Mostrando entradas con la etiqueta Arcos de Valdevez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Arcos de Valdevez. Mostrar todas las entradas

E200 Trilho do Glaciar e do Alto Vez (Arcos de Valdevez)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS


Xoves, 17 de marzo de 2011

Todo ten un comezo e un final, unha xéneses e un epílogo, e esta cousa que se deu en chamar Eivadiños non podía afastarse desta norma natural que rexe a existencia dos homes e das bestas, dos sentimentos e das ideas, das estrelas e dos planetas. Aceptar que somos mortais, e polo tanto finitos, danos a posibilidade de decidir o momento, o instante preciso no que, pola circunstancia que sexa, non queremos ir máis alá e dicimos: ata aquí chegamos, compañeiros.

Penso que, ademais de ser conscientes de que todo ten que rematar algún día, é imprescindible non apegarse, e te-la capacidade de desprenderse das cousas antes de que agonicen ou se convertan nunha doenza crónica. A miña ilusión polos camiños fica intacta, e tamén a de compartilos con boa parte dos que, sen éxito, tentei de converter este proxecto particular en colectivo. Quizais fun ambicioso de máis e soñei con que este caderno de bitácora reflexase as visións, vivencias e soños dos meus iguais.

Nunca tentei que isto fose unha ferramenta para satisfacer o meu ego, nin un escaparate para as miñas “conquistas” montañeiras, e se algunha vez caín nesa tentación agora seméllame ridícula. A primeira intención foi, dende aquela primeira camiñata nas terras do Lérez, formar un pequeno grupo de amigos para saír ó monte en formato reducido, non máis de quince quilómetros nin máis de cinco horas (aínda que tamén houbo excepcións e saídas con máis distancia e duración). A segunda foi dotala dunha historia, tanto gráfica como escrita, que nos dera entidade e nos que se involucraran a meirande parte dos integrantes do grupo. Foron poucos os que o fixeron, aínda que de calidade.

A historia Eivadiña fica aquí, para que cada quen poida mergullarse nela buscando como e onde se produciu, e cales foron os seus actores. Non quixera pensar en que todo esto redúcese a unha palla mental, e que estou a estragar un xoguete co que me cansei de xogar. Quixen erguer un proxecto pero fáltanme forzas e axudas para continuar, e non vexo que ninguén queira tirar do carro, así que penso que é o momento de dicir: vémonos no camiño, máis co único compromiso de compartir pegadas e sorrisos. Non vou facer balances, inventarios, estatísticas, nin longas listas de agradecementos ou de reproches.

Estivo ben mentres durou, e máis nada. Aínda así esta derradeira crónica ten que recoñecer a laboura entusiasta dos que me acompañaron na nosa última andaina: os senhores Botas. Ninguén coma eles aportou tantas propostas ás nosas convocatorias, ninguén coma eles apostou polo proxecto, mesmo cando comezaron a te-lo seu propio, e artellaron unha bitácora precisa e preciosa, técnica e artística, que xa é unha referencia obrigada para quen queira adentarse nos carreiros da xeografía da vella Gallaecia. E foron eles os que me agasallaron cun deses sendeiros de primeira división, que levaban tempo con ganas de compartir comigo: o trilho glaciar do Alto Vez.

Partimos, a senhora Botas e máis eu, da metrópole máis cedo que de costume, xa que o tempo era cumprido e ademais xa non tiña moito sentido seguir a cinguirnos a unha fórmula esgotada. Despois dunha parada obrigada en Amaquía para tomar un café, botar unha ollada rápida á actualidade máis apocalíptica e coller bocadillos e outras lambetadas, puxemos rumbo ó corazón do Condado, onde o vizconde de Sistelo agardaba por nós, impaciente por visitar os seus dominios pese a unha molesta doenza de lumbago. É moito este home para deixar ós camiños por tan pouco.

Foron moitas ás lembranzas que me invadiron este día, e a primeira, conforme chegabamos á Portela de Alvite, foi a de cando os meus queridos Zalo e Salomé me iniciaron nos segredos deste reino perdido, que alguén bautizou con acerto como “o pequeno Nepal”. Celebrabamos entonces o terceiro aniversario dos Eivadiños, e non atopei mellor xeito de facelo que na compaña de estes dous compañeiros de camiños que foron tamén unha parte importante e activa da nosa curta e fructífera historia.

O día anterior deitarame cedo, cousa rara na miña seman de vacacións, xa que tiña certo que nos agardaba unha boa subida, e aínda así aledeime de que ascenderamos en coche un bo anaco pola estreita estrada que vai de Sistelo a Porto Cova. Nesta ultima poboación deixamos o noso vehículo, preparamos ás mochilas e fixemos os estiramentos de rigor. Pese a que o ceo estaba cuberto, a temperatura era agradable, e o noso ánimo era aínda máis cálido. Tiñamos por diante unha desas xornadas polas que paga a pena estar neste mundo, conscientes da fortuna de habitar este anaco da xeografía.

Dende que imprimimos as primeiras pegadas na aldea de Porto Cova, disfrutamos dunhas fantásticas panorámicas ó Val do Vez, cos seus característicos socalcos onde traballaba arreo a xentiña do lugar. Ó noso paso só saíron un feixe de cans, con máis ganas de enredar que de defender o territorio, mentres disparabamos cara as augas do ribeiro de Porto Cova que baixa sorteando penedos cara o Vez, cara a súa eira comunitaria, cun feixe de espigueiros aínda en uso, ou cara o conxunto de casas, algunhas ben rehabilitadas, que forman este enclave montañoso.

Un camiño carreteiro, pola que son ven visibles as fendas abertas polos carros de bois, invitábanos ó ascenso e, a pesares de que dende os primeiros metros o desnivel a sortear era considerable, era compensado pola fermosura dos valados de pedra, das veigas e regadíos, e mesmo do camiño, no que a primavera, quizais sabendo do fin da nosa historia, adiantarase para nos despedir. O brión cubrindo cunha infinita variedade cromática os muros senlleiros que afastaban socalcos e carreiros, e as árbores brotando follas tenras e aromáticas flores, toda unha sinfonía como diría aquel que nos legara a fórmula máxica nas terras da Travanca.

Moita auga descorrendo ó carón do camiño, refrescando as nosas conversas. Viñan moitas lembranzas dos camiños recorridos, e de tanta xente que camiñou canda nós. E tamén botamos unhas risas coas derradeiras crónicas dos Nómadas, onde seica houbo lume cruzado, e desexamos que non houbese ninguén ferido, e coa misteriosa aparición dunha nova marca sendeirista, que seica fai punto de reunión onde comezamos nos a xornada. Cousas da vida: uns principian ó tempo que outros rematan. É lei natural.

Pouco a pouco foi cercándonos a néboa, comezou a refrescar, e os moitos metros que levabamos sorteado de desnivel demandábanos unha pausa. Os tres tiñamos un algo de fame, así que convimos en facer un alto ó abrigo dun penedo. Os bocadillos de calamares e de xamón asado desapareceron nun pestanexo, e tamén os doces que a senhora Botas mercara en Puxeiros ¡que larpeiros!. A parada foi breve porque o amigo do Casal tiña algo de medo a arrefriar as costas, e aínda quedaba moito camiño por diante.

Moito e de moita calidade, pois se o camiño carreteiro nos levara polos socalcos verdescentes de Porto Cova, e polas enfeitizadas fragas de Pardelhas, atravesando algunha branda, tan pequena que nin aparecía nos mapas, era dunha fermosura tal que nos facía desprezar o desnivel, cando este se suavizou e comezou a inverterse, comezou a racha-la néboa e descubrímonos no interior do Vale Glaciar da Serra da Peneda.

Sobre nós a silueta dos eólicos que coroan Santo Antonio de Val de Poldros, á outra beira do Alto Vez, e ó noso fronte a marca indeleble do antigo glaciar, extinto fai millóns de anos, que moldeou a superficie da montaña baixo a presión de enormes masas de xeo, formando os característicos vales en U. A morena formada por materias arrastrados polo glaciar é aínda visible, formada por un feixe de grandes bloques graníticos espallados na marxe dereita do río.

A branda do Furado, unha das máis mais importantes da zona, ofrécenos unhas boas panorámicas do val, aínda que eu non puiden aproveitalas como era debido, xa que neste punto esgotóuseme a batería da cámara. Menos mal que os senhores Botas foron máis previsores, e puideron retratar penedos e socalcos, vacas e cabalos, e os tres eivadiños que compartimos esta derradeira xornada.

Deixamos atrás a branda con algo de pena por nos resistir á proposta da nosa guía, xa que a un tiro de pedra estaba o restaurante de Santo Antonio e non eran poucas as ganas dunha cervexa ou dun café, ou das dúas cousas. Magoa que non nos deran as horas para tanto. E ademais tiñamos por diante a Chá, onde o carreiro facíase máis aéreo e desarborado, aínda que esto tiña a recompensa con estupendas vistas ¡que bonico estaba todo!.

No máis alto da nosa ruta o sol tentou rachar coas nubes, e o vizconde axudou botando uns aturuxos que loitaban contra a néboa ¡Eivadinhoooooos!, mentres a súa dona repetía que ultimamente anda un algo raro. Ser como for esto deunos unha tregua e puidemos admirar dende o alto o Vale Glaciar en toda a súa plenitude. Eso si, ben me laiei de non ter batería de reposto, pois se neste momento se intensificou a sinfonía de cores, o que había a seguir era aínda máis sobresaínte: unha sucesión de brandas, cada cal máis fermosa, que agora se mesturan na miña memoria.

A branda do Outeiro Gordo, a branda da Costa do Salgueiro, a branda da Lapinheira... non é doado falar aquí das súas particularidades, nin dos sendeiros que nos levaron ata elas, xa que non teño imaxes que me refresquen as lembranzas. As casas senlleiras xunto as cardenhas máis ben toscas, un feixe de veigas desafiando o desnivel, valados e máis valados de pedra, máis pedra ferida polos carros no camiño. Nin unha soa alma que se cruzase con nós, ou nós con ela. Un silencio só roto polos nosos sorrisos, verbas e pegadas. A paz máis que respirar semellaba que podíamos mastigala.

De seguro que a reportaxe fotográfica do senhor vizconde encherá estas lagoas da miña memoria, e o track trazado pola senhora do Casal resolverá calquera dúbida ó respecto, pero aínda así dóeme non poder facer unha crónica algo máis completa da derradeira aventura dos Eivadiños. Ser como fora chegamos á ultima branda da nosa ruta, e a máis importante, tanto en dimensións como en beleza.

A branda de Crastibô, aínda que leve anos practicamente en desuso e abandonada, catívanos pola beleza do seu emprazamento e polas súas construccións, a pesares de que moitas atópanse nun estado de deterioro notable. Algo ten este lugar, algunha enerxía agochada, que nos fai deternos algo máis que nas outras. Non mentían os meus amigos cando me dicían que este era un deses anacos do paraíso perdido.

Dende aquí a nosa guía pensou en facer o último tramo por un camiño alternativo, pero unha velhiña desaconsellounos internar no “mato”, o que si fixo foi acompañarnos ata Sistelo, facendo o trazado que fixeramos no ascenso. Falei con ela da despoboación do rural, dos emigrados ás Américas, do contrabando, da dureza dos invernos e da beleza das primaveras, e todo isto mentres a moza chimpaba sobre as pedras esvaradías coa axuda dun caxato e me puña en dificultades para seguila. Gustoume facer os derradeiros metros dos Eivadiños a carón dela e, como non, dos meus senhores Botas, cos que penso seguir sementando un bo feixe de pegadas, desprezando as fronteiras e apreciando as xentes e os lugares.


E172 Trilho do Mezio - Ribeira de Vilela (Arcos de Valdevez)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS

Domingo, 6 de Xuño de 2010


Hai xente á que non lle presta repetir os camiños, pois non se decatan de que os camiños están vivos, de que mudan coas estacións e co paso dos homes e das bestas, quizais porque pensan que o único importante é o destino, e unha vez chegados a este, sexa o cumio dunha montaña ou o regreso ó punto de partida, non paga a pena volver a recorrer as mesmas congostras e carreiros. Cada quen ten o seu xeito de comunicarse coa natureza, uns van cara ela con ánimo de conquista, e outros deixámonos conquistar, unha e outra vez, como quen se deixa engaiolar polo feitizo dos afectos vellos, dos que teñen memoria. Así tamén sucede cos amigos, con esa xente que forma a xeografía que gusto chamar cobertura emocional, e nos que me presta insistir, para compartir con eles camiños nos que xa están impresas as miñas pegadas, xunto cun rumor de pantasmas que, grazas a eles, fun quen de desactivar (ou estou a piques de facelo), para que non me estouparan nun feixe de nostalxias.


Nunha mañá con prognóstico reservado, ceos despexados e unha bafarada de calor que anunciaba queimaduras de terceiro grao ó longo de todo o noso litoral, xunteime con boa parte desa cobertura que, pasiño a pasiño, foi escribindo a historia deste colectivo miúdo pero teimudo, que se deu en chamar Eivadiños. Alí estaban os amigos do Casal de Sistelo, agora xestores desa ferramenta indispensable de Sudando Botas, da que non temos empacho en aproveitarnos; Fani e Alex, con quen compartira a noite anterior na Carballeira de Caldas, escoitando as melodías de Woiza, Moon Cresta e Skunk DF; do outro lado da ría viu a miña queridiña Salomé, cómplice de camiños, letras e segredos, que viña cos efectos secundarios dunha noite de troula; e dende as terras de Arousa e do Val Miñor viñeron Iolanda e Xacobe, xentes que se foron gañando o meu cariño a base de compartir camiños, mesas e concertos.

Celebramos a eucaristía pertinente no comedeiro de San Pedro da Torre, arroz malandro e pescada, mentres Yuka dáballe voltas ós mapas buscando unha ruta axeitada ó noso formato e onde existira a posibilidade de mergullarnos, aínda que foxe parcialmente, pois a temperatura incrementábase conforme avanzaba o día. A sobremesa estendeuse tanto que semellaba que ninguén tiña presa por espallar pegadas polo territorio luso, escenario habitual das nosas aventuras e, ás veces, tamén das nosas desventuras.

A viaxe ata o interior da Serra do Soajo resultoume curta, aínda que para a maioría semellaba que quedaba no quinto carallo, xa que lle mandei unha sesta por fascículos, mentres o Xacobe intentaba non perder o rebufo de Ramón, que tiña o día campión e estaba por adestrar para a próxima temporada de Formula un. A unha ducia de quilómetros do centro de Arcos de Valdevez, e situado no mesmo concello, atopase a Porta do Mezio, e alí mesmo, as portas do Centro de Interpretación do Parque Nacional da Peneda Gêres, deixamos os nosos coches, iniciando ese ritual de quita e pon das mochilas, estiramentos varios, e visitas en procura de folletos (eu so merquei un xeral pois ouro e medio por cada trilho pareceume excesivo).

Nada máis comezar o sendeiro afastámonos un chisco del para aforrarnos un pequeno tramo de asfalto, e internámonos nunha fraga fermosa, onde camiñamos entre bidueiros, piñeiros bravos e silvestres e cedros de Oregón, mentres eu tentaba lembrarme dos tempos en que recorrín estes mesmos paraxes co Club de Caminhantes, cando non levaba máis dunha ducia de pateadas con eles, na primaveira do ano dous. Semella que a paisaxe mudara, pois non era quen de recoñecer os camiños, e aledeime de ser guiado por Yuka, que coa axuda de Ramón, da cartografía e do GPS, sempre nos leva na dirección correcta, aínda que ás veces teñamos que dar máis dunha volta. As marcas estaban agochadas e, a pesares de estar tan preto da Porta do Mezio, o trilho non tiña aspecto de estar en boas condicións, como comprobamos máis tarde.

Pasamos preto da estrada que leva ó Parque de Campismo da Travanca, e volvemos afastarnos do asfalto e tamén lles damos as costas á fraga, para avanzar por unha zona de matogueira, onde non crecían máis que toxos, uces e carqueixas, e onde a sección fotográfica dos Eivadiños dedicouse a dispararlle ás cachenas e gárranos que, en gran número, pacían alleos ó noso paso. Neste tramo tivemos algún momento de incertidume, xa que confluían un feixe de carreiros, pero ó final Yuka resolveu sen demasiados problemas. Comezamos a descender cara o interior do val, seguindo os compases da melodía que presentaba o programa de Felix Rodríguez de la Fuente, e ata Alex tentou improvisar un coro eivadiño para facer nosa a sintonía, aínda que o resultado non resultou regular, por dicilo dalgún xeito. Tamén sería moito que, ademais de camiñar, escribir e fotografar se nos dera por compoñer cantigas.

A paisaxe foi mudando, e a matogueira do planalto deu paso a unha selva de xestas, e estas a pequenos soutos, carballeiras e algunha sobreira illada, ata chegar ó lugar de Vilela de Lajes, que nos recibiu cos característicos campos dispostos en socalcos, onde medraba o millo, as verzas, as patacas, ou sinxelamente a herba empregada para pasto. No que non nos sorriu a sorte foi en atopar unha taberna onde combater os calores, que eran moitos, e tivemos que darlle as costas ás súas casas senlleiras sen refrescar a gorxa con outra cousa que non fora a auga das nosas cantimploras.

Para compensar estes sufrires, internámonos nunha fraga tupida onde carballos, bidueiros e salgueiros movían as súas follas levemente, anticipando a proximidade do río. Seguimos por estreitos sendeiros a nosa guía, escoitando xa os cantares do Ribeiro de Vilela, onde nos prometeran un máis que merecido mergullo. Cruzámo-lo por unha fermosa ponte de pedra, agochada no medio dunha vexetación exuberante, e comezamos a escrutar entre as pedras buscando unha poza axeitada ós nosos anhelos, a Ramón parecíalle ben a primeira, e Xacobe a piques estivo a decidirse por unha que só daba para mollar o cu, pero eu insistín e avanzamos un chisco máis, para chegar ó lugar perfecto.

Á beira do camiño atopamos unha piscina natural onde poder chapuzarnos todos xuntos, ou case, porque Ramón e Yuka seica tiñan celebración aparte, xa que estaban de aniversario, e Salo remollouse algo máis arriba, quizais facendo balance da véspera. Como sempre a Fani non lle importou compartir a poza cos tres eivadiños que restabamos, pois se sabe que esta moza naceu sen medo, aínda que a todos nos semellou que a auga estaba un algo fría. Como colofón tamén a Fani deunos a merenda: cereixas, melón e plátano que levaba na mochila.

Despois do mergullo, xa refrescados, conviñemos en apurar o paso, pois aínda nos restaba un bo anaco do trilho, máis a beleza dos prados e lameiros de Bostelinhos atrapounos, e a sección fotografía sucumbiu ó seu feitizo. A primavera estaba aquí máis presente que en calquera outro punto do recorrido, e unha auténtica sinfonía de cores nos acariñaba os ollos: as flores xurdindo entre a herba, as medas colmadas de palla, e catro nubes de algodón tinguindo a cúpula celeste. Sen dubida, un dos tramos máis agarimosos e máis fotografados da tarde.

Pero algo tarde xa era, e a nosa líder volveunos arengar cando cruzamos por segunda vez o Ribeiro de Vilela, por unha pontella de grandes laxes. Aquí comezamos un tortuoso ascenso, e volveron os calores e fíxose o silencio nas nosas filas para botar o resto polo camiño, non é que fora moito o desnivel, o que non había era moitas ganas de subir. Pero non quedaba outra, e non tardamos en chegar novamente a Vilela de Lajes, onde puidemos encher as nosas cantimploras e refrescarnos nunha fonte de auga cristalina. O pobo aínda conserva algunha construcción fermosa, pero non era o tempo de deterse, así que outra vez nos puxemos en marcha a trote cochinero.

Por camiños carreteiros enlamados, o carón de unha sucesión de socalcos, non tardamos en chegar a Boimo, o derradeiro núcleo rural que nos afastaba da Porta do Mezio, dende onde tiñamos unha panorámica parcial do noso itinerario. A miña patiña esquerda xa estaba a protestar, e para facerlle compaña o meu xeonllo dereito comezou a rosmar, e neses momentos volvía a maldecir a miña sorte, aínda que ver a Iolanda, que estivo boa parte do camiño na cabeza do pelotón, incluso ás veces escapada, e que non se queixou nin un chío, deume azos para continuar.

Atravesamos a estrada e fixemos os últimos quilómetros por unha carballeira fermosa, en medio das negociacións entre Alex e Fani para darlle acubillo á rapaza e o seu innamorato, e pasando a carón de antas, petroglifos e outros vestixios arqueolóxicos das xentes que habitaron aquí fai milenios, aínda que non tivemos moito tempo para contemplalos, pois había quen tiña presa por volver. Así que nada máis chegar á Porta do Mezio estiramos a presa, repartimos apertas e bicos e saímos fungando cara a metrópole.

Aínda rematamos nun chiringo de Teis, Alex, Iolanda, Fani e máis eu, en compaña da Criatura, a que lle dimos un pequeno avance desta historia que agora ledes. Cantámoslle o cumpreanos feliz a Ioli, que semellaba que cumpría anos ó revés, e só lle faltou algo doce para completala celebración. Quizais o camiño semellou un bo agasallo para ela.


Ficha técnica (xentileza de "Sudando Botas")

E171 Trilho das Brandas de Sistelo (Arcos de Valdevez)






Domingo, 30 de maio de 2010

Unha Eivadiña, sen máis.

Non sabendo moi ben como comezar esta crónica de domingo, imos deixar que o sentido se vaia pousando a modiño, e deixando tamén que as presas acouguen, as presas por non esquecerme de todo o que me gustaría dicir aquí.

Empezarei dicindo que a pateada de hoxe ía ser con Eivadiños, pero ó longo do día moitas veces acudiu ao meu pensamento a maneira de poder transmitir as diferentes sensacións que ían xurdindo en diferentes momentos do día. Podería concluír que hoxe saín a patear cuns amigos, con once amigos, contando comigo, doce camiñantes por terras de Sistelo.

E é que o tema non é tan doado de dixerir, porque me atopo con que hoxe saín con Eivadiños, con Sudando Botas, e se seguimos nesta liña, con Nómadas, representado por mín. Me atopo tamén considerando que quen é quen aquí, pois eu son Nómada, pero tamén son Eivadiña, e tamén Sudando Botas. Pero aí non queda a cousa!!, Sudando Botas tamén son Eivadiños, e Nómadas!!...., e Eivadiños tamén ten saído con Nómadas, e con Sudando Botas tamén..... Isto é unha liada ou imos deixalo simplemente en que son saídas entre amigos??. Eu prefiro esto último, e coma lle dixen aos meus amigos no xantar que compartimos, eu hoxe, era unha Eivadiña, coa fórmula Eivadiños, xantar e patear. E o sábado pasado era Sudando Botas, coa fórmula Sudando Botas, e ningunha destas dúas saídas contan para min coma dúas saídas Nómadas, pois Nómadas sae cando sae, cando hai convocatoria formal, se establece o día e acabamos compartindo camiños ata a seguinte vez.
Así que aclarado que hoxe saín con Eivadiños, sentíndome deste grupo, vou tentar plasmar a vivencia cos meus amiguiños o máis fidedignamente posible. Isto o digo cómo Salo, a que gusta de patear, a que prefire unha saída ao camiño antes que outros plans, a que adora compartir con alguén máis que ten a mesma afición, e aínda que Yuka e Ramón consideren que a saída de hoxe tamén foi de Sudando Botas, e ben que foi así pois eles foron hoxe os guías!!!, que me desculpen por favor se sigo a pensar que para min, hoxe, saín con Eivadiños, e que Yuka e Ramón, como membros de Eivadiños, guiaron esta rota polas marabillosas terras de Arcos de Valdevez.

Cooooomenzamos!!!!.

Punto de encontro : O Concheiro. Hora : 12,15. Aí estaba eu máis que puntual, coma sempre, se podo, un chisquiño antes da hora. Cinco minutos máis tarde chegaba Nacho na súa flamante e novísima moto. Falamos un rato mentres esperabamos e foron chegando Xacobe, Yuka, Ramón, Montse, Alex, Fani..... De Anxo, o noso capitán Eivadiño..., nin rastro!!!. Alex chamouno para vacilalo e preguntarlle por onde andaba...., cerca!!!, lle respostou o trasnoitador. Asomou un chisco máis tarde e fomos partindo ata o Stop para o noso xantar. Xurxo e Maca chamaron para dicir que nos sairían alí mesmo, e para cando chegou o coche de Anxo, traían a un Eivadiño retrasado, Panete. O bo de Anxo non tiña queixa hoxe da asistencia, nada menos que doce camiñantes dispostos a trocar un día de praia por unha pateada, aínda que polo ademán que fixo cando chegou ao Concheiro ao ver a tanta xente aí, medio amedrentado estaba, jajajaja!!!.... Iolanda quedou atrás, pois chamou ás doce do mediodía e aínda estaba en Vilagarcía, co cal xa non contabamos con ela.

Comemos as nosas doses de arroz malandro, agás os menos, que optaron por un menú máis lixeiro. E bebemos viño a tutiplen, Alex e máis eu, man a man, iamos deixando a copa baleira e xa nos ía saíndo a risa floxa, eu, nalgún intre, fixen o comentario de que nesa pateada acabaría bailando muiñeiras, cousa que fixo que a Alex tamén lle saíse a risa floxa, iso me contentou, xa non era eu a única que se estaba a tomar ese día con relax pateador. Anxo deixou en mans de Yuka e Ramón a decisión do destino. Non sei se lle acabou pesando, e non sei tamén se lles acabou pesando aos amigos de Sudando Botas, o caso é que a decisión foi ir a facer o roteiro das " Brandas de Sistelo ", e alí nos encamiñamos.

Cun Lorenzo de rigor, agasallando raios e calores a pracer, empezamos unha subida interminable, non levabamos nin dez minutos de pateada e todos estabamos a cagar masilla, suando coma porquiños e preguntándonos que por qué non comeríamos un prato máis lixeiro co arroz malandro. Yuka experimentou por primeira vez nas súas carnes o que significa levar a once impresentables polo camiño adiante, e non estou moi segura de que disfrutara do asunto. Todos protestamos canto quixemos, e aí cada quen pedía pola súa boquiña as preferencias propias. Ata eu, que son exploradora e guía, ese día non era máis que unha máis, e coma unha boa camiñante que se deixa levar, protestei polo calor, quería zona de baño, e en xeral, e agora que xa estou na casa, en frío e co corpo aseado e ceado, teño que admitir que os pobres de Yuka e Ramón, hoxe, teñen que estar a facer unha reflexión bastante completiña deste día, jajajaja...., queridos!!!, benvidos ao club que guía a unha cantidade considerable de xentiña. E os meus parabéns, porque a paciencia é unha virtude e vós fixéstedes bo uso dela hoxe.

Anxo estaba inmellorable, con forzas, subía esas costas de Sistelo co mesmo cansazo cos demais, iso significa sen impedimentos físicos máis que os naturais. Miguel levaba un coxo monte arriba imparable, aí amiguiño!!...., marcando un ritmo Eivadiño digno!!!, non imos meternos co feito de que cando lle preguntei que qué tal ía me respostou : esfurricado!!!, jajajaja; xunto con Nacho, que se resarcía da derradeira camiñada por esas terras, noutras condicións moi diferentes nesa travesía que fixeramos na ponte de San Xosé. Maca subía con decisión tamén, nada que ver ca dor de xeonllo que tiña na derradeira pateada Eivadiña no roteiro de Pía das Quatro Abades, co seu namorado Xurxo ao lado, compartindo co día o esplendor do seu amor. Fani...., Fani é un mundo aparte, la alegría de la huerta, sempre áxil aínda que hoxe, coma lle dixo Anxo, viña máis preparada para un día de praia que para un ascenso ós vales de Sistelo, houbo que equipala con calcetíns e emprestarlle un pano para protexer a cabeza, pero polo demais ela subía esas costas coma perico pola súa casiña. Alex, sobradísimo, o seu xeonllo non lle deu a lata ata ben pasada a tarde, e así, un por un, fomos quen de ascender as famosas costas de Sistelo, coa promesa de que ao chegar arriba nos esperaba un baño, nunhas pozas pequenas, si, pero para eses momentos xa a case ninguén lle importaba, aí o que realmente importaba era que tivesemos opción a refrescarnos.

Antes de chegar, paradiña xeral a carón dunha máis que xenerosa sombra. A verdade é que subiramos a un bo ritmo, sen paradas innecesarias, os que se adicaron a facer fotos o fixeron sen paradas demoradas e conseguimos ascender levando un ritmo constante. A menos de un quilómetro tiñamos as augas prometidas. E de verdade que as disfrutamos coma poucas veces. Según iamos chegando, non dando tempo para pensalo, de se as augas estaban frías ou quentes, aí o que importaba era mergullarse na frescura dunhas augas apaciguadoras das calores ferventes que cada quen levaba dentro de si, e un por un nos fomos espindo ata recoller esas bendicións en forma de líquido fresquiño. Coma dixo Anxo, ninfas e elfos no medio de natura, confundidos coas risas e os xogos, o agradecemento ao apaciguamento dun día excesivamente caloroso a carón de doces e benévolas augas. Aínda estivemos un bo rato disfrutando dese momento antes de converternos en camiñantes de novo. Tiñamos a promesa doutro baño, desta vez en pozas máis grandes, ao remate da pateada. Para cando chegamos a onde estaban esperando Yuka e Montse mentres disfrutabamos do baño, xa estabamos anegados de suor outra vez!!, que nos quiten lo bailao!!.

Momento de face-lo regreso, xa eran as seis da tarde. Un por un e todos xuntos fomos facendo descenso. No camiño, un encontro con outros camiñantes que subían facendo o mesmo percorrido que nós ao revés. Parada en Padrao para enche-las cantimploras na súa fonte deliciosa, eu aproveitei para darlle lustre a unhas cereixas que xa estaban recocidas na miña mochila e compartilas cos meus amigos. E seguimos descenso.

Houbo un momento na baixada na que nos perdemos, trabucámonos de cruce, e Yuka viu correndo a buscarnos para ter que volver a subir. Nacho se encargou de amolarme un pouco porque a culpa foi miña, que optei por esa baixada. Foi nese momento cando Ramón e Xacobe, que non se trabucaron, seguiron cara adiante pensando que os demais iamos na cabeceira do pelotón, pero non!!. Para ese tempo xa eran case as oito da tarde, e Anxo empezaba a amosarse nervioso pois tiña que entrar a traballar ás once, ducharse, cear..... Empezamos a apura-lo paso, máis lixeiriños, e chegados a estrada, Anxo e os que viñeran con el no coche decidiron ir hasta onde estaba aparcado pola estrada e non face-lo derradeiro tramo. Seguimos Yuka, Montse, Nacho e máis eu polo roteiro regulamentario. Ao chegar, Anxo e compañía xa marcharan, deixando a Xacobe en terra e perdido con Ramón. Pero como dixen, os perdidos eramos os outros e Ramón e Xacobe xa estaban a esperar por nós a carón dos coches. Tarde e sen o baño guai, alí se quedaban Ramón, Yuka, Nacho e Montse, mentres eu e Xacobe nos marchabamos de regreso con Maca e con Xurxo.

Inevitablemente....., tantos momentos que se quedan no tinteiro!!, momento carracho no pantalón de Miguel Panete, conversas xerais e particulares, silencios compartidos, chanzas do camiño, fotos de grupo pedindo baño cun sorriso, tropezóns varios, os invisibles lazos de unión que se van facendo pateada tras pateada, confianzas crecentes, proxectos de uns e de outros......, non chegarían as palabras nin os dedos veloces que puidesen captalo todo, todo e todo.......

Día singular o de hoxe, día para tódolos gustos e para toda-las cores e visións, tantas como xente eramos. É que claro, eramos doce!!, nin máis nin menos. Para Eivadiños e para Sudando Botas isto non é o máis habitual, tan afeitos ao petit comité. A min o día fíxome gracia, era coma se se sentisen estraños con tanto mogollón, dende logo non foi un día típico de saída Eivadiña nin tampouco de saída Sudando Botas. Pero encantada de haber compartido, unha vez máis, camiños bonitos, desta vez calorosos de máis, con amigos amantes do mesmo.

Unha máis no noso arquivo de vivencias conxuntas amiguiños. Que non nos falten!!.

Salo. Sol, 30-05-010.


E156 Trilho do Fojo da Cabrita (Arcos de Valdevez)



Descripción do percurso e mapa

Mércores, 6 de xaneiro de 2010

Na presentación da exposición do aniversario de Camiñantes, o Nacho, aquel que antes chamabamos Tesorito, a un comentario meu sobre a nostalxia que me espertaban todas aquelas imaxes de momentos tan ledos, que vivira coa intensidade do que esta a descubrir novos continentes, e que agora sinto como unha das etapas da miña vida nas que fun máis intensamente feliz, espetoume que non tiña senso insistir no pasado, que había que esquecer, que o importante era o presente.

E ¿que outra cousa e o presente senón unha sucesión de pasados?...

Penso que, aínda que xa sei que é unha opinión totalmente subxectiva, semella necesario conciliarse con tódolos pretéritos, coas xentes, situacións e lugares que nos tocaron sentir, sen renunciar a ningún, para que poidamos construír ese presente no que vivimos tan fugazmente, porque coa rapidez dun lostrego xa se transforma en pasado.


Semella que, as veces, as palabras teñen a súa propia maxia, porque estaba eu escribindo estas verbas, mesturando unha vez máis tempos pretéritos e presentes, cando recibín unha chamada de aquel que me arrincara esta reflexión. Sosteño que os afectos mudan, pero non caducan, e a pesar de atoparnos afastados nos últimos tempos aledeime sinceramente de volver a falar con este amigo, e con facer plans para compartir, unha vez máis, sendeiros e confidencias o día seguinte, que resultaba o derradeiro feriado do Nadal. ¡Este si que era un bo agasallo de reis!.

Máis só era unha parte porque, como tódolos agasallos, traía algunha sorpresa consigo. Eu xa ideara unha ascensión rápida ó Galiñeiro, pois a noite anterior enlamara e viña con tódolos efectos secundarios activos, pero cando cheguei ó Concheiro, o noso punto de encontro, ademais de Nacho agardábanme Montse, Ramón e Yuka. E, para completar o presente, os magos do Casal de Sistelo ofrecéronme levarme máis ala dos territorios que xa coñecía do Pequeno Nepal. Apertas, bicos e... ala vamos.

Semella que, ás veces, as palabras teñen o efecto de adelgazar o tempo, e foi así como a viaxe ata o val do Vez se me antollou curtísima. E baixo un ceo primaveral cruzamos o corazón de este reino agochado, e fomos máis alá, cara as terras incógnitas, aínda que só para min, do val do Ramiscal. As informacións que tiña sobre estes territorios eran poucas, máis xa tiñan espertado o meu interese, aínda que consideraba que estaban afastadas de máis para as convocatorias eivadiñas. O certo é que non hai moita distancia entre Sistelo e Lombadinha, o noso punto de partida, e que o traxecto ata alí é dunha fermosura desbordante.

Deixamos o noso coche ó carón da antiga escola de Lombadinha, que semella que fai tempo que non escoita os berros e sorrisos dos cativos, tamén aquí, ó outro lado do Miño os desertores do arado levaron consigo a semente que asegura a continuidade destas poboacións montañesas.

Ramón guíanos con decisión por un camiño de pedra onde a constante é a fenda das rodas dos carros que durante séculos fixeron o traxecto entre os campos afastados das brandas e a aldea, á que damos as costas mentres miramos de esguello un mosaico de pequenas parcelas e casas de tellado, en moitos casos, de uralitas oxidadas. Bovinos da brava raza barrosâ, corpos pequenos e grandes cornamentas apuntando ó ceo, chíscannos un ollo antes de volver ó seu pacer monótono.

Pouco a pouco o pobo esvaece, e as liñas das montañas se superpoñen ata máis alá do horizonte, o Nacho tírame da lingua para que lle confese os meus pecados, como nos tempos primixenios, aínda que ultimamente non peque máis que contra min mesmo, intentando desactivar fantasmas ou pola miña tendencia natural a camiñar polo lado máis salvaxe. Pola contra camiñamos aquí por pequenas carballeiras onda a follasca e o brión parecen dispostas por un pintor dotado cunha paleta de gamas infinitas.

A pesares de que se suceden as alternativas no camiño, o noso guía non dubida nin un só instante, e fainos ascender ata unha chaira onde bule unha intensa actividade. Unha grea de cabalos sube monte arriba, mentres permanece un rabaño de ovellas baixo a mirada atenta dunha parella de pastores, e mentres nós tomamos posicións sobre uns penedos para dar conta das nosas provisións, tamén aparece un home dacabalo, seguido por un can da nobre raza do Leboreiro. Disfrutamos da paisaxe e das tortillas e empanadas que trouxemos de Puxeiros, que están a converterse nun clásico nas nosas saídas.

Unha vez repostas as forzas pómonos outra vez en marcha, pois o ceo cubriuse de súpeto e ninguén ten gañas de mollarse, e ademais levantouse un aire fresco que varreu toda a chaira. Pasamos ó carón dun par de cardenhas, o que sinalan a posibilidade de que aquí se atopase unha branda de gando, aínda que nada diso sinale o mapa que celosamente manexa Yuka. E, como nota curiosa, tamén atopamos no camiño o corpo inerte dunha musaraña, o mamífero máis pequeno do mundo, que semella morto de frío. Non me estraña, porque aquí deben de baixar a cachón as temperaturas pola noite.

A case novecentos metros de altitude acadamos a nosa máxima cota, e ademais un dos maiores atractivos da ruta: o fojo da cabrita. Tratase dunha estructura amurallada circular, feita de cachotes de granito, e según o arqueólogo Pérez López, que leva documentado dous centenares de foxos, era chamado así porque no centro se colocaba unha cabra como cebo para o lobo que era atraído ó interior dun foso de pedra cuxos muros, de dous metros de altura, eran fáciles de saltar para entrar pero non para saír pois tiñan unha pequena cuberta ou "aba" que llo impedía.

Neste punto enlazamos con un sendeiro de gran recorrido, e seguimos as marcas brancas e vermellas que, as veces, se superpoñen a grandes mariolas de ata un metro de altura. Tamén atopamos, cousa insólita para este cronista, dunha lápida no medio dunha chaira, e aínda que nos esforzamos en descifrar as inscricións que ten baixo a cruz nos somos quen de facelo, debido a erosión que os elementos causaron na pedra.

Pouco máis adiante atopamos unha presa que recolle as augas que xorden, como por arte de maxia, nestas alturas que semellan desoladas, e onde a vexetación non chega a cubrir as botas. Dende aquí temos unha boa visión da aldea de Lordelo, ó outro lado do Val do Ramiscal, que semella un pequeno reino perdido entre a inmensidade das montañas que nos rodean. Non deixo de sorprenderme co coñecemento que os amigos do Casal de Sistelo teñen dos seus dominios e como, a poucos, van ampliando os seus horizontes, e alédome de que teñan a ben compartilos comigo.

Moi preto da presa atopase unha branda de gando, cun feixe de cardenhas e currais onde se protexía a fazenda, composta por cabras e ovellas, de calquera ataque furtivo dos lobos, e que agora, como a práctica totalidade destes emprazamentos, atopase en desuso. Seméllame que debían de ser moi duras as condicións de vida dos pastores que ficaban aquí, facendo o “giro”, nunha sorte de quendas que se sucedían na época estival.

Dende a branda iniciamos un abrupto descenso, cara a pobo de Alvear, que vemos dende aquí a vista de paxaro, e aproveitando unha atalaia natural sobre o canón do río Ramiscal, que fende as montañas debuxando fermosos meandros, Yuka sorpréndenos sacando da súa mochila un termo de té e un bo anaco de bolo rei ¡o momento máis doce do día!. O certo é que a intendencia mellora sempre que facemos o camiño na súa compaña.

Animados por este aporte enerxético non tardamos en chegar ó camiño que vai en dirección a Alvear, e deixamos de sortear carrascos e toxos, pisando un firme empedrado por onde é visible aínda o sinal do paso dos carros. Separados por valados de cachote multiplícanse as veigas onde pacen un feixe de cachenas que lle dan ese típico aire bucólico e pastoril. A panorámica que temos na aproximación ó núcleo rural permítenos descubrir as semellanzas con Sistelo, xa que tamén se atopa encravada nun outeiro baixo o cal se derraman un feixe de campos dispostos en socalcos.

Un pouco antes de chegar á aldea montañesa damos un brusco xiro e afrontamos un forte desnivel para enlazar outro camiño carreteiro ¡que habilidade para enlazalos ten o noso Ramón!, que nos leva na procura de completalo noso círculo. Non tardamos moito en acadar enorme casal, quizais habilitado para o turismo rural, e dende aquí acedemos á estrada que leva á aldea de Lombadinha, aínda que desbotemos un bo tramo de asfalto polos camiños do PRG que sae do mesmo punto da nosa partida, pero en dirección contraria.

Así chegamos, cando o sol estaba a agocharse tralas montañas, a este pobo que, dende agora, incorporamos ó imaxinario de Eivadiños, grazas os que tiveron a ben mostrarnos os seus camiños. Non ha de pasar moito tempo en que volvamos insistir neles... ...

E154 Trilho de Tibo (Arcos de Valdevez)




Domingo, 27 de decembro de 2009

Os meus ollos estaban famentos deses rabos de nube que se espallaran polas serras arraianas e que albiscara dende o alto dos Padrosos no retorno do Nadal da miña aldea de Abellás, pese a que a primeira montaña do meu imaxinario particular, o Penagache, recibira máis sarabia que folepas. Mesmo o día anterior, no transcurso da magnifica ruta que fixera cos Nómadas polas fragas do Morrazo, comprobara dende a cruz de Érmelo que, aínda que se incrementaran as temperaturas, resistía unha ampla liña branca perfilando os cumios da Peneda e do Soajo.

Así que unha vez máis conseguín contaxiar o meu soño a un feixe de eivadiños, e vencer o sono que aínda persistía nas súas pálpebras, porque desta non era eu o que viña cos síndromes típicos, xa que me deitara a unha hora prudente, senón Patri e Isabel, que estiveran de troula ata máis ala do que aconsellable polo adianto horario da convocatoria. Xacobe e Fany, algo máis descansados, completaban a expedición na procura dun algo de neve que nos dera, polo menos, para facer un monicreque e tirar unhas bolas.

Outra vez recalamos en Puxeiros, que está a converterse nun clásico, para aprovisionarnos de tortilla e empanada, e tamén para almorzar, xa que poucos eramos os que tomaramos un café na casa. E dende alí collemos rumbo cara a fronteira, onde o Xaco (querémolo igual) deu por coller o itinerario máis longo, o da autoestrada que vai cara as serras da Arga e Amarela e, aínda que dando unha volta fenomenal, cara o Soajo, e dende alí, a Peneda, onde tiñamos previsto facer a ruta que sube cara a lagoa.

O chegar o miradoiro de Tibo fixemos unha parada precipitada, xa que Isabel viña un algo mareada polas sucesión de curvas, e constatamos que nas montañas que nos arrodeaban non había máis rastro que nuns cumios afastados, probablemente preto de Pitoes das Junias, e que convíñanos pornos a andar o máis pronto posible. Así foi como mudamos o trilho da Peneda polo de Tibo, que tiña gravado na memoria por habelo feito no mes de xullo con Zalo e Georgia.

Deixamos alí mesmo o vehículo e baixamos cara o río Leboreiro, que ollabamos ó lonxe enchendo o vaso do encoro de Lindoso, internándonos nunha paisaxe que espertou exclamacións de admiración en tódolos que descoñecían a existencia deste anaquiño do paraíso, que non ten nada que envexar as que se poden contemplar en Pirineos. Tanto era así que tiven que botar un par de berros para imprimir un bo ritmo dende o comenzo, xa que tiñamos as horas de luz xustas para completala ruta que deseñara o de Paramos.

Nun primeiro momento tiven algunhas dificultades para atopar o camiño, pero de seguida me orientei e descendemos polas abas da serra, sorteando algúns regueiros e tramos anegados onde o Xacobe puña a proba a súa patiña, aínda non moi convencida da empresa que tiña por diante. O certo é que o camiño, que as veces desaparecía no medio dunha vexetación exuberante, tiña o firme bastante irregular, e había que estremar as precaucións para non mancarse.

Chegamos sen novidade á aldea de Varzia, afastada do mundo e onde o tempo parecía detido, aínda que non para nós que loitabamos contra o tempo, e nos detivemos o imprescindible para tirarlle un par de fotos os curiosos peches deste lugar: portas de coche ou de neveira, aquí o dos somieres xa pasou de moda. Os campos dispostos en socalcos, as viñas cubrindo os camiños empedrados, os soutos e as carballeiras, dispoñen unha paisaxe máxica, acentuada pola proximidade do rabo do encoro de Lindoso, que fai a ilusión dun río de entidade semellante o noso Minho.

Enlazamos aquí co GR que conecta o Soajo coa Peneda, e avanzamos pola beira do Leboreiro, a montante, por un sendeiro fermosísimo, que nos ofrece as panorámicas máis impresionantes do itinerario. Pero non todo foi un camiño de rousas, xa que tivemos algún momento perigoso cruzando un ribeiro que tributaba no encoro, e mesmo Isabel tivo un pequeno accidente e caeu de cu nunha rocha mollada. Non se mancou pero tivo que facer o resto do traxecto ca roupa enchoupada.

De tódolos xeitos este resultou sen dubida o treito máis amable, xa que ás vistas espectaculares do río, uns metros baixo os nosos pés, e das montañas que se inzan sobre el, as da outra beira xa no territorio da Galiza, hai que sumarlle o suave desnivel e a temperatura agradable. Tanto foi así que decidimos facer unha parada sobre un penedo e dar conta das provisións que colleramos en Puxeiros: empanada e tortilla, que xa vai facendo tradición, e tamén probamos as lentellas que preparara na véspera Fany.

Con forzas renovadas retomamos o camiño e non tardamos en chegar a Mestura das augas, onde converxen os ríos Leboreiro e Peneda, para avanzar a montante por este último. Aquí comezamos un ascenso suave, co río ruxindo nunha sucesión de saltos de auga nos que se alternaba a escuma nívea coa esmeralda dos remansos.

Tivemos que loitar contra as silveiras que penduraban nalgunhas partes do camiño, e menos mal que diante levabamos unha brigada forestal experta nas labouras de desbroce, cruzamos un feixe de regueiros que anegaban o camiño e pasamos ó carón de muros vestidos con espesas capas de musgo, e nun paso angosto, un chisco despois de que comezara a chover, atopamos un feixe de barrosas que facían unha barreira estática que non había xeito de atravesar.

Despois de varios intentos para que as vacas tiraran para adiante ou para atrás, Patri e Fany inzáronse ó muro e lograron partir en dúas a manada, xogándose o tipo fronte ás enormes cornamentas, e xuntos, mulleres, homes e bestas, fixemos o derradeiro tramo que nos separaba do pobo de Tibo, no corazón do val da Peneda.

Aquí quedaron Isabel e Patri, alertadas do enorme desnivel que tiñamos que sortear na última etapa para chegar ata o coche. E partimos o resto a “ritmo eivadiño”, escalando pola aba da montaña por un estreito sendeiro que, conforme gañabamos altura, nos daba unhas boas panorámicas da aldea e do canon polo que avanza o río da Peneda para sumar as súas augas o Leboreiro.

A chuvia se intensificou nos últimos quilómetros, nunha costa infame que puxo a proba a recuperación da patiña Xacobe e que a min deixoume algo mancado do xeonllo, aínda que non detivo o ritmo dos tres eivadiños que fixeron unha subida épica, impecable... bo, non tanto, xa que preto da estrada tivemos que sortear un monte de merda de vaca que traspasara o cercado dunha granxa e anegara parte do camiño.

Rematou aquí a nosa ruta, que nos levou unhas cinco horas a bo ritmo, e para celebralo o Xacobe lle ensinou o cu a uns seareiros mentres mudaba a roupa mollada. Recollemos ás rapazas e emprendemos o retorno á metrópole, sen máis anécdota que as moitas veces que o noso Industrial se perdeu no medio da noite arraiana, aínda que a culpa, como sempre, a tiña eu, por ir medio adurmiñado entre os novos fichaxes do noso grupo. Pois será...

E153 Trilho das brandas (Arcos de Valdevez)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS





Descripción do percurso e mapa

Domingo, 20 de decembro de 2009

Exactamente pasou un ano e un día dende que un feixe de aguerridos eivadiños ascenderamos á Serra do Soajo na procura das pegadas dos lobos arraianos, ou máis exactamente das primeiras neves dun inverno no que moitas cousas estaban por mudar, iniciándose outro deses ciclos vitais que nunca rematan, pois é sabido que a espiral é o destino das nosas existencias, as veces semella que estamos outra vez no punto de partida, máis so é unha ilusión pois nin tan sequera nós somos os mesmos.

Daqueles que chegamos ó lugar de Rouças, na freguesía de Gavieira, enclavado no corazón do parque natural de Peneda-Gêres, naquela ocasión, e con idénticos obxectivos, só repetíamos Miguel e máis eu, insistindo nesa teima dos tres últimos anos. Georgia e Xaime, aínda que non son moi partidarios de adiantar en dúas horas a nosa convocatoria, viñan animados polas prediccións meteorolóxicas, que daban a posibilidade dunha nevarada. E tamén alentadas co feitizo das montañas brancas viñan Fany, Cari e Bego. Un alento fresco o que traen estas mozas ó noso grupo e que fainos presaxiar unha boa semente de pegadas, sorrisos e palabras para o ano que comeza.

Polas estreitas rúas da inverneira subimos ó carón do río Grande, que tributa as súas augas o da Peneda, que da nome a todo o val, comezando un tortuoso ascenso que ía por a proba ós novatos e ós veteranos, xa que dende os primeiros metros do camiño carreteiro que zigzaguea cara á serra tivemos que extremar as precaucións polas abundantes capas de xeo que cubrían amplas zonas do mesmo.

Como compensación a este esforzo estaban as marabillosas panorámicas do val que acadabamos na subida, e a calidez dun ceo azul que recortaba as montañas das serras do Soajo e da Peneda e que axudaba a combater as baixas temperaturas que solidificaran a auga sobre as pedras. O Miguel impuxo, unha vez máis, o ritmo eivadiño, e dende as primeiras costas Georgia quixo demostrar que xa levaba un bo feixe de saídas na mochila, e seguiu o seu rebufo. O resto do grupo seguimos con decisión ¡non había outra! sorteando as placas de xeo que, especialmente nas zonas sombrías, puñan en apretos a máis de un.

Embutidos nas nosa roupas e calzados hidrófugos contrastabamos fortemente cunha vella arraiana que baixaba polo monte enloitada e con botas de goma, chimpado tras dunha vaca a que chamaba Mimosa. Eu xa advertira no inicio da ruta que non quería mimos no monte, e ninguén chistou máis da conta quizais porque o desnivel que tiñamos que sortear non lles permitía abrir a boca máis que para mandarlle unha trabada o aire xeado que viña dos cumios máis pretos.

Así dimos en chegar a pista que ven de Gavieira, onde o terreo perde verticalide, e na que media ducia de tenreiras de raza barrosa nos franqueaban a entrada na branda de Gorbelas. Xaime fixo un amago de tourealas, pero nin coa axuda da súa chaqueta vermella conseguiu que se lle acercaran. Durante xeracións, este pequeno poboado só estaba ocupado durante a estación estival, cando as xentes de Rouças subían co gando, familia e ata mobles, en busca de pastos máis frescos.

Era cousa habitual nesta zona que os seus habitantes dispuxeran de dúas vivendas: unha para os meses máis quentes, nas brandas da montaña, e outra para os máis fríos, nas inverneiras do val. E aínda persiste, aínda que minguada, esta tradición, a pesares de que moitas brandas acabaron por converterse en poboacións estables.

Atravesamos a branda admirando a peculiaridade dunha arquitectura arcaica, onde parece que se parou o reloxo da historia, e un par de vellas asoman ás fiestras con curiosidade, mentres inzamos un balbordo de cans do Leboreiro, raza fera de pastores que é quen de enfrontarse ó lobo. Os nosos bandullos ouvean como en noite de lúa chea, e decidimos facer un alto no camiño á saída da branda, nun lugar soleado onde damos conta das tortillas e da empanada que trouxemos de Puxeiros.

Con forzas renovadas reemprendemos a marcha acometendo un forte desnivel por un estreito camiño de laxas que se abre entre o penedío no que temos que estremar as precaucións, xa que o xeo cubre zonas cada vez máis amplas. Gorbelas vaise facendo cada vez máis pequeno e non tardamos en ver a branda a vista de paxaro, pouco antes de chegar ó Poulo da Seida. Este lugar é unha vella e abandonada branda de gando, esquecida no tempo e na memoria, a cal permitía unha pernocta máis segura ós pastores e os rabaños, para protexerse do frío da noite e da ameaza dos depredadores.

So nos resta un pequeno esforzo máis e xa estamos no Couto da Redonda, a 1268 metros de altitude, onde comezamos a seguir a liña dun dos muros do Fojo do Lobo, unha estructura singular onde se acurralaban e se daba caza a estes mamíferos que chegaron a atoparse en perigo de extinción. A calivera dunha vaca testemuña que non foi así nesta zona, e na baixada unha velliña nos confirmará que aínda andan algúns exemplares vagando ceibes por esta serra.

O Xaime escoita aquí os ouveos dos seus afíns, e unha vez no foxo trátase de imaxinar, coma todos nos, o sufrimento destes animais unha vez que caían na trampa. O resto do grupo non se atreve, nin tan sequera, a inzarse ós muros gastados polo paso do tempo, pois xa teñen dabondo con sortear as laxas xeadas do camiño.

Aquí remata o sendeiro, e ó tratarse dunha ruta lineal teríamos que facer a volta polo mesmo itinerario de subida, pero decidimos, como fai un ano, baixar cara a branda de Gorbelas directamente dende o foxo. O desnivel que sorteamos é importante e polo menos teño constancia dunha caída, a de Fany, aínda que despois me contan que Bego tamén deu co cu no chan.

Pese a estes contratempos e as queixas de Georgia, que confía pouco na capacidade de improvisación do guía, chegamos a un camiño carreteiro que, sorteando un mosaico de campos cubertos por unha fina capa de xeada, condúcenos con rapidez á branda, aforrándonos un bo treito de camiño. As temperaturas baixan co descenso do sol, e o descenso cara o val multiplica o tormento da subida, pero as tropas eivadiñas aguantaron ben o tipo, sen que cundira o desánimo cando vimos a unha vellas choutar con rapidez polas pedras e charcos que nós sorteabamos con extrema precaución.

Chegamos a Rouças xa cando as tebras comezaban a cubrir o val da Peneda, xa cun alento de neve, e para rematar tomamos uns cafés na taberna, onde asistimos a toda unha declaración de intención dos seareiros que alí se atopaban. Por unha parte dicían que nin por un milleiro de ouros subirían ata o foxo en tal día coma este, de seguro por tódalas veces que por forza tiveran que ir co gando cara os pastos que se atopan o abrigo do alto da Pedrada, e doutra fixeron afirmación da súa pertenza á raza galaica, orgulloso que os lusos de alén do Douro se refiran a eles coma “os galegos”.

E así, coa lembranza de esa Gallaecia que aínda perdura no subconsciente dos que quedamos a un e a outro lado da fronteira, emprendemos o regreso á metrópole, máis sabendo que é unha despedida provisoria, xa que moi pronto, xa no próximo ano, volveremos a estas terras que sentimos como nosas.


E144 Máis alá das brandas de Sistelo (Arcos de Valdevez)





Martes, 29 de setembro de 2009

Durante un feixe de anos estiven soñando un territorio sementado de lendas, un val agochado entre montañas onde os homes deseñaran estrañas xeometrías, onde aínda as bestas pacían salvaxes alleas ó paso incesante dalgúns intrépidos que se aventuraban a adentrarse en camiños e fragas milenarias. Unha vez albisquei ese soño dende o camiño dos mortos, e sentinme tan preto del que pensei que o arrecendo dos toxos que me rodeaban estábanme a secretear o rumbo cara esas terras enfeitizadas.

Non sabía o preto que estaba entón da Porta de Alvite, a derradeira fronteira que atravesar antes de ingresar nese marabilloso mundo que deron en chamar “o pequeno Nepal”. Daquela vez estaban comigo o Ramón e o Zalo, que habían de ser os meus iniciadores nas congostras do val do Vez, e despois de tanto tempo soñando guiáronme por elas con tan bo acerto que non puiden menos que namorarme de todo o entorno de Sistelo, a capital deste reino.

Tanto tempo agardando e neste mes xa era a miña terceira incursión na zona, tamén esta vez das mans de Ramón e de Yuka, que xa case poden herdar o título de vizcondes do Vez, e que están preto de coñecer cada recuncho da escarpada orografía desta réplica do sudoeste asiático. Máis desta vez non saímos, como nas anteriores, do seu centro neurálxico, senón algo máis arriba, do pequeno pobo de Padraô, onde deixamos o coche á carón das tapias do seu cativo cemiterio.

Ía calor dabondo para estar a piques de entrar no mes de outubro, e por iso botamos protector solar, collemos a toalla, e cargamos con boas provisións de auga. Deseguida démoslles as costas ó val e comezamos a ascender por un camiño carreteiro que zigzagueaba cara o ceo.

Eu, para non achicarme, a pesares de que aínda estaba arrefriado e dos efectos secundarios do concerto de Dar Baird & Homenade Sin (ex compoñentes dos Georgia Satellites), imprimín dende o primeiro momento o “ritmo eivadiño”, pese a que Ramón me advertira que nesta xornada era moito o que tiñamos que subir.

Seguindo o camiño das brandas non tardamos moito en chegar á primeira delas, a do Alhal, a 740 metros de altitude, á que se acede por unha estrada empedrada que a fai accesible incluso para vehículos a motor. A robustez, a cantidade e a boa conservación da maioría das súas casas, fai deste enclave montañés un centro importante na economía rural do val de Vez, e deixando constancia deste feito atopamos unha grande cantidade de gando diseminado polos seus campos.

Atravésavo-la branda e a piques do seu remate, tomamos un camiño á dereita, e despois de atravesar as Corgas de Lourenço e Saramanqueira entramos nunha fraga salazarista, como ben apunta Ramón, un deses sitios que de tan bonitos importa pouco se son autóctonos ou invasores. Tsugas, bidueiros, abetos, carballos e salgueiros mestúranse nesta mancha forestal, na que nos invaden as lembranzas dos primeiros eivadiños, os eternos ausentes destas xornadas de pegadas e palabras.

Tras atravesar este bosque enfeitizado achegámonos a branda do Río Covo, que se atopa nun estado de total abandono, e mesmo algunhas das súas cardenhas están agochadas entre as silveiras e os toxos. Non sei moi ben porque motivo está sinalizado tan notablemente no mapa topográfico e mesmo cunha grande sinal na entrada de Sistelo, pero espero que algún día se resolva o misterio.

Porque aínda se me presentan máis dubidas ó abandonar o trilho das brandas, e continuar por un camiño empedrado que baixa ata un regato, que non se chama Covo, senón Corga das Cavadas. Sexa como for pensamos que non era momento de resolver o enigma, e dimos por mergullarnos nunha pequena poza que hai á carón da senlleira pontella que o cruza.

Desta vez bañámonos o grupo ó completo, e unha vez refrescado volvemos ascender cara a seguinte braña, a do Baragal, ata onde nos guiaban unha sucesión de mariolas. Neste enclave sérrano, tamén en desuso, decidimos dar boa conta das nosas provisións, e repartímonos a tortilla baixo a sombra dun carballo, onde puxemos a secar as camisetas enchoupadas de suor.

Coa roupa seca e o bandullo cheo continuamos a ascensión enlazando estreitísimos pasos abertos entre os toxos e os fentos polo gando, sen máis referencias que as que Ramón gravara no seu disco duro: árbore seco, xestas altas, regueiro, penedo. Deseguro que non volvería atopar a dirección correcta eu só. Sempre cara arriba, atravesamos un outeiro pedregoso por unha portela onde fan garda un feixe de vacas de grandes cornamentas, máis ou menos (interpretando o noso mapa) polo lugar chamado Esganadinha.

O Ramón mirábame de esguello pensando que, dun momento a outro, ía pedir papas, pero a pesar do arrefriado sentíame campión nas subidas, e non me importaba seguir subindo ata onde fora. Cando chegamos á branda de Lamelas xa superábamos os mil metros de altitude, un desnivel considerable se temos en conta que Padraô está a so cincocentos sobre o nivel do mar, é ademais de senlleiras cardenhas atopamos alí enormes túmulos de pedra sinalando o cumio. As vistas sobre as serras que rodean Sistelo eran realmente asombrosas dende alí, e sentámonos un rato para descansar e admiralas.

Antes de retomar o camiño recollín a calivera dun cabalo que conservaba intacta toda a dentadura, e decidín adoptala como mascota dos Eivadiños.

Mentres Ramón e Yuka valoraban se seguir subindo o comezar o descenso. O final quedamos en baixar, aínda que tampouco era tan sinxelo, porque tiñamos que dar un gran rodeo para facelo. Tivemos que buscar un sitio axeitado para cruzar varias corgas, a máis importante a de Beai, que baixan ó encontro do Vez, para engrosar o seu caudal, e intentar manter a cota de altitude ata atopar o sitio máis axeitado para descender.

Os meus amigos do Casal de Sistelo, que xa teñen bastante experiencia na zona, non tardaron en dar co camiño que nos ía levar cara a branda do Arieiro, da que tivemos unha boa panorámica aérea para constatar a súa importancia, xa que parecía en bo uso, un mosaico de campos delimitados por valados ou por árbores e un bo feixe de construccións, a meirande parte delas en boas condicións de uso. Cara ala baixamos a escacha pexegueiros, ata dar cun camiño empedrado polo que se accedía á branda.

Ó chegar o camiño tiñamos dúas alternativas, unha delas seguir subindo máis ala do Arieiro, e outra descender cara o Alhal, e despois de botar contas das horas que levabamos invertidas na andaina e as que nos restaban decantámonos por atender ós razoamentos de Yuka e seguir descendendo cara a nosa primeira e derradeira branda, para completar o círculo e, dende aquí, continuar ata Padraô.

A bo ritmo fomos descontando metros de altitude por un camiño carreteiro que non ofrecía dubida algunha, pasando polo Chá de Alhinha e cruzando en dúas ocasións a corga do Porto Novo, e sen máis novidades que na segunda vez, xa baixando a Costa do Menjoeiro, preto da branda de Alhal a Ramón se lle antollou tomar un aire para mergullarse nunha poza que, segundo el, pagaba a pena, pero non logrou convencernos nin a Yuka nin a min.

En troques decidimos apurar o paso para chegar canto antes a Padraô, e facer en coche a distancia que nos separaba de Porta Cova, para baixar ó río do mesmo nome, onde xa me mergullara na miña primeira visita ó pequeno Nepal con Zalo e Salomé. E así o fixemos, despois de ter feito máis de seis horas de pateada, nunha desas xornadas que me animan a continuar con esta teima dos Eivadiños.

Bañámonos baixo a ponte nunhas augas fresquiñas de máis para a hora que era, xa que o sol estaba xa agochado, definitivamente, entre as nubes e pouco lle restaba para desaparecer entre as montañas.

Aínda nos quedou tempo, no camiño de volta, para tomar un café cun feixe de lambetadas na praza de Monçao, e despois para cear no Eido Vello, onde comemos todo o que nos puxeron no prato, e máis se houbera.

So me resta agradecerlle ós meus anfitrións o haber deseñado unha ruta tan interesante para este día, por compartila comigo e, por si fora pouco, por facerme un mapa polo que guiarme nesta crónica. Grazas, meus queridiños.

E143 Trilho do río do Couço (Arcos de Valdevez)





Domingo, 27 de setembro de 2009

Onte foi un deses días nos que me apetecía renderme á preguiza, recuperarme dos excesos da noitiña, que foron algúns, e dos síntomas do arrefriado que persistían. Non tiña nin idea de onde dirixir os meus pasos, e os daqueles que, non sei moi ben por que estraño motivo, persisten en seguirme: os meus fieis, como o Migueliño, con quen quedara na véspera. Pero nestas soou o teléfono e me arrincou dos brazos de Morfeo, que adquirira nesta ocasión a semellanza dunha moreniña agarimosa que tentaba, medio en broma, de que non o collera.

Ó outro lado do satélite escoitei a voz doutro coleccionista de carreiros, un destes incansables descubridores de sendeiros que se agochan baixo as curvas de nivel, e as súas propostas soaron na dirección axeitada: ¡Por fin Ramón e Yuka ía descubrirme os mellores segredos de Sistelo!. Así que chimpei da cama e detrás miña, outra vez dicindo que non pero si, viu a moreniña coa curiosidade de internarse nesa terra misteriosa que algún día, afortunadamente, alguén nomeou como o “Pequeno Nepal”.

Os amigos do Casal de Sistelo resolvéronme a papeleta de ter que improvisar xantar e ruta, e non fixo falta que me convenceran para parar en Puxeiros e aprovisionarnos alí de tortilla de patacas e filetes empanados para gañar tempo e buscar novas fórmulas para engadir ás nosas tradicións. E con estas saímos cara o Val do Vez, nunha desas mañás onde o verán parecía que non ía rematar.

Ó chegar á Porta de Alvite, fronteira natural do Pequeno Nepal, boteille unha mirada de esguello a Georgia, e mirei esa sucesión de campos dispostos en socalcos, tinguindo de esmeralda a súa pupila, e sentín que xa tiñamos o día gañado. Tamén Miguel, para quen era a súa primeira vez, tiña os ollos soñadores cando chegamos a Sistelo, e non fixo falta preguntarlle para saber que xa o tiña sumado o seu imaxinario particular.

Atravesamos a parte alta do pobo, entre estreitas rúas á sombra das parras inzadas de acios de uva tinta, e enchemos as nosas cantimploras coa previsión de que o sol seguira arreando os derradeiros lóstregos do verán. Esto nos levou a que, unha vez que saímos do núcleo rural por un camiño carreteiro, non tardaramos nada en buscar un sitio a sombra onde xantar e refrescarnos.

O lugar elixido foi nas beiras do río do Outeiro, onde dimos conta da tortilla, dos filetes e o Miguel máis eu démonos unha breve mergullada para refrescar os coiros. Apetecía botar unha boa sesta debaixo dun carballo, pero como somos aguerridos de máis onde nos botamos foi ó camiño, que ascendía por unha calzada empedrada por onde eran visibles as marcas do GR que conectaba Sistelo e Soajo. Marcouse outra vez o ritmo eivadiño, e houbo quen fixo a promesa de non volver se o Ramón facía outra vez de guía, aínda que coa intención soterrada de rompela.

Antes de completa-la ascensión decidimos combater outra vez os rigores do calor no río do Couço, que sentiamos cada vez máis preto, xa que o camiño discorría paralelo a el, e despois de cruzar unha senlleira pontella o sector masculino volveu espirse e probar as frescas augas do afluente do Vez. Esto deunos novos alentos para volver ó camiño e, despois dun breve treito de costa, chegar ó lugar de Poços, onde atopamos os restos dalgunha construcción, seguramente por atoparse alí algunha branda que facía anos que estaba en desuso.

Xa fora do itinerario marcado polo GR, avanzamos entre xestas, toxos e algunha silveira, e todas foron buscando as pernas de Georgia, que era a única que levaba pantalón corto, mentres Ramón guiaba con firmeza e Yuka dáballe voltas ó mapa por se o seu home se equivocaba. Eu, pola miña parte, aproveitei para retratar a fauna local, dende as vacas barrosás ata as arañas que tecían as súas redes entre o monte baixo.
Comezamos o descenso, con ánimo de pechar un círculo que deseñaran os amigos do Casal, e chegamos a Boucinhas, onde fixemos unha improvisada sesión fotografía cos grandes cornos que atopamos na porta dun alboio, nunha finca na que entramos a curiosear. Magoa que non me deixaron traelos para casa, porque eran os axeitados para facer un casco viquingo.

Alí papamos tamén o Miguel e máis eu uns filetes empanados que sobraran do xantar, e fixemos unha pequena parada antes de completar a baixada. Esta discorreu por un camiño carreteiro no que se vían as profundas fendas deixadas polo tránsito agora esmorecido. Con man firme Ramón guiounos por esta calzada empedrada ata conectar outra vez co Río do Outeiro, preto de onde nos mergullaramos pola mañan.

Aproveitei a luz do atardecer para quitar unhas panorámicas de Sistelo, mentres os meus amigos apuraban o paso para refrescarse no bar. E alí rematamos tomándolle unhas cervexas ou unhas colas, que xente pervertida hai en tódolos lados, e despedímonos ata outra.

Georgia e este que cronista tiveron que partir, cada quen cas súas obrigas, e o resto do grupo quedaron a darse o derradeiro baño no río Vez, para darnos envexa. Detivémonos un chisco antes de chegar a Porta de Alvite, para encher os ollos coa visión impresionante do Pequeno Nepal, non íamos tardar moito en volver...

E140 Polas escarpas do Vez (Arcos de Valdevez)





Domingo 06-09-09.

En qué demos andaba pensando eu cando lle aceptei ó Anxo isto de facer a crónica desta saída de Evadiños tan especial?. Solo podo dicir ó meu favor que son unha desas que lle custa moito dicir que non ós amigos e por Anxo sinto unha afinidade especialmente condescendente, será por esa maneira súa de ser e por esa valentía que tanto me gusta del á hora de expresar os seus estados de ánimo, sempre me atraeu a xente que non oculta a cara oculta do sorriso ou dos bos momentos e se atreve a amosar tamén aquelas partes de un que non son tan bonitiñas de cara á galería. Así é como me vexo nestes momentos, como unha aspirante a cronista que sempre fuxiu destes mesteres porque o meu xeito é a percepción e o sentir, cando estou niso de patear camiños o que sae é o sentimento dos meus pasos pisando a terra disfrutando co meu avance, o aspecto dos diferentes e sempre marabillosos ambientes que se van ofrecendo e como repercuten nese microambiente que son eu mesma en sintonía cun todo sendo tan solo unha parte, pero unha parte que se torna completa e que se recoñece. A inspiración das brisas que me regalan frescura ou o impacto das calores sufocantes que inundan o meu espírito. Así que non sei que fago eu aquí tentando relatar técnicamente a nosa andaina sabendo que a miña tendencia vai ser encamiñarme por outros atallos linguísticos, amén das miñas dificultades para memorizar os lugares polos que pasamos, e a pesares de que o Anxo me ía dicindo : tomas nota cronista?, e eu alzaba o polgar confirmando que si, o certo é que, por acordar, non me acordo de tan sequera unha opción das tres que tiñamos acordado para poñerlle título a esta crónica. Menos mal que o Anxo sabe todo iso e así, coma quen non fai nadiña, envioume un correio no que medio disimulou o título, " Polas escarpas do Vez ", que si non recordo mal, que todo pode ser, era a terceira opción.

O que si podo dicir é que me sinto afortunada con este fin de semana experimentado a tope, non me quedou sabor de perde-lo tempo, non señor, senón polo contrario, un sentimento de habelo ocupado con vivencias moi saborosas e aromáticas, incluso as dos suores compartidos. O sábado celebraba cos meus compañeiros de Congostra o noso octavo aniversario e o domingo quedaba con Anxo e con Zalo para celebrar o terceiro aniversario de Eivadiños. Anxo tiña un par de roteiros elixidos, entre eles Froufe e o roteiro " entre ambos ríos ", pero o de Paramos tiña un día atípico e indeciso, non estaba pola labor de moitas calores nin de moitos esforzos, quería algo lixeiriño, pensando en baños e en pozas con augas acolledoras, e optaba por cambiar espazos aéreos por camiños con sombras que acompañaran a nosa andaina. Pero o tema non era tan sinxelo, tratábase do aniversario e iso é algo importante, o noso roteiro tiña que ter algo, algo bonito, algo especial, algo que deixara un sabor doce nas nosas memorias, e non era cousa de escoller calquera cousa.

Si hai unha zona que nunca decepciona ( polo menos a esta que escribe ), esa é Sistelo, aldea situada ó norte do concello de Arcos de Valdevez, na Serra da Peneda, lugar máxico por moitos e diferentes motivos, cada paraxe promete sorpresas á vista e aos sentidos, vales e penedos exclusivos e xentes sinxelas e de miradas francas e abertas. E ese sería o noso destino definitivo, non sen as queixas do noso querido Anxo que sentía que estaba a facerlle unha traizón aos nosos amigos Ramón e Yuka pois unha vez lles dixo que cando fose coñecer Sistelo sería baixo a acollida destes dous exploradores pioneiros da zona, grandes coñecedores de tódolos recunchos destas terras marabillosas. Pero xa se sabe que somos democráticos e por riba facemos práctica delo sempre que podemos, así que gañou a maioría e por fin puxemos rumbo cara o " pequeno Nepal " como o bautizaron os montañeiros celtas segundo nos contaba Zalo, debido ó moldeamento do terreo que durante décadas e mesmo séculos foron facendo os aldeáns para traballar a terra, formando escalóns de terra que baixan ó longo de todo o val dándolle ese aspecto tan diferente e peculiar que lle valeu ese apelativo con que todos os que visitamos esas terras nos abraiamos, un pequeno Nepal que se nos mostra impresionante dende calquera ángulo polo que fagas ascenso á montaña.

O día, moi fermoso, Lorenzo ben presente nos anunciaba compañía si ou si. Os nosos estómagos cheíños de arroz malandro e un recordatorio para Alex que estaba nun hotel o que ninguén lle gusta visitar e menos facer estancia nel, un hospital de Vigo cun diagnóstico de cólico nefrítico, ui!, cousa con mala pinta. Os nosos mellores desexos para el e de algún xeito acompañounos porque fixemos mención máis dunha vez a este eivadiño que desta vez polo menos estaba a facer honra ó nome. Sería o seu xeito de solidarizarse con este aniversario?, xa se sabe, " los caminos del señor son misteriosos e inexcrutables.... ".

Si hai algo que caracteriza a Sistelo son as súas subidas, escollas a rota que escollas comeza subindo, ascensos paulatinos e con desniveles considerables que te fan apreciar aínda máis a beleza deste entorno. Pero como o de Paramos estaba nesa especie de letargo de camiñante desganado comezamos a nosa aventura no centro mesmo do pobo, saíndo dende a súa fonte que non sei como se chama pero ben podería chamarse a fonte dos xemelgos por ter dúas saídas de auga iguais separadas por unha estrutura en pedra vertical e rematada nun círculo amplo tamén en pedra, que deixa fluír o líquido vivo e transparente co seu contido manando abundancia. Unha fonte moi fermosa e grande na que se intúen moitas reunións das xentes da aldea ó redor dela, punto de unión para diálogos e xuntanzas ao remate do día nas épocas estivais ( será a miña fértil imaxinación que gusta destes pensamentos? ). Empezamos pois en plano para ir facendo pouco a pouco ascenso ata a aldea de Padrão, aldea de xentes amables e hospitalarias, faladoras e curiosas que habitan casas que mesmo parecen suspendidas perigosamente e a punto de caer ó val que as acolle, un val cheíño de millo e de espigueiros que amosan un estilo de vida duro pero de ritmos máis acordes coa natureza propia e de todos. Por un camiño antigo e empedrado, coas pegadas dos carros incrustados nas pedras polo devir do tempo, desgastadas de tanto uso deles, recordatorio constante do que xa non temos polas nosas terras e conciencia de que somos afortunados de presencialo porque as xeracións novas para continuar con estas labores son bastantes improbables pois as aspiracións cambian ata en Sistelo. Carreiros estreitos e bonitos, rodeados de verde, de uvas sedutoras no camiño e de terras traballadas polos paisanos que habitan nelas, así íamos deixando nós tamén as pegadas da nosa propia esencia. Por moito que visite ese lugar sempre me sorprenden as distintas tonalidades de verde que presenta, e eses balcóns que lle deron o apelativo tan exótico mostrándonos un val eternamente soleado e fértil, unha paisaxe que hai que vivila pois por moitas explicacións que deas ningunha palabra pode encher todo o contido do entorno. Solo me queda visitalo nevado, iso ten que ser un espectáculo máximo.

Cruzado Padrão con parada a repoñer os nosos sedentos organismos, fixemos desvío cara o río Vez para darnos un dos baños máis agradecidos deste tardío verán. Aínda que xa estivera baixo a ponte da Estiveirinha máis dunha vez (as xentes de Padrão denominan a esta ponte a ponte dos mouros, vai tí a saber por qué!!) por fin me estreaba probando as súas augas, era moita a calor e demasiado tentador como para resistirse. Un dos moitos momentos especiais e gratos desta pateada de celebración, o tempo que compartimos nos baños quedará grabado no recordo dun precioso recordo nesta aprendiz de cronista pola cantidade de sensacións e de sentimentos que se deron en mín. Tal me parecía que estes dous compañeiro e máis eu formábamos un trío que nalgún momento se transformou en unidade compacta e indivisible sen deixar de perder por iso cada un a súa propia unidade. O Zalo foi o primeiro en mergullarse e debeulle coller o gusto porque repetiu e repetiu e repetiu...., mentres o fotógrafo " pofesional Anxo perspectiva " lle sacaba fotos de saltos olímpicos que por certo non lle quedaron nada mal. Os tres disfrutamos deses momentos de baños compartidos baixo as calores do día e dos raios do sol, que xa non parecían tan ameazadores preto da frescura das augas limpas e transparentes do Vez.

Xa se sabe, as cousas boas case sempre son breves, por iso de que non da tempo a aburrirse delas. Así que nos preparamos de novo para seguir coa nosa andaina. Decidimos seguir monte arriba, por un camiño empedrado e guiados máis que polo coñecemento pola intuición unida a unha pretendida lóxica xeográfica do lugar. O Zalo, con toda a experiencia que ten tanto dos camiños como da zona, miraba as montañas tratando de ubicarse. Dous carreiros para escoller, o da esquerda nos levaría a Paço do Monte, e o da dereita " quen sabe onde... ", e escollemos o da dereita, que seguía subindo, co cal acabamos nun cruce de camiños que as xentes do lugar chaman portela de Marcos e que vai dar o outro lado do val, e aí tocounos decidir cara onde seguíamos. De fronte o máis probable era chegar ata Arado, a pista que ía a dereita nos levaría a San Antonio, e si collíamos a esquerda volveríamos ata Portela de Alvite para baixar de novo a Sistelo, e esa foi a nosa elección. Aí naceu unha das opcións como título desta crónica, " entre ambos vales " ( ou algo así ). A min gustábame o título pero gañou o que encabeza esta aspiración a crónica. Contentos os tres por saírnos ben a cousa da nosa exploración intuitiva, non sempre se ten esa sorte, enfiamos os nosos pasos cara a esquerda facendo un regreso a Sistelo coa promesa dunha cervexa fresquiña esperando por nós. O noso fotógrafo estaba enchendo a barriga da cámara de tanta cousa bonita por inmortalizar. Atopámonos cunha grea de cabalos e por uns momentos deixámonos mergullar polo silencio que solo os que se funden co entorno poden chegar a sentir. Son ese tipo de silencios que te fan parar, ata o movemento do corpo se ralentiza, é como entrar noutra dimensión do tempo, do ritmo e do espazo. Os cabalos deberon de percatarse de que nós tamén eramos natureza porque non se molestaron nin se asustaron das nosas presenzas. Anxo puido achegarse moi preto deles e fotografalos mentres Zalo e máis eu ficabamos parados no camiño, cada un sentíndose ao seu xeito e gardando para si a súa experiencia do momento.

E de aí a pouco do rumbo elixido empezamos un descenso que nos levou directamente á Portela de Alvite e as cervexiñas que esperaban por nós, fresquiñas e deliciosas, degustadas entre a sombra reguladora da nosa temperatura e as conversas dos paisanos que estaban nas mesmas que nós. Quedábanos a derradeira etapa da nosa andaina de aniversario, cara o río Vez de novo, volvendo aos camiños empedrados, o sol que de cando en vez nos regalaba verde frondoso como alivio, ata que chegamos a unha ponte nova de madeira que anunciaba a parte de abaixo de Sistelo. Eternas escaleiras de pedra agardaban os nosos pasos andaríns, agasallándonos con restos de historia que tiñamos a fortuna de seguir pisando. Unha, dúas, dez, vinte, trinta......, non as contei pero foi un bo ascenso de escalóns mil veces pisados antes que nós, bonito, grato de subir, e.... Sistelo. Bebemos das augas da súa fonte acolledora dos nosos suores, auga rica e fresca para estes intrépidos Eivadiños de celebración. Anxo e máis eu non resistimos transgredir un pouquichiño e pedir prestadas dúas laranxas da árbore que había nunha casa que daba á estrada. E alá nos enfíamos cara a Salvaterra a agasallarnos cun xelado como colofón e bó remate de festa de aniversario. Nos xardíns de Salvaterra nos tumbamos no céspede a miralas vir, O Anxo e o Zalo moi pertiño o un do outro, tiñan unha " posturita " que había que retratar e deixar en constancia para a posteridade así que lles saquei unha foto coa miña cámara e outra coa de Anxo. Tan bonitiños eles!!!, como dúas ninfas do bosque retozando etéreas con natura. Digno de ver, esa imaxe había que inmortalizala, jajajaja...., tan relaxadamente laxos os dous, tan amiguiños.

Chegada a Vigo e o mundo cruel, que despois dun día así parece menos cruel. Repletos dun día que polo menos a esta que escribe, lle fai sentir a beleza e a realidade do propósito auténtico da vida, vivila sabendo e sentindo que a estás a vivir.

E colorín colorado, esta aventura xa ten o seu tempo contado.

Salo.

E130 Trilho de Tibo (Arcos de Valdevez)





26 de Xullo do 2009. Tibo

O dia a seguir do Dia da Patria deste ano no que un ano mais fómonos manifestar a Compostela e tivemos a sorte grande de ser acompañados por un numeroso grupo de túzaros da súa maxestade El-rei pagados por nós e que estaban no Toural pacificamente armados ata os dentes para nos protexer. O día a seguir, digo, acudín á saída eivadinha.

Mentres se cumpría o sacramento da deglución do arroz malandro nese santuario que o Stop é para a secta eivada, os tres expedicionarios que desta vez nos tiñamos presentado ante a mesa comentabamos as posibilidades, os pros e a as contras das diversas opcións que o noso sherif nos puña sobre a mesa.

Comentabamos? Non. Unha das expedicionarias estaba á espreita coa esperanza de que os outros dous tivesen un pouco de siso e non se embarcasen nunha viaxe de resultado incerto.

Ao cabo dun tempo de descartes e desbarres múltiples parecemos centrar a nosa atención nunha descoñecida ruta polas terras de Caminha que pola información da que dispuñamos parecía que podía cumprir as nosas expectativas. Pero, ah!, tiña a súa cousa. Un desnivel considerable que xunto á respectable lonxitude non a facía especialmente apta para unha tarde calorosa como se prometía. Con todo parecía que podía ser. O xefe, para manter as aparencias democráticas, preguntaba se nos parecía ben. Ao cronista parecíalle estupendamente. A terceira comensal non quería dicir que non, pero tampouco quería dicir que si, de maneira que se instalou nun elocuente silencio. Nin si, nin non senón todo o contrario.

O noso amado lider deuse conta de que aquilo non estaba certo de todo e nisto foi que mudamos de parecer e decidimos ir a Tibo.

O cronista pensaba que estaba ben porque había baño e os días nesta altura do ano son longos polo que non había presa. Grande erro porque resultou ser que o noso patrón tiña que regresar cedo por motivos laborais pero naquel momento non lle pareceu que tal información tivese importancia e non dixo nada.

Así que enfiamos a estrada que nos achega a Melgaço e logo intérnase na Peneda cobregueando por estas terras que nos alimentan o espírito e nos esfolan as canillas dende hai anos.

Chegados que fomos ao miradouro de Tibo e para eu aprender algo novo din en facer a ruta do revés. Así que aproamos cara Varzia e puxémonos a baixar por un camiño que os fentos tiñan desfigurado e que tiven que reinventar ou redescubrir nalgúns tramos. Pero o vello camiño que unía Tibo con Varzia estaba alí, escondido, esquecido, pero unha vez mais facíase presente cando o precisabas.

Tamén se fixo presente un xabaril ao que espertamos abruptamente da súa sesta e fixemos dar un chimpo, o mesmo que el a nós.

Navegando ás veces, mais que andando, polo mar de fentos o trío avanzaba baixo o sol de Xullo. Pasadas As Ínsuas e cando chegabamos ás primeiras casas da aldea de Varzia virei á esquerda para aprender un pequeno tramo que descoñecía, o que nos aforraba cruzar a aldea e tamén pasar a carón dunha lixeira a ceo aberto que os veciños daquela terra teñen a ben ter na beira do encoro de Lindoso onde antes era o río Leboreiro.

Fora boa idea o cambio de dirección porque estabamos pasando as horas de mais calor baixando e agora entrariamos en terreo arborizado polo que a subida última ficaría para cando o sol xa estivese a esmorecer.

Debeu ser por aquí cando o Anxo fixo saber que el tiña que regresar cedo. Así foi como todo o tema dos baños demorados quedou nunha boa e irrealizable idea. Así foi tamén como tivemos que lle dar un pouco de caña ao ritmo. E así foi como Georgia tivo que sufrir un pouco. Pero con dignidade. Non había moito que facer posto que é un camiño sen alternativas. Ou segues ou cómente os lobos, non hai atallos.

Aínda con todo topamos ocasión para tomar un rápido baño non no lugar previsto pero si nunha das moitas pozas coas que o río Peneda obsequia aos caminhantes ao longo desta ruta do Contrabando como algúns lle chaman.

Estivemos a punto de lle poñer un pé en riba a unha cobra de considerábeis dimensións e topamos tamén un deses sapos que non sei se son dunha variedade distinta ou é que alí os alimentan mellor porque teñen un tamaño incomunmente grande. O Anxo tiroulle unhas fotos mentres o animal turraba por desaparecer da nosa vista. Vese que non son xente amante da publicidade e o papel couché.

Case a trote cochinero enfiamos por fin Tibo para alegría de Georgia que decidiu quedar alí a onde xa podiamos ila recadar en coche.

O Anxo mais eu subimos aquela costa infame a fume de carozo e en cousa de media hora estabamos arriba onda os coches, ofegantes, suorosos.

Aínda tivemos ocasión de tomar unha cervexa en Rousas e volvemos para a metrópoli que outro día será outra vez e haberá outros carreiros.


ZdP. Xullo de 2009

E123 Caminhos do Paô, Caminhos da Fé (Arcos de Valdevez)





Domingo, 31 de maio de 2009

Descripción do percurso e mapa.

¿Como explicar a quen non ten a necesidade, a dependencia, a obsesión polos camiños? ¿Como facer entender que esa colección de pegadas ten vocación de infinito, e polo mesmo non entende de climatoloxía, de estacións, de tendencias sociais? ¿Como conseguir a simpatía, senón o contaxio, de esta afección que me navega polas veas, e que me leva unha semana si e outra tamén a botarme ó monte, como guerrilla?.

Tódolos intentos foron estériles, quizais as miñas facultades para comunicarme estaban minguadas ou non existiron xamais, pero aínda así a miña fe no proxecto seguía intacta, porque só ou en compaña de outros estaba decidido a seguir camiñando. Tal vez sexa o meu traballo sedentario, o habitar no corazón da metrópole, ou as lembranzas que o meu corpo ten do granito, do barro e da espuma, tal vez sexa que non coñeza outra que os sendeiros e as palabras para combater a loucura. Sexa como for amenceu outro domingo e desfíxenme do abrazo cálido dos soños amables para seguir soñando.

As derrotas, ás veces, suceden só nas hipóteses, e velaí que o mediodía desta xornada primaveral, cunha canícula que tentaba con licuar o asfalto, xuntámonos media ducia de eivadiños, das primeiras e as últimas fornadas, e intentámonos poñer de acordo cun recorrido que estivera a gusto de todos. Eu xa tiña medio convencidos a Alex, Georgia e Miguel, máis ou menos, de facer unha ruta ás beiras do Tea, dende Ponteareas ata Mondariz, cando os meus amigos do Casal de Sistelo, Ramón e Yuka, ofrecéronnos a súa guía para coñecer Tibo, escenario dunha das derradeiras saídas do CdC.

A crónica que o Zalo fixera desta andaina espertara a miña cobiza, e pareceume ben o cambio de plans, máis botamos contas e dábanos xusto para o retorno, así que decidimos seguir co plan inicial. Máis estes rapaces non teñen por costume renderse, e contraatacaron con outro plan atractivo: un pequeno trilho no Soajo, con posibilidade de baño, nun lugar agochado que non saía nos mapas.

Así que botamos contas por segunda vez, e desta saíu que si. E para non seguir dándolle voltas marchamos cara o “Eido Vello”, onde pensabamos xantar dende o principio. Era cedo e collíanos de camiño, así non tardamos en chegar o comedeiro, algúns con máis fame que outros.

Eramos os primeiros en tomar posesión dunha mesa, así que fixemos os nosos votos: empanada de millo con zamburiñas, calamares rebozados, pementos de Padrón, churrasco de porco e xurelos (máis ben xureliños). Comemos coma abades, e algúns como abades mitrados, mesmo os que almorzaran facía pouco, e mesmo os máis lambóns deron conta de flans, tartas e xeados. Coma sempre nesta bendita casa, todo foi bo, bonito e barato. E ás dúas e media xa estabamos saíndo cara Portugal.

Antollóuseme lonxe de máis o que tivemos que recorrer para chegar ó Soajo, aínda que dende San Pedro da Torre non nos levou máis de media hora de asfalto, quizais debido a que a agulla do meu depósito estaba nos mínimos, e non se vía ningunha estación de servicio polo camiño. Menos mal que, no peor dos casos, tiñamos o coche dos rapaces do Casal para auxiliarnos, aínda que chegar chegamos, outra cousa era a volta.

O Lourenzo lostregaba sen piedade nas rúas empedradas da poboación enclavada no Parque Natural da Peneda-Gêres, e o grupo saíu desexoso da praza maior, onde deixamos os vehículos, máis de darse un bo mergullo que de facer quilómetros. Aínda que o trilho tampouco era para terlle medo, porque non tiña máis de cinco, así que collemos auga nunha fonte, botamos as mochilas o lombo, e marchamos tras o Ramón, que dirixía o asunto.

O percurso ten un curioso nome: Caminhos de Paô, caminhos da Fé. Este fai referencia a que polas calzadas empedradas que forman o trilho, e ó longo dos séculos, pasaron varios ritmos de vida e de festividades relixiosas, resultantes do sincretismo entre as divinidades e a loita pola supervivencia. O ciclo do pan, acompañou, de xeración en xeración, o ritmo da vida e reflíctese nestes camiños, na paisaxe e na diversidade de ecosistemas que se complementan, nomeadamente a cultura do millo e a crianza do gando, tal como reza o folleto que publicita a ruta.

Xa dende os primeiros metros, afastándose dun pobo pragado de espigueiros, podemos constatar estes antecedentes, avanzando ó carón de campos de cultivo, viñedos e pastizais, dispostos en socalcos e separados por valados de pedra. E levadas que dende o río derivan a auga cara un feixe de muíños e tamén cara os terreos sementados, por unha intricada e eficaz rede de carreiros de granito. O entorno é de tal fermosura que case esquezo a canícula que está caendo sobre nós. Case...

Porque o certo é que se o ascenso non é para afurricar, e que as vistas a Serra do Soajo son espectaculares, polo monte que avanzamos non hai unha cobertura vexetal suficiente para nos asombrar, e levamos os aguillóns do sol cravándose nas nosas calugas, aínda que conforme vamos sumando metros vaise espesando a fraga, e a sombra dos carballos vainos dando un respiro.

Sempre encaixados entre dous valados e deixando as nosas pegadas no camiño carreteiro, e pasando ó carón de varios tramos da levada que vai cara Teixo, facemos un treito por onde adoitaban pasar os romeiros que ían cara o Senhor da Paz, a Senhora da Peneda, San Bento do Cando e, mesmamente, a Santiago de Compostela.

Nós temos fe no Ramón, para que nos conduza a un lugar axeitado para o baño, e cando chegamos ó cruzamento dun ribeiro, onde se atopa unha pequena poza, a punto estamos de bicalo. Pero non, nin bico nin baño, porque a pesares de que daba para pegarse unha boa chapuzada, o noso guía asegúranos que máis adiante había mellores e máis grandes pozas. Así que facémoslle caso, remollámonos un pouco e continuamos o camiño, cruzando por unha pontella de grandes lousas.

Algo máis adiante vemos, un cento de metros debaixo de nós, uns campos dispostos en socalcos, media ducia de casas e un río que xa é digno de chamarse así, e abandonamos o sendeiro sinalizado para dirixirnos cara ala, por un estreito camiño que os amigos do Casal de Sistelo parecen coñecer ben, a pesar de que está algo tapado, quizais porque as vivendas teñen todo o aspecto de estar deshabitadas. Esta congostra desemboca no río, que xusto nesta zona forma varias pozas que identificamos rapidamente como as prometidas.

Así que, sen pensalo dúas veces, espímonos e nun abrir e pechar de ollos estamos todos na auga. A verdade que é un anaquiño do paraíso, ou parécenos por efecto do calor tan esaxerado que está a facer nesta xornada dominical. Mergullamos repetidas veces, uns máis que outros, xa que non todos temos o mesmo vicio, e cando estamos no mellor xa temos que volver a vestirnos para tomar o camiño de volta ¡que pouco dura o bo!.

Abandonamos o lugar con certa nostalxia, e ben seguro que volveremos outro día con máis tempo. E a morriña acentúase comezando a ascender, porque o Lourenzo segue sen dar tregua, empeñado en adiantar as estacións.

Volvemos a enlazar co recorrido curto do noso trilho (xa que ten outra variante sensiblemente máis longa) e seguimos subindo, quizais máis do que esperabamos, pero como non estamos sobrados de tempo tiramos para arriba sen queixarnos demasiado, a pesares de que a algún houbo que empurralo para que non quedara atrás. E sempre polo camiño empedrado, entre valados (imposible perderse, e máis co guía que levábamos), chegamos a Branda de Murço, outro dos puntos atractivos do percurso.

Afortunadamente este é o punto máis alto, e tamén onde conectan as dúas variantes do trilho, e podemos recuperar os folgos, botar uns traguiños de auga e admirar o conxunto etnográfico polo que nos internamos, con máis campos en socalcos, onde atopamos algún exemplar da raza cachena. Tamén aquí atopamos un par de paisanos, que van o veñen dalgunha tarefa rural (non creo que estiveran de paseo ca canícula que estaba caendo), e que nos miran como se estivesemos tolos. Quizais non estaban moi errados.

Xa descendendo pasamos ó carón dos Moinhos da Cruz, conectados por unha levada empedrada, e un chisco máis adiante podemos deternos a admirar unha boa panorámica do Soajo. Quizais non era o día máis axeitado para facer o camiño, pero esta visión ben pagaba a pena, coa serra recortando un ceo dun azul intenso (velvia, como diríamos nos vellos tempos), e o pobo alfombrado de campos verdescentes (e case fluorescentes). Baixamos pola Calçada da Pena Curveira a bo ritmo, e algúns como Alex e Georgia xa estaban a facer plans para tomar un fino ou un panaché, pero tiven que lembrarlles que antes era máis urxente encher o depósito do coche, e case teño que atallar unha rebelión.

Non foi a cousa a maiores, e despois de atravesar o casco urbano logreinos convencer para que se deran presa, eso si despois de volver a beber da Fonte da Barreira, e saímos do Soajo cruzando os dedos para chegar canto antes a unha gasolineira. E chegamos, xa preto de Arcos de Valdevez, onde o Miguel, Ramón e Yuka decidiron alongar a xornada e buscar outra poza onde refrescarse novamente. O resto marchamos cara a Galiza, cada un a cumprir coas súas obrigas.



Seguidores