Mostrando entradas con la etiqueta Folgoso do Courel. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Folgoso do Courel. Mostrar todas las entradas

E170 Sendeiro de Froxán-Vilamor (Folgoso do Courel)

Medición do tempo

A flor cae murcha nos xardíns
e a noite baixa pola vida coma un río
á procura da verdade inserta.

O tempo forma parte da inutilidade
amable do progreso máis cutre
a vida e unha estafa sen retorno.

Descubrirei de novo o mar
máis salvaxe e libre, indiferente
ó amor dos humanos, que ateigan as praias
nas que un día Ulises desembarcou.

Acaso é o tempo un soño
que inutilmente perseguimos,
ou simplemente un poema
que vai e ben o son do vento.

Luís Bermúdez



Luns, 17 de maio de 2010


Será como di o mestre Chapela, que o tempo é un soño que inutilmente perseguimos, pero esta mañá semellaba en que tivera pouco tempo para os meus soños, e que naufragara sen remedio nun mar de xenebra mentres intentaba agarrarme a ese salvavidas agarimoso que estivo a turrarme das orellas, máis por enredar que por outra cousa, aínda que o meu non chegara a categoría de “pechabares”.

Neste día o país celebraba o día das súas letras, e no Courel a festa era dobre, xa que o seu poeta máis importante, Uxío Novoneyra, era o homenaxeado. Máis eu non tiña a mañá para versos, xa que un quirico cabrón estivo tentando a miña paciencia ata que logrou convencerme de chimpar da cama. Menos mal que as boas xentes de Casa Bonifacio xa tiñan disposto un almorzo reparador, e senteime o carón da sección feminina dos Eivadiños para dar conta do pan tostado, da manteiga e da marmelada, e por suposto... do café con leite, que fixo que saíra do meu estado catatónico.

Pagámo-la conta e baixamos cara o Val de Xestoso, onde se agocha a República Independente do Ferradal, e fixemos andado o camiño que o comunica co mundo. As mozas semellaban preocupadas polo descenso a este anaquiño do paraíso, ou máis ben pola volta, que deseguro se lles faría costa arriba, aínda non sabían que nesta xornada ían ter que subir algo máis. De tódolos xeitos quedaron marabilladas co entorno onde se atopa este enclave, e coa boa conservación das súas construccións, en especial os sequeiros de Rober e Bernardo, e a alvariza.

Xa estabamos preto da mediodía cando escoitamos un berro arrepiante: “Fillos de puta, fora do meu sequeiro”. Era o meu primo que espertara coas nosas voces, aínda convalecente da troula da véspera, e que saíu a despedirnos medio espido e con ganas de festa. Así que repartimos bicos e apertas con neto do Casimiro, para apacigualo, e con Bego, que nos fixo o favor de subir os máis eivados ata a “cabina”, aproveitando para facer unhas chamadas.
Alí decidimos que xa non era hora de ir ata Folgoso como era a nosa intención inicial, e trocamos a ruta pola que sube ata o Castro de Vilar, unha das clásicas do Courel, que nos quedaba máis preta.

Levounos un tempo afastarnos de Froxán, xa que o pequeno poboado ten unha maxia que te atrapa. As construccións están restauradas cunha sensibilidade que non é frecuente na nosa terra, e forma un conxunto de corredoiras, pantíns de madeira, estreitas rúas, prazas cativas e tellados de lousa negra que a converten nun dos reclamos turísticos máis fortes da comarca. Aquí se celebra, no primeiro domingo de decembro a Festa da Pisa da castaña, á que a piques estivemos de asistir o ano pasado.

Marchamos a paso de can cansado marabillándonos pola sintonía das pedras, e case sen decatarnos atopámonos camiñando entre castiñeiras, carballos e sobreiras, nun tramo que en pouco menos de dous quilómetros descende cara o río Lor. A pesares da calor, semellaba que non era posible mellor comezo, pois pasabamos do pobo á fraga como se pasasemos as páxinas dun conto. E para ilustralo intentabamos atrapar, con maior ou menor fortuna, unha pequena mostra das imaxes que se sucedían na nosa retina.

Non tardamos en atravesar o río pola nova ponte do Vao, xa que a vella, feita de troncos de castiñeira, fora reemprazada despois de non se sabe cantos anos de servicio. Eu botei de menos aquela ponte vella pola que eu crucei cando era novo, cando aínda pensaba que outro mundo era posible e non agardaba, como agora, que chegara dunha vez o Apocalipses para levar todo canto de feo hai no mundo. Aínda que o Apocalipses agardaba por nós nunha costa que ascendía cara o pobo de Vilar.

Na subida o grupo espallouse como se estivesemos ascendendo o Angliru, e eu fun quedado afastado dos meus compañeiros, concentrado en acalar a dor que me recorría a miña perna esquerda, empapándome de suor e da beleza que me arrodeaba. Lento pero seguro, sen presa pero sen pausa, mentres o Lorenzo empeñábase en lostregarnos co seu látego de lume, para engadirlle dificultade á nosa empresa.

Crucei o souto de Vilar en solitario, escoitando as voces agarimosas das súas ponlas, agradecido por unha sombra que sabía a gloria bendita, intentando deixar atrás o fantasma de aquel que fun, para afirmarme no que son agora. Veña, un pasiño máis, outro pasiño máis. Tiña que poder e puiden. E cando cheguei á capela de San Roque, onde me agardaban os meus amigos sorrín.
Di a tradición que a primeira vez que un entra nesta capela pode pedir un desexo, e máis aínda se cumpriu a penitencia de subir a costa que ven de Froxán, así que fixen a miña petición, aínda que facendo un pouco de trampa porque non era a primeira vez, ou tal vez si, tal vez era outro o que pediu o desexo de converterse no que son agora.

De tódolos xeitos camiñamos xuntos cara o castro que se atopa a un cento de metros da ermida, unha desas primitivas fortalezas que defendían a marxe esquerda do río. O Castro de Vilar sitúase sobre un esporón alongado onde o río Lor describe un profundo meandro. O monte é un macizo rochoso de lousa, no que se traballou palmo a palmo toda a súa superficie para trazar camiños, construír defensas ou habilitar espacios para a construcción de vivendas.

Era unha fortaleza practicamente inaccesible en todo o seu perímetro, excepto polo sur, onde se concentraron os máis variados recursos de defensa, aínda que os tres fosos e as murallas gardaban todo o poboado. Na distribución do espacio ocupado distínguese dúas zonas: no flanco occidental atopábanse unha ducia de vivendas, e no oriental as cortes para o gando. Todo esto sabémolo polas escavacións arqueolóxicas que fixeron no seu día, porque o certo é que o seu estado actual é de completo abandono.

Démoslles as costas ó castro para enfilar cara Vilar, pois xa era hora de almorzar, e por estreitas corredoiras chegamos ó souto fermoso que está ós pes do pobo. Empezamos a baleirar as nosas mochilas, a quitar chourizos, queixo e xamón, máis cando fomos botar man do pan... quedara no saco do Miguel, que quedara atrás con Iolanda. Debemos agardar dez minutos por eles, ata Xacobe foi na súa procura, pero para os nosos estómagos semellou unha eternidade.

Unha vez que saciamos o noso apetito tivemos a tentación de botar unha soneca a sombra dos castiñeiros, imitando a un esquío que buscara acubillo a uns metros de nós, e tiven que poñer un pouco de orden para que o grupo se puxera en marcha. A aldea de Vilar demorounos un chisco máis, xa que ten moito que mirar, ata o pequeno museo etnográfico de Xan do Ferreiro que reúne gran variedade de utensilios que forman parte da vida doméstica tradicional dos pobos da serra así como ferramentas e utensilios de labranza.

Volvemos atravesar o Souto de Vilar descendendo cara o río, e canto máis preto estamos del máis son as ganas de mergullarnos nas súas augas. Mágoa que cando chegamos á ponte non vexamos por ningún lado un aceso axeitado e teñamos que contentarnos coa paisaxe fermosa que describe o Lor antes de agocharse na espesura da fraga.

O que nos restaba ata Vilamor foi unha desas xestas que nos fai grandes ós Eivadiños, pois a pesares do enorme desnivel que tivemos que afrontar, da temperatura elevada que semellaba a mesma das caldeiras do inferno, e das eivas que cada quen carrexaba consigo, subimos sen presa pero sen pausa (ou case), aínda que tamén é certo que non había outra opción.

Xacobe e Miguel tomaron rapidamente a dianteira e subiron a lume de carozo, tanto é así que nin se detiveron en Vilamor a agardar por nós. Georgia máis eu tampouco nos detivemos a tomar alento en todo o ascenso, aínda que chegamos ó tramo final coloradiños como mazás. Nuria e Iolanda o tomaron con algo máis de calma, e fixeron o camiño por etapas, pero chegar chegaron.

A nosa vangarda descendeu, sen acadar unha sombra que minguase os seus padecementos, pola estrada que vai cara Froxán, uns cinco quilómetros extras, mentres o resto agardabamos en Vilamor polos nosos heroes mentres acadabamos algo con que nos refrescar. Ó final Iolanda conseguiu que alguén a levara a busca-lo seu coche, mentres quedabamos na compaña dun seareiro que nos contou a súa vida na milicia, ala polo ano cincuenta.

E foi así como rematou a nosa aventura, pois reunímonos en Froxán e alí non quedou outra que repartir bicos e apertas, xa que non había máis tempo para outra cousa. Tiñamos que regresar á metrópole onde, quizais os nosos soños volveríannos a levar, novamente, onde o mundo se chama Courel.


E169 Sendeiro dos sequeiros de Rendar (Folgoso do Courel)

O Courel que eu atopei

Cheguei acompañado ó Courel,
onde as lendas e a realidade
semellan ser a mesma cousa
á beira da aventura do sono.

E verdade que un se sinte pequeno
nos seus cumios, e nos vales.
Caneamos polos camiños e carreiros
descubrindo o mais primitivo
desta terra, a súa fermosura.

Froxán, Noceda, Parada, Folgoso,
Seoane, Vilar, O Incio...
Núcleos de poboación grandes
e pequenos, que acollen ó viaxeiro
con agarimo.

As carballeiras, os soutos,
as fontes, os ríos, os castros,
a natureza mais pura, ese e O Courel
que me fai sentir orgulloso de ser galego,
e que unha parte de min quedou sempre alí.

Nas cumes dos seus montes,
so puxen en falta,
o ouveo ancestral do lobo, por contra
atopei Os Eidos de Uxío Novoneyra,
a súa palabra, a súa poesía.

Luís Bermúdez



Domingo, 16 de maio de 2010

Os versos agarimosos do noso eivadiño honorífico Luís Chapela, que traballa ben arreo para darlle voz ós vellos oficios, ás tradicións esquecidas, ós nomes dos lugares agochados, invisibles para unha administración de túzaros que negan ata a nosa lingua, semellan un bo pasaporte para acceder a ese territorio máxico onde o mundo chámase O Courel, precisamente na véspera do día das nosas letras dedicado ó poeta que tan ben recolleu os murmurios desta terra e deste vento, patrimonio dun país que se nega a desaparecer.

Como soe acontecer nas nosas incursións alén fora da nosa xeografía natural do norte portugués e do sur da Galiza, eran mais as incógnitas que as certezas na nosa aventura, pero ben é certo que, nesta ocasión, contábamos coa hospitalidade da xente do Ferradal, que nos fixeron máis doado o tránsito dende a metrópole, todo ruídos e presas, ata estes lugares onde o tempo semella detido e en silencio.

Fomos seis os eivadiños que desfixemos quilómetros cara esta serra que xunto ca dos Ancares e co macizo de Trevinca forman as nosas montañas máis emblemáticas. Tres mulleres: Georgia, Nuria e Iolanda, e tres homes: Miguel, Xacobe e Anxo, para rematar cos rumores, non do todo infundados, de que este colectivo estaba a piques de desaparecer, aqueixado dunha enfermidade que ha de precisar de certa cirurxía.

Tardamos preto de dúas horas en facer o traxecto dende Vigo a Vilar de Lor, onde estaba unha das nosas bases, Casa Bonifacio. Alí deixamos as nosas mochilas as rapazas máis eu, xa que Xacobe e Miguel ían durmir no sequeiro de Rober e Bego, e non demoramos máis en ir ó seu encontro pois tiñamos ganas de almorzar, xa que os catro anacos de chourizo que meteramos en pan na gasolineira de Monforte non foran quen de acalar as protestas das nosas barriguiñas.

Dende a “cabina”, un recuncho da estreita estrada onde podemos estacionar e a onde os amigos da República independente do Ferradal suben a prol da cobertura telefónica, oferteille ás miñas amigas, mentres agardábamos polos mozos que foran na procura dos nosos anfitrións, unha perspectiva privilexiada do Val de Xestoso, que semella unha porta segreda cara o corazón do Courel.

Baixo o cumio inconfundible do Nariz do Furado, o Rego do Souto do Porco abre unha delgada fenda na espesura dun bosque que a primaveira tinguiu con unha gama cromática de infinitos matices. Eu tamén sentín orgullo da miña patria dende este balcón privilexiado, e pensei que ben pagaba a pena o esforzo de chegar ata aquí, aínda que non fose nas mellores condicións, xa que a miña perna xa andaba a rosmar, aínda que quizais foxe polas ganas de actividade.

Chegaron os nosos cos embaixadores da pequena república, e fixemos as presentacións, aínda que resultou que Nuria e Bego xa se coñecían do instituto. Semella que os camiños sonche todos de ida e volta, e cando menos o pensas xa a suma de pasados que conforman o noso presente aflora, como eses carrascos que pulaban entre os carballos por tinguir os nosos soños máis pretos, os que xa tiñamos o alcance da man.

O neto do Casimiro de Xacebáns e o neto do Benito de Abellás volvéronse dar unha aperta con raíces arraianas, e sen máis montamos nos coches para facer un pequeno traxecto ata o Pontón, onde tiñamos encargado o xantar. Outra vez viñeron os meus beizos Castro Portela, Froxán, Vilamor... e volveron espertar lembranzas agarimosas daquelas xentes que quixen e que me dalgún xeito me conforman, lembranzas que agora son combustible dos meus sorrisos, como as da historia deste colectivo de seres queridos que agora me acompañan.

Chegados a Ferreirós de Abaixo, onde se atopa o Pontón, ese conxunto etnográfico que Manolo, o seu dono, enriquece día a día, tiñamos pensado asistir á Festa da Serra, onde os derradeiros mestres deste oficio demostran as súas habilidades, pero precisamente a enfermidade dun deles fixo suspender o evento.

Para compensalo atopamos outra vez a Isabel, a simpática rapaza de Quiroga que nos atendera cando recalamos aquí no outubro pasado, pero aínda que nos obsequiou cun bo sorriso tamén nos recriminou polas infamias que vertemos sobre ela na nosa bitácora, da que agora facemos rectificación pública.

O da súa lingua negra quizais fose algo excesivo para definir a súa retranca, e máis ben motivado por algún estraño brebaxe siberiano, e tiña toda a razón en apuntar, cando lle pedín que non me botara veleno na cervexa en que o veleno xa o tiña eu dentro, e que adoito a vertelo coa miña pluma.

Así que non fago máis para que se nos volva a enfadar, porque o certo é que nos serviu, pese a ter personaxes ilustres ó carón da nosa mesa, entre eles o mesmísimo Xosé Manuel Beiras, como se fósemos príncipes. Comemos ata fartar unha carne grellada e unha ensalada deliciosas, mentres a facíamos baixar pola gorxa cun bo Mencía da casa, e ata nos atrevemos a pedir sobremesas, da que sobresaía un queixo con mel que estaba espectacular. Eu ben sei que non o merecía pero ata repetín café e chupito, aínda que me apuntaran que desta non habería trato especial.

Case esquezo que antes de xantar, mentres se facían as brasas, demos un pequeno paseo ata a confluencia do Río Pequeno e o Río Lor, e camiñamos ata as Pozas das Mulas, do Pontón e das Arandainas, as máis afastadas da estrada, onde espertaron as nosas ganas de baño, aínda que ninguén tivo o valor para botarse as xeadas augas que atravesan como veas o corpo vivo do Courel. O recorrido foi cativo, máis amosounos a fermosura dos seus camiños empedrados con lousa, e das súas pontes senlleiras de vigas de castiñeira, máis serviunos para medir as forzas dos que íamos máis eivados.

Despois da paparota puxemos rumbo a Castro Portela, e na saída do pobo deixamos os coches ó carón dunha sinal que indicaba un sendeiro que vai cara á mina romana de Rendar. O meu primo asumiu a vangarda, e fomos todos tras del coas nosas mochilas cargadas de soños, internándonos nunha fraga enfeitizada de carballos, bidueiros e amieiros, que delataban a proximidade do río, sementada por xestas, uces e carrascos de tódalas cores. Nos tardamos en atopar un sequeiro habilitado como vivenda, quizais un algo máis grande co de Bernardo, aínda que non acadara o encanto dos que están emprazados na república do Ferradal.

Por boa lóxica atravesamos o souto que lle corresponde, e seguimos alternando carballeiras, soutos e matogueiras, sempre en animada conversa, aínda que a nosa sección feminina semellaba que tiña a guerra aparte, xa que adiantaran ó noso guía e ó chegar a un fermoso caserón, cun campo enchido de frutais, decatámonos que as perderamos de vista.Fronte á casa rústica presentábanse dúas alternativas, unha subía cara Castro Portela e outra seguía cara Rendar.

Aínda que valorabamos a posibilidade de que colleran o primeiro desvío, optamos por continuar cos nosos plans iniciais, e non quedou con nós outra muller que Bego, que estreábase como eivadiña. Como é axeitado nas primeiras veces fixo reconto das súas eivas, mentres lles facíamos un inventario das nosas. A miña perna quecía ós poucos, e agradecía que non estiveramos subindo pola Devesa da Rogueira, xa que as miñas forzas estaban un algo minguadas.

Chegamos ós sequeiros de Rendar, no corazón do Val de Xestoso, sen rastro das nosas amigas, aínda que non temiamos demasiado por elas, xa que son moita carapuchiña para calquera lobo. A pesares de que as edras e as silveiras colonizaron gran parte dos seus muros, aínda se manteñen en pé estas construccións singulares, sobre as que agardamos que algún día Rober teña a ben ilustrarnos nestas páxinas.

Algo máis adiante ascendemos lixeiramente para inzarnos ás ruínas dunha capela onde facemos un alto para que Miguel se fume un xaroto mentres Xacobe máis eu disparamos co gatillo fácil dos francotiradores serbios, e todos disfrutamos dunhas panorámicas realmente fermosas.

Neste punto tomamos o camiño de volta, pero describindo un pequeno círculo antes de volver ó que nos trouxo. Menos mal que escoitamos as voces das desaparecidas, que confirmaron as nosas sospeitas de que tomaran o desvío cara Castro Portela.

Semella que viñan satisfeitas da súa alternativa, pois non demoraron demasiado visitando os sequeiros de Rendar, e no primeiro prado que atopamos decidiron facer trincheira e estomballáronse a recibir os aloumiños do sol, que estaba a reinar no ceo sen que ningunha nube o discutira. Aínda tiveron o aquel de posar diante do letreiro que marcaba o punto onde se arredaron de nós, como dicindo que o erro era noso.

O retorno foi a paso de tartaruga, quizais porque non había presa, ou porque a consigna eivadiña de ir ó paso do máis lento estábase a cumprir: a tartaruga era eu. Esto deunos a oportunidade de ver como as sombras dos cumios ían proxectándose sobre as montañas veciñas, como se a terra encollera ante a proximidade do lusco fusco.

Regresamos á nosa base de Vilar de Lor, a tomar unhas merecidas cervexas coas que aplacar a calor, mentres agardabamos pola cea. Bego e Rober tiñan unha sardiñada nunha desas peñas que se xuntan tanto para papar avestruces como pingüíns, e o resto do grupo mandámoslles un excelente embutido da casa, unha tortilla inmellorable e unhas ensaladas ben cumpridas. O certo é que en Casa Bonifacio tratáronnos a corpo de rei, e ata alongamos a sobremesa con larpeiradas varias, cafés e chupitos.

Os chupitos tiveron a culpa do que viu despois, xa que a Rober, Iolanda e a min se nos queceu de máis a boca e decidimos tomar unha máis na cantina, mentres os nosos amigos marchaban para cama. Eu só pedín un gintonis, sen saber que alí pides un e che poñen tres. Mentres mollabamos a palleta désenos en falar un pouco de todo, nunha desas conversas animadas nas que as horas van esmorecendo sen que te decates, e cando por fin conseguín meterme entre as sábenas xa estaban a piques de ser as catro da mañá.

O día seguinte tiñamos proxectado facer unha ruta algo ambiciosa, o sendeiro do río Pequeno, que a pesares do seu nome ten unha distancia de dezaseis quilómetros. A miña perna tremía só de pensalo, pero aínda así entrei no mundo dos soños, apertado a miña patria, cun sorriso no corazón.


E145 Máis ala da Devesa da Rogueira (Folgoso do Courel)





Sábado, 3 de outubro de 2009

Espertamos no medio dun soño no que somos terra e tempo, os nosos membros botaron raíces e a nosa pel sente as cóxegas das follas dos carballos e os peniscos dos ourizos das castiñeiras. A transición das estacións vernízanos cunha sinfonía de cores onde o mundo deuse en chamar Courel, e seméllanos un anaco dese paraíso perdido que, ós poucos, vai sumando unha xeografía emocional que podemos sentir como nosa, e compartila.

Estamos no corazón da fraga do Val de Xestoso, que pula por confundirse co que abre a profunda fenda do río Lor, e máis que estar somos parte desta natureza que o sol xa está a lamber como un cativo, baixando a presa dende O Nariz do Furado, que coroa as montañas que nos dan acubillo, para ir ó encontro do Rego do Souto do Porco.

As súas augas amabilizaron os nosos soños, acariñados por unha lúa que tecía sobre nós lembranzas das xentes que un día ergueron as pedras dos sequeiros do Ferradal. Durante décadas esmoreceu a actividade económica que favoreceu este tipo de construccións, e caeron os tellados de lousa e as paredes empezaron a ceder ante o empuxe dunha terra indómita.

Visionarios como Rober e Bernardo, que un día atoparon o paraíso neste lugar, mudáronse titáns e volveron a inzar paredes e tellados, e mentres o facían sentíronse árbores, paxaros, regatos e vento, e construíron un imaxinario que, lonxe de agochalo coma un tesouro, decidiron compartilo con outros soñadores como Migui, que mesmo axudou a poñer algunha viga para protexerse do orballo que zumegan as estrelas.

Agora estes homes bos e xenerosos fanme cómplice deste soño colectivo, e síntome eu tamén uceira, merlo, érbedo, troita, brétema, teixugo. Froito dunha catarse que se precipitou nas Vegas, un topónimo máis que curioso para o comedeiro desértico que está preto do apeadeiro do camiño de ferro, na poboación lucense de San Clodio.

Papando unha lasaña de verzas e vitela, e máis unhas costelas con patacas, e unha vez que conseguimos calar a caixa parva, atopámonos o neto de Casimiro de Xacebáns e o neto de Benito de Abelláns, e dimos en debuxar soños, e agora, cando a fraga asubía os nomes dos nosos antergos, xa estamos a vivilos.

O Panette, que estivo a cortar troncos con gran alboroto pola noite, ten os seus propios ritmos, e é o último en sumarse ó almorzo que nos brindan os fundadores da República Independente do Ferradal, mentres eu tento rexistrar as miñas primeiras impresións sobre a mesma.

Pola noite, bañada en prata polo alento da lúa chea semellábame un lugar máxico, onírico, e na mañá, tinguido de dourado e esmeralda, confírmoo como un territorio de lenda.

Partimos do noso refuxio ó mediodía no Land-Rober (con aire condicionado, direción resistida e atración total) que nos comunica co mundo incivilizado, e na cabina, unha atalaia sobre o Lor onde empezan a medrar as raias dos nosos móbiles, cámbiamos de vehículo, como Superman, para avanzar por unha estrada angosta que abre unha fenda entre as serras da Trapa e do Bidueiro, buscando o embigo do Courel.

Castro Portela, Froxán, Vilamor... pobos que van espertando lembranzas agarimosas no meu peito mentres os meus ollos énchense dunha paisaxe que volve namorarme como as primeiras veces.

Detémonos a tomar unhas cervexas no Pontón (eu un café con leite, xa que ando algo arrefriado), e alí coñecemos a Manolo, que ademais de hostaleiro é un bo artesán da madeira, e é quen de valorar o noso patrimonio etnográfico, e a Isabel, unha rapaza de Quiroga, con máis retranca que ninguén, que ás veces ten a lingua negra e non dubida en chamarlle miserable os seareiros que se esquecen de pagar (e nós estamos a piques de facelo).

En Moreda, xa moi preto do lugar de partida da nosa ruta, tivemos un pinchazo, e aínda que non tardamos máis de dez minutos en face-lo troco, deixounos algo intranquilos, xa que cambiamos unha roda por unha rodiña.

Máis este pequeno contratempo non era quen de nos facer recuar, e ós poucos xa estabamos a camiñar ó carón do Rego da Rogueira, que recolle as augas de un feixe de baixantes da Serra, os carrozos de Pelodorrios, da Muíña, de Freixedo...

Amieiros, salgueiros e bidueiros forman un bosque de ribeira que serpentea ós nosos pes, entre campos que nos invitan a converternos en bestas e a pasar a tarde pacendo ou papando moscas. Pero os soutos polos que avanzamos aléntannos para iniciar a ascensión, contando media ducia de sequeiros, na súa meirande parte agochados entre a vexetación exuberante.

A Devesa é unha fraga atlántica emprazada nunha ladeira empinada e orientada cara ó norte, que pola súa ubicación singular é un lugar axeitado para darse unha biodiversidade única no país. Aquí altérnanse os teixos, acevos, capudres, carballos, freixos, faias e outras especies arbóreas, cunha infinidade de arbustos, flores e plantas. A paisaxe muda a cada paso, e os nosos suores son doces e se mesturan coas fragrancias amables da Rogueira.

Subimos a “ritmo eivadiño”, sumando cada vez máis silencios, tres corazóns enchéndose da materia coa que se fabrican os soños, mentres as criaturas da fraga sorrín vendo os nosos esforzos por ir gañando metros ó ceo. As nosas pegadas na follasca que os primeiros días de outono arrincou das árbores, e as augas cantareiras dos carrozos que nos saen ó paso compoñen unha melodía que se mestura con outras menos espirituais, como as dese dúo inclasificable que responden ó nome de Alfeizar.

A pesares de que o sol pega arreo non temos problemas de insolación, xa que a cuberta forestal é tan espesa que non nos deixa ver o ceo. O novo eivadiño, o Rober, amosa a dureza do seu todo terreo, que presume de ter dirección resistida e aire condicionado, e alédase na nosa primeira parada, nunha atalaia no lugar da Enciña, de que só nos reste a metade da subida. Alí petiscamos un pouco de chourizo e queixo cun anaco de pan para tomar folgos, consultamos os mapas e mesmo facemos algunha chamada.

A partires de aquí empezamos a atopar un algo de xente polo camiño, case todos preto das fontes do Cervo, cara onde nos diriximos, pero non máis dunha ducia de camiñantes espallados en pequenos grupos como o noso. Para ir cara elas dámoslle un aire á nosa ruta, e cando chegamos a esa curiosa parede de onde manan augas ferruxinosas atopamos un feixe de gnomos, cativos e verdescentes como nos contos. E só Miguel ten a coraxe de acercarse a eles e beber dun buraco que semella algo porco.

Xa no derradeiro tramo da devesa coincidimos con outro pequeno grupo de sendeiristas, e un deles pregúntanos se levamos vaselina nas nosas mochilas, e como desconfiamos un chisco das súas intencións, aclarounos que tiña os pezóns en carne viva, porque lle rozaban coa camisola. Ata fixo ademán de ensinarnos o peito, o desgraciado, que dis que ata lle sangraba.

No alto decidimos tirar cara o miradoir0 de Polín, que dende os seus 1200 metros ofrece unha magnifica panorámica da devesa e do seu entorno. E o sol bate nas nosas costas mentres que, por primeira vez dende que saímos de Moreda, podemos camiñar en horizontal.

Aínda antes de chegar ó Polín xa temos unha boa perspectiva da Serra do Courel e dos vales e pobos que están baixo a súa protección e influxo, e sentímonos formigas no medio dunha inmensidade que acada unha ampla gama de verdes. Será precisamente por iso que dende o miradoiro, mentres damos boa conta das nosas provisións, miramos con cobiza o Pico Formigueiros, que dende os máis de 1639 metros coroa a serra, e botamos contas de se poderíamos subir o seu cumio.

Desbotamos o plan inicial, de descender ata Parada, para continuar a perseguir novos e ambiciosos soños, e imos cara o Teso das Papoulas, un dos cumios que forman o cordal que ensina os seus dentes ó ceo. Lévanos máis tempo do que contabamos superar o desnivel, e o sol segue traballando arreo para nos render, pero a beleza da paisaxe compensa os nosos suores.

Un chisco antes do cumio atopamos un cartel no que lemos: “Paso peligroso, mejor volver”, pero nin esto logra desanimarnos e non tardamos en estar outra vez sobre a devesa. O que si nos desanima é o que nos resta para subir o Formigueiros, e temos que botar man do mapa para buscar o xeito de rodealo, xa que as sombras xa están a cubrir a Rogueira.

A pesares de que se frustrasen as nosas intencións de subir ó teito do Courel, a pista que o rodea, cen metros máis abaixo, ten unha pendente que se vai suavizando conforme avanzamos e danos unha boa perspectiva das montañas que se suceden ata o horizonte, ata máis ala dos límites administrativos da comunidade, e mesmo podemos albiscar ó lonxe os montes esburacados das Medulas.

Mentres comezamos o descenso cara o Alto do Couto, o Rober danos unha clase maxistral sobre os usos e costumes dos sequeiros, e eu anímoo a que o faga por escrito, para ilustrar ós eivadiños curiosos que non tiveron a sorte de escoitalo, veremos se cumpre ou fai como algúns que retardan as crónicas ata o esquecemento.

Na baixada o Formigueiros ensínanos a súa face máis bela, xa que aquí parece que chegou o outono un chisco antes que na devesa, e ofrécenos unha auténtica sinfonía de cores, animada ademais por unha forte presencia de capudres ou escornabois, que animan o noso paso case ata a estrada, que collemos no alto antes referido.

Temos que botar man do topográfico outra vez, xa que o sendeiro polo que tiñamos proxectado baixar está pechado, e baixamos un pequeno treito polo asfalto ata acadar un carreiro transitable que, segundo os nosos cálculos e interpretacións cartográficas, ten que levarnos a Moreda. Aínda temos sorte porque un tractor abriu unhas rodeiras entre a vexetación e nos permite seguir o seu rastro ata un par de palleiros que nos indican que estamos na boa dirección.

O sol esvaécese e as tebras van gañando terreo cando chegamos a Moreda Maior, un pequeno núcleo rural deshabitado, ó carón de un feixe de campos aínda cultivados. Escoitamos un estraño son que os meus amigos creen identificar como o característico canto nupcial de algún cervo, e penso que xa seria demasiada sorte a de ver algún exemplar destes mamíferos.

Non houbo sorte nese sentido, pero si no de atopar sen problemas a dirección que nos levou, máis ou menos dereitiños, cara o Aula da Natureza, onde parte a ruta da Devesa da Rogueira, e onde estaba a nos esperar o noso coche. Facía máis de sete horas e media que partiramos dese punto, e xa era noite pechada.

O día remataba si, pero a noite aínda estaba a comezar e nós tiñamos moito que celebrar: unha desas xornadas polas que paga a pena insistir nesta teima na que levamos xa tres anos. Así que volvemos ó Pontón, onde nos agardaba unha suculenta cea, máis que merecida, e mentres agardabamos a que nos dispuxeran a mesa parolamos co Manolo das nosas fazañas montañeiras.

Ensinámoslle unha deposición seca recollida preto da Boca da Rogueira, que nos críamos de lobo, e as fotos que lle quitamos a un rudimentario molinete que se movía ca auga dun dos carrozos que baixan pola devesa, e antes de rematar a cervexa xa tiñamos unha ensalada de campionato e unha fonte de carne grellada chamándonos con insistencia.

Ó remate da paparota, onde caeron ata tres fontes de carne, Isabel, a nosa camareira, serviunos os cafés e uns chupitos de licor de mel, e para que non se nos fora endulzar a boca de máis, botounos un chiste coa gracia natural que tiña ela, quizais non o máis axeitado para a sobremesa, e esto deu lugar a unha conversa que seguiu, cando xa comezaba a quedar bacío o comedor, na barra.

Houbo máis chupitos de licor de mel, contámoslle dos Eivadiños e ela díxonos que estudiaba “perigo industrial” na nosa cidade, empezou a encherse a barra de cervexas, cubatas e gin-tonics, quedamos un feixe de veces coma miserables e outras tantas quedou ela, saíron á luz un montón de anécdotas sobre pisos e camas compartidas, miramos as fotos da Devesa outra vez, tiramos unha ducia delas para seguir sumando ó noso arquivo dixital, vacilounos ós tres á vez co seu galego bravo e agarimoso, caeron máis licores e xenebras, o Manolo foise durmir, e soaron Black Sabath e Ben Harper, estivemos ata as dúas e media de festa no Pontón, e nos quedaron as forzas xustas para chegar o noso refuxio do Ferradal.

Durmimos coma santiños, coas pernas esnaquizadas polo cansanzo, as gorxas incendiadas polo alcohol e o sorriso permanente debuxado nas nosas faces. Seguiamos instalados nun verán permanente, facía un calor do demo e os meus amigos animáronse a cortar, con gran rebumbio, algúns troncos.

Seguidores