Mostrando entradas con la etiqueta Val d'Agri. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Val d'Agri. Mostrar todas las entradas

E96 Sentiero di Scruppo (Val d’Agri)

Mércores, 26 de novembro de 2008

E92 Sentiero di Scruppo (Val d’Agri)



Xoves, 2 de outubro de 2008

Un novo amencer sorpréndeme coas pegadas confundidas nas xeografías amables que recorrín á par dos soños, e sorríolle ós espertadores insólitos, ó alento xeado das baldosas, ás escaleiras que enredan as miñas pernas e ós ladridos desganados das nubes. O estraño magnetismo das montañas lucanas exerce unha atracción sobre o meu ánimo que me fai desprezar as secuelas da aventura de fai uns días, onde me atopei en certos apuros sobre os que non insistirei. E ademais estou, como quen di, de aniversario, porque fai dous anos e un día comecei con esta saga de conquistas, abrindo surco na terra e sementando verbas, para devolverme ese sabor doce dos grandes espazos e seguir sumándoos ó meu imaxinario particular.

Non atopo mellor maneira de celebrar que camiñando, con máis ganas aínda conforme voume acercando ó centenar destas crónicas, apurando un capuccino na piazza de Marsico e uns bicos ricos fronte ó officio postale. A cúpula celeste recibe as primeiras luces parcialmente cuberto de dúbidas, e ben que o agradezo, xa que teño intención de chegar canto antes ó depósito de auga para ver si son quen de inzarme a algún dos cumios que se atopan tras o Monte Camporeale. Así que non me entreteño recollendo víveres nas hortas da ribeira do fiume Agri, e cando chego á ponte metálica que o atravesa desfágome das prendas innecesarias para o ascenso, que me prometín urxente.

Tamén propúxenme non facer ningunha toma dixital ata chegar ás estibacións da montaña, para gañar tempo e contabilizalo a fin de sacar algunha conclusión proveitosa para o futuro. Acometo as primeiras rampas da pista que circunvala a diga con unhas forzas que saen do entusiasmo do descoñecido, escrutando nas liñas do horizonte algunha na que se alberguen os meus soños. Por estes camiños solitarios, nos que nunca atopei a ninguén máis que a miña sombra, chego ó derradeiro núcleo marsicano habitado, e outra vez volto a pisar o sendeiro en desuso que o rodea. Son un fantasma que atravesa o poboado no que non esperto nin a curiosidade dos cans. Así, perseguíndome a min mesmo, acometo esa lingua de asfalto que me separa da miña verdadeira aventura, gañando metros con avidez.

Cos ollos permanentemente debuxando posibilidades no horizonte ascendo pola estreita estrada ata acadar o meu primeiro obxectivo, o deposito de auga, ás nove e cuarto da mañá, unha hora e media despois de comezar a camiñata, co que melloro en media hora o tempo que invertín dous días antes para salvar esta mesma distancia. Satisfeito por esta nova marca refréscome na fonte e me entreteño algúns minutos fotografando uns magníficos exemplares de eses descendentes dos uros europeos que son os bovinos lucanos, mentres avanzo polo mesmo camiño de sempre, entre faias e carballos, buscando un sendeiro que parte en dous a montaña de Camporeale.

Cando chego a el tomo a variante da dereita, que xa coñezo da andaina que denominei, en ausencia de outras referencias, a Serra de Calvello, e a pouco de internarme nel comezo a constatar as diferencias da paisaxe. Si na variante esquerda adentrábame nun faial compacto, formando unha cúpula esmeralda e co chan alfombrado de frouma, aquí atópome cunha masa forestal composta por piñeiros diseminados, e por un firme descarnado de caliza fragmentada. En compensación teño unhas boas vistas ó val e ademais podo avanzar con máis lixeireza e con menor esforzo, xa que o sendeiro describe unha uve perfecta, que en pouco menos de quince minutos desemboca nunha ampla pista e nun pequeno outeiro dende a que podo divisar os cumios de Camporeale e de Scruppo.

Esta vez son as faias as que suceden ós piñeiros, ata colonizar case totalmente a serra, creando unha fraga de beleza singular, un deses lugares que paga a pena camiñar unha e outra vez. Alentado pola espectacularidade da paisaxe continúa a ascensión ata que, pouco a pouco, a pendente suavizase buscando o corazón desta selva onde resoan os cantos dunha orquestra de paxaros invisibles. Tamén aquí me atopo con unha variedade asombrosa de funghi, algún deles de gran tamaño, que farían as delicias dos afeizoados a micoloxía, uns entre as follas que o outono vai sementando e outros nos troncos das árbores. É a segunda vez que camiño esta faggeta e non dubido nin un so momento na dirección que teño que seguir ata que o camiño comeza a descender levemente e me atopo con unha bifurcación. A esquerda pronúnciase o descenso e xa coñezo cara onde vai: cara a estrada de Calvello.

Cara miña destra iniciase un sendeiro descoñecido, que ascende case dunha maneira imperceptible entre a espesura da fraga, e a incógnita cara onde desemboca faime bailar o desexo nos ollos, ese desexo de territorios insólitos, que aínda non levo debuxados na xeografía particular que forma o meu imaxinario pero que estou ansioso por sumar. Síntome invadido por un deses motores que moveron, dende a noite dos tempos, a historia da humanidade: a curiosidade, a aventura de descubrir novos camiños, sexan estes físicos ou non. E non quero dicir que todo o recorrido que me trouxo ata aquí sexa menos importante porque, aínda que xa descifrara os seus segredos, son moitos os matices que o cambio de estación imprime na paisaxe.

Avanzo pois por estes inexorables terreos facendo un cálculo mental sobre o punto espacial no que me atopo, e todo me fai supoñer que estou rodeando o Monte Scruppo, que dende o val, situado mil metros máis abaixo, ten unha forma redondeada e polo tanto non se presupón demasiado inaccesible. E avanzando por esta senda alfombrada das primeiras froumas a pendente acentúase e ó final ábrese unha fiestra ó ceo e por ela accedo a un outeiro desarborado. Apresúrome a indagar nas súas atalaias e dende unha delas diviso unha dorsal montañosa, na que é fácil identificar o cumio do Pierfaone (1727 metros) pola presencia de dúas grandes antenas, e os máis pretos montes Airoso (1709 mts) e Timpa d’Albano (1625 mts). A dorsal prosigue máis alá do Pierfaone e despois da interrupción do Valico della Sellata (1255 mts), co relieve de Monteforte (1444 mts) e Serraneta (1475 mts). Ós meus pes esténdese a Serra di Calvello, unha extensa mancha verde na que non distingo ningunha poboación.

Sen embargo é ás costas de todo este complexo de natureza calcáreo-dolomitica, onde se atopa o meu obxectivo: o Scruppo (1699 mts), que podo adiviñar tras unha sucesión de outeiros conectados entre si por pequenas formacións boscosas. Cando me dispoño a atravesar a primeira delas atopo os sinais vermellos e brancos característicos dos sendeiros de gran recorrido, e as vou seguindo sen dificultade entre faias, carballos e acevos. No seguinte outeiro tamén podo observar o cumio de Camporeale (1661 mts) que coroei fai só dous días, e me deteño a debuxar coa vista o itinerario que me trouxo ata aquí, cruzando unha masa forestal na que, pouco a pouco, vou descubrindo referencias para o regreso.

Pero aínda avanzo seguindo as marcas do GR cara ó punto máis alto, mentres ó meu paso atopo algúns exemplares de vacas lucanas que me observan con desinterés. Despois de atravesar a última das formacións arbóreas atópome cun desnivel pronunciado, e unha vez que o salvo adquiro unha ampla visión dos vales e montañas que me rodean, camiñando pola loma cimeira ata acadar unha mariola de pedras que marca o seu punto máis alto. Pese á súa forma redondeada é un cumio bonito, enfrontado ó Massiccio del Volturino, que cos seus 1836 metros é o máis alto dos que rodean o Val d’Agri, e ó Monte San Nicola (1315 mts) que emerxe dende o centro do val entre o triangulo formado polas poboacións de Marsico Nuovo, Paterno e Marsico Vetere.

Da miña mochila quito a botella de auga, galletas de chocolate e unhas noces que recollín á beira do río, e busco abrigo para refuxiarme do vento que azouta a cresta, moi preto de onde pastan ou sestean as mais montañeiras das vacas, cunha cor que se confunde cos das nubes. Boto unha ollada ó móbil para ve-la hora: son as once e cuarto, o que quere dicir que invertín catro horas e media en completar o ascenso, e que me quedan menos de tres para o descenso. Así que me hidrato e alimento unhas bolboretas desfalecidas pero satisfeitas, e quito unha ducia de fotos e un vídeo panorámico, e vinte minutos despois de facerme co cumio comezo a desfacer os meus pasos, sen poder evitar voltearme unha e outra vez cara a mariola, que vexo cada vez máis diminuta.

Tamén entretéñome en divisar a poboación de Abriola, a 957 metros de altitude, e situada sobre tres lombos rochosos, centro dun amplo paraxe na que tamén destacan o Monte Pierfaone, a Groppa di Anzi e, moito máis lonxe, pero visible dende a miña atalaia, os cumios dos Dolomiti Lucani. E moito máis preto o pobo de Calvello, no corazón da montaña potentina, enclavado entre a Sellata e o Volturino.

Disparo as derradeiras tomas e volvo retomar o sendeiro marcado cos sinais brancos e vermellos, que debo investigar para próximas aventuras marsicanas, e sinto que a miña mochila leva agora un prezado cargamento. Quizais non sexa este o día perfecto, pero pouco lle falta para elo, así que para que non xurda ningunha complicación decídome a facer o mesmo itinerario polo que ascendín, porque a experiencia me di que improvisar os descensos non é boa idea, que xa tiven bastante aventura fai só dous días.

A única pega da xornada é unha lixeira molestia na planta do pé dereito, concretamente na base do dedo gordo, que motivara que no cumio me descalzase e lle aplicase un vigoroso masaxe, por si era consecuencia da caída nos cantís de Monteferro.

Os síntomas incrementáronse no descenso, sobretodo nos tramos nos que o desnivel se intensificaba, aínda que mentres camiñaba pola dorsal da montaña o percibía como un prezo insignificante polas marabillosas panorámicas que me ofrecía, e tamén por empatar os camiños sen dificultade para chegar ata ela.

Así que me interno outra vez na fageetta coa incertidume das condicións nas que rematarei o recorrido, aínda que outra vez a beleza dos camiños alfombrados de frouma, da cúpula esmeralda que me coroa e da polifonía dos cantos dos paxaros invisibles, fanme esquecer esa incipiente dor que aniña na miña bota. Un máis, para esa colección de dores que atesouro.

A pesares deste contratempo avanzo a bo paso entre a espesa formación de faias, sumando estes sendeiros que xa levo debuxados no meu imaxinario particular, e láiome sinceramente de non compartilos con algún da miña especie.

Non tardo en chegar outra vez á “Zeta”, o sinuoso camiño que cruza ó outeiro que existe entre os montes Camporeale e Scruppo, entre pequenos piñeiros e calizas fragmentadas, onde me asombro ó lembrar que algunhas das mariolas que marcan o descenso construínas eu, na miña primeira visita a Serrra di Calvello, para non perderme na néboa.

E como daquela, cando estou a punto de acadar o depósito de auga, por unha estraña coincidencia, axitase o satélite e a miña metade inquíreme por si alcancei os meus obxectivos, e lle agradezo as súas atencións, aínda que tamén declino o ofrecemento para acurtar o camiño, porque aínda é a unha da tarde, e si fixen a subida en hora e media teño que ser quen de facela baixada nunha hora.

Así que volvo apurar os metros que me separan do asfalto, e unha vez alí, provocando unha escorrentada de vacas albinas, apresuro o regreso.

Conforme perdo altitude pola estreita estrada que comunica a montaña coa poboación marsicana constato como, pouco a pouco, as xigantescas formacións de cetáceos níveos que había no ceo devoráronse entre elas e tinguiron o horizonte dunha pátina cobriza, quizais anticipando algunhas precipitacións, e esto anímame a esquecerme da molestia do pé e a incrementar a velocidade, incluso botando algunha carreira que fai que o meu corazón berre como un cativo asustado. Chegando ás inmediacións do Campo del’Albero Trombato sáeme ó paso un can e como precaución énchome as mans de pedras, aínda que non é necesario porque deseguida diviso un rabaño de cabras esparcido en torno a un árbore e dende a estrada a silueta do pastor, vixiante.

O home ten unha sucesión de capas de roupa e o rostro surcado por mil engurras, podería ter cincuenta anos ou cento cincuenta, e berra nun dialecto incomprensible ás que pretenden alonxarse da manada, mentres axita ameazante un bastón que pode romperlle as costas a unha vaca. Detéñome ante a súa mirada inquisitiva e sabia, de esa sabiduria que non se adquire nos libros. Sorprendido polo meu aspecto e da dirección da que veño, pregúntame que fago por estas terras, e no meu precario e macarrónico italiano, ó máis puro estilo de Tonino Carotone, contéstolle que veño da montaña. ¿Funghi?, pregúntame estrañado de que non leve unha cesta na man, aínda que sinalando a miña mochila. Non, lle contesto, simplemente camiño, por camiñar. Tamén me pregunta cara onde vou, e cando lle contesto que a Marsico lle xorden máis preguntas ¿Que cosa fai a Marsico? ¿Laborare?. Outra vez o desconcerto cando lle digo que estou de vacacións, e que son da Galiza, no estado español. Se lle prende unha luz dentro da cabeza, e se transforma nun sorriso que se abre paso entre as súas enrrugar, ¡Io ho un amico spagnolo! Manolo, capelli lunghi, de Badalona, me espeta o paisano. Pois non, vai ser que non o coñezo, é que Vigo non queda moi preto de Badalona... Que tío máis raro, pensa, que non coñece a Manolo... Así que me despide e volta coas súas cabras.

Son pequenas anécdotas que dan máis valor ó camiño, e con esta na mochila descendo rapidamente ata Camporeale, ata a diga, o fiume, a città, e ata a miña innamorata. E podería contar todo esto con máis detalle, pero, cada un ten as súas manías, así que so escribirei tres letras máis: Fin.

E91 Sentiero di Camporeale (Val d’Agri)



Martes, 30 de setembro de 2008

Sorrío ó amencer cunha xeografía de soños entre as mans, quizais aínda siga soñando cos ollos vernizados de sorrisos e por iso se que inquietan as pegadas, desexosas de seguir xerando motivos. Os espertadores simultáneos desfán as nosas apertas matinais, pero nas extremidades nos xerminan un cardume de intencións, mentres o sol comeza a acariñar as curvas amables da Basilicata. Tamén quero sementar nesa orografía estes afectos que os soños me teceron e volvo sorrir o alento xeado das montañas, nas que debuxo unha melodía para que me baile nas próximas horas, mentres a miña metade recorre as portas de Pergola, cun saco cheo de verbas.

Aínda non son as oito da mañá cando comezo a descender cara o fiume Agri, dándolle as costas ó roccaforte onde se atopa o casco urbán de Marsico Nuovo, escrutando as liñas duns obxectivos que aínda non teño definidos, pero cara os que me dirixo con paso firme. Non espertaron nin os cans, no pequeno patio traseiro da città, mentres avanzo pola delgada lingua de asfalto que discorre ata San Giovanni, ata enfrontar o outeiro que foi conquistado polos badulaques.

Outra vez sorrío lembrando os lamentos de Habibi mentres acometía a ascensión de este diminuto cumio como se estivese sorteando o desnivel dalgún monte pirenaico. E mentres sigo sumando sorrisos o ceo comeza a anticiparme unha bonanza que non estaba nas miñas predicións meteorolóxicas, á vez que o terreo vólvese terroso e horizontal ó chegar ás beiras do río.

O camiño que discorre pola marxe esquerda do Agri é territorio propicio para unha variedade de cultivos, e nos primeiros metros saboreo os riquísimos froitos da diversidade marsicana: peras, mazás, figos... e incluso recado noces e castañas para máis adiante. Nas hortas que se suceden ó longo desta senda fluvial tamén se sementan tomates, pementos e millo, coloreando a paisaxe que pon contrapunto a unha canle emboscada, co ventre empachado de electrodomésticos. Tamén eu vou facendo a dixestión do capuccino matinal e de toda a froita inxerida no corto traxecto que levo mentres cruzo pola ponte metálica que comunica a pista que sube ata a Diga.

Acometo os primeiros tramos da pista que circunvala o encoro con determinación, mentres os desniveis vanme espertando os suores, e vou perdendo auga e sales, aínda que afortunadamente levo dous litros no depósito para non quedarme nos niveis mínimos nos que se atopa esta reserva hidrolóxica da Lucania. Como contraste a todo isto a vexetación creceu nos últimos meses e atopo o camiño cuberto de xestas en bastantes tramos, conforme me introduzo nunha fraga onde o outono non tinguiu as follas dos carballos, castiñeiros e faias. Non tardo en abandonar tamén o círculo que rodea a Diga e por unha sucesión de pequenos sendeiros que xa me son familiares, é a terceira vez que subo por eles, avanzo cara o Deposito de auga, e ata os primeiros prados de Camporeale, derradeiro núcleo habitado no itinerario.

O de habitado é un supoñer, porque cando chego á pequena estrada que o comunica con Marsico Nuovo sigo sen espertar nin tan sequera o interese dos cans, si é que os hai, así que ó pasar diante das primeiras casas collo o primeiro atallo cara as terras altas e lle dou as costas ó pobo. Este estreitísimo sendeiro atopase ó límite do accesible, xa que tamén aquí multiplicaron a súa altura as herbas e xestas, e incluso os carballos xoves crearon unha barreira natural que, aínda que non é infranqueable, dificulta bastante o avance. Hai unha variedade incrible de fungos e cogomelos, e entre elas algunha criatura fai que me crezan alas nos talóns, como a aquel heroe grego, e non descanso ata que volvo a enlazar coa estreita carreteira que sube cara ó Macisso de Volturino.

Non podo evitar o determe nun dos meus lugares favoritos: o Campo del’Albero Trombato, e de volver retratar a curiosa estampa da árbore tronzada, quizais por un raio, co Val d’Agri na fronte e as montañas ás súas costas. Diríxome cara elas despois desta pequena pausa, e a pesares de que xa gañei unha boa altura dende as beiras do río aínda me queda por sortear unha sinuosa lingua asfaltada que ascende de maneira abrupta entre fragas de piñeiros e abetos. Quizais podería supoñer a parte máis penosa do recorrido, pero ademais permíteme rodear sen problemas o Monte Camporeale ata atopar unha vía de ataque máis propicia que a súa escarpada cara norte, da que gardo unha lembranza agridoce.

Dúas horas despois de comezar a ascensión, despois de sortear un desnivel de ó menos cincocentos metros, chego ó final da pequena estrada que morre ás portas dun Depósito de Auga, onde sorprendo a media ducia de vacas albinas, unha raza característica da Basilicata, que me miran asombradas da presencia humana nos seus dominios. Son por tanto as dez da mañá cando, despois de refrescarme nunha fonte de auga xeada, de comer unhas noces ricas de verdade e de hidratarme para recuperarme dos suores que me arrincou o camiño, comezo a subir polo escarpado sendeiro de montaña, no medio de estraños cardos de flores amarelas, disposto a coroar algún cumio, que aínda non teño decidido.

O estreito sendeiro vai gañando verticalidade, e agradezo a sombra das faias, que son a especie dominante neste traxecto, protexéndome dun sol de outono que quere ser de primavera, levantando un leve rumor de follas secas que xa comezan a alfombrar o chan. Por el chego a outra senda máis ampla que cruza en sentido horizontal o monte, e que incluso ten un pequeno muro de pedras no inicio do talud polo que subín a primeira vez, e que naquela ocasión estaba agochado entre a neve.

Aquí me deteño a sopesar as diferentes opcións: cara a esquerda a dirección do Monte Camporeale, antes chamado San Donato, e tamén confundido có Calvelluzo, e cara a dereita a dirección da “zeta”, que se dirixe cara o Scruppo, e de fronte o barranco polo que me internei na miña primeira ascensión, cara o faial que anticipa a Serra de Calvello. Finalmente decídome pola primeira das opcións, guiándome outra vez pola miña intuición, xa que creo que é a mellor para chegar a un cumio sen demasiados esforzos.

Moi suavemente o sendeiro vai gañando metros entre a terra dourada e un ceo esmeralda, froito do momento singular da transición de estacións, e permíteme avanzar con decisión entre a espesura da fraga, que me lembra un pouco a Selva do Irati, na miña querida Euskalherria. Cando saio desta conglomeración de faias e, en menor medida, de carballos e castiñeiros, chego a unha zoa de piñeiros, moito máis desperdigados, onde cambio un firme de follas secas por outro de calizas fragmentadas, e pouco a pouco tamén desaparecen estes árbores e chego a un terreo xa máis vertical e atravesado por un montón de terrazas, que xa me é lixeiramente familiar, e dende onde teño unha boa panorámica do Val d’Agri.

Sorteando esta sucesión de terrazas acado en poucos minutos o cumio de Camporeale, e me deteño a comer unhas galletas, beber un bo trago de auga e a disfrutar das vistas espectaculares sobre esta parte da xeografía lucana. Ós meus pes está o impresionante val que se abre dende Marsico Nuovo, e as montañas que o pechan, algunhas das cales xa coñeceron as miñas pegadas, e outras que xa teño na miña axenda de soños. O ceo xa comezou a cubrirse case sen que me decatara, e as nubes debuxan caprichosas formas, camiñando lentamente ó encontro cos seus semellantes, para ir estendendo pola cúpula celeste unha capa grisácea. Así que, en previsión de que o tempo poida empeorar, decido buscar unha vía de saída para o descenso segura, o polo menos algo máis segura que a que tomei a primeira vez, e que me levou cara unha perigosa baixada por unha das “uves” de caliza da súa cara norte.

Por sorte deseguida atopo un pequeno sendeiro que parte do cumio, entre unha formación compacta de piñeiros, e anímome ó comprobar que non ten ramificacións e que continua en sentido descendente. Vou ben de tempo para chegar á finalización da xornada laboral da mía innamorata, e me entreteño quitando algunhas fotografías do faial no que me interno a continuación, onde tamén hai unha variedade incrible de funghi. A senda desemboca nunha ampla pista de terra, onde se me plantexan outra vez dúas opcións: cara a esquerda afástase do pobo de Camporeale, quizais cara unhas montañas veciñas das que ó descoñezo todo, cara a dereita volve cara o monte que acabo de coroar, pero xa a unha cota moito más baixa. Así que me decido pola segunda opción, esperando non atoparme outra vez con as paredes de caliza que complicarían, e moito, o descenso.

Un centenar de metros despois atopo unha nova derivación, e tomo o camiño que descende máis claramente. Non podo crer que teña tanta sorte e fago cálculos mentais de onde pode rematar este camiño, quizais no da Diga, e ademais este tramo é dos máis fermosos de todo o recorrido. Pero todo o bo remata, e o camiño acaba abruptamente nun barranco calcinado, froito dos incendios do último verán, e como non vexo outra opción mellor intérnome nel, confiado en que non se me esgotara a sorte. Se non me equivoco xa estou lonxe das paredes verticais, onde a montaña suaviza a pendente describindo un semicírculo irregular.

O barranco polo que descendo e a paisaxe de despois dunha batalla, unha pintura do Apocalipse, unha porta aberta cara ó inferno. Camiño sobre cinzas, o chan está plagado de cadáveres de xoves faias, e as que se manteñen en pe son estandartes da morte, e me imaxino a lingua de lume que subiu por onde agora imprimo as miñas pegadas, coa avidez dun depredador, e penso que, pese a toda esta devastación, o lugar non deixa de ter unha certa beleza. Nin un só canto de paxaro, nin tan sequera un leve rumor de insectos escoito mentres avanzo por este ciminterio, tan so escoito os laios que o vento arranca ás ramas calcinadas, e algo se axita no meu ventre, quizais ulindo o perigo.

Fotografo os restos desta masacre co respecto dun reporteiro de guerra, internándome nun labirinto que se vai estreitando e no que temo atopar, á volta da próxima esquina, a un furioso minotauro que demande a miña sangue. A brecha é cada vez máis angosta, como unha cicatriz que comeza a pecharse, e vai gañando verticalidade, e moi pronto teño que agarrarme ás raíces espidas e carbonizadas polas lapas, que asemellan o ventre desgarrado de criaturas mitolóxicas.
Conforme avanzo vai crecendo a miña inquietude, porque se suceden os pasos nos que teño que destrepar por paredes de caliza descomposta que, cada vez máis, van gañando en altura e dificultade, ata que nun destes muros quédeme bloqueado, sen posibilidade de avanzar nin de retroceder con seguridade e me digo: ata aquí chegaches, agora só queda encomendarte ó demo.

Empapado nun suor frío, lembrando os cantís de Monteferro, logro desprazarme en horizontal, ata acadar unha parede de caliza máis compacta, e trepar por ela buscando unha saída a este inferno. En máis dunha ocasión se desprende algún saínte de pedra, e teño que recordar o meu antigo oficio de equilibrista para que non volva a quebrarse o meu corpo, mentres ralentizo os meus movementos, como si estivese recorrendo a casa de Asterión, e co cu apertado e os ollos salpicados de sal consigo finalmente saír do túnel e encaramarme a unha das lomas da montaña.

Dende este punto adquiro unha vista parcial de Camporeale e constato os erros de cálculo: estou na derradeira das “uves”, na que dende Marsico vese incinerada, e aínda que o peor xa pasou me agarda un duro descenso cara o pobo. Así que ármome dos restos de valor que me quedan e reemprendo o descenso.

As inestables rampas de terra e vexetación calcinada fan que siga estremando as precaucións, pois unha caída neste tramo, aínda non sendo fatal, tería un complicado rescate, xa que me atopo nunha zoa dificilmente accesible. Ós meus pes atópase unha espesa masa forestal á que non tardo en chegar, coa roupa cuberta de cinza, empapado de suor e despois de liberar unha boa dose de adrenalina, e síntome a salvo, pero son consciente do complicado que vai a ser atopar unha ruta cara a Diga, que nin tan sequera é visible dende este punto.

Ó pouco de internarme na fraga comezan a esvaecerse os efectos do lume e esto precisamente ralentiza o meu avance porque as árbores, xestas e herbas forman un conxunto pechado polo que supoño que fai anos que non transita ninguén. Nin un so vestixio de sendeiro polo que avanzar, así que teño que improvisar mantendo o sentido descendente, aínda que en moitas ocasións teño que volver a subir debido a algunhas barreiras vexetais infranqueables.

Despois dun tempo indeterminado vagando por este inferno esmeralda atopo as trazas do que poida ser un camiño tradicional, invadido pola maleza, e deteño o descenso para seguir o seu rastro que vai en dirección ó núcleo rural de Camporeale. De tódolos xeitos, a pesares de que consigo avanzar un bo treito por el non tarda en desaparecer en outra formación compacta de faias e teño que volver a improvisar un trazado que me acerque ata a pista forestal do encoro.

Non son consciente do lonxe que estou aínda ata que atopo outro camiño en desuso que me leva a unha casa abandonada xunto a uns campos que fai moito tempo que non son traballados e onde vexo ó lonxe unha estrada. Dous enormes cans danme ánimos para que acade o firme asfaltado, aínda que como desconfío das súas intencións ármome cun pao groso para impedir que se me acerquen demasiado.

Chego así ás inmediacións de Camporeale, e podo camiñar xa máis tranquilo ó internarme nos sendeiros que conducen a Diga de Marsico, e dende estes xa rapidamente cara o río Agri e, despois dun ultimo esforzo subindo pola súa porta traseira, acadar a città onde me espera, un pouco alarmada ante a miña cara conxestionada polo esgotamento, a piccolina lucana, con ganas de escoitar as miñas aventuras, das que esto é un pequeno resume.

E82 Sentiero della Mina Nera (Val d'Agri)



Mércores, 11 de xuño de 2008

Intentamos atrapar os soños, máis alá da noite, e estes tecen na nosa pel as defensas para soportar esa enmarañada rede de obrigas que configuran a loucura cotián, repetindo os mesmos horarios, as tarefas idénticas, soportando a xentes iguais ás da véspera, como si de unha maldición bíblica se tratara. E non hai outro bálsamo para este veleno que nos vemos obrigados a tratar día tras día, ningún outro motivo polo que soportar outra nova sucesión de amenceres, que espertar confundindo o teu corpo co da persoa amada, sen saber, como na canción, onde remata ese corpo e comeza o ceo.

E aquí, nestas terras de Potentza, o ceo xa é unha inmensa pátina azul, un océano de aire, chamándonos a uns a continuar a tarefa de Sísifo, ese empeño en seguir subindo pedras ou cartas á montaña. Aínda este almacén de caricias que contén o meu corazón non se repuxo do voo nos cantís de Monteferro, neses momentos e nos que lle seguiron nos que se esvaeceron outro feixe de soños, pero xa está pedindo unha nova sementada de pegadas, unha nova comunión coa xeografía deste recuncho do meu imaxinario, que recorro cos ollos dun explorador doutro século, ou quizais coas do rapaz inquedo que levo dentro, ó que tódalas paredes se lle asemellan as dunha prisión.

Os osos rinchan si, outra vez como galletas, e ó estirar os músculos emiten o son dun violín desafinado, pero aínda me alcanzan as ganas de vencer todos estes sinais e volver sentir cómo a terra crece baixo os meus pes.

Volvo, como fai catro meses, a interceptar o coche que realiza o reparto postal no Val de Pergola, e durante o traxecto ó meu punto de partida a bela postina me alecciona sobre os perigos da montaña basilicata, algúns dos cales descoñezo. Xa me falou en ocasións dos cans de dentes afiados, un dos cales fai pouco que probou a súa carne, e dos ciumentos que son os lugareños coas súas propiedades, pero esta vez, por atoparnos nos días calorosos da primavera, me di que teña cóidao coas serpes, porque hai varias especies velenosas, e incluso, algunhas mortais.

Chegamos a San Vito, ese lugar peculiar que exporta o seu baile a todo o planeta, e tamén a parte do estranxeiro, ese lugar de extensos prados verdes, salpicado de carballos e castiñeiras, e tamén de amapolas, caléndulas, dentes de león, e un sinfín de flores de nome descoñecido.

Alí me despido da miña metade, e en vez de sentirme máis lixeiro me pasa exactamente o contrario. Porque poucas veces vou ó encontro da montaña sen mochila, con pantalóns curtos, botíns e sen outra protección contra o sol, que xa sacude o seu látego de lume con ganas, que unhas gafas, e a pesar de todo non sento ningunha levedade, porque xa é a segunda vez que piso estes camiños onde agora me berra a primavera a súa sinfonía de cores, e volvo imprimir o debuxo das miñas botas só, coa morriña desas pequenas mans que, mentres tanto, vai repartindo facturas e postais.

Para que non me alcance unha nostalxia prematura disparo as primeiras pinceladas, para capturar algúns fragmentos da beleza que inunda o Campi di San Vito, que se viste así para celebrar as súas próximas festas patronais, e fago os primeiros metros do meu modesto recorrido atrapando tamén as fragrancias exóticas desta fértil terra da Basilicata, onde se cultivan distintos tipos de cereal.

Como aínda non estou recuperado de todo da miña visita ó policlínico, e non quero recaer nas miñas doenzas, desisto de subir por ese caos de caliza que conduce ó pequeno cumio do outeiro do Monte de San Vito, dende onde se ten unha boa panorámica do Val de Pérgola, e enlazo un sendeiro que o rodea, ata conducirme a outro dos meus lugares comúns: o Campo delle Querce.

Neste punto teño que determe xa que me atopo ante unha composición pictórica singular, en primeiro lugar, próximo ó camiño unha extensa franxa verde e violeta, formada por herba e pequenas flores, a continuación un tapiz de sangue, composto por unha agrupación pechada de amapolas, e xa na aba do Monte della Torre Trombata, unha franxa amarela, procedente da floración das xestas.

Tamén aquí desiste de internarme nos cumios que xa coroei fai uns meses, e continuo polo camiño que discorre ás beiras do campo, cando ó lonxe escoito os ecos dun vello coñecido. Si, volvo atopar ó can que custodia estes contornos, que queda inmóbil coa ledicia de verme outra vez.

Gustaría levar unhas galletas na mochila para compartilas co meu amigo, pero non protesta, e outra vez se deixa retratar, xogando entre a vexetación, ou entre os electrodomésticos que os seareiros de Marsico crearon ó outro lado do Campo delle Querce. Sábeme mal telo que abandonar outra vez, pero os dous sabemos que cada un ten a súa misión, que cada un ten que cumprir co seu.

Así que deixo que siga coas súas tarefas de custodia e eu sigo coa miña exploración. Tras un brevísimo tramo de asfalto, me interno na sombra do Monte di Abeti, que ascende levemente, e gozo tamén da sombra dos carballos, castiñeiras e tsugas e olmos, que atenúan algo a canícula que sufrín dende a miña partida.

Avanzando por unha atalaia privilexiada sobre o Val d’Agri síntome con forzas e con ganas de aventurarme por un pouco máis na espesura deste monte, así que doulle as costas ás marabillosas vistas do pobo onde reside a mía innamorata, e avanzo cara o bosque, seguindo unha pista que ascende nun principio con brusquidade e despois máis levemente. Esta levedade tamén transforma a paisaxe, porque van desaparecendo as árbores e vai aparecendo un pequeno val onde a primaveira vestiuse coas súas mellores galas.

Volven as amapolas a sumar formacións pechadas, tinguindo de sangue os campos, e como si o sol se pousara no chan hai grandes extensións douradas, onde crece o trigo, os pastizais colonizados polas margaritas, tantas que non chegarían amantes dubidosos para esfollalas todas, e sobre todo esto é unha gran tapiz esmeralda, que ascende polos outeiros próximos. Non me vexo capaz de describir tanta beleza con palabras, así que disparo unha e outra vez a miña cámara, intentando atrapar a súa esencia.

O máis curioso é que este camiño de beiras coloreadas pola natureza, que inunda as miñas retinas ata o éxtase, desemboque nas portas da Mina Nera, unha explotación mineira na que se moven media ducia de camións e maquinaria variada, e da que me afasto o máis pronto posible, por si non están acostumados ás visitas dos curiosos e me someten a un interrogatorio do que, seguramente, non saldría ben parado. Tamén aquí espérame outro perigo, agochado entre as herbas, xa que estou a piques de pisar a unha cobra grande como un mundo e negra como a morte, e lembro as recomendacións da postina de Pérgola, acerca das especies velenosas que abundan nesta zona.

Así que atopo dúas boas razóns para correr outeiro abaixo, como alma que leva o demo. Eso si, mirando atentamente onde poño os pes, por si hai máis serpes agochados entre a maleza. Non tardo en chegar ó camiño que ven dende o Campo delle Querce, e podo ralentizar o meu paso para gozar outra vez das magnificas vistas sobre Marsico Nuovo, e sobre os cumios dos montes Calvelluzo e Volturino, comezando a gañar os metros que descontei para acercarme ó modesto cumio do Monte Sant’Angelo, onde tamén a estación cálida fixo brotar a vida, incluso entre as pedra, e nos tramos máis boscosos, entre carballos e castiñeiras, a vexetación é tan frondosa que cubre, case completamente, o sendeiro.

Non deixa de ser curioso que en todo este tramo non atope nin unha soa alma, exceptuando as dos operarios que se afanaban en extraer o mineral, ós que, de tódolos xeitos, só vin como un reflexo dentro das súas monstruosas maquinas.

A pesares de que o sol segue azoutando ás criaturas que, como eu, non tiveron a ben agocharse baixo unha sombra, sorrío a estas montañas amables, nas que volvo confiar nos meus pes, aínda que non tanto como para seguir aventurándome máis ala do itinerario coñecido, polo que volvo a enlazar o camiño de descenso que se dirixe a Marsico Nuovo, eso si, extremando as precaucións para non lesionarme no tramo final.

Teño tempo de levar outro bo susto cando un lagarto, algo máis grande que os arnais de Budiño, e dun verde esmeralda, ven correndo cara min, e teño que dar un chimpo para evitar o encontro. Que animais estraños hai nestas terras, pensamos os dous.

Continuo polo sendeiro semiagochado entre a exuberante vexetación, ata enlazar co tramo asfaltado que comeza na pequena estación de augas, e despois dun bo treito me leva ata a central eléctrica, nas proximidades do cemiterio, ó que aínda debo unha visita, y que cruzando o Fiume Agri me leve ás primeiras vivendas da vila.

Outra vez paso diante das modestas igrexas de Santa Lucía e San Rocco, preto dun pequeno miradoiro onde me deteño a contemplar o meu modesto recorrido, como integrante desa parte dos meus soños que sigo construíndo a anacos, máis alá da noite.


E80 Sentiero della Serra de Calvello (Val d'Agri)



Venres, 18 de abril de 2008

Suaves outeiros vernizados de melocotón, vales segredos nos que habitan bolboretas nostálxicas, amables sendeiros depositarios das miñas pegadas, xeografía máxica que recorro nos meus soños e que cando encho as miñas pupilas cun novo día me sorprenden, enredados o meu peito, os meus brazos e o meu ventre, tatuando os topónimos da natureza feminina. Como se seguise camiñando, recorrendo, explorando os territorios oníricos, amanezo, ausente de síndromes, de circunstancias, sorrindo ós primeiros raios de sol que xa están bañando os países incógnitos da Basilicata.

Co corpo doce fago os preparativos oportunos para seguir xerando soños, quizais non tan tenros como os que me susurraron os alentos da noite, pero non só de viño e rosas se compoñen os anhelos da carne, así que despido afectuosamente a miña metade, e como o vizconde me apresto ó combate. Xa sei que é unha loita desigual a que me enfronta a estas montañas de cartografía invisible, armado tan só con ganas e con instinto, pero aínda así insisto en afirmar as miñas quimeras, en pórlle nome: Volturino.

O monte Volturino se alza a 1836 metros, dominando o Val d’Agri, e dende fai unhas semanas tamén se fixo dono desa adición que, dende fai décadas, teño por buscar, dun xeito ou de outro, escaleiras ó ceo, alí onde o aire se transforma en caricia e os silencios estallan en singulares cantigas. Así que abandono o refuxio de Marsico Nuovo pola porta traseira, xusto baixo a oficina de correos onde a miña metade comeza a súa xornada laboral, e descendo cara o río coa firme determinación de abrir a vía marsicana ó Volturino.

A pesares do prognóstico meteorolóxico que debuxan as nubes, entre as que apenas asoma o astro rei, avanzo con ánimo cara a parede da diga, mentres contabilizo electrodomésticos estragados sobre a conca fluvial.

Cruzo a ponte metálica dando as costas ó abrupto outeiro onde se encarama a roccaforte, e emprendo o ascenso pola pista que circunda o embalse que abastece á poboación lucana, e me chegan os ecos dos amigos que me acompañaron a última vez que recorrín estas beiras. Parece que retrocedera no tempo ata entonces, que se adelgazaran as miñas idades, xa que despois da incursión nos Pirineos, ese país máxico que ocupa unha ancha franxa do meu imaxinario particular.

Atópome nun estado ideal para medirme coas novas orografías, para buscar os seus segredos, para derramar as miñas pegadas pola súa rede de sendeiros milenarios. Por aquí pasaron con ansias de conquista gregos, romanos, longobardos i españois, e agora, máis conquistado que conquistador, avanzo eu entre carballos aínda invernais.

Antes de mergullarme nesta fraga enfeitizada que xa non semella estraña, detéñome ante un gran casal abandonado enfrontado á balsa da Diga de Marsico, e disparo un par de fotos cara á città e despois cara o cumio do Calvelluzo, de 1699, que está esvaecida entre a néboa. Máis ala deste bancal nebuloso está o meu obxectivo, e só espero que o ceo persista na súa tregua, que o fráxil equilibrio no que se atopa a loita do sol e as nubes non se incline cara estas e me guinden as súas frías bágoas.

Gardo a miña memoria dixital para mellor ocasión, aínda que para ser máis exactos debería dicir que fai dous días, camiñando por esta mesma fraga de carballos e castiñeiras, xa tiven mellores momentos para atrapar as postais da miña Lucania querida. Apuro o paso cara os prados de Camporeale, o pequeno enclave montañés que me anticipa a aventura, e sorrío cando, chegando á estrada que o comunica co resto do val, atópome o cartel que recomenda circular a paso de home.

A miña intención é outra, a de descontar rapidamente os metros que me separan da serra, así que atallo, unha vez máis, por un camiño que abandona o pobo polos prados máis altos, sen atoparme con ningún dos seus seareiros.

A herba está máis que húmida, empapada polas chuvias nocturnas, e os meus pantalóns empezan a beber coa sede dun borracho, pero nin eso, nin o desnivel que sigo a sortear, ralentizan os meus pasos, porque a miña é unha sede de montaña e tamén quero embriagarme con ela.

O tramo de asfalto que me afasta do derradeiro núcleo poboado, e que me fai gañar metros con rapidez, conseguindo unha visión de paxaro de boa parte do Val d’Agri, está salpicado de pequenas incontinencias do ceo que, a pesar de todo, non levan a transformarse en nada serio. A temperatura é magnifica, nin frío nin vento, e sorteo as ladeiras do Calvelluzo sen maiores esforzos nin contratempos.

Para aledarme o tramo máis gris da camiñata atopo a dous caracois entregados ós xogos do amor en medio da estrada, e interrompo brevemente a súa intimidade para deixar constancia gráfica do acto. Por simpatía, dende o satélite complétome, e a postina de Pergola me pregunta sobre a miña progresión, cando xa levo hora e media en elo e estou fronte ó depósito de auga, onde remata o asfalto e comeza o territorio incógnito.

Este está cuberto por unha espesa capa de néboa, polo que nun primeiro momento dubido se non será mellor subir polo barranco que descubrín na miña anterior ascensión, pero o desestimo, xa que me afastaría do meu obxectivo: o monte Volturino. Así que avanzo por un bosque de cedros, piñeiros e abetos por algo parecido a un camiño, pero ó rato o desprezo por non manter a verticalidade necesaria, así que camiño en liña recta cara o ceo, outra vez ó sherpa, ou sexa: como e por onde poida. Nalgún momento atoparei algún sendeiro máis idóneo.

Non podo deixar de sentir o sabor da aventura, e pola comisura dos beizos se me cae a melodía de Al filo de lo imposible, internándome nun territorio descoñecido do que non conseguín ningunha referencia cartográfica, no medio dunha néboa cada vez máis compacta e onde o bosque agocha todos os camiños.

