Mostrando entradas con la etiqueta Gondomar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Gondomar. Mostrar todas las entradas

Manifesto pola protección da Serra do Galiñeiro




Vexo contigo estes ceos,
Vexo estas brancas auroras,
Vexo estes campos froridos
Donde se arrullan as pombas,
I estas montañas xigantes
Que aló cas nubes se tocan,
E o mesmo amor,
Rosalía, lévame, lévanos,
polos pés, defender BELEZA.

Os que hoxe estamos aquí sabemos ben que o Galiñeiro somos nós, os que aquí vivimos, os que por aquí pasan, todos os que alentan, os que xa non son, os que están por vir. Porque non é verdade que se poida xebrar a paisaxe da ollada, o mundo do individuo, porque todos facemos parte dun magma indistinto, dunha lea confusa, dunha fusión caótica e plena. Marcados polo amor, estamos, obrigados a honrar a vida

Os que hoxe estamos aquí sabemos ben que nos cómpre ser razoables, que nos urxe ser, radicalmente, razoables

Contra o capitalismo planeticida

Contra a corrupción e a cobiza

Contra a estupidez humana.

Os que hoxe estamos aquí tomamos a estraña decisión de deixar de calar ante as lentas coiteladas á paisaxe, unidos para berrar NON, para cuestionármonos, coa maior honestidade posible, o modelo de sociedade no que estamos. 

Minas para que? Minas para quen? A quen aproveita? Que escasísimas mans recontarían con usura os beneficios? 

Balsas de veleno, patas de rata sobre a herba seca.

Baixo os nosos pés, baixo a codia verde, tralo manto que ser renova incesante, pemanecen silandeiros os minerais: o feldespato, o cuarzo, a moscovita e o berilo, a turmalina e a pirita, o cacoxeno e o almandino, a riebeckita … Velaquí están debaixo e ao carón de todos nós, embutidos na terra negra, velaquí estan desde hai miles de anos están, antes de que o home fose home.

Esta xeoloxía singular, esta riqueza, é agora obxecto de desexo. Nalgún despacho afastado algún directivo dunha gran multinacional comeza a matinar no expolio. Catas de prospección. Terras raras. Cobiza depredadora. Itrio e escandio para fabricar baterías de obsolescencia programada. Lixo planetario. Capitalismo planeticida.

Qué ben que a bomba ven co seu rebombio, Celso Emilio, a bomba con aramios, con formigas, a bomba con lombrices, bombardinos, vermes de luz, bombillas fluorescentes, peixes de chumbo, vómitos, anémonas, estrelas de plutonio plutocrático, esterco de cobalto hidroxenado, martelos, ferraduras, matarratos.

Luz e progreso en todas partes confundindo valor e prezo, profanando en aras dese mellor dos mundos posibles, cada vez máis cativo, máis miserento. 

Neste momento de crise mundial no que o foxo entre os ricos e os pobres se axiganta, neste momento no que a corda se tensa ata o límite da resistencia cómpre dicir NON, cómpre atreverse a rexeitar a esmola dun modelo económico voraz e insostible, cómpre plantar cara. Somos nós, os cidadáns conscientes, as plataformas cívicas os que debemos abrir liñas de combate, en nós florece xa un tempo novo de activismo e dignidade.

Horizontalizade, músculo cívico, AMOR para defender BELEZA, todos xuntos amparando a Serra do Galiñeiro, amparando a vida do carrasco da turbeira, da azulenta, da saramaganta, da rá patilonga, do cabalo do monte, do picanzo real, do pedreiro cincento. Todos xuntos honrando os lugares sagrados dos devanceiros a Cova da becha, a Lapa da Moura, a Auga da Laxe, o Chan das Moutas.

