E114 Ruta de A Cova (Santalla d’Oscos)

Venres, 10 de abril de 2009





Rompemos o silencio do albergue de Veiga do Carro cunha treboada matinal, sen dubida polos efectos secundarios das potaxes da véspera, mentres saltamos das liteiras con ganas de troula, cada quen espreguizándose dos derradeiros restos dos seus soños, e poñémonos os nosos disfraces de cebola, una capa tras outra, porque fora tamén parece que ameaza a tormenta, aínda que non sexa quen para botarnos para atrás e volver ó abrigo dos sacos.

A cociñeira magrebí xa está no comedor para nos dar o almorzo, e abre moito os ollos cando ve a velocidade con que Alex e Miguel devoran tostadas con manteiga e marmelada, e como toman unha e outra taza de café con leite. Eu sorrío, bebendo de penalti o colacao, despois de mollar unha tostadiña e dúas galletas, mentres busco novas xeografías, novos topónimos cos que encher as nosas historias, mentres van chegando outros hóspedes máis preguiceiros.

Saímos a enfrontar os rigores climatolóxicos, e baixo un miúdo pero persistente mollaparvos conducimos ata Santalla, onde mercamos pan como complemento ó queixo e ó embutido que levamos na mochila, e tamén auga mineral, xa que onte tivemos as tripas algo revoltas, e sospeitamos que foi por beber da fonte de Barreiras. Con estas provisións chegamos ó inicio do noso sendeiro, ou eso cremos, porque confundimos Ferreira con Ferreirela, aínda que grazas a esta confusión podemos escoitar a unha señora falándonos na cantareira lingua dos Oscos, que tanta ledicia nos da.

Unha vez desfeito o entorto chegamos ó pobo onde se inicia a Ruta da Cova, e aparcamos a carón do cartel que explica as características do recorrido, no que temos que salvar douscentos cincuenta metros de desnivel. Aproveitando que deixou de poallar comezamos a andaina, seguindo as marcas que nos levan cara o Río Agüeira, que cruzamos por una pequena ponte de pizarra tallada, e polo que se accede a unha área recreativa.

De seguida dámoslle as costas ó río e iniciamos un forte ascenso, onde atopamos a primeira sorpresa: un albar, nesta zona dinlle “cortín”, un recinto circular de pedras superpostas, dunha altura que pode acadar ata os tres metros, o que se accedía por medio dunha escaleira ou ben por unha estreita porta. Estas construcción están pensadas para impedir o paso dos osos cara as cólmenas, que se dispoñen no seu interior en filas sobre escadas de pedra.

O Miguel, que cargou as pilas a gusto no almorzo, sube pola carballeira arriba como un foguete de feira, seguido de preto polo Cachorro, mentres que eu utilizo a escusa das fotos para ir máis a modo, xa o di o refrán: “sube como un vello para chegar como un rapaz”. Inda subimos de carallo, ata que a paisaxe vai mudando nun espeso piñeiral que ocupa a parte alta do monte e chegamos a un sendeiro máis horizontal, que se interna no Canón do Agüeira. Dende aquí vemos, fronte a nós, o pobo de Ferreira, e un cento de metros máis abaixo a conca fluvial describindo fermosos meandros en medio dunha fraga exuberante.

Non se pode dicir que o sendeiro sexa monótono, pois a cada volta mudan os panoramas, e alternamos carballeiras e piñeirais con abundantes soutos de castiñeiros centenarios, mentres debuxamos unha liña que atravesa Pena Rubia, confundindo as nosas pegadas cas de outros camiñantes ocasionais, non tantos como para quitarlle maxia ó lugar, que tamén decidiron botarse ó monte a pesar de que a poalla, por veces, transfórmase nunha chuvia máis que insistente.

Tamén temos un par de tramos delicados, sendas pedreiras de pizarra e caliza que se desprendeu da montaña, formando un torrente pétreo no que debemos extremar as precaucións, xa que as pedras están bastante esvaradías e non temos ganas de mancarnos. Facéndolle un aire cara un balcón natural sobre o abismo que abre a conca fluvial o Miguel pega un esvarón e, pese a que é o único que leva bastóns, bate co cu contra a pedra, pero é forte este home para queixarse e deseguida ponse en pé e nos segue comandando.

Alternamos así mesmo as fragas con sendeiros aéreos, que non teñen nada que envexar a algunha desas rutas populares de Picos de Europa, co aliciente engadido de que todo o que vemos ó noso redor é natureza, nin unha soa construción, por cativa que sexa, se atopa dentro do Canón do Agüeira.

Como curiosidade, e a pesares de que a ruta este ubicada no concello de Santa Eulalia, un bo anaco, no que o río enchese cas augas dos seus tributarios, os regos de Casais, da Pena e da Coba, transcorre polo limítrofe concello de San Martín. E, despedíndonos do Canón, descendemos ata o poboado de Coba, xa no concello de Grandas de Salime, que incluso se atopa fora da comarca dos Oscos-Eo, por onde transcorre un cuarto deste sendeiro sinalizado como PR AS 153.

Na aldea atopamos outra alvariza, esta aínda cunha ducia de colmeas, e despois de pasar as catro casas que aínda están en pé, conectamos cunha pista forestal e dámoslle as costas o río, e tamén á chuvia, porque o sol logra un vitoria parcial sobre as nubes e mándanos os seus raios cálidos para nos secar. Dende aquí saímos a unha estrada dende onde temos un bo treito asfaltado, entre bosques de piñeiros abatidos polo furacán Gordon, unha desfeita que hai que estar aquí para vela e crela, algún deles non aplastou, de puro milagre, as casas do lugar de Penedo, e quedaron deitados nas paredes ou no teito.

Chegamos a unha zona de campos verdescentes, onde pacen vacas e cabalos, e de seguida vemos a cativa Igrexa de Santa María, no pobo de A Coba, e cara alí nos diriximos, pensando se non sería bo momento para dar conta das nosas provisións, xa que calculamos que debemos levar recorrido a metade da ruta. Pero eu insisto en camiñar un chisquiño máis, e despois de unha breve visita á aldea, que aínda conserva algunha casa de certo avoengo, avanzamos cara o Río Allonca, que ven dende a Galiza administrativa para sumar as súas augas ó Agüeira.

Uns metros antes de que se xunten os dous ríos decidimos facer o xantar, xusto na ponte que cruza o Allonca antes de que perda o nome. As madeiras aínda están secas, así que sentámonos nelas e procedemos a quitar queixo, xamón, chourizo e pan, pero antes de que comecemos ca pitanza empeza a chuviscar, primeiro a modiño e despois máis arreo, e vémonos obrigados a atopar refuxio nas ruínas dun muíño.

Cando remite o augaceiro seguimos a nosa marcha, buscando un lugar máis axeitado para xantar, e despois de pasar pola confluencia do Allonca e o Agüeira decidimos parar, outra vez ca bendición do sol, na ponte que cruza os cauces sumados. Damos boa conta dos víveres, e mentres o facemos decatámonos, dándolle outra volta máis ó mapa, que estamos a facer a ruta do revés, así que aínda nos queda o tramo máis duro, os trescentos cincuenta metros de desnivel que separan este punto de Nonide. Despois da paparota, e antes de que nos colla outra vez a chuvia, botámonos ó camiño, facendo equilibrios sobre a raia que divide as fronteiras das comunidades autónomas, e ós poucos o terreo vaise facendo máis e máis vertical, arrancándonos suores, maldicións e algún peido, quizais para axudar no ascenso.

Para engadir máis sufrimento ó desnivel que temos que afrontar empeza ¿tiña que ser agora? a darnos nas costas un sol de primavera deses que arrinca suores con só pensalo, e só nos alivia as panorámicas que gañamos conforme subimos. Atopamos unha aldea en ruínas, que nin tan sequera aparece nos mapas, a metade da subida, perdida nun océano de toxos, breixos e xestas, e por ese mesmo océano zigzagueamos, o Miguel a cento vinte, o Alex a cen, e eu a sesenta, mentres as nubes van cubrindo outra vez o ceo.

Cando estamos chegando ó alto do outeiro empezan a caer catro gotas, e despois catro máis, un alento xeado barre as terras altas e mentres miramos cara o val, satisfeitos de rematar co ascenso, intensifícase a chuvia e mesmo ponse a sarabiar. O terreo amabilízase, perde verticalidade, conforme avanzamos por un souto onde a follasca empeza a tinguirse polo xeo, mentres recuperamos a visión do canon do Agüeira e parte do camiño recorrido na serra enfrontada a nós. Por se non tiveramos suficiente con esa estraña transición de sol, nubes, chuvia e sarabia en algo máis de media hora, empezan a caer folepas de neve, e de seguida atopámonos camiñando baixo unha intensa nevada.

Cando chegamos a Nonide, despois de salvar os últimos desniveis, mollados e cansos, coméntolle a Alex que con gusto me tomaría un café con leite e descansaría un rato, e como por arte de maxia, unha muller que nos ve pasar diante da súa casa sae fora e ofrécenos pasar a tomar algo quente. A “Casa de Tomas” (aquí hai costume de por o nome da casa na porta) é unha construción certamente señorial, de teitos enormes, tan grandes como os corazóns dos seus habitantes.

Porque a señora non quere que nos quedemos na cociña, aínda que veñamos cas botas e roupas enchoupadas, e fainos pasar a unha sala, mentres no interior da casa hai un rebumbio de xentes afanados en tarefas de rehabilitación. Sentámonos á mesa e sobre ela empezan a poñer un biscoito recen feito, doces de chocolate, un queixo enorme e uns tazóns de café con leite como para facer revivir a un morto.

E por si esto fose pouca cousa a habitación enchese de mozas simpáticas e faladeiras, que nos fan compaña e nos preguntan sobre a nosa aventura. Unha delas ata se nos antolla cun certo parecido a Ariadna Gil, cousa bonita de muller, así que por momentos cremos que subimos de máis e estamos no ceo.

Cústanos abandonar este refuxio, pero facémolo, despois dunha eternidade, e para seguir sumando agasallos o sol fai a sua aparición, lambendo as rúas de Nonide, e fronte a Igrexa da Nosa Señora dos Remedios se suma o noso grupo un novo amigo, un can dócil e bonito que pensa, quizais, que lle vería ben un cambio de aires. Así que descende canda nós cara Ferreira, coa seguridade de ter feito este camiño un cento de veces, a pesares de que o Alex empéñase en que dea volta cara a súa casa. Eu xa coñezo o teimudos que son algúns cans cando se empeñan en acompañarte polo monte, así que decido bautizalo, non por que espere que me faga caso, senón polo gusto de escoitar o nome, e o rato xa estamos todos a chamalo: ¡Thor!.

O sendeiro está pragado dun feixe de obstáculos naturais, árbores derribados polo furacán que temos que sortear como ben podemos, e compénsanos as vistas ó val no que levamos camiñando boa parte do día, algo máis de cinco horas, ou cando nos internamos en soutos alfombrados pola follasca e os ourizos dos castiñeiros, entre valados de cachotes ou “chantos” de lousa, descubrindo as derradeiras alvarizas, unha constante no noso debagar por estas terras que xa levamos gravadas no noso imaxinario colectivo.

Chegamos, sen máis, os catro a Ferreira, e o noso amigo canino desaparece, pensamos que ulindo a algunha femia da sua especie, e danos algo de envexa a facilidade que teñen algúns para solucionar. Non sei como hai quen nos di o de “andades de cans”, cando o máis correcto sería “andades como cans”. O certo é que o pobo é ben fermoso, e entretémonos quitando as ultimas fotos a unha vida rural que aínda subsiste, máis mal que ben.

Como recompensa merendamos uns anacos de chourizo e de queixo con pan e ímonos a Santalla a festexar o éxito da xornada cunha botella de sidra, como manda a tradición, pero escanciada cun trebello de fabricación china, mentres o sol vai esvaecendo, e as tebras estenden o seu manto por toda a xeografía dos Oscos.




E113 Ruta do Forcón dos Ríos (Santalla d’Oscos)



Xoves, 9 de abril de 2009



Erguémonos máis cedo que de costume, a pesares de comezar as vacacións de semana santa, ou precisamente por eso, porque non cremos en santos nin temos vocación de santidade, e ademais sen efectos secundarios, nin síndromes, nin rumor de pantasmas, ou sexa: con ganas de aproveitar tódalas horas que nos separan das nosas obrigas alimentarias, catro días nos que vamos a darlle unha boa batida ás terras de Oscos, ese anaquiño da nosa terra que, por circunstancias históricas, quedaron baixo administración asturiana.

O tempo parece que acompaña ou non, ás veces chove e ás veces sae o sol, mentres atravesamos de este a oeste e de sur a norte esta Galiza que seica se nos queda pequena para as nosas aventuras. Un grupo lixeiro dos eivadiños: Alex, Miguel e este humilde cronista, dispostos a pór ben alto o noso pavillón, ou cando menos a intentalo.

En pouco máis de tres horas estamos na Fonsagrada, a derradeira poboación baixo a administración da Xunta, e algo máis alá chegamos a Santa Eulalia, ou Santalla como din os autóctonos, onde non tardamos en atopar o albergue de Veiga do Carro, onde imos hospedarnos. O noso refuxio é estoico pero bonito, o xusto para descansar os nosos corpiños cando sexa preciso, e a xente que o atende parécenos simpática. Deixamos a equipaxe e voltamos ó pobo para xantar, previa visita á oficina de turismo para informarnos das rutas que ofrece a zona.

En Casa Pedro, un restaurante encravado nunha grande casa de pedra, pegámonos o noso primeiro homenaxe, o Miguel métese entre as costas e o peito unhas fabas con verzas, mentres que Alex e máis eu decidímonos por un completo, esto é: ovos, xamón, chourizo e patacas fritas, vaia, o que se di un prato de colesterol. E aínda o completamos con unha selección de postres: arroz con leite, requeixo con mel e tarta de chocolate. Con estas provisións decidímonos a saír facer o noso primeiro sendeiro.

A nosa ruta, o PRAS-119, sae moi preto do centro da pequena poboación de Santa Eulalia de Oscos, dun modesto Centro de Interpretación da Natureza que visitamos fugazmente, só para informarnos da dirección a seguir, xa que son varias as que saen dende alí, pero ninguén atende as nosas preguntas, a pesares de que o local está aberto.

Baixo unha chuvia miúda pero persistente, comezamos a seguir as marcas brancas e amarelas que se dirixen cara Millarado, onde se atopa unha área recreativa, adentándonos por unha pista forestal alfombrada pola follasca dos carballos, e delimitada con valados de pizarra, centos, miles de pedras formando muros centenarios. Conforme ascendemos imos regulando a nosa respiración acelerada polo esforzo das primeiras costas, e a paparota vai atopando acomodo no bandullo e favorecendo a dixestión a base de lóstregos, mentres a paisaxe vai mudando unha vez que lle damos as costas ó pobo e a masa forestal cóbrese con diversos tipos de piñeiro.

A costa suavizase, a chuvia mingua, e as nosas pernas comezan a tonificarse cando chegamos, enlazando cunha estrada asfaltada, a Área Recreativa de Millarado, cun campo de fútbol de regulamento, unha fonte onde nos aprovisionamos de auga, e un prado enorme onde pacen, indiferentes á nosa presencia, dúas ducias de vacas pintas.

Por esta estrada descendemos suavemente cara o lugar de Milaro, catro casiñas fronte a unha sucesión de campos esmeraldas, e un pouco máis adiante atravesamos As Poceiras, núcleo rural de Millarado que corta en dous a estrada comarcal AS-27, a mesma que nos trouxo dende os confíns administrativos da Comunidade Autónoma ata o principado.

Eu sinto que sigo pisando o meu país, e falo cos meus desa parte que quedou fora das nosas fronteiras, das terras sanabresas, do Bierzo e tamén destes Oscos que empezamos a descubrir, mentres mudamos o asfalto por terra, internándonos noutra fraga sementada pola follasca dos carballos, e tamén de bidueiros, freixos e avelairas, xa que conforme perdemos altitude acercámonos ás marxes do río Barcia.

Despois de facer os derradeiros metros cara á conca fluvial por unha estreita congostra, cruzámolo por unha fermosa ponte de pedra, onde nos alcanzan unha parella de camiñantes, a mesma que atopamos na saída preguntándonos pola ruta. O Alex comenta o porca que é a xente, xa que o río atopase salpicado con plásticos, o que resta algo de encanto ó lugar. Aproveitando a bonanza que dá a proximidade do Barcia, atópanse grandes extensións de pasto delimitados por valados, e ó carón deles avanzamos por un sendeiro que ascende suavemente, e que desemboca nun pequeno poboado abandonado que, aproveitando que deixou de poallar, decidimos inspeccionar.

Quitámonos unhas fotos de grupo fronte ó típico canastro da zona, circular, con teito de pizarra e base de madeira, e tamén podemos admirar outro tipo tamén característico, rectangular, e con dous grandes pés de pedra. O lugar debeu coñecer tempos mellores, xa que as casas, agora invadidas polas silveiras e cos teitos vencidos, semellan solaregas, como a que atopamos máis adiante, a Casa do Roxo, xa en Veiga do Carro, que semella un museo etnográfico pola cantidade de ferramentas e apeiros de labranza dispostos no seu patio.

Se seguisemos pola estrada chegaríamos ó noso albergue, pero as marcas vólvenos conducir cara o monte, baixo a silueta da Capela da Nosa Señora do Carme, construída en pedra, madeira e pizarra, co pertinente teixo gardándoa. A poalla segue xogando ás agachadas con nós, pero non logra que nos desanimemos, máis ben o contrario, porque deixando atrás as casas e os campos, entramos nunha desas fragas nas que ben podían habitar as meigas, porque habelas hainas entre estas especies nobres, ou aquí ou en ningures.

Conforme ascendemos o bosque vaise espaciando, e atravesamos tramos nos que o toxo, a carqueixa e o breixo son as especies que tinguen a paisaxe, mentres abaixo vemos o discorrer das augas cantareiras, debuxando meandros que avanzan entre a fraga de ribeira como unha serpe.

Tamén o noso debagar ten algo de serpenteante, porque deseguida baixamos os metros gañados ó ceo, e vólvenos cubrir as copas dos carballos, freixos, bidueiros e alisos, nunha sinfonía de cores producida pola mestura de estacións. As pedras cubertas dunha capa espesa de musgo, ou por raíces que foxen da terra, coma se buscasen asomarse ás Pena Moura, que se alza sobre nós, e que espertan a cobiza das nosas cámaras, que dende o principio da fraga non coñeceron tregua.

No fondo desta fraga enfeitizada está o río Barcía, e atravesámolo por unha rudimentaria pontella de troncos asentados sobre dous pilares de pedras, e seguimos o tramo final do seu curso antes de desembocar nas augas do río Villanueva, no denominado Forcón dos ríos que nomea a toda esta ruta. Mentres volve a aparecer a poalla, decidida a non deixar secar os nosos osos, aínda que xa estamos afeitos a ela. Facemos un anaco do camiño acompañando o debagar das augas, ata que nos leva a cruzar a estrada AS-33, internándonos nunha pista forestal bastante ampla, baixo a mole do Penedón, que domina dende as alturas o val.

Por ela chegamos a un enorme casal, no lugar de As Casías, posiblemente pertencente a dinastía dos Lombardero, reloxeiros e inventores que tiveron certa importancia na zona, que asemella unha fortaleza medieval. Camiñando a carón dos seus valados, que se estenden ata o río, delimitando un campo que reafirma as miñas sospeitas de que esta era unha casa solarenga, chegamos ata o lugar veciño de A Valía, onde cruzámo-la conca fluvial unha vez máis.

Na mesma pontella atopamos a un paisano cunha vasoira na man, non sabemos moi ben se con ánimo de manter limpo o paso, e detémonos a botar unha parolada con el. Señor Antonio resulta ser o derradeiro habitante do poboado, e falamos nun galego singular, a fala ancestral destes arraianos que aínda soportan a política de exterminio cultural do principado, empeñados durante décadas en borrar os vestixios da nosa influencia.

Fálanos da desaparición dunha forma de vida, a súa, que se estende a moitos pobos da zona que xa atopamos deshabitados, as ciclópeas barricas de sidra valeiras, os muros das casas derrubados, a lingua que esmorece, os muíños que moen só o silencio. E alédase de atopar quen comparta as súas verbas, quen as entenda, quen se interese polas súas teimas e admire a arquitectura do seu pobo, aínda que parte del atópese acoutado pola garda civil, ante o perigo de derrube.

Con pesar despedímonos de Señor Antonio, con gusto quedariamos un bo rato máis a parolar con el, pero aínda nos queda un bo anaco de camiño. Pasamos diante da Capela de Santa Apolonia, que vimos antes nun curioso escudo gravado na pedra dunha das casas principais da Valía, e ascendemos levemente por unha canicouva que se interna nun souto alfombrado polos ourizos e follascas dos castiñeiros.

Ó Alex tanto lle emociona a fermosura do lugar que decide abonalo, e chegar así, coa equipaxe alixeirada, ó pobo de San Xulián, que atravesamos sen nin sequera visitar a súa capela.

Fragas, congostras, pobos, regatos, outeiros, a paisaxe muda a cada paso, e felicitamos a Miguel por escoller o noso destino, porque grazas a el estamos descubrindo esta terra chea de matices, onde parece que se detivera o tempo, onde regresamos ás nosas raíces e sentímonos, facendo burla das fronteiras, un pouco máis galegos.

Seguindo o curso do río Villanueva, sementando pegadas en camiños ancestrais, chegamos a Caraduxe, un enclave rural onde sumamos motivos á nosa afirmación nacional, xa que atopamos os restos dunha publicación veciñal onde lemos un fragmento dun relato escrito neste dialecto da nosa lingua. Non nos importa camiñar despois un anaco de asfalto, xa que ó pouco atopamos un sinal que nos obriga a descender por outra fraga enfeitizada, e que segue baixando cara un pobo que nós tomamos por Ferreirela.

Alex e máis eu desconfiamos da dirección elixida, mentres que o Miguel xa vai entrando no pobo, despois de atravesar unha senlleira ponte medieval de un so arco, e dámoslle voltas ó mapa para tentar de atopar a confirmación das nosas sospeitas. Finalmente preguntámoslle a un paisano e dinos que non estamos en Ferreirela senón no lugar de As Barreiras, na ruta de A Mina das Talladas, e que debemos volver á estrada de Caraduxe para atopar o noso sendeiro.

Mentres recuamos éntranos a morriña, xa tan cedo, e chamamos á Criatura para facerlle unha pequena crónica da primeira xornada en terras de Oscos, e así amenizamos o tramo asfaltado que nos resta cara a Ferreirela d’Arriba. Unha vez neste pobo evaluamos a posibilidade de descender, tomando un aire, ata Ferreirela d’Abaixo, onde se atopa a Casa Natal do Marques de Sargadelos, pero xa levamos horas dabondo camiñando, e uns quince quilómetros ás costas, así que deixámolo para seguintes excursión.

O tramo final, ata Santalla d’Oscos, ou Santa Eulalia, fáisenos coma sempre, prescindible, máis que polo cansanzo acumulado porque se tratadunha estrada asfaltada, aínda que con pouquísimo tráfico e unhas vistas espectaculares. Celebramos a nosa primeira andaina das vacacións cunha botella de sidra fresquiña nunha taberna con certo encanto, mentres xa buscamos no libro de rutas a seguinte.


E112 Trilho da Insua do Crasto e da Foz do Río Manco (Valença)

Domingo, 5 de abril de 2009






“Non pecha-los ollos. Sobre todo, non pechalos. Aguantar insomne máis ala do que o corpo esixa. Evitar que as pálpebras, xa de cemento, caían irremersiblemente sumindo a mente na máis completa das escuridades. Non pecha-los ollos. Sobre todo –por favor, meu Deus- non pecha-los”...

Abrín os ollos e tamén as pálpebras semellábanme de cemento, lembrei a noite anterior e sorrín, os dedos invadidos de tenrura, as ganas de abandonarse, de seguir soñando, como lle sucedera quizais a Charles Lindbergh, que cun aparato fráxil e artesanal, lonxe das avionetas que hoxe en día rabuñan as nubes, cruzou por primeira vez, e sen escalas, o océano Atlántico na primavera de 1925.

A xeografía que estaba ó meu carón, con máis matices que os 5.800 quilómetros que separan Roosevelt Field e Le Bourget, tamén espertou, e por momentos estiven a piques de mandar a tomar polo cu a disciplina e entregarme outra vez ós soños, pero lembrei esas 33 horas e 27 minutos de soidade, de loita e de tebras, e erguinme, disposto a seguir outros soños, eses que me levan a xuntar sendeiros e amigos.

Xa non son un aguia solitaria, como na película protagonizada por James Stewart, nin o meu vehículo é o Espírito de Sant Luís, pero chégame para enchelo de seres queridos, os meus eivadiños: Alex, Ozzy, Georgia, Esther, e tirar millas, aínda que non mariñas, cara a fronteira, para reencóntrame co Sr. Kai, o meu compañeiro de cordada, de troulas e conversas, de ocios e traballos, o meu caro Carliños, decidido a probar o arroz malandro e máis o tamboril, e a compartir tamén amigos e sendeiros.

Lindbergh era un tipo alto, rubio, un tipo atractivo, e traballou arreo durante varios meses xunto con varios veciños de Saint Louis para construír o seu soño, tiña vintetrés anos cando conseguiu equilibrar o peso e a potencia do seu aparato. Eu teño case vinte anos máis, non son moi espigado, moreno, máis ben tirando a feuchiño, aínda que co meu público, e aínda non conseguín equilibrar nada na miña vida, aínda que non deixo de perseguir os meus soños.

Así que, despois da paparota pertinente, para facerlle unha homenaxe ó aviador, deixamos os coches moi preto da estatua que o lembra, no concello de Valença, fronte ó Portal da Quinta do Crasto, construído na segunda metade do século XVIII, a súa principal curiosidade está na súa composición heráldica, considerada libre e pintoresca polas súas dúas figuras con plumas, nunha suxestión de exotismo que remite as composicións barrocas de América Latina.

Comezamos a nosa andaina pola Ecopista que, aproveitando os camiños de ferro, conecta as poboacións de Valença e Monçao, lixeiros de equipaxe, xa que o sol arrea con ganas, tanto que o Cachorro decide ir a peito descuberto, para escándalo das raparigas que aproveitan o firme regular da pista para pedalear ou patinar, e das numerosas especies voadoras que enchen o ceo de berros: corvos mariños, gaivotas, tordos e estorniños, grallas, pegas rabudas e piscos de peito rubio, papa mouras.

Ós poucos cruzamos a Ponte Ferroviaria, que salva un pequeno regato pero un desnivel apreciable, e o Sr. Kai e máis eu comezamos unha competición fotográfica na que os dous saímos gañando. Tan entretidos estamos no tema que pasámonos unha desviación que nos afasta da Ecopista e seguimos ata a antiga estación de Fiestras que, con todo, paga a pena visitar para facernos unha idea da importancia que tivo o ferrocarril no desenrolo da economía da zona. Aínda así non me libro das chanzas e escarnios sobre a miña capacidade para guía-lo grupo, ou máis ben para perdelo.

Tamén Lindbergh tivo os seus detractores, no 1932 abandonou o seu país, despois de que o seu fillo Charles, de vinte meses de idade, fose secuestrado e asasinado, preto da súa casa, e seis anos máis tarde foi condecorado polo mariscal Goering, polas súas axudas á aviación alemá. Ó comezo da guerra mundial militou na organización aislacionista América First, e foi acusado de filonazi.

Corrixido o rumbo, entramos no casco urbano de Friestras, primeiro por un camiño de terra e despois por unha estrada asfaltada, ata chegar á súa igrexa matriz e a sede da junta da freguesía, e visitamos o seu cemiterio para que o Ozzy nos bote unha cantiga fúnebre, con esa voz poderosa que caga por todas as dos trunfiños. Con estas atravesamos diversos núcleos da freguesía, onde vai explotando a primavera nos campos, e nun destes facemos unha foto de grupo arrodeados de pampullos.

Quizais os sorrisos dos meus me rehabiliten, como fixeron co intrépido piloto do “Espírito de Sant Louis”, grazas ós seus sistemas de mellora nos bombardeiros que atacaban o territorio nipón, e me nomeen xeneral, como fixeron con el ó final da guerra. Aínda que non aspiro a tanto, nin tan sequera o Pulitzer, como conqueriu Lindbergh narrando as súas aventuras, pero non desisto de conta-las miñas e as dos que me acompañan polos camiños.

Nestes camiños, pasando as derradeiras casas de Friestras, conflúen o Trilho da Insua do Crasto co Trilho Entre Mosteiros, e temos que botar man do mapa, da memoria, e da lóxica para non errar a nosa dirección. Esta lévanos á freguesía de Verdoejo, onde se atopa un dos principais puntos de interese da ruta: a carón do Cruceiro do Adro Velho se atopan un par de sarcófagos de pedra, vestixios dun vello cemiterio, e a Criatura, o Ozzy e máis eu, posamos coma se estivesemos no máis ala.

Internándonos nunha fraga na que abundan os carballos, camiñando canicouvas e corredoiras separadas por valados de pedra centenaria de campos de herba esmeralda, seguindo as marcas entre amplas extensións de piñeiros, imos buscando o río Miño, como fixera Charles Lindbergh aquel 13 de novembro de 1933 no seu Tingmissartoq (o que voa como un paxaro, en lingua inuhit). Con este hidroavión da clase Lockheed Sirius recorreu un total de 46.800 quilómetros, facendo escala en 21 estados, algunha dela, como esta, obrigado polas inclemencias meteorolóxicas.

Tamén nós tivemos un pequeno incidente, atravesando unha congostra enlamada na que algún tivo que facer verdadeiros equilibrios para non enterrar as botas, e sobre todo o Cachorro que calzaba zapatillas. Precisamente diante del botouse unha cobra, negra como o demo, que saltou dende un campo veciño, non sei se con ánimo de trabar ou de facer deporte, pero que nos deu un bo susto.

Susto tamén levou Ann Morrow, cando viu o aspecto da treboada que lles batía nas ás, perseguíndoos polos meandros do río Miño, ata que, no medio dunha espesa néboa, o seu marido viuse obrigado a acuatizar a contracorrente, ata deterse nun remanso, ó tempo que dende as dúas beiras varias persoas comezaron a remar cara eles. Precisamente chegamos preto da zona onde pasaron dúas noites os Lindbergh, na praia fluvial formada na Foz do Río Manco, onde se atopa unha área recreativa.

Nós facemos a nosa paradiña, deitados na area amarela da ribeira, a un tiro de pedra da nosa patria, (eu quizais menos, pero non se me ocorre tirarlle pedras), e a piques estamos de deixarnos atrapar pola molicie, así que teño que berrar, como nos vellos tempos, e comandar a tropa polas beiras do Manco, entre carballos albariños, sanguiños, sabugueiros, bidueiros e freixos. Este é un dos máis fermosos tramos do recorrido, aínda que fáisenos corto, xa que, case sen decatarnos, volvemos á Ecopista.

Tampouco facemos moito tramo polo firme cimentado, porque antes de que esta entre no seu tramo final, cara o centro de Monçao, as marcas invítannos a adentarnos na Insua do Crasto, e alá imos, camiñando entre unha morea de sobreiras e xestas florecidas, nunha xeografía que de seguro sorprendeu á parella de aviadores. Só nos faltaba dar ca Ensinada de Lapela, situada entre a Illa Pequena e o Pozo do Castro, onde fondeou o Tingmissartoq, pero xa nos cumpría o tempo e comezamos o regreso, seguindo ó contorno deste brazo de terra, ata dar outra vez co noso sendeiro.

Atravesamos campos e viñedos asentados nesta terra fértil, antes de volver á Ecopista, mentres o Sr. Kai tiraba as derradeiras fotos e o Ozzy e o Alex facían inventario das próximas convocatorias metaleiras. E aínda tivemos o acerto de, unha vez chegados á Quinta do Castro, decidirnos a mandarlle unhas cervexas de camiño, e así recalamos, uns quilómetros de asfalto despois, nun café de Valença, ben chamado Bocados de Tenrura, onde Esther e Georgia fan unha escolma de doces para repoñer as forzas ou, sinxelamente, porque non eran quen de resistir as tentacións locais.

E xa toca pecha-los ollos, pero non como fixo un 26 de agosto de 1974 Charles Lindbergh, esquecido de todos, na illa de Maui, lembrando aquelas aventura e máis esta, máis cativa, pero en definitiva: a nosa.

E111 Trilho dos Miliarios (Paredes de Coura)





Descripción do percurso e mapa

Domingo, 26 de marzo de 2009

A pesares de tódolos síntomas engadidos na celebración da Reconquista, son quen de erguerme dos meus soños e de sorrir ás paredes ateigadas de libros que acariñei como se estiveran vivos, e as fotografías daqueles que me quixeron ou que aínda me queren, cobertura emocional que vai mudando fronteiras como un mapa africano no século pasado. Xa sei que non me van recibir multitudes, xa cubrín as miñas reservas de vanidade na véspera, pero o meu corpo demanda espallarse polos camiños, sentir os beizos do sol e do vento na cara, sementar outro feixe de pegadas co impulso aínda fértil das miñas pernas.

Alédome de non estar só nesta nova aventura, e de que Flores sorteara tamén as gadoupas do sono e engadira o seus síndromes ós meus, damnificada tamén polos excesos da loita contra os franceses, porque verbas e sorrisos fan sempre máis amable o camiño.

E para que se esvaezan aínda máis ese inventario de dores que sumei na miña efémera alcaldía, teño un encontro na ponte internacional que semellaba una cita clandestina, pero máis emocionante que nas películas de espías. O mesmísimo Sr. Kai, saído dende a noite dos tempos, cargado cun feixe de lembranzas agarimosas.

Non viña camiñar, nin tan sequera a xantar, pero tomou unha cervexa mentres Flores e eu repuñamos as nosas reservas de malandrina, e volvemos tender pontes sobre os cimentos fortes daquelas conversas cinéfilas e políticas, das tardes de escalada e de praia, de tódalas xornadas que compartimos entre libros e troulas. Magoa que desta tampouco puidera vir con nós a descubrir os encantos das terras do Coura, pero deseguro que máis pronto que tarde terá o seu bautizo eivadiño.

Non tardamos moito en chegar o noso destino, a igreja de Cossourado, e despois dun breve recorrido polo cemiterio adxacente, panteóns con cadaleitos á vista e anxos pétreos competindo con virxes con bágoas de mármore, mentres nós facemos un balance da crise económica que nos colle máis de preto: a nosa. Así, co peto baleiro de cartos e cheo de ganas, subimos a costa que nos leva ó Forte da Cidade, magnifica atalaia sobre os que vemos irmandadas as terras da Galiza e de Portugal.

Alí, estratexicamente instalada entre as bacías hidrográficas dos ríos Coura e Miño, atópase a Cividade de Cossourado, un castro construído na idade de ferro, e dominado por un forte sistema defensivo, ata tres murallas que circundan e protexen toda a área habitacional. Os traballos arqueolóxicos, iniciados nos anos noventa, revelaron a existencia de un amplo núcleo de poboación, constituído por vivendas, almacéns, talleres e cortes, o que denota unha economía baseada na agricultura e no pastoreo, xunto con outras actividades artesáns. A pesares da súa monumentalidade o poboado foi ocupado durante un período relativamente curto, entre os séculos V a II a.C., e polo tanto é anterior ó proceso de romanización.

Volvendo sobre os nosos pasos cara a igrexa, e moi preto dela, collemos unha pista forestal á dereita, atravesando o Monte da Sé, onde os toxos inundan coa súa flor amarela toda a paisaxe, creando un tapiz dunha estraña beleza, na que serve de contraste o manto estendido polo polen polos camiños. O devagar ten algo de monótono, e dámonos á conversa enlazando uns temas con outros, facendo unha nómina de adicións, dende as máis perigosas ás máis inocentes, xa que ámbolos dous sumamos unha boa colección de intanxibles, como diría unha boa amiga.

O tempo é desacougante, xa que as nubes andan a loitar cun sol máis que primaveral, e cubrímonos ou espímonos cada pouco, mentres imos acercándonos ó lugar de Antas, na freguesía de Rubiâes, onde o amarelo transmútase no verde rabioso dos campos de pastoreo, onde as vacas barrosâs pacen alleas á nosa incursión. Tampouco vemos moita presencia humana no núcleo rural, a pesares de que hai un feixe de casas que semellan habitadas, nin tan sequera ó chegar á igreja de San Bartolomeu, unha pequena ermida que ten o seu adro apoiado en dous miliarios.

Por se tendes curiosidade, estes forman parte dun conxunto de seis cilindros de pedra que indicaban as millas romanas da vía militar XIX, do itinerario de Antonino. O primeiro dos marcos, soporte do alpendre da capela, data do ano 97 d.C. e esta dedicado a Nerva; o segundo, tamén integrado no alpendre, é do ano 353 d.C., dedicado a Magno Magnencio; o terceiro, do 360 d.C., dedicado a Claudio Juliano; o cuarto marco, do 235 d.C., a Maximino e Máximo; o quinto está dedicado a Maximino II e é do ano 305; e o sexto é anepígrafo e de ano descoñecido.
Pero ademais, para engadir interese a esta lugar xa enclavado nunha paisaxe salientable, fronte á ermida atópase unha quinta abandonada, na que nos internamos para acceder a un pazo en ruínas, unha construcción maxestosa, señorial, que danos unha idea da riqueza destas terras en tempos pasados.

Con certo respecto subimos as escalinatas de pedra que dan á entrada principal, baixo un escudo que pregoa a nobreza da casa, e tras dela nos internamos nun labirinto de habitacións enfeitizadas, polas que camiñamos con precaución, xa que, a pesares de que ten sinais de algún intento de reforma, os teitos de madeira labrada ameazan con derrubarse. Chámanos a atención a cociña, con dous fornos de pedra no que aniñaron as avespas, e a bodega, onde aínda quedan toneis e un carro de madeira.

Saíndo polo patio desta casa misteriosa, damos ó Pazo do doutor Barros, que se atopa en perfecto estado de conservación e ademais ofrecese en aluguer, onde é inevitable lembrarme do noso doutor Barros, autoridade en botánica e en todo o relacionado co sector do metal, agás a construcción naval, que deseguro disfrutaría da visita que viñamos de facer os interiores das ruínas da casa enfeitizada.

Dámoslles as costas ós pazos, á ermida e ó núcleo rural de Antas, baixando cara o río por un camiño empedrado que discorre entre un valado de cachotes tinguidos de musgo, mentres seguimos facendo contas das nosas particulares crises e quitando, cada quen as súas, as solucións máis ou menos provisionais para ir chegando a fin de mes, mentres o pobo vai deixando paso a unha sucesión de campos dispostos en socalcos, onde xa vai asomando a cara máis amable da primavera.

Nestas conversas estamos cando nos mergullamos, atravesando unha profunda congostra, nunha fraga mixta de carballos e piñeiros, dende onde se escoita o son cantareiro das augas. E non tardamos en chegar as beiras do Río Coura, onde crecen salgueiros e bidueiros o carón dun fermoso salto de auga que me fai lembrar o corpo aquel que era quen de chimpar por desniveis semellantes, pero... ¡ó carallo cas nostalxias!. Atravesamos o río pola Ponte dos Caniços, e na outra marxe repousan os restos de dous muíños monumentais que nos seguen falando da importancia da introducción do cultivo do millo no noroeste peninsular, e a fartura que trouxo para amplas zonas da Galiza e de Portugal.

Despois dun breve tramo que transcorre pola estrada municipal internámonos nun monte de piñeiros por un sendeiro que se abre á nosa esquerda, seguindo unha levada que vai paralela ó río, lembrando as experiencias que cada un tivo no club de camiñantes, e ese personaxe que segue sendo a súa alma e que nos deu, dalgunha maneira, o gusto polos camiños. Tan metidos estamos na conversa que, sen decatarnos, chegamos ó final do sendeiro e temos que volver sobre os nosos pasos para buscar os sinais que nos leven na dirección correcta.

Atopámola, claro, e o sendeiro estreitase aínda máis, pegadiño ó río, aberto seguramente por varias xeracións de pescadores, onde atopamos un obstáculo co que non contabamos: un pequeno ribeiro que temos que atravesar, non tan pequeno para saltalo e sen posibilidade de rodealo, polo que non temos outra que descalzarnos, subir os pantalóns e facer equilibrios para non mollar algo máis cos pés. Dende aquí o camiño vaise afastando do Coura, ata darlle as costas e levarnos a outra fraga onde temos un encontro inesperado, unha cobra que durme ó sol debuxando unha espiral, e que leva un bo susto co retumbar das nosas botas.

Atravesámo-lo monte e chegamos ó núcleo rural de Cascos, tamén da freguesía de Rubiâes, que nos recibe cunha avenida empedrada e cuberta por grandes parras, campos con socalcos e casas solarengas, que non deixa de asombrarnos pese a ser o típico nestas terras. Por certo que a profusión de construccións rehabilitadas con certo gusto fainos pensar, máis ben a Flores que a mín (sonche urbanita de máis para pensalo en serio), que non sería este un mal sitio para vivir.

Máis monte, despois de deixar o pobo atrás, pero desta vez con menos encanto, esto é: con máis eucalipto, que a pesares de non alcanzar as extensións tráxicas do noso país tamén aquí introdúcese con forza. Por fortuna para nós éun treito pequeno, que nos leva a outro dos lugares da freguesía, o de Crasto, onde atopamos varios puntos de interese. En primeiro lugar o derradeiro dos miliarios, erguido solitario fronte a unha ermida algo agochada entre as edras, do que non hai ningunha información á vista, i en segundo lugar, despois de atravesar a aldea, unha ducia de casas e unha sucesión de campos onde pacen cabras, vacas e cabalos, a Ponte de Rubiâes, de orixe romano-medieval, pola que volvemos cruza-lo río Coura.

Ó carón da Ponte Nova pola que pasa a estrada de aceso ó lugar de Châo, internámonos nunha vía romana, a XIX do itinerario de Antonino, que vai discurrindo paralela ó río, que aquí debuxa fermosas paisaxes cunha sucesión de saltos de auga agochados nun tupido bosque de ribeira, e cando avanzamos polo seu firme empedrado o río vai desaparecendo e mudando en campos de pastoreo e de cultivo, ou en pequenas carballeiras.

E, a pesares de que nunca completara este percurso váiseme facendo coñecido o terreo polo que piso. Tanto é así que, ó chegarmos a un prado onde pace un fermoso cabalo, recoñezo o prado e o cabalo, e mentres o acariñamos e lle damos de comer algo de herba fago memoria e caio no conto de que nalgún momento enlazamos con outro sendeiro: o Trilho de Châ da Burra, e que de seguir as marcas chegaríamos a Pecene, en dirección contraria a onde temos que ir.

Así que botámonos ó asfalto e guiámonos polo campanario da igrexa de Cossourado, que xa vemos ala ó fondo. Non sei moi ben porque motivo, pero sexan dez quilómetros ou vinte, os derradeiros sempre me custan, e máis se son por estrada, e se esta é costa arriba. Menos mal que soa o teléfono e o Cachorro nos anima a facer un ultimo esforzo, xa que el non puido acompañarnos. Cinco horas despois da saída chegamos ó noso vehículo, subindo unha morea de escaleiras como penitencia final, e xa empezamos a facer plans para a seguinte...



E110 Sendeiro da Costa da Soavela (Cangas do Morrazo)


Domingo, 2 de marzo de 2009

Como me guindei das gadoupas do soño, que tentaban aterrarme entre nubes de tenrura, co señor Afranio vagando entre as tebras, fuxindo da barbarie, cunha fartura de arroz malandro que levaría a fartura a un poboado galo, cos ollos dun aguia batendo os cores da xeografía báltica, ca pegada poderosa do batería dos Aphonnic percutindo en medio do inferno, cunha constelación de seres queridos coséndome as ás con sorrisos, ou cos ecos dunha reconquista desorganizada na que só brilaba o diaño napoleónico.

Non sei como fun quen de afastarme de esa mestura de soños, na que non levaba nin cinco horas navegando, e máis aínda como puiden desfacer o nó de membros confundidos, e alonxar o inventario de síndromes previsibles a tantos excesos, e pór un pé no chan, e despois outro, e comezar a camiñar.

Pero fíxeno, máis porque son un home teimudo que porque tivera almacenadas forzas extraordinarias para elo, e mentres os meus pes me levaban polo pasillo, polas rúas, polo asfalto, xa ía improvisando novos soños, para tentar atrapalos, para pechalos neste contenedor de lembranzas.

E grazas á maxia que te leva voando duns soños ós outros, aparecín sentado ás beiras da praia de Menduiña, nos confíns da Península do Morrazo, na compaña dos sorrisos perpetuos de Georgia e de Carla, mentres diante dos nosos ollos ían desfilando como nubes unha sucesión de manxares: empanada de algas e mexillóns, calamares rebozados, ensalada morna de froitas e queixo, xamón asado con patacas.

As gaivotas facían piruetas arriscadas entre as rochas, os cativos inzaban castelos de area e de cunchas, e nos alongabamos os cafés mentres ó outro lado da ría espreguizábase a cuarta pata da nosa mesa, o Samuel, que aínda non dixerira de todo o seu bautizo metaleiro no ventre dunha nave con nome de caudillo celta.

Para darlle contido á nosa espera, e quizais polos antecedentes, decidimos agardalo no pobo de Donón, e ir tonificando os músculos na ascensión o Monte Facho, asentamento do poboado de Berobriga, onde os nosos antergos, ala polo principio da nosa era, pescudaban no horizonte facéndose, quizais, as mesmas preguntas ca nós.

Por unha centenaria calzada de pedra, con vestixios do defunto Roteiro do Morrazo, imos fabricando os primeiros suores, que ben pagan a pena cando coroamos o cumio, coroado por un facho do século XVII dende onde se avisaba das invasións inglesas e berberiscas, e acadamos unha magnifica panorámica do Parque Nacional das Illas Atlánticas: San Martiño, Faro e Monteagudo, Ons e Onzeta , e da Costa da Vela, que tamén ten proxectada a súa inclusión na área protexida.

O castro foi abandonado no ano 50 d.C., cando as xentes que o ocupaban foron na procura de terras baixas, máis preto do mar, e posteriormente o Monte Facho albergou un santuario galaico-romano adicado ó deus Berobreus, aló polo século III d.C., sobre os restos do poboado castrexo, na súa cara leste, mediante unha serie de socalcos onde se acondicionaba o terreo para recibir ofrendas, principalmente altares de pedra fincados na terra, nas que se facían breves inscricións en latín relativas ó deus.

Mentres as miñas compañeiras seguen pescudando entre os restos arqueolóxicos eu boto unha carreiriña de can para recoller ó Samuel e, xa que estamos, animo ós meus, Teté, Adolfo e Mario, a que lle boten unha ollada á citania e volvo facer o traxecto da calzada empedrada por terceira vez, mentres tento salvar ós enormes saltóns do Apocalipse.

Despedímonos da miña familia e dámoslle as costas ó Monte Facho, entre muros de pedra que delimitaban campos onde antonte medraban o millo ou os patacas, e que hoxe esmorecen por falta de mans que queiran traballalos. Cando remata a corredoira rexeitamos as marcas do antigo GR e viramos á dereita avanzando por un camiño amplo que, en ocasións, está tinguido polo polen que xa está anunciando a berros a primavera, mentres Carla e Georgia ocupan a retagarda, seica poñéndose ó corrente das súas andanzas.

A pista discorre entre unha espesa masa arbustiva, toxos, carrizos e silveiras, con algún piñeiro illado e salpicado de penedos de diferentes formas e tamaños, que na nosa marxe esquerda forman cantís de máis dun centenar de metros de altitude, aínda que ás veces non vemos o mar xa que camiñamos algo afastados da costa. Neste tramo teño que arengar constantemente ás miñas tropas, porque veñen preguiceiras de máis e teñen dificultades para seguir o meu paso.

O camiño vaise estreitando, e ó chegar a unha torre de alta tensión non é máis que un pequeno carreiro que discorre entre toxos, e onde comezan as nosas dificultades, xa que este pechase cada vez máis e nos obriga a internarnos nunha formación pechada de eucaliptos. Por ela improvisamos un abrupto descenso entre penedos cubertos de musgo e un chan esvaradío de máis polo espeso manto de frouma. Contrariamente ó que pensaba, este é o tramo que máis entusiasma a Sam e a Carla, que quitan da mochila o seu espírito de aventura, mentres que Georgina pon en cuestión a capacidade deste cronista para guialos, sementando a dúbida entre todo o grupo.

O certo é que aínda non me guindara das gadoupas do sono, que vagaba coma o señor Afranio entre tebras de tenrura, que levaba mesturado aínda o arroz malandro coa xeografía báltica, e a empanada de algas e mexillóns coa batería dos Aphonnic, que fuxía da barbarie ou dos meus fantasmas, e que seguía coséndome ós sorrisos dos meus seres queridos.

Quizais confundido, pero nunca errado, por iso atopei outra vez o camiño, non importaba se era o que pisara facía xa dous anos, cando viñera en compaña de Nuria e Habibi, ou se era unha nova variante, o caso é que nos levou ás portas da urbanización que se asenta nas inmediacións de Cabo Couso.

Muros de pedra, cans soltos e vixiantes de seguridade, todo disposto para pecharnos o paso e manter os privilexios dun feixe de señoritos. Pero nin eso consegue amedrentarnos, e rodeamos a fortaleza por unha fraga mesta de carballos, piñeiros e acacias, facendo apostas sobre quen será o primeiro que da co seu cu no chan.

Non cae ninguén e quedamos sen quen pague as cañas, e despois de sortear unha variedade de obstáculos vexetais saímos a un sendeiro que recoñezo, que enlaza ca pista de acceso os derradeiros chalés da zona. No último deles incluso atopamos un enreixado, aínda que aberto, na que advirte que entramos en propiedade privada, a pesares de ser o único aceso que hai cara o facho de Punta Couso. Aquí nin lei de costas, nin dereito de paso, nin leites en vinagre, pero para o caso que lle facemos...

Alédome de descubrirlles un deses anaquiños de paraíso que agocho no meu imaxinario particular, e facelo así colectivo, xa que os metros que separan a fraga de piñeiros dos cantís sobre os que se asenta o facho -verdibranco, pequerrechiño, como de xoguete- son como os primeiros párrafos dun conto.

A beleza do conxunto, pedra, auga, ceo, lévanos a unha parada obrigatoria, na que consuminos as escasas reservas de auga -as da única cantimplora da expedición: a miña- e saboreamos os buracos de rosquilla que trouxo o lapeiro de Samuel, mentres Carla e mais eu disparamos as nosas cámaras como se fosemos francotiradores serbios no cerco de Sarajevo.

Magoa que o descanso sexa tan breve, pero temos as horas contadas e aínda temos por diante o retorno a Donón, así que poñémonos en pe e avanzamos por un carreiro que sortea os cantís e que nos leva a adentarnos na Ría de Aldán.

Fronte a nós está Punta Testada, e as praias de Lagos, Bón e Rebentóns, no concello de Bueu, que durante uns intres topografío co obxecto de facer a estes lugares protagonistas de próximas aventuras, mentres que Samu imita a Tarzán subíndose a uns piñeiros realmente curiosos. Mágoa non ter preto ó noso experto en materias forestais, a Criatura, para ilustrarnos sobre esta especie de enormes árbores de retorcidas ramificacións que forman unha fraga insólita, tan preto da costa.

Por ela chegamos ó muro doutra urbanización, e sáennos ó paso dous enormes e ameazadores cans, que nos fan recuar e afastarnos do camiño cara os cantís, pero un jipi de deseño, sen dubida o dono das feras, advírtenos que estamos en propiedade privada ¡si, tamén fora dos muros! e que temos que dar marcha atrás xa que esta vai ata os cantís. Facémolo, claro, pero con ganas de chamar a Mariano Abalo para que nos explique a política urbanística do Concello.

Volvemos cruzar o enreixado pola que accedimos a Punta Couso, e pasamos outra vez entre chalés, cruzándonos con outro pequeno grupo de sendeiristas que ignoran as advertencias de privacidade, e a Carla se lle ocorre pedir auga nunha destas casas, pensando que un groliño non se lle nega a ninguén. Pois si, parece que ate lles molesta que pasemos preto do seu refuxio e dannos a escusa de que a que teñen non é potable.

O máis curioso é que unha vez que nos internamos no camiño, dándolles as costas á zona urbanizada atopamos unha fonte seca, que eu lembro con auga fai uns anos, e sospeito que a algún lado tivo que ir parar este manantial, e ademais tamén pasamos por riba de varias arquetas da traída. ¡Mala rabia os coma, a estes túzaros!.

Así que non nos queda outra que pasar sede e continuar o noso camiño, entre unha fraga que vai mudando dos piñeiros ás acacias, e destas ós eucaliptos. Con todo comezan a xurdir as primeiras voces rebeldes dos que, cansos e sedentos, están pedindo unha tregua, pero non é tempo de pararse, nin tan sequera para baixar a algunha caliña nas inmediacións de Punta Alanda.

Saímos a unha estrada, que ven dende a parroquia de Hio (lémbrome da miña amiga Eva que sempre di ojaio cando lee OHio), e despois de cruzala facemos un pequeno tramo entre casas, transformase nunha calzada empedrada que se adenta nun monte de eucaliptos. Despois de enlazar varias bifurcacións do camiño, e pese a que teño bastantes referencias para atopar o camiño de volta, teño que volver improvisarentre os penedos unha ascensión.

¡Teño sede! ¡non sinto as pernas! ¡estou canso! ¿facemos unha parada? ¿seguro que sabes por onde nos levas? Son algunhas das perlas que teño que escoitar da miña tropa, así que poño algúns metros de por medio para perdelos de vista cando menos, porque non é certo que estivera desorientado, e moito menos perdido, nin tan sequera cando chegamos preto das torres de alta tensión e os meto por un estreito carreiro entre toxos e silveiras.

Cando volvemos enlazar a pista que vai ata as inmediacións do Monte Facho non me felicitan, nin din que me queren, que son a luz que os ilumina, nin nada parecido, máis ben ó contrario, insisten nas súas criticas estes desagradecidos, aínda que estou convencido que o domingo que ven, ou o seguinte, estarán outra vez a camiñar baixo o sol ou baixo as nubes, entre toxos ou penedos, cansos e sedentos, e poñendo en cuestión a miña guía.

Mentres retornamos o sol vai acercándose ó Atlántico, e vai mudando a uniformidade do gran azul por unha gama que varía entre o vermello, o laranxa e o amarelo, conforme avanzamos cara o promontorio onde se asenta a citania de Berobriga. Nun momento de tan fonda carga poética so escoitamos os rebuznos illados dun deses animaliños en perigo de extinción que aínda se ven nesta parte do Morrazo ¿ou será alguén que se está queixando?.

Sexa como fora chegamos outra vez á calzada empedrada, aínda que eu tiña proxectado un aire seguindo as marcas do antigo ruteiro, e entre lusco e fusco chegamos ó pobo de Donón, onde tiñamos o coche cargadiño de botellas de auga, unha para cada un, e puidemos calmar a sede e facer uns breves estiramentos antes de saír cara a cidade.

E109 Trilho das Garças (Paredes de Coura)





“Tu sabes lo que es dolor,
Mucho dolor, no sufras, no te rindas, no sueltes el timón.
Tu sabes lo que te hace crecer,
Mantiene tus pies pisando el suelo que ves”.

Domingo, 15 de marzo de 2009

Seméllame que as verbas de Woyza non podían ser máis axeitadas, aínda que na véspera, cando as escoitei nunha nave de Bouzas, fronte a eses esqueletos varados como cetáceos nos asteleiros, non era quen de entendelas, sufrindo os síntomas dunha posesión infernal que me levou a deitarme nun inferno de pesadelos simultáneos, e que me fixo amencer cunha colección de síndromes que non lembraba dende os séculos escuros.

Non vou entrar en máis detalles, para non ter que remexer nas lagoas que creceron na miña memoria, e porque van pensar vostedes que o meu ten visos de ser unha enfermidade, así que contarei que no día indicado, este, e a hora convida, aquela, estabamos no Concheiro media ducia de individuos, con mellor ou peor cara, asegundo as horas de sono de cada quen: Samu, Alex, Esther, Ozzy, Xurxo e máis eu, ca incorporación, como novidade, de Carla, muller destemida que aínda non sabía con quen andaba a xoga-los cartos.

Como non tiña a cachola para improvisar outros destinos sinalei cara a fronteira, e puxémonos en marcha con piloto automático, baixo un sol de carallo que nos perseguiu ata o aparcamento do Stop, onde tampouco houbo nin sombra de disidencia: arroz malandro para todos, e todos comemos ben a gusto, mesmo recuncamos unha e dúas veces.

Alí mesmo, puxen sobre a mesa tres ou catro rutas da rede pedestre de Paredes de Coura, e o grupo decidiuse pola de maior envergadura. Así esvaecíase a posibilidade de reclamación. Xantaron con nós Zalo e máis Salomé, quen a pesares de vir perfectamente uniformados para acompañarnos no pateo decidiron non facelo. E marchamos sen máis demora cós cafés por esas estradas serpenteantes que xa nos sufriron unha enchenta de veces, ata chegar a freguesía de Formariz, onde comenza o noso trilho, o das garças, xunto ó carón da súa igrexa.

Neste lugar, chamado o Burgo, deixamos os coches e facemos uns breves estiramentos na base dun cruceiro de pedra, visitamos o templo e o cemiterio, e en fila india (como bos descendentes da tribo dos pés negros) avanzamos os primeiros metros entre campos verdescentes, onde pacen ducias de ovellas cun bear peculiar, que pola súa afonía parece que tamén estiveron de troula pola noite. Pasamos fronte á Capela de San Sebastiâo, no lugar do Outeiro, e entre casais defendidos por feros mastíns, e uns metros máis ala cruzamos a estrada 303 na que asistimos a unha procesión de chimpíns que me lembra o Festival de Cans.

Comandados polo Xurxo, que xa fixo esta ruta varias veces, collemos una aire que sae de Boavista, entre campos de cultivo separados por valados de pedra e viñedos, adentrándonos nunha carballeira que nos acariña coas súas sombras, e unindo congostras e canicouvas, chegamos ó lugar de Penices, onde o río Coura desaparece, continuando o seu leito por debaixo dun caos de pedras ciclópeas durante un tramo de douscentos metros. No mesmo sitio onde brota con forza a auga fórmase unha grande poza que invita ó baño, e o Xurxiño e máis eu non ó pensamos dúas veces, competindo por quen é o primeiro en mergullarse.

Despois deste espectáculo gratuíto, que lle sigue dando razóns ó Samuel para pensar que o seu tío non ten remedio, volvemos sobre as nosas pegadas, e tentamos darlle outro ritmo á marcha, xa que temos as horas xustas para chegar antes da caída do sol. Cruzamos outra vez a carballeira, e saímos a outro enclave rural, chamado Ponte Nova, onde constatamos tamén a dinámica actividade agraria que se estableceu nas marxes do río, adaptando culturas e técnicas que contribuíron considerablemente a que este concello foxe coñecido como o graneiro do Alto Minho.

A Ponte Nova debe o seu nome a unha ponte medieval, un sinxelo arco de pedras que sortea o Coura, por onde avanza unha lingua de asfalto que facemos resoar coas nosas botas, pasamos ó carón dun pequeno encoro, e despois dunha pequena costa internámonos no Monte de Couro. Aquí decidimos non coller o aire que leva a Azenha Velha, onde se atopan varios muíños, xa que as forzas, nalgúns, van algo xustas, e non quero que se me vaian escarallar antes de tempo.

Entre carballos, salgueiros e algún illado aciveiro, facemos o derradeiro tramo preto do río, que pouco a pouco vaise agochando, transformándose en marmullo, e finalmente desaparecendo por completo ó chegar ó lugar de Couro, onde temos que cruzar, novamente, a estrada 303. Aquí tivemos que facer reunión para decidir se facíamos unha parada técnica nunha terraciña e refrescarnos con finos, panachés ou colas, ou se sería máis axeitado aproveitar o tirón e acometer o desnivel que tiñamos por diante. Saíu o segundo e comezamos a subir por unha costa alcatreada, entre o casais que forman a aldea de Balsa, e aquí o Lourenzo estivo campión lostregándonos sen compaixón co seu látego de lume.

Ó chegar á metade da forte ascensión tivemos que facer unha paradiña para que Carla recuperara folgos, xa que ía sufrindo os males da primeiriza: non levaba o calzado axeitado, non botara crema solar para protexer a súa pel branquiña, e non protexera a cachola da máis que probable insolación. Aínda así é brava esta muller e despois de botar catro grolos de auga animounos a seguir cara Pereiras, xa que non quería retrasar ó grupo, a pesares de que nos dixémoslle que non íamos deixala atrás. O Ozzy axudou cunha cantiga págana a que nos fose máis doado o que nos quedaba de costa, e case sen decatarnos chegamos á igrexa de Nosa Senhora de Irijó, onde se impuxo un merecido descanso.

Á sombra dunha magnifica carballeira refrescámonos na súa fonte e deitámonos nos seus bancos de pedra, porque todos imos un pouco tocados polos lóstregos do sol, pero non temos moito tempo para botarnos á bartola, e dez minutos despois xa estamos facendo o tramo común co Trilho de Lages Altas, e despois dunha pequena ascensión comezamos a baixar cara o núcleo rural de Cotaleira. Dende aquí o tramo é integramente urbán, unha estrada alcatreada entre construccións de todo tipo que vai bordeando o centro de Paredes de Coura.

Nestas cóntame a Carla do seu traballo, que medio en serio medio en broma estiven a piques de probar eu, e falamos dalgúns personaxes que por alí deambulan, como certa escritora que, fai séculos, foi algo parecido a unha amiga. Mentres, Esther regálanos algunhas anécdotas da infancia do Cachorro, desas que non son para transcribir, senón para escoitar.

Por terceira vez cruzamos a estrada 303, e pasamos a carón do campo de fútbol, que comparte muros co cemiterio municipal, onde Ozzy nos conta da súa frustrada carreira de futbolista, e tamén fronte a Quinta do Padín, onde quizais moren as pantasmas de algún dos meus antergos (e dos de Samuel, a pesares de que é moi xoven para pensar en pantasmas). Chegamos así á Praia Fluvial do Taboâo, nas marxes do río Coura, onde tiñamos previsto botar un grolo no restaurante que alí se atopa, pero se atopa... pechado. O Samu déitase no chan e tardamos pouco en imitalo aproveitando que os aloumiños do Lourenzo son agora menos rabiosos.

Dáme magoa ser sempre eu o que teña que cortar o bo rollo, pero dez minutos despois xa teño que empezar a berrar para que se ergan, xa que aínda nos queda un bo anaco para completar o sendeiro. E fano, aínda que sexa regañando os dentes, non lles queda outra, xa sei que a fraga de ribeira que se espalla polas ribeiras é unha invitación a abandonarse, a pecha-los ollos e escoitar o rosmar dos salgueiros, pero xa estabamos subindo outra vez, derramando suores cara o núcleo rural de Afe. E si, houbo máis queixas no ascenso pero eu xa tiña cera dabondo nos oídos, e se esvaeceron cando Xurxo tivo a ben alixeirar de peso un laranxeiro, e repartiu a súa colleita entre todos.

O tramo final fixémolo por un monte sen encanto ningún, onde os carballos eran remprazados polos eucaliptos, e ás veces por grandes extensións sementadas de penedos, camiñando por unha pista de terra que se nos facía interminable, onde o único que xogaba ó noso favor era a súa horizontalidade.

Aproveitamos estes derradeiros quilómetros o Xurxo e máis eu para unha desas paroladas que tiñamos pendentes, quizais non demasiado diferente á que tivemos dous anos atrás, cando percorremos este mesmo sendeiro en formato de dúo. Moitas cousas cambiaron dende entón, pero quizais nós non tanto, as nosas inquietudes, os nosos desexos, os nosos soños, seguen intactos, e seguimos tentando atrapalos, quizais para soñar ou desexar outros. Quen sabe se o resto do grupo non pasará por aquí dentro dun tempo, tendo a mesma sensación ca nós.

Deixamos atrás o Monte do Alem, sen que o Alex nos ilustrara sobre a orixe do alcume, e a pista forestal levounos dereitiño cara o lugar de Burgo, onde comezaba novamente o asfalto, e dende onde se alcanzaba a ver o campanario da igrexa de Formariz, o final do nosa aventura.

E108 Sendeiro do Baixo Tea (Salvaterra do Miño-Ponteareas)

Domingo, 1 de marzo de 2009





Xa vai para dous anos que esta historia que dimos en chamar Eivadiños tomou ó asalto o Casa Padín nas terras do Paradanta, cando aínda non levabamos máis dunha trintena de convocatorias, e aqueles cos que compartín xantares e sumei pegadas foron crecendo, facéndose xigantes, esquecendo doenzas, e agora as nosas fórmulas, que nos legou o León de Paramos, lles semellan cativas de máis, e son outras as aventuras que demandan o seu concurso. Agora son outros, nin mellores nin peores, outros, cos que insisto en recuperar este refuxio no que din as miñas primeiras brazadas, nas que tentei fuxir dos entullos, dos restos dun naufraxio que non por anunciado foi menos traumático, e insisto nas mesmas fórmulas, teimando por curar as mesmas eivas.

Pode que non sexan mellores nin peores, pero son imprescindibles, o trío que me acompaña nas noites de troula, sedentos de melodías estridentes, de sorrisos enfeitizados, de bálsamos para combater a monotonía, esa porta aberta á loucura. O Cachorro, a Criatura, o Ozzy, tremendas enciclopedias do metal en tódolos seus xéneros, os meus mosqueteiros, cos que son quen de desafiar os meus fantasmas e quen de derrotalos, aínda que sexa parcialmente. E sumando novos folgos, o Sam, ese rapaz esperto e simpático que insiste en chamarme tío, non sei se en sinal de respecto ou de cachondeo, ou porque pensa que somos familia.

Pois agora xa son máis dun cento as crónicas acumuladas, e para celebralo, ou porque si, facemos unha paparota de campionato no citado acubillo de Mondariz, a base de polo e calabacín, porros, pementos, patacas e tomates (que conforman primeiro e segundo prato, en forma de guiso e de asado), e como entrante unha crema de espinacas para quentar o estómago mentres non quece a casa ca cheminea.

A banda sonora ben merece un apunte pois estendeuse ata as catro da mañá en que se esgotaron as linguas de tanto falar e as mandíbulas de tanto rir, e a reserva de troncos de tanto queimar. O que si non vou contar e do que falamos e por que foron as risas, algunhas transformadas en prantos, pero non tivo nada que envexar a aquela noite de fai dous anos, na que tamén comemos, falamos e rimos. Non foi nin mellor, nin peor, máis podo dicir que foi ben diferente.



Espertámonos o día seguinte cunha colección de síndromes colectivos, pola inxestión masiva de sólidos, líquidos e outras sustancias de difícil catalogación, agás o Sam, que durmira un par de horas máis e non cometera tantos excesos. Deixamos a Casa Padín en perfecto estado de revista, pechámola e sen tan sequera almorzar un café con leite saímos cara Ponteareas onde quedou un dos nosos vehículos, e dende alí ata Salvaterra do Miño, onde nos esperaba o noso compañeiro Zalo, nese lugar de bo xantar chamado O Noso Eido.

E xantamos ben, como non, uns calamares que non era para botar foguetes pero unha fonte de churrasco de porco, quicos, críollos e patacas fritas que daba para alimentar un rexemento. Non eramos tal, dabamos como moito para unha partida de guerrilleiros, cousa ben apropiada ó lugar onde seica paran eses bravos da Sociedade Cultural do Condado que, contra vento e marea, celebran cada ano o Festival de Poesía, evento singular no noso país.

Non fomos quen de convencer ó León de Paramos de sumarse á nosa andaina, e despedímonos del despois dun variado de postres (tarta de queixo brasileira, gosua e tarta da aboa), cafés, infusións e chupitos, e puxemos rumbo ó Parque da Canuda, grande extensión de lecer deste concello ribeirán, con piscinas, parques infantís, pistas de tenis e non sei cantas trangalladas máis. De alí sae un paseo fluvial na mesma beira do Miño, e nós seguimos por ela ó encontro dun dos seus afluentes, como as lampreas.

Un par de quilómetros de firme cimentado e enlazamos cun sendeiro que discorre entre pasadizos de madeira, enfrontados á Insua da Fillaboa, onde está proxectado unha grande pontella para unila ó continente, como parte de un proceso de recuperación do extenso banco de terra. Lémbrome daquela novela de Darío Xohan Cabana “O cervo na torre” ¿non era nesta illa onde discorría gran parte daquela epopea de política ficción? (despois aclárame Zalo que non era aquí, senón que está á altura de Goián e Cerveira).

Ser como fora dende aquí, mentres os meus colegas andan en debates metaleiros, chegamos á desembocadura do tributario do Miño, o río Tea, e nada máis avanzar uns metros por un estreito sendeiro vemos dúas curiosas construccións. Unha delas é un viaduto de ferro polo que pasa o tren, a outra e máis cativa pero esperta a curiosidade de todos nos: é unha estacada. Neste río utilizase un método único para a captura das lampreas, a das estacadas. Estas son construccións ou empalizadas de madeira que cruzan o río en perpendicular. Constan de varios pilares de uns dous metros de alto sobre os que se pousa unha pasarela, onde se colocan os pescadores. As estacadas máis habituais fanse con pilares de eucalipto ou piñeiro pero na actualidade xa as hai metálicas coa innovación do “ponte levadizo” mediante poleas.

As lampreas remontan o río pegadas ó fondo, e cando pasan por debaixo das estacadas os pescadores crávanas coas fisgas ou francadas. O río está segmentado en postos de pesca dende Salvaterra do Miño ata Ponteareas, e ó contrario que a sucesión das pesqueiras non se explotan por herdanza familiar. Estes postos van a sorteo libre entre os que o soliciten a principios de xaneiro. A tempada comeza a mediados ou finais de xaneiro ata o derradeiro día de abril. O horario de pesca abarca dende as nove da noite ata as oito da mañan do día seguinte. Os domingos son días inhábiles.
Mágoa que neste preciso momento, no que estamos a comezar a remontada do Tea, a cámara que me emprestaron quede sen baterías, xa que a variedade deste tipo de pontellas é incrible, tanto polos materias utilizados como as maneiras tan inxeniosas para aseguralos, pero que lle imos facer, éche así a vida, terei que contentarme cas fotos que quitei antes de chegar ata aquí.
Dende o tramo que vai dende a desembocadura ata a Ponte de Fillaboa contamos media ducia de estacadas, e sorpréndenos tal profusión destas construccións, claro que aínda non sabemos que o número total de postos que imos atopar no camiño multiplica por dez esta cantidade, e tamén atopamos vestixios dun antigo sendeiro de pequeno recorrido, do que non teño noticias, e xusto cando estamos a punto de cruzar a vella ponte atopamos un feixe de xeradores eólicos deitados, que utilizamos como altofalante.

Á voz cantante do grupo, ó noso vocalista, que xa demostrou a súa valía a fronte dos Spina Fecunda, faille gracia a cacofonía do ventre dos xigantes metálicos, e mándalle uns cantos espirituais que espertan ó mesmísimo tío da vara, que aínda así non é quen de amedentrar ó Ozzy, máis ven ó contrario.

Cruzamos a estrada que comunica as poboacións miñotas de Salvaterra e Salceda, e fago comandita co meu caro Alex para pasar unha desas revisións cardiolóxicas de rutina, as que estamos tan acostumados nos últimos tempos, mentres na retagarda o Samu recibe unhas clases gratuítas de cultura musical, da man de dúas verdadeiras enciclopedias andantes: Lord Emiaj e máis Olbap Dibasson.

O sendeiro está en moi boas condicións, e mesmo en un gran porcentaxe é axeitado para a utilización de vehículos a motor, seguramente pola utilización deste por parte dos pescadores de lamprea, e discorre por unha estreita franxa de bosque de ribeira: bidueiros, amieiros e algúns carballos, grandes extensións de pasto ou forraxe e, máis lonxe, piñeirais ou eucaliptos dependendo da zona. Pero en ningún caso pode calificarse de monótono, xa que a cada paso introdúcense pequenas variacións na paisaxe que fan que o itinerario sexa ben ameno.

Para amenizalo máis o noso trobador, o Ozzy, tenta atopar as estrofas do himno eivadiño, e cada cen metros engade unha nova estrofa, que queda pendente de aprobación para cando atope unha melodía axeitada. A verdade é que esta é a xente que queremos no noso exército, entusiasta e aguerrida, e non dubidamos en darlle unha aperta colectiva para que saiba que o apreciamos.




Tamén nesta ocasión volven facerme compaña as fantasmas, cando chegamos á ponte da estrada baixo a cal o muro de desviación dun muíño provoca un fermoso salto de auga. Aquí saltei tamén eu cando era outro o corpo que habitaba, naquelas aventuras solitarias que me facían crer inmortal, tinguido de espuma branca, mastigando soños.

Debe ser por unha mala dixestión destas lembranzas, ou porque lle botei anacos de porco de máis, que o meu estómago esta a piques de rebentar, e antes de que o faga agóchome preto dun campo de millo e pranto un piñeiro, mentres o Samu se dedica a retratar á Criatura facendo o espantallo.

Máis lixeiro de equipaxe, apremo os meus a apertar o paso, xa que non teño nin idea de canto nos restará de camiño e corremos o risco de non chegar a tempo de exercer os nosos dereitos electorais (os que queiran exercelos ou poidan, claro). Esto motiva un pequeno debate sobre as garantías democráticas, o voto útil, os partidos minoritarios ou onde queda a franxa que divide esquerda e dereita.

Mentres chegamos a unha estrada que leva a unha presa de cemento e os restos dun gran muíño, as estacadas empezan a espaciarse ou desaparecen (so aparece o sinal do posto) e a fraga de ribeira vai cubrindo o espacio onde antes se multiplicaban os campos. A climatoloxía tamén vai mudando e o ceo cóbrese de ameazas, co que os presaxios empezan a non ser moi bos.

Cando comezamos a ver, ó lonxe, os primeiros edificios de Ponteareas, parécenos que non temos por diante máis que unha carreiriña de can, e as primeiras gotas de chuvia anímanos a incrementar, aínda máis, o noso ritmo. Cruzamos outra estrada, que atravesa o río polo Ponte das Partidas, na parroquia de San Martiño de Moreira. Pero non temos tempo de admirar a estructura centenaria, que data do século XVI, e seguimos avanzando entre unha fraga de ribeira cada vez máis espesa, mentres a poalla intermitente fainos poñer os chuvasqueiros.

O certo é que cando crúzamos a pequena ponte que sortea a desembocadura do Río Uma xa pasaran máis de catro horas, a xa pasara bastante rato que deixaramos de ver a vila, nin lonxe nin preto, e me imaxinei que o Tea daba un gran rodeo antes de levarnos ó noso destino. Aínda que quizais o noso destino fora ese, o de seguir sumando quilómetros porque, como ben dicía Oriana Fallacci, o importante é o camiño.

Cando pasamos debaixo do viaduto da Autovía do Atlántico xa se esvaecen as esperanzas do Cachorro de chegar ó colexio electoral porque, por moito que apertarámo-lo paso non chegaríamos máis que ó reconto, e ata eu o sinto, non porque pense que o meu voto vaia a influír no resultado, senón polo acto poético de nomear esas quimeras da miña xuventude.

Chegamos á vila de Ponteareas xa de noite pechada, pasando ó carón da súa Ponte Romana mollados e famentos, e ocorrésenos volver á orixe, ou sexa, a Casa Padín, para darnos unha ducha e merendar antes de emprender o regreso á metrópole. Embutido, queixo e conservas, regadas cunhas cervexas fresquiñas, logran aplacar a fame, a sede e recuperarnos das cinco horas de camiñata que fixemos.

Seguidores