Domingo, 17 de outubro de 2010
Desta vez volveron insistir os nosos Eivadiños nos territorios do Condado. No centro da metrópole había non sei que certame deportivo, e varias rúas estaban cortadas. Esto motivou que algúns quedaran no punto habitual, no Concheiro, e outros en Puxeiros. O final foron sete os que partiron en busca de novas aventuras: Ramón, Yuka, Nacho, Georgia, Alex, Miguel e Anxo. O Betanzos aproveitou para apertarlle o acelerador a súa moto, e o Panette por fin quitou a “Vivaracha” nunha saída oficial.
Desta vez volveron insistir os nosos Eivadiños nos territorios do Condado. No centro da metrópole había non sei que certame deportivo, e varias rúas estaban cortadas. Esto motivou que algúns quedaran no punto habitual, no Concheiro, e outros en Puxeiros. O final foron sete os que partiron en busca de novas aventuras: Ramón, Yuka, Nacho, Georgia, Alex, Miguel e Anxo. O Betanzos aproveitou para apertarlle o acelerador a súa moto, e o Panette por fin quitou a “Vivaracha” nunha saída oficial.
Seguindo a fórmula legada polo de Paramos, detivéronse a xantar, e nesta ocasión non houbo dubida. Recalaron ó carón da estrada que vai dende Ponteareas ata Mondariz, no Asador Antón, onde non tardaron moito en acomodalos nunha mesa e en servirlles un bo Mencía para soltarlles a lingua e unha sopa de cocido para quentarlles o bandullo.
Despois partillaron un churrasco de pai e moi señor meu, con chourizos e patacas, e unhas fontes de ensalada. Algúns ata se atreveron coa sobremesa, e os máis destemidos acompañaron o café con licor de caña. Seica estaba todo rico e que non pagaron máis de doce ouros.
O Nacho partiu, que tiña algún compromiso ineludible, e o resto desfixo parte do camiño para deixar os seus vehículos ó carón da Ponte dos Remedios, en Ponteareas, que inza os seus tres maxestosos arcos sobre as minguadas augas do río Tea. Este foi o verdadeiro protagonista da xornada, xa que o grupo tentaba de debuxar outro círculo arredor del, como xa fixeran o mes pasado dende Salvaterra.
Decidiron comezar a ruta pola marxe dereita, xa que esta era totalmente descoñecida. Non era axeitado deixar a exploración para o final, xa que tanto Georgia coma Anxo tiñan obrigas que atender e non podían demorar na hora de regreso. Así que cruzaron a ponte e puxéronse en marcha. A climatoloxía acompañaba, o sol brilaba no ceo, entre nubes de algodón.
Non tardaron moito en se deter, xa que unha vez que deron co sendeiro de pescadores que seguía o río deron en chegar a un souto inzado de ourizos que ofrecían os seus froitos. Apañaron cadansúa provisión de castañas, tantas que Ramón tivo que dar un toque de atención, pois a tropa empezaba a despistarse dos verdadeiros obxectivos da expedición.
Avanzaron a bo paso a poucos metros do leito fluvial, primeiro por un sendeiro que semellaba bastante pisado, e despois seguindo unha liña que esvaecía os poucos mentres medraban as herbas e as silveiras, nunha fraga de ribeira que daba en espesarse, en facerse máis e máis inaccesible. Pero non puido o desanimo con eles, e ata Georgia, que xa levaba un tempo sen asistir a estas convocatorias, estaba leda de avanzar por este territorio incógnito, quizais porque estreaba un pauciño que lle foi de moita utilidade.
A competencia fotográfica era singular, xa que había tres cámaras en liza e todos pugnaban por quitar a mellor toma. O certo é que aquela paisaxe de lenda prestábase a ser retratada. Todo isto non impedía que o ritmo foxe o axeitado para conseguir os seus obxectivos. O primeiro de todos, atopar o lugar axeitado para cruza-lo río, cando levasen unhas dúas horas, para face-lo regreso pola outra beira.
O gps de Yuka mantiña en todo momento a posición do continxente senderista, máis esta non semellaba ter moito interese en guiar ou presentar alternativas ó camiño e declinaba en Anxo toda-la responsabilidade da empresa. Mentres este lle cedía a vangarda a Miguel ou a Alex para que, como se foxen exploradores indios, atoparan a mellor alternativa.
Enlazaron sendeiros con vellos camiños carreteiros, cruzaron campos abandonados, soutos e carballeiras, corrixiron a dirección máis de unha e de dúas veces, pero finalmente chegaron a unha ponte que lles permitía mudar de sentido. Máis aínda era cedo, e despois de facer unha breve pausa, para que o Miguel fumara o seu xaroto, decidiron seguir baixando a carón das augas verdescentes.
Río abaixo atopáronse un gran viaducto de formigón, polo que atronaban veloces un feixe de cabalos de ferro, era a autovía que vai cara a metrópole. Pero non foi esta estructura xigantesca a que detivo o seu avance, senón un pequeno regato que tributaba as súas augas a bacía do Tea. Tentaron rodealo e buscar algún xeito de franquealo, pero foi imposible, xa que unha gran finca, amurallada como un castelo e defendida por cans feros, impedía o paso, polo que tiveron que recuar e buscar outro xeito de cruzalo. Alex, Georgia e Anxo aproveitaron unha árbore caída para inzarse sobre ela e acadar a outra beira, e Miguel e Ramón fixeron traballo de enxeñeiros e improvisaron unha ponte cun tronco, polo que tamén chimpou Yuka.
Dende alí tiveron que botarse á estrada, pois non había outra, ata dar con outro sendeiro que lles permitira avanzar. Unha e outra vez internáronse na espesura da fraga de ribeira, en algunhas tiveron éxito, e noutras tiveron que volver sobre as súas pegadas. De tódolos xeitos chegaron máis ou menos a hora convida a un punto onde lles era permitido muda de ribeira, para iniciar o regreso. Este punto mereceu deterse un chisco, pola especial beleza do seu entorno. Tratábase da Ponte das Partidas, que os nosos reporteiros fotografaron unha e outra vez, tentando rexistrar o mellor reflexo dos seus tres arcos de pedra, e a brancura das súas areas.
Concluía aquí a súa exploración, xa que por diante tiñan un camiño ben coñecido. O sendeiro de pescadores entre os pontes das Partidas e dos Milagres está máis en bo uso, máis que nada porque aínda é bastante transitado polos amigos das troitas e tamén por moitos, como os nosos Eivadiños, que gustan de manter vivos estes itinerarios. Tan axeitado era o terreo para avanzar con rapidez que Alex, Georgia e Miguel botaron a correr, e deseguida deixaron atrás ó resto do grupo.
Pasaron ó carón da ponte de cemento como raios transparentes, e non foi ata que decidiron botar un xaroto, logo de pasar por un merendeiro, que volveron a ver os seus amigos. A sección fotográfica tomou nota e gardaron as cámaras para non quedar outra vez descolgados do pelotón, aínda que tamén é certo que a luz xa esmorecía e a paisaxe era algo máis monótona.
Ó pasar preto da depuradora houbo quen se alporizou, polo fedor que despedía a auga, supostamente tratada, que era verquida ó río, e ata estiveron a piques de chamar ó Seprona para denunciar o feito. O certo é que o Tea non tiña a mesma cor dende aquí, e que o camiño que restaba foi acompañado pola transparencias do seu leito.
O derradeiro tramo tiña profusión de pasarelas e pontellas de madeira, e quizais animados por esto atoparon a xentes que disfrutaban doutro xeito de camiñar, aínda que o Alex e o Miguel lles botaron o ollo a un par de rapazas que viñan facendo o sendeiro en sentido contrario. ¡Hai que facer unhas camisetas, xa!, dixeron, para tentar que se non unan a nós.
Alex tamén tentou de convencer a Georgia para converter “O outro mundo do Tea”, en unha sala de concertos con moitas posibilidades, aínda que semella que lles faltaban fontes de finanzamento para acadar o proxecto.
O día non deu para máis. Ou si, pois decidiron rematar a xornada en Cans, enfronte o monumento que conmemora a morte dun feixe de homes e mulleres nun accidente de autobús, entre eles o avó do noso Zalo. E así foi, e así volo conto, e se me saíu curta a crónica xa sabedes...