A5 Sendeiro circular de Priegue (Nigrán)

Mércores, 10 de maio de 2006

A primavera volveu con ganas de instalarse definitivamente, e os areais da costa mais preta ós núcleos urbanos comeza a ser devorada pola xente. Eu mesmo estou a punto de caer na tentación de estomballarme como un lagarto das silveiras, para facer a dixestión dunha rincha enorme que acaba de saltar do mar ó forno, e dende alí ó meu estómago. Pero aínda non estou preparado para multitudes, así que decido volver polos meus foros.

Conduzo pola N-550 de Vigo a Baiona, ata chegar a unha rotonda situada na entrada de Priegue, e alí tomo á esquerda a rúa Mestra Emérita, e novamente á esquerda a rúa Don Marcial que me leva á igrexa de San Mamede, onde se inicia o PRG 60. Sigo ascendendo a mesma rúa onde abandonei, á sombra do cemiterio, o coche, ata chegar a unha balconada con dous cruceiros. Á súa dereita teño que seguir un camiño de terra entre chalets.

Durante a primeira parte do recorrido atopo gran cantidade de construccións como estas, competindo en luxo e grandeza, moitas delas con piscina e xardín. Observo no horizonte as Illas Cíes, defendendo a entrada da ría, e constato que o emprazamento destas vivendas non é casual: as vistas espectaculares sempre chaman ós cartos.

Saio outra vez ó asfalto, á rúa do Penedo, e descendo por ela á rúa Condomínguez, que tomo á esquerda e que non abandonarei nun bo treito, camiñando polo seu firme asfaltado, desbotando todas as bifurcacións que me saen ó paso. Continuando por ela chego ó campo de fútbol e a unha estación de augas, e me deteño a contemplar a Ensinada de Baiona, e a foz do Río Miñor.

Sorte que corre unha lixeira brisiña, e que aínda estamos en maio, porque camiñando este asfalto dentro de dous meses, nun deses clásicos días de lume, íanse a quitarme as ganas de sendeirismo. En fin, continuo prestando atención ó que ocorre á beira do camiño, observando as diversas formas e cores das casas dor ricos, medindo o longo das súas piscinas ou a súa colección de pedras erosionadas, pero nada tan curioso como o do seareiro que reproduxo con cemento o escudo celtista na súa cheminea.

Pouco máis adiante desta curiosidade tomo á esquerda a rúa Sanromán en sentido ascendente pasando un taller de reparación de embarcacións de recreo, ata acadar a rúa da Mámoa, que sigo á dereita. Neste traxecto deixo a ensinada de Baiona ás miñas costas e os meus ollos recorren golosos o horizonte, e énchense de montañas, o Aloia ó lonxe, e máis preto o Monte Castelo, e máis alá a silueta elegante do Galiñeiro e o Lombo do Raposo.

O asfalto comeza a pesar aínda que a paisaxe mude. Como non se ve o mar as construccións de luxo empezan a escasear, e o entorno é máis rural, con campos labrados e casas rústicas. E tamén prados onde pacen tranquilos equinos, seguramente descendentes daqueles que eran utilizados en tarefas agrícolas.

O derradeiro tramo asfaltado ten unha forte pendente, acadando O Castro, lugar onde seguramente existiu algún asentamento deste tipo, aínda que non se coñeza a súa localización exacta. Cando chego ó final do traxecto urbanizado teño que tomar un camiño á esquerda chamado Codaval que arrinca xunto á casa máis afastada.

É outra sensación a de camiñar pisando terra, rodeado de xestas coa flor amarela, a pesares de que a sombra sexa en gran parte ofrecida por eucaliptos e piñeiros. Non levo recorrido máis de cen metros e xa saio a un cruce de camiños, onde me deteño a contemplar unha curiosa cabana sobre un carballo, como a que soñaba na miña infancia. Non é máis que un montón de chapas e táboas apuntaladas, pero que bo refuxio para illarse dos maiores a maquinar aventuras e botar unhas caladas ós primeiros xarotos.

Deixando atrás a cabana, xiro á dereita, collendo o camiño do monte, un estreito pedregal de lixeiro desnivel, ata acadar un sendeiro, tamén angosto, cara á esquerda. Discorre este sobre unha basta extensión de piñeiros alfombrados por tupidos fentos, e va adquirindo unha forte pendente. Teño que sortear en máis dunha ocasión algún destes exemplares abatidos ata saír a unha pista forestal que descendendo cara a esquerda me conducen ós petroglifos do Outeiro Grande.

Apenas distingo os círculos concéntricos característicos desta mostra de arte rupestre, porque o estado de abandono é tal que non sei se algunha vez algunha institución pública ou organización popular tivo algún interese na súa conversación. Tal é a consideración que nos merece a nosa historia. Tanto como a natureza, porque nese pequeno traxecto xa tiven dous desagradables encontros con vehículos a motor, os dous circulando a gran velocidade. Así somos e así nos vai.

En fin, sigo de fronte pola pista ata chegar a unha bifurcación onde debo continuar polo ramal dereito, de forte pendente. Aquí, como o resto do sendeiro, é moi importante non perder as sinalizacións brancas e amarelas, que aínda que bastante difuminadas son imprescindibles para non perderse neste labirinto de pistas e camiños.

Aínda atopo outros dous cruces que collo, o primeiro na dereita e o segundo a esquerda, seguindo a pista central. Se non atopo ningunha marca é que vou na mala dirección e teño que dar a volta, non hai outra. Aquí muda un pouco a paisaxe e comezan a verse especies arbóreas autóctonas.
Despois comeza un pronunciado descenso que me leva a unha pista moi ampla, e en fronte dunha atalaia de rochas dende onde observo unha boa panorámica do Val Miñor.

Xirando á esquerda desemboco nun parque forestal, cunhas mesas de granito baixo uns eucaliptos enormes. Como sempre nestes lugares hai lixo por todas partes, e non deixo de pensar en que clase de xente é capaz de vir a pasar unha tarde no monte e deixalo nese estado.
Aproveito para encher a miña cantimplora e refrescarme un pouco na fonte e continúo descendendo para chegar a un curioso oasis forestal. Un pequeno souto que dende a beira dereita se enfronta a un imperio de eucaliptos.

Non tardo en deixar atrás o parque e chegar a un cruce de pistas. A unha sombra dun muro de pedra un poste de madeira indica que direccións podo tomar, xa que aquí conflúen o PRG 60, o 61 e o 53. Nesta ocasión está bastante claro e collo o ramal esquerdo para completar o recorrido, seguindo en sentido ascendente. Non tardo en chegar a outro cruce, tamén sinalizado, dende onde observo o pobo de Chandebrito, o Monte Cepudo e o Outeiro de San Bartolomeu. Deixo esta vista ás miñas costas e continúo o meu camiño, cara a esquerda, onde atopo outro poste con diferentes variantes do PRG 61 que descarto.

Este é o tramo onde a sinalización está en peores condicións, por eso é importante non saír da pista central, aínda que me salgan ó paso múltiples opcións, varias veces atopo cruces de varias pistas, e sempre debo dirixirme cara á esquerda, ata acadar unha zona recentemente repoboada, onde comezo a descender abruptamente para chegar a un depósito de augas.

Neste lugar comeza outra vez o asfalto, chegando a rúa Navas, que me leva directamente á igrexa de San Mamede, onde rematan as miñas pegadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores