A6 Sendeiro do Lombo da Raposa (Gondomar)

Sábado, 13 de maio de 2006

Partimos para este recorrido do encoro de Zamáns, ó que accedemos dende a parroquia de Vincios, no cruce da estrada que une os concellos de Gondomar e O Porriño, e subindo polo vial que nos leva de Castrelos a Valadares, populosas parroquias de Vigo. Deixamos o noso vehículo no camiño que leva á presa, e tralos estiramentos pertinentes internámonos no monte que se reflexa nas augas do encoro. Recorremos o perímetro completo deste mar interior, saíndo dende enriba da parede da presa, no sentido das agullas do reloxo.

Camiñamos por unha pequena senda de pescadores, que neste día salpican as beiras baixo a sombra de frondosos carballos, bidueiros e salgueiros, e outras especies características das ribeiras fluviais. Tamén hai unha grande variedade de especies vexetais tapizando o chan durante todo o traxecto, e bótase de menos algún panel explicativo de toda esta riqueza natural, nun lugar tan accesible para o lecer da xente da cidade. Así imprimimos as nosas pegadas ensombrecidas en verdadeiras alfombras de enredadeiras que dende a terra, correndo polos troncos das árbores, queren acadar o ceo.

Conforme nos afastamos da estraba estréitase a senda, e ás veces semella que camiñamos por unha xungla, sorteando xigantescos fentos, ortigas ameazantes e multitude de prantas que dobran o seu tamaño habitual grazas á humidade permanente deste particular hábitat. Só nun momento temos dúbidas no recorrido, ó cruzar o río Zamáns, que dá orixe á lagoa artificial, xa que temos que atopar o paso axeitado para non mollar os pes. Semella mentira que este modesto río fose quen de encher o enorme vaso onde se derrama, antes de continuar o seu curso.

Unha vez sorteado este obstáculo levamos xa a metade do perímetro do encoro, e neste punto é onde hai máis abundancia de prantas acuáticas, como carrizos e xuncos, e onde máis árbores atopamos mergullados na auga. Aquí tamén atopan refuxio os parrulos e outras pequenas aves habituais deste tipo de humedais. Pegada a pegada descontamos camiño para acadar novamente o muro da presa, e antes de facelo atopamos os sinais do PRG 1, que vai cara o Galiñeiro, e por el comezamos a ascensión, deixando as augas encoradas ás nosas costas.

Avanzamos entre piñeiros e eucaliptos, por unha sucesión de sendeiros e pistas, sen abandonar nunca a ruta sinalizada, chegando en pouco tempo a San Cibrán, onde atopamos un repoboamento de castiñeiras, onde se divisa a ladeira norte do macizo rochoso que temos como obxectivo.

Atravesándoa enlazamos un camiño que semella escavado na pedra, franqueado por toxos e carqueixas, con flores amarelas e violetas e, sobresaíndo deste océano de arbustos, curiosas illas de granito, con insólitas formas e variados tamaños, erosionadas pola choiva, polo vento e polas variacións climáticas. Dende unha delas detémonos a observar o desnivel e vemos ala abaixo, entre unha densa masa forestal, o encoro de Zamáns e unha extensa panorámica da Baía de Vigo.

Continuando chegamos ata unhas antenas de telefonía e saímos á pista central que circunvala o cordal granítico e camiñando uns metros á dereita abandonámola, xunto co sendeiro sinalizado, para ascender á esquerda por un torrente seco que se vai abrindo para formar un cortalumes, que nos conduce sorteando un forte desnivel cara o cumio. Este é o tramo máis penoso, porque á inclinación do terreo temos que engadirlle a irregularidade do chan, erosionado pola auga, e a ausencia de árbores que nos garden dun sol rabiosamente primaveral.

Pouco a pouco aproximámonos ó vértice xeodésico, esas curiosas sinalizacións de cemento empregadas na cartografía antes de ser trocadas polos modernos satélites, onde constatamos os case 700 metros de altitude, e dende onde acadamos as vistas máis sorprendentes de toda a montaña. Ós nosos pes a cidade de Vigo, e separada por unha lingua de mar, a comarca do Morrazo.

Dende aquí tamén vemos o noso próximo obxectivo: o Lombo da Raposa, a onde nos diriximos despois de repoñer líquidos e forzas, dándolles as costas ó vértice, que queda á nosa dereita. Dende aquí collemos unha pista de terra que descende abruptamente por unha pedreira que remata nuns penedos dende onde observamos as opcións para chegar á pista que nos levará ó cumio.

Á nosa dereita observamos un pequeno sendeiro entre toxos e carqueixas, polo que completamos o descenso. Agora os nosos pasos son máis que evidentes, porque a pista, accesible incluso para vehículos a motor, é a única opción.

Cada vez hai máis facilidades para acceder a estes solitarios paisaxes sen ter que empregar as pernas, o que contribúe a súa degradación. Completando o ascenso atopamos unha caseta de vixilancia forestal, dende onde se controla todo o Val de Louriña, franqueado polas Serras do Galleiro e polos cantís de Budiño, e polo monte Aloia que asoma o pobo de Prado, que semella unha illa entre un océano de piñeiros. Tamén aquí se domina todo o Val Miñor, coa enseada de Baiona entre brétema, coas pequenas Illas Estelas enfrontadas a Monteferro, e unha ampla panorámica do macizo do Galiñeiro, que rematamos de sortear, tapando a vista á metrópole. E ó lonxe, na boca da ría, as Illas Cíes como derradeiras pegadas de terra antes de enfrontar a inmensidade do océano.

Despois de recrear un bo anaco a vista dende esta atalaia privilexiada desandamos o camiño recorrido e ó chegar ó cruce onde remata o descenso seguimos de fronte, deixando o vértice xeodésico, e por ende todo o macizo, á nosa esquerda. Por unha pequena pista internámonos nun bosque de piñeiros que nos leva cara o Saramagal. Nas súas abas atópase un parque forestal onde podemos repoñer a augas que comeza a escasear nas nosas cantimploras, e descansar antes de acometer o derradeiro tramo do noso recorrido á sombra dos piñeiros e carballos que poboan esta paraxe salificada de enormes mesas e bancos de granito.

Aquí hai un cruce onde converxen varios sendeiros: o GR 53.2 en dirección A Garrida (A Pasaxe) pasando por Galiñeiro-Arruidos, ou cara o parque forestal de Zamáns, e tamén nos indican a dirección do Coto do Mediodía e a Virxe das Neves. Escollemos a primeira das opcións, e seguimos os sinais brancos e vermellos por unha pista ampla ata acadar á nosa dereita as marcas brancas e amarelas do PRG 1, por onde ascendemos, e que agora facemos en sentido inverso.

Así chegamos ó encoro de Zamáns, catro horas despois de iniciar a marcha, e desbotando unha nova circunvalación á lagoa seguimos á esquerda, pasando baixo a parede da presa, para chegar ó complexo etnolóxico dos Muíños das Maquías, onde constatamos outra vez que os vándalos cebáronse cos carteis explicativos relativos á flora e fauna destas paraxes. Con isto abandonamos o camiño, con gañas de descubrir outros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores