Mostrando entradas con la etiqueta Monçao. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Monçao. Mostrar todas las entradas

E281 Trilho interpretativo de Lamas de Mouro (Monçao)




Lúa, 11 de febreiro de 2013

Non era domingo. Nin sequera era sábado. Era un día de semana do mes do entroido e como tal día, había que traballar. O único que recordo e que ía frío, moito frío e a unha da tarde na oficina, ocorréuseme que quizais estivera a nevar na Peneda. Erguinme da cadeira do meu despacho, collín o teléfono e chamei o comandante, xa que él estaba de semana de vacacións e igual lle apetecería facer unha escapada a Lamas de Mouro a pisar a neve. E así foi como se organizou esta pateada eivadinha impulsiva de luns de entroido. Saín as 14:30 de Pontevedra e dinlle zapatilla o meu carro para chegar a miña casa o antes posible, recoller ó comandante e dirixirnos de novo cara o veciño e querido Portugal. 

Como xa sabedes, as presas non son boas e si a isto lle engadimos o desgaste do debuxo das rodas traseiras do meu carro e a humidade e chán esvaraizo polo xeo na calzada, podería ter algún susto na estrada. E así foi, xa que na rotonda do intercambiador do Morrazo o meu carro cansouse de ser controlado e andibo ceibe durante uns segundos, coma si de unha peonza se tratara. Aínda así, tiven sorte e tamén, todo hai que dicilo, control e contravoante do piloto, que para algo sirve ter unha Vespa e facer equilibrios. Quedei mirando para o lado contrario do sentido da circulación e saudei e disculpeime amablemente ós vehículos que circulaban correctamente.

Unha vez iniciada a marcha, tras unhas manobras, tomei dirección a Vigo e din grazas á providencia por poder contalo. Na miña casa xa estaba a espera o comandante, ataviado con roupas idóneas para non pasar frío e coa ledicia dun neno que fora a ollar por primeira vez a neve. Collín apresuradamente algo de abrigo e aínda que se me pasou pola cachola parar en algures para tomar unhas viandas e calmar os gritos do meu bandullo que resoaba a oco, non houbo oportunidade e saímos coma lóstregos cara terras do sur, en busca da neve (que contradición, xa que semella que a neve sempre está ó norte).

Dende as proximidades de Monçao puidemos ollar o branco dos cumios das estribacións da Peneda e os nosos rostros mudaron  o seu estress semanal, cara un relax e pracer vindeiros.

Ascendendo cara Lamas de Mouros o branco da neve ia cubrindo a estrada e os montes. Ollaras cara onde ollaras, o branco cubríao todo. A miña condución requiría mais concentración e os pensamentos se me ían cara as rodas sen debuxo do meu carro, e se sería capaz de rematar a faena ou tería que deixar o  auto aparcado na cuneta.

Chegamos moi de vagar ó noso destino, cruzándonos cos vehículos petaos de neve que baixaban dos cumios da Peneda. Fronte o bar que está na entrada de Lamas de Mouro aparcamos e nos cambiamos de roupa para poder facer fronte ó frío e a nevada que estaba a caer.

Decidimos facer unha pequena ruta circular, xa que eran as catro da tarde e as horas de luz en febreiro non son moi abundantes. Avanzamos pola estrada cuberta de neve en busca da ramificación que nos levara ata o centro de interpretación do parque. Tras unhas dúbidas sobre que camiño escoller, acertamos na elección e metémonos de súpeto por un carreiro ateigado de neve que nos chegaba a cubrir as botas. Así como avanzábamos, a paisaxe era cada vez mais espectacular, o ceo estaba plomizo, típico de un día de neve e as montañas camiños e árbores  estaban totalmente brancos. 

Non era doado seguir as marcas dos camiños xa que estes estaban indefinidos  e o monte e carreiros fundíanse nun só. Os obxectivos das nosas cámaras fotográficas comezaron a parpadear sen parar, querendo captar o que as nosas retinas fixarían na memoria. Realmente estaba sendo un pateo espectacular e a busca da neve, por fin, daba os seus froitos. Calquera lado onde mirásemos tiña a súa beleza e o que nun día de sol pasaría desapercibido, hoxe tiña o seu encanto.

As colmeas aliñadas, os toxos e carrascas, as cancelas, as pedras e incluso o regato que por este lugar pasa, tórnanse distintos cubertos de neve.

Nas nosas cabezas achéganse os momentos mais inquedantes da nosa serie televisiva preferida. Parecemos estar na terra dos camiñantes brancos, como si fóramos os corvos negros que a protexen. 
Para atopar o camiño que cruzara o regato, aínda dimos algunha que outra reviravolta enterrándonos na neve. Nesta estabamos, cando en medio do árbores e medio tapado pola neve atopamos un coche abandonado. Exactamente, un coche, que non nos facemos a idea de cómo puido chegar ata alí, xa que no os camiños non son practicables para facer incursións automobilísticas. O aspecto do coche cuberto de neve, dáballe un aspecto tenebroso.

Unha vez que cruzamos o regato e abordamos o derradeiro tramo da pateada, a paisaxe tornouse uniforme debido a gran masa de neve que cubría todo. A neve virxe fíxonos disfrutar dabondo do noso percorrido ata chegar de novo o noso carro. Mentres o comandante aínda facía as súas derradeiras fotos, eu comía no bar un “bolinho” preñao con chourizo que daba un respiro ó meu estómago.

Marchamos de Lamas de Mouro, satisfeitos pola nosa improvisada andaina e aínda o destino sorprendeunos cunha manifestación de ovellas e cabras do lugar, vixiadas e protexidas por un can pastor, que fixeron deter os coches que xa con pouca luz baixabamos do nos periplo pola neve.

Quedamos satisfeitos de achegarnos eiqui. Quedamos, de novo, abraiados coa fermosura desta serra. E gañamos, un ano mais, a batalla a neve que case que se nos escapa.

Eivados, sí, pero satisfeitos. 

Panette, febreiro de 2013

E277 Acurtando o Trilho Castrejo (Monçao)


Sol, 13 de xaneiro de 2013

Estaba eu a facer a dixestión do pequenho almorço, tomando o sol no adro da igreja de Cainheiras, onde habito, gozando duns raiños de sol que ían desfacendo as derradeiras neves, que so persistían nas aldeas máis empoleiradas á montaña, coma Teso, Campelo, Eiras… cando escoitei un balbordo de xentes que falaban na variante de alén da fronteira, que a forza de escoitar entendo tamén como a propia desta parte do Laboreiro.

Eran tres tipos co lombo avultado, deses que por aquí chaman caminhantes, e pensei que quizás viñan algo perdidos, pois dábanlle voltas ó mapa que tiñan na man sen pórse de acordo sobre o lugar onde estaban.

Eu ben lles podía indicar se falase o seu idioma, máis a pesar de entendelo tan ben coma o portugués, o castelán e algo de estranxeiro que ocasionalmente escoito por estas terras, eles non ían entenderme a min, xa que a xente, polo común, non entende os ladridos da miña raza, nin das moitas outras que falan os da miña especie.

De tódolos xeitos dinlles un bo recibimento, saltando e movendo o rabo, e facéndolles tropezar, e decidín que tiña ganas de aventura e que ía guialos por estas terras de Castro Laboreiro que tan ben coñezo e, cun algo de sorte, podería ser que compartiran os manxares que levaban ¿Qué outra cousa senón? Ó seu lombo.

Marchei canda eles pola pista que vai cara ó Penedo de Anamão, mentres souben  que viñan de facer o camiño, entre carballos e castiñeiras, que comunica Varziela e Bico, unha congostra fermosa onde aínda quedaba algo de neve, que eu adoito facer de cando en vez para visitar a un meu primo que teño alí, con quen trouleo ás veces.

Os rapaces dicían chamarse, polo que puiden averiguar, Miguel, Xacobe e Anxo, aínda que ás veces tamén se referían uns ós outros como Panete, Petete e, algunha vez, Papanatas ou Piroliñas.

A min non se tomaron o traballo de preguntarme, e bautizáronme como Gandul ou Jandul, e o certo é que deume un pouco igual, pois eu atendo ata se me chaman Ladrao ou Saltarín, sempre que o fagan con cariño e non me dean con pedra ou con pau.

Seica falaban doutros tempos, cando visitaran estas terras cun grupo algo máis grande, o Club de Camiñantes, quizais algún desas procesión que veñen dende o outro lado da raia, e que sempre deixan algo de comida para min, se teño o día de os acompañar.

O ceo abriuse para nós, e os rapaces tentaban atrapar a paisaxe nesas caixiñas máxicas onde, unha vez na súa casa, poden volver dalgún xeito ós lugares que visitaron, e mesmo tentaron, sen moito éxito polo meu movemento, meterme a min na caixiña.

Mentres eles camiñaban pola pista eu facíao pola beira, por se atopaba a cova dun coello ou atopaba unha cobra a quen me enfrontar, e semella que gustoulles a idea, pois ó divisar o Penedo de Anamão deron en avanzar por un terreo enchoupado, entre uces, toxos e penas de tódalas formas e tamaños.

Chegamos así ó cruceiro e, dende alí, nunha carreiriña de can (nunca mellor dito) ata a Ermida da Nossa Senhora de Anamão, onde xa había unha parella da súa especie dándolle á mandíbula. Adianteime a saudalos, e a moza acariñoume e deume un anaco de chourizo e outro de queixo, que ben que agradecín.

Os meus acompañantes partillaron unha tortilla de patacas e déronma a probar, a pesares de que o que menos gustaba da miña especie lles rifaba, pois seica fora o artífice de tal delicia e non me consideraba merecedor de probala, ¡que tipo máis racista!!!

Algo poallou mentres rillabamos, marcharon os emparellados no seu todoterreo e tentado estiven de os acompañar, mais aínda non saciara a miña sede de aventuras e quedei cos camiñantes, que non se nomeaban a si mesmos así, senón Eivadiños… e si, algo eivados estaban, pois un coxeaba un chisco e os outros dous debían ter algún mal de cabeza pois non tiñan moito pelo.

Escampou e volvemos encarar cara o cruceiro de Anamão, baixo a esfinxe maxestosa do xigante de pedra, sobre o que corrían as nubes, e eu tamén botei unhas carreiriñas para quecer, pois o vento xeado da serra era cousa seria, e pola pista leveinos dereitiño ata o lugar de Seara, despois de cruzar a Corga das Lapas, onde algunha vez mergulleime para sufocar os calores do verán.

Foi aquí onde os meus amigos, por chamalos dalgún xeito, decatáronse que o nome de Jandul non era axeitado para min, e que máis me conviña o de Jandula. Carallo, menudos papáns!!! Eu ben me decatei de que tiñan rabo sen precisar velo. 

Non me anoxei,  aínda que gardei as distancias subindo polas congostras empedradas que atravesan as zonas de pasto da Seara, onde pacen os rabaños cun sistema rotativo, as vezeiras, onde un dos donos dunha parte dos animais que compoñen o rabaño, só ou acompañado dun da miña especie, da boa raza do Laboreiro, garda todo o gando “á vez”.
Da raza autóctona din que “é meiga para o dono, é feroz para o lobo e para os estranhos.”

Mais eu penso que non hai raza como a nosa, a dos palleiros, espallados polo mundo enteiro, aínda que non sexamos moi doados para pastorear ou para traballo ningún, pois non é mal oficio o de deitarse á sombra dun carballo ou dun espigueiro, agardando que alguén che tire un anaco de calquera cousa para comer, e trouleando con calquera da túa especie que che pete.

Algo perdín de vista ós Eivadiños cando comezou o descenso cara Cainheras, a miña pequena patria, pois eles foron polo camiño de carros, por onde baixaba auga dabondo e tornaba esvaradías as lousas desgastadas, mentres eu ía polas veigas, con algo máis de seguridade.

Volvinme reunir con eles pouco antes de volver cruzar a Corga das Lapas, preto da ponte medieval, que deron en cruzar para encher de lama as botas, mentres eu ía polo camiño de piche que entra no meu pobo, onde nos recibiron tres velhas cas súas capas tradicionais e, como non, un feixe dos meus, preguntando pola miña aventura, aínda que, entre eles tamén houbo quen me rifou, como o Mouro, un can do Laboreiro que pensa que é unha autoridade onde o mundo chamase Cainheiras.

Alí separáronse os nosos camiños, eu quedei na espera da merenda, e eles seguiron, polo que contaron, cara Varziela, onde tiñan o seu vehículo, onde dixéronme que tiveron un encontro cunha vella pastora que a piques estivo de darlle co caxato, pola súa insistencia en meter canta paisaxe, xente ou besta atopan no camiño na súa caixiña máxica.

Agardo que non tardarei moito en volvelos ver polos meus dominios e, quizais, volva contar as nosas aventuras.


E274 Trilho do Castelo das Furnas (Monçao)



Sol, 23 de decembro de 2012

Despois de días de choiva, hoxe… ¡¡¡Fai un sol de carallo!!!

Todo está preparado para unha pequena aventura con algúns “eivados”.

Fronte ao Gallardo, a cita do domingo comeza con café, bolos, etc. Algún avituallamento, e imos aló.

Saímos cara o noso veciño Portugal, eu moi ben acompañada e segura, por mor da garda pretoriana de catro mozos de moi boa presenza, que fixeron as delicias de este fermoso día.

Comezamos o camiño en Taião, aparcadoiro fronte ó cemiterio, ao lado da Casa da Cultura.

A miña garda pretoriana “persoal”, equipada co seu “manual para xoves castores”, guíame polo sendeiro, de monte baixo e pedregal, cun vento forte e frío que non conseguiu desanimar o bo ambiente do camiño.

Xurdiu algunha dúbida cos sinais dos sendeiros e isto ás veces leva a aventurarsesen seguridade (isto é unha das cousas que máis me gusta dos camiños, “Perderme”). Son unha perdida e gústame.

Unha pequena charca, coa auga moi límpida, e unha grea de cabalos salvaxes, foron as nosas primeiras paradas, onde tamén atopamos pegadas, pensamos que de lobos. A man de Alex eran tan grande coma as das pegadas.

Anxo chamounos para ver de cerca unha das formacións graníticas que fannos voar a outros tempos  xurásicos.

¡Grandes pegadas de dinosauros! Parecen os ocos nas rochas. Levounos un tempo analizar que serán, e o resultado é: os collóns dun magnifico Diplodocos (porque as pegadas son grandes e redondeadas).

O vento zoa que dá gusto, pero monte arriba, moi arriba, chegamos ao monumento natural do Castelo de  Boivão, onde paramos para repoñer as forzas, comer e beber, e logo a explorar as rochas (flipantes), covas e outros recunchos que volven facer voar as mentes a outros mundos.

A volta foi mais lixeira e seguimos atopando pegadas de lobos.

Cando xa mirabamos o fin do camiño e co solpor enriba, metémonos, como din en Portugal, “no meio do mato”.

O cabecilla da pretoriana, neste intre, foi Alex, que coas mans e un pau foi abrindo paso entre os toxos.

Pero non atopamos saída, así que dimos a volta e volvemos ate a pista de terra, onde case escapo con dous homes portugueses moi amables ¡¡¡e cun todoterreo!!!.

Pero son unha persoa fiel e leal cos meus compañeiros e fun con eles ate o final do camiño onde estaba o carro.

Creo que en resumo foi un día, sobre todo, no que rin moito e gocei do camiño e da garda Pretoriana que me acompañaba  ou  que eu os acompañaba a eles.

Moitas grazas por deixarnos compartir outro día con vós.

Ate a Próxima. 

Bicos de Nai.

Bego.


E273 Trilho da Carvalheira de Abedim (Monçao)

Sol, 16 de decembro de 2013

O Caminho da Carvalheira de Abedim foia oportunidade perfeita para o arremate da semana.

Para essa matéria, o tempo “ajudou” com uma mão mais bem quase ó pescoço, para tirar-nos do que parecia morrer "afogando na chuva."

A empresa não poderia ser melhor, talvez porque caminhar uma menina com três homems é muito agradável, ainda que, de comum acordo por eles, eu tinha que fazer esta crônica do dia, por unanimidade.

Depois do trabalho da manhã, fiquei com Anxo na Amaquía para ver se os outros companheiros estavam ali. E lá estavam eles, dispostos: um para o café e rir com “a chuli” e o outro, contando o emfarte da ceia do dia anterior.

Falamos edecidimos que iríamos comer arroz antes, tamboril e malandro com panados no Stop, esperando que a chuva dera uma trégua para tirar as nossas mentes cansadas de ficar em casa,mais mesmo que os nossos corpos. Demos boa conta do almoço, alguns mais do que outros, e entre uma conversa agradável e meio copo de vinho da terra, a chuva parou para convidar a duas horas e uns 6 km. de caminho.

Asim já com roupas confortáveis ​​para a ocasião, levamos o carro para onde o Anxo disse, mais não tinha muita atenção no caminho pelo seu cansaço. Resultaba, que o 75% das pessoas que estavamos indo para fazer o caminho já estiveram lá, e no carro eles decidiram que as "Verbas fluidas" serian de mim, e como ja len agora, não com muito sucesso: "vingança". E ja chegamos lá, depois de três rodadas na rotunda para testar se o arroz solidificara em suas barrigas.

Depois de estacionar o carro, a Junta dá Freguesia de Abedim foi nosso ponto de partida.Começamos a  ladeira a cima com uma inclinação que subimos ligeiros, dois dos quatro que compôs o grupo (pelo menos para mim, Panette). Os outros dois companheiros tirabam fotos bem formosas para documentar a nossa tarde.

Entre cogumelos, carvalhos e azevinhos, falar e tirar fotos com muito cuidado pelo Anxo, abordamos a primeira travessia do rio, que, uma vez cruzado, voltamos novamente trás, e posso dizer que, naquele momento, eu pensei que caía de joelhos(eu costumo fazer muito isso).

Depois de isso chegamos a um mais agradável caminho sem ladeira,mais onde se encontra algum “obstáculo”, e ainda que o Anxo e o Xacobe caminhabam com muito cuidado, algums mais que outros -como o Panette e também eu-metémonos na lama. Depois de muito rir (ate chorar, pena de fotos!) eu ja pensaba dizer isto na crônica, se ou se.

E assim atravessamos o rio Gadanha até quatro vezes, e olhamos o Val do mesmo nome desde acima com o céu aberto adiante dos olhos. E en um desses, achamos que na seguinte poderiamos subir para O Castelo Roqueiro (não de rock) da Penha da Rainha (belas pedras que desde a pedreira que lá olhamos, nós pensamos que poderíamos alcançar).

Antes de apanhar o carro, ainda os meus companheiros colheron uns Kakis para o caminho de volta, com a nossa adequada parada em Valença para beber e comer.

O clima se comportou bem, nenhuma gota de chuva caiu nas nossas cabeças pensativas, talvez com frases:"qué é o que voufazer na segunda-feira?”, “as pernas não poden mais!!!”, “qué felizes estamos aqui hoje!”,ou um simple: voltarei!".

Pido disculpas polos erros que cometín no meu portugués de “nivel inicio”, ainda que disfrutéino escribindo tanto coma facendo o camiño “com voçes”. 

E197 Trilho da Châ das Carreiras (Monçao). Primeiro aniversario de Sudando Botas

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 27 de febreiro do 2011
A piques estiven de deixarme vencer pola preguiza, e pasar o día estomballado, mastigando a miña derrota. A troula da véspera alongarase ata máis ala do aconsellable, unha vez máis, e non tiven forza de enfrontar o primeiro lostrego de realidade, aquela que me arrincou da inconsciencia, na que estaba tan profundamente instalado.

Pode ser que fosen as once, e pode ser que non levara máis de catro naufragando nas sábenas, e seguro que non pasaron máis de cinco ou dez minutos antes de que, como se fose o estralo dunha bomba de reloxería, saltase a alarma do espertador, para lembrarme de que era, unha vez máis, domingo, e que había que facer penitencia polos pecados do sábado á noite. Non fun quen de erguerme para coller o móbil, e o reloxo acabou destripado debaixo da cama, despois de rebotar contra a parede, e ata que me invadiron unhas ganas rabiosas de alixeirar a vexiga non evaluei os meus próximos movementos.

Cumpría mirar pola fiestra, por si era convinte saltar por ela ou, polo contrario, asaltar de novo ó colchón, e no mundo xa estaba instalada unha primavera que pedía a gritos desfrutala. Cumpría tamén valorar se continuaba na dinámica do domingo pasado, no que subira ó Galiñeiro para protestar contra o proxecto de parque eólico, e baixaba ata Bouzas para sumarme a protesta contra o recheo da ría, ou se lle daba un pouco de caña ó corpo e lles devolvía a chamada ós senhores Botas antes de que marcharan sen min a seguir atesourando carreiros e descubrindo anacos do paraíso no territorio máxico da Gallaecia.

Gañou a segunda opción, quizais porque non tiña o día romántico, ou porque sabía que a senhora Botas de seguro tería unha boa medicina para a miña resaca. Así que tentei xuntar un feixe de palabras para facerme entender polos amigos do Casal de Sistelo, e quedamos para nos xuntar no punto e no horario habituais. Botei os restos da preguiza, xa definitivamente vencida, polo desaugue, preparei unha mochila de emerxencia e puxen o traxe de combate e as botas novas para batallar, unha vez máis, contra a miña sombra.

Fun puntual á miña cita, e os meus amigos non foron menos. Pasaba un cuarto de hora da mediodía cando enfiamos a saída da metrópole, concretando a primeira tarefa do día: decidir un lugar axeitado para xantar, de camiño ós outros camiños que haberiamos de percorrer.

Nun tris estivemos en Salvaterra, xusto cando estaba abrindo “O noso eido”, un deses comedeiros populares que xa escasean na nosa terra onde se come ben, nun ambiente agradable e cun servicio aínda máis agradable, e todo por un prezo bastante axeitado. A pesares de eramos os primeiros clientes, a guapa e retranqueira moza que nos atendeu non tardou nada en nos tomar nota. Apuntou unhas racións de empanada de atún, recen saída do forno, e dúas racións de churrasco de porco, con patacas, críollo e unha ensalada cumprida.

A rapaza lembrouse de nós, e de que eu son bo bebedor de viño, e sorriu cando lles pedimos auga para todos, e máis aínda cando lle apuntamos que andaba de resaca. Esto motivou que non desaproveitara as ocasións que tivo, que foron algunhas, para mofarse do meu estado. Estame ben por abrir a boca... Ata na sobremesa, na que me desafiou a mandarlle un licor café. E non dixen que non.

Os vizconde de Sistelo convidou, xa que estaba de aniversario por partida dobre, xa que por unha parte cumpría aniños, aínda que pola súa forma física semella que máis ben descumpre; e por outra celebraba tamén un ano do proxecto de Sudando Botas, que xa é unha referencia imprescindible, pole seu rigor técnico e polo valor das súas propostas, na galaxia senderista de ámbolos dous lados da raia.

Moito me aledei de que contaran comigo, ou co que quedaba de min despois dunha noite de excesos, para celebrar o primeiro cabodano da posta en marcha deste baúl enfeitizado, do cal saen rutas con encanto, algunhas das cales me descubriron territorios tan máxicos como a Serra Amarela ou Val do Vez, no que xa son autoridades.

Xa comidos e antes de que a preguiza tentara de nós cara as beiras do Miño, cruzamos a fronteira para nos dirixir cara o Val de Poldros, preto de onde partía a nosa ruta, un trilho “desactivado” pola implantación dos eólicos, no concello de Monçao. Pasamos polo inicio do Caminho dos Mortos, un dos meus preferidos nesta parte da xeografía lusa, e a eso das tres chegamos a Tangil, o noso punto de partida.

Tralo ritual dos estiramentos e de dispararlle unha foto ó sinal de inicio do Trilho da Châ das Carreiras, que xa nos indicaba que pasara xa un tempiño dende que os Celtas do Minho marcaran a ruta, iniciamos o recorrido capitaneados pola senhora Botas, con mapa topográfico nunha man e GPS na outra.

Nos primeiros metros xa atopamos un peto de alminhas, e detivémonos, os tres, a fotografalo, seguindo unha tónica que se repetiría ó longo de todo o camiño. Tres eran tres os que disparabamos sen cortarnos ós elementos curiosos que atopamos neste pobo: casas solarengas con fermosos reloxos de sol, medas plantadas como “tipis” no medio de verdes eiras, viñedos que ocupan grandes extensións e, as veces, parte do camiño carreteiro, e moitos lavadoiros, fontes e pozas.

A luz era sorprendente e invitaba a queimar a batería das nosas cámaras, e cando abandonamos o pobo, polo antigo camiño que une Tangil con Modelos, aínda disparamos máis arreo, tal era o feitizo que emanaba dunha fraga polas que avanzabamos, entre valados de pedra vernizado polo brión e o couselo, como de pedra era o firme que pisabamos, alfombrado de follasca.

As cores amables dunha primavera anticipada facíanos aflorar os sorrisos, e as palabras xurdían tamén amables, mesmo tendo constancia de que non sería tarefa fácil dar coa ruta certa, xa que as poucas marcas que atopamos estaban tan difuminadas que só o olfacto do senhor Botas era quen de atopar. Non tiña medo de perdernos, xa que a nosa guía interpretaba correctamente o mapa, e co axuda do seu “meninho”, aínda que tivera algún problema de calibración.

Non cadraban as contas, porque cando chegamos a Modelos, un bonito enclave da serra alfombrado de leiras e viñedos, aínda non fixeramos tres quilómetros, cando a sinalización marcaba seis. Ata o final da ruta non caeriamos na conta de que estabamos a facer o trilho do revés.

Ser como fora o paso pola aldea foi un dos atractivos máis grandes da xornada, que tivo moitos, xa que sumaba ó encanto natural do camiño carreteiro unha boa cantidade de muíños, lavadoiros, petos de alminhas, cruceiros e ata un enorme espigueiro que cruzaba o camiño. Chamounos a atención a cantidade de elementos relixiosos que atopamos, e esto debíase a que parte do camiño coincidía coa ruta de peregrinación cara ó santuario da Peneda.

Á saída de Modelos comezou a diversión, e conforme lle dimos as costas o enclave rural o terreo púxose cada vez máis vertical. Os senhores Botas alternábanse en atopar as poucas marcas do trilho, camufladas entre o brión, a follasca e o fento. Compensaba o esforzo a fermosura da fraga que atravesabamos, sempre seguindo o camiño carreteiro que comunicaba, dende tempos remotos, o val e a serra, a inverneira e a branda.

Bromeei coa amiga do Casal sobre a súa proposta, xa que semella que canto máis escarallado viña máis penitencia me impón, e ela botou a rir coma dicindo: “ninguén te manda andar de can toda a noite”. De tódolos xeitos a protesta esmorecía fronte a beleza das paisaxes que me estaban a descubrir.

Chegamos á Branda do Outeiro tivemos unha tregua entre verdes prados, carballeiras centenarias e un feixe de construccións senlleiras, nas que as boas xentes de Mondelos buscaban refuxio no verán para o seu gando, que aquí dispuña de pastos frescos. No alto da serra daban voltas e máis voltas as aspas dos eólicos de Santo Antonio de Val de Poldros, e mesmo distinguiamos algúns trazos do seu trilho, ven próximo a nós. A nosa guía resolveu que aínda nos faltaba algo de altura para chegar, e preparámonos para o derradeiro tramo de ascenso.

Conforme nos internabamos na serra a fraga ía desaparecendo, e a vexetación mudouse en toxo, uces e carqueixa, entre os que asomaban, como icebergs, grandes penedos modelados pola erosión. As panorámicas dende aquí eran sorprendentes, e os tres falamos do ben que pagaba a pena subir ata aquí. As marcas seguían xogando as agachadas con nós, pero finalmente a experiencia dos senhores Botas sempre daba con elas.

Detivemos un chisco a enredar co esqueleto dun cabalo, primeiro a facerlle retratos da calivera, símbolo primixenio dos Eivadiños, e despois a facerme unha máscara coas coxas que xa quixeran para si os de Sangre Cavallum.

Neste punto comezamos o descenso, e aínda que eu insistín en baixar por unha pista, os de Sistelo insistiron en seguir o trazado orixinal, entre os carrascos, e outra vez tiven que darlles a razón cando atoparon un poste (o primeiro e único que atopamos) que indicaba a boa dirección.

Rematamos o descenso nunha capela de alminhas de dimensións considerables, no Cha das Carreiras, que chamou a nosa atención, xa que nunca viramos tal cousa. Non fai falta dicir que foi fotografado polos tres camiñantes dende tódolos ángulos posibles, e só nos restou subir á arbore que estaba o seu carón para facerlle un plano aéreo.

Cruzamos unha estrada, e o olfacto da senhora Botas deu ca continuación do sendeiro de seguida. Eu estaba marabillado do rápido que resolvía as numerosas dubidas que nos asaltaron no camiño, ela e o seu compañeiro forman un dos tamdem máis eficaces que coñezo na montaña ¡e non o digo por facerlles as beiras!.

Atravesamos outra fraga enfeitizada, e tras dela xurdiron os primeiros campos e casas de Tangil, cando estabamos a piques de cumprir catro horas de andaina. Quizais para algún sendeirista máis esixente lle resulte curta esta ruta, pero podo afirmar que cada metro do trilho ten o seu atractivo, ademais da posibilidade, para os que queiran alongar o pateo, de unilo ó de San Antonio de Val de Poldros.

A nosa chegada ó pobo inzou un balbordo de cans, de miradas curiosas e ata unha inspirada frautista deunos unha serenata para nos recibir. Conseguiramos volver activar o trilho que deran por morto no concello de Monçao, e os Sudando Botas puxéranlle unha alta calificación a ruta, pola cantidade e valor dos seus encantos e pola beleza do seu trazado.

Penso que foi un bo xeito de celebrar o aniversario, e alédome de que me fixeran participe del. Agardo que con esta crónica garden unha boa lembranza de esta xornada, e que non dubiden en contar comigo para o seu segundo aniversario. Adiante, compañeiros! Longa vida a Sudando Botas!.

E142 Trilho da Carvalheira de Abedim (Monçao)





Domingo, 20 de setembro de 2009

Entendo moi ben o que é sentirse eivado, de sentir as túas forzas limitadas, ou que de xeito circunstancial ou permanente te vexas privado dalgún dos teus recursos, xa que foi esto o que nos levou ata aquí, a este taller de montañeiros doentes, tanto física como emocionalmente. Durante os derradeiros tres anos probaron da nosa fórmula algún a quen o Club de Camiñantes, o noso irmán maior, resultáballe demasiado esixente nun momento no que estaban a se recuperar de esguinces, tendinites ou dalgunha relación atormentada, que de todo houbo. E viñeron outros que tiveron entre nós as primeiras experiencias na montaña, traendo tamén cadansúa eiva, porque no fondo eivados estamos todos.

Así que cando a Yoli, aínda sufrindo as consecuencias daquela terrible caída no Kilimanjaro, me dixo que quería medir as súas forzas, e ver se era quen de facer algún sendeiro con nós, aledeime. Ninguén máis que ela para elixir o momento, para probarse, e a min so me restaba elixir algo axeitado, sen demasiado desnivel nin lonxitude, para facilitarlle a tentativa. Viu acompañada de Flores, esa rapaza simpática e faladeira (xa eran dúas), e entre os tres sumábamos unha resaca considerable, desas que veñen acompañadas dos síntomas de manual: formigas pastando na cabeza, cruxir de galletas nos xeonllos e demais. A culpa foi dos Alfeizar que tentaron durante a noite en levarnos a guarida do amor.

Pedimos unha e media de arroz tamboril e trouxéronos dúas de arroz de marisco, pero comémolas sen chistar. Aínda que Yoli, nerviosa pola proba ou convalecente do concerto, picoteou catro graos de arroz, disque para que a dixestión non lle restara forzas. Quizais facía un algo de calor de máis, pensaba eu mentres íamos cara Monçao, e buscaba mentalmente algunha poza no camiño, sen atopala. Flores non chegou esperta ó monumento a Lindbergh, e cando chegamos á freguesía de Abedim, íamos os tres caladiños de máis, cada quen mascando os seus pensamentos.

Yolanda estreaba botas, e tiña ganas de darlles uso, así que case non nos deu tempo de facer uns estiramentos, mentres un vello, seguramente membro da junta da freguesía, nos indicaba que se levara o rotulo do inicio do trilho para pintalo, e da localización dunha fonte de auga potable. Comezamos ascendendo por unha estrada asfaltada, e xa nos primeiros metros a cousa pintaba regular, Yoli quedaba atrás e tiñamos que baixar o ritmo para que nos collera, máis cando non levabamos completado o primeiro quilómetro, xusto cando remataba a costa, reclamounos unha parada, descalzouse e tentou amañar o apaño que levaba adosado o pe. Pero o tornelo seguía a molestarlle e tivo que recoñecer que non lle era posible continuar.

Consideramos abandonar a andaina, e ir os tres dar unha volta por Monçao, pero a brava montañeira animounos a completalo sendeiro mentres ela botaba unha sesta no coche. Así que nos despedimos dela e atravesamos a bo paso as rúas de Abedim para internarnos na fraga. Unha fermosa calzada de pedra atravesaba as terras fértiles do pobo, onde se alternaban os campos de millo, as vides e os prados utilizados para pasto, arrendados por valados de pedras centenarias.

Ca nosa compañeira malograda presente, no pensamento e na conversa, imprimímoslle o ritmo eivadiño na subida ó monte, aínda que Flores se queixaba da noite de troula que, todo hai que dicilo, sufriramos todos. O chan xa está colonizado polos cogomelos, anunciando un outono que está a volta da esquina, e o orballo aínda persiste na herba, que nos molla o baixo dos pantalóns. Cando remata o ascenso xa estamos inmersos na Carvalheira de Abedim, un deses paraxes que ben merecen un pequeno esforzo para coñecelos. A humidade é grande neste recuncho do paraíso, e as edras trepan polos troncos destas nobres especies, que conviven con sobreiras, acevos e castiñeiras. Danos coraxe que a nosa amiga non nos acompañe no disfrute, pero sabemos que máis pronto que tarde ha de facelo.

É un recorrido máis corto do que quixeramos, xa que ó pouco desembocamos en Grandachâo, un núcleo rural afastado do mundo, onde temos a recompensa de atopar unha maceira enchida de mazás máis vermellas cas dos contos, que metemos no saco co sorriso cómplice dos cativos que fomos ¡que ben sabe a froita roubada!. Co botín ben agochado nas nosas mochilas para non espertar as suspicacias dos veciños, atravesamos a aldea serrana, onde non atopamos máis que un par de vellas que levan gravadas nas súas frontes toda unha vida de duro traballo no campo. Polo camiño que nos leva a darlles as costas ás derradeiras casas temos unha boa panorámica da Carvalheira de Abedim que resalta entre unha mancha forestal bastante máis ampla onde reinan os piñeiros, baixo ela os campos dispostos en socalcos que se precipitan cara o Val do Gadanha, cara onde nos diriximos.

O camiño carreteiro intérnase noutra fraga, onde conviven especies autóctonas e foráneas, e desemboca nunha pista forestal que seguimos ata o cruzamento do Río Gadanha. Este discorre paralelo a unha estrada dende onde observamos, na distancia, o Castelo da Penha da Rainha, aínda que do castelo non se vexa nin os restos no medio dos xendarmes de granito que coroan o monte. Por sorte o tramo asfaltado é curto, e non tardamos en enlazar cunha congostra escavada na terra, aínda que antes de avanzar por ela facemos unha pequena parada debaixo dunha viña onde a Flores se lle antollou coller un acio de uvas.

Non tardamos en divisar, dende o alto, o pobo de Abedim, e démonos presa para reunirnos coa nosa amiga Eivadiña (si, con maiúsculas), aínda que a tarefa estaba xa case rematada, porque só nos restaba descender cara a estrada, e dende alí á junta da freguesía, onde tiñamos aparcado o carro. Pero, cen metros antes de chegar ó final da nosa andaina, pasamos ó carón dunha finca cun feixe de árbores frutais, e algún deles era sinxelo acceder as súas polas dende a mesma estrada. Así que abrimos outra vez o saco e alixeiramos o peso de maceiras e pereiras ¡aínda lle estabamos facendo un favor, de tan cargadas que estaban!. Non lle debeu parecer tal ó dono da finca, que saíu na nosa procura con cara de poucos amigos. Apuramos o paso e chegamos ó coche xusto a tempo para fuxir antes de saber pola intención do paisano. Aínda botamos unhas risas.

A que non estaba para moitas risas era a nosa Yoli, que vira frustrada a súa saída montañeira, así que decidimos ir a dar unha voltiña a Monçao, a tomar un café e aproveitar o que quedaba de tarde. Estaba especialmente bonito o pobo miñoto, e cunha grande afluencia de paisanos nas súas terrazas, tanto que non puidemos sentarnos nas do Escondidinho, como é a tradición, e tivemos que conformarnos con facelo nun pequeno café ó carón da igreja. Tamén a visitamos despois dos cafés e das natas (que de todo houbo), e levamos unha boa sorpresa coas mostras de arte sacro que alí se atopan. O día non deu para máis, pero tampouco foi para menos, así que regresamos á metrópole a facer balance: este é o meu.

E105 Trilho Caminho dos Mortos (Monçao)





Descripción do percurso e mapa

Mércores, 18 de febreiro de 2009

Cada quen ten as súas divisións na súa cobertura emocional, aquela que fai máis amable o inventario de abismos e naufraxios, que esvaece os berros dos fantasmas, que lle resta importancia ós papeis de víctimas e verdugos, a que suma motivos para enfrontar a loucura dos días e das noites repetidas, os cantos de serea que ó dobrar a esquina transfórmanse en coitelos, a colección de síndromes que cada quen leva navegando nas veas.

Esas divisións son como as do corazón dunha árbore, unha sucesión de círculos protectores, que van gañando forza co tempo, pulando configurar a miña xeografía humana, a parte máis importante do meu ser que son os outros. E na primeira, na que levo máis preto de min, coidándome as costas como unha sombra, pendente das miñas caídas e recaídas, compaña imprescindible para vodas e funerais, está este trío que hoxe me acompaña no camiño dos mortos, dándome razóns para sentirme vivo, e máis que vivo, apreciado, querido, chámalle como queiras.

E alédame que a metade de semana, nun día atípico de inverno que parece de primavera, veñan estes tres imprescindibles, a Criatura, Migui e máis Ozzy, a cruzala fronteira outra vez co noso contrabando de pegadas, ca nosa silenciosa invasión do país veciño, e que cheguemos nunha carreiriña de can a San Pedro da Torre, lugar de peregrinación das guerrillas eivadiñas que, entre a tradición e o costume, elixan unha de arroz malandro e outra de tamboril, e unha botelliña, para celebralo ou porque si, de Terras d’El Rei.

Cada un ten as súas teimas e nesta mesa son maioría os que tenden á escuridade, ás tebras, ó misterio, ó que se agocha máis alá dunha primeira ollada, e parécelle apetecible o trilho por onde, non hai moito tempo, baixaban os carros cos cadaleitos dende as poboacións de montaña ata o cemiterio no fondo do val, no seu derradeiro viaxe. E a minoría, nun exercicio estupendo de centralismo democrático, marxista sen pretendelo, tamén apoia a proposta, e despois dun breve café tiramos cara o concello de Monçao.

Aínda lévanos un bo treito chegar ata a freguesía de Merufe, e algúns xa din que si imos ó fin do mundo ou algo máis lonxe, son as ganas de comezar a camiñar, ou eu así quixen pensalo, pois xa se sabe que todo ten o seu prezo, e nós temos que pagalo en quilómetros.

O carón da Capela do Senhor dos Passos deixamos o vehículo da Criatura, que nos trouxo envoltos en melodías metálicas, ante a curiosa mirada dunha cuadrilla de operarios que acondicionan a zoa para a instalación dun merendeiro, e deseguida botámonos a mochila ó lombo para iniciar a nosa ruta, xa que temos o tempo algo xusto para completala antes de que se poña o sol, baixando pola estrada ata o Río Sucrasto.

Xusto antes da ponte que o cruza collemos un camiño a súa dereita, que nos leva a pequena Ermida da Senhora dos Remedios, e fronte a ela, entre os muros que delimitan campos verdescentes, volvemos a torcer a dereita (sempre hai un camiño a dereita, dicía Blas Piñar), e internámonos nun camiño empedrado, o mesmo polo que traían os cadaleitos dos que morrían nos lugares máis montañosos da freguesía para darlles sepultura.

Asumo o papel de lebre e imprimo un forte ritmo ó ascenso polas beiras do río, agora que aínda estamos frescos e a pendente non é moi pronunciada, e non tardo en perder de vista os meus. Sei que se nesta primeira etapa non levamos un bo ritmo colleranos a noite na serra, onde teño máis dubidas sobre o itinerario, e tamén sei que nos primeiros quilómetros non hai perda posible: e avanzar sempre polo firme de laxas, entre valados, seguindo o Sucrasto a montante, sen máis dificultade que sortear os valados que impiden o paso do gando.

Esta vez teño unha vantaxe: non teño que determe a retratar a paisaxe. Teño tres motivos para elo, o primeiro é que xa teño imaxes dabondo deste sendeiro, da miña primeira visita; o segundo é que estraguei a miña cámara contra o granito da Fervenza da Freixa; e o terceiro é que o Miguel trouxo a súa e cubre as labores de reporteiro da expedición.

Así que só me deteño de cando en vez para ver ó lonxe os meus perseguidores, pero sen deixalos acercarse demasiado para non escoitar as súas queixas, mentres van esmorecendo os campos e a fraga de ribeira vai deixando paso a unha carballeira espectacular en algúns tramos.
Tamén me axuda o feito que o camiño está limpo de maleza, máis que nada nas zoas máis próximas o Sucastro, xa que non fai moito debeu realizarse aquí unha competición cinexética, porque aínda están marcados os postos de tiro, e o terreo non está tan enchoupado como fai un ano, cando o Zalo tivo a ben descubrirme este trilho.

Déixome atrapar polos galgos no cruzamento do río, e a Criatura bótame todas as pestes que tiña reservadas, e teño que dicirlle (a el e a todos) que non gasten forzas en laiarse, porque aínda estamos lonxe de sortear os cincocentos metros de desnivel que nos separan do punto máis alto do camiño. Así que toca apertar o cu e tirar para arriba, arrincando suores, maldicións, e algúns dores que estaban aínda durmidos.

Sen baixar o ritmo abandonamos a fraga que rodea a conca do Sucastro e chegamos a unha área de campos dispostos en socalcos, que se nos ofrece nunha fermosa panorámica, e seguindo polo firme empedrado entramos no núcleo rural de Arado, onde facemos unha pequena pausa para observar os seus espigueiros e casas serranas, e a xente realizando as tarefas propias do agro: un paisano podando as viñas dende unha escaleira de ferro, unha velliña dirixindo un rabaño de barrosâs, unha parella a sachar na veiga. Parece que aquí o tempo detívose, e ocorréseme que so falta unha banda sonora.

Así que encargámoslle o Xaime que lle de música a estas crónicas, e Miguel ofrecese a atopala maneira de dotalas tamén con imaxes (a ver si a terceira vai a vencida), e o Ozzy tamén quere participar e ocorréselle compoñer un himno para os eivadiños. Non sei se veremos algo de todo isto, pero polo menos a intención a teñen.

Avanzando por unha pequena estrada alcatreada dámoslle as costas ó pobo, mirando ó lonxe o fondo do val de onde viñemos, e as marcas esvaécense e teño que tirar de memoria. Non teño tal e chegamos o cartel que anuncia a Portela de Alvito, así que temos que recuar sobre as nosas pegadas e volver a saída do pobo: tiñamos que coller a dereita e tiramos cara a esquerda. Menos mal que as miñas tropas sonche ben comprensivas e non tentaron lapidarme.

Ascendemos por unha pequena agrupación de tuias e outras especies de nome impronunciable, agás para a Criatura que queda comisionado tamén para facer un inventario das especies que atopamos, e por ela acedemos a aldea de Bouças, onde podemos abastecernos de auga nunha fonte a carón do esqueleto de varios espigueiros. A pesares de que a tropa pide outra tregua arrancamos novamente cara o monte, porque aínda nos queda para chegar á metade do sendeiro. Menos mal que o tramo que ben a continuación é para deixalos coa boca aberta, porque a fraga pola que avanzamos é de conto.

Non son o máis indicado para facer un inventario das especies árboreas: tuias, tsugas, abetos ou cedros, e haberá que esperar que o noso experto faga unha valoración desta masa forestal singular, pero o que si podo asegurar é que os catro avanzamos sobrecollidos polo espectaculo que descubrimos conforme nos adentarmos nela, gañando altitude suavemente, mentres se van asomando os primeiros xeradores eólicos da Serra da Anta.

Os derradeiros quilómetros de subida facémolos continuando por outro tramo empedrado, onde son ben visibles as fendas producidas polos carros nos que, non só pero tamén, transportaban os mortinhos cara o cemiterio de Merufe. Nós chegamos facendo o camiño inverso, quizais por eso sentímonos máis vivos, e preto do cumio, a 649 metros de altitude, entoamos diversas cerimonias para festexalo, subidos a coroza pétrea da Mámoa do Cotinho: a Criatura abrazando unha árbore, o Ozzy entoando unha melodía pagán, o Panette deitándose no chan, eu (o máis irreverente) botando unha mexada no monumento funerario.

Ledo por rematar a subida o ex-vocalista de Spina Fecunda non dubida en cargar un saco de osos para facerlle un altar a non sei que deuses, e con ese tesouro descendemos por un abrupto cortalumes que atravesa a Fraga de Cotinho, que nos sigue semellando dunha beleza insólita. Os xeonllos non deixan de berrar ata que chegamos a unha pista forestal que cruza a pendente e pola que nos levan as sinais do trilho, que comezan a escasear. Tamén empeza a escasear a luz do sol, que xa vai tempo que desapareceu tralos eólicos, e unha alarma espertase no meu interior xa que se confirman os meus temores de que non seremos quenes de chegar de día ó final.

Desaparece a fraga, e só pequenas agrupacións de tuias saen ó noso paso, e toda unha enorme extensión de toxo floreado, penedos esnaquizados e carqueixas, e temos que estremar as precaucións para atopar a dirección correcta. Menos mal que aínda nos se me esvaeceron da memoria algunhas referencias como a Corga dos Muíños e a Coutada Grande que confirman que estamos no bo camiño. Esto non é garantía ningunha, e nunha destas despístome e nin co mapa dou atopado o xeito de baixar cara o val, así que temos que improvisar ante a mirada atónita dunha grea de garranos que pacen en liberdade, ata que, despois de quince minutos de incerteza, volvemos atopar a calzada empedrada ¡e os sinais do trilho!.

Deseguida cambiou a paisaxe serrana e camiñamos a carón de campos de herba fresca que anunciaban a inminencia dun núcleo de poboación. Efectivamente, sen máis contratempos chegamos a Cernadas, sorprendendo a un par de velliñas que parecía que non virán nunca tropa igual, e seguimos os sinais entre casas, xa coas tebras empezando a cubrir a aldeíña, ata que nos levou a un carreiro polo que se saía á estrada, que xa tiñamos a tiro de pedra.

Pero as cousas non sempre resultan como parecen e o carreiro pechase cunha invasión de xestas e toxos, grandes coma un home, e ademais sóame o móbil e teño que atender as novidades do meu amigo Iosu, e ademais intentar frear o avance dos meus, que non queren retroceder aínda que nos sexa imposible continuar. Pero para eso están estes bravos, para conquerir o imposible, así que mentres o colega de Burlata se escacha de risa a nosa costa, a vangarda abre paso entre a maleza e mesmo atopa unha saída, eso si, descolgándonos un dous metros por unha xesta.

Saímos de noite pechada ó asfalto, e outra vez teño que tirar de memoria, enlazando o camiño empedrado que sae cara a Corga das Valoucas, por onde temos que andar con tento, pois tamén este tramo está bastante pechado, aínda que non de maneira que impida o noso avance, e ó cruzar a conca fluvial a congostra está parcialmente anegada, e non temos ganas de seguir mollando os pes.

A derradeira parte do sendeiro facémola a cegas, por unha ampla pista forestal que baixa cara o río Sucrasto, arroupados polas melodías tenebrosas do Ozzy, a quen non lle importaría que a ruta continuara unha hora máis, tal é a súa comunión co entorno. Pero non, non tardamos en chegar a Capela do Senhor dos Passos, e ben que o agradezo, porque as miñas perniñas xa están a berrar unha tregua, acusando o esforzo acumulado durante as cinco horas e media que estivemos vagando por estes montes.

O remate, despois de facer o feixe de quilómetros de estrada que nos separan da nosa metrópole, fixémolo no Eido Vello, onde lle mandamos calamares, tortilla e xamón de pato para repoñernos do desgaste, e de postre tarta de tres chocolates e outras galdrumadas que agora non lembro. O que si foi para lembrar foi toda a xornada, na que volvín asegurar a miña cobertura emocional, con aqueles que forman a miña primeira división, a que teño máis perto de ese hotel en ruínas que se agocha baixo o meu peito.

E99 Trilho de S. Antonio de Vale de Poldros (Monçao)





Mércores, 24 de decembro de 2008

Descripción do percurso e mapa

Aproveitando estes días de bonanza climatolóxica nos últimos suspiros do ano en curso, decidímonos xuntar Zalo, Nacho e máis eu, como nos tempos primixenios, e facer unha expedición lixeira ás terras de Monçao, como anticipo á paparota de noiteboa. Co Nacho é a quinta vez que coincido nestes días e dende o sábado fixemos un bo feixe de actividades xuntos: a ascensión ó Galiñeiro no aniversario do CdC, o trilho do Foxo do Lobo en Gavieira, a navegación no Caldeirón pola ría de Vigo e o Sendeiro de Filgueira, unha boa racha que esperamos que se manteña o próximo ano. E para rematar este que mellor que xuntarnos outra vez os tres e ir a investigar un novo percurso pedestre da nosa querida xeografía portuguesa.

Así que collemos rumbo ó concello miñoto e unha vez chegados alí seguimos atentamente as instruccións que atopamos en internet para chegar ó noso obxectivo: facemos case nove quilómetros en dirección a Melgaço, collemos o desvío a Valinha, douscentos metros despois viramos cara Ceivâes, setecentos metros máis adiante collemos a estrada municipal que vai a Riba de Mouro, pasando as freguesías de Segude, Podame e Tangil, ata que chegados a Riba de Mouro collemos outra bifurcación que vai cara Santo Antonio de Vale de Poldros, percorrendo unha carreteira de montaña que, sempre ascendendo durante trece quilómetros, lévanos ó principio da nosa ruta.

O certo é que grazas a Zalo e o seu coñecemento das terras do norte luso, e tamén a súa correcta interpretación das diferentes sinalizacións que atopamos no camiño, chegamos a Branda de Santo Antonio. E chegamos de milagre, xa que a agulla do depósito de combustible estaba un pouco más abaixo do cero, por esa manía miña de andar a aforrar uns céntimos de gasóleo que algún día vaime dar un bo susto. Ademais ningún de nós contaba que tardariamos tanto en chegar, nin que estivera tan lonxe, xa case nos límites dese territorio de lenda que é Sistelo, así que chegamos con fame, xa pasadas as dúas da tarde, e botamos man da empanada de bonito (un clásico xa nestas andainas de Nadal), dunha botella de rioja alavesa (outro clásico agasallo de Nacho), e dun anaco de queixo manchego que curaba no meu maleteiro. Así convocamos a un can e un gato esfameados, atentos ás nosas sobras, tan mansiños que mesmo comían das nosas mans.

O planalto de Santo Antonio de Vale de Poldros é unha zoa cuberta de toxo, xestas, urces e carqueixas, salpicado de campos de cereais, tapadas e cardenhas, que son as construccións típicas das brandas, en outros tempos unha auténtica aldea serrana, chea de vida, axitación, festa e traballo, coa vivencia centrada nos meses de verán, de maio a setembro, ainda que agora pese a ter moitas casas en plena so está habitado permanentemente o restaurante.

Nós, despois de dar boa conta da empanada, do viño e do queixo, deixamos para o final a visita ó pobo e iniciamos o sendeiro cara ós xeradores eólicos que, tamén a este lado da fronteira, están a colonizar os cumios das serras atlánticas, seguindo a dirección que marca a placa do inicio do trilho. Pasamos un pequeno bosque de piñeiros e chegamos a Torre de Vixía, dende onde temos unha boa panorámica de todo o Vale do Minho, con numerosas poboacións estendidas o longo das beiras do curso fluvial.

Neste punto comeza o Parque Eólico, cun feixe de xigantes muíños de vento que non podo resistir a tentación de retratar, mentres os meus amigos afánanse en buscar as marcas que xogan a agocharse de nós, o que nos fai presaxiar algúns problemas para completala ruta. Acadamos o Alto das Chandetas, a 1112 metros de altitude, onde aínda persisten algunhos neveiros que trouxo a ola de frío polar da semana pasada, e que marca a cota máxima do itinerario. Pola pista de servicio do complexo enerxético enlazamos coa estrada que nos trouxo ata aquí, e nela temos que voltar a andar con bo ollo para atopar as marcas brancas e amarelas, coméndonos un bo anaco de piche antes de atopar, outra vez o Zalo listo coma un can de presa, un estreito sendeiro entre xestas que nos fai adentarnos nunha fraga de bidueiros.

Descendemos con rapidez pola masa forestal, onde a temperatura tamén baixa considerablemente, sempre atentos ós sinais agochados entre o musgo, as xestas e os troncos de centos de árbores dispostos por toda a aba do monte. Non é difícil deixar voar a imaxinación nestes lugares, tan axeitados para lendas de lobishomes e fuxidos, de trasgos e mouros, en fin, de toda esa tradición popular común a esta terra arraiana que durante séculos creceu a pesares das fronteiras. A única preocupación que teño é que perdemos altitude con rapidez e penso que nalgún momento temos que recuperala, é que o meu corpiño xa está acusando tantos días seguidos de actividade e de troula.

Despois de atravesar esta impresionante masa forestal por unha sucesión de estreitos sendeiros nos que só un ollo adestrado como o de Zalo é quen de atopala dirección correcta, cruzamos un regueiro e enlazamos con un carreiro que transcorre a carón dunha zoa de campos que seguen mantendo un descenso pronunciado. Nós, para a miña tranquilidade recuperamos unha certa horizontalidade no terreo ademais de gañar unhas boas panorámicas do Vale de Poldros, que debe o seu nome ás manadas de burras que aínda pastan ceibes nestas terras, xa que aquí denomínanse deste xeito as crías das eguas en troques de potros,que é o termo máis axeitado.

Este treito é tamén de gran beleza porque xunto ós campos verdescentes, separados por unha sucesión labiríntica de valados, atopamos pequenas fragas de carballos, de castiñeiras e de bidueiros, e o conxunto, coas montañas recortadas no azul do horizonte debuxan unha estampa que reconforta os espíritos, aínda os máis inquedos coma os nosos. Con este regalo nas retinas entramos nunha zoa de piñeiros onde o camiño descende, cara unha torre de alta tensión, e deducimos que se trata do lugar chamado Couto da Coroa, onde o sendeiro fai o punto de unión do oito irregular que traza, e polo que deberemos, obrigatoriamente, de pasar outra vez a volta.

Atopamos unha sinalización tombada no chan, e entre o Zalo e o Nacho volven recompoñela, e outra vez temos que buscar entre os penedos, uces e xestas as marcas que nos leven na dirección correcta. Non temos demasiados problemas, claro, con estes exploradores de luxo, e deseguida collemos un camiño onde a orografía se suaviza e podemos relaxarnos disfrutando da paisaxe, outra vez campos con valados de pedra e árbores autóctonas sementando de follas o chan. Por esta corredoira chegamos a Branda do Outeiro, da que só albiscamos catro casas en pé, aínda que deducindo pola altura dos muros que delimitan o camiño debeu de ter certa importancia, e ó darlle as costas volvemos a internarnos nunha mancha de bidueiros que, finalmente, lévannos ata unha estrada asfaltada, preto do lugar de Fontiñas.

A pesares de que o ano esta dando o seu último suspiro e o inverno o primeiro, vai bastante calor a esta hora da tarde e unha subida acentuada polo piche non é o máis apetecible, menos mal que as vistas ben o compensan, cun feixe de pobos ós nosos pes, e que ademais non é un tramo demasiado longo, xa que un cento de metros despois volvemos a enlazar unha pista de terra.

Os xeradores eólicos aínda están a unha altura considerable, e a pista interrompe o ascenso e corta a aba do monte nunha liña horizontal, i eu agradezo este respiro, pero teño as miñas dubidas sobre como salvaremos o desnivel que nos separa do coche. Ós poucos chegamos outra vez ó Couto da Coroa, e pasando por debaixo da torre de alta tensión temos que andar un pouco para adiante e para atrás ata que outra vez o Zalo camión atopa o trilho marcado, preto dun campo onde vemos os primeiros poldros. Imos cara a fraga de bidueiros que atravesamos o principio da ruta, pero antes de internarnos nela temos que atravesar uns campos enchoupados no que, so por uns momentos, crémonos perdidos. Claro que, xa sabedes quen: o que sempre vai en cabeza, temos o noso particular sherpa que volve a atopala dirección correcta e guiarnos ata a fraga, e despois a través dela.

Despois da fraga, con Nacho e máis eu comentando que carallo xantara este home que nos guía para sacar tantas forzas nas costas e para atopar sempre os camiños, voltamos a pasar polo parque eólico, onde nos recibe unha manada de burras, tan características deste val. Quitamos ata unha foto de grupo na que parece que estamos en verán, en manga corta, suorosos pero sorrintes e cun ceo azul que fería os ollos, xa ca Branda de Santo Antonio a un tiro de pedra. E cara esas pedras camiñamos por unha corredoira onde quedaban xa poucos neveiros, marabillados polas cardenhas, as construccións típicas destes enclaves, e tamén polos quartéis, locais de abrigo para os romeiros que no día de Santo Antonio viñan para a bendición do gando.

O completala ruta en algo máis de catro horas, danos tempo de tomarlle unhas birras e un pouco de embutido local nun establecemento de turismo rural onde tamén teñen mapas topográficos da zoa, e onde nos informan que tamén teñen rutas guiadas, por se as necesitamos. Agradecémoslle as birras, o embutido, os mapas e o ofrecemento, pero desto último non precisamos levando con nós xente tan competente (e non o digo só porque o Zalo, ó final, pagara a conta. E con estas, un pouco preocupados por se nos quedabamos sen combustible, voltamos cara Monçao, onde chegamos sen máis novidade, e onde nos despedimos ata outra.



E78 Trilho do Caminho dos Mortos (Monçao)





Descripción do percurso e mapa

Domingo, 13 de abril do 2008

Como un Sísifo nostálxico abro os ollos a un novo día, e as miñas pupilas xa teñen sede de montaña, de subir escaleiras ó ceo sabendo que cando estea a piques de acariñar as nubes xa será tempo de baixalas, outra vez cara o alento salobre da ribeira,onde desconto as horas para volver ós camiños. Nesta obsesión que non mingua co paso das estacións, e que alimento co mesmo material co que se fabrican os soños, sorrío a un novo amencer, sobrado de motivos, a pesares de que como sucede a miúdo furteille horas ó descanso nocturno para alongar a troula.

Alédome de non ser, nesta ocasión, un Sísifo solitario, e que o Ramón lémbrese de que ás doce e cuarto tiñamos cita no Concheiro, como nos vellos tempos, e que non teña que conducir ata San Pedro da Torre facendo balance das horas pretéritas, senón escoitando as novas do meu amigo, demediado coma eu pola ausencia.

Nada mellor para combatela que mandarlle unha boa ración de poción máxica, como fan os galos da aldea rebelde, e quizais tamén por arte de maxia, mentres rebañamos do prato os restos de malandrina, aparecen o Nacho e o Xurxo, inda que as súas intencións non coincidan coas nosas. Éche un día de encontros e desencontros, uns veñen a comer pero non a camiñar, e outros veñen a camiñar pero manteñen a dieta.

Así que despedímonos dos que si pero non e vamos o encontro do que non pero si, esto é, do Zalo que nos espera na Capela do Senhor dos Passos, freguesía de Merufe, no concelho minhoto de Melgaço. Non podíamos atopar mellor comenzo que botándolle unha pregaria o patrón do pedestrismo, que non confundir co pederastrismo, inda que os dous termos indiquen desviacións da conducta humana, unha procurando o pracer nos camiños, coma os cans, outra nos cativos, como os lobos.

O de Paramos tamén é unha fera dos montes, por eso chamámoslle león, quen senón el sería capaz de levar un par de horas dando voltas, e as que lle quedan por diante, só co xarope de arce como combustible, sen importarlle tan sequera a delgada capa de auga que cae sobre estas terras do norte portugués.

Iniciamos, despois da cerimonia dos estiramentos e de impermeabilizar os noso osos, o proxectado, e aprazado durante os últimos meses, Trilho do Caminho dos Mortos, que debe o seu nome o feito de que, antes da construcción das novas estradas, os finados dos lugares máis montañosos da freguesía eran transportados en carros de bois ata a igrexa parroquial por estes camiños. Camiños de mortos e camiños de vivos, pois vida dámoslle cas nosas pegadas, aínda que atopemos costas matadoras.

Ó carón das cantareiras augas do Río Sucrasto, que baña e da nome ó val, e pasando preto da pequena Ermida da Senhora dos Remedios, os sinais do percurso pedestre lévannos a un camiño empedrado e angosto que se interna nunha fraga de carballos e algúns exemplares típicos de ribeira, salgueiros e bidueiros que indican a proximidade da conca fluvial, e ascendemos baixo unha poalla persistente, maldicindo (no meu caso) as previsións dos gurus de internet.

O carreiro está enchoupado, e ás veces anegado, e temos que sortealo saltando os muros que o separan dos prados, para non tentar de máis a impermeabilidade das nosas botas que, por moito goretex que teñan, inda non están homologadas para mergullar. Sempre a escasos metros do Sucrasto, unha fenda azul e branca que ascende por unha xungla esmeralda cada vez máis exuberante, imos sorteando os peches artesanais, algún cun mecanismo ben fodido, ou as xestas que invaden algúns tramos. E cando non son xesta, son carballos deitados ou fentos xigantes, como se a natureza intentara enterrar tamén o camiño, coa memoria dos finados.

Pouco despois de cruzar o río por unha pequena pontella chegamos a unha zoa de prados, que nos permitan contemplar o desnivel sorteado, e nos leva, baixo un teito de vides, ata o núcleo rural de Arado. Por sorte o ceo danos unha tregua, e o sol é quen de romper a férrea formación de nubes, o que nos permite deternos a botar un grolo de auga e admirar os campos dispostos en terrazas, ou socalcos como as denominan aquí, e os montes tapizados por centos, milleiros de toxos florecidos, que fannos sorrir cos ollos. E non só cos ollos, xa que os meus amigos, sentíndose tan preto do seu territorio máxico do Alto Vez, ilústranme coas marabillas dese val e das súas montañas, que teño que visitar máis pronto que tarde.

Atravesando o pobo vemos vestixios dun pasado que resístese a desaparecer, pero os seus espigueiros invadidos polas silveiras, ou sen portas que os garden, fálannos das leis de mercado, da globalización económica, que anuncia o éxodo do rural cara a metrópole, a pesares de que algúns, cheos de grao, teñan verbas de resistencia. Tamén vemos algunhas velliñas, empeñadas en coidar o gando ou en arrincarlle a terra os seus froitos, como fixeron antes delas as súas nais, e antes das súas nais as súas aboas, e antes das súas aboas...

Un pequeno treito asfaltado lévanos a abandonar o lugar, subindo cara un monte onde o amarelo do toxo imprime un fondo monocromo, e onde temos que confiar na memoria de Ramón, o noso guía aborixe, o noso canciño de presa, para non perder o rumbo, xa que as marcas non están nas mellores condicións para continuar a nosa aventura.

Botamos unha derradeira ollada a panorámica que acadamos dende a cima da poboación de Arado, cos seus campos formando unha singular escaleira cara o Val do Sucrasto, e dende alí divisamos tamén os núcleos rurais de Lavandeira e Paço, este último xa enfrontado o Val do Vez, que outra vez faille cóxegas nos ollos ós meus amigos, e coma un mantra repiten o nome da súa terra prometida, do seu Kamckatka soñado, do seu Sangrilá divino: Sistelosistelosistelo.

Para afastalos da poderosa atracción que exercen estas terras sobre a súa vontade de camiñantes, internámonos nunha fraga de cedros de Darwin ou de Oregón, que tampouco temos demasiado claro a denominación de orixe, e chegamos así á pequena aldea de Bouças. Como xa vai tempo que parou de poallar, e a subida ata aquí arrincounos unha boa dose de suores, acordamos facer unha paradiña para alixeirarnos de roupa e refrescarnos nunha fonte a carón do camiño.

Recuperados os folgos internámonos nunha pista que discorre entre máis cedros, piñeiros, tsugas, e algunha especie que non son quen de identificar, pola que avanzamos ata chegar a un cruce de camiños, outra vez o Ramón ten que tirar de memoria, xa que as marcas están desaparecidas. Como o Zalo vai incubando a idea de traer os seus acólitos por aquí, entre os dous emprenden a construcción dunha mariola, a primeira dunha longa serie, para non perderse na próxima andaina.

O último tramo do ascenso facémolo por unha calzada empedrada, onde están ben visibles as marcas dos carros, pola que por veces baixa un regueiro que temos que sortear chimpando entre as pedras, xa que anega todo o camiño. Chegamos así o punto máis alto do percurso, a 649 metros, despois de sortear un desnivel de máis de 500.

Atopase aquí un vestixio dunha das primeiras civilizacións que se asentaron nesta rexión, no cuarto milenio antes de Cristo, un monumento funerario (non podía ser menos no camiño dos mortos) denominado Mámoa do Cotinho. A mámoa ten preto de 30 metros de diámetro cunha violación central moi pronunciada, sendo visibles partes da súa coraza pétrea.

Para celebrar que a partir de aquí todo é descenso pola Serra da Anta o Ramón abre a mochila e ofrece un amplo surtido de lambetadas, que o Zalo despreza botando outro grolo da súa poción máxica e sobre as que eu bótome con dentes de lobo, lembrándome de tódalas veces que o de Ferrol e a súa compañeira burgalesa tiveron a ben repartir entre nos o seu kit de supervivencia. A verdade é que con eles camíñase doutra maneira, e non só polas provisións, senón tamén polos seus comentarios ben fiados.

O descenso, bastante pronunciado, iniciase por un cortalumens que atravesa a Fraga de Cotniho, onde outra vez escasean as sinais do trilho, e onde o Ramón pastoréanos con determinación, como os guías apaches nas películas do oeste, inda que o Caudillo faille consultar unha e outra vez o mapa por esas cousas que ten de querer saber en todo momento onde se atopa.

Nun cruce de camiños consulta incluso cunha parella de vacas autóctonas (barrosâ ou cachenas, tampouco é capaz de dicilo el), que fannos enlazar con unha ampla pista de terra, cara a parte máis desarborada da serra. Aquí todo é toxo e pedra, amarelo, verde e gris, baixo as siluetas dos xeradores eólicos, unha praga que se estende máis alá das fronteiras. E tamén aquí temos que andar finos tras dos sinais, e outra vez os meus amigos empéñanse na construción de mariolas para asegurar futuras visitas.

Deixamos a pista cara un nacente da Corga dos Muíños, un amplo prado amurallado que recibe o nome de Coutada Grande, onde recibimos outra clase maxistral do mestre de Parada Vella, falándonos dos usos destas construccións, e os tipos de propiedade e de explotación a que estaban suxeitas.

O certo é que tamén camíñase doutra maneira cando ven este home teimudo, e as súas historias fan máis amable o camiño, magoa que non se prodigue tanto para rexistralas por escrito. Eu, que non teño tanta gracia, insisto en estas crónicas eivadiñas, que non son máis que unha pincelada do que aconteceu.

E no camiño insisten as nosas pegadas, mentres seguimos descontando metros entre un caos de granito que semella un feixe de illas de diferentes formas e tamaños entre un océano amarelo de toxos floreados. Atravesando a Serra da Anta contemplamos o descenso cara o Val do Sucrasto, e recíbennos os primeiros campos labrados de Cernadas, o último núcleo rural da freguesía de Merufe que atopamos no noso percurso. Despois de un brevísimo tramo de asfalto enlazamos con outra calzada empedrada, por onde se escoitaban, non fai tanto tempo, os carros de bois baixando os cadaleitos dos finados, cara ó cimenterio.

A derradeira etapa do sendeiro baixa outra vez a unha conca fluvial, a Corga das Valoucas, e ó cruzala detémonos a botar uns disparos de despedida. Dende aquí xa non restan máis que uns metros ata a capela onde deixamos os coches cinco horas antes. Só nos queda, ante a insistencia de Ramón, de ir tomar unha Súper Bock (ou Pedras Salgadas, que hai perversións para todos) ó refuxio de Uma Thurman, que non é cousa de contar, senón de visitar.

Rematamos así a faena, que nos saíu bonita, sabendo que o día seguinte outra era a fronteira...

E72 Trilho da Cova da Moura (Monçao)



6 de marzo de 2008

Descripción do percurso e mapa.

Con esta pequena crónica experimento, de novo, unha sensación que tiña perdida fai moito tempo, como era a de expremir a cachola noutra cousa que non sexa o que me leva atormentando dende fai dous anos e que moi pouco a pouco vou deixando atrás.

De novo outro pateo, outra descarga de enerxía negativa, outra razón para sorrir e recuperar o disfrute que cústame atopar en tódalas cousas que antes me enchían. De novo, coma non, Anxo, fonte de enerxía inagotabel que me lembra inconscientemente que queda moito por disfrutar e que hai que vivir o día a día intensamente.

Coma si dun domingo se tratara, pero hoxe e xoves, día de laboura para a maioría dos mortais, saímos de Vigo as 9.30 cara a nosa veciña, pero cada vez mais integrada nas nosas vidas, rexión norte de Portugal coa intención de aproveitar este, en principio frío pero radiante, 6 de marzo de 2008. Mentres que as xentes de a pe lidian cos seus traballos, nos imos patear, ou esa era a idea, polo Trilho da Cova da Moura na rexión de Monçao.

Tras un par de voltas para atopar o inicio da ruta na Hermida da Boa Morte pertencente ó lugar de Milagres, comezamos a andar cara a zona do Castelo e da Cova da Moura, un ramal que aínda que está integrado nesta ruta, desvíase parcialmente da mesma. Este lugar caracterízase polos enormes cachotes graníticos que mesmo forman unha especie de fortaleza insalvable, polo tanto, supoño que o nome de Castelo ven de aí. Ó chegar ó pé destes molotes as marcas do rueiro esvaécense facéndonos dubidar por onde continúa a ruta para adentarnos na Cova da Moura.

Tras unha intensa busca decidimos voltar polo camiño andado para enlazar de novo na desviación tomada e poder rematar o percorrido que tíñamos prefixado. Nas nosas cabezas imaxinabamos como sería esa Cova da Moura e facíanos andar con dificultade pensando que estábamos marchando de aquel lugar que estaba tecido de algo máxico, e a bo fe que así foi. Ó pouco atopamos a un lugareño que estaba agochado tras dun muro que limitaba a súa leira facendo algo na terra ou nas viñas que non logrei ollar ben.
Anxo preguntoulle onde se atopaba a famosa Cova da Moura e o noso convidado indicounos con bastante claridade por onde tiñamos que ir. Sen pensalo dúas veces iniciamos raudos a ascensión do monte cara ó noso obxectivo atraídos por unha estraña obsesión que non era outra que non marchar de aquel fermoso lugar sen adentarnos nas fauces da nosa Moura.

Comezamos a busca da nosa ventá ó descoñecido e buscamos, buscamos, as xestas e as silvas impedíanos a busca pero nos, seguíamos buscando, parecíamos mais dous cans de caza que lles cheira a coello intensamente e que ansiosos anda na súa procura, que dous camiñantes que ían facer unha ruta. (A frase “andas perdido coma un can”, éche ben certa). En fin, que a moura estábanos a esquivar coma si non fora o momento oportuno para recibirnos.

Sen saber ben onde iamos, a nosa ascensión, con algunha dificultade levounos á conquista da fortaleza e así tamén por si houbera sorte atacar a Moura pola retagarda. No cumio erguíase unha cruz cunha inscrición que non chegamos a descifrar por completo. Dende alí dominábase a paisaxe nos seu 360ª e podíase adiviñar o rueiro que xa non nos daría tempo cubrir polo que vos conto da Moura.

Calculando o tempo que tíñamos para voltar, xa que Anxo traballaba ás 15:00 na súa alfándega de Frioya, decidimos descender e deixar para outro día a procura da Moura.

Cando voltábamos e pasamos perto do lugar indicado polo lugareño, fixemos outra parada e os nosos corpos convertéronse en cans de novo para rastrexar sen éxito o lugar.

Penso que estivemos unha hora e media dando voltas polo mesmo sitio atrapados polo feitizo da Moura, pero cando chegamos ó coche para volver a casa parecía que os nosos corpos andiveran mesmo ás carreiras durante tres horas.

Facendo a promesa firme de que esta aventura soio fixo que comezar e quedando para outro día, quen sabe si con mais tropas, a conquista da Cova da Moura, o noso carro lévanos dereitiño e sen dubidalo, coma o cabalo que ten gravado o camiño do abrebadeiro, a recargar as pilas coa malandrina do Stop.

Por certo, temos despistadísimo ó noso vello camareiro preferido deste restaurante, xa que nada mais sentarnos á mesa o tipo miraba para nos e para o calendario. ¿Hoxe e xoves e estes por aquí.?. Segue a negarse a atendernos.

Xa remato a miña pequena, pero chea de emocións, crónica deste día atípico de pateada.

Gracias Anxo.

Panette, 6 de marzo de 2008

E65 Trilho da Carvalheira de Abedim (Monçao)

Domingo, 20 de xaneiro de 2008

Non hai prognósticos que poidan con estas convocatorias dominicais, xa que eu son o primeiro en pasarme polo forro a disciplina, e aínda así é incrible que se xunte media ducia de amigos para insistir na topografía lusa, nese empeño que temos en borra-las fronteiras, ou cando menos, en facelas invisibles, de xeito que sentimos como propia esa terra que xa non é allea. É unha tropa heterodoxa a que compoñemos Xacobe, Marta, a Criatura, Zalo, Salomé e máis eu, e espertamos as sospeitas no comedeiro de Valença, ó que vamos recomendados, coma si fosemos os restos dun exército de ocupación que se bate en retirada.

Non resulta moi axeitado o cambio de restaurante, e votamos de menos o Stop, tanto en calidade como en variedade, pero tampouco nos queixamos demasiado, xa que o noso continxente está formado por xente de bo talante, e o día é bonito dabondo como para estragalo en rifar por algo que xa está feito. O que conseguimos é sumar a nosa andaina a Zalo e Salomé, que en principio só viñan a acompañarnos no xantar. Non é difícil que o de Paramos se entusiasme coa posibilidade dun novo sendeiro, para seguir sumando liñas a esa extensa rede de camiños que ten na cabeza.

Descontamos as linguas de asfalto ata chegar a Monçao, e unha vez alí internámonos no corazón do concello miñoto en dirección a Arcos de Valdevez, ata chegar ó desvío de Abedim, e xunto a sede da Junta da Freguesía topámo-lo cartel que indica o inicio do noso percurso. Aparcamos ó seu carón, e iniciamos os quentamentos mínimos para facer con ben os sete quilómetros, baixo un sol primaveral que anima, certamente, a estira-las pernas. Ademais é unha ocasión máis para presumir de botas novas que, despois de tres anos, xa era hora de xubila-las vellas.

Subimos por unha pequena costa alcatreada que nos leva a atravesar o lugar de Paraisal, dende onde divisamos a panorámica que nos decidiu chegar ata aquí: as cumes graníticas do Castelo da Penha da Rainha, ameazada por unha canteira que non saía no folleto publicitario. O recibimento non pode ser máis pintoresco: unha capela de alminhas azulexada, onde un anxo armado fai equilibrios sobre as costas dun pobre diaño espido, para desgusto do noso satánico acompañante.

O Xaime tamén ten que dicir sobre as árbores que van aparecendo polo camiño, pero teño que recoñecer que non estou atento ás súas explicacións, porque me entreteño saboreando unhas laranxas que arranco dunhas polas que sobresaen dun muro de pedra. Tan ricas están que non dubido en pasarlle a cámara a Marta, para que faga as labores de reporteira.

Fago ben en confiarlle á miña amiga a memoria dixital do grupo, pois ó deixar atrás o núcleo rural de Pereiro arranca unhas belas imaxes das medas de palla que recortan o azul do ceo, pirámides douradas que transportamos a outras épocas, antes da emigración masiva ás cidades.

Aínda quedan leiras labradas, e gando pacendo nos pastizais, atendidos case sempre por vellas enloitadas, encollidas polo peso da vida, como a que atopamos un pouco máis adiante, cunha ducia de ovellas, ó carón dunha calzada de pedra.

Por esta vía centenaria chegamos á fraga, a Carvalheira de Abedim, densamente alfombrada polas follas de carballo e, en menor medida, de ourizos de castiñeiro, e conforme avanzamos, por unha congostra que ascende suavemente, descubrimos tamén acevinhos e outras especies das que o noso experto en botánica, o doutor Barros, vainos descubrindo, e que a miña memoria de can non é quen de lembrar. Miñas desculpas ós catro lectores destas crónicas trapalleiras.

Conforme gañamos altura tamén é evidente a presencia dos piñeiros, rivalizando cas especies autóctonas, colonizando con frouma as beiras do camiño, mentres nós repasamos a carteleira cinematográfica, e comentamos a favor ou en contra da última película de Alex de la Iglesia, “Los Crímenes de Oxford”, que algún de nós vimos na véspera, ou dos viaxes á península Itálica, dos pasados ou dos futuros, xa que o día seguinte parto para Roma, a reunirme coa miña metade.

A área atópese resgada por varías liñas de auga, pequenos regatos que forman parte da bacia hidrográfica do Río Gadanha, favorecendo a proliferación da cobertura vexetal pola que discorremos. E tan entretidos estamos que nin sequera nos decatamos que o terreo empeza a gañar horizontalidade, e pouco despois comézamos o descenso por outra sucesión de estreitas canicouvas, atravesando os lugares de Loretinho e Vessada.

Aproveitando o desnivel Salomé, que debeu durmir ben e almorzar mellor, bota unhas carreiras monte abaixo para demostrarnos a súa boa forma física (e darnos un pouco de envexa ós que xa non estamos para eses trotes), mentres Zalo busca no mapa o nome do pobo do que divisamos as primeiras casas.

Tratase de Grandachâo, ó que chegamos desembocando nunha estrada asfaltado, onde atopamos os campos de cultivo en patamares, pequenas parcelas dispostas en socalcos, e os espigueiros para almacenar o cereal producido neles.

Xacobe máis eu non resistimos a tentación de fotografar algunhas mostras deste patrimonio etnográfico miñoto, mentres o resto do grupo segue adiante na procura das sinais do percurso pedestre. Ao remate da pequena aldea espérannos, observando unha ampla panorámica do camiño percorrido ata o momento, ca densa masa forestal ó fronte.

Dándolle as costas ó pobo internámonos nun camiño carreteiro, que descende cara outra fraga, mentres ó lonxe escóitanse os pregos a tódolos santos, emitidos por algún altofalante colgado dun campanario, quizais en Tourôa ou en San Martinho, oracións dos parroquiáns temerosos ante a irrupción do Servo de Satán nas súas terras, mentres este, alleo ás oracións, deleitase ca exuberancia da vexetación desta beira do Alto Minho, e aínda fai a súa imitación do canto da curuxa, outra criatura nocturna coma el.

Camiñando sobre este firme empedrado chegamos ata unha pista forestal, máis ampla, que descende, mentres me poñen ó corrente dunha vez que Salomé e Zalo perdéronse nos Ancares, sen estar moi claro quen era o que guiaba a expedición, nin a gravidade da perda, nin as súas consecuencias ¡o noso emperador non é infalible!. E a pesares de que me pregou polo meu silencio, teño que contalo.

A pista lévanos ata o cruzamento do Río Gadanha, que baña e nomea a todo o val, magoa que non o fagamos un pouco máis abaixo, por unha fermosa pontella de pedra que divisamos ó lonxe, conforme gañamos algo de altura. Por aquí chegamos outra vez ó asfalto, onde lle facemos unhas fotos a un geyser que as veces bota vapor e outras auga, como se estivesemos en Islandia (xa quixeramos, claro).

O pequeno tramo de estrada permítenos divisar unha boa panorámica do Castelo da Penha da Rainha, unha formación granítica onde, en tempos, existiu unha importante fortificación, da que quedan breves marcas dunha muralla sobre o morro rochoso, e os vestixios da torre de homenaxe, aínda que a vista non nos alcance para tanto.

Deseguida internámonos outra vez na mata forestal, por unhas desas corredoiras feitas entre paredes de terra, que parecen sacadas dun conto de fadas, e por onde entran mesturados os sons das cantigas relixiosas e doutras máis profanas que, a medida que avanzamos, vanse facendo máis audibles, ata que somos capaces de descifrar as súas letras.

Son bastante procaces, por non dicir outra cousa, é falan dos cornos dun macho e dos peitos dunha cabritiña. Indagando, xa á noitiña, no asunto, descubro que son obra dun cantante de Caminha, chamado Quim Barreiros, todo un fenómeno musical no norte portugués, e en parte da Galiza, e por si tendes curiosidade, o final da crónica transcribín as letras que nos acompañaron este tramo final do camiño.

Ó remate, chegando ó núcleo rural de Adedim, é tamén dunha curiosa beleza, entre casas arruinadas, comidas polas silveiras, levadas de auga e muíños, descendendo abruptamente cara o pobo, ó que chegamos despois de dúas horas e media de andaina, algúns sobrados de forzas, como o Xaime, para chimpar ás árbores e pendurar delas boca abaixo, coma un rapaz, mentres o resto fai os alongamentos de rigor.

Salomé e Zalo abandonáronos, despois de deixarnos unha restra de bicos e apertas, e o resto do grupo decidimos rematar a tarde en Monçao, aproveitando a bonanza climatolóxica, onde nos sorprendeu a visión dunha curuxa, esta vez de verdade, na parte traseira dun coche, preto da antiga estación de ferrocarril. Camiñamos as rúas desta poboación miñota, subindo as vellas murallas ata que algún tentou converterse nun canzorro e case remata facendo o salto do anxo, visitamos unha igrexa con santiños esfameados, tómanos natas e cafés no Escondidinho, e parolamos ata a caída da noite. Ca entrada das tebras tomamos camiño da metrópole, levando outro anaquiño de Portugal no curaçao.

Seguidores