E42 Sendeiro do Baixo Miño (Tui)

Domingo, 29 de xullo do 2007

A finais do verán do ano pasado, nunha desas reunións gastronómicas que, dende non se sabe cando, celebramos os venres, cando nos permiten as axendas e as xornadas laborais, Zalo faloume da rede de percursos pedestres que abriran no concello portugués de Paredes de Coura, non moi lonxe da fronteira, e entráronme as ganas de desprezar o inventario de dores que insistían, aínda o fan pero xa non na mesma medida, en recorrer a miña perna esquerda, e voltar ós camiños, en busca de aventuras.

Quedamos uns días máis tarde e, despois de iniciarme nas delicias da comida do Stop, un restaurante situado en San Pedro da Torre ó que me volvín adicto dende ese momento, levoume a un territorio incógnito para min, onde recuperei algúns dos motivos polos que volvo sorrir nos amenceres.

Ese primeiro sendeiro en terras courenses, o Trilho dos Combatentes da Travanca, do que non queda constancia gráfica nin escrita, e do que nin sequera podo precisar a data exacta, foi o fundamento dos moitos que verían despois. Deseguida adoptei a fórmula que me ofrecera o Zalo: quedar ó mediodía, para non madrugar demasiado, xantar cedo (gracias ó uso horario lusitano), e camiñar entre tres e cinco horas. Estaba feito a miña medida: podía saír o sábado pola noite, comer cos amigos o domingo, e volver facer, aínda que fose modestamente, un pouco de monte.

Conforme foron sucedendo os días e os sendeiros, con Xurxo e Nacho entusiastas dende o primeiro momento, Zalo advertiunos de algúns inconvenientes do método: coa chegada do outono os días iríanse acurtando, co que teríamos menos horas de luz, e coa primavera empezaría a facer demasiado calor para empezar cando a dor estivera no máis alto do ceo.

A pesar de estes inconvenientes continuamos, case tódolos domingos e moitos festivos, insistindo no mesmo procedemento, e fóronse sumando algunhas persoas que, xa sei que soa un pouco pretensioso, forman parte da miña cobertura emocional, esa que me permite voltar a sorrir cando chego o fondo do abismo. Ignorando as estacións, as previsións meteorolóxicas, as resacas (si, coas súas teas de araña e os seus pantasmas), o lumbago, a ciática ou a gripe, ignorando os compromisos familiares, as convocatorias festivas o culturais.

Como mostra de que esta colección de hernias discais, artroses cervicais, meniscos desgastados, túneles carpianos e outras doenzas menos evidentes que forman o noso pequeno grupo de Eivadiños, non lles asustan os rigores do clima e que si veñen ou deixan de vir e por outra clase de motivos, é que decidimos saír a sementar pegadas cando os termómetros marcan as máximas temperaturas do ano, como si o verán que se resistiu ata o de agora chegara de repente, facéndonos un resumen das súas intencións.

Cando prendín o teléfono móbil, e comezaron a entrar mensaxes e avisos de chamadas perdidas, sorprendinme, e comecei a pensar en onde e como, nun día que prometía tanto calor como este, ían a dirixirse os nosos pasos. Lembrei outro día de lume, a principios de maio, cando recorrín, esta vez en solitario, o PRG que une as poboacións de Tui e Caldelas do Miño, e pareceume a idónea: con moita sombra e boas posibilidades para refrescarse.

Así que fun ó punto de reunión (outro acerto en estas convocatorias, a cinco minutos da miña casa e a saída de Vigo), cos deberes feitos, pensando rapidamente onde podíamos xantar e cantos coches había que levar. A hora convida, pouco máis ou menos, apareceron Xacobe, Xaime, Yuka, Ramón e Miguel, os que informei dos meus plans, que foron aceptados de bo grao, e da necesidade de levar tres vehículos, xa que o recorrido era lineal.

Puxémonos en marcha, outra vez cara o sur, aínda que nesta ocasión non pensáramos en cruzala fronteira, e deixamos un deles no lugar de Os Baños, na parroquia de Caldelas do Tui, e nos outros dous dirixímonos a Tui, onde planeábamos comer. E comemos, aínda que non no Cabalo Furado, como tiñamos previsto, senón no Pote, onde fixemos desaparecer sendas racións de pementos de Padrón, chochos na súa tinta, xamón asado, salpicón e tortilla de queixo e panceta, aliviados pola temperatura do local, que animaba a alongar a sobremesa, tralos postres e os cafés.

Pero, pese á canícula que azoutaba as rúas, decidimos saír a recorrer eses camiños que proxectaramos, aínda que algún bromeaba coa posibilidade dunha soneca a beira do río, e voltamos ós coches para acurtar o tramo de asfalto que debuxaba o sendeiro e buscaba unha sombra onde abandonalos, unha vez pasada a parroquia de Rebordáns, onde comezamos a vernizarnos co protector solar, e a quitar da mochila tódolos porsiacaso que, en vista dun ceo completamente azul, non ían a facer falta nesta ocasión.

Ademais de evitarnos o molesto tramo de asfalto, varrido con furia pola lingua de lume do astro rei, acercamos ata aquí os coches por si non é posible vadear neste punto o Río Louro, por onde pasa o camiño portugués a Compostela, xa que o ponte novo aínda está en construcción e o vello ponte romano aínda esta en fase de rehabilitación. Neste último hai un peche metálico e severas prohibicións para evitar que sexa franqueado, xa que un dos seus tramos tivo, recentemente, un derrube. Aínda así ignoramos os carteis e adentámonos na zoa restrinxida, xa que non atopamos mellor alternativa para vadear o río.

O inicio, que en tempos debeu ser un paraxe de inusitada beleza, atopase agora bastante deteriorado polas obras, pola contaminación do río, e pola instalación dunha estación de bombeo de gas e unha depuradora, ás que damos as costas para adentrarnos nunha plantación de millos, nas que parecemos auténticos exploradores, que sigue a liña que debuxa o Louro nos seus derradeiros metros, antes de sumar as súas augas co Río Miño, que seguiremos a montante, como dixen na outra ribeira.

Chegamos empapados de suor o camiño que sigue a extensa mancha azul, pero certamente aliviados pola sombra que nos proporcionan frondosos carballos (Quercus robur), salgueiros (Salix alba), amieiros (Alnus glutinosa) e outras especies que Xaime (Criaturax satanicus), que para algo pasou media vida estudiando o tema, vai identificando, ilustrándonos cos coñecementos adquiridos en eses arduos anos de investigación.

Animados por esta clase gratuíta de botánica chegamos a Praia da Areeira, formada artificialmente pola actividade de unha explotación areeira en desuso, da que aínda quedan as tolvas en pé, e na que non nos resistimos, pese a importante presencia de parroquianos, a despoxarnos das nosas roupas (non de todas, por temor a turbar os lugareños) e mergullarnos nas cálidas augas do Miño. Si, dixen cálidas, xa que a temperatura dentro do leito fluvial e inusual, moito máis alta do que esperabamos. Unha vez refrescado o noso chasis, buscamos tamén refrixerar os nosos motores, e sentámonos na terraza dun chiringuito de madeira, imprescindible en calquera praia que se prece, para dar boa conta de grandes xerras de cervexa con gasosa. Aquí espertase outra vez un conato de motín, e algúns intentan convencerme do idóneo do lugar para pasar a tarde e dar por concluído o recorrido pedestre. Non teñen éxito, claro, esas voces disidentes, e cando rematamos a hidratación voltamos o camiño.

Se aquí o habitual eran os campos de millo, agora o que atopamos son enormes invernadoiros, o que pon en evidencia a fertilidades destas terras. Tamén vaise espesando a vexetación, formando un espléndido bosque de ribeira, onde ás especies arbóreas sinaladas temos que sumarlle o plátano (Arcer pseudoplatanus), o arce (Arce neubumdo), e incluso magníficos exemplares de freixo (Fraxinus angustifolia)o de carpaza (Cistus ladanifer e Cistus salvidolius), por onde crecen edras e enredadeiras, e outras plantas como a Phytolaca americana e a Tradeschantia fluminensis, que so deixan unha estreita senda por onde podemos avanzar.

Agradecidos a este manto esmeralda que nos protexe dos raios solares seguimos adiante, intuíndo a presencia do río sen miralo, tal é a espesura da variada cuberta forestal, ata que identifico o lugar onde cruzamos a fronteira co Club de Camiñantes, e decidimos baixar a contemplar os reflexos da xeografía portuguesa, coa silueta do Monte Faro espertando os nosos apetitos montañeiros. Aínda que non teñamos intención de imitar as andanzas de Zalo, decidimos darlle un homenaxe, e volver a despoxarnos das nosas roupas (agora si, de todas) para voltar a bautizarnos no espello azul que temos diante.

Esta segunda inmersión é, se cabe, máis pracenteira, xa que temos todo este paraíso para nós, así que desfrutamos con calma esta xigantesca piscina natural (e climatizada poderíamos dicir), que só Yuka é capaz de resistir, aínda que nos fotografía mentres o facemos, desvelándonos unha nova faceta nela: a de reporteira gráfica. Fronte a nos a Illa do Seixal, formada polas sedimentacións de area e pola lentitude da corrente, que a pesar de todo pode dar algún que outro susto, por acción do aproveitamento hidroeléctrico do Encoro de Frieira, varios quilómetros arriba, e polo ciclo mareal, xa que ata aquí chega o alento do océano.

Voltamos con renovadas forzas ó camiño, próximo a parroquia de Paramos, de onde é orixinario o noso emperador, e a punto estamos de pisar o outro, un dos insectos máis grandes da nosa fauna: un escornabois ou vacaloura, un auténtico acoirazado que resiste timidamente unha ducia de disparos (só dixitais) que lle mandamos. E que non chegaba cunha cámara e hoxe temos dúas, xa que o Xacobe intenta competir co meu afán de retratar cada planta, pedra, nube ou bicho que atope no recorrido. Eso si, todo hai que recoñecelo, con bastante máis acerto que eu, e si o dubida, amiguiños, pidan unha proba.

Outra vez internámonos na selva por pequenas sendas de pescadores, sempre manténdonos o máis pretos a beira do río, que comeza a adquirir un cor cada vez máis chocolate, e a estreitarse: estamos subindo por un brazo do cauce nas que as súas augas embálsanse e crean unha paisaxe inquietante, con enormes troncos abatidos sobre o seu leito, e onde avistamos solitarios exemplares de aves acuáticas que, cono nós, decidiron aventurarse en este territorio incerto. Así, xunto as gaivotas patiamarelas (Larus cachinnans), e os corvos mariños (Phalacrocorax carbo), que observabamos no primeiro baño, puidemos ver agora ata unha garza real (Ardea cinerea) a que asustamos coas nosa incursión.

Este tramo quizás sexa no que a vexetación é máis exuberante, e onde máis diversidade de especies vexetais contemplamos, e en ocasións a súa densidade tapiza totalmente o chan. As edras e enredadeiras forman coloridas camisas nos grosos troncos das árbores, polas que incluso, se quixeramos, poderíamos trepar, como cando eramos cativos. E si quero, e non me resisto a subir uns metros, como cando buscaba incesantemente escaleiras ó ceo, nos acantilados de Budiño e noutros lugares que levo tatuados nos dedos.

Por un sinxelo paso formado por sólidos bloques de granito, sorteamos esta lingua do río, entre espigas de auga (Potamogeton polygonifolius), xuncos (Juncus spp.) e canaveiras (Phragmites australis), nun hábitat que, na anterior ocasión que pasei por aquí, explorei máis de vagar que agora, cando as forzas xa fraquean e xorden as primeiras voces preguntando se falta moito para o final. Eu tranquilizo como podo, e o certo é que xa estamos preto, xa que estamos na Insua, como denominan a este lugar, imaxino que pertencente a parroquia de Caldelas, a esta porción de terra na que se estreita o Miño.

Pouco a pouco ábrese o camiño, e con elo van desaparecendo as sombras, e o sol que intentou atraparnos dende o principio arréanos sen piedade co seu lostrego de lume. Agradecemos incluso a abundancia das mimosas (Acacia dealbata), especie alóctona que atopa gran facilidade para propagarse nesta comarca, porque cando Lourenzo aperta ata as pragas se aproveitan. Tamén atopamos neste tramo final outra praga, a dos domingueiros que queren levar o coche ata a mesma beira, buscando un sitio onde botar a sesta ou montar festa rachada. Inconfundibles as súas pegadas en forma de envases de plástico, botellas de vidro, latas e papeis. Sen dubida prefiro a primeira das pragas.

Antes de rematar o noso itinerario, divisamos as enormes tolvas dunha explotación areeira, aínda en activo, pese á oxidación presente en boa parte da maquinaria, pero estamos demasiado esgotados para deternos a investigar na explotación, xa que a proximidade da área de Os Baños prométenos outras gratificacións.

O primeiro, cando chegamos, é buscar unha zoa idónea entre as rochas, que xa están seriamente concorridas por pandillas de adolescentes, para colonizalas e voltar a mergullarnos, cousa que facemos de bo grao: tamén aquí a temperatura da auga é a idónea, aínda que teñamos que ter conta da corrente. O segundo, para finaliza-la etapa, uns refrescos no chiringuito de Caldelas, onde nos xuntamos con Zalo e Salomé, sorprendidos polo inusitado éxito da convocatoria.

É que somos unha estraña familia, e como dicía ó principio desta relación de xentes e lugares, non nos importan as adversidades meteorolóxicas, caian chuzos de punta ou se desplomen os paxaros das árbores, somos o que somos e imos os que imos. Pouquiños ou uns pouquiños máis, arrastrando as lumbalxias, as ciáticas, fibromialgias, meniscos astillados, artroses cervicais, desgarros musculares e contracturas, Eivadiños todos, cada cal co seu.

E non se vaian aínda, que hai máis, como dicía SúperRatón, porque xa que temos que voltar a Tui para recoller os coches, decidimos recalar no Alboio, para repoñer as calorías que deixamos polo camiño. Tardan o seu en atender os nosos pedidos e cando o fan é a medias, o que pon en entredito o sistema educativo, e senón que lle pregunten a Ramón.

A pesar do limitado do servicio, zapámonos unhas ricas, aínda que escasas, racións de lombo con queixo, calamares, pementos de Padrón e queixo, todo acompañado de grandes xerras de cervexa, que non temos empacho de repetir. Empachados non saímos de alí, pero si lixeiramente ebrios, e eso que eu teño que facer quenda de noite, coa envexa de ver a metade dos meus compañeiros de camiños de vacacións. Bo, unha semaniña e unireime a eles: Xurxo xa nos espera en Italia con sendeiros inéditos. A próxima crónica promete...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores