Mostrando entradas con la etiqueta O Rosal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O Rosal. Mostrar todas las entradas

E48 Sendeiro dos Muíños do Folón (O Rosal)

Martes, 29 de agosto de 2007

Todos temos o noso inventario de territorios máxicos, de pequenos anacos do paraíso, cos que confeccionamos un imaxinario particular, para recorrer a eles coa nosa memoria cando sufrimos derrotas, sismos e naufráxios, e con este exercicio logramos que volvan a nós momentos felices, cos que poder intentar un sorriso para erguerse, sacudirse os entullos, e volver ó camiño.

Nese listado dos meus lugares comúns, posuidores dalgunha forza misteriosa que me atrae a volver unha e outra vez, que se atopan máis próximos á metrópole na que desconto os meus días, ocupan un lugar destacado aqueles nos que a protagonista é a auga: a Banca de Saco, a Fervenza da Freixa, o Labirinto de Pías, os cantís da Vela, os saltos de Laforet, a carballeira de San Xusto, o Facho de Monteferro ou os Muíños do Folón.

Todos estes sitios forman parte de min, e da miña pequena historia, e por iso insisto en compartilos cos meus seres queridos, como si fosen un tesouro, porque en certo modo o son, xa que forman parte do patrimonio natural deste país que conservándoo, conserva tamén unha parte importante da memoria.

Así que elixo un destes lugares con encanto para iniciar a Tina, a miña doce fidanzata, que tamén forma unha parte importante da miña xeografía, da física e da emocional, a pesar de que non poda rivalizar coa exuberancia da Terra di Basilicata, de onde é orixinaria a miña Piccolina. A pesar de que non lle guste camiñar ou, precisamente, por ese motivo, coa intención de compartir estas actividades que tantos beneficios me traen, e á vez mostrarlle eses recunchos que aínda non coñece da miña anatomía, xa que en certo modo, ese imaxinario particular que mencionaba antes me conforma tamén, como as liñas debuxadas na miñas mans ou as enrugas que surcan a miña fronte.

E para completar este complicado puzzle de física e química, que é do que se compoñen as emocións, nos acompañan Ramón e Yuka, que ocupan outro lugar privilexiado na galería de lugares e xentes importantes que dan cobertura ós meus días.

O complexo que forman os enxenios hidráulicos disposto no Monte de Santa Mariña, no concello do Rosal, é un deses anacos enfeitizados do meu imaxinario, a onde chegamos, esquecendo as fórmulas orixinais que emprendemos fai un ano, cara as cinco da tarde, despois de sortear a xornada laboral matutina, e de saborear un prato exquisito de auténtica pasta italiana.

Aparcamos moi preto do estreito cauce do Río Folón, por onde soben en ordenada formación os pequenos muíños, que forman unha das concentracións deste tipo de reliquias etnográficas máis importantes de Europa, sorteando unha topografía particularmente difícil para aproveitar ó máximo a forza motriz da auga.

Despois de pornos de acordo no sentido no que iniciar a marcha, ou máis ben en que Ramón mostre o seu desacordo, sorteamos os primeiros muíños que, por atoparse preto da estrada, son os que acadan unhas dimensións máis importantes e os que se atopan máis separados, non sen que antes Tina máis eu bauticemos os pes coas fugas da levada, para certificar que os namorados non se fixan no terreo que pisan, porque se senten camiñando entre nubes.

Este primeiro tramo discorre polo terreo menos amable, pista de terra e bosque de eucaliptos, froito da xenocida política forestal da Xunta, ou ¿acaso non era a súa intención facernos desaparecer como pobo diferenciado, para converternos en pasta de celulosa?, ¿aínda hai quen crea na inocencia dos caciques de sempre, que seguen mandando en moitos dos nosos pobos, nos incendios do anterior verano?, ¿pode existir un cambio real no goberno deste país sen esixir responsabilidades ós autores materiais da cadea de atentados que sufrimos? En fin, podería seguir expresando a rabia pola destrucción deste pequeno fisterre, pero mellores plumas, Suso de Toro ou Manuel Rivas, xa o dixeron con máis acertadas palabras.

Menos mal que deseguida chegamos ó Muíño do Galego, que orgulloso se mantén ó marxe de subvenciones, e rodeado dun auténtico verxel, aproveitando as augas do Rego de Padín, ademais de para mover a roda de pedra, para alimentar a súa variada vexetación, onde podemos atopar algúns salgueiros e amieiros, exemplares autóctonos nas fragas de ribeira, que aínda subsisten en moitos dos nosos ríos, xunto con especies aínda máis ameazadas, como o acevo.

Dende aquí acadamos o primeiro grupo dos Muíños de Padín, nos que me gusta crer que algún dos meus antepasados moeu o gran, nunha desas muiñadas cheas de cantigas, bailes, e algo máis. Unha presa rudimentaria e unha ponte de madeira contribuían a facer deste recuncho un branco perfecto para os meus arquivos dixitais.

Camiñamos sobre unha calzada centenaria que ascende levemente para observar o conxunto etnográfica que deixamos ás nosas costas, ata chegar a unha levada, unha conducción de auga escavada na terra que se interna nunha espesa mata de eucaliptos, e por onde seguimos ata acadar os Muíños de Maceira, que nos anticipa o espectáculo de ver como estas construccións populares ascenden pola ladeira do Monte de Santa Mariña.

Neste punto Yuka sufre un pequeno accidente ó intentar sortear unha presa preto dos primeiros muíños, e mete unha perna na auga, ata o xeonllo, pero esto non desanima á brava burgalesa (fai fala algo máis que auga fría para desanimala), co que comezamos a ascender polo río Folón, que se precipita salvando un desnivel de cen metros, alimentando as pesadas moas de muíño que, con esta forza motriz, moían os cereais de boa parte do Baixo Miño.

O sendeiro polo que gañamos altura, a Carreira de San Martín, nos achega a primeira formación de muíños do Folón, composta por oito construccións, que van compartindo o caudal de un ó outro, aproveitando ó máximo o desnivel do outeiro. Dende aquí xa se pode apreciar unha ampla panorámica do entorno, no que desaparecen piñeiros e eucaliptos, e se pode apreciar a presencia de especies termófilas como a sobreira e o érbedo, que acompañan a outros árbores autóctonos.

Como xa teño demasiados rexistros dixitais deste lugar, cédolle a cámara a Yuka para que nos faga unha reportaxe dos momentos doces que estamos a vivir, e aínda que sexa só por esta ocasión parece facer o papel de turista nipona tirando unha ducia de fotos, pero os seus obxectivos non son as magnificas construccións de pedra, senón os dos namorados que non poden deixar de bicarse e acariñarse, chamando ó escándalo dos seareiros que atopan ó seu paso.

Chegamos así á Fervenza de San Martín, ou máis ben ó lugar onde debería estar, porque so atopamos un gran muro de granito tan seco que podería escalarse por el. Cando as precipitacións son abundantes se produce aquí un deses espectáculos cos que a natureza soe sorprendernos, nesta terra nosa na que os ceos soen ser xenerosos coa súa provisión de borrascas. Proba dela son as pasarelas de madeira instaladas para evitar que os visitantes se enchoupen os pes nun terreo que, ademais de irregular, é bastante húmido. Por elas acedemos ó grupo máis importante de muíños, catorce inxenios alienados, seguindo o descendente do río, que nos facemos cara arriba polo Camiño da Cereixa.

Unha vez completado o ascenso tomamos un breve descanso nunha atalaia natural dende a que contemplamos a desembocadura do Río Miño, que serve de fronteira natural entre o país galego e o portugués (de fronteiras, das visibles e invisibles falaríamos despois Ramón máis eu, nunha encarnizada polémica), e contemplamos tamén, antes de abandonalo, o área dos Muíños do Folón.

Preto deste balcón pétreo, avanzando algúns metros por unha pista de terra que se interna nun bosque de piñeiros, está o lugar de O Nivel, onde unha arqueta equilibraba e repartía en iguais cantidades a auga, que procedía dunha das derivacións do Río da Cal, cara os muíños que deixamos atrás e cara os que temos diante, os Muíños do Picón.

Acedemos a esta zona por unha levada, e constatamos que aquí os muíños non teñen a mesma continuidade, e que están dispostos en grupos de cinco, tres ou dous, debido a que o desnivel acadado non é tan abrupto, ata chegar ó número de vintedous, en bo estado de conversación de maior beleza, se cabe, que os do Folón. Ademais que se atopan diseminados entre os piñeiros, como se quixeran agocharse á nosa vista, e a cada paso ofrecen matices diferentes, semellándosenos que a cada paso descubrimos un territorio de conto.

Á metade do descenso facemos unha pausa e Yuka, que sempre coida este tipo de detalles, saca da súa mochila un termo con té quente, madalenas e barriñas de chocolate, para ofrecernos unha pequena merenda, mentres Ramón intenta facernos ver as fotografías que tomou nas Palentinas a semana anterior co seu teléfono. Triunfada de Yuka, a quen agradecemos os seus coidados e fracaso de Ramón, a quen encomendamos comprar urxentemente unha cámara de fotos.

Volvemos ó camiño, completando ó derradeiro tramo cara o coche, deixando atrás a Casa da Pintora, un belísimo solar dedicado ó turismo rural, e un bosque onde os carballos intentan discutir o reinado das foráneas. Como aínda queda tempo antes de que caía o sol sobre o Atlántico, Ramón exerce de cicerone e lévanos cara Goian, e lle mostra a Tina o embarcadoiro do transbordador, que acerca as dúas beiras do Miño, e a fortaleza de San Lourenzo, onde se nos dispara de xeito urxente a Fame.

Para remedialo poñemos rumbo a Tui, e no Cabalo Furado iniciamos, con éxito, á doce Piccolina na gastronomía galega: polbo a feira, calamares, tortilla e pementos de Padrón. E como remate, paseo nocturno pola zona monumental.

E15 Sendeiro dos Muíños do Folón (O Rosal)



Domingo, 21 de xaneiro de 2007

No derradeiro día da semana imponse un reconto de cadáveres, aínda que na véspera non cometera ningún crime e non me asome a sombra de Caín a tinguir as miñas enrugas. Mastigo os restos das pantasmas sobre a superficie do meu leito, mentres o espertador ignora que é a xornada na que a tradición cristiá nos sinalou o descanso. Como eu teño as miñas propias tradicións, sorrío ós berros dese artefacto que me lembra as miñas obrigas e devocións, e arrástrome cara a ducha deixando tras de min un rastro etílico, froito desas costumes da miña loucura cotián, constatando que sempre puido ser peor, e que a cantidade de horas que pasei naufragando entre as sábenas foi insuficiente para afrontar a mañá.

No lugar de reunión acostumado, e máis ou menos á hora sinalada, volven concentrarse os meus fieis, un feixe deses compañeiros que me dan cobertura emocional e cos que insisto en confundir as miñas pegadas: Zalo, que intenta compaxinar estes paseos dominicais coas súas múltiples convocatorias con rillamillas, camiñantes e congostreños; Miguel, co corazón partido entre o océano e a montaña, entusiasta da fórmula na que combinamos gastronomía e xeografía locais; máis entusiasta se cabe, o noso Xurxo, a quen so as súas viaxes a ambas beiras do Mediterráneo lle impiden perderse as nosas incursións nos grandes espacios; e para completar o quinteto súmase Xaime, esa criatura da noite que decidiu desafiar os raios do sol e probar a internarse nas fragas con nós.

Para infundirnos ánimos pola deserción da sección feminina, e porque o sinala o protocolo, e ademais van sendo horas, dirixímonos á vila fronteiriza de Tui, para recalar nese comedeiro onde xa nos acolleron en máis dunha ocasión, e que ten o significativo nome de O Pote, onde dispoñen na nosa mesa tortillas, luras, cogomelos, empanada de chocos, e un branco da casa bastante aceptable. Non tardamos demasiado en dar conta de todas estas ofrendas, e en reunir as enerxías necesarias para internarnos na comarca do Baixo Miño, seguido ó río cara a súa desembocadura, e ó chegar ó encontro do seu último afluente, o Tamuxe, subimos por unha serpenteante estrada, atravesando as fertís terras do Rosal, ata divisar o Bodegón Camiño do Folón, onde arranca a nosa ruta e, en consecuencia, onde abandonamos o noso vehículo.

Despois da cerimonia dos estiramentos obrigados e de invocar ós ceos para que nos sexan propicios, sorteamos o río Folón para visitar o primeiro da longa lista de muíños que se alimentan das súas augas, iniciando unha das concentracións destes enxeños hidráulicos máis importantes de Europa, dispostos en gran parte como muíños irmáns de xeito encadeado nunha topografía particularmente difícil. Nos chaman a atención as pedras centenarias, por onde as augas entoan rítmicas e monótonas cantigas,e o seu perfecto estado de conservación, aínda que non podemos deternos demasiado para contemplalos todos. Subimos por unha ladeira por onde se derrama parte do río da Cal, ata o segundo muíño, de onde parte un ancho camiño de terra, en outro tempo frecuentado por animais carregados de gran ou fariña, en función de si facían o camiño de ida ou de volta.

Avanzando por unha pista asombrada pola constante ameaza dos eucaliptos tamén discorre unha levada que comunica os primeiros muíños, e os meus intentos por inventariar dixitalmente tódalas construccións que nos saen ó paso faime perder de vista ós amigos, que volvo recuperar cada vez que atopamos un dos moitos paneis explicativos que salpican a ruta. Eso si, do que non me libro é das continuas queixas do noso guía, aburrido de que sempre alongue estas sobremesas con esa manía de fotografar os detalles que fan un itinerario diferente de outro, para que nos se esvaeza a memoria, como a dos peixes.

No cuarto muíño, que reza orgulloso na súa lenda a carencia de subvencións para o mantemento, e que se chama Muíño do Galego, facemos unha breve incursión no seu entorno que é, certamente, singular, pois posúe un pequeno xardín cunha densa vexetación alimentada pola auga que desaparece no seu ventre de pedra. Das especies que compoñen este pequeno oasis infórmanos Xaime, que comparte os seus coñecementos botánicos con nós, que aínda con tódolos quilómetros de fraga que sumamos non somos quen de diferenciar as diversas especies que nos protexen dos rigores do planeta amarelo. Que non é o mesmo un salgueiro que un amieiro, aínda que ambos teñan a mesma querencia polas nosas sendas fluviais.

Tras este conxunto etnográfico nos internamos no Rego de Padín, que alimenta as augas do Folón, e da nome ós seguintes muíños. Quizais algún dos meus antepasados moeu o gran nestes lugares que camiñamos agora, sorteando as augas por pasarelas de madeira de recente construción.

Neste lugar con encanto empezamos a observar os primeiros muíños encadeados, aproveitando as augas do río do Folón, e deixando atrás unha presa que vadeamos por unha senlleira ponte de madeira, nos internamos nun camiño alfombrado polo granito, onde se pode constatar a importancia desta ruta para a economía local. Precisamente desta cuestión versa o panel que atopamos, onde ademais de explicarnos os distintos tipos de propiedade: herdeiros, privados ou de maquías (estes cobraban pola muiñada con parte da fariña obtida), indícanos a importancia dos muíños do monte de Santa María, debido á ausencia de pendentes no derradeiro tramo do Miño.

Chegamos a outro pequeno conxunto destas industrias centenarias, os Muíños de Maceira, ós que accedemos camiñando por unha levada que se perde na espesura dun bosque de eucaliptos. O espectáculo que nos agarda cando chegamos ás primeiras construccións é impresionante, porque dende aquí xa temos unha panorámica ampla dunha parte do ascenso polo río Folón, cos muíños colgados das abas do monte a fin de aproveitar o desnivel pola Carreira de San Martín, camiñando á par dos primeiros oito, propiamente ditos, Muíños do Folón, algúns pechados para manter os seus elementos en perfecto estado, a garda dos vándalos que puideran chegar ata aquí.

Este tramo do sendeiro é o mellor para facerse unha composición da vexetación espontánea da rexión. Ó estar libre da presencia de piñeiros e eucaliptos, apréciase a presenza de especies termófilas como a sobreira e o érbedo, que acompañan a outras árbores autóctonas de máis ampla distribución.

E tamén é aquel onde temos que botarnos a un lado do camiño, para deixar paso a un nutrido grupo de camiñantes que veñen descendendo, e ós que Zalo aínda non ten catalogados. Quizais por eso inquiétase, pola inmobilidade e polo descoñecemento, e non se lle ocorre mellor terapia que apedrar a este pobre cronista, como si tivera a culpa da incursión destas bestas no sendeiro. Todo elo mentres Xurxo é testemuña da agresión e veloz como un reporteiro de guerra rexistra dixitalmente as probas do delicto. Algún día lle vamos a ter que quitar esa manía de andar a tirar pedras a este Emperador, aínda que teñamos que lapidalo.

Deixando atrás o primeiro grupo importante destes enxeños hidráulicos, atopamos unha pasarela de madeira que nos permite sortear sen problemas o río que, uns metros máis arriba, se precipita por un muro de granito de gran altura formando a Fervenza de San Martín. Cando as precipitacións son abundantes se produce aquí un deses espectáculos cos que a natureza adoita sorprendernos, en esta terra nosa na que os ceos soen ser xenerosos coa súa provisión de borrascas. Ata a súa base chegamos grazas a unha prolongación da ponte que atravesamos antes, bordeando unha pequena poza na que crecen unha variada mostra de plantas acuáticas.

Comezamos o tramo máis vertical do noso recorrido por un sendeiro empedrado que descorre ascendendo á par dos catorce muíños que suman o complexo etnolóxico de O Folón, onde podemos ver detalles e algúns elementos dos mesmos introducíndonos no seu inferno, onde a auga, a través da buxa, transmite toda a súa forza ó rodicio (roda que leva unida en forma radial unha serie de culleres) para facer xirar a moa no interior do muíño; ou ben, nos que atopamos abertos atopamos as xigantescas moas de granito (pedra móbil que rompe por rotación o gran); e incluso en algún observar algunha moega (caixón de madeira con forma de funil por onde se bota o cereal), estructura que desapareceu da maior parte deles.

Por estes lugares descorrían os cabalos que cargaban fariña e gran, e aínda se pode observar o camiño zigzageante das bestas, á par do sendeiro empedrado para a xente, así como numerosas pías á entrada dos muíños onde dar de beber e comer ós esforzados animais. Estes pertencían á raza autóctona galega, que aínda vive ceibe en algunhas montañas da Galiza e foron capturados para a domesticación dende a idade de bronce. A importante poboación en esta Serra do Argallo deu lugar ós numerosos curros que se celebran nos lugares próximos de Torroña, Valga e Mougas.

Completada a ascensión polo Camiño da Cereixa, observamos o conxunto formado por dúas ducias de muíños descolgándose ladeira abaixo, para aproveitar ó máximo a forza da auga, e tamén unha boa visión do Baixo Miño, próximo o seu encontro co Atlántico.

E mentres tomamos un respiro, despois do esforzo de salvar un forte desnivel en poucos metros, decidimos continuar subindo un chisco máis, a instancias de Zalo, para alongar algo máis o noso itinerario sendeirista.

Por unha ampla pista forestal, alternando manchas de eucaliptos e piñeiros, se alonga o noso grupo, que semella os restos dun exército rebelde baténdose en retirada hostigado polas forzas gobernamentais, e algo deso temos pola nosa falta de disciplina, que nos fai dedicar o domingo á inútil tarefa de sementar de pegadas estas vellas montañas, camiñando desordenadamente, ata o punto que a retagarda, ou sexa, o Xaime máis eu, perdan o contacto visual coa vangarda, marabillados pola diversidade micolóxica que nos sae ó paso: fungos e cogomelos de tódalas cores, formas e tamaños, que non dubido en capturar para o meu arquivo dixital.

Cando chegamos á parte máis aérea do camiño, a uns 400 metros por riba do océano que se estende ante os nosos pes, recorremos coa mirada as siluetas do país veciño e a franxa fluvial que exerce de fronteira, e reagrupámonos para decidir se continuamos cara ó cumio, no Alto dos Outeiros, o se desfacemos os nosos pasos e volvemos á Chaira da Cerdeira, moi preto do último muíño que, curiosamente, fai o número 36. Despois dunha breve discusión entre os entusiastas e os detractores de avanzar ou retroceder, gañan os partidarios de dar media volta e seguir avanzando, co argumento das poucas horas de luz que nos quedan e a ralentización da nosa columna guerrilleira.

Volvemos descender cara a zona dos muíños, entre a vexetación arbórea na que predominan as especies de repoboación, fundamentalmente o piñeiro bravo e o piñeiro de Monterrei. Entre a follaxe destas coníferas se poden observar gran número de aves insectívoras, fundamentais para a saúde das árbores, e ó longo do día capturan centos de pequenos insectos fitófagos que, de completar todos o seu ciclo, poderían dar morte ós piñeiros. Desgraciadamente nada pode coa praga da procesionaria, que está presente en moitos dos exemplares que atopamos no noso camiño.

Acadando a Chaira da Cerdeira, tomamos a mesma pista forestal á esquerda durante 500 metros, ata atopar un desvío que nos leva á Ermida de San Martiño, onde realizamos exercicios ximnásticos e espirituais, e intentamos apaciguar a nosa sede nunha fonte, aínda que non sexa fácil. Tampouco nos detemos demasiado, á vista de que este lugar sagrado non é demasiado interesante, e que aínda nos queda a metade do camiño, a pesares de que este sexa costa abaixo e, ata para os pagáns, tódolos santos axudan.

Neste lugar onde volvemos atopar dous grandes muíños, atópanse as lousas do Nivel, onde unha arqueta equilibraba e repartía en cantidades iguais a auga, que procedía dunha das derivacións do Río da Cal, cara O Folón e O Picón. Despois de moitos litixios, para ver quen tiña más dereito para levar auga ós seus muíños, se decidiu a construcción do Nivel onde se dividían as augas a partes idénticas.

Continuando esta pista chegaríamos ó río que sorte estes enxeños, onde se suceden as fervenzas e as pozas, sendo esta unha das mellores zonas da comarca para a práctica do descenso de barrancos, pero o desestimamos para internarnos nos Muíños do Picón, outro complexo etnográfico de gran beleza.

Accedemos a esta zona por unha levada, e constatamos que aquí, a diferencia do Folón, aquí as construccións non teñen a mesma continuidade, e están dispostos en grupos de cinco, tres ou dos, debido a que o desnivel non é tan abrupto, ata acadar o número de vintedous, en bo estado e de maior beleza, se cabe, que os que deixamos atrás. Ademais os muíños do Picón, se atopan diseminados entre piñeiros, como se quixeran agocharche á nosa vista, e a cada paso nos ofrecen matices diferentes, como si pouco a pouco fosemos descubrindo un territorio de conto.

E como tódolos contos teñen un final, completamos o recorrido no mesmo punto onde comezamos, despois de deixar atrás un puñado de casas rehabilitadas con bastante bo gusto, onde remata a zona do Picón, e nos tomamos unhas cervexas no Mesón Camiño do Folón, onde se nos espertan as ganas de merenda. Para non quedar con elas, e despois dunha breve parada nun rincón idílico do río Tamuxe, volvemos á vila fronteiriza, e recalamos no Alboio, que xa coñecemos polo Festival de Cine Documental, onde nos metemos entre peito e costas unha de lombo de pementos e uns xenerosos bocatas de calamares, regados con viño do Rosal e cervexa.

Outra vez enchendo de contido os domingos, e xa se sucederon máis dunha ducia combinando sendeiros e mesóns, palabras e pegadas, desprezando as dores e as preguizas. Con ganas de cabalgar con urxencia a semana para afastarse da xungla de cemento e asfalto.

Seguidores