Acolá están as illas Cíes, preservadas xa como espazo natural, aquí está a serra do Galiñeiro que aínda treme e se espanta, que se degrada aos poucos ferida pola ameaza das aspas metálicas dos aeroxeradores, pola plantación masiva de eucaliptos e acacias, polos vertedoiros de lixo e entullo, polas pistas de asfalto, polas canteiras ilegais… 

Cómprenos parar esta miseria!

Cómprenos berrar NON!, é urxente, é radicalmente razoable.

A forza comunal debe dar froito, debe varrer as macilentas sombras, grilos de ferro arrastrando. Nos, os conxurados, somos unha onda que medra, que se estende e alaga, connosco vai o futuro.

Somos serra!

REXINA VEGA


E179 Polas crestas do Galiñeiro (Gondomar)



Domingo, 22 de agosto de 2010

As veces non acado atopar o sentido de todos estes sucesos repetidos, noites nas que as verbas voan estériles mais incontinentes, nunha espiral de pensamentos que pertencen a un discurso alleo, inducido por sustancias nocivas nas que, nun ritual de pequenos apocalipses, insisto en mergullarme, avanzando un chisco máis por este abismo cego dos meus días. Quizais a tentación do silencio, de desaparecer do mundo un domingo calquera, de agocharme nas sombras dos montes calcinados, para que so as miñas pegadas sexan quen de interromper os meus soños, se por algunha estraña alquimia aparecesen.

Quizais nin así esvaecese a melancolía, a nostalxia de non sei moi ben o que, esas tebras que non desaparecen cando abro os ollos a un novo día. Quizais non sexa outra cousa que un inventario de circunstancias, dos efectos secundarios da resaca, e só precise dun café ben cargado, negro como os meus pecados, e unha pílula que desencadee un ataque termonuclear na miña cachola, para desfacerse da orquestra de mariachis que anda a desafinar con insistencia.

Hoxe non me apetece camiñar, non máis alá do baño para desfacer as durezas que se me acumulan entre as pernas, non me apetece falar con ninguén, e moito menos insistir nos argumentos estúpidos da véspera, e nin tan sequera teño ganas de abandonar ese revoltallo de sábenas onde naufraguei nas derradeiras horas. Pero nos pregues desas sábenas habitan un feixe de fantasmas, ofrecéndome unha nova remesa de pesadelos, e postos a sufrir prefiro escoller os meus escenarios, así que, tarde, mal e, certamente, arrastro, chimpo da cama e prendo o teléfono móbil para me conectar co mundo.

Outra vez é a miña cobertura emocional a que me rescata, aínda que persista a tentación de renderse, de deixar esmorecer o camiño cara outro luns, cara outra suma de sucesos repetidos. Quedamos sen outra intención que xantar, para recompoñer os nosos corpos doutras privacións, e algo máis tarde do que aconsella a prudencia estamos as portas do Eido Vello algúns dos, máis ou menos (dependendo da temporada), incondicionais: Alex, o noso cachorro, Miguel, o home libre, e este cronista abocado a xestionar os seus tsunamis. E como grande sorpresa un dos fundadores, o Nacho, aquel tremendo pavo que algún día dimos en alcumar como Tesorito, que ven acompañado pola súa moza Tania, a que xa tiñamos algo de ganas en coñecer.

A comida é do agrado dos meus padais, e vai directa a esa formigoneira onde se mesturan xugos gástricos, rumor de bolboretas e rancores titilantes, e a conversa dos meus queridiños faime brotar os sorrisos, salpicados ca uva mencía ben fermentada. De tal xeito que despois da sobremesa xa son quen de argallar un plan alternativo para que as nosas pernas sexan outra vez terra e vento, para formar parte desa xeografía amable que, ós poucos, anda a estragar esa trama terrorista que segue insistindo en reducir as cinzas o noso país.

Despedímonos da parella e recollemos á Criatura na súa cova, sen máis pretensión que as de subir cara o macizo do Galiñeiro e tentar aproveitar o que resta do día. Guíanos o tontón do Miguel, un aparello que aínda non aprendeu moi ben os camiños e máis que tontón semella un chisco parvo, (e nós semella que tamén estamos algo tolos por facerlle caso). De tódolos xeitos, chegamos preto do refuxio dos Montañeiros Celtas, pola estrada que ven dende A Pasaxe e que vai cara o Aloia, e deixamos o coche no inicio da pista que sube ó Lombo da Raposa.

O ceo está totalmente cuberto por unha pátina gris e case é de agradecer, pois de outro xeito, en pleno agosto e a estas horas, sería case suicida aventurarse por esta pista na que, ós poucos desaparecen os piñeiros, e as rochas, os toxos e os carrascos van colonizando o terreo. Seguimos durante algún tempo o rastro do PRG-2 que transcorre entre o Galiñeiro e o Aloia, baixo a visión impoñente do cresterío do primeiro, disfrutando da visión da Ensinada de Baiona, franqueada polo Monteferro e polas Illas Estelas, e máis aló, gardando a ría, as Illas Cíes.

O ascenso ó Lombo da Raposa arríncanos os primeiros suores, especialmente ós que maltratamos o corpiño na véspera, que fomos maioría, e eu lembro outras sales que liberou o meu corpiño cando era outro, fai algo menos de dúas décadas, cando aínda cría noutro mundo posible. Quizais o mundo mudou dende entón, pero para mal, e xa non quero acadar utopías nin outros horizontes que os que están na miña man.

No cumio atopamos a dous vixías na súa torre, esperando un novo ataque dos bárbaros. A tarde non parece proclive para novos lumes, pero aínda así bótannos unha ollada de desconfianza, como se fosemos unha vangarda irmandiña a prol da destrución da súa torre. Nós miramos ó lonxe, e entre a néboa divisamos o Val do Louriña a un lado, ó outro o Val Miñor, e ós nosos pés o Chan de Prado e os montes de Víncios.

Baixamos fuxindo da néboa, e cando chegamos á pista que rodea o Galiñeiro, deunos por buscar unha subida dende a súa cara sur, a máis accesible, e demos con ela entre un océano de fentos que medra baixo un pequeno bosque de piñeiros. Un estreito carreiro de pedras soltas que vai cara o cresterío, e por onde descendín fai cinco anos, máis ou menos, co Zalo e máis con Samuel, cando este aínda era un cativo de dez. ¡Que feixe de lembranzas se agochan entre estas rochas, e case todas boas!. Tamén este día se grava na miña memoria, con Alex e Miguel subindo a bo ritmo, con sede de outro cumio, espallando un rastro de pegadas e de sorrisos.

Non tardamos en divisar un vértice xeodésico e mentres a Criatura máis eu íamos ben a modo, recuperando os folgos que nos restara a noite, os dous mozos que nos acompañan xa estaban a facer sinais e a botar berros dende o alto do monólito de cemento. Cando chegamos ó seu carón quitamos outro feixe de fotos, como se ascenderamos a un pico, poño por caso, dos Pirineos. Tanto foi así que tiven que insistirlle para que non se demoraran neste punto, pois aínda quedaba camiño por facer.

Fomos sorteando penedos, entre toxos queimados pola escaseza de chuvias, e ás veces semellaba que eramos unha troupe de equilibristas, tentando manter a cota de altitude, ata acadar o Cumio Sur, onde interrompemos os aloumiños dunha parella que non contaba que, nun día gris e neboento como este, aparecera ninguén por alí. O Alex mandou unha foto por vía satélite, para que os que quixeran souberan da nosa fazaña.

¿Cantas veces estaría pendurado nestas pedras? ¿Con cantas xentes que esvaeceron como fume? Sexa como fora alédome de vivir este momento, con estas xentes da miña primeira división, dos que agora son xeradores de lembranzas, de eses anacos da miña biografía que, grazas a eles adquire algún sentido. Pero outra vez, si ou si, teño que insistir para que os meus bulan, para que non se demoren no descenso cara o refuxio.

Boto contas e non me da o tempo para darme unha ducha e encher o estómago con calquera cousa, antes de iniciar a miña xornada laboral nocturna, pero aínda así detéñome cando paso por algunhas desas pedras nas que, dalgún xeito, tentaba buscar escaleiras ó ceo. Douradulla, Flores, Cornus... zonas dunha escola na que aprendín tantas cousas sobre min mesmo.

Ao pe da placa dos Cornos do Demo facemos unha derradeira parada, algúns fuman un xaroto para espesar á néboa que cubría a cidade, ós nosos pés, e outros aínda tentan subir uns metros pola parede, como se fosen lagartos, desafiando á lei da gravidade e a gravidade do paso do tempo. Parecía deterse, quizais baixo os efectos do tabaco, ou o que levara mesturado, pero deseguida caín na conta de que non me daban as contas, e tivemos que baixar a escacha pexegueiros polo sendeiro, entre penedos e a pouca vexetación que quedou despois dos últimos incendios.

Dende o refuxio enlazamos outra vez co PRG 2, que comunica o Galiñeiro e o Aloia, e non tardamos nin un chisco en chegar ó coche do Cachorro, que aínda nos botou unha boa bronca por mancharlle o maleteiro coas botas. Gustaríame ter tido o tempo para facerme perdoar diante dunha xerra de cervexa, pero o día rematara, e eu tiña quenda de noite, así que so nos restou baixar cara a cidade e darnos as catro palmadiñas na chepa de despedida.


E11 Sendeiro do Galiñeiro (Gondomar)



Domingo, 3 de decembro de 2006

Soño con seguir camiñando, con seguir soñando camiños unindo as miñas pegadas ás que sementan os meus seres queridos, por eso non atopo mellor motivo para volver escoitar os gritos do espertador un novo domingo, desprezando a calidez das sábenas onde se refuxian restos de fantasmas e insistentes resacas, e ignorando as previsións do home da tempo que da por finalizada a tregua coa que viña amabilizando a estación da follasca. Despois dunha ducia de convocatorias nas que o ceo nos animou, con diferentes formas e medidas, a seguir tecendo estes soños, amañece o último día da semana coa metrópole velada por unha persistente cortina de auga, e a xungla de cemento emerxe como un pesadelo entre a néboa.

A pesares do inconvinte dos fenómenos meteorolóxicos, que introduciron un novo fronte de precipitacións asociado a unha borrasca, con ventos do oeste e suroeste, e oscilación constante de isóbaras, insisto en abandonar o meu pequeno refuxio onde, aínda que de xeito moi precario, estou a salvo da chuvia e do vento. Eso si, antes de saír á rúa a desafiar ós elementos, vou cubrindo as cicatrices das miñas carnes cunha multitude de capas ata adquirir a mesma consistencia das cebolas, para poder chegar á corentena sen novos achaques que engadir os que me habitan.

Soño con que outros soñan comigo, e cando piso as aceiras xa me están agardando os meus fieis, para confirmar que os soños compartidos se converten en realidades, e que estas fanse costumes, e as costumes repetidas veñen a conformar tradicións. E os meus amigos soñadores, Xurxo e Nacho, insisten neste empeño de confundir as nosas pegadas e sementalas ó unísono polos camiños dende fai xa dous meses, para apuntalar afectos que non entenden de cambios atmosféricos nin de oscilacións climáticas, e eso lles converte nunha parte importante desa xeografía emocional que conforma a escala dos meus mapas e os seus nomes destacan sobre as topografías dos lugares que tamén levo tatuado, como un vello mariño, no peito.

Tamén baixo esa coroza de pelos, carne e osos que levo baixo a cabeza, teño unha habitación co nome propio de María, nese hotel en permanente estado de ruína que é o meu corazón, coa que me unen lazos máis sólidos que os que amarran os buques nos temporais, e que parece disposta a compartir un anaco dos nosos soños, a pesar de que sexa este o máis intempestivo dos nosos domingos camiñantes. Sen dubida unha muller valente que non teme enterrar as súas botas novas nos sendeiros enlamados a onde nos dirixen as nosas quimeras.

Recorremos a lingua humedecida do asfalto ata darlle as costas á cidade, ata chegar a parroquia de Vincios, pertencente o concello de Gondomar, onde agarda outro deses debedores dos meus afectos, Zalo de Paramos, que decidiu sumar os seus entusiasmos ós nosos, e seguir inventariando territorios incógnitos como dende os afastados tempos nos que xerminou a nosa amizade onde o mundo se chama Sanabria, a pesares de comandar na véspera as súas tropas nas terras do Coura, e nas noites da constitución, que non lle deixaron tregua nin descanso.
E co grupo ó completo dirixímonos ó centro da vila, para seguir coa tradición de encher o estómago antes de acometer a incursión nos grandes espacios, e Tesorito nos pastorea ata un típico polbeiro, con quen negociamos un par de pratos patrióticos que, afortunadamente, veñen acompañados por un alvariño fresquiño e non por unhas gaitas templadas. Contemplamos a nosa curiosa dieta cunha bolsa de buratos de rosquilla, da que damos boa conta mentres nos aproximamos o noso punto de partida no encoro de Zamans.

Baixo o muro de cemento da presa deixamos o vehículo de Zalo, e nos pertrechamos para facer fronte a unha chuvia que non cesou nin un so momento en toda a mañá, cada un coa súa peculiar indumentaria, contemplando o panel informativo do sendeiro das Greas, que inicia aquí unha das súas etapas. Nos eliximos para esta ocasión o PRG 1, pero facéndoo en sentido inverso ó sinalado, ou sexa, comezando no muíño das Maquías, verdadeira reliquia do noso patrimonio etnográfico de dous pisos, o superior utilizado como vivenda, e que despois de ser restaurado foi obxecto de varias incursións vandálicas daqueles que ignoran algo máis que a súa memoria histórica.

Cruzando o río Zamáns, chegamos ata a parede do dique coa súa espita aberta, pola que sae a presión da auga que xa non cabe no seu ventre colmado, e detémonos un instante a contemplar a violencia coa que o río quere volver ó seu leito, salvando esta barreira artificial. Subimos ata o encoro co seu enorme vaso ameazando con derramarse e desestimamos circunvalar o seu perímetro como tiñamos pensado, xa que o camiño que recorre as súas beiras atopase parcialmente anegado. Abandonamos este pequeno mar interior, pospoñendo o seu recoñecemento para mellores ocasións, e seguimos os sinais Blancos e amarelos que nos sinalan o internamento nun dos bosques onde escasean os carballos, e piñeiros e eucaliptos forman unha masa forestal compacta.

Iniciamos unha ascensión que vai gañando metros a un ceo que non deixa de enviarnos os seus xugos, enchendo os estreitos camiños dunha pasta composta por follas en descomposición e lama, e as pistas máis amplas de grandes charcos que temos que sortear con coidado de non enterrar as nosas botas. E conforme imos avanzando cara o macizo rochoso notamos o efecto das diversas capas que nos cobren, espertando os primeiros suores, co que combatemos a baixada de temperaturas que comeza a anunciarnos a proximidade do inverno. Non hai perda posible nesta sucesión de cruces de pistas e sendeiros, pola cantidade de sinais que nos saen ó paso, só nun punto en onde uns bloques de granito a modo de peche nos deteñen, aínda que seguindo de fronte atopamos máis marcas, para continuar ata unha zona de repoboamento onde se intenta facer un pequeno illote de especies autóctonas, onde o camiño gaña en verticalidade e mingua en anchura.

Abandonamos o manto forestal e escalamos un camiño por un empedrado natural que serpentea formando meandros entre unha ampla extensión de toxos e, sobresaíndo entre eles, formacións graníticas de diversos tamaños e caprichosas formas, onde por momentos perdemos de vista a un pequeno can que nos acompaña dende que iniciamos o sendeiros, e que está pensando en adoptarnos.

Completando este tramo chegamos a unha antena de telefonía móbil e acadamos a pista que recorre a ladeira norte do macizo rochoso do Galiñeiro, que xa se atopa ó noso alcance, aínda que a néboa nos impida disfrutar da súa elegante silueta. Aquí os pequenos torrentes de montaña se multiplican tanto en número como en tamaño, inundando en varias ocasións a totalidade da ampla pista de terra, e durante uns poucos metros recuperamos a horizontalidade antes de acometer as últimas rampas que conducen ó cumio. Aínda así cústanos sortear o desnivel que nos separa do cresterío, porque temos que camiñar sobre bloques cada vez máis húmidos e grandes, e tamén empezamos a notar o frío das alturas que se adhire ás partes menos impermeables das nosas anatomías.

Camiñamos baixo a sombra severa do Centinela, unha das zonas máis esixentes da escola de escalada, onde competiron por vencer ós graos máis altos varias xeracións de adictos ó baleiro, entre a matogueira ennegrecida polos fogos infames do verán, que volveron calcinar esta castigada montaña, mentres o vento nos guinda á cara diminutos e afiados disparos de sarabia, que fan que a nosa aguerrida montañeira, María, tema con saír voando en dirección inversa á que pretendemos avanzar.

Por sorte para todos nós o vento non é quen de arrebatarnos a nosa criaturiña celeste, e chegamos ata a Citania que se atopa ó abrigo da ladeira norte, onde sorteamos os restos do muro de defensa do castro, no que apenas se aprecian un par de construccións xa moi deterioradas, e non podemos deixar de imaxinar o precario de vivir nestas altitudes sen o concurso do Gore-Tex, o Water-Pluf, ou calquera dos modernos revestimentos cos que intentamos protexernos do temporal, máis en tal día como hoxe, cando o vento nos fai pensar en desbotar o cumio, o que sen embargo parte o grupo, en medio dunha intensa néboa, para conquistar os seus setecentos metros. Aínda que non todo o grupo, xa que María máis eu quedamos o abrigo dun vivac de pedra facendo balance dos nosos fríos.

Cando regresan os nosos imitadores de O fío do imposible, emprendemos un descenso non exento de perigos, porque ó vento lle temos que sumar o esvaradío de lousas sobre as que descontamos metros, baixo unha cortina pertinaz de auga que non cesa, e non está o día como para torcer un pe e converter unha salda máis ou menos afortunada nun inferno.

Aínda máis no tramo que discorre entre as zonas de Douradulla e os Cornos do Demo, onde en outras condicións físicas e climatolóxicas pasei tantas tardes de agradables escaladas en compaña de tantos amigos que se esvaeceron no aire e que agora son só farrapos da memoria, para conformar esa colección de fantasmas que habitan na miña mochila.

Pouco a pouco abandonamos o coloso granítico e a escola de escalada, descendendo pola aba calcinada, ata acadar a placa en lembranza de Santiago Suárez, alpinista vigués desaparecido durante a ascensión ó Manaslu, na cordilleira do Himalaia, onde se suaviza o terreo e podemos camiñar sen as dificultades derivadas da verniz húmido da chuvia sobre as pedras desgaxadas do macizo.

Pouco a pouco deixamos atrás esta montaña onde habitan algúns dos mellores días da miña vida, ata chegar ó Refuxio Miguel Regueira, propiedade dos Montañeiros Celtas, onde cruzamos a pista de terra para continuar ata o Parque Forestal, coa súa infraestructura de fontes e merendeiros, e ata onde chegou o asfalto para mellor servicio das industrias madeireiras e as numerosas canteiras que ameazan todo este entorno.

Atravesamos novamente un bosque mixto de piñeiros e eucaliptos, descendendo á par dos torrentes de auga que incrementan o seu caudal ata formar auténticos ríos. E nos últimos tramos camiñamos sobre estes ríos marróns onde hai tanta lama como auga. Só nos queda, como epílogo ó noso periplo, atravesar o túnel que sortea a autopista, cegos como Polifemos, para completar os nosos modestos soños.

A6 Sendeiro do Lombo da Raposa (Gondomar)

Sábado, 13 de maio de 2006

Partimos para este recorrido do encoro de Zamáns, ó que accedemos dende a parroquia de Vincios, no cruce da estrada que une os concellos de Gondomar e O Porriño, e subindo polo vial que nos leva de Castrelos a Valadares, populosas parroquias de Vigo. Deixamos o noso vehículo no camiño que leva á presa, e tralos estiramentos pertinentes internámonos no monte que se reflexa nas augas do encoro. Recorremos o perímetro completo deste mar interior, saíndo dende enriba da parede da presa, no sentido das agullas do reloxo.

Camiñamos por unha pequena senda de pescadores, que neste día salpican as beiras baixo a sombra de frondosos carballos, bidueiros e salgueiros, e outras especies características das ribeiras fluviais. Tamén hai unha grande variedade de especies vexetais tapizando o chan durante todo o traxecto, e bótase de menos algún panel explicativo de toda esta riqueza natural, nun lugar tan accesible para o lecer da xente da cidade. Así imprimimos as nosas pegadas ensombrecidas en verdadeiras alfombras de enredadeiras que dende a terra, correndo polos troncos das árbores, queren acadar o ceo.

Conforme nos afastamos da estraba estréitase a senda, e ás veces semella que camiñamos por unha xungla, sorteando xigantescos fentos, ortigas ameazantes e multitude de prantas que dobran o seu tamaño habitual grazas á humidade permanente deste particular hábitat. Só nun momento temos dúbidas no recorrido, ó cruzar o río Zamáns, que dá orixe á lagoa artificial, xa que temos que atopar o paso axeitado para non mollar os pes. Semella mentira que este modesto río fose quen de encher o enorme vaso onde se derrama, antes de continuar o seu curso.

Unha vez sorteado este obstáculo levamos xa a metade do perímetro do encoro, e neste punto é onde hai máis abundancia de prantas acuáticas, como carrizos e xuncos, e onde máis árbores atopamos mergullados na auga. Aquí tamén atopan refuxio os parrulos e outras pequenas aves habituais deste tipo de humedais. Pegada a pegada descontamos camiño para acadar novamente o muro da presa, e antes de facelo atopamos os sinais do PRG 1, que vai cara o Galiñeiro, e por el comezamos a ascensión, deixando as augas encoradas ás nosas costas.

Avanzamos entre piñeiros e eucaliptos, por unha sucesión de sendeiros e pistas, sen abandonar nunca a ruta sinalizada, chegando en pouco tempo a San Cibrán, onde atopamos un repoboamento de castiñeiras, onde se divisa a ladeira norte do macizo rochoso que temos como obxectivo.

Atravesándoa enlazamos un camiño que semella escavado na pedra, franqueado por toxos e carqueixas, con flores amarelas e violetas e, sobresaíndo deste océano de arbustos, curiosas illas de granito, con insólitas formas e variados tamaños, erosionadas pola choiva, polo vento e polas variacións climáticas. Dende unha delas detémonos a observar o desnivel e vemos ala abaixo, entre unha densa masa forestal, o encoro de Zamáns e unha extensa panorámica da Baía de Vigo.

Continuando chegamos ata unhas antenas de telefonía e saímos á pista central que circunvala o cordal granítico e camiñando uns metros á dereita abandonámola, xunto co sendeiro sinalizado, para ascender á esquerda por un torrente seco que se vai abrindo para formar un cortalumes, que nos conduce sorteando un forte desnivel cara o cumio. Este é o tramo máis penoso, porque á inclinación do terreo temos que engadirlle a irregularidade do chan, erosionado pola auga, e a ausencia de árbores que nos garden dun sol rabiosamente primaveral.

Pouco a pouco aproximámonos ó vértice xeodésico, esas curiosas sinalizacións de cemento empregadas na cartografía antes de ser trocadas polos modernos satélites, onde constatamos os case 700 metros de altitude, e dende onde acadamos as vistas máis sorprendentes de toda a montaña. Ós nosos pes a cidade de Vigo, e separada por unha lingua de mar, a comarca do Morrazo.

Dende aquí tamén vemos o noso próximo obxectivo: o Lombo da Raposa, a onde nos diriximos despois de repoñer líquidos e forzas, dándolles as costas ó vértice, que queda á nosa dereita. Dende aquí collemos unha pista de terra que descende abruptamente por unha pedreira que remata nuns penedos dende onde observamos as opcións para chegar á pista que nos levará ó cumio.

Á nosa dereita observamos un pequeno sendeiro entre toxos e carqueixas, polo que completamos o descenso. Agora os nosos pasos son máis que evidentes, porque a pista, accesible incluso para vehículos a motor, é a única opción.

Cada vez hai máis facilidades para acceder a estes solitarios paisaxes sen ter que empregar as pernas, o que contribúe a súa degradación. Completando o ascenso atopamos unha caseta de vixilancia forestal, dende onde se controla todo o Val de Louriña, franqueado polas Serras do Galleiro e polos cantís de Budiño, e polo monte Aloia que asoma o pobo de Prado, que semella unha illa entre un océano de piñeiros. Tamén aquí se domina todo o Val Miñor, coa enseada de Baiona entre brétema, coas pequenas Illas Estelas enfrontadas a Monteferro, e unha ampla panorámica do macizo do Galiñeiro, que rematamos de sortear, tapando a vista á metrópole. E ó lonxe, na boca da ría, as Illas Cíes como derradeiras pegadas de terra antes de enfrontar a inmensidade do océano.

Despois de recrear un bo anaco a vista dende esta atalaia privilexiada desandamos o camiño recorrido e ó chegar ó cruce onde remata o descenso seguimos de fronte, deixando o vértice xeodésico, e por ende todo o macizo, á nosa esquerda. Por unha pequena pista internámonos nun bosque de piñeiros que nos leva cara o Saramagal. Nas súas abas atópase un parque forestal onde podemos repoñer a augas que comeza a escasear nas nosas cantimploras, e descansar antes de acometer o derradeiro tramo do noso recorrido á sombra dos piñeiros e carballos que poboan esta paraxe salificada de enormes mesas e bancos de granito.

Aquí hai un cruce onde converxen varios sendeiros: o GR 53.2 en dirección A Garrida (A Pasaxe) pasando por Galiñeiro-Arruidos, ou cara o parque forestal de Zamáns, e tamén nos indican a dirección do Coto do Mediodía e a Virxe das Neves. Escollemos a primeira das opcións, e seguimos os sinais brancos e vermellos por unha pista ampla ata acadar á nosa dereita as marcas brancas e amarelas do PRG 1, por onde ascendemos, e que agora facemos en sentido inverso.

Así chegamos ó encoro de Zamáns, catro horas despois de iniciar a marcha, e desbotando unha nova circunvalación á lagoa seguimos á esquerda, pasando baixo a parede da presa, para chegar ó complexo etnolóxico dos Muíños das Maquías, onde constatamos outra vez que os vándalos cebáronse cos carteis explicativos relativos á flora e fauna destas paraxes. Con isto abandonamos o camiño, con gañas de descubrir outros.

Seguidores