Mostrando entradas con la etiqueta Arouca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arouca. Mostrar todas las entradas

E134 Viagem polos caminhos da pre-historia (Arouca)

6 de Agosto do 2009






Merujal – Albergaría – Castanheira – Cabaços – Mizarela
‘Viagem á Pré-História’

Descripción do percurso e mapa

Levabamos tres días calcorreando a serra da Freita e a contorna. Este era o cuarto. O equipo formabámolo desta vez: O Anxo, armadanzas e guieiro maior do pequeno exército; o Miguel, o Xacobe, que andaba un pouco eivado (facerlle honra ao nome) antes da viaxe pero na altura xa se esquecera diso, e eu mesmo que coñecía algo a zona e fun o que propuxo o lugar. Tiñamos feito algunha pateada con certo aquel que as nosas pernas aínda non esqueceran. Pola miña banda era a terceira vez que ía facer esta camiñada que me tiña gustado. A primeira vez fora hai moitos anos con Carmen, nunha viaxe inesquecíbel, logo no 2006 con Caminhantes baixo a chuvia e agora encaraba esta terceira vez con Eivadinhos. No tempo que levabamos no Merujal non tiñamos repetido ningunha das pateadas que eu xa coñecía. Este ía ser o último día e apetecíame facela porque era bonita e tamén porque non era dura, coma un presente aos meus amigos Eivadinhos por axudárenme, tamén eles, a vivir. Preocupábame un pouco a case ausencia de sombra tendo en conta que estabamos a principio de Agosto. Lembraba cando as veces anteriores tiña eu pensado en que aquilo no verán podía ser duro. Así que chegara o momento no que a maldición se tiña que cumprir. Claro que despois dalgún dos pasos dos días anteriores esta non ía ser peor.

O día de marras recibiunos un bocadiño nubrado o cal pareceume óptimo. Saímos do cámping do Merujal por volta das nove e media, oito e media hora local, a ruta comezaba mesmo na porta da casa. Pegamos no camiño que nos achegaría á Albergaría da Serra deixando á nosa esquerda o pico de São Pedro Velho que cos seus 1.077 metros tiña vixiado a maior parte dos nosos pasos nos días anteriores e tamén o había facer neste. No camiño cruzámonos cunha rapaciña empregada do cámping que ía para o choio.

O nome deste lugar era dantes Albergaría das Cabras pero seica o apelido ‘das cabras’ non lles perecía unha marca de nobreza suficiente e decidiron mudalo por ‘da serra’ que parece como mais aquelado. Vese que o asunto das marcas non é nada novo, ven de lonxe.

O caso é que o nome venlle dunha albergaría que habería aquí e que permitiría pasar a noite aos que andasen por este planalto. Mesmo contan que había quen buzinase polas noites para que os camiñantes perdidos soubesen orientarse. A onde e de onde virían tantos camiñantes como para xustificar a existencia dunha albergaría é cousa que non sei pero iso é o que se conta. Agora non hai nada diso e só resta unha pedra incrustada na parede do camposanto que da fe da existencia da tal albergaría en tempos idos.

Pasada a Albergaría seguimos o curso do río Caima para montante tomando nota dunhas esplendorosas pozas para nos bañar cando acabásemos a camiñada que non había ser moi tarde. Uns muros tirados que non estaban así na última vez que eu tiña pasado por alí fixéronme pensar en que caste de xente podía ter feito aquilo. As pegadas dos tacos das rodas dunha moto déronme a resposta. Só unha sociedade enferma pode producir espécimes así. A graza do asunto está en que moitos destes tipos dinse amantes da natureza e do patrimonio. Iso mentres enchen os montes de barullo e de cheiro a carburante e rebentan todo. En fin, é o que hai!

Cruzámo-lo río por unha pontella de madeira e pasamos pola Junqueira onde desprezamos unha das escasísimas sombras do camiño que naquel momento non precisabamos porque o ceo continuaba medio toldado. Daí continuamos polo fermoso planalto cos eólicos á man esquerda ata que no Vidoeiro viramos abruptamente á dereita.

Chegamos á Portela da Anta, unha porteliña baixa cunha anta á dereita, deixando atrás o Cabeço do Serlei que cos seus 1.091 metros constitúe un referente importante nesta serra. Fixemos unha paradiña para lle meter algo ao corpo e continuamos coa complicidade do ceo que seguía medio cuberto. Logo de cruzar un bosquete de piñeiros que nos forneceu uns minutiños de sombra fixemos outra parada nas antas do Monte Calvo para botarlles unha ollada. Estas antas son as que proporcionan a coartada para lle chamar a esta ruta ‘da pre-historia’, tamén lle podían ter chamado ‘do Caima’ ou ‘das pedras parideiras’ ou ‘do carallo vintanove’ pero a poesía de a perra gorda é o que ten.

Así que continuamos cara Castanheira onde as pedras parideiras tiveron notable suceso entre os eivados que levaron, uns mais e outros menos, ben delas para casa. Cousa prohibida por certo pero que sucede. Sei dun que aínda vai ir preso. Ver o parto dunha pedra non acontece tódolos días, haino que comprender, se un parto impresiona, canto mais o dunha pedra.

Xa o sol se deixaba ver vencendo ás nubes pero un castiñeiro amistoso permitiunos xantar á súa sombra. Comemos os restos das viandas do Xacobe mais o que tiñamos comprado o día antes. Para min que o Miguel quedou con fome. Ao fondo, lonxe, a Frecha da Mizarela, sesenta metros de caída de auga. Un luxo.

Logo dun aceno de sesta reanudámo-la camiñada cruzando a aldea no sentido descendente e pasando ante un monumento que a min sempre me pareceu extemporáneo, dedicado aos ‘compañeiros construtores’. Logo dunha parada para que o Miguel fixese un recado encarámo-la única subida da xornada que nos había de levar a avistar a aldea de Cabaços.

No alto, naquel solitario lugar, unha pedra que en tempos fora unhas alminhas, fanada, soa, perdida a súa antiga condición, continuaba afirmando a súa presenza recortándose contra o horizonte e a min pareceume que tamén contra o tempo. Sempre me emociona aquela humilde e poderosa sinxeleza. Estas cousas son as que dan sentido a isto das pateadas, se isto das pateadas precisase ter sentido.

Enfiamos pois cara Cabaços coas súas ruelas cubertas de bostas e logo aproamos cara a praia fluvial de volta na Albergaría. Cruzamos o lugar ante a indiferenza dos escasos bañistas e abordamos a aldea da Mizarela por detrás. Alí o noso… ía dicir sherif, suxeriu tomar unhas cañas así que democraticamente decidimos facer parada que tamén o tiñamos merecido. Logo unha última ollada á impresionante Frecha da Mizarela antes de continuarmos cara ao lugar do Merujal.

Pero antes da entrada na aldea unha ameixeira posta alí pola providencia deu en nos tentar coas súas riquísimas e abundantes ameixas. Así foi que vencemos á tentación polo procedemento de caer nela e enchémonos de ameixas ata fartar, mesmo o Xacobe levou varios quilos.

Poucos minutos despois acababa a ruta nas portas do Cámping pero nós aínda fomos bañarnos ao Caima para nos despedir deste río amigo. Pola noite, mentres esperabamos a que Dina nos obsequiase coas marabillas culinarias da súa cociña nós tivemos sesión de lectura comunitaria. Coma nos mellores tempos.

E así foi o conto. Como vos conto.

Zalo de Paramos. Agosto do 2009

E133 Percurso do Sol Nascente (Arouca)

Mércores, 5 de agosto de 2009



Bos días compañeiros, son as 8:00 da mañá do terceiro día nestas paraxes portuguesas da Serra da Freita (Arouca, Portugal), mais concretamente no cámping de Merujal.

Estamos en agosto e aínda que a esta altitude, perto dos 1000 metros, as noites e amenceres son frescos, a medida que avanza o día o sol cae a cachón e hai que andar á procura de regatos e pozas para que as pateadas sexan mais levadeiras.

Na nosa cabana de madeira, todo un luxo en canto a relación calidade e prezo, preparamos unha nova ruta – Os Caminhos do Sol Nascente-.

A saída é puntual xa que Zalo non se anda con chiquitas neste aspecto. As 9.30 recollemos os boliños de pan que nos acompañarán na comida e os catro galegos magníficos, Anxo, Zalo, Xacobe e o Panette nos diriximos cara a Igrexa de Moldes. De estilo tradicional e de liñas austeras con múltiples cantarías, cinceladas en sucesivas reconstruccións. Posúe un conxunto de catro augas e unha decoración na torre do campá de tipo concheado (século XVIII).

Eiquí deixamos o coche e mentres estirábamos un pouco os nosos corpos. Antes do esforzo da pateada, puidemos ollar como un nativo collía a tres cabras polos cornos e as precipitaba nun depósito de auga enverdecida polo musgo, dende unha altura considerable. As cabras mergullábanse de súpeto unha a unha e saían a flote coma lóstregos pola impresión da caída. Curiosa forma de dar de beber ás cabras ou de refrescalas, non sei ben o propósito deste sacrificio.

Encomezamos a nosa andaina polo val de Moldes cara o alto de Santa María de Mó. A espesa néboa do inicio axúdanos a que Lorenzo non nos castigue en demasía, xa que nos espera outro día de agosto sufocante. Pouco a pouco, coma a denominación do noso percurso nos indica “O Sol Nascente”, vai disipando a néboa e despois de atravesar unhas canicouvas e de comezar unha ascensión atopámonos cun pequeno regato, “O Ribeiro das Rochas” que agacha tras uns penedos unha pequena poza, pero suficiente para nos refrescar, xunto cunha serpe de río que debeu levar un susto de morte ó ollar catro corpos suorentos e espidos sumerxerse nun sitio tan pequeno. Este baño deunos folgos, xa que despois de dous días cumpridos de pateadas, as forzas van minando os nosos músculos.

Pasando Espinheiro e chegando á serra entre piñeiros, castiñeiros e carballos, érguese tamén eiquí un parque eólico que semella fantasmagórico entre a néboa que xa vai quedando en cotas mais altas (770 m). Dende eiquí se divisa o val de Moldes. Descendendo rapidamente cara a aldea de Fuste temos a oportunidade de ollar un aguia de asa redonda que habita neste lares. Na aldea de Fuste observamos unha curiosa viña emparrada aproveitando unha gran rocha e case saíndo da aldea tivemos que enfrontarnos a un pequeno can pero teimudo que acosounos durante un bo intre e mesmo case que foi de trabarlle nunha perna ó Anxo (hai fotos que o demostran).

Coma xa non éramos quen de atopar ningún regato para sufocar a calor, aproveitamos unha mangueira que atravesaba polo alto un camiño e que xusto estaba picada polo medio, asemellándose a unha ducha de auga.
Por esta zona abundan os espigueiros cunha forma curiosa xa que son estreitos abaixo e mais anchos enriba e teñen unha pequena portiña nun lado para coller as espigas sen ter que acceder pola porta principal.

En Vila Cova a arquitectura e mais que estraña con casonas abandonadas que a min parecíanme as casa dos alemáns despois da guerra. Unha arquitectura sen decoracións, esvelta e con moitas ventás. Un peto de ánimas espectacular en canto o gravado desvíanos a mirada do noso camiño e a inmensidade dunha antiga casa de labranza cunha entrada que nos leva a un lavadoiro e pola parte de atrás a carros, trebellos de labranza, etc. Obríganos a pensar que o Val de Moldes foi moi rico en canto a variedades de productos hortícolas.
Pola contra, a arquitectura moderna do lugar é a típica deste días, chegando a ser estrafalaria e incluso friqui polos adornos e acompañamentos ornamentais. Para exemplo o seguinte que vos vou contar “nunha mesma casa, no seu xardín atopamos una escultura dun cristo parecido o de Bahía en Río de Xaneiro, o seu carón un dragón azul símbolo do Benfica Clube de Fútbol, ananiños ou gnomos espallados polo xardín e un cabaleiro medieval de madeira e folla de lata encostado á porta da entrada da casa”. Sen comentarios.

A partires de eiqui o camiño xa vai asfaltado e non hai moito que comentar, soamente destacar que como reza un cartel debaixo do palco da música do atrio da igrexa, os Jovens aproveitan as súas horas de lecer no “JOVENS BAR”.

A pateada remata eiqui pero o día aínda ía ser moi intenso, xa que decidimos facer turismo arqueolóxico e cultural dirixíndonos cara o Centro de Interpretación Xeolóxica de Canelas. Cando en 1820 explótanse en Canelas as primeiras minas de lousa, non se tiña nin idea de que se estaba a escavar un verdadeiro tesouro, xa que dous séculos despois na explotación do Sr. Valerio podemos contemplar un extraordinario patrimonio xeolóxico recoñecido internacionalmente constituído principalmente po TRILOBITES, especies de fai 520 millóns de anos.

O día está quente de mais e nos refuxiamos no salón de espera do centro de interpretación a que viñera o guía que nos ía mostrar os achádegos das numerosas escavacións. Mesmo Zalo permitiuse botar unha cabezada no sillón que alí había (o día estaba espeso de mais). A nosa sorpresa foi cando chegou a GUIA, unha meniña portuguesa fermosa cunha voz doce e á vez cantarina que envolvía de misterio todas as súas explicacións. A verdade que chegou un intre en que os trilobites do carallo esquecíanse mesmamente no pasado e eu quedábame absorto pola faciana e corpo desta menina. O suor esvaraba polo meu corpo sen saber se era provocado pola calor do exterior o polos calores internos. A visita foi corta pero intensa e quedamos satisfeitos con “ela” (sen comentarios). Nunha hora remontámonos a séculos pasados e puidemos ollar fósiles de moita beleza plasmados nas lascas de lousa.

Ó saír do centro notamos de novo a calor abafante do día e sen dubidalo nun intre fomos en busca do río Paiva onde aplacar os nosos sofocos. Ó chegar á fermosa ponte do río que divide este nun fronte aberto e outro fronte encañonado, fixemos varios intentos de aproximación a beira para non ter que irnos bañar á praia fluvial, xa que alí non son respectados os nosos corpos espidos, ata que atopamos unha cancela cun candado aberto por onde baixamos ata a beira por un camiño empinado e tortuoso que remataba nun aparello constituído por un cable de aceiro que sobrevoaba o río de beira a beira e que estaba suxeito a un mecanismo de manivela e carraca que servía para transportar mercancía dun lugar ó outro do río.. O baño foi pracenteiro e longo de mais, aínda que a auga incluso estaba un pouco mais quente do normal. Xacobe mais eu bañámonos nunha zona aberta e Zalo e Anxo procuraron o refuxio nunha poza debaixo da ponte.
Unha vez rematado o baño seguimos na nosa visita cultural da tarde cara o o lugar de Alvarenga onde visitamos a súa freguesía e refrixeramos os nosos corpos cunhas canecas e refrescos. Curiosa a tenda de miles de aparellos e cousa inútiles que había na praza de este pobo e a súa antiga barbería digna do museo arqueolóxico dos trilobites.
De eiquí puxemos a Arouca para facer aprovisionamento de víveres cara o día seguinte e de novo os nosos corpos pedíannos mais refresco e así esvararon polas nosas gorxas uns xeados. A derradeira parada a fixemos pola estrada que nos levaba ó cámping de Merujal, xa que unha manchea de paisanas tiña montado un mercadillo de riquísima froita a uns prezos de risa.

No cámping esperábanos para cear a nosa anfitriona cun caldo de pedras e un segundo prato que sempre era sorpresa, pero sempre agradable.

E así foi o día, bonita pateada, bonitos lugares, visitas culturais, baños..... deste terceiro día polas terras Portuguesas de Arouca.

Menos mal que nos vai quedando PORTUGAL.

Bicos e abrazos dun eivadiño

Panette (Agosto 2009, Arouca)

E132 Caminho do Carteiro-Trilho do Ouro Negro (Arouca)



Martes, 4 de agosto de 2009



Erguémonos na segunda xornada no parque de campismo de Merujal con disciplina espartana, ás nove da mañá e dispostos a almorzar unha peza de froita e unhas galletas, como os estoicos, co corpo un pouco resentido polos desniveis sorteados na véspera pero agradecido por mudar o chan da tenda de campaña polas liteiras dun bungalown onde estamos ás nosas anchas. O Zalo, que non precisa espertador, ten os pés inquedos e turra de nós para que nos demos presa, xa que desta temos que levar os dous coches para empalmar dous trilhos lineais, así que convén o punto de cita con Xacobe e saímos os dous a lume de carozo.

Despois de buscar infructuosamente unha pista que nos leve dende o parque eólico da Serra da Freita ata o pobo de Frades e de dar algunhas voltas de máis por estradas secundarias, chegamos á pequena capela de Santa Catarina, onde está o inicio dunha das nosas rutas, que para nós será o final do traxecto.

Por unha falta de entendemento, ou por non ir xuntos ata o punto onde tiñamos que deixar un dos carros, perdemos media hora, porque cada un estaba esperando nun sitio distinto. Así que marchamos un pouco mosqueados cara Tebilhâo, onde tiñamos previsto o comenzo da andaina, pero non chegou a sangue ó río. Alí aparcamos preto da capela de Santa Bárbara, botámonos protector solar, a mochila ó lombo e comezamos o Caminho do Carteiro, numerado como PR6, con ganas de seguir sementando pegadas.

Ós poucos introducímonos nun camiño laxeado entre campos inzados de millo, patacas e verzas, porque nestes vales non hai moitos sen cultivar, e atopamos xente afanada nas tarefas rurais, uns apañando herba ou forraxe, outros transportándoa, tanguendo as vacas aroucanas ou reparando valados, mantendo un xeito de vida que xa non é moi habitual ó noso lado da fronteira.

Non tardamos en acadar o lugar de Tebilhâo, no que atopamos algúns petos de alminhas ben curiosos e os espigueiros característicos desta zona, e que atravesamos case sen decatarnos camiñando ó carón dos campos dispostos en socalcos, ata que o sendeiro discorre por unha carballeira na que abundan tamén as sobreiras e os castiñeiros, que aproveitan a proximidade do Ribeiro Pequenino.

Despois de atravesar este regato por unha vella pontella de pedra, e de seguir un camiño carreteiro que discorre entre valados chegamos, seguindo a unha paisana que leva un gran feixe de herba ó lombo, á aldea de Cabreiros, onde se atopa a sede da freguesía que se estende dende o planalto de Freita ata o apartado Vale do Frades.

As casas dispóñense case linealmente ó longo da rúa principal, e unha boa parte delas están reconstruídas ou en proceso de rehabilitación.

Aínda que o noso itinerario non atravesa o pobo, decidimos darlle un aire para buscar unha taberna onde tomar un café, e temos sorte, pero non tanta, porque si que atopamos un pequeno bar, ou non tan pequeno porque tiña mataquilho e billar, pero tiña a cafeteira apagada e tivemos que conformarnos con cervexa ou refresco. O que si era pequeno era o baño, que Miguel bautizou como “o máis estreito do mundo”, tanto que a cisterna estaba de lado.

Ó abandonar o pobo, e despois dunha breve visita á escola primaria, hoxe en desuso, atopámonos cun curioso letreiro que di: “Reservado a tránsito pedestre. Proibida a passagem a: motos, motos 4x4 e bicicletas.” Cousa que aleda moito a Zalo, que sinala que por unha vez se fai unha discriminación positiva con nós, e tanto lle entusiasma que non dubida en posar diante do cartel.

Aquí comenza un forte descenso que nos leva a internarnos no Vale do Frades, ó carón do canón da Ribeira do Seixo, é agradecemos facer o sendeiro neste sentido e non ó revés, xa que entre o cemiterio de Río de Frades e a capela de Santa Bárbara verificase un desnivel de 500 metros. O folleto polo que nos guiamos ata ten a súa retranca nesto cando di: “Desnivel que, olhando para tras, os caminheiros constatam que venceram. É obra!”. Pero coa canícula que estaba caendo non creo que apreciaramos o sentido do humor lusitano.

Despois de sortear douscentos sesenta metros de desnivel por un estreito sendeiro, sorprendidos pola cantidade de muros de pedra que dividen os outeiros, tan importantes, como apunta Zalo, nunha sociedade gandeira e agrícola como a que aquí se asenta, e de poñer a proba os nosos xeonllos, chegamos a unha pequena pontella que cruza o Ribeiro Pequenino, pouco antes de que este desemboque na Ribeira do Seixo e xuntos formen o Río de Frades, e os catro expedicionarios non tardamos en espirnos e mergullarnos nas súas pozas.

Xa con outro corpo comezamos a subir outra vez pasando diante de pequenas covas, minas clandestinas dos pilhas, que seguían as vetas de volframio, mineral de grande valor durante a segunda guerra mundial, e que esburacan tódalas montañas ó noso arredor, deixando un rastro de cascallos. Nunha destas internase Zalo, e despois Miguel i eu, facendo unha breve inspección espeleolóxica.

A cavidade é estreita e obríganos a gatear na escuridade, e as paredes apuntaladas con cachotes non ofrecen demasiada confianza, pero seguimos ó experto nestas lides, o Zalo, ata onde unha pequena galería. Catro fotos é saímos a fume de carozo... Polo menos eu: o que ten cu, ten medo.

Máis adiante atopamos os restos dunha explotación mineira que debeu ter xa a súa importancia, polo que deducimos das paredes que aínda quedan en pé das súas construccións, mentres mantemos a altitude continuando, sen subir nin descender, seguindo os meandros do Río Frades, entre gorxas apertadas, con fervenzas e pozas espectaculares que espertan a nosa cobiza.

Mentres o Miguel segue a súa particular loita contra os tabáns, que non deixan de acosalo dende o inicio, descendemos ata o lugar de Río de Frades, unha aldeíña fermosa onde abandoamos o Caminho do Carteiro para enlazar coa Ruta do Ouro Negro. E neste núcleo rural, fundado por frades xesuítas que se refuxiaron alí das persecucións da época pombalina, facemos parada e fonda na casa dunha velliña que converteu a entrada da casa en abrevadeiro de sendeiristas, e a súas portas mandámoslle unhas Súper Bock.

Algo máis refrescados atravesamos o pobo, e o abandonamos por un tramo asfaltado que non augura nada bo porque a paisaxe vai mudando para mal, colonizada polos eucaliptos. Enlazamos con un camiño carreteiro onde empeza a facer un calor abafante, e máis aínda cando vai gañando en verticalidade. Un auténtico inferno que non lle parece afectar ó Miguel, que nas costas sempre está campión, marcando o “ritmo eivadiño”.

Non contento con levarnos a trote cochinero polos bosques neocelandeses, unha vez que chega ó alto da montaña non nos da tregua e baixa a escacha pexegueiros cara o Ribeiro da Pena Amarela. Ten estas cousas o noso Panette, que cando quere tanto lle da costa arriba que costa abaixo.

Como nas películas dos vaqueiros en canto chega a primeira poza íspese a tal velocidade que cando chegamos xa está montando barullo na auga, e non temos outra que imitalo. Ademais é un lugar axeitado para o almorzo, que xa van sendo horas, e despois da mergullada damos boa conta das nosas provisións, que parece que non chegan para atenuar a ansiedade dos máis famentos.

Volvemos á ruta pasando fronte as minas dos pillas, aqueles que esburacaban a serra sen contrato nin proxecto definido, nos tempos da febre do volframio, e dinse que foron os máis entre a poboación arouquesa que os que traballaron legalmente de mineiros, na busca do prezado ouro negro.

O val que abre a confluencia dos ribeiros da Covela e da Pena Amarela ofertan un espectáculo fermoso, e amabilizan o ascenso cara Pedrógao, a pesares de que a praga dos eucaliptos se incrementa nas inmediacións do núcleo rural. Chegamos a ela enlazando pistas forestais, e ata facemos a tentativa de tomar un café nunha casa de turismo rural, pero non nos atende ninguén.

A sobremesa para nós é unha auténtica escalada por un camiño vertical que une os lugares de Pedrógao e Fuste, e que parte o noso grupo en dous, na vangarda, coma case sempre, Miguel e Zalo, e na retagarda, medio esfólaos, Xacobe máis eu.

Perdemos ós nosos amigos é como tampouco atopamos marcas preguntamos a uns rapaces que xogaban ós pillas nas primeiras casas do pobo, e mandáronos detrás deles, e ala fomos, sen saber que tamén andaban perdidos. De tódolos xeitos xa estabamos moi preto da capela de Santa Catarina, onde estaban os coches e remataba a ruta.

Convimos en retornar a Merujal para nos mergullar nas augas do Caima como remate da xornada, e alá fomos a cruzando outra vez polo parque eólico da Serra da Freita. Alí cruzámonos, en medio dunha néboa tenebrosa, cun home a quen parecían pesarlle os moitos anos que tiña, co xesto desesperado que nos fixo lembrar a mesma morte, e que a Zalo e a min, que íamos diante, nos fixo comentar que carallo faría tan lonxe de calquera lugar habitado, como pasa cando vemos a algún vello vagando polos camiños de Castela. A resposta nola deron Xaco e Miguel aos que detivo o home preguntando por un gando que tiña perdido, e que estaba preto de alí.

Nas inmediacións da praia fluvial, onde tiñamos a nosa poza particular, démonos finalmente o baño, aínda que houbo quen entrou e saíu, porque tiña presa por ir ó cámping a descomer. Tamén aquí tivemos un pequeno incidente, xa que o saír a estrada o Miguel quedou rezagado e a piques estivo de ser apedreado por un grupo de rapaces que falaban en francés, quizais fillos de emigrantes arouqueses. Chamoulles o que pudo en galego, francés e arameo, e a súa mirada fulminante fixo que un dos cativos levara unha boa pantocada tentando con saltar o quitamedos. Ó final inda rimos cando o pícaro deu cos fociño no chan.

Tivemos tempo de botar unha soneca antes da cea, grazas a unhas herbas que levaba alguén no saco e que tiñan un efecto sedante, e cando espertamos fomos cunha fame de lobos ó comedor do parque de campismo. Alí tomamos sopa de pedras parideiras (o Miguel recuncou, como non), e crema de espinafres, e despois mandámoslle un perú asado con patacas que estaba óptimo, e que nos fixo pedir: ¡máis unha!. Mentres acompañabamos o festín cun par de botellas de viño ¿aroucano? que nos fixo estar a piques de montar unha festa rachada. So faltou o licor café.

O peche da xornada, na entrada da nosa casiña de madeira, coa foto de rigor e unha fumeta que nos fixo botar risas, toses e peidos, para escándalo dos nosos veciños.

E131 Nas Escarpas da Mizarela - Caminhada Exótica





Luns, 3 de agosto do 2009


Nas escarpas da Mizarela

Convencidos de que 4 eivadiños, mochilas e tendas precisaban de dous coches, a expedición partiu para terras de Arouca no domingo 2 de agosto, día de operación saída pra uns, ou retorno pra outros malpocados que non eramos nós. O Stop sempre marca un alto nas cruzadas eivadiñas, porque o arroz malandro é o sustento da vida, e do camiño. Chegamos a terras de Arouca alá pola tardiña, un coche tras outro, aínda que os de diante non souberan que o Panete mais Xacobe lles iamos á zaga. Anxo mais Zalo, saíron prestos e dispostos a asaltar a oficina de información turística, e nós tras eles, pero ata días despois non puidemos franquea-la porta e saír co mais prezado botín que anhela un eivado, trípticos de sendeiros. A serra da Freita nos agardaba, e trala primeira ollada á Frecha da Mizarela, fomos montalas tendas no campo de campismo do Merujal. Con ou sen martelo de goma (...), cravamos ben espichadas as piquetas, pois aguantaron os bufares da noite (por dicir de alguén).

Ás 9 estabamos en pé, e a ritmo eivadiño conséguemos en hora e media, e pra desesperación de Zalo, arrincar cara o miradouro da Mizarela. Realmente é temerario saír correndo cara o trilho mais duro de Portugal (continental), lagañoso e sen almorzar. Iniciamos así o camiño que nos ía levar polas “escarpas da Mizarela” onde se despena maxestuosamente o río Caima na cascada mais alta de Europa. Sentindo o bater do auga nas rochas, baixamos por entre unha carballeira cara a aldeia de Ribeira, recóndito lugar que nos ofrecería o primeiro dos incontables baños que gozaríamos na serra da Freita.

Renovados pola frescura do líquido elemento, comezamos o ascenso pola ladeira dereita, notable desnivel por onde se esbarroan as augas que a Ribeira da Castanheira tributa ó Caima. Tras cruzar unha pontella sobre o torrente, acompañámolo un treito, e seguímo-lo ascenso a pé. Anxo seguiría subindo, agora polas paredes da escola de escalada dos Cabaços, pero pasamos ó seu pé mentres a morriña lle arrinca algún ollar cara as penas. Seguímo-lo noso andar, e escoitamos dúas badaladas cando nos achegamos ó campo de campismo. Só quedaba recuperar folgos, e que mellor manxar que un Caldo das Pedras Parideiras, emuladas por delicias de porco e vitela arouçana.

Caminhada Exótica

Con espírito renovado iniciamos a Caminhada Exótica, sen certeza algunha do que podiamos atopar, pero expectantes ante a singularidade do nome. Xa de volta na casa, e dende a distancia, só podemos desexar que Miguel portase nos seu alivios algunha semente arbórea, que colonice os 9 Km de pista forestal polos que camiñamos abatidos pola calor, que nin a piedade fixo os eucaliptos ofrecernos unha sombra. Terrible ascenso no último terzo, no que se Anxo sacase a lingua, seguro que chegaba con ela o chan, pois nunca camiñaramos coa faciana tan preto do po. Nembargantes fronte á nosa debilidade, Miguel empurrado polos seus bastón, bulía lixeiro coma se levase un tabán no cu; e non é moito figurar porque nos días que pasamos na serra, ben que se cebaron co coitado.

Xa chegando ó cámping, un piñeiral e un pequeno regato, presentouse coma o espellismo de un oasis, pero malamente podemos lavar as nosas suores nunha fonte.

Guapiños e aseados, fomos cear ó restaurante rexentado pola señora Dina. Nada mais que churrasco, chourizas e bifes ó xeito do pais para alimentar a uns esfameados dos camiños, todo ben seco pero con moita salsa, que non había onde botala, pois esvaraba polas mencionadas solas. Con canecas, auga e algún ata con Tang, intentamos amalgamar aquilo e meterlle algo de proteína ós nosos corpos.

Por si non foran suficientes pra dixeri-lo inxerido, aínda buscamos mais canecas en Arouca,. E así finalizamos o día, iniciando a tradición de retratarnos cada noite nas escaleiras da cabana que nos refuxiou dende a segunda noite.

Seguidores