E277 Acurtando o Trilho Castrejo (Monçao)


Sol, 13 de xaneiro de 2013

Estaba eu a facer a dixestión do pequenho almorço, tomando o sol no adro da igreja de Cainheiras, onde habito, gozando duns raiños de sol que ían desfacendo as derradeiras neves, que so persistían nas aldeas máis empoleiradas á montaña, coma Teso, Campelo, Eiras… cando escoitei un balbordo de xentes que falaban na variante de alén da fronteira, que a forza de escoitar entendo tamén como a propia desta parte do Laboreiro.

Eran tres tipos co lombo avultado, deses que por aquí chaman caminhantes, e pensei que quizás viñan algo perdidos, pois dábanlle voltas ó mapa que tiñan na man sen pórse de acordo sobre o lugar onde estaban.

Eu ben lles podía indicar se falase o seu idioma, máis a pesar de entendelo tan ben coma o portugués, o castelán e algo de estranxeiro que ocasionalmente escoito por estas terras, eles non ían entenderme a min, xa que a xente, polo común, non entende os ladridos da miña raza, nin das moitas outras que falan os da miña especie.

De tódolos xeitos dinlles un bo recibimento, saltando e movendo o rabo, e facéndolles tropezar, e decidín que tiña ganas de aventura e que ía guialos por estas terras de Castro Laboreiro que tan ben coñezo e, cun algo de sorte, podería ser que compartiran os manxares que levaban ¿Qué outra cousa senón? Ó seu lombo.

Marchei canda eles pola pista que vai cara ó Penedo de Anamão, mentres souben  que viñan de facer o camiño, entre carballos e castiñeiras, que comunica Varziela e Bico, unha congostra fermosa onde aínda quedaba algo de neve, que eu adoito facer de cando en vez para visitar a un meu primo que teño alí, con quen trouleo ás veces.

Os rapaces dicían chamarse, polo que puiden averiguar, Miguel, Xacobe e Anxo, aínda que ás veces tamén se referían uns ós outros como Panete, Petete e, algunha vez, Papanatas ou Piroliñas.

A min non se tomaron o traballo de preguntarme, e bautizáronme como Gandul ou Jandul, e o certo é que deume un pouco igual, pois eu atendo ata se me chaman Ladrao ou Saltarín, sempre que o fagan con cariño e non me dean con pedra ou con pau.

Seica falaban doutros tempos, cando visitaran estas terras cun grupo algo máis grande, o Club de Camiñantes, quizais algún desas procesión que veñen dende o outro lado da raia, e que sempre deixan algo de comida para min, se teño o día de os acompañar.

O ceo abriuse para nós, e os rapaces tentaban atrapar a paisaxe nesas caixiñas máxicas onde, unha vez na súa casa, poden volver dalgún xeito ós lugares que visitaron, e mesmo tentaron, sen moito éxito polo meu movemento, meterme a min na caixiña.

Mentres eles camiñaban pola pista eu facíao pola beira, por se atopaba a cova dun coello ou atopaba unha cobra a quen me enfrontar, e semella que gustoulles a idea, pois ó divisar o Penedo de Anamão deron en avanzar por un terreo enchoupado, entre uces, toxos e penas de tódalas formas e tamaños.

Chegamos así ó cruceiro e, dende alí, nunha carreiriña de can (nunca mellor dito) ata a Ermida da Nossa Senhora de Anamão, onde xa había unha parella da súa especie dándolle á mandíbula. Adianteime a saudalos, e a moza acariñoume e deume un anaco de chourizo e outro de queixo, que ben que agradecín.

Os meus acompañantes partillaron unha tortilla de patacas e déronma a probar, a pesares de que o que menos gustaba da miña especie lles rifaba, pois seica fora o artífice de tal delicia e non me consideraba merecedor de probala, ¡que tipo máis racista!!!

Algo poallou mentres rillabamos, marcharon os emparellados no seu todoterreo e tentado estiven de os acompañar, mais aínda non saciara a miña sede de aventuras e quedei cos camiñantes, que non se nomeaban a si mesmos así, senón Eivadiños… e si, algo eivados estaban, pois un coxeaba un chisco e os outros dous debían ter algún mal de cabeza pois non tiñan moito pelo.

