E63 Sendeiro do Galiñeiro (Vigo)



Domingo, 23 de decembro do 2007

O ano vai consumindo os seus derradeiros días, e quizais por iso decido facer un exercicio de nostalxia para completar o meu ciclo de andainas, sen máis compaña que un feixe de fantasmas que resisten o paso do tempo na miña mochila. Non podería precisar cantas veces subín pola estrada de Valadares, co mesmo destino que hoxe teño, aínda que con outros obxectivos máis ambiciosos: ó principio co afán de ascender as súas pistas coa miña bicicleta de montaña, e despois coa adición por percorrer as liñas verticais que se multiplican no seu granito. Eso si, podo asegurar que cada vez era diferente, e agora máis diferente que nunca.

O Bar Dany, na parroquia de Vincios, onde parabamos a beber cervexas e comer manises despois das xornadas de escalada, chámase agora Bugus, e transformouse nun deses sitios ruidosos, onde poder mandarlle un prato combinado ou un cubata de ron, algo parecido a eses bares de estrada da América profunda. Aínda así decido asumi-lo risco de probar a súa cociña, e mentres tomo un café con leite e doulle unha volta ás noticias do país, agardo por un bocata de lombo con queixo, que espero saborear no cumio.

Parto lixeiro cruzando o río Zamáns por unha pontella de madeira, xusto detrás do bareto reconvertido, accedendo a unha pequena carballeira que me fai gastar os primeiros disparos, consciente de que a masa forestal que cruzarei despois non é tan amable, e comezo a atopar as marcas do PRG 1, o sendeiro que me propoño completar, e que teñen o aspecto de ser repintadas fai ben pouco.

Resisto a tentación de atallar polo paso soterrado, unha tubaria ó fin e ó cabo, que pasa debaixo da autoestrada, e seguir as indicacións, aínda que esto me obrigue a comerme unha boa porción de firme alcatreado. Cando o terreo empeza a gañar verticalidade atopo un panel indicador do percurso que me confirma que, despois dunha morea de anos de abandono, foi limpado e remarcado polo club dos Montañeiros Celtas.

Pasando unha pequena canteira, e o cruce da pista que leva ó picadeiro, o sendeiro abandona a estrada que se dirixe ó Aloia, e internase nunha masa forestal de eucaliptos, ó carón dun pequeno regato que, en tempos de chuvia, como a última vez que pasei por aquí, anega totalmente o camiño.

Seguindo o estreito fío de auga chego ata o prado onde se atopa a fonte, na que teño a intención de encher a cantimplora, xa que o sol está a pegar con ganas, e xa estou suando a camiseta, pero levo a desagradable sorpresa de atopala seca, e teño que cagarme no cambio climático, tragar un pouco máis de area e segui-la miña ascensión. Polo menos o bosque amabilizase, e os eucaliptos deixan paso a unha masa compacta de piñeiros, alfombrados de fentos.

Pouco a pouco xurde a silueta do Monte Galiñeiro, un impresionante macizo granítico que recorta o azul do ceo, e ó pouco tempo ábrese un claro na fraga e saio ó Parque Forestal, un merendeiro con bancos e mesas de pedra, cunha horrible lagoa artificial e sen unha fonte na que facerme cunha provisión de auga. Só me deteño para curiosear no cartel que marca o inicio do PRG 2, o sendeiro do Aloia, e lembro a noite que o recorrín na compaña das tropas congostreñas, comandadas polo Zalo de Paramos, ese home que non se esgota de coleccionar camiños a un e outro lado da fronteira.

Polo visto tamén este percurso está remarcado polos Montañeiros Celtas, polo que anoto mentalmente na miña axenda como un dos que teño que volver a percorrer este ano novo.

Unha costa cada vez máis empinada lévame ata o Refuxio Miguel Regueira, do mesmo club que sinalizou o recorrido, e atalaia privilexiada sobre o Val Miñor, a Ría de Vigo, e os montes Mauxo e Alba, así como as diversas poboacións da comarca. Só por estas vistas xa paga a pena o esforzo, e asómbrame que moitos vigueses non subiran nunca ata aquí, aínda que fora por votar unha ollada a vista de paxaro do sitio onde viven.

Agora subo entre unha sucesión de bloques de granito, desgaxados do macizo, sen máis sombra que a das xestas, i eso onde crecen, porque esta é a parte máis castigada polo lume dos anos anteriores, que chegaron case ata a escola de escalada. Alí algunhas cordadas de locais debuxan vías que me son coñecidas: a Ruta Máxica Directa, un dos 6a, xunto ca veciña Canastos, que máis veces disfrutei na zona da Bismark, e un pouco máis ala, no sector das Verticais, un sexto bonito, a Muller Fatal, chea de agarres romos e regretas que teñen tamén a miña pegada.

E que, como dixen ó principio, subir ata o Galiñeiro é un exercicio de nostalxia, e non podo evitar que algo se remexa no meu ventre.

Por se fose fame, decido dar boa conta do bocata no caos de granito que se estende baixo os Cornos do Demo, outra das clásicas, e volvo botar de menos que ningunha das fontes polas que pasei na miña andaina (a última ós pés do refuxio dos Celtas) botase auga.

Así que me deteño o tempo xusto para tranquilizar o meu estómago, e continuo a ascensión ata o Cumio Norte, de 694 metros, onde se completa a panorámica ata acadar o Val de Louriña, os montes do Paradanta, e mesmo a Serra do Leboreiro, que comparten Galiza e Portugal.

Desboto a idea de continuar ata o Cumio Sur, de 709 metros, aínda que o paseo pola cresta sexa moi apetecible, xa que as horas de luz que me quedan vanme dar o xusto para completar o meu círculo, polo que desfago parte do camiño, ata chegar ós restos do Castro do Galiñeiro, un pequeno poboado prerrománico, onde os sinais do sendeiro márcanme o inicio do descenso, cara o encoro de Zamáns.

Neste tramo do sendeiro é no único que teño algunhas dúbidas sobre a dirección a seguir, porque os bloques de granito esnaquizados fan da cara norte da serra un conxunto caótico, onde é imposible debuxar un camiño.

De tódolos xeitos os montañeiros celtas fixeron un bo traballo, ademais de limpando a zona de paso, marcando o PRG, e non tardo moito en atopar outra vez as marcas brancas e amarelas, que me levan ata a pista que enlaza co vértice xeodésico, e dende alí ca que ven do Lombo do Raposo, onde está a caseta de vixilancia forestal.

Lembro a derradeira vez que subín ata alí en bicicleta, apertando o cu para non botar os riles, sentíndome conquistador dun cumio incógnito, para botar unha parolada co rapaz que custodiaba os montes, atento a calquera indicio de lume, e que subira moito máis descansado, nun todoterreo.

Con estas olladas ó pasado chego ata a pista forestal que secciona en dous a Serra do Galiñeiro, e ós poucos metros desvíome, seguindo sempre o itinerario marcado, para camiñar por un estreito carreiro entre toxos e xestas, onde me deteño a contemplar a silueta do ciclope de pedra, tralo que comeza a agocharse o sol.

Teño que darme algo de presa, se non quero que me atrapen as sombras, así que apuro o paso nun abrupto descenso que se suaviza en canto chego á fraga.

Outra vez avanzo entre piñeiros, e agochados baixo a frouma atopo unha boa variedade de cogomelos que non son quen de apañar, porque non me fío moito de sé son comestibles ou velenosos, e o bosque de piñeiros múdase en praga de eucaliptos, case ata chegar ás beiras do Encoro de Zamáns.

A ausencia de chuvias nos últimos meses deixou o seu enorme vaso medio baleiro (ou medio cheo, sempre dependendo de quen o mire) o que é unha invitación perfecta para alongar o percorrido circunvalando o seu litoral, para darnos un aire, que diría o Caudillo. Así que desboto o camiño que xa coñezo, que rodea o lago artificial entre salgueiros, bidueiros e carballos, e avanzo pretiño da auga, con coidado iso si, de non enterrar as botas na lama, non teño que esquecer que este terreo está a maior parte do ano mergullado.

É unha paisaxe inquedante a dos encoros, como tódalas actuacións humanas na natureza, e sen embargo non podo deixar de sentir unha forte atracción cara eles, imaxinándome lendas de criaturas mitolóxicas agochadas no seu leito.

Non son o único a quen lle atrae un paseo polas súas ribeiras, xa que coincido con tres rapazas, ataviadas para unha travesía polar, nada máis cruza-lo minguado río Zamáns. Neste extremo, o máis afastado da presa, crecen unha multitude de plantas acuáticas: carrizos, espadanas e xuncos, que en ocasións semellan un cultivo de cereais, e onde máis cantidade de aves se poden atopar. As últimas luces do día permítenme rexistrar belas postais co reflexo dos montes e da presa no espello das augas embalsadas, cousa bonita.

Completada a circunferencia ao redor do litoral lacustre, xa cas sombras gañando terreo, descendo a carón do muro da presa, por onde sae un delgado fío de auga, e volvo cruza-lo río por unha das canles dun muíño derruído e invadido polas silveiras, ata que volvo a atopa-las marcas do Sendeiro do Galiñeiro, que me levan, por unha fermosa fraga de ribeira, ata os Muíños das Maquías, un fermoso conxunto etnográfico recuperado polo concello de Vigo, no que está inscrito a parroquia de Zamáns.

Láiome de non ter o tempo de determe un intre neste fermoso lugar, pero a noite vai devorando as últimas luces do día, e inda me queda un bo anaco para chegar ata o coche, así que lle dou as costas ós enxeños hidráulicos e sigo o curso fluvial, escrutando na escuridade para segui-lo camiño certo, porque este tramo é novo, xa que antes o sendeiro facía os derradeiros quilómetros por asfalto.

Pontes de madeira, máis muíños derruídos, e carreiros de pescadores que confiren á parte final un novo aliciente, mágoa que chegara tan tarde e non sexa quen de aprecia-lo con calma. Ademais, despois de pasar baixo a autoestrada, os sinais condúcenme ó tramo alcatreado, que discorre entre naves industriais do polígono de A Pasaxe.

Ata chegar ó coche fánseme eternos os pasos sobre a estrada, a caída do sol trae a caída das temperaturas, e as forzas me abandonan, e inda así sorrío, como facía un millón de anos atrás cada vez que baixaba, canso e feliz, do Galiñeiro.

E62 Fervenzas do Río Barosa (Barro)



Domingo, 16 de decembro do 2007

Entonces ¿como carallo queda o conto?. Na Reserva, o chiringuito da zona onde soen recalar os dinosauros como nós, soan os acordes poderosos de Led Zeppelin, e Habibi tenta imitar a entoación do vocalista, Robert Plant, alleo ó decimoterceiro intento de lograr un acordo para quedar pola mañá. É sábado pola noite, e a celebración do cabodano de Merchi engadiu un motivo extra para que a nosa xente ande un pouco máis polos aires.

Ó final chegamos a un consenso: ás once e cuarto Xaime me recolle no Xeral, ás once e vinte recollemos a Bego en Martínez Garrido, e ás once e media a Habibi na súa casa. Tal despregue loxístico é acordado ás catro da mañá, para escoltar a Bego ó aeroporto de Compostela, e que así non lle resulte tan duro partir, unha vez máis, cara a emigración nas terras catalanas.

Máis ou menos coma acordamos, e despois de que a Criatura nos recolla nos lugares convidos, poñemos cara a capital do país, por unha autoestrada coas beiras xeadas, froito da baixada de temperaturas dos derradeiros días, mentres no meu teléfono recibo unha mensaxe do Nacho, que hoxe, vaia por deus, decidiu reeditar as convocatorias dominicais e saír do Concheiro, ás doce e cuarto, cara as terras de Monçao.

A esas horas xa estamos pasando polo Milladoiro, e discutindo sobre a saída que temos que coller cara a Labacolla. Aínda que Habibi non quere baixar do coche para darlle unha aperta á nosa amiga, logramos convencelo de escoltala, a eso viñamos, ata o embarque, e facerlle as honras que se merece.

Unha vez que deixamos a Bego ás portiñas do seu avión ábresenos a fame, e poñemos rumbo, pola autoestrada outra vez nunha votación de dous a un, cara Caldas de Reis, a ver si co gallo dunha boa paparota consigo que os meus queridiños movan un pouco as pernas por un sendeiro do que me falou o Zalo fai unha semán, cando andabamos polo territorio con alma do Coura. Polo camiño seguimos vendo veigas sementadas de xeada, a pesares de que o sol de outono sorrí sen nubes que lle fagan sombra, e pensamos nun prato quente de comida para caldear os nosos estómagos.

Chegamos así ó Parque Natural do Río Barosa, no concello de Barro, un deses sitios fundamentais do meu imaxinario particular que sorpréndeme que non coñezan os meus amigos.
Ós pes dunha espectacular fervenza, que se derrama no seu tramo final por unha laxa de granito duns vinte metros, atópase a Muiñada do Barosa, un antigo muíño reconvertido en establecemento hostaleiro, onde esperamos encher os nosos bandullos, cada un na súa capacidade.

Fora fai un frío do carallo e aledámonos de ver a lareira prendida, aínda que no piso de arriba, onde está o comedor, fai máis frío que fora, e so nos convencemos de quedar cando poñen unha estufa de queroseno ós nosos pés. O menú non é para botar foguetes, e decidímonos por unha táboa de queixos e embutidos, uns chipiróns fritos e unhas racións de churrasco, ademais dunha botella de Mencía (Saíñas, da Ribeira Sacra), para axudar a baixar todos estes alimentos.

Non é que teñamos moito éxito ca comida, aínda que damos boa conta do que poñen na nosa mesa, eso si, lles leva o seu tempo, e agregamos o comedeiro a lista de favoritos... para recomendar ós nosos inimigos.

Ás tres e media saímos do chiringuito, ca única vantaxe de que o sendeiro comeza alí mesmo, subindo por un camiño que comunica a ducia de muíños que aproveitaba a forza das augas da fervenza, agora estes enxenios hidráulicos están rehabilitados por unha escola taller, e moitos deles conservan o rodicio, a roda metálica que a través das súas culleres obtén a enerxía para mover as pesadas moas de granito, que tamén se atopan na maioría deles, algún incluso teñen en bo estado a moega, o caixón de madeira onde se botaba o cereal.

Os muíños que non están retellados teñen un manto branco de xeada e temos que estar ben atentos ós nosos pes, porque as pedras molladas do camiño, cubertas por unha fráxil capa de follas de carballo, están esvaradías, e non temos ganas de rematar no leito do río, aínda que facemos algunhas apostas, de coña claro, sobre esa posibilidade.

Ademais o camiño gaña en verticalidade o carón do salto de auga, no lugar onde os muíños mudan de ribeira. O Barosa transformase nun caos de bloques graníticos por onde sae, nunha sucesión de sifóns, e nós temos que axudarnos dunhas cordas, estratexicamente dispostas, para salvar o desnivel.

Ademais dos carballos, salgueiros e amieiros, en este tramo internámonos nunha fraga de loureiros, o que entusiasma ó noso botánico particular, que nos ilustra de tódalas especies vexetais que vamos atopando, mentres o Habibi se toma o seu tempo no seu peculiar safari fotográfico do que, seguramente, non veremos o resultado, tal é a súa teima de borrar as pegadas dos seus disparos. De tódolos xeitos non contamos con saír rexistrados na súa memoria dixital, xa que non somos guapos dabondo para que nos faga merecedores dun retrato.

Despois dun tempo excesivo para os poucos metros que levamos, chegamos á Ponte de San Breixo, por onde pasa a estrada que vai ó templo dedicado ó santo do mesmo nome, e constatamos a diferencia do curso alto do Barosa, xa que aquí perde verticalidade, e as súas augas son mansas, tanto como os coellos que engordan na súa ribeira, a carón dun parque forestal.
A congostra que discorre preto do leito do río é toda unha invitación a seguir camiñando, aínda que hai quen pensa que xa é suficiente o anaco que fixemos pola fervenza e reclama o café que prometín fai media hora. Si, fai un frío do demo, e non viña mal algo quente, pero paga a pena internarse na fraga de carballos por esa alfombra de follas que está pedindo a gritos as nosas pegadas.

Así que, facendo oídos xordos ás protestas, avanzamos cara a espesa masa forestal, cuberta por unha variedade innumerable de musgos e liques, debido ó alto grado de humidade do entorno, que confiren unha gama de cores digna do mellor pintor: verde esmeralda, roxo sanguíneo, marrón chocolateado e o azul eléctrico do ceo, que salpica as súas pinceladas descontinuas entre as ramas das árbores.

Internámonos, de seguido, nun bosque de bambú, especie invasora según o noso experto en botánica que, sen embargo, dálle un novo aliciente á nosa andaina, mudando a paisaxe por momentos. Tamén atopamos unha gran cantidade de castiñeiros e os seus ourizos abertos podrecen xunto cas follas dos carballos, nutrindo esta terra fértil, na que abundan un sinfín de plantas fluviais, entre a que destaca a Phitolaca Americana, un clásico nos nosos sendeiros de pescadores.

Pena non ver algún animal, que de seguro nos mira pasar agochado, para certificar a limpeza das augas do Barosa, que discorre sereno, sen presa. Bo, sen presa non, porque a metade do camiño atopamos unha, que desvía unha boa parte do cauce cara unha levada, na outra beira do río.

Sen moita novidade chegamos á Ponte de Búa, que en realidade son dúas: unha vella pontella de grandes lousas de granito, que resiste o paso do tempo con moita dignidade, e unha nova ponte de formigón, por onde pasa a estrada. Pouco antes de chegar á primeira das pontes, por onde cruzaremos o río, entretémonos quitando fotos nun campo cuberto polo manto branco da xeada, para certificar o noso pateo invernal. A verdade que aquí non debe chegar o sol ata a primavera, e as nosas botas creban cristais de xeo que colonizan cada herba, cada planta deste rincón sombrío.

Aquí é onde comezamos o camiño de volta unha vez que, como dixen, cruzamos a formidable pontella, e cambiamos á beira contraria. Por ela chegamos de novo á presa, e seguindo a levada imos dar cos fociños no inferno do Muíño de Valerio, reconvertido tamén en comedeiro e onde pedimos un café con leite os máis frioleiros, e o máis valente unha sidra ben fresquiña, para que vexamos con quen andamos a xogarnos os cartos. A verdade é que da ganas de quedar pegados á lareira, como fan o par de fregueses que ó seu carón dan conta duns chatos de viño e parolan ca loura que leva o chiringo. Tipa simpática que nos agasalla con bolígrafo e chisqueiro pola visita.

Volvemos cruza-lo río pola Ponte de San Breixo, asombrados pola fauna diversa que aquí atopamos: parrulos, coellos, gansos, un pequeno zoolóxico que imaxinamos surtirá a cociña do Valerio, e compre que volvamos para comprobalo. Tralo firme asfaltado as augas precipítanse por unha sucesión caótica de penedos, e agora tócanos descontar os metros que subimos pola outra beira, onde os muíños gardan un perigoso equilibrio, xa que dende aquí o desnivel é moito máis pronunciado, e temos conta de non esvarar e rematar facéndolle compaña ás troitas.

Pero non hai tanto perigo, o camiño está moito máis seco porque aquí da o sol ata agora mesmo, tinguindo a carballeira coa luz especial que ten o outono, mesmo hai un par de bancos de madeira onde as parellas fanse agarimos ¡que envexa! e quitan fotos nas que a fervenza é sempre algo secundario. Nós tamén disparamos ó chou, ata que algún queda sen memoria e da por finalizado o percorrido, que nos levou, entre unhas cousas e outras dúas horiñas e media, suficiente para o Habibi que promete volver ós camiños nas mesmas condicións. Xa veremos...

E61 Trilho da Pía dos Quatro Abades (Paredes de Coura)



Domingo, 9 de decembro de 2007

É prático, sério e ambicioso. Tende a lutar contra limites, restrições e fronteiras na vida. Ainda assim, a sua perseverança faz com que ultrapasse muitos obstáculos e aprenda pelo caminho. Alguma rigidez, reserva e formalidade no trato inicial é comum, até saber exatamente com o que, ou quem lida. Orgulhoso e organizado, trabalha arduamente pelo sucesso.

Pode que estean a falar de min, como membro da comunidade virtual, ou máis ben astral, dos Capricornios, o de práctico será certo, porque volvo a reeditar a mesma fórmula ca véspera, e con esta xa van sesenta, aínda que ambición non teño máis que a de encher o bandullo ca compaña dos meus, e dar outra voltiña polos territorios do Coura, man de santo para as doenzas dominicais.

Gusto de volver con Zalo e María, outra vez en formato de trío, ó Trilho da Pía dos Quatro Abades, onde fixen unha travesía nocturna, sen querelo, co meu caro Miguel. Esta é a terceira, e xa teño a lección ben estudiada, e para máis o día ten as condicións atmosféricas ideais, nin frío nin calor, nubrado pero non ventoso, húmido pero sen chuvia, en fin, para botar foguetes.

Saímos co bo ánimo do mesmo lugar que onte, no lugar das Almas, ó que de seguida damos as costas para atravesar as súas veigas por un camiño empedrado, xusto no punto onde nos colleu a noite na primeira vez que pisabamos este sendeiro.

Ós poucos metros atravesámo-la ponte que sortea o Ribeiro das Porrreiras, e penso que teño que traer ó meu amigo, o Señor dos Trocolos, para botar unhas risas ás súas beiras, ademais seguro que íalle gustar aínda máis internarse na carballeira que camiñamos de seguida, onde o meu dedo dispara con vocación de francotirador serbio, fotografando as pegadas que van deixando os meus amigos sobre as follas caídas (non sei porque sempre me lembro dos serbios, como se os croatas e kosovares non pegaran tiros).

Con un pouco de sorte podería fotografar fadas bailando a sinfonía de cores que debuxan os carballos, ou gnomos botando a sesta baixo os paraugas laminados dos cogomelos, pero non hai tempo para deterse e teño que contentarme con retratar o anxiño e mailo diaño que me acompañan (sinto Zalo, pero tocouche o papel de demo).

O camiño está máis que marcado, remarcado, e non hai período de perda, nin tan sequera cando saímos a un estreito camiño, con penedos i eucaliptos vernizados polo alento cincento do lume. Cando saímos a unha ampla pista de terra, avanzando uns metros por ela, temos dúas opcións, a primeira é coller o aire que nos leva a Nosa Senhora da Pena, na freguesía de Mozelos, punto de orixe do trilho, a outra é avanzar cara o Monte de Giesteira, onde se atopa a Pía dos Quatro Abades, que nomea todo o percurso pedestre.

Decidímonos pola segunda opción, e avanzamos cara este lugar singular, con unha multitude de penedos espallados polas saias do outeiro, como un exército de xigantes, e no seu cumio, unha formación pechada de formacións graníticas, formando estreitos pasadizos, por onde buscamos, sen éxito, a delimitación das catro freguesías que recorremos na nosa ruta: Formariz, Mozelos, Ferreiros e Padornelo.

Tampouco atopamos os vestixios da fortificación castrexa que apunta a guía, e temos que conformarnos cas espléndidas panorámicas que temos dende os seus 603 metros de altitude (aínda que non subimos ó vértice xeodésico que o simula) pola escaleira tallada nun dos penedos).

Disparamos unha salva de foguetes dixitais e baixamos cara unha fraga de carballos, onde miúdos eucaliptos empezan a medrar, competindo pola auga e pola terra, nunha loita na que os primeiros levan tódalas de perder, e chegamos así ó firme asfaltado, que so pisamos para atravesala e avanzar por unha pista na que é evidente a acción da pala da deputación, como chamamos na Galiza á causante das numerosas fendas que acoitelan os nosos montes.

Volvo lembrar ó camarada Miguel, cando viñamos fai un ano por estas paraxes, mollados ata os collóns (perdón polo palabro, pero si), contándonos as anécdotas da nosa infancia montañeira, el con boiescaus i eu cos do júnior, outra vez o can de palleiro da memoria, que trae na boca o primeiro que atopa. Aquí me toca o vacile de María, que apunta (e da no branco) que tódolos Padíns temos a tendencia a esaxerar, ata nas lembranzas, pois será, non llo nego, que eu andiven nas viñas do crego...

O mellor de todo é que, desfroitando da paisaxe, da conversa, e da climatoloxía, chegamos ó pobo de Venade, onde recalamos no seu bar (e aquí tamén hai tradición, porque tódalas veces que pasei por aquí gustei do seu café).

Por fortuna non está o vello que me puxo a zancadilla a primeira vez, e que inda está a rir, aínda que atopamos o local con bastante ambiente.

Mírannos de reollo, pero seguen ó seu, mentres tomamos un deses cafés que parecen italianos, nunhas cuncas co seu aquel. Despois de este reconstituinte, cruzámo-lo pobo cara a unha pequena ermida, senlleira construcción enfrontada a un altivo espigueiro, sinal identificativa do trilho que estamos a percorrer.

Outro feixe de fotos e cruzamos polas veigas que dividen o pequeno núcleo rural en dous. Nesta parte as edificacións son moito máis impoñentes, como se foxe o barrio rico, amplas mansións de pedra, cadansúa co seu nome característico, a fermosa Capela da Nossa Senhora da Conceiçao, onde se atopa un cruce de camiños, e dúas escolas, unha delas aínda en activo. A verdade que, á vista de todo o que levan rexistrado os nosos ollos, podemos agregar a favoritos, como ben di María, este sendeiro, e confirmalo como un dos máis belos do concello de Paredes de Coura.

E deixando atrás as últimas construccións de Venade internámonos noutra pequena fraga que, como nos contos da nosa infancia, abre un túnel na súa espesura para nós, na que o ceo vernizase de esmeralda e améndoa. Esta sucesión de postais que o outono debuxa ante os nosos ollos é das que fan adición ós camiños, e penso en que non tardarei moito en recorrelos en outras compañas, para que tamén convertan estes paraxes en parte do seu imaxinario, da súa propia xeografía.

Chegando a un outeiro onde desaparecen os carballos, divisamos a Capela de Santa Ana, e apresúrome a dirixirme ata o firme asfaltado, como nas anteriores edicións, pero antes de que pise o piche, o Zalo, que aquí está campión, sinálame unha marca pegada a un valado, e tras dela un carreiro que, a carón do muro de pedra, lévanos ata o templo.

Agora si podo dicir que teño completado o sendeiro polo trazado correcto, ou máis ben, que estou por completalo, porque aínda queda un anaco. Tamén teño que engadir que a primeira vez que pisamos este trilho tiña partes, como esta, comidas polas silveiras, e non había maneira de dar coas marcas.

Volvemos ás Bouças de Porto Rabel, tan só vintecatro horas despois, aínda que en distintas circunstancias, e ó pasar pola levada un muro está a punto de dar con María no chan, pero outra vez o Zalo está atento á xogada e axuda a sortear o obstáculo, hai que recoñecer que o León de Paramos é dos tres o que se enfronta con máis e mellor determinación a todo o que se nos pon por diante, sexan pedras, bestas ou auga, como a do Regueiro de Cruzes, que sorteamos para acadar o lugar de Outeiro. Outro templo, a Capela da Nosa Senhora do Pilar, sinálanos o punto onde iniciamos onte as voltas e reviravoltas na procura do Trilho do Pastor, que nós mudamos polo Trilho do Molhaparvos.

Só nos queda, para finalizar o itinerario, deternos outra vez na Eira Comunitaria de Porreiras, cos seus espigueiros cheíños de millo, un chisquiño antes de que o ceo rompa a tregua que mantivo durante toda a tarde, e as nubes comecen a soltar, aínda que sexa miudiño, a súa carga de auga.

Para celebrar un día tan ferulitico, e facelo superferulitico, decidimos, máis ou menos de mutuo acordo, facerlle unha visita a Dosselandia, e probar outra vez a calidade das súas natas, aínda que hai quen se resiste, como María, que ven un pouco mareada do coche e só toma unha menta, mentres Zalo mándalle un chocolate branco e eu un café con leite, digno do almorzo dun príncipe, mentres ollamos a programación cultural de Paredes de Coura, abondo diversa para un pobo tan pequeno.

O retorno á metrópole é accidentado, primeiro porque o mareo da Chinita acentúase, e a leituga do xantar báilalle un rock & roll dentro do ventre, e segundo, para rematar de revolverlle o estómago, atopámonos coa operación retorno da ponte da constitución, coa autovía colapsada, e temos que dar volta, ata Tui, para coller a autoestrada. Parécenos que botamos máis tempo no coche que andando, pero preferimos non botar contas. O final, feliz, ou case, cadanseu na súa casa, a soñar con novos camiños.

E60 Trilho do Molhaparvos (Paredes de Coura)



Sábado, 8 de decembro de 2007

Outra vez teño que insistir no tema, porque hai xente teimuda que quere mudar as miñas costumes, as miñas tradicións e as miñas propias teimas. Gústame ir ós concertos pola noite, e alargala tomando unhas birras cos colegas, mantendo a punto o síndrome de Peter Pan que arrastro nos últimos anos, xa sei que non teño idade para andar pola rúa coma un can a esas horas, pero non creo que sexa máis saudable quedar na casa mirando a televisión.

É a primeira razón pola que decidín facer miña a fórmula que Zalo foi quen de mostrarme, fai máis dun ano nos escenarios onde morreron os combatentes da Travanca: a de non madrugar no día do señor, ou na festividade que toque, como hoxe (a Inmaculada Concepción, que vaia nome que ten), que apuro o sono ata media hora antes do mediodía.

A segunda é que o punto de reunión o teño a cinco minutos da casa, e sería ben parvo cambialo, porque, ademais, é a saída da cidade cara ó país veciño, que é onde transcorren a maioría destas crónicas.

A terceira razón é dobre, e ben derivada das anteriores: en Portugal pódese xantar máis cedo que na Galiza, co que gaño unha hora de luz, tan importante nestes días de outono, tan minguados, e o importe da conta é bastante inferior, cousa importante nestes tempos nos que a miña economía non está (nunca estivo demasiado) para moitas festas.

Son tres ou catro razóns de peso para que faga oídos xordos a aqueles que queren descubrir outra vez a pólvora, pero aínda teño outra máis: non sei se teño o lombo para máis paos, ou as pernas para máis pedras, e non sei se quero comprobalo, por medo a que me pase o de Castro Leboreiro, pero xa non me peta meterme máis de cinco horas polo monte, e tampouco teño ganas de ir a lume de carozo, como si me fosen dar un premio por chegar antes.

Destes e outros asuntos falei este sábado co Zalo e Salo (encánteme como soan os dous nomes xuntos), cando fun xantar ó Stop, onde o meu amigo deume tódolos ingredientes para esta receita coa que sigo lambendo as miñas feridas. E falei coma si tivese algún interese, sabendo que só o ten para min, mentres os meus amigos compartían comigo unha ola chea de arroz tamboril (porque hai tradicións que tamén mudan), e intentaban quitarlle ferro ós comentarios que intentan desanimarme destas saídas montañeiras.

Animar tamén nos animou un vinho alentejano medianamente encorpado, de cor granada, proba maza e harmoniosa denotado fruto maduro, proveniente das castas Trançadeira, Castelâo e Aragonés que ten a denominación de Terras d’el Rei, a quen convén botarlle a culpa de que a miña lingua remexa no saco do rancor que sempre levo mal pechado.

O carallo é que quedei ceibado do meu peso, e falta que me fixo, porque tiña o bandullo cheo cas delicias da comida minhota, e a suma quizais foxe demasiado para aventurarme por eses camiños do Coura que tiñamos que recoñecer. Ademais as nubes tamén tiñan o bandullo cheo, e ameazaban con romper augas dun momento a outro, así que cumpría pórse en marcha canto antes, e deixar a conversa para outro momento.

Así chegamos ó lugar de Outeiro, na freguesía de Porreiras, onde a néboa cubre case por completo os montes veciños, baixo a bendición da capela da Nosa Senhora do Pilar, onde unha indicación magnificamente labrada en madeira sinala o comezo do Trilho do Pastor, o derradeiro que me queda por recoñecer no Territorio con Alma.

Agradezo dúas cousas: que Zalo se faga cargo do mapa e, polo tanto, se postule como guía do noso grupo, e que Salo se ofreza como fotografa do evento, para que o meu repouso sexa completo e, ademais, documentado.

Poñémonos pois en marcha, seguindo as primeiras marcas a carón dun feixe de muíños reconstruídos, polo firme asfaltado que da as costas ó pequeno núcleo rural, aínda que cando levamos un bo treito camiñando escomenzamos a mosquearnos, porque en ningún momento atopamos o desvío para internarnos na fraga, tal e como indica a nosa guía. Para facelo máis bonito comeza a poallar, si, xa sabedes, esa chuvia miúda que non merece quitar o chuvasqueiro da mochila e que, moi acertadamente neste caso, algúns chaman molhaparvos.

É ninguén merece mellor o alcume que eu, que levo ás costas unha boa provisión de roupa hidrófuga, con gore tex e tinsulate, e que non poño pensando que xa escampará, e si, escampa pero a ratos, e non, é miúda pero molla.

En fin, que entre a auga, a néboa e o piche, levamos un bo treito andando como almas en pena, por unha estrada que non sabemos a onde nos leva, así que decidimos regresar ante a inexistencia de sinais.

Unha vez no punto de inicio, e despois de mirar o mapa do dereito e do revés, o Zalo pregúntalle a un paisano, armado de sacho e paraugas, por un dos topónimos que máis preto temos nas curvas debuxadas no folleto: as Bouças de Porto Rabel.

Aínda que perdemos un tempo precioso, non desanimamos, sobretodo cando baixamos por un estreito carreiro, entre os muros de pedra centenaria que pechan as leiras, que nos fai esquecer os moitos metros de firme asfaltado que lévamos nós pegados ás botas.

Un par de vacas curiosas (e pode que barrosâs) recíbennos cando chegamos a un pequeno regato, dende un peche de madeira, porque aquí non chegou a moda dos somieres, cruzamos regato e peche, despois de pedir o oportuno permiso ás donas rumiantes, aínda que non saibamos moi ben se estamos ou non no bo camiño (é empezamos a temer que non).

Esto último queda confirmado cando, despois de atravesar as veigas, e atravesar outro peche de xestas, chegamos ás primeiras marcas, que non son as do Trilho do Pastor, senón as do Trilho dos Quatro Abades, que Zalo ten pensado engarzar para os seus seareiros do Clube de Camiñantes ou de Congostra, onde exerce a súa vocación de Caudillo.

Salomé segue documentando graficamente a nosa andaina, é xa teño curiosidade por ver o resultado de tanto disparo, Zalo segue dándolle voltas ó mapa do percurso, sen entender moi ben como atopar a boa dirección, as vacas seguen pastando como se nós non pasaramos por alí, i eu sigo sorrindo, baixo a fina cortina do molhaparvos, porque coma parvo que son, son feliz con dar unha voltiña polo monte cos meus amigos, aínda que non sexa pola ruta que tiñamos prevista.

Aquí dirixo o anaco de camiño que nos leva outra vez ó punto de partida, camiñando por unha levada da que saen un feixe de atoles, saltando muros inestables, atravesando más veigas e ata un pequeno curso de auga, o Regueiro de Cruces, ata que atopamos outra vez ó paisano que, pastoreando ás súas ovellas, controlounos en todo momento o éstrano círculo que describimos en torno ás bouças.

Outra vez preguntámoslle ó paisano pola dirección axeitada, para achegarnos cara Chá dos Cubos, onde o sendeiro fai o punto de unión dun oito (botándolle imaxinación, claro).
O home ten claro onde está o noso obxectivo, pero non entende moi ben para que carallo queremos subir ó monte con esta néboa, e de seguro que cando seguimos a nosa andaina dirá para si, como nos tebeos de Asterix: Están malucos estes romanos...

Polo mesmo camiño empedrado que leva ó pobo, e dándolle as costas, seguimos teimudos, a internarnos na fraga e na néboa, e non tardamos moito en cruzar outra vez o curso fluvial das Cruces, e tamén o Regueiro do Lamariço, que atravesamos por senlleiras pontes.

O certo é que o bosque non ten moito aquel, piñeiros queimado e eucaliptos medrando entre a cinza, toxos e xestas, pero empezamos a atopar as marcas dos sendeiros, e por primeira vez na tarde pensamos en poder consegui-lo noso obxectivo. Aínda que cada quen ten o seu propio obxectivo, como dixen ó principio, para Zalo é unha misión de recoñecemento, para Salo é un safari fotográfico, e para min é outra palla mental da que alguén, atendendo máis a miña cabeza que o meu corpo, deu en chamar Eivadiños.

Ser como fora chegamos a algo que podería ser ou non ser a Chá dos Cubos, onde perdemos novamente o rastro. Segue a chover miudiño, como na cantiga, a néboa espésase, e os sorrisos contáxianse. O noso guía decide coller un camiño, dos catro que nos ofrece un cruce que, de seguro, nos levará ó punto de partida, e lévanos, polo que se ve que é un home que cumpre o que promete: ó cabo dun rato estamos no mesmo sitio onde perdemos os sinais, no mesmo camiño empedrado que tomamos grazas á indicación do fregués.

Rendémonos, e volvemos ó lugar do Outeiro, mollados, polo menos eu, coma parvos, despois de sementar verbas e pegadas ó chou por estas terras do Coura, e aproveitamos para visitar a Eira Comunitaria de Porreiras, onde se alzan unha ducia de espigueiros. O millo enche o ventre destas mostras do patrimonio etnográfico do Alto Minho, constatando que a vida continua, aínda que minguada, nestes pobos, e tamén continua para nós, polo que decidimos volver ó día seguinte para intentado de novo. Porque hai xente, coma nós, a quen non lle desaniman os elementos, sexan da clase que sexan.

E59 Sendeiro Costeiro de Areamilla (Cangas do Morrazo)


Xoves, 6 de decembro de 2007

Levo un par de horas dándolle voltas, e mesmo reviravoltas, a como iniciar esta crónica, e enchín a pantalla do ordenador dun feixe de verbas que, cando chegaban á ducia, máis ou menos, desaparecían, como se fosen a proa dun barco que naufragaba nada máis saír do estaleiro.

Pensei en facer unha exposición de motivos polos que me levantei nun día festivo, cunha resaca notable, e saín á rúa navegando nun mar que quixera ser océano, de bandeiras. Comentar os artigos que tiven que memorizar de esa lei que pecha o noso ordenamento xurídico, e cales deles rexeito e porqué, pero parecíame que non era nin o momento nin o lugar máis axeitado para facer unha crítica política.

Así que me limitarei a sinalar que o Zalo e máis eu estivemos na manifestación convocada por Causa Galiza para mostrar o noso rexeitamento á Constitución española, e para berrar a prol da liberación social e nacional da nosa patria. Tampouco quero convencer a ninguén das miñas razóns, que este é un país libre para que calquera pense como queira... ou non, porque ó final da protesta foron detidos cinco mozos por exercer o seu dereito á liberdade de expresión, que tan bonito queda no artigo vinte.

Así que non falarei máis do tema, que hai mellores plumas ca miña para facelo. O certo é que saímos con fame do evento, e nos diriximos á península do Morrazo, á parroquia de Coiro, na compaña de María, Habibi e a Criatura, que aínda que non se sumaran ás protestas tiñan tanta fame coma nós.

Pedimos unha boa provisión de manxares: empanada de croques, polbo á feira, calamares rebozados, tortilla de patacas con queixo e unha fonte de churrasco de porco cunha abundante ración de patacas fritas, acompañado dunhas botellas de Godello da casa. Coma sempre en Casa Piñeiro estaba todo exquisito, e todos rillamos coma cans nos pratos que nos puxeron diante, agás María, que comeu coma un pitiño. Comemos e rimos, porque Habibi e Zalo tiñan a súa regueifa particular, e competían por face-los comentarios con máis retranca, na mellor tradición da nosa terra.

Aínda nos custou levanta-lo cu, porque sumábanse os cafés e os xarutos, mentres que os licores de café multiplicábanse, invitando a unha desas sobremesas longas, que chegan ata a noitiña.

Menos mal que son un home teimudo, e que, despois de varias tentativas, conseguín que os meus amigos abandonaran o comedeiro para aproveitar un pouco a tarde, xa que non quedaban máis que dúas horas de luz. Eso si, tivemos que desbotar o plan orixinal do río da Fraga, e o secundario da Fraga de Coiro, e buscar un máis axeitado ó estado das tropas, que viñan eivadiñas de máis.

Achegámonos a Cangas do Morrazo, onde deixamos os carros de ferro, e sumásenos Salomé, para exercer de guía, xa que estamos no seu territorio. A bo paso lévanos polo camiño que bordea o litoral costeiro e que se dirixe á antiga factoría baleeira de Massó, que xa leva unha morea de anos en ruínas (estivo activa dende 1955 ata 1985), por onde pasa a fume de carozo con Habibi, que leva gasolina súper, mentres o resto da manada cheiramos un chisco nas vías dun vello esteleiro, convertido en improvisado cemiterio de gamelas, ou nos restos da gardería infantil, onde se atopa unha curiosa escultura de peixes e nenos. Tamén lemos un curioso mosaico que di así: El mar es camino para todos, fuente de vida, fecundador de la tierra, tesoro de los pobres. Pescador que empleas explosivos, trabajas contra quien te alimenta. Nuestro respeto y nuestro amor para el mar, con quien Díos nos enseña fortaleza y libertad.

Con esta ensinanza damos as costas ó enorme edificio en ruínas e camiñamos ao carón da Praia do Salgueirón, ameazada por escuros intereses urbanísticos que esperemos que o concelleiro de urbanismo da ACE, e por extensión o pobo de Cangas, sexan quen de deter. Os que non nos detemos máis somos nós, porque temos o tempo xustiño para completar o itinerario con luz, aínda que cando alcanzamos a Salomé e a Habibi, este xa ten montado o seu novo trípode, para quitar unhas panorámicas da Ensinada do Rei e do múelle e a Praia da Congorza.

O certo é que a beleza deste lugar, protexido das correntes mariñas e noutros tempos moi utilizado polos mariñeiros para resgardar as súas dornas e gamelas, pide a gritos que disparemos as nosas cámaras, pero aínda estamos ó comezo, así que seguimos adiante, esperando que o noso amigo siga a nosa estela. Vémolo por última vez dende a Punta Fanequeira, tirándolles fotos e pedras ás gaivotas, e perdémo-la confianza en que nos siga, como así foi.

Con esta baixa nas nosas tropas internámonos na Lagoa de Congorza, que debería estar cuberta por unha capa de lentellas de auga (lemma minor), en vez do manto de merda onde, alleos á contaminación, recalan os ánades reais (anax platyhynchos), os cisnes (cygnus cygnus), e o merlo acuático (cinclus cinclus).

E para que vexades que me teño aprendida a lección, direivos que a vexetación que rodea a charca, son carrizos (carrizo phragmites australis), xuncos (juncus scirpus), loureiros (laurus nobolis), amieiros (alnus glutinosa) e zarzais (rublus ulmifolis), aínda que a última verba sobre o tema o ten a Criatura, que neste tema é a nosa autoridade.

Antes de abandonar o complexo lacustre botamos unhas risas cun feixe de cativos ciclistas, que instrúen a Zalo sobre os usos e costumes nese lugar: nin tirarlle pedras nin patadas ós parrulos, e ir sempre co casco posto por se te caga algún na cabeza...

Volvemos ó sendeiro que bordea a Praia do Medio, ata acadar a Punta Borneira, onde abandonamos toda esperanza de que Habibi se decida a segui-los nosos pasos, mentres Salomé vainos instruíndo sobre a toponimia local, que para iso é a nosa guía, e que si cometo algún erro na transcrición dos nomes me corrixira, sen dubida. Pasando preto de pequenas calas, das que a memoria non me acada a nomear, chegamos a Praia de Areamilla, da que somos advertidos do seu perigo, xa que o mar bate bastante aquí e algún xa levou un susto e estivo a punto de afogar.

Por se acaso, deixamos unha mensaxe na area para Habibi, por se non chega ata aquí, xa que iniciamos unha variante do sendeiro, en vez de continuar ata o Barrio do Outeiro,onde se atopa un área de descanso con varios muíños ben conservados, internámonos nun longo túnel escavado na rocha, do que ignoramos a súa utilidade, e que nos leva a Ensinada do Fornelo, tamén chamada Ensinada do Cantón.

Esta é a parte máis aérea do itinerario, sobre unha sucesión de cantís verticais que, sen embargo, sorteamos con facilidade, xa que o sendeiro é para tódolos públicos, e tanto porque vemos xentiña vestida de domingo que mira con curiosidade para as nosas mochilas, como se os raros fósemos nós. E seremos, non digo que non, cada un ca súa rareza particular, da que non vou dar detalles.

O que é curioso é o espectáculo que nos ofrece a natureza ó pasar Punta Salgueira, xa que alí existen dúas furnas, enormes buracos no monte que se comunican co mar, un cento de metros máis abaixo, e onde a Criatura imaxina as almas en pena dos que, durante séculos, caeron por erro ou por forza, por estes abismo. O que dicía antes, que cada un ten o seu aquel, e algúns teñen máis aquel que outros.

De tódolos xeitos non é difícil imaxinarse os nosos devanceiros facéndolle un sacrificio humano ós deuses ou ós demos que se crían habitantes destas simas, como nos celotes mexicanos. A verdade é que mete medo só de pensar na caída por esta porta aberta ó inferno.

Será polo ambiente que, á volta, xa cando caen as sombras sobre nós, danos por falar de películas de medo, como as de Jaume Balagueró, que algún vimos recentemente, ou de outras máis clásicas como O resplandor, O home que tiña raios X nos ollos, A invasión dos ultracorpos, O exorcista, ou as contemporáneas Hostel ou Saw. Cada quen ten o seu pesadelo favorito, que ata en eso somos xente de gustos diversos.

En fin, deixando as furnas atrás chegamos a tempo de ver a Praia de Santa Marta coas luces do crepúsculo, nese momento que damos en chamar entre lusco e fusco, aínda que non nos atrevemos a achegarnos á veciña Praia de Liméns, porque inda nos queda todo o camiño de volta e non é cousa de enredar.

Cando camiñamos sobre as nosas pegadas, cunha luz que mingua máis rápido do que nós avanzamos, facemos apostas sobre onde atoparemos a Habibi, un di que no areal de Areamilla, outro na lagoa de Congorza, outro en Punta Fanequeira, preto de onde o deixamos, e algún atrevese a sinalar que debe levar rato no primeiro bar que atope, porque hai xente que desconfía de que o noso amigo ande na nosa procura a estas alturas do partido, será que non se lembra dos viaxes que fixo este explorador polos continentes americano e asiático, sorteando toda a clase de aventuras.

Pouco teño que dicir do regreso, porque as paisaxes foron esmorecendo cando o sol desapareceu baixo as illas, e apurámolo paso para que non nos collera o frío, so que cando chegamos ó túnel había a mesma luz dentro que fora, e que María e Xaime puxeron banda sonora a travesía soterrada.

A primeira co Cascanoces en versión Tim Burton, e o segundo cunha melodía moi axeitada de Ataraxia, só nos faltaban as velas para parecer a procesión da Santa Compaña.

E si, ou non, nin en Areamilla, nin na Congorza nin no quinto carallo atopámo-lo rastro de noso amigo cociñeiro, e ata chegar ó casco urbano de Cangas non confirmamos as nosas sospeitas: estaba no primeiro bar, esperando o noso retorno.

Tomamos refrescos varios mentres lle contabamos a nosa andaina a Habibi, i el contábanos a súa, porque a verdade hai que dicila, e andar andou, pouco, pero suficiente para un home que non é amigo dos ximnasios, como algúns dexenerados dos que nos acompañan, e ademais inda está convalecente do catarro que incubou o in de semana.

Fora como fora, deixamos o Morrazo, pero non todos porque Zalo e Salo (hostia, ata o de agora non me decatara da coincidencia) quedan a agarimarse no seu acubillo, e regresamos á metrópole, que temos que percorrer por mor dunha botella de butano. E así foi, máis ou menos, e así volo conto, e si tendes que engadir, que subliñar ou corrixir, xa sabedes, amiguiños...

Archivo del blog

Seguidores