Mostrando entradas con la etiqueta Salome Pinheiro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Salome Pinheiro. Mostrar todas las entradas

E194 Camino natural do Baixo Barbantiño (Punxín)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Sol, 30-01-011.

Barbantiño, agasallos de augas espidas de prepotencia

Caramba carambita!!, quen me ía dicir a min cando me erguía esta mañá sen moito talante camiñante os agasallos múltiples que acabaría recollendo?, unha vez máis os misterios e as sorpresas da vidiña actuarían para que esta camiñante recibira unha boa dose de diversas emocións, desas que asentan e apousentan e que pasan aos arquivos de vivenzas gratas no camiño.

Coma case cada domingo quedamos ás 12,15 no Concheiro para compartir unha xornada tipicamente Eivadiña. Cando cheguei Anxo xa esta alí con Xaime, había moito que non viña e alegreime de darlle unha aperta e de que se dera a oportunidade de compartir pasos e camiño sen ter aínda nin idea de a onde iriamos desta vez. Mentres fun ao coche a recoller a miña mochila chegaba tamén Isa, carai!, hoxe estaba sendo un día de sorpresas pois había moito que non a vía, alegreime tamén de que decidira acudir para patear camiños e para pornos ao día nas nosas cousas. Chegada de Dalia, outra que tamén había tempo que non se pasaba polo Concheiro. Como faltaban Alex e Panete nos dividimos en dous coches, eu fun con Dalia nun traxecto que se fixo curto dada a calidade das nosas conversas, e os demais na mega furgoneta de Miguel. Os Senhores Botas e Montse nos esperaban na Casa Casal, en Quins, lugar que xa se está convertendo en costume máis que en excepción, onde teñen un cocido riquísimo e o seu incomparable e insuperable licor café.

Así que dez eran dez e dez foron os que se xuntaron ao redor dunha mesa para xantar. Eu tiña un día excesivo así que din conta dese cocido con ganas e fame, sen privarme de nada, e mesmo me permitín tomarme dous cafés cos seus chupitos de licor café acompañando, amén da botelliña que merco cada vez que paso por alí. Nese momento me importaba ben pouco que a pateada me pasara factura por te-lo bandullo cheo, adiqueime a disfrutar do xantar como había tempo que non facía, e xa vería qué facía cando chegara a quenda de camiñar!. Os dez pareciamos unha family ben avenida, con ese bo rollito que soemos ter, o Anxiño e máis eu estabamos cada un nunha esquina e de cando en vez se metía comigo e eu con el, hoxe o seu humor era excelente, a pesar de que foi de concerto chulo a noite anterior portáronse ben e non se deitaron a horas moi escandalosas e iso se lle notaba no ánimo.

Tras pratos doces e cafés erguemos os cus dos asentos, aí foi cando me enterei que voltabamos ao Barbantiño. Ahh!!, qué alegría!!, nunca me canso dese río e das súas ofertas sempre xenerosas, alegroume moito, a estas alturas podería dicir que xa somos vellos coñecidos e sabía que con bandullo enchido ou baleiro ía pasalo de fábula. Así que cara alí enfiamos desexosos de poñer aos corpiños en movemento.

Eu hoxe sentíame algo cansa e sen moitos ánimos exaltados, diso xa habían tido unha boa dose o domingo anterior, así que as miñas enerxías eran repousadas e tranquilas, pero non quería deixar pasar a oportunidade de saber da xentiña á que había tempo que non vía así que as propias ganas se foron instalando e sacáronme dese letargo entre desexoso de estar comigo mesma xunto coa comilona copiosa que estaba a facer a dixestión, para acoplarme a un intercambio de conversas nas que as aperturas se deixan sentir por dentro e por fora, acompañados deste río fabuloso e dador constantemente ao noso carón.
A pateada era amable, este era un día no que todos estabamos con todos a pesares de que cada quen andaba ao seu aire, o pelotón de dez bastante espallado, pero a un tempo facendo tamén intercambios de persoas, agora con uns, agora con outros, agora un consigo mesmo... Moitos fotógrafos hoxe!!, o día e a luz dese lugar tan especial provocábaos a disparar unha e mil veces tentando recoller as distintas emocións que lles rulaban por dentro.

Pero o que me gustou especialmente e o que máis agradecín neste día foron as dúas carantoñas que o meu amigo me fixo na cabeciña, e as fotografías que a Senhora Botas nos fixo mentres nos dabamos unha aperta na que a apousentei no peito que me acollía. Foi un momento moi especial no que a amizade se torna en algo chamado confianza e orgullo de poder abandonarse ao afecto sen pórlle palabras senón unha enchenta de sentimento. Qué sorte temos!.

Encantoume todo o que me contaba Isa de si mesma, e aínda que todos temos problemas no noso día a día, os de Isa non minguaban un talante de autoestima elevada e de bo momento persoal, tiña tódolos síntomas: ollos vivarachos e alegres, sorriso doado de deixar saír, contentura, gústame ver aos amigos así. A Xaime se lle vía disfrutar dende o primeiro momento do camiño, sei recoñecer a un camiñante e Xaime adora a Natura e sabe recoller as súas bondades. Hoxe estiven pouquiño co meu Alex, sentámonos xuntos no xantar e algo falamos, pero nese momento non parecía esperto de todo, jaja!, así que adicámonos a falar sen moitas seriedades. Cos Senhores Botas apenas algún comentario no camiño, definitivamente hoxe os habituais andabamos a nutrirnos noutras polas, os amiguiños máis queridos saben aproveitarse das oportunidades e os intercambios que se posibilitaban hoxe e foron ben aproveitados por todos. Con Montsiña un tanto do mesmo, afecto exposto e indudable pero como que hoxe cada un repartía as súas enerxías con conversas económicas, e económicas quere dicir non compartir nin de máis nin de menos. Encántame!!.

Por certo........, quen ou quenes foron os que paparon o chocolate???, porque ninguén dixo nada, claro!!, galdrumeiros!!.

Non quixera repetirme hoxe, é o que teñen as crónicas, é o que ten patear pola natureza. Se fosemos xogadores de bolos falaría con outra xerga pero vai ser que cada afección ten un léxico identificativo e acaban saíndo moitas emocións semellantes aínda que eu penso que nunca iguais. Así que é inevitable que volva a eses magníficos muíños, a maioría restaurados, impoñentes, todos moi grandes, seguramente colectivos. Esa fraga viva, exultante, verde, presenza de ocres dispostos nun manto cubrindo á terra. Das augas habería que escribir un capítulo propio de tan intensas, potentes, calmadas, serenas, activas, a borbotóns, en fervenzas, acompañantes, presentes, semellando frías e prometendo cálidas. En fin!!, sería moi impúdico dicir que é un orgasmo para a vista e os sentidos o que oferta o Barbantiño??, tenno todo!!, é un río completo, orgulloso, que se mostra, que se da, e o que lle da a quen pasa polos seus dominios produce tanta ledicia e paz interior que un se abre e admira ao Barbantiño, e así é como nunca perde a súa beleza viva. É un auténtico luxo pisa-las súas terras.

Púxenme romántica, é o que ten andar coa sensibilidade deixándose ser vulnerable, é pola confianza que teño con quen camiño, pero tranquiliños que xa se me pasou, ja!!. En fin!!, que foixe un paseiño a mar de completo. Anxo e máis eu estivemos a falar disto hoxe, o meu aprecio pola fórmula Eivadiña gaña en afecto e adherencias, teño a este modo de comunicación en moi grande estima, tremo cada vez que Anxo fala de que está canso aínda que aprendín a recoñecer cando o dí e qué outras variables están intervindo, unha moi importante é a cantidade de horas que durmiu antes dunha saída. Sempre admirei que Anxo, Alex, Panete, Xaime e algún outro e outra tiveran a capacidade para erguerse cada domingo dada a afección e aprecio que lle teñen á noite, o mundo nocturno, eu estou segura de que non podería con tanto

Tamén vexo como se converten en camiñantes en cada roteiro, o que lles aporta, o que disfrutan, iso é o que nos une a tódolos Eivadiños. E a partir diso nos unen un montón de cousas máis. É o grupo onde sen dúbida algunha hai máis confianza de todos cantos coñezo, e iso para min é impagable, moi moi valorable e o que converte a unha unidade coma é un grupo en subunidades íntegras que se chaman unhas ás outras amigo.

Tal vez un chisco curtiña esta crónica, pero creo que o deixo aquí. As veces un texto de poucas palabras é mellor, será que non necesita de tantas xa que se dixo todo o que se quería dicir. Ata vernos, amiguiños.

Salo.

E192 Ruta da pedra do lobo (Covelo)



Sol, 16-01-011.

Novo reencontro Eivadiño. Alegría, alegría, alegría......, de atopar aos amigos, levaba unhas cantas semanas sen unha saída dominical. Punto de encontro, a Amaquía. De camiño ía escoitando música a todo volume, cantando melodías que espertaban desexos de apertas próximas, sacando un sorriso que anticipaba o que xa levaba instalado en min, o aprecio á xentiña coa que compartiría conversas e pasos, camiños novos ou xa vividos, igual me daba!!, o humor que me ocupaba era tan expansivo coma o roteiro que acabaríamos facendo no máis puro estilo Eivadiño, coa improvisación como aliada e coa seguridade de que como Fuenteovejuna, todos a unha!!.

Cando cheguei co meu coche recén estreado, tan bonitiño el, sen unha soa abolladura, pintadiño que daba gusto, o meu orgullo!!, e escoitando a Queen, negándome a baixar del mentres a canción non rematara, Nacho e Loli xa estaban dando conta dun almorzo digno, co seu zume de laranxa e as súas tostadas, mentres Mónica ficaba fora con "Golfa", a súa cadeliña, con entrada restrinxida no Amaquía. Xa que había almorzo abundante eu non ía ser menos hoxe, así que para min un bo café dobre cun Donuts de chocolate ben grande e delicioso para acabar de endulzar o meu estado de ánimo, inmellorable e insuperable. Estaba realmente contenta.

Foron aparecendo Anxo, cunha cariña de trasnoitador en toda regra, tivo que ser "mortal" a noite porque tardou en recuperar a noción ata de onde se atopaba ás 11,15 da mañá dun domingo que anunciaba chuvia. Os Senhores Botas asomaron tan só para aprovisionarse dos manxares do Amaquía pois nesta ocasión tiraban para Ourense con Montse e Lourdes. O meu querido Panete, con mellor cariña que Anxo a pesares de que este dixo que el e Alex igual viñan "perxudicados", pero o máis perxudicado seguía a ser el, jajajaja.... E o derradeiro en asomar pola porta foi Alex. Así, nesta ocasión iamos ser sete Eivadiños e Golfa os que transitariamos caminiños bonitos e nutridores. De entrada, ninguén quería algo "duro" senón un roteiro amable e tipicamente domingueiro, non moi lonxe porque tampouco había moitas ganas de mollarnos, e a decisión foi enfiar ata Covelo e facer o roteiro dos Carranos. Pero ete aquí as sorpresas da vida e o talante investigador e flexible dos Eivadiños, atopamos en Covelo un indicador que anunciaba a ruta "da pedra do lobo", curtiña pero con moi boa pinta, río, fraga. Imos aló!!!...... E que ben nos saíu a decisión de facela!!, porque a intuición de Anxo non puido ser máis acertada, qué bonita!, qué augas, qué vistas e qué boa comunicación entre nós!.

Non teño palabras para o ben que se ía na parte de atrás da furgoneta de Miguel!!, qué acolledora!!, coa súa mantiña e todo, non lle falta detalle. Anxo e máis eu poñéndonos ao día, bueno!!, máis ben poñéndolle eu ao día das miñas trasnadas, peripecias, investigacións, delicias, decisións e aperturas, toda unha gama de vivenzas e de novos momentos que me teñen moi entretida e co ánimo desbordando afecto, con ganas de compartirme e de transmitirlle aos meus amigos esta enerxía tan optimista que me ocupa, que para iso me teñen aturado doutros xeitos nos que sempre fixeron un despregue de paciencia e de consideración para esta "lunática lúcida" que escribe.

Qué entrada no roteiro, meu Deus!!, precioso espazo no que o río ocupaba sen ningunha dúbida un espazo propio, preto, un muíño restaurado, pozas plenas. Nacho, Loli e máis eu tiñamos algo de presa por empezar a patear pero o Anxiño chamounos a atención: e que non pensades detervos para apreciar o que temos diante ou qué??, e coma nenos pillados en falta desandamos os pasos para pasearnos polo que natura ofrecía con tanta abundancia mentres estes tres ingratos ían pasar de largo sen adicarlle unha mirada. E ben que valeu deternos un ratiño aí antes de empezar a patear porque verdadeiramente o espectáculo natural agasallounos pousar a respiración e abrirnos á escoita do latexo da vida que aí se daba.

E así, xa "sintonizados" os ambientes internos co ambiente externo, empezamos un ascenso que nos levaría a un bosque de pinos rubios, peculiarísimos, os seus troncos tiñan ao longo da súa altitude moitísimas ramas adosadas que lle daban ao bosque un aspecto moi especial, distintivo, diferente e fermoso, ofrecían unha paisaxe que eu polo menos nunca experimentara, dunha harmonía extraña.

O roteiro estaba moi ben marcado, distinguido pola pegada dun lobo nunha forte cor vermella, orixinal, gustoume moito unha foto que Anxo recolleu coa súa mirada tan especial para sacar a mellor parte dunha imaxe. A todos nos estaba gustando moito o traxecto. De camiño, dúas mámoas, e unhas vistas insuperables de tan bonitas e expansivas, abarcantes, amplas. Panete comentou o gran parecido ao Courel, e si, era certo, dende logo aí non había nada que envexarlle ao Courel, e tan preto de casa!!.

Conversas íntimas no camiño, desas que seguen a facer medrar vínculos. Silencios e conexións cun mesmo tamén. Ete aquí que Anxo fai unha preguntiña: acordástesvos de trae-los bocatas???.... Ai!!, Miguel e Alex se quedaron en suspenso!!..., vai ser que non!!, e vai ser tamén que Mónica, Nacho, Loli e máis eu teriamos que facer repartos alimenticios para os bandullos, jejejeje.... Ata o derradeiro momento Alex pensou que o Anxo estaba a bromear, e este, jalopín, trasno!!, tampouco o desenganou ata o final.

Antes de comer os meus amigos ascenderon un aire que levaba ao alto dun coto mentres eu ficaba abaixo esperando, a pateada que fixera o día anterior me estaba pasando factura nas miñas lumbares, insistentes e persistentes, facendo recordatorio constante de que hoxe ía ser que non podía facer das miñas, a saber, saltos de cabritiña, ascensos ás árbores para colgarme coma unha moniña e movementos que para min son naturais pero que nos últimos tempos se transformaron en movementos que identifico como demasiado bruscos como para poder facelos.

Detivémonos a xantar nun pequeno claro co río facéndonos compaña con sons agradables e chuvia caladiña, miúda. Entre todos fomos quen de xantar decentemente, repartindo as viandas coma bos amigos. Este Nacho está mal acostumbrándome!!, ese viño delicioso co que nos obsequia e que me sabe tan ben!!, o detalle de transportalo para compartilo. Chocolate obsequio de Mónica e tarta de mazá cortesía de Alex. Vaia vaia...., qué ben se come no monte.

Como non!!, discusión acalorada co tema rei nos derradeiros tempos: argumentacións fumadores versus non fumadores, tema sacado por Alex e no que todos nos embarcamos a discutir, uns máis acaloradamente que outros mentres Anxo ficaba máis mudo co tronco no que estaba apoiado, se ve que o temiña non era do seu especial interese, se estaría divertindo vendo coma cada un dos seus amigos esgrimían as súas argumentacións?, xa me contarás que se te estaba pasando pola cabeciña mentres as voces subían de tono, rei!!.

Un derradeiro aire que nos levaría a un cruceiro no que as vistas apaciguaron os ánimos exaltados, foto bonita de Alex facendo monicadas acompañado por Loli e Salo ao pe da cruz que alumbraba un val fértil e xeneroso decorado de verdes e ocres invernais, campos e casas custodiados e amparados por un monte xeneroso, enerxía especial nese lugar, si señor.

E chegada!. Curtiña pero grandísimamente agarimosa. Aínda nos detivemos no río porque Anxo quería sacar unhas fotiños bonitas, escumosas, de tonalidades brancas que se saían da cámara de tan impactantes. Paramos na rectoral de Fofe a toma-lo café. Quedamos fora para acompañar a Mónica e a Golfa, e alí coñecemos a unha cadela grande e preciosa chamada "Sira", seica houbo oportunidade de resarcirse doutros momentos menos alegres que se diluían hoxe coas risas deste momento, isto só lle pode pasar a alguén cando se merece "unha xustiza" que eu chamo universal, esta sempre chega e un nunca sabe de qué forma, pero chega para apaciguar corazóns que conteñen o máis valioso que un ten, unha alma afectuosa e solidaria. Para desfacer as posibles desfeitas que un non se mereceu nunca.

Aínda nos detivemos en Maceira a tentar averiguar dun novo roteiro duns seis quilómetros que abriron hai un par de meses, "a ruta da auga", pero chovía e por hoxe xa nos chegara o pateo, para outra vez será!!, seguro, hai posibilidade de unila coa dos Carranos e pode quedar unha rutiña xeitosa e deliciosa de percorrer. Todos tiñamos a sensación dun día moi ben aproveitado, cundiunos ben a decisión de enfiar cara a Covelo, terriña repleta de bosque amplo e río orgulloso, un Tea que nunca defrauda.

E alá nos fomos cara a Puxeiros onde tiñamos os coches. Uns para Vigo, outra para Cangas. Desta vez seica que vai haber máis dunha crónica, desexando ler a creatividade dos meus amigos.

Grazas polos gratos momentos compartidos, querid@s, qué sería de min sen vos, amigos!!.

Salo.

E189 Camiño Real de San Pedro de Rocas (Esgos)

Crónica en NÓMADAS



Maxia de cores outonais en San Pedro de Rocas

Sol, 08-12-010.

Tiña ganas de saír este mércores festivo cos Eivadiños. Tiña ganas de estar con Anxo, elemento seguro na asistencia, e tiña ganas de saber quen ou quenes acudirían tamén, nunca se está fixo de quen vai vir. Pensei que os Senhores Botas asistirían pero souben un día antes que non, e un día antes tamén souben que Nacho viría, foi cando recibín unha chamada de Anxo para preguntarme qué ía facer o mércores.

Estou sen coche e tiña pensado ir en barco ata o Concheiro, pero desta vez iamos saír ben cedo e Anxo me dixo que se achegaba ata Cangas para recollerme e ir xuntos ata A Amaquía ( xa ves, Nacho!!, fago caso da túa sapiencia e poño o nome tal como me explicaches qué era ). Alí nos reuniriamos con Nacho e con Loli sen saber entón cal sería o noso destino de pateada Eivadiña. Anxo me dixo que fora pensando nun roteiro e se me ocurriron algunhas opcións que xa veriamos entre todos se faciamos ou non. Quedabamos o martes en que me recollía ás 9,30 na miña casa.

Custoume erguerme, estábase ben e quentiña na cama. Fora ameazaba choiva e deixeime amolar, preguiceira e medio durmida aínda, preguntándome por qué non me deixaba levar polo sopor de Morfeo e facía unha chamada na que recuaba da saída Eivadiña. Pero segundo se ía instalando o espertar sabía que "ficar na cama" non entraba dentro do meu vocabulario, e dun chimpo afastei mantas e preparei café mentres a cabeza fervía tentando recupera-lo tempo que debía adicar a facer preparativos do que ía precisar para o día de hoxe. Ás 9,15 soaba o móbil, era Anxo anunciando presencia en Cangas e dicíndome que me esperaba nunha cafetería que hai preto da miña casa.

Reencontro e apertas entre o meu amigo e máis eu; despois de pagar o seu café dirixímonos ata o seu coche, que eu non localizaba por ningún sitio. Anxo, todo chulito él, jeje...., se para diante dun Ford e soa o típico ruidiño de apertura. - Preséntoche ao coche de " papá "!!, me solta...... Vaia, Anxo!!, xa pareces un bo partido e todo!!, díxenlle en ton de chanza. Así como arrincabamos a Anxo se lle ocurriu un posible destino que a min xa me gustou ás primeiras, San Pedro das Rocas, na provincia de Ourense. E cara A Amaquía enfiamos entre conversas entretidas e sazoadas con bos ánimos festivos, tanto que erramos na entrada a Puxeiros, e iso que fago ese traxecto moi a miúdo. Aínda así iamos tranquilos pois sabiamos que chegariamos cedo e que nos daría tempo a tomar un café, ou dous!!.

Chegada de Loli e Nacho, mentres tomabamos o café plantexamos o roteiro elixido a ver que lles parecía. Bosque outonal, follas entre vermellas e amarelas, comezando nos entornos de San Pedro das Rocas......, non houbo dúbidas!!. Imos aló!!.

Traxecto estupendo, falando dun pouco de todo e dun moito de moitas cousas. Eu inspiraba bo rollo e polo tanto iso era tamén o que exhalaba, e forzosamente iso era o que respirabamos todos, aínda que o meu Anxiño particular andaba algo serio e se lle miraba algo canso tamén.

Se vai ser que a vida "anormal", como a chama él, esa que soe ser "normal" para o resto dos mortais, non lle sentaba tan ben coma o trasnoite e a farándula noctámbula, ou tamén pode ser......., que cando se lle fai caso ao corpo e hai unha escoita atenta e responsable, un acaba relaxándose tanto que sabe captar mellor, e aceptar mellor tamén, os resultados dos excesos que tivo estes días No Caurel...... Vai ti a saber!!!. Chamada de Alex que atendín eu. Meu Deus!!, tiña unha voz que parecía saída de ultratumba!!, jajajaja...., qué susto!!, parecía que estaba a chocar algo de gripe. Sentín non haber coincidido pero me alegrou que puidesemos falar un ratiño.

Chegamos en pouco máis dunha hora. O día era precioso e empezou a pingallar nada máis saír do coche de papá. Pero a estructura tan antiga que tiñamos á nosa dereita xa me facía meles no corazón e enseguida se me instalou a enerxía do lugar. Era fermoso!!. As cores xa indicaban dende o principio que ían destacar os amarelos, cor absolutamente emocional, guerreira, valerosa, glándula pancreática, creadora de vida e do lume interno. Un bosque denso, tupido, no que a máxia da existencia destaca, conformando o entorno á vida que alí se daba; as árbores medraban en troncos finos e espigados buscando á luz, trepando cara arriba e expandíndose as follas, finamente delicadas en forma de abano, cara á claridade do ceo.

O edificio, din que o máis antigo de Galiza e mesmo da Península, do setecentos e pico largos, chamaba en silencio a adentrarse nos seus misterios agochados. Non había presa por descubrir ou atopar o que sen dúbida sabía que había aí para min, tiña esa clase de sensación que se me instala ante lugares que eu chamo especiais, porque a min así mo parece ante a imposibilidade de darlle un nome concreto ou a evocación dun concepto. E polo que estaba vendo aos meus compañeiros tamén lles debía resoar algo porque enseguida nos separamos, como querendo unha clase de intimidade que só lle pertence a un ou a dous que queiran compartir algunhas clases de silencios. Anxo tirou cámara en man por un lado, Nacho e Loli optaron polas alturas, se lles vía bonitos dende a miña posición, poderosos alí arriba amparados por dous arcos que lle daban solidez á superficie de terra e rocha na que estaban encaramados. Pero a min o que me chamou foi o interior das tres igrexas, xuntas, dispostas en cámaras, e esculpidas en pedra. Unha cova, cálida, non tiña moito eco, a intensidade do son quedaría difuminada polas paredes, máis receptivas que expansivas. Pero aínda así, quixen escoitar o meu propio son e cantei. Foi un momento moi bonito.

Saída ao exterior e reunión acordada pero sen acordarse previamente, se iso non é máxia que veña alguén a dici-lo contrario. E comezamos a patear!!. O camiño prometía, 9 kms. Non foi nese momento no que llo dixen a Anxo, pero si foi nese momento no que o pensei, porque xa non era nin intuición senón seguridade absoluta de que ía ser un camiño digno e dador: "se puidese facela máis longa.........", e inevitablemente acudiron a min os Senhores Botas, búsqueda de mapa da zona, GPS en man, e parte técnica que eles dominan e eu non. A ver o que lles parece unha nova asociación, espero que lles resulte o suficientemente atractiva e interesante de explorar.Definitivamente o Anxo andaba inspirado ultimamente na elección de destinos camiñantes. Tampouco se me pasou desapercibido o tema de que estes dous que nos acompañaban tamén estiveron na anterior pateada polo Barbantiño, que unha pode da-la impresión de que fala moito pero tamén sabe calar outro tanto, e rexistrei ao dúo dinámico como talismáns de camiños bonitos, aínda que non sei se Anxo estará dacordo comigo en chamalos dúo dinámico, creo que él os comparou con Epi e Blas, non vou a explicar os motivos aquí, jejeje.....

Moito musgo en pedra. Sei que me vou repetir no intento da descrición do que teño xa instalado na retina do sentimento, é inevitable. Dende a sensación de acollemento do entorno ata as follas tintando o chan e ofrecendo pasos brandos e amortiguados pola humidade. Os nosos rostros, as nosas risas, o acolledor, especial silencio acompañado dun aire fresco que lle daba o toque exacto de lixeireza para que a espesura que nos rodeaba non resultara densa de máis. Camiño amable e amplo, doado de camiñar, para disfrute, para contemplación e presencia, ordenación e estensión.

O Nacho andaba especialmente "chinchón" comigo (é fantástico!!, querido im........... Adiviña!). Acabei sabendo por qué!!, jajajaja..... Me encanta!!. Me gosta moito ver as persoas nas súas conductas atrevidas, osadas, arriscadas, pero non só no camiño físico senón no camiño no que os pensamentos, as emocións, as interpretacións e o que lle ronda a un pola cabeza, sexa capaz de ser manifestado, expresado, a ser posible con elegancia, mentres as partes sexan receptivas, respectuosas, co humor aliado, nas que se solucionan enseguida posibles conflictos, pareceres que en principio poden semellar contrarios, e nos que prevalece o afecto e o talante conciliador como base. Aprendín moitas cousas valiosas hoxe no camiño.

A Loli se lla miraba ben confundidiña co entorno, moi mimetizada co ambiente, disfrutando moito de todo. O Anxiño tusía de cando en vez, andaba cada vez máis pochiño, algún virus se pasea polos internos do seu corpiño e terá que pasar por un proceso que xa deu o primeiro paso (agora entendía a voz de Alex, os dous estaban nas mesmas, parece que un local no que estiveron de concerto había dúas noites tiña o aire acondicionado facendo estragos). O Nachete tamén andaba ledo. Eu, moi tranquiliña e contenta de estar a compartir pasos con estes tres, parecía que levabamos andares e enerxías moi parellas.

Parada para comer, eran máis das dúas. Anxo e máis eu comemos cada un unha empanadilla nada máis saír do coche e non tiñamos fame, pero Loli e Nacho xa empezaban a preguntar que cando se comía alí. Detivémonos nun penedo no que choveu e fixo sol ao mesmo tempo. Foi un bo xantar. E seguimos ruta non sen antes pousar para unha foto en plan conxunto de orquestra.

Momentos conversas "picantes". Moi moi divertido. Moitas cousas interesantes de oír. Algo dunha lavadora en movemento e dun aparello con ventosa que tamén, na imaxinación quente dalgún, xa tiña incorporado á lavadora...., en fin!!, vouno deixar aquí...... Sempre dixen que no camiño se descobren moitas cousas interesantes e saen conversas que non sempre son previsibles.

Desviámonos para tomar un café. Para non desentoar coa miña liña teño que dicir que non me lembro agora mesmo do pobo, pero iso non é nada estraño en min, xa o sabedes. Todo o que durou o percorrido do desvío ata o bar Loli quedou encargada de face-las fotos (celada típica de Anxo ), e ela fixo o que puido, a cámara de Anxo soe estar "encantada" e a primeira vez que un a colle fainos a todos o mesmo, as fotos saen borrosas.

Xa no bar, tiven a satisfacción de escoitar e de ver a Nacho cun ataque de risa pola resposta que lle din a Anxo a propósito de que moitos amigos lle dixeron que o meu sorriso é bonito. Eu só lle dixen: pois que mo digan a min!!!. Nacho di que o dixen cunha cariña!!. O certo é que foi un momento moi divertido a catro bandas porque as carcalladas de Nacho eran contaxiosas e os catro acabamos rindo a mandíbula doída. Antes de seguir roteiro, unha partida de futbolín que me vin "obrigada" a xogar e que interrompín debido a unha chamada afortunada e moi oportuna. Alí os deixei xogando coma nenos, alguén tiña que exercer de adulto hoxe, digo eu!!.

E regreso nunha tarde xenerosa en vistas e panorámicas amplas e coloridas. Verdadeiramente bonita esta ruta chea de agasallos para o espírito dun camiñante da terra.

A volta a Vigo estivo acompañada da choiva todo o traxecto, o coche de papá ía seguro estrada adiante, acolledor e confortable. Tiñamos que deixar a Nacho e a Loli en Puxeiros e seguir ata Cangas. Este Anxo non pode ser mellor amigo do que xa é, perigraría ese aire adusto que as veces quere deixar saír. Pero como xa dixen en máis dunha ocasión, a min non me enganas, malandrín!!.

Un regreso verdadeiramente íntimo e bonito entre dous amigos que non temen dicirse-las cousas. Chamoume incoherente entre outros apelativos, e teño que recoñecer que as súas refutacións e os seus argumentos sonche duros de pelar e difíciles de rebater, aínda que esa tampouco era a intención; sinxelamente, Anxo e máis eu temos verdades diferentes e nembargantes afíns, supoño que é iso o que nos une na amizade que temos. Ambos sabemos tamén que as palabras son o que son e que hai moitos eus habitando dentro de un. Pedinlle que parara un momento nunha panadería e merquei dous bombóns para despedirnos con sabores agradables ao completo, na mente, no corazón e no corpo.

Coma sempre, día disfrutado e agradecido. Salo.

E188 Ruta do río Barbantiño (Punxín)



Eivadiños en petit comité polo río Barbantiño.

Día Sol, 14-11-2010

Se quedei abraiada no seu día co roteiro do río Xabriña en Paraños, Covelo, non ía ser menos hoxe co roteiro que fixemos, o do río Barbantiño, en Punxín, provincia de Ourense. Quedou "fichado" no meu corazón, na miña retina, na miña alma e no meu espírito, absolutamente divino, marabilloso e cheo de agasallos de abundancia coa miña promesa de volver, seguir explorando e levar ás tropas Nómadas a percorrer tan singular lugar pletórico de beleza e de exuberancia en cada recuncho da súa xeografía. Dáme a impresión de que hoxe nos amosou unha pequena parte dos tesouros que hai agochados entre o seu bosque e o río.

Coma case cada domingo, tiñamos cita Eivadiña ás 12,15 no Concheiro. Desta vez o plan era xantar nalgún lugar que xa decidiriamos, facer unha pateada sinxela e volver cedo a Vigo pois o noso Eivadiño number one, Anxo, tiña que traballar pola noite. En ningún grupo se sabe exactamente cantos imos ser ata que nos atopamos todos reunidos, en Eivadiños este conto se aplica máis se cabe, tanto podemos ser once coma aconteceu o domingo pasado coma catro como resultou ser este domingo: Anxo, Nacho, Loli, que se estreaba coma membro dos Eivadiños, e máis eu. Añorei moito a Alex e notei ao longo de todo o día a súa ausencia. Sabía que os Senhores Botas non ían acudir porque onte non saíron ao camiño e hoxe lles apetecía facer un roteiro longo e había que erguerse cedo, pero eu xa había quedado con Anxo e despois da miña saída do sábado tiña carreiros percorridos dabondo como para repetir o domingo tamén cun roteiro longo.Así que enfiamos no coche de Nacho rumbo a Melón cara á casa Casal, onde xa xantaramos noutra ocasión e onde teñen o licor café máis rico que probara nos derradeiros tempos. Moito me temía que a miña abstinencia de alcohol que levo a cabo dende hai case un mes ía ser "absolta" por un día pensando nese licor café que ten máis de caramelo que doutra cousa, segura de que acabaría mercando unha botella, como así foi, para boas ocasións.

Xantamos cousas ricas e abundantes que non se puideron vencer, os golosos pediron sobremesas caseiras, e tras tomar cada un o seu café, pagamos raudos e tiramos cara a Punxín, onde empezaba o noso roteiro. A chegada xa prometía, nada máis aparcar xa nos recibían os sons cantaríns dun río de augas abundantes e de caudales cheos de forza, Anxo coñecía o lugar pero non ía por alí dende hai nove anos, pero levounos con pasos seguros cara á fervenza por un camiñiño agarimoso. Apenas chovían unhas pingas de auga, Nacho estaba contento coa decisión, díxonos de camiño que en Ourense non daban chuvias, e parecía que así ía ser a cousa, e iso que saíndo de Vigo e camiño de Ourense caeu unha boa!!, tanta auga caía que ata eu empezaba a preocuparme, non che me apetecía nada hoxe camiñar pasada por auga, e menos desas dimensións; pero efectivamente, era menos que nada a chuvia finiña que ía acompañándonos roteiro adiante.

Qué cores!!, qué bosques!!, qué luz!!. Dixen qué luz??....., QUÉ LUZ!!!, belísima, fermosa, luminosa, limpa. Non teño palabras para a claridade diáfana deste día no que a luz nos agasallaba con visións dunha natureza exultante e exposta en toda a súa fermosura. Era un pracer camiñar a carón do río entre bosque autóctono, castiñeiras, alfombras de follas outonais amortiguando os nosos pasos, o río a nosa esquerda acompañando constantemente, un ceo limpísimo e dun azul especial, de postal. O Anxo andaba extasiado fotografándoo todo, e os catro pareciamos máis guapos, máis altos, máis de todo, jajajaja..... Dende logo Loli non puido ter mellor estrea Eivadiña.

O entorno estaba coidado, os arranxos que fixeron para manter o roteiro era respectuoso co ambiente, e eu me ía emocionando en cada paso pensando en volver para seguir explorando un roteiro que ofrecía un montón de posibilidades e que non poderiamos seguir investigando nesta xornada debido aos días curtos que caracterizan a esta época do ano. Chegados ás inmediacións da fervenza, muíños restaurados casando perfectos co entorno, ata un viaducto enorme e impresionante tiña o seu lugar alí, cunha presencia incrible e a ton co ambiente, nada de máis nin nada de menos.

Seguimos río arriba tendo moi enconta que do outro lado do río tamén había opción a pasar, se apreciaba camiño despexado e eu xa estaba pensando nun roteiro circular ou en todo caso en forma de oito, non esquecía que preto de onde aparcamos había un camiño prometedor que hoxe non poderiamos investigar. Ai!!, qué bonito todo.

Pasamos por un túnel con eco e deixamos saír as nosas voces ben altas e fortes para que o lugar quedara prendado destes catro andaríns que sabían apreciar este entorno dador e que así agradecían o recibido, manifestando ledicias en forma de cantares aos catro ventos. E seguimos un pouco máis pero pensando en que había que dar volta, xa ían polas cinco da tarde e nos quedaba regresar cun foguete nos cus.

Loli non resistiu querer atravesa-lo río por un tronco e Anxo a fixo rir perdendo a súa concentración e acabando cos pés na auga, toma fresquiño!!, dixo que non estaba tan fría, e era certo, estes días as augas do río veñen fortes pero non veñen frías, todo o contrario, parece que chaman aínda nesta época a mergullarse nelas. Despois do intento de cruzar errado demos volta tentando atopar outra maneira máis doada de pasar ao outro lado dando con el deseguida, por unha ponte antiga marabillosa e acolledora, invitadora a pasar por alí.

Precioso o outro lado tamén, con un montón de posibilidades que non podiamos investigar máis pero con mágoa ao mesmo tempo de non poder facelo nese momento tan atraentes eran os camiñiños que por alí había. Aínda así baixamos por un que nos levou á vía do tren, quedamos o tempo xusto para que Anxo inmortalizara o lugar e seguir. Bonito regreso, todo bonito, miraras para onde miraras todo agasallaba con esta luz máxica e especial, todo coidadiño con esmero, pasos amplos e confundidos coa natureza, o lugar invitaba a cantar, a asubiar, a rir e a chanzas, a sacar o mellor de un camiño adiante

Xornada Eivadiña completiña, si señor. Domingo ben aproveitado. Momentos de chuvia fina, de sol, de augas cantareiras, de silencios expresivos, de voces alegres e de repousos que nutren.

Regreso a Vigo escoitando música dentro do coche e chuvia abundante fora, coma se o día estivese esperando a que estivésemos a resgardo para empezar a manar auga a mansalva. O día agasallounos cun maná de natura en estado de graza e cunha explosión de cores que non eran terreais senón divinas, absolutamente divinas.

Qué podo dicir máis que agradecida??.

Ata a próxima compañeir@s, amiguiñ@s.

Salo.

E187 Sendeiro dos Muíños de Gargamala (Mondariz)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS




Crónica dun día de ritmos variopintos con recolleita de setas.‏

Sol, 07-11-010.
Aínda estou tentando deliberar en qué se queda esta saída Evadiña de hoxe no meu intelecto e na miña emoción, sentimentos encontrados pelexan por saír airosos expoñendo as súas razóns, unha parte de min, a máis cansa, me di que foi unha saída de ritmos tan dispares que sacaron de min a protesta, a outra parte, máis tolerante, me di que foi un de tantos domingos compartidos entre amigos e que todo depende do grado de cansazo ou de disposición no carácter, e se non que llo digan ás marcas que os toxos nos deixaron na pele e que todos os aventureiros Eivadiños tivemos a oportunidade de sentir.

A verdade é que tiña moita ilusión e ganas de saír este domingo cos Eivadiños, e nin curta nin preguiceira non dubidei en deixar plantados a outros amigos cos que compartía unha fin de semana nunha casa rural festexando un aniversario que me tivo esperta ata as cinco da mañá e do que amencín este domingo ás nove e dez para dar unha volta polos arredores dunha fantástica vila antiga que invitaba a pasear polos seus segredos. Pero iso xa o fixera o sábado e o que me apetecía realmente era acudir ás doce e cuarto á cita dominical no Concheiro. Sen pensalo máis e despedíndome dos festeiros que andaban pola casa a esas horas partín rumbo a Vigo para reunirme cos amigos.

Cando cheguei ao noso punto de encontro primeira grata sorpresa, a miña amiguiña Cari Goyanes tamén ía acompañarnos hoxe, había tempo que non nos mirabamos e aínda preguntaba por ela a amigos en común que estiveron na casa rural. Tamén estaban Nacho e Mónica, que traía a " golfa ", a súa cadeliña, a compartir pasos e camiños. Anxo non me esperaba no Concheiro pois o chamara para dicirlle que nos veriamos no Amaquia, en Puxeiros, pois non sabía se podería chegar a tempo. Ao pouco chegou Alex e simultaneamente os Senhores Botas. E aínda faltaban Vicki, a irmá de Cari, Emilio e o noso querido Miguel Panete. Nada máis nin nada menos que todo un pleno hoxe!!, once Eivadiños máis a cadela, doce, aínda que haberá que preguntarlle ao amestrador oficial deste día, o Sr.Botas, pois segundo el un can é un animal, un " bicho ", e non se debe personalizalos, desexando estou ler como van clasificar a asistencia de " golfa " na lista de Sudando Botas, a tenor pola conversa nada consensuada que tiñan os Senhores Botas entre eles a cousa está " por ver "......

Tras aprovisionarnos de bocatas e demais delicias ofrecidas no Amaquia a decisión foi enfiar cara a Mondariz a facer unha ruta á que Anxo lle tiña afecto, foi a primeira ruta que guiara para Caminhantes, e levara as tropas Eivadiñas máis de unha vez a percorrelo tamén, a ruta era o de Muiños de Freaza e Montes de Gargamala, e aínda que había tempo que non ía por alí a todos nos pareceu unha boa opción para pasar o dia. Así que uns na macro mega furgo de Panete, outros no coche dos Senhores Botas e outros no de Mónica, alá nos fomos todos quedando fronte ao palacio da auga de Mondariz para chegar todos xuntos ata a Igrexa de Gargamala onde comezaría a nosa andaina.

Aínda que o dia ameazaba chuvia uns tímidos raios de sol pretendendo quentar os corpos tamén estaban presentes. Eu non ía moi preparada para a chuvia pois viña tal cal da casa rural, cuns vaqueiros e pouco máis, as miñas botas sempre comigo, iso si, e na mochila que metín a derradeira hora no coche co kit básico dun camiñante para estas épocas, un paraugas pequeno, un chuvasqueiro, guantes, pucho, e un frontal. Malo sería!!. A xente estaba a facer estiramentos mentres Anxo fotografaba os arredores da igrexa, todos percorremos o seu perímetro animados por Anxo, e trás facelo empezamos a camiñar un tramo pequeno de asfalto que nos levaría a un desvío que xa nos internou nun camiño bonito e agarimoso, empezabamos costa abaixo.

Ao pouco xa atopamos a primeira sorpresa, acios de setas marabillosos que invitaban aos fotógrafos a inmortalizar a visión, parecía un xardín de setas todas moi ben colocadiñas, tan ben que non parecía obra da natureza senón dun xardineiro que deseñara o conxunto, claro que non hai xardiñeiro máis estético e elegante que a propia natureza, pero era tan perfecta a visión que case parecía artificial. Aí sacou Anxo todo o despregue creativo que levaba na súa mochila, dende un moneco astronauta ata a muller marabillas ou unha mariquita que se agarraba a calquera superficie onde a quixeras por. Tocoulle pousar ao astronauta para a sesión fotográfica. Mentres, outra parte dos Eivadiños se adicaba a recoller setas para as que trouxeran unha cesta, non!!, se hoxe por faltar, non faltaba de nada. Nacho, Mónica e máis eu seguimos facendo pasos mentres as tropas Eivadiñas se ían despregando e se ían conformando ritmos diferentes e maneiras diferentes tamén de vivir o dia que estabamos a compartir.

Empezamos a subir cara ao monte pasando por unha casa que tiña unha árbore de caquis que chamaban a collelos, pero tiña un dono vixiante que saíu en principio a bota-la bronca e que despois acabou insistindo en que nos levaramos uns cantos, non sen antes darnos unha lección da madurez dun caqui, cor, textura etc etc etc.... A Anxo entroulle a presa de repente, empezou a marcar ritmo lixeiro monte arriba para acabar canto antes o noso paso por un tramo de asfalto e chegado a un punto parou para reagrupar e para dicirnos a todos que tocaba seguir subindo monte a través e toxos de por medio. Pero qué toxos, algúns eran máis altos ca min!!, en fin!, agradecín por unha vez levar pantalóns vaqueiros. Non sei se dicir que a cadela levou a peor parte, acabaron transportándoa entre varios, de entre o xénero feminino presente nesta saída sen dúbida era a mellor considerada e tratada e a que se libraba dos toxos así, sen tan sequera pedilo. Claro, acabei dicíndolle aos transportistas de tan preciosa carga o que era inevitable: tratades mellor a unha " golfa " do que me tratades a min!!, jajajaja, e metinme con Anxo dicíndolle que se me desgraciaba tocaríalle levar algo máis co peso da cadela. Bueno...., así, entre picaduras, protestas e algunha que outra chanza todos chegamos sans e salvos ata unha pista que nos levaría ata as mámoas e ata a nosa parada para xantar, xa eran máis das tres e media e o meu estómago non piaba senón que ruxía.

Foi un bo xantar, a todos nos sabía ben o que levabamos, Alex tiña unha fonte inagotable de alimentos ricos e mesmo bombóns de chocolate. Vicki e Emilio lle gababan ao Anxo o Amaquia, e este dixo que o descobremento do sitio se debía ao noso Nacho que tamén estaba a dar boa conta do alimento escollido. Eu dende que descubrín as pizzas do Amaquia nunca deixo de levar unha aparte do meu bocata vexetal, as empanadillas non teñen desperdicio e en xeral ou ben todos estabamos famentos de máis ou realmente hai que darlle os dez puntos ao noso lugar de aprovisionamento para o camiño. Así, cun sol que quentaba e coa saía dun arco da vella case perfecto estabamos a xantar. Ata que unhas pingas de auga empezaron a caer en solitario, e diso a caer ben agrupadiñas. Tocaba erguerse e saír pitando!!. Qué frío repentino!!. Empezamos a camiñar cando miramos para atrás e vimos que o resto das tropas quedaban parados, de repente sepáranse e tres van por un lado, dous por outro e o resto ficaba no medio do camiño sen moverse. Qué pasa??......, Miguel había deixado atrás os seus bastóns!!. Creo que a miña resistencia xunto coa falta de sono me pasaron factura neses momentos, tiña o frío instalado no corpo e non había maneira de entrar en calor aí parada no medio de ningures. Pareceume interminable o tempo que tardaron en volver Vicki e Anxo cos bastóns na man, os habían atopado.

Continuamos baixo a chuvia, o meu feble paraugas non protexía, a verdade, así que cerreino non sen antes quedar esnaquizado polo vento, un máis!!, agora si que xa non me quedan ningún. Collemos un desvío que nos levaría ata unha zona na que había uns petroglifos impresionantes nun espazo de rochas planas que invitaban a parada e descanso, por enriba saíu de novo o sol e foi marabilloso tombarse e pecha-los ollos un ratiño mentres escoitaba as conversas dos amigos de fondo. Para eses momentos eu xa non pensaba, soñaba!!, cunha manta e cun colacao quente. Aínda nos quedaba facer un regreso descendente que acabou converténdose tamén en paso obrigado entre os amigos os toxos, para chegar abaixo e atoparnos con que había unha altura dun piso e que non había opción a salto, e aí, a nada, ao lado e tan lonxe, a estrada. Bueno!!, son as cousas dos camiños, ía anoitecendo e había que tomar decisións, ou volver atrás ou seguir e ver a onde nos levaba a decisión. Por sorte nos levou a un camiño de baixada, o Sr.Botas estivo fino hoxe entre os toxos, a verdade.

Xa nas inmediacións de Gargamala iamos regresando. O Nachete o o Miguel entre risas de cachondeo íntimas e que non estaban dispostos a compartir, pero non puideron evitar contaxiarnos o bo humor a Alex e a min, e mesmo ao Anxiño, que non os pariu pero coma se o fixese de tan ben que coñece de que pé coxean estes dous. Cari volverá compartir camiños cos Eivadiños non tan pronto, jajajajaja...., sempre que ven tócalle unha aventura imos dicir, atípica. Vicki un tanto do mesmo, di que cando ven sempre pasa " algo ". Emilio levouno moi ben todo, estaba contento e o disfrutou, aínda que disfrutar o disfrutamos todos, coma sempre. Mónica recibiu unha boa ración de picaduras varias e algún que outro susto coas andainas particulares de " golfa " detrás de galiñas e vacas, e os Senhores Botas ao final son os únicos aos que Anxo lles dixo que para a próxima pateada sairían eles tres solos porque os demais nos pasamos o dia protestando por unhas cousas ou por outras, jejejejeje....

Paramos en Casa Antón a tomarnos algo nunha mesa redonda e Alex e máis eu fixemos intercambio de coches para o regreso, eu marchaba con Miguel, Emilio, Cari e Vicki cara a Puxeiros mentres o resto dos Eivadiños ficaban un pouco máis a calor do bar de turno. Outra xornada Eivadiña que remataba e que quedaba no recuncho de experiencias compartidas. É verdade que hoxe estiven " protestona ", pero coma lle dixen a Anxo: déixame queixarme un pouco hoxe, que estou griposa, mimosa, e sen durmir. Non todo van ser fortalezas que as fortalezas tamén se derruban, non si??. A conclusión final é a mesma sempre, paseino moi ben e non cambiaría nada do vivido, nin picaduras de toxos nin fríos sentidos, a calor dos vosos pasos sempre sempre sempre....., compensa. Agradecida.

Salo

E184 Roteiro de Xirazga (Beariz)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS
Crónica e Fotos en NÓMADAS


Lúa, 13-10-010.

A ver a ver...., imos empezar corrixindo erros. Hoxe pola mañá viña Anxo por Canjas e atopouse con que eu xa tiña publicada unha crónica no blog de Nómadas a propósito do día que compartimos onte en Beariz, no roteiro de Sirazga. Nesa crónica eu lle adicaba a autoría do roteiro única e exclusivamente a Sudando Botas. Inxenuamente, porque así foi, na miña cabeciña tiña o chip de que as saídas Eivadiñas se limitaban aos domingos e o Anxiño se encargou de informarme, e de incluso remitirme ao blog de Eivadiños para comprobar que as saídas deste singular e especial colectivo tamén inclúen festivos e días semanais. Vale!!!, vaaaaleee!!!. Desculpas mil e rectificacións no blog de Nómadas. Promesa de crónica Eivadiña en toda regra e se son sincera e fago retrospección, é certísimo que onte, ao longo do traxecto cara ao lugar onde emprenderiamos a nosa aventura camiñante, Anxo me había dito que me " tocaba " face-la crónica, só que eu non asociei ben o asunto.

Reuniámonos en Puxeiros ás 11,30 seis amigos para pasar un día que prometía perfecto, polo clima e polo ambiente que xa se estaba dando unha vez todos xuntos : Anxo, Alex, Yuka e o seu inseparable Ramón, Montse, e esta que escribe. Todos cun ánimo fecundo en humor e con perspectivas de seguir na mesma liña. Tras coller algo para comer, todo moi apetitoso, algúns incluso decidiron levar postre para este día que comezaba tan ben e tan distendido, uns doces de leite frita que reclamaba a atención e a gula, e tras un mañaneiro almorzo que non tiña trazas de querer despegarse da mesa, fixemos o esforzo de repartirnos en dous coches para enfiar rumbo a Beariz, o noso destino.

No coche, no camiño de ida, conversas animadas, unhas veces con retranca, outras máis persoais, co talante que só a confianza pode ofrecer. Eu ultimamente estou a deixar pousar as miñas emocións sen censura, con moitas ganas de disfrutar dos amigos e de facelos disfrutar tamén da miña presenza, dándome de forma desinhibida e favorecendo a alegría dos reencontros, e dende logo o que menos me interesa é ter conversas formais falando do tempo ou de banalidades intranscendentes, e favorezo máis saber dos amigos e que eles saiban de min, tanto en temas frívolos coma máis serios. E así iamos facendo millas asfalto adiante no coche. Gustoume a emoción de Alex pasando por paraxes coñecidas dos seus tempos máis infantís, traendo ao recordo a súa estancia en Soutomaior e en Fornelo de Montes, terras dos seus pais, avós e ancestros. A ilusión con que nos amosaba as casas, nos nomeaba os distintos barrios, indo no coche demoradamente e con tempo a ir mostrándonos cada recuncho da súa memoria. Eu me sentía feliz nese traxecto, pensando que estes dous "impresentables" cos que ia, cada vez estaban sendo máis importantes no meu propio recuncho de sentires, e sobre todo sabendo con absoluta seguridade que eu tamén era igual de importante para eles. Boa combinación para un día que non sei por qué, cando amanecín, sabía que ía resultar en algo bonito.

Mentres tanto, Ramón conducía a velocidades imposibles, imposibles polo menos para Alex, aínda que eu, teño que recoñecelo, son máis da liña de Ramón, estaba segura de que se fose eu a que conducira, estaría pegadiña ao coche de Ramón nos límites que a prudencia obrigan. Si, teño que recoñecer que me puña algo "nerviosa" a prudencia na conducción de Alex, pero pensei que coma non era eu a conductora xa chegariamos ao noso punto de saída, ou non!!!...., jajajajaja. En todo caso, se nos perdésemos, tiña claro que pateada habería, si ou si, así que simplemente deixei que a responsabilidade da conducción caera en Alex, que para iso conducía.

Chegamos a Xirazga, por suposto, non sen parada a facer gasolina por parte de Ramón e da impaciencia de Alex, jeje....

Espectacular a igrexa de Xirazga, e coa agradable sorpresa de que había acceso ao campanario por unhas escaleiras dignas dunha película de terror, impresionante esa subida que te facía pensar no descenso, pero ao final non foi tan terrible nin escabroso, a escuridade tan absoluta ata o punto de non saber onde puñas os pés só se deu no ascenso, a baixada foi sinxela e recoñecida. Innumerables tumbas no chan, sarcófago con calavera e osos cruzados, cruceiro con personaxes cubrindo as súas nobres partes con follas de parra. Lugar especial!!. Pero por moi especial que fose......, Yuka estaba de talante pateante, e con ganas de ritmo e de camiñares potentes, pola lonxitude do roteiro e porque hoxe lle daba a gana!!, que non porque disfrute dos andares demorados non teña un fondo que mete "medo" se decide darlle cancha ao seu ritmo. Mamma mía!!!, qué despliegue de prontitude e de aceleración nun inicio que marcaría todo o traxecto. Eu, por se acaso, decidín seguila mentres os fotógrafos Ramón e Anxo seguían alucinados co ambiente da igrexa e pouco a pouco iamos deixándoos atrás, creo que tiveron que facer un bo sprint ata alcanzarnos.

Pasamos por Alén, hoxe era o día de Alex, definitivamente. A aldea chamábase coma el e posou ao lado do sinal que nomeaba a aldea, non sen posar tamén para unha foto con cara de inocente cunhas palabras debaixo que puñan: PUTA, aiiiii!!!, jajajajajaja....., o capullito de Anxo lle tiña unha boa preparada, en realidade puña: DEPUTACIÓN, pero o malvado enfocou a cámara de xeito que só sairan as catro letras. Coitadiño Alex, e con esa cariña!!. Estaba a presentarse un día para esa clase de distensións, coa alegría por bandeira e o relax coma compañía. A verdade é que o pouco que levabamos camiñado era tan amable, tan bonito e tan acolledor que non podería saír outra cousa máis que a nosa resposta alegre e agradecida.

Paso por zona boscosa e ao fresco das árbores amigas, vistas entre árbores invitadoras e anunciadoras da maxestuosidade paisaxística que nos agardaba para cando saímos á zona aérea facendo un ascenso cara a Santo Domingo. Clima apropiadísimo para o roteiro que estabamos a facer, silencios pletóricos de silencio que amansaban os ánimos e creaban desexos de quietude interior sen necesidade de compartir máis que presenzas, porque nada máis era necesario. Nese tramo eu sentía a miña fortuna en extremo, non podería estar mellor que onde estaba nese preciso momento, sen inquietudes, sen pensamento, só sentindo ao meu corpo en movemento, facendo pasos, caladamente, pletórica, sen máis necesidade ca de camiñar, camiñar, camiñar....., a onde fose, érame exactamente igual, estaba en plena natureza recibindo non sei exactamente o qué, pero era bo, moi bo. Miraba aos meus amigos e os miraba na mesma situación. Un martes agradecido, un tempo incrible, nin frío nin calor, todos óptimos, sans, alegres, calados, cada un ao seu aire e todos xuntos. Grazas, grazas por ter o que teño!!, que é moito!!. Canto repouso aos galimatías de cada un do seu cotián!!, e en día semanal, case se aprecia máis que unha fin de semana habitual.

Chegados a Santo Domingo paradiña para comer. O lugar non podía ser máis acolledor e idóneo. Céspede acolledor, mesas de pedra ao sol e a sombra, para escoller!!. Fonte de augas fresquísimas, entorno fermosísimo que invitaba a quedarse. E nos quedamos, claro!!. A fame era nejra para algúns e desestimada para os fotógrafos, que se adicaron a reflexar o ambiente, incluso houbo algún que se namorou dos azafráns silvestres e das súas cores e se adicou a facer unha maxi reportaxe xogando cos desenfoques. Eu era das que tiñan unha fame nejra, e adiqueime a papar no meu bocata vexetal con mahonesa incorporada e a trabar con ansias nun pan que estaba fresquiño e delicioso. Montse aportou olivas recheas de anchoa e un queixo de cabra exquisito, Yuka preparou bocatas de chourizo e queixo que tiñan unha pinta á que me resistín porque a gula xa pasaría a indecente, e por suposto, ese postre delicioso que me deixou satisfeita e co bandullo cheo sen chegar a considerarse o tema coma perigoso, todo moi na súa medida, nin de máis nin de menos.

Pequena sesta no céspede agradable e invitador, ao sol, recibindo lume externo para quentar posibles fríos internos, que para nada, pero por se acaso, jeje... E visita aos arredores da igrexa de Santo Domingo, a mámoa que alí había, a observar as incoherencias arquitectónicas cuns adosados de ladrillo á estructura orixinal, meu deus!!, non tiña desperdicio a visión!!; e fotiños simpáticas de todos xuntos en plan amiguiños de cachondeo e sacando aos nenos que temos cada un dentro de si, cómo nos gusta xogar!!.

Seguimos ascenso entre paisaxes no ceo competindo con nubes marabillosas, desas que invitan aos fotógrafos a estudiar luz, sombras, perspectiva e demais loxísticas dun bo profesional, o día era realmente espectacular e o ceo unha paisaxe presente. Conversas varias, sobre arquitectura e inxeniería de camiños, discusión a propósito de pontes contemporáneas e materiais que se usan actualmente, física cuántica versus filosofías antigas, e moito, moito, moitísimo cachondeo a conta desta cronista que hoxe tiña un día tan estupendo que todo lle daba a risa, e por rir, non lle importaba rirse ata de si mesma.

Descenso prodixioso, non sen antes atoparnos no alto un sinal de: perigo!!, avión!!.... Bueno, para ver as fotos, non podería dicir moito máis deste momento que afortunadamente quedou gráfica e visualmente rexistrado.

Ponte e muíño antigos coma a vida mesma, paso por aldea plagadiña de cans e baleira de xente. Pasos a carón do río e de campos repletos de cogomelos vermellos facendo contraste co verde da herba. Auga fresca nunha fonte abundante que agasallaba con maná de frescura na gorxa. Día que nos amosaba sorpresa tras sorpresa á vista e aos sentidos dunha forma poucas veces sentida tan abundante e xenerosa. Nin os tramos de asfalto sobraban. Momento cruce ao río, só dúas valentes e aguerridas camiñantes osaron descalzarse e pasa-lo río, Yuka e máis eu. Se o chego a saber!!!, xélidas, cortantes, impresionantemente frías!!, qué dor!!!. Os demais se buscaron a vidiña coma mellor superon e acabaron cruzando un pouquiño máis adiante.

Enfiamos camiño estreito e bonito que nos levaría sorpresivamente ao encontro das primeiras casas das aforas de Doade. E dalí voltamos a coller caminiño cara ao río ao amparo do solpor que ía anunciando retirada rápida cara a Xirazga. Preciosísimo percorrido no que as marcas brancas e amarelas tan queridas nos anunciaban que iamos polo bo camiño, en todo o roteiro as marcas tiveron existencia cero agás no principio e agora, no derradeiro tramo que nos conducía ao noso destino.

Ao límite da noite demos en chegar, aliviados, agradecidos, cansos, felices. Trofeo ao torete, premio Sudando Botas, non sei se oficial, jajajajaja, otorgado por Ramón a Anxo. 20 kms de alegrías e de bos pasos. Momento vacas pasando en fila india ao solpor. Agradecementos a Yuka e a Ramón por tamaña odisea de principio a fin. Preciosa!!, non sei qué máis dicir deste roteiro, moi gratificante e cun pouco de todo, a monotonía non foi unha das súas características dende logo.

Aínda paramos en Fornelos de Montes a picar algo. Estivemos moi a gusto compartindo conversas sobre gustos e desgustos cineastas a conta dos actores, non polo seu traballo precisamente senón polos seus físicos, qué banais e superficiais!!!, jajajajaja, loubando ou criticando o seu atractivo a niveles puramente físicos. Aínda nos reinos un cachiño vendo o despliegue fotográfico que ten Alex no seu teléfono "air fhone", qué nivel!!, ensinándonos as súas femias preferidas e as nosas fotos que lle saen na pantalla cando o chamamos.

Tocaba retirada xa, era tardísimo. Montse, Yuka e Ramón enfiaron cara a Vigo tras despedirnos, e eu me deixei levar na parte de atrás despois de dicirlle a Anxo que me tocaba a min, que non estaba eu para darlle moita conversa a Alex cara a Vigo, e é que a esas horas xa non son ninguén, a verdade, tan só unha meniña que xogou durante todo o día e que agora bostezaba facendo esforzos por permanecer esperta ata Puxeiros, onde aínda me esperaba unha viaxe que se me antollaba longuísima cara ao Morrazo.

Amiguiños!!!, agradecida!!.

Salo.

E181 Sendeiro circular do Baixo Tea (Salvaterra)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 19 de agosto de 2010

Non tiña previsto facer eu a crónica desta vez, a verdade, pero os Eivadiños ma endosaron a hora do xantar así coma quen deixa caer as cousas con naturalidade, e con naturalidade o recollín. Todo viu a colación dunha mensaxe que recibía Nacho na que o grupo co que saímos o sábado de andaina lle dicía que por decisión "unánime", jeje..., lle tocaba a el facer á crónica da andaina que fixemos, así que o Anxiño aproveitou e me dixo que me tocaba a min facer tamén a de Eivadiños. Pero segundo ían pasando os momentos me alegrei moito de ser eu quen a fixera, porque este domingo Eivadiño foiche un día moi bonito e especial, de moitos bos momentos compartidos, e que sexan as miñas palabras as que van a describir o día me fai sentir ben, espero que aos meus amigos lles faga senti-lo mesmo.

A idea era a de sempre, ás 12,15 no Concheiro, e a partir de aí xa veriamos.....

Eu espertaba pola mañá ás 10 cunha sensación que non tiña dende hai moitos anos : cando soou o espertador me erguín dun chimpo pensando qué??, quen son, onde estou, qué pasa aquí?????......., deitárame máis alá das catro e media da mañá e aínda tardei en durmir tras un sábado intensísimo de saída sendeirista con remate nas pozas quentes ourensáns de Outariz que me quitarían os suores pasados para irnos dereitiñas a Vigo, cear e irnos a un concerto Alféizar polos mineiros chilenos atrapados. Deixamos nesa sala novos suores e aínda nos reunimos cos compañeiros da andaina da mañá, que celebraban aniversario e decidiron vir a xunta de nós a ver a actuación tamén. E máis bailoteo!!. Nese momento pensei seriamente se mandarlle un sms a Anxo para dicirlle que non ía á saída Eivadiña, porque xa o venres me había deitado tarde para madrugar o sábado, pero puido máis a vergonza de saber que eles saen cada fin de semana, se deitan a horas moito máis intempestivas, e aínda así aí están cada domingo ás 12,15. Ás veces avergonzarse das posibles accións que podes facer está moi ben e é de sabios facer caso da conciencia porque o que acabei vivindo neste domingo Eivadiño foi unha gratísima xornada e me houbera perdido a compañía desta xentiña que me deposita os seus afectos e nos que eu deposito os meus tamén.

Así que andaba eu medio zombie tentando saber qué tiña que levar, qué roupa, qué calzado....., as botas!!, de repente acordeime de que me deixei as botas no coche de Nacho cando iamos ás pozas o día anterior. Sen apenas tempo vestín o primeiro que atopei e chamei a Nacho, o boiño me dixo que mas levaba el ao punto de encontro. O punto de encontro cambiaba nesta ocasión, en Vigo había unha carreira de coches imposibles que baixarían a toda velocidade polas rúas repletas de fardos de palla e os accesos estarían pechados, así que Ramón me chamou para dicirme que quedabamos en Puxeiros para reunirnos. Cando cheguei Nachete xa estaba a tomar o cafeciño e platicamos un rato en espera dos Eivadiños, Nacho apuntábase ao xantar aínda que non á pateada.

E aí foron chegando todos puntuáis : Yuka e Ramón, Anxo e Alex. Anxo propuxo ir xantar ao Noso Eido, en Salvaterra, porque a necesidade neste día era a de patear por sombras e con opción a baño, facía calor e polo menos o meu corpiño non estaba para moitos aguantes e moitas festas que diso xa viña de ter dabondo tanto o venres coma o sábado, así que a pateada sería Salvaterra-Ponteareas ata onde chegáramos, e despois dar media volta, o Anxo tiña quenda de noite e nos dixo que tiña que estar cedo en Vigo. Nacho na súa flamante moto azul metalizada, eu con Anxo e Alex no seu coche, e Yuka e Ramón por outro lado, enfiamos a encher os bandullos ao Noso Eido. Nós fomos os primeiros en chegar, nos ofreceron unha mesa de pedra redonda debaixo da parra que por enriba tiña un paraugas facendo de parasol, por se se colaba algún raio de sol traizoeiro. Se estaba tan ben alí á sombra, tomando un aperitivo mentres o resto dos compañeiros chegaban!!. Me encantan as mesas redondas, todos estamos con todos, non hai ángulos e ninguén queda nunha esquina, estou convencida que en mesas de estas características se dan outro tipo de interaccións, e este xantar que compartimos foi dunha harmonía insuperable. Bo humor, conversas con fundamento, sinceridade nas exposicións, naturalidade na fala, amigos sabéndose amigos e optando por mostrarse. Descubrimos gustos e preferencias nesa mesa redonda que non se poden repetir aquí, jajajaja...., e tampouco estou certa de expoñer o contido desas conversas, sobre todo cando pouco a pouco e quentando motores se ían poñendo cada vez máis explícitas e ardentes , jajajaja...., e para calores xa había dabondo cos que ofrecía Lorenzo así que nesta ocasión vou ser prudente, por min a primeira!!!, jajajaja.... O certo é que se estaba moi ben. Anxo, Yuka, Ramón e Nacho paparon unha boa fonte de peixes varios, e Alex e máis eu preferimos choquitos á grella sen que faltara unha boa ensalada de tomate, e tan boa pinta tiña que Nachete acabou pedindo unha fonte máis deses tomatiños roxos e carnosos de tan ricos. Uns treixadura e outros cervexa, non dabamos arrincado a patear!!!!!. Foi unha desas comidas nas que se está tan a gusto que queres demoralas, ningún queriamos que se acabara ese bo rollito que se estaba a sentir. Pero!!......, esta era unha saída Eivadiña, e tocaba a segunda parte.

Despedida de Nacho e os cinco Eivadiños empezamos a nosa andaina dende Salvaterra e rumbo a Fillaboa. Eu estaba contenta coa elección, sabía que o camiño ía ser amable, fresquiño, coas augas do Tea dispoñibles, e tanto rollo coas botas para o final decidir que ía ir coas miñas sandalias de treking, non me apetecía nadiña levar os meus pés encerrados nas botas, o Alex me avisou : Salo!!, que sabemos como empezamos pero non como acabamos!!, pero arrisqueime. Atopamos que a marea estaba baixa e Anxo propuxo explorar pola illa de Fillaboa, Yuka e Ramón parecían de acordo, pero o Alex e máis eu non estabamos pola labor, jajajaja...., e desta vez gañamos nós, eu solo de pensar de patear ao sol xa me daba algo, e aínda tiña recente a pateada do domingo anterior por Valença. Non non non....., Alex e esta señorita se uniron no desacordo, e debiamos de telo moi claro porque non se dixo máis, a seguir cara a Ponteareas!!!...., desta vez gañaban dous de cinco.

Qué ben se ía polas sombras pegadiños ao río!!, a tranquilidade que non me puiden permitir dende o venres por tódalas actividades que se me presentaban para o finde por fin se instalaba, ofrecendo un silencio interno que agradecín como poucas veces, me sentía fluíndo co río, coa tarde, coas árbores, cos meus amigos. E o ambiente natural ía facendo en cada quen os seus efectos. Yuka e Ramón tamén tiveran un sábado digno pateante polo Morrazo, e nesta tarde se ían deixando levar por un ritmo máis demorado, facendo os dous fotos cada un coa súa cámara, deixándose influenciar polo entorno que invitaba ao repouso, ao disfrute dos sons do río. O Anxo chegounos vestidiño de camiñante elegante, guapísimo co seu pantalón novo gris e negro, e cunha camiseta negra a xogo, tanto me gustou o pantalón e máis o prezo que vou comprar un par deles para min xa que tiven que darlle pasaporte a un pantalón que se me rompeu hai pouco nunha pateada. El e Alex ían diante de amiguiños mentres eu lles sacaba fotos, que bonitiños estaban así, de camaradas, dándose apertas e falando das súas cousas. Yuka e Ramón ían detrás disfrutando a súa propia andaina, e esta que escribe ía no medio disfrutando de si mesma. Non foi unha tarde de manternos pegados ou de grandes conversas, esas quedaron na mesa redonda, jajajaja..., estabamos unidos pero coa necesidade de estar cada un ao seu aire, ou polo menos eu o vivín así e me estaba sentando de fábula.

Pasamos por un muíño que tiña peto de ánimas, qué curioso!!, Yuka lle sacou unha foto e titulouna : "muíño mix", nos fixo moita graza o comentario. Paramos nunha árbore ao pé do río que tiña unha corda para tirarse e alí tamén nos retratamos, bonitas fotos, bonitos sorrisos, e mellores sensacións de amizade, no tacto, na aperta, momentos deses que sintes que non te falta de nada porque en ese preciso instante sintes con tódolos poros que o ten todo e que nada podería ser máis perfecto que ese momento que se está a vivir.

Seguimos andaina e chegamos a Arxén. Alí tiñamos bar para refrescar as gorxas cunha cervexiña, pero o bar estaba pechado. O noso gozo nun pozo!!, pero tampouco o tomamos á desesperada, a ruta estaba a ser tan amable e tan grata que neste día nin a falta de cervexiña no camiño nos ía afectar. Pero!!!, demos en cambiar o plan e facer a volta pola outra marxe do río. Non puidemos ter tomado mellor decisión, e esta foi unánime!. Qué bonito percorrido de volta!!, e cantas sorpresas!!!. Deste lado non pisaba tanta xente, todo era máis enxebre, máis natural, as árbores medraban sen talas e xuntaban as súas follas coas árbores veciñas, as sombras eran máis xenerosas, o camiño era invitador. É verdade que tivemos tramos máis complicados de atravesar, e algunha que outra loita coas silveiras, pero estas hoxe ata tamén estaban xenerosas en condescendencia e non nos puxeron pegas ao noso avance, aí si que lembrei a advertencia de Alex con respecto ao meu calzado e a que sabes como empezas pero non como acabas, tiven un bo corte nun dedo, pero non foi a maiores a dificultade.

Bueno bueno bueno......, tremendo espectáculo no primeiro campo de millo polo que pasabamos nesta marxe do río!!!!. En qué momento nos metemos nunha película de terror que non nos enteramos??. O milleiro tiña a modo de espantallos toda unha exposición do xénero de terror macabro digno de darlle ideas a algún guionista. Unha boneca sen bragas era a anunciante do espectáculo, alí de pé, como desafiando e invitando ao mesmo tempo a ver mellor ao teu arredor porque tiña tal presenza que se non ampliabas a visión non te decatarías do que se mostraba no medio, nas esquinas.... Caretas terroríficas, monstruosas, penduradas das ramas do millo. Había unha que parecía un jíbaro sen menguar, parecía tal cal un home ao que lle arrincaron a pele e a deixaron alí exposta como para insinuar que non seguiras adiante ou se o facías que te ativeras as consecuencias. Outra parecía saída dun comic tipo "o capitán marabillas", ou "mazinguer Z", jaja..., outra máis era un careto verde coa boca aberta, ameazante, cos ollos inxectados en sangue, en fin....., unha proxección de terror en plena natureza nun día soleado e aberto no que non te esperas atoparte semellante película. O Anxo se puxo as botas fotografando o espectáculo mentres os demais faciamos momento descanso xa que intuímos que a cousa ía para largo.

Pero é que a cousa non acababa aí!!, tras seguir camiño o seguinte campo de millo non ía ser menos que o primeiro, coma se os paisanos se puxeran de acordo para que a película tivera continuidade, e nos atopamos con algo " colgado " cunha forma rara, máis ben era unha masa informe, eu pensei que era unha gorra desfiada, pero....., carallo!!!, era un corvo morto colgado do pináculo!!!. Ao Anxo os ollos lle fixeron chiribitas e preparou a súa cámara para retratar semellante cousa para a que non teño palabras. Nese campo tamén deron en aproveitar xerseis vellos e demais roupas para colgalas coma se fose un tendal ou un expositor de camisetas con fondo de millo verde. Alucinante!!!. E no seguinte campo, como non, máis!!. Outra boneca nos esperaba colgada por un corda, eu ao principio e dende lonxe pensei que era unha boneca aforcada, de feito, nun arranque cruel, aforqueina eu mesma para volver a desaforcala que iso me puxo mal o corpo ata a min, pero cando nos achegamos a corda a tiña pola frente. Tamén houbo sesión foto para inmortalizar o que poderiamos dar en chamar "campos de millo sanguentos", todos lembramos a famosa película "los chicos del maiz", e o Anxo decidiu que esa noite laboral sería a base de sangue, zombies e demais diversións dese estilo (para quen as queira!!), como para seguir entoando o ambiente ofrecido.

Seguimos o noso percorrido por camiños caminiños, o Alex estaba empeñado en seguir por eles a pesar de que xa tiñamos dispoñible unha pista que nos levaría seguro ata Salvaterra, pero el estaba máis seguro aínda que polos sendeiros iamos chegar igual así que el era o noso guía nesta tarde exploratoria pola outra marxe do río/Tea e xa sabemos que aos guías hai que seguilos poñendo a confianza en que nos levará a porto seguro, ou non, jajajajaja!!!!...... Pero desta foi que si.

Chegados á ponte romana paramos para momento baño, a tropa dos catro non tiña pensando pero eu non me ía hoxe sen un baño, e menos sabendo que as augas estaban boísimas, así que baixamos e eles fixeron fotos e descansaron mentres eu me mergullaba nunhas augas nada limpas, estaban moi turbias, pero nunca fun exquisita neses temas que na casa hai auga e xabón e cremitas varias para solucionar ese tema. E o certo foi que estaban boísimas, nadei un pouco e deixeime refrescar e enfriar o corpo nunha tardiña que xa ía marcando o tempo e anunciando o remate do noso día, así que non fixen esperar máis aos meus amigos e vestinme para seguir andaina, xa nos quedaba pouco máis de un quilómetro.

Chegados a Salvaterra Anxo, Alex e máis eu atravesamos o parque que estaba inzado de xente, Anxo dixo que cada vez levaba peor esas aglomeracións, benvido ao club compañeiro!!. Atravesamos un macro parque infantil cheo de papás columpiando aos seus fillos, griterío, xente no céspede...., qué diferenza ao que acababamos de vivir, aí non se podería escoitar un son da natureza nin pedíndoo por favor.

Nos fomos ata Monçao a tomar as cañas no Escondidinho, e regreso a Vigo que aínda quedaba chegar a casa e decatarnos de que mañá é outro día, este no que xa é e se fai esta crónica Eivadiña.

Magnífico día compartido dende o primeiro minuto ata o derradeiro momento. Qué máis podo dicir??.... Agradecida!!!.

Coma sempre, quedarán tantísimas cousas no tinteiro!!, tantos momentos que non teñen palabras que os expliquen, porque se trata de sentires, desa cobertura emocional á que tanto alude Anxo. Como explicas unha aperta dende o corazón, ou un apoio que sentes que te están dando e que unha tamén ofrece??, como pos en palabras un momento compartido no que solo cabe o que estás a sentir nese momento?. As conversas entre dous ou entre todos, ou describir o contacto e o tacto...... A veces quedo coa sensación de que puiden expresalo mellor, e coincide sempre cando o disfruto tanto que as palabras non chegan para transmitir iso que vivín.

Quérovos.

Salo.

E180 Trilho do Alvarinho (Valença)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 12 de setembro de 2010

Custoume arrincar a escribir esta crónica, si señor....., cada vez que pensaba en escribila me viñan repentinamente as calores que pasei, que pasamos!!, os seis Eivadiños que eramos nesta ocasión. A saber: a incansable osmona de mapas e rutas novas Yuka, o seu inseparable complemento, Ramón, o apreciador e disfrutador dos camiños Alex, o grandísimo reporteiro fotográfico das bondades de natura, Xacobe, o xenio e figura, amante e reciclador nos camiños, Anxo, e esta que escribe, sempre aproveitando as sutilezas da natureza para medrar en tranquilidade e para pousar a miña ánima inqueda e ansiosa de vivi-la vida que me ocupa.

Seis eran seis, e qué bo número!!. Enfiamos dende o Concheiro dereitiños ao Stop, os meus cinco compañeiros xa levaban instalada a intención de papar unha boa dose de arroz malandro, eu me sentía estoica e optei polas verduriñas, as vacacións pasaron factura no meu peso e unha é de bo xantar así que tocaba coidar a liña si ou si, e de todos xeitos a cociña do Stop nunca defrauda. Ningún de nós quixo sobremesa nesta ocasión, será que as vacacións pasaron factura ao peso de tod@s?, jejejejeje......

A intención era facer un novo roteiro, teoricamente inaugurado en xullo, polas inmediacións de San Fins e de Monte Faro, duns 9,6 qms. A min me atraía moito a pateada, xa me estaba relambendo pensando en unila e facela máis longa para levar ás tropas Nómadas de cara ao inverno, San Fins está enclavado nun lugar moi especial, as inmediacións do Mosteiro e este mesmo son unha xoia enerxética e acougante, e levaba tempo coa intención de levar a Nómadas a patear por eses montes de Valença a que recibiran a xenerosidade deste lugar que a min me engaiolou dende o primeiro día que o visitei e que pateei por el. Sentíame cansa tras patear o día anterior por Castro Leboreiro onde deixei unha boa dose das miñas enerxías no lugar, subindo e baixando como unha cabritiña pola maxestosidade dunha zona que sempre saca o mellor de min, pero non quería renunciar a patear cos meus amigos e pensei que levaría de fábula a fórmula Eivadiña, solo que eu non parecía este día ser a única que estaba cansa, aí, quen máis quen menos estabamos todos desfurricados, jajajajaja....., polo menos o cincuenta por cento dos que nos xuntamos neste día.

O thrillo de Alvarinho está ubicado nas freguesías de Boivâo e Gondomil. O punto de saída sería da Igreja Parroquial de Boivâo e pasariamos por Paço, Quinta da Igreja Velha, Lordelo de Cima, Silhâes, Fujaco, Carvoeira e Cima de Vila. Pasariamos polos moinhos da Encostra da Furna e todo sería así de bonito e de cultural a non ser porque nos atopamos que aí non había sinais marcados por ningures. Tan solo tiñamos o mapa de Yuka e Ramón e as ganas de non perdernos, pero...., foi ser que aquilo non había por onde collelo!!!, e eu non levaba nin un quilómetro feito e xa perdín as contas do camiño e empecei a deixarme levar pola boa guía de Yuka, imposible memorizar nada de tanto ir e vir, de tanto meternos por un camiño e dar marcha atrás porque debía de ser outro. Son as cousas dos novos camiños amiguiños!!.

Así que a partires de un tempo tentando lembrar o camiño desistín e dediqueime a camiñar, a compartir conversas e a escoitar aos meus amiguiños falar disto ou daquilo; a calor era abafante e todos houberamos agradecido atoparnos cun sitio de baño, pero ía ser que non neste día. Camiñamos entre pinos e máis pinos, atopamos unha canle cun muíño vello medio derruído, Alex e máis eu unímonos nunha conversa a propósito dos amores imposibles, Xacobe perdeuse dos demais ocupado en facer fotos e atopounos subindo monte a través a golpe de gritos e uns e de outros. Atopamos uvas deliciosas no camiño e puxémonos as botas papando nelas, o Alex tivo unha regresión á infancia cos arumes destes froitos, el chamábaas " uvas americanas ", a saber!!, na miña terra nunca escoitara ese nome, pero xa sabemos que na Galiza cada rexión ten os seus nomes e apelativos para a mesma cousa, así que si el o dicía por algo será!!....

Paramos nun palco de festas decorado moi xeitosamente, tiña pintado o mural cunha paisaxe que invitaba ao baño, mágoa que fora de " mentira ", co seu río fluíndo, as súas árbores ofrecendo sombras, nós tivemos que conformarnos coa sombra que había baixo unhas mesas e bancos de pedra e aí nos tiramos unha chea de tempo amparados dos raios de Lorenzo, ninguén tiña moitas ganas de seguir recibindo as súas xenerosas calores, a verdade. Alí fixemos fotos, algúns se mollaron as cabezas na fonte, deitámonos na mesa de pedra e amolamos todo o que puidemos e máis antes de seguir o roteiro. Para ese momento xa estabamos a pedir cañas, cañas e máis cañas, jajajajaja.....

Seguimos camiño caminiño e Alex, Xacobe e Anxo dedicáronse a valorar quen destas dúas actrices españolas estaba máis boa, se Elsa Pataki ou Leonor Watling, para gustos cores e aí me puxen as botas en cuestión de gustos masculinos. Que si unha era sensualidade e a outra solo estaba boa, que se a min me gusta máis esta que aquela....., en fin!!, homes!!, pero me gusta estar entre eles, aprendo moito e tento sacar algún proveito para futuros comportamentos femininos con respecto a estas conversas...., quen dixo que no camiño non se aprenden cousas???.......

Por fin, todos máis cansos que outra cousa e sen ganas de seguir investigando, decidimos acurtar vía mapa porque de todas todas hoxe non era o noso día camiñante e dende logo aí non había moito máis que sacar. Eu xa sei que terei que volver a explorar ese roteiro se quero levar as miñas tropas a facer ese mix que pretendía. Para máis recochineo, ao pouco de volver ao noso punto de partida, na Igreja de Boivâo, se nos presenta de repente unha piscina enoooorme como vacilando. Era realmente unha piscina, non sei se municipal ou privada, pero aí estaban os vestiarios, os baños e......., unha enorme valla dobre con pinchos incluídos que nos impedían o paso. Aínda así, esta e máis algún máis quixemos tentar traspasar semellante obstáculo, e eu estou convencida que o houbera conseguido se non fose porque ao final, as augas da piscina non eran moi invitadoras precisamente, augas estancadas e verdosas que me fixeron desistir do tan ansiado baño.

Rematamos tomando unhas merecidísimas cervexas fresquiñas na Parroquia de Borivâo, nunha especie de chiringo entre praieiro e montañeiro, onde na parte de atrás había persoal asando castañas mentres a calor era tan intensa que a min se me antollaba totalmente contraditorio, unha actividade invernal nunha tarde na que facía unha calor do copón. En fin!!, así é Portugal....., menos mal!!!.

Os tres preciosos, Xacobe, Alex e Anxo, aínda se animaban a unha tarde noite de cine, ían ver " Lope ". Esta señorita precisaba regresar a casa e descansar, descansar, descansar. Cada ouvella coa súa parella nos despedimos de tres en tres, eu marchaba co dúo dinámico Ramón e Yuka cara a Vigo.

Tarde Eivadiña pasada por calores, conversas nada serias, obstáculos varios, camiños nada invitadores e aínda así, contentos de ter compartido o noso tempo. Amiguiños!!!.

Qué próxima aventura nos deparará a xuntanza Eivadiña???......, despois da publicidade!!!!....., jajajajaja......

Agradecida!!.
Salo.

4º Aniversario de Eivadiños



Lúa, 06-09-010.

Este domingo os Eivadiños tiñamos unha xuntanza moi especial. Todas o son pero esta máis porque iamos celebrar o 4º aniversario da existencia deste singular club, os Eivadiños; nunca se sabe ben qué clase de espécimes somos porque neste grupo máis que en ningún outro cada quen é do seu pai e da súa nai, se xuntan os noctámbulos cos vespertinos, os heavys cos románticos, os góticos cos hipies, os progres cos conservadores, os desaforados cos hare krisnas...., e milagrosamente todos estamos con todos e por enriba pasámolo ben.

Supoño que o Anxiño exterminador ten moito que ver con todo isto pois el é o eixe central destas xuntanzas, e a súa cobertura emocional é variopinta e multicolor, cómo a súa fértil personalidade. Eu tiña outra xuntanza este día, en casa de Loreto con outros amigos, pero non podía faltar ao aniversario Eivadiño, e coma este mundo as veces é cruel en canto ás decisións, tiven que tomar esta elección que me dividiu o corazón, pero en realidade a elección xa estaba feita, eu sabía que acudiría a Mondariz si ou si, non era unha pateada habitual, era o aniversario e estas cousiñas hai que coidalas!!.

Daquela a cita era este domingo en Mondariz ás dúas, na casa que teñen os seus pais alí nun enclave marabilloso, con vistas relaxantes e moi pretas ao río Tea, e o plan era o de xantar unha churrascada, escalibada, e o que se terciara. E despois, tal vez!!....., facer unha pateada. Eu quedei con él en que iría unha hora antes para axudar no que fixera falta, non tiña que levar comida pero non rexeitou postre, así que ata alí enfiei no meu coche cunha torta de froitas deliciosa, e catro pasteis extras por se non chegaba a parte doce, non tiña nin idea de quen acudiría e de cantos seriamos, coma sempre a asistencia Eivadiña é un misterio e moitas veces unha sorpresa.

Eu, organizadiña coma son para estas cousas, cando cheguei......., case me atraganto ao ver que o churrasco e o polo aínda estaban nas bolsas da compra, sen adobar!!. Georgina andaba pola casa buscando de todo porque era a segunda vez que estaba alí, e Anxo, mandilón no corpo, estaba a lavar e a cortar as verduras para facer a escalibada ao forno. Alex tamén andaba por aí, tentando poñer a mesa no xardín. Así queeee...., mans á obra!!, pedinlle un mandilón, que unha non se pon guapita para rebozarse nas labores culinarias así como así!!, e torturei a Georgina pedíndolle todo o que me facía falta, o que lle faltaba a ela!!, outra máis pedíndolle cousas que non tiña nin idea de por onde andaban casa adiante!!, pero en fin!, entre os tres fomos quen de ir preparando sen presa pero sen pausa un xantar que non sabiamos se era para vinte, para quince ou para sete.

Ao pouco chegaron reforzos, María e Xacobe, benditos!!, eles fixeron a parte dos canapés. O Xaime ( criaturita!! ) tamén andaba por alí facendo as brasas co cuñado de Anxo, Adolfo, e os seus sobriños tamén estaban na casa, Samuel, Mario, e un amigo invitado de Samuel, Brais, a este último tamén lle tocou facer de axudante traendo cousas varias que lle iamos pedindo. Un pouco máis tarde chegaban Ramón e Yuka ( a reporteira gráfica deste evento ) cuns espárragos na man, e pronto puxemos a Ramón a facer unha maionesa caseira para acompañalos, e tamén por se o churrasco e o polo resultaban intragables con media hora escasa de adobo, madre de deus!!. Bueno!!, a cousa parecía que fluía, dende logo non iamos comer ás dúas pero tal vez das tres en adiante todo ía semellando posible.

Chegada de Olga e Pablo ( o famoso Ozzy!!, vaia!!, por fin ía coñecelo!!, tanto me falou del Anxo... ), e pouco despois Xurxo e Maca. Javivi e Nuria chegarían máis tarde porque Javi traballaba. Así que cando nos sentamos á mesa eu, e todos!!, puidemos saber quen ía compartila. 19 Eivadiños..., bo número!!. Cunha fame nejra empezamos a comer os canapés de María e Xacobe, os espárragos de Ramón e Yuka, a escalibada e as patacas feitas por Anxo, o churrasco e o polo asados por Xaime e Adolfo, a ensalada de tomates feita por min, na mesa posta por Alex e Georgina. Todo era e estaba perfecto!!, o churrasco sabía a churrasco, o viño estaba bo e a compañía era o mellor de todo. Se estaba ben á sombra, coas montañas enfronte, cos sons do río preto, todo mesturado entre as nosas conversas e os nosos silencios mentres papabamos todo ese festín de cores das verduriñas deliciosas, tiña un colorido o alimento que só provén de mans que cultivan a terra, neste caso as mans da nai de Anxo, deixamolle os productos da horta cunha baixa considerable, pero os nosos bandullos ían agradecelo!!.

Houbo un momento no que algúns quixeron contar as súas eivas, eramos os Eivadiños, non si??. O Alex fíxonos rir contándonos con moito humor as súas operacións quirúrxicas, as súas eivas...., carallo!!, eran interminables!!, jajajaja...., e escoitamos unha disertación de como un " ovo " ( en linguaxe culta e para que nos entendamos...., un testículo! ), pode da-la volta..., ai que risa!!. Pablo nos dixo que a súa única eiva era que era celtista, aínda que Anxo non estaba de acordo, houbo un momento en que dixo que canto máis coñecía a Ozzy máis admiraba a Olga, a saber!!!. Pero a cousa das eivas non pasou de aí, ou ese día todos estabamos en fase olvidadiza, agás Ramón!!, que tiña moi presente a súa hernia!!, ou ninguén estaba pola labor de contar dores e penitas, a verdade é que estabamos moi a gusto todos ao aire libre nunha tarde de domingo que non nos castigaba con calores excesivas, cos bandulliños cheos e satisfeitos. Xurxo nos falou de que él e Pablo habían sido compañeiros na escola e acabaron falando da primeira comunión e dos estilos dos peiteados dos anos setenta, este Ozzy é especial, fíxome rir a mandíbula desencaixada coa súa visión do día da primeira comunión, foi moi divertido. Tamén houbo chanzas a costa de Xaime, dándolle un toque de humor a gravidade do que puido ser o accidente que tiveron de regreso dese super mega fantástico concerto nun castelo medieval en Portugal, resulta que o satánico apelou a deus cando tiveron o accidente...., vivir para ver!!!, se é que a educación católica apostólica e romana tamén deixa as súas eivas!!, jajajajaja....

Eu non tiña eiva física que contar, en todo caso, as miñas eivas son mentais, pero esa é outra misa e alí non había curas senón fregreses da amizade reunidos, e todo por unha boa causa, compartir momentos de calidade, que non é pouco!!. Tivemos momento crítica...., constructivaaaaa!!!, aos Alféizar, e Nuri nos falou do atuendo de Javivi cando participaba nos concertos, resulta que este se puña uns calcetíns nas súas partes nobres enfundado nesas mallas de leopardo e as féminas lle daban a noraboa a Nuri por semellante exemplar, ao que ela respostaba : o normal, non??, e as féminas lle dicían : pois menudo concepto que tes tí do normal, amiguiña!!. Claro!!, e que a Nuri se adicaba a mirarlle a cariña a Javivi mentres as demais se adicaban a mirarlle " o paquete ", e non se decatara da protuberancia incorporada, jajajajaja......., un momento moi chic e moi cachondo no que a risa volveu a ser inevitable no meu semblante e no dos demais tamén.

O momento do café tamén foi digno!!, alí non faltaba de nada. Café, licor café, tarta, pasteis, biscoito. Quen dixo fame??. Detrás de nós unha piscina apetitosa e de augas quentes polo sol, e o primeiro en estreala foi Anxo, co seu bañador de florecitas blancas, qué formal Anxiño!!, onde deixaches as ás escuras queridiño??, jejejeje...., deberon de quedar no derradeiro pub da noite pasada!!. Pronto se sumou Mario á festa acuática, ensinounos orgulloso as súas feridas de guerra da súa derradeira incursión en natura co seu tío, parece que caeu entre silvas e nos amosaba os rabuñazos con ese orgullo guerreiro dos que teñen o encontronazo coas temibles silveiras.

O Alex pediu un bañador tamén, que non ía ser el o que quedara sen baño. Ozzy..., espectacular!!, apareceunos cun bikini delicioso, nada de topless!!, él, recatadiño, coa súa parte de arriba e a súa parte de abaixo marcando ben o paquete, coma debe ser nunha casa de boa familia, que había nenos!!. Eu non estaba este domingo para molladuras, máis ben para compartir outras cousas, así que á sombriña, no céspede agradable, adiqueime a aliviarlle un pouco a Ramón as súas dores cunha masaxe mentres se oían de fondo as conversas, os xogos na piscina, as risas divertidas e relaxadas.

Moitos momentos agradables nesta tarde eivadiña!!, nun espacio que se prestaba á distensión, eu escoitaba falar aos meus amigos mentres repousaba nunha tumbona con vistas ao ceo, uns sentados ou deitados no céspede fresco, outros nos columpios. Javivi viu xunto a min e tivemos unha conversa internacional ( bó momento compartido, Javi!! ), e así ía pasando a tarde e o tempo. Aínda non estaba claro se iamos patear pero a min me ía chegando a hora de marchar, que por fin favorecía unha cita, cousa que levantou chanzas e moitos uhhhhhhh!!!, jajajajaja...., e recomendacións de que fora mala, moi mala!! e coa miña promesa de que polo menos, o intentaría. E mentres eu me cambiaba e me puña máis guapita aínda do que son ( humilde que é unha!! ), eles por fin decidiron saír a dar unha volta, eran ás oito e cinco da tarde, mágoa!!, me quedou mágoa de non compartir camiño finalmente cos Eivadiños, así que a Anxo non lle queda outra que facer outra crónica deste día, non pode quedar a xornada sen o relato da pateada, senón a fórmula Eivadiños non estaría completa e esta crónica non estaría rematada coma debe ser. Fagamos que sexa esta a primeira crónica compartida da historia de Eivadiños, Anxo!.

Catro anos!!, catro anos queridiños!!. Iso se di moi rápido. Eu tiven o privilexio de compartir dous aniversarios Eivadiños, os dous moi diferentes e os dous gardados xa con moito agarimo nas miñas vivencias. Gustoume moito que este día fora celebrado na casa de Anxo en Mondariz, para min particularmente era a segunda vez que visitaba a súa casa e dalgún xeito pechaba círculo neste entorno, a primeira vez entrei dunha maneira, desta vez entraba, e sobre todo saía, cunhas circunstancias moi diferentes. Espero voltar, porque a acollida e a enerxía desta casa ten moita vida, todo o que andiven por alí, tanto por dentro coma por fora, invita á vida. Noraboa Anxo pola familia que tes, se nota sobre todo a enerxía da túa nai en toda a casa, e sen coñecela persoalmente todo me falou dela neste día, dende os tomates ata o contido da casa por dentro.

Desexando ler a vosa andaina unida as miñas palabras, non me privedes dela plis!!.

Vémonos na seguinte, cando proceda.

Salo.

Aquí é onde empeza Anxo a escribir...

...Non houbo moito máis dende que marchou Salo. O día xa estaba esmorecendo, así que recollemos os restos do convite, fregamos catro cacharros e propuxen dar un paseo polo río. Si, dixen paseo, nada de andaina nin camiñata, nada que foxe para puntuar, xa que era tarde de máis e a noite ía collernos si ou si. Ademais había xente que nin calzado apropiado trouxera, algúns ían con sandalias e non era plan que a xente se mancara por tan pouco. Baixamos ata o Tea e seguímo-la senda fluvial a montante, entre salgueiros e carballos, con especial atención a Olga e María, que se estreaban na nosa semente de pegadas. Tiramos catro fotos, por aquelo de inmortaliza-lo día, especialmente cando chegamos a ponte de ferro, por onde cambiamos de beira, e na tumba do neno Valeriano que, cun algo máis de sombra aínda era quen de nos aparecer. Aquí deron volta Xurxo e Maca, que tiñan algo de presa por regresar a cidade. Nin tan sequera pasamos da pontella que leva cara a praia fluvial da Gándara, e mesmo así, como non podía faltar nunha data tan sinalada, tivemos tempo de perder a Ramón e Yuka, non sei moi ben como, os que tampouco sei moi ben como non tardamos en atopar. Chegamos á praia do Balneario xa de noite pechada, de tal xeito que ninguén quixo merendar, ou cenar que xa eran tempos, os máis porque tiñan o bandullo aínda cheo e outros porque tiñan que erguerse cedo ó día seguinte.

A pesares de que non houbera pateada regulamentaria, quedei satisfeito coa celebración, agás o feito de non contar coa presencia dalgún dos fundadores, pezas claves nesta historia que deu en chamarse Eivadiños... quizais se as nosas eivas nos dan para cumprir outro aniño...


Seguidores

Autores