E99 Trilho de S. Antonio de Vale de Poldros (Monçao)





Mércores, 24 de decembro de 2008

Descripción do percurso e mapa

Aproveitando estes días de bonanza climatolóxica nos últimos suspiros do ano en curso, decidímonos xuntar Zalo, Nacho e máis eu, como nos tempos primixenios, e facer unha expedición lixeira ás terras de Monçao, como anticipo á paparota de noiteboa. Co Nacho é a quinta vez que coincido nestes días e dende o sábado fixemos un bo feixe de actividades xuntos: a ascensión ó Galiñeiro no aniversario do CdC, o trilho do Foxo do Lobo en Gavieira, a navegación no Caldeirón pola ría de Vigo e o Sendeiro de Filgueira, unha boa racha que esperamos que se manteña o próximo ano. E para rematar este que mellor que xuntarnos outra vez os tres e ir a investigar un novo percurso pedestre da nosa querida xeografía portuguesa.

Así que collemos rumbo ó concello miñoto e unha vez chegados alí seguimos atentamente as instruccións que atopamos en internet para chegar ó noso obxectivo: facemos case nove quilómetros en dirección a Melgaço, collemos o desvío a Valinha, douscentos metros despois viramos cara Ceivâes, setecentos metros máis adiante collemos a estrada municipal que vai a Riba de Mouro, pasando as freguesías de Segude, Podame e Tangil, ata que chegados a Riba de Mouro collemos outra bifurcación que vai cara Santo Antonio de Vale de Poldros, percorrendo unha carreteira de montaña que, sempre ascendendo durante trece quilómetros, lévanos ó principio da nosa ruta.

O certo é que grazas a Zalo e o seu coñecemento das terras do norte luso, e tamén a súa correcta interpretación das diferentes sinalizacións que atopamos no camiño, chegamos a Branda de Santo Antonio. E chegamos de milagre, xa que a agulla do depósito de combustible estaba un pouco más abaixo do cero, por esa manía miña de andar a aforrar uns céntimos de gasóleo que algún día vaime dar un bo susto. Ademais ningún de nós contaba que tardariamos tanto en chegar, nin que estivera tan lonxe, xa case nos límites dese territorio de lenda que é Sistelo, así que chegamos con fame, xa pasadas as dúas da tarde, e botamos man da empanada de bonito (un clásico xa nestas andainas de Nadal), dunha botella de rioja alavesa (outro clásico agasallo de Nacho), e dun anaco de queixo manchego que curaba no meu maleteiro. Así convocamos a un can e un gato esfameados, atentos ás nosas sobras, tan mansiños que mesmo comían das nosas mans.

O planalto de Santo Antonio de Vale de Poldros é unha zoa cuberta de toxo, xestas, urces e carqueixas, salpicado de campos de cereais, tapadas e cardenhas, que son as construccións típicas das brandas, en outros tempos unha auténtica aldea serrana, chea de vida, axitación, festa e traballo, coa vivencia centrada nos meses de verán, de maio a setembro, ainda que agora pese a ter moitas casas en plena so está habitado permanentemente o restaurante.

Nós, despois de dar boa conta da empanada, do viño e do queixo, deixamos para o final a visita ó pobo e iniciamos o sendeiro cara ós xeradores eólicos que, tamén a este lado da fronteira, están a colonizar os cumios das serras atlánticas, seguindo a dirección que marca a placa do inicio do trilho. Pasamos un pequeno bosque de piñeiros e chegamos a Torre de Vixía, dende onde temos unha boa panorámica de todo o Vale do Minho, con numerosas poboacións estendidas o longo das beiras do curso fluvial.

Neste punto comeza o Parque Eólico, cun feixe de xigantes muíños de vento que non podo resistir a tentación de retratar, mentres os meus amigos afánanse en buscar as marcas que xogan a agocharse de nós, o que nos fai presaxiar algúns problemas para completala ruta. Acadamos o Alto das Chandetas, a 1112 metros de altitude, onde aínda persisten algunhos neveiros que trouxo a ola de frío polar da semana pasada, e que marca a cota máxima do itinerario. Pola pista de servicio do complexo enerxético enlazamos coa estrada que nos trouxo ata aquí, e nela temos que voltar a andar con bo ollo para atopar as marcas brancas e amarelas, coméndonos un bo anaco de piche antes de atopar, outra vez o Zalo listo coma un can de presa, un estreito sendeiro entre xestas que nos fai adentarnos nunha fraga de bidueiros.

Descendemos con rapidez pola masa forestal, onde a temperatura tamén baixa considerablemente, sempre atentos ós sinais agochados entre o musgo, as xestas e os troncos de centos de árbores dispostos por toda a aba do monte. Non é difícil deixar voar a imaxinación nestes lugares, tan axeitados para lendas de lobishomes e fuxidos, de trasgos e mouros, en fin, de toda esa tradición popular común a esta terra arraiana que durante séculos creceu a pesares das fronteiras. A única preocupación que teño é que perdemos altitude con rapidez e penso que nalgún momento temos que recuperala, é que o meu corpiño xa está acusando tantos días seguidos de actividade e de troula.

Despois de atravesar esta impresionante masa forestal por unha sucesión de estreitos sendeiros nos que só un ollo adestrado como o de Zalo é quen de atopala dirección correcta, cruzamos un regueiro e enlazamos con un carreiro que transcorre a carón dunha zoa de campos que seguen mantendo un descenso pronunciado. Nós, para a miña tranquilidade recuperamos unha certa horizontalidade no terreo ademais de gañar unhas boas panorámicas do Vale de Poldros, que debe o seu nome ás manadas de burras que aínda pastan ceibes nestas terras, xa que aquí denomínanse deste xeito as crías das eguas en troques de potros,que é o termo máis axeitado.

Este treito é tamén de gran beleza porque xunto ós campos verdescentes, separados por unha sucesión labiríntica de valados, atopamos pequenas fragas de carballos, de castiñeiras e de bidueiros, e o conxunto, coas montañas recortadas no azul do horizonte debuxan unha estampa que reconforta os espíritos, aínda os máis inquedos coma os nosos. Con este regalo nas retinas entramos nunha zoa de piñeiros onde o camiño descende, cara unha torre de alta tensión, e deducimos que se trata do lugar chamado Couto da Coroa, onde o sendeiro fai o punto de unión do oito irregular que traza, e polo que deberemos, obrigatoriamente, de pasar outra vez a volta.

Atopamos unha sinalización tombada no chan, e entre o Zalo e o Nacho volven recompoñela, e outra vez temos que buscar entre os penedos, uces e xestas as marcas que nos leven na dirección correcta. Non temos demasiados problemas, claro, con estes exploradores de luxo, e deseguida collemos un camiño onde a orografía se suaviza e podemos relaxarnos disfrutando da paisaxe, outra vez campos con valados de pedra e árbores autóctonas sementando de follas o chan. Por esta corredoira chegamos a Branda do Outeiro, da que só albiscamos catro casas en pé, aínda que deducindo pola altura dos muros que delimitan o camiño debeu de ter certa importancia, e ó darlle as costas volvemos a internarnos nunha mancha de bidueiros que, finalmente, lévannos ata unha estrada asfaltada, preto do lugar de Fontiñas.

A pesares de que o ano esta dando o seu último suspiro e o inverno o primeiro, vai bastante calor a esta hora da tarde e unha subida acentuada polo piche non é o máis apetecible, menos mal que as vistas ben o compensan, cun feixe de pobos ós nosos pes, e que ademais non é un tramo demasiado longo, xa que un cento de metros despois volvemos a enlazar unha pista de terra.

Os xeradores eólicos aínda están a unha altura considerable, e a pista interrompe o ascenso e corta a aba do monte nunha liña horizontal, i eu agradezo este respiro, pero teño as miñas dubidas sobre como salvaremos o desnivel que nos separa do coche. Ós poucos chegamos outra vez ó Couto da Coroa, e pasando por debaixo da torre de alta tensión temos que andar un pouco para adiante e para atrás ata que outra vez o Zalo camión atopa o trilho marcado, preto dun campo onde vemos os primeiros poldros. Imos cara a fraga de bidueiros que atravesamos o principio da ruta, pero antes de internarnos nela temos que atravesar uns campos enchoupados no que, so por uns momentos, crémonos perdidos. Claro que, xa sabedes quen: o que sempre vai en cabeza, temos o noso particular sherpa que volve a atopala dirección correcta e guiarnos ata a fraga, e despois a través dela.

Despois da fraga, con Nacho e máis eu comentando que carallo xantara este home que nos guía para sacar tantas forzas nas costas e para atopar sempre os camiños, voltamos a pasar polo parque eólico, onde nos recibe unha manada de burras, tan características deste val. Quitamos ata unha foto de grupo na que parece que estamos en verán, en manga corta, suorosos pero sorrintes e cun ceo azul que fería os ollos, xa ca Branda de Santo Antonio a un tiro de pedra. E cara esas pedras camiñamos por unha corredoira onde quedaban xa poucos neveiros, marabillados polas cardenhas, as construccións típicas destes enclaves, e tamén polos quartéis, locais de abrigo para os romeiros que no día de Santo Antonio viñan para a bendición do gando.

O completala ruta en algo máis de catro horas, danos tempo de tomarlle unhas birras e un pouco de embutido local nun establecemento de turismo rural onde tamén teñen mapas topográficos da zoa, e onde nos informan que tamén teñen rutas guiadas, por se as necesitamos. Agradecémoslle as birras, o embutido, os mapas e o ofrecemento, pero desto último non precisamos levando con nós xente tan competente (e non o digo só porque o Zalo, ó final, pagara a conta. E con estas, un pouco preocupados por se nos quedabamos sen combustible, voltamos cara Monçao, onde chegamos sen máis novidade, e onde nos despedimos ata outra.



E98 Mirando o Miño

Domingo, 23 de decembro de 2008

E97 Trilho das Brandas (Arcos de Valdevez)





Domingo, 21 de decembro do 2008

Descripción do percurso e mapa

As previsións meteorolóxicas apostaban por unha tregua, despois da ola de frío polar que tinguiu de neve os máis altos cumios do país e algunhas poboacións de montaña, e organizamos unha expedición lixeira para acadar esas láminas brancas que aínda persistían na Serra da Peneda, santuario de devotos marianos e adictos ó granito. Entre nós había algúns, como Anxo e Mili, que insisten nese gusto polo bacío, pola conquista do ceo dende unha parede vertical, e en honor a eles decidimos adentarnos nas terras miñotas, ou máis ben minhotas, para realizar un sendeiro ben axeitado para a ocasión: o Trilho Pertinho do Ceu, un dos máis belos do Parque Natural do Gêres.

Sumáronse Nacho e Xacobe, con quen na véspera celebrara o noveno aniversario do Club de Camiñantes completando o ascenso o Monte Galiñeiro e circunvalando o Encoro de Zamáns, e o Miguel que levaba unha boa tempada sen saír cara as terras arraianas con nós, completando este feixe de compoñentes da miña cobertura emocional. E con esto faltáballe pouco para que burlaramos o inverno, e cun certo retardo saímos cara ó mediodía do Concheiro cunha tarta de coco e unha empanada de bonito como provisións, para aproveitar ese sol de outono que aínda quentaba un pouquiño.

Levounos unha hora e media chegar ata o inicio da ruta, na freguesía serrana de Gavieira, concello de Arcos de Valdevez, e uns chegaron antes e outros despois, non imos entrar aquí nas razóns de cada quen, e ó Nacho antollóuselle cambiar de plans, ou intentalo, para levarnos cara o foxo do lobo, máis eu púxenme en plan caudillo e empecei a camiñar seguindo as marcas co grupo detrás. Ainda botou unhas boas risas o de Coruxo, xa que non sairamos de Gavieira, ou non exactamente, xa que estabamos algo afastados do núcleo rural, e sairamos do lugar de Rouças, pertencente a mesma freguesía, de onde sae o Trilho das Brandas, que era xustamente o que quería facer el.

Atravesámo-la inverneira por un camiño de laxas, entre casas de grosos muros de pedra onde asomaban os vellos que resistiron o encanto das cidades e seguían mantendo a vida tradicional dos seus antergos, chegados a un dos regueiros que baixan da serra para sumar as súas augas o Río Grande, e subimos o seu carón polo firme empedrado, gañando en verticalidade conforme nos afastamos do pobo.

O Lourenzo batíanos nas costas e na caluga cunha persistencia inhabitual para atoparnos a finais de decembro, e facíamos quendas para despoxarnos das nosas prendas de abrigo, aproveitando a paradiña para botarlle unha ollada á panorámica que ofrecía o camiño, as casas de Rouças encollendo, facéndose diminutas, e ós seus pes unha alfombra de campos dispostos en socalcos. Mentres os integrantes da nosa pequena columna competiamos en intentar atrapar algunha desas postais que nos regalaba a vista, aínda sabendo que con Anxo entre nós non había competencia posible.

Cando xa levabamos sorteados un cento de metros de desnivel o pobo comezou a desaparecer, e as sinais brancas e amarelas a agocharse entre as xestas, e o camiño ofrecíanos varias posibilidades, co que o noso guía, o Nacho, tiña traballo dabondo para levarnos a bo porto, ata que chegou un momento en que as dubidas creceron máis do aconsellable e tivemos que facer reunión. A pesares de que unha boa parte do grupo xa fixera a ruta fai uns anos cos Camiñantes non tiñamos claro cara onde tirar, faltábanos o Zalo que curiosamente andaba ben preto, na branda de Busgalinhas quizais, e improvisamos cruzando uns campos enchoupados para chegar a outro camiño empedrado onde atopamos a dirección correcta.

En tempos pasaban por este carreteiro os carros de bois de raza barrosá que ligaban a inverneira ca súa correspondente branda, na migración estacional na que despoboaban unha aldea para habitar outra, en busca de pasto fresco para as bestas, aínda que agora está ben estragado e ademais xa hai unha pista que ven dende Gavieira e que está asfaltada en boa parte. Ata ela chegamos, xa pensando en dar boa conta da empanada, avanzando cara a branda de Gorbelas, onde espertamos a tódolos cans do enclave da súa sesta, que formaron un improvisado comité de benvida.

A ascensión esgotáranos, coma sempre a uns máis que a outros, e demorámonos en atravesar a residencia estival dos habitantes de Rouças, ca escusa dos neveiras que aínda persistían nos prados e que enchían o no arquivo dixital, e tamén as senlleiras construccións de tellados oxidados que atopabamos ó noso paso. Cando deixamos atrás a última delas, iniciando outro estreito camiño de laxas, conseguín que o grupo se pregue as esixencias do meu bandullo, e improvisamos unha mesa sobre a que dispor a empanada de bonito, a tarta de coco e o queixo. E dimos boa conta de todo elo.

Aínda estábamos a metade do camiño de ida e xa había algúns que estaban de volta, un grupo numeroso de camiñantes, cércano a media centea, que viñan baixando cara a branda de Gorbelas, e que resultaron ser un grupo sendeirista chamado O Coto da Vella, que viñan capiteneados por un coñecido de Xacobe. Este abundante continxente ía ben equipado, tanto na indumentaria como no calzado, e víanse uns tipos aguerridos neste tipo de loitas, mesmo levaban un GPS para non errar o camiño, e en Rouças esperáballes un autobús xa que estaban facendo un recorrido lineal que os trouxera dende o Mezio. Outra forma de disfrutar a montaña, nin mellor nin peor, so diferente.

Con novos folgos démoslles as costas ós campos de centeo asolagados pola neve e as sinxelas construccións das brandas e seguimos ascendendo por un camiño de laxes que se abría paso entre a penedía, vencendo fortes declives mentres os meus amigos facían fincapé nas miñas derrotas, nos meus naufraxios, nesa facilidade que teño para perder e seguir apostando, e que non teño intención de sufrir en silencio, e insisto en proclamar ós catro ventos.

Conforme íamos gañando altitude a neve cubría máis superficie, e o final do camiño empedrado había tramos nos que unha pátina nívea estendíase ata onde alcanzabamos a ver o horizonte. Tal era así cando chegamos o Poulo de Seida, unha vella e abandonada branda de gando, esquecida no tempo e na memoria, a cal permitía unha pernota máis segura ós pastores e rabaños, para protexelos do frío da noite e da ameaza do lobo. Os refuxios, dos cales aínda quedan en pe unha ducia, son dunha arquitectura primitiva, e lembran os antigos castros, e nós detémonos a rexistralos, como non podía ser doutra maneira, cas nosas cámaras, para deixar testemuña do noso paso.

Pouco máis arriba está o punto máis alto da Serra da Peneda, o Alto da Pedrada, de 1416 metros, e baixo el atopamos o inicio do muro do Foxo do lobo, unha arcaica construcción que tiña como obxectivo a caza deste depredador que con estas artes foi desaparecendo, pouco a pouco, do noroeste peninsular. O tema era bastante sinxelo, cando o animal entraba dentro dos muros, que debuxan unha V de centos de metros, non tiña posibilidade de escapatoria, perseguido polos paisanos armados de forquitas, sachos e algunha arma de fogo, e conforme corría polo Couto da Redonda e ían confluíndo os muros e estreitándose o paso non tiña outra que saltar ó foxo onde lle esperaba unha morte segura.

Nós chegamos ó final desta construcción singular, da que temos constancia ó outro lado da raia, en Cotobade e en Mondariz, e alédome de que sexa a primeira vez que Anxo e Mili estiveran aquí, de que estiveran comigo, e de que gusten do entorno e da camiñata, e para non facelos voltar por onde viñemos, aínda que o sendeiro sexa lineal e non nos de ningunha posibilidade de facelo circular, improvisamos atravesando campo a través para buscar a maneira de chegar a Gorbelas.

A idea foi de Nacho, e a todos nos pareceu ben, a pesares de que non tardaron en aparecer as primeiras diverxencias, xa que Xacobe tiña as súas dubidas sobre a onde nos levaba o noso guía, e así fóronse pasando a dirección do grupo, ata que, sen demasiados contratempos, chegamos a un outeiro dende onde se podía ver a branda, un centro de metros máis abaixo, e un camiño empedrado que ía ata el. Custounos un pouco descender ata el, pero chegamos sen outra novidade que os continuos combates de pelotas de neve, nas que participamos todos, de mellor ou peor grao.

O sol esmorecía, e tiñamos que darnos presa para chegar arreo ós coches antes de que desaparecera, así que non nos entretivemos máis ó chegar ó enclave montañés, tan só para fotografar unha vez máis a un rabaño de vacas barrosâs, de corpo pequeno e cornos grandes, que estaban á saída. Collemos o camiño empedrado outra vez, e alí voltamos a atopar a algúns exemplares desta raza característica do norte portugués, mesmo asistimos a unha escena de amor bovino que, por pudor ou por non ter rapidez no disparo, non rexistramos nas nosas cámaras.

Chegamos aínda con luz a Rouças, e tamén con fame, así que demoramos o xusto para estirar un pouco e decidir onde íamos cear. O Nacho e o Xacobe decidiron tirar para Vigo, onde esperaban as súas santiñas, e o resto acordamos tirar cara Salvaterra do Miño, para meterlle un churrasco no Noso Eido. Así que despedimos ata outra e descontamos os quilómetros de asfalto que nos separaban da poboación arraiana. E churrasco houbo, e calamares, e viño, e unha camareira simpática que mesmo deixou que Miguel fixera unha selección musical para amenizar a velada. E comemos moito e ben, e pagamos pouco, mentres lembrabamos outros camiños ou soñabamos outros. Xa tiñamos algún proxecto para a seguinte semana...

E96 Sentiero di Scruppo (Val d’Agri)

Mércores, 26 de novembro de 2008

E95 Trilho da Montaria (Viana do Castelo)





Domingo, 16 de novembro de 2008


Espertei ó mediodía, e xa foi todo un éxito. Durmira menos de cinco horas, e con algunhas interrupcións. A boca fedíame como cu de cabalo, tiña un feixe de lagañas pegañentas nos ollos, e na cachola aínda estaban a tocar os metaleiros gregos da véspera, pero ben desafinados. Si, outra resaca do carallo. Que tipo amante das costumes, das tradicións, e que ganas de castigalo corpiño. Pero xa son vello de máis para cambiar. Así que resistín os primeiros impulsos, ou sexa: estoupar o trebello mecánico que estaba a tirarme das orellas para quitarme do soño. E unha vez que se fixo o silencio, os segundos: darlle outra volta á manta e seguir a durmi-la mona. Pero era domingo, e tiña que facer penitencia, así que erguinme, tapei as miñas vergoñas e dez minutos máis tarde xa estaba saíndo a rúa.

O panorama que me atopei no Concheiro era moi distinto ó dos derradeiros domingos, e preguei en silencio para que xa tiveran pensada unha ruta e non ter que darlle máis voltas á cabeciña, que aínda doía un chisco. Estaban alí algúns dos meus compañeiros descontinuos destas convocatorias máis ben informais: Xacobe, Isabel e Miguel, pero ademais, o núcleo duro dos Eivadiños, que xa teñen debuxadas un feixe de rutas, marcadas ou non, nas terras portuguesas: Ramón, Yuka, Montse e Nacho. E si, claro que si, xa tiñan bastante claro cara onde sementar as nosas pegadas, así que só tivemos que acordar quen levaba os coches, repartirse e tirar cara a fronteira.

Non podía ser doutra maneira, e para celebrar a xuntanza sentámonos á mesa no comedeiro de San Pedro da Torre. Pedimos arroz tamboril e de marisco para compartir, e o Nacho, para acentuar a disidencia, pediu un robalinho. Nada que obxectar, que eu xa o probara e teño que dicir que está ben bo. So faltaba o Zalo para completalo cadro, pero seica tiña magosto no Casco Vello e o home tamén ten as súas tradicións. Así que reducimos os arroces, o peixe, as tarrinas de queixos, manteigas e patés, e aínda, por se non chegaba, babas de camelo, mousses de chocolate, tartas xeadas e non sei que máis lambetadas. E falamos outra vez de camiños, de concertos, de viaxes, de traballos, de barcos, de programas infórmaticos e cámaras fotográficas. E co que se atrapallaron para anotar e traer os cafés xa parecía que non íamos saír de alí máis. Pero saímos claro, senón ¿que carallo estaría a contar agora?.

No traxecto ata o corazón do concello de Viana do Castelo tentei durmir, pero non houbo maneira. O que si botou unha sonequiña foi o Miguel, criaturiña. Así que chegamos a San Lourenço da Montaria, uns máis descansados que outros, e algúns por segunda vez en sete días, cun sol de outono que parecía de primavera, dispostos a seguir a Yuka ata onde dispuxera. Nas portas da junta da freguesía estaban os veciños asando un porco enteiro ó espeto, e recibíronnos cunha música que falaba, apropiadamente, dos camiños de Portugal. E así a nosa guía, que cando organiza fai as cousas ben feitas. E desta volta tiña aprendida a lección, así que non quedaba outra que obedecela.

Á esquerda do edificio da junta, tal e como indicaban na información que atoparamos na rede, saía un camiño empedrado entre as casas, e por alí abandonamos o pobo. Collemos unha estrada alcatreada e fomos escollendo as marcas con coidado, porque habíaas vellas e novas, e nós tiñamos que seguir polas máis recentes, chegando de seguida preto duns viveiros forestais. Alí topamos co Río Âncora, que tiña as augas douradas polos bicos do sol, e abandonamos o piche para seguir pola beira esquerda do leito fluvial, seguindo unha levada de auga que discorre entre carballos, acacias e bidueiros. O entorno é ben fermoso e no grupo desenfundan ata catro cámaras, cousa inédita nestas andainas, e máis aínda cando chegamos a un salto de auga que nos fixo pensar, erradamente, que estabamos ante a Cascata do Pincho, o que non é posible porque na sinalización din que está a máis de catro quilómetros do inicio, e nos aínda estabamos no primeiro.

Avanzamos pola levada que vai separándose da beira do río, mentres vemos baixo nosa as ruínas de algúns muíños, un deles de grandes dimensións. Ós poucos chegamos a outro treito alcatreado que, afortunadamente, é cortiño, xa que á dereita sae un camiño de terra que tomamos, iniciando un pronunciado descenso. Dende a pista, conforme baixamos, descubrimos algúns encantos do Âncora, un cento de metros máis abaixo, e algunhas pozas que paga a pena investigar de cara as estacións mías cálidas. E tamén algunha fervenza, posiblemente algunha delas sexa a do Pincho, pero parece que o noso itinerario afástanos dela, en troques de levarnos cara ela. A onde chegamos a outra estrada, esta empedrada, pola que lle damos as costas ó río, e comezamos unha boa subida, cara ó sitio de Devesas, no lugar de Espantar.

Abandonamos o firme empedrado por un camiño que nos sae pola dereita, pola que ven unha amazona cun cabaliño ben parecido ós de raza galega. O camiño vaise ancheando ata converterse nunha ampla pista forestal que discorre entre piñeiros, quizais o treito menos atractivo do trazado, pero non tardamos moito en mudala paisaxe, conforme descendemos, e avanzar entre campos de labranza compartimentados por muros de pedra solta, e distinguimos unha cantidade bastante apreciable de oliveiras e árbores frutais. Outro treito de pista forestal permítenos observar o descorrer do río Âncora, que a unha distancia importante, debuxa curiosas formas no fondo do val.

A sinalización do sendeiro non é moi abundante, e a nosa guía consulta unha e outra vez o mapa, conseguindo mante-lo grupo compacto e confiado no seu bo facer. A pesares de que, despois de cambiar outra vez de firme e despois dunha pronunciada subida por un camiño empedrado, pode ser que fora a Encosta da Breia, empezan a deixarse escoitar algunhas voces desconformes coa súa labor. Pero non recua, nin nós tampouco, e con marcas ou sen elas seguimos avanzando cara un outeiro, mentres algúns imos cubrindo a retagarda con comentarios que espertan máis comentarios e, finalmente, unha explosión de risas e que non vou a reproducir aquí para que se vexa que, ás veces, ata eu teño algo de vergoña.

Chegamos con estas e con outras ó Alto das Folgueiras, case totalmente vernizado polas herbas amarelas que lle conferían un aspecto particular, unha magnifica atalaia para facerse unha idea aproximada do camiño que levabamos recorrido e do que nos quedaba por recorrer. Camiñando por este poético escenario a algúns danos por falar das conexións entre a literatura e a informática, e das múltiples adiccións que suma o uso continuado de Internet para alguén medianamente curioso. Eu fálolles dos meus derradeiros descubrimentos, en especial de Arraianos.com, unha revista que se publica en papel e en formato pdf, con moitas historias da fronteira que estamos continuamente a cruzar.

Mentres seguimos coa parolada volvemos avanzar entre muros de pedra centenaria, por unha canicouva enlamada e con grandes sobreiras nas súas beiras. O certo é que non podemos ter queixa dos cambios paisaxísticos, porque xa tivemos un pouco de todo, e polo que parece aínda nos queda un bo anaquiño para chegar ó núcleo rural de Montaria.

A lameira fixo que o grupo se alongara, e cando saímos dela fixemos reunión preto dunha casa ben bonita, despois de votar algún berro ós que quedaban atrás que convocou a un rabaño de ovellas, a unha vella e a un cabalo, e finalmente a retagarda. Seguiamos a ter algún problema coa sinalización, pero a nosa guía dáballe as voltas necesarias o mapa para cadrar o camiño, e levounos por carreiros estreitos, calzadas empedradas e pistas de terra, dando dous pasos para adiante e un atrás, pero só para coller impulso, pasando a carón dun feixe de viñedos, bosques de piñeiros, campos de herba seca, e mesmo un campo de fútbol da última división, e cando algún empezaba a dubidar do seu mando saímos a unha estrada alcatreada.

Esta estrada era a que leva a San Lourenço, e saímos moi preto do Punto de Encontro, un concorrido chiringuito instalado no cruce que xa nos chamou a atención o domingo pasado, e que non nos tenta nada, non sei moi ben porqué. Dende aquí non hai perda, é segui-la lingua de piche e chegar ó pobo, pero a guía insiste en buscar o camiño, erra un par de veces e é abucheada por un par de impresentables, que nin así conseguen desanimala. Finalmente consigue dar co camiño verdadeiro para entrar como camiñantes profesionais no núcleo rural, e inda ten a ben compartir a súa cantimplora co Xacobe, un dos amotinados (o outro xa non me lembro de quen era).

E ademais é un camiño bonito, entre muros de pedra, prados salpicados de medas, casas centenarias, campos de millo ou de patacas, petos de ánimas cubertos, fontes de auga xeada, froitas exóticas e outras particularidades que motivan que o grupo de afeizoados á fotografía, ou sexa: Miguel, Xacobe, Nacho e máis eu, quedemos atrasados nun improvisado safari, buscando atrapar a imaxe máis curiosa ou máis bela. Nesas estamos cando voltamos ó asfalto, tan ensimesmados mentres vai caendo a noite que nin conta nos damos de que xa hai un bo rato que deberíamos de chegar ó coche.

Non o facemos ata que remata a estrada e chegamos a unha pista de terra cun cruceiro e un feixe de indicacións, ningunha das cales nos soa. Así que voltamos sobre os nosos pasos e preguntámoslle a un paisano pola igrexa de San Lourenço, e non hai perda: seguindo a estrada á dereita, chegamos presto. Recíbennos con música en directo, aínda que bastante desafinada, e o resto do grupo xa está a beber no bar para celebralo. Xa caeu a noite sobre a Serra d’Arga e nos iluminamos o final cun feixe de sorrisos.

E94 Trilho da Senhora do Minho (Viana do Castelo)





Domingo, 9 de novembro do 2008

O meu capitán é un chisco tolo, segue pensando que ten vinte anos, e síntese inmortal como calquera rapaz de vinte anos, aínda que xa lle caeron enriba os corenta, e cando lle receitan repouso sábelle a aceite de rícino, toma unha cucharadiña e volta outra vez a brincar. Dálle igual que o diagnostico sexa unha fastitis ou una tendinites, e que eu esté inchado e vermello coma un roxón, o tipo non pode pasar sen a súa ración semanal de monterío, e volve a pecharme dentro dunha bota cheirenta, e veña: a facer quilómetros. Despois anda a laiarse de que si está eivadiño, e non vai estar señor capitán, que se non anda de troula pola noite, que tamén, anda a sortear penedos como hoxe, e que non aprende, non.

Cando estaba eu no mellor, soñando con acariñar a unha branquiña de unllas pintadas de violeta, botoume fora da cama, aplicoume un pouco de analxésico para que non berrara e, sen darme nin un remollo, mandoume a pisa-las rúas. Non preciso ollos para saber que o ceo estaba con ganas de tormenta, porque o ar era húmido de máis, e parecíame a min que algo había de mollarme. E máis aínda cando se xuntou con outros tres gastabotas, que aínda son peores que o meu capitán, porque gustan de facerlles sufrir ós meus conxéneres un día si e outro tamén, pisa que te pisa pola accidentada xeografía portuguesa.

Aínda fun algo adormecido no traxecto que fixemos en coche, antes e despois da comida, e ben quedaba alí a durmir senón fora porque non había maneira de zafarse. Comeron os catro cadansúa dose de arroz malandro ca súa provisión de panados, mentres eu parolaba debaixo da mesa cos da miña quinta das terras de Soajo ou de Marsico, cada quen a súa historia, os oito a esaxerar as súas fazañas, e máis que ningún o meu irmán esquerdo que sempre conta algunha anécdota picante cando nós estamos a falar de cousas serias.

Non sei moi ben como foi o conto, porque cando chegamos á freguesía de Montaria, no concelho minhoto (do Alto Minho, hai que subliñar) de Viana do Castelo, eramos só seis os que soportabamos os corpos do capitán e máis dos seus acompañantes, que respondían ós nomes de Ramón e Yuka. E que os hai con sorte, porque deseguro que os disidentes xa estarían botando unha soneca desas que dan en chamarse de pixama e penico, e non coma min, confiando en que o goretex fora quen de protexerme das inclemencias do tempo, que as previsións non pintaban precisamente ben.

Mentres os seus colegas embutíanse en roupas hidrófugas o capitán lía un cartel no que estaba escrito: Percurso Pedestre / Trilho de Montaria – 10 km / Cascata do Pincho – 4.5 km., sinalando en dirección a unha penedía de unha altura considerable, e o moi cabrón cuspía ó meu carón, como dicindo, imos probar colega, a ver como te portas e caralladas polo estilo. Eu sentía o arrecendo da Serra d’Arga, e dábame calafríos, encollía os dedos como enfurruñado, e lembraba que tiña máis partes vulnerables que aquela que nomeara un heroe grego.

Mentres os outros quentaban nós fomos dar unha voltiña polos redores da igrexa parroquial, por aquelo de se os santos tiñan a ben axudarnos, e atopamos un feixe de pintadas con consignas tan poéticas como “Viva o comunismo”, “Morra o capitalismo”, “Abaixo o fascismo”, algo borradas polo paso do tempo que conviña, como as marcas do sendeiro, en remarcar coa que está caendo.

As tres menos cuarto, hora galega, iniciamos unha sucesión interminable de pasos, dereito, esquerdo, dereito... eu sempre primeiro claro, tamén con ganas de probarme, de demostrar que todos os camiños que levaba pisados non eran en balde. Abandonamos o enclave montañés por un estreito carreiro empedrado, e os poucos xa empezamos a pisar terreo enchoupado, e a coroza sintética que me cubre empezaba a humedecerse, anticipando o que sería a tónica normal da xornada. Preto de dous muíños en ruínas o meu capitán e os seus amigos comezaron a dar voltas e reviravoltas, e mareeime un pouco, ata que decidiron cruzar un regato e atoparon outra vez os sinais medio borrados do trilho, que nos levou a unha estrada alcatreada que circunvalaba o pequeno pobo.

Nunca me gustou pisa-lo piche, pero polo menos deixabamos de pisar charcos e de vagar sen un rumbo fixo, estabamos avanzando, e parecía que máis ou menos xa tiñan claro a dirección correcta. O meu capitán volveu ler outro letreiro que indicaba un feixe de destinos: Estradâo do Rali / San Pedro de Arcos / Cerquido / Estorâos / Cabraçao, pero ningún deles era o noso, así que abandonamos a estrada e internámonos no monte, todo urces, toxos e pedras, cara a serra, outra vez con coidado de non pisar os numerosos regueiros que cruzaban o planalto.

A cousa das marcas parece que non estaba fácil de atopar, e cada par saíu nunha dirección, buscando o rastro coma cans de presa, e cando atopamos unha outra vez tiñamos que buscar a seguinte. Non parecía que o paseo tranquilo que nos prometeran, pero non ía ser eu quen quedara atrás.

A agulla do campanario da igrexa de San Lourenço de Montaria quedaba ás costas do meu capitán e ó seu fronte a encosta sul da Serra d’Arga, por onde camiñabamos os tres pares na procura das sinais do trilho, que xogaban os agochados entre os penedos, mentes a parella discutía sobre a interpretación do cativo plano no que se debuxaba a ruta, e intentaba distinguir no horizonte as referencias indicadas: uns viveiros forestais onde non había máis de catro piñeiros, o río Âncora que sei que había que cruzar, cando xa vadearamos tres pequenos regueiros que non merecían o tal nome, ou unha levada de auga que desembocaba nunha velha azenha que ven podía ser a que atopamos o principio... neso estabamos cando a que levaba o número de botas máis pequeno caeu da burra, é un dicir claro, e sentenciou que estabamos a facer o camiño do revés, a verdade que a min tanto me daba, o que quería era que rematara todo canto antes e, a ser posible, sen mollarme moito.

Polo de agora sentíame quentiño e con forzas de sobra para seguir o paso do meu irmán esquerdo, así que lanceime ó recoñecemento deses sendeiros case invisibles que discorrían entre uns toxos bravos que trababan coma cans rabiosos, e axudei a topar varias das franxas vermellas e amarelas, aínda que vir non as vin, claro, pero levei os ollos do capitán canda elas. Dimos outra vez voltas e reviravoltas, despregados como unha desas partidas de guerrilleiros das novelas de Bento da Cruz, ata que atopamos unha vía empedrada pola que empezamos a zafarnos dos fochancos, regueiros e pozas que salpicaban todo este territorio incerto, e comezamos a ascender cara a serra, agora si, xa con un retraso considerable pero, criamos, na boa dirección.

Despois dun bo treito pisando unhas lousas que tiñan un rumor centenario, saímos a unha chaira, onde tivemos que reanudar o rastreo, aínda que dunha maneira xa máis axeitada, porque os seis iamos en formación, cunha certa seguridade, e so nos detiña algunha curiosidade, tal como o improvisado vivac agochado debaixo dun gran penedo de granito, protexido por un rústico muro e ata cunha fiestra, e que o capitán non dubidou en fotografar dende tódolos ángulos posibles.

Xa levabamos máis dunha hora de camiño e eu ía tranquilo, confiado nas miñas forzas, sen que o carallo da tendinites, ou o que fora que me andaba a foder a planta, se fixera demasiado evidente, tan so un rumor, un ruxe ruxe que non me impedía desfroitar outra vez destas saídas montañeiras, e xa me ían pasando as ganas de quedarme a botar unha contundente soneca dominical.

E menos mal que estaba esperto porque despois de deixar atrás o vivac dos pastores, e de cruzar unha chaira de urces, toxos, carrasqueiras e pedras, e un regueiro ou rebeiro, como dan en chamalo por estas terras, chegamos ó cumio dun outeiro, ¿quizais o Outeiro das Cabras que estaba indicado no mapa?, a un centenar de metros sobre a freguesía de Montaria, e os sinais indicaban un abrupto descenso polos penedos que xa de normal tiña un algo de perigoso, pero coa poalla que estaba caendo facíase case suicida, sobretodo para min, que non viña nas miñas mellores condicións, é que só faltaba torcerme agora, para rematar a faena.

Así que baixamos a modiño, para non esvarar polas lousas molladas e non levar un susto, e as veces eramos ata doce os extremos que tentaban en manter os corpos do capitán e dos seus amigos, que maldicían e mentaban os antepasados de aqueles que deseñaran ese itinerario que, segundo as informacións previas, estaba catalogado como fácil.

Foi unha baixada que levou o seu tempo, e cando xa pensabamos que non había maneira posible de que empeorase chegamos a un regueiro, este si que podería ser o río Âncora, e para atravesalo había que votarlle un valor que xa minguara moito. A pontella que atravesaba o leito fluvial estaba formado por grandes laxas de granito, esvaradías como pista de patinaxe, aínda que o digo de oídas porque nunca estiben nunha, e ademais a do medio movíase. Para máis coña tocoume a min descubrilo, porque ó pisala sentín o temblor, e xa me sentín saltando cara o río, pero a fortuna sorriume unha vez máis, e nin eu nin os que me acompañaban sufrimos ningún contratempo, só foi un medo pasaxeiro.

Pasado este apuro chegamos por un camiño xa máis horizontal ata unha coutada con dúas enormes sobreiras, preto duns depósitos de auga, e avanzamos pegadiños ó seu muro de pedras, outra vez gañando metros cara non se sabía moi ben onde. Ós poucos chegamos a unha segunda coutada, aínda máis grande que a anterior, e dela saían dous camiños, un de seguro tiraba cara o pobo, que xa mirabamos, quero dicir miraba, quen podía, preto de nos, e o outro subía por unha calzada empedrada cara o monte, que se perdía nunha néboa mesta que viñera asociada á poalla que non paraba de caer.

Houbo conclave e decidiuse, co meu voto a favor, que seguisemos cara arriba, aínda que xa non quedaba moito tempo de luz e, ademais, os colegas do meu capitán seguían a darlle voltas a un mapa que, a estas alturas do campionato, xa non tiña nada máis que dicir, non coma min, que falo sen precisar de boca.

Polo vello camiño de pedras desgastadas polo paso continuado de bestas, homes e carros, imos distanciándonos do pobo, con rumbo incerto a pesares de que estamos a seguir as marcas que, aínda que están medio borradas, seguen sendo abundantes, e os colegas do capitán seguen mirando o mapa do dereito e do revés, sen lograr pórse de acordo se estabamos no sitio de Devesas ou na Encosta da Branca, mentres os do Ramón quéixanse de que as súas botas non son todo o hidrófugas que requirían tal día como hoxe, co terreo enchoupado pola poalla persistente que aínda se intensificaba máis.

Conforme ascendíamos ía mudando a paisaxe e internámonos nunha fraga de coníferas, sempre pisando o firme empedrado que, nalgúns tramos, facíanos extremar as precaucións, non foramos escarallarnos e perder a confianza que nos outorgara o capitán traéndonos ata aquí.

Despois de atravesa-la compacta masa de piñeiros poderíamos facer unha avaliación do terreo, aquelo de onde vimos, a onde vamos, pero a néboa foi cubrindo pouco a pouco a paraxe, ata eu podía sentilo a través da miña coroza de goretex, e o único salientable do camiño foi o encontro cun rabaño de dúas ducias de ovellas que o detectarnos ficaron paralizadas, semellando una fotograma dunha película de Buñuel, aínda que non se puñan de acordo co titulo, e non espantaron ata que chegamos a uns metros delas.

Chegamos así a unha estrada alcatreada, onde un cazador pechaba un par de cadeliños en cadansúa gaiola, nunha furgoneta na entrada dun camiño, e Yuka preguntoulle ó do traxe mimetizado se era quen de indicar no mapa a nosa situación, e o tipo non foi demasiado claro, ou estaba tan alucinado como o que dende as súas botas militares movíase de esquerda a dereita en sinal de desaprobación, como dicindo: ¿pero onde ides con este tempo?.

Aínda así, o capitán e os seus colegas, tipos teimudos, decidiron seguir polo camiño empedrado, como si non tiveran bastante poalla, neboeira, pedras esvaradías, incertidumbre. Eu, pola miña conta, xa estaba a piques de protestar, e notaba como aumentaba a inchazón dese nervio que teño rebelde, pero non era o momento, así que seguín subindo polo camiño adiante, ata que os que me precedían paráronse, consultaron novamente o mapa, e fixeron unha nova consulta popular que, neste caso, saíu no meu favor.

Así decidiron dar a volta e recuar polo mesmo camiño que subiramos. Volvemos cruza-la estrada e outra vez atopamos o rabaño de ovellas que, véndonos de retirada, decidiron acompañarnos, tomándonos polos seus pastores. Criaturiñas!

E así, seguindo os pasos de un cento de pezoñas ovinas, fomos descontando os metros que gañaramos, ata chegar á zoa das coutadas, onde o Ramón intentou un novo itinerario para chegar cando antes ó pobo, que xa se miraba ala abaixo, pero o resto da expedición rebelouse e insistiu en baixar ata os depósitos de auga, polo camiño que viñeramos, e dende alí, seguindo un estreito sendeiro, chegar ás primeiras casas de Monteria.

Chegamos de noite, e saímos xusto detrás da sede da freguesía, moi preto do parque onde deixarámolo vehículo, xa intensificándose o orballo, transformándose nunha chuvia xeada que animaba a muda-la roupa. Coma sempre o capitán non pensou un chisquiño en min, e cambiou camiseta e forro, pero tivo que quedar co pantalón algo mollado, e lamentei que non se lembrara, cando menos, meter uns calcetíns limpos na mochila, porque mollado non estaba, pero si húmido e cheirento.

Os seus compañeiros si que foron máis precavidos e ata de botas cambiaron ¿que envexa!, e eu tiven que conformarme co calorciño do coche, e de votar unha sonequiña mentres íamos acercándonos outra vez á fronteira. Antes de cruzala acordaron parar en Vilanova da Cerveira, a repoñer forzas nunha pizzería que seica tiña boas referencias.

Deume un pouco de vergoña chegar coas botas molladas e embarradas, e fixen esforzos para non coxear e que non se notaran as miñas doenzas, porque o sitio estaba cheo de parroquians con zapatiños de domingo e botas de pel.

Comeron os nosos unha pizza cunha éstrana combinación de chourizo, espinafres e gambas, mentres baixo da mesa os seis sufridores seguíamos a parolar das nosas cousas, dos novos camiños que teríamos que afrontar, ou dos períodos de inactividade que, no meu caso, traía o chollo do meu capitán.

Aínda que xa devecía por estar outra vez na peceira, pretiño da estufa, mentres os dedos xogaban sobre o teclado do ordenador a fabricar estas lendas, estas escolmas que xa van cara do número cen. E agora que estou en esas, xa está o capitán a soñar con abrir novos camiños, sen prestarlle outra semana máis atención ás miñas dores, pero que lle queredes, xa vos dixen que é un chisco tolo, segue pensando que ten vinte anos, e o mes que ven xa lle van a caer os corenta e dous.

E93 Trilho do Urzal – Ciclo do Pâo (Arcos de Valdevez)







Domingo, 12 de outubro do 2008

Descripción do percurso e mapa

A véspera foi unha desas xornadas nas que me invadiu a asertividade, esa incapacidade para negarme, para dicir que non a tódalas propostas lúdico-festivas, a tódalas invitacións dos colegas, simultáneando eventos e conversas, como se estivese vivindo o último dos días. Tocoume a quenda de mañá, e a pesares de que me facía boa falta botar unha soneca para resarcirme da semana de madrugóns, non fun quen de resistirme a toma-lo café con Nuria e Habibi na Praia dos Olmos, aínda sen facer a dixestión duns cogomelos con xudías coas que alimentei as miñas bolboretas nostálxicas.

Facía o calor típico de finais de verán, estando xa a principios de outono, e as terrazas estaban cheas de ociosos coma nós, mangas curtas e pernas ó aire, salvo o cociñeiro que é inmune ás altas temperaturas. Café non tomamos, e pola miña conta caeron tres estrelas, que nin caídas do ceo, e botamos toda a tarde a escoitar e contar as anécdotas das semanas que pasaron dende a última. Tanto foi así que cando chegou a Criatura xa estaba o sol a derramarse tralas Cíes, e baixamos á area por aquelo de dicir que estivemos na praia, e para mandarlle un xaruto deses que dan risa. E si, rimos coma parvos mentres as sombras ían cubrindo a ría.

Entrounos a fame e marchamos cara a cidade os catro, que parecíamos ós da canción do gato metido nun saco, pero cando chegamos pareceunos cedo e aínda lle mandamos un par de cervexas máis na terraza do Choco, porque xa era noite pero seguía facendo calor. Falamos de todo e de nada, e por máis que o intente non son capaz de lembrar cales foron os temas que puxemos enriba da mesa, e o raro sería que fora ó revés, que me lembrara, porque a esas alturas xa dixera que si media ducia de veces.

Non é que fagan falla máis detalles, pero cando rematamos as patatillas, os manises e as olivas xa tiñamos o estómago con ganas de algo máis contundente, e marchamos ó Rin-Ran. Eu, coma sempre, mandeille un deses bocatas especias con lombo fresco, pementos de piquillo e ovo frito, e entre todos baixamos unha ración de patacas, mentres decidíamos que facer das nosas vidas no futuro máis inmediato. E inmediatamente, despois de rematar a paparota, Habibi e Nuria marcharon para casiña, e a Criatura máis eu, canciños sen dono, despois dun momento de indecisión, tiramos cara a Fábrica.

Tivemos sorte na porta porque o Paulino viunos dubidar e deixounos pasar pagando só unha entrada, que custaba dezaoito pavos, e xa lle chegaba porque o concerto xa comezara, e ademais o grupo asturiano Avalanch non os valía. A sala estaba chea de máis de seguidores da banda metaleira, coreando as súas penosas letras e suando a mares, porque o aire acondicionado non estaba, unha vez máis, en condicións. Fixérame efecto a mestura da media ducia de cervexas e dos trócalos (aquí non levaba a conta), a atmosfera asfixiante do local, os gritos do vocalista jevirulo e as horas que levaba sen durmir, e mantívenme nun estado catatónico nas interminables horas, segundos e minutos que durou a sesión de tortura dos nosos primos.

Cando rematou o sufrimento conseguín convencer ó Servo de Satán para cambiar de aires, e seguíronnos dúas tipas sen moita gracia pero con ganas de que llas descubriramos, e na porta da Iguana a piques estivemos de perdelas de vista porque o Cesar deixounos pasar, pero elas quedaron fora, ata que as vacilou un pouco e viñeron outra vez canda nós. Tampouco é que despois falaramos moito máis con elas, e xuntámonos co Alex, que estaba cun par de compañeiros de Aphonic, vendo o concerto dos N.O.T., unha formación local de black metal que non tiñan a súa noite máis afortunada. Aínda así era un descanso para os meus oídos que cantaran, ou berraran máis ben, en inglés, porque co recital de poesía barata dos Avalanch xa me chegara.

¿Pero, porqué carallo estou contando todo esto? Ah, xa me lembro, por a miña asertividade, esa costume que me fai dicir que si cando teño que dicir que non. E non dixen que non cando rematou esta nova sesión e o Alex e o Xaime, e máis os colegas do primeiro decidiron continuar de troula, primeiro nun local con pinta de puti-club cutre (pero con copas baratas en sen rapazas medio espidas), e despois, xa sen o Alex, noutro onde non tiñan música e había máis fume que nos incendios do dousmilseis. Alí deixei os restos do naufraxio, iniciando a durísima ascensión cara o meu refuxio, ás tres e media da mañá, pero coma se fose moito máis tarde. E todo pola miña inclinación natural a dicir que si, sempre que si.

Pasou logo a noite, mesturando desexos e soños, e cando estaba no mellor sonou o teléfono e arrincoume as teas de araña de súpeto. Era xa mediodía e o Alex, despois de un feixe de intentos infructuosos, inquiríame para sumarse as miñas camiñatas dominicais.

Pois si, a véspera foi unha desas xornadas nas que me invadiu a asertividade, e aínda amañecín co síndrome, ou máis ben cos síndromes, xa que ademais de espertar con outro si na boca tamén saín do territorio dos soños con cara de pesadelo, esto é: cunha espantosa resaca. Carallo co Peter Pan, sempre vivindo no país de nunca xamais, e cando se ve ó espello non atopa a outro que non sexa o Capitán Garfo, e a pesares das formigas pastando na cabeza e das areas na gorxa e todo o resto de síntomas aínda ten ganas de encher a mochila con catro trapalladas e saltar pola fiestra en busca de máis aventuras.

E saín ó punto de encontro baixo un ceo primaveiral, sen tempo para facerlle un chequeo previo ó pé que escarallara nos montes marsicanos, sen ter nin puta idea do itinerario que podíamos seguir despois da comida, en fin, improvisando unha vez máis. Menos mal que alí estaba o Zalo para quitarme do apuro, e foi reunirme con el no Concheiro e xa me propuxo unha ruta de nome suxerinte: o Trilho do Ciclo do Pâo, ou Trilho do Urzal, situado no concello de Arcos de Valdevez, que debería levarnos tres horas, máis ou menos. Cando se nos sumou o Alex estabamos decididos, e subimos ó seu coche para buscar a fronteira, mentres o de Paramos púñame ó día das derradeiras e próximas convocatorias camiñantes.

Tivemos mala sorte para o bautizo do novicio na congregación eivadiña, xa que o Stop, o noso templo gastronómico, estaba pechado, e non lle puidemos dar a probar a malandrina, a nosa poción máxica, e trocamos o comedeiro mítico por o Marco de San Pedro, moi preto do primeiros, onde pedimos frango a brasa e arroz de marisco. Outra vez erramos, xa que neste local teñen o costume de chamarlle marisco ó surimi, e tivemos a desagradable sorpresa de atopar os pauciños de cangrexo (que seguro que non son de tal) cunhas ameixas e gambas bastante ruíns. Menos mal que o Alex é de bo dente e non protestou, dando boa conta do frango, das patacas e dunha boa ración de arroz, e ben seguro que aínda comería máis se lle puxera diante.

Non sería o mellor restaurante da zoa, pero cando marchamos estaban tódalas mesas ocupadas, e aínda había xente esperando. Nos xa tiñamos presa por chegar ó noso destino, así que de postre devoramos uns cantos quilómetros de asfalto, ata chegar a Paredes de Coura, e dende alí collemos a dirección cara Arcos de Valdevez, ata chegar a unha desviación que nos levou ata a pequena freguesía de Río Frío.

Estacionamos a carón da estrada, algúns metros antes do bucólico lugar de Grijó, e despois duns brevísimos estiramentos e de valorar o que pagaba a pena cargar a chepa, iniciamos o trilho ás tres da tarde, por un camiño agrícola de laxas, que comezaba descendendo. O Zalo xa nos anotara, cando subiamos cara esta aldea de montaña, que tiñamos que sortear un desnivel considerable, pero xa non tiña remedio, os estreito carreiro ía descontando metros de altitude, os mesmos que despois teríamos que gañar para volver ó coche.

A medida que camiñamos, sempre descendendo, vamos observando unha paisaxe peculiar, na cal se destaca o Vale de Urzal, o noso destino, e máis lonxano o Vale do Vez, así como unha extensa malla de campos armados en socalcos, onde se practica unha agricultura tradicional de subsistencia, destacándose pola súa importancia o cultivo de variedades rexionais de millo, branco ou amarelo, cos cales se produce a famosa Broa de Milho Tradicional de Arcos, mesmo o Zalo ten noticias de que na comunidade rural que deixabamos ás nosas costas aínda había quen cocía este rico e nutritivo pan.

Tamén nos indicou que o camiño, que xa non era a primeira vez que recorría, tiña algúns tramos con bastante maleza, así que tanto el como Alex armáronse con un bo pao e tornáronse na vangarda para ir abrindo camiño. Este non tiña perda, porque as marcas eran ben recentes, e o noso guía non tiña demasiadas dubidas, e ó pouco fomos internándonos nunha fraga na que era predominante o castiñeiro, sementando o chan cos seus ourizos, cunhas castañas pequeniñas pero saborosas.

Conforme íamos descendendo mudou a paisaxe, perdemos de vista os campos e avanzamos por unha densa mancha forestal de carvalhos-alvarinhos, onde puidemos observar e sentir o esplendor deste ecosistema, o nivel dos seus estratos principais: arbóreo, arbustivo e herbáceo. Presenciamos, ademais dos carvalhos, amieiros (alnus glutinosa), azevinhos (ilex aquifolium), gilbardeiras (ruscus aculeatus) e fentos. Esta diversidade de especies vexetais incrementábase conforme nos acercabamos as augas cantareiras do Río Frío, que da nome a toda a freguesía, e a posibilidade do baño facíanos posicionarnos a favor ou en contra. Mentres baixabamos cara o leito fluvial puxemos ó día ó novo das nosas costumes, pero nin así logramos convencelo, é so de pensar en meterse na auga botaba a espirrar de forma convulsiva, aínda que tiña outros motivos.

Zalo máis eu vimos dunha antiga tradición, de cando militabamos xuntos nunha célula marxista-leninista-nudista, e mantiñamos a disciplina de partido coa inmersión en canto río, regato, lagoa ou fochanca atoparamos ó noso paso, e por iso en canto chegamos ás Fervenzas de Grijó non dubidamos en espirnos e mollar as nosas vergoñas nas xélidas augas do pequeno río, que xa avisa co seu nome. O entorno é un dos principais atractivos desta ruta, aínda que hai que ter coidado de non caer nas esvaradías laxas das súas beiras.

Despois desta sesión improvisada de hidromasaxe, xa temos o corpo a unha temperatura ideal para sumar esforzos, e voltamos ó camiño do Carvalhal, que suaviza un pouco o desnivel, adentrándonos cada vez máis no val, seguindo o curso das bravas e cristalinas augas do afluente do Río Vez pola súa marxe esquerda. A paisaxe vai mudando conforme nos afastamos do leito fluvial, e nalgúns tramos as especies nobres son trocadas por esa praga que coñecemos moi ben o outro lado do Miño: os eucaliptos, que aquí denominan como “área florestal de produçâo”, ¡manda truco!.

Tamén pasamos preto de algunhas minas de auga, escavadas na terra, e mesmo dunha fonte, e nestes puntos formase no chan algún lameiro que temos que sortear a modo. O camiño descende despois abruptamente por unha canicouva, un camiño escavado na terra na que fomos atopando grandes penedos de granito, onde non tardamos en atopar un “aire”, un ramal do sendeiro que indicaba a dirección duns muíños.

O noso guía aléntanos para tomalo, non vaia ser que nos quede corta a saída dominical, e ademais ¿que carallo de Ciclo do pan imos facer se non visitamos os enxenios hidrográficos? A forza motriz dos ríos e regatos que conflúen no val puxeron en funcionamento un impresionante complexo de muíños, en outro tempo fundamentais para a subsistencia da pequena agricultura familiar.

Ó final do ramal chegamos a un deses tesouros etnográficos que dan un valor especial a esta ruta, á carón do Río Frío, no lugar de San Vicente, e mesmo podemos visitar o interior dun “moinho de rodizio”, onde visualizamos as diferente partes que o constitúen e onde, seguramente, os máis cativos descobren os segredos das técnicas de moer, transmitidas de xeración en xeración a través dos séculos. Despois de tirar catro foguetes dixitais o Zalo lévanos cara a aldea, ata que nos cruzamos cun paisano ao que o noso guía interroga sobre a dirección a seguir, aínda que a ten bastante clara.

O lugareño, vestido de domingo e armado cun legón, cóntanos que leva vinte anos na emigración, en Suíza, e laiase dos tapados que están os camiños, por falta de uso, e ofrecese a guiarnos ata o sendeiro. Pregúntanos de onde vimos, quen somos, onde vamos... as eternas preguntas da humanidade, e cando o camiño empeza a ascender muda de opinión, xa que imos demasiado a presa para el. A min dáme magoa que non nos acompañe, porque eu xa vou medio esfurricado, pagando polos meus excesos da noite anterior, e agora todo o que temos por diante e unha subida do carallo. Vou suando tódalas cervexas que bebín na véspera, mentres os meus amigos detéñense unha e outra vez a esperarme, e ademais noto como se me inchou o pe dereito, no que teño a tendinites italiana, que aínda que non me doa moito é ben molesta.

Ó chegar ó comezo do “aire” tomamos a dirección do lugar de Vila Franca, enlazando estreitos carreiros empedrados nos que se alternan os carballos e as mimosas, e sempre en sentido ascendente imos chegando a unha ampla zoa de campos de cultivo, sempre dispostos en socalcos, onde se destaca o cultivo de milho, una actividade laboriosa e dotada de varias fases: preparación do terreo, sementeira, sacha, rega, colleita, desfollada e seca nos tradicionais espigueiros. Aquí podemos observar tamén os magníficos exemplares de razas autóctonas en pastoreo libre, destacando os bovinos da raza barrosá, que chaman a atención coas súas grandes cornamentas, os caprinos da raza bravía e os ovinos da raza bordaleira, que se estenden nas rexións comprendidas entre o Douro e o Minho.

Unha vez que chegamos a esta comunidade rural espertamos tamén o interese de nenos e cans, que ladran ou calan, según sexa a súa natureza. O interese do lugar e sobretodo o seu emprazamento, salpicado de bolos graníticos polos campos, xa que agás unha pequena capela nada ten que esperte a nosa curiosidade. Dun destes penedos, caeu o Nacho, e aínda tivo sorte de caer para o camiño, porque senón a pancada ía ser boa ¿quen carallo lle mandaría subir alí?. Gradualmente fomos perdendo de vista o pobo, ata atopar o punto que une o sendeiro formando un círculo, e en pouco tempo alcanzamos Grijó, tres horas despois da nosa partida. O camiño de volta agachou unha sorpresa final: o Alex deleitounos coas novas melodías de Aphonic, que van pola terceira gravación, e que venceu as miñas reservas ó cambio idiomático, e mesmo o Zalo tivo algún comentario favorable. So queda dicir ¡Longa vida ó metal!.

E92 Sentiero di Scruppo (Val d’Agri)



Xoves, 2 de outubro de 2008

Un novo amencer sorpréndeme coas pegadas confundidas nas xeografías amables que recorrín á par dos soños, e sorríolle ós espertadores insólitos, ó alento xeado das baldosas, ás escaleiras que enredan as miñas pernas e ós ladridos desganados das nubes. O estraño magnetismo das montañas lucanas exerce unha atracción sobre o meu ánimo que me fai desprezar as secuelas da aventura de fai uns días, onde me atopei en certos apuros sobre os que non insistirei. E ademais estou, como quen di, de aniversario, porque fai dous anos e un día comecei con esta saga de conquistas, abrindo surco na terra e sementando verbas, para devolverme ese sabor doce dos grandes espazos e seguir sumándoos ó meu imaxinario particular.

Non atopo mellor maneira de celebrar que camiñando, con máis ganas aínda conforme voume acercando ó centenar destas crónicas, apurando un capuccino na piazza de Marsico e uns bicos ricos fronte ó officio postale. A cúpula celeste recibe as primeiras luces parcialmente cuberto de dúbidas, e ben que o agradezo, xa que teño intención de chegar canto antes ó depósito de auga para ver si son quen de inzarme a algún dos cumios que se atopan tras o Monte Camporeale. Así que non me entreteño recollendo víveres nas hortas da ribeira do fiume Agri, e cando chego á ponte metálica que o atravesa desfágome das prendas innecesarias para o ascenso, que me prometín urxente.

Tamén propúxenme non facer ningunha toma dixital ata chegar ás estibacións da montaña, para gañar tempo e contabilizalo a fin de sacar algunha conclusión proveitosa para o futuro. Acometo as primeiras rampas da pista que circunvala a diga con unhas forzas que saen do entusiasmo do descoñecido, escrutando nas liñas do horizonte algunha na que se alberguen os meus soños. Por estes camiños solitarios, nos que nunca atopei a ninguén máis que a miña sombra, chego ó derradeiro núcleo marsicano habitado, e outra vez volto a pisar o sendeiro en desuso que o rodea. Son un fantasma que atravesa o poboado no que non esperto nin a curiosidade dos cans. Así, perseguíndome a min mesmo, acometo esa lingua de asfalto que me separa da miña verdadeira aventura, gañando metros con avidez.

Cos ollos permanentemente debuxando posibilidades no horizonte ascendo pola estreita estrada ata acadar o meu primeiro obxectivo, o deposito de auga, ás nove e cuarto da mañá, unha hora e media despois de comezar a camiñata, co que melloro en media hora o tempo que invertín dous días antes para salvar esta mesma distancia. Satisfeito por esta nova marca refréscome na fonte e me entreteño algúns minutos fotografando uns magníficos exemplares de eses descendentes dos uros europeos que son os bovinos lucanos, mentres avanzo polo mesmo camiño de sempre, entre faias e carballos, buscando un sendeiro que parte en dous a montaña de Camporeale.

Cando chego a el tomo a variante da dereita, que xa coñezo da andaina que denominei, en ausencia de outras referencias, a Serra de Calvello, e a pouco de internarme nel comezo a constatar as diferencias da paisaxe. Si na variante esquerda adentrábame nun faial compacto, formando unha cúpula esmeralda e co chan alfombrado de frouma, aquí atópome cunha masa forestal composta por piñeiros diseminados, e por un firme descarnado de caliza fragmentada. En compensación teño unhas boas vistas ó val e ademais podo avanzar con máis lixeireza e con menor esforzo, xa que o sendeiro describe unha uve perfecta, que en pouco menos de quince minutos desemboca nunha ampla pista e nun pequeno outeiro dende a que podo divisar os cumios de Camporeale e de Scruppo.

Esta vez son as faias as que suceden ós piñeiros, ata colonizar case totalmente a serra, creando unha fraga de beleza singular, un deses lugares que paga a pena camiñar unha e outra vez. Alentado pola espectacularidade da paisaxe continúa a ascensión ata que, pouco a pouco, a pendente suavizase buscando o corazón desta selva onde resoan os cantos dunha orquestra de paxaros invisibles. Tamén aquí me atopo con unha variedade asombrosa de funghi, algún deles de gran tamaño, que farían as delicias dos afeizoados a micoloxía, uns entre as follas que o outono vai sementando e outros nos troncos das árbores. É a segunda vez que camiño esta faggeta e non dubido nin un so momento na dirección que teño que seguir ata que o camiño comeza a descender levemente e me atopo con unha bifurcación. A esquerda pronúnciase o descenso e xa coñezo cara onde vai: cara a estrada de Calvello.

Cara miña destra iniciase un sendeiro descoñecido, que ascende case dunha maneira imperceptible entre a espesura da fraga, e a incógnita cara onde desemboca faime bailar o desexo nos ollos, ese desexo de territorios insólitos, que aínda non levo debuxados na xeografía particular que forma o meu imaxinario pero que estou ansioso por sumar. Síntome invadido por un deses motores que moveron, dende a noite dos tempos, a historia da humanidade: a curiosidade, a aventura de descubrir novos camiños, sexan estes físicos ou non. E non quero dicir que todo o recorrido que me trouxo ata aquí sexa menos importante porque, aínda que xa descifrara os seus segredos, son moitos os matices que o cambio de estación imprime na paisaxe.

Avanzo pois por estes inexorables terreos facendo un cálculo mental sobre o punto espacial no que me atopo, e todo me fai supoñer que estou rodeando o Monte Scruppo, que dende o val, situado mil metros máis abaixo, ten unha forma redondeada e polo tanto non se presupón demasiado inaccesible. E avanzando por esta senda alfombrada das primeiras froumas a pendente acentúase e ó final ábrese unha fiestra ó ceo e por ela accedo a un outeiro desarborado. Apresúrome a indagar nas súas atalaias e dende unha delas diviso unha dorsal montañosa, na que é fácil identificar o cumio do Pierfaone (1727 metros) pola presencia de dúas grandes antenas, e os máis pretos montes Airoso (1709 mts) e Timpa d’Albano (1625 mts). A dorsal prosigue máis alá do Pierfaone e despois da interrupción do Valico della Sellata (1255 mts), co relieve de Monteforte (1444 mts) e Serraneta (1475 mts). Ós meus pes esténdese a Serra di Calvello, unha extensa mancha verde na que non distingo ningunha poboación.

Sen embargo é ás costas de todo este complexo de natureza calcáreo-dolomitica, onde se atopa o meu obxectivo: o Scruppo (1699 mts), que podo adiviñar tras unha sucesión de outeiros conectados entre si por pequenas formacións boscosas. Cando me dispoño a atravesar a primeira delas atopo os sinais vermellos e brancos característicos dos sendeiros de gran recorrido, e as vou seguindo sen dificultade entre faias, carballos e acevos. No seguinte outeiro tamén podo observar o cumio de Camporeale (1661 mts) que coroei fai só dous días, e me deteño a debuxar coa vista o itinerario que me trouxo ata aquí, cruzando unha masa forestal na que, pouco a pouco, vou descubrindo referencias para o regreso.

Pero aínda avanzo seguindo as marcas do GR cara ó punto máis alto, mentres ó meu paso atopo algúns exemplares de vacas lucanas que me observan con desinterés. Despois de atravesar a última das formacións arbóreas atópome cun desnivel pronunciado, e unha vez que o salvo adquiro unha ampla visión dos vales e montañas que me rodean, camiñando pola loma cimeira ata acadar unha mariola de pedras que marca o seu punto máis alto. Pese á súa forma redondeada é un cumio bonito, enfrontado ó Massiccio del Volturino, que cos seus 1836 metros é o máis alto dos que rodean o Val d’Agri, e ó Monte San Nicola (1315 mts) que emerxe dende o centro do val entre o triangulo formado polas poboacións de Marsico Nuovo, Paterno e Marsico Vetere.

Da miña mochila quito a botella de auga, galletas de chocolate e unhas noces que recollín á beira do río, e busco abrigo para refuxiarme do vento que azouta a cresta, moi preto de onde pastan ou sestean as mais montañeiras das vacas, cunha cor que se confunde cos das nubes. Boto unha ollada ó móbil para ve-la hora: son as once e cuarto, o que quere dicir que invertín catro horas e media en completar o ascenso, e que me quedan menos de tres para o descenso. Así que me hidrato e alimento unhas bolboretas desfalecidas pero satisfeitas, e quito unha ducia de fotos e un vídeo panorámico, e vinte minutos despois de facerme co cumio comezo a desfacer os meus pasos, sen poder evitar voltearme unha e outra vez cara a mariola, que vexo cada vez máis diminuta.

Tamén entretéñome en divisar a poboación de Abriola, a 957 metros de altitude, e situada sobre tres lombos rochosos, centro dun amplo paraxe na que tamén destacan o Monte Pierfaone, a Groppa di Anzi e, moito máis lonxe, pero visible dende a miña atalaia, os cumios dos Dolomiti Lucani. E moito máis preto o pobo de Calvello, no corazón da montaña potentina, enclavado entre a Sellata e o Volturino.

Disparo as derradeiras tomas e volvo retomar o sendeiro marcado cos sinais brancos e vermellos, que debo investigar para próximas aventuras marsicanas, e sinto que a miña mochila leva agora un prezado cargamento. Quizais non sexa este o día perfecto, pero pouco lle falta para elo, así que para que non xurda ningunha complicación decídome a facer o mesmo itinerario polo que ascendín, porque a experiencia me di que improvisar os descensos non é boa idea, que xa tiven bastante aventura fai só dous días.

A única pega da xornada é unha lixeira molestia na planta do pé dereito, concretamente na base do dedo gordo, que motivara que no cumio me descalzase e lle aplicase un vigoroso masaxe, por si era consecuencia da caída nos cantís de Monteferro.

Os síntomas incrementáronse no descenso, sobretodo nos tramos nos que o desnivel se intensificaba, aínda que mentres camiñaba pola dorsal da montaña o percibía como un prezo insignificante polas marabillosas panorámicas que me ofrecía, e tamén por empatar os camiños sen dificultade para chegar ata ela.

Así que me interno outra vez na fageetta coa incertidume das condicións nas que rematarei o recorrido, aínda que outra vez a beleza dos camiños alfombrados de frouma, da cúpula esmeralda que me coroa e da polifonía dos cantos dos paxaros invisibles, fanme esquecer esa incipiente dor que aniña na miña bota. Un máis, para esa colección de dores que atesouro.

A pesares deste contratempo avanzo a bo paso entre a espesa formación de faias, sumando estes sendeiros que xa levo debuxados no meu imaxinario particular, e láiome sinceramente de non compartilos con algún da miña especie.

Non tardo en chegar outra vez á “Zeta”, o sinuoso camiño que cruza ó outeiro que existe entre os montes Camporeale e Scruppo, entre pequenos piñeiros e calizas fragmentadas, onde me asombro ó lembrar que algunhas das mariolas que marcan o descenso construínas eu, na miña primeira visita a Serrra di Calvello, para non perderme na néboa.

E como daquela, cando estou a punto de acadar o depósito de auga, por unha estraña coincidencia, axitase o satélite e a miña metade inquíreme por si alcancei os meus obxectivos, e lle agradezo as súas atencións, aínda que tamén declino o ofrecemento para acurtar o camiño, porque aínda é a unha da tarde, e si fixen a subida en hora e media teño que ser quen de facela baixada nunha hora.

Así que volvo apurar os metros que me separan do asfalto, e unha vez alí, provocando unha escorrentada de vacas albinas, apresuro o regreso.

Conforme perdo altitude pola estreita estrada que comunica a montaña coa poboación marsicana constato como, pouco a pouco, as xigantescas formacións de cetáceos níveos que había no ceo devoráronse entre elas e tinguiron o horizonte dunha pátina cobriza, quizais anticipando algunhas precipitacións, e esto anímame a esquecerme da molestia do pé e a incrementar a velocidade, incluso botando algunha carreira que fai que o meu corazón berre como un cativo asustado. Chegando ás inmediacións do Campo del’Albero Trombato sáeme ó paso un can e como precaución énchome as mans de pedras, aínda que non é necesario porque deseguida diviso un rabaño de cabras esparcido en torno a un árbore e dende a estrada a silueta do pastor, vixiante.

O home ten unha sucesión de capas de roupa e o rostro surcado por mil engurras, podería ter cincuenta anos ou cento cincuenta, e berra nun dialecto incomprensible ás que pretenden alonxarse da manada, mentres axita ameazante un bastón que pode romperlle as costas a unha vaca. Detéñome ante a súa mirada inquisitiva e sabia, de esa sabiduria que non se adquire nos libros. Sorprendido polo meu aspecto e da dirección da que veño, pregúntame que fago por estas terras, e no meu precario e macarrónico italiano, ó máis puro estilo de Tonino Carotone, contéstolle que veño da montaña. ¿Funghi?, pregúntame estrañado de que non leve unha cesta na man, aínda que sinalando a miña mochila. Non, lle contesto, simplemente camiño, por camiñar. Tamén me pregunta cara onde vou, e cando lle contesto que a Marsico lle xorden máis preguntas ¿Que cosa fai a Marsico? ¿Laborare?. Outra vez o desconcerto cando lle digo que estou de vacacións, e que son da Galiza, no estado español. Se lle prende unha luz dentro da cabeza, e se transforma nun sorriso que se abre paso entre as súas enrrugar, ¡Io ho un amico spagnolo! Manolo, capelli lunghi, de Badalona, me espeta o paisano. Pois non, vai ser que non o coñezo, é que Vigo non queda moi preto de Badalona... Que tío máis raro, pensa, que non coñece a Manolo... Así que me despide e volta coas súas cabras.

Son pequenas anécdotas que dan máis valor ó camiño, e con esta na mochila descendo rapidamente ata Camporeale, ata a diga, o fiume, a città, e ata a miña innamorata. E podería contar todo esto con máis detalle, pero, cada un ten as súas manías, así que so escribirei tres letras máis: Fin.

E91 Sentiero di Camporeale (Val d’Agri)



Martes, 30 de setembro de 2008

Sorrío ó amencer cunha xeografía de soños entre as mans, quizais aínda siga soñando cos ollos vernizados de sorrisos e por iso se que inquietan as pegadas, desexosas de seguir xerando motivos. Os espertadores simultáneos desfán as nosas apertas matinais, pero nas extremidades nos xerminan un cardume de intencións, mentres o sol comeza a acariñar as curvas amables da Basilicata. Tamén quero sementar nesa orografía estes afectos que os soños me teceron e volvo sorrir o alento xeado das montañas, nas que debuxo unha melodía para que me baile nas próximas horas, mentres a miña metade recorre as portas de Pergola, cun saco cheo de verbas.

Aínda non son as oito da mañá cando comezo a descender cara o fiume Agri, dándolle as costas ó roccaforte onde se atopa o casco urbán de Marsico Nuovo, escrutando as liñas duns obxectivos que aínda non teño definidos, pero cara os que me dirixo con paso firme. Non espertaron nin os cans, no pequeno patio traseiro da città, mentres avanzo pola delgada lingua de asfalto que discorre ata San Giovanni, ata enfrontar o outeiro que foi conquistado polos badulaques.

Outra vez sorrío lembrando os lamentos de Habibi mentres acometía a ascensión de este diminuto cumio como se estivese sorteando o desnivel dalgún monte pirenaico. E mentres sigo sumando sorrisos o ceo comeza a anticiparme unha bonanza que non estaba nas miñas predicións meteorolóxicas, á vez que o terreo vólvese terroso e horizontal ó chegar ás beiras do río.

O camiño que discorre pola marxe esquerda do Agri é territorio propicio para unha variedade de cultivos, e nos primeiros metros saboreo os riquísimos froitos da diversidade marsicana: peras, mazás, figos... e incluso recado noces e castañas para máis adiante. Nas hortas que se suceden ó longo desta senda fluvial tamén se sementan tomates, pementos e millo, coloreando a paisaxe que pon contrapunto a unha canle emboscada, co ventre empachado de electrodomésticos. Tamén eu vou facendo a dixestión do capuccino matinal e de toda a froita inxerida no corto traxecto que levo mentres cruzo pola ponte metálica que comunica a pista que sube ata a Diga.

Acometo os primeiros tramos da pista que circunvala o encoro con determinación, mentres os desniveis vanme espertando os suores, e vou perdendo auga e sales, aínda que afortunadamente levo dous litros no depósito para non quedarme nos niveis mínimos nos que se atopa esta reserva hidrolóxica da Lucania. Como contraste a todo isto a vexetación creceu nos últimos meses e atopo o camiño cuberto de xestas en bastantes tramos, conforme me introduzo nunha fraga onde o outono non tinguiu as follas dos carballos, castiñeiros e faias. Non tardo en abandonar tamén o círculo que rodea a Diga e por unha sucesión de pequenos sendeiros que xa me son familiares, é a terceira vez que subo por eles, avanzo cara o Deposito de auga, e ata os primeiros prados de Camporeale, derradeiro núcleo habitado no itinerario.

O de habitado é un supoñer, porque cando chego á pequena estrada que o comunica con Marsico Nuovo sigo sen espertar nin tan sequera o interese dos cans, si é que os hai, así que ó pasar diante das primeiras casas collo o primeiro atallo cara as terras altas e lle dou as costas ó pobo. Este estreitísimo sendeiro atopase ó límite do accesible, xa que tamén aquí multiplicaron a súa altura as herbas e xestas, e incluso os carballos xoves crearon unha barreira natural que, aínda que non é infranqueable, dificulta bastante o avance. Hai unha variedade incrible de fungos e cogomelos, e entre elas algunha criatura fai que me crezan alas nos talóns, como a aquel heroe grego, e non descanso ata que volvo a enlazar coa estreita carreteira que sube cara ó Macisso de Volturino.

Non podo evitar o determe nun dos meus lugares favoritos: o Campo del’Albero Trombato, e de volver retratar a curiosa estampa da árbore tronzada, quizais por un raio, co Val d’Agri na fronte e as montañas ás súas costas. Diríxome cara elas despois desta pequena pausa, e a pesares de que xa gañei unha boa altura dende as beiras do río aínda me queda por sortear unha sinuosa lingua asfaltada que ascende de maneira abrupta entre fragas de piñeiros e abetos. Quizais podería supoñer a parte máis penosa do recorrido, pero ademais permíteme rodear sen problemas o Monte Camporeale ata atopar unha vía de ataque máis propicia que a súa escarpada cara norte, da que gardo unha lembranza agridoce.

Dúas horas despois de comezar a ascensión, despois de sortear un desnivel de ó menos cincocentos metros, chego ó final da pequena estrada que morre ás portas dun Depósito de Auga, onde sorprendo a media ducia de vacas albinas, unha raza característica da Basilicata, que me miran asombradas da presencia humana nos seus dominios. Son por tanto as dez da mañá cando, despois de refrescarme nunha fonte de auga xeada, de comer unhas noces ricas de verdade e de hidratarme para recuperarme dos suores que me arrincou o camiño, comezo a subir polo escarpado sendeiro de montaña, no medio de estraños cardos de flores amarelas, disposto a coroar algún cumio, que aínda non teño decidido.

O estreito sendeiro vai gañando verticalidade, e agradezo a sombra das faias, que son a especie dominante neste traxecto, protexéndome dun sol de outono que quere ser de primavera, levantando un leve rumor de follas secas que xa comezan a alfombrar o chan. Por el chego a outra senda máis ampla que cruza en sentido horizontal o monte, e que incluso ten un pequeno muro de pedras no inicio do talud polo que subín a primeira vez, e que naquela ocasión estaba agochado entre a neve.

Aquí me deteño a sopesar as diferentes opcións: cara a esquerda a dirección do Monte Camporeale, antes chamado San Donato, e tamén confundido có Calvelluzo, e cara a dereita a dirección da “zeta”, que se dirixe cara o Scruppo, e de fronte o barranco polo que me internei na miña primeira ascensión, cara o faial que anticipa a Serra de Calvello. Finalmente decídome pola primeira das opcións, guiándome outra vez pola miña intuición, xa que creo que é a mellor para chegar a un cumio sen demasiados esforzos.

Moi suavemente o sendeiro vai gañando metros entre a terra dourada e un ceo esmeralda, froito do momento singular da transición de estacións, e permíteme avanzar con decisión entre a espesura da fraga, que me lembra un pouco a Selva do Irati, na miña querida Euskalherria. Cando saio desta conglomeración de faias e, en menor medida, de carballos e castiñeiros, chego a unha zoa de piñeiros, moito máis desperdigados, onde cambio un firme de follas secas por outro de calizas fragmentadas, e pouco a pouco tamén desaparecen estes árbores e chego a un terreo xa máis vertical e atravesado por un montón de terrazas, que xa me é lixeiramente familiar, e dende onde teño unha boa panorámica do Val d’Agri.

Sorteando esta sucesión de terrazas acado en poucos minutos o cumio de Camporeale, e me deteño a comer unhas galletas, beber un bo trago de auga e a disfrutar das vistas espectaculares sobre esta parte da xeografía lucana. Ós meus pes está o impresionante val que se abre dende Marsico Nuovo, e as montañas que o pechan, algunhas das cales xa coñeceron as miñas pegadas, e outras que xa teño na miña axenda de soños. O ceo xa comezou a cubrirse case sen que me decatara, e as nubes debuxan caprichosas formas, camiñando lentamente ó encontro cos seus semellantes, para ir estendendo pola cúpula celeste unha capa grisácea. Así que, en previsión de que o tempo poida empeorar, decido buscar unha vía de saída para o descenso segura, o polo menos algo máis segura que a que tomei a primeira vez, e que me levou cara unha perigosa baixada por unha das “uves” de caliza da súa cara norte.

Por sorte deseguida atopo un pequeno sendeiro que parte do cumio, entre unha formación compacta de piñeiros, e anímome ó comprobar que non ten ramificacións e que continua en sentido descendente. Vou ben de tempo para chegar á finalización da xornada laboral da mía innamorata, e me entreteño quitando algunhas fotografías do faial no que me interno a continuación, onde tamén hai unha variedade incrible de funghi. A senda desemboca nunha ampla pista de terra, onde se me plantexan outra vez dúas opcións: cara a esquerda afástase do pobo de Camporeale, quizais cara unhas montañas veciñas das que ó descoñezo todo, cara a dereita volve cara o monte que acabo de coroar, pero xa a unha cota moito más baixa. Así que me decido pola segunda opción, esperando non atoparme outra vez con as paredes de caliza que complicarían, e moito, o descenso.

Un centenar de metros despois atopo unha nova derivación, e tomo o camiño que descende máis claramente. Non podo crer que teña tanta sorte e fago cálculos mentais de onde pode rematar este camiño, quizais no da Diga, e ademais este tramo é dos máis fermosos de todo o recorrido. Pero todo o bo remata, e o camiño acaba abruptamente nun barranco calcinado, froito dos incendios do último verán, e como non vexo outra opción mellor intérnome nel, confiado en que non se me esgotara a sorte. Se non me equivoco xa estou lonxe das paredes verticais, onde a montaña suaviza a pendente describindo un semicírculo irregular.

O barranco polo que descendo e a paisaxe de despois dunha batalla, unha pintura do Apocalipse, unha porta aberta cara ó inferno. Camiño sobre cinzas, o chan está plagado de cadáveres de xoves faias, e as que se manteñen en pe son estandartes da morte, e me imaxino a lingua de lume que subiu por onde agora imprimo as miñas pegadas, coa avidez dun depredador, e penso que, pese a toda esta devastación, o lugar non deixa de ter unha certa beleza. Nin un só canto de paxaro, nin tan sequera un leve rumor de insectos escoito mentres avanzo por este ciminterio, tan so escoito os laios que o vento arranca ás ramas calcinadas, e algo se axita no meu ventre, quizais ulindo o perigo.

Fotografo os restos desta masacre co respecto dun reporteiro de guerra, internándome nun labirinto que se vai estreitando e no que temo atopar, á volta da próxima esquina, a un furioso minotauro que demande a miña sangue. A brecha é cada vez máis angosta, como unha cicatriz que comeza a pecharse, e vai gañando verticalidade, e moi pronto teño que agarrarme ás raíces espidas e carbonizadas polas lapas, que asemellan o ventre desgarrado de criaturas mitolóxicas.
Conforme avanzo vai crecendo a miña inquietude, porque se suceden os pasos nos que teño que destrepar por paredes de caliza descomposta que, cada vez máis, van gañando en altura e dificultade, ata que nun destes muros quédeme bloqueado, sen posibilidade de avanzar nin de retroceder con seguridade e me digo: ata aquí chegaches, agora só queda encomendarte ó demo.

Empapado nun suor frío, lembrando os cantís de Monteferro, logro desprazarme en horizontal, ata acadar unha parede de caliza máis compacta, e trepar por ela buscando unha saída a este inferno. En máis dunha ocasión se desprende algún saínte de pedra, e teño que recordar o meu antigo oficio de equilibrista para que non volva a quebrarse o meu corpo, mentres ralentizo os meus movementos, como si estivese recorrendo a casa de Asterión, e co cu apertado e os ollos salpicados de sal consigo finalmente saír do túnel e encaramarme a unha das lomas da montaña.

Dende este punto adquiro unha vista parcial de Camporeale e constato os erros de cálculo: estou na derradeira das “uves”, na que dende Marsico vese incinerada, e aínda que o peor xa pasou me agarda un duro descenso cara o pobo. Así que ármome dos restos de valor que me quedan e reemprendo o descenso.

As inestables rampas de terra e vexetación calcinada fan que siga estremando as precaucións, pois unha caída neste tramo, aínda non sendo fatal, tería un complicado rescate, xa que me atopo nunha zoa dificilmente accesible. Ós meus pes atópase unha espesa masa forestal á que non tardo en chegar, coa roupa cuberta de cinza, empapado de suor e despois de liberar unha boa dose de adrenalina, e síntome a salvo, pero son consciente do complicado que vai a ser atopar unha ruta cara a Diga, que nin tan sequera é visible dende este punto.

Ó pouco de internarme na fraga comezan a esvaecerse os efectos do lume e esto precisamente ralentiza o meu avance porque as árbores, xestas e herbas forman un conxunto pechado polo que supoño que fai anos que non transita ninguén. Nin un so vestixio de sendeiro polo que avanzar, así que teño que improvisar mantendo o sentido descendente, aínda que en moitas ocasións teño que volver a subir debido a algunhas barreiras vexetais infranqueables.

Despois dun tempo indeterminado vagando por este inferno esmeralda atopo as trazas do que poida ser un camiño tradicional, invadido pola maleza, e deteño o descenso para seguir o seu rastro que vai en dirección ó núcleo rural de Camporeale. De tódolos xeitos, a pesares de que consigo avanzar un bo treito por el non tarda en desaparecer en outra formación compacta de faias e teño que volver a improvisar un trazado que me acerque ata a pista forestal do encoro.

Non son consciente do lonxe que estou aínda ata que atopo outro camiño en desuso que me leva a unha casa abandonada xunto a uns campos que fai moito tempo que non son traballados e onde vexo ó lonxe unha estrada. Dous enormes cans danme ánimos para que acade o firme asfaltado, aínda que como desconfío das súas intencións ármome cun pao groso para impedir que se me acerquen demasiado.

Chego así ás inmediacións de Camporeale, e podo camiñar xa máis tranquilo ó internarme nos sendeiros que conducen a Diga de Marsico, e dende estes xa rapidamente cara o río Agri e, despois dun ultimo esforzo subindo pola súa porta traseira, acadar a città onde me espera, un pouco alarmada ante a miña cara conxestionada polo esgotamento, a piccolina lucana, con ganas de escoitar as miñas aventuras, das que esto é un pequeno resume.

E90 Sendeiro do Baixo Lérez (Pontevedra)

Domingo, 21 de setembro do 2008

Outra vez espertei con gañas de matar. O primeiro impulso que tiven no derradeiro día da semán foi abrir a fiestra, coller o fusil e disparar coa precisión dun francotirador soviético no sitio de Stalingrado. E non, por esta vez non tiña areas na gorxa, nin teas de araña nas pálpebras, nin ningún outro efecto secundario de unha noite de troula. Na véspera, sen que sirva de precedente, portarame como un bendito, e ó saír do traballo fora dereitiño para casa, e nin enredara de máis co trebello de internet, o xustiño para agarimar a miña metade, deixar un conto na bitácora e ler un par de artigos de Rebelión.

Así que durmira as miñas horas, e durmíraas ben, que ata tiven un deses soños que non se poden transcribir, pero antes de que o espertador cumprira a misión encomendada xa tiña un son molesto e insistente entrándome polas orellas. Saquei medio corpo espido pola fiestra, e sacaría tamén un fusil si o tivera, ou un lanzagranadas, calquera cousa para que aquel son deixase de tocarme os collóns. Era outra vez o mesmo neno xitano, desocupado e madrugador, que vive no edificio de enfronte, e que ten a puta costume de apostarse na miña aceira e asubiar como se estivese contratado polo concello. Sete días á semán, de luns a domingo, ó mozo dálle por asubiarlle ós cans, ás rapazas, ás pombas, ós coches, ás nubes, á puta que o pariu.

Que conste que non teño nada en contra desta raza, e ata algúns dos que viven no meu edificio cáenme simpáticos, pero o deste elemento tenme comida a paciencia, xa non podo máis. Así que como non teño ningún fusil ou similar a man, e xa sei que é inútil dicirlle nada ó pequeno cabrón, vístome a presa, envelénome un pouco máis cunha boa dose de café, metro catro trapalladas na mochila e saio disparado da casa.

Na rúa espérame o meu veciño, fita para min sorrindo e asubíame, como se eu fose un can, unha rapaza, unha pomba, un coche ou unha nube, e si as miradas matasen non me faría falla un fusil, porque o xitaniño estaría morto, e ben que mo agradecerían. Así que fuxín, porque unha retirada a tempo din que é unha victoria, aínda que sei que o que gañou foi el, que conseguiu que me erguera cos síntomas da resaca e sen probar unha gota. Case envexaba ó meu compañeiro de piso, que o día anterior seica que empinara o cóbado de máis e quedara no seu refuxio cortando troncos con motoserra.

Para esquecer a tortura á que fun sometido nos primeiros momentos do día, ó sentarme ó volante da miña máquina prendín o aparello reproductor de discos compactos e, si, agora si, a voz de Jonas Renkse, soando sobre as guitarras de Anders Nyström e Fredik Norrman, a batería de Daniel Liljervist e o baixo de Mattías Norrman, si home si, outra vez tirando cara onde sexa coas melodías de Katatonia, esvaecendo asubíos ou disparos, se os houbera. E o rumbo era outra vez cara as terras de Pontevedra, onde tiña dende fai algún tempo un percorrido pendente, as beiras do río Lérez.

O certo é que na véspera fixérame a idea de facer o Trilho da Peneda, que tamén lle teño ganas, pero no derradeiro momento cambiei de opinión por razóns puramente loxísticas: estaba lonxe de máis para tal día como este, no que traballaba de noite, ademais do gasto de combustible, e aínda máis porque non tiña ningún comedeiro decente controlado pola zoa. En troques todo eran vantaxes no itinerario do río: estaba relativamente preto, co que tamén reducía o consumo de carburante e, ademais, tiña boas garantías de comer como é debido nunha xornada dominical.

Como ía con tempo de sobra decidín saír da autoestrada o cruza-la ría, e tomala carreteira de Vilaboa para non engordarlle máis os petos ós accionistas de Autopistas do Atlántico, que xa deben ter a viga a punto de rebentar, a pesares de que estiven a piques de me arrepentir porque un bo tramo estaba en obras. De tódolos xeitos non había moito tráfico, así que fun a modo, recreándome coas boas vistas da Enseada de San Simón, testemuña muda de moitos crimes cometidos polos fascistas nos anos que seguiron á guerra.

Nestas estaba, dándolle voltas á memoria histórica, cando preto de San Adrián, mirei un cartel de madeira no que, sinalando cara un túnel que pasaba baixo a autoestrada, líase: Sendeiro dos Petroglifos de Cobre, PRG 103. Non tiña noticias deste percurso pedestre, e decidín botar unha ollada, por se acaso pagaba a pena cambiar de plans outra vez. É o bo das saídas en solitario, que só tes que decidir ti, para mal ou para ben, e podes darlle as voltas e reviravoltas que queiras, máis ou menos como as que tiven que dar polas estreitas canicoubas polas que me mandou o sinal. Atopei un segundo cartel e despois máis nada, e rematei preguntando a unha paisana que me mandou cara o monte, onde ó parecer había unha casa de turismo rural que facía de punto de partida. Así que subín e subín, ata que din coas primeiras marcas.

Atopei tres marcas recentes, unha nun poste a carón do asfalto e dúas que invitaban a internarse en camiños de terra, pero a pesares de atopar o establecemento hostaleiro non fun quen de dar cun cartel que me indicara o inicio. Así que voltei a preguntarlle a dous tipos que descargaban unha furgalla chea de cápachos cheos de lavadura, que respondéronme con marcado acento sudamericano que non sabían nada de petroglifos nin nada parecido, e que preguntara na casa de turismo, que estaba so a uns metros.

O recinto estaba pechado e xa ía dar por rematada a investigación, cando ollando por riba do muro mirei no chan un gran panel indicativo, con mapa e todo tipo de detalles, do sendeiro que buscaba, así que chamei á porta mosqueado. Máis mosqueada parecía a vella que me contestou, de malos modos, que o asunto aínda non estaba inaugurado, así que marchei co rabo entre as pernas, coma can apaleado.

Volvín á carreteira e non tardei en cruzar Vilaboa, e dende alí collín a estrada nacional que vai cara Pontevedra para, antes de chegar á capital provincial, coller a que vai na dirección de Ourense. O chegar onde o Almofrei suma as súas augas ó Lérez, ou sexa en Ponte Bora, parei o motor do meu carro, e outra vez cambiei os meus plans inicias, que eran os de comer un bocadillo, e unha vez que entrei en Casa Pilaro decidín comer de plato, para non perder as boas costumes.

Pedín unha cervexa fresquiña, unha tortilla pequena de patacas e cebola, e tapa de calamares á romana, e mentres esperaba que me serviran intentei descifrar as claves da derradeira crise de Walt Street que parece que alterara o orden financieiro mundial. Joseph Stiglitz, premio Nobel de Economía sinalaba que “para o mercado equivale á caída do muro de Berlín”, mentres que o presidente George Bush xustificaba a intervención dicindo que “actuouse para evitar o descalabro total”, e Hank Paulson, o seu Secretario do Tesouro explicaba que “a alternativa é o desastre”. Arre demo, o imperio derrubándose e eu preparándome para encher o bandullo.

E ben que o enchín, porque a tortilla era máis grande do que me lembraba, e os calamares tamén eran abundantes, tanto que non fun quen de rematar nin o un nin o outro, nin de saborear os ricos postres deste comedeiro, pois só me quedou o sitio xustiño para un café con xeo. Non quedaba outra que buscar a sombra dun carballo para botar unha soneca.

Pero non, quizais estaba chegando o fin do mundo, polo menos eso dicían os expertos en economía, así que non podía deixalo para outra, e levanteime, paguei os once euros que me pediron polo banquete, e saín camiñando á estrada, para buscar o sitio mías axeitado por onde comezar a miña aventura. Así que collín a dirección do río e a poucos metros atopei un camiño cheo de reclamos para o meu arquivo dixital.

En primeiro lugar unha casa de pedra invadida polas silvas, que debeu ter a súa importancia nos seus días, a xulgar polo seu tamaño, e nunha das súas paredes un peto de ánimas tallado en granito, fronte a este os restos dun cruceiro, e cruzando un pequeno regato unha ponte dun só arco que completaba o conxunto. Magoa que máis ala non se podía avanzar, xa que había un anaco de campo desbrozado e despois un canaval bastante pechado, polo que era imposible avanzar.

Din media volta e seguín avanzando, e crucei a Ponte Bora, por onde vai a estrada que leva ás parroquias de Santa María de Xeve e Santo André, e detívenme un intre a ollar as augas embalsadas e o xogo de espellos que facía ca fraga, cas casas e cas nubes. Ó cruza-la ponte tamén vin como os seus dous arcos tiñan un reflexo, idéntico e inverso, nas augas, e nestas estaba cando, sen ter que avanzar máis polo asfalto que se aloxaba do río, din cunha baixada que levaba a unha senda de pescadores, que parecía axeitada para levar os meus plans a bo fin.

O estreito camiño tiña trazas de ser algo concorrido, seguramente polos afeizoados á pesca da troita, cos que nalgunha ocasión tiven algún que outro intercambio de insultos, naqueles tempos nos que remaba por estes leitos fluviais. Precisamente foi aquí onde recibín o meu bautizo de espuma, nun día frío de decembro no que o nivel das augas non o facían moi aconsellable, pero puideron as ganas ou o non ter nin puta idea de onde me estaban metendo aqueles rapaces de Pontevedra que me facían de guías.

En fin, xa falarei diso máis tarde, o que importa agora é que o sendeiro estaba en boas condicións para avanzar, en medio de bosques de ribeira compostos por freixos, bidueiros e salgueiros, aínda que ía un calor húmido e pegañento, como o dunha película porno. Non levaba nin dez minutos camiñando a carón do río e xa estaba buscando un sitio onde darme un baño, ou polo menos refrescarme un pouco.

De tódolos xeitos non era este o máis idóneo dos tramos fluviais para ceibarme da canícula que estaba caendo, nin era tampouco o mellor momento, co bandullo cheo da paparota no Pilaro, así que seguín avanzando polo estreito sendeiro, deténdome a retratar os fungos que brotaran coas últimas chuvias, e a variada e espesa cobertura vexetal que crecía baixo os árbores autóctonos.

Non tardei en chegar así á primeira e máis importante presa do tramo final do Lérez, de onde se derivan as augas cara a tubaria que sorte a factoría de Ence, en Lourizan, e punto de partida do meu viaxe iniciático no kaiak alpino. Lembro como se fora hoxe ese picor inconfundible no cu, que me anunciaba un bo subidón de adrenalina, como me sucedeu en tódalas situacións nas que vin perigar o meu pelexo, nestas catro décadas que levo de existencia.

O nivel das augas nesta estación era ben diferente da que atopei aquela primeira vez, tanto que nesta ocasión sería dificilmente navegable esta parte sementada de croios, e mesmo con algunha pequena illa de herba e area, onde unha garza curiosa chiscoume un ollo, antes de abrir as súas maxestosas ás e marabillarme co seu voo elegante. Como sucedía tamén naqueles descensos, voltarei a atoparme con esta amiga, que irá abrindo o río para min.

Seguindo o curso fluvial, confirmando xa que o sendeiro ten continuidade e que ademais atopasé en bo estado, cheguei ós restos dun muíño onde son ben visibles os efectos das crecidas nas estacións máis chuviosas, xa que unha mestura de terra, pedras e areas acabou de encher o interior, ata a altura dun home, polo que supoño que en máis dunha ocasión tivo que estar somerxido polas crecidas. Aínda así resiste esta testemuña do noso pasado, cuberto de hedras, de silveiras, e mesmo creceulle unha árbore no muro de pedras desgastadas que se mantén mirando o leito do río.

Detívenme un anaco neste punto, xa que dende o enxeño hidráulico sae unha presa de cachotes, onde tamén creceron, dun xeito orixinal, xa que o fixeron en diagonal, dúas árbores de troncos retorcidos que son bo motivo para unha postal. Ademais no extremo da presa hai un roto, un canal que abriu o impetu das augas e que recoñezo deseguida, xa que alí tiven o meu primeiro naufraxio, motivado por equivocar a manobra e levantar a pala mentres saltaba, en vez de buscar a escuma coa culler para equilibrarme. O que daría agora por reeditar aquelas aventuras, aínda con naufraxio incluído, pero teño que conformarme con conservar as pernas para seguir o camiño.

Pois si, xa non eran tempos de navegacións e naufraxios, pero aínda as miñas pernas eran quen de seguir avanzando, e seguín ata alcanzar a seguinte presa, un caos de pedras esnaquizadas, anacos de cemento, terra e troncos arrastrados pola corrente, un deses pasos difíciles de negociar, máis non para min, xa que o sendeiro afástame das augas e levoume a continuar a carón duns campos, separándome unha ducia de metros do seu bulir cantareiro.

Tamén teño que sortear un regueiro xeitoso, que imaxino problemático para repetir o itinerario nos tempos no que vai crecido, por o antiquísimo sistema de saltar de unha pedra a outra. Mentres que constato a variación na masa forestal que me cobixa, xa que neste tramo é maioritaria a acacia, especie endémica da que non se libran as terras de Pontevedra. E tópome cos restos doutro muíño, practicamente enterrado nas silveiras, coa súa presiña cruzando dunha beira a outra, esta si, enteiriña.

Cando xa levo un bo treito recorrido atopo o inicio dun paseo fluvial, que me leva ata un pequeno afluente do Lérez, o río Fontáns, que cruzan dúas pontellas de madeira de recente construcción, e que forman parte, sabereino despois, dunha senda habilitada polo concello de Pontevedra. Doutro lado deste río esta o lugar de Couso, e quizais por eso atope neste punto os primeiros camiñantes, aínda que polo seu aspecto penso que máis intención que a de achegarse a desembocadura, ou a praia de area que está o seu carón.

Deixando atrás este fermoso lugar chego a unha curiosa estructura metálica que cruza o río, unha tubaria suxeita por unha especie de uve invertida que ten por riba unha pasarela, a modo de ponte, e que leva a antiga estación de bombeo. Eu subo a ve-las panorámicas e a tirar catro fotos, pero sen cruzala, xa que o meu propósito, si se pode, é baixar pola marxe dereita e subir, de volta a Ponte Bora, pola marxe esquerda.
Inda así, non tardo en divisar as ruínas da estación, e fronte a elas a Presa de Monteporreiro, da que tamén teño un par de lembranzas. Tecnicamente é un infranqueable, en termos piragüisticos, ou sexa de porteo obrigatorio, xa que so ten un paso posible, unha salmoneira de cemento cun feo roto nunha esquina e, por riba, cunha pedra afiada como un coitelo na base. Na primeira vez un dos meus guías quixo probar sorte e levamos un bo susto, xa que tivo unha aparatosa caída, e díxenme: esto é o que non debo facer nunca xamais.

Claro que a segunda vez que naveguei este tramo, despois de combater en outros ríos e xa cunha certa confianza no manexo do kaiak, tamén eu probei sorte nesta trampa, e so por sorte saín sen máis novidade que o picor característico alí onde non podía rascarme. Son esas cousas que ten o medo, que a veces faite valente so para probar se podes vencelo.

E a saída do paso é unha pedreira que se estende polos seguintes cen metros, ata que o Lérez fai unha curva onde as augas socavan unha profunda poza. Eu camiño o carón da tubaria, polo mesmo sendeiro onde a prudencia levoume a facer o meu primeiro porteo e esta, despois de darlle as costas á Estación de Bombeo, volta a cruza-lo río nunha estructura idéntica á que me atopei pouco despois da desembocadura de Fontáns.

Despois de outra breve ollada dende a curiosa ponte continuei polo sendeiro de pescadores, que se afastaba unha ducia de metros do leito fluvial, entre un espeso canaval, para pasar preto da Cola de Cabalo, unha fervenza producida polo desaugue dun pequeno regueiro que, no inverno, é un dos maiores espectáculos deste tramo final do río, antes de chegar á cidade. Precisamente, pola proximidade do burgo cambia o terreo e a paisaxe, o sendeiro transformase nunha ampla pista de terra, apta para a circulación de bicicletas, e o bosque de ribeira trócase por unha fraga de carballos, loureiros e mesmo castiñeiros que xa están a dar os seus saborosos froitos.

Non é de estrañar que o entorno fora declarado Lugar de Importancia Comunitaria e integrado na rede Natura 2000, e que algunhas especies valiosas de flora e fauna fosen obxecto de protección pola Lei de Patrimonio Natural Galego e integradas nos Catálogos de Especies Ameazadas, tal é o caso do Picapeixes, a Londra e a Garza Real. Neste tramo tamén vin unha gran concentración de parrulos, e conforme fun avanzando tamén atopei as primeiras colonias de gaivotas.

O cauce vaise abrindo, anticipando a Ría de Pontevedra, e antes de pasar baixo a gran ponte do ferrocarril observei na outra veira un feixe de escavadoras e unha gran superficie do río acotada. Son as obras para a creación dunha praia artificial, que tentará dotar á cidade de outra gran área de esparcimento, enfrontada a Illa das Esculturas. Esta gran extensión, situada preto das Xunqueiras do Lérez, é unha das apostas do concello para o lecer dos seus cidadáns, e era a primeira vez que a visitaba.

Agora non son consciente de como cheguei á illa, quero dicir que non lembro pasar ningunha ponte nin nada parecido, e o primeiro que me chamou a atención foi unha feixe de árbores cortadas, con troncos negros entre un metro e cincuenta centímetros, baixo unha formación de eucaliptos, e cando cheguei canda eles comprobei que non eran de madeira, senón de pedra.

No amplo paseo de terra que vai á beira do río ata a primeira das pontes da cidade, tamén cunha curiosa arquitectura de ferros retorcidos, puiden admirar outras catro intervencións escultóricas: unha pirámide con pirámides máis pequenas en cada unha das súas caras, unha sucesión de bancos de granito con diversas inscricións, un monolito de case tres metros e dúas xigantescas “eles” ocas en medio da vexetación da xunqueira. Por ningunha parte vin indicación ningunha co nome da peza ou do autor, aínda que o axeitado sería un panel explicativo do conxunto para os neófitos coma min.

Como non tiña máis motivos para determe, e ademais o ceo cubrírase por completo no traxecto e xa estaban a caer unhas pingas, crucei o Lérez pola ponte ferruxenta, para iniciar o camiño de volta. Doulle as costas á cidade, e camiño a bo paso pola Avenida de Bos Aires, por un paseo fluvial apto para a circulación de bicicletas e mesmo me atopo con media ducia de patinadores, e deseguida paso baixo o Parque do Miradoiro, onde están a facer as obras de recheo para a praia fluvial.

Pasei tamén baixo a ponte metálica do ferrocarril, e baixo esta atópome o primeiro indicador da Senda Fluvial, que vai ata Ponte Bora por esta ribeira do río, o que me dá a confianza de que o avance vai ser máis rápido. No panel pouca información adicional teño, agás a mención a Frei Martín Sarmiento que grazas a “riqueza vexetal sen igual desta paraxe fixo este un dos seus lugares predilectos para o inicio do estudio científico da botánica e a lingua galegas”. Nin distancia quilométrica do sendeiro, nin desnivel, nin cartografía, eso si, por aquí pasaron homes ilustres ¿non si? que terra de poetas...

Tralo letreiro comeza un deses percorridos de madeira que tanto gustan ós cidadáns de Pontevedra e ós da Galiza enteira que, curiosamente, discorre paralelo a outro itinerario de táboas que, dez metros máis abaixo, vai pegadiño órío. Mesmo, dende arriba, puiden ollar as marcas amarelas e brancas características dos PRG, e lembrei de camiñar por alí facía centos de anos, quizais facéndolle compaña o Frei Martín.

Archivo del blog

Seguidores