Escampou e volvemos encarar cara o cruceiro de Anamão, baixo a esfinxe maxestosa do xigante de pedra, sobre o que corrían as nubes, e eu tamén botei unhas carreiriñas para quecer, pois o vento xeado da serra era cousa seria, e pola pista leveinos dereitiño ata o lugar de Seara, despois de cruzar a Corga das Lapas, onde algunha vez mergulleime para sufocar os calores do verán.

Foi aquí onde os meus amigos, por chamalos dalgún xeito, decatáronse que o nome de Jandul non era axeitado para min, e que máis me conviña o de Jandula. Carallo, menudos papáns!!! Eu ben me decatei de que tiñan rabo sen precisar velo. 

Non me anoxei,  aínda que gardei as distancias subindo polas congostras empedradas que atravesan as zonas de pasto da Seara, onde pacen os rabaños cun sistema rotativo, as vezeiras, onde un dos donos dunha parte dos animais que compoñen o rabaño, só ou acompañado dun da miña especie, da boa raza do Laboreiro, garda todo o gando “á vez”.
Da raza autóctona din que “é meiga para o dono, é feroz para o lobo e para os estranhos.”

Mais eu penso que non hai raza como a nosa, a dos palleiros, espallados polo mundo enteiro, aínda que non sexamos moi doados para pastorear ou para traballo ningún, pois non é mal oficio o de deitarse á sombra dun carballo ou dun espigueiro, agardando que alguén che tire un anaco de calquera cousa para comer, e trouleando con calquera da túa especie que che pete.

Algo perdín de vista ós Eivadiños cando comezou o descenso cara Cainheras, a miña pequena patria, pois eles foron polo camiño de carros, por onde baixaba auga dabondo e tornaba esvaradías as lousas desgastadas, mentres eu ía polas veigas, con algo máis de seguridade.

Volvinme reunir con eles pouco antes de volver cruzar a Corga das Lapas, preto da ponte medieval, que deron en cruzar para encher de lama as botas, mentres eu ía polo camiño de piche que entra no meu pobo, onde nos recibiron tres velhas cas súas capas tradicionais e, como non, un feixe dos meus, preguntando pola miña aventura, aínda que, entre eles tamén houbo quen me rifou, como o Mouro, un can do Laboreiro que pensa que é unha autoridade onde o mundo chamase Cainheiras.

Alí separáronse os nosos camiños, eu quedei na espera da merenda, e eles seguiron, polo que contaron, cara Varziela, onde tiñan o seu vehículo, onde dixéronme que tiveron un encontro cunha vella pastora que a piques estivo de darlle co caxato, pola súa insistencia en meter canta paisaxe, xente ou besta atopan no camiño na súa caixiña máxica.

Agardo que non tardarei moito en volvelos ver polos meus dominios e, quizais, volva contar as nosas aventuras.


E276 Mosteiro de Oia-Sabarís (Oia-Baiona)



1/1/2013



Xa viña un par de días cavilando na idea de saír a patear o primerio de ano. Quedaba só e me agoniaba  o escenario dun día estumballado no sofá ou abollando a espera da noite. Facía meses que non subía a Grova e mais ou menos iso é o que tiña en mente.

Vestinme de bonito para saír a noite de Fin de Ano, pero só serviu pra que me tomasen o pelo e que os zapatos lustrosos me machucaran os pés;  co medo a pasar frío me pasara no grosor dos calcetíns. Chegado a un punto xa non aguantaba os pés e tódalas cancións que pinchaban no Choco me parecían a mesma. Quizais soasen todas iguais pois o equipo de son non daba para mais, e as ondas amortecíanse nos corpos dos mortais que trataban de facer dunha noite vulgar a máis feliz do ano.  Ademais temía que unha rozadura ou bocha estragaran meus plans pedestres.

As 6h da mañá xa deixara á moza en Beade e ía camiño de Sabarís. Acendín a máquina de pensar e comecei a calcular as horas de sono precisas, a ruta, as horas de luz de que disporía, as forzas que me quedaban, …. iso me mantivo esperto a media hora que conducín ata casa. Descartara subir a Grova dende Bahíña, pois o recordo que tiña e que dende os incendios e as inundacións, os camiños quedaran estragados polo paso da maquinaria pesada,  o monte bastante arrasado, e intentaran domalos regatos con pedras e formigón. Faláranme do camiño portugués da costa e aínda que prometía bastante asfalto, me reconfortaría a brisa e a visión do mar batendo nas rochas.  

Entrei na casa e acendín o ordenador para pesquisar algo de información en internet. Saíndo de Oia tería que camiñar 18.5 km ata a Baiona e algo máis ata Sabarís. Parecía bastante pra despois dunha noite de troula, pero estaría localizable en caso de que me abandoasen os folgos. Ademais me convenceu que antes de Silleiro, se rompese a monotonía do litoral,  subindo  polo monte e pasando por detrás do faro para entrar a Baiona  polo barrio do Burgo. Alí empataría co Camiño Real e metería a directa para chegar a fonte do Pombal e  lavala cara xusto antes de entrar na casa.  Xa posto a argallar o pateo, collín a roupa pro día seguinte e deseguido tireime na cama anheloso de durmir.

Tiña o espertador para a 1 da tarde, pero as 12h abrín os ollos coma un moucho e erguinme dun brinco. Almorcei e pospuxen o xantar para hora da merenda cando regresase a casa. Tiña sobras da cea e daría boa conta dun bacallao con ameixas.

O windguru non daba chuvia polo que collín un simple chubasqueiro fino coma cortaventos, pois seguro que a beira do mar sopraría suficiente para meterme a friaxe no corpo. Primer erro,  pois a choiva que viría non sería suficiente para aparecer nos rexistros pero sí para mollar dabondo a un camiñante.

Tirei pro mosteiro de Oia e a medida que rodaba sobrepasaba  a distancia que o meu imaxinario fixera dos 18.5Km que dicía a ficha do camiño de Santiago . Estiven por afrouxar nas miñas pretensión, botar o coche cara a cuneta e arrincar dende calquera punto onde puidera deixalo aparcado.  Finalmente cheguei ó barrio do Arrabal, aparquei na beira dun camiño, e ante o estupor dun vello que coidaba dunha cabra, fixen a foto de rigor do mosteiro e tirei a andar dirección norte.

Aínda non levaba 10 minutos camiñando cando, chegando a Casa da Culpa,  sufrín a primeira chuvieira. Algún pecado cometera para que xusto ó chegar ó lugar onde os veciños de Pedornes pechaban ós rateiros, me caíra esta penitencia. Gardei a cámara e lamenteime de non poder retratar os restos deste antigo penal  rural. Na primeira hora o camiño foime levándome por carreiros e algúns tramos polo carril bici, pero o que viu despois se me fixo insufrible. Papei asfalto dende Mougás ata Punta Centinela que xunto coa a observación dos horrores do feísmo galego, se me fixo unha tortura. Dende galponadas ata casas con ameas e escudos heráldicos, e incluso unha finca con decoración de tapacubos de coche. Pode que algún día un dos temporais que azotan periódicamente Oia, faga xustiza e devolva a costa o seu esplendor orixinal. Levaba 10km e nuns 20 min acadaría o Faro de Silleiro. Posto que meus pés xa clamaban por pisar un pouco de terra, decidín revivir a fazaña Peñasco 3 – Sabarís 20, que me levara xunto a Panete dende Punta Centinela ata a miña casa. Daquela fixeramos xuntos algunhas pateadas para manter vivo o espírito dos Eivadiños namentres Anxo se recuperaba da caída en Monteferro.

Sabía que si acadaba o alto da serra, atoparía algunha pista que me levase cara a Baiona polo monte. Cheguei o restaurante que agora se facía chamar Mar 3 pero mantiña o blasón co helmo en sobrerrelieve. Non sei de onde saíu nesta zoa da costa tanta simboloxía medieval.

Crucei a estrada e tirei monte para arriba. Comecei a subir unha forte pendente e caíume a segunda chuvieira. Aínda por riba me trabucara nun cruce e a pista me levaba novamente cara ó sur. Desfixen o camiño e tomei desta vez a outra opción. Volvín a apretalo cu, cravar os bastóns e subir a trote cochinero. 

Cando cheguei arriba xa deixara de chover e un solciño me quentaba as costas mentras camiñaba. Me levantou o ánimo xa sentirme no monte, ver algunhas vacas e atopar as marcas do sendeiro das Greas. Deixeime levar polo recordo pois as pegadas de cando camiñara por estas pistas con Panete xa as levara o tempo. Algo variei pois desta vez fun dar un pouco mais abaixo de Chan da Lagoa.  Xa postos a improvisar segundo a marcha, decidín non baixar por San Cosme coma tantas veces fixera e tomei pola primeira pista que se me puxo diante. Ía ben encamiñado pois da dereita me chegaba o rumor do río Bahíña. Chegui ó embalse. E ainda que levaba unha boa sudada enriba, e me viría ben unha inmersión, agardaría pra bañarme naquela auga, pero regado pola ducha da casa. Tirei unha foto con refrexo, composición adeprendida do comandante, e costa para abaixo.

Chegue a Bahíña, subín polo camiño da escola vella cara a igrexa e unha vez máis esbozei un sorriso ó miralo palco “máis pequeno do mundo”. Malamente caben dous gaiteiros e un tamboril, pero seguro que deu pra bos bailes e mais dunha parella saíu amarrada pra sempre daquel adro.

Nese momento, xa me daba igual a terra, o asfalto ou a gravilla, así que preguntei a un veciño como ir pra Pontenovo. O home ben intencionado mandábame polo camiño mais bonito que é seguindo o curso do río, pero a mín xa só me valía a liña recta. Así que onde o home dixo que á  dereita eu collín pra esquerda. Como a sorte nunca falla os Eivadiños, atopei novamente as marcas das Greas. Xa estaba feito. Pouco mais adiante din co Camiño Real, e aínda que non tiña coroa nin séquito o seguiría pra chegar o meu castelo. Alí estaban outra vez as frechas amarelas, pero coma non viñera o apóstolo onda min, eu non pensaba ir abrazalo.

Xa sentía o arume do bacallao, que me fixo camiñar coma se levase as Chirucas de 7 leguas. Collín aire, subín as escaleiras e cando o exhalei xa estaba baixo o auga quente.

¡Feliz 2013!




E275 Senda da Fraga do río Barragán (Pazos de Borbén - Fornelos de Montes)




Sol, 27 de decembro de 2012

Evadinhos for ever!!. Comeza así a miña crónica dunha nova andaina deste grupo de eivados e teimudos camiñantes que disfrutamos dos carreiros e sendeiros dun xeito pleno, onde compartimos e intentamos afastar as nosas teimas, preocupacións, pantasmas e outros habitantes internos.

Un día creo que imos ter que facer unha homenaxe o noso punto de encontro habitual, “A Maquía”, onde collemos forzas contorno a un café e unhas tostadas e planificamos as nosas improvisadas rutas, ademais de mercar as viandas en forma de bocadillos e sorrisos da nosa dependenta que nos inunda de enerxía positiva.
Coma sempre, eu chego un pouco tarde a nosa cita as 12 da mañá, onde xa están a espera o comandante Anxo, Xacobe e nesta ocasión a parte feminina representada por Sonia.

Tras dúbidas entre o Xabriña e o Barragán, decantámonos por este derradeiro lugar xa que queríamos comprobar as melloras feitas nesta ruta polas Comunidades de montes de Traspielas, Calvos, Moscoso e Xunqueiras. Por certo, moi bo traballo.

A ruta a iniciamos descubrindo un máxico lugar, de súpeto preséntase ante nós un antigo e impoñente acueduto de pedra que aparenta unha fortaleza, onde un arco oxival nos permite a entrada aos restos dun antigo poboado que se agocha entre carballos e musgo. 

Este lugar coñécese como A Cidade, un antigo castro no que posiblemente un pobo agrogandeiro aproveitou o foxo e as pedras para construír un curioso poboado formado por pequenas casiñas semisoterradas.

Eu xa estivera aquí mais o menos facía un mes, apañando setas e xa quedara marabillado co contorno, igual cuns rapaces que ollaban embelesados o cartel da ruta, pero mais ven porque non tiña nada claro por onde continuar. Despois das indicacións pertinentes baixamos cara ó río chegando a unha zona que se inunda na época estival por mor do peche das comportas do encoro de Eiras. Hoxe o río transcorría polo seu couce, xa que con tanta choiva que levamos enriba, as comportas están abertas para que nos desborde o encoro e non se leve por diante á poboación de Soutomaior. 

Penetramos na fraga e o encanto dun conto de fadas enche as nas nosas mentes. O lugar é espectacular, as cores, a vexetación as augas transparentes… , semella que o tempo quedou parado neste lugar. O couce estreito anímanos a argallar unha aventura que temos entre mans coas piraguas e vamos analizando os lugares e xeito de evadir os obstáculos mais perigosos do noso posible futuro descenso deste río. Xa veremos en que queda a cousa. Aínda teño moito que practicar coa “topolino”, para aventurarme neste novo desafío, pero non o descarto para nada.

Polo estreito sendeiro do río, imos cruzándonos con outras xentes camiñantes  que veñen en sentido contrario e intercambiamos unas verbas amigables e consellos mutuos para continuar a ruta. Ó pouco atópamos co  muíño de Barragan coa súa porta aberta e escudriñamos no seu interior levando unha agradable sorpresa. Dúas persoas estaban a moer en vivo e en directo, (porque precisamente estaba a gravar o momento). O muíño realmente é fermoso e dos poucos da zona que ten dúas moas.

A cada paso do río atopámonos levadas e encoros que fan que os obxectivos fotográficos dos meus compañeiros boten fume. 

Aproveitando as ruínas dun muíño, facemos a parada para comer e repoñer forzas. Imos retrasados, polo tanto non adicamos moito tempo a tal menester. 

Os carreiros enchoupados lévanos a un espazo mais aberto, onde hai mesas de pedra e onde imaxinamos que en verán estase de vicio para celebrar unha boa papatoria e un chapuzón, ademais de poder empaparse de como funciona un muíño e estudar todos os seu compoñentes por medio dun panel informativo (buxa, pe, biqueira, touze, rodicio, canle cruceira….) nomes descoñecidos por nos que algún día investigaremos mais polo miúdo.
O camiño complicase pola enchenta que leva o río e nos lugar dos “Pasos dos campos” a familia eivadiña divídese en dous grupos. Eu, cos meus gancheto bastóns voo por riba da auga coma si de “Moises” se tratara e cruzo o río, pero os meus amigos deciden seguir as indicacións dun cartel que reza “en caso de enchenta cruzade mais enriba”, pero as condicións doutro paso son semellantes e teño que lanzar os meus gancheto bastóns para que o Xacobe no acabe coa súa preciada máquina fotográfica na auga. Ainda así, a cousa tivo a súa coña que poderedes ollar na reportaxe fotográfica que de seguro acompaña esta crónica.

Neste punto, decidimos acurtar o camiño e enlazar co da volta para que non rematáramos a pateada de noite. O camiño empínase e nosa querida Sonia reséntese da su eiva nunha perna, polo tanto, chegados a Xunqueira decidimos que o comandante e a eivada, esperen no lugar e Xacobe e mais eu bulamos cara o remate da ruta para recollelos á volta co coche.

O camiño que nos quedaba hasta o coche aínda era longo, polo tanto o famoso ritmo eivadiño de Panette saíu a relucir e non os podo contar moito dos paraxes que vimos porque non daba tempo. Aínda así tivemos tempo de ollar un corzo que tamén bulía escapando duns cans dos cazadores que merodeaban pola zona e que o Xacobe dispersou a pedradas (polo menos a uns dos cans). Sigo sen entender o disfrute desto que se chama caza. 
En verdade o camiño que nos quedaba non era nada espectacular (pistas forestais e poboacións sen moito interese salvo un lavadoiro con cinco plataformas de lavado moi curiosas e un lugareño que estaba a “barrer” a súa leira de follas cun ramallo de xestas. Así o Xacobe e mais eu, chegamos o coche enchoupados polos lameiros do derradeiro tramo e logo de acicalarnos un pouco fomos en busca dos eivadiños que deixáramos atrás. 

Os atopamos tomando un café que trouxera Sonia nun termo, palicando con membros dunha das asociación que están a procurar a mellora do sendeiro. Tras uns estiramentos e despedidas dirixímonos, por petición miña, a tomar unhas viandas para rematar como é debido a pateada. 

No lugar de Reboreda degustamos tortilla, calamares, croquetas e uns saquiños recheos moi curiosos. A historia foi que ninguén, salvo eu, quería comer moito, pero as viandas esvaecéronse como alma que leva o demo. (Ja, ja sen non os coñecera….) e parecían tímidos.

E así foi como un domingo mais percorremos os camiños, oxixenamos mentes, limpamos o espírito e imos deixando atrás pantasmas, medos e afianzamos mais este proxecto chamado Eivadiños que xa quixeran moitos e moitas desfrutar del. Pois eiquí estamos amijiños e AMIJIÑAS.

Foi un verdadeiro pracer facer a derradeira crónica da etapa Eivadiña do 2012 e contarvos este día. Noutra ocasión contarei mais profundidades do que eu sinto cada vez que acometo unha nova aventura eivadiña.
Grazas comandante Anxo!!

Panette, Moscoso (Río Barragán) 29 de nadal de 2012


E274 Trilho do Castelo das Furnas (Monçao)



Sol, 23 de decembro de 2012

Despois de días de choiva, hoxe… ¡¡¡Fai un sol de carallo!!!

Todo está preparado para unha pequena aventura con algúns “eivados”.

Fronte ao Gallardo, a cita do domingo comeza con café, bolos, etc. Algún avituallamento, e imos aló.

Saímos cara o noso veciño Portugal, eu moi ben acompañada e segura, por mor da garda pretoriana de catro mozos de moi boa presenza, que fixeron as delicias de este fermoso día.

Comezamos o camiño en Taião, aparcadoiro fronte ó cemiterio, ao lado da Casa da Cultura.

A miña garda pretoriana “persoal”, equipada co seu “manual para xoves castores”, guíame polo sendeiro, de monte baixo e pedregal, cun vento forte e frío que non conseguiu desanimar o bo ambiente do camiño.

Xurdiu algunha dúbida cos sinais dos sendeiros e isto ás veces leva a aventurarsesen seguridade (isto é unha das cousas que máis me gusta dos camiños, “Perderme”). Son unha perdida e gústame.

Unha pequena charca, coa auga moi límpida, e unha grea de cabalos salvaxes, foron as nosas primeiras paradas, onde tamén atopamos pegadas, pensamos que de lobos. A man de Alex eran tan grande coma as das pegadas.

Anxo chamounos para ver de cerca unha das formacións graníticas que fannos voar a outros tempos  xurásicos.

¡Grandes pegadas de dinosauros! Parecen os ocos nas rochas. Levounos un tempo analizar que serán, e o resultado é: os collóns dun magnifico Diplodocos (porque as pegadas son grandes e redondeadas).

O vento zoa que dá gusto, pero monte arriba, moi arriba, chegamos ao monumento natural do Castelo de  Boivão, onde paramos para repoñer as forzas, comer e beber, e logo a explorar as rochas (flipantes), covas e outros recunchos que volven facer voar as mentes a outros mundos.

A volta foi mais lixeira e seguimos atopando pegadas de lobos.

Cando xa mirabamos o fin do camiño e co solpor enriba, metémonos, como din en Portugal, “no meio do mato”.

O cabecilla da pretoriana, neste intre, foi Alex, que coas mans e un pau foi abrindo paso entre os toxos.

Pero non atopamos saída, así que dimos a volta e volvemos ate a pista de terra, onde case escapo con dous homes portugueses moi amables ¡¡¡e cun todoterreo!!!.

Pero son unha persoa fiel e leal cos meus compañeiros e fun con eles ate o final do camiño onde estaba o carro.

Creo que en resumo foi un día, sobre todo, no que rin moito e gocei do camiño e da garda Pretoriana que me acompañaba  ou  que eu os acompañaba a eles.

Moitas grazas por deixarnos compartir outro día con vós.

Ate a Próxima. 

Bicos de Nai.

Bego.


E273 Trilho da Carvalheira de Abedim (Monçao)

Sol, 16 de decembro de 2013

O Caminho da Carvalheira de Abedim foia oportunidade perfeita para o arremate da semana.

Para essa matéria, o tempo “ajudou” com uma mão mais bem quase ó pescoço, para tirar-nos do que parecia morrer "afogando na chuva."

A empresa não poderia ser melhor, talvez porque caminhar uma menina com três homems é muito agradável, ainda que, de comum acordo por eles, eu tinha que fazer esta crônica do dia, por unanimidade.

Depois do trabalho da manhã, fiquei com Anxo na Amaquía para ver se os outros companheiros estavam ali. E lá estavam eles, dispostos: um para o café e rir com “a chuli” e o outro, contando o emfarte da ceia do dia anterior.

Falamos edecidimos que iríamos comer arroz antes, tamboril e malandro com panados no Stop, esperando que a chuva dera uma trégua para tirar as nossas mentes cansadas de ficar em casa,mais mesmo que os nossos corpos. Demos boa conta do almoço, alguns mais do que outros, e entre uma conversa agradável e meio copo de vinho da terra, a chuva parou para convidar a duas horas e uns 6 km. de caminho.

Asim já com roupas confortáveis ​​para a ocasião, levamos o carro para onde o Anxo disse, mais não tinha muita atenção no caminho pelo seu cansaço. Resultaba, que o 75% das pessoas que estavamos indo para fazer o caminho já estiveram lá, e no carro eles decidiram que as "Verbas fluidas" serian de mim, e como ja len agora, não com muito sucesso: "vingança". E ja chegamos lá, depois de três rodadas na rotunda para testar se o arroz solidificara em suas barrigas.

Depois de estacionar o carro, a Junta dá Freguesia de Abedim foi nosso ponto de partida.Começamos a  ladeira a cima com uma inclinação que subimos ligeiros, dois dos quatro que compôs o grupo (pelo menos para mim, Panette). Os outros dois companheiros tirabam fotos bem formosas para documentar a nossa tarde.

Entre cogumelos, carvalhos e azevinhos, falar e tirar fotos com muito cuidado pelo Anxo, abordamos a primeira travessia do rio, que, uma vez cruzado, voltamos novamente trás, e posso dizer que, naquele momento, eu pensei que caía de joelhos(eu costumo fazer muito isso).

Depois de isso chegamos a um mais agradável caminho sem ladeira,mais onde se encontra algum “obstáculo”, e ainda que o Anxo e o Xacobe caminhabam com muito cuidado, algums mais que outros -como o Panette e também eu-metémonos na lama. Depois de muito rir (ate chorar, pena de fotos!) eu ja pensaba dizer isto na crônica, se ou se.

E assim atravessamos o rio Gadanha até quatro vezes, e olhamos o Val do mesmo nome desde acima com o céu aberto adiante dos olhos. E en um desses, achamos que na seguinte poderiamos subir para O Castelo Roqueiro (não de rock) da Penha da Rainha (belas pedras que desde a pedreira que lá olhamos, nós pensamos que poderíamos alcançar).

Antes de apanhar o carro, ainda os meus companheiros colheron uns Kakis para o caminho de volta, com a nossa adequada parada em Valença para beber e comer.

O clima se comportou bem, nenhuma gota de chuva caiu nas nossas cabeças pensativas, talvez com frases:"qué é o que voufazer na segunda-feira?”, “as pernas não poden mais!!!”, “qué felizes estamos aqui hoje!”,ou um simple: voltarei!".

Pido disculpas polos erros que cometín no meu portugués de “nivel inicio”, ainda que disfrutéino escribindo tanto coma facendo o camiño “com voçes”. 

E272 Ruta AQA (Covelo)




Sol, 9 de decembro de 2012


Había tempo que procuraba eu unha ocasión axeitada para facerme presente nesta nova xeira eivadinha. Eivadinha sin Z.

Presentouse nesta ponte da constitución así que decidín pórme en contacto co Anxo. Unha camiñada relaxada de tarde de domingo non me viría mal. Tampouco o reencontro nos camiños con xente do meu aprecio.

Logo de almorzar nese lugar que é historia viva de Puxeiros, o Gallardo, popularmente coñecido pol’A Romana, achegueime ao punto de encontro e atopei ao Anxo alí diante dun café. Algo mais tarde aparecéusenos o Xacobe en carne mortal e mais logo a Lorena. Os dous primeiros son antigos, que non vellos, compañeiros de carreiros cos que xa había tempo que non compartía pasos aínda si outras actividades non pateadoras. A outra érame descoñecida.

O Anxo propuxo, e obtivo o acordo xeral de Xacobe  e meu, ir ás partes de Maceira. Eles xa tiñan ido e quedáranlles ganas de volver para facer a ruta completa que non puideran rematar naquela ocasión. Por min, aínda está por chegar o día no que non compense camiñar polas beiras do Tea así que me pareceu mellor que ben. Así que, cando Lorena chegou,  introducímonos os catro no seu Saxo e tiramos millas cara as terras de Covelo. O Anxo quixo botar unha soneca no camiño pero non lle deixamos. Outra vez será.

