro, construída no século XVI, e o Moinho de Matías, abandonado quizás polo seu pouco rendementos, xa que o cauce de auga que o facía traballar non existe actualmente.

Por este sendeiro, combinándoo co percurso orixinal, acadamos a Lagoa de San Pedro, salvando os terreos pantanosos polas coidadas pasarelas de madeira. Aínda fai moito calor, e decidimos ir cara Ponte da Lima a combatelo. Tras os estiramentos de rigor, collemos o coche e vamos á primeira vila de Portugal, onde, tras visitar o Parque de Arnado, con Xurxo como guía de excepción, e pasear polo seu fermosa ponte, dámonos un homenaxe de natas e finos.

Volvendo a casa se nos levanta a fame, e despois de probar sorte, sen éxito, en Tui e Peinador, María anímanos a probar a cociña da Posada do Couto, onde a súa amiga Susana nos ofrece calamares, croquetas e tortilla. Todo rico, rico, para completar o círculo perfecto de outro domingo que xa non podo pensar como o peor día da semana.

E26 Trilho Corno do Bico (Paredes de Coura)


Domingo, 8 de abril de 2007

Para combater a nostalxia das sábenas tibias, confundíndose as peles e os suores, para intentar que os sucesos insólitos non chamen a imaxinar o imposible e se esvaezan os horizontes, para continuar co inventario de pegadas que comecei a imprimir nun setembro cada vez máis afastado, ¿porqué sempre todo comeza e remata en setembro?, para que as respostas non agarden a que se produzan as preguntas, me calzo as alladas botas, compañeiras da miña segunda xuventude, e aproveito os beneficios penitenciarios que me ofreceu o demo, que sempre sabe máis por vello.

E ademais de todo esto, contra tódolos prognósticos desfavorables, cos fundadores destas convocatorias dominicais ausentes, uns debedores do pracer e outros da dor, volvo atopar quen acompaña a miña sombra: esa criatura págana á que prometín na véspera unha fraga na que poderían habitar os seus iguais, practicando ritos antigos que se perden na noite dos tempos. Despois de indagar nos tesouros agochados nos muíños do Folón e Gargamala, Xaime é seducido coas propagandas desta oficina de turismo courense que humildemente dirixo, e na hora e no lugar convido polas tradicións me recolle, para cabalgar cos ritmos de dark ambient cara á terra prometida.

Nin tan sequera nos desanima o feito de atopar pechado o templo onde, nos últimos días da seman das estacións pretéritas, comulgamos coa poción máxica que calma a malandremia que nos recorre as veas nas xornadas laborais. No ceo se multiplican as nubes para alimentar improvisados refuxios ós dragóns, e nós chegamos á vila de Paredes de Coura admirados polos xogos de luces que fabricou o sol mentres percorría coa lingua os campos esmeraldas e as mansións solarengas que atopamos as beiras do camiño.

Non, non podemos desanimarnos nin atopando deserto e sen servicio o mesón que tiñamos como reserva, o Miquelina, porque na praza máis bela do poboado, moi preto de onde non negan alimentos, ábrennos as portas do Conselleiro, onde intentan disimular o desconcerto que lles causa o noso aspecto e danos unha mesa con vista para que estudiemos a carta de comidas e viños da casa. En base ó pouco coñecemento das especialidades da súa cociña, decidímonos por partillar un prato de presunto com broas fritas e outro de arroz de parrulo, que resulta bastante satisfactorio, aínda sen servirnos a cantidade do noso comedeiro habitual.

Con esta provisión nos nosos bandullos descontamos os quilómetros que nos separan do pobo de Tumio, punto de partida do Trilho de Corno de Bico, atravesando outros que xa me resultan familiares, cunha toponimia que, pouco a pouco, foise tatuando entre as enrugas do meu corpo. Acedemos, tal e como indica a nosa guía, onde a estrada troca nun camiño empedrado ata o centro deste senlleiro lugar que aínda conserva algúns aspectos interesantes da arquitectura tradicional do Alto Minho.

Abandonando a montura que nos trouxo ata aquí, cruzamos a aldea, non sen antes encher de auga fresca a cantimplora, pois o astro rei segue sendo un monarca despótico, e as continuas formacións nubosas non son quen de deter os seus lóstregos de lume.

Por centenarios camiños de terra damos as costas ós mosaicos de herba onde pacen ovellas vestidas nas rebaixas, iniciando a ascensión polo Carvalhal, onde fan honra ó seu nome nos esperan as primeiras especies de Quercus robur, unha das moitas que forman a basta e densa masa forestal do Espacio Protexido que forma o entorno de Corno de Bico.

Mentres restamos metros á distancia que nos afasta do ceo, cóntolle ó meu compañeiro das peculiaridades do Estado Novo que, na década dos anos corenta, desencadeou un proceso de arborización e valorización forestal deste espacio, ata entón ermo pola excesiva actividade pastoril. Desta actuación dos servicios agrarios de Salazar, o sátrapa lusitano, resultou esto que agora atopamos, así despois de desembocar nunha ampla pista, apta para a circulación de vehículos a motor, atopámonos cunha agrupación bastante compacta de bidueiros e de castiñeiras.

Tanto mudan as especias ó noso paso como a evolución das nubes, que tan pronto ameazan coa súa incontinencia como deixan grandes fiestras abertas ó sol, mentres nós repasamos afectos e defectos, nese continuo e errado intento de atopar o verdadeiro sentido da vida.

Mentres camiñamos, e polo tanto vivimos, e deixamos constancia do noso paso polo camiño, como os distintos excrementos de outros mamíferos que a Criatura, biólogo afeizoado, se esforza por identificar. Non vou ser eu quen o desanime desta investigación, aínda que preferiría atopar a estes vertebrados e non só os seus vestixios, porque o certo é que só atopamos paxaros no noso periplo, aínda que na maior parte dos casos só de oídas: debemos facer demasiado ruído coas nosas disputas...

Non deixa de asombrarnos a variedade arbórea que atopamos no noso ascenso e ás especies que atopamos no inicio se lle suman outras como faias e acevos, que engaden novas cores á paleta cromática que se estende por esta suma de fragas enfeitizadas. Por eso non é de estrañar que un dos temas de conversa que animan o noso paso sexa o das nosas relacións coas fadas, eses seres que enchen de motivos os nosos amenceres coa súa poderosa maxia. Todo o noso entorno é un regalo dos deuses: a fraga salpicada de formas e cheiros, o ceo transformado nunha desigual plantación de algodóns, pero botamos de menos unha voz de veludo que nos amabilice aínda máis esta tarde que temos a sorte de vivir.

Con estas e outras disertacións, deténdonos o xusto para incrementar o arquivo dixital co que intentamos atrapar a memoria, chegamos ó noso modesto cumio: Corno de Bico, de 883 metros, que da nome a toda a área protexida que se estende ós seus pes. Dende a plataforma metálica que exerce de miradoiro observamos en todo o seu esplendor a masa forestal que atravesamos, e os pobos que salpican de vermello e branco os mosaicos esmeraldas dos vales do Coura, Vez e Lima, atrapados entre montañas azuis que se confunden co horizonte, incluso podemos ver un pequeno anaco de océano, máis ala da desembocadura dos ríos.

Antes de abandonar esta atalaia privilexiada contaxiamos cada quen o seu cumio: eu unha fisura de granito pola que intento corretear como lagarto das silveiras, e a Criatura o vértice xeodésico onde improvisa unha homenaxe ó seu señor Satán, facéndolle sombra á caseta forestal onde ninguén vixía. Tan entusiasmados estamos con estas fazañas que non tomamos as precaucións pertinentes e rematamos descendendo por unha carballeira, onde os ciclopes diseminaron enormes bloques pétreos vestidos con densas capas de brión e couselos. Podería ser este o escenario dos ritos pagáns ós que sempre alude o meu amigo, pero a min preocúpame máis atopar novos sinais que nos leven na dirección correcta.

Desembocamos nun camiño e nos afastamos, para probar fortuna cada quen nun sentido, e despois de continuar por unha senda fraqueada por esveltos bidueiros atopo as marcas vermellas e amarelas que confirman o itinerario, reunímonos e saímos ó Alto do Espinheiro, por onde xa están impresas as miñas pegadas de días pretéritos.

Agora podemos admirar a paisaxe das serras da Penda e do Paradanta, e na aba do monte que atravesamos, a aldea de Travassos, coas súas casiñas minúsculas como un oasis de humanidade entre os grandes espacios naturais. E fronte a nós unha densa extensión de coníferas, onde xa non diferencio entre piñeiros, cedros ou abetos, porque a estas alturas con tanta lección de botánica case non podo distinguir máis que distintos matices de verde, aínda que o meu acompañante se empeñe en incrementar as miñas poucas nocións forestais.

Tras un abrupto descenso cruzamos unha pista por onde discorre tamén, en outra dirección, o trillo dos miradouros, onde atopamos a primeira presencia humana en toda a nosa travesía: dúas matronas courenses de idade indefinida, entre os trinta e os cen anos, que nos miran con desconfianza. Así que internámonos na espesura da fraga para acadar a casa forestal da Atalaia, que para a miña sorpresa se atopa en fase de reconstrucción, e digo para a miña sorpresa porque non fai nin un mes que pasei por este mesmo punto e fotografei as súas ruínas.

Neste tramo atopamos pequenos ribeiros, cantando no seu encontro cás pedras, e toda esta humidade favorece, máis aínda, a explosión das especies nobres, que nos acompañan ata acadar o Châ de Mouro, onde aparecen os primeiros pastos que, pouco a pouco recuperan terreo ós bosques. Esto anúncianos que chegamos ó pobo de Tumio, de onde partimos e, en efecto, así é, aínda que tardaramos unha hora menos do previsto no pequeno mapa polo que nos guiamos.

Abandonamos así este espacio que desde tempos remotos xogou un papel fundamental, servindo de territorio de culto, de defensa, de pasto e de abrigo, satisfeitos con aproveitar o derradeiro día da semana que, para min, tamén é o ultimo de vacacións. E para celebralo facemos unha parada ás beiras do río Coura, xusto onde se celebra o festival. O lugar elixido é perfecto para por un broche final a nosa aventura, cunha terraza que mira cara a liña azul que se abre entre o prado e o bosque, e nin tan sequera a chuvia, que apetece finalmente, impídenos brindar por esta tarde perfeita
.

E25 Trilho dos Canhos de Agua (Viana do Castelo)

Xoves, 5 de abril de 2007

Amañezo, un día máis, nunha cama estraña, confundíndose peles e suores que se antollan propios, como se o meu corpo fabricase un semellante nos territorios dos soños. Afortunadamente non é así, e quen está ó meu carón, ou para ser máis exacto, pegado ós meus osos, é unha desas criaturas pola que paga a pega sorrirlle a unha nova mañá: un anxo. Entendo que esto é o insólito, e que dentro duns días esvaecerá o espellismo, e volverei tecer teas de araña para atrapar ós fantasmas que habitan os pregues das miñas sábenas pero, mentres tanto, déixome arrastrar polos afectos, e por outros desexos que non vou detallar nestas páxinas.

Tralas enormes fiestras deste castelo, que o noso bo amigo Xurxo tivo a ben cedernos en usufructo mentres esgota os seus derradeiros días na península itálica, o ceo e o océano se mesturan: tal é a intensidade dos vernices velvias que os deuses verteron tralos asteleiros, onde as grúas desafían as alturas, inmóbiles, orgullosas, como mudos xendarmes dunha cidade onde a vida detívose co comenzo das festividades.

Aínda que sempre hai quen semella non descansar, a quen o entusiasmo lle fai brincar da cama, para volver encher a mochila de pegadas coas que sementar as fértiles terras da nación veciña. Si, Ramón contáxianos as súas ganas, e tras unha breve deliberación decidimos que fai un día perfecto para compartir aficións, e así iniciar na vida sendeirista a A., aínda que careza de equipamento básico para sortear os camiños que levo tatuados, confundíndose cos surcos carnosos dos nosos pés.

Recollemos o noso madrugador amigo e a súa compañeira, Yuka, que pese os seus rasgos orientais é de costumes palentinas como averiguaremos máis tarde e ímonos no curioso formato de cuarteto, ¿canto fai que non salo así ó monte?, cara ese santuario da ortodoxia que ten nome de sinal de tráfico, onde a nosa sección feminina comulga por primeira vez co cáliz sagrado do arroz malandro, regado, como debe ser, cunha boa botella de Terras do Rei.

Unha vez consumado este bautizo, e despois dunha sobremesa insólita onde Yuka si que marca unha diferencia (é a primeira vez que alguén pide un xeado pola cor do sombreiro), saímos á rúa coa tranquilidade de non deixar ningún can no maleteiro, porque o sol segue a golpear o seu lóstrego de lume.

Chegamos a Viana do Castelo con cara de turistas satisfeitos, ou máis ben cos estómagos de turistas agradecidos, porque a malandrina comeza a diluírse nas nosas veas, tensando os nosos músculos para sortear os quilómetros que conformarán o noso itinerario. Á sombra de Santa Luzia, ese xigante pétreo con ansias de escoitar o murmullo das augas do Sena, agochándonos parte da desembocadura do Lima, está o panel indicativo do sendeiro elixido para dar a benvida as nosas compañeiras: o Trilho dos Canos de Agua.

Como tampouco imos sobrados de tempo, porque nos demoramos de máis no xantar, poñémonos en marcha de seguida, despois duns breves estiramentos e das fotografías de rigor nas escalinatas do recinto sagrado. A seguir abandonamos o firme asfaltado para internarnos no bosque de eucaliptos e acacias que descende abruptamente pola aba do monte, enfrontando a vista dun océano maxestoso que lambe os derradeiros pastos do continente.

Aquí e onde se pon a proba as solas de A., que aínda non coñece as vantaxes do Gore-tex, Vibram o Boreal, dito todo esto sen ningún ánimo de publicidade, e se defende como pode do terreo adverso que, de tódolos xeitos, se amabiliza cando chegamos ós Arcos de Fincâo, onde enlazamos co acueducto polo que trascurre boa parte da nosa ruta.

Despois de admirar estes enxeños arquitectónicos subímonos ós canos de agua, polos que temos constancia de que sigue avanzando o líquido elemento, e comezamos a gañar os metros que perdemos no descenso, aínda que a poucos, porque o camiño de pedra sortea os desniveis do monte, onde nos cobixa a silueta dos piñeiros, suavemente.

Esto non é óbice para que as derradeiras rampas do corazón galope, e que o peso do inxerido no Stop ralentice os nosos pasos, sobre todo os meus, que sempre me deteño coa escusa da afición fotográfica para buscar un respiro. Inclúo son quen de atravesar un dos viaductos polo seu estreito arco, para evitar os metros adicionais que supoñen pasar por debaixo, como fan o resto dos meus compañeiros.

A curiosa levada pola que trascurre esta primeira parte do sendeiro desaparece nun túnel enrexado onde nos facemos unhas postais carcelarias, e nese punto decido investigar a quenda de agua, que non atopei na anterior ocasión, fai pouco máis dun mes. O que descubro me rentabiliza a repetición, unha sucesión de pequenas fervenzas, que remata nunha poza de fondo esmeralda.

Xa non son quen de provocar a ninguén para que se mergulle comigo nas augas cristalinas, nin tan sequera logro espertar a curiosidade dos meus acompañantes coa narración dos lugares máxicos que descubrín, así que renuncio ó baño e a iniciar unha nova tradición que, véndoa ben, sería recuperar antigos ritos, cando era outro o corpo que me cobixaba.

Camiñamos enfrontados á Serra de Santa Lucía, onde se moven preguiceiras as aspas dos muíños de vento que, como ben dixo o mestre, non moen nada, e deberíamos referirnos a eles como o que son: xeradores eólicos. Abandonamos os canos de agua que nos trouxeran ata aquí, por unha pista de terra que discorre polo Alto da Pena, e disfrutamos das postais que nos ofrece esta magnifica atalaia, gravándoas na nosa retina y no noso arquivo dixital.

Síntome un pouco orgulloso de ofrecerlle estes momentos ó meu anxo, que non se queixou nin un momento da ascensión, é máis, estivo en cabeza máis tempo que eu, que se supón son o guía da expedición.

Despois dun breve traxecto por esta paraxe, desembocamos nun firme alcatroado, que nos leva ó lugar de San Mamede, na freguesía de Aredos, onde nos recibe unha pequena capela para que, á súa sombra, podamos recuperarnos un pouco dos metros que gañamos, tanto en distancia como en altura. Volvo repetir as fotografías do mes pasado, intentando perfeccionalas, máis que nada porque hoxe non teño a ninguén que me proteste por esta manía coa que entorpezo e ralentizo a marcha.

Discurrindo entre as casas señoriais deste núcleo rural constato a boa marcha das obras do seu enclave orixinal, Aldea Velha, que con este ritmo terá que mudar, necesariamente, de nome. Aínda que a máis impoñente das construccións siga habitada por madreselvas, enredadeiras e liques. Nesta casa magnifica, aínda co ceo por teito e cos ocos das súas portas e fiestras desertos, e polo tamaño da súa cheminea e a cantidade das súas alacenas nos preguntamos como sería a vida aquí, cando moraban nela os seus donos.

Abandonamos o lugar pola estrada que ascende, outra vez, cara o monte: é sen dubida o tramo menos agradecido, pero o compensan as vistas sobre o que deixamos atrás.

Outra vez a novata do grupo nos adianta, para constatar que botas non terá, como nos, pero pernas si: dúas, e bonitas por certo.

Agrupámonos cando entramos na Bouça do Frade, unha fraga de piñeiros e eucaliptos por onde cesa o ascenso. Moito mais non se pode chegar, xa que atopamos un vértice xeodésico que confirma que acadamos o Alto do Frade, un magnifico balcón ó entorno de Viana do Castelo, e a desembocadura do río Lima, e máis dende o alto da Casa do Radar ou Casa dos Aviôes, unha obra inacabada que pretendía instalar unha estación de control aéreo durante a segunda guerra mundial.

Dende aquí observamos a distancia que nos afasta da basílica de Santa Luzia, e a masa boscosa que temos que atravesar. Nela internámonos, camiñando por unha calzada empedrada entre unha densa plantación de acacias, comezando un descenso leve, ata atopar outra vez unha estrada onde nos detemos a observar un curioso vehículo deses que só se poden atopar a este lado da fronteira. Aquí é onde se lle ve o oficio ó bo de Ramón, xa que insiste en que fotografía os baixos do enorme camión que xa ten tempo para descansar nun museo.

Abandoamos o firme asfaltado e camiñamos os últimos quilómetros de monte ata chegar a un pequeno campamento indio, que descubrín no meu anterior periplo por estes lugares: un par de construcción de fortuna, con ramas e follas, comas que facíamos nos campamentos de verán nos anos sesenta.

Completamos o sendeiro pola Carreira do Tiro, onde se atopa un pequeno cuartel onde, en contra do que cabería esperar, non apreciamos ningunha actividade militar. Cando chegamos ós románticos xardíns de Santa Luzia non podemos evitar quitarnos as típicas fotos de lembranza, como faría calquera parella. E apuramos o paso porque o estómago xa demanda a merenda. Fixémola en Caminha, e despois aínda ceamos en Tui.

E24 Trilho dos Miliarios (Paredes de Coura)



Descripción do percurso e mapa

Domingo, 18 de marzo de 2007

Certeiras na búsquea da dor, un millón de diminutas agullas se instalaron nos puntos máis sensible do meu cerebro, e os gritos do espertador se me antollan insoportables, como se fosen os tambores dunha guerra que perdese de antemán. O síndrome da soltaría dominical, máis coñecido co vulgar nome de resaca, amañece no meu corpo, froito de entregarme ós encantos dese líquido negro e espeso que temos como bebida nacional: o licor café. Tamén as gaitas do fúrancho de Matamá –arroupadas polos máis variados instrumentos de percusión: latas de aceite, botellas de anís, tamboriles, cunchas e pandeiretas- onde celebramos na véspera o cumpleanos de Petete, parecen contribuír a este espertar, no que busco con urxencia un analxésico e medio litro de auga.

Con estes antecedentes é fácil caer na tentación de envolverse nas sábenas, despois de baleirar a vexiga, e comprobar que o que expulso é un veleno escuro e denso, e que as miñas pernas volveron a envellecer outros dez anos nunha noite, polo que me desplomo baixo as miradas indulxentes de Bianca e Sierra, que me susurran unha nana, e me arroupan para que espere a que o barbitúrico faga o seu efecto e venza a cefalea que se instalou na miña cabeza. Só quero descansar dez minutos máis, consciente das miñas obrigas, para amortiguar o tránsito entre as pantasmas que xeraron os vapores etílicos e os que me agardan na rúa, agochadas nas esquinas para que pague o que me corresponde polos meus crimes.

O resultado de todas estas sumas é bastante previsible: quedo profundamente durmido e me espertan os pitidos estridentes da telefonía móbil, anunciándome que xa teño ós meus fieis impacientes no punto de reunión habitual, co que teño que improvisar un triple salto mortal antes de tropezar coa alfombra e estrelarme contra o deshumificador que, a xeito de protesta, cuspe ós meus pes. Non me queda tempo nin para maldecir, só para encher a mochila con algo de roupa de reposto e cubrirme as vergoñas cos trapos arrogados que atopo sobre a cadeira, que aínda cheiran a furancho.

Baixo un sol primaveral me reciben, cos esperados reproches por renderme ós brazos de Morfeo, algúns incondicionais: Zalo (a pesar de que só se nos una ó xantar), Nacho, Montse e Isabel (aínda que a Brujita manteña as súas reservas con esta indisciplinada tropa), ós que temos que sumar a Ramón, que pese ó incidente da cadela decidiu repetir nestas citas gastronómico deportivas.

Pecho os ollos durante o traxecto que nos separa do noso restaurante favorito, para evitar máis comentarios desfavorables á miña conduta desordenada, e así ganarlle uns minutos ó sono que se acumula nas pálpebras, coas súas pesadas teas de araña. No meu estómago xa non queda rastros do cocido da noite anterior, e a malandremia acada niveis altísimos, así que non vexo escusa para comulgar con entusiasmo, e recompoñer un chisco as febles estructuras que me manteñen. Non como Tesorito, que se empeña na insurrección, aproveitando que non son quen de impoñer a pouca autoridade que puidera ter, aínda que non deixo de sinalar as consecuencias funestas que podería traer a súa actitude rebelde.

Grazas ós efectos balsámicos da cociña do Stop esvaecen as dores, aínda que intúo que a xornada non vai ser de todo afortunada, xa que me esquezo os mapas en casa e so temos medianamente claro o punto de partida. Así que nos despedimos do Caudillo, que vaise camiño dunha sesta de pixama e penico, e poñemos rumbo ás terras do Coura, para insistir na súa xeografía, e na súa extensa rede municipal de percursos pedestres.

O trilho dos miliarios iniciase na maxestosa igrexa de Cossourado, situado na freguesía do mesmo nome, cun sol que se estrela contra as cápsulas de plástico dos viveiros que ocupan os terreos continuos ó recinto sagrado. Antes de comezar utilizamos as escaleiras da casa rectoral para os nosos estiramentos e, como soe ocorrer nesta congregación de eivados, ó que non lle chiscan os xeonllos, lle berra a cadeira. A pesares destas queixas dos nosos esqueletos, e dándolle as costas ó cemiterio, acometemos o ascenso do outeiro onde se asenta, encaramado o punto máis alto do noso itinerario, o Forte da Cidade.

Este punto constiue unha parada obrigatoria, non só polo seu valor paisaxístico, xa que é unha atalaia privilexiada do val, dende os 376 metros que sinala o seu vértice xeodésico, senón tamén polo seu indiscutible valor arqueolóxico. Nesta cima atópanse vestixios dun poboado que testemuña a presencia da cultura castrexa do noroeste peninsular, en forma de muros circulares o cadrados sobre os que levantaban vivendas, graneiros e cortes, e incluso un par destas construcións están reconstruídas para que nos fagamos unha idea do aspecto orixinal deste conxunto. Polos paneis informativos nos enteramos que se trata dun poboado fortificado datado na idade de ferro, que podo ser abandonado antes da romanización, e que recibe o nome de Cividade de Cossourado.

En canto abandonamos o poboado prerrománico empezamos a ter as primeiras dificultades, xa que non atopamos máis marcas cas que vimos na ascensión, polo que nos internamos no único camiño que atopamos, difuminados entre os cascallos dunha tala masiva de piñeiros (que Ramón moi habilmente achaca á insistencia de Zalo en pedir palitos despois do xantar), mentres Tesorito continúa polo cumio buscando os prezados sinais. Como avanzamos un bo treito e desaparece o estreito e incerto sendeiro, e o noso compañeiro dende as alturas tampouco atopa o rastro, decidimos volver sobre os nosos pasos, cos comentarios sarcásticos de Isabel, desafiando unha vez máis o criterio deste cronista.

Preto da igrexa onde iniciamos a ascensión cara o castro, atopamos a continuación da pista forestal que recorre a aba do Monte da Sé, e nela os sinais do trilho, así que nos reagrupamos e avanzamos confiados en avanzar sen máis contratempos: pero non. Non tardamos moito en atopar novos cruces e cando volvemos atopar a dirección correcta, descendendo por un camiño pedregoso e polvorento, volven sucederse as opcións e a ter que separarnos na búsquea.

Nesta ocasión é infructuosa, e guiámonos so por un instinto: o meu, camiñando por unha pista que bordea un outeiro pelado, ós seus pes monte, pobos e val. O astro rei, como un monarca despótico e cruel, azóutanos coa súa lingua de lume, e fainos fraquear o ánimo, polo que en máis dunha ocasión plantexamonos si non será mellor retirarnos a tempo, para conseguir unha victoria. Aínda así decidimos continuar por unha ampla pista durante un centenar de metros, hasta que en outro dos desvíos atopamos unha indicación do sendeiro, en sentido descendente, e aliviados nos internamos nel, avistando as primeiras casas do pequeno núcleo rural de Souto, onde entramos co peito sudoroso e nu os mais desvergoñados do pequeno continxente de camiñantes cegos.

Tampouco aquí nos sorrí a sorte, xa que atopamos un deses establecementos onde poder saciala sede a cambio dunha moedas, o sexa: un bar, pero pechado a cal e canto, que é o mesmo que non atopalo. Así que temos que continuar coa sede intacta, atravesando un pobo onde as casas habitadas son unha mostra gráfica do feísmo, e as construcción abandonadas, coas paredes devoradas pola maleza, unha postal de certo encanto do gusto da arquitectura popular do século pasado.

Atravesamos o lugar de Castanhal, por unha serpenteante liña asfaltada, observando a fertilidade desta terra na que se alternan os campos de labranza e de pasto, onde pacíficas vacas barrosâs mordisquean un puzzle de infinitos tons verdes, e tamén un enorme edificio señorial, cara onde nos diriximos. No traxecto Isabel fai amizade cun seareiro, polemizando sobre si é máis bonita a paisaxe da costa ou do interior; o home non lle atopa demasiada beleza a este territorio onde naceu, onde transcorren e finalizarán, de seguro, os seus días.

Estes pequenos agrupamentos humanos forman parte do lugar de Antas, pertencente á freguesía de Rubiâes, onde se alza o edificio que viramos ó lonxe: a Casa Grande, unha impoñente quinta en ruínas que debeu levarse boa parte do patrimonio do home que a soñou. Nós tamén soñamos ó recorrer á sombra dos seus muros, por onde trenzan distintos tipos de enredadeiras, un vestido vexetal que ameaza con devorar as súas descoloridas formas, e durante un tempo indefinido concluímos que pagou a pena erguerse da cama para vir ata aquí.

Fronte a esta construcción impoñente atopase outra máis modesta, pero bastante curiosa, unha pequena ermida, onde podemos apreciar vestixios da presencia romana, xa que o seu frontal descansa sobre dous miliarios, os que lle dan o nome á ruta. Os marcos miliarios, dos que tamén hai mostras a ambos lados da estrada, indicaban as millas romanas da vía militar dezanove, do itinerario de Antonino.

Despois de fotografar dende tódolos ángulos posibles estas mostras de arte, atravesamos o pobo seguindo os sinais, que nos acercan ó río Coura, onde se perden. Andamos cara adiante, cara atrás, cara a esquerda e a dereita, coa mesma sorte: ningunha. Así que despois de atravesar campos, montes e camiños, volvemos á ermida, onde intentamos indagar a boa dirección. Cando o conseguimos é demasiado tarde, e so nos queda emprender o retorno.

Bordeamos outra vez a montaña, co Coura ós nosos pés, ata chegar a Nogueira, onde mudamos terra por asfalto, no derradeiro tramo do noso periplo. Teremos que volver a insistir neste sendeiro, cando non nos traicione a noite.

E23 Trilho Châ da Burra (Paredes de Coura)



Domingo, 11 de marzo de 2007

De tanto insistir en que os domingos se impón un reconto de cadáveres, e que o último día da seman mata a máis xente que as bombas, algún día tiñamos que ter un desgusto, só para confirmar que non se pode cuspir contra o vento, ou sexa: que as veces estaría mellor calado, en vez de berrar continuamente alertando da chegada do lobo.
Fai un par de días recibín o primeiro sinal, cando fixen un comentario pouco afortunado sobre esa bendita costume matrimonial de quedarse ancorado ó sofá os sábados pola noite, refuxiándose dos vicios que ofrece a noite metropolitana, e o meu interlocutor me sorprendeu confesándome, entre os acordes salvaxes do Tokío Sex Destrution, que si non estaba entregado ó abrigo dos raios catódicos mentres abrazaba a súa parenta era porque esta falecera sete meses atrás.
O certo é que non había nada especial nas previsións meteorolóxicas, nin na convocatoria, nin nas condicións que reunía a mañan. Erguinme lixeiramente resacoso, ou sexa, mastigando teas de araña e todo eso, víctima dos efectos secundarios do concerto de Sex Museum, con un pitido inconfundible nos oídos por estar demasiado preto dos altofalantes, e coa gorxa chea de area por celebrar con demasiado entusiasmo a finalización da caixa de antibióticos.
Tralos vidros da miña fiestra o ceo anunciaba outra vez os efectos do cambio climático, confundindo novamente as estacións e chamando ós adoradores do sol a deitarse nos areais da costa. Con esto era previsible que, aparte de Zalo e de Ramón, que confirmaran a súa asistencia na véspera, non fora a sumársenos ninguén, así que metín catro cousas na mochila: gafas de sol, camiseta de reposto, libro de rutas e carteira, fixen apresuradamente a cama e saín ó encontro de Ramón, que confundira a hora e xa estaba no Concheiro.
Cando xa estaba na rúa, sentindo a lingua de lume coa que o Lourenzo estaba varrendo o asfalto, recibín a chamada de Cristina, dende as terras do Condado, para ver si finalmente mantiñamos a convocatoria e se podía sumar, así que despois de fixar o onde e cando, preguntoume se tiña inconvinte en que viñera un camiñante máis, en este caso de catro patas: a súa cadela Tea, nomeada como o río que levo debuxado, como unha vea máis, debaixo do peito. So preguntei, inxenuo de min, se era un animal montañeiro, e si ía aguantar as horas que tiñamos previsto no noso itinerario, e cando respondeu afirmativamente non vin ningún impedimento, así que quedaron recrutadas as dúas para engadirse ó noso grupo.
Aínda tivemos tempo de inxectarnos un pouco dese líquido negro e cálido co que enfrontamos os solitarios as mañas, mentres non chegaba a hora convida con Zalo, e cando as agullas do reloxo marcaron o momento exacto partimos os tres rumbo á primeira escala, precisa para ingresar no territorio con alma, dese viaxe repetido nos últimos seis meses.

