E143 Trilho do río do Couço (Arcos de Valdevez)





Domingo, 27 de setembro de 2009

Onte foi un deses días nos que me apetecía renderme á preguiza, recuperarme dos excesos da noitiña, que foron algúns, e dos síntomas do arrefriado que persistían. Non tiña nin idea de onde dirixir os meus pasos, e os daqueles que, non sei moi ben por que estraño motivo, persisten en seguirme: os meus fieis, como o Migueliño, con quen quedara na véspera. Pero nestas soou o teléfono e me arrincou dos brazos de Morfeo, que adquirira nesta ocasión a semellanza dunha moreniña agarimosa que tentaba, medio en broma, de que non o collera.

Ó outro lado do satélite escoitei a voz doutro coleccionista de carreiros, un destes incansables descubridores de sendeiros que se agochan baixo as curvas de nivel, e as súas propostas soaron na dirección axeitada: ¡Por fin Ramón e Yuka ía descubrirme os mellores segredos de Sistelo!. Así que chimpei da cama e detrás miña, outra vez dicindo que non pero si, viu a moreniña coa curiosidade de internarse nesa terra misteriosa que algún día, afortunadamente, alguén nomeou como o “Pequeno Nepal”.

Os amigos do Casal de Sistelo resolvéronme a papeleta de ter que improvisar xantar e ruta, e non fixo falta que me convenceran para parar en Puxeiros e aprovisionarnos alí de tortilla de patacas e filetes empanados para gañar tempo e buscar novas fórmulas para engadir ás nosas tradicións. E con estas saímos cara o Val do Vez, nunha desas mañás onde o verán parecía que non ía rematar.

Ó chegar á Porta de Alvite, fronteira natural do Pequeno Nepal, boteille unha mirada de esguello a Georgia, e mirei esa sucesión de campos dispostos en socalcos, tinguindo de esmeralda a súa pupila, e sentín que xa tiñamos o día gañado. Tamén Miguel, para quen era a súa primeira vez, tiña os ollos soñadores cando chegamos a Sistelo, e non fixo falta preguntarlle para saber que xa o tiña sumado o seu imaxinario particular.

Atravesamos a parte alta do pobo, entre estreitas rúas á sombra das parras inzadas de acios de uva tinta, e enchemos as nosas cantimploras coa previsión de que o sol seguira arreando os derradeiros lóstregos do verán. Esto nos levou a que, unha vez que saímos do núcleo rural por un camiño carreteiro, non tardaramos nada en buscar un sitio a sombra onde xantar e refrescarnos.

O lugar elixido foi nas beiras do río do Outeiro, onde dimos conta da tortilla, dos filetes e o Miguel máis eu démonos unha breve mergullada para refrescar os coiros. Apetecía botar unha boa sesta debaixo dun carballo, pero como somos aguerridos de máis onde nos botamos foi ó camiño, que ascendía por unha calzada empedrada por onde eran visibles as marcas do GR que conectaba Sistelo e Soajo. Marcouse outra vez o ritmo eivadiño, e houbo quen fixo a promesa de non volver se o Ramón facía outra vez de guía, aínda que coa intención soterrada de rompela.

Antes de completa-la ascensión decidimos combater outra vez os rigores do calor no río do Couço, que sentiamos cada vez máis preto, xa que o camiño discorría paralelo a el, e despois de cruzar unha senlleira pontella o sector masculino volveu espirse e probar as frescas augas do afluente do Vez. Esto deunos novos alentos para volver ó camiño e, despois dun breve treito de costa, chegar ó lugar de Poços, onde atopamos os restos dalgunha construcción, seguramente por atoparse alí algunha branda que facía anos que estaba en desuso.

Xa fora do itinerario marcado polo GR, avanzamos entre xestas, toxos e algunha silveira, e todas foron buscando as pernas de Georgia, que era a única que levaba pantalón corto, mentres Ramón guiaba con firmeza e Yuka dáballe voltas ó mapa por se o seu home se equivocaba. Eu, pola miña parte, aproveitei para retratar a fauna local, dende as vacas barrosás ata as arañas que tecían as súas redes entre o monte baixo.
Comezamos o descenso, con ánimo de pechar un círculo que deseñaran os amigos do Casal, e chegamos a Boucinhas, onde fixemos unha improvisada sesión fotografía cos grandes cornos que atopamos na porta dun alboio, nunha finca na que entramos a curiosear. Magoa que non me deixaron traelos para casa, porque eran os axeitados para facer un casco viquingo.

Alí papamos tamén o Miguel e máis eu uns filetes empanados que sobraran do xantar, e fixemos unha pequena parada antes de completar a baixada. Esta discorreu por un camiño carreteiro no que se vían as profundas fendas deixadas polo tránsito agora esmorecido. Con man firme Ramón guiounos por esta calzada empedrada ata conectar outra vez co Río do Outeiro, preto de onde nos mergullaramos pola mañan.

Aproveitei a luz do atardecer para quitar unhas panorámicas de Sistelo, mentres os meus amigos apuraban o paso para refrescarse no bar. E alí rematamos tomándolle unhas cervexas ou unhas colas, que xente pervertida hai en tódolos lados, e despedímonos ata outra.

Georgia e este que cronista tiveron que partir, cada quen cas súas obrigas, e o resto do grupo quedaron a darse o derradeiro baño no río Vez, para darnos envexa. Detivémonos un chisco antes de chegar a Porta de Alvite, para encher os ollos coa visión impresionante do Pequeno Nepal, non íamos tardar moito en volver...

1 comentario:

  1. Lembro que mentres subía pensaba que mellor me fora non ir, quedar na casa a descansar do finde, pero cando a subida rematou e puden ver con máis calma o que tiña diante supen que lamentaríame moito se non houbese ido. Gracias

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores