Eivadiños

  • E298 Sendeiro do Pantano de Irabia (Val de Aezkoa): Crónica e fotos
  • E298 Sendeiro do Deza (Vila de Cruces - Silleda): Crónica e fotos
  • E297 Sendeiro da Fraga do Barragán (Fornelos de Montes - Pazos de Borbén): Crónica e fotos
  • E296 Sendeiro da Soavela (Cangas do Morrazo): Crónica de Sonia e fotos
  • E295 Trilho de Corno de Bico (Paredes de Coura): Crónica de Sonia e fotos
  • E294 Sendeiro do Baixo Lérez (Pontevedra): Crónica e fotos
  • E291 Polo corazón da Selva de Irati (Val de Salazar): Crónica e fotos
  • E290 Ascensión ó Castelo de Acher (Val de Hecho): Crónica e fotos
  • E288 Sendeiro da Freixa (A Lama): Fotos e crónica de Sonia
  • E287 Roteiro de Donón (Cangas do Morrazo): Fotos e crónica de Sonia
  • E285 Sendeiro dos ríos da Fraga e do Beque (Moaña): Fotos e crónica de Sonia
  • E284 Polos montes de Moaña e outros mundos
  • E284 As lecions do mestre Chapela nos cumios do Morrazo
  • E282 Sendeiro dos Cons (Vilagarcía de Arousa): Crónica e fotos de Ana
  • E281 Trilho interpretativo de Lamas de Mouro (Monçao): Fotos e crónica de Miguel

Andaina contra os eólicos no Galiñeiro

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 20 de febreiro de 2011

O monte Galiñeiro forma parte indiscutible do meu imaxinario particular, un territorio que vai máis alá do que abarcan os mapas, transcende o xeográfico e instálase no emocional, pois alí pasei os mellores anos da miña existencia, naqueles tempos nos que me sentín inmortal, nos que os sorrisos contaxiaban a pedra, e nela debuxabamos escaleiras ó ceo, co mesmo material co que artellábamos os nosos soños.

E non hai na nosa comarca montañeiro que non tivera aquí unha das pedras angulares da súa formación, xa foxe escalador, sendeirista ou ciclista todoterreo, nas pistas, camiños e penedos deste macizo que, xunto cos cantís de Budiño, conforman un bo escenario para desenrolar a comunión coa natureza, e para sentirnos parte desta terra e deste tempo que nos tocou vivir.

Por iso aledeime de madrugar nesta xornada, a pesares de que non eran moitas as horas que me afastaban da troula da véspera, para xuntarme cun feixe de bos e xenerosos cos que marchar polos camiños do Galiñeiro, e denunciar a terrible ameaza que, xunto ás plantacións de especies foráneas e proliferación de canteiras, supón o proxecto da construcción dun parque eólico que modifique, de xeito irreparable, a paisaxe, flora e fauna deste entorno singular.

Ás nove e media xa estaba na Pasaxe para sumarme a ese anaco da miña cobertura emocional que din en chamar Eivadiños, pois xa estaban alí, ás portas do café onde remataron tantas xornadas de escalada, os meus queridos amigos do Casal de Sistelo, os señores Botas, a nómade e sempre amable Salomé, o compañeiro do metal Alex Alén, e o meu caro Nacho, anteriormente coñecido como Tesorito.

Non paraban de pasar continxentes de aguerridos montanbikeros, como os dun curioso clube chamado “Bici Osos”, e sendeiristas que collían a ruta do PRG-1, cara ó parque forestal, mentres nós espertabamos a golpe de café. Chegou tamén Xacobe, que mostraba con orgullo a publicación dunha das súas mellores fotos, titulada “Risas e loito”, na revista Magazine. Grazas ó seu acerto para retratar ás vellas de Sistelo gañou impresora e cámara no concurso o noso Eivadiño ¡noraboa!!!.

Mentres almorzabamos chegou tamén Cari, outra eivadiña ocasional, que sufrira con nós polos carreiros xeados da Peneda e polos toxais agrestes de Gargamala, acompañada dunha amiga; Miguel, peza indispensable das nosas andainas, viña tamén acompañado por Josafá, e puña á nosa disposición o transporte de tropas: a Vivaracha. Nela levounos Panette ós máis folgazáns, mentres o resto do grupo subía polo sendeiro, uníndose a unha morea de xente destemida ó desnivel.

Moita xente se amoreaba nas inmediacións do parque forestal, e había un mundo de coches que os voluntarios da Plataforma pola defensa do Galiñeiro distribuía ó longo da pista. Moita xente coñecida a que facía tempo que non apertaba, como o meu antigo veciño Lito, polo que semellaba que non pasaban os anos e que, pola contra, facíame pensar no que miraban ós seus ollos, aquel neno que fun convertido nun Peter Pan agochado no corpo de Peter Griffin.

Atopei tamén, entre a multitude, a vellos compañeiros de cordada, como Quique “o moro”, xa peiteando canas, e a outros daquela xeración que se abrían paso para firmar contra a instalación dos muíños de vento.

Tamén había unha nutrida representación de aqueles cos que compartín camiños en diferentes etapas da miña vida. O meu querido mestre Zalo, que me abriu as portas do Club de Camiñantes, a carón de quen descubrín o canón do Tera, as escarpas do Vez e da Mizarela, o cordal dos Ancares e as terras do Coura. Víctor, bo amigo do Casco Vello, co que compartín un breve treito en Congostra, acompañado ca súa filla Nerea, e a súa neta. E tamén coa súa filla estaba Flores, eivadiña e camiñante, disposta a inzarse ó cumio do Galiñeiro para berrar contra a ameaza dos eólicos.

O tempo tamén ameazaba, comezaba a poallar e facía un algo de frío, a néboa cubrindo a escola de escalada, pero isto non desanimou ó milleiro e medio longo de xente de boa fe que comezou a ascender cara o refuxio de Montañeiros Celtas, que eran a parte máis visible da organización. Máis ou menos agrupados partimos os Eivadiños, no medio dun mar de homes e mulleres que ateigaban a ruta reivindicando, unha vez máis, que Galiza non se vende (ou, polo menos, que non queremos ser cómplices, co noso silencio, desa venda).

Conforme avanzabamos pola pista forestal seguín descubrindo caras coñecidas, algún vello compañeiro do Club de Camiñantes, coma Antonio Bahamonde. Atopei a Eva e Araceli, veciñas de Bembrive, que botaban en falta a algún veciño de Castrelos co que adoito a percorrer camiños sonoros e ás veces (pero menos) tamén algunha xeografía cércana. Pasaban canda nós xentes dacabalo ou en bicicleta, aínda que estes non o tiñan do todo fácil para circular entre a marea humana de camiñantes, e menos cando deixamos a pista e acometemos o desnivel de pedras soltas que vai cara o vértice xeodexico.

Preto de chegar á nosa meta, onde se faría lectura do comunicado, atopei a Mariano, que chegou un día da miña man o Club de Camiñantes para quedarse e ser un dos seus principais activos, aínda que leve un tempo afastado polos efectos secundarios da paternidade. Coincidiu esto cunha chamada de Anxo Rial, outro dos que me ensinaron anacos do paraíso agochados, e lembramos as tardes en que partillabamos ó carón do granito, nun tempo inesquecible.

Vin máis xente do meu afecto, e repartín bicos e apertas a Martola, a Dani Santamaría, a Eva, a Beiras... e a outros coñecidos de Celtas, Trevinca, Congostra, Nómadas, Camiñantes e de máis familia montañeira. Nin me decatei de que terminara o acto, en medio dunha espesa néboa, ata que o vento a esvaeceu e comezou a chover arreo.

Fillemos xuntanza de eivadiños, e xunto con Anxo e Mariano comezamos o descenso polo camiño que vai cara o Lombo do Raposo, por onde non fai moito subira coa Criatura, Miguel e Alex, nunha desas saídas improvisadas as que estamos afeitos. Seguía marabillado do feixe de xente que acudira a convocatoria, e aínda que baixando semellaba un exército en retirada, pensaba que algunha batalla tiñamos que gañar. Así llo dixen a García Crego, co que compartín un pequeno treito, que tan ben sabe que a loita que se perde e a que non se da.

Tamén fixen un pequeno traxecto con Iolanda e Zalo, que camiñaban o carón dunha boa representación do seu clube, que sigo sentindo como unha parte importante da miña vida montañeira. Non esquezo que foi Zalo o que me levou outra vez ós camiños, despois dunha boa tempada no inferno. ¡Grazas, mestre!.

O derradeiro traxecto fixémolo por un anaco do PRG-2, que vai cara ó Aloia, e lembrei a vez que fixemos unha andaina nocturna por ese sendeiro cos compañeiros de Congostra. Cantas lembranzas, e todas boas. Como as deste día na que o monte amoreou pegadas solidarias do sentir cidadán en contra das políticas agresivas co medio ambiente, so polo afán dun lucro que puxa por afianzar a noxenta economía neoliberal.

Antes de despedirnos do Galiñeiro puiden darlle unha aperta a Marcos, que andaba moi ocupado na organización do evento e que nos confirmou que eramos a lo menos mil cincocentas almas. E tamén a Conchi e a Candela, que me deron moi boas noticias e as que desexo o mellor.

So restaba organizar o xantar, cousa importante para os Eivadiños, así que mandei o Miguel para que fixera vangarda coa Vivaracha e fora reservar en Peinador, mentres eu baixaba co Anxo no seu tanque a recoller á Capitana e mailo Morris, que so se sumaran a protesta de corazón. Aínda tivemos que facer algo de conducción todo terreo para esquivar o tráfico incesante de vehículos e persoas, e revivín os tempos nos que andabamos os dous Anxos na procura dunha rocha seca a que inzarnos.

Rematamos comendo no “Cuevas”, na estrada de Peinador a Redondela, case unha ducia de Eivadiños e achegados: os señores Botas e a comandante Nómade, Tesorito, Anxo Rial e Xesús, a miña Capitana (ou o que restaba dela), Miguel Panette e Josafá, e este apóstol do Apocalipse que subscribe. Penso que non comemos mal, unha fritada de peixes, polbo á feira e xamón asado, e que bebemos mellor, xa que foron varias as botellas de Pingádelo que baixamos, e mesmo houbo variado de sobremesa, café e chupitos.

O día non deu para máis, ou non deu para menos. Xornada reivindicativa e festiva, que houbo tempo para todo, aínda que non sei se como para contabilizala como convocatoria propia (a pesares de que tampouco sei que carallo importa se conta ou non conta). En fin, creo que a crónica era pertinente, aínda que se me apurades tamén me podo por impertinente...

PD.- A foto premiada de Xacobe podedes vela aquí:

http://concurso2010.magazinedigital.com/accesits/jacobo-casal/

Publicado por eivadiños en 7:36 3 comentarios

E195 Máis alá do Monte Faro (Valença)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 6 de febreiro do 2011

No medio das tebras soaron una sucesión de detonacións, quizais disparos de distintos calibres que estaban buscando o meu peito ou a miña cabeza, onde fixeron estragos inmediatos a pesares de que o impacto, a lo menos físico, era fácil de reducir: bastaba con neutralizar ó francotirador. Este agochábase baixo un diminuto trebello mecánico, un deses teléfonos móbiles dos tempos da última guerra, que adoito empregar como espertador cando me sorrí a sorte e non teño que durmir no meu refuxio.

Aperteime contra a tenrura que tentaba alongar o soño ó meu carón. Eran poucas, non chegaban a catro, as horas que transcorreran dende que deramos por rematada a troula da noite, e os efectos secundarios eran ben coñecidos, aínda que non por eso menos contundentes. A piques estiven de mandar o mundo ó carallo e confundir o meu corpo co da miña compañeira, e mergullarme outra vez nas augas tranquilas da inconsciencia, e dinme outros trinta minutos de tregua ata que, non sei por que estraño mecanismo, o meu corpo abandonou a preguiza e ergueuse, e non tiven outra que acompañalo.

O teléfono xa adquirira vida propia e andaba a facer conexións coa metade do planeta, mentres eu tentaba atopa-la roupa que xogaba comigo ás agochadas mentres as explosións que me espertaran atoparan unha boa caixa de resonancia dentro dos meus miolos e se reproducían nun milleiro de agullas. Conseguín, nun tempo record, vestirme, desfacerme dos abrazos tentadores, saltar pola fiestra, conducir ata o meu refuxio, espirme, volverme vestir, encher a mochila, baleirala e volvela encher, facer outra demostración de conducción temeraria e recoller á Criatura, que non estaba en mellores condicións que eu, no seu acubillo.

No Concheiro xa estaban as tropas reunidas, os Señores Botas e Cachoriño From Hell, Vicki, que quería darnos outra oportunidade a pesares das malas experiencias, e Mili, que aínda non daba crédito á nosa fórmula, aínda que lle resultara simpática. O Miguel, coma case sempre, chegou pasada a hora da convocatoria, pero compensou co transporte de tropas, xa que puña á nosa disposición á Vivaracha.

Agradecín que nos puxeramos dacordo na próxima etapa nun tempo record, e que non tivera que guiar a ninguén ata alí, xa que se hai algún sitio de sobra coñecido entre as nosas tropas ese é o Stop. Tentei durmir ata San Pedro da Torre, mentres Panette nos agasallaba coas melodías amables de Anneke, a ex-vocalista do grupo holandés The Gathering, que nos deleitara coa súa voz unha semana antes en Braga. E botei unha desas sestas por fascículos, nas que non fun quen de sustraerme do eco dos disparos que aínda soaban na miña cabeza, na lembranza das moitas guerras nas que combatín, sempre seguro de perder.

Na mesa rompeuse o consenso, pero só no menú, e non fomos quen de rematar con todo o que se dispuxo en riba dela: arroz tamboril, malandro con panados, e máis cabrito. No que non houbo queixa foi en pornos en mans dos Señores Botas para que nos guiaran polos montes máis pretos, pertencentes ó concello de Valença, co aliciente de visitar o mosteiro de San Fins. Eu só pedín que tiveran en conta as poucas horas que durmira e que, para engadirlle dramatismo, tiña quenda de noite e non podía estirar moito a xornada (aínda sabendo que, ó final, a culpa era miña por andar de can ata horas pouco aconsellables).

Así que os nosos amigos do Casal de Sistelo propuxeron dar unha volta polo Monte Faro, que non estaba moi afastado de alí, e despois de mandarlle uns cafés ben cumpridos, puxémonos en marcha cara alí. Eu tentei botar outra sonequiña, e cando me decatei xa estabamos aparcando, ainda que non no lugar que eu pensaba, na Capela da Nosa Senhora do Faro, senón pola parte “traseira” do monte, no lugar de Melim, moi preto dunha granxa.

Aínda así quedábamos un bo cacho ata chegar ás antenas, e ademais costa arriba, pero o grupo arrancou con forza, tanto foi así que ós poucos metros xa me levaban unha boa vantaxe. Eu tamén puxen da miña parte, caín ó chan como se me metesen chumbo no bandullo, erguinme para alixeirar a vexiga dun líquido que semellaba unha das tostadas da véspera, botei un peido campión para que me axudara co desnivel, e a piques de renderme a pendente se suavizou e sorprendeume a unha grea de cabalos que miraba para min con compaixón. Chisqueilles un ollo, e despois os dous, e cando xa os tiña atrapados dentro da miña caixiña máxica apurei o paso e busquei os meus.

No medio das súas mofas chegamos ó cumio do Monte Faro, sementado por unha ducia de grandes antenas, e aledeime de que a metade do grupo nunca chegara ata alí e que se demoraran en curiosear entre aquela paisaxe de ciencia ficción, porque me permitiu tomar folgos para afrontar todo o que viña despois, que algo me daba no nariz que era moito. As miñas pernas foran espertando na subida, e agora tiñan que demostrar que eran quen de sosterme na baixada.

Aquí saltaron algunhas alarmas, cando nos vimos diante dun cortalumes cunha inclinación considerable, un barranco estragado polas riadas que era unha sucesión de pedra solta, fochancos enlamados, e lousas esvaradías. Vicki laiouse da súa mala sorte, xa que non houbo ocasión que se sumara as nosas expedicións e non rematara no medio dun mar de toxos, cruzando ríos con moito perigo ou camiñando, como nesta ocasión, por algo que non entraba nas distintas acepcións de “camiño”. Ser coma fora, seguimos á nosa comandante e superámo-lo desnivel, aínda que a min o que máis me preocupaba e que todo o que baixaramos, que xa era moito, tiñámo-lo que subir nalgún momento.

Ó chegar á fraga, unha vez que saímos do barranco, din outra vez cos meus osos no chan, por se me concedían unha tregua ou, a lo menos, a nosa guía replantexaba as súas intencións, pero pasaron todos diante miña con grandes risas, e so pararon un chisco a Criatura e Mili que, cámara en ristre, deron en disparar sobre a miña triste persoa, coma si fose unha alimaña abatida ou unha besta esgotada de tan vella. ¡Que bonito o de facer leña do árbore caído, malandríns!.

Erguinme, máis que porque me volveran as forzas por non rematar no feisbuc dalgún, e uninme os señores Botas e o Miguel, que foron a vangarda da expedición as máis das veces, para chegar xuntos á Capela de Santo Ovidio, o patrón do VHS. Aquí si, dixenme, haberá parada e fonda, xa que o día era o apropiado para gozar das panorámicas que ofrece esta atalaia de preto de catrocentos metros, pero nin con esas. Non botamos nin cinco minutos ó carón da pequena capela e a nosa guía xa estaba tanguendo en nós para coller o camiño de San Fins.

Decatámonos neste treito de todo o que ardera o monte Faro nos derradeiros anos, e os estragos que o lume e as riadas posteriores fixera no camiño, que estaba espallado de grandes fendas onde a terra se fundira e deixara un feixe de pedras que nos dificultaba a progresión. Aínda que estremamos o coidado, houbo quen, como o noso Cachorro, que deu cos seus reais no chan, aínda que como é un rapaz novo e non saíra de troula coma outros, caeu con elegancia e erguese como un raio sen queixarse nin un chío.

Seica fai uns anos que, no mesmo día, Vicki e Xaime descubriran o antigo mosteiro benedictino de San Fins, ou máis ben o que queda del, e aínda así un algo de emoción tiveron que ter ó volver traspasar os seus muros. Os que nunca viran tal cousa, coma Miguel, Alex e Mili, non eran quen de conter o seu asombro ó contemplar estas pedras centenarias, marabillados con este enclave onde a máxia semella posible. Eu mesmo, que xa estiven un feixe de veces neste lugar, non deixei de volver a enfeitizarme co entorno, onde se mesturan as pegadas dos meus seres queridos, os do pasado e os do presente.

Os que semellaba que non estaban para tantas emocións, e aínda así tiveron que aturar que remataramos a modo a nosa exploración do mosteiro, eran os señores Botas, a quen non lle daban as horas para completar a ruta proxectada, así que cargamos a mochila ás costas e seguimos camiño tras eles. Unha pequena paradiña no camposanto que se atopa moi preto dalí, dende onde tivemos a derradeira visión de San Fins, e démoslle as costas para encarar un curto tramo de asfalto.

Deseguida deixamos o piche e tomamos un camiño ¡en costa, coma non! que nos levou a seguir pola ruta dun GR moi ben sinalizado. Non deixaba de sorprenderme a capacidade de Yuka para ir deseñando novos itinerarios en base ós xa existentes, pois xa fixeramos parte dun par de trilhos e este, o de gran recorrido, era o terceiro, e aínda nos quedaba moito por diante.

Ós poucos chegamos a Quebrada, onde a boa fe que espertamos algún comentario entre os rapaces que atopamos ó noso paso ¡sao malucos estes galegos!. Máis foi visto e non visto, porque así como entramos saímos, sen levantar nin un balbordo de cans. Máis rápidos que Speddy Gónzalez.

Eu andaba, ademais de escarallado polos meus moitos pecados, algo amolado cas intencións da señora Botas, cando me decatei de que estabamos a darlle as costas ó Monte Faro, onde estaban os nosos vehículos, ademais de que semellaba que tiñamos que salvar un desnivel considerable.

Para resolver as miñas dúbidas a nosa guía abandonou o camiño empedrado por onde sairamos do pobo, e preto da Ribeira do Fojo deu por seguir o cauce a montante, cara unha portela que, si ou si, estaba alta de máis para as miñas forzas. Pasamos o carón dos restos dun muíño que nos deu a importancia das crecidas en este río, e mesmo moi preto dalgún salto de auga fermoso, que remataba nunha poza apta para mergullarse nela, aínda que non estabamos tan destemidos como para que nos tentara.

A subida resultoume un chisco máis dura do que pensara, pero os amigos do Casal de Sistelo non estaban para compadecerme, e comandaron o ascenso sen darnos tregua. Tiñan boas razóns para facelo, xa que o sol esmorecía tralas montañas e éranos preciso o tempo. Doutra volta terra e tempo e máis nada, como nos tempos primixenios, un fato de homes e mulleres na procura do lume, que estaba a esvaecer tralo horizonte.

Para atrapar o seu derradeiro alento empregámo-lo noso, e inzámonos, nun esforzo case sobrehumano, ó Alto de Teares, no medio dunha fraga queimada por onde divisamos varios focos de destrucción. Era aquel un aviso do Apocalipse, e deunos certo respecto erguernos por aquel caos de pedras soltas e con inclinación máis que severa, e mesmo a nosa guía, predecindo unha insurrección, tivo que xurar que aquela era a derradeira, e que non tiñamos máis que deixarnos caer para chegar ós nosos vehículos.

Non caemos, aínda que estivemos a piques, e a poucos foron esmorecendo as protestas, especialmente do Cachorro, que viña sufrindo na baixada aqueixado dun xeonllo, e de Vicki, que non consideraba que o noso fora unha simple saída de domingueiros.

E así foi como rematamos, e así remato o meu relato.
Publicado por eivadiños en 14:48 0 comentarios

E194 Camino natural do Baixo Barbantiño (Punxín)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Sol, 30-01-011.

Barbantiño, agasallos de augas espidas de prepotencia

Caramba carambita!!, quen me ía dicir a min cando me erguía esta mañá sen moito talante camiñante os agasallos múltiples que acabaría recollendo?, unha vez máis os misterios e as sorpresas da vidiña actuarían para que esta camiñante recibira unha boa dose de diversas emocións, desas que asentan e apousentan e que pasan aos arquivos de vivenzas gratas no camiño.

Coma case cada domingo quedamos ás 12,15 no Concheiro para compartir unha xornada tipicamente Eivadiña. Cando cheguei Anxo xa esta alí con Xaime, había moito que non viña e alegreime de darlle unha aperta e de que se dera a oportunidade de compartir pasos e camiño sen ter aínda nin idea de a onde iriamos desta vez. Mentres fun ao coche a recoller a miña mochila chegaba tamén Isa, carai!, hoxe estaba sendo un día de sorpresas pois había moito que non a vía, alegreime tamén de que decidira acudir para patear camiños e para pornos ao día nas nosas cousas. Chegada de Dalia, outra que tamén había tempo que non se pasaba polo Concheiro. Como faltaban Alex e Panete nos dividimos en dous coches, eu fun con Dalia nun traxecto que se fixo curto dada a calidade das nosas conversas, e os demais na mega furgoneta de Miguel. Os Senhores Botas e Montse nos esperaban na Casa Casal, en Quins, lugar que xa se está convertendo en costume máis que en excepción, onde teñen un cocido riquísimo e o seu incomparable e insuperable licor café.

Así que dez eran dez e dez foron os que se xuntaron ao redor dunha mesa para xantar. Eu tiña un día excesivo así que din conta dese cocido con ganas e fame, sen privarme de nada, e mesmo me permitín tomarme dous cafés cos seus chupitos de licor café acompañando, amén da botelliña que merco cada vez que paso por alí. Nese momento me importaba ben pouco que a pateada me pasara factura por te-lo bandullo cheo, adiqueime a disfrutar do xantar como había tempo que non facía, e xa vería qué facía cando chegara a quenda de camiñar!. Os dez pareciamos unha family ben avenida, con ese bo rollito que soemos ter, o Anxiño e máis eu estabamos cada un nunha esquina e de cando en vez se metía comigo e eu con el, hoxe o seu humor era excelente, a pesar de que foi de concerto chulo a noite anterior portáronse ben e non se deitaron a horas moi escandalosas e iso se lle notaba no ánimo.

Tras pratos doces e cafés erguemos os cus dos asentos, aí foi cando me enterei que voltabamos ao Barbantiño. Ahh!!, qué alegría!!, nunca me canso dese río e das súas ofertas sempre xenerosas, alegroume moito, a estas alturas podería dicir que xa somos vellos coñecidos e sabía que con bandullo enchido ou baleiro ía pasalo de fábula. Así que cara alí enfiamos desexosos de poñer aos corpiños en movemento.

Eu hoxe sentíame algo cansa e sen moitos ánimos exaltados, diso xa habían tido unha boa dose o domingo anterior, así que as miñas enerxías eran repousadas e tranquilas, pero non quería deixar pasar a oportunidade de saber da xentiña á que había tempo que non vía así que as propias ganas se foron instalando e sacáronme dese letargo entre desexoso de estar comigo mesma xunto coa comilona copiosa que estaba a facer a dixestión, para acoplarme a un intercambio de conversas nas que as aperturas se deixan sentir por dentro e por fora, acompañados deste río fabuloso e dador constantemente ao noso carón.
A pateada era amable, este era un día no que todos estabamos con todos a pesares de que cada quen andaba ao seu aire, o pelotón de dez bastante espallado, pero a un tempo facendo tamén intercambios de persoas, agora con uns, agora con outros, agora un consigo mesmo... Moitos fotógrafos hoxe!!, o día e a luz dese lugar tan especial provocábaos a disparar unha e mil veces tentando recoller as distintas emocións que lles rulaban por dentro.

Pero o que me gustou especialmente e o que máis agradecín neste día foron as dúas carantoñas que o meu amigo me fixo na cabeciña, e as fotografías que a Senhora Botas nos fixo mentres nos dabamos unha aperta na que a apousentei no peito que me acollía. Foi un momento moi especial no que a amizade se torna en algo chamado confianza e orgullo de poder abandonarse ao afecto sen pórlle palabras senón unha enchenta de sentimento. Qué sorte temos!.

Encantoume todo o que me contaba Isa de si mesma, e aínda que todos temos problemas no noso día a día, os de Isa non minguaban un talante de autoestima elevada e de bo momento persoal, tiña tódolos síntomas: ollos vivarachos e alegres, sorriso doado de deixar saír, contentura, gústame ver aos amigos así. A Xaime se lle vía disfrutar dende o primeiro momento do camiño, sei recoñecer a un camiñante e Xaime adora a Natura e sabe recoller as súas bondades. Hoxe estiven pouquiño co meu Alex, sentámonos xuntos no xantar e algo falamos, pero nese momento non parecía esperto de todo, jaja!, así que adicámonos a falar sen moitas seriedades. Cos Senhores Botas apenas algún comentario no camiño, definitivamente hoxe os habituais andabamos a nutrirnos noutras polas, os amiguiños máis queridos saben aproveitarse das oportunidades e os intercambios que se posibilitaban hoxe e foron ben aproveitados por todos. Con Montsiña un tanto do mesmo, afecto exposto e indudable pero como que hoxe cada un repartía as súas enerxías con conversas económicas, e económicas quere dicir non compartir nin de máis nin de menos. Encántame!!.

Por certo........, quen ou quenes foron os que paparon o chocolate???, porque ninguén dixo nada, claro!!, galdrumeiros!!.

Non quixera repetirme hoxe, é o que teñen as crónicas, é o que ten patear pola natureza. Se fosemos xogadores de bolos falaría con outra xerga pero vai ser que cada afección ten un léxico identificativo e acaban saíndo moitas emocións semellantes aínda que eu penso que nunca iguais. Así que é inevitable que volva a eses magníficos muíños, a maioría restaurados, impoñentes, todos moi grandes, seguramente colectivos. Esa fraga viva, exultante, verde, presenza de ocres dispostos nun manto cubrindo á terra. Das augas habería que escribir un capítulo propio de tan intensas, potentes, calmadas, serenas, activas, a borbotóns, en fervenzas, acompañantes, presentes, semellando frías e prometendo cálidas. En fin!!, sería moi impúdico dicir que é un orgasmo para a vista e os sentidos o que oferta o Barbantiño??, tenno todo!!, é un río completo, orgulloso, que se mostra, que se da, e o que lle da a quen pasa polos seus dominios produce tanta ledicia e paz interior que un se abre e admira ao Barbantiño, e así é como nunca perde a súa beleza viva. É un auténtico luxo pisa-las súas terras.

Púxenme romántica, é o que ten andar coa sensibilidade deixándose ser vulnerable, é pola confianza que teño con quen camiño, pero tranquiliños que xa se me pasou, ja!!. En fin!!, que foixe un paseiño a mar de completo. Anxo e máis eu estivemos a falar disto hoxe, o meu aprecio pola fórmula Eivadiña gaña en afecto e adherencias, teño a este modo de comunicación en moi grande estima, tremo cada vez que Anxo fala de que está canso aínda que aprendín a recoñecer cando o dí e qué outras variables están intervindo, unha moi importante é a cantidade de horas que durmiu antes dunha saída. Sempre admirei que Anxo, Alex, Panete, Xaime e algún outro e outra tiveran a capacidade para erguerse cada domingo dada a afección e aprecio que lle teñen á noite, o mundo nocturno, eu estou segura de que non podería con tanto

Tamén vexo como se converten en camiñantes en cada roteiro, o que lles aporta, o que disfrutan, iso é o que nos une a tódolos Eivadiños. E a partir diso nos unen un montón de cousas máis. É o grupo onde sen dúbida algunha hai máis confianza de todos cantos coñezo, e iso para min é impagable, moi moi valorable e o que converte a unha unidade coma é un grupo en subunidades íntegras que se chaman unhas ás outras amigo.

Tal vez un chisco curtiña esta crónica, pero creo que o deixo aquí. As veces un texto de poucas palabras é mellor, será que non necesita de tantas xa que se dixo todo o que se quería dicir. Ata vernos, amiguiños.

Salo.
Publicado por eivadiños en 16:31 0 comentarios

E192 Ruta da pedra do lobo (Covelo)



Sol, 16-01-011.

Novo reencontro Eivadiño. Alegría, alegría, alegría......, de atopar aos amigos, levaba unhas cantas semanas sen unha saída dominical. Punto de encontro, a Amaquía. De camiño ía escoitando música a todo volume, cantando melodías que espertaban desexos de apertas próximas, sacando un sorriso que anticipaba o que xa levaba instalado en min, o aprecio á xentiña coa que compartiría conversas e pasos, camiños novos ou xa vividos, igual me daba!!, o humor que me ocupaba era tan expansivo coma o roteiro que acabaríamos facendo no máis puro estilo Eivadiño, coa improvisación como aliada e coa seguridade de que como Fuenteovejuna, todos a unha!!.

Cando cheguei co meu coche recén estreado, tan bonitiño el, sen unha soa abolladura, pintadiño que daba gusto, o meu orgullo!!, e escoitando a Queen, negándome a baixar del mentres a canción non rematara, Nacho e Loli xa estaban dando conta dun almorzo digno, co seu zume de laranxa e as súas tostadas, mentres Mónica ficaba fora con "Golfa", a súa cadeliña, con entrada restrinxida no Amaquía. Xa que había almorzo abundante eu non ía ser menos hoxe, así que para min un bo café dobre cun Donuts de chocolate ben grande e delicioso para acabar de endulzar o meu estado de ánimo, inmellorable e insuperable. Estaba realmente contenta.

Foron aparecendo Anxo, cunha cariña de trasnoitador en toda regra, tivo que ser "mortal" a noite porque tardou en recuperar a noción ata de onde se atopaba ás 11,15 da mañá dun domingo que anunciaba chuvia. Os Senhores Botas asomaron tan só para aprovisionarse dos manxares do Amaquía pois nesta ocasión tiraban para Ourense con Montse e Lourdes. O meu querido Panete, con mellor cariña que Anxo a pesares de que este dixo que el e Alex igual viñan "perxudicados", pero o máis perxudicado seguía a ser el, jajajaja.... E o derradeiro en asomar pola porta foi Alex. Así, nesta ocasión iamos ser sete Eivadiños e Golfa os que transitariamos caminiños bonitos e nutridores. De entrada, ninguén quería algo "duro" senón un roteiro amable e tipicamente domingueiro, non moi lonxe porque tampouco había moitas ganas de mollarnos, e a decisión foi enfiar ata Covelo e facer o roteiro dos Carranos. Pero ete aquí as sorpresas da vida e o talante investigador e flexible dos Eivadiños, atopamos en Covelo un indicador que anunciaba a ruta "da pedra do lobo", curtiña pero con moi boa pinta, río, fraga. Imos aló!!!...... E que ben nos saíu a decisión de facela!!, porque a intuición de Anxo non puido ser máis acertada, qué bonita!, qué augas, qué vistas e qué boa comunicación entre nós!.

Non teño palabras para o ben que se ía na parte de atrás da furgoneta de Miguel!!, qué acolledora!!, coa súa mantiña e todo, non lle falta detalle. Anxo e máis eu poñéndonos ao día, bueno!!, máis ben poñéndolle eu ao día das miñas trasnadas, peripecias, investigacións, delicias, decisións e aperturas, toda unha gama de vivenzas e de novos momentos que me teñen moi entretida e co ánimo desbordando afecto, con ganas de compartirme e de transmitirlle aos meus amigos esta enerxía tan optimista que me ocupa, que para iso me teñen aturado doutros xeitos nos que sempre fixeron un despregue de paciencia e de consideración para esta "lunática lúcida" que escribe.

Qué entrada no roteiro, meu Deus!!, precioso espazo no que o río ocupaba sen ningunha dúbida un espazo propio, preto, un muíño restaurado, pozas plenas. Nacho, Loli e máis eu tiñamos algo de presa por empezar a patear pero o Anxiño chamounos a atención: e que non pensades detervos para apreciar o que temos diante ou qué??, e coma nenos pillados en falta desandamos os pasos para pasearnos polo que natura ofrecía con tanta abundancia mentres estes tres ingratos ían pasar de largo sen adicarlle unha mirada. E ben que valeu deternos un ratiño aí antes de empezar a patear porque verdadeiramente o espectáculo natural agasallounos pousar a respiración e abrirnos á escoita do latexo da vida que aí se daba.

E así, xa "sintonizados" os ambientes internos co ambiente externo, empezamos un ascenso que nos levaría a un bosque de pinos rubios, peculiarísimos, os seus troncos tiñan ao longo da súa altitude moitísimas ramas adosadas que lle daban ao bosque un aspecto moi especial, distintivo, diferente e fermoso, ofrecían unha paisaxe que eu polo menos nunca experimentara, dunha harmonía extraña.

O roteiro estaba moi ben marcado, distinguido pola pegada dun lobo nunha forte cor vermella, orixinal, gustoume moito unha foto que Anxo recolleu coa súa mirada tan especial para sacar a mellor parte dunha imaxe. A todos nos estaba gustando moito o traxecto. De camiño, dúas mámoas, e unhas vistas insuperables de tan bonitas e expansivas, abarcantes, amplas. Panete comentou o gran parecido ao Courel, e si, era certo, dende logo aí non había nada que envexarlle ao Courel, e tan preto de casa!!.

Conversas íntimas no camiño, desas que seguen a facer medrar vínculos. Silencios e conexións cun mesmo tamén. Ete aquí que Anxo fai unha preguntiña: acordástesvos de trae-los bocatas???.... Ai!!, Miguel e Alex se quedaron en suspenso!!..., vai ser que non!!, e vai ser tamén que Mónica, Nacho, Loli e máis eu teriamos que facer repartos alimenticios para os bandullos, jejejeje.... Ata o derradeiro momento Alex pensou que o Anxo estaba a bromear, e este, jalopín, trasno!!, tampouco o desenganou ata o final.

Antes de comer os meus amigos ascenderon un aire que levaba ao alto dun coto mentres eu ficaba abaixo esperando, a pateada que fixera o día anterior me estaba pasando factura nas miñas lumbares, insistentes e persistentes, facendo recordatorio constante de que hoxe ía ser que non podía facer das miñas, a saber, saltos de cabritiña, ascensos ás árbores para colgarme coma unha moniña e movementos que para min son naturais pero que nos últimos tempos se transformaron en movementos que identifico como demasiado bruscos como para poder facelos.

Detivémonos a xantar nun pequeno claro co río facéndonos compaña con sons agradables e chuvia caladiña, miúda. Entre todos fomos quen de xantar decentemente, repartindo as viandas coma bos amigos. Este Nacho está mal acostumbrándome!!, ese viño delicioso co que nos obsequia e que me sabe tan ben!!, o detalle de transportalo para compartilo. Chocolate obsequio de Mónica e tarta de mazá cortesía de Alex. Vaia vaia...., qué ben se come no monte.

Como non!!, discusión acalorada co tema rei nos derradeiros tempos: argumentacións fumadores versus non fumadores, tema sacado por Alex e no que todos nos embarcamos a discutir, uns máis acaloradamente que outros mentres Anxo ficaba máis mudo co tronco no que estaba apoiado, se ve que o temiña non era do seu especial interese, se estaría divertindo vendo coma cada un dos seus amigos esgrimían as súas argumentacións?, xa me contarás que se te estaba pasando pola cabeciña mentres as voces subían de tono, rei!!.

Un derradeiro aire que nos levaría a un cruceiro no que as vistas apaciguaron os ánimos exaltados, foto bonita de Alex facendo monicadas acompañado por Loli e Salo ao pe da cruz que alumbraba un val fértil e xeneroso decorado de verdes e ocres invernais, campos e casas custodiados e amparados por un monte xeneroso, enerxía especial nese lugar, si señor.

E chegada!. Curtiña pero grandísimamente agarimosa. Aínda nos detivemos no río porque Anxo quería sacar unhas fotiños bonitas, escumosas, de tonalidades brancas que se saían da cámara de tan impactantes. Paramos na rectoral de Fofe a toma-lo café. Quedamos fora para acompañar a Mónica e a Golfa, e alí coñecemos a unha cadela grande e preciosa chamada "Sira", seica houbo oportunidade de resarcirse doutros momentos menos alegres que se diluían hoxe coas risas deste momento, isto só lle pode pasar a alguén cando se merece "unha xustiza" que eu chamo universal, esta sempre chega e un nunca sabe de qué forma, pero chega para apaciguar corazóns que conteñen o máis valioso que un ten, unha alma afectuosa e solidaria. Para desfacer as posibles desfeitas que un non se mereceu nunca.

Aínda nos detivemos en Maceira a tentar averiguar dun novo roteiro duns seis quilómetros que abriron hai un par de meses, "a ruta da auga", pero chovía e por hoxe xa nos chegara o pateo, para outra vez será!!, seguro, hai posibilidade de unila coa dos Carranos e pode quedar unha rutiña xeitosa e deliciosa de percorrer. Todos tiñamos a sensación dun día moi ben aproveitado, cundiunos ben a decisión de enfiar cara a Covelo, terriña repleta de bosque amplo e río orgulloso, un Tea que nunca defrauda.

E alá nos fomos cara a Puxeiros onde tiñamos os coches. Uns para Vigo, outra para Cangas. Desta vez seica que vai haber máis dunha crónica, desexando ler a creatividade dos meus amigos.

Grazas polos gratos momentos compartidos, querid@s, qué sería de min sen vos, amigos!!.

Salo.
Publicado por eivadiños en 18:14 1 comentarios

E191 Sendeiro do río da Fraga (Moaña)



Domingo, 2 de xaneiro de 2011

Non estamos feitos de outra cousa que de lembranzas e de soños, e así o pasado e o futuro son o combustible necesario para as nosas particulares máquinas do tempo, as que nos fan erguer pola mañá, aínda que non teñamos obrigas laborais nin doutro xeito, e as que moven as nosas pernas, corazóns e linguas, fabricando afectos e rancores, abismos e naufraxios, resplandores e tebras.

Somos tempo e somos terra, e para non esquecer que algún día volveremos a ela recoñecémola, debuxando mapas máis emocionais que físicos, aínda que tamén, e nela mesturamos as lembranzas e os soños para darlle un sentido a estes días sen sentido nos que medio mundo tolea, máis ou menos coma sempre, debaténdose entre o consumo e a crise, mentres o outro medio, tamén coma sempre, debatese entre mil xeitos terribles de vivir e de morrer.

E así un ano máis, movidos por esa materia coa que tamén xermina o noso imaxinario colectivo, demos en reunirnos un domingo máis na saída da metrópole, inxenuos desertores do asfalto que saben que han volver, si ou si. Non contaba eu con que esta cousa mal organizada e sen obxectivos definidos que, non podía ser doutra, a nosa Chinita bautizou un bo día, nas ribeiras do río Estoraos, como Eivadiños, dera para tanto, nin que a primeira convocatoria do ano estivese tan concorrida.

Entre os, máis ou menos, habituais estaban Alex, o noso Cachorriño aínda convalecente dun arrefriado que, sen embargo, non lle impediu, na véspera, acudir ó primeiro concerto da década recentemente inaugurada, o da New York jazz ska Emsamble (si, claro, eu tamén estiven alí, pero portámonos ben e non teño que facer o acostumado inventario de circunstancias).

Estaba tamén Xacobe, que semellaba en tan boa forma despois dos arriscados cruzamentos do Almofrei e dos moitos quilómetros e desniveis acumulados en terra de Oscos, que mesmo pensamos en retirarlle a condición de eivadiño.

Os reforzos viñeron en clave feminina, nun desas raras ocasións nas que son maioría entre as nosas modestas tropas. A que viña con máis bagaxe na nosa historia era Montse, curtida nas convocatorias máis esixentes do “consorcio” e noutras aventuras alén dos nosos territorios naturais, que non despreza a nosa fórmula nin a dos nosos “irmáns” de Sudando Botas.

Para Lourdes, a súa amiga, era a primeira vez, e de seguro viña algo avisada do que se ía atopar, e que tamén viña sobrada de experiencia montañeira, xa que o primeiro que me dixo foi que tamén se curtira nas filas de camiñantes e congostreños, e quizais nalgún sitio máis.

Vicki viña algo amolada pola derradeira vez que probara sorte con nós, nas terras de Gargamala, e aínda lembraba os picotazos que os toxos lle deixaran nas pernas, pero é unha muller teimuda e quixo darnos outra oportunidade. Non habería toxos este día por deferencia a ela, máis algo de aventura si, porque é sabido que con nós nunca se sabe cando e onde poden xurdir as complicacións.

E para completar este grupo heterodoxo, sumóusenos Mili, da que podo asegurar que leva un bo feixe de camiños ó lombo, dende o Perú ata Nepal, pero a quen as circunstancias tiñan afastado algo das montañas. Ela me trouxo a lembranza de mellores tempos (ou distintos, se queredes) nos que buscabamos escaleiras ó ceo agochadas entre as rochas, e semellaba que eramos inmortais e que nunca houbese un final.

Fixemos acopio de víveres mentres tomabamos un café en Amaquía, un lugar que na estación máis fría está a restarlle protagonismo ó Stop nas nosas citas, e sen máis demora partimos cara a Península do Morrazo, onde nos agardaba Montse, que saíra dende Pontevedra. Aparcamos ó carón da foz do río da Fraga, fronte á praia do Pontillón, que ía mostrarlle os seus encantos ós máis, xa que tan só Xacobe máis eu, de todo o grupo, coñecíamos o sendeiro que avanzaba “a montante” pola súa ribeira ata as abas do monte Xaxán, e que baixaba tamén un bo anaco o carón do río do Beque.

Tras un pequeno paseo entre salgueiros, e doutro pequeno tramo de asfalto entre algúns expoñentes do “feísmo” característico do noso rural, camiñamos en animada conversa a un metro escaso do río, tamén chamado dos Ladróns, afastándonos da vila mariñeira.

Lembreime entón do meu amigo Chapela, cronista dos vellos oficios e das tradicións de Moaña, e pensei que xa é un pouco tarde para chamalo, porque sabendo as súas costumes de seguro estaría xa deixando as súas pegadas polos lugares que, ninguén coma el, ten gravados nunha memoria que ten vocación de colectiva.

O ceo sorríanos cun alento primaveral, e as augas sorrían cantareiras sobre un leito de pedras, e sorríamos nós avanzando entre cativos campos de millo, canavais e prados salpicados de salgueiros e acacias, deixando ás nosas costas o barrio do Rosal e acadando os poucos o lugar de Pozonegro. Aquí atopamos os primeiros muíños, que serían unha constante en toda a ruta, aínda que nunha gran parte deles as súas moas están definitivamente mudas, e os rodicios xa non son quen de moverse agarimosos co alento da auga.

Eu andaba algo curto de batería, así que pregueille a Xacobe que fixera os honores e se puxera á labor. Boa cousa fixen, xa que o rapaz dedicouse con entusiasmo á tarefa, xa que a luz e o entorno eran os axeitados, e mesmo Mili quixo botar un par de disparos ¡non ía quedar recuncho no río da Fraga sen rexistrar!. Esto retrasounos un chisco, e Montse e Lourdes, que ían na vangarda, tiveron que agardar polos rezagados en máis dunha ocasión, pero ¿que tiña presa? Estábamos a disfrutar, creo que todos, co camiño.

Cruzámo-la estrada en Ponte Meira, na linde dos barrios do Pombal e Reibón, onde o sendeiro se estreita e o bosque de ribeira faixe máis tupido, e mesmo fraqueaban as miñas inclinacións apocalípticas vendo aquel grupo de rapazas e rapaces aguerridos, que semellaban un verdadeiro clube de sendeirismo. Espertoume das miñas ensoñacións os berros do teléfono móbil, xa que o Xacobe quedara afastado de máis e dubidaba se cruzar a ponte de Couso e mudar de ribeira ¡non home, non, segue pola marxe esquerda!... os poucos xa estaba con nós, despois de botar unha carreiriña de can.

Pasamos baixo o viaduto do corredor do Morrazo, unha desas “vías rápidas” deseñadas para xogarse o tipo e na que o trazado ben axuda a deixar a pel, mentres o noso grupo camiñaba, paseniño si pero sempre avante, por unha fraga que a poucos enchíase de muíños, case dúas ducias nun tramo relativamente curto, con cadanseu nome: do Torto, da Lagoa, do Rei, de Novas, do Souto... moitos deles en perfecto estado de conservación.

Non en van nesta zona hai unha aula didáctica, onde se atopan varios paneis que expoñen diversos aspectos sobre estes enxeños hidráulicos e tamén sobre outras cuestións relativas ó río. Afastámonos un chisco do río para seguir por un camiño carreteiro onde algúns, como Vicki, dubidan da miña memoria. Ata eu, que fixen este sendeiro media ducia de veces o pensei, ó chegar a estrada, pero non, de seguida enlazamos outro camiño e volvemos ás súas ribeiras.

Despois de cruzar a estrada que comunica Coiro co casco urbano de Moaña, por onde pasa o “atallo” que tantas veces collemos cara os areais de Barra, como ben indica Lourdes, e tras consultar o panel informativo da ruta que está ó carón do asfalto, iniciamos o segundo tramo, quizais o máis fermoso e tamén o máis aventureiro.

A partires de aquí os desniveis se acentúan, e vémonos na obriga de cruza-lo río en varias ocasións. As dúas primeiras por pontes de madeira en bo estado de conservación, aínda que conforme avanzamos constato que o equipamento da ruta, escaleiras, pasarelas e pontellas, están en bastante mal estado. Tanto é así que, despois de pasar preto dunha sucesión de pequenos saltos de auga e pozas que invitan ó baño, ó chegar á fervenza máis espectacular da ruta, atopamos o camiño pechado por unha valla, invitando a dar a volta.

Pero non viñemos ata aquí para abandonar á primeira, así que sáltamo-la valla e buscamos un lugar axeitado para cruza-lo río, xa que a ponte que o cruzaba converterase nun feixe de madeiras apodrecidas. Vicki protestou pola temeridade, pola falta de previsión e por fiarse de nós unha vez máis, pero chimpou polas pedras molladas con tanta gracia coma o resto do grupo, aínda que coa mosca detrás da orella en previsión de máis obstáculos.

E houbo máis de un, porque río arriba era todo unha sucesión de saltos de auga de dimensións respectables, as beiras estaban inzadas de rochas esvaradías e, para darlle aínda máis emoción, a practica totalidade das pontellas, agás unha que foi cruzada por Xacobe e Vicki “a gatas”, estaban totalmente esnaquizadas. Aquí a tropa eivadiña volveu demostrar a súa valía, facendo fronte á adversidade e sorteando canto atranco se lles puña por diante. Mención especial para Lourdes que chimpaba con gracia e decisión polas pedras, con aires de montañeira experimentada.

O esforzo deixounos ó limite das nosas forzas, e aínda que eu pensaba que o Beque era o lugar máis axeitado, e o grupo decidiu facer un alto no camiño para almorzar. Un claro no medio dunha fraga enfeitizada, co sol quentándonos os baixos dos pantalóns mollados, ou os pés dalgún, como o noso cachorro que meteu a bota ata o límite do goretes, cun par de pedras onde asentar os nosos cus, foi o sitio perfecto para papar nos bocatas e empanadillas que mercaramos en Puxeiros.

Vicki quitou unha tableta de chocolate para partillar na sobremesa, e Xacobe fixo o propio cun queixo ben curado, mentres comentabamos a fermosura dos lugares que estabamos a disfrutar e da pequena doses de aventura que, as veces, teñen as nosas saídas ó monte.

Con este aporte enerxético e cos corpos algo descansados continuamos pola beira do río da Fraga ata que este divídese en dous. Cruzamos, por derradeira vez, polo ramal da dereita, e afastándonos del chegamos a unha pista de terra, onde a tropa sentiuse algo máis segura, aínda que seguiran dubidando da miña memoria. Menos mal que a sinalización, neste tramo, era bastante boa, e o pouco deixamos atrás a pista para continuar por un sendeiro bonito por onde as veces se escoitaba o murmullo, cada vez máis afastado das augas.

En animada conversa chegamos ó cámping do Beque, onde prometera unha paradiña para toma-lo café, pero a cafetería estaba pechada e tivemos que seguir adiante para iniciar o descenso a carón do río do mesmo nome. A fraga pola que discorre este regato é tamén dunha beleza indiscutible, e o desnivel ó noso favor acentuou o noso ritmo, de tal xeito que non tardamos moito en acadar a desembocadura do Beque no río dos Ladróns.

A pesares de que o itinerario marcado nos indicaba que a partires de aquí o recorrido era común, non fixemos tal. Cruzámo-la estrada de Coiro e baixamos pola marxe esquerda, nun tramo de singular beleza e moi ben acondicionado, ata a aula didáctica, onde se atopan os muíños mellor restaurados, ademais de diversos trebellos de labranza. Aquí o Alex esvarou e tivo unha caída bastante espectacular, aínda que sen outras consecuencias que a dor, e pensei, en voz alta, que se fora eu o que caira terían que chamar ó 112.

O noso cachorro caeu con elegancia e ergueuse con arroubo, pero a sección feminina non lle deu un algo de cariño, co merecido que o tiña, e tiven que ser eu, unha vez máis, o que lle dese unha aperta. E o Xacobe díxonos que tamén caera na subida, para facerse un chisco o “pupiñas”, pero non houbo xeito, xa que as mozas estaban máis en disposición de rir dos “toupeiras” que de darlle aloumiños os rapaces.

Por se acaso, e porque algún langrán mandou a maldición sobre a caída do “terceiro home”, din en estremar (e todos comigo, por se acaso) as precaucións nos tramos más esvaradíos, en especial cando pasabamos polas zonas nas que o sendeiro discorría por pasarelas de madeira. De tal xeito que non houbo máis accidentes, agás o da miña batería que dixo “ata aquí chegamos” e deu en morrer, aínda que penso que a xornada quedou ben documentada.

Cara abaixo tódolos santos axudan e non tardamos en chegar á praia do Pontillón, onde rematámo-la ruta, despois de case cinco horas de partillar pegadas e sorrisos, conversas nas que descubrimos novas xentes e paraxes, e onde sumamos outra xornada as preto de duascentas que forman a historia eivadiña.

Rematámo-lo día en Domaio, nunha taberna a onde nos levou Lourdes, e que foi do noso gusto, e onde a xente deu por refrescar a gorxa ou quentar o bandullo, segundo as necesidades de cadaquén. Comentamos dalgunhas cousas que quedaron expostas aquí, e doutras que quedaron no tinteiro, e sen máis despedímonos con bicos e apertas ata a próxima, ou a poder ser algo antes.

Algúns aínda prolongamos a despedida ata o Choco, xa para botar por fora, e os máis destemidos aínda quixemos alongar a noite e fomos ver unha película de medo coa que aínda levamos algún susto (mellor aquí, que no río ¿non si?), na vella tradición dos eivadiños de estira-la xornada... E colorín colorado, a historia deu rematado.


Publicado por eivadiños en 8:07 2 comentarios

E190 Outeiro das Augas-Retortoiro (Verea- Quintela de Leirado)



Sábado, 25 de decembro de 2010

Ás veces semella que esta teima dos eivadiños non sexa outra cousa que a crónica excesiva do meu ego, dun rexistro un tanto estrafalario das miñas andanzas, só ou en compañía doutros, que durante algunhas tempadas ten o aspecto dun clube de sendeirismo, cando en realidade (no mellor dos casos) non deixa de ser unha prolongación da miña cobertura emocional, ou máis ben unha tentativa de reafirmala.

Ser como fora non é máis que o empeño de transcender, de berrarlle ó mundo, dende o máis preto ó máis afastado, as nosas andanzas por esa xeografía chea de tesouros agochados, de anaquiños do paraíso perdido que toman a forma de fragas enfeitizadas, fervenzas de seda ou escaleiras cara o ceo.

Xa van máis de catro anos invertidos nesta teima, que por veces semella esmorecer e tantas outras adopta unha certa épica, e transforma o imaxinario particular en colectivo. Catro anos nos que, como un corazón adolescente, caemos en períodos de euforia ou de depresión, e soñamos con grandes xestas ou temos a tentación do abismo, de borrarnos do mapa e da historia, catro anos nos que outra vez semella que Eivadiños é un organismo vivo, e coma eu mesmo tamén ten data de caducidade.

Pero mentres non chega o noso Apocalipse seguimos, non hai outra, soñando camiños, ou camiñando soños, intentando que camiños e soños nos manteñan na ilusión da inmortalidade, aínda que ás veces esta ilusión nos faga sentir case divinos.

Porque divino debín sentirme nesta maña de Nadal na que lle sorrín ó espertador, sen teas de araña na gorxa nin outras circunstancias adversas, xa que levaba algúns días de abstinencia e na véspera agochárame entre as sábenas a piques da medianoite. No Casal de Abellás durmían os meus, mastigando cadanseu soño, e polo corredor viña o alento xeado do Penagache.

Ese era o meu obxectivo, xa que un manto níveo estendíase, dende un par de días atrás, polos cumios da Serra do Leboreiro, na segunda gran nevarada deste inverno. Os meus preparativos espertaron os señores do Casal, e aproveitei esta continxencia para facelos participes dos meus plans, e para que formaran parte deles, servíndome de inestimable apoio loxístico, sen o cal a miña aventura quedaría reducida a unha ruta de ida e volta polo planalto. Tamén espertou o pequeno da casa, pero non quixo acompañarnos, xa que tiña moito que lidar cos agasallos da véspera.

Así que Teté e Adolfo, como xa fixeran na primeira incursión Eivadiña no Penagache, leváronme ata Outeiro das Augas, na linde dos concellos de Verea e Bande, onde comezaba a miña ruta. Os tellados de Bangueses aínda estaban cubertos dunha pátina nívea, e a xeada que cubría os campos do val do Deba era aquí máis severa, transformándose en manchas descontinuas de neve que, no alto xa adquirían o aspecto característico das estampas do Nadal.

Tiramos catro fotos no inicio, e a miña irmán fixo equilibrios sobre unha gran superficie de xeo, de tal xeito que rematou levando unha boa cuada. Esto motivou que Adolfo me aconsellara levar o seu bastón telescópico, xa que a neve estaba tan dura que non era difícil esvarar, e ben que llo tiven que agradecer, xa que dende os primeiros metros axudoume a progresar por esta superficie tan adversa. Así que despedinme dos meus e dinlle as costas á estrada, camiñando pola pista que vai cara a fronteira.

Seguindo as indicacións da Ruta das Motas de Bangueses e as do Vieiro das Mámoas (un sendeiro de case cincuenta quilómetros que abrangue cinco concellos), interneime nun piñeiral totalmente ateigado de neve, que resistía os envites dun sol que, xa a esta hora, as dez e media da maña, xa reinaba nun ceo ausente de nubes. Mantendo a cota dos mil metros avancei por este territorio de lenda, onde entre outras estaba aquela que falaba do costume de levar os vellos ó monte a morrer (a propósito deste particular é moi interesante o artigo de Manuel Rivero no derradeiro número da revista Arraianos).

Xa facía tempo que non camiñaba só e, aínda que botaba de menos a un compañeiro con quen partillar o camiño, disfrutaba do pracer de non escoitar máis que o rinchar do xeo e da neve baixo as miñas pegadas, o carón do murmurio dos meus pensamentos, que facían cálculos, quizais demasiado optimistas, sobre o tempo que me levaría inzarme no cumio do Penagache. Decateime de que non estaba avanzando ó ritmo desexado, un pouco porque o chan estaba esvaradizo en bastantes tramos e outro pouco porque tentaba rexistrar cada árbore, pedra e regato que me saía ó paso.

Cheguei a unha explotación gandeira onde pacían medio cento de vacas e tenreiros, e atopei a un home que espallaba forraxe polos campos coa axuda dun tractor, sen dubida o mesmo que deixara profundas fendas na pista nevada pola que transitaba eu, e apertei un chisco o paso, eso si, despois de mandarlle media ducia de disparos ó gando. Algo máis adiante pasei preto do Foxo do lobo de Bangueses, do que non quedan moitos vestixios, aínda que está ben documentado, e que tiña máis de douscentos metros de lonxitude, rematando nun pozo de catro metros de profundidade.

Durante todo o camiño, ademais dos postes indicativos da Ruta das Motas e do Vieiro das Mámoas, atopei postes indicativos dun PRG, seguramente do 33, que ten o seu inicio en Bande e remata na fronteira, confluíndo co 32, que ven dende Celanova. A valorización destes sendeiros está presente nos paneis informativos que se atopan espallados nos puntos estratéxicos da ruta, tanto no Foxo como algo máis adiante, cando chego á necrópole megalítica dos Penedos da Canteira. Aquí atópase unha das concentracións de túmulos funerarios, antas ou motas, máis importantes do continente, documentando a presencia humana fai tres milenios nesta terra arraiana.

Cando xa levo preto de dúas horas camiñando chego ó lugar de Salgueiros Secos, onde se atopa unha das zonas máis fermosas do recorrido, unha fraga autóctona cuberta na súa totalidade por unha espesa capa de neve, e onde intento atrapar na miña memoria dixital algunha postal como esas que se acostuman a enviar nestas datas (aínda que eu non adoite ese ritual).

Á saída da fraga está a fronteira, onde conflúen tres sendeiros de pequeno recorrido: no poste 29 o PRG-33, no poste 27 o PRG-32, e no poste 21 o PRG-31, ademais da Ruta das Motas. O sol segue batendo con forza, tentando fundir a neve que cubre boa parte do planalto, e teño que quitar os guantes e o gorro para non abafar. Avanzo seguindo a liña que divide as terras de Galiza e Portugal, sentindo que pouca diferencia hai entre un lado e outro da raia. A miña dereita, a vinte metros da raia, atopase a Mota Grande, que semella a de máis diámetro, medio cento longo de metros, da nosa nación.

Non tardo en chegar á Portela do Pao, onde abandono a liña fronteiriza e me dirixo, con paso máis ou menos firme xa que hai xeo dabondo, cara a Penagache, que domina a serra dende os seus 1.224 metros de altitude. Conforme me achego ó penedío decátome de que as miñas previsións non foron acertadas, xa que a capa de neve segue a ser abundante e non me permite avanzar máis a presa, e tomo dúas decisións importantes. Unha, non subir ata o cumio, para non retrasar máis a miña volta, xa que cando paso o seu carón xa levo tres horas de ruta. E dúas, chamar a miña familia para dicirlles que, como moito, vou chegar a sobremesa da comida de Nadal.

Falo coa miña nai e, en troques de rifarme polo meu afán de aventura, dime que vaia con coidado, non vaia esvarar. E nada máis cortar a comunicación, cando tento quitar unha foto cara á Serra da Basteira, piso unha placa de xeo e dou cos fociños no chan, de tal xeito que manco algo o pulso esquerdo e algo máis a perna dereita. Erguinme con dificultade pola dor, e coxeei botando pestes hasta que afíxenme á molestia e puiden iniciar o descenso cara Xacebáns.

Agardaba que este camiño estivera despexado, xa que nas rutas invernais que fixera con Eivadiños e Camiñantes a neve non pasaba de aquí, pero nesta ocasión estendíase nunha boa parte do camiño, facendo que extremase as miñas precaucións. Xusto cando a neve comezaba a esmorecer tiven un afortunado encontro cunha raposa de cola vermella. Fitámonos de lonxe, con curiosidade, pero non me deixou acercarme tanto como para retratala, como tivera a fortuna de facelo o Sr. Botas fai pouco.

Xa o meu estómago reclamaba o alimento que os meus, de seguro, estaban a partillar, pero aínda me levou unha boa hora e media completar o descenso ata Xacebáns, á que cheguei canso, famento e doente, sen que nin tan sequera me recibise un can para me ladrar. Debían estar todos papando ou agardando polas sobras, ou eso pensaba eu pois ó pouco de entrar na aldea atopei a un seareiro que me interrogou sobre o típico...

¿Quen somos? ¿de onde vimos? ¿a onde vamos? Sorprendeuse un pouco de que, nun día sinalado como hoxe, adoitara subir a Penagache, e máis aínda de que o meu campo base estivera en Abellás, e díxome que dalí coñecía o Manolo, que tiña un bar en Vilar. Claro, eu era o seu sobriño... De seguro que lle comentaría na próxima visita o seu establecemento ¡oes Manolo, tes uns parentes ben rariños! ¡mira que ir a camiñar pola serra o día de Nadal, e con toda esa neve! ¡ai xente para todo! ¿non si?.

Despedinme do home e collín o camiño carreteiro que vai dereitiño ó río Deva, onde recibín a chamada do meu pai interesándose polo meu paradeiro. Para tranquilizalo díxenlle que estaba moi preto do coche, aínda que me faltara pouco máis de media hora para chegar, e apurei o paso para cruzar o río por unha pequena ponte de pedra, desas que os vellos chaman “romanas” no sentido de que son ben antigas. Alí fixen os penúltimos disparos a un entorno que, máis pronto que tarde, teño que explorar, xa que a súa beleza anima a buscar unha ruta que, dende aquí, me leve ata Abellás.

Mentres non resolva esta incógnita, non me queda outra que continuar polo sendeiro marcado, o PRG-31, que ten o seu inicio en Leirado. Neste tramo, que non desmerece tampouco en beleza, polo observar o contorno das serras do Leboreiro, da Basteira e do Agullón, e proxecto algunha alternativa máis coa que seguir sumando pegadas, só ou en compañía doutros, mentres vou chegando a Retortoiro, xa moi preto da miña meta.

Pasei a lume de carozo pola aldea, suando baixo as múltiples capas coas que me resgardei do alento xeado da montaña, e fixen o derradeiro tramo por unha congostra fermosa que ó pouco desembocou na estrada onde tiña aparcado o meu vehículo. En total foron cinco as horas que empreguei en facer a ruta, a pesares de que non fixen outras paradas que as obrigadas para facer algún disparo, aínda que tamén fixen moitos en marcha.

E así foi e así volo conto, por se alguén quere escoitalo...
Publicado por eivadiños en 3:50 1 comentarios

E189 Camiño Real de San Pedro de Rocas (Esgos)

Crónica en NÓMADAS



Maxia de cores outonais en San Pedro de Rocas

Sol, 08-12-010.

Tiña ganas de saír este mércores festivo cos Eivadiños. Tiña ganas de estar con Anxo, elemento seguro na asistencia, e tiña ganas de saber quen ou quenes acudirían tamén, nunca se está fixo de quen vai vir. Pensei que os Senhores Botas asistirían pero souben un día antes que non, e un día antes tamén souben que Nacho viría, foi cando recibín unha chamada de Anxo para preguntarme qué ía facer o mércores.

Estou sen coche e tiña pensado ir en barco ata o Concheiro, pero desta vez iamos saír ben cedo e Anxo me dixo que se achegaba ata Cangas para recollerme e ir xuntos ata A Amaquía ( xa ves, Nacho!!, fago caso da túa sapiencia e poño o nome tal como me explicaches qué era ). Alí nos reuniriamos con Nacho e con Loli sen saber entón cal sería o noso destino de pateada Eivadiña. Anxo me dixo que fora pensando nun roteiro e se me ocurriron algunhas opcións que xa veriamos entre todos se faciamos ou non. Quedabamos o martes en que me recollía ás 9,30 na miña casa.

Custoume erguerme, estábase ben e quentiña na cama. Fora ameazaba choiva e deixeime amolar, preguiceira e medio durmida aínda, preguntándome por qué non me deixaba levar polo sopor de Morfeo e facía unha chamada na que recuaba da saída Eivadiña. Pero segundo se ía instalando o espertar sabía que "ficar na cama" non entraba dentro do meu vocabulario, e dun chimpo afastei mantas e preparei café mentres a cabeza fervía tentando recupera-lo tempo que debía adicar a facer preparativos do que ía precisar para o día de hoxe. Ás 9,15 soaba o móbil, era Anxo anunciando presencia en Cangas e dicíndome que me esperaba nunha cafetería que hai preto da miña casa.

Reencontro e apertas entre o meu amigo e máis eu; despois de pagar o seu café dirixímonos ata o seu coche, que eu non localizaba por ningún sitio. Anxo, todo chulito él, jeje...., se para diante dun Ford e soa o típico ruidiño de apertura. - Preséntoche ao coche de " papá "!!, me solta...... Vaia, Anxo!!, xa pareces un bo partido e todo!!, díxenlle en ton de chanza. Así como arrincabamos a Anxo se lle ocurriu un posible destino que a min xa me gustou ás primeiras, San Pedro das Rocas, na provincia de Ourense. E cara A Amaquía enfiamos entre conversas entretidas e sazoadas con bos ánimos festivos, tanto que erramos na entrada a Puxeiros, e iso que fago ese traxecto moi a miúdo. Aínda así iamos tranquilos pois sabiamos que chegariamos cedo e que nos daría tempo a tomar un café, ou dous!!.

Chegada de Loli e Nacho, mentres tomabamos o café plantexamos o roteiro elixido a ver que lles parecía. Bosque outonal, follas entre vermellas e amarelas, comezando nos entornos de San Pedro das Rocas......, non houbo dúbidas!!. Imos aló!!.

Traxecto estupendo, falando dun pouco de todo e dun moito de moitas cousas. Eu inspiraba bo rollo e polo tanto iso era tamén o que exhalaba, e forzosamente iso era o que respirabamos todos, aínda que o meu Anxiño particular andaba algo serio e se lle miraba algo canso tamén.

Se vai ser que a vida "anormal", como a chama él, esa que soe ser "normal" para o resto dos mortais, non lle sentaba tan ben coma o trasnoite e a farándula noctámbula, ou tamén pode ser......., que cando se lle fai caso ao corpo e hai unha escoita atenta e responsable, un acaba relaxándose tanto que sabe captar mellor, e aceptar mellor tamén, os resultados dos excesos que tivo estes días No Caurel...... Vai ti a saber!!!. Chamada de Alex que atendín eu. Meu Deus!!, tiña unha voz que parecía saída de ultratumba!!, jajajaja...., qué susto!!, parecía que estaba a chocar algo de gripe. Sentín non haber coincidido pero me alegrou que puidesemos falar un ratiño.

Chegamos en pouco máis dunha hora. O día era precioso e empezou a pingallar nada máis saír do coche de papá. Pero a estructura tan antiga que tiñamos á nosa dereita xa me facía meles no corazón e enseguida se me instalou a enerxía do lugar. Era fermoso!!. As cores xa indicaban dende o principio que ían destacar os amarelos, cor absolutamente emocional, guerreira, valerosa, glándula pancreática, creadora de vida e do lume interno. Un bosque denso, tupido, no que a máxia da existencia destaca, conformando o entorno á vida que alí se daba; as árbores medraban en troncos finos e espigados buscando á luz, trepando cara arriba e expandíndose as follas, finamente delicadas en forma de abano, cara á claridade do ceo.

O edificio, din que o máis antigo de Galiza e mesmo da Península, do setecentos e pico largos, chamaba en silencio a adentrarse nos seus misterios agochados. Non había presa por descubrir ou atopar o que sen dúbida sabía que había aí para min, tiña esa clase de sensación que se me instala ante lugares que eu chamo especiais, porque a min así mo parece ante a imposibilidade de darlle un nome concreto ou a evocación dun concepto. E polo que estaba vendo aos meus compañeiros tamén lles debía resoar algo porque enseguida nos separamos, como querendo unha clase de intimidade que só lle pertence a un ou a dous que queiran compartir algunhas clases de silencios. Anxo tirou cámara en man por un lado, Nacho e Loli optaron polas alturas, se lles vía bonitos dende a miña posición, poderosos alí arriba amparados por dous arcos que lle daban solidez á superficie de terra e rocha na que estaban encaramados. Pero a min o que me chamou foi o interior das tres igrexas, xuntas, dispostas en cámaras, e esculpidas en pedra. Unha cova, cálida, non tiña moito eco, a intensidade do son quedaría difuminada polas paredes, máis receptivas que expansivas. Pero aínda así, quixen escoitar o meu propio son e cantei. Foi un momento moi bonito.

Saída ao exterior e reunión acordada pero sen acordarse previamente, se iso non é máxia que veña alguén a dici-lo contrario. E comezamos a patear!!. O camiño prometía, 9 kms. Non foi nese momento no que llo dixen a Anxo, pero si foi nese momento no que o pensei, porque xa non era nin intuición senón seguridade absoluta de que ía ser un camiño digno e dador: "se puidese facela máis longa.........", e inevitablemente acudiron a min os Senhores Botas, búsqueda de mapa da zona, GPS en man, e parte técnica que eles dominan e eu non. A ver o que lles parece unha nova asociación, espero que lles resulte o suficientemente atractiva e interesante de explorar.Definitivamente o Anxo andaba inspirado ultimamente na elección de destinos camiñantes. Tampouco se me pasou desapercibido o tema de que estes dous que nos acompañaban tamén estiveron na anterior pateada polo Barbantiño, que unha pode da-la impresión de que fala moito pero tamén sabe calar outro tanto, e rexistrei ao dúo dinámico como talismáns de camiños bonitos, aínda que non sei se Anxo estará dacordo comigo en chamalos dúo dinámico, creo que él os comparou con Epi e Blas, non vou a explicar os motivos aquí, jejeje.....

Moito musgo en pedra. Sei que me vou repetir no intento da descrición do que teño xa instalado na retina do sentimento, é inevitable. Dende a sensación de acollemento do entorno ata as follas tintando o chan e ofrecendo pasos brandos e amortiguados pola humidade. Os nosos rostros, as nosas risas, o acolledor, especial silencio acompañado dun aire fresco que lle daba o toque exacto de lixeireza para que a espesura que nos rodeaba non resultara densa de máis. Camiño amable e amplo, doado de camiñar, para disfrute, para contemplación e presencia, ordenación e estensión.

O Nacho andaba especialmente "chinchón" comigo (é fantástico!!, querido im........... Adiviña!). Acabei sabendo por qué!!, jajajaja..... Me encanta!!. Me gosta moito ver as persoas nas súas conductas atrevidas, osadas, arriscadas, pero non só no camiño físico senón no camiño no que os pensamentos, as emocións, as interpretacións e o que lle ronda a un pola cabeza, sexa capaz de ser manifestado, expresado, a ser posible con elegancia, mentres as partes sexan receptivas, respectuosas, co humor aliado, nas que se solucionan enseguida posibles conflictos, pareceres que en principio poden semellar contrarios, e nos que prevalece o afecto e o talante conciliador como base. Aprendín moitas cousas valiosas hoxe no camiño.

A Loli se lla miraba ben confundidiña co entorno, moi mimetizada co ambiente, disfrutando moito de todo. O Anxiño tusía de cando en vez, andaba cada vez máis pochiño, algún virus se pasea polos internos do seu corpiño e terá que pasar por un proceso que xa deu o primeiro paso (agora entendía a voz de Alex, os dous estaban nas mesmas, parece que un local no que estiveron de concerto había dúas noites tiña o aire acondicionado facendo estragos). O Nachete tamén andaba ledo. Eu, moi tranquiliña e contenta de estar a compartir pasos con estes tres, parecía que levabamos andares e enerxías moi parellas.

Parada para comer, eran máis das dúas. Anxo e máis eu comemos cada un unha empanadilla nada máis saír do coche e non tiñamos fame, pero Loli e Nacho xa empezaban a preguntar que cando se comía alí. Detivémonos nun penedo no que choveu e fixo sol ao mesmo tempo. Foi un bo xantar. E seguimos ruta non sen antes pousar para unha foto en plan conxunto de orquestra.

Momentos conversas "picantes". Moi moi divertido. Moitas cousas interesantes de oír. Algo dunha lavadora en movemento e dun aparello con ventosa que tamén, na imaxinación quente dalgún, xa tiña incorporado á lavadora...., en fin!!, vouno deixar aquí...... Sempre dixen que no camiño se descobren moitas cousas interesantes e saen conversas que non sempre son previsibles.

Desviámonos para tomar un café. Para non desentoar coa miña liña teño que dicir que non me lembro agora mesmo do pobo, pero iso non é nada estraño en min, xa o sabedes. Todo o que durou o percorrido do desvío ata o bar Loli quedou encargada de face-las fotos (celada típica de Anxo ), e ela fixo o que puido, a cámara de Anxo soe estar "encantada" e a primeira vez que un a colle fainos a todos o mesmo, as fotos saen borrosas.

Xa no bar, tiven a satisfacción de escoitar e de ver a Nacho cun ataque de risa pola resposta que lle din a Anxo a propósito de que moitos amigos lle dixeron que o meu sorriso é bonito. Eu só lle dixen: pois que mo digan a min!!!. Nacho di que o dixen cunha cariña!!. O certo é que foi un momento moi divertido a catro bandas porque as carcalladas de Nacho eran contaxiosas e os catro acabamos rindo a mandíbula doída. Antes de seguir roteiro, unha partida de futbolín que me vin "obrigada" a xogar e que interrompín debido a unha chamada afortunada e moi oportuna. Alí os deixei xogando coma nenos, alguén tiña que exercer de adulto hoxe, digo eu!!.

E regreso nunha tarde xenerosa en vistas e panorámicas amplas e coloridas. Verdadeiramente bonita esta ruta chea de agasallos para o espírito dun camiñante da terra.

A volta a Vigo estivo acompañada da choiva todo o traxecto, o coche de papá ía seguro estrada adiante, acolledor e confortable. Tiñamos que deixar a Nacho e a Loli en Puxeiros e seguir ata Cangas. Este Anxo non pode ser mellor amigo do que xa é, perigraría ese aire adusto que as veces quere deixar saír. Pero como xa dixen en máis dunha ocasión, a min non me enganas, malandrín!!.

Un regreso verdadeiramente íntimo e bonito entre dous amigos que non temen dicirse-las cousas. Chamoume incoherente entre outros apelativos, e teño que recoñecer que as súas refutacións e os seus argumentos sonche duros de pelar e difíciles de rebater, aínda que esa tampouco era a intención; sinxelamente, Anxo e máis eu temos verdades diferentes e nembargantes afíns, supoño que é iso o que nos une na amizade que temos. Ambos sabemos tamén que as palabras son o que son e que hai moitos eus habitando dentro de un. Pedinlle que parara un momento nunha panadería e merquei dous bombóns para despedirnos con sabores agradables ao completo, na mente, no corazón e no corpo.

Coma sempre, día disfrutado e agradecido. Salo.

Publicado por eivadiños en 14:51 0 comentarios
Entradas más recientes Entradas antiguas Inicio
Suscribirse a: Entradas (Atom)

Archivo del blog

  • ▼  2014 (1)
    • ▼  enero (1)
      • E298 Sendeiro do Deza (Silleda - Vila de Cruces)
  • ►  2013 (22)
    • ►  diciembre (2)
    • ►  noviembre (2)
    • ►  septiembre (4)
    • ►  julio (1)
    • ►  junio (1)
    • ►  mayo (2)
    • ►  abril (1)
    • ►  marzo (4)
    • ►  febrero (2)
    • ►  enero (3)
  • ►  2012 (10)
    • ►  diciembre (5)
    • ►  noviembre (4)
    • ►  octubre (1)
  • ►  2011 (11)
    • ►  marzo (4)
    • ►  febrero (4)
    • ►  enero (3)
  • ►  2010 (41)
    • ►  diciembre (2)
    • ►  noviembre (3)
    • ►  octubre (5)
    • ►  septiembre (5)
    • ►  agosto (3)
    • ►  julio (1)
    • ►  junio (3)
    • ►  mayo (5)
    • ►  abril (1)
    • ►  marzo (2)
    • ►  febrero (5)
    • ►  enero (6)
  • ►  2009 (65)
    • ►  diciembre (5)
    • ►  noviembre (7)
    • ►  octubre (5)
    • ►  septiembre (7)
    • ►  agosto (8)
    • ►  julio (3)
    • ►  junio (5)
    • ►  mayo (4)
    • ►  abril (9)
    • ►  marzo (4)
    • ►  febrero (6)
    • ►  enero (2)
  • ►  2008 (35)
    • ►  diciembre (3)
    • ►  noviembre (3)
    • ►  octubre (2)
    • ►  septiembre (2)
    • ►  agosto (3)
    • ►  julio (2)
    • ►  junio (2)
    • ►  mayo (1)
    • ►  abril (4)
    • ►  marzo (6)
    • ►  febrero (5)
    • ►  enero (2)
  • ►  2007 (50)
    • ►  diciembre (5)
    • ►  noviembre (3)
    • ►  octubre (3)
    • ►  septiembre (4)
    • ►  agosto (4)
    • ►  julio (6)
    • ►  junio (3)
    • ►  mayo (4)
    • ►  abril (5)
    • ►  marzo (3)
    • ►  febrero (6)
    • ►  enero (4)
  • ►  2006 (17)
    • ►  diciembre (2)
    • ►  noviembre (3)
    • ►  octubre (7)
    • ►  mayo (5)

Seguidores

Datos personales

Mi foto
eivadiños
Ver todo mi perfil

Autores

  • Alex Alén (1)
  • Begoña (1)
  • Dalia López (1)
  • Iolanda (1)
  • Luis Chapela (18)
  • Miguel Panette (7)
  • Nacho Betanzos (1)
  • Salome Pinheiro (14)
  • Sonia (6)
  • Sudando Botas (23)
  • Xacobe Casal (4)
  • Zalo de Paramos (8)

¿Quen anda por ahí?

  • Nómadas
    El día que Nómadas diseñó in situ una ruta polifacética
    Hace 10 años
  • Dominguer@s en marcha!
    Hace 13 años
  • Sudando Botas
    Herreruela de Castillería - Valdecebollas - Sel de la Fuente
    Hace 13 años
  • La banda del Cheri
    Red Bull Rampage Biggest Crashes
    Hace 14 años
  • Congostra
  • Club de Camiñantes

Concellos

  • A Lama (5)
  • Arbo (1)
  • Arcos de Valdevez (14)
  • Arouca (4)
  • Arredor da Lareira (15)
  • Baiona (2)
  • Barcelos (1)
  • Barro (1)
  • Beariz (1)
  • Bueu (3)
  • Caminha (5)
  • Cangas do Morrazo (11)
  • Cartelle (1)
  • Cenlle (1)
  • Cerdedo (1)
  • Cotobade (9)
  • Covelo (9)
  • Esgos (1)
  • Folgoso do Courel (3)
  • Forcarei (2)
  • Fornelos de Montes (2)
  • Galende (1)
  • Gondomar (4)
  • Leiro (1)
  • Meis (1)
  • Melgaço (2)
  • Melón (3)
  • Moaña (7)
  • Mondariz (5)
  • Monçao (11)
  • Nigrán (3)
  • O Rosal (2)
  • Oia (1)
  • Oscos (5)
  • Paredes de Coura (31)
  • Pazos de Borbén (3)
  • Pirineos (2)
  • Ponte da Barca (5)
  • Ponte da Lima (5)
  • Ponteareas (3)
  • Pontevedra (5)
  • Punxín (3)
  • Quintela de Leirado (3)
  • Ribadumia (1)
  • Rivadavia (1)
  • Rivello (1)
  • Salvaterra do Minho (2)
  • Silleda (1)
  • Tui (4)
  • Val d'Agri (9)
  • Val de Ansó (2)
  • Val de Hecho (1)
  • Val de Salazar (2)
  • Valença (10)
  • Verea (3)
  • Viana do Castelo (5)
  • Vigo (13)
  • Vila de Cruces (1)
  • Vilaboa (4)
  • Vilagarcía de Arousa (1)