E29 Sendeiro de Baldráns (Tui)



Luns, 23 de abril de 2007

Para variar ese guión de areas colonizándome a gorxa, teas de araña sementándome as pálpebras e espiños coroando os meus miolos, ou sexa, esa insistencia en comezar tódolos meus sendeiros coas consecuencias da véspera, comezo a semana desprezando os efectos da convocatoria dominical, que manteñen activa a conexión de dor que me atravesa dende o final da columna ata as falanxes do pé esquerdo, e despois dos rigores da xornada laboral, co madrugón perceptivo do regreso das vacacións, me sorrí o satélite cunha invitación a poñer a proba a resistencia deste corpo que xa non semella o que tiven, a miña asertividade, ese descoñecemento do significado da palabra non, fai o resto e me atopo abandonando os libros e enchendo outra vez a mochila de sementes.
Despois de xantar unha desas especialidades da nouvelle cocine do meu compañeiro bretón, saio a unhas rúas invadidas pola néboa atlántica e, para que non faga máis mella nos meus osos, introdúzome no vehículo do bo de Xurxo, que ven da capital do imperio con mono de grandes espacios, e pomos rumbo ás terras fronteirizas que divide a fenda azul do noso río máis caudaloso. Consultei os mapas da zona, intentando deseñar un pequeno recorrido polas ribeiras galaicas, e atopei unha posible conexión entre as dúas variantes do PRG 19, que comunica as localidades de Caldelas e Tui en ambos sentidos.
Cara a primeira das poboacións nos diriximos, mentres nos pomos ó corrente das novidades do fin de semana: concertos, constelacións, e demais actos sociais e festivos, e nos dispomos á aventura. Porque algo de aventura ten, dende un principio, o noso periplo, porque xa está bastante avanzada a tarde e, a pesares das indicacións precisas da nosa guía de peto, non atopamos nin unha soa sinal que nos faga decidirnos pola dirección que temos que tomar.
Interpretando a deficiente cartografía que temos comezados ascender por un estreito camiño asfaltado, sorteando casas nas que non parece respirar ningunha alma, e as poucas que atopamos tampouco son moi propicias a darnos demasiada información sobre os catro topónimos que manexamos como referencia. Así que seguimos ascendendo caro o monte, buscando o seu punto máis alto, O Robaliño, alentados polo único sinal branco e amarelo, ou máis ben polo pouco que queda da súa pintura, xa que debe ter a súa antiguedade.
Neste traxecto, despois de asistir atónitos ó voo dun moucho, cando desaparece o piche, nos internamos nun curioso camiño de terra que discorre entre casas de pedra, na súa maioría abandonadas e invadidas polas silveiras, e entre unha gran mole granítica que se nos antolla un gran cetáceo varado. Aínda nos alenta a novidade do entorno, os nosos pasos son un cardume de dúbidas, e se incrementa a nosa incertidume cando volvemos pisar asfalto e seguimos sen atopar nada que confirme o bo sentido da nosa marcha.
Deixámonos seducir por un par de camiños que se internan no bosque, onde asistimos a unha divertida carreira de felinos, pero finalmente decidimos volver sobre as nosas pegadas para buscar algunha confirmación do noso destino.
Dez minutos despois atopamos a unha xoven seareira á que preguntamos polo antigo cuartel dos pícolos, que é a nosa referencia máis evidente, e nos manda na mesma dirección que recorremos, polo que volvemos á estreita estrada na que decidimos dar a volta para, dende alí, atopar finalmente o edificio benemérito, remodelado como zona residencial. É tan escueta a descrición que fai a nosa guía da zona, e son tan poucas as indicacións que nos atopamos que nin tan sequera temos un nome para transcribir en este informe e, ademais, a superficie asfaltada recorrida non nos fai ser demasiado optimistas co itinerario.
E para acrecentar os malos augurios nos atopamos un pequeno cemiterio, que recorremos inquedos de que, entre os buracos cubertos de follasca, salga algún rumor de osos. Dende alí outeamos unha pequena fraga e avanzamos cara el coa esperanza de atopar algo, aínda que non sabemos moi ben o que.
O camiño é bastante máis agradable que todo o que deixamos atrás, con campos onde rebentou a primaveira, e un solitario lavadoiro rodeado de xuncos e outras especies típicas dos humedais que, por momentos, nos transportan ás recentes postais das Lagoas de Bertiandos. Inspirado por esta visión, Xurxo atende diversas chamadas telefónicas, mentres eu insisto en completar o desordenado arquivo dixital que dubido que vexa algunha vez impreso.
A fortuna nos fai desembocar nun pequeno campo de fútbol, quizais o da Malladoura, e volvemos ó asfalto, discurrindo entre casas de diferentes arquitecturas, das que as máis nobres están en ruínas. O máis sobresaínte de este tramo, aparte de que Xurxo segue utilizando o móbil, é un pequeno parque infantil privado no medio dunhas sobreiras.
Aínda co meu compañeiro de andanzas colgado do teléfono, resolvo tira-la toalla e, despois de consultar cos escasos seareiros que atopamos atarefados cos traballos da terra, baixamos ata a estrada que comunica Caldelas con Tui, para buscar a silueta do torreiro da igrexa de Santiago de Baldráns, onde tiña previsto trocar a dirección a nosa ruta para completar o círculo.
Pero nin con esas, despois de recorrer un bo treito pola comarcal decidimos esquecernos do templo, que non aparece por ningún lado, e comezar coa segunda parte do sendeiro, que discorre ás beira do Miño.
Antes de consumar a derrota, Xurxo decide recalar nunha tenda para comprar víveres cos que animarnos o bandullo, e lle tomo o relevo nas comunicacións co satélite, añorando aqueles tempos nos que era posible estar incomunicado durante unhas horas, saboreando o sabor da aventura.
Por un estreito camiño de terra abandonamos o pobo, ata chegar a vía do ferrocarril, que non tardamos demasiado en observar como atravesa a formación desordenada de piñeiros, pulindo a superficie metálica dos raís onde, só fai un momento, nos reflexábamos.
Aquí se amabiliza o entorno, camiñamos por un sendeiro que ten máis area que terra, á nosa esquerda grandes campos onde se multiplican as margaridas, salpicados por pequenas extensións de viñedos; á nosa dereita, unha densa arboreda onde as especies se confunden, dando un aspecto selvático ás ribeiras do río que, debido á densidade esmeralda, non podemos ver. O que si vemos, por segunda vez na tarde, e con case dúas horas de diferencia, son as marcas do PRG 19, tan deterioradas como a primeira, o que constata o abandono no que se atopa a rede de sendeiros do noso país.
Seguindo por este agradable camiño chegamos a unha graveira, coas súas tolvas de area totalmente cubertas de óxido, testemuñas mudas dos derradeiros vestixios dunha explotación areeira que cremos abandonada, tal é o estado de decadencia no que se atopan as estructuras metálicas, e cando comezo a tomar fotografías deste complexo, tan agresivo para o medio ambiente fluvial, aparece o dono da empresa. Lonxe de amoestarme polo meu afán de rexistrar os ferros enferruxados do seu patrimonio nos anima a seguir disparando, mentres nos alecciona sobre a actividade extractiva, que aínda continúan, aínda que os beneficios que embolsa xa non sexa os de antano.
Como non me gusta a súa maneira de gañar diñeiro, aínda que sexa pouco, non logra espertar as miñas simpatías, aínda que o intente laiándose do mal estado no que se atopa a sinalización do sendeiro, así que buscamos o xeito de desfacernos del e proseguimos ata chegar ás beiras da franxa azul que nos separa de Portugal.
Admiramos a forza da corrente, mentres boto de menos aqueles tempos en que surcaba as súas augas con distintos tipos de embarcacións: canoa, kaiak de mar e de augas bravas, pneumática... e me laio de non conservar ningún recordo gráfico de todo aquelo. En fin, aínda podo recorrer as súas beiras, e neso continuamos, atopando neste tramo unha abundancia de sinais inaudita, ata un panel indicativo que nos detemos a observar con curiosidade.
Nel sinala que nos atopamos nunha Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e que a Lagoa que contemplamos baixo o panel, asociada ó río Miño, ten unha extensión de 3.600 metros cúbicos, e nela habita un dos tesouros botánicos de Galiza, o Nymphoides peltata, unha das plantas acuáticas máis raras e ameazadas da península, caracterizada polas súas fermosas flores amarelas que emerxen da auga e as súas follas semellantes ós nenúfares. Non observamos nin rastro desta valorada especie, o que si constatamos é a existencia dun campo de kaiak polo, con portas e porterías, na superficie lacustre supostamente protexida.
En fin, estas cosas curiosas que están rematando cos nosos valores naturais que cada vez nos deixan máis indiferentes. Proba delo é que moi preto atopamos un chiringuito, onde teño pasado varias tardes etílicas, fai case dúas décadas, e onde en certa ocasión cercáronme non menos dunha ducia de beneméritos para despoxarme do que era meu. E neste local de madeira e mobiliario estival, están un puñado de seareiros alleos ás enfermidades do planeta, ou máis ben desta pequena porción do planeta, e unímonos a eles para refrescar a gorxa dos calores que pasamos na búsquea dos sendeiros de Baldráns.
Despois de esta pausa reparadora, na que informamos ó Emperador do noso periplo, camiñamos por unha pradeira que se estende ante os nosos pes, sementada de pequenas flores violetas, e dende aquí saímos a un camiño de terra que nos leva ata a desembocadura do río Caselas, onde se atopan os Muíños do Souto, que buscamos infructuosamente na nosa saída. Aínda que o entorno sexa digno dunha parada, os inxenios hidráulicos se atopan bastante deteriorados, como soe ocorrer nestas terras.
Nós tamén o estamos, polo que decidimos recalar en Tui, para probar outra vez os manxares do Cabalo Furado, onde, para completar o círculo, nos atende unha lugareña de Baldráns. Do que comemos e falamos sería materia de outro par de folios...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores