Mostrando entradas con la etiqueta Zalo de Paramos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Zalo de Paramos. Mostrar todas las entradas

E272 Ruta AQA (Covelo)




Sol, 9 de decembro de 2012


Había tempo que procuraba eu unha ocasión axeitada para facerme presente nesta nova xeira eivadinha. Eivadinha sin Z.

Presentouse nesta ponte da constitución así que decidín pórme en contacto co Anxo. Unha camiñada relaxada de tarde de domingo non me viría mal. Tampouco o reencontro nos camiños con xente do meu aprecio.

Logo de almorzar nese lugar que é historia viva de Puxeiros, o Gallardo, popularmente coñecido pol’A Romana, achegueime ao punto de encontro e atopei ao Anxo alí diante dun café. Algo mais tarde aparecéusenos o Xacobe en carne mortal e mais logo a Lorena. Os dous primeiros son antigos, que non vellos, compañeiros de carreiros cos que xa había tempo que non compartía pasos aínda si outras actividades non pateadoras. A outra érame descoñecida.

O Anxo propuxo, e obtivo o acordo xeral de Xacobe  e meu, ir ás partes de Maceira. Eles xa tiñan ido e quedáranlles ganas de volver para facer a ruta completa que non puideran rematar naquela ocasión. Por min, aínda está por chegar o día no que non compense camiñar polas beiras do Tea así que me pareceu mellor que ben. Así que, cando Lorena chegou,  introducímonos os catro no seu Saxo e tiramos millas cara as terras de Covelo. O Anxo quixo botar unha soneca no camiño pero non lle deixamos. Outra vez será.

Chegamos á praia fluvial de Maceira e a min viñéronme á memoria outras camiñadas  e outros tempos cando un feixe da xente, entre os que tamén estaba o Padín, invadimos aquel lugar baixo unha chuvia forte e persistente que nós desafiabamos. Non había chuvia nesta ocasión e o tempo estaba espléndido.

Á ruta puxéronlle o nome de AQA. Eu que sei. Non quero falar dos nomes das rutas senón danme as doce. O caso é que nos dispuxemos ao choio.

O comandante, que hoxe ía mesmo de comandante, -tocado cun kepis verde caqui cunha estrela vermella de cinco puntas na fronte- quería comezar pola parte que eles non tiñan feito pero dado que as marcas e a información non deron para iso optamos por ir polo camiño coñecido, por eles que non por min, coa esperanza de logo conseguir enxergar coa parte que descoñecían. E así fomos indo. Pegamos nun camiño verde como o da cantiga, paralelo ao Tea que bruaba cada vez mais fondo.

Ao pouco abandonamos o camiño para nos achegar ao río baixando por unha ribeira íngreme entre unha densa mata de arboredo autóctono. Ante nós a Poza do Anguieiro, onde o regueiro do Anguieiro colabora a aumentar o caudal do Tea. Unha poza, inmensa, coas augas limpas e transparentes. Pensei que tal vez noutros tempos xa estariamos metidos naquela auga que nos incitaba. Pero foi que non, acababamos practicamente de comezar a camiñada e os corpos aínda estaban fríos. Ou iso ou é que xa foron tempos os de bañarse en calquera situación se o lugar o requiría ou mesmo sen o requirir.

Se non fose porque os que amamos os camiños non precisamos de coartadas, o topar un lugar coma este xa compensa o esforzo dunha camiñada. Non hai ningunha outra maneira de achegarse aquí que non sexa andando. Nin outra mirada posible que a da impresión, mesmo do arroubo, permítaseme a sensiblería.

Desta vez todos eran fotógrafos, menos o que subscribe, así que o lugar debeu quedar convenientemente retratado.

Deixamos o lugar porque tiñamos as horas contadas xa que os días son curtos nesta época do ano e continuamos cara Redondo deixándonos conducir por unha unha levada antiga – as levadas son agasallos para os camiñantes-  que cruzaba a fraga ao longo. Alí decidimos facer un aire a Barciademera seguindo outra levada, outro agasallo. 

Chegamos a unha fermosa ponte de pedra sobre o río Caraño e decidimos que sería boa cousa comer naquel entorno bonito e logo achegarnos a tomar un café na praza de Barciademera.

O rumor da auga baixo a ponte, as pedras desgastadas, un home cun cabalo que se nos cruzou, facíanos recuar no tempo e imaxinar o ir e vir de centos e milleiros de xentes e bestas que terán deixado pegada nestas pedras. As mil historias que a ponte podería contar. Pero a ponte continuaba muda mentres nós dabamos conta das nosas viandas e os meus tres acompañantes fotografaban todo o que existía.

Aínda nos achegamos aos muíños de Portofurado que están alí ao lado e son unha serie de varios muíños que aproveitan a mesma auga. Estes de certo que tamén terían historias que contar se os muíños contaran historias.

Alí decidimos dar volta para Redondo e retomar a ruta pois non dispuñamos de moito tempo e o café debería agardar mellor ocasión.

Chegados de volta a Redondo demos cunha capela e unha escola enfeitados con estrelas de cinco puntas que facían xogo coa estrela representativa do poder popular que ornaba a gorra do noso comandante. Tamén podía ser a estrela da Texaco, como non tiña cor non sabemos.

Houbo foto de grupo nun palco pintado coas cores da bandeira galega e xa iniciámo-lo descenso até outro dos lugares que, como a Meca, hai que visitar ao menos unha vez na vida. Os Pasos de Lourido. Teño pasado por uns poucos pasos de poldras xa, pero así de repente creo que non lembro ningún mais bonito que este nin mellor conservado, e digo conservado, non restaurado.

Como manda o canon o leito do río estaba empedrado o que daba fe do paso de carros. Os esteos, coma dentes chantados no río, estaban desgastados de décadas de pasos, de alegrías e mágoas, de historias que os pes deixan marcadas nas pedras e que os nosos propios pes agora absorben.

Trasposto o río, unha costa beirada de valados cubertos de brión apartábanos do Tea  achegándonos a Lourido e recordábamos que a peste existe. Un bosque de eucaliptos tentaba asfixiar  o camiño. O chan cheo dos restos das cáscaras medio podres destes invasores deixaba ver nalgúns lugares os restos do empedrado e noutros unhas enxorreiras recentes tiña lavado a terra. O pequeno grupo continuaba xa co comandante un pouco eivado, como debe ser para facer honra ao nome do grupo.

Aínda fixemos unha última paradiña en Lourido para admirar as vistas do val do Tea e xa estaban a un tris de apagar a luz no mundo cando chegamos de volta á praia de Maceira.

Logo desta fermosa tarde de carreiros e muíños e levadas e conversas e pasos e regueiros e pontes e fragas aínda lle fomos tomar un café á reitoral de Fofe para que a xornada fose completa e logo o Saxo de Lorena devolveunos á Portela de Puxeiros. 

E así foi ou ao menos eu así o lembro este reencontro cos Eivadinhos nas marxes do Tea, nun lugar antigo coma o tempo, lendo unha vez mais ese libros que se leen cos pés que os camiños son.

 Até outra que nin se sabe cando nin a onde. Tampouco hai que sabelo todo.


Zalo de Paramos. Decembro do 2012


In memoriam

Duascentas caminhandas son moitos pasos. Case cinco anos, creo, calcorreando os camiños do mundo ou inventándoos, inventándose a cada paso con esa fórmula imposible que Eivadinhos foi. A fórmula que posibilitaba compaxinar noite e pateo, comida e pateo, amizade e pateo, literatura e pateo, eivas e pateo.

Por iso Eivadinhos non morre, porque é una fórmula necesaria. Desactívase a marca, está ben que as cousas teñan un punto final recoñecíbel, pero a idea continua como continúan os carreiros e os afectos.

Eivadinhos xa non existe como razón social pero permanece non só nos afectos como tamén niso tan importante e que constituíu outra das marcas constitutivas da súa cerna. As crónicas. Unha inmensa colección de crónicas, escritas e visuais, que nos permiten a todos revivir e coñecer aquilo que foi e que, pola arte desta maxia previsora, continua sendo. Moitos pasos e moitas palabras.

Porque, qué cousa somos senón memoria?. Memoria de nós. Iso é o que permanece, si permanece, unha vez que non estamos. No caso que nos ocupa a lembranza queda porque Eivadinhos foi construíndo e afortalando a súa memoria pateada a pateada, crónica a crónica. E non foi casual, foi marca da casa, elemento fulcral e identificativo.

E acontecerá que outros camiñantes eivados teñan precisión de seguir pateando na medida escasa das súas posibilidades e acontecerá tamén que algúns amantes da noite amen tamén as canicoubas. E, inevitablemente, acontecerá que alguén teña que reinventar esta cousa grande que Eivadinhos foi. E segue a ser.

O que non sei se acontecerá é que haxa un corazón disposto a partirse a alma nas mañás do domingo pelexando contra o sono por manter aceso un soño, un facho de ilusión polos camiños. Iso non sei se acontecerá. E se acontecera, dubido que eu volva te-la sorte de estar no lugar e hora axeitada para formar parte, sequera minúscula, dunha ilusión tan grande que non cabe no peito dos homes normais e solo no dos bos e xenerosos. Que non abundan.

En calquera caso, mentres a vida segue e nós con ela, quédanos a memoria. Grande cousa.


Zalo de Paramos. Marzo do 2011

E134 Viagem polos caminhos da pre-historia (Arouca)

6 de Agosto do 2009






Merujal – Albergaría – Castanheira – Cabaços – Mizarela
‘Viagem á Pré-História’

Descripción do percurso e mapa

Levabamos tres días calcorreando a serra da Freita e a contorna. Este era o cuarto. O equipo formabámolo desta vez: O Anxo, armadanzas e guieiro maior do pequeno exército; o Miguel, o Xacobe, que andaba un pouco eivado (facerlle honra ao nome) antes da viaxe pero na altura xa se esquecera diso, e eu mesmo que coñecía algo a zona e fun o que propuxo o lugar. Tiñamos feito algunha pateada con certo aquel que as nosas pernas aínda non esqueceran. Pola miña banda era a terceira vez que ía facer esta camiñada que me tiña gustado. A primeira vez fora hai moitos anos con Carmen, nunha viaxe inesquecíbel, logo no 2006 con Caminhantes baixo a chuvia e agora encaraba esta terceira vez con Eivadinhos. No tempo que levabamos no Merujal non tiñamos repetido ningunha das pateadas que eu xa coñecía. Este ía ser o último día e apetecíame facela porque era bonita e tamén porque non era dura, coma un presente aos meus amigos Eivadinhos por axudárenme, tamén eles, a vivir. Preocupábame un pouco a case ausencia de sombra tendo en conta que estabamos a principio de Agosto. Lembraba cando as veces anteriores tiña eu pensado en que aquilo no verán podía ser duro. Así que chegara o momento no que a maldición se tiña que cumprir. Claro que despois dalgún dos pasos dos días anteriores esta non ía ser peor.

O día de marras recibiunos un bocadiño nubrado o cal pareceume óptimo. Saímos do cámping do Merujal por volta das nove e media, oito e media hora local, a ruta comezaba mesmo na porta da casa. Pegamos no camiño que nos achegaría á Albergaría da Serra deixando á nosa esquerda o pico de São Pedro Velho que cos seus 1.077 metros tiña vixiado a maior parte dos nosos pasos nos días anteriores e tamén o había facer neste. No camiño cruzámonos cunha rapaciña empregada do cámping que ía para o choio.

O nome deste lugar era dantes Albergaría das Cabras pero seica o apelido ‘das cabras’ non lles perecía unha marca de nobreza suficiente e decidiron mudalo por ‘da serra’ que parece como mais aquelado. Vese que o asunto das marcas non é nada novo, ven de lonxe.

O caso é que o nome venlle dunha albergaría que habería aquí e que permitiría pasar a noite aos que andasen por este planalto. Mesmo contan que había quen buzinase polas noites para que os camiñantes perdidos soubesen orientarse. A onde e de onde virían tantos camiñantes como para xustificar a existencia dunha albergaría é cousa que non sei pero iso é o que se conta. Agora non hai nada diso e só resta unha pedra incrustada na parede do camposanto que da fe da existencia da tal albergaría en tempos idos.

Pasada a Albergaría seguimos o curso do río Caima para montante tomando nota dunhas esplendorosas pozas para nos bañar cando acabásemos a camiñada que non había ser moi tarde. Uns muros tirados que non estaban así na última vez que eu tiña pasado por alí fixéronme pensar en que caste de xente podía ter feito aquilo. As pegadas dos tacos das rodas dunha moto déronme a resposta. Só unha sociedade enferma pode producir espécimes así. A graza do asunto está en que moitos destes tipos dinse amantes da natureza e do patrimonio. Iso mentres enchen os montes de barullo e de cheiro a carburante e rebentan todo. En fin, é o que hai!

Cruzámo-lo río por unha pontella de madeira e pasamos pola Junqueira onde desprezamos unha das escasísimas sombras do camiño que naquel momento non precisabamos porque o ceo continuaba medio toldado. Daí continuamos polo fermoso planalto cos eólicos á man esquerda ata que no Vidoeiro viramos abruptamente á dereita.

Chegamos á Portela da Anta, unha porteliña baixa cunha anta á dereita, deixando atrás o Cabeço do Serlei que cos seus 1.091 metros constitúe un referente importante nesta serra. Fixemos unha paradiña para lle meter algo ao corpo e continuamos coa complicidade do ceo que seguía medio cuberto. Logo de cruzar un bosquete de piñeiros que nos forneceu uns minutiños de sombra fixemos outra parada nas antas do Monte Calvo para botarlles unha ollada. Estas antas son as que proporcionan a coartada para lle chamar a esta ruta ‘da pre-historia’, tamén lle podían ter chamado ‘do Caima’ ou ‘das pedras parideiras’ ou ‘do carallo vintanove’ pero a poesía de a perra gorda é o que ten.

Así que continuamos cara Castanheira onde as pedras parideiras tiveron notable suceso entre os eivados que levaron, uns mais e outros menos, ben delas para casa. Cousa prohibida por certo pero que sucede. Sei dun que aínda vai ir preso. Ver o parto dunha pedra non acontece tódolos días, haino que comprender, se un parto impresiona, canto mais o dunha pedra.

Xa o sol se deixaba ver vencendo ás nubes pero un castiñeiro amistoso permitiunos xantar á súa sombra. Comemos os restos das viandas do Xacobe mais o que tiñamos comprado o día antes. Para min que o Miguel quedou con fome. Ao fondo, lonxe, a Frecha da Mizarela, sesenta metros de caída de auga. Un luxo.

Logo dun aceno de sesta reanudámo-la camiñada cruzando a aldea no sentido descendente e pasando ante un monumento que a min sempre me pareceu extemporáneo, dedicado aos ‘compañeiros construtores’. Logo dunha parada para que o Miguel fixese un recado encarámo-la única subida da xornada que nos había de levar a avistar a aldea de Cabaços.

No alto, naquel solitario lugar, unha pedra que en tempos fora unhas alminhas, fanada, soa, perdida a súa antiga condición, continuaba afirmando a súa presenza recortándose contra o horizonte e a min pareceume que tamén contra o tempo. Sempre me emociona aquela humilde e poderosa sinxeleza. Estas cousas son as que dan sentido a isto das pateadas, se isto das pateadas precisase ter sentido.

Enfiamos pois cara Cabaços coas súas ruelas cubertas de bostas e logo aproamos cara a praia fluvial de volta na Albergaría. Cruzamos o lugar ante a indiferenza dos escasos bañistas e abordamos a aldea da Mizarela por detrás. Alí o noso… ía dicir sherif, suxeriu tomar unhas cañas así que democraticamente decidimos facer parada que tamén o tiñamos merecido. Logo unha última ollada á impresionante Frecha da Mizarela antes de continuarmos cara ao lugar do Merujal.

Pero antes da entrada na aldea unha ameixeira posta alí pola providencia deu en nos tentar coas súas riquísimas e abundantes ameixas. Así foi que vencemos á tentación polo procedemento de caer nela e enchémonos de ameixas ata fartar, mesmo o Xacobe levou varios quilos.

Poucos minutos despois acababa a ruta nas portas do Cámping pero nós aínda fomos bañarnos ao Caima para nos despedir deste río amigo. Pola noite, mentres esperabamos a que Dina nos obsequiase coas marabillas culinarias da súa cociña nós tivemos sesión de lectura comunitaria. Coma nos mellores tempos.

E así foi o conto. Como vos conto.

Zalo de Paramos. Agosto do 2009

E130 Trilho de Tibo (Arcos de Valdevez)





26 de Xullo do 2009. Tibo

O dia a seguir do Dia da Patria deste ano no que un ano mais fómonos manifestar a Compostela e tivemos a sorte grande de ser acompañados por un numeroso grupo de túzaros da súa maxestade El-rei pagados por nós e que estaban no Toural pacificamente armados ata os dentes para nos protexer. O día a seguir, digo, acudín á saída eivadinha.

Mentres se cumpría o sacramento da deglución do arroz malandro nese santuario que o Stop é para a secta eivada, os tres expedicionarios que desta vez nos tiñamos presentado ante a mesa comentabamos as posibilidades, os pros e a as contras das diversas opcións que o noso sherif nos puña sobre a mesa.

Comentabamos? Non. Unha das expedicionarias estaba á espreita coa esperanza de que os outros dous tivesen un pouco de siso e non se embarcasen nunha viaxe de resultado incerto.

Ao cabo dun tempo de descartes e desbarres múltiples parecemos centrar a nosa atención nunha descoñecida ruta polas terras de Caminha que pola información da que dispuñamos parecía que podía cumprir as nosas expectativas. Pero, ah!, tiña a súa cousa. Un desnivel considerable que xunto á respectable lonxitude non a facía especialmente apta para unha tarde calorosa como se prometía. Con todo parecía que podía ser. O xefe, para manter as aparencias democráticas, preguntaba se nos parecía ben. Ao cronista parecíalle estupendamente. A terceira comensal non quería dicir que non, pero tampouco quería dicir que si, de maneira que se instalou nun elocuente silencio. Nin si, nin non senón todo o contrario.

O noso amado lider deuse conta de que aquilo non estaba certo de todo e nisto foi que mudamos de parecer e decidimos ir a Tibo.

O cronista pensaba que estaba ben porque había baño e os días nesta altura do ano son longos polo que non había presa. Grande erro porque resultou ser que o noso patrón tiña que regresar cedo por motivos laborais pero naquel momento non lle pareceu que tal información tivese importancia e non dixo nada.

Así que enfiamos a estrada que nos achega a Melgaço e logo intérnase na Peneda cobregueando por estas terras que nos alimentan o espírito e nos esfolan as canillas dende hai anos.

Chegados que fomos ao miradouro de Tibo e para eu aprender algo novo din en facer a ruta do revés. Así que aproamos cara Varzia e puxémonos a baixar por un camiño que os fentos tiñan desfigurado e que tiven que reinventar ou redescubrir nalgúns tramos. Pero o vello camiño que unía Tibo con Varzia estaba alí, escondido, esquecido, pero unha vez mais facíase presente cando o precisabas.

Tamén se fixo presente un xabaril ao que espertamos abruptamente da súa sesta e fixemos dar un chimpo, o mesmo que el a nós.

Navegando ás veces, mais que andando, polo mar de fentos o trío avanzaba baixo o sol de Xullo. Pasadas As Ínsuas e cando chegabamos ás primeiras casas da aldea de Varzia virei á esquerda para aprender un pequeno tramo que descoñecía, o que nos aforraba cruzar a aldea e tamén pasar a carón dunha lixeira a ceo aberto que os veciños daquela terra teñen a ben ter na beira do encoro de Lindoso onde antes era o río Leboreiro.

Fora boa idea o cambio de dirección porque estabamos pasando as horas de mais calor baixando e agora entrariamos en terreo arborizado polo que a subida última ficaría para cando o sol xa estivese a esmorecer.

Debeu ser por aquí cando o Anxo fixo saber que el tiña que regresar cedo. Así foi como todo o tema dos baños demorados quedou nunha boa e irrealizable idea. Así foi tamén como tivemos que lle dar un pouco de caña ao ritmo. E así foi como Georgia tivo que sufrir un pouco. Pero con dignidade. Non había moito que facer posto que é un camiño sen alternativas. Ou segues ou cómente os lobos, non hai atallos.

Aínda con todo topamos ocasión para tomar un rápido baño non no lugar previsto pero si nunha das moitas pozas coas que o río Peneda obsequia aos caminhantes ao longo desta ruta do Contrabando como algúns lle chaman.

Estivemos a punto de lle poñer un pé en riba a unha cobra de considerábeis dimensións e topamos tamén un deses sapos que non sei se son dunha variedade distinta ou é que alí os alimentan mellor porque teñen un tamaño incomunmente grande. O Anxo tiroulle unhas fotos mentres o animal turraba por desaparecer da nosa vista. Vese que non son xente amante da publicidade e o papel couché.

Case a trote cochinero enfiamos por fin Tibo para alegría de Georgia que decidiu quedar alí a onde xa podiamos ila recadar en coche.

O Anxo mais eu subimos aquela costa infame a fume de carozo e en cousa de media hora estabamos arriba onda os coches, ofegantes, suorosos.

Aínda tivemos ocasión de tomar unha cervexa en Rousas e volvemos para a metrópoli que outro día será outra vez e haberá outros carreiros.


ZdP. Xullo de 2009

E51 Sendeiros dos Ancares

Isto debeu ser polo 21 a 23 de Setembro do ano en curso.

Arrancamos de Vigo a iso do mediodía e fomos xantar ao Xantar que é un sitio a onde nunca queren ir estes salvo cando non quero ir eu que nese caso é o único sitio ao que se pode ir. Tal vez cando sexa maior entendereino. Alí despedímonos de Mónica e iniciámo-la andaina (en coche) que nos levaría ao noso destino na Campa da Braña nas primeiras horas da noite malia a seguridade que os meus amiguiños tiñan de que nos sobrarían as horas diúrnas.

Aínda paramos polo camiño a tomar un café nun lugar frío e impersoal do que non irei facer propaganda.

Nesta ocasión o reparto era curto: O Xurxo en calidade de peticionario, o Nacho en calidade de realizador de fantasías alleas e eu mesmo en calidade de que estaba alí.

O que sempre pasa na casa de Mariló e Pedro é que encontras moita mais xente coñecida que no mercado de Bouzas o Domingo. Desta vez tamén, así que cumprimentamos a media Cig-ensino e algúns outros, ceamos e fomos durmir.

Pola mañá saímos a unha hora razoable, o que demostra que é posible e aínda non foi antes porque o chiringo do almorzo non abría cedo, cara o Tres Bispos. Subimos a tren e eu vin a boa forma na que está o Nacho deixados atrás os problemas co xeonllo que tanto traban a este que sería un andarín pura sangue se non fose iso. Tamén o Xurxo ía pletórico. A verdade é que daba gusto velos.

Chegados ao Tres Bispos seguimos cresteando ata que nos pareceu que o noso camiño nos levaba cara abaixo seguindo en parte as indicacións que a noite antes nos deran na taberna e en parte os mapas. Así que aos pes do Corno Maldito demos en descer por unha pedreira facéndolle-la competencia aos rebecos asegundo os meus amigos que deben entender destes bechos tanto coma min, nada.

Cando pasadas as lagoas de Burbia, moi esmirradas pola escaseza de auga, ao lonxe vimos o tellado do refuxio soubemos que estabamos no bo camiño. Así foi como chegamos sen atranco ningún ao noso destino. Quixo a providencia que o tal destino estivese ocupado por catro persoas. Como a capacidade é aproximadamente para dez a cousa non ía mal se non aparecía ninguén mais que ben podía suceder pois aínda era ben cedo. O suficiente como para que pasaran un grupo de chicas que se encontraron cos meus amiguiños cubertos pudicamente cunha toalla de mans ou coas mans mesmo. Unha foto.

Como era cedo aínda pensamos en ir cear a Burbia. Puxémonos a elo pero equivocamos o camiño (ou mais exactamente non collemos o mellor camiño) e volvemos á base.

Tivemos que ser corteses e departir cos nosos compañeiros de refuxio para non aparecer coma uns cabestros e ceamos mais ou menos. Despois puxémonos a ver as estrelas, as mesmas estrelas que días antes en Soutelo. O que mais vimos foron avións.

Logo comezou a parte mais bonita. Fomos durmir. Acabamos por durmir fora. O día a seguir o camarada Betanzos declarou que había un que roncaba e non deixaba durmir. E habería.

De mañá, algo cansos -ao menos eu- pola falta de sono, iniciámo-la volta o que nos permitiu perfilar mellor a ruta para sucesivas ocasións. Volvemos competir coas cabras, eu nunca tiña visto tantas, e aínda chegamos a tempo de xantar na casa de Mariló. Xa sabedes como son alí os xantares.

Despois volvemos e a media tarde xa estabamos na casa.

E así foi o conto. Parece que esta será unha próxima saída de CdC onde o Nacho nos conducirá.


ZdP. Outubro 2007

E50 Sendeiro do Alto Lérez (Forcarei)

8 de setembro de 2007

Forcarei

Un soneto me manda hacer Violante,
vive Dios que nunca me he visto en tal aprieto.
Catorce versos dicen que es soneto
Tira tirando ya va el primer cuarteto

Cito de memoria a Lope de Vega porque me encontro nunha tesitura parecida ao fulano do poema que tiña que facer un soneto e non tiña nada que dicir. Teño que facer dous informes por encargo de Anxo (e porque os demais pasan) e o certo é que pasaron tanto tempo e tantas cousas que non me lembro cabalmente. Tratarei, pois, de refundilos en un só documento e que saia o sol por onde queira (o sol é o que ten, sempre sae por onde quere e sempre quere polo mesmo sitio. Gajo porreiro, o sol).

Isto debeu suceder o finde do 8 e 9 de setembro (corríxase o que non proceda) do ano do Noso Señor do 2007. Consonte o seu costume o Xurxo e o Nacho cambiaran varias veces a proposta, o sitio, a data e todo o que quixeron ata que por fin desembarcamos un sábado pola mañá nun lugar chamado Casanova perto do núcleo urbano da capital do concello de Forcarei. A casa na que nos iamos aloxar chamábase ‘Cassanova’ coma se ese ‘s’ engadido a dotara dun pedigree que non fose quen de acadar por si mesma.

Mal feito porque o lugar era unha antiga cerería, cousa que eu non tiña visto nunca, e valía a pena aínda que solo fose por iso sen precisar do engadido do ‘s’. Pero explicounos o dono que ese ‘s’ dáballe un punto italiano que a el lle puña. Pensei eu que estaba ben xa que os nosos amigos andan nunha xeira italianizante desque o Xurxo os paseara polas terra rivelenses se o xentilicio é correcto.

As personaxes, non se me debe esquecer, desta historia son: Xurxo en calidade de alma mater e director espiritual; Nacho en calidade de sherpa e director técnico; Yuca, Ramón, Salomé e mais eu en calidade de personaxes de reparto. Coma personaxes invitadas para este episodio: Concha e unha fotógrafa da que non lembro o nome (póñase no lugar destas últimas palabras o nome da fotógrafa)

O primeiro que fixemos, ao menos que eu lembre, foi ir a Acibeiro á procura dunha ruta que xa en pasados tempos intentamos facer con CdC e acabamos metidos entre as silvas e sendo evacuados en taxi que é unha maneira pouco elegante, mesmo vergoñante, de resultar vencidos. Non, agora lembro, iamos buscar unha que asegundo Nacho nos levaría á Groba. Como non a atopamos acabamos nun chigre tomando polbo a prezo de percebe despois de térmonos infiltrado entre os fregueses nunha misa.

Logo, xa cando o sol caía, comezamos a pateada Lérez arriba nas proximidades da nosa Cassanova residencial. Alí foi onde se nos uniu unha amiga de Xurxo... que resultou ser tamén coñecida miña e aínda de Nacho. Aquilo de que o mundo é un pano cheo de mocos cada vez é mais certo. A Concha deulle colorido ao choio co seu bolsiño e o seu foulard, o certo é que ela pensou que unha pateada que empezaba ao anoitecer non podía ser grande cousa e acertou, claro.

Rematada a pateada que fixemos seguindo as correctas explicacións do noso hospedeiro e sob a batuta de Nacho, algúns decidimos aínda irnos bañar. Xa era noite pecha e os catro homes machos masculinos debiamos parecer a Santa Compaña en pelotas naquel río escuro e sen lanterna. Unha tristeza de xuventude estragada.

Despois a nosa común amiga Concha organizounos unha cea de manda carallo en Soutelo de Montes, comemos croca, cousa brava iso da croca, e logo fomos dar unha volta polos arredores a ver estrelas que se ve que é unha cousa que lle pon ao amigo Xurxo. Alí foi onde coñecemos á fotógrafa da que falei antes. Tipa interesante.

Salomé e mais eu retirámonos unha vez inventariadas as estrelas que había e mais as que non había, o resto continuou aínda un tempo.

Xa pasara un día e o suposto plan de ir andar cumprírase só nominalmente. Técnica Eivadinhos.

Chegou o domingo e o primeiro que fixemos, claro, foi almorzar. En Cerdedo. Logo o Betanzos conduciunos a Pedre e guiounos con pulso firme a ánimo afoute polas silvas e os toxeiros ata chegar de volta a Cerdedo onde nos obsequiamos cunha xantarada como Deus manda ao tempo que viamos unha carreira de fórmula1 que digo eu que xa que está tan de moda e se fai tanto españolismo barato co rollo do tal Alonso podíana declarar festa nacional e así aforrarnos a vergoña de que polo mundo adiante non só nos chamen españois coma que dean por suposto que amámo-las touradas.

Soltado o espich que me proía o corpo, continuo: acabados de xantar desandamos o camiño andado e o Nacho reintegrounos sans e salvos a Pedre. Alí Salomé e mais eu despedímonos dos nosos amiguiños que ían ter con Montse e eu estaba certo de que irían seguir paparotando malia eles aseguraren que non.

Con isto, Anxo, cumpro coa metade do encargo.


ZdP. Outubro 2007

E18.1 Trilho do Vale Escuro (Paredes de Coura)



Domingo, 18 de febreiro de 2007



Unha idea que hai tempo teño é que varias persoas escriban algo sobre a mesma actividade para poder despois comparar e ver qué cousas lles resultaron mais rechamantes a uns ou a outros e que outras non lles interesaron. Naturalmente esperar que isto veña acontecer algunha vez é unha fantasía pero o feito de que Anxo nos obsequie cun relato por barba e pateada anímame a facer, por esta vez, tamén eu o relato da xornada. Así garántese que ao menos haberá dous.

Despois de xa moitos anos e moitas corredoiras andadas aínda me fai ilusión ir facer unha pateada. Por iso non me custa erguerme, coma cando era crianza e non durmía pola noite pensando en que ao día a seguir ía ir de excursión. Cando me sentaba no bus, ao carón da xanela, comezaba a mirar cara fora porque aínda que o bus tardase horas en saír eu xa estaba de viaxe e non me podía perder nada, nin sequera aquela paisaxe que era a de tódolos días.

Así que ás veces, neses carreiros do mundo, lembro a aquel neno que levaba cinco pesos no bulso que a súa nai lle dera para ‘por si acaso’ sen falar sequera cos amigos para non se perder un segundo da xanela, deixándose impresionar por cada volta do camiño, e recoñézome nel. Con case cincuenta anos perdidos xa, continúo impresionándome ante cada pedra, ante cada regueiro, malia non lle tire mil fotos como fai o Anxo, o noso guía espiritual. Ás veces chíscolle un ollo ao neno que ven canda min e non lle digo nada para non o distraer da xanela.

Pode ser que por iso agora non teña que dedicar o último día da semana ao reconto de cadáveres. Por iso ou porque os cadáveres non nos contamos uns aos outros.

E así, cos meus cinco pesos de ilusión no peto, agarro ao meu neno dunha man, agarro os meus soños doutra, e encaro unha nova saída con esa cousa indefinible que o Anxo coida coma un xardín.

O certo é que non acompaño mais asiduamente a esta tribo domingática porque teño que descansar de tanto descanso, unha media de menos de dous quilómetros por hora é algo ao que un non se pode someter con moita frecuencia. Ben que xusto é dicir que non sempre é así. Ás veces é peor. E outras, coma esta, mellor. Claro que se compensa coa xente, o arroz malandro e outras marabillas as mais delas comestíbeis e bebestíbeis pero aínda así hai que mesturar con outras pateadas onde un acabe coa sensación de ter andado. Porque ás veces paréceme estar mais aleixado do que realmente estou e iso non pode ser bo.

Isto é coma unha cita a cegas, non se sabe nunca quen vai e tampouco se sabe a ónde. Sábese, si, cando. Ás doce e cuarto. Por iso non tiven ocasión de facerme unha composición de lugar, de imaxinarme a viaxe, o cal eu creo que o empobrece, pero esta cousa éche así e non vou ser eu quen discuta a fórmula, non vaia ser que me retiren a dose de arroz malandro e o índice de malandremia (Xurxo dixit) se me desplome.

O Stop é outro dos lugares que teñen punteado a miña existencia dende que o coñecín hai xa, creo, mais de trinta anos. Por iso ten piada que agora se viñese converter en comedeiro de referencia desta tropa. Con todo, malia ser lugar sagrado da tribo, desta vez fomos un bocado heterodoxos e non o visitamos.

Tamén Paredes ten sido refuxio nos meus días de mala sombra cando a cabeciña non andou moi ben e tamén dantes cando naqueles lonxincuos tempos nos que eu tiña dezanove anos houben de nadar nun Minho invernal para salva-lo cu e os camaradas do PCP sen preguntar quen era nin porqué estaba alí puxeron á disposición da célula de Verdoejo toda a súa estrutura para axudar a un galego calquera solo porque estaba fuxido. Era cando as flores de Abril aínda estaban frescas e a solidariedade era algo mais que retórica vacua.

Así, munido coa presenza do neno da xanela e coa lembranza das flores de Abril dispúxenme a disfrutar das xentes de hoxe: De Anxo, compañeiro en mil carreiros e cómplice de ducias de discusións que ao dicir dunha súa ex-amiga todos se lle soben á chepa porque é comunista. E debía ter razón porque ata os seus mais próximos secuaces lle tiran pedras, e acértanlle. De Nacho que é deses amigos que resisten ao paso do tempo como as madeiras de boa calidade. Os dous temos pasado as nosas dende que nos coñecemos xa debe ir para uns vinte anos. De Xurxo que abraza as árbores con dedicación e tenrura e que nos alimentou no último atrapacontos, verdadeiro escudeiro de Anxo nestas andarelas. De Cristina coa que me topo nos mais diversos grupos, dende Caminhantes ata este pasando por Rillamillas e que anda a preparar un carreiro por Paraños e de Isabel a quen non coñecía, cousa linda, muller de risa fácil e alegría contaxiosa.

A pesar do estrito control do noso lider a súa primeira proposta veuse abaixo. El quería, desta vez, ir ao Norte, a Coiro, pero as tropas optaron por mante-lo rumbo sur. Outra vez Paredes, territorio con alma. Aceptado iso el quixo recuncar de arroz malandro, pero as tropas arre que non, que desta vez non faciamos stop no Stop e comiamos en Paredes, na Miquelina. Así foi que lle deixamos ao menos escolle-la pateada. Porque tiña el os mapas.

Iniciámo-la marcha de aproximación ao lugar de comer cobregueando pola estrada que nos introduce nas doces terras de ‘Coyra’, esa terra que nos entretén dende hai xa tanto tempo. Como fora eu quen falara do Miquelina ía un algo inquedo polo feito de que podía estar pechado. Sabía que os sábados abría pero ben podía ser que o domingo non. Así que pensei nun plan alternativo, o Arcada. Cando chegamos, o Arcada estaba pechado polo que só quedaba en pé o plan A (sempre hai outros plans posíbeis en terra de fartura culinaria coma esta pero nós iamos ao que iamos). Felizmente o Miquelina estaba aberto e alá nos abalanzamos a pedir feijoada para todos. Nos últimos tempos, por mor de cuestións turísticas ou eu que sei, en todo Portugal non se encontra mais que feijoada alentejana menos en Tras Os Montes e xa vai sendo difícil encontrar unha feijoada minhota como esta con que nos obsequiaron, iso si, con moita demora. Tanta que xa nin café tomamos porque se nos ía ir a tarde na sobremesa. O persoal gustou do condumio aínda que o Anxo puxo algún reparo para deixar asente que nada pode ser equiparábel ao arroz malandro con panados do Stop. Hai cousas que non deben ser postas en cuestión.

O caso é que saímos de Paredes na procura do noso punto de partida. Chovía seguido e non tiña pinta de que fose parar. A cousa tiña antecedentes pouco tranquilizadores pois que xa non era a primeira vez que tentaran facer esta ruta e non conseguiran sequera comezala por non encontra-lo sitio. Pero finalmente chegamos a Cenoi e aínda que a documentación aseguraba que a rota partía da igrexa, nós de momento non vimos ningunha igrexa pero si un cartel da rota co que xa nos conformamos e comezamos alí mesmo a camiñada aforrando uns metros e uns minutos ao non procura-la tal igrexa non habendo tampouco baixo a chuvia a quén preguntar.

Ante nos unha pequena ruta circular de apenas sete quilómetros á que a documentación editada polo concello de Paredes lle asignaba un tempo de tres horas e media!. Xesús!

Como chovía e non había onde meterse comezamos a plena chuvia sen anestesia nin transición e sen me dar moito tempo a poñerme o pantalón impermeable e as polainas. Fódeme leva-lo equipo e despois mollarme por non poñelo pero esta vez foi así e aínda que ía moito mais confortable que os demais non ía así todo o cómodo que a min me gusta cando me podo rir da choiva. Pero, en fin, por cousas ben peores teño pasado. Iso si, ninguén deu un chío de protesta pola chuvia. Os heliotrópicos non veñen pero os que veñen, pórtanse.

A rota, chuviosa e neboenta, comezou cunha costa prolongada. Despois dun lixeiro ataque a un laranxeiro para nos fornecer de vitamina C enfiamos cara ao monte. O mato coa neboeira enroscada nas xestas e a chuvia miúda filtrando a escasa luz que deixaban pasar as nubes dáballe un ar misterioso e suxerinte ao mundo. Mundo que se acababa a uns cen metros dos nosos fociños. Pero o grupo, con ese maquinismo que a min sempre me asombra, descontaba metros, con chuvia ou sen ela. Inopinadamente para min encontrámonos coa capela de San Tiago onde aproveitei para me acubillar un pouco da chuvia nunha construción que alí había e organizar un algo o meu equipo para me procurar un pouco de confort que un non se gasta unha pasta en roupa para a chuvia para despois mollarse coma un pito cairo.

Así foi que saímos daquel lugar e continuamos cun ascenso tendido e persistente. O Anxo andaba estrañamente desganado co rollo da fotografía, mais que co rollo agora habería que dicir coa tarxeta de memoria, e o persoal andaba estrañamente. Estrañamente normal. Ao fin da última subida, o marco xeodésico do Vale Escuro que lle da nome ao percurso. Vale Escuro é o nome dun monte curiosamente, cousas da toponimia. Digo eu que cos métodos de localización por satélite os marcos xeodésicos deberon perde-la súa función. Heino consultar.

O marco non daba nin para se subir a el, porque alén de non se ver nada pola néboa tamén estaba rodeado de xestas e de eucaliptos polo que non tiña mais interese que o de servir de fito na camiñada. Curiosamente naquel lugar que era o mais alto do percorrido recibo a chamada dos meus colegas que andaban polo teito da Galiza, Trevinca, onde eu supuña dous días antes que iría estar, cabalgando neves e poñéndose coma porcos no Trisquel. Estaban exultantes!! seica o día e a neve non estarían mellor se eles o pintaran nun cadro, todo moito mellor do que podían esperar e as tropas, non todas, coroaron Trevinca armados cos seus crampóns o cal debeu ser cousa de moita emoción para os que os calzaban por primeira vez e tamén para Hermida que concibira isto como unha especie de cursiño de iniciación á neve e finalmente así tiña sido. Logo á noite falei tamén con el e efectivamente tamén estaba exultante. É desarmante a ilusión que a xente lle bota a estas cousas. Por iso os camiños engaiolan, pola ilusión da xente, e esa sensación de liberdade que un ten ante a idea de camiño non sei se non será en certa maneira unha prisión. O neno da xanela, sempre á espreita, abriu moito os seus ollos grandes coma lúas de agosto cando lle falei da neve. Chisqueille un ollo.

Contento porque aos meus camaradas lles fora ben, iniciámo-lo descenso pasando ante algún sinal roto que é cousa que lles empeza a pasar a estes carreiros con unha frecuencia preocupante para os que dependemos deles. Deles, dos carreiros e dos sinais.

Aínda demos algunhas voltas mais ata que despois de botar un grolo na Fonte do Candeiro chegamos ao punto de partida onde a xente expresou a súa sorpresa polo pronto que rematara a tirada. Digo eu, sete quilómetros, dúas horas, é o normal en calquera sitio. Aquí pareceu moi anormal.

Algúns aínda foron facerlle outra visita ao laranxeiro que no inicio nos alimentara. Por min tamén xa lle chegaba, nin eu tiña o día especialmente afoute nin o lugar me pareceu que tivese nada especial que xustificase aumenta-la tirada nin facer calquera outra monería baixo a chuvia. Así que recollemos, os que puideron mudaron algo de roupa e fómonos coa música a outro lado.

Para segui-la tradición paramos no Docelandia aínda que houbo quen discutía tamén esta opción pero aí eu vin que non se podía continuar menoscabando a autoridade natural do noso poderoso xefe e din o meu apoio á opción tradicional que polo demais é tan boa coma outra calquera.

Desta vez o persoal andou recatado en materia de galdrumadas e todo se arranxou con pouco mais que unhas natas, copia das orixinais de Belem.

Mentres a xente pagaba as consumicións eu saín a contempla-lo Largo do Vizconde de Mozelos. Co seu pelouriño ergueito no lugar de honra, coa súa calzada portuguesa relucente en preto e branco baixo a chuvia insistente e miúda. Reflectía eu sobre o como e o porqué os lugares terminan por se converter en símbolos. Ou en mitos. Logo, vendo o largo case baleiro lembreime de Isabel, a muller da risa fácil, que repetira varias veces que alí, en Paredes, nunca había ninguén. E sería!, se callar ata tiña razón. Despois o Xurxo tivo precisión de ir buscar un bolo rei. Non había. Outro símbolo que viaxará cara Italia cunha carga de ilusión.

Qué pouco lle pedimos á vida!!. Unha praza mollada baixo a chuvia de Febreiro, un bolo rei, un camiño... e aínda sendo pouco o que lle pedimos... eu chorar chorei o domingo á tarde. Aínda ben que os cadáveres non nos contamos...

Acabaron de pagar e saíron, tirándome así destes lúgubres pensamentos e así foi como, incrementado moderadamente o noso nível de colesterol en sangue, montamos nos coches. Uns no de Nacho e outros no Saxo de Isabel que me veu obsequiando todo o camiño coa súa locuacidade borbullante encantado eu con esa voz alegre que te prende da súa música. Tal vez o mais interesante da xornada. Mentres, o noso heroico xefe, despoxado xa dos atributos e ouropeis do poder, durmía na parte de atrás coma un humilde mortal.

As linguas de asfalto, como diría o ínclito, lambendo a noite foron percorridas no sentido inverso e devolvéronnos a Vigo. Cando saímos do carro na noite viguesa o neno da xanela ía contento.

Zalo de Paramos: Febreiro 2007

E0 Eu chorar chorei o domingo a tarde


Novembro de 2008

Eu chorar chorei o domingo á tarde...

Eramos poucos e pariu a vella. Como non coxeo abondo despois das pateadas con esa particular familia que é Caminhantes e dos intentos, con menos suceso do que eu desexaría, de revitalizar Congostra e das saídas en solitario ás que teño volvido nos últimos meses recuperando unha vella afección abandonada nin das esporádicas saídas con un ou con outro, agora ademais fíxenme adepto de Anxo que, eivado e todo, está nunha de consolidar un pequeno grupo para pateos de pequeno formato, con xantar incluído, no domingo á tarde.

Que veña Lorenzo...

A cousa ten mérito. Parece que lle ven salva-lo domingo a algunha xente que considera este coma un día maldito (aparentan estar a piques de ir traballar o domingo do mal que o pasan, seica) e Anxo, o seu mentor, mantén o intuito de que sexa un grupo numericamente pequeno. Que caiba en dous coches di el, veremos. Pero eu xa teño comprobado que iso mais que de Anxo vai depender de Lorenzo.

Que veña Lorenzo e que diga a verdade.

A verdade é que parece xente que se move maiormente de maneira heliotrópica, coma os xirasois. Se Lorenzo está, van e se non está, fican. Non aman as nubes e por tanto dificilmente saberán da luz que hai no fondo do mato nos curtos días do outono cando o sol é unha abstracción. Tampouco saberán o que é unha molladura.

Para alén de todo iso o saír o domingo á tarde non impide trasnoitar o sábado co cal conséguese a cadratura do círculo de combinar copas, xantaradas e pateadas. Un notable deseño!, aí é onde o Anxo estivo campión.

Que diga a verdade pero con cautela.

A cautela da verdade verdadeira é que non se sabe ben se é unha pateada con xantar previo ou un xantar con paseo posterior. Claro que ¿Quén quere saber tal cousa?

Quen o queira saber dispón ademais, e isto é marca exclusiva e orixinal de casa Padín, dun relato da xornada, especie de crónica deportiva, onde o noso pastor nos lembra e nos ilustra sobre o que fixemos no día, creo eu que con bo criterio por aquilo de que pode haber quen non saiba por onde andou, cousa mais común do que poida parecer.

Así, para alén da cadratura do círculo disfrutamos tamén do círculo perfecto: gastronomía, deporte e literatura.

Iso sen mencionar as sesións de repaso fotográfico, lecturas corais e ceas ás que eu de momento me vou resistindo que tampouco hai porqué abusar que unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra cousa e non son a mesma cousa.

Túa nai e meiga

Pero ten a súa meiguize o choio. Mesmo sendo pouca xente e levando pouco tempo xa se van acreditando lugares míticos e xa sabemos todos que a continuidade dun colectivo ten unha relación directa coa creación de mitos nos que se recoñecer.

O Stop, onde nos poñemos coma porcos de arroz malandro e viño maduro, e Paredes de Coura, onde a cámara municipal tivo a ben nos marcar unha manchea de rutas que nos teñen moi entretidos non só a Pateadas Anxo e Cia S.L. como tamén a moitos outros, veñen sendo as mecas das peregrinaxes desta nova relixión.

A verdade e que estiveron simpáticos estes courenses e deben ter conseguido con toda certeza elevar notablemente o índice de venda de finos.

Túa nai é meiga teño medo dela

Teño medo dela daquela maneira porque estas cousas enganchan e a min danme a oportunidade de me encontrar con xentes que saen pola noite, cousa que eu non fago apenas ultimamente, e que logo son quen de ir abrazarse ás árbores, cousa que tampouco fago porque non sei como levan os bidueiros esas familiaridades, e iso sempre é un punto porque seguramente de non ser aquí nunca nos dariamos atopado no mundo xentes tan diversas o cal en según que casos tamén sería unha mágoa.

Un dos abrazadores de bidueiros mais conspicuos na asistencia é un de seu nome Xurxo a quen parece que lle proe o verme do pateo o cal é bo sinal para a continuidade do grupo. Téñolle visto esa cousa indefinible que os camiños poñen na ollada dos seus elixidos, un pouso evanescente, un querer ser que ataca a aqueles feridos pola peste dos carreiros.

Porque o que a xente non sabe é que os camiños elíxente. E convértente nun Sísifo maldito condenado a un eterno ir e vir. Por iso ás veces meten medo.

Teño medo dela i ela non me come

Tamén non son así todos descoñecidos porque, como enuncia a segunda lei da termodinámica, o universo tende ao caos e outra lei da vida di que o mundo é un pano cheo de mocos e por iso xunto aos abrazadores hai tamén elementos mais ou menos eivados procedentes de Caminahntes o cal lle da un aire familiar á esta cousa epigonal que fai que me sinta como na casa.

Nomeadamente alégrame a presenza de Nacho que aquí se transmuta de Tremendopavo en Tesorito e que malia abandonarnos ás veces pola mar océana a min préstame a súa presenza reconfortante.

Mesmo unha vez nos visitou Iolanda procedente da súa nube particular nun lugar onde o mundo se chama Vilagarcía e mesmo Panette ten paseado os seus reais con estas compañías dominicais.

Túa nai e meiga teu pai un mal home.

O único mal home censado de momento é o xefe do quiosco ao que lle entrou unha furia fotográfica fora do común que non deixa pedra nin herba sen lle rouba-la alma e que sempre se anda perdendo porque non está ao que ten que estar e logo pasa o que pasa, que se perde. Unha calamidade.

Por todo iso e por moitas outras cousas das que agora non me lembro, saúdo esta nova empresa da multinacional da pateada que xa imos sendo e pretendo seguir arrastrándome por eses carreiros que aínda van quedando.

Mentres poida seguir coxeando e cobregueando por eses innúmeros cardumes de carreiros que diría un poeta que eu sei.

Enquanto há força.

Se así non fose, sempre poderei asistir á parte gastronómica e literaria. E mesmo vé-las fotos.


Zalo de Paramos. Novembro de 2006

Seguidores

Autores