Mostrando entradas con la etiqueta Paredes de Coura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Paredes de Coura. Mostrar todas las entradas

E295 Trilho de Corno de Bico (Paredes de Coura)

Sol, 27 de outubro de 2013

Chegamos tarde, penso eu. Andivemos Anxo e eu a probar onde comer e xa por terceiro intento, na Albergaria de Paredes de Coura puidemos repoñer forzas, que ultimamente escasean. O certo é que eu son rariña nisto de comer, e aínda que o bife estaba bo non comín moito, máis non houbo problema para saír camiño de Tumio, na parroquia de Bico, buscando algo “doce” para pasa-la tarde. Xa serían as 16 h quizais, porque cambiou a hora esa noite, e en Portugal tiñamos dúas máis de regalo, o que me despistou un chisco.

O comezo foi ben curioso para min. Dábame a sensación de entrar en terras alleas, fincas privadas, prados fermosos, verdes... que daban magoa pisar. Un cabaliño dedicounos o seu tempo lento, ese percorrido pola vida que fan os animais pasando “sen pena nin gloria” por ela. Aquel cabaliño non, aquel dedicounos un momentiño e invertemos tempo en sorrisos, fotos e paz a carón del. E logo diso e de saudar un paisaniño que por alí andaba cruzamos polo prado dos cordeiriños mais lindos que eu vira hai tempo. É ben certo que nestes tempos difíciles o único realmente bo é que un aprende a valorar as cousiñas máis pequenas, as do día a día, aquelas nas que non reparamos. Mais eu xa fai anos que aprecio a compaña, o silencio, o ollar e a risa tamén...aqueles cordeiriños, sen querer, deixáronme un bo presente, tanto que loitei contra min por non saltar o valado (iso, e tamén freoume a presenza dos seus “pais” que por alí estaban).

Logo diso chegamos até a parroquia de Giesteira, e o meu experimentado compañeiro amosoume a súa capela, ben curiosa, e resgardada por un can destes que ladran moito e non fan nada. Ese foi o comezo do auténtico paraíso, chegou o ceo disfrazado de bosque... un lugar incríbel, árbores silenciosas que se mexen aló no alto, follas no camiño... e dinme conta de que comezou o outono, ¡por fin estaba pisando o outono! Por fin, ¡xa era hora! Carballos, castiñeiros, acevos, espiños...nunha paz, nun claro, non quería saír de alí. ¡E que non quería! Mais o tempo estaba na nosa contra porque a noite chegaba antes así que Anxo pasou o que quedaba da tarde “tirando” de min: veña Sonia, vamos... non há tempo, veña, camiña... estou en baixa forma, baixísima, pensei todo o tempo, teño que esforzarme, pero as pernas non respondían moi ben, aínda así, saímos dese territorio máxico para camiñar por unha pista un bo rato até pasear refuxiados de novo polas árbores: abetos cun bosque cheo, todos en liña, ordenadiños... e xa me explicou Anxo o porqué desa estraña orde, pouco habitual na paisaxe. Mais quen queira saber esta curiosidade, este segredo, que busque neste Blog o relato desta mesma ruta há uns meses, alí terá tódolos datos. Os abetos fanme lembrar a primeira vez que os ollei en Pirineos... todos nevados, mentres subía polas montañas, maxestosos, as ramas caídas polo peso da neve... pois os de Paredes de Coura son de certo igual de máxicos para camiñar entre eles, como fixen un bo rato esa tarde.

E así, subindo, subindo, chegamos ata o Miradouro de Corno do Bico, xa o ceo gris, mais cunhas vistas do val cos seus cultivos ben coidados, aló ó fronte as terras onde Anxo ten ancestros, unha bocanada de aire fresco para encher os pulmóns e retomar o camiño de retorno. ¡Qué sede! As veces penso que comecei a camiñar onte, porque saír sen auga aínda que sexa a pasear un rato é de pecadentos. Pois ben, pode ser que non sexa unha altura moi importante (883 m.) mais para min foi ben suficiente, co Val do río Coura abaixo, ¡qué paisaxe!  

Non me lembro se foi neste descenso onde Anxo quería atopar setas, mais o tempo era pouco e tivemos que baixar pola pista de pedras ben empinada e non polo bosque que alí o lado atopábase e que, o mellor, tiña esas ansiadas setas que había uns meses colleran os meus queridos compañeiros de andaina dos Eivadiños. Aínda me lembro do porqué de non ir aquel domingo con eles, e máis me lembro do meu arrepentimento por non acudir a cea que logo fixeron coa súa colleita.

Así, sen bastóns, baixamos pola montaña ata chegar á pista e retomar outro camiño que, pouco a pouco, foinos amosando de novo as casas, os cans, os frutais sen froita, os charcos que se empeñan en mollar os pes aínda que sexa no final do camiño... esa aventura tan recoñecida que sempre há que pasar cos Eivados, subindo por outros terreos alternativos para non rematar no barro... e chegar ó coche para estirar ar pernas pensando que fixen moito, cando non foi tanto, e recollerse cun galao que so os portugueses saben facer así e tomar un doce da terra veciña que buscaba dende que comezou toda esta historia.

E186 Trilho dos Combatentes da Travanca (Paredes de Coura)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 24 de outubro de 2010

Xa estabamos afeitos a unha primaveira perpetua, cando de súpeto presentouse o outono. O ceo cuberto por unha pátina cincenta, que ameazaba con guindarnos, cando menos, unha desas poallas persistentes que parece que non, pero mollan. En ausencia do sol tamén era previsible que as horas de luz minguaran, así que semellou que a proposta dos amigos do Casal de Sistelo, de coller un bocata en Puxeiros e saír sen máis demora para o monte, era a axeitada para esta xornada.


Aínda demoramos un chisco, o que lle custou á nosa capitana abrir unha porta que quedara coas chaves por dentro, co que demostrou que, ademais da súa inclinación a pechar bares, tamén ten outras habilidades agochadas. O resto da tropa, Alex, Xacobe e Miguel, xa nos agardaba en Amaquía, para o café matutino e aprovisionarnos con xeito.


Alí mesmo decidimos o noso rumbo e, coma as previsións meteorolóxicas daban algo de melloría cara o país veciño, pareceunos axeitado o noso destino primixenio: as terras do Coura. Partimos en dous vehículos, os señores Botas no seu carriño e o resto do continxente eivadiño na Vivaracha, que xa comeza a ser habitual nas nosas expedicións.


O trilho elixido, o dos Combatentes de Travanca, tiña unha especial significación, xa que foi aquí onde naceu, aínda que non exista constancia fotográfica ou documental, o xerme desta empresa sen ánimo de lucro na que invertemos os nosos domingos e feirados.


O nome da ruta fai referencia o acontecido o 10 de agosto de 1662, onde os habitantes do Coura, comandados por Antonio Pereira da Cunha, derrotaron ás tropas españolas, durante a guerra da Restauración. Neste concello, coñecido como “celeiro do Minho” pola súa grande producción de cereais, preparábase o abastecemento do exército e dalgunhas prazas da fronteira, polo que resultaba de gran importancia estratéxica.


De importancia vital é tamén para nós este concello miñoto, sementado das nosas pegadas e dos nosos sorrisos, a onde chegamos neste día enfundados en roupas máis ou menos hidrófugas. Porque tampouco aquí o tempo semellaba dar moita tregua, así que a nosa xente deu en estomballarse na porta da freguesía de Cunha e dar boa conta das provisión que cada quen trouxera.


Papamos os bocatas nun chío, encomendámonos a nosa señora das Abróteas, xa que estabamos ó carón da súa ermida, e dende alí comezamos a nosa ruta. Xa dende o principio constatamos que as marcas do sendeiro estaban esvaecidas, agochadas ou, simplemente, desapareceran, e alédome que, aínda que pasaran catro anos dende a derradeira volta, tiña ben fixado o camiño na memoria.


A pesares de que o terreo estaba algo enchoupado, con follasca e ourizos espallados por amplos tramos do camiño, avanzamos a bo paso, aínda que a sección fotográfica, coma sempre, ocupou a retagarda. Tanto é así que Alex e Miguel, que pronto nos colleron vantaxe, trabucáronse un par de veces no rumbo, xa que nos estiveron atentos ós desvíos, e houbo que chamalos a berros.


Yuka consultaba unha e outra vez o seu gps subindo polo Monte da Coroa, e rifaba con Ramón cando este lle insistía en que xa fixeran xuntos a ruta.


Unha néboa envolveunos para dificultar a laboura de atopar as marcas, é quizais estas condicións adversas tamén influíron en que o Xacobe non quixera quitar a súa cámara da funda, salvo en contadas ocasións, e nos privara da súa visión privilexiada. Para máis se lle complicou o choio cando comenzou a poallar e abriu o paraugas, facendo equilibrios subindo cara o Alto da Travanca.


Inzámonos ata o vértice xeodexico que marca os seus setecentos metros de altitude, e como a espesa néboa non nos deixa disfrutar das vistas ó vale do Coura, apresuramos o descenso. A chuvia aumentaba e tiñamos presa en abandonar esta zona inhóspita para refuxiarnos na ampla área forestal que medrou nos tempos do Estado Novo, onde conviven bosques de especies foráneas e autóctonas. Tuias, cedros, carballos, abetos, bidueiros, e unha variedade insólita de árbores que forman unha desas fragas con encanto, máis aínda na estación que agora comezamos.


Preto da casa forestal de Cerdeira eramos catro as cámaras que insistían en retratar o estanque, onde se mesturaba a follasca dos castiñeiros coa frouma dos piñeiros. Penso que ata o Alex tirou algún disparo co seu móbil de última xeración, e todos quedamos enfeitizados coa atmosfera, aínda que ben húmida, que se respiraba no lugar. Descendendo dende o Alto da Cortelha, onde os seguidores de Salazar crearon esta curiosidade botánica, asistimos ó espectáculo que a variedade de fungos e cogomelos que trouxeron as primeiras chuvias, e pouco a pouco recuperamos a fraga mixta dos inicios, ata desembocar no núcleo rural de Penim.


Despois dun pequeno tramo de asfalto chegamos á Capela de Santo Estevâo, onde non nos detemos porque, a pesares de que chove miudiño, non deixa de mollar. Dende a capela continuamos por un camiño que sae ás súas costas, para acadar o barrio de Codeçal, que nos recibiu cunha continuación dos campos de cultivo e de pasto, onde pacían alleas á nosa presenza varias vacas barrosás. Nunha destas leiras dimos en facer recolleita dos numerosos cogomelos que había espallados nela, unhas lepiotas grandes como pratos, sen medo a errar e rematar intoxicados, grazas aos coñecementos micolóxicos de Miguel.


Tras outro pequeno tramo de asfalto, no que asaltamos as ramas dunha maceira, internámonos por estreitas corredoiras en belas e frondosas fragas autóctonas, onde reina, con toda a súa maxestuosidade, o carballo. Aínda que as forzas da nosa pequena partida guerrilleira comezan a fraquear, non deixamos de marabillarnos pola beleza deste tramo, chamado Monte de Assureira, onde atopamos muíños agochados entre a maleza, restos de antigas calzadas de pedra, e levadas por onde aínda corre cantareira a auga. Ata Xacobe tivo que renderse ó feitizo do lugar e expoñer a súa cámara para tentar atrapar a esencia de un outono que aquí estaba no seu máximo esplendor.


Saíndo da fraga chegamos a Roriz, aldea da freguesía de Infesta, fixemos os derradeiros quilómetros polo monte da Assureira, enlazando fermosos sendeiros onde nos é de moita utilidade, como noutros puntos onde xurdiu a dubida ó longo da ruta, a Sra. Botas e o seu neno, levándonos sen erro posible ata as inmediacións da ermida de onde saímos. Aínda antes de chegar as nosas tropas tomaron ó asalto un campo que estaba preto de alí, pragado de lepiotas que nos deron para xustificar unha merendola en casa do Miguel.

Ala fomos, cando xa esmorecía o día, despois de nos mudar de roupa e de calzado. Miguel, Xacobe e máis eu puxémonos a preparar os cogomelos, con xamón e allo, como manda a tradición, e un arrociño con noces para acompañar. Alex recolleu a Begoña, que se sumou á paparota en última instancia, e xuntos puxeron mesa para sete... claro, o señor e a señora Botas tamén estaban invitados, e aínda recalaron en Paredes de Coura para traer uns boliños de pan e natas para a sobremesa.


Foi un deses días bonitos nos que disfrutamos do camiño, da comida e, máis que nada, da compañía.

E168 Trilho da Pía dos Quatro Abades (Paredes de Coura)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS


Oito amigos no camiño

Sol, 09-05-010.

Anxo sabe das miñas dificultades ultimamente para escribir sobre calquera cousa, é coma se de repente, as palabras desaparecesen dos meus rexistros máis socorridos, e estas se empeñasen en permanecer silenciosas, se negasen a saír tanto no oral coma na escrita. Estou afeita a ter unha vivencia no camiño e non acabo de chegar a casa e xa estou a escribir no pensamento a historia que pugna nerviosa por saír, coma se tivese moita presa por exteriorizar as impresións, mentres estas están frescas no sentir e na experiencia vivida, para que non se escape nada, ou polo menos, o mínimo. Pero desta vez tiveron que pasar exactamente 20 días para que lle cumprira ao meu amigo coa súa petición de plasmar os camiñares que tivemos ese domingo oito amigos, un domingo que se presentaba chuvioso, e milagrosamente, sen chuvia mentres facíamos o percorrido por Paredes de Coura, terriña de grandes rotas, e non falo da lonxitude precisamente. Así que tentarei acudir á memoria, esta memoria da que renego tantísimas veces, porque non me resulta fiable, porque a asocio a lembranzas que xa non existen, porque creo moito máis no mesmo intre en que se está a vivir, e nese intre, nese día, si que parece que agora volven as sensacións que me ocuparon, das conversas e dos silencios que mantiven, do que compartín cos meus amigos e do que estes me entregaron. Si, vai volvendo todo a este mesmo instante no que a lembranza transmútase en vivencia, outra vez.

Quedaramos no Concheiro. Esa mesma mañá chamei a Anxo para dicirlle que o recollía eu. Coma sempre con Eivadiños, non tiña nin idea de quen acudiría, e tampouco me importaba!!, sabía que estaría Anxo. Pero esa mesma mañá tamén chamaba Ramón para saber qué ía facer eu, e ante o comentario de que ía con Anxo, me dixo que el e Yuka tiñan pensado ir a Sistelo pero que en principio quedaban a xantar con nós no noso querido e saboroso Stop, o rei do arroz malandro. E non acababa de colga-lo teléfono cando tiña chamada de Xurxo, el e Maca tamén se apuntaban a un domingo de malandro e pateada. Eu tiña que volver a Vigo cedo e eles tamén, así que o plan lles pareceu bo: comida, pateada lixeira e regreso temperán á cidade.

Cando cheguei ao punto de encontro Anxo xa estaba a agardar. Uníanse Panete e Alex, e esta señorita sería a taxista, co meu coche pitando en cada curva por falta de aceite e chovendo a cántaros, se os meus amigos ían nerviosos co asunto, aí ninguén dixo nada, jajajaja...., eu lles dicía : confiade en min amiguiños!!, total!!, outro remedio mellor non tiñan, jejeje.....

Chegada ao Stop. Estaban coas carreiras de fórmula 1 e Yuka, Ramón e Panete andaron espelidos para coller posicións na mesa que lles permitira seguir a retransmisión, aos demais creo que nos interesaba máis a ración de arroz malandro que iamos papar en breve. Momento importante de negociación entre Anxo e Ramón en canto a destino de pateada, Anxo na liña Eivadiños, Ramón entusiasmado ese día con Sistelo. Os demais tiñamos claro ese día que sería na liña Eivadiños, e queríamos que Yuka e Ramón tamén se sumaran a esa opción. Yuka acabou gañando desta vez e acordamos ir todos facer o trilho Pía dos quatro Abades.

Rematada a delicia culinaria, especialmente rica ese día, non sei se porque había tempo que non a cataba ou se porque a cociñeira estaba inspirada, collemos rumbo ata a freguesía de Mozelos e ata a capela da Nosa Senhora da Pena, onde empezariamos a facer pasos e compartires conxuntos, nese momento aínda por vivir. Eu estaba silenciosa de máis tal vez, sen moitas ganas de exteriorizar elocuentemente, senón máis ben dende unha quietude interna tirando a melancólica, que non contiña tristura senón soamente quietude, ás veces se confunde, pero estaba recentemente regresada dunha experiencia de quince días moi intensa no recollemento interior e calquera ritmo me parecía excesivo, incluso esta pateada suave e que de todas todas se presentaba moi relaxada para todos. Foi empezar a patear e a chuvia que nos acompañaba cesou, agasallándonos cunha camiñada seca e amable. Diante, Panete, Alex e eu, máis atrás, Yuka, Ramón e Anxo; e máis atrás aínda, Maca e Xurxo, todos deixándose escoitar e axustándose ao ritmo que mellor lle sentaba a cada quen. Pero aínda así, aínda que non tiñamos un camiñar compacto, si que se sentía a unión dos oitos, a unidade do grupo.

Entre camiños bonitos e con vistas panorámicas da zona, chegamos a un alto cunha formación curiosa de penedos onde nos detivemos. Todos agás Yuka e máis eu foron exteriorizar o grito interior no medio deses penedos, testemuñas mudas e silenciosas da voz interna que se permite saír. Uns botaron berros que contiñan iras non exteriorizadas, outros ledicias do momento, outros un grito silenciado pola tarde. Eu......, ficaba sentada nun penedo no que me sentía a raíña do meu ser, tranquiliña e observadora das cores entre grises e verdes que natura me ofrecía, acompañando aos meus amigos na escoita dos seus explaiamentos, a miña necesidade era máis calada, solo era e estaba, nin tan sequera os pensamentos ousaban interromperme nesa tarde suave e tranquila. Yuka, detrás de min, fiel coidadora do GPS, alias "el niño", como cariñosamente lle chamamos.

E seguimos a camiñar con pasos doces nesa tarde de domingo, o ánimo xeral era de ritmos lentos e despreocupados, sen presa ningunha por chegar a ningunha parte máis que cando nos tocara chegar, sen horarios, sen obxectivos de marcas exactas, con fotos, con plasmares instantáneos de instantes que xa deixaban de ser pero que quedarían reflectidos en actitudes, rostros, paisaxes....., eternamente!!, atrapando un instante, unha vivencia, un sentimento, un respirar, unha loucura, unha cordura, un sorriso ou unha raxada de saudade.

Non levariamos unha hora de pateada e xa nos detivemos no primeiro bar que atopamos para tomarnos un cafeciño. Estaba visto que desta vez o que menos ía contar eran os pasos no camiño, que tamén!!, pero o que estaba a contar hoxe é que nos sentiamos todos moi ben xuntos, Anxo e Panete contándonos da aventura que viviron ambos facendo a mesma rota, perdidos, case de noite e non sabendo exactamente por onde andaban, falando dun cartel que anunciaba nunha festa do lugar a " señora peideira e family ", ou algo así!!...., sacando a miña gargallada e o meu humor para fora, por moi tranquiliña por dentro que estivera, fíxome rir este Anxo con tódalas ganas. Ou momento foto nese lavadoiro tan peculiar, con tantas divisións, na freguesía de Venade. Curiosa construción!!!. Momento de conversas agarimosas con Maca, tan namorada!!, ver a estes dous, tan namoradiños, con tantas demostracións de afecto, non sei se me dan envexa ou se me levantan bóchegas, aínda non acabei de decidir ou de identificar o sentimento que me inspiran, unhas veces os vexo tan melosos que me da arrepío, e outras se me quece o coraçao, agradecida de que polo menos, isto de estar namorado aínda existe, porque máis dunha vez teño pensado que iso de estar namorado e demostralo xa é algo que pertence ao mundo de utopía, así que creo que si, que é unha boa cousa e que haberá que agradecer poder contemplar a unha parelliña de ruliños facendo manitas e esas cousiñas tan afectuosas.

Camiñando camiñando, dimos cun cemiterio que non teño nin idea de onde queda colocado xeograficamente. Arrepío me deu entrar aí!!, de verdade!!, e iso que eu non son nada melindrosa para esas cousas do máis alá, e que incluso me gusta pasearme polos silencios especiais que emiten estes lugares, pero ese en concreto, tiña unha desas enerxías densas que fixeron que así cómo entrei, saín. Polo que parece non fun a única que tivo sentires enerxéticos aí, creo que Miguel e Alex tampouco ficaron moito aí dentro. Era macabro de máis, non sei, algo " raro ". Anxo no entanto, cómo Perico por su casa, oigaaa!!!, foto por aquí e por acolá. Quita, quita!!!!, e imos continuar no caminiño dos vivos e do máis acá, que a tarde estaba resultando bonitiña coma un sol, a pesares de que Lorenzo andaba ausente.

Chegados á altura dunha capela, que para non variar, non lembro como se chama, se me deu polo momento cabritiña, e fixen a rolda polo muro, facendo de equilibrista, cousa que me encanta e a que non renuncio por nada do mundo cando iso é o que o corpiño me di que faga, non importa que o muro non tivese máis dun metro de altura, a min se me antolla que estou no alto dun precipicio, que o muro é unha corda e que eu estou a pasar dun extremo ao outro, toda a miña concentración neses pasos, se me distraio podo caer ao abismo!!...., encántame!!!. Se non podemos ser coma nenos en plena natureza, onde imos selo entón!!!.

Atravesando fincas, todos demos mostras de pasar e ser os reis do mundo, escalando muros. Pero quedamos coma simples aprendices de camiñantes cando detrás de nós viña unha muller, xa entrada en anos, que saltou o muro coma quen pasa por enriba dunha pedra pequena, e seguiu o seu camiño coma se nada, deixando a nosa odisea niso, en nada!!. Lección sobre a relatividade das cousas!!. Outro momentiño fotos, posando e todo, e sorrindo!!, non hai nada como pasar unha tarde cos amiguiños, así, como estaba a ser esta tarde fermosa, co ceo protexéndonos da chuvia, coma dicíndonos : ala neniños!!, disfrutade e compartide bos momentiños, que xa están no voso haber, e coma sodes moi boiños e o estades a facer ben, eu deixo esta parte do mundo sen chuvia mentres na cidade está caendo unha de coidado para os urbanitas e os que optan pola sesión sofá.

Chegada a Porreiras e a esa fantástica Eira Comunitaria, cunha enerxía tan presente de antigos movementos aínda roldando no ambiente. Fotos, fotos, fotos......, cans ladrando, e os oito amiguiños deixándose sentir. Cando volva por aí, sei que vou seguir sentindo exactamente o mesmiño, xa debe ser a terceira ou cuarta vez que deixo a miña esencia no lugar e non me cansaría de volver contemplar eses hórreos e a mesturar as distintas vivencias e impresións do lugar, con esta xentiña e con outra que hoxe non estaba aí pero que si estaba realmente, no meu sentir, no meu corazón, nas miñas captacións antigas e presentes.

Seguimos non sen antes Anxo volver a inmortalizar, unha vez máis, un buzón super mega orixinal que solo os portugueses poden idear dese xeito sen que quede absurdo, senón polo contrario, queda instalado de forma tan natural e bonitiña, que o meu amigo é incapaz de resistirse a volver a fotografalo. Nos quedaba un derradeiro tramo, bonito e agarimoso, entre arboredo frondoso que nos ía levando pouco a pouco monte arriba, entre pinos e eucaliptos, ata chegar ao remate da nosa pateada e aos coches.

Coma se ese fose o noso tempo concedido, nada máis chegar, despois dos estiramentos, do momento despedida e de meternos cada quen nos coches para regresar á city, o ceo dixo : ata aquí!!!, e empezou a chover coma se lle debésemos cartos ou algo así, e sen presa pero sen pausa alá nos viñemos, co meu coche pita que te pita facendo o seu reclamo de alimento oleoso e a miña promesa interna de que aguantara, que lle ía cumprir coa petición.

E unha vez máis....., colorín colorado, a nosa andaina tivo o seu tempo rematado.

Este tipo de nutricións, non solo abarcan un mantemento físico, aquí nos nutrimos de máis, de moito máis. Cómo non ía ser así??. Os Eivadiños, grupo noctámbulo e camiñantes da noite, que madrugan un domingo e outro, e outro máis..... Os amiguiños de Sudando Botas, que deixan unha das súas paixóns, Sistelo, por compartir pasos lenes e relaxados, os namorados, que sen necesidade de alguén alleo ao seu sentir optan por ofrecelo ao mundo. Eu, cos meus silencios calados de máis neste día, namorada perenne dos camiños, porque estes nunca me pediron nada máis que a capacidade para saber aprecialos, namorada dos meus amigos, porque cada un deles nunca me pediu nada que eles mesmos non foran quen de dar.