Si, xa sei que sempre me estendo nestes prolegómenos, pero é preciso indicar que cando aparcamos ó abrigo do sinal de tráfico hexagonal, o astro rei estendía os seus dominios como unha monarquía absoluta: con crueldade, e agradecemos a sombra do comedor, que aínda estaba case deserto, onde nos distinguimos á comunión da nosa poción máxica, o arroz malandro. Bo, non todos, xa que Tea, que xa viña comida de casa, quedouse a sestear no coche da súa dona mestras ela, entre bocado e bocado, sometía ó terceiro grao pertencente ó novo integrante deste grupo atípico.
A todo esto tivemos que sumarlle que, por ser o segundo domingo do mes, había fería en San Pedro da Torre e o tráfico non era todo o fluído que desexabamos, dato este que temos que ter en conta para posteriores convocatorias, e tamén que aínda tivemos que preguntar un par de veces para acadar a Capela Quinta da Cruz, no lugar de Arestim, onde se inicia o trilho, así que cando finalmente pudimos aparcar o vehículo, a carón do recinto sagrado, xa consumiramos un tempo precioso para afrontar todas as incidencias que viñeron a continuación.
Para poñerlle unha guinda ó pastel, en pleno proceso de estiramentos, sorprendeunos unha seareira por si a nosa presenta tiña que ver co sendeiro sinalizado e ó contestarlle afirmativamente, advertiunos de que había tramos onde as marcas desapareceran polo efecto do lume, da reforma das calzadas ou baixo a maleza, e que outros antes que nos lles comentaran a dificultade de atopar a dirección a tomar, co que tampouco nos deu moitos ánimos para emprender con ben a nosa marcha.
Aínda con todos estes preámbulos saímos confiados do recinto relixioso, na dirección que nos marcaba o inicio do sendeiro, cruzando este pequeno núcleo rural da freguesía de Linhares, denominado así pola existencia de campos de liño que, en outros tempos, se cultivaba en case todo o val do Coura. Camiñamos entre casas e espigueiros dispersos baixo un sol ausente de nubes, e xa dende o principio nos costa atopar as marcas vermellas e amarelas que nos guíen, ata que atopamos a unha vella, confundida súa sombra debido ó loito que a cobre dos pes á cabeza, e Zalo emprende unha interrogación en lingua vernácula con ela preguntando pola Châ da Burra, que é o monte que temos sobre nós.
Tampouco era a primeira vez que dubidabamos, e aínda así sempre hai unha terceira, porque subimos un pequeno tramo ascendente por unha pista que ía entre piñeirais, e ante a ausencia de pistas volvemos sobre os nosos pasos, para atopar outra vez a vella, esta vez acompañada do seu neto, que non entende moi ben que carallo facemos monte arriba, monte abaixo.
Previa consulta ó mapa que temos da zona, resolvemos coller outro camiño, e este, irmáns meus, si que resultou ser o verdadeiro, e animados por atopar, como si se tratase de ovellas descarriladas que volven ó redil, un sentido ós nosos pasos, e pola sombra que proxectan as copas das árbores, empezamos a descontar metros con bo ánimo. Mentres, facemos un reconto de doenzas, como montañeiros veteranos que somos, e sobre os tratamentos ós distintos tipos de lesións musculares, nos internamos nun pequeno val por onde ás veces vemos, cen metros máis abaixo, a silueta escurridiza do río Coura.
Camiñamos para montante, ou sexa, cara o nacemento do río, contornando a masa boscosa do monte do Castro de Bruzendes, ata que as indicacións nos levan a darlle as costas ó Coura e comezamos a ascender, mudando os piñeiros polos eucaliptos.
Facía unha temperatura atípica para a época do ano na que estabamos e empezamos a encher a camisa cos primeiros suores, e ata Tea, que era a única que non levaba mochila, parecía que lle custaba avanzar polo tramo forestal, e así, en canto vimos as primeiras casas do lugar chamado Entre o Eido, empezamos a fantasiar cunha cervexa ben fresquiña, como si viñeramos dunha travesía polo deserto. Aquí volvemos á vella polémica de si son moitos ou poucos os bares, cando, dende logo, sempre son obrigatorios cando hai necesidade, e neste caso a había, que nin a visión das imaxes bucólicas e pastorís dos prados eran quen de apaciguarnos.
Cruzamos a estrada nacional 303 pola que se acede a Paredes de Coura, e seguimos sen ver ningún establecemento público onde satisfacer as nosas ansias, polo que tivemos que abandonar o pobo coa sede intacta, por un firme empedrado, e ademais tivemos que sortear as augas do Regueiro de Borzendes, que atravesa os verdes campos en múltiples venas azuis, e que incluso anegan unha parte do noso camiño.
Atravesamos varias veces a mesma senda fluvial, alertados ante a ausencia de indicacións, xa que ó rematar este tramo as opcións non son moi claras: á esquerda, poñendo fin a continuidade das fértiles chairas esmeraldas hai unha muralla de maleza, imposible de franquear; de fronte é menos hostil o terreo pero igual de incerto; e cara arriba parte un sendeiro cara ó cumio do monte, cando o noso perfil orográfico indícanos que non debemos seguir subindo.
Mentres, partimos en tres direccións: Ramón cara a esquerda, Zalo cara arriba e eu ó fronte, para buscar os sinais do trilho. Cristina aproveita para bañar a Tea e aliviala dos rigores deste sol de agosto. Como Zalo é o único que non volve decidimos seguilo, xa que nós non atopamos vestixios que nos confirmen a dirección, pero cando empezamos a gañar os primeiros metros do ascenso ocorre a traxedia.
Eses momentos que marcan o antes e o despois, a diferencia entre o normal e o insólito, entre pasar unha tarde de tantas no monte a sufrir unha desas experiencias que, como nos sinalarían máis tarde, pode supoñer que alguén non só non queira volver a este territorio con alma, senón que incluso pense en abandonar a península.
A pesar de que o desnivel non é tan pronunciado como para elo, a cadela negouse a continuar o camiño cara arriba e Cristina, que coñece os costumes da súa compañeira cuadrúpeda, nos indica que seguramente ten medo porque cheirou a un lobo. Pode ser, non lle vamos a quitar a rarzón, pero o certo é que comezou a tremer dunha forma compulsiva e ó pouco caeu fulminada ó chan, estirando, literalmente, a pata.
Estirou as catro patas, e a súa dona pregounos que lle fixesemos unha masaxe cardíaco e a respiración artificial, como se fosemos un equipo de emerxencia. Si houbese sido unha persoa a que se desplomase dese xeito, seguramente reaccionaria igual: estaba flipando tanto coa chegada da morte deste modo súpeto que non se me ocorría que puidese facer algo semellante ó boca a boca, e nin agora me imaxino intentando reanimar a ninguén, e menos a unha cadela.
O certo é que tanto Ramón coma eu asistimos impotentes á morte de Tea, que despois de quedarse ríxida ladeou a cabeza, coa lingua colgándolle como un trapo, e deixou de respirar, mentres Cris berraba demandándonos unha axuda que, a todas luces, non lle íamos ofrecer. Si, asistimos ó falecemento do pobre animal, mentres a cada un se lle pasaban distintas cousas pola cabeza, as cales darían para escribir varios folios.
Pero tamén asistimos á súa resurrección, porque non debeu ser do seu gusto o que viu ó final do túnel, e volveu a este mundo, quizais pensando en non insistir nestas saídas dominicais e en ter máis sorte a próxima vez e quedarse custodiando a casa cunha boa provisión de osos.
Como empezaba a normalizarse a situación, resolvín buscar a Zalo, que desaparecera cara o cumio da Madorra, para pólo ó corrente do asunto e tomar algunhas decisións ó respecto. Cando nos volvemos agrupar, a cadela xa daba sinais de recuperación, aínda co medo metido no corpo, e en menos de dez minutos xa camiñaba diante nosa, por un estreito pasillo entre a maleza, na dirección que eu descartara.
Esta incerta senda desemboca nun firme asfaltado, entre pastos e cultivos, onde atopamos as marcas do trilho, que nos levan ó lugar de Linhares de Cima. Ó noso paso, para esquecer os malos tragos que pasamos, atopamos unha fonte labrada en pedra, onde refrescamos a area das nosas gorxas, e observamos un curioso forno comunal, bastante rudimentario, tanto como a sinalización que impide que nos pase desapercibido. Neste pequeno núcleo rural hai varias construccións solarengas, entre as que destaca a Casa da Areira, pola solidez e beleza dos seus muros e polo coidado dos seus xardíns.
Cando deixamos atrás esta aldea, introducímonos nunha agrupación de eucaliptos por unha pista forestal, e pouco a pouco desaparecen para camiñar por un dos tramos máis áridos do itinerario, que no noso exiguo mapa recibe o nome de Descampado. Menos mal que Tea parece recuperada, porque o sol aínda pega con forza e non hai demasiadas sombras onde protexernos, aínda que sempre hai quen lle atopa atractivo a este deserto para facer unha parada de picoteo, onde compartir unha onza de chocolate, unha peza de froita e un pouco de auga.
Sorteando este tramo realmente pouco agradable entramos no pobo de Sobreira, onde atopamos as marcas borradas por algún seareiro, e volvemos a cruzar a estrada nacional 303 pescudando novos indicios do camiño. Non atopamos ren pero si un deses establecementos onde podemos refrescarnos cunha cervexas da marca Cristal, descoñecida para mín.
Ás portas do bar esmorece un desgastado matraquilho, que é como denominan aquí a ese invento galego que nos décimos fubolín, e a xente que alí se atopa compite por indicarnos a dirección de Pecene, na freguesía de Cossourado, a nosa próxima etapa.
Non estamos moi lonxe, pero cando chegamos non somos quen de atopar a ermida da Senhora de Alivio, entre o feixe de edificacións diversas que compoñen a aldea, aínda que si atopamos novos sinais do trilho, xunto con outros que marcan a coincidencia deste tramos co Camiño Portugués a Compostela. ¡Por aquí os santiagos, por alí os romanos! Sinálanos unha muller con tódalas trazas da demencia, que insiste en perseguirnos ata que abandonamos o lugar.
O facemos por unha calzada empedrada que en tramos está en período de recuperación, seguramente para asegurar a ruta que se dirixe á capital galega, atravesando primeiro unha zona de pastos onde pacen ovellas e cabalos, e despois outra salpicada de fragas e prados chamada Chá das Foijoeiras.
O derradeiro tramo o facemos camiñando pola aldea de Volência, onde se alzan casas solarengas e enormes árbores de especies nobres onde se poderían construír varias cabanas desas que todos fixemos de nenos e, precisamente, mentres completamos o noso círculo polos últimos metros de firme asfaltado, falamos precisamente deso: de casas.
Alugueres, hipotecas, e diferentes xeitos de cobixarse entre catro paredes, sos ou acompañados, tema extenso que incluso nos da para esquecernos dos malos momentos vividos no camiño, e que continuamos unha vez no coche, de regreso ós nosos respectivos acubillos.
Como traca final, a pesar de que outra vez a feira nos fai perder un tempo precioso, sobre todo para min que teño que traballar de noite, nos detemos preto do Stop, para un café con leite e un biscoito con noces certamente repoñedor. Mentres ollamos as rutas que nos quedan por facer no territorio courense: o próximo domingo prometemos volver.

E22 Sendeiro da Fraga dos Muíños de Rodas (Vigo)



Coruxo, 4 de marzo de 2007

Xa había tempo que soñaba con aqueles carballos cubertos de musgo verde intenso, coa escorrentía da auga cantadeira nas fervenzas de espuma branca. A fraga húmida e verde de Coruxo, pobo da miña infancia e da miña mocidade.

Parece que esta vez si. Fixemos plans a noite anterior. Noite de teatro con Nuria e Xavi. Noite de tortilla e calamares para despedir a Ánxela, e de tós do meu amigo Anxo, como un agoiro da súa primeira ausencia dos pateos dominicais.

Probe criatura! El foi o creador deste invento que nos repón das inxustizas, dos agravios acumulados durante a semán, gracias ó contacto coa natureza como o consolo dunha nai acariñando os cabelos dun neno que chora.

O día amañeceu chuvioso. Non invitaba a poñe-las botas e tirar para o monte. Moito mellor quedaba na cama quente a durmir. Mais hai que vence-la preguiza para compartir camiño cos mellores amigos, Zalo, Xurxo e Isabel.

Funos recollendo polo camiño, como meu querido Roger, cando vai colleitalas mellores herbas alá polos montes de La Drome, onde el habita, para destila-los aromáticos aceites, esencias que curan tódolos males. Eiqui prendo lavanda, mais alá romeiro, alá un chisco de ourego.

Chegamos a Coruxo demasiado cedo. O Cenabar aínda estaba medio pechado. Miramos de improvisar un aperitivo no Bar do Porto, para Xurxo coñecido tamén polo Bar da Mona, pois en vellos tempos habitaba no lugar, ese animaliño preso por unha longa cadea.

Volvemos ó Cenabar pero agora estaba moito máis pechado. Uno pouco máis alá, na Costa da Pola, atópase o bar do mesmo nome. Rexentado por Pilarina, prima da miña nai, mais non por iso recibiríamos un trato de favor. A súa carta máis ben exigua, basease nos productos do mar. Peixiños, polbo, míllaras, empanada de bacallao, todo regado cun bo viño do condado.

Coruxo foi un pobo esencialmente mariñeiro, malia que as tradicións pesqueiras vanse esvaecendo afogadas na liña debuxada polo horizonte, entre as illas Sur e Norte das Cíes. O mar esquilmado e contaminado, ateigado de recheos do porto, xa non resulta rentabel. Sería marabilloso entón, aterrar toda a Ría, milleiros de metros cadrados para construír e especular. As illas Cíes serían montes e o porto sería exterior. Non sei como a ningún político local se lle ocorreu esta idea.

Noutrora, como dicía tío Juan, artesán, carpinteiro de ribeira, constructor da gamela coruxeira, embarcación autóctona que se estendeu pola praias da Ría, dende A Guarda ata Cangas do Morrazo, era unha marabilla ver, ó raiar o día, todas aquelas gamelas coas velas despregadas ó vento, cara as illas, nas pesqueiras de rapante, corbelo, xurelo, sardiña, lura, faneca... tres por tres, maragota e media. Ata que os motores fora borda borraron para sempre esa estampa mariñeira da nosa Ría.

O tío Juan, home enxoito e pequeno de estatura, fora barbeiro e curandeiro na guerra, no lado republicano. Aínda de vello conservaba aquelas artes de amañar un dedo, un pé escordado, unha man. Cecais non era comparable a outro afamado curandeiro da súa quinta, o señor Pichón, pero cando sendo eu un neno, a miña irmá rompeume o dedo atrapado entre o marco e a porta da cociña, foi quén de recoloca-los osos no seu sito e cunha meticulosa vendaxe, recompoñer aquela desfeita.

Aínda con 90 anos (o tío Juan durou case un século), a súa mente lúcida gardaba moreas de segredos dos veciños e mariñeiros de Coruxo. Os nosos avós, os nosos pais, utilizaron unha gamela construída polo tío Juan, para gaña-lo pan para os fillos. Quen sabe se o peixe frito é para el e moitos da súa xeración, o mellor manxar.

A camiñata comezou no Torreiro de Fragoselo. O ceo gris e desapracible, trocábase azul e calmo. Partimos cara os Petroglifos de Fragoselo, moi perto, a uns douscentos metros. Os petroglifos atópanse nun recinto pechado cun muro de pedra e unha verxa, seguramente construído coa intención de preservar e protexer o legado dos nosos ancestros, pero hoxe en día, descoidado e abandonado pola Concellalía de Patrimonio Histórico e mesmo pola comunidade de montes. Alí podemos ollar as harmoniosas formas de círculos concéntricos, arcos e outras figuras.

De seguido, descendemos por unha pista á esquerda que forma parte do Sendeiro Panorámico de Vigo, para abandonala axiña. Paseniño ímonos adentando no sombrío do souto, onde o musgo estendese como un interminable manto verde. Regueiros de auga manan de tódolos recunchos. Un carreiro estreito, pouco transitado, indícanos o itinerario seguindo o curso do río. Temos coidado de non esvarar na terra enchoupada, que se converte nun lameiro baixo os nosos pes.

Xurxo non deixa fuxir a primeira oportunidade de abrazarse ós primeiros carballos vellos, retorcidos e tapizados dun musgo fresco e húmido, e acaba cos pantalóns enchoupados como un neno que mexara por el ata os xeonllos.

Sorteamos regatos facendo equilibrios por riba das pedras esvaradías ata chegar a un balado de terra bastante vertical, onde íamos poñer a proba as nosas dotes escaladoras. Axiña escoitamos queixas de Isabel, como si con aqueles laios o monte se pregara para facilitarlle o ascenso do cume de pouco máis de catro metros. Foi entón cando Zalo sacou a relucir aquel famoso pensamento, “muller histérica é un pleonasmo”, nome adoitado logo para calificar os escritos e mamonadas do Club de Camiñantes.

Eiqui remata a primeira fraga. Seguimos camiño cruzando a estrada ó carón dun sinal de tráfico e chegamos á segunda fraga. O tronco seco dunha árbore coroado por unha perruca de musgo, dannos a benvida. Parece como no filme “O labirinto do fauno”, de súpeto, fora a cobrar vida.

Ó saír da fraga, remontamos á dereita pola ladeira dun prado e chegamos á chaira de Chandebrito e subimos ó outeiro onde unha preciosa panorámica de Coruxo, as Salinas do Lagares, Mauxo Grande, Monte Alba e Galiñeiro.

Descendemos do outeiro e collemos á dereita, pasando diante dun muíño de auga coa porta de chapa galvanizada, aínda en funcionamento. Seguidamente descendemos pola pista asfaltada entre as casas ata a estrada principal. Á dereita atopamos refuxio da forte sarabia no bar O Petróleo.

Ó pasar o chaparrón desandámo-los nosos pasos, para coller o primeiro desvío á dereita e encara o camiño que bordea a cara norte do Mauxo. Este itinerario lévanos de novo ó Torreiro de Fragoselo, ofrecéndonos unha preciosa panorámica da Ría de Vigo.

Como non podía ser doutro xeito, rematamos cunha caña e tortilla precociñada no bar Agacha a testa, cansos e suorosos, pero contentos. Entre nós, unha ollada de complicidade expresaba todo sen palabras.

Texto e fotos: Nacho Betanzos

Seguidores