Mostrando entradas con la etiqueta Caminha. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Caminha. Mostrar todas las entradas

E137 Por entre o mar e a montanha (Caminha)





Descripción do percurso e mapa

Domingo, 23 de agosto de 2009

Non me chega a noite para soñar, aínda abrazado a un soño amable, tenro, agarimoso, que esperta ó meu lado dándolle continuidade ós territorios oníricos, esnaquizando as fronteiras entre as conciencias, a que permanece soterrada, mergullada, e a que aflora á superficie. E non hai efectos secundarios na transición, agás as ganas de seguir apertando ese rabo de nube que se move preguiceiro entre os meus brazos, e esquecer a demanda dos meus pés por seguir sementando pegadas polos camiños.

Máis neses camiños atópanse agochados tamén parte dos meus soños, deses que me conforman, que me definen, que me equilibran, e que mellor destino para o remate da semana que compartilos, arrastrando a unha parte importante da miña cobertura na súa procura. Por eso nada me aleda máis que cando a miña compañeira, anaquiño de soño con sono, brinca comigo a rúa, disposta a buscar novos sendeiros que sumar o noso imaxinario colectivo.

Alex e Zalo, imprescindibles para darlle continuidade a esta aventura na que levo empeñado dende que fai tres anos o de Paramos me descubrira os escenarios da batalla de Travanca, nas terras do Coura, súmanse un día máis, a pesares de que o “compañeiro do metal” ven case sen durmir, tamén empeñado en perseguir os seus propios soños.

Como non só podemos alimentarnos de soños recalamos en San Pedro da Torre para inxerir a nosa poción máxica, o arroz malandro con panados, onde por primeira vez me resistín á atracción do pan branco, o queixo, a manteiga e ós patés, preocupado porque ese pracer efémero siga sumando centímetros o meu bandullo.

O sol de agosto facíalle honra a súa fama, e cando chegamos á Foz do Minho, en Caminha, botaba bafaradas de lume sobre os bañistas que se estendían polos areais de Moledo, aínda que dende o océano viña un vento fresquiño que nos fixo albergar esperanzas sobre a nosa xornada. Quizais este vento era o motivo polo que non había barco a Insua de San Sebastiaô, que tiñamos proxectado visitar antes de comezar a pateada.

Así que internámonos no Pinhal do Camarido, creado para frear o avance das dunas que ameazaban á poboación veciña, e formado maiormente por piñeiros e acacias. Mentres avanzamos polo bosque o Zalo me apunta que ata en esto eran diferentes as dictaduras peninsulares, por algo Franco era militar e Salazar profesor de universidade. Tamén temos que agradecer que o noso guía xa viñera un par de veces a explorar este percurso, e descubrira que o facelo do revés faríamos os primeiros quilómetros con sombra e sen desnivel. Nesta terceira vez tentaba con completar o sendeiro, xa que tivera algún problemas coas marcas. Veríamos se con nós a cousa ía ser doutro xeito.

Atravesamos a masa forestal a bo ritmo, desembocando no núcleo urbano de Moledo do Minho, un deses lugares turísticos ateigado de xentes de ambos lados da fronteira, e de máis ala, atraídos pola súa inmensa praia, especialmente axeitada para os deportes onde as ondas e o vento son elementos indispensables. Pero nós dámoslles as costas ó areal e atravesamos o pobo sen deternos nin ante a tentación dunha cervexa fresquiña, xa que máis adiante non teríamos oportunidade.

Conforme avanzamos entre as casas de Moledo, algunhas delas de gran beleza e onde Georgia vaise pedindo unha si e outra tamén, ascendemos suavemente, case sen decatarnos, ata que o internarnos no monte comeza a pronunciarse a subida. Non hai protestas no grupo, e mantemos o “ritmo eivadiño”, co Alex en cabeza, quizais buscando unha boa cobertura, e non tardamos en ter como recompensa unha boa panorámica do pobo, da praia e do Mato Forestal de Camarido, así como da Foz do Minho e do Monte Santa Tegra, xa na Galiza.

A outra cara da moeda e que desaparecen as marcas, aínda que o camiño e ben evidente ata chegar as proximidades do marco xeodésico de Cobertorinho, onde temos que engadir a falta de sinais a posibilidade de escoller entre dous camiños. Por un xa foi o Zalo, sen atopar o rastro, así que escollemos o outro, polo que descendemos cara o Val do Âncora. Non tardamos en vislumbralo, xunto cunhas boas vistas sobre Vila Praia de Âncora, pero ó cabo volvemos ter que decidir sobre a dirección a seguir e volvemos ascender por un camiño de pedra esnaquizada onde crecen uns estraños fungos.

De tódolos xeitos non temos sorte na nosa procura do camiño certo que nos leve ó Alto da Espiga, e ó parque eólico por onde vai o noso trilho, que divisamos sobre nós pero ó que ningún dos sendeiros que enlazamos nos leva. Aínda así o Zalo nos conduce na dirección da Capela de Santo Antâo, por unha sucesión de pistas polas que el xa se perdeu en anteriores visitas. É unha travesía que pon en proba a nosa resistencia, xa que a canícula que cae sobre as nosas cacholas é cousa seria, pero unha vez máis somos quen de vencer o desánimo.

Cando estamos a piques de chegar á capela, atopamos na estrada a unha parella en apuros. O tipo parecía quitado dun wester, chapeo de vaqueiro, grandes bigotes e barba de catro días, e cunha moto que xa leva unhas cantas películas en troques do cabalo. A rapaza cunha desas gorduras enfermizas que require tratamento clínico. No chan unhas muletas e un capacete. Chamáronnos para os auxiliar, xa que tiveran un accidente e, ademais de estar feridos (o tipo sangraba abundantemente por unha perna), tiñan a moto escangallada.

Pouco podíamos facer para reparar a máquina, sen ferramenta nin coñecementos de mecánica, e tampouco por darlle os primeiros auxilios, xa que non temos a costume de levar un botiquín. Ó Zalo ocorréuselle que chamaran ó seguro, ou a algún familiar, pero o tipo non quería chamar a ninguén, e cando viu o Alex coa súa teima co móbil, advertiulle que non chamara á policía.

Algo había alí de sospeitoso, e como non podíamos facer nada por eles deixámolos á súa sorte. O tipo díxonos antes de despedirnos que se podía beber preto da capela, e dirixímonos a bo paso, aínda que a Georgia tivo que botar o resto polo dano que lle facían unhas bichocas que lle saíran nos talóns, coa esperanza de atopar un chiringo onde refrescarnos.

O que atopamos foi unha romaría, aínda que non fose a festividade de Santo Antâo, onde os seareiros bebían e comían á saúde do patrón. Sumámonos á festa e pedimos unhas cervexas, e cando tentamos pagar dixéronos que convidaba o santo, ¡cousa nunca vista!. O Zalo sacou da mochila unhas tiritas para auxiliar á nosa eivadiña, vimos as impresionantes vistas sobre a Foz e o Val do Coura, e descansamos un pouco a carón da capela.

Descendimos con rapidez pola estrada, aledándonos de ter feito o sendeiro do revés, xa que ao noso guía non lle quedaron ganas de repetir a experiencia de subir por aquí. O traxecto non ten máis interese que o de apañar a froita que se nos pon a man: melocotóns de carne roxa, peras un tanto verdes e uvas americanas, que fan a delicia dos nosos padais.

Con bastante adianto sobre o previsto, xa que tivemos que improvisar ante a inexistencia de marcas en moitos tramos e esto levounos a atallar bastante, chegamos ó núcleo urbano de Caminha, á que accedemos polas Escadinhas do Calvario, que ben bonitas poderían ser se non foran de cemento. Esto levounos a concibir esperanzas de visitar o Forte de San Sebastiaô, e nos diriximos ó embarcadoiro para tentar atopar quen nos leve. Alí tomamos contacto coa Senhora Garrafona, unha vella mariñeira que leva o negocio do tráfico marítimo á insua, pero que nos dixo que non había servicio ese día polas condicións do mar, xa que había bastante vento e as ondas eran grandes de máis para a súa pequena embarcación.

Para compensar o fíasco decidimos ir a tomar unhas cañas á praza maior, non sen antes tomar boa nota do telefono da Garrafona, para cumprir en mellor ocasión o noso soño. E así, soñando, rematamos a xornada eivadiña, descontando os días para a próxima...

E54 Trilho da Pedra Alçada (Caminha)



Domingo, 21 de outubro de 2007

A estas alturas do campionato, cando levo máis dun ano probando, penso que con certo éxito, a fórmula milagrosa para darlle sentido ós domingos, sen ter que madrugar demasiado e combinando xantares, amigos e sendeiros nunha cousa que, co tempo, deuse en chamar Eivadiños (ou Eivadinhos, pola nosa afeizón portuguesa) penso que é bo momento para reflexionar sobre que carallo é esto, ou si ten algún sentido máis ala de me dar cobertura para as miñas saídas montañeiras.

Ninguén mellor para acompañarme nestas pallas mentais que o pai do asunto, o verdadeiro culpable de que se iniciaran estas convocatorias dominicais e festivas (porque tamén santificamos as festas camiñando). Si, claro, non podía ser outro que Zalo de Paramos, caudillo de Camiñantes e Congostreños, que certo día me animou a que vencera o medo á ciática e o acompañara a xantar a un restaurante con nome de sinal de tráfico, onde, aseguraba o meu amigo, facían un arroz caralludo, e con ese manxar no bandullo, prometíame descubrir unha terra onde os desniveis eran amábeis e o outono prometía unha verdadeira sinfonía de colores.

Gustoume a fórmula e, vendo que non tiña patente, e que a miña perna non protestaba demasiado, decidín copiala. Non pensei, nese momento, que aguantara demasiadas saídas ó monte, porque o meu lombo xa tiña paos dabondo, pero mira ti por onde xa levo máis de cincuenta pateos na chepa e aínda teño corda para rato.

De algo deso falamos hoxe, aínda que non pararamos no Stop, como obriga a tradición (porque ata tradición temos), porque o Zalo anda outra vez ca dieta do xarope de arce, para depurar os velenos do corpo e baixar de peso, pasando fame, eso si. Así que, cousa inédita, iniciamos o sendeiro preto das dúas da tarde, pola nosa hora, cando xa tiñamos repasado a actualidade política, a crónica sentimental, as diversas convocatorias montañeiras, o estado dos amigos comúns (e dos inimigos), e a actividade sindical, baixo un sol de carallo para estas alturas do ano.

Eu, que estou en crise existencial pola continua deserción dos meus, non estou demasiado convencido da función social que, como apunta o de Paramos, ten esta historia dos Eivadiños, aínda que é certo que cando tanto el como os outros se uniron a esta colección de xantares (e ceas, que tamén) e sendeiros, o que non coxeaba dun pé, tiña fodido o disco, ou estaba deprimido ou andaba sen parella, que de todo tivemos nesta viña. E si estamos a cumprir unha función social que nos subvencione a Xunta, ou a Cámara Municipal de Paredes de Coura, polo menos para pagar a comida.

O certo é que saímos da aldea de Santa Aginha, probando a facer o camiño ó revés, para ver si eramos quen de atopar as marcas que non viramos na anterior vez que fixeramos o trilho, e tamén si lle atopabamos o sentido, non a vida, que xa o intentaron no seu tempo os montipaiton, senón a esta historia dos Eivadiños, porque historia, e ademais escrita, tena.

No primeiro tramo, unha pista de terra que sae do pobo entre piñeiros queimados, non atopamos nin un nin outro, así que tiven que tirar de memoria para chegar ó río, aínda que o esforzo tampouco era para botar foguetes, porque aínda en xullo pisara estes sendeiros con Yuka e Ramón. Quen, por certo, a estas horas estarían sufrindo polas carreiras de coches, en fin, cada un ten os seus santiños.

Chegar ó río chegamos, faltaría máis, sen dubidar nin un momento na dirección a seguir, pero sen ver nin unha puta marca, así que procedín a ensinarlle ó meu invitado o baño e unha levada de pedra que tiña boas vistas, polo que baixaban as minguadas augas do Ribeiro de San Joâo.

Camiñamos pola canle, quitamos catro fotos na beira do precipicio e atopamos un muíño, onde remataba. Ata o enxeño hidráulico chegaba un camiño, e ala fomos a cheirar, e así atopamos a prezada marca, pero que dicía que non, ou sexa que si, que chegaba ata alí.

Para celebrar o noso éxito decidimos darnos un refresco na poza, e ben que nos refrescamos porque a auga debía estar a menos corenta e cinco graos, máis o menos como o día que a miña Piccolina probou, por vez primeira, a temperatura do Atlántico.

O mellor pensei, a razón de ser das saídas Eivadiñas é esta, a de bañarse en coiros cos colegas, aínda que tamén vimos lonxe para facelo, tendo tan preto a praia da Fontaiña.

Outra razón pode ser, pensando na miña metade, que entre o pateo, a conversa e o baños se combate a saudade, a morriña, ese sentimento que se ten cando se estraña á patria. Aínda que a patria sexa de carne e oso.

Pois así, máis fresquiños e cargados de razóns, nestes momentos xa non tiñamos máis polémica que atopa-lo camiño, continuamos Zalo e Anxo, como o dúo dinámico, seguindo o curso do río por un estreito camiño empedrado, o mesmo que fixera fai uns meses en sentido inverso, buscando como exploradores indios as pinturas roxas e amarelas.

Aínda que o único que tiña carné de explorador era o de Paramos, que descubría pegadas de gando e de homes (ou de mulleres, que non especificou). Aquí tamén tiven que tirar da memoria e atopei un par de marcas, bastante borradas pero que confirmaban o certo do camiño.

Cando chegamos á sólida pontella que cruza o pequeno ribeiro, e o camiño comezou a empinarse e a agocharse entre as xestas, acacias e toxos, foi tempo de deixar a conversa e abrir ben os ollos para non perder o rumbo ou caer, como me pasou a min, nunha fochanca.

Aínda así, anxo caído pero non vencido, seguimos atravesando a xungla sen queixarnos ¿a quen? ¿para que?, ata que divisamos a silueta do Mosteiro de San Joâo d’Arga, onde unha rapazada da Lusitania recibíanos, minutos despois, coas típicas caras de ¿pero de onde saen estes fulanos?. Nós, vellos pero aínda con folgos, continuamos sen visita-lo recinto sagrado, porque xa o fixeramos o domingo anterior.

O sol aínda arreaba hostias de lume cando cruzamos a estrada, cara o parque de merendas, e eu aproveitei para encher unha botella de auga e botar un bo grolo, mentres o Zalo insistía na súa poción, non sei se máxica ou non pero dou fe que lle deu forzas para subir cara o Châ do Guindeiro como si tivese vinte anos.

Eu seguía cos meus pensamentos, e co meu arquivo dixital, e cas forzas moito máis xustas (faltábame a miña poción máxica: a malandrina), aínda que lembraba que fai séculos, cando eu facía deporte case a diario, tampouco era quen de alcanzar ó touro de Paramos cando o terreo se puña vertical. Polo menos tiñamos sombra, a ratos, e a calzada de pedra debuxaba un recorrido realmente bonito, mentres gañabamos altura e perdíamos de vista o mosteiro.

Aínda que neste tramo atopamos algún sinal, tampouco era como para deixar o guía atrás, ou sexa a min, así que ó chegar a unha pista de terra, onde presentábanse tres opcións, puiden reunirme co meu amigo e chegar á chá, onde Lourenzo varría ca súa lingua o monte pelado, sen máis sombra que os xigantescos molinetes que, por falta de vento, custodiaban inmóbiles os cumios cercanos.

A dirección estaba clara, pero decidímonos a cheirar un carreiro que tiña boa pinta e, bingo, unha pintada amarela e vermella, pero que carallo de bingo, ese non era o noso sendeiro, nin outro do que tiveramos noticia, a pesares de que o val que se abría ós nosos pés era realmente apetecible. En fin, tivemos que deixalo para outro día.

Porque días teremos, incluso mantendo o formato orixinal dos Eivadiños, aínda que o goberno insista a fin de mes en recortarnos unha hora de sol. Outra vez, mentres seguimos contemplando o noso ascenso pola pista de terra, nun tramo que xa podemos chamar aéreo, volvemos co tema de marras, e xurde a dúbida de si contabilizar as saídas de Forcarei e Ancares, por exemplo, no computo destas convocatorias. E nesto chegamos a un acordo de mínimos, no que eu xa pensara para pórlle punto final ó tema: se hai crónica dámoslle o si. Contaremos as saídas por crónicas.

Agora que xa temos matizado o noso sinal de identidade, aínda que non sirva nin para tomar polo cu, podemos subirnos ó vértice xeodésico, que tampouco sirve máis que para alimentar o noso ego, e coroamos o punto máis alto do concello de Caminha: Pedra Alçada. Xa sei quen non chega ós oitocentos metros, pero válenos para encher o domingo de contido, que é do que se trata (eso é, encher o domingo de contido, outro motivo para anotar). Ademais, dende aquí todo o que nos queda é baixada, que xa se sabe que baixando tódolos santos axudan, incluso a dous ateos coma nós.

As panorámicas dende o cumio, e durante todo o descenso, son espectaculares, coa desembocadura do Miño a punto de ser devorada por un mar de nubes que avanzan precisamente dende o Atlántico, penetrando nos territorios das dúas ribeiras. Co relaxo de ir cara abaixo aproveitamos para por a parir a algúns dos personaxes do pasado, porque sempre é bo lembrarse dos amigos pero mellor é non esquecer xamais ós inimigos, por se acaso. Aínda que máis ben son eu o saco de rancor, coma sempre, porque o caudillo está máis preocupado por buscar o xeito de enlazar este tramo co da semana pasada, para traer os seus acólitos do CdC ou de Congostra.

Si, agora xa estou máis tranquilo, e non porque xa miramos, ala abaixo, a tiro de pedra (si a tira Zalo igual lle chega) a Capela de Arga de San Joâo, senón porque xa me da igual que leira é esta dos Eivadiños, ou si é palla mental, cobertura, motivo, fórmula ou club de boiescau, o tema é que o camiño, a compaña e a conversa ben pagan a pena, e si se pode repetir o próximo domingo pois vale, pois alédome. Ó final parece que todo queda nun feixe de verbas e de imaxes, pero tamén queda en saber que o vivimos, que o gozamos (que ninguén pense que estivemos a rozarnos, ¿eh?).

Pois iso, que chegamos á capela, sen máis incidencias, e tamén sen atopa-las marcas do trilho, e dende alí, nunha carreiriña de can, ata o coche, recocido polo sol coma nós. Xa no camiño de volta, aínda lle dimos outra volta máis, porque non sabemos estar calados, e repasamos as convocatorias de camiñantes, rillamillas, congostreños e ribeireños, por si coincidiamos algún día. E algún día coincidiremos, pero eso xa será outra historia.

E53 Trilho do Cabeço de Meio Día (Caminha)


Domingo, 14 de outubro de 2007


Nova incursión dos “Eivadiños” na serra da Arga. Escasa concorrencia pero con figuras reseñables: Anxo, Salomé, Zalo e Xacobe. A presencia do comandante sempre é unha bendición pra continuidade dos camiños, pois por onde pasa non volverá crece-la herba; pois virán tras el, Camiñantes, Rillamillas, ... A presencia do noso líder e fundador, Anxo de Lavadores, dálle caracter oficial a esta convocatoria fronte a outras aventuras paralelas de eivados que foron cazar culebras e buscar novas rutas.


O Stop, lugar habitual de encontro e degustación do arroz malandro estaba pechado, o que nos levou a descubrir outra das delicias gastronómicas do norte de noso amado Portugal: “Arroz ó Tamboril”, enriquecido con nobres mostras de peixe sapo e langostinos. Política, relixión, medio ambiente, presente e futuro amoroso do noso caro amigo Anxo, etc., foron temas de conversa que animaron o xantar.


Alá polas dúas e media hora local, sen a sagrada siesta pero coa a bendición de St.º Antão, comezamos a camiñar na “Arga da Cima. Salomé intentou, á saída e novamente á volta, tira-la capela do bendito, sen lograr movela un ápice por moito que empurrou. O camiño levounos por unha sucesión de “moinhos” con contundente tellado de laxas perfectamente conservados. Mesmo a través da porta ouvimos como moía o de Baixo. Sómente cunha nariz educada en Paramos poderíamos ter gozado do arume da fariña recén moída, pero os criados preto da cidade precisamos dun estímulo maior.


Preto de alí deixáramos a solemne Ponte de Porto Carro, que non mereceu a atención dalgún que perdeu os ollos nun deportivo vermello, ostentoso e pouco práctico pros veciños do cercano lugar de Varciela. Falando de especies intrusas, cabe mencionar que o somier aínda non fixo presencia nesta rexión, que mais ben está nun paso evolutivo anterior á cancela, pois nas mais das leiras o peche estaba feito de laxas.


Poucas mostras do outono atopamos no camiño e os mais dos castiñeiros aínda teñen os ourizos verdes; non así as peras e mazás que encheron as nosasmochilas. Como é habitual nas últimas semás, un tempo soleado acompañounos toda a andaina. Baixo a Ponte das Traves, chapuzón e escalada nudista para o sector masculino e baño de sol para o sector feminino.


A estas horas xa regresaban as ovellas de pacer, baixo a atenta mirada dende o outeiro, dunha pastora ataviada de chaleco e gorro de palla, como fixeran dende anos as veciñas do lugar de Gándara. Nesta aldea, unha viña de veira a veira do regato da Fraga, levou a imaxinación de anxo a vendimar dende a piragua. Pouca enerxía deben deixar na zona os modernos aeroxeradores que escoltan ós aínda operativos Moinhos da Gándara. A electricidade non ha de chegar para un moinho eléctrico. Finalizámo-lo percurso tras cruza-lo Pontâo do Lobo, que non foi difultade para o noso canciño retirado, que pasou lixeiro e ouveando.

E38 Trilho de Pedra Alçada (Caminha)





Domingo, 8 de xullo de 2007

Na véspera, cando comezan a sucederse antecedentes, abrín unha paréntese ás miñas obrigas laborais, iniciando a semana de vacacións, e vinme outra vez arrastrado a espremer os recunchos da miña axenda, para poderme saciar do zume desta estación caprichosa, empeñada en xogar ás agochadas.

Aproveitando a tregua que nos dan os ceos, onde se reflexa ata o infinito o gran azul, recollín a María, ese anxiño de ollos orientais, no seu refuxio, unha hora máis tarde do convido: os gritos do espertador se me antollaran susurros. A pesar do retraso, esta habitante permanente da miña cobertura emocional me premiou con un dos meus bocadillos favoritos (do Tamarindo), que ía colmando os meus sensores olfactivos mentres nos dirixiamos ós areais do Morrazo.

Chegamos ó Espacio Natural das dunas e piñeirais que conforman a silueta da Ensinada de Barra, transformado en un gran caos de tráfico, e nin con esas se non quitaron as ganas de praia. Finalmente puidemos estacionar a nosa armadura metálica, incapaz de deter os lóstregos do sol, e gozar dunhas horas fronte a un océano xeado, no que facemos pequenas mergulladas, intercalando soños e conversas preguiceiras.

Cos areais aínda invadidos por un exército helitrópico, abandonamos a posición horizontal e nos reunimos con Xacobe e a súa costela que, cousa estraña nestas terras, tamén se chama María, para facernos coas entradas do espectáculo que clausura o Festival Cómico e Festivo de Cangas. A pesares dunha serie de dificultades loxísticas, das que asumo totalmente a culpa, logramos facernos cos prezados boletos, e o celebramos no Cangaseiro, ese lugar fundacional para o meu imaxinario persoal, onde fai tres anos comecei esta colección de historias.

Ó solpor buscamos un sitio axeitado para encher con boas razóns os nosos bandullos, e acabamos recalando, non sen dar algunhas voltas, nun mesón enfrontado a Estación Marítima, que por máis que o intento non consigo lembrar o seu nome. Pedimos comida para catro e rematamos sendo sete, xa que se nos unen Miguel, Isabel e Lía, e temos que cear un pouco a presa, en medio das bromas que me gaño por atender os sorrisos da camareira.

Camiñamos as rúas da vila do Morrazo, perseguidos polas tebras, cara o Auditorio, onde se agolpan os entusiastas do teatro que teñen a mesma inquietude pola obra que aquí se representa.

A Compañía de Maite Merino nos ofreceu “Os monólogos da vaxina”, baseado nas entrevistas que Eve Ensler realizou a máis de duascentas mulleres sobre o seu sexo.

O resultado, no meu humilde criterio, está lonxe de facernos entender algunhas das incógnitas que se plantexan acerca desa parte da anatomía feminina, e os diálogos son inconexos aínda que a veces nos logren arrincar algunha gargallada, e outras algunha arruga no ceño, pero da que saímos sabendo máis ou menos o que sabíamos, ou sexa: pouco.

Para compensar este fiasco, este cardume de amigos resístese a abandonar a vila mariñeira, e aínda nos queda curiosidade para ver a actuación do Combo Roxo, un cuarteto de imposible clasificación, estonando irreverente versións dos clásicos modernos con letras nos que aflora unha crítica satírica deste país que algúns ámanos e todos sufrimos. Neste divertido grupo leva a percusión Patricia, a leona de Zamans, que viste ós efectivos franceses e galegos na Festa da Reconquista de Vigo. Aquí o veredicto é unánime, e todos saímos coa sorrisa posta, tanto que nos animamos a alongar a noite na outra beira da ría.

Xa sei que teño que madrugar, e que os excesos da noite vanme pasar factura despois nos camiños portugueses, pero quero seguir disfrutando da compaña dos meus seres queridos, e ademais no Vauxhall nos esperan a Criatura e Bego, a que non vemos dende que se foi á emigración a Catalunya. Lle sentaron ben os aires de Girona á nosa amiga, e o celebramos nunha Festa Gótica, na que somos a nota de color.

Todo esto sucede nas horas previas a que amañeza un novo domingo, lixeiramente resacoso, con déficit de soño, pero coas ganas intactas para regresar a sementar pegadas ó outra lado da fronteira. Porque insisto en repetir estes exercicios, e máis aínda, porque insisto en reproducilos, é algo no que debería indagar, aínda antes de acometer estas crónicas, pero ultimamente me aburren os meus propios pensamentos, así que me ergo sen conciencia, resolto a respostar só ós meus instintos.

Outra vez comendo en San Pedro da Torre, ou o que é o mesmo, no Stop, con Zalo, en período de recuperación, reincorporándose ás súas múltiples convocatorias, e con Ramón e Yuka, está última recuperándose dos efectos secundarios. Se non a coñecera pensaría que ten algo parecido a unha resaca, aínda que non esté no guión. Menos mal que a malandrina nos recompón os corpos e podemos decidir o destino dos nosos pasos.

Despedímonos do noso Emperador, que por fin volvese precavido e decide darlle un respiro á súa perniña doente, agora que está en período de recuperación, e poñemos rumbo a Caminha, traxecto que aproveito para pegarlle catro trabadas ó sono, mentres Ramón Alonso manexa a súa nave coa pericia habitual. Unha vez que sorteamos a fermosa Foz do Coura, abandonamos a liña costeira e comezamos a ascender por unha sucesión de curvas sinuosas cara a Serra D’Arga, da que quedamos prendados na anterior visita.

E unha vez internados na xeografía montañosa desta paraxe singular non nos é demasiado difícil atopar o punto de partida do noso sendeiro, o Trilho da Pedra Alçada, situado ó carón da Igrexa de San Joâo.

Recorremos o entorno deste recinto sagrado, composto por un sinxelo templo, un pequeno cemiterio e un frondoso souto de sobreiras, pero non atopamos ningunha sinalización que nos indique a dirección a seguir. Menos mal que Ramón toma o mando e, interpretando un diminuto mapa que saca do saco, condúcenos por un camiño empedrado que vai gañando metros cara o Alto das Penas, ou polo menos cara un cumio que identificamos como tal.

Deixamos ás nosas costas pequenos cultivos de millos ás beiras dun ribeiro, e o núcleo rural de Arga de San Joâo, e continuamos o suave ascenso con bastantes dúbidas sobre o axeitado dos nosos pasos, polo que Yuka e Ramón altérnanse en comandar a nosa reducida expedición. Aínda que non tardamos en sobrepasar unha caseta en ruínas, seguramente utilizada como garda forestal que tiñamos como referencia para confirmar que estamos no camiño correcto.

A pesares da inexistencia de marcas o trazado é ben evidente, xa que o camiño carreteiro non se bifurca en ningún momento, gañando amablemente metros cara as nubes. Agradecemos estas nubes que salpican a cúpula celeste, e a brisa serrán que nos baila o corpo, porque aínda con cambio climático a temperatura é a propia da estación, e estes ventos e sombras nos axudan na escalada por estas áridas, e sen embargo belas, paraxes.

Case sen esforzo, camiñando polas pedras centenarias, acadamos o Alto da Coroa, e desembocamos nunha pista forestal, de aquí xurde un ramal, un aire do sendeiro, polo que continuamos, admirando os estuarios do Coura e do Miño, e un Océano Atlántico modelando os litorais do norte portugués. De todo isto temos unha magnifica panorámica cando chegamos ó vértice xeodésico de Pedra Alçada, 742 metros sobre o nivel do mar, e máxima altura do noso itinerario.

Facemos unha breve pausa neste punto para admirar tamén o camiño recorrido, salpicado por grandes bolos graníticos, a sombras dos cales pastan greas de cabalos garranos en liberdade, e para hidratarnos e repoñer forzas coas barriñas enerxéticas que Yuka sempre leva na mochila. Despois volvemos sobre os nosos pasos, comezando o descenso polos Curros Grandes, e ó chegar ó inicio da calzada empedrada seguimos de fronte pola pista, coa novidade de que atopamos ¡por fin! as marcas do trilho, polo que teño que felicitar ós dous hábiles guías que me trouxeron ata aquí.

Conforme perdemos altura anímanse os ventos que nos refrescaron no ascenso, e que alimentan os xeradores eólicos dos molinetes que salpican o Alto das Cocanhas, mentres nos diriximos á súa aba, aliviados por inverter a verticalidade da nosa marcha.

Acadamos un pequeno prado, a Châ do Guindeiro, onde facemos un brusco cambio de dirección, pronunciando a baixada conforme seguimos o Regato da Fisga.

Mentres camiñamos por estes lugares solitarios conversamos animadamente sobre outras soidades, e do xeito de combatelas, e Yuka interésase polas miñas, e me recrimina tódalas oportunidades que vou deixando pasar.

Unha vez acadado este curso fluvial o camiño comeza a arborarse, primeiro timidamente, e despois dun xeito máis evidente, tendo dificultades incluso para seguir atopando marcas que, ata este momento, nos viñan acompañando. Abandonamos a pista forestal e seguimos por un camiño empedrado, nunha bela fraga que discorre a par do ribeiro, onde proliferan unha gran diversidade de especies arbóreas, arbustivas e herbáceas, que confiren unha interesante policromía á paisaxe.

Por este sendeiro acadamos un parque de merendas, situado onde as augas forman pozas que invitan a mergullarse. Aquí atopamos tamén as primeiras presenzas humanas, despois de dúas horas de travesía, favorecidos pola proximidade da estrada que ven de Arga de Baixo. Unha vez cruzado este firme asfaltado atopamos máis seareiros, atraídos sen dubida polo entorno do Mosteiro de San Joâo d’Arga. O mosteiro foi edificado no século VII por San Frutuoso, bispo de Braga, no reinado de Sisebuto, finalizando a súa construcción no ano 661. Os vestixios románicos, patentes na súa fachada, testemuñan a remota antigedade do templo.

O conxunto arquitectónico é impresionante, situado nunha atalaia privilexiada sobre o val escavado polo Ribeiro de San Joâo, e recorremos o interior dos seus muros, onde se atopan un sinxelo santuario, algunhas sobreiras centenarias, e fermosos corredores e soportais de pedra. Imaxinamos como sería a vida dos homes que habitaron estes solitarios lugares, entregados á oración e a laboura, neste recuncho afastado do mundo.

Como aínda temos camiño por diante, volvemos buscar os sinais que confirmen a nosa dirección, e recorremos a área recreativa do mosteiro, ó abrigo de xigantescas árbores, non sei se cedros ou abetos, pero non atopamos máis rastro que o lixo deixado polos domingueiros. Así que volvemos improvisar, interpretando o diminuto mapa, descendendo por algo semellante a un sendeiro, onde pouco a pouco vai crecendo a vexetación, ata que temos que botar man a tarefas de desbroce para acadar un pequeno ribeiro.

Coas súas ribeira invadidas por espesas formacións de acacias, se nos fai imposible camiñar por outro lugar que non sexa polo seu interior, e combinamos o sendeirismo co descenso de barrancos que, pese as reticencias de Yuka, resulta unha simpática aventura.

Bo, simpática porque logramos saír dese caos de pedras esvaradías e vexetación exuberante despois dun breve, pero intenso, recorrido polo leito fluvial, chegando a unha pontella de grandes lousas pola que discorre un camiño carreteiro, seguramente o que teríamos que coller en primeira instancia.

Aliviados por pisar un terreo bastante máis estable, afastámonos algúns metros do ribeiro, aínda inquedos por non poder confirmar a dirección, sen embargo non tardamos en atopar un solitario cruceiro de pedra, que testemuña este sendeiro que pisamos como a ruta que comunica o mosteiro coa poboación de Arga de San Joâo, onde deixamos estacionado o noso vehículo.

Por esta calzada de pedras desgastadas, en algunhas das cales é visible a pegada dos carros, chegamos finalmente o Ribeiro de San Joâo, que nos mostra a súa cara máis amable nunha bela fervenza que se derrama nunha poza de augas cristalinas, invitándonos a facer un alto no camiño e a mergullarnos nelas. Ramón e eu non tardamos demasiado en decidirnos e gozar deste pequeno anaco do paraíso, mentres Yuka se resiste ó feitizo desta piscina natural. O baño é breve, porque realmente o líquido elemento está a unha temperatura moi inferior a dos nosos corpos, pero saímos reconfortados coa súa aperta.

Dunha das súas beiras sae unha levada, pola que camiño uns metros para chegar a un balcón formado por unha xigantesca pedra dende onde teño unha visión espectacular do río que, varias decenas de metros abaixo se precipita entre as rocas formando unha belísima fervenza. Volvo sobre os meus pasos para reunirme cos meus amigos, non sen antes prometerme que volverei a inspeccionar o trazado desta conducción de auga.

