Mostrando entradas con la etiqueta Viana do Castelo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Viana do Castelo. Mostrar todas las entradas

E95 Trilho da Montaria (Viana do Castelo)





Domingo, 16 de novembro de 2008


Espertei ó mediodía, e xa foi todo un éxito. Durmira menos de cinco horas, e con algunhas interrupcións. A boca fedíame como cu de cabalo, tiña un feixe de lagañas pegañentas nos ollos, e na cachola aínda estaban a tocar os metaleiros gregos da véspera, pero ben desafinados. Si, outra resaca do carallo. Que tipo amante das costumes, das tradicións, e que ganas de castigalo corpiño. Pero xa son vello de máis para cambiar. Así que resistín os primeiros impulsos, ou sexa: estoupar o trebello mecánico que estaba a tirarme das orellas para quitarme do soño. E unha vez que se fixo o silencio, os segundos: darlle outra volta á manta e seguir a durmi-la mona. Pero era domingo, e tiña que facer penitencia, así que erguinme, tapei as miñas vergoñas e dez minutos máis tarde xa estaba saíndo a rúa.

O panorama que me atopei no Concheiro era moi distinto ó dos derradeiros domingos, e preguei en silencio para que xa tiveran pensada unha ruta e non ter que darlle máis voltas á cabeciña, que aínda doía un chisco. Estaban alí algúns dos meus compañeiros descontinuos destas convocatorias máis ben informais: Xacobe, Isabel e Miguel, pero ademais, o núcleo duro dos Eivadiños, que xa teñen debuxadas un feixe de rutas, marcadas ou non, nas terras portuguesas: Ramón, Yuka, Montse e Nacho. E si, claro que si, xa tiñan bastante claro cara onde sementar as nosas pegadas, así que só tivemos que acordar quen levaba os coches, repartirse e tirar cara a fronteira.

Non podía ser doutra maneira, e para celebrar a xuntanza sentámonos á mesa no comedeiro de San Pedro da Torre. Pedimos arroz tamboril e de marisco para compartir, e o Nacho, para acentuar a disidencia, pediu un robalinho. Nada que obxectar, que eu xa o probara e teño que dicir que está ben bo. So faltaba o Zalo para completalo cadro, pero seica tiña magosto no Casco Vello e o home tamén ten as súas tradicións. Así que reducimos os arroces, o peixe, as tarrinas de queixos, manteigas e patés, e aínda, por se non chegaba, babas de camelo, mousses de chocolate, tartas xeadas e non sei que máis lambetadas. E falamos outra vez de camiños, de concertos, de viaxes, de traballos, de barcos, de programas infórmaticos e cámaras fotográficas. E co que se atrapallaron para anotar e traer os cafés xa parecía que non íamos saír de alí máis. Pero saímos claro, senón ¿que carallo estaría a contar agora?.

No traxecto ata o corazón do concello de Viana do Castelo tentei durmir, pero non houbo maneira. O que si botou unha sonequiña foi o Miguel, criaturiña. Así que chegamos a San Lourenço da Montaria, uns máis descansados que outros, e algúns por segunda vez en sete días, cun sol de outono que parecía de primavera, dispostos a seguir a Yuka ata onde dispuxera. Nas portas da junta da freguesía estaban os veciños asando un porco enteiro ó espeto, e recibíronnos cunha música que falaba, apropiadamente, dos camiños de Portugal. E así a nosa guía, que cando organiza fai as cousas ben feitas. E desta volta tiña aprendida a lección, así que non quedaba outra que obedecela.

Á esquerda do edificio da junta, tal e como indicaban na información que atoparamos na rede, saía un camiño empedrado entre as casas, e por alí abandonamos o pobo. Collemos unha estrada alcatreada e fomos escollendo as marcas con coidado, porque habíaas vellas e novas, e nós tiñamos que seguir polas máis recentes, chegando de seguida preto duns viveiros forestais. Alí topamos co Río Âncora, que tiña as augas douradas polos bicos do sol, e abandonamos o piche para seguir pola beira esquerda do leito fluvial, seguindo unha levada de auga que discorre entre carballos, acacias e bidueiros. O entorno é ben fermoso e no grupo desenfundan ata catro cámaras, cousa inédita nestas andainas, e máis aínda cando chegamos a un salto de auga que nos fixo pensar, erradamente, que estabamos ante a Cascata do Pincho, o que non é posible porque na sinalización din que está a máis de catro quilómetros do inicio, e nos aínda estabamos no primeiro.

Avanzamos pola levada que vai separándose da beira do río, mentres vemos baixo nosa as ruínas de algúns muíños, un deles de grandes dimensións. Ós poucos chegamos a outro treito alcatreado que, afortunadamente, é cortiño, xa que á dereita sae un camiño de terra que tomamos, iniciando un pronunciado descenso. Dende a pista, conforme baixamos, descubrimos algúns encantos do Âncora, un cento de metros máis abaixo, e algunhas pozas que paga a pena investigar de cara as estacións mías cálidas. E tamén algunha fervenza, posiblemente algunha delas sexa a do Pincho, pero parece que o noso itinerario afástanos dela, en troques de levarnos cara ela. A onde chegamos a outra estrada, esta empedrada, pola que lle damos as costas ó río, e comezamos unha boa subida, cara ó sitio de Devesas, no lugar de Espantar.

Abandonamos o firme empedrado por un camiño que nos sae pola dereita, pola que ven unha amazona cun cabaliño ben parecido ós de raza galega. O camiño vaise ancheando ata converterse nunha ampla pista forestal que discorre entre piñeiros, quizais o treito menos atractivo do trazado, pero non tardamos moito en mudala paisaxe, conforme descendemos, e avanzar entre campos de labranza compartimentados por muros de pedra solta, e distinguimos unha cantidade bastante apreciable de oliveiras e árbores frutais. Outro treito de pista forestal permítenos observar o descorrer do río Âncora, que a unha distancia importante, debuxa curiosas formas no fondo do val.

A sinalización do sendeiro non é moi abundante, e a nosa guía consulta unha e outra vez o mapa, conseguindo mante-lo grupo compacto e confiado no seu bo facer. A pesares de que, despois de cambiar outra vez de firme e despois dunha pronunciada subida por un camiño empedrado, pode ser que fora a Encosta da Breia, empezan a deixarse escoitar algunhas voces desconformes coa súa labor. Pero non recua, nin nós tampouco, e con marcas ou sen elas seguimos avanzando cara un outeiro, mentres algúns imos cubrindo a retagarda con comentarios que espertan máis comentarios e, finalmente, unha explosión de risas e que non vou a reproducir aquí para que se vexa que, ás veces, ata eu teño algo de vergoña.

Chegamos con estas e con outras ó Alto das Folgueiras, case totalmente vernizado polas herbas amarelas que lle conferían un aspecto particular, unha magnifica atalaia para facerse unha idea aproximada do camiño que levabamos recorrido e do que nos quedaba por recorrer. Camiñando por este poético escenario a algúns danos por falar das conexións entre a literatura e a informática, e das múltiples adiccións que suma o uso continuado de Internet para alguén medianamente curioso. Eu fálolles dos meus derradeiros descubrimentos, en especial de Arraianos.com, unha revista que se publica en papel e en formato pdf, con moitas historias da fronteira que estamos continuamente a cruzar.

Mentres seguimos coa parolada volvemos avanzar entre muros de pedra centenaria, por unha canicouva enlamada e con grandes sobreiras nas súas beiras. O certo é que non podemos ter queixa dos cambios paisaxísticos, porque xa tivemos un pouco de todo, e polo que parece aínda nos queda un bo anaquiño para chegar ó núcleo rural de Montaria.

A lameira fixo que o grupo se alongara, e cando saímos dela fixemos reunión preto dunha casa ben bonita, despois de votar algún berro ós que quedaban atrás que convocou a un rabaño de ovellas, a unha vella e a un cabalo, e finalmente a retagarda. Seguiamos a ter algún problema coa sinalización, pero a nosa guía dáballe as voltas necesarias o mapa para cadrar o camiño, e levounos por carreiros estreitos, calzadas empedradas e pistas de terra, dando dous pasos para adiante e un atrás, pero só para coller impulso, pasando a carón dun feixe de viñedos, bosques de piñeiros, campos de herba seca, e mesmo un campo de fútbol da última división, e cando algún empezaba a dubidar do seu mando saímos a unha estrada alcatreada.

Esta estrada era a que leva a San Lourenço, e saímos moi preto do Punto de Encontro, un concorrido chiringuito instalado no cruce que xa nos chamou a atención o domingo pasado, e que non nos tenta nada, non sei moi ben porqué. Dende aquí non hai perda, é segui-la lingua de piche e chegar ó pobo, pero a guía insiste en buscar o camiño, erra un par de veces e é abucheada por un par de impresentables, que nin así conseguen desanimala. Finalmente consigue dar co camiño verdadeiro para entrar como camiñantes profesionais no núcleo rural, e inda ten a ben compartir a súa cantimplora co Xacobe, un dos amotinados (o outro xa non me lembro de quen era).

E ademais é un camiño bonito, entre muros de pedra, prados salpicados de medas, casas centenarias, campos de millo ou de patacas, petos de ánimas cubertos, fontes de auga xeada, froitas exóticas e outras particularidades que motivan que o grupo de afeizoados á fotografía, ou sexa: Miguel, Xacobe, Nacho e máis eu, quedemos atrasados nun improvisado safari, buscando atrapar a imaxe máis curiosa ou máis bela. Nesas estamos cando voltamos ó asfalto, tan ensimesmados mentres vai caendo a noite que nin conta nos damos de que xa hai un bo rato que deberíamos de chegar ó coche.

Non o facemos ata que remata a estrada e chegamos a unha pista de terra cun cruceiro e un feixe de indicacións, ningunha das cales nos soa. Así que voltamos sobre os nosos pasos e preguntámoslle a un paisano pola igrexa de San Lourenço, e non hai perda: seguindo a estrada á dereita, chegamos presto. Recíbennos con música en directo, aínda que bastante desafinada, e o resto do grupo xa está a beber no bar para celebralo. Xa caeu a noite sobre a Serra d’Arga e nos iluminamos o final cun feixe de sorrisos.

E94 Trilho da Senhora do Minho (Viana do Castelo)





Domingo, 9 de novembro do 2008

O meu capitán é un chisco tolo, segue pensando que ten vinte anos, e síntese inmortal como calquera rapaz de vinte anos, aínda que xa lle caeron enriba os corenta, e cando lle receitan repouso sábelle a aceite de rícino, toma unha cucharadiña e volta outra vez a brincar. Dálle igual que o diagnostico sexa unha fastitis ou una tendinites, e que eu esté inchado e vermello coma un roxón, o tipo non pode pasar sen a súa ración semanal de monterío, e volve a pecharme dentro dunha bota cheirenta, e veña: a facer quilómetros. Despois anda a laiarse de que si está eivadiño, e non vai estar señor capitán, que se non anda de troula pola noite, que tamén, anda a sortear penedos como hoxe, e que non aprende, non.

Cando estaba eu no mellor, soñando con acariñar a unha branquiña de unllas pintadas de violeta, botoume fora da cama, aplicoume un pouco de analxésico para que non berrara e, sen darme nin un remollo, mandoume a pisa-las rúas. Non preciso ollos para saber que o ceo estaba con ganas de tormenta, porque o ar era húmido de máis, e parecíame a min que algo había de mollarme. E máis aínda cando se xuntou con outros tres gastabotas, que aínda son peores que o meu capitán, porque gustan de facerlles sufrir ós meus conxéneres un día si e outro tamén, pisa que te pisa pola accidentada xeografía portuguesa.

Aínda fun algo adormecido no traxecto que fixemos en coche, antes e despois da comida, e ben quedaba alí a durmir senón fora porque non había maneira de zafarse. Comeron os catro cadansúa dose de arroz malandro ca súa provisión de panados, mentres eu parolaba debaixo da mesa cos da miña quinta das terras de Soajo ou de Marsico, cada quen a súa historia, os oito a esaxerar as súas fazañas, e máis que ningún o meu irmán esquerdo que sempre conta algunha anécdota picante cando nós estamos a falar de cousas serias.

Non sei moi ben como foi o conto, porque cando chegamos á freguesía de Montaria, no concelho minhoto (do Alto Minho, hai que subliñar) de Viana do Castelo, eramos só seis os que soportabamos os corpos do capitán e máis dos seus acompañantes, que respondían ós nomes de Ramón e Yuka. E que os hai con sorte, porque deseguro que os disidentes xa estarían botando unha soneca desas que dan en chamarse de pixama e penico, e non coma min, confiando en que o goretex fora quen de protexerme das inclemencias do tempo, que as previsións non pintaban precisamente ben.

Mentres os seus colegas embutíanse en roupas hidrófugas o capitán lía un cartel no que estaba escrito: Percurso Pedestre / Trilho de Montaria – 10 km / Cascata do Pincho – 4.5 km., sinalando en dirección a unha penedía de unha altura considerable, e o moi cabrón cuspía ó meu carón, como dicindo, imos probar colega, a ver como te portas e caralladas polo estilo. Eu sentía o arrecendo da Serra d’Arga, e dábame calafríos, encollía os dedos como enfurruñado, e lembraba que tiña máis partes vulnerables que aquela que nomeara un heroe grego.

Mentres os outros quentaban nós fomos dar unha voltiña polos redores da igrexa parroquial, por aquelo de se os santos tiñan a ben axudarnos, e atopamos un feixe de pintadas con consignas tan poéticas como “Viva o comunismo”, “Morra o capitalismo”, “Abaixo o fascismo”, algo borradas polo paso do tempo que conviña, como as marcas do sendeiro, en remarcar coa que está caendo.

As tres menos cuarto, hora galega, iniciamos unha sucesión interminable de pasos, dereito, esquerdo, dereito... eu sempre primeiro claro, tamén con ganas de probarme, de demostrar que todos os camiños que levaba pisados non eran en balde. Abandonamos o enclave montañés por un estreito carreiro empedrado, e os poucos xa empezamos a pisar terreo enchoupado, e a coroza sintética que me cubre empezaba a humedecerse, anticipando o que sería a tónica normal da xornada. Preto de dous muíños en ruínas o meu capitán e os seus amigos comezaron a dar voltas e reviravoltas, e mareeime un pouco, ata que decidiron cruzar un regato e atoparon outra vez os sinais medio borrados do trilho, que nos levou a unha estrada alcatreada que circunvalaba o pequeno pobo.

Nunca me gustou pisa-lo piche, pero polo menos deixabamos de pisar charcos e de vagar sen un rumbo fixo, estabamos avanzando, e parecía que máis ou menos xa tiñan claro a dirección correcta. O meu capitán volveu ler outro letreiro que indicaba un feixe de destinos: Estradâo do Rali / San Pedro de Arcos / Cerquido / Estorâos / Cabraçao, pero ningún deles era o noso, así que abandonamos a estrada e internámonos no monte, todo urces, toxos e pedras, cara a serra, outra vez con coidado de non pisar os numerosos regueiros que cruzaban o planalto.

A cousa das marcas parece que non estaba fácil de atopar, e cada par saíu nunha dirección, buscando o rastro coma cans de presa, e cando atopamos unha outra vez tiñamos que buscar a seguinte. Non parecía que o paseo tranquilo que nos prometeran, pero non ía ser eu quen quedara atrás.

A agulla do campanario da igrexa de San Lourenço de Montaria quedaba ás costas do meu capitán e ó seu fronte a encosta sul da Serra d’Arga, por onde camiñabamos os tres pares na procura das sinais do trilho, que xogaban os agochados entre os penedos, mentes a parella discutía sobre a interpretación do cativo plano no que se debuxaba a ruta, e intentaba distinguir no horizonte as referencias indicadas: uns viveiros forestais onde non había máis de catro piñeiros, o río Âncora que sei que había que cruzar, cando xa vadearamos tres pequenos regueiros que non merecían o tal nome, ou unha levada de auga que desembocaba nunha velha azenha que ven podía ser a que atopamos o principio... neso estabamos cando a que levaba o número de botas máis pequeno caeu da burra, é un dicir claro, e sentenciou que estabamos a facer o camiño do revés, a verdade que a min tanto me daba, o que quería era que rematara todo canto antes e, a ser posible, sen mollarme moito.

Polo de agora sentíame quentiño e con forzas de sobra para seguir o paso do meu irmán esquerdo, así que lanceime ó recoñecemento deses sendeiros case invisibles que discorrían entre uns toxos bravos que trababan coma cans rabiosos, e axudei a topar varias das franxas vermellas e amarelas, aínda que vir non as vin, claro, pero levei os ollos do capitán canda elas. Dimos outra vez voltas e reviravoltas, despregados como unha desas partidas de guerrilleiros das novelas de Bento da Cruz, ata que atopamos unha vía empedrada pola que empezamos a zafarnos dos fochancos, regueiros e pozas que salpicaban todo este territorio incerto, e comezamos a ascender cara a serra, agora si, xa con un retraso considerable pero, criamos, na boa dirección.

Despois dun bo treito pisando unhas lousas que tiñan un rumor centenario, saímos a unha chaira, onde tivemos que reanudar o rastreo, aínda que dunha maneira xa máis axeitada, porque os seis iamos en formación, cunha certa seguridade, e so nos detiña algunha curiosidade, tal como o improvisado vivac agochado debaixo dun gran penedo de granito, protexido por un rústico muro e ata cunha fiestra, e que o capitán non dubidou en fotografar dende tódolos ángulos posibles.

Xa levabamos máis dunha hora de camiño e eu ía tranquilo, confiado nas miñas forzas, sen que o carallo da tendinites, ou o que fora que me andaba a foder a planta, se fixera demasiado evidente, tan so un rumor, un ruxe ruxe que non me impedía desfroitar outra vez destas saídas montañeiras, e xa me ían pasando as ganas de quedarme a botar unha contundente soneca dominical.

E menos mal que estaba esperto porque despois de deixar atrás o vivac dos pastores, e de cruzar unha chaira de urces, toxos, carrasqueiras e pedras, e un regueiro ou rebeiro, como dan en chamalo por estas terras, chegamos ó cumio dun outeiro, ¿quizais o Outeiro das Cabras que estaba indicado no mapa?, a un centenar de metros sobre a freguesía de Montaria, e os sinais indicaban un abrupto descenso polos penedos que xa de normal tiña un algo de perigoso, pero coa poalla que estaba caendo facíase case suicida, sobretodo para min, que non viña nas miñas mellores condicións, é que só faltaba torcerme agora, para rematar a faena.

Así que baixamos a modiño, para non esvarar polas lousas molladas e non levar un susto, e as veces eramos ata doce os extremos que tentaban en manter os corpos do capitán e dos seus amigos, que maldicían e mentaban os antepasados de aqueles que deseñaran ese itinerario que, segundo as informacións previas, estaba catalogado como fácil.

Foi unha baixada que levou o seu tempo, e cando xa pensabamos que non había maneira posible de que empeorase chegamos a un regueiro, este si que podería ser o río Âncora, e para atravesalo había que votarlle un valor que xa minguara moito. A pontella que atravesaba o leito fluvial estaba formado por grandes laxas de granito, esvaradías como pista de patinaxe, aínda que o digo de oídas porque nunca estiben nunha, e ademais a do medio movíase. Para máis coña tocoume a min descubrilo, porque ó pisala sentín o temblor, e xa me sentín saltando cara o río, pero a fortuna sorriume unha vez máis, e nin eu nin os que me acompañaban sufrimos ningún contratempo, só foi un medo pasaxeiro.

Pasado este apuro chegamos por un camiño xa máis horizontal ata unha coutada con dúas enormes sobreiras, preto duns depósitos de auga, e avanzamos pegadiños ó seu muro de pedras, outra vez gañando metros cara non se sabía moi ben onde. Ós poucos chegamos a unha segunda coutada, aínda máis grande que a anterior, e dela saían dous camiños, un de seguro tiraba cara o pobo, que xa mirabamos, quero dicir miraba, quen podía, preto de nos, e o outro subía por unha calzada empedrada cara o monte, que se perdía nunha néboa mesta que viñera asociada á poalla que non paraba de caer.

Houbo conclave e decidiuse, co meu voto a favor, que seguisemos cara arriba, aínda que xa non quedaba moito tempo de luz e, ademais, os colegas do meu capitán seguían a darlle voltas a un mapa que, a estas alturas do campionato, xa non tiña nada máis que dicir, non coma min, que falo sen precisar de boca.

Polo vello camiño de pedras desgastadas polo paso continuado de bestas, homes e carros, imos distanciándonos do pobo, con rumbo incerto a pesares de que estamos a seguir as marcas que, aínda que están medio borradas, seguen sendo abundantes, e os colegas do capitán seguen mirando o mapa do dereito e do revés, sen lograr pórse de acordo se estabamos no sitio de Devesas ou na Encosta da Branca, mentres os do Ramón quéixanse de que as súas botas non son todo o hidrófugas que requirían tal día como hoxe, co terreo enchoupado pola poalla persistente que aínda se intensificaba máis.

Conforme ascendíamos ía mudando a paisaxe e internámonos nunha fraga de coníferas, sempre pisando o firme empedrado que, nalgúns tramos, facíanos extremar as precaucións, non foramos escarallarnos e perder a confianza que nos outorgara o capitán traéndonos ata aquí.

Despois de atravesa-la compacta masa de piñeiros poderíamos facer unha avaliación do terreo, aquelo de onde vimos, a onde vamos, pero a néboa foi cubrindo pouco a pouco a paraxe, ata eu podía sentilo a través da miña coroza de goretex, e o único salientable do camiño foi o encontro cun rabaño de dúas ducias de ovellas que o detectarnos ficaron paralizadas, semellando una fotograma dunha película de Buñuel, aínda que non se puñan de acordo co titulo, e non espantaron ata que chegamos a uns metros delas.

Chegamos así a unha estrada alcatreada, onde un cazador pechaba un par de cadeliños en cadansúa gaiola, nunha furgoneta na entrada dun camiño, e Yuka preguntoulle ó do traxe mimetizado se era quen de indicar no mapa a nosa situación, e o tipo non foi demasiado claro, ou estaba tan alucinado como o que dende as súas botas militares movíase de esquerda a dereita en sinal de desaprobación, como dicindo: ¿pero onde ides con este tempo?.

Aínda así, o capitán e os seus colegas, tipos teimudos, decidiron seguir polo camiño empedrado, como si non tiveran bastante poalla, neboeira, pedras esvaradías, incertidumbre. Eu, pola miña conta, xa estaba a piques de protestar, e notaba como aumentaba a inchazón dese nervio que teño rebelde, pero non era o momento, así que seguín subindo polo camiño adiante, ata que os que me precedían paráronse, consultaron novamente o mapa, e fixeron unha nova consulta popular que, neste caso, saíu no meu favor.

Así decidiron dar a volta e recuar polo mesmo camiño que subiramos. Volvemos cruza-la estrada e outra vez atopamos o rabaño de ovellas que, véndonos de retirada, decidiron acompañarnos, tomándonos polos seus pastores. Criaturiñas!

E así, seguindo os pasos de un cento de pezoñas ovinas, fomos descontando os metros que gañaramos, ata chegar á zoa das coutadas, onde o Ramón intentou un novo itinerario para chegar cando antes ó pobo, que xa se miraba ala abaixo, pero o resto da expedición rebelouse e insistiu en baixar ata os depósitos de auga, polo camiño que viñeramos, e dende alí, seguindo un estreito sendeiro, chegar ás primeiras casas de Monteria.

Chegamos de noite, e saímos xusto detrás da sede da freguesía, moi preto do parque onde deixarámolo vehículo, xa intensificándose o orballo, transformándose nunha chuvia xeada que animaba a muda-la roupa. Coma sempre o capitán non pensou un chisquiño en min, e cambiou camiseta e forro, pero tivo que quedar co pantalón algo mollado, e lamentei que non se lembrara, cando menos, meter uns calcetíns limpos na mochila, porque mollado non estaba, pero si húmido e cheirento.

Os seus compañeiros si que foron máis precavidos e ata de botas cambiaron ¿que envexa!, e eu tiven que conformarme co calorciño do coche, e de votar unha sonequiña mentres íamos acercándonos outra vez á fronteira. Antes de cruzala acordaron parar en Vilanova da Cerveira, a repoñer forzas nunha pizzería que seica tiña boas referencias.

Deume un pouco de vergoña chegar coas botas molladas e embarradas, e fixen esforzos para non coxear e que non se notaran as miñas doenzas, porque o sitio estaba cheo de parroquians con zapatiños de domingo e botas de pel.

Comeron os nosos unha pizza cunha éstrana combinación de chourizo, espinafres e gambas, mentres baixo da mesa os seis sufridores seguíamos a parolar das nosas cousas, dos novos camiños que teríamos que afrontar, ou dos períodos de inactividade que, no meu caso, traía o chollo do meu capitán.

Aínda que xa devecía por estar outra vez na peceira, pretiño da estufa, mentres os dedos xogaban sobre o teclado do ordenador a fabricar estas lendas, estas escolmas que xa van cara do número cen. E agora que estou en esas, xa está o capitán a soñar con abrir novos camiños, sen prestarlle outra semana máis atención ás miñas dores, pero que lle queredes, xa vos dixen que é un chisco tolo, segue pensando que ten vinte anos, e o mes que ven xa lle van a caer os corenta e dous.

E25 Trilho dos Canhos de Agua (Viana do Castelo)

Xoves, 5 de abril de 2007

Amañezo, un día máis, nunha cama estraña, confundíndose peles e suores que se antollan propios, como se o meu corpo fabricase un semellante nos territorios dos soños. Afortunadamente non é así, e quen está ó meu carón, ou para ser máis exacto, pegado ós meus osos, é unha desas criaturas pola que paga a pega sorrirlle a unha nova mañá: un anxo. Entendo que esto é o insólito, e que dentro duns días esvaecerá o espellismo, e volverei tecer teas de araña para atrapar ós fantasmas que habitan os pregues das miñas sábenas pero, mentres tanto, déixome arrastrar polos afectos, e por outros desexos que non vou detallar nestas páxinas.

Tralas enormes fiestras deste castelo, que o noso bo amigo Xurxo tivo a ben cedernos en usufructo mentres esgota os seus derradeiros días na península itálica, o ceo e o océano se mesturan: tal é a intensidade dos vernices velvias que os deuses verteron tralos asteleiros, onde as grúas desafían as alturas, inmóbiles, orgullosas, como mudos xendarmes dunha cidade onde a vida detívose co comenzo das festividades.

Aínda que sempre hai quen semella non descansar, a quen o entusiasmo lle fai brincar da cama, para volver encher a mochila de pegadas coas que sementar as fértiles terras da nación veciña. Si, Ramón contáxianos as súas ganas, e tras unha breve deliberación decidimos que fai un día perfecto para compartir aficións, e así iniciar na vida sendeirista a A., aínda que careza de equipamento básico para sortear os camiños que levo tatuados, confundíndose cos surcos carnosos dos nosos pés.

Recollemos o noso madrugador amigo e a súa compañeira, Yuka, que pese os seus rasgos orientais é de costumes palentinas como averiguaremos máis tarde e ímonos no curioso formato de cuarteto, ¿canto fai que non salo así ó monte?, cara ese santuario da ortodoxia que ten nome de sinal de tráfico, onde a nosa sección feminina comulga por primeira vez co cáliz sagrado do arroz malandro, regado, como debe ser, cunha boa botella de Terras do Rei.

Unha vez consumado este bautizo, e despois dunha sobremesa insólita onde Yuka si que marca unha diferencia (é a primeira vez que alguén pide un xeado pola cor do sombreiro), saímos á rúa coa tranquilidade de non deixar ningún can no maleteiro, porque o sol segue a golpear o seu lóstrego de lume.

Chegamos a Viana do Castelo con cara de turistas satisfeitos, ou máis ben cos estómagos de turistas agradecidos, porque a malandrina comeza a diluírse nas nosas veas, tensando os nosos músculos para sortear os quilómetros que conformarán o noso itinerario. Á sombra de Santa Luzia, ese xigante pétreo con ansias de escoitar o murmullo das augas do Sena, agochándonos parte da desembocadura do Lima, está o panel indicativo do sendeiro elixido para dar a benvida as nosas compañeiras: o Trilho dos Canos de Agua.

Como tampouco imos sobrados de tempo, porque nos demoramos de máis no xantar, poñémonos en marcha de seguida, despois duns breves estiramentos e das fotografías de rigor nas escalinatas do recinto sagrado. A seguir abandonamos o firme asfaltado para internarnos no bosque de eucaliptos e acacias que descende abruptamente pola aba do monte, enfrontando a vista dun océano maxestoso que lambe os derradeiros pastos do continente.

Aquí e onde se pon a proba as solas de A., que aínda non coñece as vantaxes do Gore-tex, Vibram o Boreal, dito todo esto sen ningún ánimo de publicidade, e se defende como pode do terreo adverso que, de tódolos xeitos, se amabiliza cando chegamos ós Arcos de Fincâo, onde enlazamos co acueducto polo que trascurre boa parte da nosa ruta.

Despois de admirar estes enxeños arquitectónicos subímonos ós canos de agua, polos que temos constancia de que sigue avanzando o líquido elemento, e comezamos a gañar os metros que perdemos no descenso, aínda que a poucos, porque o camiño de pedra sortea os desniveis do monte, onde nos cobixa a silueta dos piñeiros, suavemente.

Esto non é óbice para que as derradeiras rampas do corazón galope, e que o peso do inxerido no Stop ralentice os nosos pasos, sobre todo os meus, que sempre me deteño coa escusa da afición fotográfica para buscar un respiro. Inclúo son quen de atravesar un dos viaductos polo seu estreito arco, para evitar os metros adicionais que supoñen pasar por debaixo, como fan o resto dos meus compañeiros.

A curiosa levada pola que trascurre esta primeira parte do sendeiro desaparece nun túnel enrexado onde nos facemos unhas postais carcelarias, e nese punto decido investigar a quenda de agua, que non atopei na anterior ocasión, fai pouco máis dun mes. O que descubro me rentabiliza a repetición, unha sucesión de pequenas fervenzas, que remata nunha poza de fondo esmeralda.

Xa non son quen de provocar a ninguén para que se mergulle comigo nas augas cristalinas, nin tan sequera logro espertar a curiosidade dos meus acompañantes coa narración dos lugares máxicos que descubrín, así que renuncio ó baño e a iniciar unha nova tradición que, véndoa ben, sería recuperar antigos ritos, cando era outro o corpo que me cobixaba.

Camiñamos enfrontados á Serra de Santa Lucía, onde se moven preguiceiras as aspas dos muíños de vento que, como ben dixo o mestre, non moen nada, e deberíamos referirnos a eles como o que son: xeradores eólicos. Abandonamos os canos de agua que nos trouxeran ata aquí, por unha pista de terra que discorre polo Alto da Pena, e disfrutamos das postais que nos ofrece esta magnifica atalaia, gravándoas na nosa retina y no noso arquivo dixital.

Síntome un pouco orgulloso de ofrecerlle estes momentos ó meu anxo, que non se queixou nin un momento da ascensión, é máis, estivo en cabeza máis tempo que eu, que se supón son o guía da expedición.

Despois dun breve traxecto por esta paraxe, desembocamos nun firme alcatroado, que nos leva ó lugar de San Mamede, na freguesía de Aredos, onde nos recibe unha pequena capela para que, á súa sombra, podamos recuperarnos un pouco dos metros que gañamos, tanto en distancia como en altura. Volvo repetir as fotografías do mes pasado, intentando perfeccionalas, máis que nada porque hoxe non teño a ninguén que me proteste por esta manía coa que entorpezo e ralentizo a marcha.

Discurrindo entre as casas señoriais deste núcleo rural constato a boa marcha das obras do seu enclave orixinal, Aldea Velha, que con este ritmo terá que mudar, necesariamente, de nome. Aínda que a máis impoñente das construccións siga habitada por madreselvas, enredadeiras e liques. Nesta casa magnifica, aínda co ceo por teito e cos ocos das súas portas e fiestras desertos, e polo tamaño da súa cheminea e a cantidade das súas alacenas nos preguntamos como sería a vida aquí, cando moraban nela os seus donos.

Abandonamos o lugar pola estrada que ascende, outra vez, cara o monte: é sen dubida o tramo menos agradecido, pero o compensan as vistas sobre o que deixamos atrás.

Outra vez a novata do grupo nos adianta, para constatar que botas non terá, como nos, pero pernas si: dúas, e bonitas por certo.

Agrupámonos cando entramos na Bouça do Frade, unha fraga de piñeiros e eucaliptos por onde cesa o ascenso. Moito mais non se pode chegar, xa que atopamos un vértice xeodésico que confirma que acadamos o Alto do Frade, un magnifico balcón ó entorno de Viana do Castelo, e a desembocadura do río Lima, e máis dende o alto da Casa do Radar ou Casa dos Aviôes, unha obra inacabada que pretendía instalar unha estación de control aéreo durante a segunda guerra mundial.

Dende aquí observamos a distancia que nos afasta da basílica de Santa Luzia, e a masa boscosa que temos que atravesar. Nela internámonos, camiñando por unha calzada empedrada entre unha densa plantación de acacias, comezando un descenso leve, ata atopar outra vez unha estrada onde nos detemos a observar un curioso vehículo deses que só se poden atopar a este lado da fronteira. Aquí é onde se lle ve o oficio ó bo de Ramón, xa que insiste en que fotografía os baixos do enorme camión que xa ten tempo para descansar nun museo.

Abandoamos o firme asfaltado e camiñamos os últimos quilómetros de monte ata chegar a un pequeno campamento indio, que descubrín no meu anterior periplo por estes lugares: un par de construcción de fortuna, con ramas e follas, comas que facíamos nos campamentos de verán nos anos sesenta.

Completamos o sendeiro pola Carreira do Tiro, onde se atopa un pequeno cuartel onde, en contra do que cabería esperar, non apreciamos ningunha actividade militar. Cando chegamos ós románticos xardíns de Santa Luzia non podemos evitar quitarnos as típicas fotos de lembranza, como faría calquera parella. E apuramos o paso porque o estómago xa demanda a merenda. Fixémola en Caminha, e despois aínda ceamos en Tui.

E21 Trilho dos Canhos de Agua (Viana do Castelo)

Domingo, 25 de febreiro de 2007

Nesta ocasión non teño que desprezar as previsións meteorolóxicas para arrincarme a trabadas as teas de araña, en outra desas mañás de domingo nas que amañezo con area na gorxa e unha banda de mariachis facendo un pasarúas polo interior da miña cachola, nin facer un reconto de cadáveres para licualos na cafeteira, mentres decido a indumentaria coa que cubrir os meus osos doridos polos excesos das horas pretéritas. Sóbranme razóns para sorrirlle ás nubes, para descontar as horas que me acercan ó crepúsculo, en compaña dun cardúmen de seres queridos cos que insisto nesta sementeira estéril de pegadas.

Con eles insisto nas tradicións, nesta sorte de xestos repetidos que nos conforman como colectivo, e volvemos recorrer a lingua de asfalto que nos afasta das terras portuguesas, para recalar outra vez no máis parecido que temos a unha sede social: ese comedeiro con nome de sinal de tráfico, que mantén os nosos niveis de malandremia nunha proporción aceptable. Aínda que sempre hai alguén que, como nas mellores familias, desafía a ortodoxia e atrévese a trocar o cabrito por esa poción máxica que nos da as forzas precisas para seguir coleccionando camiños.

E os meus seres queridos teñen nome, e para que conste en acta os nomeo: Zalo, caudillo de camiñantes e congostreños, que non perde ocasión para pastorearnos e así establecer un novo enlace no complicado mapa de sendeiros que ten na cabeza; Habibi, incansable constructor de teorías sobre calquera tema que nos sala ó paso, que divide o mundo entre o “ten punto” e o “non aporta nada”; Nuria que está sen dubida na primeira categoría, e que obrou a milagre de converter o noso amigo nun afamado montañeiro, competindo en loita desigual contra os encantos da informática; Nacho, o noso Tesorito, antigamente coñecido como Tremendo Pavo, ó que as febres mantiveron afastado da nosa compaña, e que decidiu combater ós virus cunha boa suada; e como sorpresa se nos suma Mónica, que sempre vai ter o número dous, e que venceu as reticencias á nosa fórmula dominical para volver compartir congostras, carreiros e canicoubas, como nos vellos tempos.

Pois con esta sorte de persoas amables, e coa bendición do ceo, que nos guinda bafaradas de lume para desafiar ó inverno, descontamos os quilómetros que nos arredan de Viana do Castelo, onde arranca o itinerario que nos propuxo o de Paramos, en outro dos seus intentos en conectar a extensa rede de sendeiros lusos.

Deixamos os nosos coches no alto de Santa Luzia, dende onde temos unha ampla e bela panorámica da cidade, e a foz do río Lima que se derrama maxestosamente no océano Atlántico, onde a estreita franxa dourada dos areais fai de fronteira á extensión esmeralda dos campos de cultivo. Nesta atalaia atopase a impoñente basílica adicada á mesma santa, que parece que ten moita devoción nestes lugares, dado a contundencia e altura dos seus muros, e á súa sombra o panel indicativo do noso percurso pedestre: o Trilho dos Canos de Agua.

Case non teño tempo dos estiramentos precisos, nin de disparar catro tiros dixitais para captar as postais que me rodean, porque xa a tropa saíu á estrada, baixo a dirección do Tenente Almeida que, aínda que o continxente das tropas non sexa numericamente importante, non dubida en pórse ó mando, para non perder o costume. Tras eles avanzo polo asfalto, bordeando un muro vernizado polo brión, e ó chegar a unha casa en ruínas comezamos a descender por un camiño forestal, cuberta na súa gran parte por eucaliptos e mimosas, especies que desprazaron ó bosque autóctono, escoitando as primeiras queixas de Habibi que vai contando os metros que nos acercan ó mar, para indicarnos todo o que temos que subir para volver ós coches.

Perdemos altura con facilidade na primeira centena de metros, seguindo a estela das marcas roxas e amarelas características destas rutas, ata chegar a dous grandes arcos de pedra, os Arcos do Fincâo, onde a sección fotográfica do grupo se detén a intentar captar un pouco da maxia deste lugar enfeitizado. Estas estructuras de pedra son a parte máis visible do acueducto por onde discorre a nosa ruta, xa que por riba delas pasan os canos de auga que nomean o sendeiro. Aínda hoxe este sigue captando a auga das minas da Serra de Santa Luzia para abastecer os depósitos de Viana.

Camiñamos por unha levada de granito, e baixo a sola das nosas botas sentimos o discorrer do líquido elemento, sorprendido pola lonxitude desta construcción que serpentea atravesando o corazón da fraga, onde se alternan eucaliptos, piñeiros e mimosas, sorteando desniveis que, uníndose a unha temperatura máis que benigna, nos arrancan os primeiros suores. Aínda que non son nada en comparación cos que deberon licuar os esforzados constructores desta conducción dos acuíferos diseminados pola montaña.

Avanzamos gañando metros ó ceo, cando atopamos outro arco de pedra que salva o obstáculo dun pequeno regueiro, e aquí podemos observar un muíño e a entrada dunha mina escavada na rocha, e continuamos a ascensión sempre por riba do canal de pedra que nun par de ocasións está interrompido por aliviadoiros que reciben o simpático nome de casinhas de agua. Tamén nos atopamos con varios desvíos para o acceso a novas minas, que poderíamos visitar se non fora porque o noso grupo decide acadar canto antes o Alto da Pena, dende onde se contemplan unhas magnificas visitas da serra.

Todos pagamos o noso tributo de suor na subida, pero hai algún a quen non lle parece suficiente prezo e lle da unha propina de saliva, eso si, para queixarse. Sen decatarnos case completamos o tramo da levada, e desembocamos nunha pontella sobre un ribeiro que se precipita sobre unhas pedras formando un modesto salto de auga.

Transcorridos algúns metros confluímos a unha estrada, que nos anticipa a entrada nun núcleo rural, xa que unha placa nos indica que camiñamos pola rúa Tía Iberia. De seguida esquecémonos de que estamos pisando asfalto, xa que todo o que atopamos ó noso paso forma un entorno con certo encanto, no lugar de San Mamede, pertencente a freguesía de Areosa, que nos da a benvida cunha pequena capela onde, segundo a nosa guía realizase no mes de agosto a festa do mel.

No prado que se tende ós pes do recinto sagrado pacen tranquilos equinos, indiferentes ós disparos dixitais cos que intento atrapalos, mentres un pouco máis adiante Habibi fai o propio con algúns recunchos máxicos dos moitos que compoñen este conxunto de casas que supoñemos cun certo poderío económico, dado a envergadura e consistencia dos muros das súas construccións. Afortunadamente, neste caso, parece que os cartos e o mal gusto non van xuntos, e o resultado é bastante alentador.

Á saída do pobo, ás beiras dun regueiro, agrupámonos co resto da tropa, e comentamos a beleza do lugar onde nos atopamos, aínda que tamén escoitemos as típicas queixas pola lentitude da nosa marcha, debido ó empeño da sección fotográfica de seguir ampliando o arquivo dixital destes domingos deportivo-gastronómicos.

Continuamos a marcha, pero antes de abandonar o poboado de San Mamede visitamos o seu enclave orixinal, a Aldea Velha, un conxunto de vivendas derruídas baixo unha espesa capa de brión e de silveiras, aínda que á vista da rehabilitación de vellas construccións que se está realizando no lugar non cremos que permanezan neste estado por moito máis tempo.

Volvemos sobre os nosos pasos para acadar outra vez o firme asfaltado, polo que discurrimos entre as receitas dun completo menú que Habibi, con todo o seu saber culinario, comparte con Tesorito, e que agardamos probar algún día, para ver os efectos destas ensinanzas.

E con esta e outras conversas acadamos unha pista forestal que nos introduce na Bouça do Frade, que discorre entre un bosque mixto de piñeiros e eucaliptos, e suavemente ascendemos ata o Alto do Frade, onde se alza a silueta dun edificio abandonado. Esta obra, coñecida como a Casa do Radar ou Casinha dos Aviôes, non foi rematada, e estaba destinada á instalación dun posto de control aéreo durante a segunda guerra mundial, constituíndo unha magnifica atalaia para contemplar, e máis nun día onde o tempo resulta tan magnánimo, unha ampla panorámica da cidade de Viana e sobre todo o Val do Lima.

Tamén desde este punto podemos observar o Monte de Santa Luzia, e a basílica onde deixamos os nosos vehículos, e a distancia que nos afasta, cuberta por un espeso arboredo. Por esta fraga, na que abundan mimosas e piñeiros, nos internamos, despois de descansar brevemente ó lado do esqueleto da edificación militar, e camiñamos un breve tramo cuberto con grandes lousas de pedra, ata desembocar outra vez nunha estrada, e desde aquí, en outra pista forestal onde se multiplican os coches cos cristais empañados, poñendo a probas de resistencia a suspensión e a tapicería.

Chegamos a un parque forestal, onde existe un miradoiro con vistas ó océano, e onde Zalo tranquiliza ás tropas sinalando no mapa o pouco que nos queda para rematar o noso círculo.Estamos na Carreira do Tiro, chamado así polo campo onde se practican os militares do cuartel que está o carón do camiño, xa no derradeiro quilómetro do noso itinerario.

Antes de chegar outra vez ó punto de partida subimos ó depósito de auga da cidade, dende onde tamén temos unha panorámica xenerosa da cidade e do val. Só nos queda pendente a Citania de Santa Luzia, un dos castros máis coñecidos do norte portugués, pero ¿a quen lle interesan unhas pedras milenarias se nos agarda a merenda?.

E6 Trilho da Châo (Viana do Castelo)



Domingo, 28 de outubro de 2006



Outra vez comezo a semana de descanso sen darlle tregua ó corpo, e nin os fragmentos de ópera, confundido entre un público elegante e alopécico como preludio dos meus días de ocio, leváronme a afrontar esta ausencia de compromisos laborais coa tranquilidade que me aconsella os números da miña conta bancaria, e cos múltiples estragos que habitan este corpo que sufro e gozo a tempo completo. O resultado é máis que evidente: esperto con unha orquestra de mariachis desafinando dentro da miña cachola, facendo reconto das sustancias nocivas que inxerín nas horas pretéritas, con nocturnidade e aleivosía. Para agravar esta situación de franca decadencia física, non pasaron máis de cinco horas dende que me derrubei, como unha vella árbore vencida pola tormenta, na seguridade da miña cama, cando sona insistentemente o timbre da porta, con sesenta minutos de antelación sobre o horario previsto, porque Tesorito ignorou que o goberno tivo a ben restarnos unha hora de sol e que polo tanto tamén el debería obrigarse a axustar o espertador.

Así que baixo a supervisión deste bo amigo, ó que insulto levemente polo seu descoido, precipítome cara a cafeteira para engulir medio litro de café e dúas galletas, disfrazado de sátrapa vietnamita, para que quede claro que antes morto que sinxelo, e que aínda son un cadáver elegante. E mentres intento entrar nuns pantalóns de montaña que me anuncian coa insistencia o paso do tempo, ofrézolle ó meu colega como almorzo as derradeiras crónicas dominicais dos sendeiros que compartimos, para que vexa que, a pesar dos meus deslices nocturnos, teño feitos os deberes.

Baixo os efectos do café, que minimizan as trompetas mexicanas que insisten en tocar a degüello dentro da miña cachola, xa son quen de abandonar o meu refuxio e reunirnos con Zalo, que propón un arroz malandro con panados, para encher ese bacío existencial que habítanos permanentemente nas cavidades do estómago, con tanto tráfico de bolboretas e velenos que, en distintas medidas, inxerimos calquera dos tres desoíndo as prescripciones facultativas. Así que por fin volvemos ó Stop, a engulir ese prato típico e, na espera, inxerimos tódalas tarrinas de paté de peixe, manteiga e crema de queixo que non poñen o noso alcance, así como a primeira botella de Terras d’el Rei, viño alentexano, no que insistiremos unha vez máis en canto nos sirvan o ágape.

Comemos coas ganas que se acumulan na coáresma, felicitándonos por acertar co menú dominical, e en troques de buscar a sombra dunha árbore para facer a dixestión, buscamos toda unha fraga. Para elo avanzamos pola estrada da costa, en dirección sur, ata chegar ó pobo de Carreço, dende onde arranca a nosa ruta, só temos que deixar o coche na entrada da escola municipal e deseguida atopamos o panel informativo do Trilho da Châo, que temos intención de completar, eso si, si nolo permite o pegañento sol de primavera que nos cuspe unha bafarada de lume, e os mosquitos que resucitaron con ganas de sangue.

Cruzamos o viaducto da Ponte Seca, sobre os camiños de ferro do tren, en dirección ó barrio de Paço, e os meus compañeiros parece que teñen o depósito cheo de gasolina porque non se deteñen a ver as curiosas arquitecturas que nos saen ó paso, como a Capela de San Sebastiâo ou a Casa da Fontainha, as fontes públicas, ou os gravados rupestres da Lage da Churra, que forman un conxunto bastante harmonioso da actuación dos habitantes desta zoa en diversas etapas históricas. O Cantinho dos Nossos Sonhos é a derradeira construcción que nos anticipa a fraga, e dende alí saímos xa en formato de trío, para comezar a ascensión cara ó alto da serra, por unha vella calzada de pedra chamada Caminho da Costa de Paço, onde se atopan gravados as pegadas dos carros de bois.

Conforme gañamos metros ó ceo despoxámonos das nosas camisolas, porque a sombra dos eucaliptos calcinados non nos da o soporte necesario para soportar esta temperatura tan atípica nestas datas. Aínda que todo ten a súa recompensa, e temos que darlle a razón a Zalo cando nos indicaba que nesta ruta é bastante aérea, pois non tardamos moito en ver unha panorámica do pobo que deixamos ás nosas costas, coa inmensidade do océano batendo contra a terra. Por sorte un regato cruza o camiño e aproveitamos a oportunidade para refrescarnos como si viñesemos dunha travesía polo deserto dos Tártaros, mentres lamentamos que no mapa non debuxaran unha liña azul que nos indique un río suficientemente profundo onde mergullarnos e recuperar tradicións. Acadamos unha pista forestal de terra, onde abandonamos a cobertura das árbores, que ven dende Afife, e por ela continuamos subindo ata alcanzar un miradoiro onde podemos observar unha vista moito más ampla do mar e de Vila Praia de Áncora, co Santa Tecla cara o fondo, na Galiza.

Aquí detémonos a observar os efectos devastadores do lume, que tamén este verán cebouse con estas terras miñotas, mentres nós intentamos calmar o noso propio lume bebendo con avidez as reservas acuíferas que portamos, que semellásenos insuficientes para a necesidade de hidratación que nos imprime a lingua cálida do astro rei. Nestas observacións estamos cando nos invaden tropas motorizadas con efectivos lusos, co seu ruído atronador e levantando intensas nubes de po, co que logran que nos poñamos en fuga para evitar enfrontamentos nos que, dado o estado das nosas forzas, tiñamos tódalas de perder. De seguida chegamos a un cruce con outra pista de terra batida, que chega de Viana do Castelo, aquí xiramos á dereita para avanzar cara o cumio, intentando capturar, aínda que sexa dixitalmente, a unha escorrediza serpe que pon a proba a nosa velocidade de disparo. Teño que recoñecer o fracaso, pero ata a batería se resinte, e despois de cambiala acadamos unha encrucillada no lugar de Pereirada, sobre a inmensidade do Planalto da Châo, que nomea este sendeiro.

Os indicadores diríxennos ó alto da Serra de Santa Luzía, pero tras unha breve deliberación decidimos desestimalo e camiñar ata a estación eólica, para levarnos unhas postais dos muíños de vento, hipnotizados polos seus reflexos nos numerosos charcos onde, indiferentes á nosa presencia, beben os garranos salvaxes, e as vacas barrosâs que viven en liberdade. Froito desta obsesión por levarme un bo feixe de fotogramas dos xigantescos molinetes é a perda dos meus acompañantes, que declinan o ofrecemento para poñerse debaixo das grandes aspas, e unha colección de grans que me brotarían o día seguinte por a miña inclinación a disparar dende o chan. En fin, con elo perden a oportunidade de subirse ó vértice xeodésico e, polo tanto, de facer cumio en condicións, aínda que sexa modesta.

Deixando ás nosas costas os xeradores eólicos entramos, aínda que a min tócame facelo en solitario, en un insufrible tramo de piche, rodeado outra vez de eucaliptos devastados polo lume, polo que suben, a contagotas, parellas motorizadas con pícaras intencións, ou eso imaxino por los profilácticos atopados no alto. E media hora despois de perdelos de vista reúnome cos meus amigos, para voltar ós camiños de terra que nos levan a unha pequena elevación onde están nas Pedras da Cruz do Calvo, e dende alí atopamos a desviámonos cara o Miradoiro das Bandeiras no Alto do Miñor.

Non vemos ningunha bandeira, pero deleitamos coa vista marabillosa sobre o océano, Faro de Montedor e os campos de Areosa, Carreço e Afife, nunha sinfonía de cores como diría o meu caro Zalo. Dende este punto acometemos o descenso ata enlazar novamente co Caminho da Costa de Carreço, esa calzada centenaria que garda o testemuño das rodas dos carros no granito, e nalgunhas pedras atopamos tamén as datas que sinalan as intervencións periódicas e comunitarias para o mantemento do camiño. E imos descontando os metros que antes gañamos ó ceo para acercarnos o mar, pero antes de contemplar o noso círculo aínda temos que sortear un tramo de piche, onde nos agarda unha agradable sorpresa: un improvisado xardín nunha das súas beiras que esperta a gula da cámara dixital. Esta si que é unha verdadeira sinfonía: laranxas, violetas, amarelos, tódalas flores compiten en beleza e me atrapan ata o punto que volto a perder de vista ós meus amigos, que polo visto teñen presa por rematar o recorrido.

Dende esta estrada chego, en solitario, ata o lugar de Coroa, onde existen vestixios dun antigo castro, mentres o sol está preto a mergullarse no Atlántico e non esté en condicións de dar voltas para buscalo, bastante teño con cruza-lo pobo sen camisola, para escándalo dos parroquianos, e ó cruzar, por segunda vez no día, o camiño de ferro, desemboco nas Fontelinhas, onde se atopan as primeiras casas de Carreço, próximas a Capela de San Paio, onde volvo a perder o rastro do sendeiro e baixo ata a estrada nacional.

Xa vou medio morto cando chego ó cementerio, baixo a sombra do campanario da Igrexa Parroquial, disparando as derradeiras fotografías para combater o desanimo, e cruzo o pobo seguindo as marcas roxas e amarelas e os ecos dunha percusión africana, onde están os meus amigos facendo os estiramentos de rigor.

Aínda nos queda curiosidade par acercarnos, esta vez xa en coche, ata o Moinho de Petisco, muíño de vento do ano 1855, que foi trasladado para a construcción do Faro de Montedor, no ano 1910, que tamén visitamos, e que ten as peculiaridades de ser o faro situado máis o norte de Portugal e de cruzar as súas luces có das Illas Cíes. Con catro horas de suor, sol e pegadas as nosas costas dámonos unha merecida recompensa en forma de birras xeadas na primeira praza que atopamos. De lonxe parecemos os restos do exército de Pancho Villa: de preto, tamén.

Seguidores