Mostrando entradas con la etiqueta Moaña. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Moaña. Mostrar todas las entradas

CRONICA DA TARDE, PARA DOUS PAXARIÑOS

O monte dos remedios cando non ai festa, dorme na compaña dos paxaros e fala co vento.

Mentres procuraba o atardecer calmoso ía descubrindo o vivir da xente, na parroquia de quinteiros ateigados de arbores con froita, alimento para os humanos e os paxaros.

Tiran, Tiran, que gardas para ti as lúas cheas que adornan a ardentía no mar, no teu mar farturento e cheo de penedos, berce de vellos mariñeiros.

Estaba en estas cando recordei que hoxe recibín un sobre de parte de Sonia e Anxo, dentro atopei un papeliño escrito moi agarimoso e as fotos que xa son memoria dun sábado no cal nos deixamos engaiolar pola maxia da Mangallona e da creación de Camaño, amigo de loitas e cuncas de viño.

Fotos que nos levan a Érmelo, de cumprida obriga visitar a Esculca antes de sentarnos a mesa, e revivir no padal os sabores da ría e da terra,  tradición que xa ven de vella e non iamos a ser nosoutros quen de non respectar . O que dixen fotos dunha tarde que foi vida, onde repasamos as anécdotas da rapazada nos tempos de caldeiradas, cando os cans eran familia, os gatos coellos e Berducedo un mundo.

Fotos que tamén dan testemuña de outros colegas que por bou e non bou, deixaron o barco, pero ai estabamos nos para darlle a proa o vento.    

No sobre viña un DVD , que estes amigos, perdón , estes Eivadiños dos camiños enlamados e balos centenarios, tiveron a ben de agasallarme “ O SEGREDO DA FROUXEIRA “ . Sabedes coma min que queda moita memoria , moita loita, moita historia por contar . Xa sabedes que os que andamos en algunhas lerias, temos case que todo o tempo habitado. De ai que “ ARRAIANOS “ queda para outra.

Prométovos que vou ver o DVD, que seguro se aprenden cousas, por que sempre se aprende. Agradecido xa o sabedes . Permitirme que vos diga que en certa ocasión estiven no Monte da Frouxeira, onde prenderon a Pardo de Cela, no Valadouro , Lugo. Toquei aqueles restos de historia, saltei polos penedos colosais,empapeime na nosa historia , porque so así a podemos coñecer e entender.

Despois de facer unha ducia de recados saquei o caderno e a caneta e me puxen a escribir estas letras que xa son vida, tamén parte de vos.


Xa fai fresco aquí a beira da praia do Canabal, antes aínda andaban por aquí algúns namorados e catro mariñeiros, hoxe van quedando menos románticos e que dicir dos mariñeiros si as gamelas dormen o soño eterno desde fai algúns anos, xuntas baixo un caseta so escoitan a musica do mar e o cheiro a salitre, quizais iso sexa o que non as deixan podrecer.
Xa me estou abrandando, apertas e bicos, bicos e apertas neste xoves chamado de corpus, segundo os curas . Grazas por todo, por unha tarde de sábado, pola tardiña en Érmelo, polo sobre sorpresa cheo de vida que xa nos habita os tres.

“ Agora so queda que un día me presentedes a unha chavala, ata os cincuenta e chavala , broma “. Apertas de Buxo desde Tiran.


Unha noite escoitei o grito dun neno no fin do mundo
quería unha cometa, feita coas cores do arco da vella,
saín nun barco pirata e sen luz naveguei polo mar escuro
ata a illa onde o neno agardaba, xogamos coa cometa días e noites,
o vento se volvera tolo e nos mais ou menos.          

                                               Luís da Roxa , primavera 2013, Tiran .

E285 Sendeiro dos ríos da Fraga e do Beque (Moaña)


Sol, 31 de marzo de 2013

Non tiñamos claro se ir camiñar ou non: Domingo de Pascua, xente de vacacións... pero Anxo propuxo un lugar que facía anos queeu visitara, so nunha parte, e parecíame boa idea ollar a Fraga de Moaña e a auga que seguro corría polo río abaixo.

Puxemos rumbo ata Moaña sen falar nin de onde iamos comer, tamén sen bebida, algo que eu lamentaría logo porque a ruta complicouse mais do que pensábamos, e nalgunha vez no nosos camiño dixemos que parecía que estabamos en plena selva Amazónica. Comezamos o sendeiro dende as cercanías do Cuartel da Garda Civil cara ó monte por uns camiños encharcados de auga, lama, cheíños de silvas e todo tipo de herbas, incluídas as ortigas. 

Entre patos e pavo-patos, como lles chamei eu, esquecemos os coches, as casas, os domingueiros, a civilización e os problemas do famoso estres, tan teimados por esta cabeciña tola. Anxo, “o cameraman”, tirou levando a avanzadiña fotografando ó que se puña no seu camiño. O verde do campo, a auga máis azul, as árbores seguras, altas e a primavera que non quere chegar mostrouse en forma dun pequeno “Val do Jerte” que atopamos no camiño e que o fotógrafo non dubidou en captar co seu obxectivo. 

Non nos cruzamos con ninguén no noso camiño cara “o cumio”, algo que nos sorprendeu porque non chovía, pero nese bosque no que o rumor da auga non nos deixaba escoitar as verbas do outro, agradecemos a soidade deses intres. No medio, mais ou menos do camiño, cando xa chegamos preto dos moliños restaurados, Anxo pensou que non pagaba a pena subir ata a fervenza e que era mellor subir pola marxe do Beque. 

Un pouco antes eu collera os mandos da fotografía e xa fixera os meus “estragos” polo camiño: flores, río, fervenzas e Anxo coa súa mochila para soportar a chuvia, o vento, o sol... o que fixera falla. Tiramos camiño arriba pensando na cervexa e algo de comer no Camping e levamos un bo chasco cando, despois de trepar polos penedos e o barro esvaradizo, o camping ¡estaba pechado na semana santa! Fixemos unha pequena parada alí, bebemos algo, e collemos un atallo que Anxo coñecía. 

Ó pasar por unha aldea rural con boas vistas á ría e cabanas de madeira para aluguer, pensei que sería boa idea coller unha nuns días de verán, de seguro que viríame moi ben, pero esa idea esquecina cando vimos  o mal xestionado que estaba o restaurante responsable tamén do aluguer das cabanas. En todos os anos que levo viaxando e camiñando non vin que me trataran tan mal coma naquel lugar. Chegamos secos de gaznate e cansos ó “A de Lino” e os donos dixeron que xa pechaban (as 16:30h) negándonos ata a bebida para continuar o camiño. Aínda que pouco nos durou o noso enfado, porque case na súa porta había un potriño que deleitounos coa súa compaña e ansias de caricias, pena que non tiñamos nada para darlle de comer. 

Atallando, atallando, atopámonos no medio do camiño real que estaba totalmente inundado de auga, como se o curso do río pasase por alí. E alí rin e non parei, ollando a Anxo trepar coma Tarzán, cheíño de lianas e auga ata os nocellos. E así, pouco a pouco, chegamos ó camiño polo que subiramos e retomamos a mesma a baixada serpenteante do río Fraga. Chegamos xa até ós nosos patiños de novo, a civilización, ós domingueiros coas panzas cheas do xantar do Domingo de Pascua. E alí, onde aparcamos o coche, en pleno paseo da praia de Moaña, trocamos as roupas molladas por prendas sequiñas para ir a comer algo e sobre todo, beber. 

Tivemos sorte, pois un pouco máis adiante nunha cafetería-panadería, fixéronnos uns bocadillos que nin a mellor mariscada soubera mellor. Aínda tivemos folgos, humor e tempo para facer o “paiaso” un ratiño cunha rapariga que alí estaba e a que, pensei eu que lle alegramos a tarde.


E284 As lecións do mestre Chapela nos cumios do Morrazo



Saturno, 30 de marzo de 2013

“A memoria xurde con a exacta luz
do sol de medio día, cando se reflexa no mar
axitado polo vento fresco que trae o norte.
As palabras derrotan ó vento, sempre
como a area que vai levando a marea.
Sobrevivirei para escribir poemas
do mais profundo do corazón atormentado,
para que alimente ás almas confusas e extraviadas.
O cuarto se anima á sentir as caricias do sol,
no amplo véntano onde vexo moita neve
e rosas vermellas,
ese home con tímido sorriso, deixou atrás algo.”

“Rosas Vermellas”, LUÍS CHAPELA

O meu mestre, cronista e poeta das xentes e lugares do Morrazo, adoita alimentar a miña alma confusa e extraviada cun feixe de versos agarimosos e/ou combativos (deses que eu chamo “de motoserra”), nas mañas que partillamos no Cubillón, cos olliños cheos dese océano que busca acubillo na nosa ría, e despois do seu recitado maxistral dime:

-¿Qué, aprendiches algo?-

É moito o que se aprende con este home de rostro curtido polos ventos de afastados mares, por el escoto a voz dos últimos mohicanos, carpinteiros de ribeira, cesteiros e canteiros, e outros oficios que se van perdendo na memoria do pobo, e a memoria tamén dos fuxidos, e dos que desgraciadamente non conseguiron fuxir das gadoupas do fascismo, e escoito tamén as voces dos lugares, dos paxaros e das árbores, a sabedoría desta terra na que firmemente ten este home ancoradas as súas raíces, e que tanto lle doe ó sentir que este pobo de ananos non ten a vocación de berrar coma xigante.

Outro conto sería se a xente que rexe os destinos da nosa nación levara cosidos no seu peito unha parte dos sentimentos que o mestre Luís Chapela leva no seu, e que alimenta cos seus versos a diario, e tan xenerosamente partilla on este que deixa vagar (ou vogar) os ollos errantes pola ría, mentres no seu faro resoa a súa voz cantareira, con arume a salitre e a herba.

Moito tempo falamos de subir á Cruz de Ermelo, seguindo as congostras e corredoiras que levan a lembranza das súas pegadas dende cativo, e desta cumprímo-la promesa, aproveitando (que non sempre é doado) a coincidencia das nosas axendas, e de tal xeito quedamos citados no miradoiro da Fraga.

Eu levaba o corpo doce, aínda que non tivera tempo de almorzar, e o seu sorriso recibiume iluminando a ría dende esta atalaia natural, e despois de nos despedir do seu irmán, que o acompañara ata aló, comezamos a ascender cara os cumios de Moaña.

Moitos foron os nomes dos lugares, pois cada lugar ten o seu nome e a memoria dos bos e xenerosos está para que non se perdan, así coma costumes e lendas, recollidas durante anos por este home, a pe de horta e de canastro, falando con eses vellos que constitúen a nosa rica tradición oral.

Moitos foron as verbas, mentres camiñabamos cara onde o mundo se chama Ermelo, el lixeiro coma un rapaz, i eu suando coma un condenado, sempre dous pasos detrás del, tentando atrapar en imaxes as esencias dos seus relatos, ou cando menos os escenarios de moitas das súas aventuras, que aledan as miñas xornadas de horarios obrigados e loucura cotiá.

E284 Polos montes de Moaña e outros mundos


Chegamos ó mirador das fragas á hora marcada, Anxo e Luís, e non era para menos xa que despois de chover toda a semana, este sábado espertou con ganas de quentarnos as costas. Era unha aposta de dous e alí estabamos, preparamos as cousas e deixamos a tras aquel anfiteatro natural, con un val inmenso que bica o Atlántico. Comezamos a subir polo camiño que noutro tempo foi de carro e atravesamos aquel monte que aínda sendo rapaz recordo todo cuberto de pinos mansos, os cativos subiamos apañar os piñóns . Chamábanlle o Cerrado, pero todo cambiou coa chegada da celulosa e o eucalipto , por obra e graza da ditadura, os pinos foron arrancados e sementaron eucaliptos.

Na metade da subida pasamos por un lugar onde nace auga, pero e coñecida como Fonte Seca, xa que a maior parte do ano esta seca. Unha volta no camiño e chegamos a unha atalaia, chamada o Outeiro do Raposo, contan as lendas que por este lugar nas noites de lúa a raposa chamaba polo raposo para baixar o pobo a buscar galiñas e cando berraba a xente entráballe o medo. Continuamos camiño arriba ata chegar a Chan de Bolas, xusto ós pes do pico de Agudelo, alí ollamos unha boa plantación de castaños e carballos. O nome deste lugar llo deron os rapaces que cando viñan co gando para o monte, como este é un lugar plano xogaban aquí a bola, e hoxe se coñece como a Chan de Bolas . Decidimos non subir ó Agudelo, porque queda moito por camiñar e non e plan rebentarse na primeira hora.

Atravesamos o monte e nos pasamos a zona de Marín, fomos visitar os restos da antiga capela de San Lourenzo, capela de moita tradición no concello de Bueu, desde sempre . No ultimo deslinde feito polo franquismo, a capela quedou no territorio de Marín, pero desde a súa fundación pertenceu a Bueu, incluso o santo e o capitel co nome da capela están gardados na igrexa de Cela. Este tivo que ser un lugar cheo de carballos e castaños, preñado de moitas lendas que están recollidas, incluso sobre a fonte . Hoxe comprobamos como a capela está tirada no chan, como moito patrimonio do país totalmente abandonado. Como querendo reclamar o seu espazo no interior da capela naceu un carballo que xa ten un bo porte, que se non se ten coidado pode tirar os restos dos muros que aínda están en pe. Vemos con satisfacción  como aínda ai xente que se achega ata a capela a deixar flores e velas nas repisas.

Desandamos un pouco e entramos de volta nos montes de Moaña, entramos pola porteliña e seguimos polo camiño de carro ata as Chans de Cachón . Un lugar especial onde a terra e o mar dormen os seus pes, un miñato sobrevoa e nos saúda debuxando círculos por riba de nos,”quizais sexa un vixiante deste anaco de monte”.  De novo unha fermosa plantación de arbores autóctonos, protexidos con arame para que os cabalos non os  rompan. Cachón ten algo que o fai especial, as veces si te sentas debaixo de un carballo, o vento trae o son dos vellos coa fouce, apañando o toxo para estrumar o gando. Seguimos por unha congostra que no seu tempo fora feita para que o carro non abocara, cando ía cargados de toxo ou leña, chegamos o cruzamento de dous camiños, o lugar se coñece como Praza da Virxe, por unha pedra que había polo entorno que e semellaba o manto dunha virxe . A pedra xa fai tempo que desapareceu, mais ben a roubaron . Neste lugar ou praza se poñía unha persoa na parte de abaixo e si viña un carro da riba , mandaban para o que comezaba a subir, algo como regular o trafico, pero con carros, pois nos camiños era imposible dar volta.


O pouco tempo chegamos á Cruz de Cela, cruz que foi posta polos monxes bieitos de Hermelo a la polo 1700, como así reza na inscrición. Xa fai anos que o monólito lle foi roubada a cruz que tiña na parte alta, quedando so a pedra, coas letras do Mosteiro de Hermelo, marcando o devir da historia, por algo todo o Morrazo estaba baixo a xurisdición do mosteiro. Despois da sesión de  fotos subimos un anaco pola estrada que antes fora camiño, hoxe cuberto de piche e os pes o notan, así chegamos o comezo da pista de terra que nos leva o Monte Paralaia. Comezamos a subir a costa e o pouco tempo, deixamos a man esquerda o lugar de Foxonoval onde nace o río do Inferno, que desde estas alturas percorre Broullon, Paradela, A Marrua, o Redondo e se abraza o mar fronte do concello de Moaña. Seguimos ata o cumio do monte, onde xa apreciamos arbores novas de plantacións anteriores, chopos, bidueiros, olmos, e unha boa mancha de pino común, e de novo o noso miñato protector nos di que esta cerca.

Debido a maleza que o cubre todo non podemos baixar ata a cova da Paralaia, onde aqueles farallóns impoñen respecto, son testemuñas pétreas dos nosos días . Atravesamos o monte cara o sur e vamos por un camiño entre carballos e moles de pedra ata o Monte Xestoso, alí esta a Cruz de Paralaia, feita de madeira de carballo desde a primeira vez que se puxo ai preto de cen anos. Desde este lugar privilexiado un ten a sensación de que pode apañar coas mans a ría, Vigo, as Cies e todo o Morrazo, é un lugar encantado e nos días de inverno se escoita falar as arbores coas pedras . Comezamos a baixar por unha congostra de lama e pedra que nos leva a Hermelo, por estes lugares a auga e unha constante, a terra e negra con moitos minerais e a terra ideal para os Cantarelos no seu tempo.

Chegamos a aldea de Hermelo, somos ben recibidos por este lugar tan fermoso e amable para os ollos, case podemos dicir que Hermelo e un anaco do Paraíso. Aquí era obrigado repoñer forzas, previo acordo na Taberna de María, demos conta de unha fonte de raxo e patacas fritidas, con un xerro de porcelana de tres litros de Tinta Femia, todo estivo moi bo, ata o café con o bagazo que fixo que aparecera o”pedro chosco” facéndonos cóchegas na cabeza,  a idea case era esa, pero cando chegamos a Esculca nos atopamos con un grupo de almas en pena, da cidade, que xa andaban medios perdidos na Cruz do Xestoso. Entón sen darnos conta se apegaron e comezamos a facer de guías de este grupo do club dos desachegados. Comezamos a baixar e pasamos pola beira do pequeno cemiterio de Hermelo, onde lles conto que aquí está enterrada a mellor tecedeira de Pontevedra do século pasado,  Sra. Pepa de Florencia, pola súa casa pasaron Cunqueiro e Castroviejo en certa ocasión, animando a muller para que participara nunha feira de artesanía galega de moita importancia en Pontevedra, ala polos anos 50. Enfilamos o vello camiño real que ía de Hermelo a Moaña (San Martiño), por este camiño podemos ver a mostra dos miles de carros que pasaron por el, con marcas petrificadas  nas pedras de ata 25centimetros de fondo.

Pola metade do camiño nos atopamos co nacemento do río Bouzos, que cruza toda a Fraga de Coiro, rega veigas e comareiros, fai moer un feixe de muíños coma o de Fausto e se bica co mar na zona da praia de Rodeira . Seguimos baixando e chegamos a un lugar mítico dos montes do Morrazo, O Pouso das Cruces, a este lugar por temperas cando se remataba os traballos das sementeiras nos campos, as xentes de San Martiño, Hermelo, e Coiro, saian desde as súas igrexas ata aquí en procesión e así como ían chegando posaban os estandartes e as cruces no monte, de ai o seu nome . Facían unha misa e pedían ter boas colleitas,  despois todo o día era troula, ata a volta que era do mesmo xeito. Este lugar ten un uñeiro, onde nace boa auga, esta cuberto de carballos os cales teñen unhas polas especiais polas formas que fan, conta a vella lenda que por este lugar andaban os druídas celtas recollendo o visgo das polas, para facer pósemas .
O Pouso das Cruces e un lugar especial e o sabían os noso devanceiros que puxeron no entorno o primeiro mogon de deslinde das tres parroquias, que hoxe delimita os concellos . O entorno  conta con mesas e bancos de pedra así coma asadeiros e era un lugar moi concorrido cando se podía facer lume, pero no verán aínda e moita a xente que se acerca a esta curruncho natural.

Seguimos ata o lugar do Outeiro, zona arborada con fontes e con vistas impresionantes da ría, Cangas, Baiona...., lugar rico en cogomelos . Aquí se celebra todos os anos a festa do Leñador no mes de agosto, acude moita xente do pobo e de fora, e un día de troula en plena natureza, sempre se pide respectar o entorno. Aquí Anxo e mais eu deixamos a tropa das almas perdidas e comezamos a andaina pola pista que nos levara a Broullon . Son as seis da tarde e sacando a hora de comida todo foi camiñar e os corpos comezan a negarse a andar para diante. Nas primeiras casas de Broullon somos recibidos polos cans que semellan querer comer o mundo, os cabalos que comen nas veigas non lles fan ningún caso, coma se non escoitaran o barullo que fan os cadelos, dous gatos se poñen a facer posturas para a foto. Chegamos ó Cruceiro da Salvante, probablemente un dos cruceiros mais antigos de Moaña, foi construído ai varios centos de anos, e foi sufrindo varios cambios de sitios o longo dos anos, pero sigue en pe, con a súa memoria e historia viva.

Pouco a pouco case que arrastrándonos fomos chegando os coches, o mirador das Fragas seguía sendo amable, pero o cansazo podía con nos. Estabamos poñendo o loureiro a unha xornada completa que comezara as 11 da maña e remataba as 7 da tarde, os corpos esmagados, os callos derretidos,  pero na memoria un día histórico para arquivar unha camiñada completa, onde descubrimos lugares e pequenas cousas da toponimia que xa forman parte de nos. Cumprimos así unha promesa que xa se perdía co paso dos días.  Ollamos para os farallóns do monte Paralaia por ultima vez, e ala andaba o miñato, o noso compañeiro da andaina quedaba no se medio vital e nos, quizais pensando en outra.


Sábado 30/3/2013, Luís Chapela 

E191 Sendeiro do río da Fraga (Moaña)



Domingo, 2 de xaneiro de 2011

Non estamos feitos de outra cousa que de lembranzas e de soños, e así o pasado e o futuro son o combustible necesario para as nosas particulares máquinas do tempo, as que nos fan erguer pola mañá, aínda que non teñamos obrigas laborais nin doutro xeito, e as que moven as nosas pernas, corazóns e linguas, fabricando afectos e rancores, abismos e naufraxios, resplandores e tebras.

Somos tempo e somos terra, e para non esquecer que algún día volveremos a ela recoñecémola, debuxando mapas máis emocionais que físicos, aínda que tamén, e nela mesturamos as lembranzas e os soños para darlle un sentido a estes días sen sentido nos que medio mundo tolea, máis ou menos coma sempre, debaténdose entre o consumo e a crise, mentres o outro medio, tamén coma sempre, debatese entre mil xeitos terribles de vivir e de morrer.

E así un ano máis, movidos por esa materia coa que tamén xermina o noso imaxinario colectivo, demos en reunirnos un domingo máis na saída da metrópole, inxenuos desertores do asfalto que saben que han volver, si ou si. Non contaba eu con que esta cousa mal organizada e sen obxectivos definidos que, non podía ser doutra, a nosa Chinita bautizou un bo día, nas ribeiras do río Estoraos, como Eivadiños, dera para tanto, nin que a primeira convocatoria do ano estivese tan concorrida.

Entre os, máis ou menos, habituais estaban Alex, o noso Cachorriño aínda convalecente dun arrefriado que, sen embargo, non lle impediu, na véspera, acudir ó primeiro concerto da década recentemente inaugurada, o da New York jazz ska Emsamble (si, claro, eu tamén estiven alí, pero portámonos ben e non teño que facer o acostumado inventario de circunstancias).

Estaba tamén Xacobe, que semellaba en tan boa forma despois dos arriscados cruzamentos do Almofrei e dos moitos quilómetros e desniveis acumulados en terra de Oscos, que mesmo pensamos en retirarlle a condición de eivadiño.

Os reforzos viñeron en clave feminina, nun desas raras ocasións nas que son maioría entre as nosas modestas tropas. A que viña con máis bagaxe na nosa historia era Montse, curtida nas convocatorias máis esixentes do “consorcio” e noutras aventuras alén dos nosos territorios naturais, que non despreza a nosa fórmula nin a dos nosos “irmáns” de Sudando Botas.

Para Lourdes, a súa amiga, era a primeira vez, e de seguro viña algo avisada do que se ía atopar, e que tamén viña sobrada de experiencia montañeira, xa que o primeiro que me dixo foi que tamén se curtira nas filas de camiñantes e congostreños, e quizais nalgún sitio máis.

Vicki viña algo amolada pola derradeira vez que probara sorte con nós, nas terras de Gargamala, e aínda lembraba os picotazos que os toxos lle deixaran nas pernas, pero é unha muller teimuda e quixo darnos outra oportunidade. Non habería toxos este día por deferencia a ela, máis algo de aventura si, porque é sabido que con nós nunca se sabe cando e onde poden xurdir as complicacións.

E para completar este grupo heterodoxo, sumóusenos Mili, da que podo asegurar que leva un bo feixe de camiños ó lombo, dende o Perú ata Nepal, pero a quen as circunstancias tiñan afastado algo das montañas. Ela me trouxo a lembranza de mellores tempos (ou distintos, se queredes) nos que buscabamos escaleiras ó ceo agochadas entre as rochas, e semellaba que eramos inmortais e que nunca houbese un final.

Fixemos acopio de víveres mentres tomabamos un café en Amaquía, un lugar que na estación máis fría está a restarlle protagonismo ó Stop nas nosas citas, e sen máis demora partimos cara a Península do Morrazo, onde nos agardaba Montse, que saíra dende Pontevedra. Aparcamos ó carón da foz do río da Fraga, fronte á praia do Pontillón, que ía mostrarlle os seus encantos ós máis, xa que tan só Xacobe máis eu, de todo o grupo, coñecíamos o sendeiro que avanzaba “a montante” pola súa ribeira ata as abas do monte Xaxán, e que baixaba tamén un bo anaco o carón do río do Beque.

Tras un pequeno paseo entre salgueiros, e doutro pequeno tramo de asfalto entre algúns expoñentes do “feísmo” característico do noso rural, camiñamos en animada conversa a un metro escaso do río, tamén chamado dos Ladróns, afastándonos da vila mariñeira.

Lembreime entón do meu amigo Chapela, cronista dos vellos oficios e das tradicións de Moaña, e pensei que xa é un pouco tarde para chamalo, porque sabendo as súas costumes de seguro estaría xa deixando as súas pegadas polos lugares que, ninguén coma el, ten gravados nunha memoria que ten vocación de colectiva.

O ceo sorríanos cun alento primaveral, e as augas sorrían cantareiras sobre un leito de pedras, e sorríamos nós avanzando entre cativos campos de millo, canavais e prados salpicados de salgueiros e acacias, deixando ás nosas costas o barrio do Rosal e acadando os poucos o lugar de Pozonegro. Aquí atopamos os primeiros muíños, que serían unha constante en toda a ruta, aínda que nunha gran parte deles as súas moas están definitivamente mudas, e os rodicios xa non son quen de moverse agarimosos co alento da auga.

Eu andaba algo curto de batería, así que pregueille a Xacobe que fixera os honores e se puxera á labor. Boa cousa fixen, xa que o rapaz dedicouse con entusiasmo á tarefa, xa que a luz e o entorno eran os axeitados, e mesmo Mili quixo botar un par de disparos ¡non ía quedar recuncho no río da Fraga sen rexistrar!. Esto retrasounos un chisco, e Montse e Lourdes, que ían na vangarda, tiveron que agardar polos rezagados en máis dunha ocasión, pero ¿que tiña presa? Estábamos a disfrutar, creo que todos, co camiño.

Cruzámo-la estrada en Ponte Meira, na linde dos barrios do Pombal e Reibón, onde o sendeiro se estreita e o bosque de ribeira faixe máis tupido, e mesmo fraqueaban as miñas inclinacións apocalípticas vendo aquel grupo de rapazas e rapaces aguerridos, que semellaban un verdadeiro clube de sendeirismo. Espertoume das miñas ensoñacións os berros do teléfono móbil, xa que o Xacobe quedara afastado de máis e dubidaba se cruzar a ponte de Couso e mudar de ribeira ¡non home, non, segue pola marxe esquerda!... os poucos xa estaba con nós, despois de botar unha carreiriña de can.

Pasamos baixo o viaduto do corredor do Morrazo, unha desas “vías rápidas” deseñadas para xogarse o tipo e na que o trazado ben axuda a deixar a pel, mentres o noso grupo camiñaba, paseniño si pero sempre avante, por unha fraga que a poucos enchíase de muíños, case dúas ducias nun tramo relativamente curto, con cadanseu nome: do Torto, da Lagoa, do Rei, de Novas, do Souto... moitos deles en perfecto estado de conservación.

Non en van nesta zona hai unha aula didáctica, onde se atopan varios paneis que expoñen diversos aspectos sobre estes enxeños hidráulicos e tamén sobre outras cuestións relativas ó río. Afastámonos un chisco do río para seguir por un camiño carreteiro onde algúns, como Vicki, dubidan da miña memoria. Ata eu, que fixen este sendeiro media ducia de veces o pensei, ó chegar a estrada, pero non, de seguida enlazamos outro camiño e volvemos ás súas ribeiras.

Despois de cruzar a estrada que comunica Coiro co casco urbano de Moaña, por onde pasa o “atallo” que tantas veces collemos cara os areais de Barra, como ben indica Lourdes, e tras consultar o panel informativo da ruta que está ó carón do asfalto, iniciamos o segundo tramo, quizais o máis fermoso e tamén o máis aventureiro.

A partires de aquí os desniveis se acentúan, e vémonos na obriga de cruza-lo río en varias ocasións. As dúas primeiras por pontes de madeira en bo estado de conservación, aínda que conforme avanzamos constato que o equipamento da ruta, escaleiras, pasarelas e pontellas, están en bastante mal estado. Tanto é así que, despois de pasar preto dunha sucesión de pequenos saltos de auga e pozas que invitan ó baño, ó chegar á fervenza máis espectacular da ruta, atopamos o camiño pechado por unha valla, invitando a dar a volta.

Pero non viñemos ata aquí para abandonar á primeira, así que sáltamo-la valla e buscamos un lugar axeitado para cruza-lo río, xa que a ponte que o cruzaba converterase nun feixe de madeiras apodrecidas. Vicki protestou pola temeridade, pola falta de previsión e por fiarse de nós unha vez máis, pero chimpou polas pedras molladas con tanta gracia coma o resto do grupo, aínda que coa mosca detrás da orella en previsión de máis obstáculos.

E houbo máis de un, porque río arriba era todo unha sucesión de saltos de auga de dimensións respectables, as beiras estaban inzadas de rochas esvaradías e, para darlle aínda máis emoción, a practica totalidade das pontellas, agás unha que foi cruzada por Xacobe e Vicki “a gatas”, estaban totalmente esnaquizadas. Aquí a tropa eivadiña volveu demostrar a súa valía, facendo fronte á adversidade e sorteando canto atranco se lles puña por diante. Mención especial para Lourdes que chimpaba con gracia e decisión polas pedras, con aires de montañeira experimentada.

O esforzo deixounos ó limite das nosas forzas, e aínda que eu pensaba que o Beque era o lugar máis axeitado, e o grupo decidiu facer un alto no camiño para almorzar. Un claro no medio dunha fraga enfeitizada, co sol quentándonos os baixos dos pantalóns mollados, ou os pés dalgún, como o noso cachorro que meteu a bota ata o límite do goretes, cun par de pedras onde asentar os nosos cus, foi o sitio perfecto para papar nos bocatas e empanadillas que mercaramos en Puxeiros.

Vicki quitou unha tableta de chocolate para partillar na sobremesa, e Xacobe fixo o propio cun queixo ben curado, mentres comentabamos a fermosura dos lugares que estabamos a disfrutar e da pequena doses de aventura que, as veces, teñen as nosas saídas ó monte.

Con este aporte enerxético e cos corpos algo descansados continuamos pola beira do río da Fraga ata que este divídese en dous. Cruzamos, por derradeira vez, polo ramal da dereita, e afastándonos del chegamos a unha pista de terra, onde a tropa sentiuse algo máis segura, aínda que seguiran dubidando da miña memoria. Menos mal que a sinalización, neste tramo, era bastante boa, e o pouco deixamos atrás a pista para continuar por un sendeiro bonito por onde as veces se escoitaba o murmullo, cada vez máis afastado das augas.

En animada conversa chegamos ó cámping do Beque, onde prometera unha paradiña para toma-lo café, pero a cafetería estaba pechada e tivemos que seguir adiante para iniciar o descenso a carón do río do mesmo nome. A fraga pola que discorre este regato é tamén dunha beleza indiscutible, e o desnivel ó noso favor acentuou o noso ritmo, de tal xeito que non tardamos moito en acadar a desembocadura do Beque no río dos Ladróns.

A pesares de que o itinerario marcado nos indicaba que a partires de aquí o recorrido era común, non fixemos tal. Cruzámo-la estrada de Coiro e baixamos pola marxe esquerda, nun tramo de singular beleza e moi ben acondicionado, ata a aula didáctica, onde se atopan os muíños mellor restaurados, ademais de diversos trebellos de labranza. Aquí o Alex esvarou e tivo unha caída bastante espectacular, aínda que sen outras consecuencias que a dor, e pensei, en voz alta, que se fora eu o que caira terían que chamar ó 112.

O noso cachorro caeu con elegancia e ergueuse con arroubo, pero a sección feminina non lle deu un algo de cariño, co merecido que o tiña, e tiven que ser eu, unha vez máis, o que lle dese unha aperta. E o Xacobe díxonos que tamén caera na subida, para facerse un chisco o “pupiñas”, pero non houbo xeito, xa que as mozas estaban máis en disposición de rir dos “toupeiras” que de darlle aloumiños os rapaces.

Por se acaso, e porque algún langrán mandou a maldición sobre a caída do “terceiro home”, din en estremar (e todos comigo, por se acaso) as precaucións nos tramos más esvaradíos, en especial cando pasabamos polas zonas nas que o sendeiro discorría por pasarelas de madeira. De tal xeito que non houbo máis accidentes, agás o da miña batería que dixo “ata aquí chegamos” e deu en morrer, aínda que penso que a xornada quedou ben documentada.

Cara abaixo tódolos santos axudan e non tardamos en chegar á praia do Pontillón, onde rematámo-la ruta, despois de case cinco horas de partillar pegadas e sorrisos, conversas nas que descubrimos novas xentes e paraxes, e onde sumamos outra xornada as preto de duascentas que forman a historia eivadiña.

Rematámo-lo día en Domaio, nunha taberna a onde nos levou Lourdes, e que foi do noso gusto, e onde a xente deu por refrescar a gorxa ou quentar o bandullo, segundo as necesidades de cadaquén. Comentamos dalgunhas cousas que quedaron expostas aquí, e doutras que quedaron no tinteiro, e sen máis despedímonos con bicos e apertas ata a próxima, ou a poder ser algo antes.

Algúns aínda prolongamos a despedida ata o Choco, xa para botar por fora, e os máis destemidos aínda quixemos alongar a noite e fomos ver unha película de medo coa que aínda levamos algún susto (mellor aquí, que no río ¿non si?), na vella tradición dos eivadiños de estira-la xornada... E colorín colorado, a historia deu rematado.


E148 Sendeiro do Río da Fraga (Moaña)



Meu querido Anxo,

Verdadeiramente ben mereces a túa crónica, porque dende que aceptei o encargo, cada vez que nos vemos, disme E a crónica?, e xa foron varias veces, e creme, xa non fai falla que o verbalices, mírote, e dígome, “a crónica”, e xa, case que vou tentar sacar este choiño do medio.

Pero antes de empezar a escribir algo, vinme na necesidade de saber que era unha crónica, por que preguntéime e, eu sei que realmente quere dicir iso?, e…
Fun a Google, e escribín:
Crónica
De Wikipedia, la enciclopedia libre
Una crónica es una obra literaria que narra hechos históricos en orden cronológico. La palabra crónica viene del latín chronica, que a su vez se deriva del griego kronika biblios, es decir, libros que siguen el orden del tiempo. En una crónica los hechos se narran según el orden temporal en que ocurrieron, a menudo por testigos presenciales o contemporáneos, ya sea en primera o en tercera persona.
………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………...…
Ai, meu deus, dado como estou configurada, fixen un esforzo en recordar o nome do pateo, “a rota da fraga”, pero moito máis rigor na información espazo-temporal non sei se serei quen, polo tanto Anxiño, en vez dunha crónica, vasme permitir pasar ao relato, que me parece que pode ser menos esixente, (polo menos no que refire ao orden temporal), e voume sentir mellor na súa creación.

Como ben che comentei, debín empezar a escribir sobre ese día unha chea de veces, pero púñao nun papel, e despois…, desculpas, non hai que darlle mais voltas, pero aquí estou, afiando o lapis, disposta a narrar o meu primeiro pateo tras unha ausencia de 15 meses. Carainas, canto tempo, tanto…


¡Que janas tiña de andar.!
De cheirar os camiños, de escoitar a terra

Xa sei que ben me entendes, porque tamén ti estiveches retirado dos camiños, e isto si é unha droga, vaia, e ben poderosa, con efecto reverberante, no podes afastala da cabeza… non podes andar, que chungo, e tes que aceptalo, e nas túas profundidades desexas que non sexa para sempre, pero, non se sabe, ….longo tempo de duelo….


Titulo do relato:

OS MEUS PÉS DA TÚA MAN

Domingo, 8 de novembro de 2009

Por moi enmerdada que me atope, póñome a andar, e coas miñas pegadas vaise soltando lastre,
o meu sistema reinicialízase.


Era domingo, espertei
o meu horizonte chegaba ata a parede de enfronte do meu cuarto
o meu ánimo acochado entre as sabas,
non quería perder o calor, non quería saír
estaba laxa
completamente laxa

Un pensamento…. Pode ser unha idea!
Chamo.…”El teléfono móvil está apagado o fuera de cobertura…”OK.
Voume á rúa, vou dar un rulo
E coas chaves na man, a piques de marchar, devólvesme a chamada…
Sí Anxo, estupendo vou comer convosco e logo... xa verei…
Tiña gana de andar, moitas, moitas ganas,
Levaba un calzado axeitado, pode que o tentase….

Fumos xantar,
Georgina e Anxo, unhas ás de polo e calamares,
un cocidiño, dimos en compartir Miguel mais eu, porque como ben este dicía arrimábase ao corpo
tamén unha botelliña de mencía andou a acochar por enriba da mesa, cando ela acabou de respirar, nós xa a tiñamos ventilado.

Ben, arriba los corazones, animosos e ledos rumbo do Morrazo a percorrer a rota da Fraga.

Decidido, ía intentalo, hoxe era un día importante….

E empezamos, un pe, seguido do outro pé,
pé, pé, pé, pé,…vai ben,
podo patear.

E meu deus que sorte, era un camiño precioso, á beira do río, un río que baixaba cheo recheo de auga, chisporreando nas rochas, limpo, cantareiro, fresco, íamos os dous ben recontentos…
Os paxaros a piar, o ar limpo, cantas fragrancias a recuperar…

Estaba sendo bendecida pola terra
O meu corazón en plenitude,
O meu gozo infinito,
Mais dun ano afastada dos camiños
Estes camiños que tanto me dan e tan ben me fan
O meu pe despois de quecer un pouquiño apenas reclamaba a miña atención
ben sei eu que tamén estaba a disfrutar,
el sabía que era moi importante, e a súa colaboración e boa disposición permitiríanos seguir sentindo todo o que estabamos a sentir, el queríao, o seu compañeiro tamén, e eu, sabía que era outra etapa distinta, outro xeito de andar, pero era posible.

Era unha rota perfecta para a miña nova incorporación, un leve ascenso, o río ao meu carón, o chan engalanado coas cores do outono, o ceo azul despexado, a temperatura estupenda,
os meus companheiros inmellorables;
deixábanme ir na cabeza da cuadrilla, estreando cada centímetro de camiño,
e Miguel prestoume o seu bastón, complemento que a partir de hoxe íase facer imprescindible na miña mochila.

E xa a piques de escurecer chegamos ao noso punto de partida, sans e máis grandes e fortes.

Boteille un merecido grolo de auga ao corpo, que tras unha tarde oíndo a súa cantinela, tiña ben de ganas de darlle un tento, e confeso que gustei de sentir a sede.

E unha vez máis Anxiño, os meus pés da túa man.
Hai anos, achegáchesme a Caminhantes
Hoxe achégasme a Eivadinhos.
moitas grazas.

iolanda, novembro 2009

E81 Sendeiro do Río da Fraga (Moaña)





Xoves, 1 de maio do 2008

Dende fai máis dun século, concretamente dende 1889, celebramos ó primeiro de maio o día da clase obreira, tamén chamado día do internacionalismo proletario ou da clase traballadora, non só para lembrar os mártires de Chicago, e tantos outros caídos nas loitas pola defensa dun salario e unhas condicións de traballo dignas en tódolos recunchos do mundo, senón para seguir demandando os nosos dereitos, a permanencia dos que acadamos grazas a esas loitas e a os que nos quedan por conquistar, e tamén para seguir afirmando a nosa conciencia de clase.

E esa conciencia faime vestir a miña camiseta vermella, ca fouce e o martelo ben á vista, e saltar a rúa para ocupala xunto ós meus compañeiros de sindicato, entre os que acredito a presenza de algúns que, ademais de compañeiros, son tamén amigos. Comezo a xornada camiñando e escoitando consignas, baixo un ceo enchido de nubes e de bandeiras, na compaña dos meus queridos Nuria e Habibi, da boa xente do Casco Vello, dos antigos camaradas da CMTG, e do Zalo, con quen teño compartido sendeiros e verbas, dende que nos albores deste século cruzáranse os noso destinos onde o mundo chamase Sanabria.

E con Zalo decido seguir camiñando cando remata a manifestación, ou máis ben xa o tiñamos decidido na véspera, ou aínda antes, no Caminho dos Mortos onde, compartindo sendeiros e verbas, reivindicamos o noso xeito de entender a loita conta a uniformidade que a globalización neoliberal intenta impoñernos. Recollemos a Miguel no seu refuxio, facendo plans para os tres días que lle quedan, que nos quedan a todos, antes do gran apagón, e para non perder máis tempo cruzámola ría, cara a Península do Morrazo, para calar os berros dos nosos estómagos, onde as bolboretas demandan compaña.

Non temos sorte na nosa primeira opción, en Meira, xa que o comedeiro está cheo, e tampouco na segunda, en Coiro, porque un dos meus favoritos está pechado, parece que definitivamente, así que probamos sorte un pouco máis adiante, nunha tasca chamada A Rampa, que non é un sitio bonito nin ten bo ambiente, como os anteriores, pero nos que, polo menos, ofrécenos algo de variedade.

Entre o que nos ofertan inclinámonos ante a empanada (a de millo de polbo, a de trigo de bonito), unha ración de chocos con patacas e unhas rinchas guisadas. O mellor alimento, para min, son as verbas da miña metade que me chegan dende o Lago Sirino, coa morriña do polbo, dos chocos e das rinchas. Os meus compañeiros dan boa conta dos manxares con máis ganas ca min, que non gusto demasiado nin da cociña local nin do viño, que me parece de verdade espantoso. Mandámoslle un café de pota e voltamos á estrada...

Baixamos outra vez a Moaña, e na entrada do casco urbano, ó carón da Praia do Pontillón, deixamos o coche, xa pasadas as catro da tarde, e subimos pola desembocadura do río da Fraga, que algúns chaman tamén río dos Ladróns. Por aquí discorre un sendeiro que, seguindo o seu curso, intérnase nun dos paraxes interiores máis belos do Morrazo. O primeiro tramo, que comeza cun pequeno paseo entre salgueiros, remata abruptamente na estrada, e temos que afastarnos do río para, entre edificios e solares industriais, volver buscar o paso cantareiro das augas, mentres lles damos as costas ó pobo mariñeiro.

O leito fluvial está salpicado de pedras, e fórmanse illas recubertas de espuma, e tamén son de pedra as paredes entre as que discorre, con campos labrados a un lado, no barrio do Rosal, e ó outro canavais, parados cheos de falsa cicuta, máis salgueiros e acacias. No lugar de Pozonegro atopamos o primeiro conxunto de muíños en ruínas, invadidos polas silveiras, co seu teito vencido no chan, xunto coas moas definitivamente mudas, que noutro tempo foron motor da economía, xunto coa pesca, da comarca.

En Ponte Meira cruzámo-la estrada que se dirixe ós barrios de Pombal e Reibón, e o sendeiro estreitase, converténdose nunha senda de pescadores que seguiu en activo despois de que o millo deixara de moerse nos enxeños hidráulicos que salpican todo o curso baixo do río da Fraga. Eu empezo a suar perseguindo ó Zalo e ó Miguel, polo meu empeño de determe en cada pedra, en cada planta, en cada debuxo da auga, para intentar captar a súa esencia e pechala no corazón dixital da miña memoria.

Cando chegamos á seguinte ponte, que comunica os lugares de Berducedo e Couso, teño que empezar a espirme, porque no ceo o sol está por ganarlle o pulso as nubes, e ten a lingua de primavera, aínda que o noso inverno particular, o Zalo, lamenta a falta de pampullos para a celebración dos Maios do Casco Vello.

Esta ponte forma parte dunha serie de modernas construcións de madeira que trocaron as pontellas de pedra, das que nalgúns casos só quedan os pilares, aínda que na maioría nin tan sequera iso. Internámonos na fraga, onde as acacias, os carballos e os eucaliptos rivalizan polo protagonismo, e na seguinte ponte, que vai cara o lugar de A Torre, están sinalizados os primeiros muíños con nome propio: o de Felipe e o de Vinanza. Aínda así non os visitamos, xa que quedan na outra beira do río, e aínda temos camiño por diante.

Ademais este tramo facémolo acompañados por unha parella de rapaces e por un can, que dende fora semella un grupo que non é tal. Acostumados a deambular en petit comité, parece que nos incomoda atopar a alguén, e apurámolo paso para seguir nós sós, que para xente xa tivemos dabondo na manifestación, cando pasamos baixo os enormes pilares da vía rápida.

Despois de pasar debaixo do xigante de formigón, polo que atronan os cabalos de ferro, sempre con presa de máis por chegar ¿quizais cara algún areal onde pasear paseniño cos pés lambidos polo océano? ¿ou a unha desas paparotas familiares onde xorden os rancores e os ciumes? ¿ou buscando a sombriña dun carballo para poñer a mesa plegable e xantar unha empanada mentres os cativos corren detrás dunha pelota?, chegamos a unha ampla área onde se atopa o máis importante conxunto etnográfico do sendeiro, contabilizando ata unha vintena de muíños, moitos deles rehabilitados e en bo uso.

Aquí ábrese o camiño entre a fraga, nunha chaira convertida en zona de lecer para nativos e foráneos, as pontellas e algúns tramos do sendeiro, feitos de madeira, son froito dunha rehabilitación recente, así como a instalación dunha pequena mostra de trebellos metálicos que servían, en tempos, para as tarefas agrícolas: arados, sementeiras e carros.

Tamén consérvanse a memoria dos nomes de moitos dos muíños: do Torto, das Meiriñas, da Lagoa, de Antonio, do Pereiro, do Amaro, de Fus, do Rei, do Parrando, do Coto de Abaixo, do Coto de Arriba, de Novas, do Souto, da Xalda... cadanseu cunha historia diferente, como as que de cando en vez regálame o meu amigo Luís Chapela, cronista singular desta parte do país.

Cruzámola estrada que ven dende Coiro ata Moaña, onde aínda sobrevive ós ataques dos vándalos un panel explicativo do noso itinerario, cousa de agradecer para os que, coma nós, gustamos de saber como se chaman os lugares polos que sementamos as nosas pegadas.

A pesares de que o curso baixo do río é o máis concorrido, e tamén o máis axeitado para facer unha andaina dominical, o tramo que acometemos trala estrada é o máis fermoso, xa que o seu curso vai sorteando desniveis, algúns deles importantes, formando saltos de auga, pozas e obrigándonos a cruzalo en varias ocasións.

Non tardamos moito en constatar que nesta parte a natureza é moito máis indómita, pois a maioría das pontes e pasarelas que atopamos están esnaquizadas polo efecto das continuas riadas, a vexetación é máis exuberante, e dannos a impresión de internarnos no territorio de aventuras que desexabamos de rapaces.

Algo deses rapaces que fomos seguimos tendo, e as nosas pupilas adelgazan as idades, mentres pasamos diante dun cartel de madeira que sinala a direción dunhas “cascadas”. Non estiveron afortunados na sinalización, e alguén, con ánimo normalizador tivo a ben engadir: “En galego, fervenzas”.

O primeiro cruzamento témolo que facer por unhas estreitas táboas que esvaran de máis, e un pouco máis adiante botámoslle o ollo a unha poza desas que chaman a berro ó baño, aínda que non estamos moi convencidos de chegar secos á volta, e xa facemos apostas sobre quen será o primeiro en caer ó río con todo o equipo. Ocasións abondo habíamos de ter.

A pesares de que o groso da masa forestal esté composta por eucaliptos e acacias, ademais de outras especies típicas de ribeira como salgueiros e bidueiros, a frondosidade da vexetación lle confire ó entorno un aspecto singular, que a Miguel lle lembra a película que viu na véspera: “Na búsqueda do tempo perdido” ¿ou era da terra perdida?, en todo caso un deses films nos que un grupo de investigadores intérnase nunha selva tropical e remata atopánsose cun refuxio de dinosauros. Para dinosauros nós que movémonos con moita cautela polas pontellas estragadas, especialmente en aquelas nas que o desnivel é máis acentuado, xa que non temos intención de perde-la aposta e rematar baixando por un tobogán de augas blancas nas que, como pouco, podemos levar unha boa costelada.

Un dos pasos nos que temos que extremar as precaucións é na maior das fervenzas, que baixa sobre grandes bloques de granito e ten unha caída que sobrepasa os vinte metros, aínda que despois de sortealo teñamos que negociar outros precipicios tamén de gran altitude e dificultade técnica.

En ocasións nin tan sequera temos a axuda das madeiras que algunha vez formaron unha ponte, e temos que cambiar de ribeira saltando sobre pedras que se moven baixo o noso peso, ou que están tan esvaradizas que non ofrecen ningunha garantía. O saír dun destes pasos perdo ós meus amigos, que colleron un camiño subindo por unha forte pendente, afastándose do río, e cando os atopo, despois de suar catro gotas gordas, xa veñen de volta, ríndose do meu esforzo, e abro un bocadillo como os dos tebeos para enchelo de lóstregos, caliveiras, coitelos e culebras.

Avanzamos un rato mais pola beria do río, superando a zona de fervenzas, ata chegar a un lugar onde o curso fluvial divídese en dous. O Zalo, que xa ten investigado o tema, dinnos que un dos ramais leva cara o Paralaia e outro cara o Xaxán, pero que a mellor opción é a de dar volta e seguir avanzando, como fai o exército español, no que seica está prohibida a palabra retirada.

Volvemos os perigosos cruzamentos, e nun deles, sobre os restos dunha pontella especialmente esvaradiza, incluso hai quen no ten vergoña de cruzalo a catro patas, por aquel dito que di: o que ten cu, ten medo. Na fervenza grande, la “gran cascada” que dirían os madrileños, atopamos un fato de rapaces facendo a travesía, un deles cunha bicicleta a costas, e pregúntanlle ó de Paramos se van ben cara o Beque.

A pesares de que a resposte é negativa, ou case (ben non ides, pero podedes chegar subindo o monte e dando unha volta do carallo, aínda que eu daría volta), os adolescentes son teimudos e incluso un deles dí polo baixo: non lle fagas caso e tira para adiante, que este non sabe. E saber, sabe, de feito ten a intención de conducirnos ata ali para refrescar as nosas gorxas, aínda que antes temos que facer unha parada obrigatoria na poza que julamos na subida.

As perigosas travesías dunha á outra beira do río dos Ladróns, sumado ós desniveis que tivemos que afrontar, e o ceo primaveral que tentaba por botarnos o seu alento cálido entre a espesura da fraga, fan que non o pensemos dúas veces, e que saquemos camisetas, botas, pantalóns e clanzóns ata quedar espidiños, si, como a nosa nai nos trouxo a este mundo mísero e cruel, para gozar, aínda que sexa só por uns intantes, do paraíso.

Non é que semellemos tres ninfas espidas, aínda que de lonxe, coa nosa masculinidade encollida polas augas xeadas da fervenza, ben podían confundirnos con eses seres asexuados da mitoloxía popular.

É un mergullo breve, para que non se diga, como nos vellos tempos, un visto e non visto, dicindo aí queda iso, que a gustiño se queda un, e agora si, refrescadiños por fora vai sendo hora de refrescarse por dentro. Para iso seguimos o noso bravo guía que nos interna nun camiño onde medran as xestas e outras malas herbas, avanzando por unha carballeira que fannos sentir a patria, onde enlazamos con un regato cantareiro, o de Beque, apenas unha fenda de espuna aberta entre unha vexetación rabiosamente esmeralda.

Facemos as derradeiras apostas de quen será o que remate caendo ó río, cruzando por un tronco esvaradizo, e ascendemos ó carón do escarpado cauce fluvial, cruzándonos con unha parella despistada que nos fai bromear sobre a conveniencia de deslumbrar ás mozas con estes terreos de aventura, onde os tacóns entérranse e as saias tínguense de lama e traban as ortigas.

Ós poucos, seguindo un camiño sinuoso, chegamos ó cámping do Beque, por onde pasaba o GR do Morrazo, acondicionado e sinalado con fondos europeos, que leva anos descatalogado. Ata alí chega a estrada, e por ela un aluvión de familias, que veñen disfrutar do entorno, aínda que máis ben veñen a botar os cativos ó parque, mentres os maiores desfrutan das terrazas da cafetería.

E nós tamén, claro, cadanseu co seu refresco particular, o Zalo unha caña, o Miguel unha cola, i eu un Radical de limón, para recuperar os sabores de fai unha década. Esta bebida, que eu xa pensaba desaparecida do mercado, dannos converssa… non quero dicir que nos falase, senón que deunos tema: a da confeción dos cócteles con que os manifestantes máis rebotados tiñan a ben obsequiar á policía. Aquí quedei intrigado dos coñecementos dos meus amigos na materia, e espero que algún día teña sorte e me conten algunha historia dos seus anos mozos, cando enfrontábanse ás forzas de orden público, porque eu teño tres eivas da miña xuventude (se me poño máis de tres, pero): nunca tirei ningún cóctel molotov, aínda que me sobraran motivos faltábame valor; nunca probei un tripi, aínda que me sobraran ganas faltábanme contactos; e nunca apredín a toca-la guitarra, aínda que me sobraran cordas faltábame audacia nos dedos. Pero basta, sigamos coa crónica…

Refrescados por dentro e por fora, baixamos outra vez polo río do Beque, impresionados pola sucesión de saltos coas que sortea o terreo, ata chegar a súa desembocadura no río da Fraga, onde enlazamos outra vez co camiño polo que subiramos facía unhas horas.

Quizais motivados por este feito, no que recoñeciamos as varacións da fraga e do río, lévanos a apurar o paso, e chegar rapidamente á estrada que ven de Coiro, onde votamos a derradeira ollada ó que queda do panel indicativo no que sinala os topónimos dos lugares por onde pasamos, así como os nomes da trintena de muíños que atopamos no noso itinerario.

Cada un pechado nos seus pensamentos, mirando cara o chan onde aínda eran visibles as nosas pegadas, ignorando os siareiros que facían algún treito do sendeiro, avanzando coma se tiveramos presa por chegar, disparando sen apuntar os derradeiros cartuchos, acercámonos á franxa costeira, facendo plans para cando cheguemos. E que somos así, aínda estamos aquí e xa queremos estar alá.

E alá chamase Rialdarca, onde hai un pequeno, pequerrechiño sendeiro que albiscamos no mesmo casco urbano de Moaña, antes de internarnos neste. Cara alí nos diriximos, en canto chegamos á desembocadura do río da Fraga, na praia do Pontillón, ó carón da casa cuartel. E a verdade é que levamos unha sorpresa agradable, xa que o pequeno, pequerrechiño sendeiro de Rialdarca levanos a descubrir un anaco ben bonito do concello.

Seguindo o cauce dun regatiño pasamos por unha morea de muíños, lavadoiros, pontellas e fontes, todas sinalizadas, e ademais por un camiño limpo, tamén cumpridamente sinalizado, onde é dificil errrar a dirección, aínda que nós somos capaces deso e de moito máis. É un percurso lineal, minúsculo para o que estamos afeitos, pero que serve como excelente colofón á nosa andaina, xa que entre unha cousa e outra rematamos camiñando unhas cinco horas, aínda que Zalo aventúrase a dicir que pódese facer en tres. Poderá, pero ¿quen ten presa? e ¿que facemos coas dúas horas que nos sobran?.

Rematamos no momento xusto de ir a encher outra vez o bandullo, e despois de sortear varias opcións decidimos probar sorte no Eido Vello, en Peinador. A pesares de atopalo ata arriba de paisanos coa mesma idea ca nós, esperamos un tempiño e finalmente podemos darnos unha fartura de calamares, churrasco e tortilla (todo rico, rico, como acostuman neste comedeiro), e de sobremesa: fresas con nata e torta de caramelo (máis rico, rico). So nos quedou, para rematar, que entoasemos a Internacional, pero decidimos calar, que tamén é de sabios, e marchar a casa a reflexionar sobre a xornada.

Seguidores