E102 Sendeiro Frei Martiño Sarmiento (Cerdedo)





Domingo, 1 de febreiro de 2009

Cando chegaron ós meus dominios xa levaban un bo treito camiñando, deseguro que viñan de Cerdedo, porque no seu alento había un arrecendo a polbo, co seu aderezo típico de pimentón picante, ó gusto das Terras de Montes, e regado cunhas cuncas de alvariño, como delataban as súas fazulas encarnadas. Xa viñeran outros antes deles, ducias e ducias de botas sementando pegadas polas fragas de carballos centenarios, buscando quen carallo sabe o que, nestes pobos abandonados polos desertores do arado, sempre con algunha lambonada nas mochilas coas que agasallarme polos meus berros de benvida.

Abofé que cruzaran o Río Lérez pola Ponte de San Antón, que din que xa leva setecentos anos de servicio, seguindo unha calzada empedrada que é anterior á memoria do pobo, e que algúns datan, con máis boa fe que rigor histórico, na época romana. Quizais detivéronse a ve-lo lavadoiro tradicional, a capela ou o cruceiro, ou o devagar cantareiro das augas, que nestes días leva un incremento de caudal polos días de treboada. E sen dubida deberon internarse no camiño da fraga, pisando a follasca mollada e podrecida dos castiñeiros e carballos que a forman, e que milagrosamente salváronse do lume que asolou as veciñas terras de Cotobade.

Chegarían sen demasiadas dificultades ó lugar de Lourido, unha aldea na que se alzan espallados e arruinados un bo número de canastros, testemuñas mudas do pasado próspero que trouxo a aparición do cultivo do millo, e que alzou tamén casas solaregas, a maior parte delas hoxe só habitadas polas silveiras, cas súas paredes e teitos vencidos. Neste núcleo rural do concello de Cerdedo atópase a pequena Capela de Santa Catalina, que sempre evito nas miñas correrías, porque a imaxe da santiña dáme medo, non só porque vaia armada con espada e escudo, senón pola cabeza cortada ós seus pes.

Eu, mentres eles avanzaban por estreitas corredoiras, entre carballeiras e prados, descendendo levemente, estaba papando moscas ó carón da miña casa, na Revolta, aburrido de ladrarlle ós catro coches que pasaran en toda a mañá pola estrada, e esperando que algún neno desobedecera a súa nai e viñera acariñarme, ou tirarme un pao para que eu correra tras el, ou mellor aínda, que me trouxera algunha lambetada.

Así que aledeime de velos aparecer alí onde o camiño ofrece dúas variantes, unha polos campos onde pacían máis aburridas aínda unha ducia de vacas, e outra, polo medio do meu barrio, e que escolleran esta última, que era a que os traía canda mín. Nin me acariñaron, nin me tiraron un pao, nin me trouxeron ningunha lambetada, máis había algo neles que me fixo decidirme a acompañalos na súa andaina, quizais porque os vin animados na súa parolada e pensei que non lles viña mal un guía local.

E avancei con paso decidido, movendo o meu rabo branco cara Cabenca, seguido dos dous camiñantes, ós que non parecía desgustarlle a miña compaña, máis aínda neste tramo onde desaparecera o sendeiro pola apertura dunha pista forestal que levara por diante valados, calzada e seica algúns deses carballos centenarios dos que presume a ruta. Cando chegamos ó barrio veciño detivéronse na Capela de San Salvador, a pesares de que non tiñan aspecto de peregrinos, máis ben todo o contrario porque non fixeron a sinal da cruz, nin rosmaron ningunha pregaria.

Polo camiño entereime de que os tipos chamábanse Zalo e Anxo, e ningún dos dous se molestaron en saber como me chamaba eu, pese a levar o nome gravado no colar que levaba pendurado no pescozo, e cando se dirixían a min dicíanme can, canciño, cadelo ou, o que menos me gustaba: perro, que soaba máis ben a insulto. O que máis me fodía era cando lles escoitaba facer bromas sobre a miña raza, a propósito da gobernadora de Alaska, que seica era unha cadela de coidado. Non sei porque non din a volta e ós mandei ó carallo, despois de trabarlles o cu, xa me dicía a miña nai que eu era un pixiñas.

Deixamos Cabenca ás nosas costas, e descendemos por unha corredoira empedrada ó carón dunha sucesión de prados, baixo os cales discorre o Río do Seixo, que levaba auga dabondo como para chamarse así, cando no verán non pasaba de regato. Cruzámolo por unha vella pontella de grandes laxas, onde os camiñantes puxéronse a tirarse fotos un o outro, e barallaron coa posibilidade de darse un baño, aínda que todo quedou en broma, claro, non ía frío para estas alturas do ano, pero tampouco era para tales excesos. Eu nin pensei en mollar as miñas guedellas brancas, non oh.

Ós poucos de cruza-lo río, subindo por outro carreiro laxeado, chegamos ó punto central da ruta, a casa natal de Frei Martiño Sarmiento, que debeu ser un home estudiado e estudioso, aínda que a súa morada está en ruínas.

Eu non che sei nin de números nin de letras, pero paréceme estraño que a maioría dos camiñantes, ó chegar ás primeiras vivendas de Melide, detéñanse a contemplar este casal asolagado polas silveiras, habendo na poboación outras máis principais e en mellor estado, pero é que os que andan a dúas patas teñen estas cousas e outras que escapan ó meu entendemento. Como que se deteñan outra vez, un chisco máis adiante, nunha fonte e, en vez de refrescarse ca súa auga, lean unha placa que di (non sei ler, claro, pero non quere dicir que non entenda): “Pasei por Cerdedo: logo pasei o río e Ponte Piñoa e cheguei a aldea das Raposeiras... Frei Martín Sarmiento (1695-1772) viaxe a Galiza de 1745”.

Bo, entender, entender, tampouco... porque a maioría dos que viven nestas terras, e os que as visitan, chámanlle Galiza a estes montes e a aqueles que se perden no horizonte, máis outros chámanlle, ós mesmiños sitios Hespaña, e tamén falan diferente, non coma os meus, que ladramos todos iguais. Pero, a min que carallo me importa, eu quero rematar o choio e ver se me paga o traballo, que non se poden queixar os tipos, xa que non me desviei nin un momento do camiño.

Ós poucos chegamos á estrada asfaltada, e ó carón dela á Capela da Virxe de Loreto, e cruzamos o núcleo rural polo piche, entre casas arruinadas e novas construccións, sen espertar nin o interese dos seus habitantes, nin das súas pantasmas, nin tan sequera de algún da miña especie que me veña cheirar o cu, ou a berrarme por ir marcando o territorio, coma si fose un conquistador. E algo deso teño, non só porque entre as cadelas da zoa teña certo éxito, senón porque aventúrome máis ala dos meus límites, aínda que algunha vez volvo a casa con algunha ferida de guerra.

Deixando atrás o barrio de Portocelo internámonos outra vez na fraga, que conforme vai gañando altitude vai mudando de paisaxe, os carballos e os castiñeiros van sendo desprazados por eucaliptos, e o camiño vaise pechando de vexetación, a pesar de que o Zalo, que non é a primeira vez que o pisa, apunta ó seu compañeiro que está en mellores condicións do que o lembraba. Si, oh, mellor está, que debeu pasar o tractor para pisar xestas e toxos, pero aínda así ás veces faise un pouco apurado avanzar entre eles, aínda que nin eu nin eles demos o brazo (ou a pata) a torcer. Fanme gracia cando din: “o can sabe o camiño”, entón ¿non vou saber? ¿ou pensades que son de Alaska?.

A ascensión dos trescentos metros de desnivel que calculou o Anxo a ollo, sobre o mapa que leva no peto, o esforzo de ir abríndose paso entre os toxos cada vez máis altos e máis bravos, eu por abaixo, eles por riba, e a monotonía da paisaxe, fíxonos aledarnos de chegar a Carballás, o barrio que se atopa a maior altitude do concello, na aba do Monte Seixo, a pesares do cheiro arrepiante que nos recibe, que uns atribuíron o bagazo en descomposición e outros a unha granxa de gando pola que pasamos antes de chegar ó pobo.

Alí recibiunos unha algarabía dos meus, dos que non tiña nada que tremer xa que a maioría estaban presos, pobriños, toda a forza se lles ía en ladrar, aínda que levei un bo susto con un ben fero que se agochaba tras unha esquina, e que ó final non levantaba un palmo do chan. Eu sonche educado de máis para responderlles, só viña de paso, así que pegueime á sombra protectora dos meus amigos, para evitar males maiores.

Estes decidiron facer unha paradiña na Capela da Conceución, e eu xa sabía o que tocaba: o almorzo, así que movín o rabo inquedo, esperando que tiveran algo para min. Pero ¡mala rabia os coma!, cada un se puxo a trabar nun bocata de xamón, e a min déronme só uns anaquiños de pan e de grasa, si o sei non veño ata tan lonxe, aínda que tiña a esperanza de que ó final da xornada tiveran algo con que pagar os meus esforzos. Tamén escolleron o lugar para xantar, xa que aquí notábase máis o inverno, e por iso en canto remataron a faena cargaron cadansúas mochilas e volveron á estrada.

Atrás quedaban as antenas que coroan o cumio do monte, e máis ala o parque eólico da Serra do Cando, mentres camiñabamos ó carón de grandes prados, verdescentes polo efecto da chuvia e do sol, e con grandes balas de palla, o que apuntaba a que estas terras, aínda sendo as máis aloxadas do concello, seguen a ser traballadas polos homes. Outra cosa que nunca entendín, a teima esa dos homes polo traballo, nin quero entendela.

Comezamos a descender por unha pista de terra que se abre paso entre os campos, e botei unha carreiriña (de can) para enredar un pouco cos meus amigos, pero eles seguían ó seu, parolando das súas cousas, empeñados en buscar as marcas do sendeiro cando era a todas luces innecesario: para algo estaba eu alí. Así que guieinos con decisión onde o camiño se dividía en dous, internándonos nunha fraga de carballos, por onde se estreitaba, e onde se escoitaba cada vez máis preto o murmullo da auga.

Un regueiro mudado en torrente polas chuvias recentes sinálanos a ruta a seguir, por un estreito sendeiro que vai a carón del, e a veces oculto baixo as augas, que ten no seu comezo dous cogomelos de pedra, e os tres tivemos que andar a chimpos dunha beira a outra, con coidado de non esvarar polas pedras molladas (aínda que eu que ía a catro patas era o que máis seguro andaba). Seguindo o curso fluvial internámonos nunha carballeira pola que non tardamos en acadar as primeiras casas do lugar de Barro, onde atopamos a unha vella que nos indicou a dirección correcta ¡vaiche boa, aquí todos querían facer o meu traballo! Ata o Zalo que tampouco lle fixo caso á veciña e internouse por un camiño enlamado na búsqueda dun “aire” que, segundo o tipo, nos había levar ata un muíños ben bonitos.

Algo lle custou atopalos, porque o tipo non coñecía o terreo tan ben coma eu, aínda que o seu amigo tivo que darlle a razón no tocante á beleza das construccións, sobre todo do último deles que se atopa a beira do Río do Castro, e onde tirou as últimas fotos, nas que posei todo chulo subido ómuro da presa, coma si fose un experto pescador de troitas. Volvemos sobre os nosos pasos ata o pobo, e alí levei un bo susto cun bicho negro e feo como o demo, que me ladrou con ánimo de asasino, menos mal que o Zalo colleu unha fouciña para me defender, e o patrón do can, un rapazolo que andaba a descarregar un tractor de esterco, chamouno ó orden. Pero o susto non mo quitou ninguén.

Cruzámo-lo barrio de Barro, pasando preto da súa eira comunitaria, dos seus lavadoiros e fontes, e dun curioso pasadizo de pedra, espertando o interese de algúns veciños, e ata funlle cheirar o cu a unha cadeliña guapa coa que quedei para mellor ocasión. Un pequeno tramo de asfalto e levei os meus compañeiros cara un sendeiro entre veigas, xa moi preto do núcleo urbán de Cerdedo, onde pacían un feixe de vacas do país coas que enredei un anaco, ata que unha me fixo un amago coa cornamenta e dixen: ¡xa está ben de troulas!.

O río cada vez máis preto de nós ameazando con asolagar campos e camiño, tanto é así que vímonos obrigados a abandonalo en máis dunha ocasión para non seguir mollando os pés, e ó chegar á estrada, onde esta a pista de aterraxe deses trebellos voadores que seica chaman parapentes, deixei os camiñantes atrás e tirei para casa, que xa eran horas de merendar e parecía que os tipos non se decidían a quitar ningunha lambetada da mochila para mín.

Vinos ó lonxe, mentres botaban unha mexada ó carón do chiringuito e da piscina, agora sepultada pola crecida, e lembreime de que ó fin e ó cabo tampouco foran tan mala compañía, e mesmo defenderanme dos cans feros que atopamos no camiño, así que regresei para guialos ata o final. Só quedaban uns poucos metros para chegar ó pobo, e entramos os tres por detrás da Igrexa de San Xoán, mirando un pouco antes como se mesturaban as augas do Castro e do Lérez, algo cansos despois de catro horas de aventura, pero satisfeitos polo resultado.

Aínda que eu seguía inquedo, esperando que polo menos me recoñeceran os meus méritos, acompañeinos ata o seu coche que, como supuña eu, estaba preto de onde se colocaba a pulpeira os domingos (que olfacto teño, ¿eh?), así que deixei que se cambiaran as roupas molladas, mentres eu me deixaba acariñar por un par de cativos que xa coñecía, e despois fomos os tres camiñando polo pobo ata un bar.

Aquí os moi cabróns metéronse dentro sen nin dicirme res, e quedeime un bo rato na porta ladrándolle os mellores insultos que tiña no meu repertorio, dábame igual que me entenderan ou non. Cando rematei de cagarme en tódolos camiñantes do mundo, metín o rabo entre as pernas e collín o camiño para casa, cruzando o río pola Ponte de San Antón, mentres pensaba que, ó menos, dera unha voltiña marcando o meu territorio e pasando algunhas aventuras. Eso si, se volvían o Zalo e máis o Anxo polo meu barrio había de recibilos de xeito moi diferente.

1 comentario:

  1. Quizais sexa do teu interese:

    http://oembigodobecho.blogspot.com/search?updated-min=2002-01-01T00%3A00%3A00-08%3A00&updated-max=2003-01-01T00%3A00%3A00-08%3A00&max-results=2

    Unha aperta

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores