Mostrando entradas con la etiqueta Oscos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Oscos. Mostrar todas las entradas

E116 Ruta do Silencio (Villanueva de Oscos)





Non podíamos rematar as nosas vacacións de semana santa sen facer esta ruta.

A RUTA DO SIENCIO, este silencio que ás veces invade a miña cabeza e me tortura e outras veces me acompaña como unha compañeira fiel e relaxante.

Desta vez, abofé, que foi así, xa que nesta ruta respirábase ese silencio agradable que te abana e arrola, que te libera de tódolos pensamentos negativos e te invade dunha enerxía, ledicia e pracer infinitos.

A Ruta do Silencio é dese tipo de rutas que nunca se esquecen despois de facelas, xa que cumpre tódolos requisitos que un camiñante busca nas súas pateadas, comparable coa onda perfecta que ansían os surfeiros.

Por todo isto vale a pena recordar este pateo e facer a súa crónica.

Atrás deixábamos tres xornadas estupendas na zona de Santa Eulalia de Oscos, en esta Asturias que sabe coidar o que ten e sácalle partido ós seus recursos dunha forma sostible.

A nosa Galiza está rodeada de veciños, (Portugal e Asturias), moito más intelixentes ca nós neste aspecto.

Teño que dicir que o día anterior a facer esta ruta, estivemos pateando tres horas pensando que estabamos a facela, pero case que mellor que nos equivocáramos porque non sería o mesmo.

Ó saír do albergue de Vega do Carro, aló pola 9,30 da mañá, o día estaba espeso e chuvioso, mais ou menos coma os demais días, pero tamén era verdade que así coma avanzaba a xornada o tempo melloraba.

Con esta confianza Anxo, Alex e mais eu, emprendemos a viaxe da nosa ruta e despois dunha parada nunha casa-tenda, por chamalo dalgunha maneira, rexentada por unha vella que nos despachou un pouco de queixo e chocolate, cun atavío que daría para facer outro relato, chegamos a San Cristóbal, lugar do inicio da que sería a mellor pateada dende fai moito tempo, aínda que esto das comparacións dos percursos son mais que odiosas, xa que cada un, ten o seu encanto.

Ao chegar a San Cristóbal estábanos a esperar unha personaxe que xa coñecíamos do día anterior, era o noso burro branco, que espetounos un amable orneo saudoso e mesmo foi quen de achegarse a onda nos, para que lle déramos unha caricias de benvida ou despedida, xa que non o volveriamos ver.

No punto de saída repasamos a ruta no noso mapa e no cartel informativo para estar seguros de que esta vez, se escolleríamos o percurso axeitado.
Dende a pequena pero bonita hermida de San Cristóbal, comezamos unha baixada cara o río Ahío por un camiño amplo que pouco a pouco íanos internando na paisaxe que case que nos acompañou toda a ruta.

Polas datas nas que nos atopamos, as árbores por estas latitudes aínda comezan a brotar as súas follas, polo tanto as especies coma castiñeiros, carballos, érbedos.... etc. cobren a medias a luz, polo que o recorrido faise espectacular. Xa estamos no preludio da primavera e no chan aínda abundan as follas caídas no outono anterior. O colorido é unha mestura entre dourado vello e o verde con todo o seu esplendor.

Mentres, subimos cara Mourelle, nas ladeiras despeiteadas dos picos do redor, pódese ollar a paisaxe que deixou o derradeiro temporal que machicou Galicia e mesmo deixou sen enerxía eléctrica a miles de galegos. Eiquí máis cun temporal parece que houbera unha guerra, xa que moitas árbores de gran envergadura, foron arrincadas da terra deixando ó descuberto os seus enormes cepellóns. Os que tiveron mellor sorte aparecían estragados pola metade dos seus troncos.

O camiño complicábase, xa que estas árbores obstaculizaban de seguido os nosos pasos, mesmo para facernos dubidar da nosa ruta.

Tras unha subida prolongada cunhas vistas impresionantes do canón que ía formando o río, chegamos a Mourelle.

A verdade que as xentes de antes, ó escoller o sitio onde establecer as súas vivendas, esmerábanse de veras. Mourelle é un pobo abandonado non hai moito tempo, tal e como atopamos o interior das súas casas, situado nunha revolta da ascensión ó pico Balongo. As súas casonas abandonadas transmitían poderío por tódalas súas paredes.

Unha sensación que compartimos os meus compañeiros mais eu, é o respecto ó entrar no interior delas. O corpo invádese de algo estraño, coma si os antergos moradores estiveran observando os teus movementos e accións. Esta sensación é aínda maior cando observas a súa lareira, lugar de encontro, de tertulias inagotables e de refuxio das noites de inverno.

Axilizando o paso e sen mirar moito cara atrás, saímos da casa principal do núcleo de Mourelle, esvarando nas súas escaleiras de pedra musgosa, avisándonos de que xa estaba ben de molestar os espíritos moradores do lugar.

Nunca derradeira ollada cara o pobo, pola miña cabeza reconstrúese o estilo de vida que poderían ter estas persoas e de novo o poderío deste poboado estratexicamente situado.

Sen moito tempo para cambiar impresións cos meus compañeiros, comeza unha dura subida cara o Balongo, que en verdade nos quita o alento, tendo incluso que rebaixar o ritmo dos pasos e regular a respiración para que te chegara o suficiente oxíxeno ós pulmóns para mover o teu corpo. Coa escusa de ollar uns cabalos paramos para recuperar folgos, para afrontar o derradeiro tramo da dura ascensión. Pero coma sempre, o esforzo merece a pena e unha vez chegado o cumio, aterrezamos nunca Braña espectacular en forma de península, que permite dominar coa vista, case que os 360ª dunha paisaxe maxestosa, na que pouco a pouco, imos identificando no mapa os fitos mais salientables e o camiño percorrido e por percorrer.

No cartel do inicio da ruta indicaba que por estas terras deambulaban e protexíanse da Garda Civil os contrarios ó réxime, que nesta Asturias eran moitos. Mesmo intentamos atopar, sen éxito, a cova de 300 metros cadrados onde pasaran longas tempadas.

Eu imaxino a estas xentes no duro inverno, coma osos protexéndose das inclemencias do tempo e pasando largas horas de vixilancia dende este miradoiros dende onde se controlaba todo o val.

Despois dunha repoñedora comida, descendemos suavemente para poder cruzar outro regato, e en un abrir e pechar os ollos estar na outra aba da montaña co Brusquete erguéndose ó noso carón. Esta fase da ruta quizais é a mais monótona do sendeiro, aínda que ten boas vistas. Achegámonos así o pobo do Brusquete debaixo do seu pico, onde algunha das súas casa está habitada e o dominio do val volve a ser excelente.

Tras outra subidiña abandonamos a pista forestal e entramos noutro mundo. Volvemos emerxernos nun grandioso túnel natural, formado polas copas das árbores que nos fai sentir nun escenario de conto de fadas, no que animais e plantas viven libremente. Aquí tócanos baixar e ós poucos, desviamos a ruta para poder ollar de perto unha fermosa fervenza que fai que a ruta teña de todo e pensemos que foi un gran acerto facela antes de volver cara a Vigo.

Outro descenso mais forte co anterior, fainos baixar de lado para non forzar moito os xeonllos, e debaixo dos nosos pes, os minúsculos anaquiños de lousa remóvense perigosamente. Antes de cruzar de novo o río Ahío (polo tanto estamos a rematar a ruta), escoitamos a caída libre doutra fervenza aínda mais grande que a anterior, pero a vexetación dificúltanos a visión desta.

A voltas estábamos con atopar a cova dos 300 metros cadrados e resulta que a tivemos ó noso carón e non nos dimos de conta. Non pasa nada, xa que prometémonos a nós mesmos volver noutra ocasión para internarnos nela.

O cruce do río Ahío é verdadeiramente fermoso pola frondosidade da súa vexetación, e mesmo os cachotes de pedras redondeadas que descenden pola ladeira da súa ribeira son coma bolas de musgo, que se van agrandando a medida que avanza o tempo..

Tócanos de novo, o derradeiro ascenso duro cara a San Cristóbal. Esta parte do camiño confírmanos que esta Ruta do Silencio é verdadeiramente a mellor ruta dos catro días que levamos por Oscos. Para min, dende logo, unha das mais fermosas que fixera nunca.

Completada a ruta en San Cristóbal, cansados pero satisfeitos pola decisión de non volver a Vigo sen facela, ollamos por derradeira vez esta paisaxe, comentando que volveremos por estes lares outra vegada mais.

Xa de volta para Vigo camiño da Fonsagrada, mentres Anxo pilla un colocón manexando o seu pc no coche, vou recordando as paisaxes destes tan satisfactorios catro días ASTURIANOS-GALAICOS.

Unha aperta a Anxo e Alex pola formidable compaña nesta viaxe.

Panette, abril de 2009

E115.1 Ruta da Bobia (San Martín de Oscos)




Sábado, 11 de abril de 2009

Escomenzamos a xornada ben cedo, como xa tiñamos por costume durante estes días de lecer que foron dar cos nosos ósos á preciosa comarca de Oscos, situada xusto na fronteira que une Galicia con Asturias, e despois dun reparador almorzo, do que Anxo, Panette e mais eu demos boa conta, dispuxémonos a fumarnos o día, pegada tras pegada, moi lento…, inspirando ben fondo as caladas en forma de cousas novas e incríbeis que polas nosas retinas irían desfilando no transcurso das horas vindeiras.

A primeira parada desta mañá de sábado foi Taramundi, pobo que ten moita sona polas súas navallas de preciso e destrutor fío e artesanais empuñaduras, aínda que polo disposto na feira que ese día tiñan organizada no pavillón de deportes do pobo, certo é que sería inxusto reducir as loubanzas só a estes utensilios, xa que alí dábanse cita ó mellor de cada casa ó respecto de produtos tradicionais da zona, marmeladas caseiras, botellas dos mellores viños da comarca, queixos de mil tipos que solo de cheiralos xa quitaban o impo, mel caseira da que de verdade é caseira, xabróns de froitas, tortas e doces de todo tipo… ¡¡hasta estaba a televisión local!!, vamos…, un despregue sen precedentes para cubrir tan magno acontecemento.

Despois de baleira-los petos para levarlle uns presentes as nosas persoiñas queridas, dirixímonos cara as aforas de Taramundi, para facer a segunda parada de rigor, unha visita ó museo dos muíños de Mazonovo. A verdade é que o nome do pobo vaille de perlas, a xulgar pola tecnoloxía desenrolada polos nativos do mesmo ó longo da historia en cuestión de muíños e mazos xigantes para tritura-lo grao e as sementes colleitadas e recollidas nos campos, que logo daría lugar á fariña para fabricar o pan, ese alimento tan prezado e polivalente do que nunca debería ter falla ningún ser humano, ademais de comezar a utilizar esa mesma tecnoloxía posteriormente para, grazas á forza inesgotable do auga producir os primeiros suministros de enerxía eléctrica nesa comarca.

Tras unha proxección introdutoria do que nos íamos a atopar no interior do museo, penetramos no incrible mundo dos muíños onde podíamos observar mil tipos destes trebellos, Muíño de morteiro, muíño de rodillo, muíños de roda horizontal, o muíño medieval de roda vertical, muíño brasileiro… o primeiro pensamento que me viu á cabeza foi…”¡¡hai que ver como agudizamos ó enxeño en casos de necesidade!!”, e é que a maior parte destes artefactos son auténticas obras de enxeñería para os medios dos que dispuñan os nosos antergos. Tras as obrigadas fotos a todo aquel entorno e de non poucos xestos de admiración ante o que alí estabamos a presenciar, chegamos a unha conclusión…, que non era outra que as visitas ós museos espertan nun unha fame atroz, e tratándose do calamitoso escriba que redacta estas liñas, máis aínda se cabe.

Aconsellados polo noso referente eivadinho, o compañeiro do metal Anxo, dirixímonos cara Os Teixois, un pequeno poboado afundido nun frondoso val, que constitúe un dos conxuntos etnográficos de maior interese de todo o principado de Asturias, xa que nesta paraxe danse cita todos os artefactos cos que os habitantes de esta terra lograron poñer ó seu servizo toda a enerxía que a auga lles podía proporcionar: muíños, mazos, batáns, pedras de afiar, incluso rudimentarias centrais eléctricas cas que deberon alimentar as primeiras bombillas que cegaron a Taramundi.

Despois de dar boa conta duns “vermús” e dunha fabada apoteósica, regada cun bo viño tinto, dispuxémonos a disfrutar de todos os enxeños que alí se atopaban. Mención aparte merece o paisano que nos serviu de guía polos diferentes recunchos deste conxunto etnográfico, unha curiosa personaxe que recitaba as explicacións de corrido cal neno cantor de San Ildefonso cantando o premio gordo do sorteo de Nadal, e que nos obsequiou cunha explicación do funcionamento da forxa, digna dos mellores gags humorísticos do mítico Ozores, aquel que saía no 1,2,3… que todo o explicaba e nada se lle entendía. Eso si…, coidouse moi ben de que a rapaza máis guapa do noso “reemplazo” se decatara da explicación de marras, sacándoa “ó ruedo” ante a incredulidade da rapaza, e facendo esbozar nas nosas caras un leve e pícaro sorriso… ¡¡ chámalle burro ó cabalo!! Parvo non era, non…

Logo desta primeira parte do día, puramente turística, tocaba ir desentumecendo os músculos e dirixirse cara ó sitio de onde partía a ruta que íamos emprender, que non era outra ca “Ruta do Silencio”, que partía dende a localidade de San Cristóbal, un pequeno pobo dotado de casiñas tradicionais feitas en pedra, madeira e lousa, por onde o tempo parece que se detivo alí facía moitos anos.

A cuestión non é outra que… ¿Qué fago eu escribindo a crónica da ruta da Bobia, si dende alí partía a Ruta do Silencio, que era a que tiñamos pensado abordar?, pois que en ocasións ata os oráculos e máis avezados camiñantes, erran no camiño, na orientación a tomar…, coma sucede moitas veces nas nosas vidas, todas esas ocasións que fan que cheguemos a vell@s co corpo e a alma cheos de cicatrices e mazaduras en espera dun largo e ben merecido descanso eterno. O tema é que sen querelo nin bebelo, fixemos unha ruta (Bobia), pensando que era outra (a do silencio), en fin, que somos uns máquinas do carallo….

Deixamos atrás o pobo de San Cristóbal, no que nos deu a benvida un simpático burriño branco que por alí osmaba, internándonos pouco a pouco nunha frondosa paisaxe formada por castiñeiros, carballos, acivros e freixos, que facía que por momentos se nos enchera o corpo de ledicia por ternos equivocado de camiño, aínda que xa volo adianto, só por momentos…, ademais, neses intres aínda non tiñamos conciencia de ternos trabucado de camiño.

Tras cruzar o rego da Feitúa e máis o rego da Fonte da Sela, fomos a dar a un poboado medio deshabitado, chamado Sela de Murias, e que tiña a peculiaridade de ter a maior concentración de cagadas de ovella esparexidas polo chan de toda a comarca, sinal penso eu da mais que probable utilización como refuxio de gando da maioría daquelas edificacións.

O seguinte que avistamos foi un prado cheo de “Norits”, ou sexa…, cachorriños de carneiro, separados do camiño por unha, a primeira vista, inofensivo aramado..., pero só a primeira vista, xa que no intento por chegar a acariciar a algún daqueles entenrecedores animais, rocei un dos arames, e pegoume tal calambrazo, que xa non me quedaron gañas de volver a tocalo…
Proseguimos a ascensión cara ó Pico de Murias, pasando por precisamente un lugar chamado Murias, e que estaba totalmente abandonado, formado por vetustas e antigas edificacións, destinadas de novo mais que probablemente á cría e refuxio de gando. Só había unha cousa discordante nesta paraxe, e era unha casa cunha “pinta” un pouco mais “moderna” si se lle pode chamar así, que estaba rodeada de bidóns de combustible, en gran cantidade, unha aberración, tendo en conta a paisaxe da que estaba rodeada, en fin…..

Neste punto, xa levábamos un bo rato de ascensión, e esta parecía non rematar, polo que os últimos metros antes de chegar ata o citado cumio das Murias, fixéronse un tanto duros, aínda que parece que canto máis duro se torna o camiño mais parecen empeñados os meus compañeiros de reparto o Anxo e o Panette en infrinxir o chamado “ritmo eivadinho”, e é que parece que os anos non pasan por estes dous preas!!.

Ó chegar ata o cumio, o primeiro que nos chama a atención é un coche soterrado todo destartalado, …”un axuste de contas entre narcos” (sostiña un servidor), aínda que o mais probable fora que aquilo non era mais que unha mostra mais do cerrados de mente e destrutores do medio que nos rodea que podemos ser os seres humanos. Menos mal que xusto ó lado, dábanos a benvida un pequeno lago, onde de certo deben parar a repoñer líquidos os animais dese entorno. Certamente bonito.

E aquí comezan os problemas, sobre todo o darnos conta, que a sinalización de ruta que coroaba o cumio, non se correspondía ca ruta que tiñamos pensando facer, e o peor de todo e que nos dimos conta logo de andar sobre as nosas pisadas polo mesmo tramo durante tres veces. Logo de moito discorrer, e de incursións por camiños alternativos para investigar onde estabamos, chegamos á conclusión de que estabamos a facer a ruta da Bobia ¡¡non a prevista do Silencio!!.

Decidimos por unanimidade, logo de ir e vir por eses camiños, obviar o último tramo da ruta, que transcorría a maior parte por estrada, pero acercámonos antes a un parque eólico que se atopaba antes da baixada que ía a dar o noso punto de partida do día, San Cristóbal, onde Anxo empezou a contarme, a mais que probable relación do goberno galego de aquel entonces cos parques eólicos, cas ondanadas de incendios que asolaron a nos terra facía cousa de dous ou tres anos, e que permitiron a adquisición destes a uns prezos mais que razoables por parte das grandes empresas dedicadas a produción de enerxía eólica e a administración, para plantar alí os seus “pirulos con aspas”.

Pouco despois comezabamos o descenso ata San Cristóbal por estrada, ata chegar ó punto de partida, onde nos agardaba o noso cochiño, e como non…. O noso amigo o burro branco!! Estiramentos regulamentarios, e para casiña descansar para estar frescos o día seguinte, o último destes todos que viñemos a pasar aquí a Oscos.

Para rematar esta crónica, só dúas palabras: mil desculpas!!


E115.2 Ruta da Bobia (Santalla d'Oscos)

Sábado, 11 de abril de 2009

Non estaba previsto que fora eu, unha vez máis, quen contara que aquel día, o terceiro nas terras de Oscos, os tres eivadiños saímos do territorio dos soños con ganas de seguir soñando, e que, a pesares de que tralas fiestras do refuxio as montañas estaban cubertas por un manto de nubes, fomos quen de ir conquistalas.

Non debía ser eu quen diga que almorzamos debuxando camiños co dedo na carta xeográfica, na que algunhas curvas de nivel xa formaban parte do noso imaxinario, e saímos antes que ninguén do noso acubillo, en dirección a Taramundi. Algunhas lembranzas tiña eu dese lugar, que agora non veñen ó caso, e cando entramos no pobo sentín un rumor de fantasmas, cousa a que non adoito acostumarme.

Dimos unhas voltas por unha feira de artesanía e mercamos xabóns, queixos e outros agasallos para os nosos. E sen perder máis tempo abandonamos o núcleo urbano para visitar un dos variados museos que ten este concello, en este caso o dos Muíños de Mazonovo.

A historia deste enclave etnográfico ven das mans da familia López-Cancelos que no primeiro tercio do século XIX construíron un primeiro muíño de maquías, a menos dun quilómetro do actual, aproveitando o caudal do río Turia. En 1890 constrúen o actual, un edificio de dúas plantas que alberga a sede principal do museo, que toma as augas do río Cabreira, no lugar da Cantariña. Nel se acollen réplicas de muíños doutras épocas e culturas como os de morteiro, de rodillo, de man ou de roda, e que poden ser manipulados polos visitantes para comprender mellor o seu funcionamento.

En 1930 instálase un rodezno que acciona unha dínamo para a producción de corrente eléctrica que abastece os pobos de Taramundi, Vega de Llan e Nogueira. E dez anos despois constrúese, na outra beira do río, un novo muíño destinado a moenda de cereal e a xeración eléctrica. Ademais se lle engade unha serra para madeira, principalmente para o serrado de travesas de ferrocarril.
Ata os anos oitenta moeron e xeraron enerxía estes muíños, que caeron en desuso ata a posta en marcha do museo, a piques de rematar o século XX, por iniciativa dos irmáns López-Cancelos.

Non vou a estenderme máis ca historia e as particularidades do entorno etnográfico, só recomendar a súa visita, imprescindible para o que recala en Taramundi tanto como a que fixemos a seguir, a do lugar de Os Teixois. O principal atractivo desta aldea é unha forxa que traballa grazas a ó alento da auga, así como uns batáns e muíños que forman parte dunha visita guiada.

Mercamos tamén alí os billetes para que nos ilustraran sobre os antigos oficios, e na espera dimos en comer nun rústico alpendre preto do río, onde comemos un menú de campións: fabada de primeiro, e de segundo ovos e chourizos con patacas fritas. Moi preto de alí chiscábame un ollo a sombra do que fun, na lembranza duns días felices, pero ben diferentes.

Para non deixar máis espacio para a nostalxia, e como tiñamos que ir a polo noso, internámonos no concello de Vilanova de Oscos, por un conxunto de estradas estreitiñas ata desembocar no pequeno lugar de San Cristóbal. Alí tiñamos intención en facer unha ruta recomendada polo Nacho, que xa estivera por esta comarca con outros Eivadiños, e estacionamos xunto ó cartel que anunciaba o inicio do sendeiro. O seu carón pacía un burro branco, ben podería chamarse Platero, que se deixou fotografías con algúns da súa especie.

Saímos con tanta presa que non atendemos ben ás indicacións e equivocámonos de ruta ¡non sabíamos que pasaba por aquí outra!, e fixemos a metade do camiño sen decatarnos do noso erro. O caso é que deixamos o pobo de tellados de lousa e avanzamos cara a espesura da fraga, atravesando campos cunha inclinación salientable, onde pacían vacas e cabalos en sorprendente equilibrio.

Os soutos e carballeiras alternábanse e mesmo mesturábanse con outras especies, como faias e bidueiros, alimentados polas augas de varios regos que tivemos que atravesar, como o de Feltúa ou o da Fonte de Sela. O camiño estaba ás veces delimitado por Chantos, unha sucesión de lousas verticais.
Na Sela de Murias, un pequeno lugar colgado como un niño sobre as montañas, o Alex tivo coñecemento de como funcionaba un pastor eléctrico, porque tentou arrimarse de máis a un rabaño de cabuxas, algunhas cativas e bonitiñas, que espertaron o noso interese. Seguro que aprendeu ben a lección, e de aquí en diante terá máis coidado cos arames que rodean un campo adicado a pasto, e máis se hai gando dentro.

Dende aquí comezamos unha forte ascensión, que arrincounos suores e maldicións, e no que queimamos parte desas grasas que inxerimos nos Teixois, e que nos levou a branda de Murias, despois de salva-los case douscentos metros de desnivel que nos separaban dese punto, o máis elevado da ruta. Non tiña unha arquitectura demasiado interesante, aínda que si había algunha construción chamativa, pero por todo o contrario. Así que seguimos o noso camiño ata dar cunha lagoa, non demasiado estensa pero si fermosa, chamada, tamén é casualidade, de Murias.

Pero nada deso sabiamos entón, e o seu carón démoslle unhas cantas voltas ó mapa, debullando os miolos para atopar a dirección correcta.

E114 Ruta de A Cova (Santalla d’Oscos)

Venres, 10 de abril de 2009





Rompemos o silencio do albergue de Veiga do Carro cunha treboada matinal, sen dubida polos efectos secundarios das potaxes da véspera, mentres saltamos das liteiras con ganas de troula, cada quen espreguizándose dos derradeiros restos dos seus soños, e poñémonos os nosos disfraces de cebola, una capa tras outra, porque fora tamén parece que ameaza a tormenta, aínda que non sexa quen para botarnos para atrás e volver ó abrigo dos sacos.

A cociñeira magrebí xa está no comedor para nos dar o almorzo, e abre moito os ollos cando ve a velocidade con que Alex e Miguel devoran tostadas con manteiga e marmelada, e como toman unha e outra taza de café con leite. Eu sorrío, bebendo de penalti o colacao, despois de mollar unha tostadiña e dúas galletas, mentres busco novas xeografías, novos topónimos cos que encher as nosas historias, mentres van chegando outros hóspedes máis preguiceiros.

Saímos a enfrontar os rigores climatolóxicos, e baixo un miúdo pero persistente mollaparvos conducimos ata Santalla, onde mercamos pan como complemento ó queixo e ó embutido que levamos na mochila, e tamén auga mineral, xa que onte tivemos as tripas algo revoltas, e sospeitamos que foi por beber da fonte de Barreiras. Con estas provisións chegamos ó inicio do noso sendeiro, ou eso cremos, porque confundimos Ferreira con Ferreirela, aínda que grazas a esta confusión podemos escoitar a unha señora falándonos na cantareira lingua dos Oscos, que tanta ledicia nos da.

Unha vez desfeito o entorto chegamos ó pobo onde se inicia a Ruta da Cova, e aparcamos a carón do cartel que explica as características do recorrido, no que temos que salvar douscentos cincuenta metros de desnivel. Aproveitando que deixou de poallar comezamos a andaina, seguindo as marcas que nos levan cara o Río Agüeira, que cruzamos por una pequena ponte de pizarra tallada, e polo que se accede a unha área recreativa.

De seguida dámoslle as costas ó río e iniciamos un forte ascenso, onde atopamos a primeira sorpresa: un albar, nesta zona dinlle “cortín”, un recinto circular de pedras superpostas, dunha altura que pode acadar ata os tres metros, o que se accedía por medio dunha escaleira ou ben por unha estreita porta. Estas construcción están pensadas para impedir o paso dos osos cara as cólmenas, que se dispoñen no seu interior en filas sobre escadas de pedra.

O Miguel, que cargou as pilas a gusto no almorzo, sube pola carballeira arriba como un foguete de feira, seguido de preto polo Cachorro, mentres que eu utilizo a escusa das fotos para ir máis a modo, xa o di o refrán: “sube como un vello para chegar como un rapaz”. Inda subimos de carallo, ata que a paisaxe vai mudando nun espeso piñeiral que ocupa a parte alta do monte e chegamos a un sendeiro máis horizontal, que se interna no Canón do Agüeira. Dende aquí vemos, fronte a nós, o pobo de Ferreira, e un cento de metros máis abaixo a conca fluvial describindo fermosos meandros en medio dunha fraga exuberante.

Non se pode dicir que o sendeiro sexa monótono, pois a cada volta mudan os panoramas, e alternamos carballeiras e piñeirais con abundantes soutos de castiñeiros centenarios, mentres debuxamos unha liña que atravesa Pena Rubia, confundindo as nosas pegadas cas de outros camiñantes ocasionais, non tantos como para quitarlle maxia ó lugar, que tamén decidiron botarse ó monte a pesar de que a poalla, por veces, transfórmase nunha chuvia máis que insistente.

Tamén temos un par de tramos delicados, sendas pedreiras de pizarra e caliza que se desprendeu da montaña, formando un torrente pétreo no que debemos extremar as precaucións, xa que as pedras están bastante esvaradías e non temos ganas de mancarnos. Facéndolle un aire cara un balcón natural sobre o abismo que abre a conca fluvial o Miguel pega un esvarón e, pese a que é o único que leva bastóns, bate co cu contra a pedra, pero é forte este home para queixarse e deseguida ponse en pé e nos segue comandando.

Alternamos así mesmo as fragas con sendeiros aéreos, que non teñen nada que envexar a algunha desas rutas populares de Picos de Europa, co aliciente engadido de que todo o que vemos ó noso redor é natureza, nin unha soa construción, por cativa que sexa, se atopa dentro do Canón do Agüeira.

Como curiosidade, e a pesares de que a ruta este ubicada no concello de Santa Eulalia, un bo anaco, no que o río enchese cas augas dos seus tributarios, os regos de Casais, da Pena e da Coba, transcorre polo limítrofe concello de San Martín. E, despedíndonos do Canón, descendemos ata o poboado de Coba, xa no concello de Grandas de Salime, que incluso se atopa fora da comarca dos Oscos-Eo, por onde transcorre un cuarto deste sendeiro sinalizado como PR AS 153.

Na aldea atopamos outra alvariza, esta aínda cunha ducia de colmeas, e despois de pasar as catro casas que aínda están en pé, conectamos cunha pista forestal e dámoslle as costas o río, e tamén á chuvia, porque o sol logra un vitoria parcial sobre as nubes e mándanos os seus raios cálidos para nos secar. Dende aquí saímos a unha estrada dende onde temos un bo treito asfaltado, entre bosques de piñeiros abatidos polo furacán Gordon, unha desfeita que hai que estar aquí para vela e crela, algún deles non aplastou, de puro milagre, as casas do lugar de Penedo, e quedaron deitados nas paredes ou no teito.

Chegamos a unha zona de campos verdescentes, onde pacen vacas e cabalos, e de seguida vemos a cativa Igrexa de Santa María, no pobo de A Coba, e cara alí nos diriximos, pensando se non sería bo momento para dar conta das nosas provisións, xa que calculamos que debemos levar recorrido a metade da ruta. Pero eu insisto en camiñar un chisquiño máis, e despois de unha breve visita á aldea, que aínda conserva algunha casa de certo avoengo, avanzamos cara o Río Allonca, que ven dende a Galiza administrativa para sumar as súas augas ó Agüeira.

Uns metros antes de que se xunten os dous ríos decidimos facer o xantar, xusto na ponte que cruza o Allonca antes de que perda o nome. As madeiras aínda están secas, así que sentámonos nelas e procedemos a quitar queixo, xamón, chourizo e pan, pero antes de que comecemos ca pitanza empeza a chuviscar, primeiro a modiño e despois máis arreo, e vémonos obrigados a atopar refuxio nas ruínas dun muíño.

Cando remite o augaceiro seguimos a nosa marcha, buscando un lugar máis axeitado para xantar, e despois de pasar pola confluencia do Allonca e o Agüeira decidimos parar, outra vez ca bendición do sol, na ponte que cruza os cauces sumados. Damos boa conta dos víveres, e mentres o facemos decatámonos, dándolle outra volta máis ó mapa, que estamos a facer a ruta do revés, así que aínda nos queda o tramo máis duro, os trescentos cincuenta metros de desnivel que separan este punto de Nonide. Despois da paparota, e antes de que nos colla outra vez a chuvia, botámonos ó camiño, facendo equilibrios sobre a raia que divide as fronteiras das comunidades autónomas, e ós poucos o terreo vaise facendo máis e máis vertical, arrancándonos suores, maldicións e algún peido, quizais para axudar no ascenso.

Para engadir máis sufrimento ó desnivel que temos que afrontar empeza ¿tiña que ser agora? a darnos nas costas un sol de primavera deses que arrinca suores con só pensalo, e só nos alivia as panorámicas que gañamos conforme subimos. Atopamos unha aldea en ruínas, que nin tan sequera aparece nos mapas, a metade da subida, perdida nun océano de toxos, breixos e xestas, e por ese mesmo océano zigzagueamos, o Miguel a cento vinte, o Alex a cen, e eu a sesenta, mentres as nubes van cubrindo outra vez o ceo.

Cando estamos chegando ó alto do outeiro empezan a caer catro gotas, e despois catro máis, un alento xeado barre as terras altas e mentres miramos cara o val, satisfeitos de rematar co ascenso, intensifícase a chuvia e mesmo ponse a sarabiar. O terreo amabilízase, perde verticalidade, conforme avanzamos por un souto onde a follasca empeza a tinguirse polo xeo, mentres recuperamos a visión do canon do Agüeira e parte do camiño recorrido na serra enfrontada a nós. Por se non tiveramos suficiente con esa estraña transición de sol, nubes, chuvia e sarabia en algo máis de media hora, empezan a caer folepas de neve, e de seguida atopámonos camiñando baixo unha intensa nevada.

Cando chegamos a Nonide, despois de salvar os últimos desniveis, mollados e cansos, coméntolle a Alex que con gusto me tomaría un café con leite e descansaría un rato, e como por arte de maxia, unha muller que nos ve pasar diante da súa casa sae fora e ofrécenos pasar a tomar algo quente. A “Casa de Tomas” (aquí hai costume de por o nome da casa na porta) é unha construción certamente señorial, de teitos enormes, tan grandes como os corazóns dos seus habitantes.

Porque a señora non quere que nos quedemos na cociña, aínda que veñamos cas botas e roupas enchoupadas, e fainos pasar a unha sala, mentres no interior da casa hai un rebumbio de xentes afanados en tarefas de rehabilitación. Sentámonos á mesa e sobre ela empezan a poñer un biscoito recen feito, doces de chocolate, un queixo enorme e uns tazóns de café con leite como para facer revivir a un morto.

E por si esto fose pouca cousa a habitación enchese de mozas simpáticas e faladeiras, que nos fan compaña e nos preguntan sobre a nosa aventura. Unha delas ata se nos antolla cun certo parecido a Ariadna Gil, cousa bonita de muller, así que por momentos cremos que subimos de máis e estamos no ceo.

Cústanos abandonar este refuxio, pero facémolo, despois dunha eternidade, e para seguir sumando agasallos o sol fai a sua aparición, lambendo as rúas de Nonide, e fronte a Igrexa da Nosa Señora dos Remedios se suma o noso grupo un novo amigo, un can dócil e bonito que pensa, quizais, que lle vería ben un cambio de aires. Así que descende canda nós cara Ferreira, coa seguridade de ter feito este camiño un cento de veces, a pesares de que o Alex empéñase en que dea volta cara a súa casa. Eu xa coñezo o teimudos que son algúns cans cando se empeñan en acompañarte polo monte, así que decido bautizalo, non por que espere que me faga caso, senón polo gusto de escoitar o nome, e o rato xa estamos todos a chamalo: ¡Thor!.

O sendeiro está pragado dun feixe de obstáculos naturais, árbores derribados polo furacán que temos que sortear como ben podemos, e compénsanos as vistas ó val no que levamos camiñando boa parte do día, algo máis de cinco horas, ou cando nos internamos en soutos alfombrados pola follasca e os ourizos dos castiñeiros, entre valados de cachotes ou “chantos” de lousa, descubrindo as derradeiras alvarizas, unha constante no noso debagar por estas terras que xa levamos gravadas no noso imaxinario colectivo.

Chegamos, sen máis, os catro a Ferreira, e o noso amigo canino desaparece, pensamos que ulindo a algunha femia da sua especie, e danos algo de envexa a facilidade que teñen algúns para solucionar. Non sei como hai quen nos di o de “andades de cans”, cando o máis correcto sería “andades como cans”. O certo é que o pobo é ben fermoso, e entretémonos quitando as ultimas fotos a unha vida rural que aínda subsiste, máis mal que ben.

Como recompensa merendamos uns anacos de chourizo e de queixo con pan e ímonos a Santalla a festexar o éxito da xornada cunha botella de sidra, como manda a tradición, pero escanciada cun trebello de fabricación china, mentres o sol vai esvaecendo, e as tebras estenden o seu manto por toda a xeografía dos Oscos.




E113 Ruta do Forcón dos Ríos (Santalla d’Oscos)



Xoves, 9 de abril de 2009



Erguémonos máis cedo que de costume, a pesares de comezar as vacacións de semana santa, ou precisamente por eso, porque non cremos en santos nin temos vocación de santidade, e ademais sen efectos secundarios, nin síndromes, nin rumor de pantasmas, ou sexa: con ganas de aproveitar tódalas horas que nos separan das nosas obrigas alimentarias, catro días nos que vamos a darlle unha boa batida ás terras de Oscos, ese anaquiño da nosa terra que, por circunstancias históricas, quedaron baixo administración asturiana.

O tempo parece que acompaña ou non, ás veces chove e ás veces sae o sol, mentres atravesamos de este a oeste e de sur a norte esta Galiza que seica se nos queda pequena para as nosas aventuras. Un grupo lixeiro dos eivadiños: Alex, Miguel e este humilde cronista, dispostos a pór ben alto o noso pavillón, ou cando menos a intentalo.

En pouco máis de tres horas estamos na Fonsagrada, a derradeira poboación baixo a administración da Xunta, e algo máis alá chegamos a Santa Eulalia, ou Santalla como din os autóctonos, onde non tardamos en atopar o albergue de Veiga do Carro, onde imos hospedarnos. O noso refuxio é estoico pero bonito, o xusto para descansar os nosos corpiños cando sexa preciso, e a xente que o atende parécenos simpática. Deixamos a equipaxe e voltamos ó pobo para xantar, previa visita á oficina de turismo para informarnos das rutas que ofrece a zona.

En Casa Pedro, un restaurante encravado nunha grande casa de pedra, pegámonos o noso primeiro homenaxe, o Miguel métese entre as costas e o peito unhas fabas con verzas, mentres que Alex e máis eu decidímonos por un completo, esto é: ovos, xamón, chourizo e patacas fritas, vaia, o que se di un prato de colesterol. E aínda o completamos con unha selección de postres: arroz con leite, requeixo con mel e tarta de chocolate. Con estas provisións decidímonos a saír facer o noso primeiro sendeiro.

A nosa ruta, o PRAS-119, sae moi preto do centro da pequena poboación de Santa Eulalia de Oscos, dun modesto Centro de Interpretación da Natureza que visitamos fugazmente, só para informarnos da dirección a seguir, xa que son varias as que saen dende alí, pero ninguén atende as nosas preguntas, a pesares de que o local está aberto.

Baixo unha chuvia miúda pero persistente, comezamos a seguir as marcas brancas e amarelas que se dirixen cara Millarado, onde se atopa unha área recreativa, adentándonos por unha pista forestal alfombrada pola follasca dos carballos, e delimitada con valados de pizarra, centos, miles de pedras formando muros centenarios. Conforme ascendemos imos regulando a nosa respiración acelerada polo esforzo das primeiras costas, e a paparota vai atopando acomodo no bandullo e favorecendo a dixestión a base de lóstregos, mentres a paisaxe vai mudando unha vez que lle damos as costas ó pobo e a masa forestal cóbrese con diversos tipos de piñeiro.

A costa suavizase, a chuvia mingua, e as nosas pernas comezan a tonificarse cando chegamos, enlazando cunha estrada asfaltada, a Área Recreativa de Millarado, cun campo de fútbol de regulamento, unha fonte onde nos aprovisionamos de auga, e un prado enorme onde pacen, indiferentes á nosa presencia, dúas ducias de vacas pintas.

Por esta estrada descendemos suavemente cara o lugar de Milaro, catro casiñas fronte a unha sucesión de campos esmeraldas, e un pouco máis adiante atravesamos As Poceiras, núcleo rural de Millarado que corta en dous a estrada comarcal AS-27, a mesma que nos trouxo dende os confíns administrativos da Comunidade Autónoma ata o principado.

Eu sinto que sigo pisando o meu país, e falo cos meus desa parte que quedou fora das nosas fronteiras, das terras sanabresas, do Bierzo e tamén destes Oscos que empezamos a descubrir, mentres mudamos o asfalto por terra, internándonos noutra fraga sementada pola follasca dos carballos, e tamén de bidueiros, freixos e avelairas, xa que conforme perdemos altitude acercámonos ás marxes do río Barcia.

Despois de facer os derradeiros metros cara á conca fluvial por unha estreita congostra, cruzámolo por unha fermosa ponte de pedra, onde nos alcanzan unha parella de camiñantes, a mesma que atopamos na saída preguntándonos pola ruta. O Alex comenta o porca que é a xente, xa que o río atopase salpicado con plásticos, o que resta algo de encanto ó lugar. Aproveitando a bonanza que dá a proximidade do Barcia, atópanse grandes extensións de pasto delimitados por valados, e ó carón deles avanzamos por un sendeiro que ascende suavemente, e que desemboca nun pequeno poboado abandonado que, aproveitando que deixou de poallar, decidimos inspeccionar.

Quitámonos unhas fotos de grupo fronte ó típico canastro da zona, circular, con teito de pizarra e base de madeira, e tamén podemos admirar outro tipo tamén característico, rectangular, e con dous grandes pés de pedra. O lugar debeu coñecer tempos mellores, xa que as casas, agora invadidas polas silveiras e cos teitos vencidos, semellan solaregas, como a que atopamos máis adiante, a Casa do Roxo, xa en Veiga do Carro, que semella un museo etnográfico pola cantidade de ferramentas e apeiros de labranza dispostos no seu patio.

Se seguisemos pola estrada chegaríamos ó noso albergue, pero as marcas vólvenos conducir cara o monte, baixo a silueta da Capela da Nosa Señora do Carme, construída en pedra, madeira e pizarra, co pertinente teixo gardándoa. A poalla segue xogando ás agachadas con nós, pero non logra que nos desanimemos, máis ben o contrario, porque deixando atrás as casas e os campos, entramos nunha desas fragas nas que ben podían habitar as meigas, porque habelas hainas entre estas especies nobres, ou aquí ou en ningures.

Conforme ascendemos o bosque vaise espaciando, e atravesamos tramos nos que o toxo, a carqueixa e o breixo son as especies que tinguen a paisaxe, mentres abaixo vemos o discorrer das augas cantareiras, debuxando meandros que avanzan entre a fraga de ribeira como unha serpe.

Tamén o noso debagar ten algo de serpenteante, porque deseguida baixamos os metros gañados ó ceo, e vólvenos cubrir as copas dos carballos, freixos, bidueiros e alisos, nunha sinfonía de cores producida pola mestura de estacións. As pedras cubertas dunha capa espesa de musgo, ou por raíces que foxen da terra, coma se buscasen asomarse ás Pena Moura, que se alza sobre nós, e que espertan a cobiza das nosas cámaras, que dende o principio da fraga non coñeceron tregua.

No fondo desta fraga enfeitizada está o río Barcía, e atravesámolo por unha rudimentaria pontella de troncos asentados sobre dous pilares de pedras, e seguimos o tramo final do seu curso antes de desembocar nas augas do río Villanueva, no denominado Forcón dos ríos que nomea a toda esta ruta. Mentres volve a aparecer a poalla, decidida a non deixar secar os nosos osos, aínda que xa estamos afeitos a ela. Facemos un anaco do camiño acompañando o debagar das augas, ata que nos leva a cruzar a estrada AS-33, internándonos nunha pista forestal bastante ampla, baixo a mole do Penedón, que domina dende as alturas o val.

Por ela chegamos a un enorme casal, no lugar de As Casías, posiblemente pertencente a dinastía dos Lombardero, reloxeiros e inventores que tiveron certa importancia na zona, que asemella unha fortaleza medieval. Camiñando a carón dos seus valados, que se estenden ata o río, delimitando un campo que reafirma as miñas sospeitas de que esta era unha casa solarenga, chegamos ata o lugar veciño de A Valía, onde cruzámo-la conca fluvial unha vez máis.

Na mesma pontella atopamos a un paisano cunha vasoira na man, non sabemos moi ben se con ánimo de manter limpo o paso, e detémonos a botar unha parolada con el. Señor Antonio resulta ser o derradeiro habitante do poboado, e falamos nun galego singular, a fala ancestral destes arraianos que aínda soportan a política de exterminio cultural do principado, empeñados durante décadas en borrar os vestixios da nosa influencia.

Fálanos da desaparición dunha forma de vida, a súa, que se estende a moitos pobos da zona que xa atopamos deshabitados, as ciclópeas barricas de sidra valeiras, os muros das casas derrubados, a lingua que esmorece, os muíños que moen só o silencio. E alédase de atopar quen comparta as súas verbas, quen as entenda, quen se interese polas súas teimas e admire a arquitectura do seu pobo, aínda que parte del atópese acoutado pola garda civil, ante o perigo de derrube.

Con pesar despedímonos de Señor Antonio, con gusto quedariamos un bo rato máis a parolar con el, pero aínda nos queda un bo anaco de camiño. Pasamos diante da Capela de Santa Apolonia, que vimos antes nun curioso escudo gravado na pedra dunha das casas principais da Valía, e ascendemos levemente por unha canicouva que se interna nun souto alfombrado polos ourizos e follascas dos castiñeiros.

Ó Alex tanto lle emociona a fermosura do lugar que decide abonalo, e chegar así, coa equipaxe alixeirada, ó pobo de San Xulián, que atravesamos sen nin sequera visitar a súa capela.

Fragas, congostras, pobos, regatos, outeiros, a paisaxe muda a cada paso, e felicitamos a Miguel por escoller o noso destino, porque grazas a el estamos descubrindo esta terra chea de matices, onde parece que se detivera o tempo, onde regresamos ás nosas raíces e sentímonos, facendo burla das fronteiras, un pouco máis galegos.

Seguindo o curso do río Villanueva, sementando pegadas en camiños ancestrais, chegamos a Caraduxe, un enclave rural onde sumamos motivos á nosa afirmación nacional, xa que atopamos os restos dunha publicación veciñal onde lemos un fragmento dun relato escrito neste dialecto da nosa lingua. Non nos importa camiñar despois un anaco de asfalto, xa que ó pouco atopamos un sinal que nos obriga a descender por outra fraga enfeitizada, e que segue baixando cara un pobo que nós tomamos por Ferreirela.

Alex e máis eu desconfiamos da dirección elixida, mentres que o Miguel xa vai entrando no pobo, despois de atravesar unha senlleira ponte medieval de un so arco, e dámoslle voltas ó mapa para tentar de atopar a confirmación das nosas sospeitas. Finalmente preguntámoslle a un paisano e dinos que non estamos en Ferreirela senón no lugar de As Barreiras, na ruta de A Mina das Talladas, e que debemos volver á estrada de Caraduxe para atopar o noso sendeiro.

Mentres recuamos éntranos a morriña, xa tan cedo, e chamamos á Criatura para facerlle unha pequena crónica da primeira xornada en terras de Oscos, e así amenizamos o tramo asfaltado que nos resta cara a Ferreirela d’Arriba. Unha vez neste pobo evaluamos a posibilidade de descender, tomando un aire, ata Ferreirela d’Abaixo, onde se atopa a Casa Natal do Marques de Sargadelos, pero xa levamos horas dabondo camiñando, e uns quince quilómetros ás costas, así que deixámolo para seguintes excursión.

O tramo final, ata Santalla d’Oscos, ou Santa Eulalia, fáisenos coma sempre, prescindible, máis que polo cansanzo acumulado porque se tratadunha estrada asfaltada, aínda que con pouquísimo tráfico e unhas vistas espectaculares. Celebramos a nosa primeira andaina das vacacións cunha botella de sidra fresquiña nunha taberna con certo encanto, mentres xa buscamos no libro de rutas a seguinte.


Seguidores