E6 Trilho da Châo (Viana do Castelo)



Domingo, 28 de outubro de 2006



Outra vez comezo a semana de descanso sen darlle tregua ó corpo, e nin os fragmentos de ópera, confundido entre un público elegante e alopécico como preludio dos meus días de ocio, leváronme a afrontar esta ausencia de compromisos laborais coa tranquilidade que me aconsella os números da miña conta bancaria, e cos múltiples estragos que habitan este corpo que sufro e gozo a tempo completo. O resultado é máis que evidente: esperto con unha orquestra de mariachis desafinando dentro da miña cachola, facendo reconto das sustancias nocivas que inxerín nas horas pretéritas, con nocturnidade e aleivosía. Para agravar esta situación de franca decadencia física, non pasaron máis de cinco horas dende que me derrubei, como unha vella árbore vencida pola tormenta, na seguridade da miña cama, cando sona insistentemente o timbre da porta, con sesenta minutos de antelación sobre o horario previsto, porque Tesorito ignorou que o goberno tivo a ben restarnos unha hora de sol e que polo tanto tamén el debería obrigarse a axustar o espertador.

Así que baixo a supervisión deste bo amigo, ó que insulto levemente polo seu descoido, precipítome cara a cafeteira para engulir medio litro de café e dúas galletas, disfrazado de sátrapa vietnamita, para que quede claro que antes morto que sinxelo, e que aínda son un cadáver elegante. E mentres intento entrar nuns pantalóns de montaña que me anuncian coa insistencia o paso do tempo, ofrézolle ó meu colega como almorzo as derradeiras crónicas dominicais dos sendeiros que compartimos, para que vexa que, a pesar dos meus deslices nocturnos, teño feitos os deberes.

Baixo os efectos do café, que minimizan as trompetas mexicanas que insisten en tocar a degüello dentro da miña cachola, xa son quen de abandonar o meu refuxio e reunirnos con Zalo, que propón un arroz malandro con panados, para encher ese bacío existencial que habítanos permanentemente nas cavidades do estómago, con tanto tráfico de bolboretas e velenos que, en distintas medidas, inxerimos calquera dos tres desoíndo as prescripciones facultativas. Así que por fin volvemos ó Stop, a engulir ese prato típico e, na espera, inxerimos tódalas tarrinas de paté de peixe, manteiga e crema de queixo que non poñen o noso alcance, así como a primeira botella de Terras d’el Rei, viño alentexano, no que insistiremos unha vez máis en canto nos sirvan o ágape.

Comemos coas ganas que se acumulan na coáresma, felicitándonos por acertar co menú dominical, e en troques de buscar a sombra dunha árbore para facer a dixestión, buscamos toda unha fraga. Para elo avanzamos pola estrada da costa, en dirección sur, ata chegar ó pobo de Carreço, dende onde arranca a nosa ruta, só temos que deixar o coche na entrada da escola municipal e deseguida atopamos o panel informativo do Trilho da Châo, que temos intención de completar, eso si, si nolo permite o pegañento sol de primavera que nos cuspe unha bafarada de lume, e os mosquitos que resucitaron con ganas de sangue.

Cruzamos o viaducto da Ponte Seca, sobre os camiños de ferro do tren, en dirección ó barrio de Paço, e os meus compañeiros parece que teñen o depósito cheo de gasolina porque non se deteñen a ver as curiosas arquitecturas que nos saen ó paso, como a Capela de San Sebastiâo ou a Casa da Fontainha, as fontes públicas, ou os gravados rupestres da Lage da Churra, que forman un conxunto bastante harmonioso da actuación dos habitantes desta zoa en diversas etapas históricas. O Cantinho dos Nossos Sonhos é a derradeira construcción que nos anticipa a fraga, e dende alí saímos xa en formato de trío, para comezar a ascensión cara ó alto da serra, por unha vella calzada de pedra chamada Caminho da Costa de Paço, onde se atopan gravados as pegadas dos carros de bois.

Conforme gañamos metros ó ceo despoxámonos das nosas camisolas, porque a sombra dos eucaliptos calcinados non nos da o soporte necesario para soportar esta temperatura tan atípica nestas datas. Aínda que todo ten a súa recompensa, e temos que darlle a razón a Zalo cando nos indicaba que nesta ruta é bastante aérea, pois non tardamos moito en ver unha panorámica do pobo que deixamos ás nosas costas, coa inmensidade do océano batendo contra a terra. Por sorte un regato cruza o camiño e aproveitamos a oportunidade para refrescarnos como si viñesemos dunha travesía polo deserto dos Tártaros, mentres lamentamos que no mapa non debuxaran unha liña azul que nos indique un río suficientemente profundo onde mergullarnos e recuperar tradicións. Acadamos unha pista forestal de terra, onde abandonamos a cobertura das árbores, que ven dende Afife, e por ela continuamos subindo ata alcanzar un miradoiro onde podemos observar unha vista moito más ampla do mar e de Vila Praia de Áncora, co Santa Tecla cara o fondo, na Galiza.

Aquí detémonos a observar os efectos devastadores do lume, que tamén este verán cebouse con estas terras miñotas, mentres nós intentamos calmar o noso propio lume bebendo con avidez as reservas acuíferas que portamos, que semellásenos insuficientes para a necesidade de hidratación que nos imprime a lingua cálida do astro rei. Nestas observacións estamos cando nos invaden tropas motorizadas con efectivos lusos, co seu ruído atronador e levantando intensas nubes de po, co que logran que nos poñamos en fuga para evitar enfrontamentos nos que, dado o estado das nosas forzas, tiñamos tódalas de perder. De seguida chegamos a un cruce con outra pista de terra batida, que chega de Viana do Castelo, aquí xiramos á dereita para avanzar cara o cumio, intentando capturar, aínda que sexa dixitalmente, a unha escorrediza serpe que pon a proba a nosa velocidade de disparo. Teño que recoñecer o fracaso, pero ata a batería se resinte, e despois de cambiala acadamos unha encrucillada no lugar de Pereirada, sobre a inmensidade do Planalto da Châo, que nomea este sendeiro.

Os indicadores diríxennos ó alto da Serra de Santa Luzía, pero tras unha breve deliberación decidimos desestimalo e camiñar ata a estación eólica, para levarnos unhas postais dos muíños de vento, hipnotizados polos seus reflexos nos numerosos charcos onde, indiferentes á nosa presencia, beben os garranos salvaxes, e as vacas barrosâs que viven en liberdade. Froito desta obsesión por levarme un bo feixe de fotogramas dos xigantescos molinetes é a perda dos meus acompañantes, que declinan o ofrecemento para poñerse debaixo das grandes aspas, e unha colección de grans que me brotarían o día seguinte por a miña inclinación a disparar dende o chan. En fin, con elo perden a oportunidade de subirse ó vértice xeodésico e, polo tanto, de facer cumio en condicións, aínda que sexa modesta.

Deixando ás nosas costas os xeradores eólicos entramos, aínda que a min tócame facelo en solitario, en un insufrible tramo de piche, rodeado outra vez de eucaliptos devastados polo lume, polo que suben, a contagotas, parellas motorizadas con pícaras intencións, ou eso imaxino por los profilácticos atopados no alto. E media hora despois de perdelos de vista reúnome cos meus amigos, para voltar ós camiños de terra que nos levan a unha pequena elevación onde están nas Pedras da Cruz do Calvo, e dende alí atopamos a desviámonos cara o Miradoiro das Bandeiras no Alto do Miñor.

Non vemos ningunha bandeira, pero deleitamos coa vista marabillosa sobre o océano, Faro de Montedor e os campos de Areosa, Carreço e Afife, nunha sinfonía de cores como diría o meu caro Zalo. Dende este punto acometemos o descenso ata enlazar novamente co Caminho da Costa de Carreço, esa calzada centenaria que garda o testemuño das rodas dos carros no granito, e nalgunhas pedras atopamos tamén as datas que sinalan as intervencións periódicas e comunitarias para o mantemento do camiño. E imos descontando os metros que antes gañamos ó ceo para acercarnos o mar, pero antes de contemplar o noso círculo aínda temos que sortear un tramo de piche, onde nos agarda unha agradable sorpresa: un improvisado xardín nunha das súas beiras que esperta a gula da cámara dixital. Esta si que é unha verdadeira sinfonía: laranxas, violetas, amarelos, tódalas flores compiten en beleza e me atrapan ata o punto que volto a perder de vista ós meus amigos, que polo visto teñen presa por rematar o recorrido.

Dende esta estrada chego, en solitario, ata o lugar de Coroa, onde existen vestixios dun antigo castro, mentres o sol está preto a mergullarse no Atlántico e non esté en condicións de dar voltas para buscalo, bastante teño con cruza-lo pobo sen camisola, para escándalo dos parroquianos, e ó cruzar, por segunda vez no día, o camiño de ferro, desemboco nas Fontelinhas, onde se atopan as primeiras casas de Carreço, próximas a Capela de San Paio, onde volvo a perder o rastro do sendeiro e baixo ata a estrada nacional.

Xa vou medio morto cando chego ó cementerio, baixo a sombra do campanario da Igrexa Parroquial, disparando as derradeiras fotografías para combater o desanimo, e cruzo o pobo seguindo as marcas roxas e amarelas e os ecos dunha percusión africana, onde están os meus amigos facendo os estiramentos de rigor.

Aínda nos queda curiosidade par acercarnos, esta vez xa en coche, ata o Moinho de Petisco, muíño de vento do ano 1855, que foi trasladado para a construcción do Faro de Montedor, no ano 1910, que tamén visitamos, e que ten as peculiaridades de ser o faro situado máis o norte de Portugal e de cruzar as súas luces có das Illas Cíes. Con catro horas de suor, sol e pegadas as nosas costas dámonos unha merecida recompensa en forma de birras xeadas na primeira praza que atopamos. De lonxe parecemos os restos do exército de Pancho Villa: de preto, tamén.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores