Mostrando entradas con la etiqueta Xacobe Casal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xacobe Casal. Mostrar todas las entradas

E276 Mosteiro de Oia-Sabarís (Oia-Baiona)



1/1/2013



Xa viña un par de días cavilando na idea de saír a patear o primerio de ano. Quedaba só e me agoniaba  o escenario dun día estumballado no sofá ou abollando a espera da noite. Facía meses que non subía a Grova e mais ou menos iso é o que tiña en mente.

Vestinme de bonito para saír a noite de Fin de Ano, pero só serviu pra que me tomasen o pelo e que os zapatos lustrosos me machucaran os pés;  co medo a pasar frío me pasara no grosor dos calcetíns. Chegado a un punto xa non aguantaba os pés e tódalas cancións que pinchaban no Choco me parecían a mesma. Quizais soasen todas iguais pois o equipo de son non daba para mais, e as ondas amortecíanse nos corpos dos mortais que trataban de facer dunha noite vulgar a máis feliz do ano.  Ademais temía que unha rozadura ou bocha estragaran meus plans pedestres.

As 6h da mañá xa deixara á moza en Beade e ía camiño de Sabarís. Acendín a máquina de pensar e comecei a calcular as horas de sono precisas, a ruta, as horas de luz de que disporía, as forzas que me quedaban, …. iso me mantivo esperto a media hora que conducín ata casa. Descartara subir a Grova dende Bahíña, pois o recordo que tiña e que dende os incendios e as inundacións, os camiños quedaran estragados polo paso da maquinaria pesada,  o monte bastante arrasado, e intentaran domalos regatos con pedras e formigón. Faláranme do camiño portugués da costa e aínda que prometía bastante asfalto, me reconfortaría a brisa e a visión do mar batendo nas rochas.  

Entrei na casa e acendín o ordenador para pesquisar algo de información en internet. Saíndo de Oia tería que camiñar 18.5 km ata a Baiona e algo máis ata Sabarís. Parecía bastante pra despois dunha noite de troula, pero estaría localizable en caso de que me abandoasen os folgos. Ademais me convenceu que antes de Silleiro, se rompese a monotonía do litoral,  subindo  polo monte e pasando por detrás do faro para entrar a Baiona  polo barrio do Burgo. Alí empataría co Camiño Real e metería a directa para chegar a fonte do Pombal e  lavala cara xusto antes de entrar na casa.  Xa posto a argallar o pateo, collín a roupa pro día seguinte e deseguido tireime na cama anheloso de durmir.

Tiña o espertador para a 1 da tarde, pero as 12h abrín os ollos coma un moucho e erguinme dun brinco. Almorcei e pospuxen o xantar para hora da merenda cando regresase a casa. Tiña sobras da cea e daría boa conta dun bacallao con ameixas.

O windguru non daba chuvia polo que collín un simple chubasqueiro fino coma cortaventos, pois seguro que a beira do mar sopraría suficiente para meterme a friaxe no corpo. Primer erro,  pois a choiva que viría non sería suficiente para aparecer nos rexistros pero sí para mollar dabondo a un camiñante.

Tirei pro mosteiro de Oia e a medida que rodaba sobrepasaba  a distancia que o meu imaxinario fixera dos 18.5Km que dicía a ficha do camiño de Santiago . Estiven por afrouxar nas miñas pretensión, botar o coche cara a cuneta e arrincar dende calquera punto onde puidera deixalo aparcado.  Finalmente cheguei ó barrio do Arrabal, aparquei na beira dun camiño, e ante o estupor dun vello que coidaba dunha cabra, fixen a foto de rigor do mosteiro e tirei a andar dirección norte.

Aínda non levaba 10 minutos camiñando cando, chegando a Casa da Culpa,  sufrín a primeira chuvieira. Algún pecado cometera para que xusto ó chegar ó lugar onde os veciños de Pedornes pechaban ós rateiros, me caíra esta penitencia. Gardei a cámara e lamenteime de non poder retratar os restos deste antigo penal  rural. Na primeira hora o camiño foime levándome por carreiros e algúns tramos polo carril bici, pero o que viu despois se me fixo insufrible. Papei asfalto dende Mougás ata Punta Centinela que xunto coa a observación dos horrores do feísmo galego, se me fixo unha tortura. Dende galponadas ata casas con ameas e escudos heráldicos, e incluso unha finca con decoración de tapacubos de coche. Pode que algún día un dos temporais que azotan periódicamente Oia, faga xustiza e devolva a costa o seu esplendor orixinal. Levaba 10km e nuns 20 min acadaría o Faro de Silleiro. Posto que meus pés xa clamaban por pisar un pouco de terra, decidín revivir a fazaña Peñasco 3 – Sabarís 20, que me levara xunto a Panete dende Punta Centinela ata a miña casa. Daquela fixeramos xuntos algunhas pateadas para manter vivo o espírito dos Eivadiños namentres Anxo se recuperaba da caída en Monteferro.

Sabía que si acadaba o alto da serra, atoparía algunha pista que me levase cara a Baiona polo monte. Cheguei o restaurante que agora se facía chamar Mar 3 pero mantiña o blasón co helmo en sobrerrelieve. Non sei de onde saíu nesta zoa da costa tanta simboloxía medieval.

Crucei a estrada e tirei monte para arriba. Comecei a subir unha forte pendente e caíume a segunda chuvieira. Aínda por riba me trabucara nun cruce e a pista me levaba novamente cara ó sur. Desfixen o camiño e tomei desta vez a outra opción. Volvín a apretalo cu, cravar os bastóns e subir a trote cochinero. 

Cando cheguei arriba xa deixara de chover e un solciño me quentaba as costas mentras camiñaba. Me levantou o ánimo xa sentirme no monte, ver algunhas vacas e atopar as marcas do sendeiro das Greas. Deixeime levar polo recordo pois as pegadas de cando camiñara por estas pistas con Panete xa as levara o tempo. Algo variei pois desta vez fun dar un pouco mais abaixo de Chan da Lagoa.  Xa postos a improvisar segundo a marcha, decidín non baixar por San Cosme coma tantas veces fixera e tomei pola primeira pista que se me puxo diante. Ía ben encamiñado pois da dereita me chegaba o rumor do río Bahíña. Chegui ó embalse. E ainda que levaba unha boa sudada enriba, e me viría ben unha inmersión, agardaría pra bañarme naquela auga, pero regado pola ducha da casa. Tirei unha foto con refrexo, composición adeprendida do comandante, e costa para abaixo.

Chegue a Bahíña, subín polo camiño da escola vella cara a igrexa e unha vez máis esbozei un sorriso ó miralo palco “máis pequeno do mundo”. Malamente caben dous gaiteiros e un tamboril, pero seguro que deu pra bos bailes e mais dunha parella saíu amarrada pra sempre daquel adro.

Nese momento, xa me daba igual a terra, o asfalto ou a gravilla, así que preguntei a un veciño como ir pra Pontenovo. O home ben intencionado mandábame polo camiño mais bonito que é seguindo o curso do río, pero a mín xa só me valía a liña recta. Así que onde o home dixo que á  dereita eu collín pra esquerda. Como a sorte nunca falla os Eivadiños, atopei novamente as marcas das Greas. Xa estaba feito. Pouco mais adiante din co Camiño Real, e aínda que non tiña coroa nin séquito o seguiría pra chegar o meu castelo. Alí estaban outra vez as frechas amarelas, pero coma non viñera o apóstolo onda min, eu non pensaba ir abrazalo.

Xa sentía o arume do bacallao, que me fixo camiñar coma se levase as Chirucas de 7 leguas. Collín aire, subín as escaleiras e cando o exhalei xa estaba baixo o auga quente.

¡Feliz 2013!




E157 Trilho de Lamas de Mouro (Melgaço)



Descripción do percurso e mapa

Domingo, 10 de Xaneiro de 2010

Xa ía para varias semanas que os eivadinhos andabamos buscando a neve, pero foi desta vez na serra da Peneda cando demos con ela, ou mais ben ela deu cos que fomos buscala e cos quedaron na casa, pois ese día, caíron algunhas folerpas ata no Galiñeiro. Con menos retórica e mais precisíón, cabe dicir que estabamos en Lamas de Mouro, que eramos 10 eivadinhos, e que algúns estaban por saír correndo do monte, e outros por meterse na serra ata enterrarse na neve. Non imos dar nomes porque xa nos miramos algunhas veces os cús, e todos sabemos onde ten cada un o medo.

Guiados por Ramón arrincamos co “Trilho interpretativo de Lamas de Mouro”, neviscaba sen pausa e pouco a pouco o manto branco ía cubrindo o que no día anterior eran camiños, penedos, leiras e coutadas. Ata as vacas e cabaliños tiñan no lombo cadansúa mantiña de neve, como se lle foran a botar enriba a sela de montar.

Entre que nos perdiamos e nos atopabamos, aínda camiñamos un par de horiñas que non saciaron as ansias de neve de Anxo, pero si deron para unha cuada de Alex, e estamparnos algunhas bolas na cara; si se lle pode chamar bola, ou algo mais, o que preparou Yuka. Bueno, mirade as fotos e xulgade vós.

A falta de mellores viandas, comemos nun bar o que trouxemos da casa ou mercamos polo camiño; o coitado do dono deixounos entrar pra dentro convencido por Fany que con dúas botellas de viño e catro cafés que iamos tomar, el ía facer negocio. E por riba de non gastarnos un peso na barra, aínda lle arrincou un piropo a un paisano que se quentaba xunto o lume.

Mais ou menos así foi a historia; ó mellor sen tanta fabulación, pero non por iso menos divertida.

E131 Nas Escarpas da Mizarela - Caminhada Exótica





Luns, 3 de agosto do 2009


Nas escarpas da Mizarela

Convencidos de que 4 eivadiños, mochilas e tendas precisaban de dous coches, a expedición partiu para terras de Arouca no domingo 2 de agosto, día de operación saída pra uns, ou retorno pra outros malpocados que non eramos nós. O Stop sempre marca un alto nas cruzadas eivadiñas, porque o arroz malandro é o sustento da vida, e do camiño. Chegamos a terras de Arouca alá pola tardiña, un coche tras outro, aínda que os de diante non souberan que o Panete mais Xacobe lles iamos á zaga. Anxo mais Zalo, saíron prestos e dispostos a asaltar a oficina de información turística, e nós tras eles, pero ata días despois non puidemos franquea-la porta e saír co mais prezado botín que anhela un eivado, trípticos de sendeiros. A serra da Freita nos agardaba, e trala primeira ollada á Frecha da Mizarela, fomos montalas tendas no campo de campismo do Merujal. Con ou sen martelo de goma (...), cravamos ben espichadas as piquetas, pois aguantaron os bufares da noite (por dicir de alguén).

Ás 9 estabamos en pé, e a ritmo eivadiño conséguemos en hora e media, e pra desesperación de Zalo, arrincar cara o miradouro da Mizarela. Realmente é temerario saír correndo cara o trilho mais duro de Portugal (continental), lagañoso e sen almorzar. Iniciamos así o camiño que nos ía levar polas “escarpas da Mizarela” onde se despena maxestuosamente o río Caima na cascada mais alta de Europa. Sentindo o bater do auga nas rochas, baixamos por entre unha carballeira cara a aldeia de Ribeira, recóndito lugar que nos ofrecería o primeiro dos incontables baños que gozaríamos na serra da Freita.

Renovados pola frescura do líquido elemento, comezamos o ascenso pola ladeira dereita, notable desnivel por onde se esbarroan as augas que a Ribeira da Castanheira tributa ó Caima. Tras cruzar unha pontella sobre o torrente, acompañámolo un treito, e seguímo-lo ascenso a pé. Anxo seguiría subindo, agora polas paredes da escola de escalada dos Cabaços, pero pasamos ó seu pé mentres a morriña lle arrinca algún ollar cara as penas. Seguímo-lo noso andar, e escoitamos dúas badaladas cando nos achegamos ó campo de campismo. Só quedaba recuperar folgos, e que mellor manxar que un Caldo das Pedras Parideiras, emuladas por delicias de porco e vitela arouçana.

Caminhada Exótica

Con espírito renovado iniciamos a Caminhada Exótica, sen certeza algunha do que podiamos atopar, pero expectantes ante a singularidade do nome. Xa de volta na casa, e dende a distancia, só podemos desexar que Miguel portase nos seu alivios algunha semente arbórea, que colonice os 9 Km de pista forestal polos que camiñamos abatidos pola calor, que nin a piedade fixo os eucaliptos ofrecernos unha sombra. Terrible ascenso no último terzo, no que se Anxo sacase a lingua, seguro que chegaba con ela o chan, pois nunca camiñaramos coa faciana tan preto do po. Nembargantes fronte á nosa debilidade, Miguel empurrado polos seus bastón, bulía lixeiro coma se levase un tabán no cu; e non é moito figurar porque nos días que pasamos na serra, ben que se cebaron co coitado.

Xa chegando ó cámping, un piñeiral e un pequeno regato, presentouse coma o espellismo de un oasis, pero malamente podemos lavar as nosas suores nunha fonte.

Guapiños e aseados, fomos cear ó restaurante rexentado pola señora Dina. Nada mais que churrasco, chourizas e bifes ó xeito do pais para alimentar a uns esfameados dos camiños, todo ben seco pero con moita salsa, que non había onde botala, pois esvaraba polas mencionadas solas. Con canecas, auga e algún ata con Tang, intentamos amalgamar aquilo e meterlle algo de proteína ós nosos corpos.

Por si non foran suficientes pra dixeri-lo inxerido, aínda buscamos mais canecas en Arouca,. E así finalizamos o día, iniciando a tradición de retratarnos cada noite nas escaleiras da cabana que nos refuxiou dende a segunda noite.

E53 Trilho do Cabeço de Meio Día (Caminha)


Domingo, 14 de outubro de 2007


Nova incursión dos “Eivadiños” na serra da Arga. Escasa concorrencia pero con figuras reseñables: Anxo, Salomé, Zalo e Xacobe. A presencia do comandante sempre é unha bendición pra continuidade dos camiños, pois por onde pasa non volverá crece-la herba; pois virán tras el, Camiñantes, Rillamillas, ... A presencia do noso líder e fundador, Anxo de Lavadores, dálle caracter oficial a esta convocatoria fronte a outras aventuras paralelas de eivados que foron cazar culebras e buscar novas rutas.


O Stop, lugar habitual de encontro e degustación do arroz malandro estaba pechado, o que nos levou a descubrir outra das delicias gastronómicas do norte de noso amado Portugal: “Arroz ó Tamboril”, enriquecido con nobres mostras de peixe sapo e langostinos. Política, relixión, medio ambiente, presente e futuro amoroso do noso caro amigo Anxo, etc., foron temas de conversa que animaron o xantar.


Alá polas dúas e media hora local, sen a sagrada siesta pero coa a bendición de St.º Antão, comezamos a camiñar na “Arga da Cima. Salomé intentou, á saída e novamente á volta, tira-la capela do bendito, sen lograr movela un ápice por moito que empurrou. O camiño levounos por unha sucesión de “moinhos” con contundente tellado de laxas perfectamente conservados. Mesmo a través da porta ouvimos como moía o de Baixo. Sómente cunha nariz educada en Paramos poderíamos ter gozado do arume da fariña recén moída, pero os criados preto da cidade precisamos dun estímulo maior.


Preto de alí deixáramos a solemne Ponte de Porto Carro, que non mereceu a atención dalgún que perdeu os ollos nun deportivo vermello, ostentoso e pouco práctico pros veciños do cercano lugar de Varciela. Falando de especies intrusas, cabe mencionar que o somier aínda non fixo presencia nesta rexión, que mais ben está nun paso evolutivo anterior á cancela, pois nas mais das leiras o peche estaba feito de laxas.


Poucas mostras do outono atopamos no camiño e os mais dos castiñeiros aínda teñen os ourizos verdes; non así as peras e mazás que encheron as nosasmochilas. Como é habitual nas últimas semás, un tempo soleado acompañounos toda a andaina. Baixo a Ponte das Traves, chapuzón e escalada nudista para o sector masculino e baño de sol para o sector feminino.


A estas horas xa regresaban as ovellas de pacer, baixo a atenta mirada dende o outeiro, dunha pastora ataviada de chaleco e gorro de palla, como fixeran dende anos as veciñas do lugar de Gándara. Nesta aldea, unha viña de veira a veira do regato da Fraga, levou a imaxinación de anxo a vendimar dende a piragua. Pouca enerxía deben deixar na zona os modernos aeroxeradores que escoltan ós aínda operativos Moinhos da Gándara. A electricidade non ha de chegar para un moinho eléctrico. Finalizámo-lo percurso tras cruza-lo Pontâo do Lobo, que non foi difultade para o noso canciño retirado, que pasou lixeiro e ouveando.

Seguidores

Autores