A7 Sendeiro dos muiños de Gargamala (Mondariz)

Domingo, 17 de maio de 2006

Hoxe fago unha excepción no meu club de camiñante solitario, e recruto a Samuel para que me acompañe a sementar pegadas polas congostras e canicouvas deste sendeiro de pequeno recorrido próximo á casa rural dos meus proxenitores. Así o rescato dunha tarde intensiva de debuxos animados, e o animo a respirar un pouco de osíxeno, e a mover un pouco as pernas.

Accedemos ó inicio do sendeiro dende Mondariz, cargando nas mochilas os chuvasqueiros, a froita e os bocadillos, cruzando as aldeas de Riofrío e Frades, ata a igrexa de Santa María de Gargamala, en Barro, onde aparcamos o vehículo que nos truxo ata aquí. Continuamos a través da estrada que leva ó centro deste barrio, onde podemos ver un escudo da Santa Inquisición, onde intento explicarlle ó meu acompañante o terrible significado desta institución medieval.

Ó finalizar o núcleo rural collemos un pequeno camiño á esquerda, internándonos no Val de Boente, salpicado de prados intercalados con carballeiras. Ás súas sombras van os nosos pasos ata chegar á curiosa fonte de Boente, senlleira construcción de pedra en forma de cova, dende onde mana un pequeno regueiro.

Algúns metros máis ala atopamos unha casa cos sillares dun antigo canastro desaparecido, e seguimos de fronte, sorteando máis casas. Estamos no lugar de Barral, dende onde continuamos por unha pista de terra, sempre paralela ós campos, moitos aínda labrados.

Outro pequeno núcleo de poboación é o lugar de Boirás, onde tamén atopamos viñedos. Estes campos que recorremos eran antigamente transitados por carros arrastrados por bois, e ás veces atopamos as pegadas das súas rodas furando as pedras. Intento manter o interese do pequeno camiñante coa búsquea dos sinais que, certamente, están ben agochados, mentres o ceo mantén unha ameaza constante.

Nun cruce de tres direccións collemos a opción da esquerda, onde discorre un regato afirmado con pequenos croios, sobre os que saltamos para evitar mollarnos os pes, máis aínda Samuel que non ten un calzado demasiado adecuado para a ocasión.

Un pouco máis ala cruzamos o río Boente por unha pontella de grandes laxas apostadas sobre un sillar central, e á dereita tamén observamos unha curiosa levada de pedra. Na seguinte bifurcación que nos sae ó paso tiramos á esquerda, ata acadar novamente o asfalto e seguindo de fronte internámonos no pobo de Mourelle, que nos recibe cun rudimentario cruceiro, que deixamos á nosa dereita para camiñar ó carón dun gran muro de pedra.

Uns metros máis adiante atopamos un lavadoiro enorme e unha fonte de auga potable, debemos seguir de fronte, atentos ós sinais que xa dende o principio escasean. Camiñamos sobre rúas cementadas, entre casas abandonadas e outras aínda habitadas pero cos estragos do tempo trabando as súas fachadas, como un casal coas viñas aínda traballadas, e plantacións de patacas e verzas, e ovellas á sombra do canastro ou do patín. Aquí atopamos outro cruceiro, aínda máis senlleiro co anterior, e un peto de ánimas integrado no muro dunha casa, onde temos que tomar cara a dereita.

Xa saíndo á estrada outra vez collemos a dirección da dereita desbotando o indicador do pobo de Rúa, aínda que erramos e andamos un bo treito na dirección oposta, polo que temos que retroceder ó non atopar ningunha marca. Pasando por diante de Casa Carme, e chegando a unha marquesiña, subimos cara a esquerda onde comezamos un bo tramo de asfalto pola zona de Traspielas.

Ascendemos en dirección ó Coto de Monzón, pero sen abandonar a estrada, e baixo a súa sombra observamos as ruínas de varios muíños: o de Rolán, o do Frade, o muíño Grande, algún totalmente sepultado por unha densa capa de silveiras.

Neste punto atopamos un rabaño de cabuxas e ovellas, pastoreadas por unha velliña que nos ilustra con historias destes lugares e das súas xentes. Con esta compaña chegamos ó Chan de Queirón, onde hai uns enormes pastos, con un bo número de vacas e cabalos pastando en aparente liberdade, e alí atopamos unhas corroídas indicacións dun desvío que nos conduce cara unha mámoa, monumento funerario do que so podemos vislumbrar todo o que nos explica o panel que está na súa base, tal é o estado de abandono da zona.

Volvémonos perder e andamos outro bo treito por unha ampla pista franqueada de eucaliptos, ata que nos desanimamos por non atopar os sinais do sendeiro e voltamos á mámoa, onde nos sentamos a dar boa conta das provisións que levamos na mochila, mentres Samuel asiste a unha clase non exenta da miña caduca ideoloxía sobre os nosos ancestros, en fin, todas esas cousas de pobo e patria que me saen da cabeza para explicarlle a historia, tan diferentes das que escoita no colexio.

Desandamos o camiño recorrido e seguimos de fronte, bordeando os pastos, ata chegar a un merendeiro, onde desbotamos a estrada e cruzamos un cercado para ascender cara o monte, e seguindo unha pista chegamos ó lugar de Portacurvo. Aquí tamén temos indicadores para acceder a outro merendeiro e a un foxo, curiosa trampa para lobos que se atopa no mesmo estado lamentable que tódolos sitios de interese que deixamos atrás. É providencial este lugar no momento en que lle fraquean as forzas ó meu sobriño: non hai nada que anime máis a un neno para non quedarse atrás que a inminencia da noite e a presencia de feros caninos.

Outra vez temos que volver sobre as nosas pegadas para retomar o sendeiro, e esta vez vamos a presa, porque as nubes que non acompañaron o camiño ameazan agora con descargar. Por se acaso poñemos os chuvasqueiros antes de que a incontinencia do ceo nos cubra por completo.

Chegamos así á Laxa de Esperón, onde nos detivemos a buscar as formas características dos petroglifos: espirais, labirintos, cervos, arqueiros... dispersos por un campo minado de laxes, como se dun libro a ceo aberto se tratase. Tamén aquí é patente o abandono no que atopan estes monumentos dunha cultura da que tan pouco se sabe, anterior á invasión e a colonización romanas. Á saída deste mapa cuberto de enigmas, coas presas e o cansazo, caese o bo de Samuel para probar a lama do camiño, por sorte sen máis consecuencias que manchar o seu atavío deportivo.

Empeza a chover e saímos á estrada, e ante a insistencia da chuvia e a falta de sinais baixamos cara o pobo, por unha empinada congostra de esvaradías pedras, e despois botámonos literalmente á estrada, apurando un bo tramo de asfalto, para acadar vinte minutos despois a Igrexa de Gargamala.

Quedárannos pendentes os muíños de Rodos, os mellor conservados do sendeiro, e a Torre da Pedra, que deixamos para mellor ocasión.

Sorrío satisfeito ó constatar que o meu mollado e cansado amigo resistiu o envite das tres horas de camiño,salvando unha distancia de dez quilómetros e un desnivel de cento cincuenta metros. Con todo desexoso de volver a súa sesión de debuxos animados, despois dunha ducha obrigada. Agardo que algunha chispa se prendera na súa cabeciña e o veleno que me obriga a volver unha e outra vez en busca de grandes espazos lle recorra agora as veas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores