Mostrando entradas con la etiqueta Luis Chapela. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Luis Chapela. Mostrar todas las entradas

CRONICA DA TARDE, PARA DOUS PAXARIÑOS

O monte dos remedios cando non ai festa, dorme na compaña dos paxaros e fala co vento.

Mentres procuraba o atardecer calmoso ía descubrindo o vivir da xente, na parroquia de quinteiros ateigados de arbores con froita, alimento para os humanos e os paxaros.

Tiran, Tiran, que gardas para ti as lúas cheas que adornan a ardentía no mar, no teu mar farturento e cheo de penedos, berce de vellos mariñeiros.

Estaba en estas cando recordei que hoxe recibín un sobre de parte de Sonia e Anxo, dentro atopei un papeliño escrito moi agarimoso e as fotos que xa son memoria dun sábado no cal nos deixamos engaiolar pola maxia da Mangallona e da creación de Camaño, amigo de loitas e cuncas de viño.

Fotos que nos levan a Érmelo, de cumprida obriga visitar a Esculca antes de sentarnos a mesa, e revivir no padal os sabores da ría e da terra,  tradición que xa ven de vella e non iamos a ser nosoutros quen de non respectar . O que dixen fotos dunha tarde que foi vida, onde repasamos as anécdotas da rapazada nos tempos de caldeiradas, cando os cans eran familia, os gatos coellos e Berducedo un mundo.

Fotos que tamén dan testemuña de outros colegas que por bou e non bou, deixaron o barco, pero ai estabamos nos para darlle a proa o vento.    

No sobre viña un DVD , que estes amigos, perdón , estes Eivadiños dos camiños enlamados e balos centenarios, tiveron a ben de agasallarme “ O SEGREDO DA FROUXEIRA “ . Sabedes coma min que queda moita memoria , moita loita, moita historia por contar . Xa sabedes que os que andamos en algunhas lerias, temos case que todo o tempo habitado. De ai que “ ARRAIANOS “ queda para outra.

Prométovos que vou ver o DVD, que seguro se aprenden cousas, por que sempre se aprende. Agradecido xa o sabedes . Permitirme que vos diga que en certa ocasión estiven no Monte da Frouxeira, onde prenderon a Pardo de Cela, no Valadouro , Lugo. Toquei aqueles restos de historia, saltei polos penedos colosais,empapeime na nosa historia , porque so así a podemos coñecer e entender.

Despois de facer unha ducia de recados saquei o caderno e a caneta e me puxen a escribir estas letras que xa son vida, tamén parte de vos.


Xa fai fresco aquí a beira da praia do Canabal, antes aínda andaban por aquí algúns namorados e catro mariñeiros, hoxe van quedando menos románticos e que dicir dos mariñeiros si as gamelas dormen o soño eterno desde fai algúns anos, xuntas baixo un caseta so escoitan a musica do mar e o cheiro a salitre, quizais iso sexa o que non as deixan podrecer.
Xa me estou abrandando, apertas e bicos, bicos e apertas neste xoves chamado de corpus, segundo os curas . Grazas por todo, por unha tarde de sábado, pola tardiña en Érmelo, polo sobre sorpresa cheo de vida que xa nos habita os tres.

“ Agora so queda que un día me presentedes a unha chavala, ata os cincuenta e chavala , broma “. Apertas de Buxo desde Tiran.


Unha noite escoitei o grito dun neno no fin do mundo
quería unha cometa, feita coas cores do arco da vella,
saín nun barco pirata e sen luz naveguei polo mar escuro
ata a illa onde o neno agardaba, xogamos coa cometa días e noites,
o vento se volvera tolo e nos mais ou menos.          

                                               Luís da Roxa , primavera 2013, Tiran .

Chans de Cachón


Nesta estraña e fértil primavera , o cuco cuqueiro   
cantou un domingo pola maña nas Chans de Cachón ,
onde a vida corre sen presa .

Os ollos quedan abraiados o ver desde o alto o pobo ,
a ría de Vigo, as bateas de mexillón, o barco que
une a nosa vila coa cidade desde fai moitos anos .

A natureza en estado puro , foi ciscando flores brancas
cubrindo as polas das cerdeiras, cores que se mesturan con
as xestas, toxos, carrascos, estripeiros ... son as cores de Cachón .

Vellos camiños feitos polos nosos devanceiros, onde os carros
de bois deixaron a súa pisada que nos levan a través do monte
os concellos do Morrazo .

Estas chans aínda gardan vellas tradicións, ata alí van os veciños
a recoller o toxo, hoxe con maquinas para cortar e tractor para carretar ,
os carros xa dormen un sono profundo na nosa memoria .

Caneando polos nosos montes, aínda atopamos lugares
onde a natureza espárrama todo o que ten no seu interior
e o comparte con nos . Lle debemos respecto, cando menos .





                        Luís Chapela Bermudez , verán 2012 , Tiran 

E284 As lecións do mestre Chapela nos cumios do Morrazo



Saturno, 30 de marzo de 2013

“A memoria xurde con a exacta luz
do sol de medio día, cando se reflexa no mar
axitado polo vento fresco que trae o norte.
As palabras derrotan ó vento, sempre
como a area que vai levando a marea.
Sobrevivirei para escribir poemas
do mais profundo do corazón atormentado,
para que alimente ás almas confusas e extraviadas.
O cuarto se anima á sentir as caricias do sol,
no amplo véntano onde vexo moita neve
e rosas vermellas,
ese home con tímido sorriso, deixou atrás algo.”

“Rosas Vermellas”, LUÍS CHAPELA

O meu mestre, cronista e poeta das xentes e lugares do Morrazo, adoita alimentar a miña alma confusa e extraviada cun feixe de versos agarimosos e/ou combativos (deses que eu chamo “de motoserra”), nas mañas que partillamos no Cubillón, cos olliños cheos dese océano que busca acubillo na nosa ría, e despois do seu recitado maxistral dime:

-¿Qué, aprendiches algo?-

É moito o que se aprende con este home de rostro curtido polos ventos de afastados mares, por el escoto a voz dos últimos mohicanos, carpinteiros de ribeira, cesteiros e canteiros, e outros oficios que se van perdendo na memoria do pobo, e a memoria tamén dos fuxidos, e dos que desgraciadamente non conseguiron fuxir das gadoupas do fascismo, e escoito tamén as voces dos lugares, dos paxaros e das árbores, a sabedoría desta terra na que firmemente ten este home ancoradas as súas raíces, e que tanto lle doe ó sentir que este pobo de ananos non ten a vocación de berrar coma xigante.

Outro conto sería se a xente que rexe os destinos da nosa nación levara cosidos no seu peito unha parte dos sentimentos que o mestre Luís Chapela leva no seu, e que alimenta cos seus versos a diario, e tan xenerosamente partilla on este que deixa vagar (ou vogar) os ollos errantes pola ría, mentres no seu faro resoa a súa voz cantareira, con arume a salitre e a herba.

Moito tempo falamos de subir á Cruz de Ermelo, seguindo as congostras e corredoiras que levan a lembranza das súas pegadas dende cativo, e desta cumprímo-la promesa, aproveitando (que non sempre é doado) a coincidencia das nosas axendas, e de tal xeito quedamos citados no miradoiro da Fraga.

Eu levaba o corpo doce, aínda que non tivera tempo de almorzar, e o seu sorriso recibiume iluminando a ría dende esta atalaia natural, e despois de nos despedir do seu irmán, que o acompañara ata aló, comezamos a ascender cara os cumios de Moaña.

Moitos foron os nomes dos lugares, pois cada lugar ten o seu nome e a memoria dos bos e xenerosos está para que non se perdan, así coma costumes e lendas, recollidas durante anos por este home, a pe de horta e de canastro, falando con eses vellos que constitúen a nosa rica tradición oral.

Moitos foron as verbas, mentres camiñabamos cara onde o mundo se chama Ermelo, el lixeiro coma un rapaz, i eu suando coma un condenado, sempre dous pasos detrás del, tentando atrapar en imaxes as esencias dos seus relatos, ou cando menos os escenarios de moitas das súas aventuras, que aledan as miñas xornadas de horarios obrigados e loucura cotiá.

E284 Polos montes de Moaña e outros mundos


Chegamos ó mirador das fragas á hora marcada, Anxo e Luís, e non era para menos xa que despois de chover toda a semana, este sábado espertou con ganas de quentarnos as costas. Era unha aposta de dous e alí estabamos, preparamos as cousas e deixamos a tras aquel anfiteatro natural, con un val inmenso que bica o Atlántico. Comezamos a subir polo camiño que noutro tempo foi de carro e atravesamos aquel monte que aínda sendo rapaz recordo todo cuberto de pinos mansos, os cativos subiamos apañar os piñóns . Chamábanlle o Cerrado, pero todo cambiou coa chegada da celulosa e o eucalipto , por obra e graza da ditadura, os pinos foron arrancados e sementaron eucaliptos.

Na metade da subida pasamos por un lugar onde nace auga, pero e coñecida como Fonte Seca, xa que a maior parte do ano esta seca. Unha volta no camiño e chegamos a unha atalaia, chamada o Outeiro do Raposo, contan as lendas que por este lugar nas noites de lúa a raposa chamaba polo raposo para baixar o pobo a buscar galiñas e cando berraba a xente entráballe o medo. Continuamos camiño arriba ata chegar a Chan de Bolas, xusto ós pes do pico de Agudelo, alí ollamos unha boa plantación de castaños e carballos. O nome deste lugar llo deron os rapaces que cando viñan co gando para o monte, como este é un lugar plano xogaban aquí a bola, e hoxe se coñece como a Chan de Bolas . Decidimos non subir ó Agudelo, porque queda moito por camiñar e non e plan rebentarse na primeira hora.

Atravesamos o monte e nos pasamos a zona de Marín, fomos visitar os restos da antiga capela de San Lourenzo, capela de moita tradición no concello de Bueu, desde sempre . No ultimo deslinde feito polo franquismo, a capela quedou no territorio de Marín, pero desde a súa fundación pertenceu a Bueu, incluso o santo e o capitel co nome da capela están gardados na igrexa de Cela. Este tivo que ser un lugar cheo de carballos e castaños, preñado de moitas lendas que están recollidas, incluso sobre a fonte . Hoxe comprobamos como a capela está tirada no chan, como moito patrimonio do país totalmente abandonado. Como querendo reclamar o seu espazo no interior da capela naceu un carballo que xa ten un bo porte, que se non se ten coidado pode tirar os restos dos muros que aínda están en pe. Vemos con satisfacción  como aínda ai xente que se achega ata a capela a deixar flores e velas nas repisas.

Desandamos un pouco e entramos de volta nos montes de Moaña, entramos pola porteliña e seguimos polo camiño de carro ata as Chans de Cachón . Un lugar especial onde a terra e o mar dormen os seus pes, un miñato sobrevoa e nos saúda debuxando círculos por riba de nos,”quizais sexa un vixiante deste anaco de monte”.  De novo unha fermosa plantación de arbores autóctonos, protexidos con arame para que os cabalos non os  rompan. Cachón ten algo que o fai especial, as veces si te sentas debaixo de un carballo, o vento trae o son dos vellos coa fouce, apañando o toxo para estrumar o gando. Seguimos por unha congostra que no seu tempo fora feita para que o carro non abocara, cando ía cargados de toxo ou leña, chegamos o cruzamento de dous camiños, o lugar se coñece como Praza da Virxe, por unha pedra que había polo entorno que e semellaba o manto dunha virxe . A pedra xa fai tempo que desapareceu, mais ben a roubaron . Neste lugar ou praza se poñía unha persoa na parte de abaixo e si viña un carro da riba , mandaban para o que comezaba a subir, algo como regular o trafico, pero con carros, pois nos camiños era imposible dar volta.


O pouco tempo chegamos á Cruz de Cela, cruz que foi posta polos monxes bieitos de Hermelo a la polo 1700, como así reza na inscrición. Xa fai anos que o monólito lle foi roubada a cruz que tiña na parte alta, quedando so a pedra, coas letras do Mosteiro de Hermelo, marcando o devir da historia, por algo todo o Morrazo estaba baixo a xurisdición do mosteiro. Despois da sesión de  fotos subimos un anaco pola estrada que antes fora camiño, hoxe cuberto de piche e os pes o notan, así chegamos o comezo da pista de terra que nos leva o Monte Paralaia. Comezamos a subir a costa e o pouco tempo, deixamos a man esquerda o lugar de Foxonoval onde nace o río do Inferno, que desde estas alturas percorre Broullon, Paradela, A Marrua, o Redondo e se abraza o mar fronte do concello de Moaña. Seguimos ata o cumio do monte, onde xa apreciamos arbores novas de plantacións anteriores, chopos, bidueiros, olmos, e unha boa mancha de pino común, e de novo o noso miñato protector nos di que esta cerca.

Debido a maleza que o cubre todo non podemos baixar ata a cova da Paralaia, onde aqueles farallóns impoñen respecto, son testemuñas pétreas dos nosos días . Atravesamos o monte cara o sur e vamos por un camiño entre carballos e moles de pedra ata o Monte Xestoso, alí esta a Cruz de Paralaia, feita de madeira de carballo desde a primeira vez que se puxo ai preto de cen anos. Desde este lugar privilexiado un ten a sensación de que pode apañar coas mans a ría, Vigo, as Cies e todo o Morrazo, é un lugar encantado e nos días de inverno se escoita falar as arbores coas pedras . Comezamos a baixar por unha congostra de lama e pedra que nos leva a Hermelo, por estes lugares a auga e unha constante, a terra e negra con moitos minerais e a terra ideal para os Cantarelos no seu tempo.

Chegamos a aldea de Hermelo, somos ben recibidos por este lugar tan fermoso e amable para os ollos, case podemos dicir que Hermelo e un anaco do Paraíso. Aquí era obrigado repoñer forzas, previo acordo na Taberna de María, demos conta de unha fonte de raxo e patacas fritidas, con un xerro de porcelana de tres litros de Tinta Femia, todo estivo moi bo, ata o café con o bagazo que fixo que aparecera o”pedro chosco” facéndonos cóchegas na cabeza,  a idea case era esa, pero cando chegamos a Esculca nos atopamos con un grupo de almas en pena, da cidade, que xa andaban medios perdidos na Cruz do Xestoso. Entón sen darnos conta se apegaron e comezamos a facer de guías de este grupo do club dos desachegados. Comezamos a baixar e pasamos pola beira do pequeno cemiterio de Hermelo, onde lles conto que aquí está enterrada a mellor tecedeira de Pontevedra do século pasado,  Sra. Pepa de Florencia, pola súa casa pasaron Cunqueiro e Castroviejo en certa ocasión, animando a muller para que participara nunha feira de artesanía galega de moita importancia en Pontevedra, ala polos anos 50. Enfilamos o vello camiño real que ía de Hermelo a Moaña (San Martiño), por este camiño podemos ver a mostra dos miles de carros que pasaron por el, con marcas petrificadas  nas pedras de ata 25centimetros de fondo.

Pola metade do camiño nos atopamos co nacemento do río Bouzos, que cruza toda a Fraga de Coiro, rega veigas e comareiros, fai moer un feixe de muíños coma o de Fausto e se bica co mar na zona da praia de Rodeira . Seguimos baixando e chegamos a un lugar mítico dos montes do Morrazo, O Pouso das Cruces, a este lugar por temperas cando se remataba os traballos das sementeiras nos campos, as xentes de San Martiño, Hermelo, e Coiro, saian desde as súas igrexas ata aquí en procesión e así como ían chegando posaban os estandartes e as cruces no monte, de ai o seu nome . Facían unha misa e pedían ter boas colleitas,  despois todo o día era troula, ata a volta que era do mesmo xeito. Este lugar ten un uñeiro, onde nace boa auga, esta cuberto de carballos os cales teñen unhas polas especiais polas formas que fan, conta a vella lenda que por este lugar andaban os druídas celtas recollendo o visgo das polas, para facer pósemas .
O Pouso das Cruces e un lugar especial e o sabían os noso devanceiros que puxeron no entorno o primeiro mogon de deslinde das tres parroquias, que hoxe delimita os concellos . O entorno  conta con mesas e bancos de pedra así coma asadeiros e era un lugar moi concorrido cando se podía facer lume, pero no verán aínda e moita a xente que se acerca a esta curruncho natural.

Seguimos ata o lugar do Outeiro, zona arborada con fontes e con vistas impresionantes da ría, Cangas, Baiona...., lugar rico en cogomelos . Aquí se celebra todos os anos a festa do Leñador no mes de agosto, acude moita xente do pobo e de fora, e un día de troula en plena natureza, sempre se pide respectar o entorno. Aquí Anxo e mais eu deixamos a tropa das almas perdidas e comezamos a andaina pola pista que nos levara a Broullon . Son as seis da tarde e sacando a hora de comida todo foi camiñar e os corpos comezan a negarse a andar para diante. Nas primeiras casas de Broullon somos recibidos polos cans que semellan querer comer o mundo, os cabalos que comen nas veigas non lles fan ningún caso, coma se non escoitaran o barullo que fan os cadelos, dous gatos se poñen a facer posturas para a foto. Chegamos ó Cruceiro da Salvante, probablemente un dos cruceiros mais antigos de Moaña, foi construído ai varios centos de anos, e foi sufrindo varios cambios de sitios o longo dos anos, pero sigue en pe, con a súa memoria e historia viva.

Pouco a pouco case que arrastrándonos fomos chegando os coches, o mirador das Fragas seguía sendo amable, pero o cansazo podía con nos. Estabamos poñendo o loureiro a unha xornada completa que comezara as 11 da maña e remataba as 7 da tarde, os corpos esmagados, os callos derretidos,  pero na memoria un día histórico para arquivar unha camiñada completa, onde descubrimos lugares e pequenas cousas da toponimia que xa forman parte de nos. Cumprimos así unha promesa que xa se perdía co paso dos días.  Ollamos para os farallóns do monte Paralaia por ultima vez, e ala andaba o miñato, o noso compañeiro da andaina quedaba no se medio vital e nos, quizais pensando en outra.


Sábado 30/3/2013, Luís Chapela 

As forzas que axudan a vivir

Son dúas as forzas que axudan a vivir,
o esquecemento, e a esperanza.

Vivir non é so existir,
si non existir e crear,
saber gozar e sufrir,
e non durmir sen soñar.

Luís da Roxa (no exilio da grela), outono 2010.

O Exilio

O vento bate con forzas nas ventas do sur.
Esta casa que habito semella arestora
un barco antigo ancorado nun mar
de verde máxico esmeralda.

Alí pretiño cara a diante, un
fermoso carballo, vai perdendo
as follas abatidas polo seu siclo vital,
entre as herbas bravas, preludio
da invernía que amansa os sentidos.

Unha nostalxia invade os recantos
dos cuartos, mentres escribo en
follas brancas, xurde un intimo mundo
habitado polo silencio das palabras.

Así o lugar, vai mantendo viva a
súa memoria de moitos anos.
Aínda fican en nos outros camiños
que facer e andar, a globalización
non da asolagado a resistencia do pobo.

As veces algo xurde que aguilloa as
nosas bagoas solitarias, e as
feridas, esas que nunca curan.
Segue a choiva batendo nos vidros,
como a musica dun violín.

Na grela, memoria e loita, sempre.

Luís Chapela Bermúdez (no exilio da grela), outono 2010.

LUME NO XACOBEO

Poalla en Santiago, a néboa
cobreo todo, ata a catedral,
semella un mundo estraño, como si
todo se movera en cámara lenta.

O medio día, o fumazo da néboa
comeza a subir cara o ceo
xa se divisa o pico sacro, e
as torres da catedral xa se
miran desde todos os lugares.

Comeza a ferver de novo
Santiago, os peregrinos, as
rúas ateigadas de xente que ben e vai
buscando un lugar onde deterse, e
refrescarse cunha pinga de cervexa.

A arañeira que nos desgoberna,
está de feiras, máis que inmerecidas,
non atenden a pandemia de agosto.
Arde a nación galega, e arde Troia, cal se
Viviramos nunha terra inacabábel.

E a morte anunciada que
un bo día dun ano que xa non lembro
nos contou marabillosamente
o gran García Marquez.


Luís Chapela Bermúdez (Luís da roxa)
Agosto 2010, desde o exilio da grela.

E170 Sendeiro de Froxán-Vilamor (Folgoso do Courel)

Medición do tempo

A flor cae murcha nos xardíns
e a noite baixa pola vida coma un río
á procura da verdade inserta.

O tempo forma parte da inutilidade
amable do progreso máis cutre
a vida e unha estafa sen retorno.

Descubrirei de novo o mar
máis salvaxe e libre, indiferente
ó amor dos humanos, que ateigan as praias
nas que un día Ulises desembarcou.

Acaso é o tempo un soño
que inutilmente perseguimos,
ou simplemente un poema
que vai e ben o son do vento.

Luís Bermúdez



Luns, 17 de maio de 2010


Será como di o mestre Chapela, que o tempo é un soño que inutilmente perseguimos, pero esta mañá semellaba en que tivera pouco tempo para os meus soños, e que naufragara sen remedio nun mar de xenebra mentres intentaba agarrarme a ese salvavidas agarimoso que estivo a turrarme das orellas, máis por enredar que por outra cousa, aínda que o meu non chegara a categoría de “pechabares”.

Neste día o país celebraba o día das súas letras, e no Courel a festa era dobre, xa que o seu poeta máis importante, Uxío Novoneyra, era o homenaxeado. Máis eu non tiña a mañá para versos, xa que un quirico cabrón estivo tentando a miña paciencia ata que logrou convencerme de chimpar da cama. Menos mal que as boas xentes de Casa Bonifacio xa tiñan disposto un almorzo reparador, e senteime o carón da sección feminina dos Eivadiños para dar conta do pan tostado, da manteiga e da marmelada, e por suposto... do café con leite, que fixo que saíra do meu estado catatónico.

Pagámo-la conta e baixamos cara o Val de Xestoso, onde se agocha a República Independente do Ferradal, e fixemos andado o camiño que o comunica co mundo. As mozas semellaban preocupadas polo descenso a este anaquiño do paraíso, ou máis ben pola volta, que deseguro se lles faría costa arriba, aínda non sabían que nesta xornada ían ter que subir algo máis. De tódolos xeitos quedaron marabilladas co entorno onde se atopa este enclave, e coa boa conservación das súas construccións, en especial os sequeiros de Rober e Bernardo, e a alvariza.

Xa estabamos preto da mediodía cando escoitamos un berro arrepiante: “Fillos de puta, fora do meu sequeiro”. Era o meu primo que espertara coas nosas voces, aínda convalecente da troula da véspera, e que saíu a despedirnos medio espido e con ganas de festa. Así que repartimos bicos e apertas con neto do Casimiro, para apacigualo, e con Bego, que nos fixo o favor de subir os máis eivados ata a “cabina”, aproveitando para facer unhas chamadas.
Alí decidimos que xa non era hora de ir ata Folgoso como era a nosa intención inicial, e trocamos a ruta pola que sube ata o Castro de Vilar, unha das clásicas do Courel, que nos quedaba máis preta.

Levounos un tempo afastarnos de Froxán, xa que o pequeno poboado ten unha maxia que te atrapa. As construccións están restauradas cunha sensibilidade que non é frecuente na nosa terra, e forma un conxunto de corredoiras, pantíns de madeira, estreitas rúas, prazas cativas e tellados de lousa negra que a converten nun dos reclamos turísticos máis fortes da comarca. Aquí se celebra, no primeiro domingo de decembro a Festa da Pisa da castaña, á que a piques estivemos de asistir o ano pasado.

Marchamos a paso de can cansado marabillándonos pola sintonía das pedras, e case sen decatarnos atopámonos camiñando entre castiñeiras, carballos e sobreiras, nun tramo que en pouco menos de dous quilómetros descende cara o río Lor. A pesares da calor, semellaba que non era posible mellor comezo, pois pasabamos do pobo á fraga como se pasasemos as páxinas dun conto. E para ilustralo intentabamos atrapar, con maior ou menor fortuna, unha pequena mostra das imaxes que se sucedían na nosa retina.

Non tardamos en atravesar o río pola nova ponte do Vao, xa que a vella, feita de troncos de castiñeira, fora reemprazada despois de non se sabe cantos anos de servicio. Eu botei de menos aquela ponte vella pola que eu crucei cando era novo, cando aínda pensaba que outro mundo era posible e non agardaba, como agora, que chegara dunha vez o Apocalipses para levar todo canto de feo hai no mundo. Aínda que o Apocalipses agardaba por nós nunha costa que ascendía cara o pobo de Vilar.

Na subida o grupo espallouse como se estivesemos ascendendo o Angliru, e eu fun quedado afastado dos meus compañeiros, concentrado en acalar a dor que me recorría a miña perna esquerda, empapándome de suor e da beleza que me arrodeaba. Lento pero seguro, sen presa pero sen pausa, mentres o Lorenzo empeñábase en lostregarnos co seu látego de lume, para engadirlle dificultade á nosa empresa.

Crucei o souto de Vilar en solitario, escoitando as voces agarimosas das súas ponlas, agradecido por unha sombra que sabía a gloria bendita, intentando deixar atrás o fantasma de aquel que fun, para afirmarme no que son agora. Veña, un pasiño máis, outro pasiño máis. Tiña que poder e puiden. E cando cheguei á capela de San Roque, onde me agardaban os meus amigos sorrín.
Di a tradición que a primeira vez que un entra nesta capela pode pedir un desexo, e máis aínda se cumpriu a penitencia de subir a costa que ven de Froxán, así que fixen a miña petición, aínda que facendo un pouco de trampa porque non era a primeira vez, ou tal vez si, tal vez era outro o que pediu o desexo de converterse no que son agora.

De tódolos xeitos camiñamos xuntos cara o castro que se atopa a un cento de metros da ermida, unha desas primitivas fortalezas que defendían a marxe esquerda do río. O Castro de Vilar sitúase sobre un esporón alongado onde o río Lor describe un profundo meandro. O monte é un macizo rochoso de lousa, no que se traballou palmo a palmo toda a súa superficie para trazar camiños, construír defensas ou habilitar espacios para a construcción de vivendas.

Era unha fortaleza practicamente inaccesible en todo o seu perímetro, excepto polo sur, onde se concentraron os máis variados recursos de defensa, aínda que os tres fosos e as murallas gardaban todo o poboado. Na distribución do espacio ocupado distínguese dúas zonas: no flanco occidental atopábanse unha ducia de vivendas, e no oriental as cortes para o gando. Todo esto sabémolo polas escavacións arqueolóxicas que fixeron no seu día, porque o certo é que o seu estado actual é de completo abandono.

Démoslles as costas ó castro para enfilar cara Vilar, pois xa era hora de almorzar, e por estreitas corredoiras chegamos ó souto fermoso que está ós pes do pobo. Empezamos a baleirar as nosas mochilas, a quitar chourizos, queixo e xamón, máis cando fomos botar man do pan... quedara no saco do Miguel, que quedara atrás con Iolanda. Debemos agardar dez minutos por eles, ata Xacobe foi na súa procura, pero para os nosos estómagos semellou unha eternidade.

Unha vez que saciamos o noso apetito tivemos a tentación de botar unha soneca a sombra dos castiñeiros, imitando a un esquío que buscara acubillo a uns metros de nós, e tiven que poñer un pouco de orden para que o grupo se puxera en marcha. A aldea de Vilar demorounos un chisco máis, xa que ten moito que mirar, ata o pequeno museo etnográfico de Xan do Ferreiro que reúne gran variedade de utensilios que forman parte da vida doméstica tradicional dos pobos da serra así como ferramentas e utensilios de labranza.

Volvemos atravesar o Souto de Vilar descendendo cara o río, e canto máis preto estamos del máis son as ganas de mergullarnos nas súas augas. Mágoa que cando chegamos á ponte non vexamos por ningún lado un aceso axeitado e teñamos que contentarnos coa paisaxe fermosa que describe o Lor antes de agocharse na espesura da fraga.

O que nos restaba ata Vilamor foi unha desas xestas que nos fai grandes ós Eivadiños, pois a pesares do enorme desnivel que tivemos que afrontar, da temperatura elevada que semellaba a mesma das caldeiras do inferno, e das eivas que cada quen carrexaba consigo, subimos sen presa pero sen pausa (ou case), aínda que tamén é certo que non había outra opción.

Xacobe e Miguel tomaron rapidamente a dianteira e subiron a lume de carozo, tanto é así que nin se detiveron en Vilamor a agardar por nós. Georgia máis eu tampouco nos detivemos a tomar alento en todo o ascenso, aínda que chegamos ó tramo final coloradiños como mazás. Nuria e Iolanda o tomaron con algo máis de calma, e fixeron o camiño por etapas, pero chegar chegaron.

A nosa vangarda descendeu, sen acadar unha sombra que minguase os seus padecementos, pola estrada que vai cara Froxán, uns cinco quilómetros extras, mentres o resto agardabamos en Vilamor polos nosos heroes mentres acadabamos algo con que nos refrescar. Ó final Iolanda conseguiu que alguén a levara a busca-lo seu coche, mentres quedabamos na compaña dun seareiro que nos contou a súa vida na milicia, ala polo ano cincuenta.

E foi así como rematou a nosa aventura, pois reunímonos en Froxán e alí non quedou outra que repartir bicos e apertas, xa que non había máis tempo para outra cousa. Tiñamos que regresar á metrópole onde, quizais os nosos soños volveríannos a levar, novamente, onde o mundo se chama Courel.


E169 Sendeiro dos sequeiros de Rendar (Folgoso do Courel)

O Courel que eu atopei

Cheguei acompañado ó Courel,
onde as lendas e a realidade
semellan ser a mesma cousa
á beira da aventura do sono.

E verdade que un se sinte pequeno
nos seus cumios, e nos vales.
Caneamos polos camiños e carreiros
descubrindo o mais primitivo
desta terra, a súa fermosura.

Froxán, Noceda, Parada, Folgoso,
Seoane, Vilar, O Incio...
Núcleos de poboación grandes
e pequenos, que acollen ó viaxeiro
con agarimo.

As carballeiras, os soutos,
as fontes, os ríos, os castros,
a natureza mais pura, ese e O Courel
que me fai sentir orgulloso de ser galego,
e que unha parte de min quedou sempre alí.

Nas cumes dos seus montes,
so puxen en falta,
o ouveo ancestral do lobo, por contra
atopei Os Eidos de Uxío Novoneyra,
a súa palabra, a súa poesía.

Luís Bermúdez



Domingo, 16 de maio de 2010

Os versos agarimosos do noso eivadiño honorífico Luís Chapela, que traballa ben arreo para darlle voz ós vellos oficios, ás tradicións esquecidas, ós nomes dos lugares agochados, invisibles para unha administración de túzaros que negan ata a nosa lingua, semellan un bo pasaporte para acceder a ese territorio máxico onde o mundo chámase O Courel, precisamente na véspera do día das nosas letras dedicado ó poeta que tan ben recolleu os murmurios desta terra e deste vento, patrimonio dun país que se nega a desaparecer.

Como soe acontecer nas nosas incursións alén fora da nosa xeografía natural do norte portugués e do sur da Galiza, eran mais as incógnitas que as certezas na nosa aventura, pero ben é certo que, nesta ocasión, contábamos coa hospitalidade da xente do Ferradal, que nos fixeron máis doado o tránsito dende a metrópole, todo ruídos e presas, ata estes lugares onde o tempo semella detido e en silencio.

Fomos seis os eivadiños que desfixemos quilómetros cara esta serra que xunto ca dos Ancares e co macizo de Trevinca forman as nosas montañas máis emblemáticas. Tres mulleres: Georgia, Nuria e Iolanda, e tres homes: Miguel, Xacobe e Anxo, para rematar cos rumores, non do todo infundados, de que este colectivo estaba a piques de desaparecer, aqueixado dunha enfermidade que ha de precisar de certa cirurxía.

Tardamos preto de dúas horas en facer o traxecto dende Vigo a Vilar de Lor, onde estaba unha das nosas bases, Casa Bonifacio. Alí deixamos as nosas mochilas as rapazas máis eu, xa que Xacobe e Miguel ían durmir no sequeiro de Rober e Bego, e non demoramos máis en ir ó seu encontro pois tiñamos ganas de almorzar, xa que os catro anacos de chourizo que meteramos en pan na gasolineira de Monforte non foran quen de acalar as protestas das nosas barriguiñas.

Dende a “cabina”, un recuncho da estreita estrada onde podemos estacionar e a onde os amigos da República independente do Ferradal suben a prol da cobertura telefónica, oferteille ás miñas amigas, mentres agardábamos polos mozos que foran na procura dos nosos anfitrións, unha perspectiva privilexiada do Val de Xestoso, que semella unha porta segreda cara o corazón do Courel.

Baixo o cumio inconfundible do Nariz do Furado, o Rego do Souto do Porco abre unha delgada fenda na espesura dun bosque que a primaveira tinguiu con unha gama cromática de infinitos matices. Eu tamén sentín orgullo da miña patria dende este balcón privilexiado, e pensei que ben pagaba a pena o esforzo de chegar ata aquí, aínda que non fose nas mellores condicións, xa que a miña perna xa andaba a rosmar, aínda que quizais foxe polas ganas de actividade.

Chegaron os nosos cos embaixadores da pequena república, e fixemos as presentacións, aínda que resultou que Nuria e Bego xa se coñecían do instituto. Semella que os camiños sonche todos de ida e volta, e cando menos o pensas xa a suma de pasados que conforman o noso presente aflora, como eses carrascos que pulaban entre os carballos por tinguir os nosos soños máis pretos, os que xa tiñamos o alcance da man.

O neto do Casimiro de Xacebáns e o neto do Benito de Abellás volvéronse dar unha aperta con raíces arraianas, e sen máis montamos nos coches para facer un pequeno traxecto ata o Pontón, onde tiñamos encargado o xantar. Outra vez viñeron os meus beizos Castro Portela, Froxán, Vilamor... e volveron espertar lembranzas agarimosas daquelas xentes que quixen e que me dalgún xeito me conforman, lembranzas que agora son combustible dos meus sorrisos, como as da historia deste colectivo de seres queridos que agora me acompañan.

Chegados a Ferreirós de Abaixo, onde se atopa o Pontón, ese conxunto etnográfico que Manolo, o seu dono, enriquece día a día, tiñamos pensado asistir á Festa da Serra, onde os derradeiros mestres deste oficio demostran as súas habilidades, pero precisamente a enfermidade dun deles fixo suspender o evento.

Para compensalo atopamos outra vez a Isabel, a simpática rapaza de Quiroga que nos atendera cando recalamos aquí no outubro pasado, pero aínda que nos obsequiou cun bo sorriso tamén nos recriminou polas infamias que vertemos sobre ela na nosa bitácora, da que agora facemos rectificación pública.

O da súa lingua negra quizais fose algo excesivo para definir a súa retranca, e máis ben motivado por algún estraño brebaxe siberiano, e tiña toda a razón en apuntar, cando lle pedín que non me botara veleno na cervexa en que o veleno xa o tiña eu dentro, e que adoito a vertelo coa miña pluma.

Así que non fago máis para que se nos volva a enfadar, porque o certo é que nos serviu, pese a ter personaxes ilustres ó carón da nosa mesa, entre eles o mesmísimo Xosé Manuel Beiras, como se fósemos príncipes. Comemos ata fartar unha carne grellada e unha ensalada deliciosas, mentres a facíamos baixar pola gorxa cun bo Mencía da casa, e ata nos atrevemos a pedir sobremesas, da que sobresaía un queixo con mel que estaba espectacular. Eu ben sei que non o merecía pero ata repetín café e chupito, aínda que me apuntaran que desta non habería trato especial.

Case esquezo que antes de xantar, mentres se facían as brasas, demos un pequeno paseo ata a confluencia do Río Pequeno e o Río Lor, e camiñamos ata as Pozas das Mulas, do Pontón e das Arandainas, as máis afastadas da estrada, onde espertaron as nosas ganas de baño, aínda que ninguén tivo o valor para botarse as xeadas augas que atravesan como veas o corpo vivo do Courel. O recorrido foi cativo, máis amosounos a fermosura dos seus camiños empedrados con lousa, e das súas pontes senlleiras de vigas de castiñeira, máis serviunos para medir as forzas dos que íamos máis eivados.

Despois da paparota puxemos rumbo a Castro Portela, e na saída do pobo deixamos os coches ó carón dunha sinal que indicaba un sendeiro que vai cara á mina romana de Rendar. O meu primo asumiu a vangarda, e fomos todos tras del coas nosas mochilas cargadas de soños, internándonos nunha fraga enfeitizada de carballos, bidueiros e amieiros, que delataban a proximidade do río, sementada por xestas, uces e carrascos de tódalas cores. Nos tardamos en atopar un sequeiro habilitado como vivenda, quizais un algo máis grande co de Bernardo, aínda que non acadara o encanto dos que están emprazados na república do Ferradal.

Por boa lóxica atravesamos o souto que lle corresponde, e seguimos alternando carballeiras, soutos e matogueiras, sempre en animada conversa, aínda que a nosa sección feminina semellaba que tiña a guerra aparte, xa que adiantaran ó noso guía e ó chegar a un fermoso caserón, cun campo enchido de frutais, decatámonos que as perderamos de vista.Fronte á casa rústica presentábanse dúas alternativas, unha subía cara Castro Portela e outra seguía cara Rendar.

Aínda que valorabamos a posibilidade de que colleran o primeiro desvío, optamos por continuar cos nosos plans iniciais, e non quedou con nós outra muller que Bego, que estreábase como eivadiña. Como é axeitado nas primeiras veces fixo reconto das súas eivas, mentres lles facíamos un inventario das nosas. A miña perna quecía ós poucos, e agradecía que non estiveramos subindo pola Devesa da Rogueira, xa que as miñas forzas estaban un algo minguadas.

Chegamos ós sequeiros de Rendar, no corazón do Val de Xestoso, sen rastro das nosas amigas, aínda que non temiamos demasiado por elas, xa que son moita carapuchiña para calquera lobo. A pesares de que as edras e as silveiras colonizaron gran parte dos seus muros, aínda se manteñen en pé estas construccións singulares, sobre as que agardamos que algún día Rober teña a ben ilustrarnos nestas páxinas.

Algo máis adiante ascendemos lixeiramente para inzarnos ás ruínas dunha capela onde facemos un alto para que Miguel se fume un xaroto mentres Xacobe máis eu disparamos co gatillo fácil dos francotiradores serbios, e todos disfrutamos dunhas panorámicas realmente fermosas.

Neste punto tomamos o camiño de volta, pero describindo un pequeno círculo antes de volver ó que nos trouxo. Menos mal que escoitamos as voces das desaparecidas, que confirmaron as nosas sospeitas de que tomaran o desvío cara Castro Portela.

Semella que viñan satisfeitas da súa alternativa, pois non demoraron demasiado visitando os sequeiros de Rendar, e no primeiro prado que atopamos decidiron facer trincheira e estomballáronse a recibir os aloumiños do sol, que estaba a reinar no ceo sen que ningunha nube o discutira. Aínda tiveron o aquel de posar diante do letreiro que marcaba o punto onde se arredaron de nós, como dicindo que o erro era noso.

O retorno foi a paso de tartaruga, quizais porque non había presa, ou porque a consigna eivadiña de ir ó paso do máis lento estábase a cumprir: a tartaruga era eu. Esto deunos a oportunidade de ver como as sombras dos cumios ían proxectándose sobre as montañas veciñas, como se a terra encollera ante a proximidade do lusco fusco.

Regresamos á nosa base de Vilar de Lor, a tomar unhas merecidas cervexas coas que aplacar a calor, mentres agardabamos pola cea. Bego e Rober tiñan unha sardiñada nunha desas peñas que se xuntan tanto para papar avestruces como pingüíns, e o resto do grupo mandámoslles un excelente embutido da casa, unha tortilla inmellorable e unhas ensaladas ben cumpridas. O certo é que en Casa Bonifacio tratáronnos a corpo de rei, e ata alongamos a sobremesa con larpeiradas varias, cafés e chupitos.

Os chupitos tiveron a culpa do que viu despois, xa que a Rober, Iolanda e a min se nos queceu de máis a boca e decidimos tomar unha máis na cantina, mentres os nosos amigos marchaban para cama. Eu só pedín un gintonis, sen saber que alí pides un e che poñen tres. Mentres mollabamos a palleta désenos en falar un pouco de todo, nunha desas conversas animadas nas que as horas van esmorecendo sen que te decates, e cando por fin conseguín meterme entre as sábenas xa estaban a piques de ser as catro da mañá.

O día seguinte tiñamos proxectado facer unha ruta algo ambiciosa, o sendeiro do río Pequeno, que a pesares do seu nome ten unha distancia de dezaseis quilómetros. A miña perna tremía só de pensalo, pero aínda así entrei no mundo dos soños, apertado a miña patria, cun sorriso no corazón.


PREGARIAS EN TEMPO DE SECA

Mirei o río desbordado
noutros invernos pasados,
derrubando muíños,
asolagando veigas e camiños.

Escoito falar do cambio climático,
da contaminación das augas, da terra,
da atmosfera quente e chea de fungo,
coma as vellas codias do pan de millo.

Onte escoitei chorar ó río,
pobre, esgotado e seco.
Pequenas pozas cubertas de follas
que o inverno venceu,
semellan cloacas de sudre espeso.

Miro para o ceo e desexo,
que as nubes gordas ou delgadas
se freguen unhas contra outras,
para que a choiva necesariafaga espertar do sono á vida.

Palabras

Sinto esta noite que
as palabras están feridas,
as voces tremen e berran,
queren rabuñar nos sentimentos
e descubrir as cores fermosas
que están adornando
a nosa fala sempre,
a que nos avala a nosa existencia.

As palabras que a rapazada
debe abrazar como súas,
con orgullo e sen complexos.
Acaso, os tempos si son chegados,
despois de tanto temposoñando e agardando.

Luís Chapela Bermúdez

Eivadiños

Alá na Peneda do Lobo
onde conta as súas andanzas
funga o mar, dende Fisterra
ata a Guarda, rebule
o escumallo mentres medra
a tóxica, onda fermosa
e perigosa a un tempo.

Din os que saben que é
unha onda indomable,
que non hai nada igual
nos mares do continente.
Nin os malabaristas das
ondas son capaces de amansar.

É un mundo forza que xurde
das profundidades do océano,
que nos fala de lendas,
de naufraxios inesquecibles,
de mariñeiros, loitadores eternos,
dos cantís salvaxes da costa de Breogán.

Polo alto da Peneda do Lobo
camiñan animados os eivadiños,
esmagando pedras e toxos
á procura das nosas raíces naturais,
por lugares onde o home
sinte e goza a paisaxe libre.

O REMEDIO

Van as vellas polo camiño
pisando a terra con delicadeza,
murmuran que xa é preciso
unha rega, para elo van poñerlle
a bela ó santo, pois seica a chuvia
fará desaparecer as dores da reuma.

Hai 48 horas que non para de chover,
parece que nunca caira auga no outono
da Galiza encantada, de orballo
é néboa baixa que vai tapando a ría.

So o vento mareiro chegado das illas
é capaz de levala para os altos montes
cheos de árbores de ferro,
que fan traballar os trebellos
da modernidade electrónica.

Ata na igrexa, a vella
que procura a axuda dalgún santo
ten que poñer no burato pequeno
a moeda, axiña faise a luz do desexo.
Lume e auga, vento e auga,
son a forza da memoria.

Luís Chapela Bermúdez

O SOÑO DA NOITE

Camiñaba polo peirao,
baixo un ceo cheíño de estrelas,
respirando o forte cheiro a mexillón,
salitre e algas, era a vida,
ía mirando a paisaxe con calma.

Un cadelo durme enriba
dunha dorna sen mar.
Entón o medo ventureiro
paralizou a súa alma
naquela noite de agosto.

Ao amencer, cando os borrachos
escriben con pingas de marmaña
a verdadeira historia do mundo,
xusto a esa hora, el bailaría
unha cantiga de amor.

O soño dura e dura,
e o tempo segue sen deterse.
Na taberna, na frescura da noite,
a xente soña bailar con Venus,
por encima das cordas que
amarran as gamelas.

Luís Chapela Bermúdez

DENDE A PENEDA

A Peneda, outeiro de xenerosos paisaxes
que fan gozar os ollos.
Unha ría agarimosa,
con un mar inmensamente azul
salpicado de bateas.

Unha néboa transparente
penetra nas illas do fondo,
as que chaman dos Deuses,
alá onde nace a ría.

Por debaixo dos pes, as correntes
soterradas do río Verdugo,
acarician as illas San Simón e San Antón.

No silencio da Peneda, resoan os ecos
dos disparos asasinos nas illas,
os berros desesperados e impotentes
dos que agardan a morte nun instante.

Non teñen perdón aqueles
que fixeron destas illas fermosas
un campo de concentración,
onde os fascistas asasinaron
aos bos e xenerosos desta terra.

A Peneda testemuña calada
dos anos de terror, hoxe
clama valentía para que
floreza a verdade, só así
os paxaros volverán cantar
libremente en San Simón.

Luís Chapela Bermúdez

ANACOS

Como sempre son tempos
revoltos en movemento
intento ordenar con xeito
aquelas dúbidas que me atrapan
nas escuras ilusións.

Unha protesta da paso a outra,
xoga a memoria dos recordos
almacenados naquel recuncho
onde so chegan
as telas de araña con pedigree.

Estamos en terra atlántica
preñada de historias sen fin,
onde o mar retórcese sobre si mesmo,
treboento e infranqueable.

Ríos que desbordan soños,
campos de flores humildes e
fermosos montes sementados
de arbores nobres.

Acaso o tempo non é a única
derrota contra as follas
do calendario que durme
colgado na cociña.

Luís Chapela Bermúdez

UN PAÍS QUE O QUEREN CONVERTER EN MEDIOCRE

Moaña, 24 de xuño do 2009

Moitas veces teño dito que a verdadeira democracia a Galiza aínda non chegou, e reafírmome. Non sabemos o que é nin tivemos a oportunidade de gozar dela. É verdade que cada catro anos nos convidan a votar para facer o paripé, nun sistema que como hai un feixe de anos, segue a ser caciquil. Pensaba que o peor que nos pasara fora o exterminio selectivo de persoas asasinadas polos fascistas na Guerra Civil. Franco xa morreu hai uns anos, pero a súa semente aínda prende con moita facilidade, e hai xente que mesmo botan a faltar aquel sistema dictatorial.

Tiña escoitado falar dos talibáns que andan a botar bombas por Afganistán, que seica son fanáticos, o caso é que aquí en Galiza, algúns hai, estes non botan bombas, pero levantaron unha cruzada de exterminio do noso idioma. No século XXI ninguén, e menos un goberno dun país, comeza unha guerra para desacreditar, humillar e anular a súa propia fala, cando o seu deber sería defendela. Ata onde chega a soberbia, chulería e dictadura, iso si, apoiados por persoas ansiosas de poder e medios de comunicación mediocres, así como persoas pobres de ideas que van facendo o traballo sucio e rastreiro a favor dos herdeiros de Franco. Non poden ser boas persoas aquelas que pretenden a destrucción da nosa historia e da nosa cultura.

Gañar unhas eleccións por cinco mil votos máis que a oposición non lexitima a ninguén para provocar a destrucción da nosa fala, xa que hai unha parte do país que quere vivir e exprésase en galego na súa propia terra. Sinto dicilo, pero o señor Feijoo, é un incendiario e un perigo para Galiza. Eu podo dicir hoxe que me sinto ameazado no meu país porque non penso coma eles. Dificilmente un podía pensar que outro galego seguiría os pasos do dictador no desmantelamento de Galiza, ata o punto que pode superalo. É unha vergoña para os galegos/as escoitar aos concelleiros no noso parlamento expresarse en castelán, iso por moito que o disimulen é un atraso. O máis triste é que os medios de comunicación en xeral apoian e rinlle as gracias, medios mediocres e sumisos como en tempos de Franco, dando mostras de que a democracia aínda non chegou, por iso apoian o exterminio da nosa historia, e eu pregúntome si para isto se fai a carreira de periodismo.

O seguinte paso pode ser a anulación do himno e a desaparición da bandeira, total xa temos a española. Máis que nunca os galegos e galegas, debemos pedir en todos os servicios públicos ser atendidos en galego, non podemos ser cómplices dos asasinos da nosa lingua.

Luís Chapela Bermúdez

NO MONTE DA FROUXEIRA



Aquel día de xullo do 2002, o astro sol non daba tregua, caía a plomo de xeito abafante. O coche non tiña máis ventás para abrir. Polo camiño preguntámoslle á xente onde quedaba o Monte da Frouxeira, e por onde tiñamos que ir, a resposta máis dunha vez foi “todo monte arriba, pero alí non hai nada, só pedras, van a perder o tempo, o que contan dese sitio só son contos”. Nos seguimos monte arriba entre pinos e eucaliptos. As rodas do coche quedaban marcadas na estrada pois o piche da mesma faltáballe pouco para derreterse, quizais porque era o mediodía. Ao chegar o descampado onde xa non se podía seguir, pois alí remataba a pequena estrada, semellabamos ananos dentro dun cráter rodeados de pedras descomunais, non mirábamos máis nada, e o sol seguía sen ter piedade de nos. Aínda buscamos un pouco, saltamos por aqueles penedos, pero os corpos xa non estaban para máis trotes, entón prometemos volver unha vez que xa sabíamos o camiño.

En outubro dese mesmo ano, fomos a dar unha volta pola Mariña, e como non, achegámonos ao Monte da Frouxeira. Nesta ocasión subimos polos penedos e atopamos os restos da fortaleza na que Pardo de Cela se atrincheirou hai uns centos de anos contra os Reis Católicos, a mesma onde foi traizoado polos seus vasalos. Toquei aquelas pedras da fortaleza inexpugnable, pois era imposible acceder a ela, aquel home so podía ser derrotado da maneira que foi. Aqueles anaquiños de muros gardan parte da nosa historia, quizais incluso de noite se escoite o bater de espadas...

Dende a Frouxeira, rodeado daquelas pedras que semellan mundos, un encóllese, faise pequeno. Aos pes do monte aparece o Val do Valadouro como unha fermosura desbordante, si o paraíso existe, este é un anaco del, e no medio daquelas campiñas verdes, levántase esplendorosa a Torre de Pardo de Cela, con un pequeno cemiterio ao seu carón. Sentado naquelas pedras milenarias da Frouxeira, e coa vista perdida polo val, recordei o poema de Ramón Cabanillas, o poeta da loita continua: “Validos de traidores, /a noite da Frouxeira/ a patria escravizaron uns reixes de Castela...”

Entón tremín e sentín rabia, pois aqueles versos, hoxe seguen case que coa mesma vixencia de entón. Aquel colonialismo está presente, os cidadáns, uns acomodámonos, outros seguimos loitando pola soberanía nacional. Queren que desapareza a nosa fala, desprezan a nosa cultura, a nosa bandeira, o noso himno, do que din molestarlle algunhas estrofas. Somos semente da que deixou Cabanillas, Castelao, e outros, por iso seguimos loitando contra os inimigos de Galiza, contra aqueles que aínda queren facer a noite máis longa.

Estas cousas xurdiron aquela mañá de outono no Monte da Frouxeira na compaña de Isabel.

Sempre en Galiza

Luís Chapela Bermúdez

Seguidores

Autores