E63 Sendeiro do Galiñeiro (Vigo)



Domingo, 23 de decembro do 2007

O ano vai consumindo os seus derradeiros días, e quizais por iso decido facer un exercicio de nostalxia para completar o meu ciclo de andainas, sen máis compaña que un feixe de fantasmas que resisten o paso do tempo na miña mochila. Non podería precisar cantas veces subín pola estrada de Valadares, co mesmo destino que hoxe teño, aínda que con outros obxectivos máis ambiciosos: ó principio co afán de ascender as súas pistas coa miña bicicleta de montaña, e despois coa adición por percorrer as liñas verticais que se multiplican no seu granito. Eso si, podo asegurar que cada vez era diferente, e agora máis diferente que nunca.

O Bar Dany, na parroquia de Vincios, onde parabamos a beber cervexas e comer manises despois das xornadas de escalada, chámase agora Bugus, e transformouse nun deses sitios ruidosos, onde poder mandarlle un prato combinado ou un cubata de ron, algo parecido a eses bares de estrada da América profunda. Aínda así decido asumi-lo risco de probar a súa cociña, e mentres tomo un café con leite e doulle unha volta ás noticias do país, agardo por un bocata de lombo con queixo, que espero saborear no cumio.

Parto lixeiro cruzando o río Zamáns por unha pontella de madeira, xusto detrás do bareto reconvertido, accedendo a unha pequena carballeira que me fai gastar os primeiros disparos, consciente de que a masa forestal que cruzarei despois non é tan amable, e comezo a atopar as marcas do PRG 1, o sendeiro que me propoño completar, e que teñen o aspecto de ser repintadas fai ben pouco.

Resisto a tentación de atallar polo paso soterrado, unha tubaria ó fin e ó cabo, que pasa debaixo da autoestrada, e seguir as indicacións, aínda que esto me obrigue a comerme unha boa porción de firme alcatreado. Cando o terreo empeza a gañar verticalidade atopo un panel indicador do percurso que me confirma que, despois dunha morea de anos de abandono, foi limpado e remarcado polo club dos Montañeiros Celtas.

Pasando unha pequena canteira, e o cruce da pista que leva ó picadeiro, o sendeiro abandona a estrada que se dirixe ó Aloia, e internase nunha masa forestal de eucaliptos, ó carón dun pequeno regato que, en tempos de chuvia, como a última vez que pasei por aquí, anega totalmente o camiño.

Seguindo o estreito fío de auga chego ata o prado onde se atopa a fonte, na que teño a intención de encher a cantimplora, xa que o sol está a pegar con ganas, e xa estou suando a camiseta, pero levo a desagradable sorpresa de atopala seca, e teño que cagarme no cambio climático, tragar un pouco máis de area e segui-la miña ascensión. Polo menos o bosque amabilizase, e os eucaliptos deixan paso a unha masa compacta de piñeiros, alfombrados de fentos.

Pouco a pouco xurde a silueta do Monte Galiñeiro, un impresionante macizo granítico que recorta o azul do ceo, e ó pouco tempo ábrese un claro na fraga e saio ó Parque Forestal, un merendeiro con bancos e mesas de pedra, cunha horrible lagoa artificial e sen unha fonte na que facerme cunha provisión de auga. Só me deteño para curiosear no cartel que marca o inicio do PRG 2, o sendeiro do Aloia, e lembro a noite que o recorrín na compaña das tropas congostreñas, comandadas polo Zalo de Paramos, ese home que non se esgota de coleccionar camiños a un e outro lado da fronteira.

Polo visto tamén este percurso está remarcado polos Montañeiros Celtas, polo que anoto mentalmente na miña axenda como un dos que teño que volver a percorrer este ano novo.

Unha costa cada vez máis empinada lévame ata o Refuxio Miguel Regueira, do mesmo club que sinalizou o recorrido, e atalaia privilexiada sobre o Val Miñor, a Ría de Vigo, e os montes Mauxo e Alba, así como as diversas poboacións da comarca. Só por estas vistas xa paga a pena o esforzo, e asómbrame que moitos vigueses non subiran nunca ata aquí, aínda que fora por votar unha ollada a vista de paxaro do sitio onde viven.

Agora subo entre unha sucesión de bloques de granito, desgaxados do macizo, sen máis sombra que a das xestas, i eso onde crecen, porque esta é a parte máis castigada polo lume dos anos anteriores, que chegaron case ata a escola de escalada. Alí algunhas cordadas de locais debuxan vías que me son coñecidas: a Ruta Máxica Directa, un dos 6a, xunto ca veciña Canastos, que máis veces disfrutei na zona da Bismark, e un pouco máis ala, no sector das Verticais, un sexto bonito, a Muller Fatal, chea de agarres romos e regretas que teñen tamén a miña pegada.

E que, como dixen ó principio, subir ata o Galiñeiro é un exercicio de nostalxia, e non podo evitar que algo se remexa no meu ventre.

Por se fose fame, decido dar boa conta do bocata no caos de granito que se estende baixo os Cornos do Demo, outra das clásicas, e volvo botar de menos que ningunha das fontes polas que pasei na miña andaina (a última ós pés do refuxio dos Celtas) botase auga.

Así que me deteño o tempo xusto para tranquilizar o meu estómago, e continuo a ascensión ata o Cumio Norte, de 694 metros, onde se completa a panorámica ata acadar o Val de Louriña, os montes do Paradanta, e mesmo a Serra do Leboreiro, que comparten Galiza e Portugal.

Desboto a idea de continuar ata o Cumio Sur, de 709 metros, aínda que o paseo pola cresta sexa moi apetecible, xa que as horas de luz que me quedan vanme dar o xusto para completar o meu círculo, polo que desfago parte do camiño, ata chegar ós restos do Castro do Galiñeiro, un pequeno poboado prerrománico, onde os sinais do sendeiro márcanme o inicio do descenso, cara o encoro de Zamáns.

Neste tramo do sendeiro é no único que teño algunhas dúbidas sobre a dirección a seguir, porque os bloques de granito esnaquizados fan da cara norte da serra un conxunto caótico, onde é imposible debuxar un camiño.

De tódolos xeitos os montañeiros celtas fixeron un bo traballo, ademais de limpando a zona de paso, marcando o PRG, e non tardo moito en atopar outra vez as marcas brancas e amarelas, que me levan ata a pista que enlaza co vértice xeodésico, e dende alí ca que ven do Lombo do Raposo, onde está a caseta de vixilancia forestal.

Lembro a derradeira vez que subín ata alí en bicicleta, apertando o cu para non botar os riles, sentíndome conquistador dun cumio incógnito, para botar unha parolada co rapaz que custodiaba os montes, atento a calquera indicio de lume, e que subira moito máis descansado, nun todoterreo.

Con estas olladas ó pasado chego ata a pista forestal que secciona en dous a Serra do Galiñeiro, e ós poucos metros desvíome, seguindo sempre o itinerario marcado, para camiñar por un estreito carreiro entre toxos e xestas, onde me deteño a contemplar a silueta do ciclope de pedra, tralo que comeza a agocharse o sol.

Teño que darme algo de presa, se non quero que me atrapen as sombras, así que apuro o paso nun abrupto descenso que se suaviza en canto chego á fraga.

Outra vez avanzo entre piñeiros, e agochados baixo a frouma atopo unha boa variedade de cogomelos que non son quen de apañar, porque non me fío moito de sé son comestibles ou velenosos, e o bosque de piñeiros múdase en praga de eucaliptos, case ata chegar ás beiras do Encoro de Zamáns.

A ausencia de chuvias nos últimos meses deixou o seu enorme vaso medio baleiro (ou medio cheo, sempre dependendo de quen o mire) o que é unha invitación perfecta para alongar o percorrido circunvalando o seu litoral, para darnos un aire, que diría o Caudillo. Así que desboto o camiño que xa coñezo, que rodea o lago artificial entre salgueiros, bidueiros e carballos, e avanzo pretiño da auga, con coidado iso si, de non enterrar as botas na lama, non teño que esquecer que este terreo está a maior parte do ano mergullado.

É unha paisaxe inquedante a dos encoros, como tódalas actuacións humanas na natureza, e sen embargo non podo deixar de sentir unha forte atracción cara eles, imaxinándome lendas de criaturas mitolóxicas agochadas no seu leito.

Non son o único a quen lle atrae un paseo polas súas ribeiras, xa que coincido con tres rapazas, ataviadas para unha travesía polar, nada máis cruza-lo minguado río Zamáns. Neste extremo, o máis afastado da presa, crecen unha multitude de plantas acuáticas: carrizos, espadanas e xuncos, que en ocasións semellan un cultivo de cereais, e onde máis cantidade de aves se poden atopar. As últimas luces do día permítenme rexistrar belas postais co reflexo dos montes e da presa no espello das augas embalsadas, cousa bonita.

Completada a circunferencia ao redor do litoral lacustre, xa cas sombras gañando terreo, descendo a carón do muro da presa, por onde sae un delgado fío de auga, e volvo cruza-lo río por unha das canles dun muíño derruído e invadido polas silveiras, ata que volvo a atopa-las marcas do Sendeiro do Galiñeiro, que me levan, por unha fermosa fraga de ribeira, ata os Muíños das Maquías, un fermoso conxunto etnográfico recuperado polo concello de Vigo, no que está inscrito a parroquia de Zamáns.

Láiome de non ter o tempo de determe un intre neste fermoso lugar, pero a noite vai devorando as últimas luces do día, e inda me queda un bo anaco para chegar ata o coche, así que lle dou as costas ós enxeños hidráulicos e sigo o curso fluvial, escrutando na escuridade para segui-lo camiño certo, porque este tramo é novo, xa que antes o sendeiro facía os derradeiros quilómetros por asfalto.

Pontes de madeira, máis muíños derruídos, e carreiros de pescadores que confiren á parte final un novo aliciente, mágoa que chegara tan tarde e non sexa quen de aprecia-lo con calma. Ademais, despois de pasar baixo a autoestrada, os sinais condúcenme ó tramo alcatreado, que discorre entre naves industriais do polígono de A Pasaxe.

Ata chegar ó coche fánseme eternos os pasos sobre a estrada, a caída do sol trae a caída das temperaturas, e as forzas me abandonan, e inda así sorrío, como facía un millón de anos atrás cada vez que baixaba, canso e feliz, do Galiñeiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores