E194 Camino natural do Baixo Barbantiño (Punxín)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Sol, 30-01-011.

Barbantiño, agasallos de augas espidas de prepotencia

Caramba carambita!!, quen me ía dicir a min cando me erguía esta mañá sen moito talante camiñante os agasallos múltiples que acabaría recollendo?, unha vez máis os misterios e as sorpresas da vidiña actuarían para que esta camiñante recibira unha boa dose de diversas emocións, desas que asentan e apousentan e que pasan aos arquivos de vivenzas gratas no camiño.

Coma case cada domingo quedamos ás 12,15 no Concheiro para compartir unha xornada tipicamente Eivadiña. Cando cheguei Anxo xa esta alí con Xaime, había moito que non viña e alegreime de darlle unha aperta e de que se dera a oportunidade de compartir pasos e camiño sen ter aínda nin idea de a onde iriamos desta vez. Mentres fun ao coche a recoller a miña mochila chegaba tamén Isa, carai!, hoxe estaba sendo un día de sorpresas pois había moito que non a vía, alegreime tamén de que decidira acudir para patear camiños e para pornos ao día nas nosas cousas. Chegada de Dalia, outra que tamén había tempo que non se pasaba polo Concheiro. Como faltaban Alex e Panete nos dividimos en dous coches, eu fun con Dalia nun traxecto que se fixo curto dada a calidade das nosas conversas, e os demais na mega furgoneta de Miguel. Os Senhores Botas e Montse nos esperaban na Casa Casal, en Quins, lugar que xa se está convertendo en costume máis que en excepción, onde teñen un cocido riquísimo e o seu incomparable e insuperable licor café.

Así que dez eran dez e dez foron os que se xuntaron ao redor dunha mesa para xantar. Eu tiña un día excesivo así que din conta dese cocido con ganas e fame, sen privarme de nada, e mesmo me permitín tomarme dous cafés cos seus chupitos de licor café acompañando, amén da botelliña que merco cada vez que paso por alí. Nese momento me importaba ben pouco que a pateada me pasara factura por te-lo bandullo cheo, adiqueime a disfrutar do xantar como había tempo que non facía, e xa vería qué facía cando chegara a quenda de camiñar!. Os dez pareciamos unha family ben avenida, con ese bo rollito que soemos ter, o Anxiño e máis eu estabamos cada un nunha esquina e de cando en vez se metía comigo e eu con el, hoxe o seu humor era excelente, a pesar de que foi de concerto chulo a noite anterior portáronse ben e non se deitaron a horas moi escandalosas e iso se lle notaba no ánimo.

Tras pratos doces e cafés erguemos os cus dos asentos, aí foi cando me enterei que voltabamos ao Barbantiño. Ahh!!, qué alegría!!, nunca me canso dese río e das súas ofertas sempre xenerosas, alegroume moito, a estas alturas podería dicir que xa somos vellos coñecidos e sabía que con bandullo enchido ou baleiro ía pasalo de fábula. Así que cara alí enfiamos desexosos de poñer aos corpiños en movemento.

Eu hoxe sentíame algo cansa e sen moitos ánimos exaltados, diso xa habían tido unha boa dose o domingo anterior, así que as miñas enerxías eran repousadas e tranquilas, pero non quería deixar pasar a oportunidade de saber da xentiña á que había tempo que non vía así que as propias ganas se foron instalando e sacáronme dese letargo entre desexoso de estar comigo mesma xunto coa comilona copiosa que estaba a facer a dixestión, para acoplarme a un intercambio de conversas nas que as aperturas se deixan sentir por dentro e por fora, acompañados deste río fabuloso e dador constantemente ao noso carón.
A pateada era amable, este era un día no que todos estabamos con todos a pesares de que cada quen andaba ao seu aire, o pelotón de dez bastante espallado, pero a un tempo facendo tamén intercambios de persoas, agora con uns, agora con outros, agora un consigo mesmo... Moitos fotógrafos hoxe!!, o día e a luz dese lugar tan especial provocábaos a disparar unha e mil veces tentando recoller as distintas emocións que lles rulaban por dentro.

Pero o que me gustou especialmente e o que máis agradecín neste día foron as dúas carantoñas que o meu amigo me fixo na cabeciña, e as fotografías que a Senhora Botas nos fixo mentres nos dabamos unha aperta na que a apousentei no peito que me acollía. Foi un momento moi especial no que a amizade se torna en algo chamado confianza e orgullo de poder abandonarse ao afecto sen pórlle palabras senón unha enchenta de sentimento. Qué sorte temos!.

Encantoume todo o que me contaba Isa de si mesma, e aínda que todos temos problemas no noso día a día, os de Isa non minguaban un talante de autoestima elevada e de bo momento persoal, tiña tódolos síntomas: ollos vivarachos e alegres, sorriso doado de deixar saír, contentura, gústame ver aos amigos así. A Xaime se lle vía disfrutar dende o primeiro momento do camiño, sei recoñecer a un camiñante e Xaime adora a Natura e sabe recoller as súas bondades. Hoxe estiven pouquiño co meu Alex, sentámonos xuntos no xantar e algo falamos, pero nese momento non parecía esperto de todo, jaja!, así que adicámonos a falar sen moitas seriedades. Cos Senhores Botas apenas algún comentario no camiño, definitivamente hoxe os habituais andabamos a nutrirnos noutras polas, os amiguiños máis queridos saben aproveitarse das oportunidades e os intercambios que se posibilitaban hoxe e foron ben aproveitados por todos. Con Montsiña un tanto do mesmo, afecto exposto e indudable pero como que hoxe cada un repartía as súas enerxías con conversas económicas, e económicas quere dicir non compartir nin de máis nin de menos. Encántame!!.

Por certo........, quen ou quenes foron os que paparon o chocolate???, porque ninguén dixo nada, claro!!, galdrumeiros!!.

Non quixera repetirme hoxe, é o que teñen as crónicas, é o que ten patear pola natureza. Se fosemos xogadores de bolos falaría con outra xerga pero vai ser que cada afección ten un léxico identificativo e acaban saíndo moitas emocións semellantes aínda que eu penso que nunca iguais. Así que é inevitable que volva a eses magníficos muíños, a maioría restaurados, impoñentes, todos moi grandes, seguramente colectivos. Esa fraga viva, exultante, verde, presenza de ocres dispostos nun manto cubrindo á terra. Das augas habería que escribir un capítulo propio de tan intensas, potentes, calmadas, serenas, activas, a borbotóns, en fervenzas, acompañantes, presentes, semellando frías e prometendo cálidas. En fin!!, sería moi impúdico dicir que é un orgasmo para a vista e os sentidos o que oferta o Barbantiño??, tenno todo!!, é un río completo, orgulloso, que se mostra, que se da, e o que lle da a quen pasa polos seus dominios produce tanta ledicia e paz interior que un se abre e admira ao Barbantiño, e así é como nunca perde a súa beleza viva. É un auténtico luxo pisa-las súas terras.

Púxenme romántica, é o que ten andar coa sensibilidade deixándose ser vulnerable, é pola confianza que teño con quen camiño, pero tranquiliños que xa se me pasou, ja!!. En fin!!, que foixe un paseiño a mar de completo. Anxo e máis eu estivemos a falar disto hoxe, o meu aprecio pola fórmula Eivadiña gaña en afecto e adherencias, teño a este modo de comunicación en moi grande estima, tremo cada vez que Anxo fala de que está canso aínda que aprendín a recoñecer cando o dí e qué outras variables están intervindo, unha moi importante é a cantidade de horas que durmiu antes dunha saída. Sempre admirei que Anxo, Alex, Panete, Xaime e algún outro e outra tiveran a capacidade para erguerse cada domingo dada a afección e aprecio que lle teñen á noite, o mundo nocturno, eu estou segura de que non podería con tanto

Tamén vexo como se converten en camiñantes en cada roteiro, o que lles aporta, o que disfrutan, iso é o que nos une a tódolos Eivadiños. E a partir diso nos unen un montón de cousas máis. É o grupo onde sen dúbida algunha hai máis confianza de todos cantos coñezo, e iso para min é impagable, moi moi valorable e o que converte a unha unidade coma é un grupo en subunidades íntegras que se chaman unhas ás outras amigo.

Tal vez un chisco curtiña esta crónica, pero creo que o deixo aquí. As veces un texto de poucas palabras é mellor, será que non necesita de tantas xa que se dixo todo o que se quería dicir. Ata vernos, amiguiños.

Salo.

E192 Ruta da pedra do lobo (Covelo)



Sol, 16-01-011.

Novo reencontro Eivadiño. Alegría, alegría, alegría......, de atopar aos amigos, levaba unhas cantas semanas sen unha saída dominical. Punto de encontro, a Amaquía. De camiño ía escoitando música a todo volume, cantando melodías que espertaban desexos de apertas próximas, sacando un sorriso que anticipaba o que xa levaba instalado en min, o aprecio á xentiña coa que compartiría conversas e pasos, camiños novos ou xa vividos, igual me daba!!, o humor que me ocupaba era tan expansivo coma o roteiro que acabaríamos facendo no máis puro estilo Eivadiño, coa improvisación como aliada e coa seguridade de que como Fuenteovejuna, todos a unha!!.

Cando cheguei co meu coche recén estreado, tan bonitiño el, sen unha soa abolladura, pintadiño que daba gusto, o meu orgullo!!, e escoitando a Queen, negándome a baixar del mentres a canción non rematara, Nacho e Loli xa estaban dando conta dun almorzo digno, co seu zume de laranxa e as súas tostadas, mentres Mónica ficaba fora con "Golfa", a súa cadeliña, con entrada restrinxida no Amaquía. Xa que había almorzo abundante eu non ía ser menos hoxe, así que para min un bo café dobre cun Donuts de chocolate ben grande e delicioso para acabar de endulzar o meu estado de ánimo, inmellorable e insuperable. Estaba realmente contenta.

Foron aparecendo Anxo, cunha cariña de trasnoitador en toda regra, tivo que ser "mortal" a noite porque tardou en recuperar a noción ata de onde se atopaba ás 11,15 da mañá dun domingo que anunciaba chuvia. Os Senhores Botas asomaron tan só para aprovisionarse dos manxares do Amaquía pois nesta ocasión tiraban para Ourense con Montse e Lourdes. O meu querido Panete, con mellor cariña que Anxo a pesares de que este dixo que el e Alex igual viñan "perxudicados", pero o máis perxudicado seguía a ser el, jajajaja.... E o derradeiro en asomar pola porta foi Alex. Así, nesta ocasión iamos ser sete Eivadiños e Golfa os que transitariamos caminiños bonitos e nutridores. De entrada, ninguén quería algo "duro" senón un roteiro amable e tipicamente domingueiro, non moi lonxe porque tampouco había moitas ganas de mollarnos, e a decisión foi enfiar ata Covelo e facer o roteiro dos Carranos. Pero ete aquí as sorpresas da vida e o talante investigador e flexible dos Eivadiños, atopamos en Covelo un indicador que anunciaba a ruta "da pedra do lobo", curtiña pero con moi boa pinta, río, fraga. Imos aló!!!...... E que ben nos saíu a decisión de facela!!, porque a intuición de Anxo non puido ser máis acertada, qué bonita!, qué augas, qué vistas e qué boa comunicación entre nós!.

Non teño palabras para o ben que se ía na parte de atrás da furgoneta de Miguel!!, qué acolledora!!, coa súa mantiña e todo, non lle falta detalle. Anxo e máis eu poñéndonos ao día, bueno!!, máis ben poñéndolle eu ao día das miñas trasnadas, peripecias, investigacións, delicias, decisións e aperturas, toda unha gama de vivenzas e de novos momentos que me teñen moi entretida e co ánimo desbordando afecto, con ganas de compartirme e de transmitirlle aos meus amigos esta enerxía tan optimista que me ocupa, que para iso me teñen aturado doutros xeitos nos que sempre fixeron un despregue de paciencia e de consideración para esta "lunática lúcida" que escribe.

Qué entrada no roteiro, meu Deus!!, precioso espazo no que o río ocupaba sen ningunha dúbida un espazo propio, preto, un muíño restaurado, pozas plenas. Nacho, Loli e máis eu tiñamos algo de presa por empezar a patear pero o Anxiño chamounos a atención: e que non pensades detervos para apreciar o que temos diante ou qué??, e coma nenos pillados en falta desandamos os pasos para pasearnos polo que natura ofrecía con tanta abundancia mentres estes tres ingratos ían pasar de largo sen adicarlle unha mirada. E ben que valeu deternos un ratiño aí antes de empezar a patear porque verdadeiramente o espectáculo natural agasallounos pousar a respiración e abrirnos á escoita do latexo da vida que aí se daba.

E así, xa "sintonizados" os ambientes internos co ambiente externo, empezamos un ascenso que nos levaría a un bosque de pinos rubios, peculiarísimos, os seus troncos tiñan ao longo da súa altitude moitísimas ramas adosadas que lle daban ao bosque un aspecto moi especial, distintivo, diferente e fermoso, ofrecían unha paisaxe que eu polo menos nunca experimentara, dunha harmonía extraña.

O roteiro estaba moi ben marcado, distinguido pola pegada dun lobo nunha forte cor vermella, orixinal, gustoume moito unha foto que Anxo recolleu coa súa mirada tan especial para sacar a mellor parte dunha imaxe. A todos nos estaba gustando moito o traxecto. De camiño, dúas mámoas, e unhas vistas insuperables de tan bonitas e expansivas, abarcantes, amplas. Panete comentou o gran parecido ao Courel, e si, era certo, dende logo aí non había nada que envexarlle ao Courel, e tan preto de casa!!.

Conversas íntimas no camiño, desas que seguen a facer medrar vínculos. Silencios e conexións cun mesmo tamén. Ete aquí que Anxo fai unha preguntiña: acordástesvos de trae-los bocatas???.... Ai!!, Miguel e Alex se quedaron en suspenso!!..., vai ser que non!!, e vai ser tamén que Mónica, Nacho, Loli e máis eu teriamos que facer repartos alimenticios para os bandullos, jejejeje.... Ata o derradeiro momento Alex pensou que o Anxo estaba a bromear, e este, jalopín, trasno!!, tampouco o desenganou ata o final.

Antes de comer os meus amigos ascenderon un aire que levaba ao alto dun coto mentres eu ficaba abaixo esperando, a pateada que fixera o día anterior me estaba pasando factura nas miñas lumbares, insistentes e persistentes, facendo recordatorio constante de que hoxe ía ser que non podía facer das miñas, a saber, saltos de cabritiña, ascensos ás árbores para colgarme coma unha moniña e movementos que para min son naturais pero que nos últimos tempos se transformaron en movementos que identifico como demasiado bruscos como para poder facelos.

Detivémonos a xantar nun pequeno claro co río facéndonos compaña con sons agradables e chuvia caladiña, miúda. Entre todos fomos quen de xantar decentemente, repartindo as viandas coma bos amigos. Este Nacho está mal acostumbrándome!!, ese viño delicioso co que nos obsequia e que me sabe tan ben!!, o detalle de transportalo para compartilo. Chocolate obsequio de Mónica e tarta de mazá cortesía de Alex. Vaia vaia...., qué ben se come no monte.

Como non!!, discusión acalorada co tema rei nos derradeiros tempos: argumentacións fumadores versus non fumadores, tema sacado por Alex e no que todos nos embarcamos a discutir, uns máis acaloradamente que outros mentres Anxo ficaba máis mudo co tronco no que estaba apoiado, se ve que o temiña non era do seu especial interese, se estaría divertindo vendo coma cada un dos seus amigos esgrimían as súas argumentacións?, xa me contarás que se te estaba pasando pola cabeciña mentres as voces subían de tono, rei!!.

Un derradeiro aire que nos levaría a un cruceiro no que as vistas apaciguaron os ánimos exaltados, foto bonita de Alex facendo monicadas acompañado por Loli e Salo ao pe da cruz que alumbraba un val fértil e xeneroso decorado de verdes e ocres invernais, campos e casas custodiados e amparados por un monte xeneroso, enerxía especial nese lugar, si señor.

E chegada!. Curtiña pero grandísimamente agarimosa. Aínda nos detivemos no río porque Anxo quería sacar unhas fotiños bonitas, escumosas, de tonalidades brancas que se saían da cámara de tan impactantes. Paramos na rectoral de Fofe a toma-lo café. Quedamos fora para acompañar a Mónica e a Golfa, e alí coñecemos a unha cadela grande e preciosa chamada "Sira", seica houbo oportunidade de resarcirse doutros momentos menos alegres que se diluían hoxe coas risas deste momento, isto só lle pode pasar a alguén cando se merece "unha xustiza" que eu chamo universal, esta sempre chega e un nunca sabe de qué forma, pero chega para apaciguar corazóns que conteñen o máis valioso que un ten, unha alma afectuosa e solidaria. Para desfacer as posibles desfeitas que un non se mereceu nunca.

Aínda nos detivemos en Maceira a tentar averiguar dun novo roteiro duns seis quilómetros que abriron hai un par de meses, "a ruta da auga", pero chovía e por hoxe xa nos chegara o pateo, para outra vez será!!, seguro, hai posibilidade de unila coa dos Carranos e pode quedar unha rutiña xeitosa e deliciosa de percorrer. Todos tiñamos a sensación dun día moi ben aproveitado, cundiunos ben a decisión de enfiar cara a Covelo, terriña repleta de bosque amplo e río orgulloso, un Tea que nunca defrauda.

E alá nos fomos cara a Puxeiros onde tiñamos os coches. Uns para Vigo, outra para Cangas. Desta vez seica que vai haber máis dunha crónica, desexando ler a creatividade dos meus amigos.

Grazas polos gratos momentos compartidos, querid@s, qué sería de min sen vos, amigos!!.

Salo.

E191 Sendeiro do río da Fraga (Moaña)



Domingo, 2 de xaneiro de 2011

Non estamos feitos de outra cousa que de lembranzas e de soños, e así o pasado e o futuro son o combustible necesario para as nosas particulares máquinas do tempo, as que nos fan erguer pola mañá, aínda que non teñamos obrigas laborais nin doutro xeito, e as que moven as nosas pernas, corazóns e linguas, fabricando afectos e rancores, abismos e naufraxios, resplandores e tebras.

Somos tempo e somos terra, e para non esquecer que algún día volveremos a ela recoñecémola, debuxando mapas máis emocionais que físicos, aínda que tamén, e nela mesturamos as lembranzas e os soños para darlle un sentido a estes días sen sentido nos que medio mundo tolea, máis ou menos coma sempre, debaténdose entre o consumo e a crise, mentres o outro medio, tamén coma sempre, debatese entre mil xeitos terribles de vivir e de morrer.

E así un ano máis, movidos por esa materia coa que tamén xermina o noso imaxinario colectivo, demos en reunirnos un domingo máis na saída da metrópole, inxenuos desertores do asfalto que saben que han volver, si ou si. Non contaba eu con que esta cousa mal organizada e sen obxectivos definidos que, non podía ser doutra, a nosa Chinita bautizou un bo día, nas ribeiras do río Estoraos, como Eivadiños, dera para tanto, nin que a primeira convocatoria do ano estivese tan concorrida.

Entre os, máis ou menos, habituais estaban Alex, o noso Cachorriño aínda convalecente dun arrefriado que, sen embargo, non lle impediu, na véspera, acudir ó primeiro concerto da década recentemente inaugurada, o da New York jazz ska Emsamble (si, claro, eu tamén estiven alí, pero portámonos ben e non teño que facer o acostumado inventario de circunstancias).

Estaba tamén Xacobe, que semellaba en tan boa forma despois dos arriscados cruzamentos do Almofrei e dos moitos quilómetros e desniveis acumulados en terra de Oscos, que mesmo pensamos en retirarlle a condición de eivadiño.

Os reforzos viñeron en clave feminina, nun desas raras ocasións nas que son maioría entre as nosas modestas tropas. A que viña con máis bagaxe na nosa historia era Montse, curtida nas convocatorias máis esixentes do “consorcio” e noutras aventuras alén dos nosos territorios naturais, que non despreza a nosa fórmula nin a dos nosos “irmáns” de Sudando Botas.

Para Lourdes, a súa amiga, era a primeira vez, e de seguro viña algo avisada do que se ía atopar, e que tamén viña sobrada de experiencia montañeira, xa que o primeiro que me dixo foi que tamén se curtira nas filas de camiñantes e congostreños, e quizais nalgún sitio máis.

Vicki viña algo amolada pola derradeira vez que probara sorte con nós, nas terras de Gargamala, e aínda lembraba os picotazos que os toxos lle deixaran nas pernas, pero é unha muller teimuda e quixo darnos outra oportunidade. Non habería toxos este día por deferencia a ela, máis algo de aventura si, porque é sabido que con nós nunca se sabe cando e onde poden xurdir as complicacións.

E para completar este grupo heterodoxo, sumóusenos Mili, da que podo asegurar que leva un bo feixe de camiños ó lombo, dende o Perú ata Nepal, pero a quen as circunstancias tiñan afastado algo das montañas. Ela me trouxo a lembranza de mellores tempos (ou distintos, se queredes) nos que buscabamos escaleiras ó ceo agochadas entre as rochas, e semellaba que eramos inmortais e que nunca houbese un final.

Fixemos acopio de víveres mentres tomabamos un café en Amaquía, un lugar que na estación máis fría está a restarlle protagonismo ó Stop nas nosas citas, e sen máis demora partimos cara a Península do Morrazo, onde nos agardaba Montse, que saíra dende Pontevedra. Aparcamos ó carón da foz do río da Fraga, fronte á praia do Pontillón, que ía mostrarlle os seus encantos ós máis, xa que tan só Xacobe máis eu, de todo o grupo, coñecíamos o sendeiro que avanzaba “a montante” pola súa ribeira ata as abas do monte Xaxán, e que baixaba tamén un bo anaco o carón do río do Beque.

Tras un pequeno paseo entre salgueiros, e doutro pequeno tramo de asfalto entre algúns expoñentes do “feísmo” característico do noso rural, camiñamos en animada conversa a un metro escaso do río, tamén chamado dos Ladróns, afastándonos da vila mariñeira.

Lembreime entón do meu amigo Chapela, cronista dos vellos oficios e das tradicións de Moaña, e pensei que xa é un pouco tarde para chamalo, porque sabendo as súas costumes de seguro estaría xa deixando as súas pegadas polos lugares que, ninguén coma el, ten gravados nunha memoria que ten vocación de colectiva.

O ceo sorríanos cun alento primaveral, e as augas sorrían cantareiras sobre un leito de pedras, e sorríamos nós avanzando entre cativos campos de millo, canavais e prados salpicados de salgueiros e acacias, deixando ás nosas costas o barrio do Rosal e acadando os poucos o lugar de Pozonegro. Aquí atopamos os primeiros muíños, que serían unha constante en toda a ruta, aínda que nunha gran parte deles as súas moas están definitivamente mudas, e os rodicios xa non son quen de moverse agarimosos co alento da auga.

Eu andaba algo curto de batería, así que pregueille a Xacobe que fixera os honores e se puxera á labor. Boa cousa fixen, xa que o rapaz dedicouse con entusiasmo á tarefa, xa que a luz e o entorno eran os axeitados, e mesmo Mili quixo botar un par de disparos ¡non ía quedar recuncho no río da Fraga sen rexistrar!. Esto retrasounos un chisco, e Montse e Lourdes, que ían na vangarda, tiveron que agardar polos rezagados en máis dunha ocasión, pero ¿que tiña presa? Estábamos a disfrutar, creo que todos, co camiño.

Cruzámo-la estrada en Ponte Meira, na linde dos barrios do Pombal e Reibón, onde o sendeiro se estreita e o bosque de ribeira faixe máis tupido, e mesmo fraqueaban as miñas inclinacións apocalípticas vendo aquel grupo de rapazas e rapaces aguerridos, que semellaban un verdadeiro clube de sendeirismo. Espertoume das miñas ensoñacións os berros do teléfono móbil, xa que o Xacobe quedara afastado de máis e dubidaba se cruzar a ponte de Couso e mudar de ribeira ¡non home, non, segue pola marxe esquerda!... os poucos xa estaba con nós, despois de botar unha carreiriña de can.

Pasamos baixo o viaduto do corredor do Morrazo, unha desas “vías rápidas” deseñadas para xogarse o tipo e na que o trazado ben axuda a deixar a pel, mentres o noso grupo camiñaba, paseniño si pero sempre avante, por unha fraga que a poucos enchíase de muíños, case dúas ducias nun tramo relativamente curto, con cadanseu nome: do Torto, da Lagoa, do Rei, de Novas, do Souto... moitos deles en perfecto estado de conservación.

Non en van nesta zona hai unha aula didáctica, onde se atopan varios paneis que expoñen diversos aspectos sobre estes enxeños hidráulicos e tamén sobre outras cuestións relativas ó río. Afastámonos un chisco do río para seguir por un camiño carreteiro onde algúns, como Vicki, dubidan da miña memoria. Ata eu, que fixen este sendeiro media ducia de veces o pensei, ó chegar a estrada, pero non, de seguida enlazamos outro camiño e volvemos ás súas ribeiras.

Despois de cruzar a estrada que comunica Coiro co casco urbano de Moaña, por onde pasa o “atallo” que tantas veces collemos cara os areais de Barra, como ben indica Lourdes, e tras consultar o panel informativo da ruta que está ó carón do asfalto, iniciamos o segundo tramo, quizais o máis fermoso e tamén o máis aventureiro.

A partires de aquí os desniveis se acentúan, e vémonos na obriga de cruza-lo río en varias ocasións. As dúas primeiras por pontes de madeira en bo estado de conservación, aínda que conforme avanzamos constato que o equipamento da ruta, escaleiras, pasarelas e pontellas, están en bastante mal estado. Tanto é así que, despois de pasar preto dunha sucesión de pequenos saltos de auga e pozas que invitan ó baño, ó chegar á fervenza máis espectacular da ruta, atopamos o camiño pechado por unha valla, invitando a dar a volta.

Pero non viñemos ata aquí para abandonar á primeira, así que sáltamo-la valla e buscamos un lugar axeitado para cruza-lo río, xa que a ponte que o cruzaba converterase nun feixe de madeiras apodrecidas. Vicki protestou pola temeridade, pola falta de previsión e por fiarse de nós unha vez máis, pero chimpou polas pedras molladas con tanta gracia coma o resto do grupo, aínda que coa mosca detrás da orella en previsión de máis obstáculos.

E houbo máis de un, porque río arriba era todo unha sucesión de saltos de auga de dimensións respectables, as beiras estaban inzadas de rochas esvaradías e, para darlle aínda máis emoción, a practica totalidade das pontellas, agás unha que foi cruzada por Xacobe e Vicki “a gatas”, estaban totalmente esnaquizadas. Aquí a tropa eivadiña volveu demostrar a súa valía, facendo fronte á adversidade e sorteando canto atranco se lles puña por diante. Mención especial para Lourdes que chimpaba con gracia e decisión polas pedras, con aires de montañeira experimentada.

O esforzo deixounos ó limite das nosas forzas, e aínda que eu pensaba que o Beque era o lugar máis axeitado, e o grupo decidiu facer un alto no camiño para almorzar. Un claro no medio dunha fraga enfeitizada, co sol quentándonos os baixos dos pantalóns mollados, ou os pés dalgún, como o noso cachorro que meteu a bota ata o límite do goretes, cun par de pedras onde asentar os nosos cus, foi o sitio perfecto para papar nos bocatas e empanadillas que mercaramos en Puxeiros.

Vicki quitou unha tableta de chocolate para partillar na sobremesa, e Xacobe fixo o propio cun queixo ben curado, mentres comentabamos a fermosura dos lugares que estabamos a disfrutar e da pequena doses de aventura que, as veces, teñen as nosas saídas ó monte.

Con este aporte enerxético e cos corpos algo descansados continuamos pola beira do río da Fraga ata que este divídese en dous. Cruzamos, por derradeira vez, polo ramal da dereita, e afastándonos del chegamos a unha pista de terra, onde a tropa sentiuse algo máis segura, aínda que seguiran dubidando da miña memoria. Menos mal que a sinalización, neste tramo, era bastante boa, e o pouco deixamos atrás a pista para continuar por un sendeiro bonito por onde as veces se escoitaba o murmullo, cada vez máis afastado das augas.

En animada conversa chegamos ó cámping do Beque, onde prometera unha paradiña para toma-lo café, pero a cafetería estaba pechada e tivemos que seguir adiante para iniciar o descenso a carón do río do mesmo nome. A fraga pola que discorre este regato é tamén dunha beleza indiscutible, e o desnivel ó noso favor acentuou o noso ritmo, de tal xeito que non tardamos moito en acadar a desembocadura do Beque no río dos Ladróns.

A pesares de que o itinerario marcado nos indicaba que a partires de aquí o recorrido era común, non fixemos tal. Cruzámo-la estrada de Coiro e baixamos pola marxe esquerda, nun tramo de singular beleza e moi ben acondicionado, ata a aula didáctica, onde se atopan os muíños mellor restaurados, ademais de diversos trebellos de labranza. Aquí o Alex esvarou e tivo unha caída bastante espectacular, aínda que sen outras consecuencias que a dor, e pensei, en voz alta, que se fora eu o que caira terían que chamar ó 112.

O noso cachorro caeu con elegancia e ergueuse con arroubo, pero a sección feminina non lle deu un algo de cariño, co merecido que o tiña, e tiven que ser eu, unha vez máis, o que lle dese unha aperta. E o Xacobe díxonos que tamén caera na subida, para facerse un chisco o “pupiñas”, pero non houbo xeito, xa que as mozas estaban máis en disposición de rir dos “toupeiras” que de darlle aloumiños os rapaces.

Por se acaso, e porque algún langrán mandou a maldición sobre a caída do “terceiro home”, din en estremar (e todos comigo, por se acaso) as precaucións nos tramos más esvaradíos, en especial cando pasabamos polas zonas nas que o sendeiro discorría por pasarelas de madeira. De tal xeito que non houbo máis accidentes, agás o da miña batería que dixo “ata aquí chegamos” e deu en morrer, aínda que penso que a xornada quedou ben documentada.

Cara abaixo tódolos santos axudan e non tardamos en chegar á praia do Pontillón, onde rematámo-la ruta, despois de case cinco horas de partillar pegadas e sorrisos, conversas nas que descubrimos novas xentes e paraxes, e onde sumamos outra xornada as preto de duascentas que forman a historia eivadiña.

Rematámo-lo día en Domaio, nunha taberna a onde nos levou Lourdes, e que foi do noso gusto, e onde a xente deu por refrescar a gorxa ou quentar o bandullo, segundo as necesidades de cadaquén. Comentamos dalgunhas cousas que quedaron expostas aquí, e doutras que quedaron no tinteiro, e sen máis despedímonos con bicos e apertas ata a próxima, ou a poder ser algo antes.

Algúns aínda prolongamos a despedida ata o Choco, xa para botar por fora, e os máis destemidos aínda quixemos alongar a noite e fomos ver unha película de medo coa que aínda levamos algún susto (mellor aquí, que no río ¿non si?), na vella tradición dos eivadiños de estira-la xornada... E colorín colorado, a historia deu rematado.


Seguidores