¿Todos? Non, por sorte atopo un estreito sendeiro entre as árbores, salpicado de pedruscos de caliza, que vai na dirección que creo correcta, aínda que cando avanzo unha ducia de metros por el bifúrcase e teño que volver a tomar decisións. Non sei se ós nenos italianos lles contarán o conto de Polgarciño, pero decido imitalo, e despois de decidir a dirección constrúo unha mariola para asegurarme o regreso.

Esta operación a repito en tódalas ocasións nas que o camiño se divide, ata acadar unha zona herbosa e desarborada. Como o meu campo de visión limitase a un par de metros á redonda non acado a fixar ningunha referencia, e a punto estou de renderme e emprender o descenso seguindo as mariolas que fabriquei polo camiño, pero non o fago porque o aire xeado que entra polas miñas fosas nasais ben pode vir do Volturino, así que guiándome máis polo olfacto que pola vista decido buscar outro sendeiro que avance cara o meu obxectivo.

O que busca sempre atopa, xa o di o refrán, e eu non vou a ser menos, así que intérnome na fraga ata que atopo un pequeno camiño que, pasados uns metros, desemboca nunha ampla pista embarrada, que ten un pronunciado desnivel. ¡Eureka! Se sigo subindo chegarei a acadar algún cumio, aínda que entre o Calvelluzo e o Volturino existe outro monte de nome descoñecido, na Serra de Calvello (aínda que teño que recoñecer que estes topónimos tamén me eran descoñecidos no momento, e tiven que investigalos en Internet).

O máis probable é que camiñe por este monte sen nome, e que nalgún lugar atope a desviación cara o cumio máis alto de este val lucano, así que decido continuar, animado por unha sinalización peculiar: unhas cintas plásticas vermellas e brancas que deberon formar parte dalgún tipo de competición sobre rodas. Este punto o confirmarei algo máis adiante cando atopo os restos dun cartel no que leo : asd MTB Valle dell’Agri. O sexa, que por aquí se desenrolou unha carreira de mountain bike. Si, claro, hai pegadas das rodeiras das bicicletas, aínda que tamén de vehículos a motor, bastante esvaecidas pola follasca que cubre o camiño.

Conforme avanzo desaparecen os piñeiros e os cedros, e van xurdindo grandes formacións de faias, entre as que tamén se atopan carballos, castiñeiras e acevos, ou sexa un bosque enfeitizado deses polos que apetece camiñar, e aínda máis cando a pendente se suaviza, ata acadar a horizontalidade, e fai o avance máis amable.

A atmosfera parece creada por Tim Burton para unha das súas insólitas historias, e en cada árbore temo atopar a unha das súas personaxes, os seus troncos e raíces retorcidas, as edras e musgos que os colonizan, debuxan caras e garras que demandan tenebrosas caricias e apertas. Entre o chan alfombrado de follas putrefactas, que as estacións xeadas confeccionaron, asoman, como una praga de bocas famentas, unha estrañas plantas que destacan co seu verdor e que se me antolla un gran organismo con miles de ramificacións, unha gran planta carnívora que ameaza con devorar a tódalas criaturas da fraga.

Un rebumbio de paxaros invisibles, que imaxino con grandes picos sedentos de sangue, envolve tódolos recunchos desta paisaxe misteriosa, que aterra e enfeitiza a partes iguais, a espesa néboa que só me permite divisar un exército de siluetas inmóbiles que se perden nun ceo que só podo intuír.

Pero o que máis me inqueda é que o camiño comeza a descender, e que non vin ningún desvío que se dirixa cara a meta que tiña cando saín, aínda que lembro aquelo que dicía Oriana Fallaci, a miña admirada e odiada reporteira de guerra, sobre que o importante non era o destino senón o camiño que te levaba cara el.

Aínda que cando atopo o que pode levarme ata o Volturino xa estou demasiado preto da hora de seguridade que me impuxen para o regreso, e o desestimo, continuando un pouco máis polo rastro das cintas vermellas e brancas. Ás once en punto, tres horas despois de iniciar o traxecto, abro a mochila, como unhas galletas e unha barriña de chocolate, boto dous tragos de auga e mordisqueando unha mazá emprendo o retorno cara o meu refuxio de Marsico Nuovo.

Non sinto a derrota, porque o intento pagou a pena e sei que a este seguíanlle outros, polo menos mentres a miña metade se atope nesta parte do mundo, aínda que non me agrade especialmente o ter que volver sobre as miñas pegadas, recorrendo o itinerario do ascenso. Por sorte a néboa disipase lixeiramente, e esto faime percibir algúns matices do bosque que non vira antes. En efecto, o entorno non é o máis indicado para perderse, e como puiden comprobar máis tarde co satélite, esta enorme serra está totalmente despoboada, e o pobo máis preto, Calvello, atopase a unha distancia que se me fai difícil calcular, en todo caso bastante lonxe.

Non atopo demasiadas dificultades para regresar ó outeiro herboso que coroei fai unha hora e media, dende onde diviso parte do monte Calvelluzo, onde ascendín fai dous días e, por momentos, algún fragmento do val. É todo o que podo ver, xa que a parte pola que camiñei segue envolta nunha espesa néboa, e ademais comeza a caer unha delgada cortina de auga, que ameaza con converterse en algo máis serio. Así que aperto o paso e volvo ó camiño, aledándome cada vez que atopo unha das mariolas que fabriquei na subida.

Na última delas decido arriscar un pouco, só un pouquiño máis e facer caso da miña intuición e ¡bingo! saio ó barranco que arranca do depósito de auga, ó que non tarde en chegar, preto do mediodía. E como pro arte de maxia, moi preto de onde sonou o teléfono pola mañá volvo a escoitar a conexión do satélite, e ó outro lado a miña Piccolina interesándose polas miñas aventuras. ¡Que bo é ter a alguén que se preocupe polos meus osos!.

Descendo cara Camporeale, en medio dunha intensa chuvia, que vai pondo a proba a miña chaqueta e as miñas botas de goretex. E ó chegar ópobo volve a saír, timidamente, o sol, para lamberme os pantalóns máis que mollados. O camiño ata a Diga de Marsico aínda me ofrece novos atallos, e na miña cabeza vaise confeccionando ese mapa que non atopo por ningunha parte. Outra vez esperto miradas atónitas na oficina postal, e os ollos da mía innamorata me sorrín tranquilos e aliviados, como se regresara dunha exploración a terras incógnitas.



E79 Sentiero di Calvelluzo (Val d’Agri)



Mércores, 16 de abril de 2008

Mastigando os derradeiros soños, co sabor das cereixas colonizando o ceo da miña boca, cunha enredadeira de tenrura unindo as metades do meu corpo, completando un arma de destrucción masiva de nostalxias. Abro as fiestras do corazón e en elas entre o vento fresco das montañas lucanas, os bicos diminutos da miña fábrica de motivos e as láminas douradas da primavera. Así me levanto con ganas de ser conquistado, con que esta xeografía siga tatuando os seus releves nos surcos da miña carne, e me faga sentir terra, para abrigar as raíces deses soños que aínda reteño entre os meus dentes.

Equipado para un desafío dun maior alcance, sen dubida esaxerado nas miñas previsións, acompaño á que xera os meus sorrisos ata o centro loxístico das súas xornadas obrigadas, e descendo o outeiro sobre o que se asenta a poboación marsicana, aínda refuxiada nas paredes vernizadas con invasións e terremotos.

Ó meu paso levanto unha algarabía de ocas, corvos e cans, sorprendidos da miña irrupción nos seus pequenos reinos, dando as costas ó pobo como un bandido, de madrugada e pola porta traseira, a que conduce ó estreito cauce do río Agri, en dirección á enorme parede da Diga, unha enorme cubeta hidrolóxica que, sen embargo, non teño intención de visitar.

Sobre a miña cachola, na que aínda son visibles as edras dun feixe de caricias, navega unha flota desordenada de nubes que miro con desconfianza, porque non me tomei a molestia de consultar o parte meteorolóxico, e non sei se veñen en son de paz ou en pe de guerra. Non debería ser tan desconfiado, non neste territorio amable no que me interno, por un dos seus pulmóns, porque na cúpula celeste desenrolase un mural de matices infinitos, e teño a sorte de atrapar algúns coa miña memoria dixital.

Os primeiros metros de desnivel conseguen arrancarme un manancial de gotas perladas e, como consecuencia, tamén a pel de laranxa que me cubre remata engulida pola mochila. É a terceira vez que me interno nesta fraga enfeitizada e xa a sinto parte do meu imaxinario particular, desa xeografía emocional que non está composta só de persoas, senón tamén de bosques, ríos, vales, montañas.

Recoñezo os camiños como se aínda as miñas pegadas fosen visibles, e mentres me alonxo do encoro as miñas pupilas espertan as alertas ó incógnito, a esa franxa na que aínda non me aventurei e que me conduce ata o derradeiro núcleo habitado, ós pes dunha formación rochosa cun topónimo con certo misterio. Nas fontes que consultei antes de iniciar a viaxe atopei referencias ó Monte San Donato, que me propuxen como obxectivo, aínda que non será ata o meu regreso que comprobarei que non é este cara o que camiño.

A pesares de non poder aseguralo cos poboadores da outra beira da Diga, para os que o nome da montaña non ten demasiado interese, o satélite permitiume localizada e atopar o seu nome, Calvelluzo, e a súa altitude, 1699 metros sobre o nivel do mar. Pero estes detalles non teñen importancia cando chego ó pequeno enclave de Camporeale, que semella un pobo fantasma, xa que nin tan sequera atopo cans que me ladren, aínda que para non tentar a miña sorte decido desestimar a estreita estrada que o atravesa e internarme nun camiño que se dirixe cara os xendarmes de caliza, paralelo a un mosaico de prados e campos de cultivo.

É imposible resistirse ó feitizo que exercen estas paisaxes sobre min, e teño que determe cen veces, máis que para recuperar o alento co desnivel acumulado, para seguir rexistrando postais coas que combater a saudade. Volvo desembocar no asfalto, aínda que deixando atrás o enclave, xunto a unha enorme extensión sen cultivar, na que impera un árbore co tronco tronzado, fulminado quizais por un raio, e que decido bautizar como Campo dell’Albero Trombato, e dende onde teño unha magnifica panorámica do val e da distancia recorrida.

Non teño máis opción que continuar pola estrada, que ten unha forte inclinación, onde espero atopar algún camiño que me conduza ó cumio. Apuro o paso, desexoso de acurtar no posible este tramo inhóspito, ata chegar a unha pequena canteira, preto da cal sube un camiño. Este é o meu, me digo, e sen pensalo dúas veces intérnome nel, pero este sae a un campo tralo cal non hai mais que unha espesa masa forestal que cubre a aba da montaña, por onde non parece fácil a progresión, así que volvo sobre as miñas pegadas, e retorno ó asfalto.

A pesares do penoso que é camiñar sobre esta superficie faime gañar altura rapidamente, aínda que siga sen atopar algunha posible vía de acceso ó meu obxectivo. Case por sorpresa sobresaen dous cumios detrás do Calvelluzo, os dous coroados por un manto níveo, a máis lonxana é sen dubida o Volturino, xa que distingo os remonte do telesilla que forman parte da súa estación invernal. Valoro as miñas posibilidades e estimo que quizais poda internarme no monte central, que alberga un gran bosque branco, e dende alí acceder ó que erroneamente pensei que se trataba do Monte San Donato.

Por sorte a estrada morre nun depósito de auga, e despexa as miñas dubidas, xa que dende ese punto parte un sendeiro na dirección que máis me convén. Para animarme, a miña metade, que está repartindo cartas no Valle de Pérgola, anímame dende o teléfono e me fai sentir como si estivese inmerso nunha perigosa aventura. Quizais véñame ben ter presente a súa cordura para internarme neste territorio ignoto, así que agradezo os seus consellos e acometo os primeiros desniveis que me introducen no bosque.

Espertei mastigando soños, co sabor das cereixas vernizando o ceo da miña boca, e agora estou atesourando materiais para seguir construíndoos, internado no seo dun barranco que se abre entre dous outeiros, por onde a progresión se amabiliza, a pesar do forte desnivel. Se amabiliza pola alfombra de follasca que lame as miñas botas, un océano de laminas pardas que se desgaxaron das enormes faias que me asombran, en tódolos sensos da palabra. Esta superficie mulida está salpicada nos primeiros metros de un cardúmen de brotes tenros dunha planta moi similar á que atopei nas fragas do Valle de Ansó, nos Pirineos.

Conforme avanzo, gañando metros a ese ceo onde sigue a batalla entre o sol e as nubes, estas pinceladas verdes vanse esvaecendo entre manchas níveas, que pouco a pouco van facéndose máis grandes ata que a follasca e os brotes de primaveira van sendo cubertos por unha capa compacta de algo que xa pode chamarse, con propiedade, neve. É tal o manto de neve que cubre as zonas máis altas do barranco que os troncos das faias, dun brillo case metálico, teñen unha franxa branca que os atravesa dende a copa ata as raíces.

O silencio que reina na fraga é arrepiante, só roto por algunhas ráfagas de vento xeado e polos meus propios pasos que, nalgúns casos imprimen as miñas pegadas xunto ás de outros mamíferos, neste caso de catro patas. Inquedo por este último descubrimento, xa que non me gustaría facer o resto do camiño cara o cumio en compaña de algunha besta das que moran por aquí, intérnome con decisión na espesura do faial, a pesar de non atopar ningún camiño, e de ter só como referencia a cima do monte que antecede ó Volturino, e ó pouco chego ó alto dun outeiro, dende onde se define un pouco máis o meu obxectivo, e dende onde podo observar un pouco mellor ó xigante que domina o Valle dell’Agri, ó que intentarei cotexar dentro duns días, si o tempo e as forzas me acompañan.

Outra vez mergullado na fraga, coa visión limitada pola densidade de algúns bancos illados de néboa, teño a sorte de atopar un camiño que vai na dirección que desexo, e que sigue ascendendo, co que calculo que non tardarei moito en coroar. Como sempre, as cousas non son o que parecen, e o camiño da un xiro inesperado, polo que teño que abandonalo e continuar guiándome polo meu instinto. Teño momentos de desanimo e temo que non funcione a miña brúxula mental, así que busco unha saída, un balcón que me permita adquirir novas referencias, e cando o atopo teño que tomar unha decisión urxente.

A miña hora de seguridade, a que me fixei para o descanso, acercase, e sigo sen atopar o camiño cara o cumio do Calvelluzo, e sen embargo o val está ós meus pes, xa diviso as casas de Marsico, como se foxen de monecas, así que creo que é convinte buscar unha ruta para o regreso, pero ¿que é eso que diviso entre a néboa? Si, estou moi preto do meu obxectivo, só me resta correr cara el, e non perdo tempo en facelo.

No cumio do xendarme que custodia a vida marsicana, que cos seus 1699 metros xa forman dende este momento parte do meu imaxinario, detéñome a contemplar o val e as montañas que o circundan, extasiado pola beleza da paisaxe e do momento. Por esto e polo que me espera alí abaixo paga a pena vivir. Que grande e que pequeno me sinto, aquí e agora, disfrutando de algo que podería calificarse de felicidade, o de unha das formas de atopala.

Despois de disfrutar estas intensas fracciones de espacio e de tempo volvo buscar unha vía pola que acurtar os metros que me separan da miña metade, que a estas horas xa debe estar inqueda polas miñas andanzas, e enfrontado á diga distingo un dos farallóns de caliza, ata o que discorre unha pendente abrupta, pero accesible, así que me digo ¡un descenso ó sherpa, como poda e por onde poda!.

O certo é que non me custa demasiado chegar ata o pico da formación pétrea, que dende o pobo se asemella a unha V invertida, das catro que compoñen o macizo, pero dende aquí en adiante a cousa xa se pon un pouco máis seria. O desnivel é importante, e si ben non ten demasiada dificultade técnica ó destrepar pola parede de caliza, a pesar de que nalgúns casos está descomposta, máis abaixo adquire unha verticalidade perigosa e afrontar a travesía pola pedreira que se forma entre as uves non ten demasiadas garantías.

Entre os males a elexir quédome co último, e sorteo con coidado a zona de pedra fragmentada, que me lembra a que me tocou salvar no Espigüete. Un pouco de respecto si que impón, así que ando con pes de chumbo, ata que acado o seguinte cantil polo que avanzo como as cabuxas, ata conectar ca fraga que sube dende a aba da montaña.

Se cría que os meus problemas remataran estaba errado. A pendente do terreo sigue sendo considerable, e a espesura da masa forestal me dificulta tamén o avance, así que non podo ignorar as precaucións. Loxicamente aquí non hai camiños e teño sorte atopando un barranco polo que continuar, sempre en liña recta, coa esperanza de conectar coa pista que circunvala a diga ¡pero eso está lonxísimo!.

Media hora despois desemboco nun campo que me resulta coñecido, si, claro, é ó que cheguei polo camiño da mina, cara onde me dirixo para conectar pola estrada. O descenso foi máis esixente do que cría, e as miñas pernas acusan o esforzo, aínda así aperto o paso para chegar á oficina de correos antes de que a miña nena remate a súa quenda.

Camporeale segue parecéndome un lugar deserto, pero agora que o sol venceu definitivamente as nubes, que se baten en retirada, está moito máis bonito, rodeado dunha primavera que explota en forma de flores de tódalas formas e tamaños. Rexistrando esta natureza insólita, que non deixa de entenrecer os meus sentidos, regreso sobre as miñas pegadas para reintegrarme á miña metade, á que asombro cas miñas fazañas, e que non deixa de recriminarme, eso si, entre bicos, a miña temeridade. Mastigando os derradeiros soños, co sabor das cereixas no ceo da miña boca.

E70 Sentiero della Diga de Marsico (Val d’Agri)

Martes, 19 de febreiro de 2008

Desemboco noutra mañán amable atrapando os restos que a tenrura teceu nos meus soños, mentres a encaixeira que labrou as sedas que me fan cóxegas nas veas recorre as casas do val veciño, repartindo pensións, epístolas publicitarias, facturas, ou un puñado de letras para combater as nostalxias.

Salgo ó balcón e me deixo abrazar por un sol de primavera que me traspasa e inunda a habitación, arrancándome coas súas caricias de lume un cardume de sorrisos, e nas miñas pupilas titilan os cumios vernizados de nácar, recortándose contra unha cúpula descaradamente celeste. Son por natureza desconfiado, así que, como na véspera, volvo a cubrirme con varias capas de roupa, para insistir na búsqueda dos camiños que me permitan recorrer esta xeografía incógnita da Basilicata.

Almorzo con fame montañeira, a base de succo d’aranccia, latte con neskuik, panne al’oleo con confettura di albicocche, e una mela, e con este combustible no estómago, tranquilizados os coleópteros insomnes que seguen demandando a calidez das sábenas, baixo as soleadas rúas marsicanas co ánimo de aproveitar a xornada matinal, espertando as miradas curiosas dos seus habitantes, quizais pouco habituados a ver a un da miña especie, si é que existe algunha na que se me poida catalogar.

O certo é que estou bastante desorientado, e non sei que dirección tomar, nin en que sentido, así que decido subir ata o máis alto do núcleo urban para otear algún vestixio de sendeiro, o polo menos ter unha primeira referencia de cara onde dirixirme. Así chego a Cattedrale di San Giorgio, cunha fachada austera que semella que sufriu os efectos dun bombardeiro e que se atopa en fase de rehabilitación.

Anexo ó templo está tamén o Palazzo Vescovile, onde pese a que tamén se atopa inaccesible polas obras podo admirar a belísima obra de cantería do seu portal, e que en tempos albergou ó seminario diocesano.

Dende a magnifica atalaia que me ofrece este lugar podo admirar parte dos Appenini Meridionali, que forman parte da cadea montañosa Pierfaone-Lama-Volturino, así como boa parte do Vall D’Agri, sobre o que se asenta o pobo.

Tamén aquí observo a clara división do paese: no alto atópase o centro histórico, co seu aspecto medieval, cheo de restos de murallas, torres e preciosas igrexas; e abaixo a parte moderna que se estende sobre dous outeiros, ata atoparse coa Diga de Marsico, unha gran balsa de auga que abastece a poboación, e que de seguida esperta o meu interese, máis que pola presa polos bosques frondosos das súas ribeiras.

Descendo polas empinadas rúas que rodean o complexo arruinado formado pola catedral, o palacio e o Convento di San Francesco, pertencente á orden franciscana dende 1806, e que orixinariamente foi o castelo dos condes, e a súa igrexa, agora exconsagrada, está habilitada como teatro.

E ao pouco atópome abandonando o núcleo urbano, camiñando pola estrada que discorre á par dunha alambrada que me impide o acceso ó pantano, pero como non me apetece demasiado a posibilidade de alongar a mañán sobre o asfalto, e non vexo outra posibilidade de acceder ó monte dende aquí, traspaso a entrada ás instalacións do recurso hidrográfico, xa que ten as portas abertas de par en par, e a mirada indiferente dun can, mais folgazán que gardián, non me impide continuar.

Como ninguén me detén, nin cuadrúpedo nin bípedo, diríxome con paso firme cara ó pantano, que se atopa moi minguado na súa capacidade, polo que podo adiviñar nas calizas grises diseminadas polas súas ribeiras, mentres constato a miña fascinación por este tipo de lugares, unha atracción que me esperta algunhas contradiccións ideolóxicas.

Neste pequeno mar artificial, no que se reflexan as montañas nevadas que gardo na miña retina para mellores ocasións, e a parte máis moderna da poboación lucana, destaca coas súas tonalidades esmeraldas sobre a pátina marón da fraga formada maioritariamente por querce e castagne, e sobre o contorno gris das súas beiras, colonizadas por centenares de pedras diseminadas, que lle confiren un aspecto lixeiramente lunar.

Recorro os marxes do encoro aloxándome da carreteira interior que se dirixe á parede negra da presa, para non espertar o celo dos seus vixiantes, no caso de que existan, e descubro un pequeno sendeiro que se dirixe ó extremo oposto, alí onde a vexetación é máis frondosa, e abundan os alisos e outras especies vexetais que colorean, aínda máis, esta paleta digna de un inspirado pittore (o pittrice, para se politicamente correctos).

Nesta zona desemboca un canal, que surte de caudal ó pantano, e preto del abundan os xuncos, cardos, canavais e a vexetación típica deste tipo de humedais.

Subindo por esta conducción de auga volvo atopar a alambrada, e unha porta de madeira, pechada cunha gran cadea, sobre a que leo a seguinte advertencia: “Consorcio di Bonifica, Alta Val D’Agri, Diga de Marsico Nuovo, Limite Invalibabile.” Non teño que pensar moito para traducir esta última parte, que está escrita en grandes letras vermellas, para tomar a decisión de abandonar o recinto acotado, para non tentar máis a sorte i evitar así calquera incidente cos carabinieri.

Antes de darlle as costas á poboación lucana, repaso un pouco a súa historia, recollida da pequena guía que tiveron a ben ofrecerme na casa consistorial: a lenda di que nunha primavera sagrada un grupo de Marsi xuntáronse nesta zona fundando a antiga Abellinum Marsicum, e que a città formou parte da liga contra Roma durante a guerra sociale.

No século X converteuse en sede arcebispal ó ser esta transferida dende Grumento, provocado pola súa destrucción por parte de razzias sarracenas. Pola súa posición representou, durante a dominación longobarda, unha das máis importantes prazas fortes do principado de Salerno. O derradeiro conde de Marsico, Ferrante Sanseverino, entrou en conflicto co virrei de Napoli, e foi exiliado no ano 1552 e os seus feudos postos en venta, comezando a decadencia do enclave.

Con estes datos na cabeza comprendo o porqué das construccións no alto do outeiro, para facer fronte ás continuas invasións dos romanos, longobardos, sarracenos, españois e quen sabe se algún máis, e sigo o meu camiño sen máis afán conquistador que o de cartografar mentalmente os seus camiños, para engrosar o meu modesto tesouro de xeografías incógnitas. Discorro por unha pista forestal na que os charcos forman unha espesa capa de xelo que o sol, a pesares de non ter nin unha sola nube que filtre os seus raios, non é capaz de desfacer. Aínda que este feito constituía unha das sorpresas máis agradables da andaina.

Un destes grandes espellos anúnciame a entrada nunha fraga de alisos, bidueiros, carballos e castiñeiros, e tamén o cruce do Fiume Agri, e me interno nas súas marxes ante a evidencia sonora dun salto de auga.

Non erro, xa que ós poucos metros do camiño atópome con un muro artificial polo que se precipita, dende un par de metros de altura, o río, formando unha bela cortina de auga. Pero esto non é todo, xa que a metade desta cortina está solidificada, formando estalactitas de diversas dimensións, que forman en conxunto unha paisaxe digna de deterse ante el para capturar na memoria dixital.

Medio centenar de disparos despois continuo polo camiño que se interna na masa forestal, cunha espesura que me agocha totalmente a visión da diga, e tamén da città, impórtame pouco xa que neste tramo é outro anaco do paraíso, onde as miñas veas respiran a paz que só atopo nos espacios naturais e nos litorais que forman os meus soños.

Aínda me acerco ata outro salto de auga, buscando a foto perfecta, aínda que este escenario non sexa tan belo como o primeiro, parece que escoito a eterna cantinela de Ramón Trecet: “Buscar a beleza, porque é a única protesta que paga a pena neste asqueroso mundo”.

Recorrendo esta fraga enfeitizada sigo repasando a historia marsicana e así entérome que no 1638, cando desapareceu o virreinato, a città foi novamente posta á venda e adquirida pola familia Pignatelli que tiñan o título de príncipes. No 1647 un tumulto popular adherido ó motín revolucionario de Masaniello convulsionou á poboación,e o príncipe Francesco Pisnatelli deuse áfuga cos seus.

Douscentos anos máis tarde, no 1857 un terrible terremoto asolou as terras da Basilicata e Marsico Nuovo sufriu tamén os seus efectos devastadores. As olladas migratorias que seguiron ás dúas guerras mundiais acrecentaron a decadencia e o abandono do seu núcleo urbano, que agora intenta traer novos estímulos para o seu crecemento demográfico e económico.

Mentres me informo do pasado deste lugar investigo sobre o seu futuro, ou máis ben sobre as posibilidades que me ofrecen estes bosques, montañas e vales que forman o seu patrimonio máis prezado, polo menos polo que a min se refire, xa que atopo os sendeiros nun estado excelente para a práctica do sendeirismo, tanto aquí, no contorno da Diga de Marsico, como nas montañas que separan o enclave do Vall de Pergola.

Deixando atrás a masa forestal de carballos, alisos e castiñeiros, e despois dun pronunciado descenso, chego á base do dique, e un pouco máis adiante a unha ponte metálica que cruza reducido cauce do Fiume Agri, dende onde constato o forte desnivel que me separa do meu punto de partida, xa que a Cattedrale álzase máis de douscentos metros sobre a miña cabeza, e baixo dela unha formación rochosa que me fai desistir de calquera intento.

Así que continuo no cauce do río, coas ribeiras sementadas de todo tipo de lixo, onde se atopan varios campos de cultivo e os parroquianos parece que teñen a tradición de botar ó río todo aquelo que non /lles serve, lavadoras incluídas. É unha pena, porque o sendeiro invita ó paseo, aínda que o concepto que poda ter eu de camiño, e o uso que me suxeriría, sexa moi diferente ó que teñen os lugareños, para os que é un simple paso cara as súas terras.

Sexa como fora, cando alcanzo unha segunda ponte, atopo unha rampa de asfalto cun pronunciado desnivel, e lévame atravesando escarpados campos plagados de oliveiras, ata a oficina postal onde traballa a miña Piccolina. Xa só me queda reunirme con ela, para reeditar as nosas tenruras, e contarlle dos meus achádegos no entorno no que discorren os seus días, e parte dos meus, e volver proxectar outros camiños, e outros días...






E69 Sentiero San Vito – Marsico Nuovo (Val d’Agri)

Luns, 18 de febreiro de 2008



Ás veces sucede, e do xeito máis insistente nos derradeiros tempos, que esperto e sigo soñando, como se as redes que teceron eses soños me atrapasen e xa non puidera abandonalos. Afortunadamente, estes soños son doces, e non me importa seguilos máis alá do amencer, e sorrir a un novo día abrazado a esa suma de motivos que teño entre os brazos. Si, outra vez esperto e a Ítaca que buscaba nos meus soños converteuse nunha criatura que se aferra ós meus osos, como unha enredadeira cariñosa, mentres o espertador nos grita obrigacións menos oníricas.

Así que mastigo os restos da noite baixo as mantas, mentres as cartas reteñen as caricias das pegadas que tamén levo eu impresas nas costas. E ás nove, como un resorte, salto da cama e, antes de que me atrape o frío que azouta estas terras da Basilicata, póñome varias capas de roupa para afrontar os retos que me propuxen para esta xornada: improvisar unha ruta sendeirista polas montañas que vexo dende o balcón da miña casa lucana.

Chego a tempo de alcanzar o coche do reparto postal de Marsico Nuovo, e que a preciosa carteira que fai a ruta do Val de Pergola teña a ben trasladarme, despois de facer un breve recorrido por illados núcleos rurais onde aínda o sol non desaloxou á neve, escenarios naturais de unha película de Passolini, ata o pequeno lugar de San Vito, famoso polo seu entolecido baile rexional, onde poñerei a proba as miñas dotes de explorador siux e, porque non dicilo, tamén a miña sorte.

Dándolle as costas ó Campi di San Vito, de extensas praderías verdes, salpicados de carballos o castiñeiros, sigo un sendeiro que se dirixe á montaña. Nel teño o meu primeiro contacto coa poboación local, xa que un todo terreo que leva a miña mesma dirección se detén ó meu lado e me pregunta: “Posso passare da questa parte? Si può andare da lì?” ó que me vexo obrigado a respostar: “No lo so, io sono straniero”. O home insiste, porque non lle importa de onde son, el só quere saber se pode continuar: “Però, posso pasar?” así que lle digo, xa con cara de mosqueo: “Non capisco, io sono straniero”.

O tipo arranca a súa macchina con cara de poucos amigos, ou sexa coa que naceu, e deixa tras de si un regueiro de bastos anacos de xeo, despois de atravesar un charco xeado que se estendía nun par de metros polo camiño.

Ás beiras aínda queda neve, e as plantas que sobreviven a este clima de extremos é bastante curiosa, e espeta un inusitado interese botánico en min, así que fotografo as distintas especies, para buscalas despois no proceloso mar da rede, á vez que lamento non ter ó meu lado o Doutor Barros, o experto en botánica que non chegará ata mañá.

Ó pouco tempo o camiño ascende, ata acadar unha vella explotación mineira onde se detivo o todo terreo, onde o conductor fai tanto por ignorarme como eu a el. Parece que os dous temos mellores cousas que facer que practicar idiomas con alguén que non nos cae simpático á primeira.

Eu continúo por un sendeiro que se interna nun caos de caliza, con miles de pedras diseminadas por todo o monte, e non tardo demasiado en acadar o seu cumio. O teito do Monte San Vito é unha agrupación pechada deses bloques de caliza, bastante venteada para o meu gusto, e onde podo compoñer un itinerario a seguir nas próximas horas, para recorrer estas montañas amables da rexión da Basilicata.

Descendo, despois de disparar unha ducia de fotografías cara o val e os cumios veciños, e o fago entre o caos, mais pronunciado, como a súa pendente, da súa cara norte, ata unha extensa planicie labrada: o Campo delle Querce, onde conflúen varios sendeiros, e incluso atopo frechas vermellas pintadas nas pedras, quizais un itinerario sinalizado, que decido seguir, aínda que o pouco tempo envíame de volta a San Vito, polo que desfago os meus pasos e atraveso a sombra dos carballos, seguindo outro camiño que volve ascender.

O astro rei sígueme perseguindo coa súa lingua de lume, e teño que refrescarme na visión dos cumios distantes, máis alá do casco urbano de Marsico Nuovo, onde persisten as neves.

Esta segunda ascensión resérvame unha sorpresa, xa que no cumio se atopa un pequeno pero espeso souto, non en van os parroquianos denominan a este paraxe Monte di Castagno. Intérnome nesta atípica agrupación de árbores nobres, un oasis no medio do outeiro pelado, e entre a follasca atopo multitude de cunchas de caracol, que seguramente sucumbiron entre o intenso frío invernal.

Avanzando ata o seguinte cumio, do que non me separan máis de trescentos metros, e formando unha pequena portela atopo unha pequena zona despexada dedicada ó cultivo do millo, o Campo di Noci, presidido pola sombra dun magnífico exemplar desta especie, visible dende a poboación na que amañecín. É incrible que a esta altura os lugareños persistan en rentabilizar a terra, xa que debe ser bastante penoso o traballala nas condicións adversas que presenta o seu emprazamento.

Dende aquí son poucos os metros que teño que ascender ata o punto máis alto do Monte Della Torre Trombata, un cerro salpicado de caliza onde se atopan os restos dunha antena, protexida, inutilmente xa que agora esta partida no chan, por unha curiosa celda de ferro. Neste punto diviso xa o pobo de Marsico, e unha boa panorámica do Val d’Agri que se estende ós seus pes, e teño unha boa referencia do camiño a seguir, aínda que para elo desestime os camiños e decida rodear o monte para volver ó Campo della Querce.

Cruzando novamente o campo labrado sae ó meu encontro un can de aspecto feroz, ou máis ben tropezo con el, xa que quedou sen pilas e está inmóbil como se sinalase a unha presa. Rapidamente nos facemos amigos e nos quitamos fotos xuntos, mentres indago sobre a raza de este bravo can. A un lado do seu lombo azul e branco podo ler “Made in China”, e penso que tamén na Basilicata abandonan as súas mascotas cando se fan vellas, aínda que teñan, como esta, un pedigree especial.

Non estou sobrado de forzas para levalo comigo, así que nos despedimos e continúo cara unha pechada formación de abetos, por un sendeiro que volve a ascender. Tamén hai outras especies neste bosque, carballos, castiñeiros, tsugas, olmos e algunhas outras que non logro identificar, pero a que destaca é a primeira, que da nome ó lugar: o Monte di Abeti. É sen dubida o tramo máis arborado da xornada, e me da a sensación de que estou camiñando por un sendeiro dos Pirineos, e tamén é o máis continuado, aínda que esto non significa que se volva monótono, xa que a paisaxe que ofrece o val, as montañas e as pequenas poboacións que se divisan ó lonxe, aparece e desaparece segun sexa maior ou menor a espesura da fraga.

Chegados a este punto o camiño dálle as costas a todas estas panorámicas e diríxese cara unha columna de fume, onde se ve unha intensa actividade humana: estou chegando á Mina Nera.
Como non sei si lles molestará a miña intromisión nos seus terreos, me gardo de acercarme demasiado á explotación e no primeiro desvío que atopo, cando xa están á vista os operarios afanándose en facer montañas de mineral, comezo a descender lixeiramente adentándome nun pequeno bosque de carballos e castiñeiros.
Tras pasar este, por unha ampla pista que volve a gañar metros ó ceo, camiño ó último dos cumios, o máis próximo á poboación de Marsico, Monte Sant’Angelo, que ofrece un balcón incomparable ó Val d’Agri, que se estende cara onde me alcanza a vista. O sol está xa moi alto, e teño que emprender o regreso, así que me deteño o imprescindible para tomar testemuña gráfica destas magnificas panorámicas, e busco un camiño polo que poda descender o máis rápido posible. Despois de probar un par de variantes que, ou ben me aloxan do meu obxectivo, ou despois de baixar un pouco comezan outra vez a subir cara o Monte de Aberi, atopo un sendeiro pedregoso que se perde entre unha espesa carballeira e decido continuar por el.

Non erro na miña decisión, porque ademais se dirixe ó pobo sen desviarse e desemboca nunha estación de augas, e alí comeza unha vía asfaltada que me conduce ás primeiras casas. Defendendo unha delas dorme un gran can, e na porta pon un curioso letreiro “Atencione al can ei al patrone”, con un debuxo dun can ensinando os dentes e unha man empuñando unha pistola, polo que deduzo que os lucanos son bastantes celosos das súas propiedades.

Unha central eléctrica me indica a entrada no casco urbano, e a vía asfaltada se transforma en estrada. Cruzo un pequeno ponte salvando un diminuto regueiro que me nego a identificar como o Fiume Agri, pois non podo crer que se reduza a esto a liña de auga que lle da vida ó val. Por fortuna o tramo da estrada é curto, xa que me atopo un desvío ó pouco que me leva a Chiesa de Santa Luzia, que leva uns ollos de reposto na man, e un pouco máis adiante, xa no pobo, á Chiesa de San Rocco, que será do século XVIII, pero que é fea con ganas.

Como aínda me queda tempo o inverto en visitar a casa consistorial de Marsico Nuovo, onde monto unha pequena revolta preguntando pola oficina de turismo. Unha señora amable e un pouco agobiada pola miña visita, me leva dunha dependencia a outra, preguntando ás súas compañeiras pola información turística do concello.

Non consigo máis que un par de folletos xerais do pobo e un mapa, bastante completo, do Parque Natural do Pollino Lucano, unha das zonas ás que máis ganas lle teño da rexión. Despídome agradecido e volven respirar nas dependencias municipais. Así regreso á casiña dos meus soños, e o meu soño me espera sentada á porta, con ganas de que lle conte en que invertín as horas da mañá: este é un resumen do que lle contei mentres xantabamos...

Por certo, a comida foi espectacular, fomos ó Agroturismo Vignola onde nos puxeron un menú de degustación, con un abanico de embutidos e queixo: capicollo, salsiccia, prosciutto, formaggio con tonno, e despois máis antipasti: funghi trifolati, prosciutto alla giardiniera, ricotta, pancetta al vapore, mela con rucola e noci, e máis tarde un pouquiño de pasta.. fusilli con ragù, ravioli di ricotta con funghi e salvia. Ah, e de postre: crostata al cioccolato, e torta con crema. Aquí non había outra opción que deixarse levar, ou dicir basta, e nós optamos por unha cousa primeiro e despois pola outra, cando xa non tiñamos máis oco no estómago. Quizais só un pequeno, para o café, que é obrigatorio despois dun opíparo festín como este.

E así foi a miña primeira xornada marsicana, polo menos no referente ás miñas incursións montañeiras e, obrigado é dicilo, gastronómicas, co que descubrín as dúas enormes potencias que ten esta zona, nas que, sen dubida, insistirei.

E45 Sentieri di Pollino (Crónica incompleta)

Domingo, 12 de agosto de 2007

Son as seis da mañá e xa amenceu en Rivello. A Casa Armanda espertase.

Pietro é o primeiro en aparecer polo pasillo. O observo dende a miña cama ubicada no salón. Dende este lugar estratéxico controlo tódolos movementos da planta baixa. Xurxo non tarda en aparecer, me da os bos días no seu perfecto italiano.

-Buongiorno, Nacho-

Cun cálido sorriso se dirixe á cociña contigua ó salón, para preparar un café ben cargado para a prole galega. Leva unha camiseta de Nunca Máis e Non á Guerra, con un buraco á altura do peito que deixa ó descuberto o seu petón esquerdo. Bromea e me sirve un café para rematar de espertar.

Aparecen Yuka e Ramón, practicamente recuperado da gripe que lle obrigou a gardar cama o día anterior, aconsellado sabiamente polo noso anfitrión Pietro, quen temía que a cousa puidera empeorar e converterse en bronquite.

Máis vale perderse un día de excursión que arriscar a saúde, non vaia ser o demo.

Así os caldos quentes de María e os coidados de Yuka aceleraron a recuperación do noso amigo.

Ramón e Yuka teñen que pasar diante da miña cama en plena noite, e o fan con todo o coidado e sixilo para non espertarme, pero nunca o conseguen. En parte porque o vello chan de madeira ou a cuberta de baldosas se move e ruxe un pouco o camiñar sobre el.

Finalmente chega Xacobe, esforzándose en manter os ollos ben abertos para afastarse definitivamente dos brazos de Morfeo.

Fáltanos o noso querido Anxo, pero a súa cita de hoxe non é con a montaña.

Tralos contundentes cafés á italiana, o grupo galiciano xa está ó completo, e listo para a partida cara o Parque Nacionale de Pollino, situado nos Apeninos Meridionais, no empeine da bota italiana.

O grupo italiano está formado polo xefe da casa, Pietro, o noso coidador e mestre aborixe, sempre pendente de facernos descubrir tódolos detalles das marabillas, para que non pasen desapercibidos.

-Nacho, mira o marabilloso ceo de estrelas que nos ilumina esta noite.-

María é a xefa da cociña. As súas mans elaboran exquisitos pratos de pasta que non probaramos nunca, en onde pon todo o seu amor e agarimo. Pero tampouco dubida en gritarche:

-Fuori!!!

Cando lle incomodas o mais mínimo, intentando facer algo para axudar, e so consigue desconcertarnos.

Santos, o irmán maior de Pietro e marido de María, é o noso conductor no amplo senso da palabra. Dirixe a expedición a bordo do seu todo terreo e nos marca o camiño. O seguinos no noso Ford Fusión, alugado en Nápoles, e el asegurase co walkie-talkie de que todo vai ben.

-Giorgio! Me senti? Paso.-

Giorgio le senti e cántalle unha cantiga napolitana.

Chegamos a Rotande, tras unha hora e media de viaxe, onde tomamos a nosa prima colacione nun bar do pobo, consistente en capuccinos e doces.

O dono do bar danos a dirección para que lle enviemos unha postal dende Galicia e a anota nun papeliño que Xurxo me confía, e acabo perdendo, pola miña manifesta falta de celo. Quizá podamos conseguila novamente de algún xeito.

Damos un pequeno paseo pola vila, para admirar as súas igrexas e monumentos, antes de proseguir a viaxe cara o Pollino.

Teño que presentaros a dous formidables rapaces. Nirco é o fillo de Santos e de María, e Alexandro é o seu primo. Nirco é simpático e mordaz como el só, a súa moza chamase Rosa e é unha bela napolitana cunha fermosa voz.

A primeira mañan en Rivello a escoitamos no móbil de Nirco, cantándonos unha cantiga, aínda que seguramente ela non se decataría ata que todos aplaudimos, porque exclamou sorprendida, algo en italiano, que tal vez quería dicir:

-Que vergoña!

Alexandro é un rapaz moreno e delgado, coa fisionomía do italiano do sur, típico dunha película de Visconti. Algo máis tímido que Nirco, aínda que a comparación é inxusta, este é o Vesubio en erupción cando se pon a facer das súas.

Así e todo Alexandro sería protagonista destacado da camiñata do Pítao de Pollino.

Recompilando, por se hai algún despistado, o grupo estaba formado por Xurxo, Yuka, Ramón, Xacobe e Nacho, pola parte galega, e Pietro, María, Santo, Nirco e Alexandro, pola parte italiana.

Seguidores