Unha vez que deixamos atrás o curso fluvial, enlazamos cunha pista forestal por onde ascendemos lixeiramente, obtendo unha panorámica do traxecto que recorremos dende o mosteiro, e dende este camiño chegamos ás terras cultivadas, que nos anuncian a proximidade da poboación de Arga de San Joâo, onde nos sorprende unha extensa plantación de olivos. Atravesamos o pequeno núcleo rural, cruzándonos con rabaños de ovellas e tranquilos seareiros, ata chegar á estrada, que tamén cruzamos para chegar, despois de medio centenar de metros a igrexa de San Joâo, dende onde comezamos a debuxar o noso círculo de pegadas, cinco horas antes.

Como broche de ouro a unha xornada espléndida, volvemos ó Stop, a cumprir o antollo de Ramón de cear uns ovos con patacas fritas, ós que me sumo. Yuka, para marcar as diferencias, como fan as de Burgos, decantase por unha lulas, en fin, na variedade está o gusto. O certo é que quedamos satisfeitos, e non só pola cea, senón por haber recorrido outra vez estes territorios máxicos da nación veciña, nos que pesamos insistir dentro de sete días.

E36 Trilho Cabeço de Meio día (Caminha)

Domingo, 24 de xuño de 2007


Estou na obriga de confeccionar varias crónicas, antedecentes da resaca que seguiu á noite máis curta do ano, na que se multiplican modernos aquelarres polos sufridos areais da nosa xeografía, deixando un rastro inequívoco de cinzas, plásticos, vidros rotos, condóns, vómitos e pegadas confundidas, como o escenario dun campo de batalla, na que todos foron definitivamente derrotados.

E se me semella necesaria a crónica da véspera para explicar que as fogueiras de San Xoán non estaban nas miñas prioridades, o cal tampouco é estraño, porque nunca fun demasiado proclive ás intoxicacións etílicas colectivas, á procura do sexo espontáneo na area húmida nin ós ritmos electrónicos ou folclóricos cos que soen aderezar estas convocatorias.

Unha das edicións máis pracenteiras que lembro foi cando tiña dezaseis ou dezasete anos, e quedei só na casa vendo a película “Pedro Páramo”, do realizador galego Carlos Velo, cunha cervexiña fresquiña e un xaroto de polen.

Ademais tiña a escusa perfecta para evitar verme involucrado outro ano máis nestes ritos, ós que so me rindo ante a ausencia de mellores ofertas, xa que coincidía coa terceira xornada do Festival de Jazz de Vigo, o Imaxina Sons.

Así que, despois dunha sesta reparadora que aliviara as imposicións da quenda de maña, me reunín cunha parte deste grupo de “estorniños” (como di Yoli) que insistimos en cultivar, ademais da amizade, as nosas inquietudes culturais. Baixo os soportais da praza máis enigmática da cidade nos reunimos Miguel, Xacobe, Yuka, Ramón e máis eu, para refrescarnos antes de ascender ó Monte Castro, onde se atopa o singular edifico do Conservatorio.

Patrocinados por Estrela de Galicia, aínda que sexa en versión botellín, trasladamos os nosos reais ata ese pulmón verde metropolitano, onde chegamos ó comezo do concerto do S.O.S. Trío, con Virxilio da Silva na guitarra, Xacobe Martínez ó contrabaixo e Max Gómez á batería.

Estes tres avantaxados alumnos do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra nos ofrecen un repertorio de clásicos do xénero e de composicións propias durante unha hora escasa, durante a que non logran espertar o entusiasmo dos neófitos que, como Miguel, incluso se arrincan algunha sesta por fascículos. A Xacobe e a min, que xa os vimos en varias ocasións, agrádanos a súa execución incontestable a as súas pinceladas de swing, pero tamén nos apetece algo máis arriscado, para premiar a nosa fidelidade ó festival.

Como é un programa dobre depositamos as nosas esperanzas no segundo concerto, o do contrabaixista luso Carlos Bica e o seu Trío Azul, unha formación veterana no jazz do outro lado da fronteira, e non só nos sorprende senón que supón unha revelación que esperábamos para contaxiar o noso entusiasmo por estes ritmos ós amigos que nos acompañan.

Especialmente en estado de gracia estaba Jim Black, o batería, ou baterista como din os entendidos, con un despregue de cachivaches digno dunha ferretería que nos deleitou coa súa contundencia aporreando bombos e platillos, cunha ampla selección de novos sons, perfectamente secundados pola guitarra eléctrica de Frank Möbus, un xigante, en varios aspectos, que non deixou de xogar cun senfín de pedais durante todo o recital. Sen dúbida, un dos mellores da terceira edición do Imaxina Sons.

Saímos tarde do conservatorio, satisfeitos e famentos, e decidimos apelar ós bos sentimentos de Isaura, a patroa da Casa Gazpara, para que unha vez alimentada a alma tamén puideramos alimentar o corpo. Outra vez decide adoptarnos esta boa señora, e cos modais dunha aboa nos pon sobre a mesa unha fonte de chipiróns fritos con patacas, outra de pementos de Padrón, unha ensalada e unha fritura de pescadiños da ría.

Comemos con verdadeiro apetito todo o que nos ofrece, mentres se nos suman María e Iria, reclamando a atención de Xacobe, ás que intentamos convencer sen éxito das bondades da cociña local, e dos diversos linguaxes do jazz, que non teñen intención de entender, aínda que Iría, máis ben por cortesía, mostra algo de curiosidade polo tema. Tamén sumásenos a Chinita, a quen tampouco seducen as fogueiras da praia, para compartir cafés, licores e xarotos con este desordenado e variopinto exército.

Unha vez que consensuamos a axenda de Xacobe, para repartirnos a este bo mozo entre María i eu, e despois de firmar unha tregua indefinida, baixamos cara o Berbés, para ver os restos da fogueira do Casco Vello, onde fai tempo que rematou a representación e onde minguaron bastante as lapas. É so unha visita de conveniencia, para arrastrar outra vez ó grupo cara ao terceiro concerto da xornada, cando xa fai unha hora que ingresamos no domingo. E, aínda que conseguimos arrastrar ó grupo cara o Manteca, non podemos evitar as desercións en masa.

Mentres o Pablo Seoane Trío faise escoitar entre a chusma canalla do Manteca, abandónanme os amigos, cara os seus cuarteis do inverno, agora que desapareceron as estacións, cada un empurrado polos seus propios motivos.

Ramón e Yuka non aguantan un tema, esgotados pola inxestión masiva de jazz e peixiños, e polo pouco acostumados que teñen os corpos a estes ambientes viciados e viciosos; Chinita e Miguel non aguantan máis de dous, os que tardan en baixarse unha copa, e emigran cara os locais de Churruca; Xacobe, Iría e María chegan ata a metade do concerto, aínda máis que nada pola insistencia de Petete, que non logra espertar o interese por esta música nas súas acompañantes.

Así despídense estes anacos da miña cobertura afectiva, ata deixarme coa única compañía das composicións de Thelonius Monk e de Chick Corea.

Pero non me dura moito a soidade, porque rematou compartíndoa con Emilio, que ten gran parte de culpa da miña adición a estes ritmos que remiten, aquí teño que darlle a razón a Iria, ás películas en branco e negro de detectives golpeados, mulleres fatais e asasinos a soldo.

Esgotado o recital aínda teño forzas de reunirme outra vez con Miguel, Xaime e María na Iguana e na Fábrica, que están insólitamente desertas, xa que os seareiros habituais se precipitaron ás praias, para empenicarse e bailar á luz das fogueiras.

Como si estivera dentro delas volvo a casa un par de horas despois, máis queimado que Xoana de Arco, cando xa pasaron as cinco da mañá, esfollándome como unha margarita e espallando os pétalos que me cobren polo chan da habitación.

Así que amañezo, estrañamente, sen as típicas formigas pastando na miña cachola, e as teas de araña non tiveron o tempo suficiente para cicatrizar sobre os meus ollos, ou sexa que aínda non chegou a resaca. Que bendición: aínda non estou sufrindo as consecuencias.

E antes de que soe o espertador xa estou facendo equilibrios sobre a roupa sementada sobre a alfombra, para atender ás mensaxes que me envía o satélite. Un deles di: “Vou pa la”, outro di: “Vou pa i”, lacónicas misivas que me anuncian que Miguel e María se suman á convocatoria dominical para compensar con osíxeno a inxestión de toxinas da véspera.

Comparto un café coa Chinita, que se adiantou á cita, confundindo as cuarto e as menos cuarto, mentres encho desordenadamente a mochila con camisetas térmicas, mapas portugueses, chuvasqueiros, panos piratas e outros “por se acaso”, como calzón de reposto, pensando no que sempre me dí a miña nai.

Mentres apuramos o café, aproveito que o meu compañeiro se ergueu da cama, para descargar as fotografías e os vídeos dos concertos no seu ordenador, e ter libre a memoria para que non me pase como ós peixes. En definitiva é o que motiva estas crónicas, exercitar a memoria para que non se confundan os camiños, os concertos e as persoas, e quede constancia destes días que estamos compartindo.

No punto de encontro habitual embarcamos na nave dos seguidores do piloto asturiano, e emulándoo nos levan máis alá da fronteira, ata chegar a ese sinal de tráfico que nos obriga a deternos para repostar, e así manter os niveis de malandrina nunha proporción aceptable.

A pesares de que a sección feminina opte por la disidencia en forma de lulas con patacas, os que seguimos a tradición volvemos insistir nese prato fundamental no noso imaxinario colectivo.

Unha vez apaciguados os nosos bandullos, vólvemos ó asfalto, pero na rotonda non xiramos á esquerda, seguindo a nosa inclinación natural cara as terras do Coura, senón que continuamos de fronte, cara Caminha, á que chegamos despois de dar unha volta por Vilar de Mouros, debido a precariedade dos mapas de estradas que manexamos (a pesares dos bos oficios de Yuka como copiloto).

Seguimos as indicacións cara a Serra d’Arga, aínda que nalgún momento Ramón teña que saír a interrogar a algunha ancián enloitada sobre a dirección correcta, mentres eu teño algún efecto secundario das sustancias inxeridas na noite anterior, e os torturo coas miñas prácticas de portugués.

Unha vez que comezamos a ascender polas serpenteantes estradas da serra, asistimos atónitos a unha paisaxe de montaña que non esperabamos, como si estivésemos nas estibacións dos Picos de Europa, a pesar de que a altitude é moitísimo máis modesta.

Buscamos na toponimia que nos sae ó paso algún indicio que nos leve ó noso punto de partida, a Capela de Santo Antão, á que chegamos bastante máis tarde do previsto, xa que unha boa visión do terreo polo que habemos sementar as nosas pegadas.

A pequena ermida ten dous pequenos petos: un para os santos e outro para as almas, pero nós non deixamos máis esmola que os “ais” que nos arrancas os estiramentos obrigados antes de acometer este tipo de actividades. Con estas contorsións alarmamos a un rabaño de pacíficas ovellas, e interrompemos momentaneamente o seu monótono mastigar de herbas e raíces, mentres decidimos cal das tres marcas que atopamos sinala o inicio do trilho do Cabeço do Meio Día.

Decidimos desbotar as marcas que se atopan nas inmediacións do templo e seguir o indicador de madeira que nos ordena cruza-la estrada que nos trouxo ata aquí. Un vello transformador, onde están os incontestables trazos vermellos e amarelos, nos anticipa unha serra erma, colonizada por carrascos e pedras, na que nos internamos por unha pista forestal.

En varias ocasións bifúrcase, e vémonos na obriga de indagar en busca da dirección correcta, aínda que tampouco invertemos demasiado tempo nelo.

Pasamos baixo un pequeno outeiro, onde observamos unha senlleira construcción de pedra, pode que o abrigo de cazadores do lobo que está indicado no mapa, aínda que a curiosidade, cando estamos comezando o sendeiro, non é tanta como para ascender entre os toxos, así que continuamos ata acadar o Ribeiro das Pombas, coas súas beiras pregadas de prados, pequenos soutos e campos de millo.

Cruzamos este curso fluvial por un senlleiro paso de pedras, onde María dáse conta que, coas presas, esqueceuse de traer un calzado axeitado e fai equilibrios para non mollar as zapatillas do ximnasio. Unha vez na outra beira visitamos o Muíño das Pombas de Baixo, do que nos chama a atención as grandes lousas de pedra que forman o teito, e curioseamos no seu interior que está ben conservado.

A paisaxe que se estende ante nós, fertilizado polas augas que cruzamos, é dunha beleza que non acado a describir, polo que disparo unha ducia de fotografías, que me aforran un milleiro de palabras. Aínda así é difícil reproducir as sensacións que, conforme avanzamos polo Lombo dos Pichos, dando as costas a un estreito salto de auga e as ruínas do Moinho Velho, producíanse neste corpiño meu: seguía lixeiramente ebrio, tal e como amencera, a pesar de que os meus poros comezaban a cuspir gotas salinas de alcohol destilado, e a vez entraban nas miñas veas pequenos fragmentos deste territorio que xa comezaba a sentir como meu, como noso.

Conforme avanzamos, sempre próximos ó serpenteante río, alternamos prados asolagados, piñeirais descontinuos e outras agrupacións típicas de ribeira, con terreos máis inhóspitos, onde só hai pedras e carrascos. Chegamos así ó núcleo rural de Varziela, que forma parte da poboación de Arga de Baixo, onde se multiplican os campos de millo, e que atravesamos brevemente, non sen marabillarnos polas mostras de arquitectura popular que atopamos ó noso paso.

Abandonamos a aldea por unha calzada de pedra coidadosamente conservada, por onde, en sentido contrario ó noso, avanza un rabaño de ovellas curiosas que se preguntan se a cámara será comestible. As indicacións nos obrigan a desestimar a preciosa vía pétrea e introducirnos novamente nun camiño forestal que nos leva o Ribeiro da Arga, que baña e nomea a esta serra, que cruzamos novamente polo ponte de Porto Carro, con media ducia de pilares de pedra, desgastada polo continuo bater das augas, e un pouco máis adiante atopamos outro enxeño hidráulico, o Moinho de Baixo.

Atrás deixamos o aire que nos levaría ata o Cabeço do Meio Día, que ostenta a altitude de 550 metros, e dende onde poderíamos apreciar unha fantástica vista da Serra d’Arga, pero estamos inquedos pola posibilidade de refrescarnos en algunha poza que nos ofreza seguridade para elo, polo que continuamos ata atopar o Moinho das Traves, que anticipa unha zona na que temos que deternos obrigatoriamente.

Sobre as augas do Ribeiro da Arga álzase o precioso Ponte das Traves, e baixo el atopase unha piscina natural coas dimensións idóneas para satisfacer os nosos desexos, antes de precipitarse nunha pequena fervenza. Miguel máis eu dubidamos o xusto, antes de destrepar pola parede de pedra, nun verdadeiro “so integral”, xa que deixamos as nosas roupas arriba, para entrar neste espello líquido, a unha temperatura máis agradable do que cabería esperar.

Un anaco do paraíso onde recuperamos, por un momento, a inocencia, mentres María lánzanos unha ducia de disparos fotográficos, certeiros como os de aqueles francotiradores de Stalingrado retratados na magnifica “Inimigo ás portas”. Non hai nada máis agradable que comer cando se ten fame, soñar cando se ten sono, e mergullarte nun río limpo cando se ten calor. Aínda que, polo visto, ninguén ten a mesma fame, nin os mesmos soños, nin os mesmos calores. Cuestións que respecto, pero que a veces se me fan difíciles de comprender.

Non sen mágoa temos que saír do noso leito acuático, e volver cubrir as nosas vergoñas (aínda que non teñamos), e aquí é onde me lembro da miña nai, e lle agradezo ter uns calzóns limpos para facer a derradeira etapa do traxecto, e poder cambiar tamén a camiseta, que para algo levo cargando os “por se acaso” durante todo o camiño, que reanudamos limpos e secos, seguindo a montante polo mesmo río.
Mentres continuo este incesante indagar nas augas profundas da memoria, volven mesturarse pequenas xoias vertidas ó chou, e teño ganas de refacer os folios que levan cuspido os meus dedos, para volver facer este camiño que comezou o sábado pola tarde. Pero estas crónicas, debido ás miñas carencias informáticas, son efémeras, e teño que recuperar a memoria onde a deixei, obviando os detalles que non fun quen de rexistrar no seu momento.

Así que volvemos ó Ponte das Traves, onde tivemos cumprimento a algún dos nosos soños. Outros, sen embargo, como os que fomos debuxando mentres dábamos as costas ó Ribeiro da Arga, aínda co seu alento fresco bailándonos o corpo, parece que se resisten, como este verano preguiceiro que aínda ten ganas de primavera.

Non perdemos de vista o río durante moito tempo, e tras un breve ascenso acadamos a vista das primeiras casas de Gandara, que abre unha fenda azul nos seus campos, derramándose sobre estreitas paredes de granito e formando unha fermosa fervenza. Cara ela nos leva o camiño, e nos detemos no Moinho da Fiucha, que abre ante nós a súa porta para que nos sorprendan os seus elementos intactos, listos para moer o gran. Aquí non me resisto a levarme un pequeno tesouro da etnográfica local, a pesares de incrementar notablemente o peso da mochila, e os reproches que me fai Yuka que me fan sentir un turista que se leva un fragmento dunha pirámide exipcia.

Cruzamos outra vez o río, uns por un paso de poldras e outros pola ponte por onde discorre a estrada que comunica diversos lugares da serra, para introducirnos na aldea, onde as seareiras se agolpan no banquillo, como si estivesen esperando para saltar a un imaxinario terreo de xogo, gozando dos aloumiños do sol e desatando as linguas. Mentres estas veciñas se entregan ó ocio, outra comanda un rabaño de ovellas, como viñeron facendo os seus antepasados dende a noite dos tempos.

Abandonando o pobo polo Pontilhao que sortea outra vez o río, sorpréndenos á nosa esquerda a visión das viñas que forman un túnel vexetal polo que desaparece a auga, e a nosa dereita os Moinhos de Granda, movidos polo Regato da Fraga, subindo pola aba dun outeiro, cara onde nos diriximos. Como curiosidade observamos as enormes tocas de pedra cos que están apuntaladas as súas canles e, aínda que non cheguemos ás tres horas de camiñata, me pregunto se non me farán falla algunhas, non sei precisar de que material, para apuntalar as miñas pernas, esgotadas da intensidade do fin de semana.

Por sorte, consultando o mapa do trilho, estimamos que queda pouco para completar o círculo, e antes de finalizar buscamos un interesante elemento de inestimable valor no patrimonio etnográfica da serra: o Pontâo do Lobo. Este consiste nunha serie de lousas toscas, dispostas en vertical e formando un curioso arco. A Ramón semella que non lle chegou e intenta alongar o sendeiro cara á montaña, pero conseguimos disuadilo e volver sobre os nosos pasos para acadar o lugar de Lousado, onde se atopa o noso vehículo.

Antes de regresar á metrópole facemos un alto en Arga da Cima, para refrescarnos con Super Bock, Sagres Zero e xeados Olá na Taberna do Horacio, onde os seareiros xogan a cartas. As nosas nos sorriron outra vez, despois de descubrir Corno do Bico, en Paredes de Coura, ou as Lagoas de Bertiandos, en Ponte de Lima, sumamos outro lugar con encanto ó noso imaxinario colectivo, ó que non dubidaremos en volver.

Polo de agora volvemos cara a nosa cidade de orixe, que nos recibe cunhas nubes incontinentes. A Miguel e a min, apenas danos tempo de pasar pola ducha e cear atropeladamente no Tamarindo, e saír correndo ó centro cultural, para o concerto de clausura do Festival de Jazz de Vigo. Imos obviar os detalles dos continuos desprezos ós que me someten as estrelas, pese as miñas bos intencións: as miñas invitacións caen en saco roto.

Reunímonos con Xacobe, que ven con sobredose de jazz, para darlle a puntilla, xa que Chano Domínguez co seu New Flamenco Sound ten tódalas trazas de ofrecernos un espectáculo intenso. Aínda que teño que subliñar que non é o pianista gaditano o que me ten ancorado ó asento, facéndome disfrutar a pesar das miñas reticencias coa mestura da música andaluza e o jazz, senón os seus acompañantes de luxo, especialmente Llibert Fortuny no saxofón, Marc Miralta na batería e Marina Albero nos teclados, salterio e vibráfono. Os integrantes máis sureños: Tomasito, Kejío e Piraña me resultan, como agardaba, prescindibles.

Do que non prescindo, para pór un broche de ouro a este finde completiño, é a tomar unha cervexa ou varias, na compaña da Brujita, para facerlle un relato de todo esto que agora escribo, mentres ela me pon ó día das súas andanzas pola Illa de Ons, lugar que, cun pouco de sorte, serán obxecto de algunha destas Crónicas Eivadiñas.

Seguidores