Mostrando entradas con la etiqueta Pazos de Borbén. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Pazos de Borbén. Mostrar todas las entradas

E297 Sendeiro da Fraga do Barragán (Pazos de Borbén - Fornelos de Montes)

Sol, 8 de decembro de 2013

Semella que non é doado invocar ó Apocalipses, aínda que non me falten razóns, cando a cobertura emocional ponse de acordo en mudar a dirección, ou máis ben a deriva, a derrota, como din os navegantes, e darlle un sopro de vento fresco a esta vella nave, e mesmo o ceo non obedece o ciclo estacional, e fai ondear un sol agarimoso neste amencer do derradeiro mes do ano.

Din que nas tebras e onde brilla con máis forza a luz, e neste tempo de desconto, onde máis grande era a miña convición de converter en historia toda esta troula de pegadas e palabras partilladas, como vagalumes xurdiron Alex, Sonia, Xaime e Zaira, para facer tremer as miñas decisión e darme azos para, a lo menos, iniciar un novo camiño de esperanza, aínda que esta sexa feble, en que non pereceremos no fatídico trescentos.

Sexa como fora, pouco me importou recollelos na porta das súas moradas, e escoitar as súas protestas na primeira parada, pois sen unha dose de cafeína non son quen de iniciar o día, onde aproveitei para coller provisións. Un bo anaco de empanada de bonito e un bocata vexetal puxeron á Panadería Porto na meu listado de favoritos, aínda que tamén fixo o seu aquel que me chamaran guapo con insistencia (non so a min, pero tanto me ten) cando me atenderon.

Fomos cara as terras de Redondela, e dende alí cara Pazos de Borbén, onde unha chamada telefónica fíxenos deter o coche na beira da estrada, onde a xeada estaba ben a vista. Alí mesmo asistimos, en rigoroso directo, á entrevista que lle fixo Radio Vallekas ó noso Alex, sobre o seu último disco con Aphonnic, “Héroes”. Moito gustamos de que este proxecto teña o recoñecemento e a difusión que merecen, non so porque o batería sexa depositario do noso afecto, senón porque nestas terras é algo sobresaínte que salga un produto deste xénero con esta calidade.

Algo demoramos, máis pagou a pena, entre o café, os víveres, o transporte e a entrevista, máis como adiantaramos a hora da convocatoria saímos nun tempo razoable, ou iso pensaba eu, porque despois revelouse como insuficiente.

A pesares de que lucía o sol abrigámonos ben, pois xa nos primeiros metros da fraga saudounos a xeada, que tinguía de branco o brión e os fentos, e algunhas pedras do camiño que estaban especialmente esvaradías. Adentámonos no monte da Cidade, e a pouco atopamos a un paisano que viña de facer a senda, e que parou a parolar con nós, aínda que pouco, pois estaba algo afriallado. 

A poucos metros visitamos as ruínas do poboado que, segundo fontes, pode ser do século XVII, aínda que tamén aquí as lendas sobre os mouros, eses seres da nosa mitoloxía, fannos habitar estas pequenas casiñas. De tódolos xeitos o mellor conservado e o arco de pedra da entrada ó recinto, onde ó chegar a Criatura xa levaba un bo anaco laiándose por non traer a súa cámara réflex.

O certo era que a fraga ben merecía unha boa reportaxe: a follasca sementando os camiños, o couselo e o brión colonizando as desgastadas pedras, as polas de carballos e faias tinguidas de amarelo e marrón, e o río Barragán engaiolándonos cas súas augas cantareiras, a carón das cales camiñamos na primeira parte da senda.

Unha constante da nosa andaina, ademais dos sorrisos y verbas cómplices, foi a cantidade de poldras, ou pasos, que non invitaban a mudar de ribeira, así como pontellas, chapacuñas e muíños, un verdadeiro tesouro etnográfico que puidemos admirar, sobretodo, porque o río non levaba moita auga, ou tamén porque a presa de Eiras non pechara as súas comportas, pois ata alí chegaba a cola do encoro.

O camiño non tiña perdida, pois está moi ben sinalizado, aínda que nós pouco caso tiñamos que facerlle as pinturas brancas e amarelas, pois o noso guía autóctono (ou case) levounos sempre na dirección axeitada, e ademais a bo ritmo, tanto foi así que isto motivou a protesta dalgún eivadiño que levaba algún tempo sen acatar a nosa disciplina.

A fotografía foi protagonista, como non, tentando recoller reflexos e raios solares que se colaban entre a espesura da fraga, e as moitas tonalidades que esta ofrecía, que non desmerecía para nada a de outras como a do Irati.

Muíño e pasos de Porta Cavada, chapacuña e muíño do Carillón, muíño e pontella de Barragán (por onde trocamos de ribeira), pontella e muíño do Carillón (por onde volvemos cruzar), testemuñas doutros tempos, cando estas intervencións humanas no río eran fundamentais para a economía das xentes da comarca, cando eran burros fariñeiros e os muiñeiros os que camiñaban estes sendeiros, como facemos agora os que, dalgún xeito, aínda sentimos a chamada da terra. 

O chegar ó muíño do Triquillón fíxenos graza o nome, e fixemos unha foto de grupo, ademais de iniciar o insólito inventario de deposicións de pequenos mamíferos, pois a Criatura tiña unha especial inclinación no seu estudio, quizais influenciado polos documentais da dúas. Dende aquí continuamos seguindo unha levada que a min lembroume os camiños fermosos da illa de Madeira, sempre camiñando pegadiños ó río, tanto que de seguro que non sería tarefa fácil avanzar nesas crecidas invernais das que gustan tanto os piragueiros.

Muíño do Perico, muíño do Abade, muíño Novo, muíño Vello, patrimonio etnográfico dun país que puido ser se tivese cidadáns e non vasallos, e que agora agoniza baixo a follasca,  o brión, as silveiras e a terra, onde algún día descansaremos todos deste soño que nos fai partillar pegadas e sorrisos.

Na Ponte de Pedra trocamos outra vez de ribeira, e comezamos a subir, afastándonos do río un chisco, e a tropa vaise espindo e botando man dalgunha proteína para compensar o esforzo, aínda non levabamos nin un cuarto da ruta, máis xa facía algo de fame, i eu lembraba que na anterior visita xa deramos conta das provisións moito antes de chegar ata aquí.

Tivemos que cruzar dúas poldras máis, os pasos dos Campos e os dos Barcos, e no segundo cruzamento fixen un pequeno vídeo, para comparar co que fixeramos tamén con Xacobe e Miguel, cando o río estaba algo máis crecido (ou bastante máis), aínda que houbo que non se decatou, como o Cachorro, que quedou quietiño para non saír movido na foto…  

A pouco chegamos os prados de Freaza, onde foi ben recibida a idea de xantar, pois o sol de outono aínda quentaba, e pronto saíron das nosas mochilas empanadas e bocadillos, e mesmo uns doces que Zaira partillou con todos nós, e que estaban ben ricos. O ánimo de partillar invadiume o ver a unha criatura equina (non dimos acordado se era un burriño ou un cabalo pequecho) que pastaba canda nós, aínda que non conseguín que papara nada do que lle ofertei, seica por non ser da súa dieta habitual.

Para non deixarnos levar pola preguiza, o Cachorro ordenou erguer o campamento e apura-lo paso, pois aínda non chegaramos á metade da ruta e non tiña seguro que o sol agardara por nos, así que cruzamos como raios o núcleo rural, erguendo un balbordo de cans, cara a parte menos amable do recorrido, que, cando menos, non requiriu a atención dos fotógrafos, e onde Zaira nos contou das súas aventuras africanas.

Chegamos novamente ó río Barragán, que nos recibiu cunha triada de muíños: o de Trigo, o de Cubo e o de Agosto, nunha paraxe fermosa onde soaron outra vez os disparos… das nosas cámaras. Había partes bastante xeadas, seica o sol non chegara ata elas, pasarelas de madeira e calzadas de pedra, e o Alex xa se imaxinaba facendo unha churrascada na próxima visita.

Xa estabamos no camiño de volta, pero era moita volta a que tiñamos que dar, tanto así que atravesamos a parroquia de Freaza, que semellaba a granxa de Orwell: gatiños, pitas, ovellas e máis cans facendo barullo, mais non fixemos moito caso dos animaliños, pois o noso guía levabamos a un ritmo trepidante, non fosemos a discutir a súa autoridade.

Detivemos outra vez no río, na Ponte de Pau, onde pequenos saltos de auga debuxaban unha paisaxe abraiante, e non dubidamos en facer aquí tamén un retrato grupal, de eses que gusta volver a mirar pasado o tempo. O tempo… case non me decataba que facía un mes que esta historia dos Eivadiños cumprira sete anos… quen sabe se cumpririamos un ano máis.

O Cachorro, o noso guía indíxena, volveu a tanguernos para que apurarámo-lo paso, pois o alento do astro rei xa non nos quentaba as calugas, e aínda non restaba algo menos da metade da ruta, así que tivemos que quitar forzas de fraqueza, aperta-lo cu e tirar cara diante en fila india, seguindo o rastro dun regueiro, a Levada de Maruxa, pola que avanzamos a bo ritmo, aproveitando a horizontalidade do tramo.

Algo máis a modo enlazamos o seguinte, a subida ó lugar de Xunqueiras, onde semellaba que Alex tiña tantas forzas como todos nos xuntos, pois andaba para adiante e para atrás para empurrar, agarimosamente,  a Zaira, e as veces incluso os máis lentos do grupo, que por causas do azar, ou da idade, resultaron ser os Xemelgos, máis mortos que vivos.

En Xunqueiras quedaramos a metade da expedición na anterior visita a estas terras, e abofé que se me pasou pola cabeza atopar algunha escusa para repetir a faena, máis o grupo pasou coma un lostrego diante do cruceiro, da igrexa parroquial e das catro casas señoriais, sen deixar atrás máis que un balbordo de cans.
Alí nos sorprendeu o lusco fusco, e co esmorecemento do ceo dimos en enlazar congostras, corredoiras e canicoubas polo medio dunha fraga as veces ben fermosa,  onde se escoitaban os inquietantes disparos dos cazadores, ata chegar outra vez o río Barragán, onde as veces podiamos albiscar o sendeiro que fixeramos de ida pola outra ribeira.

A luz foi minguando, como as nosas forzas, e o Xaime xa estaba rifando e laiándose de non seguir á súa natureza insomne, e aproveitar a xornada dominical para quedarse a rañar o bandullo vendo documentais, e eu tamén dubidaba do saudable desta actividade, pois os meus pes xa non aturaban máis dentro das botas, que xa estaban a pedir un relevo. Os dous fomos disimulando o cansazo lendo os correos que o Habibi mandara dende a Indochina, sempre na súa liña algo misteriosa, que nos deixaba moito á imaxinación, tanto que non sacamos en claro se o estaba pasando ben ou todo o contrario.

Agrupamos en Moscoso, pois as rapazas seguiran o paso firme do noso guía e xa nos levaban unha boa vantaxe, animándonos uns os outros para encarar o tramo final do sendeiro. Deseguro que tamén Sonia e Zaira estaban a sufrir nas súas carnes as moitas horas de camiño, máis semellaban inmunes ó desánimo, dúas estreliñas brillando na escuridade que se abatía sobre as terras de Fornelos de Montes.

O derradeiro tramo fixémolo a carón do río Moscoso, xa con noite e formación pechada, con moito coidado de onde pisabamos e botando algunha ameaza entre dentes o noso guía, pois a alguén tiñamos que facer responsable de que se puxera o sol antes de tempo. Máis penso que foi este anaco da ruta o que fixemos a mellor paso, pois non había distración posible, nin sequera cando pasamos perto do Muíño do Rabelo, nun deses lugares que, según Alex, ben merece disfrutalo de día.

Case choramos ó chegar ó coche, despois de dezaoito quilómetros de andaina polas parroquias de Traspielas, Moscoso, Calvos e Xunqueiras, e non demoramos nada en saír a lume de carozo, ca intención de mandarlle un café o un cacao, no primeiro bar que nos saíra ó paso. E así foi, a pesares que no lugar elixido tardaron o seu en servirnos, e onde eu catei unha empanada de xoubas que me deu a vida. Falta me facía, pois tiña quenda de noite e precisaba de aportes enerxéticos para compensar o esforzo realizado.

Máis pagou a pena, por pasar outra xornada dominical, quen sabe se irrepetible, na compaña do núcleo central da miña cobertura, desa xentiña boa e xenerosa que fixo posible que o Apocalipse aprazarase un chisquiño, e me fixera desexar outros trescentos camiños… 



E275 Senda da Fraga do río Barragán (Pazos de Borbén - Fornelos de Montes)




Sol, 27 de decembro de 2012

Evadinhos for ever!!. Comeza así a miña crónica dunha nova andaina deste grupo de eivados e teimudos camiñantes que disfrutamos dos carreiros e sendeiros dun xeito pleno, onde compartimos e intentamos afastar as nosas teimas, preocupacións, pantasmas e outros habitantes internos.

Un día creo que imos ter que facer unha homenaxe o noso punto de encontro habitual, “A Maquía”, onde collemos forzas contorno a un café e unhas tostadas e planificamos as nosas improvisadas rutas, ademais de mercar as viandas en forma de bocadillos e sorrisos da nosa dependenta que nos inunda de enerxía positiva.
Coma sempre, eu chego un pouco tarde a nosa cita as 12 da mañá, onde xa están a espera o comandante Anxo, Xacobe e nesta ocasión a parte feminina representada por Sonia.

Tras dúbidas entre o Xabriña e o Barragán, decantámonos por este derradeiro lugar xa que queríamos comprobar as melloras feitas nesta ruta polas Comunidades de montes de Traspielas, Calvos, Moscoso e Xunqueiras. Por certo, moi bo traballo.

A ruta a iniciamos descubrindo un máxico lugar, de súpeto preséntase ante nós un antigo e impoñente acueduto de pedra que aparenta unha fortaleza, onde un arco oxival nos permite a entrada aos restos dun antigo poboado que se agocha entre carballos e musgo. 

Este lugar coñécese como A Cidade, un antigo castro no que posiblemente un pobo agrogandeiro aproveitou o foxo e as pedras para construír un curioso poboado formado por pequenas casiñas semisoterradas.

Eu xa estivera aquí mais o menos facía un mes, apañando setas e xa quedara marabillado co contorno, igual cuns rapaces que ollaban embelesados o cartel da ruta, pero mais ven porque non tiña nada claro por onde continuar. Despois das indicacións pertinentes baixamos cara ó río chegando a unha zona que se inunda na época estival por mor do peche das comportas do encoro de Eiras. Hoxe o río transcorría polo seu couce, xa que con tanta choiva que levamos enriba, as comportas están abertas para que nos desborde o encoro e non se leve por diante á poboación de Soutomaior. 

Penetramos na fraga e o encanto dun conto de fadas enche as nas nosas mentes. O lugar é espectacular, as cores, a vexetación as augas transparentes… , semella que o tempo quedou parado neste lugar. O couce estreito anímanos a argallar unha aventura que temos entre mans coas piraguas e vamos analizando os lugares e xeito de evadir os obstáculos mais perigosos do noso posible futuro descenso deste río. Xa veremos en que queda a cousa. Aínda teño moito que practicar coa “topolino”, para aventurarme neste novo desafío, pero non o descarto para nada.

Polo estreito sendeiro do río, imos cruzándonos con outras xentes camiñantes  que veñen en sentido contrario e intercambiamos unas verbas amigables e consellos mutuos para continuar a ruta. Ó pouco atópamos co  muíño de Barragan coa súa porta aberta e escudriñamos no seu interior levando unha agradable sorpresa. Dúas persoas estaban a moer en vivo e en directo, (porque precisamente estaba a gravar o momento). O muíño realmente é fermoso e dos poucos da zona que ten dúas moas.

A cada paso do río atopámonos levadas e encoros que fan que os obxectivos fotográficos dos meus compañeiros boten fume. 

Aproveitando as ruínas dun muíño, facemos a parada para comer e repoñer forzas. Imos retrasados, polo tanto non adicamos moito tempo a tal menester. 

Os carreiros enchoupados lévanos a un espazo mais aberto, onde hai mesas de pedra e onde imaxinamos que en verán estase de vicio para celebrar unha boa papatoria e un chapuzón, ademais de poder empaparse de como funciona un muíño e estudar todos os seu compoñentes por medio dun panel informativo (buxa, pe, biqueira, touze, rodicio, canle cruceira….) nomes descoñecidos por nos que algún día investigaremos mais polo miúdo.
O camiño complicase pola enchenta que leva o río e nos lugar dos “Pasos dos campos” a familia eivadiña divídese en dous grupos. Eu, cos meus gancheto bastóns voo por riba da auga coma si de “Moises” se tratara e cruzo o río, pero os meus amigos deciden seguir as indicacións dun cartel que reza “en caso de enchenta cruzade mais enriba”, pero as condicións doutro paso son semellantes e teño que lanzar os meus gancheto bastóns para que o Xacobe no acabe coa súa preciada máquina fotográfica na auga. Ainda así, a cousa tivo a súa coña que poderedes ollar na reportaxe fotográfica que de seguro acompaña esta crónica.

Neste punto, decidimos acurtar o camiño e enlazar co da volta para que non rematáramos a pateada de noite. O camiño empínase e nosa querida Sonia reséntese da su eiva nunha perna, polo tanto, chegados a Xunqueira decidimos que o comandante e a eivada, esperen no lugar e Xacobe e mais eu bulamos cara o remate da ruta para recollelos á volta co coche.

O camiño que nos quedaba hasta o coche aínda era longo, polo tanto o famoso ritmo eivadiño de Panette saíu a relucir e non os podo contar moito dos paraxes que vimos porque non daba tempo. Aínda así tivemos tempo de ollar un corzo que tamén bulía escapando duns cans dos cazadores que merodeaban pola zona e que o Xacobe dispersou a pedradas (polo menos a uns dos cans). Sigo sen entender o disfrute desto que se chama caza. 
En verdade o camiño que nos quedaba non era nada espectacular (pistas forestais e poboacións sen moito interese salvo un lavadoiro con cinco plataformas de lavado moi curiosas e un lugareño que estaba a “barrer” a súa leira de follas cun ramallo de xestas. Así o Xacobe e mais eu, chegamos o coche enchoupados polos lameiros do derradeiro tramo e logo de acicalarnos un pouco fomos en busca dos eivadiños que deixáramos atrás. 

Os atopamos tomando un café que trouxera Sonia nun termo, palicando con membros dunha das asociación que están a procurar a mellora do sendeiro. Tras uns estiramentos e despedidas dirixímonos, por petición miña, a tomar unhas viandas para rematar como é debido a pateada. 

No lugar de Reboreda degustamos tortilla, calamares, croquetas e uns saquiños recheos moi curiosos. A historia foi que ninguén, salvo eu, quería comer moito, pero as viandas esvaecéronse como alma que leva o demo. (Ja, ja sen non os coñecera….) e parecían tímidos.

E así foi como un domingo mais percorremos os camiños, oxixenamos mentes, limpamos o espírito e imos deixando atrás pantasmas, medos e afianzamos mais este proxecto chamado Eivadiños que xa quixeran moitos e moitas desfrutar del. Pois eiquí estamos amijiños e AMIJIÑAS.

Foi un verdadeiro pracer facer a derradeira crónica da etapa Eivadiña do 2012 e contarvos este día. Noutra ocasión contarei mais profundidades do que eu sinto cada vez que acometo unha nova aventura eivadiña.
Grazas comandante Anxo!!

Panette, Moscoso (Río Barragán) 29 de nadal de 2012


E119 Sendeiros de Borbén (Pazos de Borbén)

Domingo, 26 de abril do 2009

Hola, holita, amigüitos e amigüitas, bos días teñan vostedes, permitídeme que me presente: eu son o rei tolo, a besta que berra desafiando o paso das idades, que bótalle pulsos ós diaños, xa teñan cornos de castrón ou tetas de tenreira, o monicreque das tesoiras que non lle treme o pulso para cortar amarras, capaz de erguerse cun sorriso durmindo menos de catro horas, de almorzar un feixe de síndromes, dixerilos mesturados con cadeas de pantasmas, e expulsalos con catro peidos campións, facendo tremer as paredes de toda a veciñanza.
E aquí están os meus, os herdeiros deste reino de tebras, de verbas e de sendeiros, os que entenden ou entenderan algún día: á miña destra o Cachorro, mestre das percusións contundentes, precisas e aditivas, grande e nobre coma un carballo, expandindo as súas raíces por eses lugares comúns, territorios insólitos de topónimos en relevo, a quen a palabras Amigo quédalle curta, compañeiro, cómplice, irmán; á miña sinistra algo mais que sangue do meu sangue, o Sam, tamén chamado Cinco minutos, coa fatiga do que tódolos días ten algo que descubrir, rapaz que vai crecendo en nobreza conforme suma accidentes xeográficos, melodías de ferro que os seus ollos tingue de cores, enredante, xogantín, equilibrista tolleito, que tanto camiña cara atrás como quere mimetizarse cas pedras, hábil para enxordecer ou para entender as medias voces, e cando quere ata os silencios.
Podíamos ser máis, pero os que estamos somos. E na mesa unhas porcións xenerosas de empanada de zamburiñas, polbo e mexillóns, e unha fonte grande coma a nosa fame, cas costelas dun porquiño que bendiciu o lume, facendo a parte da crónica canalla que non é pertinente transcribir, non polo que pasou senón polo que puido pasar, algúns maldicindo por quedar no seu refuxio e outros maldicindo por saír ás rúas, e para que o café non sexa demasiado amargo, unhas galdrumadas típicas do Eido Vello que axudan a programar os pasos que debemos dar a continuación e que, se non están xa esgotados de escoitarnos, imos relatar.
Prognóstico meteorolóxico: reservado. Sol e nubes, ameaza de treboada e chuvias ocasionais, ou sexa que pode pasar un pouco de todo ou todo o contrario. A realidade: chegamos a Pazos de Borbén baixo unha poalla fodida.
Cóllenos o frío antes de facer a dixestión, temos algunhas débedas da véspera no bandullo, ou os nosos corpiños se cheiran que a cousa vai ser seria, o caso é que antes de comezar temos que bota-lo medo fora, un detrás de outro, no reservado do bar fronte ó que aparcamos. E xa, máis lixeiros de equipaxe, botamos a camiñar pola estrada, despois de dubidar un pouco en que dirección, tirando desa cousa que as veces sirve para algo máis que contar batallitas: a memoria.
A nosa intención é face-lo tramo do PRG-26 ata Xunqueiras, e alí enganchar o GR-58, o sendeiro das Greas, para volver a coller o PRG-26 no seu inicio, no Santo Aparecido, e dende aquí novamente ata Pazos, e debuxar un recorrido circular, e pómonos a escrutar nos quitamedos, nos postes da luz e na sinalización de tráfico as cobizadas marcas brancas e amarelas, para confirmar que empezamos con bo pé. E damos con elas, por suposto, somos seis ollos, máis ou menos, a tarefa.
Se nun principio collemos á dereita, pola estrada comarcal PO-253 que vai cara Ponteareas, afastámonos dela tomando un camiño asfaltado á esquerda, que se interna no barrio de Aitero. A sinalización do sendeiro deixa moito que desexar, pero aínda así non temos demasiada perda entre o feixe de casas do lugar, e ós poucos imos deixándoas ás nosas costas, cambiando o piche por un firme laxeado que nos leva, entre campos de labranza e de pasto, cara o Río Borbén. Aquí temos que utiliza-los superpoderes, unha vez máis, porque as marcas agóchanse, esvaécense, desaparecen. Menos mal que o cruzamento do río, por unha pequena pontella, non ofrece dúbidas, e o camiño a seguir tampouco: é o único que atopamos.
Como recompensa, avanzando por unha fraga de ribeira que tingue o chan de algodón e danos a ilusión de camiñar polas nubes, atopamos un deses exemplares en perigo de extinción que tanto respecto me infundían na miña nenez: un espantallo. Agora rímonos dos seus pantalóns remendados, da súa chaqueta acolchada, o pano negro e o casco de motorista (por certo, a primeira vez que vexo un espantallo con casco), pero non había de ser así de atopalo pola noite.
Por estes camiños que levan séculos de pegadas, chegamos ó lugar de As Muras, onde volvemos atopar, despois de dar algunha volta en balde, os sinais do PRG, que atravesa o núcleo rural. Alí agárdanos outra sorpresa.
Pasando diante das derradeiras casas do pobo, espertando a unha caterva de cans da sesta e levantando un balbordo de ladridos, sorpréndenos un ola! ola! ola!, un saúdo insistente que sae dun patio onde non vemos a ninguén. Bo, non vemos a ningún human, porque os berros non proveñen de tal, senón dun enorme corvo negro engailodo, que frea en seco o noso avance. E non é para menos, xa que ningún dos tres víramos tal cousa.
Dez minutos despois, co corvo atrapado nos nosos arquivos dixitais, internámonos nunha fraga de piñeiros e carballos, algún deles deitados literalmente no camiño, e vémonos na obriga de facer algúns esforzos extras para sortear estes obstáculos inesperados. Conforme nos internamos no monte as xestas, en plena floración, ameazan con tapar o sendeiro e danlle folgos ó Sam para unha nova batería de protestas ¡seica está guionizado así!.
Teño que chamarlles a atención sobre a beleza que, pasados estes apuros, nos rodea: un bosque caducifolio que se estende polas ribeiras do Rego do Pozo, onde poderíamos, de ir caladiños poderíamos escoitar os ferreiriños, estreliñas e gabeadores, que se desprazan en bandadas buscando alimento entre a casca dos árbores. Pasamos a carón de muíños centenarios, cruzamos o rego por pontellas de lousas co rastro de miles de pegadas, e na calzada pétrea que segue ata Xunqueiras vemos as cicatrices que deixaron o constante paso dos carros.
Atravesando a fraga por congostras, canicouvas e corredoiras, chegamos a unha zona de pradarios separados por valados de pedra, anticipando o pobo onde remata o PRG-26. Xa no lugar de Xunqueiras, baixo un inoportuno chaparrón, andamos ás voltas para localizar o enlace co GR-58, o Sendeiro das Greas, é como o que busca sempre atopa nós, que non imos ser menos, atopámolo.
Aquí atópanse as mellores casas de Pazos de Borbén, con fachadas señoriais e fermosas galerías de vidro e ferro, con escudos que pregoan a súa fidalguía e cans feros que defenden os seus muros, pero nós non temos tempo para admirar repousadamente estas arquitecturas, porque aínda nos queda moito camiño que andar. Así que volvemos internarnosno bosque, onde priman os piñeiros, e algo máis adiante os eucaliptos, e o estreito sendeiro transfórmase nunha ampla pista forestal, un tramo sen máis alicientes que as distantes vistas da Serra do Suido.
Cada un entretense, a falta de outros alicientes, nas súas teimas: o Cachorro facendo visible a sinalización agochada entre as silveiras, ou endereitando os postes tirados no chan, o Cincominutos facendo equilibrios cun pau que colleu de mascota (hai xente para todo), e eu rifando con eles para apertar o paso, e deixar canto antes estre tramo noxento, que non sei con que criterio foi escollido para avanzar cara ó Val do Borbén.
Case nos sentimos aliviados de pisar asfalto, ó chegar a estrada de Cuartos de Borbén, pasando diante de igrexas, petos de ánimas e cruceiros, pero nos dura pouco a ledicia porque as marcas volven agocharse, e por máis que damos voltas na súa procura non somos quen de atopalas, polo que non nos queda outra que avanzar polo firme alcatreado cara o barrio de O Mosteiro, mentres o Alex faille tentadoras propostas ó Sam, para atopar a súa vocación musical (por facilidades que non sexa). Mentres, eu ando a voltas co mapa, e ó final temos que preguntarlle a unha velliña que atende un rabaño de ovellas pola dirección correcta, e grazas ás súas indicacións volvemos atopa-la dirección correcta e a sinalización, que nos afasta da estrada.
Por estreitos carreiros, entre veigas que antes producían o cereal que se moía nos muíños e que agora convertéronse en pasteiros enchoupados polo abandono das vellas canles de rego e dos sucos de drenaxe, chegamos ás ribeiras do Río Borbén, onde tamén queda latente o abandono das actividades agrarias, a vizosa vexetación propia das ribeiras esparéxese desdebuxando a pegada humana. Cruzando o seu cauce por unha fermosa pontella enlazamos corredoiras enlousadas, aliviadoiros en épocas de chea, que nalgúns casos teñen pasais que permiten ir a carón do camiño, por onde pasaban antano os carros, sen mollarse.
De tódolos xeitos atopamos o camiño cara Sequeiros bastante enchoupado, cando non anegado por completo, e temos que facer equilibrios entre as pedras para non molla-los pes. O certo é que chegamos ledos ó pobo, e aínda quitamos unhas fotos o carón dunha vella fonte, ignorantes do que tiñamos que afrontar nos próximos quilómetros.
Porque dende aquí nos resta unha forte subida cara a Serra do Galleiro, unha subida esixente, constante, infernal, primeiro entre casas e despois, enlazando cunha pista forestal, entre piñeiros e eucaliptos, e máis arriba aínda, entre xestas e toxos onde o Samu se gaña a pulso o apodo de Cincominutos.
O tema é o seguinte, non nos queda outra que aperta-lo cu e tirar para arriba, e o ceo estase a tinguir de nubes de chumbo, así que non podemos parar cada vez que algún de nós estea tentado de renderse ós dores das costas ou das pernas, así que se impón marcar un ritmo e seguilo, seguindo as liñas zigzageantes da pista, casa sen darlle importancia ás impresionantes panorámicas que estamos adquirindo. E grazas a esto chegamos onde a pendente se suaviza, para facer o derradeiro esforzo, ata chegar ó Santo Aparecido, capela, miradoiro e cruceiro, e botar unha boa ollada ó val dende alí, xa con cara de trunfo, ou case, porque neste punto, mentres esperamos a chegada de Sam para reunifícanos temos que buscar os sinais do PRG para que nos leve, na última etapa, ata Pazos de Borbén.
Como non atopamos sinalización e non queremos baixar pola estrada, subimos cara o monte, e no primeiro desvío á dereita internámonos nel, seguindo un camiño estreito no que a vexetación tenta ralentizaro noso avance, non só pola súa espesura, senón pola cantidade de eucaliptos tombados sobre o chan. A pesares de todo esto atopamos unha marca, só unha, pero suficiente para confirmar a nosa dirección, aínda que non estaría de máis que tamén estiveran sinalizados os Petroglifos de Chan das Teixiñas, que si están indicados no mapa. Xa está preto o noso fin, pero temos que rillar uns quilómetros de monte desarborado, toxos, urces e breixos, para chegar preto do núcleo urbán.
Como seguemos sen ver ningún tipo de sinalización, optamos por botarnos á estrada, e non tardamos en acadar as primeiras casas, onde recibimos a chamada de outros eivadiños, inquedos por se nos daría tempo de chegar a sesión inaugural do Festival de Cine de Redondela. Como non queremos perdernos a cita, deixamos o Cincominutos que descanse o carón do asfalto, e facemos os últimos quilómetros, agora si, pola estrada comarcal. Non sei porqué, pero sexan cinco ou vintecinco, sempre me sobran estes últimos, que aproveitamos para facer un primeiro balance da ruta: tivo de todo, a fraga do Rego do Pozo, e as ribeiras do Borbén, o máis fermoso e repousado, a subida ó Santo Aparecido, unha matada desas que quitan afección.
Ó final chegamos á inauguración, vimos a actuación dos Trasnos de Moscoso, uns hiphopeiros da zona, e algún corto salientable: “Porque hai cousas que nunca se esquecen” de Lucas Figueroa, ambientado no Nápoles de 1950, foi sen dúbida o que máis aplaudimos.


Seguidores