Seguridade dunha cousa : seguiremos xuntándonos neses camiñares conxuntos, de milésimas de pequenas nutricións que nos fan apreciar os sentidos axeitados desta gran escola que é a andaina pola vida, pola vida que ten sentido e fundamento, a base sólida que solo poden ter as grandes construcións, as que perduran. Polo menos o tempo que nós decidamos que así sexa.

Salo.

E158 Trilho de Lages Altas (Paredes de Coura)




Domingo, 17 de xaneiro de 2010

Descripción do percurso e mapa

As veces semella que se esgotan os camiños, que este anaquiño do mundo onde os Eivadiños insistimos en sementar pegadas e palabras quédanos pequeno, máis non é outra cousa que unha escusa trapalleira para agochar a miña falta de previsión, a miña deixadez, incluso a miña falta de entusiasmo, para seguir tirando deste proxecto despois de máis dun centenar e medio de convocatorias. Por iso collo, unha vez máis, o camiño máis fácil, o de repetir as rutas que xa teño rexistradas na miña memoria, consolándome co feito de que as estacións mudan e mesmo os compañeiros adoitan a non ser os mesmos.

Nesta ocasión foron tres, Alex, Georgia e Xacobe, algo máis que amigos, dos bos e xenerosos, os que cruzaron a fronteira comigo para insistir nos encantos das terras courenses. Xantamos, como manda a tradición, no Stop, unhas boas racións de arroz malandro con panados que non fomos quen de rematar, pese ó empeño que o noso Cachorro puxo nelo, e quizais porque o de Sabarís non tiña do todo ben o estómago e só tomou unha sopiña de legumes. E unha vez comidos e bebidos descontamos a distancia que nos separaba da igrexa da Nossa Senhora de Irijó, na freguesía de Formariz, punto de partida da nosa ruta.

Tres son os protagonistas que nos acompañan dende a carballeira onde estacionamos o noso vehículo: o couselo e o brión cubrindo árbores e pedras, e a follasca alfombrando o chan húmido, fertilizando esa terra enchoupada onde insistimos en imprimir as nosas pegadas. Internámonos no monte da Costaleira, onde os carballos combaten o territorio ós eucaliptos en loita desigual, e o Cachorro, home observador e con boa memoria, lémbrase que fixo xa un anaco deste sendeiro fai un tempo. Efectivamente, xa que o trilho das garças ten algún quilómetro común.

No lugar de Maladas camiñamos a carón dunha sucesión de campos verdescentes, mentres había quen se queixaba do ritmo eivadiño, quizais porque non daba feito a dixestión da malandrina, e non tardamos en acadar a estrada que vai cara o núcleo urbano de Paredes de Coura, e por ela cruzamos o Ribeiro das Poldras na Ponte da Rabuda. Uns metros máis adiante volvíamos a internarnos no monte da Assureira, onde carballos, castiñeiras e mesmo algunha sobreira illada transformaba a paisaxe en feitizo e amabilizaba as nosas verbas.

Este é, sen dubida, o traxecto máis agradable de todo o trilho, un camiño carreteiro onde os protagonistas do inicio: couselo, brión e follasca, debuxan unha desas fragas nas que é posible crer nos contos da nosa infancia, como aqueles que o meu bisavó Henrique nos contaba sentado na banca do canastro. Georgina mostraba as súas dotes montañeiras na vangarda, motivada pola adquisición do seu novo equipamento, que mercara nas rebaixas dun gran supermercado deportivo, e Xacobe tentaba atrapar anacos de maxia nas beiras de congostras e carreiros.

Pero, sen dubida, o mellor estaba por chegar. E foi cando albiscamos o Ribeiro das Poldras, no lugar coñecido como Lajes d’Água d’Alto. Aquí o ribeiro, especialmente en época de chuvias, precipitase nun profundo pozo, formando unha espectacular cascada por entre a abrupta penedía. Xa entre a espesura da fraga podemos fitar os preto de cincuenta metros de caída dun caudal inxente de auga, tanta que me fai tremer coa posibilidade de que non poidamos vadear o río polo paso de poldras.

Confirmando os meus temores, o paso atopase mergullado, e non hai máis posibilidades que atreverse a facer equilibrios sobre as pedras e desafiar a forte corrente, ou desfacer o camiño. Como estamos afeitos a este tipo de continxencias, non dubidamos (aínda que Xacobe manifeste as súas dúbidas ó éxito da nosa empresa) en descalzarnos, arremangar os pantalóns (ou quitalos como fixo o Cachorro), e probar as xélidas caricias do ribeiro. Mal que ben logramos chegar á outra beira sen máis contratempos que o susto que levou o Xacobe cando perdeu pé e a piques estivo de facer barranquismo.

Unha vez a salvo aínda descendemos ó carón da fervenza, sentindo a impresionante forza das augas batendo contra as rochas nunha espectacular caída. Confirmábase así a miña teoría de que os sendeiros tamén mudan, xa que esta era a terceira visita ás Lages Altas, máis a primeira na que as atopaba en todo o seu esplendor. Os meus acompañantes, para quen era novidade este lugar, quedaron tamén marabillados, e un chisco mollados co orballo horizontal que emanaba o Ribeiro das Poldras.

Reiniciamos a marcha, e advertinlles ós meus amigos que a partires de aquí tiñamos que afrontar un forte ascenso, o que espertou unha restra de protestas. Aínda así o Alex marcou o “ritmo eivadiño” subindo monte arriba, e todos seguimos tralo seu rastro. Por fortuna ó remarcar o trilho a alguén, con moi criterio, decidiu amabilizar este tramo e conducirnos cara unha levada por onde fixemos un tramo fermoso, tanto que me despistei e rematei cun pe metido de cheo na auga. Dende aquí saímos a outra subida, xa máis curtiña e coas forzas renovadas despois do tramo horizontal, que nos levou directamente a igrexa de Irijó, onde tiñamos estacionado o coche.

Non deu para máis a xornada, nin para menos, e cumprimos os obxectivos, aínda que modestos, da convocatoria eivadiña.


E147 Trilho Châ da Burra (Paredes de Coura)


Domingo, 1 de novembro de 2009

Pasados tres anos dende o comenzo desta aventura que se deu en chamar Eivadiños, sego preguntándome polo seu sentido, porqué tentar converter parte do meu imaxinario particular en colectivo, porqué insistir en erguerme o único día da semana que non estou obrigado, para espallar as miñas pegadas por un feixe de carreiros enlamados, subindo outeiros onde o vento alenta ás fantasmas, baixando vales que serven de acubillo ás lembranzas.

Segue sendo unha ferramenta útil para satisfacer a miña vaidade, máis penso que fracasei na tentativa de crear a ilusión no cardume de seres queridos que me acompañaron nos meus andares e sentires. Invádeme a certeza de que esta é unha practica onanista, e de que ademais fago publicidade das miñas pallas mentais, e dáme a tentación de botalo peche por defunción e dedicarme a outra cousa.

Pero o carallo é que aínda non atopei mellor alternativa para encher os meus domingos de contido, que botarme a mochila ás costas e volver sementar as miñas pegadas en canicouvas, congostras e corredoiras, aínda que sexa baixo a chuvia e máis so que un can de palleiro, coma hoxe.

E coma un can famento chego a Paredes de Coura, a miña terra prometida, baixo unha cortiña de auga que, aínda así, non lle resta beleza á vila miñota. Ignoro o letreiro pendurado na porta da Albergueria, onde prohiben a entrada ós da miña especie, e fágome entender, ouveando, para que me traian un caldiño e unha truta o jeito do Coura. Non entenderon porque saltáronse o primeiro, e tiven que conformarme co peixe, que viña moi ben acompañado.

Segue chovendo nas rúas, pero esta inclemencia atmosférica, lonxe de desanimarme, empúxame a buscar o punto de partida. Para elo volvo pola estrada que vai cara San Bento da Porta Aberta e, para non perder tempo, busco no mapa o lugar máis próximo onde o sendeiro a cruza, no núcleo rural de Entre o Eido. Aínda que teño que dar un bo rodeo xa que no cruzamento do Coura a estrada está bloqueada por un accidente, e seguir pola beira esquerda, a montante, ata dar coa Ponte Nova, baixo a cal ruxe un torrente de chocolate.

Deixo o coche a carón dun lavadoiro no lugar escollido, e póñome a camiñar en dirección contraria á indicada, un pouco por levar a contraria ou pola atracción magnética que ten o río sobre mín. Chove miudiño, pero sen pausa, e lémbrome do Zalo, que gusta moito destas andainas pasadas por auga.

A paisaxe vai mudando nada máis darlle as costas ó pobo, e despois de cruzar unha pequena carballeira comezo a baixar entre eucaliptos e piñeiros. Cando a proporción e favorable ós segundos tamén comezo a atopar unha grande variedade do cogomelos e fungos.

Por un camiño cada vez máis enchoupado vou achegándome ó Coura por unha pista que vai paralela a súa conca, escoito os seus feros ruxidos, máis non logro chegar as súas beiras, e pouco a pouco volvo afastarme del. Teño que anotar, antes de esquecerme, que en ningún momento teño posibilidade de errar no camiño, xa que o trilho atopase remarcado, penso que recentemente, e os sinais están ben visibles.

Cando remata a pista, sen que a choiva me de unha tregua, chego as primeiras casas de Arestim, e podo retratar espigueiros inchados de millo, campos verdescentes e vides douradas, casas solarengas vernizadas polas edras e nin un so seareiro asomando as fiestras curioso. Nin tan sequera sae un can a saudar o seu igual.

Con estas chego ó comezo do trilho, situado ó carón da capela da Quinta da Cruz, unha construción senlleira máis fermosa, e fronte a ela un campo no que me chaman poderosamente a atención un feixe de lepiotas, grandes como mundos. Podería collelas a mancheas, pero non levo nin unha bolsiña e ademais penso que as estragaría no traxecto, así que conténtome con fotografalas. Tamén lle fago unha sesión a un espantallo inzado no medio dun campo de millo, que garda un certo parecido con este que subscribe.

Entre campos dun verdor obsceno, recortados por salgueiros e por viñedos, abandono o lugar por unha estrada estreita, onde esperto a curiosidade dos escasos seareiros cos que me cruzo, eles motorizados e secos, eu a pé e mollado, e por onde enlazo cun tramo da Vía Antonina, unha calzada romana que está recuperada e convintemente sinalizada. Este tramo tamén coincide con outro trilho, o dos Miliarios, polo que pasamos non fai moito, e ademais por aquí tamén pasa o camiño portugués a Santiago.

Por esta vía milenaria, seguindo as pegadas de invasores e peregrinos, e cruzando a Chá das Fijoerias, chego o pobo de Pecene, na freguesía de Cossourado, e onde o máis salientable é a ermida da Nossa Senhora do Alivio. Xa estou ata o carallo da chuvia, que non cae a caldeiros pero que molla igual, e non me deteño nin tan sequera a disparar un par de fotos, porque aínda me resta camiño e xa vou algo canso.

Cruzo a estrada, xa preto de San Bento, e subo polo lugar do Descampado, certamente o máis desarborado de todo o traxecto, onde o vento e a chuvia arrean con máis forza. Apuro o paso e imprimo o ritmo eivadiño para sortear o desnivel, e non tardo en recortar a distancia que me separa da aldea serrana de Linhares de Cima.

Atraveso o pobo por un pequeno tramo asfaltado, onde o máis salientable, ademais dos campos salpicados por unha cantidade importante de lepiotas, son os restos dun forno comunal que se atopa na mesma beira do camiño.

Un chisco máis adiante hai unha congostra pola que me obrigan a internarme as marcas do trilho, a pesares de que se atopa bastante pechado pola vexetación. Aínda así chego sen demasiados contratempos o lugar onde, seméllame fai un século, morreu e resucitou a única, ata o de agora, cadela eivadiña, de nome Tea, que tivo a mala sorte de acompañarnos.

Chego con esas lembranzas o lugar da Madorra, un feixe de casoupas nas que sigo sen albiscar un alma, e antóllame ser eu unha alma en pena, vagando por estes camiños desertos baixo sen máis compaña que a chuvia, que xa está a calarme os osos. E sigo descendendo atrapando, de cando en vez, algunha castaña, pequena pero saborosa, para ter entretidos os dentes, a falta de mellor cousa.

Cruzando de novo a estrada atópome un cabazo baleiro con fendeduras a xeito de ollos e boca, e dentro del os restos dunha vela. Imaxino que os seareiros que a viron onte, na noite de defuntos, aínda levaron un bo susto, a pesares de saber da tradición do samaín (que non sei como se chama en Portugal). Unha vez ó carón do meu coche, completado o sendeiro, no que invertín pouco máis de tres horas, múdome no lavadoiro, xa que teño mollados ata os calzóns.

E ata aquí podo contar, porque non pasou máis nada...


E146 Trilho da Boulhosa (Paredes de Coura)



Domingo, 18 de outubro de 2009

A miña xeografía, este proxecto de home que son, este conxunto de osos, carnes e sentires, contedor de lembranzas e de nostalxias, é un mapa feito de lugares e de xentes, eles me conforman, son a miña topografía, o meu imaxinario particular, e dan senso a esto que son, nun inventario de sentimentos que teñen voces propias. Algunhas destas voces repítense como un eco agarimoso, e fanme sentir terra, auga e vento, pois son as que combaten as pantasmas que tentan infectar os meus soños. Son, por tanto, material co que fabrico os meus soños e grazas a eles son eu, e no outro.

Miguel e Paredes de Coura, dúas voces poderosas que me afastan dos naufraxios, refuxios nos que medran os sorrisos e onde as feridas teñen vocación de cicatrices. Home e Terra que dan senso as maiúsculas, e que con só nomealos acoden a min para esvaecer as tebras e iluminar os meus días. Son parte de min, e eu son parte deles. E tamén conforman a espiña dorsal desta teima que dimos en chamar Eivadiños, xa que sen Paredes de Coura e sen Miguel sería outra cousa, ou non sería.

Por eso neste día no que a primavera segue empeñada en suplantar ó outono, insisto en ambos, e un lévame ó encontro do outro. Como atopamos pechado o comedeiro de San Pedro da Torre imos alá sen escalas, pois no centro de Paredes tamén hai lugares axeitados para encher os nosos estómagos con algo máis consistente que as palabras. Tamén pechou o Conselleiro, e o Miquelina está petado, así que temos que buscar unha alternativa e, xa sabemos, o que busca sempre atopa. Solucionamos mandándolle un arroz de marisco na Albergaría.

Satisfeitos e co depósito cheo, damos unhas voltas polo pobo ata que atopamos a dirección correcta que, despois dun feixe de curvas perigosas, lévanos a freguesía de Insalde. O Miguel non se lembra de que fai algo máis de dous anos xa estivemos aquí, e teño que refrescarlle a memoria. Porque temos unha memoria colectiva, un feixe de días, de lugares e de xentes compartidos. E a poucos comenza a lembrar. As campás da igrexa de Santa Marta repenican: son as tres e media da tarde.

Cruzamos un pequeno núcleo rural que, curiosamente, chamase Cidade, deixando tras nosa un regueiro de miradas curiosas: boa tarde, boa tarde... e tan boa que nos primeiros metros xa temos que alixeirarnos de roupa. Hoxe vimos de uniforme, forro e camiseta negra, idénticas, de lonxe parecemos un equipo nunha competición de marchas de orientación (ás que me quere arrastrar o colega).

Falta nos fará a orientación e a memoria, pois xa dende o comezo decatámonos de que as marcas están bastante desgastadas ou agochadas entre a vexetación. Menos mal que entre os dous aínda apañamos bastante ben.

As lembranzas son o noso motor e marcan o noso rumbo, xa que cando deixamos atrás o pobo, cruzando unha pequena estrada, o Miguel comeza a monta-las pezas difusas do mapa da memoria, e axudado polo que levamos agochado no peto indica con firmeza unha costa pedregosa que se inicia á nosa dereita, preto dunha nova construcción que semella un deposito de auga.

Imprimimos o xa clásico ritmo eivadiño, dubidando o xusto nos cruces de camiños que non están indicados, e o noso olfacto de cans lévanos sempre na boa dirección, ascendendo máis de douscentos metros de altitude, pola Serra da Boulhosa, entre toxos, xestas e carrascos, ata unha extensa chaira onde pacen non menos de medio centenar de vacas de grandes cornamentas acompañadas por un numero semellante de tenreiros. Cousa grandiosa este espectáculo, rodeados por un exército bovino que bota as carreiras en canto nos acercamos.

Ten algo de máxico esta paraxe e leo na nosa guía que “esta serra garda nas súas entrañas vestixios dunha antiga necrópole megalítica, cuios dolmens e antas foron destruídos pola incontrolable avidez dos ciprianistas, na súa búsquea de ouro, e que foron responsables da destrucción de gran parte do patrimonio arqueolóxico do concello”.

Rematado o ascenso, rodeamos os pastizais por un amplo camiño franqueado por faias de troncos prateados e follas douradas, ata chegar ás ruínas do que foi a Cooperativa agrícola da Boulhosa, onde se producía a apreciada pataca coñecida polo nome da propia serra. Xa non hai outra actividade nesta extensa zona que a gandeira, e non vemos máis xente que un feixe de cazadores bebendo cervexa e pegando tiros ó ar.

¡Apura o paso, colega!, dinme o Miguel cando circunvalamos os terreos da cooperativa pola estrada que ven de Insalde, ¡Non vaia ser que nos confundan con coellos!. O certo e que as detonacións que semellan lóstregos non son para tranquilizarnos, e máis cando estamos a piques de internarnos na espesura da fraga.

O de atopa-lo camiño da carballeira tamén é cousa de escarvar na memoria, porque as marcas fai tempo que desapareceron entre a vexetación e non atopamos ningunha ata que estamos xa ben metidos no bosque, coa herba chegándonos ós xeonllos e intuíndo un camiño que xa non era. O compensa a beleza sempre agarimosa deste tipo de lugares que, por moito que insistas neles, sempre te cargan dunha enerxía especial.

O traxecto da fraga semellásenos curto, porque unha vez que confirmamos a dirección grazas a algúns sinais que aínda resisten o paso do tempo, collemos unha canicouva ben definida que, a poucos, lévanos cara o Souto da Torre. O inicio deste lugar está indicado cun peto de alminhas onde comeza un camiño carreteiro que volve ascender levemente.

Na outra ocasión que pasamos por aquí, lémbrome, collemos á esquerda e perdémonos no pobo, e rematamos o recorrido pola estrada. Desta vez non ía ser así, e entramos no núcleo rural pola parte máis alta, e como recompensa polo noso acerto, preto dun campo con media ducia de medas, atopamos un feixe de maceiras e pereiras cos derradeiros froitos pendurados das súas polas.

Colléronme coas mans na masa, xa que mentres estaba a baleirar ás arbores apareceron as donas a facer o propio. Apañei o que puiden e fuxín coma un covarde, aínda que as mulleres non fixeron aceno de se me enfrontar, agás un comentario con sorna sobre se estaban boas as mazás. O certo é que a xente do Coura é ben amigable, como o demostrou unha velliña na ermida da nosa senhora da Concepciâo, que colleu a Miguel da man e quería levalo para casa ¡non sabía nada a vella, seguro que tiña algunha neta en idade de merecer!.

O Miguel ficou comigo, que seica é desconfiado cas intencións das mulleres, e xuntos fixemos os últimos metros ata a igrexa de Insalde, onde estaba o noso vehículo. Coincidimos en afirmar que fora unha camiñata perfecta, cunhas condición atmosféricas idóneas, un desnivel axeitado e un recorrido bonito, so lle restaba un algo máis de distancia, xa que os dez quilómetros quedáronnos algo curtos, xa que en tres horas e media fomos quen de completalos.

E136 Trilho dos Miliarios (Paredes de Coura)



Se respiraba unha atmosfera de Apocalipses, e non precisabamos das previsións meteorolóxicas para aventurar que o Lourenzo pegaría duro co seu lostrego de lume durante toda a xornada. A pesares diso, e porque os eivadiños fai tempo que deixamos de ser helitrópicos, saímos do lugar e na hora habitual, outra vez cara as terras do Coura. Non estabamos todos, pero agás os presos xuntámonos a división de honra: Zalo, Miguel, Georgia, Xacobe e Anxo.

Fixemos unha parada obrigada para recuncar na poción máxica: a malandrina. Aínda que tamén houbo quen viña sobrado de forzas, despois de batallar nos montes de Caminha e Cortegada, e conformouse cunha pescada e só dúas culleradiñas de arroz, as imprescindibles para cicatrizar as rabuñadas que toxos e silveiras lle deran nas pernas.

Despois de barallar entre as rutas posibles da rede pedestre de Paredes dimos en escoller a dos Miliarios, xa que nun día en que a canícula apertaba de tal xeito era obrigado escaso desnivel, sombra abundante e posibilidade de mergullo. De todo esto tivemos, e algunha sorpresa máis.

Saímos pois da Igrexa de Cossourado, deixando para o final o ascenso a Cividade, un castro da idade de ferro que se inza sobre un outeiro desarborado, xa que a hora do comezo, en torno ás tres da tarde, non era o máis axeitado para a visita arqueolóxica. E atravesamos o Monte da Sé por unha pista forestal poboada de toxos, carqueixas e piñeiros aínda miúdos, onde aínda tivemos sorte de que soprara unha lixeira brisa.

Entre suores e conversas chegamos ó lugar de Antas, na freguesía de Rubiâes, que atravesamos seguindo unha estrada alcatreada para chegar a Igrexa de San Bartolameu, onde se atopan media ducia dos miliarios que dan nome ó sendeiro (de feito dous deles sosteñen o adro do templo). Estes cilindros de pedra indican as millas romanas da vía militar XIX, do itinerario de Antonino, que agora se atopa parcialmente recuperada.

Para nos recuperar, tiñamos un chiringo alí mesmo, e tomamos cervexas e refrescos convidados polo Zalo, que é dos bos e xenerosos, e non tiña ningunha presa en rematar. Mentres o resto se debatía nas convocatorias nocturnas: Xacobe propuña ir a Melgaço para o concerto de Mariza; Miguel a Valença para o do vocalista de Supertramp; e Georgia quería volver a Vigo para o Revoltallo. O Anxo esperaba un acordo global, aínda que non era el o que ía decidir ó final.

Con forzas renovadas, e despois de visitar un pazo en ruínas que se atopa fronte a ermida, baixamos cara o río Coura, coa esperanza de atopar un lugar axeitado para nos mergullar, pero o que atopamos e o sendeiro que discorre pola ribeira ben pechado de fentos, silveiras e herbas ben medradas, que fan que o Zalo abra camiño a hostia limpa, mentres Georgia fai esforzos por non arrebolar.

Os máis pediamos a berros un baño, pero o noso guía atravesou o Ponte dos Caniços asegurándonos que máis adiante teríamos mellor oportunidade, e algo máis aloxada da estrada, que recorremos durante uns metros para internarnos nun monte de piñeiros, preto dunha levada que segue a montante do Coura, onde finalmente atopamos un anaquiño do paraíso.

E como no paraíso dimos en espirnos nun pequeno areal, e mergullarnos nas augas frescas e limpas, certificadas polo voo rasante dun feixe de cabaliños do demo. Marabillado con este espectáculo houbo quen ortigou o cu, mentres o Xacobe tentaba por retratar os coleópteros.

Antes de abandonar o Coura, e xa outra vez no camiño, tivemos que sortear un ribeiro por unha rudimentaria pontella de madeira, que fixo tremer a máis de un, pensando no fácil que era esvarar e caer na auga. Máis que pola caída pola cara coa que ía saír na foto. Por fortuna non caeu ninguén.

Volvemos a internarnos no bosque de piñeiros, afastándonos do río, e comezaron outra vez os suores conforme ascendíamos cara o núcleo rural de Cascos. Accedemos a este por un camiño carreteiro que na entrada estaba emparrado, levantando un balbordo de cans, inquedos pola presencia de estraños na aldea. Un feixe de casas solarengas espertou a nosa admiración, xa que algunhas delas están fermosamente rehabilitadas.

Unha vez que atravesamos o lugar collemos un aire no sendeiro, para visitar a Igrexa románica de Rubiâes, onde tomamos un respiro, algún como Miguel deitado na herba do seu camposanto, sinxelo e fermoso. Tamén alí se atopa un miliario curioso, xa que a parte posterior está oca, aproveitada como tumba antropomórfica.

Desfacemos parte do camiño para enlazar outra vez co noso círculo, e a poucos chegamos ó lugar de Crasto, onde atopamos o derradeiro dos miliarios, enfrontado a unha ermida comida polas edras. Tamén comemos nós das maceiras e pereiras que nos saen ó camiño, engadindo máis reservas de azucre ás que xa temos inxerido de moras e frambuesas, mentres íamos o encontro, unha vez más, do río Coura. Aínda atopamos outro lugar idóneo para nos mergullar, e non dubidamos en espirnos para a chapuzada, a pesares da proximidade das casas.

Pasamos a outra beira polo Ponte da Peorada, por onde enlazamos co camiño portugués a Compostela, e un pouco máis adiante, preto da Ponte Nova, decidimos facer unha parada nun bar tenda, sito no lugar de Châo, para nos refrescar. Todos pedimos xeados menos o Zalo, que quixo un fino e quedou ca gorxa seca, xa que a vella que atendía o colmado estaba desbordada polo público, e mesmo tivemos problemas para que nos fixera a conta, menos mal que aquí Georgia estivo campiona e adiantou a suma, aínda que tivo que agardar o tempo regulamentario.

Partimos ó ultimo tramo, que discorría seguindo o camiño xacobeo ou a vía antonina, ou as dúas a vez, por un bosque de ribeira polo que reanudamos a polémica sobre os concertos da noite, sen chegar a ningún acordo posible.

O acordo chegou de maneira accidental, xa que no noso camiño se cruzou unha finca chea de frutais, no que destacaba un pexegueiro cargadiño que chamaba por nos, e dimos en mandar os máis destemidos, o Zalo e o Xacobe, para alixeirar o peso da árbore. Allanaron a propiedade, a modiño por se espertaban a algún can fero, e cando estaban na faena o Petete pisou mal e caeu malamente dun socalco, de tal xeito que se mancou nunha perna.

Quedou o ferido en compaña de Georgia, e o resto subimos a trote cochinero cara a igrexa de Cossourado, que acadamos en menos de vinte minutos. Así que, unha vez recollidos o eivado e a enfermeira, convimos en volver a Vigo para cear e evaluar o estado do primeiro.

No Eido Vello mandámoslle empanada, calamares, tortilla e ás de polo, e polo menos comprobamos que o Xacobe non perdera o apetito, así que non era cousa de urxencias. Non houbo máis que agardar os diagnósticos, que o final non foron preocupantes, e agardar que o noso Eivadiño (agora con maiúsculas) se recupere para nos acompañar nos camiños.

E111 Trilho dos Miliarios (Paredes de Coura)





Descripción do percurso e mapa

Domingo, 26 de marzo de 2009

A pesares de tódolos síntomas engadidos na celebración da Reconquista, son quen de erguerme dos meus soños e de sorrir ás paredes ateigadas de libros que acariñei como se estiveran vivos, e as fotografías daqueles que me quixeron ou que aínda me queren, cobertura emocional que vai mudando fronteiras como un mapa africano no século pasado. Xa sei que non me van recibir multitudes, xa cubrín as miñas reservas de vanidade na véspera, pero o meu corpo demanda espallarse polos camiños, sentir os beizos do sol e do vento na cara, sementar outro feixe de pegadas co impulso aínda fértil das miñas pernas.

Alédome de non estar só nesta nova aventura, e de que Flores sorteara tamén as gadoupas do sono e engadira o seus síndromes ós meus, damnificada tamén polos excesos da loita contra os franceses, porque verbas e sorrisos fan sempre máis amable o camiño.

E para que se esvaezan aínda máis ese inventario de dores que sumei na miña efémera alcaldía, teño un encontro na ponte internacional que semellaba una cita clandestina, pero máis emocionante que nas películas de espías. O mesmísimo Sr. Kai, saído dende a noite dos tempos, cargado cun feixe de lembranzas agarimosas.

Non viña camiñar, nin tan sequera a xantar, pero tomou unha cervexa mentres Flores e eu repuñamos as nosas reservas de malandrina, e volvemos tender pontes sobre os cimentos fortes daquelas conversas cinéfilas e políticas, das tardes de escalada e de praia, de tódalas xornadas que compartimos entre libros e troulas. Magoa que desta tampouco puidera vir con nós a descubrir os encantos das terras do Coura, pero deseguro que máis pronto que tarde terá o seu bautizo eivadiño.

Non tardamos moito en chegar o noso destino, a igreja de Cossourado, e despois dun breve recorrido polo cemiterio adxacente, panteóns con cadaleitos á vista e anxos pétreos competindo con virxes con bágoas de mármore, mentres nós facemos un balance da crise económica que nos colle máis de preto: a nosa. Así, co peto baleiro de cartos e cheo de ganas, subimos a costa que nos leva ó Forte da Cidade, magnifica atalaia sobre os que vemos irmandadas as terras da Galiza e de Portugal.

Alí, estratexicamente instalada entre as bacías hidrográficas dos ríos Coura e Miño, atópase a Cividade de Cossourado, un castro construído na idade de ferro, e dominado por un forte sistema defensivo, ata tres murallas que circundan e protexen toda a área habitacional. Os traballos arqueolóxicos, iniciados nos anos noventa, revelaron a existencia de un amplo núcleo de poboación, constituído por vivendas, almacéns, talleres e cortes, o que denota unha economía baseada na agricultura e no pastoreo, xunto con outras actividades artesáns. A pesares da súa monumentalidade o poboado foi ocupado durante un período relativamente curto, entre os séculos V a II a.C., e polo tanto é anterior ó proceso de romanización.

Volvendo sobre os nosos pasos cara a igrexa, e moi preto dela, collemos unha pista forestal á dereita, atravesando o Monte da Sé, onde os toxos inundan coa súa flor amarela toda a paisaxe, creando un tapiz dunha estraña beleza, na que serve de contraste o manto estendido polo polen polos camiños. O devagar ten algo de monótono, e dámonos á conversa enlazando uns temas con outros, facendo unha nómina de adicións, dende as máis perigosas ás máis inocentes, xa que ámbolos dous sumamos unha boa colección de intanxibles, como diría unha boa amiga.

O tempo é desacougante, xa que as nubes andan a loitar cun sol máis que primaveral, e cubrímonos ou espímonos cada pouco, mentres imos acercándonos ó lugar de Antas, na freguesía de Rubiâes, onde o amarelo transmútase no verde rabioso dos campos de pastoreo, onde as vacas barrosâs pacen alleas á nosa incursión. Tampouco vemos moita presencia humana no núcleo rural, a pesares de que hai un feixe de casas que semellan habitadas, nin tan sequera ó chegar á igreja de San Bartolomeu, unha pequena ermida que ten o seu adro apoiado en dous miliarios.

Por se tendes curiosidade, estes forman parte dun conxunto de seis cilindros de pedra que indicaban as millas romanas da vía militar XIX, do itinerario de Antonino. O primeiro dos marcos, soporte do alpendre da capela, data do ano 97 d.C. e esta dedicado a Nerva; o segundo, tamén integrado no alpendre, é do ano 353 d.C., dedicado a Magno Magnencio; o terceiro, do 360 d.C., dedicado a Claudio Juliano; o cuarto marco, do 235 d.C., a Maximino e Máximo; o quinto está dedicado a Maximino II e é do ano 305; e o sexto é anepígrafo e de ano descoñecido.
Pero ademais, para engadir interese a esta lugar xa enclavado nunha paisaxe salientable, fronte á ermida atópase unha quinta abandonada, na que nos internamos para acceder a un pazo en ruínas, unha construcción maxestosa, señorial, que danos unha idea da riqueza destas terras en tempos pasados.

Con certo respecto subimos as escalinatas de pedra que dan á entrada principal, baixo un escudo que pregoa a nobreza da casa, e tras dela nos internamos nun labirinto de habitacións enfeitizadas, polas que camiñamos con precaución, xa que, a pesares de que ten sinais de algún intento de reforma, os teitos de madeira labrada ameazan con derrubarse. Chámanos a atención a cociña, con dous fornos de pedra no que aniñaron as avespas, e a bodega, onde aínda quedan toneis e un carro de madeira.

Saíndo polo patio desta casa misteriosa, damos ó Pazo do doutor Barros, que se atopa en perfecto estado de conservación e ademais ofrecese en aluguer, onde é inevitable lembrarme do noso doutor Barros, autoridade en botánica e en todo o relacionado co sector do metal, agás a construcción naval, que deseguro disfrutaría da visita que viñamos de facer os interiores das ruínas da casa enfeitizada.

Dámoslles as costas ós pazos, á ermida e ó núcleo rural de Antas, baixando cara o río por un camiño empedrado que discorre entre un valado de cachotes tinguidos de musgo, mentres seguimos facendo contas das nosas particulares crises e quitando, cada quen as súas, as solucións máis ou menos provisionais para ir chegando a fin de mes, mentres o pobo vai deixando paso a unha sucesión de campos dispostos en socalcos, onde xa vai asomando a cara máis amable da primavera.

Nestas conversas estamos cando nos mergullamos, atravesando unha profunda congostra, nunha fraga mixta de carballos e piñeiros, dende onde se escoita o son cantareiro das augas. E non tardamos en chegar as beiras do Río Coura, onde crecen salgueiros e bidueiros o carón dun fermoso salto de auga que me fai lembrar o corpo aquel que era quen de chimpar por desniveis semellantes, pero... ¡ó carallo cas nostalxias!. Atravesamos o río pola Ponte dos Caniços, e na outra marxe repousan os restos de dous muíños monumentais que nos seguen falando da importancia da introducción do cultivo do millo no noroeste peninsular, e a fartura que trouxo para amplas zonas da Galiza e de Portugal.

Despois dun breve tramo que transcorre pola estrada municipal internámonos nun monte de piñeiros por un sendeiro que se abre á nosa esquerda, seguindo unha levada que vai paralela ó río, lembrando as experiencias que cada un tivo no club de camiñantes, e ese personaxe que segue sendo a súa alma e que nos deu, dalgunha maneira, o gusto polos camiños. Tan metidos estamos na conversa que, sen decatarnos, chegamos ó final do sendeiro e temos que volver sobre os nosos pasos para buscar os sinais que nos leven na dirección correcta.

Atopámola, claro, e o sendeiro estreitase aínda máis, pegadiño ó río, aberto seguramente por varias xeracións de pescadores, onde atopamos un obstáculo co que non contabamos: un pequeno ribeiro que temos que atravesar, non tan pequeno para saltalo e sen posibilidade de rodealo, polo que non temos outra que descalzarnos, subir os pantalóns e facer equilibrios para non mollar algo máis cos pés. Dende aquí o camiño vaise afastando do Coura, ata darlle as costas e levarnos a outra fraga onde temos un encontro inesperado, unha cobra que durme ó sol debuxando unha espiral, e que leva un bo susto co retumbar das nosas botas.

Atravesámo-lo monte e chegamos ó núcleo rural de Cascos, tamén da freguesía de Rubiâes, que nos recibe cunha avenida empedrada e cuberta por grandes parras, campos con socalcos e casas solarengas, que non deixa de asombrarnos pese a ser o típico nestas terras. Por certo que a profusión de construccións rehabilitadas con certo gusto fainos pensar, máis ben a Flores que a mín (sonche urbanita de máis para pensalo en serio), que non sería este un mal sitio para vivir.

Máis monte, despois de deixar o pobo atrás, pero desta vez con menos encanto, esto é: con máis eucalipto, que a pesares de non alcanzar as extensións tráxicas do noso país tamén aquí introdúcese con forza. Por fortuna para nós éun treito pequeno, que nos leva a outro dos lugares da freguesía, o de Crasto, onde atopamos varios puntos de interese. En primeiro lugar o derradeiro dos miliarios, erguido solitario fronte a unha ermida algo agochada entre as edras, do que non hai ningunha información á vista, i en segundo lugar, despois de atravesar a aldea, unha ducia de casas e unha sucesión de campos onde pacen cabras, vacas e cabalos, a Ponte de Rubiâes, de orixe romano-medieval, pola que volvemos cruza-lo río Coura.

Ó carón da Ponte Nova pola que pasa a estrada de aceso ó lugar de Châo, internámonos nunha vía romana, a XIX do itinerario de Antonino, que vai discurrindo paralela ó río, que aquí debuxa fermosas paisaxes cunha sucesión de saltos de auga agochados nun tupido bosque de ribeira, e cando avanzamos polo seu firme empedrado o río vai desaparecendo e mudando en campos de pastoreo e de cultivo, ou en pequenas carballeiras.

E, a pesares de que nunca completara este percurso váiseme facendo coñecido o terreo polo que piso. Tanto é así que, ó chegarmos a un prado onde pace un fermoso cabalo, recoñezo o prado e o cabalo, e mentres o acariñamos e lle damos de comer algo de herba fago memoria e caio no conto de que nalgún momento enlazamos con outro sendeiro: o Trilho de Châ da Burra, e que de seguir as marcas chegaríamos a Pecene, en dirección contraria a onde temos que ir.

Así que botámonos ó asfalto e guiámonos polo campanario da igrexa de Cossourado, que xa vemos ala ó fondo. Non sei moi ben porque motivo, pero sexan dez quilómetros ou vinte, os derradeiros sempre me custan, e máis se son por estrada, e se esta é costa arriba. Menos mal que soa o teléfono e o Cachorro nos anima a facer un ultimo esforzo, xa que el non puido acompañarnos. Cinco horas despois da saída chegamos ó noso vehículo, subindo unha morea de escaleiras como penitencia final, e xa empezamos a facer plans para a seguinte...



E109 Trilho das Garças (Paredes de Coura)





“Tu sabes lo que es dolor,
Mucho dolor, no sufras, no te rindas, no sueltes el timón.
Tu sabes lo que te hace crecer,
Mantiene tus pies pisando el suelo que ves”.

Domingo, 15 de marzo de 2009

Seméllame que as verbas de Woyza non podían ser máis axeitadas, aínda que na véspera, cando as escoitei nunha nave de Bouzas, fronte a eses esqueletos varados como cetáceos nos asteleiros, non era quen de entendelas, sufrindo os síntomas dunha posesión infernal que me levou a deitarme nun inferno de pesadelos simultáneos, e que me fixo amencer cunha colección de síndromes que non lembraba dende os séculos escuros.

Non vou entrar en máis detalles, para non ter que remexer nas lagoas que creceron na miña memoria, e porque van pensar vostedes que o meu ten visos de ser unha enfermidade, así que contarei que no día indicado, este, e a hora convida, aquela, estabamos no Concheiro media ducia de individuos, con mellor ou peor cara, asegundo as horas de sono de cada quen: Samu, Alex, Esther, Ozzy, Xurxo e máis eu, ca incorporación, como novidade, de Carla, muller destemida que aínda non sabía con quen andaba a xoga-los cartos.

Como non tiña a cachola para improvisar outros destinos sinalei cara a fronteira, e puxémonos en marcha con piloto automático, baixo un sol de carallo que nos perseguiu ata o aparcamento do Stop, onde tampouco houbo nin sombra de disidencia: arroz malandro para todos, e todos comemos ben a gusto, mesmo recuncamos unha e dúas veces.

Alí mesmo, puxen sobre a mesa tres ou catro rutas da rede pedestre de Paredes de Coura, e o grupo decidiuse pola de maior envergadura. Así esvaecíase a posibilidade de reclamación. Xantaron con nós Zalo e máis Salomé, quen a pesares de vir perfectamente uniformados para acompañarnos no pateo decidiron non facelo. E marchamos sen máis demora cós cafés por esas estradas serpenteantes que xa nos sufriron unha enchenta de veces, ata chegar a freguesía de Formariz, onde comenza o noso trilho, o das garças, xunto ó carón da súa igrexa.

Neste lugar, chamado o Burgo, deixamos os coches e facemos uns breves estiramentos na base dun cruceiro de pedra, visitamos o templo e o cemiterio, e en fila india (como bos descendentes da tribo dos pés negros) avanzamos os primeiros metros entre campos verdescentes, onde pacen ducias de ovellas cun bear peculiar, que pola súa afonía parece que tamén estiveron de troula pola noite. Pasamos fronte á Capela de San Sebastiâo, no lugar do Outeiro, e entre casais defendidos por feros mastíns, e uns metros máis ala cruzamos a estrada 303 na que asistimos a unha procesión de chimpíns que me lembra o Festival de Cans.

Comandados polo Xurxo, que xa fixo esta ruta varias veces, collemos una aire que sae de Boavista, entre campos de cultivo separados por valados de pedra e viñedos, adentrándonos nunha carballeira que nos acariña coas súas sombras, e unindo congostras e canicouvas, chegamos ó lugar de Penices, onde o río Coura desaparece, continuando o seu leito por debaixo dun caos de pedras ciclópeas durante un tramo de douscentos metros. No mesmo sitio onde brota con forza a auga fórmase unha grande poza que invita ó baño, e o Xurxiño e máis eu non ó pensamos dúas veces, competindo por quen é o primeiro en mergullarse.

Despois deste espectáculo gratuíto, que lle sigue dando razóns ó Samuel para pensar que o seu tío non ten remedio, volvemos sobre as nosas pegadas, e tentamos darlle outro ritmo á marcha, xa que temos as horas xustas para chegar antes da caída do sol. Cruzamos outra vez a carballeira, e saímos a outro enclave rural, chamado Ponte Nova, onde constatamos tamén a dinámica actividade agraria que se estableceu nas marxes do río, adaptando culturas e técnicas que contribuíron considerablemente a que este concello foxe coñecido como o graneiro do Alto Minho.

A Ponte Nova debe o seu nome a unha ponte medieval, un sinxelo arco de pedras que sortea o Coura, por onde avanza unha lingua de asfalto que facemos resoar coas nosas botas, pasamos ó carón dun pequeno encoro, e despois dunha pequena costa internámonos no Monte de Couro. Aquí decidimos non coller o aire que leva a Azenha Velha, onde se atopan varios muíños, xa que as forzas, nalgúns, van algo xustas, e non quero que se me vaian escarallar antes de tempo.

Entre carballos, salgueiros e algún illado aciveiro, facemos o derradeiro tramo preto do río, que pouco a pouco vaise agochando, transformándose en marmullo, e finalmente desaparecendo por completo ó chegar ó lugar de Couro, onde temos que cruzar, novamente, a estrada 303. Aquí tivemos que facer reunión para decidir se facíamos unha parada técnica nunha terraciña e refrescarnos con finos, panachés ou colas, ou se sería máis axeitado aproveitar o tirón e acometer o desnivel que tiñamos por diante. Saíu o segundo e comezamos a subir por unha costa alcatreada, entre o casais que forman a aldea de Balsa, e aquí o Lourenzo estivo campión lostregándonos sen compaixón co seu látego de lume.

Ó chegar á metade da forte ascensión tivemos que facer unha paradiña para que Carla recuperara folgos, xa que ía sufrindo os males da primeiriza: non levaba o calzado axeitado, non botara crema solar para protexer a súa pel branquiña, e non protexera a cachola da máis que probable insolación. Aínda así é brava esta muller e despois de botar catro grolos de auga animounos a seguir cara Pereiras, xa que non quería retrasar ó grupo, a pesares de que nos dixémoslle que non íamos deixala atrás. O Ozzy axudou cunha cantiga págana a que nos fose máis doado o que nos quedaba de costa, e case sen decatarnos chegamos á igrexa de Nosa Senhora de Irijó, onde se impuxo un merecido descanso.

Á sombra dunha magnifica carballeira refrescámonos na súa fonte e deitámonos nos seus bancos de pedra, porque todos imos un pouco tocados polos lóstregos do sol, pero non temos moito tempo para botarnos á bartola, e dez minutos despois xa estamos facendo o tramo común co Trilho de Lages Altas, e despois dunha pequena ascensión comezamos a baixar cara o núcleo rural de Cotaleira. Dende aquí o tramo é integramente urbán, unha estrada alcatreada entre construccións de todo tipo que vai bordeando o centro de Paredes de Coura.

Nestas cóntame a Carla do seu traballo, que medio en serio medio en broma estiven a piques de probar eu, e falamos dalgúns personaxes que por alí deambulan, como certa escritora que, fai séculos, foi algo parecido a unha amiga. Mentres, Esther regálanos algunhas anécdotas da infancia do Cachorro, desas que non son para transcribir, senón para escoitar.

Por terceira vez cruzamos a estrada 303, e pasamos a carón do campo de fútbol, que comparte muros co cemiterio municipal, onde Ozzy nos conta da súa frustrada carreira de futbolista, e tamén fronte a Quinta do Padín, onde quizais moren as pantasmas de algún dos meus antergos (e dos de Samuel, a pesares de que é moi xoven para pensar en pantasmas). Chegamos así á Praia Fluvial do Taboâo, nas marxes do río Coura, onde tiñamos previsto botar un grolo no restaurante que alí se atopa, pero se atopa... pechado. O Samu déitase no chan e tardamos pouco en imitalo aproveitando que os aloumiños do Lourenzo son agora menos rabiosos.

Dáme magoa ser sempre eu o que teña que cortar o bo rollo, pero dez minutos despois xa teño que empezar a berrar para que se ergan, xa que aínda nos queda un bo anaco para completar o sendeiro. E fano, aínda que sexa regañando os dentes, non lles queda outra, xa sei que a fraga de ribeira que se espalla polas ribeiras é unha invitación a abandonarse, a pecha-los ollos e escoitar o rosmar dos salgueiros, pero xa estabamos subindo outra vez, derramando suores cara o núcleo rural de Afe. E si, houbo máis queixas no ascenso pero eu xa tiña cera dabondo nos oídos, e se esvaeceron cando Xurxo tivo a ben alixeirar de peso un laranxeiro, e repartiu a súa colleita entre todos.

O tramo final fixémolo por un monte sen encanto ningún, onde os carballos eran remprazados polos eucaliptos, e ás veces por grandes extensións sementadas de penedos, camiñando por unha pista de terra que se nos facía interminable, onde o único que xogaba ó noso favor era a súa horizontalidade.

Aproveitamos estes derradeiros quilómetros o Xurxo e máis eu para unha desas paroladas que tiñamos pendentes, quizais non demasiado diferente á que tivemos dous anos atrás, cando percorremos este mesmo sendeiro en formato de dúo. Moitas cousas cambiaron dende entón, pero quizais nós non tanto, as nosas inquietudes, os nosos desexos, os nosos soños, seguen intactos, e seguimos tentando atrapalos, quizais para soñar ou desexar outros. Quen sabe se o resto do grupo non pasará por aquí dentro dun tempo, tendo a mesma sensación ca nós.

Deixamos atrás o Monte do Alem, sen que o Alex nos ilustrara sobre a orixe do alcume, e a pista forestal levounos dereitiño cara o lugar de Burgo, onde comezaba novamente o asfalto, e dende onde se alcanzaba a ver o campanario da igrexa de Formariz, o final do nosa aventura.

E61 Trilho da Pía dos Quatro Abades (Paredes de Coura)



Domingo, 9 de decembro de 2007

É prático, sério e ambicioso. Tende a lutar contra limites, restrições e fronteiras na vida. Ainda assim, a sua perseverança faz com que ultrapasse muitos obstáculos e aprenda pelo caminho. Alguma rigidez, reserva e formalidade no trato inicial é comum, até saber exatamente com o que, ou quem lida. Orgulhoso e organizado, trabalha arduamente pelo sucesso.

Pode que estean a falar de min, como membro da comunidade virtual, ou máis ben astral, dos Capricornios, o de práctico será certo, porque volvo a reeditar a mesma fórmula ca véspera, e con esta xa van sesenta, aínda que ambición non teño máis que a de encher o bandullo ca compaña dos meus, e dar outra voltiña polos territorios do Coura, man de santo para as doenzas dominicais.

Gusto de volver con Zalo e María, outra vez en formato de trío, ó Trilho da Pía dos Quatro Abades, onde fixen unha travesía nocturna, sen querelo, co meu caro Miguel. Esta é a terceira, e xa teño a lección ben estudiada, e para máis o día ten as condicións atmosféricas ideais, nin frío nin calor, nubrado pero non ventoso, húmido pero sen chuvia, en fin, para botar foguetes.

Saímos co bo ánimo do mesmo lugar que onte, no lugar das Almas, ó que de seguida damos as costas para atravesar as súas veigas por un camiño empedrado, xusto no punto onde nos colleu a noite na primeira vez que pisabamos este sendeiro.

Ós poucos metros atravesámo-la ponte que sortea o Ribeiro das Porrreiras, e penso que teño que traer ó meu amigo, o Señor dos Trocolos, para botar unhas risas ás súas beiras, ademais seguro que íalle gustar aínda máis internarse na carballeira que camiñamos de seguida, onde o meu dedo dispara con vocación de francotirador serbio, fotografando as pegadas que van deixando os meus amigos sobre as follas caídas (non sei porque sempre me lembro dos serbios, como se os croatas e kosovares non pegaran tiros).

Con un pouco de sorte podería fotografar fadas bailando a sinfonía de cores que debuxan os carballos, ou gnomos botando a sesta baixo os paraugas laminados dos cogomelos, pero non hai tempo para deterse e teño que contentarme con retratar o anxiño e mailo diaño que me acompañan (sinto Zalo, pero tocouche o papel de demo).

O camiño está máis que marcado, remarcado, e non hai período de perda, nin tan sequera cando saímos a un estreito camiño, con penedos i eucaliptos vernizados polo alento cincento do lume. Cando saímos a unha ampla pista de terra, avanzando uns metros por ela, temos dúas opcións, a primeira é coller o aire que nos leva a Nosa Senhora da Pena, na freguesía de Mozelos, punto de orixe do trilho, a outra é avanzar cara o Monte de Giesteira, onde se atopa a Pía dos Quatro Abades, que nomea todo o percurso pedestre.

Decidímonos pola segunda opción, e avanzamos cara este lugar singular, con unha multitude de penedos espallados polas saias do outeiro, como un exército de xigantes, e no seu cumio, unha formación pechada de formacións graníticas, formando estreitos pasadizos, por onde buscamos, sen éxito, a delimitación das catro freguesías que recorremos na nosa ruta: Formariz, Mozelos, Ferreiros e Padornelo.

Tampouco atopamos os vestixios da fortificación castrexa que apunta a guía, e temos que conformarnos cas espléndidas panorámicas que temos dende os seus 603 metros de altitude (aínda que non subimos ó vértice xeodésico que o simula) pola escaleira tallada nun dos penedos).

Disparamos unha salva de foguetes dixitais e baixamos cara unha fraga de carballos, onde miúdos eucaliptos empezan a medrar, competindo pola auga e pola terra, nunha loita na que os primeiros levan tódalas de perder, e chegamos así ó firme asfaltado, que so pisamos para atravesala e avanzar por unha pista na que é evidente a acción da pala da deputación, como chamamos na Galiza á causante das numerosas fendas que acoitelan os nosos montes.

Volvo lembrar ó camarada Miguel, cando viñamos fai un ano por estas paraxes, mollados ata os collóns (perdón polo palabro, pero si), contándonos as anécdotas da nosa infancia montañeira, el con boiescaus i eu cos do júnior, outra vez o can de palleiro da memoria, que trae na boca o primeiro que atopa. Aquí me toca o vacile de María, que apunta (e da no branco) que tódolos Padíns temos a tendencia a esaxerar, ata nas lembranzas, pois será, non llo nego, que eu andiven nas viñas do crego...

O mellor de todo é que, desfroitando da paisaxe, da conversa, e da climatoloxía, chegamos ó pobo de Venade, onde recalamos no seu bar (e aquí tamén hai tradición, porque tódalas veces que pasei por aquí gustei do seu café).

Por fortuna non está o vello que me puxo a zancadilla a primeira vez, e que inda está a rir, aínda que atopamos o local con bastante ambiente.

Mírannos de reollo, pero seguen ó seu, mentres tomamos un deses cafés que parecen italianos, nunhas cuncas co seu aquel. Despois de este reconstituinte, cruzámo-lo pobo cara a unha pequena ermida, senlleira construcción enfrontada a un altivo espigueiro, sinal identificativa do trilho que estamos a percorrer.

Outro feixe de fotos e cruzamos polas veigas que dividen o pequeno núcleo rural en dous. Nesta parte as edificacións son moito máis impoñentes, como se foxe o barrio rico, amplas mansións de pedra, cadansúa co seu nome característico, a fermosa Capela da Nossa Senhora da Conceiçao, onde se atopa un cruce de camiños, e dúas escolas, unha delas aínda en activo. A verdade que, á vista de todo o que levan rexistrado os nosos ollos, podemos agregar a favoritos, como ben di María, este sendeiro, e confirmalo como un dos máis belos do concello de Paredes de Coura.

E deixando atrás as últimas construccións de Venade internámonos noutra pequena fraga que, como nos contos da nosa infancia, abre un túnel na súa espesura para nós, na que o ceo vernizase de esmeralda e améndoa. Esta sucesión de postais que o outono debuxa ante os nosos ollos é das que fan adición ós camiños, e penso en que non tardarei moito en recorrelos en outras compañas, para que tamén convertan estes paraxes en parte do seu imaxinario, da súa propia xeografía.

Chegando a un outeiro onde desaparecen os carballos, divisamos a Capela de Santa Ana, e apresúrome a dirixirme ata o firme asfaltado, como nas anteriores edicións, pero antes de que pise o piche, o Zalo, que aquí está campión, sinálame unha marca pegada a un valado, e tras dela un carreiro que, a carón do muro de pedra, lévanos ata o templo.

Agora si podo dicir que teño completado o sendeiro polo trazado correcto, ou máis ben, que estou por completalo, porque aínda queda un anaco. Tamén teño que engadir que a primeira vez que pisamos este trilho tiña partes, como esta, comidas polas silveiras, e non había maneira de dar coas marcas.

Volvemos ás Bouças de Porto Rabel, tan só vintecatro horas despois, aínda que en distintas circunstancias, e ó pasar pola levada un muro está a punto de dar con María no chan, pero outra vez o Zalo está atento á xogada e axuda a sortear o obstáculo, hai que recoñecer que o León de Paramos é dos tres o que se enfronta con máis e mellor determinación a todo o que se nos pon por diante, sexan pedras, bestas ou auga, como a do Regueiro de Cruzes, que sorteamos para acadar o lugar de Outeiro. Outro templo, a Capela da Nosa Senhora do Pilar, sinálanos o punto onde iniciamos onte as voltas e reviravoltas na procura do Trilho do Pastor, que nós mudamos polo Trilho do Molhaparvos.

Só nos queda, para finalizar o itinerario, deternos outra vez na Eira Comunitaria de Porreiras, cos seus espigueiros cheíños de millo, un chisquiño antes de que o ceo rompa a tregua que mantivo durante toda a tarde, e as nubes comecen a soltar, aínda que sexa miudiño, a súa carga de auga.

Para celebrar un día tan ferulitico, e facelo superferulitico, decidimos, máis ou menos de mutuo acordo, facerlle unha visita a Dosselandia, e probar outra vez a calidade das súas natas, aínda que hai quen se resiste, como María, que ven un pouco mareada do coche e só toma unha menta, mentres Zalo mándalle un chocolate branco e eu un café con leite, digno do almorzo dun príncipe, mentres ollamos a programación cultural de Paredes de Coura, abondo diversa para un pobo tan pequeno.

O retorno á metrópole é accidentado, primeiro porque o mareo da Chinita acentúase, e a leituga do xantar báilalle un rock & roll dentro do ventre, e segundo, para rematar de revolverlle o estómago, atopámonos coa operación retorno da ponte da constitución, coa autovía colapsada, e temos que dar volta, ata Tui, para coller a autoestrada. Parécenos que botamos máis tempo no coche que andando, pero preferimos non botar contas. O final, feliz, ou case, cadanseu na súa casa, a soñar con novos camiños.

E60 Trilho do Molhaparvos (Paredes de Coura)



Sábado, 8 de decembro de 2007

Outra vez teño que insistir no tema, porque hai xente teimuda que quere mudar as miñas costumes, as miñas tradicións e as miñas propias teimas. Gústame ir ós concertos pola noite, e alargala tomando unhas birras cos colegas, mantendo a punto o síndrome de Peter Pan que arrastro nos últimos anos, xa sei que non teño idade para andar pola rúa coma un can a esas horas, pero non creo que sexa máis saudable quedar na casa mirando a televisión.

É a primeira razón pola que decidín facer miña a fórmula que Zalo foi quen de mostrarme, fai máis dun ano nos escenarios onde morreron os combatentes da Travanca: a de non madrugar no día do señor, ou na festividade que toque, como hoxe (a Inmaculada Concepción, que vaia nome que ten), que apuro o sono ata media hora antes do mediodía.

A segunda é que o punto de reunión o teño a cinco minutos da casa, e sería ben parvo cambialo, porque, ademais, é a saída da cidade cara ó país veciño, que é onde transcorren a maioría destas crónicas.

A terceira razón é dobre, e ben derivada das anteriores: en Portugal pódese xantar máis cedo que na Galiza, co que gaño unha hora de luz, tan importante nestes días de outono, tan minguados, e o importe da conta é bastante inferior, cousa importante nestes tempos nos que a miña economía non está (nunca estivo demasiado) para moitas festas.

Son tres ou catro razóns de peso para que faga oídos xordos a aqueles que queren descubrir outra vez a pólvora, pero aínda teño outra máis: non sei se teño o lombo para máis paos, ou as pernas para máis pedras, e non sei se quero comprobalo, por medo a que me pase o de Castro Leboreiro, pero xa non me peta meterme máis de cinco horas polo monte, e tampouco teño ganas de ir a lume de carozo, como si me fosen dar un premio por chegar antes.

Destes e outros asuntos falei este sábado co Zalo e Salo (encánteme como soan os dous nomes xuntos), cando fun xantar ó Stop, onde o meu amigo deume tódolos ingredientes para esta receita coa que sigo lambendo as miñas feridas. E falei coma si tivese algún interese, sabendo que só o ten para min, mentres os meus amigos compartían comigo unha ola chea de arroz tamboril (porque hai tradicións que tamén mudan), e intentaban quitarlle ferro ós comentarios que intentan desanimarme destas saídas montañeiras.

Animar tamén nos animou un vinho alentejano medianamente encorpado, de cor granada, proba maza e harmoniosa denotado fruto maduro, proveniente das castas Trançadeira, Castelâo e Aragonés que ten a denominación de Terras d’el Rei, a quen convén botarlle a culpa de que a miña lingua remexa no saco do rancor que sempre levo mal pechado.

O carallo é que quedei ceibado do meu peso, e falta que me fixo, porque tiña o bandullo cheo cas delicias da comida minhota, e a suma quizais foxe demasiado para aventurarme por eses camiños do Coura que tiñamos que recoñecer. Ademais as nubes tamén tiñan o bandullo cheo, e ameazaban con romper augas dun momento a outro, así que cumpría pórse en marcha canto antes, e deixar a conversa para outro momento.

Así chegamos ó lugar de Outeiro, na freguesía de Porreiras, onde a néboa cubre case por completo os montes veciños, baixo a bendición da capela da Nosa Senhora do Pilar, onde unha indicación magnificamente labrada en madeira sinala o comezo do Trilho do Pastor, o derradeiro que me queda por recoñecer no Territorio con Alma.

Agradezo dúas cousas: que Zalo se faga cargo do mapa e, polo tanto, se postule como guía do noso grupo, e que Salo se ofreza como fotografa do evento, para que o meu repouso sexa completo e, ademais, documentado.

Poñémonos pois en marcha, seguindo as primeiras marcas a carón dun feixe de muíños reconstruídos, polo firme asfaltado que da as costas ó pequeno núcleo rural, aínda que cando levamos un bo treito camiñando escomenzamos a mosquearnos, porque en ningún momento atopamos o desvío para internarnos na fraga, tal e como indica a nosa guía. Para facelo máis bonito comeza a poallar, si, xa sabedes, esa chuvia miúda que non merece quitar o chuvasqueiro da mochila e que, moi acertadamente neste caso, algúns chaman molhaparvos.

É ninguén merece mellor o alcume que eu, que levo ás costas unha boa provisión de roupa hidrófuga, con gore tex e tinsulate, e que non poño pensando que xa escampará, e si, escampa pero a ratos, e non, é miúda pero molla.

En fin, que entre a auga, a néboa e o piche, levamos un bo treito andando como almas en pena, por unha estrada que non sabemos a onde nos leva, así que decidimos regresar ante a inexistencia de sinais.

Unha vez no punto de inicio, e despois de mirar o mapa do dereito e do revés, o Zalo pregúntalle a un paisano, armado de sacho e paraugas, por un dos topónimos que máis preto temos nas curvas debuxadas no folleto: as Bouças de Porto Rabel.

Aínda que perdemos un tempo precioso, non desanimamos, sobretodo cando baixamos por un estreito carreiro, entre os muros de pedra centenaria que pechan as leiras, que nos fai esquecer os moitos metros de firme asfaltado que lévamos nós pegados ás botas.

Un par de vacas curiosas (e pode que barrosâs) recíbennos cando chegamos a un pequeno regato, dende un peche de madeira, porque aquí non chegou a moda dos somieres, cruzamos regato e peche, despois de pedir o oportuno permiso ás donas rumiantes, aínda que non saibamos moi ben se estamos ou non no bo camiño (é empezamos a temer que non).

Esto último queda confirmado cando, despois de atravesar as veigas, e atravesar outro peche de xestas, chegamos ás primeiras marcas, que non son as do Trilho do Pastor, senón as do Trilho dos Quatro Abades, que Zalo ten pensado engarzar para os seus seareiros do Clube de Camiñantes ou de Congostra, onde exerce a súa vocación de Caudillo.

Salomé segue documentando graficamente a nosa andaina, é xa teño curiosidade por ver o resultado de tanto disparo, Zalo segue dándolle voltas ó mapa do percurso, sen entender moi ben como atopar a boa dirección, as vacas seguen pastando como se nós non pasaramos por alí, i eu sigo sorrindo, baixo a fina cortina do molhaparvos, porque coma parvo que son, son feliz con dar unha voltiña polo monte cos meus amigos, aínda que non sexa pola ruta que tiñamos prevista.

Aquí dirixo o anaco de camiño que nos leva outra vez ó punto de partida, camiñando por unha levada da que saen un feixe de atoles, saltando muros inestables, atravesando más veigas e ata un pequeno curso de auga, o Regueiro de Cruces, ata que atopamos outra vez ó paisano que, pastoreando ás súas ovellas, controlounos en todo momento o éstrano círculo que describimos en torno ás bouças.

Outra vez preguntámoslle ó paisano pola dirección axeitada, para achegarnos cara Chá dos Cubos, onde o sendeiro fai o punto de unión dun oito (botándolle imaxinación, claro).
O home ten claro onde está o noso obxectivo, pero non entende moi ben para que carallo queremos subir ó monte con esta néboa, e de seguro que cando seguimos a nosa andaina dirá para si, como nos tebeos de Asterix: Están malucos estes romanos...

Polo mesmo camiño empedrado que leva ó pobo, e dándolle as costas, seguimos teimudos, a internarnos na fraga e na néboa, e non tardamos moito en cruzar outra vez o curso fluvial das Cruces, e tamén o Regueiro do Lamariço, que atravesamos por senlleiras pontes.

O certo é que o bosque non ten moito aquel, piñeiros queimado e eucaliptos medrando entre a cinza, toxos e xestas, pero empezamos a atopar as marcas dos sendeiros, e por primeira vez na tarde pensamos en poder consegui-lo noso obxectivo. Aínda que cada quen ten o seu propio obxectivo, como dixen ó principio, para Zalo é unha misión de recoñecemento, para Salo é un safari fotográfico, e para min é outra palla mental da que alguén, atendendo máis a miña cabeza que o meu corpo, deu en chamar Eivadiños.

Ser como fora chegamos a algo que podería ser ou non ser a Chá dos Cubos, onde perdemos novamente o rastro. Segue a chover miudiño, como na cantiga, a néboa espésase, e os sorrisos contáxianse. O noso guía decide coller un camiño, dos catro que nos ofrece un cruce que, de seguro, nos levará ó punto de partida, e lévanos, polo que se ve que é un home que cumpre o que promete: ó cabo dun rato estamos no mesmo sitio onde perdemos os sinais, no mesmo camiño empedrado que tomamos grazas á indicación do fregués.

Rendémonos, e volvemos ó lugar do Outeiro, mollados, polo menos eu, coma parvos, despois de sementar verbas e pegadas ó chou por estas terras do Coura, e aproveitamos para visitar a Eira Comunitaria de Porreiras, onde se alzan unha ducia de espigueiros. O millo enche o ventre destas mostras do patrimonio etnográfico do Alto Minho, constatando que a vida continua, aínda que minguada, nestes pobos, e tamén continua para nós, polo que decidimos volver ó día seguinte para intentado de novo. Porque hai xente, coma nós, a quen non lle desaniman os elementos, sexan da clase que sexan.

E55 Trilho de Corno de Bico - Alto dos Morroês (Paredes de Coura)



Domingo, 28 de outubro de 2007

A ver ¿como carallo era o conto? Érase unha vez un gato con botas. Era un gato vello cunhas botas tamén vellas, roídas polos ratos e polas pedras, máis aínda tiña ganas de aventuras, e por iso saía, polo menos unha vez á semana, ós camiños do país veciño, onde, acompañado doutros michiños, xogaba ós exploradores e, por unhas horas convertíase nun gato novo.

E a cantiga ¿como dicía? Xuntáronse catro un día, os mellores deste barrio... por sorte para o noso gato con botas, non tiñan intención de metelo nun saco, para tiralo na Praia da Castiñeira, so querían enredar con el por as congostras, corredoiras e canicouvas das que tanto falara nas súas noites enluadas.

Pero imos deixarnos de contos e de cantigas. O certo é que era domingo, que seguía sendo primaveira, aínda que estiveramos a piques de entrar en novembro, e que non tiña claro que tivese compañía para a miña andaina semanal.

Por aquelo de segui-las tradicións, aposteime no muro vermello do Concheiro, mentres o sol lambíame a cara coa súa lingua de lume. E algo mais co sol iluminoume o rostro, cando apareceu Merchi, compañeira de troulas e pararotas, co coche cargado de xente.

Viñan cando ela, Marta, Martola, Martoliña (é unha soa pero para min fai por tres), que deume unha inmensa alegría volve-la ver, e compartir con ela outra ración de sorrisos e verbas amábeis, e tamén un tipo grande, en envergadura e simpatía, greñudo e morcego (pipistrelo, din os italianos) para máis señas, que respondía ó nome de Couto. Aínda que máis curioso foi o quinto pasaxeiro, que recollemos no seminario, aínda que non viña de rezar, cortometraxista laureado cun curioso alcume de guerra: Andressolo (dos seus méritos hai abondo material en You Tube).

Con esta xente nova, tropa do carallo, cruzamos a fronteira, mentres eu contaba ás miñas amigas os derradeiros aconteceres da miña vida sentimental, por esa inclinación natural que teño a espirme, a mostrar os meus sentimentos, e que ás veces me trae algún dor de costas, debe ser que me colle o frío.

En fin, gato negro ou gato branco, como dicía o camarada Mao, o importante é que cace ratos.

Aínda que ratos non comemos, pero case, así que Andressolo, facéndolle honor ó seu nome, decide quedar no aparcadoiro, mentres o resto empéñase en reducir as racións abundantes de arroz malandro e tamboril, sen conseguilo na súa totalidade.

O continxente montañeiro queda satisfeito, así que non é cuestión de meterlles unha mallada. Tratamento de luxo para os novos eivadiños: imos cara Paredes de Coura, onde o outono comeza a debuxar a súa sintonía de cores nas copas das súas fragas.

Que mal lles parecería, a calquera destes catro, que os meteran nun saco, como fixeron co gato... Aínda que algúns confúndenme coa Besta do Coura, esa fera esquiva que adoita bañarse en toda poza canta hai, non teño malas intencións para con esta xentiña. Así que decido guialos ata o mesmo corazón da área protexida: o Corno de Bico. Para elo temos que chegar a Tumio, aldea senlleira cun mosaico de leiras á seu carón, onde pasta o gando e o tempo parece detido indefinidamente.

Non son moi amigo de enredar un sendeiro con outro, como fai o meu caro amigo Zalo, pero nesta ocasión fago unha excepción: subiremos por Trilho do Alto dos Morroês e baixaremos polo Trilho de Corno de Bico, dous polo prezo dun.

Andressolo non está moi convencido, e pregunta pola distancia, altitude, tempo e... velocidade, para saber que tipo de provisións ten que levar: galletas, iogures, ou... grelos. Para resolver as súas dubidas ofrecémoslle as nosas mochilas, para que distribuía o seu cargamento, porque o noso compañeiro non ten o lombo para levar moitos paos.

Cruzamos á beira dos campos do pequeno núcleo rural, onde toman o sol unha ducia de ovellas, mentres no ceo empézanse a debuxar un cardume de nubes fragmentadas, cousa de agradecer porque a canícula que cae sobre nós fai que sobre ata a camisola, aínda máis cando acometemos as primeiras costas.

Por sorte xa nos internamos na fraga, pisando un regueiro de ourizos e follasca, e non hai queixa ante o espectáculo do outono nos castiñeiros, carballos, acevos e bidueiros que atopamos ó noso paso. E tamén de algúns cogomelos, lepiotas e amanitas, agochados entre a herba e os fentos. Non hai quen pise esta Fraga de Morroês e pase indiferente ante a súa beleza.

Saíndo deste lugar enfeitizado, chegamos a unha casa forestal en ruínas, onde decidimos, ou máis ben deciden e me deixo levar, facer unha parada técnica. E cando digo técnica falo ben, porque hai a quen non lle vale con fumarse un xaroto, aínda que sexa da risa, e prefire levar un trebello caseiro para evita-la nicotina, un hibrido de cóctel molotov e pipa de auga. Cousa nunca
vista nestas saídas eivadiñas, pero algún día tiña que ser.

Parece que esta parada danos forza para subir pola empinada pista forestal que nos leva ó Alto dos Morroês, e polo camiño voulles contando da política forestal do Estado Novo, e as particularidades desta zona repoboada con abetos, cedros de Oregón, tuias, piñeiros ananos e outro feixe de especies foráneas que forman esta particular masa forestal.

Aínda que non sei se me fan moito caso, porque empezan a queixarse da costa e me vexo obrigado a facer outra parada para que, coas vistas á Serra do Leboreiro, tomen aire antes de acometer o tramo máis vertical do sendeiro.

Cada quen carga as baterías, uns roendo unha mazá e outros merendando un prato de grelos, é o que ten a humanidade, que é diversa. Así que parolando e rillando pásase o tempo, e bótolle unha ollada á nosa cima, como veterano que son, e fago uns cálculos urxentes do tempo que nos levará o que nos queda de subida, e sumándolle a baixada xa non me da para moitas paradas, polo que apremo ó grupo a segui-lo camiño.

Pasamos á carón dunha grea de cabalos, xusto cando deixamos a pista forestal e nos internamos na fraga, onde predominan os carballos e o outono luce as súas mellores galas, o que axuda a suavizar os efectos da forte pendente que acometemos, a última antes de chegar ó cumio de Corno de Bico.

Parece que sobre os meus amigos exerce unha forte atracción a arquitectura, aínda que esta atópese en ruínas, e se entreteñen un rato recorrendo o faro de vixilancia forestal que, certamente, é unha construcción ben curiosa. Dende alí constatamos como o ceo cubriuse pouco a pouco, e o sol descendeu, achegándose perigosamente á silueta das montañas, así que temos que darnos presa para achegarnos ó Miradoiro de Corno de Bico.

Dende esta atalaia privilexiada temos unha boa panorámica dunha parte extensa do Val do Coura, a pesares de que non temos demasiado tempo para deternos a contempla-las vistas porque, aínda que non teña dubidas no camiño a seguir, non é o mesmo facelo de día que de noite, por moito que levemos un morcego con nós.

Descendemos pola vertente oposta á que subimos, por unha pista de terra que atravesa a espesa masa forestal, coas pernas lixeiras pola inclinación favorable da pendente, pasando á carón das máis variadas especies que, sen embargo, non causan demasiada curiosidade na miña tropa, que está máis atenta ós discursos de Andressolo, que non entenderei ata a noitiña, cando chegue a casa e vexa, ata que me doan os ollos, unha mostra da enchente de vídeos caseiros que ten colgados de Internet.

Así ata abandonar a ampla pista e coller un estreito carreiro que nos leva, rapidamente, ó pobo de Tumio, de onde saímos, non sen antes botarlle unha ollada ó círculo máxico que debuxamos ó redor da área protexida.

De volta cara a metrópole, facemos unha paradiña na praia fluvial de Abrigo do Tabâo, xustiño onde tódolos anos faise o festival de pop-rock de Paredes de Coura, para tomar uns finos é unhas olivas negras, no chiringuito do río, que agora está transformado nun restaurante con moita cor, con zona chilau e ordenadores ó servicio da clientela.

Outra vez somos catro gatos, porque ó quinto, o noso cortometraxista véñenlle as ganas de rematar cos grelos, e baixa ata a ribeira, para que non llos comamos. E así foi, e así volo conto, e si alguén ten algo que engadir, que o diga.

Archivo del blog

Seguidores

Datos personales

Autores

¿Quen anda por ahí?

Concellos