Mostrando entradas con la etiqueta Cangas do Morrazo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cangas do Morrazo. Mostrar todas las entradas

E296 Sendeiro da Soavela (Cangas do Morrazo)



Sol, 10 de novembro de 2013

Eu non cría que podería pasalo así de ben sen planificalo. Pero, as veces, a vida ofréceche sorpresas coma esta e, “Soniña, sen planificar, as cousas poden saír se cadra mellor”.

Estaba un chisco de mal humor “mañaneiro”. Tiña todo o que precisaba na bolsa, pero chegaba tarde por mor dunha maratón que me colleu no coche e ¡inda por riba! Comezaba a chover. 

Anxo sacou da chisteira do mago que é, dúas posibilidades de camiños non moi lonxe, pois eu estaba de garda esa fin de semana e “por si acaso” é mellor estar preto de Vigo. Eu pensei que a Soavela era una boa opción e Alex nin chistou, el dixo que si porque o que ten este rapaz é moi sinxelo: ilusión por compartir. Así que recollemos a Alex (tarde) e tiramos rumbo ó outro lado da ría, coma fixen eu soa outro domingo deste ano, o día da Nai, para reunirme daquela con Panette e Anxo. Polo camiño choveu, mais ó chegar alí o día estaba tranquilo, non había aire e tiñamos unha boa temperatura.

Saímos do coche e Alex xa fixo un amigo, un can preguiceiro que non quixo acompañarnos na andaina, mais logo atoparíamos a un mais cariñoso que a piques estivo de ser raptado. Eu so lembro de todo o día que falamos, Alex e eu falamos moitísimo polo camiño, mentres Anxo facía fotos. 

O sendeiro parecía que ia por un camiño sinxelo de seguir, mais nunha encrucillada torceuse o tema e Anxo levounos pola aventura: monte abaixo entre enormes pedras e eucaliptos (véxase “ecalitos” ou “alcalitos”, coma din algúns). Alí Alex mergullouse nunha roca onde podía ata vivir alguén, Anxo atopou a laboriosa casiña dunha araña e eu, mentres, ollei ó ceo entre aquelas altísimas árbores. Estabamos no medio da nada. Eu o sentía así. 

Lembro que falamos, xusto naquel intre, do furacán de Filipinas, da desgraza de estar alí, ou de estar aquí e non facer nada... quizais a conversa non foi esta exactamente, mais eu lémbroa así na miña cabeza. 

Continuamos cara abaixo, e pensei “uff, logo para subir, Sonia...”, cando de repente chegamos á civilización, catro casas e o mar, mais pronto a estreita carreteira meteunos por unha pista de terra ata chegar a unha urbanización, e alí decidimos virar pola dereita e polo medio do monte, non sei como fixemos, atopámonos cun muro, ¡estabamos no lado de dentro! é dicir, case que no xardín dunha das casas, e se o veciño saía pola ventá podía saudarnos e invitarnos a entrar (ou a saír...) da urbanización. Entón foi cando Alex mai eu, a pesares do que pensaba Anxo, decidimos saltar polo muro para pasar ó outro lado do camiño, ¡que risa, miña nai! Os cans que por alí andaban non nos fixeron casiño ningún. Eles tiñan mellores cousas que facer, coma estar tombados ó sol da tarde.

Xa había fame facía un anaco, pero Anxo quería levarnos a xantar a un sitio moi especial, un deses que el coñece e comparte, abofé que o era... e foi así coma camiñando a carón das casas pechadas pola bravura do inverno (que xa está aquí), chegamos o destino: Punta Couso, cunhas vistas máis que fermosas dende o seu pequeno Faro: as Illas de Ons, Cíes, o Pico da Curota... e unhas nubes co sol no medio que estou segura que nas fotografías de Anxo veranse mellor do que eu tento explicar. ¡Qué momento tan incrible!, é que o penso e póñome nostálxica... Si, a compaña unha vez máis era do mellorciño e o lugar irrepetible.

Alí comemos e nestas estabamos cando achegouse un canciño, o que bautizamos Manso, e imaxinade porqué: tiña unha cara de bo, que xa lles gustaría a moitas persoas. Dende o primeiro momento Anxo e máis el foron un, se cadra porque o bocadillo de Anxo non estaba moi bo e deullo case todo, ou que non lle gustaba ó canciño a leituga do meu sandwich, ou que Alex ollaba ó horizonte, saboreando o seu bocado, sen reparar en darlle nin un anaco a Manso (¡apuradamente Alex!). Mais logo dun ratiño o can xa estaba pegado a el, comendo literalmente da súa man, si, así foi. E daquela xa amigos para sempre coma dí a canción.

Anxo tirou unhas fotos, eu tamén e Alex quitoulle ata os carrachos ó can, e comezou a planificarlle o futuro chamando o seu pai (o do can non, o de Alex), a Xaime... para buscar quen coidara ó can para o resto da vida. Pero non tivo sorte nin Alex, nin o can, e este último cheirando o que lle viña enriba, colleu e marchou para a súa casiña, na urbanización, ante a mirada de sorpresa de nos os tres. ¡Vaia nabo que levamos! E con esta pequena anécdota retomamos o camiño de volta cara o coche, que aínda quedaba moito que camiñar e descubrir no camiño.

O capitán “yo-yo”, levounos por onde quixo, fixo de nos “un pandeiro” e veña costa arriba, e veña costa abaixo SEN COMPAIXÓN, e aínda que Alex e mais eu non queriamos subir polo monte dos eucaliptos, tivemos que facelo ó percatarnos que Anxo xa decidira que aquel camiño era o correcto. Mais canto rimos, aínda cansos, por aquela costiña.

Xa fixérase noite, xa estabamos esgotados (eu a lo menos), mais a temperatura era boa e a lúa fermosa, e pouquiño a pouco, chegamos ó coche fartos de rir.

Logo desas, xa se sabe, unha cervexa, nestas foi na de Iglesias en Aldán, o das empanadas, rodeados de rapaces e ollando as fotos da xornada.

¡Meus reis, sodes incribles os dous!

E287 Roteiro de Donón (Cangas do Morrazo)

Sol, 5 de mayo de 2013
Era unha xornada estraña porque non era presumible que saíra a camiñar tendo en conta que tratábase do día que algúns denominaron "do Corte Inglés": para min este, coma moitos outros, era o dia da nai. Pero aínda que moitas veces movéronme motivos suficientes para saír á andaina dominical aínda que chovera ou estivera dun humor de cans, hoxe tiña grandes razóns e de moito peso para comer coa miña queridísima nai. 
A pesares diso, Anxo e Panette agardaron por min amablemente, para que lles alcanzara no percorrido da tarde polo Morrazo... que boa idea tiveron! E non saben o que lles agradecín que me acolleran... rematei a sobremesa cando eles estaban co café, collín o meu coche e “planteime” tan rápido coma puiden no destino: Donón e a Costa da Vela.
O chegar alí, Anxo xa estaba coa súa cámara fotografando un enorme lagarto mentres Panette o observaba coa serenidade que lle caracteriza. Uninme ó grupo e puxemos rumbo ás dunas de Barra. A ruta, en parte, era descoñecida para min, así que estaba curiosa e ansiosa por saber o que me atoparía. 
Entramos na praia dende un conxunto de casas onde Panette pasaba gran parte dos seus veráns e relatábanos, dándonos certa envexa, as súas aventuras nesa etapa da súa vida. Fomos descendendo entre verxeis, oasis, muíños de auga fresca... todo o que ollabamos estaba en plena bulir, pola chuvia deste inverno. A flora estaba esplendorosa, así o dicían tamén os meus compañeiros, daba a sensación de estar en plena sabana, con tigres, leóns e gacela incluídos (representados tamén en cada un de nós). 
Despois de facer unha paradiña no muíño de augas frescas para tirar unhas fotos, fumar un cigarro, refrescarse ou charlar sen máis (Panette ¿en qué quedou ese concurso de facebook do que falamos sobre as preguntas e respostas que posibles interasadas/os poidan responder?), continuamos cara ó claro das dunas e as charcas que aínda estaban no camiño. 
Unha servidora xa dende o comezo mollara as deportivas, pola outra banda pouco apropiadas para unha camiñata... Pero pouco importaba porque ó fin o astro sol bendicíranos coa súa presenza. 
Despois de ver a Anxo trepar a unha árbore, e sobre todo rirnos ó ollar coma tentaba o descenso, chegamos á praia de Barra e camiñamos pola marxe da costa sobre as rocas continuando ó longo... desfrutando das marabillosas vistas desa praia de ensono. 
Dende alí chegamos a unha salina antiga onde aparte de rir, pasei o susto da miña vida... corrín coma o vento para esquivar un, en teoría, posible xabarín morto que logo resultou ser un saco de percebes tan podres coma o cheiro que podería votar o "suposto" animal. Rir, rimos un rato pero o pellizco que lle din a Panette para que me deixara pasar diante aínda debe doerlle hoxe. 
E tras ese camiño chegamos ó noso primeiro cabo e faro: o Cabo Longueiron, dende onde sacamos unhas cantas fotos da "fauna" animalohumán que alí habitaba un domingo desas características... outro bo rato para rirmos ollando a femias con tacóns e mozos sufridores tentando rescatalas das alturas entre a verde pradeira. 
Despois dunhas instantáneas e de ollar o mar con esa tranquilidade que aportan as augas ós que somos de costa, baixamos un ratiño monte abaixo cara á praia de Melide, alí fixen un repaso na miña memoria trasladándome á tempos nos que acampaba coa miña nai e meu pai, ata o meu irmán estaba alí connosco... ¡qué tempos doces e canto me gustaba pasar os días alí, pegadiña á praia! 
Logo de deixar atrás a praia seguimos cara o seguinte cabo e o seu faro tamén, o de Robaleira, e dende alí Anxo xa nos tirara fotos ó Panette e a min mentres prohibía que colleramos as plantas de namorar do monte, o que eu entendo, porque para iso están alí crecendo, pero Panette mais eu collemos cadanseu puñado a escondidas coma raparigos mentres agardamos máis que un intre polo fotografo da expedición.
E os dous tomamos rumbo ó Faro de Cabo Home e alí falamos e calamos, respiramos o ar e agardamos polo Anxo, que andaba polas rocas arriba e abaixo, nunhas curiosas formacións que o mar e o vento fixeron.
Despois todo o camiño da pista deixounos ollar ese horizonte que non se sabe onde remata e que fainos parecer pequeniños nun solpor abraiante.
Rematamos a xornada comendo un bocado e bebendo en Hío, esgotados pero ledos de compartir unha xornada máis verbas, sorrisos, pasos e confesións.

E196 Sendeiro da Costa da Vela (Cangas do Morrazo)



Mércores, 23 de febreiro de 2011

Semellaba que se anticipara a primavera, o ceo estaba cuberto por un manto intensamente azul, e estivera toda a mañá matinando dende o peirao de Punta Cubillón sobre como aproveitar o que me restaba de xornada, na que o único compromiso que tiña era disfrutala. A véspera estivera toda a tarde mergullando na rede, buscando as claves das revolucións que prenderan por todo o mundo árabe e algo máis ala, e que remataran coas tiranías de Ben Alí e Mubarak, e mesmo lle dera un bo repaso ás teorías do autogolpe no famoso 23-F, desbotando a versión oficial de que fora a monarquía e a caduca clase política que pactara a transición a que salvara esa democracia coa que aínda seguen a enche-la boca (e o bandullo).

Así que, unha vez rematada a miña quenda de traballo, e despois de xantar sen demasiado apetito, montei no meu carriño e metinme na autoestrada, sen saber moi ben cara onde dirixirme. Apetecíame estirar as pernas ó carón dalgún río, quizais o Tamuxe ou o Verdugo, onde tiña pendentes algúns recoñecementos, ou seguindo algunha liña de costa, pero o tempo cumpría e non estaba a tarde para perdela en desprazamentos. Así que elixín un valor seguro: a Costa da Vela. Por moitas veces que recorra as súas liñas non me dou esgotado, xa que a maxia que emana nestes lugares e moi poderosa para min, xa que nelas residen moitas e moi boas lembranzas da miña biografía. É certamente un deses lugares que poboan o meu imaxinario particular, e dentro del ocupan un lugar preferente.

Ás cinco da tarde estaba aparcando ó carón da caracola metálica de Donón, unha desas intervencións humanas na natureza que considero afortunadas, e non demorei en bota-la mochila ás costas e poñerme en marcha. Atravesei o pobo sen máis compaña ca miña sombra, seguindo as marcas do defunto GR do Morrazo. Non tardei tampouco en desenfundar a miña cámara pois, a pesares de moitas imaxes do entorno do regato de Donón nos meus arquivos, a luz deste día era espectacular, e todo semellaba ter un color máis intenso.

Contra o que teño acostumado crucei o regato por unha senlleira pontella, en troques de seguir pola marxe dereita para internarme na pequena carballeira que vai cara a praia.

As dunas e os piñeirais de Barra invitaban a camiñar a modiño, deténdose na contemplación da vexetación máis miúda, disfrutando de cada pegada, de cada silencio. Nesas estaba cando escoitei unhas augas cantareiras, e por momentos vinme fora do mapa. Ás miñas costas, xa algo afastado, estaba o regato de Donón, que no derradeiro quilómetro descorría paseniño cara ó mar, e cara adiante só area e piñeiros. Ou polo menos eso era o que cría eu.

Andiven tras do orixe do ruído e, como se entrara nun conto, vinme diante dunha pequena presa de pedra, por onde se derramaba un regato que viña facendo eses dunha tupida fraga de ribeira. Eran moitas as veces que me internara nos areais de Barra, e nunca vira tal cousa, ata un muíño había alí para completa-lo conxunto. Faltoume tempo para rexistrar cada recuncho, e sentín so por este descubrimento xa pagaba a pena cruza-la ría.

Seguín o regato ata que algúns metros máis alá atopei a súa converxencia co de Donón, e camiñei ó carón deste ata que xuntos chegamos ó mar. O sol dáballe as derradeiras lambetadas á praia de Barra, e non demorei máis tempo en coller o camiño que vai sorteando a costa, cara Punta Longueirón. Apertei o paso porque á cara leste da Costa da Vela xa non chegaba o calor do Lourenzo, e cando estaba a piques de baixar á antiga fábrica de salgado detívenme fronte a unha sinal que marcaba en dirección oposta co lema “Roteiro”.

Nunca virá tal, así que, por segunda vez na tarde, decidín mudar o trazado ó que adoito coller a miúdo. Subindo entre eucaliptos comecei a pensar nos diferentes xeitos de camiñar, só ou en compañía de outros, e volvín a darlle voltas ó tema dos Eivadiños, no sentido que tiña continuar con algo no que, a maioría das veces, semella que é un proxecto particular, e polo tanto no meu fracaso en tentar de convertelo en algo colectivo. Facía tempo que non camiñaba só, e o certo é que estaba a gustar da experiencia...

Nestas maquinacións estaba cando din coa pista que rodea a Costa da Vela, por onde no verán circulan moreas de coches, algo que non sucedería si houbera vontade política de integrala, como estivo proxectado, no Parque Natural das Illas Atlánticas. Ata un día como hoxe había vehículos aparcados ó carón do Facho de Punta Subrido. Eran só tres, pero dáme igual tres que trescentos.
Din en facer un alto no camiño, e aproveitar as derradeiras luces do día, as máis intensas antes de que, entre fusco e lusco, chegaran paseniño as tebras, para fotografar sen presas o senlleiro facho. Penso que fun quen de atrapar algunhas postais fermosas deste recuncho, dende onde se teñen algunhas das mellores panorámicas da enseada de Barra, e de un bo anaco da ría de Vigo.

Tiven que baixar a lume de carozo cara a praia de Melide, a máis setentrional da península, porque o sol xa estaba a deitarse tralas illas Cíes. Sentín unha certa paz cruzando o areal en soidade, en silencio, coas ondas lambéndome os pes, e sentín o efémero da miña presencia nesta terra, das miñas pegadas, das miñas palabras, dos meus afectos. Ser consciente de que todo ten un principio e un final, e aceptalo.

É certo que xunto ese momento, na transición entre o día e a noite, é o máis proclive a melancolía, pero eu estaba máis preocupado con chegar a Punta Robaleira con algo de luz para botarlle catro disparos o facho vermello. Nin catro nin un, porque cando cheguei canda el Lourenzo xa se afundira definitivamente trala illas. Empezaba a arrefriar, e na miña mochila non levaba demasiado abrigo, así que apertei o paso e, so por cumprir co ritual de acercarme ata o facho de Punta Vixía, que garda o Cabo Home (aínda hai quen, erroneamente, chama así a tódala Costa da Vela).

Apertei aínda máis o paso, camiñando pola pista de terra pola que sentía na caluga o alento das tebras. Cruceime con dúas parellas en coche que, de seguro, agardaban este momento para evitar as miradas curiosas e dar renda solta os seus instintos, e os meus xa pedían algo sólido que tranquilizara o ruxido do meu bandullo. Botei ata unha carreiriña de can, entrei en calor, suei un chisco, e cando me decatei xa tiña fronte a min o Monte do Facho, coas casas de Donón baixo a súa aba.

Que visión fermosa, pensei, da que é imposible cansarse, e fantasiei co que sentiría un camiñante vido de afastadas terras se dera, de repente, con este lugar máxico. Sentinme ben, mellor, despois de tres horas movendo as pernas e o corazón, e só por un momento fraqueei, e desexei ter algún Eivadiño ó meu carón para tomar un grolo na taberna máis preta.

E166 Sendeiro da Costa da Soavela (Cangas do Morrazo)



Sábado, 10 de abril de 2010

Conta Cervantes qué ó mais célebre fidalgo da Mancha deulle volta a cabeza cos libros de cabalerías. Ó noso Anxiño, a luz dos Eivadiños, ultimamente cando pecha os ollos escoita os cascos de 4 cabalos e ve ó fin do mundo e o seu propio por todas partes. Non sei si foi que leu o Apocalipses e tornoulle o sentido, ou que co recente cabo de ano da morte de Kurt Cobain anda por aí o seu espírito buscando ánimas pra un concerto no inferno. Esperemos que estea nun proceso creativo e que todo sexan ensoñacións; haberá que segui-los relatos do blog do Angelonero.

Este grupo de nómades dos camiños, ten na súa esencia as caídas dos pexegueiros, dos cantís de Monteferro, e mesmo eu acabo de torcer un pé por enésima vez antes de escribir esta crónica. Se non estivese eivado, non ía eu estar aquí estomballado na area e abrasándome co sol, no mesmo escenario onde onte marchaba polos carreiros. A ver se esta paraxe á que onte lle arrinquei unhas fotiños, hoxe me inspira pra escribir aljunhas palabras.

Hoxe non temos cabaleiro que nos guíe, pero aquí estamos dous dos escudeiros pra percorrer os montes e manter vivo este xerador de historias; pena que pra algúns sexa só sendeirismo. Convencín ó Panete pra saír a patear e as súas tendencias naturistas nos levaron a praia de Barra pra dende alí iniciar a volta á costa da Soa Vela. Comezamos cun baño iniciático que case nos deixa na area prostrados todo ó día, pra recuperar ó sol a enerxía que as xélidas augas arrincaron do noso corpo.

Iamos lixeiros de provisións e un boliño que mercamos de camiño e unha barra de chourizo foi todo o noso sustento. Un plátano a medias e un peladillo deron o toque doce antes de arrincar dende Cabo Home cara ó Facho.

Neste lado norte da sombra, sopraba unha brisiña que fixo agradable o camiño baixo un sol cenital que non deixaba unha mínima sombra que dera contraste ás fotiños que ía tirando.

Algún papanatas que non aprendera a andar, pasou por nós levantando nubes de pó que amargaron o regustiño que traíamos na boca tralo xantar. Aínda por riba pretendendo que nos apartaramos pra deixarlle o paso libre e o seu mega coche non batera nos baixos. A súa acompañante era das que se perden polos mamalóns cun deportivo vermello, pero sejuro que non habería de empurrarlle polo cacharro como rachara o cárter nun penedo.

Na sombra do monte Facho, e tras unha espesa barba unha personaxe extraña observábanos dende uns ollos profundos; pasamos a súa beira pero o saúdo non provocou nin sequera o seu pestanexo.

Chegados ó alto e unha vez mais abraiados polas vistas, pousámo-lo cu pra escoita-lo silencio, ata que unha concentración moteira se congregou por alí e empezaron a facer barullo e a mirarse os escapes os uns os outros. Deixamos atrás as bestas vestidas de coiro e volvemos cara a Barra onde tras varios intentos de descargar enerxía abrazando ós árbores, o Panete atopou o lugar onde liberar o estrés.

Mentres nós, na praia, lle dábamos merecido repouso ós nosos músculos, o Anxiño buscara paz pro seu corpo nas urxencias do hospital, onde as fadas da farmacoloxía fluían pola agulla e se fundían no torrente do seu sangue.

E159 Sendeiro da Costa da Soavela (Cangas do Morrazo)


Domingo, 24 de xaneiro de 2010

Por terceira vez guío ós Eivadiños pola Costa da Soavela, nos confíns da península do Morrazo. Na primeira, en febreiro de 2007, nos albores de toda esta historia, fixen este camiño con Habibi e Nuria. Na segunda, xa cumpridos un cento de andainas pola xeografía galega e portuguesa, e máis alá, ata sementar pegadas nos Pirineos e nos Apeninos, acompañáronme Georgia, Carla e Samuel, en marzo de 2009.

Desta volta xa somos lexión, xa que nos últimos tempos sumáronse incondicionais á nosa fórmula, como Miguel, Xaime, Alex e Fani (dispostos aquí por orden de antigüidade), xunto con outros descontinuos como Vicki e Cari, e incluso un novísimo (este era a súa primeira saída) Xosé. Semella que é o mesmo camiño, pero non esquezo que Gaia está viva, aínda que doente, é que os sendeiros mudan, se agochan entre a vexetación ou baixo os lameiros, e que sempre ofrece sorpresas, unhas máis agradables que outras.

Na praia de Menduiña almorzamos bocadillos de calamares nunha terraza, tomando o sol como lagartos das silveiras, a pesares de que o vento ás veces acariñábanos para lembrarnos a estación na que estabamos. E os cafés, chupitos e xarotos estiveron a piques de complicar os nosos plans, xa que estaba todo disposto para alongar a sobremesa. Outra vez tiven que pórme bravo para que ergueran o cu e foramos cara o punto de partida.

Deixamos os coches en Donón, a carón dun trebello metálico que semella unha caracola, onde estiramos e quitamos unha foto de grupo. Dende alí, antes de partir, botámoslle unha ollada ás Illas Cíes: San Martiño, Faro e Monteagudo, e sen máis avanzamos por un estreito sendeiro enfochancado que, entre campos valados con mesmo granito dos cantís, levounos ata a rocha onde se atopa a escola de escalada, na que tantas tardes xoguei a desafiar ó bacío.

Para non volver chorar por aquel que fun, e maldecir a miña natureza e este corpo que agora me contén, démoslles as costas ós Amerika e ós Spits que penduraban da rocha, agardando por cordas trenzadas e cintas exprés, e continuamos pola pista de terra que vai cara Berobriga, o castro que se ergue sobre o Monte Facho, territorio de lenda e de outras nostalxias.

Para non ter un empacho de melodrama, e tamén por medo a que a tropa se relaxara coas vistas dende o Facho, convín en deixar para o final a ascensión, e seguir polo camiño empedrado ata onde se perde de vista o mundo habitado. Saímos a unha pista que discorre entre unha espesa masa arbustiva, toxos, carrizos e silveiras, con algún piñeiro illado e salpicado de penedos de diferentes formas e tamaños, que na nosa marxe esquerda forman cantís de máis dun centenar de metros de altitude, aínda que ás veces non vemos o mar xa que camiñamos algo afastados da costa.

En moitas zonas a auga está ancorada en longas lameiras, e o noso grupo é duplicado nun espello que reflexa tamén un ceo primaveral, espertando sorrisos e confidencias. Camiñamos de vagar, entreténdonos a contemplar o horizonte, onde o océano parece infinito, ou enredando entre rochas furadas que semellan cadeiras talladas polo vento e pola auga.

A pista remata ó chegar a unha torre de alta tensión, e a pesares de que dende a derradeira vez que estiven aquí se fixo unha boa tarefa de desbroce, é imposible avanzar entre os toxos, e outra vez teño que tirar da memoria e orientar ó grupo entre un bosque de eucaliptos polo que baixamos, non sen algo de risco, entre pedras cheas de brión e follasca húmida. Aquí as nosas tropas están fantabulasticas, e de seguida chegamos a un camiño que recoñezo para seguir co noso avance, a pesares de que tamén aquí temos que sortear algunha árbore abatida polo último temporal.

Os camiños están vivos se alguén os camiña, e tamén se os organismos oficias teñen a ben mantelos, e neste caso alédome de que esta zona entre na Rede Natura, e que me ofrezan a posibilidade de investigar novas rutas. En eso estamos cando descubrimos a dous rapaces que baixan dun outeiro, cara onde nos diriximos para que nos serva de atalaia, aínda que a piques estamos de perder a Fani, que non sabemos se tenta captar os mozos para o noso grupo, ou formar outro con eles. O certo é que paga a pena o pequeno ascenso, xa que as vistas dende aquí son espectaculares: á nosa esquerda a Illa de Ons, á nosa dereita a Ría de Aldán, e fronte a nós o noso obxectivo: Punta Couso.

Tamén vemos bordeando a costa un camiño que seguen os amigos de Fani, e decidímonos a seguilo. Aínda que reviste unha certa dificultade, polo abrupto do terreo e por atoparse enfochancado en moitos tramos, este sendeiro ofrécenos a posibilidade de descubrir unha parte da Costa da Soavela que non coñeciamos, e que nos resulta realmente fermosa, con grandes formación rochosas que discorren cara o mar. Incluso Vicki, que intúe o perigo cada vez que nos afastamos de pistas ou camiños carreteiros, tense que render á maxia deste lugar, a pesares de que en algún momento mire para o guía como dicindo: non será mellor que demos volta?.

A fortuna sempre esta de parte dos que se atreven, e cando o sendeiro remata e non hai outra cousa que abismo alguén, Alex ou Xaime que lideran a vangarda, atopan un muro que ascende, e a carón del tamén ascendemos nós, ata dar cun chalet deses que espertan a envexa, e que ademais o Panette recoñece como pertencente a uns amigos seus. Aquí comeza o territorio urbanizado do Cabo Couso, moi preto de onde estaba situada unha batería de costa, e non tardamos en atopar o camiño que nos leva ata o faro.

Punta Couso recíbenos coas súas mellores galas, o ceo azul perfila a silueta branca e verde do pequeno faro, e o grupo se espalla ó seu redor para disfrutar da paisaxe, auga, vento e pedra en perfecta comunión, como nos tempos primixenios. A pesares de que fai un chisco de frío e de que temos o tempo xusto para o regreso, quedámonos enfeitizados con este anaquiño do paraíso, tanto os que o visitan por primeira vez como os que, como Fani, teñen algunha lembranza do lugar co que erguernos un sorriso.

Cando tamén erguemos os nosos traseiros, e lle damos as costas ó faro, avanzamos cara a ría de Aldán tentando bordear a costa, fronte a Punta Testada, e as praias de Lagos, Bón e Rebentóns, xa no concello de Bueu, pero unha vez máis, e xa é a terceira que me pasa, temos algúns problemas para atopar o camiño correcto. Rematamos facendo perigosos equilibrios polos cantís, e cando esto faise temerario de máis non nos queda outra que subir entre os toxos para buscar un punto de fuga.

Atopámolo, non podía ser outra, aínda que nos leve ó punto de partida: ó camiño que vai cara o Faro. Cousa boa esta xente de Eivadiños, que se contenta con bufar e non tentaron lincharme, aínda que, por se acaso, afasteime un pouco do grupo, por non tentar ó demo, mentres pasabamos ó carón de grandes casaríos, algúns deles verdadeiras aberracións urbanísticas.

Lembro entre eles un pequeno carreiro que se interna nunha fraga de piñeiros, acacias e eucaliptos, e por alí conduzo o grupo, que xa non ten moitas ganas de troula e non confía moito en que vaiamos na dirección correcta. Pero non hai dúbida, xa que por aquí imos dar a Punta Alanda, onde se atopan as calas máis afastadas da parroquia de O Hío (léase Ojaio), por onde transcorre un camiño carreteiro onde o brión cobre grandes pedras que o delimitan. Miguel, home de mar, non resiste baixar ata a area, mentres o resto ralentiza o paso para agardalo.

Non tardamos moito en chegar a unha estrada, a que da acceso a urbanización privada de Couso, e a cruzamos para internarnos outra vez no bosque de eucaliptos e piñeiros polo que, tirando outra vez da memoria, non tardamos en ascender cara a torreta de tendido eléctrico que marca o inicio da pista forestal que vai cara Donón. Aínda temos que rascar un pouco as perniñas antes de chegar ata alí, e os toxos fan dubidar a Cari, que tivo a súa primeira experiencia eivadiña no xeo, de asistir a novas convocatorias ¡agardamos que non sexa así!.

O derradeiro tramo da nosa ruta o facemos a bo paso, comandados por Miguel, que xa ten experiencia en turrar do grupo, pois o sol xa está preto de agocharse tralas Cíes, e o noso desexo é chegar antes de que as tebras se nos boten enriba. Gustaríame pór un broche de ouro mirando o crepúsculo dende o Monte Faro, pero non pode ser, xa que cando chegamos ó camiño empedrado xa é de noite, e bastante temos con tentar non caer nos últimos metros.

E así foi e, con algo de retraso, pois era outro o que estaba encargado da crónica, así volo conto. Ata outra, amiguiños...

E110 Sendeiro da Costa da Soavela (Cangas do Morrazo)


Domingo, 2 de marzo de 2009

Como me guindei das gadoupas do soño, que tentaban aterrarme entre nubes de tenrura, co señor Afranio vagando entre as tebras, fuxindo da barbarie, cunha fartura de arroz malandro que levaría a fartura a un poboado galo, cos ollos dun aguia batendo os cores da xeografía báltica, ca pegada poderosa do batería dos Aphonnic percutindo en medio do inferno, cunha constelación de seres queridos coséndome as ás con sorrisos, ou cos ecos dunha reconquista desorganizada na que só brilaba o diaño napoleónico.

Non sei como fun quen de afastarme de esa mestura de soños, na que non levaba nin cinco horas navegando, e máis aínda como puiden desfacer o nó de membros confundidos, e alonxar o inventario de síndromes previsibles a tantos excesos, e pór un pé no chan, e despois outro, e comezar a camiñar.

Pero fíxeno, máis porque son un home teimudo que porque tivera almacenadas forzas extraordinarias para elo, e mentres os meus pes me levaban polo pasillo, polas rúas, polo asfalto, xa ía improvisando novos soños, para tentar atrapalos, para pechalos neste contenedor de lembranzas.

E grazas á maxia que te leva voando duns soños ós outros, aparecín sentado ás beiras da praia de Menduiña, nos confíns da Península do Morrazo, na compaña dos sorrisos perpetuos de Georgia e de Carla, mentres diante dos nosos ollos ían desfilando como nubes unha sucesión de manxares: empanada de algas e mexillóns, calamares rebozados, ensalada morna de froitas e queixo, xamón asado con patacas.

As gaivotas facían piruetas arriscadas entre as rochas, os cativos inzaban castelos de area e de cunchas, e nos alongabamos os cafés mentres ó outro lado da ría espreguizábase a cuarta pata da nosa mesa, o Samuel, que aínda non dixerira de todo o seu bautizo metaleiro no ventre dunha nave con nome de caudillo celta.

Para darlle contido á nosa espera, e quizais polos antecedentes, decidimos agardalo no pobo de Donón, e ir tonificando os músculos na ascensión o Monte Facho, asentamento do poboado de Berobriga, onde os nosos antergos, ala polo principio da nosa era, pescudaban no horizonte facéndose, quizais, as mesmas preguntas ca nós.

Por unha centenaria calzada de pedra, con vestixios do defunto Roteiro do Morrazo, imos fabricando os primeiros suores, que ben pagan a pena cando coroamos o cumio, coroado por un facho do século XVII dende onde se avisaba das invasións inglesas e berberiscas, e acadamos unha magnifica panorámica do Parque Nacional das Illas Atlánticas: San Martiño, Faro e Monteagudo, Ons e Onzeta , e da Costa da Vela, que tamén ten proxectada a súa inclusión na área protexida.

O castro foi abandonado no ano 50 d.C., cando as xentes que o ocupaban foron na procura de terras baixas, máis preto do mar, e posteriormente o Monte Facho albergou un santuario galaico-romano adicado ó deus Berobreus, aló polo século III d.C., sobre os restos do poboado castrexo, na súa cara leste, mediante unha serie de socalcos onde se acondicionaba o terreo para recibir ofrendas, principalmente altares de pedra fincados na terra, nas que se facían breves inscricións en latín relativas ó deus.

Mentres as miñas compañeiras seguen pescudando entre os restos arqueolóxicos eu boto unha carreiriña de can para recoller ó Samuel e, xa que estamos, animo ós meus, Teté, Adolfo e Mario, a que lle boten unha ollada á citania e volvo facer o traxecto da calzada empedrada por terceira vez, mentres tento salvar ós enormes saltóns do Apocalipse.

Despedímonos da miña familia e dámoslle as costas ó Monte Facho, entre muros de pedra que delimitaban campos onde antonte medraban o millo ou os patacas, e que hoxe esmorecen por falta de mans que queiran traballalos. Cando remata a corredoira rexeitamos as marcas do antigo GR e viramos á dereita avanzando por un camiño amplo que, en ocasións, está tinguido polo polen que xa está anunciando a berros a primavera, mentres Carla e Georgia ocupan a retagarda, seica poñéndose ó corrente das súas andanzas.

A pista discorre entre unha espesa masa arbustiva, toxos, carrizos e silveiras, con algún piñeiro illado e salpicado de penedos de diferentes formas e tamaños, que na nosa marxe esquerda forman cantís de máis dun centenar de metros de altitude, aínda que ás veces non vemos o mar xa que camiñamos algo afastados da costa. Neste tramo teño que arengar constantemente ás miñas tropas, porque veñen preguiceiras de máis e teñen dificultades para seguir o meu paso.

O camiño vaise estreitando, e ó chegar a unha torre de alta tensión non é máis que un pequeno carreiro que discorre entre toxos, e onde comezan as nosas dificultades, xa que este pechase cada vez máis e nos obriga a internarnos nunha formación pechada de eucaliptos. Por ela improvisamos un abrupto descenso entre penedos cubertos de musgo e un chan esvaradío de máis polo espeso manto de frouma. Contrariamente ó que pensaba, este é o tramo que máis entusiasma a Sam e a Carla, que quitan da mochila o seu espírito de aventura, mentres que Georgina pon en cuestión a capacidade deste cronista para guialos, sementando a dúbida entre todo o grupo.

O certo é que aínda non me guindara das gadoupas do sono, que vagaba coma o señor Afranio entre tebras de tenrura, que levaba mesturado aínda o arroz malandro coa xeografía báltica, e a empanada de algas e mexillóns coa batería dos Aphonnic, que fuxía da barbarie ou dos meus fantasmas, e que seguía coséndome ós sorrisos dos meus seres queridos.

Quizais confundido, pero nunca errado, por iso atopei outra vez o camiño, non importaba se era o que pisara facía xa dous anos, cando viñera en compaña de Nuria e Habibi, ou se era unha nova variante, o caso é que nos levou ás portas da urbanización que se asenta nas inmediacións de Cabo Couso.

Muros de pedra, cans soltos e vixiantes de seguridade, todo disposto para pecharnos o paso e manter os privilexios dun feixe de señoritos. Pero nin eso consegue amedrentarnos, e rodeamos a fortaleza por unha fraga mesta de carballos, piñeiros e acacias, facendo apostas sobre quen será o primeiro que da co seu cu no chan.

Non cae ninguén e quedamos sen quen pague as cañas, e despois de sortear unha variedade de obstáculos vexetais saímos a un sendeiro que recoñezo, que enlaza ca pista de acceso os derradeiros chalés da zona. No último deles incluso atopamos un enreixado, aínda que aberto, na que advirte que entramos en propiedade privada, a pesares de ser o único aceso que hai cara o facho de Punta Couso. Aquí nin lei de costas, nin dereito de paso, nin leites en vinagre, pero para o caso que lle facemos...

Alédome de descubrirlles un deses anaquiños de paraíso que agocho no meu imaxinario particular, e facelo así colectivo, xa que os metros que separan a fraga de piñeiros dos cantís sobre os que se asenta o facho -verdibranco, pequerrechiño, como de xoguete- son como os primeiros párrafos dun conto.

A beleza do conxunto, pedra, auga, ceo, lévanos a unha parada obrigatoria, na que consuminos as escasas reservas de auga -as da única cantimplora da expedición: a miña- e saboreamos os buracos de rosquilla que trouxo o lapeiro de Samuel, mentres Carla e mais eu disparamos as nosas cámaras como se fosemos francotiradores serbios no cerco de Sarajevo.

Magoa que o descanso sexa tan breve, pero temos as horas contadas e aínda temos por diante o retorno a Donón, así que poñémonos en pe e avanzamos por un carreiro que sortea os cantís e que nos leva a adentarnos na Ría de Aldán.

Fronte a nós está Punta Testada, e as praias de Lagos, Bón e Rebentóns, no concello de Bueu, que durante uns intres topografío co obxecto de facer a estes lugares protagonistas de próximas aventuras, mentres que Samu imita a Tarzán subíndose a uns piñeiros realmente curiosos. Mágoa non ter preto ó noso experto en materias forestais, a Criatura, para ilustrarnos sobre esta especie de enormes árbores de retorcidas ramificacións que forman unha fraga insólita, tan preto da costa.

Por ela chegamos ó muro doutra urbanización, e sáennos ó paso dous enormes e ameazadores cans, que nos fan recuar e afastarnos do camiño cara os cantís, pero un jipi de deseño, sen dubida o dono das feras, advírtenos que estamos en propiedade privada ¡si, tamén fora dos muros! e que temos que dar marcha atrás xa que esta vai ata os cantís. Facémolo, claro, pero con ganas de chamar a Mariano Abalo para que nos explique a política urbanística do Concello.

Volvemos cruzar o enreixado pola que accedimos a Punta Couso, e pasamos outra vez entre chalés, cruzándonos con outro pequeno grupo de sendeiristas que ignoran as advertencias de privacidade, e a Carla se lle ocorre pedir auga nunha destas casas, pensando que un groliño non se lle nega a ninguén. Pois si, parece que ate lles molesta que pasemos preto do seu refuxio e dannos a escusa de que a que teñen non é potable.

O máis curioso é que unha vez que nos internamos no camiño, dándolles as costas á zona urbanizada atopamos unha fonte seca, que eu lembro con auga fai uns anos, e sospeito que a algún lado tivo que ir parar este manantial, e ademais tamén pasamos por riba de varias arquetas da traída. ¡Mala rabia os coma, a estes túzaros!.

Así que non nos queda outra que pasar sede e continuar o noso camiño, entre unha fraga que vai mudando dos piñeiros ás acacias, e destas ós eucaliptos. Con todo comezan a xurdir as primeiras voces rebeldes dos que, cansos e sedentos, están pedindo unha tregua, pero non é tempo de pararse, nin tan sequera para baixar a algunha caliña nas inmediacións de Punta Alanda.

Saímos a unha estrada, que ven dende a parroquia de Hio (lémbrome da miña amiga Eva que sempre di ojaio cando lee OHio), e despois de cruzala facemos un pequeno tramo entre casas, transformase nunha calzada empedrada que se adenta nun monte de eucaliptos. Despois de enlazar varias bifurcacións do camiño, e pese a que teño bastantes referencias para atopar o camiño de volta, teño que volver improvisarentre os penedos unha ascensión.

¡Teño sede! ¡non sinto as pernas! ¡estou canso! ¿facemos unha parada? ¿seguro que sabes por onde nos levas? Son algunhas das perlas que teño que escoitar da miña tropa, así que poño algúns metros de por medio para perdelos de vista cando menos, porque non é certo que estivera desorientado, e moito menos perdido, nin tan sequera cando chegamos preto das torres de alta tensión e os meto por un estreito carreiro entre toxos e silveiras.

Cando volvemos enlazar a pista que vai ata as inmediacións do Monte Facho non me felicitan, nin din que me queren, que son a luz que os ilumina, nin nada parecido, máis ben ó contrario, insisten nas súas criticas estes desagradecidos, aínda que estou convencido que o domingo que ven, ou o seguinte, estarán outra vez a camiñar baixo o sol ou baixo as nubes, entre toxos ou penedos, cansos e sedentos, e poñendo en cuestión a miña guía.

Mentres retornamos o sol vai acercándose ó Atlántico, e vai mudando a uniformidade do gran azul por unha gama que varía entre o vermello, o laranxa e o amarelo, conforme avanzamos cara o promontorio onde se asenta a citania de Berobriga. Nun momento de tan fonda carga poética so escoitamos os rebuznos illados dun deses animaliños en perigo de extinción que aínda se ven nesta parte do Morrazo ¿ou será alguén que se está queixando?.

Sexa como fora chegamos outra vez á calzada empedrada, aínda que eu tiña proxectado un aire seguindo as marcas do antigo ruteiro, e entre lusco e fusco chegamos ó pobo de Donón, onde tiñamos o coche cargadiño de botellas de auga, unha para cada un, e puidemos calmar a sede e facer uns breves estiramentos antes de saír cara a cidade.

E101 Sendeiro da Costa da Vela (Cangas do Morrazo)





Domingo, 10 de xaneiro de 2009

Hoxe xunteime cos meus compañeiros do metal, co Cachorro, co Ozzy e ca Criatura (ou se preferides o nome do seu bautizo cristián co Alex, co Pablo e máis co Xaime) para facer algo diferente ás noites de troula e de tralla, ás que estamos acostumados cando non hai un concerto decente que sumar ás nosas nóminas (os de onte de BuenosAires, Martynez e Essenia, non foron dos mellores, non), aínda que ás veces aos concertos súmanselle noites de tralla e de troula, é ademais conseguín que espertaran antes do mediodía, cun sol de primavera que puña a proba a súa fama de vampiros.

Tamén este sol atípico debeu animar á irmá do Alex, Esther, que pese a ser xemelga naceu cun ano de diferencia e non se lle parece moito; a Flores, que está eivadiña de máis para aguantar as andainas do CdC é busca refuxio nos nosos talleres; e a Georgina, esa rapaza que me sorrí cos ollos, aínda non sei moi ben grazas a que estraño feitizo, e que decide darme unha mostra máis de confianza.

E só quince minutos despois da mediodía xa estabamos na autoestrada, gastando roda cara a Península do Morrazo, para chegar sen máis contratempos a Praia de Menduiña, un deses anaquiños do paraíso onde decidiramos, sete votos a favor, ningún en contra, facer unha paradiña de aprovisionamento. Como era cedo de máis para xantar de prato, como soemos facer nas nosas incursións no territorio luso, conformámonos cun bocadillo.

Algúns almorzaran xa, e protestaron un pouco, así que púxenme capitán é lles dixen que pediran o bocata, e o que non o quixera comer agora que o metera na mochila para despois. Así que pediron todos un de xamón asado con queixo, menos o Cachorro que se decidiu por un de zorza, e todos comeron o seu, polo menos a metade (algún decidiu gardar para máis tarde, xa sabedes: o que algo garda, sempre ten).

Comentamos cos novos algunhas anécdotas doutras convocatorias, para que perderan o medo, e o que fixo desaparecer a zorza nun tempo record démoslle o titulo de veterano, xa que esta era a súa terceira saída, como premio ó seu entusiasmo. O Ozzy laiábase de que o trazado da ruta non fose máis radical, e tiven que prometerlle que a próxima ía a ser de agarrarse os machos, pero esta tentaba de enganchar fichases para a próxima temporada ¿non si?.

E sen perder máis tempo en cafés ou en outras caralladas que podían levar a despistar as tropas sobre os nosos obxectivos, voltamos ás estradas labirínticas do Morrazo, adentrámonos na parroquia de Hío, e buscamos un lugar que case se sae do mapa, un puntiño a punto de caer no océano, enfrontado as Illas Cíes, a un tiro de pedra delas: o pobo de Donón, abríndonos a porta a Costa da Vela.

Estiramos no aparcadoiro onde deixamos os vehículos, e quitamos unhas fotos de grupo no caracol metálico, para ensinar un día ós nosos netos e que vexan que nós tamén estivemos “ó fío do imposible”, e cando xa deran as dúas comezamos a internarnos no núcleo rural, que xa estaba colonizado por unha tropa de xentes vestidas de bonito que ían enchendo os comedores locais.

Seguimos as marcas do Roteiro Ecolóxico do Morrazo, hoxe descatalogado, dándolle ós poucos as costas á pequena aldea, do que a imaxe que me levei foi a dun burriño fariñeiro que pacía tranquilamente alleo ó noso paso. Xa nestes inicios había quen tiña dificultade en seguir o ritmo, así que encarguei ó Cachorro que coidase da retagarda, ou sexa que tanguera o rabaño, e a Criatura tentaba por disputarme o papel de guía, turrándome das orellas ó menor despiste.

Fronte a nós debuxábanse os contornos do complexo dunar do Areal de Barra, movidos imperceptiblemente polos ventos a través dos séculos, hábitat natural de gran variedade de especies vexetais, ata 140 diferentes, condicionada polos carbonatos procedentes das conchas dos moluscos e pola salinidade que lle proporciona o preto que está o mar.

Pero non nos internamos no areal, senón que camiñamos o carón dun regueiro, agora moi minguado, onde crecen xuncos e carrizos, e que serve para aportar a humidade necesaria ós campos de millo ou de pasto para o gando. Tamén atopamos un feixe de viñas, a maioría delas abandonadas, e un pouco máis adiante un denso canaval que desemboca nun camiño que discorre por un piñeiral onde incluso vemos un pequeno mamífero: un esquío que voa entre as árbores, e que levantou o entusiasmo da tropa.

Pero o que realmente lles gustou, a miña primeira baza para convencelos, foi cando chegamos á Praia de Barra, quizais a máis bonita do mundo (e reto a calquera a demostrarme o contrario), máis bonita se cabe cando está practicamente deserta, como cando aterramos nela.

Como ninguén ten intención de mergullarse nas xélidas augas do Atlántico, e tampouco aperta tanto o Lourenzo coma para espirse a vernizarse co seu alento, estamos só uns instantes na praia e rapidamente collemos subimos por un rochedo pegado a costa, onde se inicia un estreito sendeiro, entre toxos, silveiras e xestas, polo que avanzamos. O certo é quen non lle viña mal un desbroce a este carreiro, pero aínda está practicable, a pesares de que se escoiten algunhas queixas (que son ignoradas) no grupo.

No camiño atopamos algún carballo illado, pero máis que nada eucaliptos, que pouco a pouco o van colonizando, e nós imos facendo pequenas paradas para admirar a panorámica da Ensinada de Barra, que algúns como o Alex non coñecen (e confunde a veciña Nerga con Aldán ¡manda, carallo!). Para completa-la súa formación leveinos á antiga Fabrica de Salgado, xa moi arruinada, da que non teño datos, pero sobre a que prometo investigar. Alí o grupo fixo unha parada algo máis longa, e axudámoslle a Ozzy a remata-lo seu bocata e a Flores a rematar ca tableta de chocolate que mercou pola maña, mentres facemos unha improvisada sesión de retratos.

Deberíamos de dar volta sobre os nosos pasos, como ben indicaba a Criatura, pero decidimos (decidín) continuar cara á aventura, pasando o carón dunhas fincas que, de seguro, estaban a incumprir a Lei de Costas, xa que estaban tan pegadas o mar que, nun momento dado, non deixaban nin paso. Aínda que a grandes males grandes solucións, e rematámolo problema abrindo unha cancela, invadindo unha propiedade e apertando o cu, non fora vir un can que nolo mordera. Non foi tal, e conservámolo cu, pero máis de un respirou ó saír da finca, onde estaba aparcado un coche, ou máis ben abandonado.

Quedaba aínda outra pequena sorpresa, xa que ó subir unha pronunciada costa medio cementada nos atopamos cunha verxa de máis de dous metros que era imposible rodear, e tivemos que trepar por ela e chimpar o outro lado, onde nos esperaba un letreiro que puña: “Prohibido o paso. Cans soltos”. Menos mal que a advertencia tiña pinta de caducar fai tempo, e que outra vez os nosos cus saíron indemnes.

O Alex, que estaba especialmente gracioso, soltou un discurso para que nos uniramos a un grupo de sabotaxe contra as verxas que impiden o paso ó monte, porque o monte é de todos ¿non si? e inda que o diga en broma todos fantasiamos con derrubar estes atrancos de dubidosa legalidade.

Uns metros despois de superar este obstáculo chegamos a unha ampla pista de terra, que circunvala toda a Costa da Vela e que nos meses de calor ten soporta un tráfico incesante, tanto é así que as autoridades están pensando en limitalo (aínda que eu son máis partidario de prohibilo), e por ela chegamos rapidamente ó facho de Punta Subrido, dende temos unha boa panorámica das praias de Barra, Viñó, e Nerga, co pobo homónimo ó seu carón, da metrópole de Vigo fronte a nós, a embocadura da ría e os xendarmes das Illas Cíes, e moi pertiño de nós a praia de Melide.

Facemos unha paradiña baixo a sinal marítimo, e aínda hai quen bota un xaruto, como o Ozzy que ten pulmóns de sobra para estas andainas de eivadiños, ou quen, coma eu se entretén en ler as mensaxes de amor que escribiron nas paredes circulares do facho, como un ben bonito que dicía: “Paiasiño e Monxiña”. Cando dou por rematada a pausa e poño a tropa en pé, Flores ten un momento campión e quita unha botelliña de licor café, de ese rico ó que é imposible resistirse, co que gaña tres puntos extras na clasificación.

Descendendo con esta poción máxica nos beizos baixamos cara o areal de Melide, un dos lugares fundamentais no imaxinario particular da Criatura, que asegura coñecer cada árbore, cada pedra, cada recuncho, onde pasou algún dos seus momentos máis felices, quizás fai catrocentos anos, cando era mortal. Eu tamén teño os meus, algún recentes como unha ferida mal cicatrizada, e os gardo para min, mentres busco a man de Georgina para manter o equilibrio, ou para desequilibrarme, mentres as olas furiosas me berran ó oído os meus pecados.

Despois de cruzar a praia case deserta, só un par de pescadores, media ducia de cans e un par de parellas, subimos outra vez a pista de terra, pola que avanzamos cara o segundo dos fachos, o de Punta Robaleira, e no camiño atopamos a dúas parellas de velliños coas que parolamos sobre a polémica noticia do día. O tema é que a administración ten previsto incluír a Costa da Vela no Parque Natural das Illas Atlánticas, e controlar de algunha maneira o número de visitantes, os usos dos terreos e as construccións existentes, e os vellos xa están a tremer expropiacións co gallo do ecoloxismo. Sempre a mesma ignorancia, que nos condena a ser un pobo sen conciencia de seu. Prefiro os contos sobre naufraxios que me referiu un deles, xa no facho e encarados as Illas, rememorando a súa xuventude no mar.

Deixeille que as tropas se relaxaran outra vez perdendo a vista nas Illas Cíes, a tiro de pedra, ou na inmensidade do océano, mentres lle disparo catro fotos ó faro vermello, para desquitarme da derradeira vez que o visitei no que quedara sen memoria, e cando vexo que xa están relaxados de máis, bótolles un berro para que se ergan, e nos poñemos en marcha cara o derradeiro facho, moi preto deste, o de Punta Vixía, o máis grande dos tres, que garda o Cabo Home. Dende aquí temos as mellores vistas desta franxa litoral, a máis accidentada das Rías Baixas, con cantís que acadan gran altitude. Esta costa xurdiu como consecuencia dunha fosa tectónica que discorre en dirección norte-sur e a que se contrapón un grande bloque, formado polas serras de A Madalena, Coiro, Poñente e Donón.

E despois de gozar desta paisaxe enfeitizante puxémonos outra vez en marcha cara o pobo, emprendendo unha lixeira ascensión por un camiño entre toxos (ou non tan lixeira, se facemos caso a certos comentarios) que nos levou a enlazar outra vez coa pista de terra. Recuperando a horizontalidade Flores nos deleitou cun par de anécdotas certamente escatolóxicas que podería relatar se tivese autorización, que non a teño, e botamos un feixe de risas ó vento, mentres o mar batía con forza na Punta Basadouriños, xa un cento de metros baixo os nosos pés.

Sen máis novidade que o feixe de coches que tentan enchernos de po ó seu paso, chegamos a Donón, e alixeiramos peso no aparcadoiro antes de face-la derradeira etapa da nosa ruta: a ascensión o Monte Facho. Non resistín a tentación de visitar a zoa de escalada de Outeiro Batente, moi preto de onde estaban os coches, e de relatarlle ós meus algunhas das batallas que librei nestas rochas, e mesmo subín ata o cumio do rochedo con Alex e Flores, e ata me puxen xogantín e lle peguei un pequeno susto á última. Na cara norte estaba unha parella escalando e a piques estiven de chorar, así que reunímonos co grupo e seguimos pola pista ata chegar á calzada romana que inicia a subida ó facho e o poboado prerrománico do seu cumio, que se alza a 184 metros sobre o nivel do mar, iniciando a Costa do Ruído.

Na pequena ascensión topamos un gran número de persoas que veñen co reclamo de Berobriga, o castro descuberto fai algúns anos, e que aínda está en proceso de escavación. Dábase a coincidencia de que no noso grupo tan so Xaime e máis eu subiramos ó Facho, para o resto era a primeira vez.

Cantos fantasmas habitando o carón do facho medieval que alertaba das invasións viquingas e mouriscas, paseando entre nós, berrándome tódolos abismos e tódolos naufraxios, tantos eran que por un momento desexei que fose para min tamén a primeira vez, que aínda fose aquel inocente que, vinte anos atrás, camiñara sobre o poboado soterrado, alleo ós designios do destino. E tiven que enviarlles o Anxo Exterminador, ese que sempre vai canda min, para poñelos en fuga, e poder fabricar un sorriso para quitar a foto do grupo, unha ducia de ollos asombrados polas pedras milenarias e pola inmensidade do océano, que se estendía ós nosos pes como unha alfombra máxica.

Alí quedaron ósque pedían beber ó sangue da miña gorxa, mentres descendía cara o pobo de Donón cos meus camaradas, alleos ós meus pensamentos, e outra vez tiven que agarrar a man de Georgina para manter o equilibrio, ou para desequilibrarme, pero agradecendo que me sorría cos ollos para que non me venzan as tebras. Mentres o Ozzy facía plans entusiasmado pola saída dominical, e arrincábame a promesa de facer unha incursión en territorio portugués, para sementar pegadas polos seus sendeiros ou para reeditar outra noite de tralla e troula, que a todo me podo apuntar.

Cando chegamos ó aparcadoiro xa pasaran catro horas dende que comezamos a camiñar, e a algúns se lles espertou a fame ¿non si, Cachorro? Así que decidimos voltar á praia de Menduiña, para recompoñer forzas mentres esperabamos o crepúsculo. Mandámoslle outra ronda de bocadillos, esta vez de calamares, sen máis disidencia que os que o tomaron sen queixo, e baixamos unhas xerras de cervexa coa premura do que ten sede, mentres repasabamos o álbum fotográfico da xornada e algunhas anécdotas.

A única nota negativa foi na despedida, xa entre lusco e fusco, cando Georgina quixo recuperar a carteira da mochila de Alex e nos decatamos de que caera polo camiño, quizais no facho de Punta Subride ou no aparcadoiro. Así que fomos Flores e máis eu a tentar a sorte, e o único que conseguimos foi amolar a unha parella que tentaba buscala súa cos asentos reclinados, primeiro nun sitio e despois en outro, mentres nos alumeabamos para tódolos los lados buscando, sen éxito, a documentación e os cartos desaparecidos.

E así foi, e así volo conto, coas ganas de volver a xuntarnos nalgún camiño.

E59 Sendeiro Costeiro de Areamilla (Cangas do Morrazo)


Xoves, 6 de decembro de 2007

Levo un par de horas dándolle voltas, e mesmo reviravoltas, a como iniciar esta crónica, e enchín a pantalla do ordenador dun feixe de verbas que, cando chegaban á ducia, máis ou menos, desaparecían, como se fosen a proa dun barco que naufragaba nada máis saír do estaleiro.

Pensei en facer unha exposición de motivos polos que me levantei nun día festivo, cunha resaca notable, e saín á rúa navegando nun mar que quixera ser océano, de bandeiras. Comentar os artigos que tiven que memorizar de esa lei que pecha o noso ordenamento xurídico, e cales deles rexeito e porqué, pero parecíame que non era nin o momento nin o lugar máis axeitado para facer unha crítica política.

Así que me limitarei a sinalar que o Zalo e máis eu estivemos na manifestación convocada por Causa Galiza para mostrar o noso rexeitamento á Constitución española, e para berrar a prol da liberación social e nacional da nosa patria. Tampouco quero convencer a ninguén das miñas razóns, que este é un país libre para que calquera pense como queira... ou non, porque ó final da protesta foron detidos cinco mozos por exercer o seu dereito á liberdade de expresión, que tan bonito queda no artigo vinte.

Así que non falarei máis do tema, que hai mellores plumas ca miña para facelo. O certo é que saímos con fame do evento, e nos diriximos á península do Morrazo, á parroquia de Coiro, na compaña de María, Habibi e a Criatura, que aínda que non se sumaran ás protestas tiñan tanta fame coma nós.

Pedimos unha boa provisión de manxares: empanada de croques, polbo á feira, calamares rebozados, tortilla de patacas con queixo e unha fonte de churrasco de porco cunha abundante ración de patacas fritas, acompañado dunhas botellas de Godello da casa. Coma sempre en Casa Piñeiro estaba todo exquisito, e todos rillamos coma cans nos pratos que nos puxeron diante, agás María, que comeu coma un pitiño. Comemos e rimos, porque Habibi e Zalo tiñan a súa regueifa particular, e competían por face-los comentarios con máis retranca, na mellor tradición da nosa terra.

Aínda nos custou levanta-lo cu, porque sumábanse os cafés e os xarutos, mentres que os licores de café multiplicábanse, invitando a unha desas sobremesas longas, que chegan ata a noitiña.

Menos mal que son un home teimudo, e que, despois de varias tentativas, conseguín que os meus amigos abandonaran o comedeiro para aproveitar un pouco a tarde, xa que non quedaban máis que dúas horas de luz. Eso si, tivemos que desbotar o plan orixinal do río da Fraga, e o secundario da Fraga de Coiro, e buscar un máis axeitado ó estado das tropas, que viñan eivadiñas de máis.

Achegámonos a Cangas do Morrazo, onde deixamos os carros de ferro, e sumásenos Salomé, para exercer de guía, xa que estamos no seu territorio. A bo paso lévanos polo camiño que bordea o litoral costeiro e que se dirixe á antiga factoría baleeira de Massó, que xa leva unha morea de anos en ruínas (estivo activa dende 1955 ata 1985), por onde pasa a fume de carozo con Habibi, que leva gasolina súper, mentres o resto da manada cheiramos un chisco nas vías dun vello esteleiro, convertido en improvisado cemiterio de gamelas, ou nos restos da gardería infantil, onde se atopa unha curiosa escultura de peixes e nenos. Tamén lemos un curioso mosaico que di así: El mar es camino para todos, fuente de vida, fecundador de la tierra, tesoro de los pobres. Pescador que empleas explosivos, trabajas contra quien te alimenta. Nuestro respeto y nuestro amor para el mar, con quien Díos nos enseña fortaleza y libertad.

Con esta ensinanza damos as costas ó enorme edificio en ruínas e camiñamos ao carón da Praia do Salgueirón, ameazada por escuros intereses urbanísticos que esperemos que o concelleiro de urbanismo da ACE, e por extensión o pobo de Cangas, sexan quen de deter. Os que non nos detemos máis somos nós, porque temos o tempo xustiño para completar o itinerario con luz, aínda que cando alcanzamos a Salomé e a Habibi, este xa ten montado o seu novo trípode, para quitar unhas panorámicas da Ensinada do Rei e do múelle e a Praia da Congorza.

O certo é que a beleza deste lugar, protexido das correntes mariñas e noutros tempos moi utilizado polos mariñeiros para resgardar as súas dornas e gamelas, pide a gritos que disparemos as nosas cámaras, pero aínda estamos ó comezo, así que seguimos adiante, esperando que o noso amigo siga a nosa estela. Vémolo por última vez dende a Punta Fanequeira, tirándolles fotos e pedras ás gaivotas, e perdémo-la confianza en que nos siga, como así foi.

Con esta baixa nas nosas tropas internámonos na Lagoa de Congorza, que debería estar cuberta por unha capa de lentellas de auga (lemma minor), en vez do manto de merda onde, alleos á contaminación, recalan os ánades reais (anax platyhynchos), os cisnes (cygnus cygnus), e o merlo acuático (cinclus cinclus).

E para que vexades que me teño aprendida a lección, direivos que a vexetación que rodea a charca, son carrizos (carrizo phragmites australis), xuncos (juncus scirpus), loureiros (laurus nobolis), amieiros (alnus glutinosa) e zarzais (rublus ulmifolis), aínda que a última verba sobre o tema o ten a Criatura, que neste tema é a nosa autoridade.

Antes de abandonar o complexo lacustre botamos unhas risas cun feixe de cativos ciclistas, que instrúen a Zalo sobre os usos e costumes nese lugar: nin tirarlle pedras nin patadas ós parrulos, e ir sempre co casco posto por se te caga algún na cabeza...

Volvemos ó sendeiro que bordea a Praia do Medio, ata acadar a Punta Borneira, onde abandonamos toda esperanza de que Habibi se decida a segui-los nosos pasos, mentres Salomé vainos instruíndo sobre a toponimia local, que para iso é a nosa guía, e que si cometo algún erro na transcrición dos nomes me corrixira, sen dubida. Pasando preto de pequenas calas, das que a memoria non me acada a nomear, chegamos a Praia de Areamilla, da que somos advertidos do seu perigo, xa que o mar bate bastante aquí e algún xa levou un susto e estivo a punto de afogar.

Por se acaso, deixamos unha mensaxe na area para Habibi, por se non chega ata aquí, xa que iniciamos unha variante do sendeiro, en vez de continuar ata o Barrio do Outeiro,onde se atopa un área de descanso con varios muíños ben conservados, internámonos nun longo túnel escavado na rocha, do que ignoramos a súa utilidade, e que nos leva a Ensinada do Fornelo, tamén chamada Ensinada do Cantón.

Esta é a parte máis aérea do itinerario, sobre unha sucesión de cantís verticais que, sen embargo, sorteamos con facilidade, xa que o sendeiro é para tódolos públicos, e tanto porque vemos xentiña vestida de domingo que mira con curiosidade para as nosas mochilas, como se os raros fósemos nós. E seremos, non digo que non, cada un ca súa rareza particular, da que non vou dar detalles.

O que é curioso é o espectáculo que nos ofrece a natureza ó pasar Punta Salgueira, xa que alí existen dúas furnas, enormes buracos no monte que se comunican co mar, un cento de metros máis abaixo, e onde a Criatura imaxina as almas en pena dos que, durante séculos, caeron por erro ou por forza, por estes abismo. O que dicía antes, que cada un ten o seu aquel, e algúns teñen máis aquel que outros.

De tódolos xeitos non é difícil imaxinarse os nosos devanceiros facéndolle un sacrificio humano ós deuses ou ós demos que se crían habitantes destas simas, como nos celotes mexicanos. A verdade é que mete medo só de pensar na caída por esta porta aberta ó inferno.

Será polo ambiente que, á volta, xa cando caen as sombras sobre nós, danos por falar de películas de medo, como as de Jaume Balagueró, que algún vimos recentemente, ou de outras máis clásicas como O resplandor, O home que tiña raios X nos ollos, A invasión dos ultracorpos, O exorcista, ou as contemporáneas Hostel ou Saw. Cada quen ten o seu pesadelo favorito, que ata en eso somos xente de gustos diversos.

En fin, deixando as furnas atrás chegamos a tempo de ver a Praia de Santa Marta coas luces do crepúsculo, nese momento que damos en chamar entre lusco e fusco, aínda que non nos atrevemos a achegarnos á veciña Praia de Liméns, porque inda nos queda todo o camiño de volta e non é cousa de enredar.

Cando camiñamos sobre as nosas pegadas, cunha luz que mingua máis rápido do que nós avanzamos, facemos apostas sobre onde atoparemos a Habibi, un di que no areal de Areamilla, outro na lagoa de Congorza, outro en Punta Fanequeira, preto de onde o deixamos, e algún atrevese a sinalar que debe levar rato no primeiro bar que atope, porque hai xente que desconfía de que o noso amigo ande na nosa procura a estas alturas do partido, será que non se lembra dos viaxes que fixo este explorador polos continentes americano e asiático, sorteando toda a clase de aventuras.

Pouco teño que dicir do regreso, porque as paisaxes foron esmorecendo cando o sol desapareceu baixo as illas, e apurámolo paso para que non nos collera o frío, so que cando chegamos ó túnel había a mesma luz dentro que fora, e que María e Xaime puxeron banda sonora a travesía soterrada.

A primeira co Cascanoces en versión Tim Burton, e o segundo cunha melodía moi axeitada de Ataraxia, só nos faltaban as velas para parecer a procesión da Santa Compaña.

E si, ou non, nin en Areamilla, nin na Congorza nin no quinto carallo atopámo-lo rastro de noso amigo cociñeiro, e ata chegar ó casco urbano de Cangas non confirmamos as nosas sospeitas: estaba no primeiro bar, esperando o noso retorno.

Tomamos refrescos varios mentres lle contabamos a nosa andaina a Habibi, i el contábanos a súa, porque a verdade hai que dicila, e andar andou, pouco, pero suficiente para un home que non é amigo dos ximnasios, como algúns dexenerados dos que nos acompañan, e ademais inda está convalecente do catarro que incubou o in de semana.

Fora como fora, deixamos o Morrazo, pero non todos porque Zalo e Salo (hostia, ata o de agora non me decatara da coincidencia) quedan a agarimarse no seu acubillo, e regresamos á metrópole, que temos que percorrer por mor dunha botella de butano. E así foi, máis ou menos, e así volo conto, e si tendes que engadir, que subliñar ou corrixir, xa sabedes, amiguiños...

E58 Sendeiro dos Cantís da Vela (Cangas do Morrazo)



Domingo, 18 de novembro de 2007

Hoxe erguinme con ganas de festa, sería que na véspera non saín e xa levaba unha morea de horas durmindo, ou soñando coa miña metade, e claro así como non me ía pedir leria o corpo. Sacudinme os restos do sono antes de escoitar os gritos do espertador, que xa me fode que anden a gritarme no día que non teño que a obriga dos horarios, e que o fago porque me peta.

Pois eso, erguinme, puxen a roupa dos domingos e metín na mochila os por se acaso, non fora o ceo, cuberto por unha lámina gris, a traer precisamente hoxe as anunciadas chuvias. E fiel ás tradicións, dei unha volta polo Concheiro á hora das convocatorias, por si había algún despistando, que sempre hai alguén que pensa que estou subvencionado.

Pero non, nin unha cousa nin outra, ou sexa que collín o carro (o meu, non o que lle roubaron a Manolo Escobar), e puxen rumbo á península do Morrazo, que dito así parece que queda no cu do mundo, e non, que ata ten vía rápido e todo, e hasta poñen bombas como nos sitios que saen na televisión.

Coma son un home amante das costumes, fixen unha parada para facer as cousas ben, ou sexa, que só ou acompañado, se non encho o bandullo antes non son quen de botarme ó camiño. E parei no meu comedeiro preferido desta parte da ría, ese que queda xusto na entrada da Igrexa de Coiro.

Tiven que agardar un anaco a que abriran a cociña, porque viña ca hora portuguesa, pero tanto me deu, porque mentres tiven que esperar un anaco a que abriran a cociña, porque viña ca hora portuguesa, e pro tanto me deu, tempo de lerme o Faro, mandarlle unha ración de empanada, cheíña de croques, e facela baixar cunha fecha de Godello.

O sitio estaba ben animado con seareiros de chiquiteo, e antes de que despexaran xa estaba eu enfrontándome a unha fonte chea de churrasco de porco e patacas fritas. Loitei contra aquela enchenda de colesterol e fíxena desaparecer, ó ritmo dos corenta latinos, e para celebralo pedín un anaco de torta de queixo e un café con leite.

Ata lle botei un xaroto, coma un señor, tan farto quedei que saín, despois de paga-la conta, medio peneco e cando fun coller o carro aínda, e perdoen as señoritas, botei un peido deses de punto e raia, como dicía meu avó Benito (gran peideiro por certo, ata comendo os botaba).

Nalgún momento, entre o peido e o carro, pensei en coller o camiño a casa e botarme unha sesta de campionato, pero a ver que carallo contaba agora entón, así que puxen o cinto (o do coche), e afloxei o cinto (o dos pantalóns), arranquei, e puxen rumbo cara o pobo de Donón, onde tiña previsto escomenzar a miña andaina. Menos mal que levaba un cedés dos Likin Park, que me foron dando tralla nas orellas para non quedar durmido na estrada. Bendito sexa o metal, que vale para un roto e para un descosido.

Faltáballe vinte minutos para chegar ás tres da tarde, e mentres facía os meus equilibrios intentando estirar os músculos das pernas, fixen un cálculo rápido e me dixen: vou ter tempo de tirarlle unhas fotos á posta de sol. Tería si, si as cousas fosen coma eu pensaba, pero non adiantemos acontecementos, que senón perdemos o suspense.

O tema era que deixei o carro á beira da caracola de ferro que puxeron no aparcadoiro, ben chula por certo, e fun baixando polas rúas do pobo, seguindo as marcas do defunto Sendeiro Panorámico do Morrazo, que leva anos comido polas silveiras. Tamén as silveiras invadiron algunhas casas deste lugar, que moi turístico será, pero os invernos deberon ser ben duros aquí, antes de que chegara o cambio climático.

Porque, a verdade, xa a mediados de novembro e sen chover, a temperatura é bastante agradable, e a brisa mariña é cálida, coma si estivesemos na primavera, aínda que hoxe o ceo esté, por primeira vez en moito tempo, cuberto cunha morea de nubes grises. Pero deixemos de falar do tempo, e poñámonos ó noso.

A bo ritmo deixei as últimas casas as miñas costas, e ó chegar ó Regueiro de Donón (non teño nin puta idea de como se chama, así que se alguén quere ilustrarme...) abandonei os sinais do GR e seguín o curso fluvial, por un estreito camiño, entre canavais, veigas e viñas, as máis das cales estaban abandonadas. Aproveitando que o terreo está ben seco, boto a cámara a terra, para facerme algún autorretrato, que despois a miña moza dime que só lle mando fotos dos meus amigos, que ademais teñen o feo costume de posar en coiros.

Tan seco está que o río desaparece, e cando digo desaparece é que so queda a súa conca chea de follas amarelas e de carrizos, canabazas, xuncos e outra plantas acuáticas case deshidratadas.

É a primeira vez que vexo tal cousa, e camiño como Indiana Jones por o leito fluvial, e si, tiro tódalas fotos que me peta, xa que non está ninguén para rosmar, ata que chego á xunqueira, que por mor da marea baixa está tamén coma o deserto dos tártaros (perdón pola licencia literaria).

Saio, finalmente, a Praia de Barra, quizais a praia máis bonita do mundo, e de parte do estranxeiro, máis bonita se cabe así, sen máis alma ca miña. Detéñome un intre para deixar que voen, como as gaivotas que teño sobre a miña cabeza, as miñas lembranzas, porque un anaquiño da miña vida está sementada neste areal, e os fantasmas de aqueles que me quixeron noutros tempos, e que xa non forman parte da miña cobertura emocional, rodéanme, e teño que fuxir cara os cantís, para que non me fagan botar unha bágoa. O que boto e outro peido e berro ¡Castañeta!, como facía o avó, e os fantasmas desaparecen, non vaia se-lo demo.

E xa que cheguei ás rochas, e aproveitando a marea baixa, decido continuar un anaco por elas, e retoma-lo camiño que rodea a Costa da Vela máis tarde. Como dixen ó principio, teño ganas de festa. Póñome a chimpar polos penedos coma cando era rapaz, para terror dos cativos mexillóns que van demasiado preto das miñas botas de sete leguas, tan ben o paso que non me decato que os cantís van gañando altura, e que a posibilidade de enlazar co camiño está cada vez máis lonxe, porque máis ala dos muros de pedra hai unha barreira de toxos que me fan desistir da miña primeira intención.

Pois cara atrás nin un paso, nin para tomar impulso, como din os revolucionarios, e xa postos que mellor aventura que face-lo itinerario previsto por unha ruta imprevista. Así que decido continuar cos meus chimpos, tirándolles fotos ás estrañas formas con que as olas esculpen estas pedras, agora redondeadas, máis adiante afiada como coitelos, e un pouco máis alá con un feixe de buracos como un queixo de Gruyere. Ademais da miña obsesión por meter no meu arquivo dixital canta rocha chama a miña atención (bérrame: a min, a min, quítame unha a min), teño que estar atento onde poño os pes, e ás veces tamén as mans, cando o terreo se pon máis vertical.

Esto acontece maiormente cando me achego ás furnas, na primeira delas incluso fumo un xaruto, satisfeito polas miñas acrobacias, pensando que xa teño a metade do camiño feito. Son ben confiado, si.

Ó chegar a antiga Fabrica de Salgado, que lembro de sempre en ruínas, doume conta de que inda me falta un bo anaco para chegar á punta da Enseada de Barra, e aínda sigo enredando, subíndome ó ben conservado muro do pequeno porto, facendo cabriolas como si estivese nun rocódromo ¡será por pedra!, e despois sigo facendo equilibrios por unha pequena ponte de madeira, coa que sorteo a segunda furna.

Cando chego á terceira, a máis ampla do percorrido, que con esta marea ten incluso unha pequena cala, decátome que estame a levar máis tempo do que pensaba, a luz do sol está baixa de máis e teño un bo anaco de cantís ata a punta, e despois xa veremos. Teño sorte de que non suba a marea, e tamén de que a miña cámara me diga que ten a batería baixa, así que tiro catro fotos á Praia da Furna, e a gardo na súa funda, disposto a gaña-lo tempo perdido.

Home, perdido tampouco, porque ata aquí a ruta non tivo tantos problemas. Despois si, porque as seguintes furnas, ata media ducia máis, e o camiño entre elas, non é tan doado, e nunha destas metín un pé onde non debía, ou sexa na auga, e detrás do pé a perna. Mollado e mallado, porque xa levaba un bo tute entre os saltos entre penedos e as improvisadas escaladas, pero sempre que dicía: ¡Ó carallo, vou ó camiño!, era imposible, porque o muro de toxos era cada vez máis infranqueable.

Pasei baixo a silueta branca do faro de Punta Subrido, e despois de sortear a derradeira furna, atopei un estreito sendeiro que sube ata o sinal luminoso, que xa está funcionando. Pois nada, non quedaba outra que aperta-lo cu e tirar para arriba, que xa facía un bo rato que o sol desaparecera tralas Illas Cíes.

Coa desaparición do sol, e tamén por acadar a cara máis exposta de Cabo Home, empezou a soprar un vento frío, e con el empezaron a mollarse as miñas meixelas, aínda que non sabía ben si a auga viña do mar, das nubes ou eran bágoas que me arrincaba o vento cabrón. En contra, ou máis ben a favor, o terreo que pisaba era máis horizontal e tamén menos irregular, polo que aumentou considerablemente a miña velocidade, e ben que me viña, porque xa non contaba con chegar ca luz do día ó meu vehículo.

Crucei a Praia de Melide coma un raio, espantando ducias de gaivotas que buscaban acubillo do temporal que chegaba. Fronte a min, abrigados polas illas, un feixe de mercantes fondeados, confirmándome que o que estaba a chegar non traía nada bo, ou si, depende da horta que teñas.

O certo é que cando cheguei, xa camiñando pola pista forestal transformada en estrada para turistas, a Punta Roncudo, onde se erixe un pequeno faro vermello, xa caía unha poalla persistente, pero non quixen parar a pórme o chuvasqueiro, para non tentar máis á sorte. Fixen unha visita de cortesía ó terceiro faro, o de Punta Vixía, onde lle botei unha mirada de lobo famento ós cantís desta parte da Costa da Vela, por si outro día volvía con ganas de festa.

Nese proxecto fun pensando mentres continuaba pola pista de terra, cada vez máis mollada, e ala abaixo as liñas da costa esfumábanse, confundíndose coas sombras. Xa non tiña máis iluminación que os coches que pasaban en dirección contraria, amantes furtivos que buscaban agocharse nas tebras, para dar renda solta as súas paixóns, ¡que envexa!. Eles quentiño, co ánimo de quentarse máis aínda, i eu mollado coma un pitiño, só coma un can e cego coma unha toupa.

Menos mal que Deus aperta pero non afoga, ou sexa que afoga ós poucos, e xa puiden ver as primeiras luces de Donón, onde me esperaba o meu carriño co asento mulidiño e a calefacción, aínda que sen mimos. Así son as cousas dos montañeiros, ¡no monte non hai mimos que valan! Xa mo dicían nos tempos da OJE, e por iso cando chego ó coche, xa co diluvio caendo sobre min, poño ós Guano Apes, para que polo menos me acompañe unha voz feminina, aínda que sexa berrando.

En fin, que quería festa e festa tiven. Catro horiñas de festa rachada que me deixaron o corpo con ganas de acougar por unha tempada, aínda que ganas tiña de meterme outra ración de churrasco entre o lombo e o peito. Non foi así, pero un bo prato de pasta con vexetais si que me metín, como mandan os libros italianos. Faltaría máis.


E20 Sendeiro da Costa da Vela (Cangas do Morrazo)



Sábado, 24 de febreiro do 2007




Toda regra ten a súa excepción, esa variable que confirma que nada é inmutable, e que a vontade pode quebrar as máis férreas disciplinas e transformar os costumes. E máis aínda nesta sorte de entregas sendeiristas onde a fórmula utilizada saíu dunha alquimia interesada polos horarios imposibles e as lesións musculares. Por iso non dubido en cambiar o día da convocatoria a pesares de que non sempre ocorren as cousas como un planea.

En definitiva, que tiña os meus motivos para cambiar a miña cita dominical con eses exercicios ximnásticos e por iso adiantei un día a data, sabendo, eso si, que atoparía algún entusiasta dos camiños para acompañarme. Na comida da véspera, apuntáronse Nacho e Zalo a miña proposta, aínda que no momento da verdade só o último teña forzas para vencer os virus e sumarse á miña intención de recorrer a Costa da Vela.

O que non supón unha excepción é a falta de sono que me acompaña, por eses vicios nocturnos ós que non me resisto con suficiente vehemencia, e que engaden dureza á orografía que temos que recorrer, non sen antes, en esto si que non admito fracturas ideolóxicas, encher o estómago con algo mellor que boas razóns. Para elo voltamos a Coiro, onde tiñamos previsto camiñar nun primeiro momento, pero a ausencia de Tesorito, que ía exercerde guía, nos fai recalar aquí somentes para xantar. Como corresponde á nosa condición espartana, pedimos un menú frugal: tortilla de patacas, croquetas e calamares, e unha botelliña de godello da casa, para contrarrestar os efectos da noite.

Atravesando o corazón do Morrazo chegamos ó Espacio Natural, en réxime de protección xeral, da Costa da Vela, onde se atopa o Areal de Barra, un importante cordón dunar que se estende pola ladeira do monte ata a praia do mesmo nome. As previsións meteorolóxicas non son precisamente boas como para un día de praia, e por iso antes de abandonar o noso vehículo vestímonos con roupas hidrófugas para protexernos da persistente cortina de auga que está derramándose dende o ceo. Atopamos unha paisaxe moi distinta á do verán é máis, agora podemos atopar a verdadeira paisaxe, libre da invasión masiva helitrópicos, aínda que o seu rastro é bastante evidente en todo o extenso piñeiral que anticipa o encontro co océano: envoltorios de plástico, recipientes de cristal e outros materias que degradan este lugar máxico.

A franxa de litoral formada por branquísimas areas que delimita esta enseada, segue sendo un pequeno anaco do paraíso, e non é de estrañar que fose escollido polos precursores do nudismo en Galiza, é máis, o meu compañeiro pode dar fe dos malos modos que os axentes da autoridade tiñan para tratar de impedilo, xa que por este motivo deu cos seus osos no cuartel de Cangas.

Mentres camiñamos polas dunas que se moven imperceptiblemente co empuxe dos ventos, observamos a variedade de especies vexetais, condicionada pola aportación de carbonatos procedentes dos restos das conchas e moluscos, e pola salinidade que proporciona o preto que está o mar. Pese a estas duras condicións da vida determináronse ata 140 especies diferentes, a pesares de que conforme nos acercamos á costa, debido ó constante varrido dos ventos, só se manifestan en abundancia os espiñosos cardos, o brezo e as zarzas.

Chegados ás beiras do océano asistimos a un magnifico espectáculo da praia deshabitada, se descontamos os exemplares de cormoráns e gaivotas que levantan o voo noso paso, e sementemos as nosas pegadas na area virxe, como si aterraramos nun planeta deserto. Pese á contumaz chuvia que cae sobre nós, avanzamos a bo paso ata acadar a costa rochosa, non sen antes atravesar un pequeno regato que desemboca no mar formando unha minúscula lagoa que contribúe a enriquecer aínda máis a variedade botánica.

Dende a mesma foz parte un estreito sendeiro, que bordea os cantís, e por el transitamos mentres vai remitindo a poalla, e incluso algúns raios de sol son capaces de rasgar a compacta formación de nubes e derreter un pouco de ouro líquido sobre o mar. Camiñamos entre espesas matas de toxos, e conforme gañamos altura van aparecendo manchas dispersas de eucaliptos, unha das sete pragas que azoutan a este país, ata que xa arredados do areal adentrámonosnas ruínas dunha fábrica de salazón, que debido ó seu tamaño debeu ter unha certa importancia na economía da rexión.

Sempre a poucos metros do mar imos debuxando unha liña costeira que nos leva a unha finca con unha desas construccións de fortuna que evitan o derribo pola súa precariedade, e que aínda así dispón dun rústico porto, incluso dunha aparatosa guía para izar as embarcacións. Aquí existe unha pequena cala, cara onde descenden unhas escaleiras de madeira, e tamén aquí se acaba o sendeiro que vemos seguindo, polo que temos que voltar sobre os nosos pasos e coller un desvío cara arriba, para acadar o facho que se fai visible ó lonxe.

O sendeiro polo que ascendemos esta pechado por unha cancela metálica, a que temos que escalar dada a imposibilidade de rodeala, tal é a espesura dos toxos e silveiras que a envolven. Cremos invadir unha propiedade privada, pero cando saltamos ó outro lado decatámonos de que non entramos en ningunha finca, sino que saímos, xa que atopamos un cartel advertindo do perigo de cans soltos. Por sorte, os únicos cans que saíron ó camiño hoxe somos nós, desprezando as ameazas de un ceo preñado de nubes que, desalentado polo noso desafío, deixa definitivamente de enviarnos auga.

Saímos a unha ampla pista forestal, na que abundan os sinais de tráfico, e a que non lle falta moito para ser cuberta por unha espesa capa de piche, dadas as trazas que está adquirindo a irrupción de vehículos a motor neste espacio protexido, e por ela chegamos ó facho de Punta Subrido, dende onde temos unha bela panorámica da Ensinada de Barra, e de boa parte do camiño que deixamos atrás. Dende esta atalaia tamén podemos observar a Praia de Melide cara onde nos diriximos, dando as costas á sinxela construción marítima, tan importante en outros tempos para a navegación cando non existían os satélites nin o resto da tecnoloxía coa que se guían hoxe as naves.

Chegamos ó areal por un estreito sendeiro, e atravesámolo levantando ó noso paso o voo dun feixe de aves acuáticas. Esta pequena e alonxada praia é outro anaco do paraíso, eso si, tal e como a atopamos agora: sen máis presencia que a nosa, xa que coas facilidades de aceso que teñen na actualidade atopase bastante poboada en época estival. Dende ela voltando a retomar a pista que a circunvala, dende o pobo de Donón, a Costa da Vela, chegamos a Punta Roncudo, onde se alza un minúsculo facho granate, encarando as Illas Cíes, maxestosos xendarmes que gardan a entrada na ría e un dos atractivos turísticos máis populares da comarca.

Moi preto, na Punta Vixía, está o último dos fachos que gardan o Cabo Home, o maior en altura e dende onde se contemplan as mellores vistas desta franxa litoral, a máis abrupta da provincia de Pontevedra, con pronunciados cantís que chegan a acadar os 300 metros de altura e que son golpeados de seguido polas frías augas do Atlántico. Esta accidentada costa xurde como consecuencia dunha fosa tectónica que discorre en dirección norte-sur e a que se contrapón un gran bloque, formado polas serras de A Madalena, Coiro, Poniente e Donón.

Abandonando o facho resistímonos a seguir camiñando pola pista, e un pescador dános involuntariamente a pista dun pequeno sendeiro entre os toxos, que nos permite continuar ós poucos metros do gran azul. Durante un bo anaco crémonos capaces de avanzar pola accidentada aba do cabo, atónitos ante as enormes olas que baten con gran estrondo contra os farallóns, como unha xigantesca exaculación que se repite ritmicamente, pero o camiño morre nunha diminuta cala, e vémonos obrigados a remontar ata a pista forestal.

O esforzo da ascensión déixanos exhaustos, e case agradecemos continuar por un firme máis horizontal, aínda que nos vexamos privados de vistas tan magnificas. Pero a visión do pobo de Donón, tras recorrer un bo tramo desta pista que incluso en días tan inestables come este ten tráfico de coches, alixéiranos o paso, e non só polo encanto do entorno que forma este pequeno núcleo rural do concello de Cangas, co impoñente Monte do Facho as súas costas, senón pola posibilidade de tomarnos un refresco no primeiro bar que atopemos.

Este resulta ser, para facer honor á ruta, o Costa da Vela, e atopámolo cheo de sendeiristas, que tiveron a mesma idea que nós e están facendo parada de avituallamento. A nosa e breve, so o tempo que nos leva baixarnos unha cervexa e preguntarnos de onde carallo sairía esta tropa. A resposta, como di a cantiga, está no vento, e con el atravesamos o pobo, buscando o camiño que nos devolva ós areais de Barra. Non nos leva moito tempo, gracias ó Zalo, que xa comandou tropas nesta praza, e recorda os desvíos que temos que tomar, polos que descendemos a unha zoa de campos de cultivo, pastizais e vides.

Entre eles un pequeno regato que, como comprobaremos despois, conduciranos ó seu encontro co mar, e que nos seus derradeiros metros sorpréndenos cunha ampla variedade de plantas acuáticas: xuncos, carrizos, espadanas, canabazas... seguindo o curso fluvial atravesamos os campos fértiles de Donón, e pouco a pouco adentámonos no piñeiral que se estende polo complexo dunar, ata chegar á pequena lagoa que se forma na foz, que atravesamos a poucos metros de onde o fixemos fai tres horas e media. Só nos queda un breve tramo de praia e voltar a internarnos no piñeiral para acadar o coche que nos devolverá á metrópole. Cansos, pero satisfeitos da ruta realizada, facemos os últimos estiramentos, mentres comezamos a soñar novos camiños.

E19 Sendeiro de Punta Couso (Cangas do Morrazo)





Domingo, 18 de febreiro de 2007

“A parte máis salvaxe de toda a Costa da Vela atópase en dirección sur-norte, dende Punta Subrido ata Punta Couso. En este tramo os cantís rochosos acadan alturas máis que razoables, polos que calquera intención de recorrelos a pe pode plantexar máis dun problema tanto pola bravura do mar –as mareas na zoa soben a presa-, como polos constantes cortados e desniveis da orografía. Así de salvaxe e indómita e aberta ó océano estendese ata a baliza de sinalización de Punta couso. Neste punto, un faro minúsculo e coqueto, como de xoguete, da entrada a unha das rías máis pequenas da provincia de Pontevedra. Son soamente sete quilómetros que dan forma a Ensinada de Aldán.

A costa enlaza a través de numerosas calas con Punta Testada, a antesala do impresionante Cabo Udra. Neste punto xeográfico transforma a suavidade e a paz da diminuta ría en moles graníticas labradas polos ventos, debuxadas con formas caprichosas e fantásticas polo paso do tempo. A fantasía deste lugar xoga a adiviñar formas entre os rochedos que salpican toda esta plataforma de singular beleza, que é outro dos indiscutibles balcóns galegos ó océano Atlántico. Na lonxanía e con boa visibilidade, as terras de Ribeira, a Illa de Ons e a inmensidade do mar debuxan a paisaxe.”

Con esta narración emotiva descríbense na “Guía de espacios naturais de Galiza”, publicada por unha editorial madrileña, algúns dos lugares que eliximos para insistir na alquimia de combinar no encontro cos amigos, as saídas montañeiras e as xornadas gastronómicas, e que non levou nunha ducia de ocasións a este territorio con alma de Paredes de Coura, e tamén a recorrer as beiras dos ríos Lérez e Xesta, os cumios do monte Galiñeiro, ou o complexo hidráulico dos Muíños do Folón.

Aínda que nestas datas, co Entroido en todo o seu apoxeo, no sexa este suficiente reclamo para os meus camaradas helitrópicos, que decidiron buscar refuxio entre as sabas, a pesar de que no ceo estalara unha primavera atípica, anunciando que os efectos do cambio climático confundiron definitivamente ás estacións. Menos mal que Nuria e Habibi, que este ano non tiveron a cara para máscaras, decidiron sumarse a unha nova convocatoria dominical, e non teño que engadir esta o meu club do camiñante solitario.

Como xa é tradición, antes de comezar a nosa incesante sementeira de pegadas, recalamos nunha casa de comidas para facer o propio, a pesares de que, como nos movemos na franxa horaria dos compatriotas de Viriato, temos que esperar a que abran a cociña no restaurante de Coiro no que decidimos xantar. Mentres ollamos a prensa e espertamos as bolboretas a golpe de café, sorpréndenos a irrupción dunha charanga multitudinaria que nos deleita coas súas coplas ácidas sobre a política municipal. Coa entrada desta comparsa de entroido chegan á nosa mesa a empanada de berberechos, os calamares á romana e, cando damos boa conta destes manxares, unha fonte chea de churrasco, críollos e patacas. Todo rico, rico, rico.

Satisfeitos polo trato recibido voltamos ó asfalto, recorrendo as estradas que atravesan o corazón do Morrazo, para chegar a Donón, o punto de partida do noso itinerario pedestre, dende onde temos unha impresionante vista da Costa da Vela e das Illas Cíes. Despois de contemplar estas belas panorámicas dámoslles as costas, e comezamos a ascender ó Monte do Facho, por unha calzada de pedra onde nos recibe un cartel anunciándonos as escavacións arqueolóxicas que deixaron ó descuberto a citania de orixe prerrománica que estaba soterrada no cumio. Non todos, porque Habibi abandona a calzada e sobe monte a través, sorteando o desnivel como un avezado montañeiro.

Dende o cumio, coroado por unha antiga torre de vixilancia do século XVII e que foi construída para previr os ataques de ingleses e berberiscos, o Facho de Donón, disfrutamos dunha atalaia privilexiada para divisar Cabo Home a un lado, as Illas Cíes anticipando a inmensidade do Atlántico, e cara o outro o Cabo Couso, noso modesto obxectivo, enfrontando á Illa de Ons, e un pouco máis ala a Serra do Barbanza, debuxando a súa silueta no horizonte.

Unha vez que cargamos as nosas mochilas con estas fantásticas visións, descendemos os metros gañados ó ceo para continuar un camiño que transita nas últimas terras de cultivos dos habitantes de Donón, xa que deseguida enlazamos con unha ampla pista forestal polas que debuxamos unha liña sobre a Costa da Soavela, que é como denominan algúns mapas a esta parte da Península do Morrazo. Mentres tanto Habibi ponnos ó corrente das innovacións en materia sendeirista, incorporando movementos peristálticos a súa marcha, combinando os deportes terrestres cós aéreos, nunha sorte que non abandonara ata o final do traxecto.

Acompañados polo improvisado recital do Home Orquestra, discorremos en todo momento pola pista forestal desestimando os desvíos que nos saen ó paso, tanto a nosa dereita cara o monte, como a nosa esquerda cara os cantís. Ata que o camiño desaparece baixo unha barreira infranqueable de toxos e xestas, e en vista que non temos outra opción descendemos por un bosque de eucaliptos que, pese a todo, ten certo encanto, con grandes penedos cubertos por musgos esmeraldas. Aquí é onde Habibi está campión, sorteando tódolos obstáculos como Indiana Jones, mentres Nuria i eu seguimos facendo equilibrios intentando salva-lo desnivel sen que as nosas pousadeiras coñezan a dureza do chan.

Despois destes momentos de saborear intensamente a aventura, atopamos un camiño empedrado que ascende levemente e, tras confirmar a dirección que cremos correcta, avanzamos por el baixo a sombra das especies invasoras, ata recuperar a mesma traxectoria que tiñamos na pista forestal sen saída.

Sobre nós álzanse agora os cables de alta tensión do tendido eléctrico, ata que o firme empedrado se bifurca, abandonando a sucesión de torres metálicas que imos sorteando e, algúns, fotografando. Voltamos a descender os metros que gañaramos, a pesares de que ó pouco tempo o sendeiro morre, incomprensiblemente, outra vez baixo un manto espeso de toxos.

Como vemos de preto as casas, e unha pequena lingua de asfalto marcando o acceso a esta, decidimos atravesar os metros que nos separan da estrada a través das toxeiras, antes de retroceder e buscar outra opción máis razoable. Deseguida dámonos conta que precisamente o piche, que ven dende o pobo de Vilaboa, é o que permite o tránsito ó complexo residencial que ten restrinxido o paso, onde se atopan unha decena de construccións de xentes tan pudientes que non dubidan en contratar a un servicio de seguridade, para que non se nos ocorra atravesala.

Vémonos obrigados a tomar un rodeo, empregando os muros de este fortín como referencia, mentres maldicimos ó unísono ós propietarios deste recinto. Pero non por eso nos desalentamos e despois deste encontro desagradable franqueamos a última casa antes de chegar á costa, a que chegamos por un estreito sendeiro que nos conduce ó diminuto facho de Punta Couso, alzándose orgulloso sobre os cantís onde as olas traballan o granito coa paciencia dun artesán, debuxando curiosas formas.

Así que detémonos o tempo suficiente para arrancar un puñado de imaxes dixitais, xa que o entorno ben o merece, a pesar dos embates do vento que, neste punto, fan perigoso o acercarse ós farallóns de pedra, baixo os que se axita furiosa a lingua do océano. A panorámica dende Cabo Couso é impresionante, máis que nada por que anticípanos un dos lugares máis belos da provincia: a Ensinada de Aldán. Cara ela nos diriximos, non sen certa resistencia a abandonar o entorno do facho, por un camiño coas ribeiras invadidas polas mimosas, sobre un firme empedrado que tamén ten a súa maxia, mentres vemos vendo as pequenas calas que anticipan á Praia de Area Brava, que divisamos ó lonxe.

Cando chegamos ás primeiras casas de Vilaboa (volvemos ascender cara o monte, por outra calzada empedrada que en cada desvío fainos plantear unha e outra vez a dirección correcta, o que aumenta nosa inquietude, xa que o sol xa non é visible no horizonte, e a distancia que nos separa do noso coche é considerable. Aínda así avanzamos a bo paso polas lousas desgastadas, ata enlazar con un sendeiro no que se detén a nosa ascensión, e se multiplican as nosas forzas gracias á suavidade do térreno.

Para animar os derradeiros quilómetros recítolles os meus compañeiros os artigos da constitución, comezando un deses debates estériles sobre os dereitos fundamentais que a carta magna establece e o poder executivo se pasa polo forro. Mentres tanto empezamos a ver, coas últimas luces do crepúsculo, a cresta redondeada do Monte Facho, anticipándonos a chegada ó pobo de Donón. Cando chegamos ó punto de partida xa pasaron catro horas, e os tres estamos esgotados pola xornada deportiva, tanto que incluso cústanos os estiramentos de rigor, utilizando unha estructura artística parecida a un caracol metálico como axuda.

Voltamos satisfeitos, como sempre uns máis que outros e cada un por motivos diferentes, á estrada, cruzando esta vez o corazón da noite, con moita sede acumulada na gorxa. Así que, como colofón, paramos no pobo de Vilariño, onde aínda están a vivir o entroido, a tomar unhas cervexas nun curioso bar do que, cousa rara, non tiña constancia.

En fin, outra xornada máis na que teño a sorte de camiñar cos meus seres queridos, neste afán de atesourar sendeiros, e xantares, e sorrisos, e todos aqueles motivos polos que paga a pena un novo amencer.

Seguidores