E101 Sendeiro da Costa da Vela (Cangas do Morrazo)





Domingo, 10 de xaneiro de 2009

Hoxe xunteime cos meus compañeiros do metal, co Cachorro, co Ozzy e ca Criatura (ou se preferides o nome do seu bautizo cristián co Alex, co Pablo e máis co Xaime) para facer algo diferente ás noites de troula e de tralla, ás que estamos acostumados cando non hai un concerto decente que sumar ás nosas nóminas (os de onte de BuenosAires, Martynez e Essenia, non foron dos mellores, non), aínda que ás veces aos concertos súmanselle noites de tralla e de troula, é ademais conseguín que espertaran antes do mediodía, cun sol de primavera que puña a proba a súa fama de vampiros.

Tamén este sol atípico debeu animar á irmá do Alex, Esther, que pese a ser xemelga naceu cun ano de diferencia e non se lle parece moito; a Flores, que está eivadiña de máis para aguantar as andainas do CdC é busca refuxio nos nosos talleres; e a Georgina, esa rapaza que me sorrí cos ollos, aínda non sei moi ben grazas a que estraño feitizo, e que decide darme unha mostra máis de confianza.

E só quince minutos despois da mediodía xa estabamos na autoestrada, gastando roda cara a Península do Morrazo, para chegar sen máis contratempos a Praia de Menduiña, un deses anaquiños do paraíso onde decidiramos, sete votos a favor, ningún en contra, facer unha paradiña de aprovisionamento. Como era cedo de máis para xantar de prato, como soemos facer nas nosas incursións no territorio luso, conformámonos cun bocadillo.

Algúns almorzaran xa, e protestaron un pouco, así que púxenme capitán é lles dixen que pediran o bocata, e o que non o quixera comer agora que o metera na mochila para despois. Así que pediron todos un de xamón asado con queixo, menos o Cachorro que se decidiu por un de zorza, e todos comeron o seu, polo menos a metade (algún decidiu gardar para máis tarde, xa sabedes: o que algo garda, sempre ten).

Comentamos cos novos algunhas anécdotas doutras convocatorias, para que perderan o medo, e o que fixo desaparecer a zorza nun tempo record démoslle o titulo de veterano, xa que esta era a súa terceira saída, como premio ó seu entusiasmo. O Ozzy laiábase de que o trazado da ruta non fose máis radical, e tiven que prometerlle que a próxima ía a ser de agarrarse os machos, pero esta tentaba de enganchar fichases para a próxima temporada ¿non si?.

E sen perder máis tempo en cafés ou en outras caralladas que podían levar a despistar as tropas sobre os nosos obxectivos, voltamos ás estradas labirínticas do Morrazo, adentrámonos na parroquia de Hío, e buscamos un lugar que case se sae do mapa, un puntiño a punto de caer no océano, enfrontado as Illas Cíes, a un tiro de pedra delas: o pobo de Donón, abríndonos a porta a Costa da Vela.

Estiramos no aparcadoiro onde deixamos os vehículos, e quitamos unhas fotos de grupo no caracol metálico, para ensinar un día ós nosos netos e que vexan que nós tamén estivemos “ó fío do imposible”, e cando xa deran as dúas comezamos a internarnos no núcleo rural, que xa estaba colonizado por unha tropa de xentes vestidas de bonito que ían enchendo os comedores locais.

Seguimos as marcas do Roteiro Ecolóxico do Morrazo, hoxe descatalogado, dándolle ós poucos as costas á pequena aldea, do que a imaxe que me levei foi a dun burriño fariñeiro que pacía tranquilamente alleo ó noso paso. Xa nestes inicios había quen tiña dificultade en seguir o ritmo, así que encarguei ó Cachorro que coidase da retagarda, ou sexa que tanguera o rabaño, e a Criatura tentaba por disputarme o papel de guía, turrándome das orellas ó menor despiste.

Fronte a nós debuxábanse os contornos do complexo dunar do Areal de Barra, movidos imperceptiblemente polos ventos a través dos séculos, hábitat natural de gran variedade de especies vexetais, ata 140 diferentes, condicionada polos carbonatos procedentes das conchas dos moluscos e pola salinidade que lle proporciona o preto que está o mar.

Pero non nos internamos no areal, senón que camiñamos o carón dun regueiro, agora moi minguado, onde crecen xuncos e carrizos, e que serve para aportar a humidade necesaria ós campos de millo ou de pasto para o gando. Tamén atopamos un feixe de viñas, a maioría delas abandonadas, e un pouco máis adiante un denso canaval que desemboca nun camiño que discorre por un piñeiral onde incluso vemos un pequeno mamífero: un esquío que voa entre as árbores, e que levantou o entusiasmo da tropa.

Pero o que realmente lles gustou, a miña primeira baza para convencelos, foi cando chegamos á Praia de Barra, quizais a máis bonita do mundo (e reto a calquera a demostrarme o contrario), máis bonita se cabe cando está practicamente deserta, como cando aterramos nela.

Como ninguén ten intención de mergullarse nas xélidas augas do Atlántico, e tampouco aperta tanto o Lourenzo coma para espirse a vernizarse co seu alento, estamos só uns instantes na praia e rapidamente collemos subimos por un rochedo pegado a costa, onde se inicia un estreito sendeiro, entre toxos, silveiras e xestas, polo que avanzamos. O certo é quen non lle viña mal un desbroce a este carreiro, pero aínda está practicable, a pesares de que se escoiten algunhas queixas (que son ignoradas) no grupo.

No camiño atopamos algún carballo illado, pero máis que nada eucaliptos, que pouco a pouco o van colonizando, e nós imos facendo pequenas paradas para admirar a panorámica da Ensinada de Barra, que algúns como o Alex non coñecen (e confunde a veciña Nerga con Aldán ¡manda, carallo!). Para completa-la súa formación leveinos á antiga Fabrica de Salgado, xa moi arruinada, da que non teño datos, pero sobre a que prometo investigar. Alí o grupo fixo unha parada algo máis longa, e axudámoslle a Ozzy a remata-lo seu bocata e a Flores a rematar ca tableta de chocolate que mercou pola maña, mentres facemos unha improvisada sesión de retratos.

Deberíamos de dar volta sobre os nosos pasos, como ben indicaba a Criatura, pero decidimos (decidín) continuar cara á aventura, pasando o carón dunhas fincas que, de seguro, estaban a incumprir a Lei de Costas, xa que estaban tan pegadas o mar que, nun momento dado, non deixaban nin paso. Aínda que a grandes males grandes solucións, e rematámolo problema abrindo unha cancela, invadindo unha propiedade e apertando o cu, non fora vir un can que nolo mordera. Non foi tal, e conservámolo cu, pero máis de un respirou ó saír da finca, onde estaba aparcado un coche, ou máis ben abandonado.

Quedaba aínda outra pequena sorpresa, xa que ó subir unha pronunciada costa medio cementada nos atopamos cunha verxa de máis de dous metros que era imposible rodear, e tivemos que trepar por ela e chimpar o outro lado, onde nos esperaba un letreiro que puña: “Prohibido o paso. Cans soltos”. Menos mal que a advertencia tiña pinta de caducar fai tempo, e que outra vez os nosos cus saíron indemnes.

O Alex, que estaba especialmente gracioso, soltou un discurso para que nos uniramos a un grupo de sabotaxe contra as verxas que impiden o paso ó monte, porque o monte é de todos ¿non si? e inda que o diga en broma todos fantasiamos con derrubar estes atrancos de dubidosa legalidade.

Uns metros despois de superar este obstáculo chegamos a unha ampla pista de terra, que circunvala toda a Costa da Vela e que nos meses de calor ten soporta un tráfico incesante, tanto é así que as autoridades están pensando en limitalo (aínda que eu son máis partidario de prohibilo), e por ela chegamos rapidamente ó facho de Punta Subrido, dende temos unha boa panorámica das praias de Barra, Viñó, e Nerga, co pobo homónimo ó seu carón, da metrópole de Vigo fronte a nós, a embocadura da ría e os xendarmes das Illas Cíes, e moi pertiño de nós a praia de Melide.

Facemos unha paradiña baixo a sinal marítimo, e aínda hai quen bota un xaruto, como o Ozzy que ten pulmóns de sobra para estas andainas de eivadiños, ou quen, coma eu se entretén en ler as mensaxes de amor que escribiron nas paredes circulares do facho, como un ben bonito que dicía: “Paiasiño e Monxiña”. Cando dou por rematada a pausa e poño a tropa en pé, Flores ten un momento campión e quita unha botelliña de licor café, de ese rico ó que é imposible resistirse, co que gaña tres puntos extras na clasificación.

Descendendo con esta poción máxica nos beizos baixamos cara o areal de Melide, un dos lugares fundamentais no imaxinario particular da Criatura, que asegura coñecer cada árbore, cada pedra, cada recuncho, onde pasou algún dos seus momentos máis felices, quizás fai catrocentos anos, cando era mortal. Eu tamén teño os meus, algún recentes como unha ferida mal cicatrizada, e os gardo para min, mentres busco a man de Georgina para manter o equilibrio, ou para desequilibrarme, mentres as olas furiosas me berran ó oído os meus pecados.

Despois de cruzar a praia case deserta, só un par de pescadores, media ducia de cans e un par de parellas, subimos outra vez a pista de terra, pola que avanzamos cara o segundo dos fachos, o de Punta Robaleira, e no camiño atopamos a dúas parellas de velliños coas que parolamos sobre a polémica noticia do día. O tema é que a administración ten previsto incluír a Costa da Vela no Parque Natural das Illas Atlánticas, e controlar de algunha maneira o número de visitantes, os usos dos terreos e as construccións existentes, e os vellos xa están a tremer expropiacións co gallo do ecoloxismo. Sempre a mesma ignorancia, que nos condena a ser un pobo sen conciencia de seu. Prefiro os contos sobre naufraxios que me referiu un deles, xa no facho e encarados as Illas, rememorando a súa xuventude no mar.

Deixeille que as tropas se relaxaran outra vez perdendo a vista nas Illas Cíes, a tiro de pedra, ou na inmensidade do océano, mentres lle disparo catro fotos ó faro vermello, para desquitarme da derradeira vez que o visitei no que quedara sen memoria, e cando vexo que xa están relaxados de máis, bótolles un berro para que se ergan, e nos poñemos en marcha cara o derradeiro facho, moi preto deste, o de Punta Vixía, o máis grande dos tres, que garda o Cabo Home. Dende aquí temos as mellores vistas desta franxa litoral, a máis accidentada das Rías Baixas, con cantís que acadan gran altitude. Esta costa xurdiu como consecuencia dunha fosa tectónica que discorre en dirección norte-sur e a que se contrapón un grande bloque, formado polas serras de A Madalena, Coiro, Poñente e Donón.

E despois de gozar desta paisaxe enfeitizante puxémonos outra vez en marcha cara o pobo, emprendendo unha lixeira ascensión por un camiño entre toxos (ou non tan lixeira, se facemos caso a certos comentarios) que nos levou a enlazar outra vez coa pista de terra. Recuperando a horizontalidade Flores nos deleitou cun par de anécdotas certamente escatolóxicas que podería relatar se tivese autorización, que non a teño, e botamos un feixe de risas ó vento, mentres o mar batía con forza na Punta Basadouriños, xa un cento de metros baixo os nosos pés.

Sen máis novidade que o feixe de coches que tentan enchernos de po ó seu paso, chegamos a Donón, e alixeiramos peso no aparcadoiro antes de face-la derradeira etapa da nosa ruta: a ascensión o Monte Facho. Non resistín a tentación de visitar a zoa de escalada de Outeiro Batente, moi preto de onde estaban os coches, e de relatarlle ós meus algunhas das batallas que librei nestas rochas, e mesmo subín ata o cumio do rochedo con Alex e Flores, e ata me puxen xogantín e lle peguei un pequeno susto á última. Na cara norte estaba unha parella escalando e a piques estiven de chorar, así que reunímonos co grupo e seguimos pola pista ata chegar á calzada romana que inicia a subida ó facho e o poboado prerrománico do seu cumio, que se alza a 184 metros sobre o nivel do mar, iniciando a Costa do Ruído.

Na pequena ascensión topamos un gran número de persoas que veñen co reclamo de Berobriga, o castro descuberto fai algúns anos, e que aínda está en proceso de escavación. Dábase a coincidencia de que no noso grupo tan so Xaime e máis eu subiramos ó Facho, para o resto era a primeira vez.

Cantos fantasmas habitando o carón do facho medieval que alertaba das invasións viquingas e mouriscas, paseando entre nós, berrándome tódolos abismos e tódolos naufraxios, tantos eran que por un momento desexei que fose para min tamén a primeira vez, que aínda fose aquel inocente que, vinte anos atrás, camiñara sobre o poboado soterrado, alleo ós designios do destino. E tiven que enviarlles o Anxo Exterminador, ese que sempre vai canda min, para poñelos en fuga, e poder fabricar un sorriso para quitar a foto do grupo, unha ducia de ollos asombrados polas pedras milenarias e pola inmensidade do océano, que se estendía ós nosos pes como unha alfombra máxica.

Alí quedaron ósque pedían beber ó sangue da miña gorxa, mentres descendía cara o pobo de Donón cos meus camaradas, alleos ós meus pensamentos, e outra vez tiven que agarrar a man de Georgina para manter o equilibrio, ou para desequilibrarme, pero agradecendo que me sorría cos ollos para que non me venzan as tebras. Mentres o Ozzy facía plans entusiasmado pola saída dominical, e arrincábame a promesa de facer unha incursión en territorio portugués, para sementar pegadas polos seus sendeiros ou para reeditar outra noite de tralla e troula, que a todo me podo apuntar.

Cando chegamos ó aparcadoiro xa pasaran catro horas dende que comezamos a camiñar, e a algúns se lles espertou a fame ¿non si, Cachorro? Así que decidimos voltar á praia de Menduiña, para recompoñer forzas mentres esperabamos o crepúsculo. Mandámoslle outra ronda de bocadillos, esta vez de calamares, sen máis disidencia que os que o tomaron sen queixo, e baixamos unhas xerras de cervexa coa premura do que ten sede, mentres repasabamos o álbum fotográfico da xornada e algunhas anécdotas.

A única nota negativa foi na despedida, xa entre lusco e fusco, cando Georgina quixo recuperar a carteira da mochila de Alex e nos decatamos de que caera polo camiño, quizais no facho de Punta Subride ou no aparcadoiro. Así que fomos Flores e máis eu a tentar a sorte, e o único que conseguimos foi amolar a unha parella que tentaba buscala súa cos asentos reclinados, primeiro nun sitio e despois en outro, mentres nos alumeabamos para tódolos los lados buscando, sen éxito, a documentación e os cartos desaparecidos.

E así foi, e así volo conto, coas ganas de volver a xuntarnos nalgún camiño.

E100 Sendeiro do Baixo Lérez (Pontevedra)


Domingo, 4 de xaneiro de 2009

A vida é unha continua carreira de obstáculos que leva implícita unha sucesión de caídas, das que co paso dos anos costa máis erguerse, e para emprender outra vez o camiño non te queda outra que buscar apoios, para que non se esgoten as ganas de vivir. Un deses apoios, ós que recorro con insistencia no tempo das derrotas, é a miña cobertura emocional, ese refuxio de xentes xenerosas que me queren porque si, sen peaxes nin comisións, dunha maneira espontánea e desinteresada.

Outra desas ferramentas que me amabilizan os días grises, cando o naufraxio vai cabalgándome as veas, é a de debuxar soños, de soñar horizontes e tentar atrapalos, de construír a pouquiños un imaxinario particular con anacos do paraíso. E un día soñei con volver ós camiños, aínda co corpo quebrado, diminuído, eivado. E naceu este proxecto de montañas modestas e sendeiros senlleiros, para combate a loucura dos dous anos longos aloxado dos grandes espacios, mergullado nunha sucesión interminable de diagnósticos e tratamentos nos que fun deixando o gusto polos novos amenceres.

E aquí estou, outros dous anos despois, celebrando a miña resurrección con un cento de rutas na mochila, cada unha ca súa crónica, co relato máis ou menos inspirado do que aconteceu en cada unha delas, dos amigos cos que compartín xantares e congostras, dos nomes dos lugares que acariñamos cas nosas sombras. E que mellor que ter a compaña dalgúns dos meus más fieis amigos, dos que aguantan unha noite de troula e tamén unha de treboada, e o día seguinte seguen estando ai, non importa se toca troula ou treboada, a dalo todo pola cara, outra vez sen peaxes nin comisións.

Alex e Miguel son desta clase de Amigos que hai que escribir con maiúscula, dos que me fan sentir afortunado e os que teño que agradecer tantas cousas que non me chegan as palabras, quizais porque con eles tampouco faga falta pois son desa xente que me entende ata os silencios.

Tamén nos acompaña Isabel, compañeira de camiños, de veladas literarias, de funcións de teatro e de concertos, en fin unha todo terreo coa que énchense os afectos a pesares das diferencias, ou quizais tamén porque somos diferentes e respectamos as diverxencias para converxer. En definitiva unha persoa especial coa que paga a pena compartir conversas e sendeiros.

E para completar este grupo heteroxéneo Isabel tráenos unha nova eivadiña, Patricia, a quen xa coñecemos no aniversario do CdC subindo o cumio do Galiñeiro, unha moza simpática que non ten medo de probar novas fórmulas como esta que comezou nos tempos primixenios nos escenarios onde loitaron os combatentes da Travanca. Magoa que non nos acompañe tamén o que me legou a receita, o Zalo, mestre, cómplice, amigo, compañeiro, sempre presente, estea fisicamente ou non.

Así imos os cinco, coma nas novelas da miña infancia, nunha maña dun inverno soleado, para seguir sementando pegadas un ano máis, adentándonos nas terras de Pontevedra por esa fenda de asfalto que motivou unha das loitas máis encarnizadas da reforma na nosa terra, mentres comentamos os titulares da prensa que nos traen as novas de outras loitas, como as da poboación palestina de Gaza que resiste o implacable paso da máquina de guerra sionista, que ameaza co seu exterminio.

Non comezamos con bo pé, xa que o comedeiro elixido para a celebración, a Casa Pilaro, en Ponte Bora, está pechado, parece que definitivamente, e temos que marchar cara a cidade capitalina para buscar un sitio axeitado as nosas esixencias. Aínda damos algunha volta de máis buscando onde estacionar, pero finalmente logramos deixar o vehículo perto da alameda, e atravesándoa chegamos o fermoso casco vello onde, a carón do Teatro Principal, coñecemos un restaurante que está ben de prezo e onde se come bastante ben.

Unha das fórmulas do local parece a idónea para nós, un menú que chaman escote para catro, aínda que somos cinco, con empanada, ovos rotos con patacas, tostas de atún e anchoa, embutidos, queixo, polbo a feira e calamares, e que sae a dez euros por cabeza. Claro que non temos moita, e pedimos dúas botellas de Mencía, cando con unha chegábanos ben. De tódolos xeitos quedamos satisfeitos co ágape, e co bandullo ben cheo abandonamos o núcleo urbano para achegarnos a Ponte dos Tirantes, que cruza as augas do río Lérez, para iniciar a nosa ruta subindo polas súas beiras. Cinco minutos despois das tres da tarde cruzamos a curiosa ponte, xa bastante enferruxada para o tempo que ten, e adentámonos na Illa das Esculturas, unha aposta interesante do concello para recuperar este espacio como lugar de lecer e tamén como un museo o aire libre cas mostras de algúns artistas de vangarda que deron en interactuar co medio, con bastante acerto para min.

O nome orixinal deste promontorio é o de Illa da Xunqueira do Cobo, ou Illa do Cobo, e está encravada na zona periurbana da capital, nun enclave de gran valor natural e paisaxístico, declarada Lugar de Importancia Comunitaria e incluída dentro da Rede Natura 2000. As sucesivas invasións reduciron as Xunqueiras de Pontevedra á mínima expresión actual, enriba delas construíuse o Campos Universitario, o Pazo da Cultura e a Autoestrada do Atlántico, ademais de outras infraestructuras. As xunqueiras deron sustento os veciños das parroquias ribeiriñas que secularmente tomaron delas forraxe para o gando e fertilizante natural para os cultivos.

Ao abandonar a illa, pasando por debaixo da Ponte do Camiño de Ferro, adentrámonos nas ribeiras do Lérez por unha pista de terra na que vai mudando a paisaxe, entrando pouco a pouco nun bosque de ribeira no que abundan os ameneiros e freixos, os carballos e bidueiros, e mesmo as abeleiras. Ó rematar a pista enlazamos con unha senda de pescadores, que iniciase na desembocadura dun pequeno regato que cae ó Lérez dende unha ducia de metros, un salto de auga coñecido popularmente como A Cola de Cabalo, e que é ben visible dende a outra beira.

O sendeiro vai a unha certa altura sobre o río, nun leito alfombrado por follas húmidas, fentos e fungos, e permítenos observar as augas mansas do seu último tramo antes de atoparse co océano. O que atopamos nós é a primeira das pontes metálicas que levan a tubaria de desviación que ven dende Ponte Bora ata a factoría de Lourizan, e onde quitamos unhas fotos cas roupas de domingo e temos unha visión aérea do cauce fluvial e da fraga onde imos a internarnos.

Neste punto existe un ramal que vai cara ó Mosteiro Benedictino do Lérez e a Igrexa de San Bieito, na parroquia de San Salvador, e que forma parte do antigo PRG-48, hoxe descatalogado. Nós desbotamos a visita a San Benitiño, como é coñecido popularmente este mosteiro fundado no século X, e onde viviron personaxes de notábel relevancia como o Padre Sarmiento ou o Padre Feixóo. Coa desamortización a finais do século XIX, os monxes foron obrigados a abandonalo e a súa igrexa converteuse en igrexa parroquial. Quizais sexa bo momento para visitalo o once de xullo cando se celebra a tradicional romaría para honrar o santo máis milagreiro, como di a cantiga: “Se vas a San Benitiño, non vaias o de Paredes, que hai outro máis milagreiro...”

Seguindo o río arriba non tardamos en chegar a un tramo de augas batidas e tras el a Presa de Monteporreiro, ca Estación de Bombeo, ben visible fronte a nós, e onde lles conto ós meus amigos algunhas das miñas anécdotas piragueiras, logrando que incrementen o ritmo da marcha para non escoitarme máis, a sección feminina colle vantaxe e vai abrindo camiño por un amplo sendeiro alfombrado polas follas dos carballos.

Este sendeiro lévanos á Praia Fluvial de Couso, onde facemos reunión, e na que o Alex promete darse un baño, eso si: cando vaian chegando os calores, cara a primavera, non vaia ser que lle ouveen as costas e non renda despois na xira mundial que ten pendente co seu grupo. Trala praia está a desembocadura do río Fontáns, que cruzan un par de pontes de madeira polos que nos achegamos ós Muíños de Couso que, aínda que se atopan nun estado de completo abandono e non queden deles máis que as paredes, forman un conxunto ben bonito cunha sucesión de saltos de auga co regato antes de que este sume o seu caudal co río Lérez.

Despois dunha pequena pausa para fotografar este anaco con verdadeiro encanto, voltamos á senda de pescadores que se volve  estreitar, e que está en mellores condicións das que atopei en setembro, cando fixen esta ruta por primeira vez. Mesmo atopamos a un home adicado a tarefa de librar de maleza os camiños, preto da Presa do Muíño do cortello, que tamén se atopa en ruínas e onde temos constancia da importancia das crecidas, xa que dende a porta podemos ver ata un metro de area enchendo o antigo enxeño hidráulico.

Seguindo río arriba, sempre discorrendo nunha fraga de ribeira na que abundan bidueiros, carballos e freixos, chegamos a un segundo muro de pedra que cruza cara a outra ribeira, é a Presa do Rabadouxo, co seu correspondente muíño que, como tódolos desta zoa, atopase nun estado de completo abandono. En cada unha destas presas teño eu unha lembranza, e volvo ter nostalxia de aquel corpo que era quen de baixar por elas nunha fráxil embarcación de plástico.

Non vale de nada laiarse, e mesmo con esta tropa de eivados, que cada un ten o seu, aínda que Patricia, cando lle preguntamos pola súa eiva di que non ten ningunha, e a punto estamos de darlle cun pao nas costas para que, polo menos, lle doa algo, ata que resolve dicindo que lle doe a cabeza. Non sei se conta como eiva, a non ser que sexa moi frecuente, pero o damos por valido.

Sen máis novidade chegamos á Presa de Bora, un muro dunha ducia de metros pola que intentaron botarme no meu bautizo no mundillo das augas bravas, afortunadamente sen éxito, porque a verdade é que mesmo para un experto e por moita auga que leve ten toda a pinta de infranqueable. Detrás do encoro formase unha inmensa lagoa, no lugar de As Cernadas, que separa as dúas ribeiras do río, e obríganos a dar un enorme rodeo para emprender o camiño de volta, tendo que cruzar polo Ponte Bora, e facer un curto tramo asfaltado pola estrada que ven das parroquias de Santa María de Xeve e Santo André e que conecta ca nacional que vai cara Ourense.

Cruzamos tamén sobre a desembocadura do río Almofrei que suma aquí as súas augas co Lérez, e antes de internarnos outra vez na fraga de ribeira que rodea este último, detémonos ante un curioso peto de ánimas custodiado por dous soldadiños de pedra ca seguinte inscrición: “Fue debocion D. Diego Cervino – Año de 1851 – Hems. Debotos de las benditas animas del purst.” Sempre que vexo unha destas mostras do noso patrimonio cultural lémbrome do Zalo, a quen tanto lle gustan, e que me contaxiou a devoción.

Partindo do muro da presa esténdese a Senda Fluvial do Lérez, que non ten nin un ano de vida, e que aproveita o trazado da tubaria que vai ata Pontevedra, e que fai que incrementemos o noso ritmo, especialmente o da sección feminina, ás que perdemos de vista mentres camiñamos polo tramo que discorre pola parroquia de Mourente. O río dende esta beira adquire outra perspectiva, nin mellor nin peor, só diferente, xa non é un terreo de aventura e atopamos bastante xente aproveitando que o trazado é axeitado para tódolos públicos, mesmo algún ciclista que non ten ganas de subir costas e ata, matalo a paos era pouco, a un motorista que non atopou outro sitio onde amolar.

Pasamos polas presas do Manco, do Rabadouxo e do Cortello, cos seus muíños a un e o outro lado do Lérez, e polo Rego da Condesa, onde instalaron unhas curiosas pasarelas metálicas de aceso ós campos e cubriron o tubo con bloques de granito, e onde Miguel, que é amigo dos púlpitos, sube a improvisar un sermón que esquece en canto está arriba. A verdade é que sexa pola humidade, ou pola convalecencia das gripes, ou porque xa imos vellos, os nosos osos xa están a berrar unha tregua, e como non queremos que nos colla a noite non temos outra que apurar o paso, para intentar alcanzar a Patricia e Isabel que van escapadas falando das súas cousas.

Atopámolas cando chegamos a Estación de Bombeo de Auga, e volvemos  camiñar en pelotón, aínda que eu retrásome un pouco lendo o ciclo de auga de Pontevedra, que é este: da estación de bombeo vai a potabilizadora do Lérez, de onde se distribúe ós domicilios, de aquí á rede de esgotos e finalmente á depuradora de Lourizán que a devolve ó mar. Tamén leo a historia do Balneario do Lérez, fundado por Casimiro Gómez co fin de rendabilizar a riqueza das augas dos mananciais mineromedicinais do seu contorno e declarado en 1904 de utilidade pública. Tamén este empredendor pontevedrés emprendeu un novo negocio con gran éxito: o embotellado e comercialización destas augas, que acadaron unha boa acollida nos mercados, especialmente no arxentino onde desbordou as previsións iniciais.

En fin, que con tanta literatura teño que apurar o paso pola carreteira de Monte Porreiro ata acadar ós meus amigos ó inicio das pasarelas de madeira, que seguramente se levaron gran parte do orzamento millonario desta Senda Fluvial. Tamén fronte á Illa da Xunqueira do Cobo, moi preto da Ponte do Camiño de Ferro e do Peirao Sagasta, está  o concello a gastar o presuposto municipal nunha praia fluvial para o lecer dos seus cidadáns, aínda que eu teño as miñas reservas sobre este tipo de actuacións, porque outra cousa non teremos nesta terra, pero praias...

De tódolos xeitos facemos os últimos metros pola Avenida de Bos Aires, por un paseo fluvial apto para circular con bicicletas e patíns, mentres o crepúsculo vai transformando nun espello de sorprendentes cores a superficie do Lérez, e nós tentamos de atrapar parte deste espectáculo cas nosas cámaras dixitais.

Voltamos a descontar os quilómetros que nos separan da nosa cidade no coche de Isabel, mentres escoitamos outra vez o último disco de Aphonic e a convencemos, a ela e máis a Patricia, de que non poden perder a oportunidade de enriquecer as súas discotecas con esta xoia do metal patrio. E convencémolas, claro que si, e tamén a merendar un chocolate con churros no Bonilla, para por un broche de ouro á nosa xornada. E facémolo, a pesares de que co Nadal a chocolatería está a rebentar de xente, mentres comentamos as anécdotas do camiño, estas que agora conto eu e algunha que se me escapa, e facemos plans para a próxima...

E99 Trilho de S. Antonio de Vale de Poldros (Monçao)





Mércores, 24 de decembro de 2008

Descripción do percurso e mapa

Aproveitando estes días de bonanza climatolóxica nos últimos suspiros do ano en curso, decidímonos xuntar Zalo, Nacho e máis eu, como nos tempos primixenios, e facer unha expedición lixeira ás terras de Monçao, como anticipo á paparota de noiteboa. Co Nacho é a quinta vez que coincido nestes días e dende o sábado fixemos un bo feixe de actividades xuntos: a ascensión ó Galiñeiro no aniversario do CdC, o trilho do Foxo do Lobo en Gavieira, a navegación no Caldeirón pola ría de Vigo e o Sendeiro de Filgueira, unha boa racha que esperamos que se manteña o próximo ano. E para rematar este que mellor que xuntarnos outra vez os tres e ir a investigar un novo percurso pedestre da nosa querida xeografía portuguesa.

Así que collemos rumbo ó concello miñoto e unha vez chegados alí seguimos atentamente as instruccións que atopamos en internet para chegar ó noso obxectivo: facemos case nove quilómetros en dirección a Melgaço, collemos o desvío a Valinha, douscentos metros despois viramos cara Ceivâes, setecentos metros máis adiante collemos a estrada municipal que vai a Riba de Mouro, pasando as freguesías de Segude, Podame e Tangil, ata que chegados a Riba de Mouro collemos outra bifurcación que vai cara Santo Antonio de Vale de Poldros, percorrendo unha carreteira de montaña que, sempre ascendendo durante trece quilómetros, lévanos ó principio da nosa ruta.

O certo é que grazas a Zalo e o seu coñecemento das terras do norte luso, e tamén a súa correcta interpretación das diferentes sinalizacións que atopamos no camiño, chegamos a Branda de Santo Antonio. E chegamos de milagre, xa que a agulla do depósito de combustible estaba un pouco más abaixo do cero, por esa manía miña de andar a aforrar uns céntimos de gasóleo que algún día vaime dar un bo susto. Ademais ningún de nós contaba que tardariamos tanto en chegar, nin que estivera tan lonxe, xa case nos límites dese territorio de lenda que é Sistelo, así que chegamos con fame, xa pasadas as dúas da tarde, e botamos man da empanada de bonito (un clásico xa nestas andainas de Nadal), dunha botella de rioja alavesa (outro clásico agasallo de Nacho), e dun anaco de queixo manchego que curaba no meu maleteiro. Así convocamos a un can e un gato esfameados, atentos ás nosas sobras, tan mansiños que mesmo comían das nosas mans.

O planalto de Santo Antonio de Vale de Poldros é unha zoa cuberta de toxo, xestas, urces e carqueixas, salpicado de campos de cereais, tapadas e cardenhas, que son as construccións típicas das brandas, en outros tempos unha auténtica aldea serrana, chea de vida, axitación, festa e traballo, coa vivencia centrada nos meses de verán, de maio a setembro, ainda que agora pese a ter moitas casas en plena so está habitado permanentemente o restaurante.

Nós, despois de dar boa conta da empanada, do viño e do queixo, deixamos para o final a visita ó pobo e iniciamos o sendeiro cara ós xeradores eólicos que, tamén a este lado da fronteira, están a colonizar os cumios das serras atlánticas, seguindo a dirección que marca a placa do inicio do trilho. Pasamos un pequeno bosque de piñeiros e chegamos a Torre de Vixía, dende onde temos unha boa panorámica de todo o Vale do Minho, con numerosas poboacións estendidas o longo das beiras do curso fluvial.

Neste punto comeza o Parque Eólico, cun feixe de xigantes muíños de vento que non podo resistir a tentación de retratar, mentres os meus amigos afánanse en buscar as marcas que xogan a agocharse de nós, o que nos fai presaxiar algúns problemas para completala ruta. Acadamos o Alto das Chandetas, a 1112 metros de altitude, onde aínda persisten algunhos neveiros que trouxo a ola de frío polar da semana pasada, e que marca a cota máxima do itinerario. Pola pista de servicio do complexo enerxético enlazamos coa estrada que nos trouxo ata aquí, e nela temos que voltar a andar con bo ollo para atopar as marcas brancas e amarelas, coméndonos un bo anaco de piche antes de atopar, outra vez o Zalo listo coma un can de presa, un estreito sendeiro entre xestas que nos fai adentarnos nunha fraga de bidueiros.

Descendemos con rapidez pola masa forestal, onde a temperatura tamén baixa considerablemente, sempre atentos ós sinais agochados entre o musgo, as xestas e os troncos de centos de árbores dispostos por toda a aba do monte. Non é difícil deixar voar a imaxinación nestes lugares, tan axeitados para lendas de lobishomes e fuxidos, de trasgos e mouros, en fin, de toda esa tradición popular común a esta terra arraiana que durante séculos creceu a pesares das fronteiras. A única preocupación que teño é que perdemos altitude con rapidez e penso que nalgún momento temos que recuperala, é que o meu corpiño xa está acusando tantos días seguidos de actividade e de troula.

Despois de atravesar esta impresionante masa forestal por unha sucesión de estreitos sendeiros nos que só un ollo adestrado como o de Zalo é quen de atopala dirección correcta, cruzamos un regueiro e enlazamos con un carreiro que transcorre a carón dunha zoa de campos que seguen mantendo un descenso pronunciado. Nós, para a miña tranquilidade recuperamos unha certa horizontalidade no terreo ademais de gañar unhas boas panorámicas do Vale de Poldros, que debe o seu nome ás manadas de burras que aínda pastan ceibes nestas terras, xa que aquí denomínanse deste xeito as crías das eguas en troques de potros,que é o termo máis axeitado.

Este treito é tamén de gran beleza porque xunto ós campos verdescentes, separados por unha sucesión labiríntica de valados, atopamos pequenas fragas de carballos, de castiñeiras e de bidueiros, e o conxunto, coas montañas recortadas no azul do horizonte debuxan unha estampa que reconforta os espíritos, aínda os máis inquedos coma os nosos. Con este regalo nas retinas entramos nunha zoa de piñeiros onde o camiño descende, cara unha torre de alta tensión, e deducimos que se trata do lugar chamado Couto da Coroa, onde o sendeiro fai o punto de unión do oito irregular que traza, e polo que deberemos, obrigatoriamente, de pasar outra vez a volta.

Atopamos unha sinalización tombada no chan, e entre o Zalo e o Nacho volven recompoñela, e outra vez temos que buscar entre os penedos, uces e xestas as marcas que nos leven na dirección correcta. Non temos demasiados problemas, claro, con estes exploradores de luxo, e deseguida collemos un camiño onde a orografía se suaviza e podemos relaxarnos disfrutando da paisaxe, outra vez campos con valados de pedra e árbores autóctonas sementando de follas o chan. Por esta corredoira chegamos a Branda do Outeiro, da que só albiscamos catro casas en pé, aínda que deducindo pola altura dos muros que delimitan o camiño debeu de ter certa importancia, e ó darlle as costas volvemos a internarnos nunha mancha de bidueiros que, finalmente, lévannos ata unha estrada asfaltada, preto do lugar de Fontiñas.

A pesares de que o ano esta dando o seu último suspiro e o inverno o primeiro, vai bastante calor a esta hora da tarde e unha subida acentuada polo piche non é o máis apetecible, menos mal que as vistas ben o compensan, cun feixe de pobos ós nosos pes, e que ademais non é un tramo demasiado longo, xa que un cento de metros despois volvemos a enlazar unha pista de terra.

Os xeradores eólicos aínda están a unha altura considerable, e a pista interrompe o ascenso e corta a aba do monte nunha liña horizontal, i eu agradezo este respiro, pero teño as miñas dubidas sobre como salvaremos o desnivel que nos separa do coche. Ós poucos chegamos outra vez ó Couto da Coroa, e pasando por debaixo da torre de alta tensión temos que andar un pouco para adiante e para atrás ata que outra vez o Zalo camión atopa o trilho marcado, preto dun campo onde vemos os primeiros poldros. Imos cara a fraga de bidueiros que atravesamos o principio da ruta, pero antes de internarnos nela temos que atravesar uns campos enchoupados no que, so por uns momentos, crémonos perdidos. Claro que, xa sabedes quen: o que sempre vai en cabeza, temos o noso particular sherpa que volve a atopala dirección correcta e guiarnos ata a fraga, e despois a través dela.

Despois da fraga, con Nacho e máis eu comentando que carallo xantara este home que nos guía para sacar tantas forzas nas costas e para atopar sempre os camiños, voltamos a pasar polo parque eólico, onde nos recibe unha manada de burras, tan características deste val. Quitamos ata unha foto de grupo na que parece que estamos en verán, en manga corta, suorosos pero sorrintes e cun ceo azul que fería os ollos, xa ca Branda de Santo Antonio a un tiro de pedra. E cara esas pedras camiñamos por unha corredoira onde quedaban xa poucos neveiros, marabillados polas cardenhas, as construccións típicas destes enclaves, e tamén polos quartéis, locais de abrigo para os romeiros que no día de Santo Antonio viñan para a bendición do gando.

O completala ruta en algo máis de catro horas, danos tempo de tomarlle unhas birras e un pouco de embutido local nun establecemento de turismo rural onde tamén teñen mapas topográficos da zoa, e onde nos informan que tamén teñen rutas guiadas, por se as necesitamos. Agradecémoslle as birras, o embutido, os mapas e o ofrecemento, pero desto último non precisamos levando con nós xente tan competente (e non o digo só porque o Zalo, ó final, pagara a conta. E con estas, un pouco preocupados por se nos quedabamos sen combustible, voltamos cara Monçao, onde chegamos sen máis novidade, e onde nos despedimos ata outra.



E98 Mirando o Miño

Domingo, 23 de decembro de 2008

E97 Trilho das Brandas (Arcos de Valdevez)





Domingo, 21 de decembro do 2008

Descripción do percurso e mapa

As previsións meteorolóxicas apostaban por unha tregua, despois da ola de frío polar que tinguiu de neve os máis altos cumios do país e algunhas poboacións de montaña, e organizamos unha expedición lixeira para acadar esas láminas brancas que aínda persistían na Serra da Peneda, santuario de devotos marianos e adictos ó granito. Entre nós había algúns, como Anxo e Mili, que insisten nese gusto polo bacío, pola conquista do ceo dende unha parede vertical, e en honor a eles decidimos adentarnos nas terras miñotas, ou máis ben minhotas, para realizar un sendeiro ben axeitado para a ocasión: o Trilho Pertinho do Ceu, un dos máis belos do Parque Natural do Gêres.

Sumáronse Nacho e Xacobe, con quen na véspera celebrara o noveno aniversario do Club de Camiñantes completando o ascenso o Monte Galiñeiro e circunvalando o Encoro de Zamáns, e o Miguel que levaba unha boa tempada sen saír cara as terras arraianas con nós, completando este feixe de compoñentes da miña cobertura emocional. E con esto faltáballe pouco para que burlaramos o inverno, e cun certo retardo saímos cara ó mediodía do Concheiro cunha tarta de coco e unha empanada de bonito como provisións, para aproveitar ese sol de outono que aínda quentaba un pouquiño.

Levounos unha hora e media chegar ata o inicio da ruta, na freguesía serrana de Gavieira, concello de Arcos de Valdevez, e uns chegaron antes e outros despois, non imos entrar aquí nas razóns de cada quen, e ó Nacho antollóuselle cambiar de plans, ou intentalo, para levarnos cara o foxo do lobo, máis eu púxenme en plan caudillo e empecei a camiñar seguindo as marcas co grupo detrás. Ainda botou unhas boas risas o de Coruxo, xa que non sairamos de Gavieira, ou non exactamente, xa que estabamos algo afastados do núcleo rural, e sairamos do lugar de Rouças, pertencente a mesma freguesía, de onde sae o Trilho das Brandas, que era xustamente o que quería facer el.

Atravesámo-la inverneira por un camiño de laxas, entre casas de grosos muros de pedra onde asomaban os vellos que resistiron o encanto das cidades e seguían mantendo a vida tradicional dos seus antergos, chegados a un dos regueiros que baixan da serra para sumar as súas augas o Río Grande, e subimos o seu carón polo firme empedrado, gañando en verticalidade conforme nos afastamos do pobo.

O Lourenzo batíanos nas costas e na caluga cunha persistencia inhabitual para atoparnos a finais de decembro, e facíamos quendas para despoxarnos das nosas prendas de abrigo, aproveitando a paradiña para botarlle unha ollada á panorámica que ofrecía o camiño, as casas de Rouças encollendo, facéndose diminutas, e ós seus pes unha alfombra de campos dispostos en socalcos. Mentres os integrantes da nosa pequena columna competiamos en intentar atrapar algunha desas postais que nos regalaba a vista, aínda sabendo que con Anxo entre nós non había competencia posible.

Cando xa levabamos sorteados un cento de metros de desnivel o pobo comezou a desaparecer, e as sinais brancas e amarelas a agocharse entre as xestas, e o camiño ofrecíanos varias posibilidades, co que o noso guía, o Nacho, tiña traballo dabondo para levarnos a bo porto, ata que chegou un momento en que as dubidas creceron máis do aconsellable e tivemos que facer reunión. A pesares de que unha boa parte do grupo xa fixera a ruta fai uns anos cos Camiñantes non tiñamos claro cara onde tirar, faltábanos o Zalo que curiosamente andaba ben preto, na branda de Busgalinhas quizais, e improvisamos cruzando uns campos enchoupados para chegar a outro camiño empedrado onde atopamos a dirección correcta.

En tempos pasaban por este carreteiro os carros de bois de raza barrosá que ligaban a inverneira ca súa correspondente branda, na migración estacional na que despoboaban unha aldea para habitar outra, en busca de pasto fresco para as bestas, aínda que agora está ben estragado e ademais xa hai unha pista que ven dende Gavieira e que está asfaltada en boa parte. Ata ela chegamos, xa pensando en dar boa conta da empanada, avanzando cara a branda de Gorbelas, onde espertamos a tódolos cans do enclave da súa sesta, que formaron un improvisado comité de benvida.

A ascensión esgotáranos, coma sempre a uns máis que a outros, e demorámonos en atravesar a residencia estival dos habitantes de Rouças, ca escusa dos neveiras que aínda persistían nos prados e que enchían o no arquivo dixital, e tamén as senlleiras construccións de tellados oxidados que atopabamos ó noso paso. Cando deixamos atrás a última delas, iniciando outro estreito camiño de laxas, conseguín que o grupo se pregue as esixencias do meu bandullo, e improvisamos unha mesa sobre a que dispor a empanada de bonito, a tarta de coco e o queixo. E dimos boa conta de todo elo.

Aínda estábamos a metade do camiño de ida e xa había algúns que estaban de volta, un grupo numeroso de camiñantes, cércano a media centea, que viñan baixando cara a branda de Gorbelas, e que resultaron ser un grupo sendeirista chamado O Coto da Vella, que viñan capiteneados por un coñecido de Xacobe. Este abundante continxente ía ben equipado, tanto na indumentaria como no calzado, e víanse uns tipos aguerridos neste tipo de loitas, mesmo levaban un GPS para non errar o camiño, e en Rouças esperáballes un autobús xa que estaban facendo un recorrido lineal que os trouxera dende o Mezio. Outra forma de disfrutar a montaña, nin mellor nin peor, so diferente.

Con novos folgos démoslles as costas ós campos de centeo asolagados pola neve e as sinxelas construccións das brandas e seguimos ascendendo por un camiño de laxes que se abría paso entre a penedía, vencendo fortes declives mentres os meus amigos facían fincapé nas miñas derrotas, nos meus naufraxios, nesa facilidade que teño para perder e seguir apostando, e que non teño intención de sufrir en silencio, e insisto en proclamar ós catro ventos.

Conforme íamos gañando altitude a neve cubría máis superficie, e o final do camiño empedrado había tramos nos que unha pátina nívea estendíase ata onde alcanzabamos a ver o horizonte. Tal era así cando chegamos o Poulo de Seida, unha vella e abandonada branda de gando, esquecida no tempo e na memoria, a cal permitía unha pernota máis segura ós pastores e rabaños, para protexelos do frío da noite e da ameaza do lobo. Os refuxios, dos cales aínda quedan en pe unha ducia, son dunha arquitectura primitiva, e lembran os antigos castros, e nós detémonos a rexistralos, como non podía ser doutra maneira, cas nosas cámaras, para deixar testemuña do noso paso.

Pouco máis arriba está o punto máis alto da Serra da Peneda, o Alto da Pedrada, de 1416 metros, e baixo el atopamos o inicio do muro do Foxo do lobo, unha arcaica construcción que tiña como obxectivo a caza deste depredador que con estas artes foi desaparecendo, pouco a pouco, do noroeste peninsular. O tema era bastante sinxelo, cando o animal entraba dentro dos muros, que debuxan unha V de centos de metros, non tiña posibilidade de escapatoria, perseguido polos paisanos armados de forquitas, sachos e algunha arma de fogo, e conforme corría polo Couto da Redonda e ían confluíndo os muros e estreitándose o paso non tiña outra que saltar ó foxo onde lle esperaba unha morte segura.

Nós chegamos ó final desta construcción singular, da que temos constancia ó outro lado da raia, en Cotobade e en Mondariz, e alédome de que sexa a primeira vez que Anxo e Mili estiveran aquí, de que estiveran comigo, e de que gusten do entorno e da camiñata, e para non facelos voltar por onde viñemos, aínda que o sendeiro sexa lineal e non nos de ningunha posibilidade de facelo circular, improvisamos atravesando campo a través para buscar a maneira de chegar a Gorbelas.

A idea foi de Nacho, e a todos nos pareceu ben, a pesares de que non tardaron en aparecer as primeiras diverxencias, xa que Xacobe tiña as súas dubidas sobre a onde nos levaba o noso guía, e así fóronse pasando a dirección do grupo, ata que, sen demasiados contratempos, chegamos a un outeiro dende onde se podía ver a branda, un centro de metros máis abaixo, e un camiño empedrado que ía ata el. Custounos un pouco descender ata el, pero chegamos sen outra novidade que os continuos combates de pelotas de neve, nas que participamos todos, de mellor ou peor grao.

O sol esmorecía, e tiñamos que darnos presa para chegar arreo ós coches antes de que desaparecera, así que non nos entretivemos máis ó chegar ó enclave montañés, tan só para fotografar unha vez máis a un rabaño de vacas barrosâs, de corpo pequeno e cornos grandes, que estaban á saída. Collemos o camiño empedrado outra vez, e alí voltamos a atopar a algúns exemplares desta raza característica do norte portugués, mesmo asistimos a unha escena de amor bovino que, por pudor ou por non ter rapidez no disparo, non rexistramos nas nosas cámaras.

Chegamos aínda con luz a Rouças, e tamén con fame, así que demoramos o xusto para estirar un pouco e decidir onde íamos cear. O Nacho e o Xacobe decidiron tirar para Vigo, onde esperaban as súas santiñas, e o resto acordamos tirar cara Salvaterra do Miño, para meterlle un churrasco no Noso Eido. Así que despedimos ata outra e descontamos os quilómetros de asfalto que nos separaban da poboación arraiana. E churrasco houbo, e calamares, e viño, e unha camareira simpática que mesmo deixou que Miguel fixera unha selección musical para amenizar a velada. E comemos moito e ben, e pagamos pouco, mentres lembrabamos outros camiños ou soñabamos outros. Xa tiñamos algún proxecto para a seguinte semana...

E96 Sentiero di Scruppo (Val d’Agri)

Mércores, 26 de novembro de 2008

E95 Trilho da Montaria (Viana do Castelo)





Domingo, 16 de novembro de 2008


Espertei ó mediodía, e xa foi todo un éxito. Durmira menos de cinco horas, e con algunhas interrupcións. A boca fedíame como cu de cabalo, tiña un feixe de lagañas pegañentas nos ollos, e na cachola aínda estaban a tocar os metaleiros gregos da véspera, pero ben desafinados. Si, outra resaca do carallo. Que tipo amante das costumes, das tradicións, e que ganas de castigalo corpiño. Pero xa son vello de máis para cambiar. Así que resistín os primeiros impulsos, ou sexa: estoupar o trebello mecánico que estaba a tirarme das orellas para quitarme do soño. E unha vez que se fixo o silencio, os segundos: darlle outra volta á manta e seguir a durmi-la mona. Pero era domingo, e tiña que facer penitencia, así que erguinme, tapei as miñas vergoñas e dez minutos máis tarde xa estaba saíndo a rúa.

O panorama que me atopei no Concheiro era moi distinto ó dos derradeiros domingos, e preguei en silencio para que xa tiveran pensada unha ruta e non ter que darlle máis voltas á cabeciña, que aínda doía un chisco. Estaban alí algúns dos meus compañeiros descontinuos destas convocatorias máis ben informais: Xacobe, Isabel e Miguel, pero ademais, o núcleo duro dos Eivadiños, que xa teñen debuxadas un feixe de rutas, marcadas ou non, nas terras portuguesas: Ramón, Yuka, Montse e Nacho. E si, claro que si, xa tiñan bastante claro cara onde sementar as nosas pegadas, así que só tivemos que acordar quen levaba os coches, repartirse e tirar cara a fronteira.

Non podía ser doutra maneira, e para celebrar a xuntanza sentámonos á mesa no comedeiro de San Pedro da Torre. Pedimos arroz tamboril e de marisco para compartir, e o Nacho, para acentuar a disidencia, pediu un robalinho. Nada que obxectar, que eu xa o probara e teño que dicir que está ben bo. So faltaba o Zalo para completalo cadro, pero seica tiña magosto no Casco Vello e o home tamén ten as súas tradicións. Así que reducimos os arroces, o peixe, as tarrinas de queixos, manteigas e patés, e aínda, por se non chegaba, babas de camelo, mousses de chocolate, tartas xeadas e non sei que máis lambetadas. E falamos outra vez de camiños, de concertos, de viaxes, de traballos, de barcos, de programas infórmaticos e cámaras fotográficas. E co que se atrapallaron para anotar e traer os cafés xa parecía que non íamos saír de alí máis. Pero saímos claro, senón ¿que carallo estaría a contar agora?.

No traxecto ata o corazón do concello de Viana do Castelo tentei durmir, pero non houbo maneira. O que si botou unha sonequiña foi o Miguel, criaturiña. Así que chegamos a San Lourenço da Montaria, uns máis descansados que outros, e algúns por segunda vez en sete días, cun sol de outono que parecía de primavera, dispostos a seguir a Yuka ata onde dispuxera. Nas portas da junta da freguesía estaban os veciños asando un porco enteiro ó espeto, e recibíronnos cunha música que falaba, apropiadamente, dos camiños de Portugal. E así a nosa guía, que cando organiza fai as cousas ben feitas. E desta volta tiña aprendida a lección, así que non quedaba outra que obedecela.

Á esquerda do edificio da junta, tal e como indicaban na información que atoparamos na rede, saía un camiño empedrado entre as casas, e por alí abandonamos o pobo. Collemos unha estrada alcatreada e fomos escollendo as marcas con coidado, porque habíaas vellas e novas, e nós tiñamos que seguir polas máis recentes, chegando de seguida preto duns viveiros forestais. Alí topamos co Río Âncora, que tiña as augas douradas polos bicos do sol, e abandonamos o piche para seguir pola beira esquerda do leito fluvial, seguindo unha levada de auga que discorre entre carballos, acacias e bidueiros. O entorno é ben fermoso e no grupo desenfundan ata catro cámaras, cousa inédita nestas andainas, e máis aínda cando chegamos a un salto de auga que nos fixo pensar, erradamente, que estabamos ante a Cascata do Pincho, o que non é posible porque na sinalización din que está a máis de catro quilómetros do inicio, e nos aínda estabamos no primeiro.

Avanzamos pola levada que vai separándose da beira do río, mentres vemos baixo nosa as ruínas de algúns muíños, un deles de grandes dimensións. Ós poucos chegamos a outro treito alcatreado que, afortunadamente, é cortiño, xa que á dereita sae un camiño de terra que tomamos, iniciando un pronunciado descenso. Dende a pista, conforme baixamos, descubrimos algúns encantos do Âncora, un cento de metros máis abaixo, e algunhas pozas que paga a pena investigar de cara as estacións mías cálidas. E tamén algunha fervenza, posiblemente algunha delas sexa a do Pincho, pero parece que o noso itinerario afástanos dela, en troques de levarnos cara ela. A onde chegamos a outra estrada, esta empedrada, pola que lle damos as costas ó río, e comezamos unha boa subida, cara ó sitio de Devesas, no lugar de Espantar.

Abandonamos o firme empedrado por un camiño que nos sae pola dereita, pola que ven unha amazona cun cabaliño ben parecido ós de raza galega. O camiño vaise ancheando ata converterse nunha ampla pista forestal que discorre entre piñeiros, quizais o treito menos atractivo do trazado, pero non tardamos moito en mudala paisaxe, conforme descendemos, e avanzar entre campos de labranza compartimentados por muros de pedra solta, e distinguimos unha cantidade bastante apreciable de oliveiras e árbores frutais. Outro treito de pista forestal permítenos observar o descorrer do río Âncora, que a unha distancia importante, debuxa curiosas formas no fondo do val.

A sinalización do sendeiro non é moi abundante, e a nosa guía consulta unha e outra vez o mapa, conseguindo mante-lo grupo compacto e confiado no seu bo facer. A pesares de que, despois de cambiar outra vez de firme e despois dunha pronunciada subida por un camiño empedrado, pode ser que fora a Encosta da Breia, empezan a deixarse escoitar algunhas voces desconformes coa súa labor. Pero non recua, nin nós tampouco, e con marcas ou sen elas seguimos avanzando cara un outeiro, mentres algúns imos cubrindo a retagarda con comentarios que espertan máis comentarios e, finalmente, unha explosión de risas e que non vou a reproducir aquí para que se vexa que, ás veces, ata eu teño algo de vergoña.

Chegamos con estas e con outras ó Alto das Folgueiras, case totalmente vernizado polas herbas amarelas que lle conferían un aspecto particular, unha magnifica atalaia para facerse unha idea aproximada do camiño que levabamos recorrido e do que nos quedaba por recorrer. Camiñando por este poético escenario a algúns danos por falar das conexións entre a literatura e a informática, e das múltiples adiccións que suma o uso continuado de Internet para alguén medianamente curioso. Eu fálolles dos meus derradeiros descubrimentos, en especial de Arraianos.com, unha revista que se publica en papel e en formato pdf, con moitas historias da fronteira que estamos continuamente a cruzar.

Mentres seguimos coa parolada volvemos avanzar entre muros de pedra centenaria, por unha canicouva enlamada e con grandes sobreiras nas súas beiras. O certo é que non podemos ter queixa dos cambios paisaxísticos, porque xa tivemos un pouco de todo, e polo que parece aínda nos queda un bo anaquiño para chegar ó núcleo rural de Montaria.

A lameira fixo que o grupo se alongara, e cando saímos dela fixemos reunión preto dunha casa ben bonita, despois de votar algún berro ós que quedaban atrás que convocou a un rabaño de ovellas, a unha vella e a un cabalo, e finalmente a retagarda. Seguiamos a ter algún problema coa sinalización, pero a nosa guía dáballe as voltas necesarias o mapa para cadrar o camiño, e levounos por carreiros estreitos, calzadas empedradas e pistas de terra, dando dous pasos para adiante e un atrás, pero só para coller impulso, pasando a carón dun feixe de viñedos, bosques de piñeiros, campos de herba seca, e mesmo un campo de fútbol da última división, e cando algún empezaba a dubidar do seu mando saímos a unha estrada alcatreada.

Esta estrada era a que leva a San Lourenço, e saímos moi preto do Punto de Encontro, un concorrido chiringuito instalado no cruce que xa nos chamou a atención o domingo pasado, e que non nos tenta nada, non sei moi ben porqué. Dende aquí non hai perda, é segui-la lingua de piche e chegar ó pobo, pero a guía insiste en buscar o camiño, erra un par de veces e é abucheada por un par de impresentables, que nin así conseguen desanimala. Finalmente consigue dar co camiño verdadeiro para entrar como camiñantes profesionais no núcleo rural, e inda ten a ben compartir a súa cantimplora co Xacobe, un dos amotinados (o outro xa non me lembro de quen era).

E ademais é un camiño bonito, entre muros de pedra, prados salpicados de medas, casas centenarias, campos de millo ou de patacas, petos de ánimas cubertos, fontes de auga xeada, froitas exóticas e outras particularidades que motivan que o grupo de afeizoados á fotografía, ou sexa: Miguel, Xacobe, Nacho e máis eu, quedemos atrasados nun improvisado safari, buscando atrapar a imaxe máis curiosa ou máis bela. Nesas estamos cando voltamos ó asfalto, tan ensimesmados mentres vai caendo a noite que nin conta nos damos de que xa hai un bo rato que deberíamos de chegar ó coche.

Non o facemos ata que remata a estrada e chegamos a unha pista de terra cun cruceiro e un feixe de indicacións, ningunha das cales nos soa. Así que voltamos sobre os nosos pasos e preguntámoslle a un paisano pola igrexa de San Lourenço, e non hai perda: seguindo a estrada á dereita, chegamos presto. Recíbennos con música en directo, aínda que bastante desafinada, e o resto do grupo xa está a beber no bar para celebralo. Xa caeu a noite sobre a Serra d’Arga e nos iluminamos o final cun feixe de sorrisos.

Seguidores