Chegamos á praia fluvial de Maceira e a min viñéronme á memoria outras camiñadas  e outros tempos cando un feixe da xente, entre os que tamén estaba o Padín, invadimos aquel lugar baixo unha chuvia forte e persistente que nós desafiabamos. Non había chuvia nesta ocasión e o tempo estaba espléndido.

Á ruta puxéronlle o nome de AQA. Eu que sei. Non quero falar dos nomes das rutas senón danme as doce. O caso é que nos dispuxemos ao choio.

O comandante, que hoxe ía mesmo de comandante, -tocado cun kepis verde caqui cunha estrela vermella de cinco puntas na fronte- quería comezar pola parte que eles non tiñan feito pero dado que as marcas e a información non deron para iso optamos por ir polo camiño coñecido, por eles que non por min, coa esperanza de logo conseguir enxergar coa parte que descoñecían. E así fomos indo. Pegamos nun camiño verde como o da cantiga, paralelo ao Tea que bruaba cada vez mais fondo.

Ao pouco abandonamos o camiño para nos achegar ao río baixando por unha ribeira íngreme entre unha densa mata de arboredo autóctono. Ante nós a Poza do Anguieiro, onde o regueiro do Anguieiro colabora a aumentar o caudal do Tea. Unha poza, inmensa, coas augas limpas e transparentes. Pensei que tal vez noutros tempos xa estariamos metidos naquela auga que nos incitaba. Pero foi que non, acababamos practicamente de comezar a camiñada e os corpos aínda estaban fríos. Ou iso ou é que xa foron tempos os de bañarse en calquera situación se o lugar o requiría ou mesmo sen o requirir.

Se non fose porque os que amamos os camiños non precisamos de coartadas, o topar un lugar coma este xa compensa o esforzo dunha camiñada. Non hai ningunha outra maneira de achegarse aquí que non sexa andando. Nin outra mirada posible que a da impresión, mesmo do arroubo, permítaseme a sensiblería.

Desta vez todos eran fotógrafos, menos o que subscribe, así que o lugar debeu quedar convenientemente retratado.

Deixamos o lugar porque tiñamos as horas contadas xa que os días son curtos nesta época do ano e continuamos cara Redondo deixándonos conducir por unha unha levada antiga – as levadas son agasallos para os camiñantes-  que cruzaba a fraga ao longo. Alí decidimos facer un aire a Barciademera seguindo outra levada, outro agasallo. 

Chegamos a unha fermosa ponte de pedra sobre o río Caraño e decidimos que sería boa cousa comer naquel entorno bonito e logo achegarnos a tomar un café na praza de Barciademera.

O rumor da auga baixo a ponte, as pedras desgastadas, un home cun cabalo que se nos cruzou, facíanos recuar no tempo e imaxinar o ir e vir de centos e milleiros de xentes e bestas que terán deixado pegada nestas pedras. As mil historias que a ponte podería contar. Pero a ponte continuaba muda mentres nós dabamos conta das nosas viandas e os meus tres acompañantes fotografaban todo o que existía.

Aínda nos achegamos aos muíños de Portofurado que están alí ao lado e son unha serie de varios muíños que aproveitan a mesma auga. Estes de certo que tamén terían historias que contar se os muíños contaran historias.

Alí decidimos dar volta para Redondo e retomar a ruta pois non dispuñamos de moito tempo e o café debería agardar mellor ocasión.

Chegados de volta a Redondo demos cunha capela e unha escola enfeitados con estrelas de cinco puntas que facían xogo coa estrela representativa do poder popular que ornaba a gorra do noso comandante. Tamén podía ser a estrela da Texaco, como non tiña cor non sabemos.

Houbo foto de grupo nun palco pintado coas cores da bandeira galega e xa iniciámo-lo descenso até outro dos lugares que, como a Meca, hai que visitar ao menos unha vez na vida. Os Pasos de Lourido. Teño pasado por uns poucos pasos de poldras xa, pero así de repente creo que non lembro ningún mais bonito que este nin mellor conservado, e digo conservado, non restaurado.

Como manda o canon o leito do río estaba empedrado o que daba fe do paso de carros. Os esteos, coma dentes chantados no río, estaban desgastados de décadas de pasos, de alegrías e mágoas, de historias que os pes deixan marcadas nas pedras e que os nosos propios pes agora absorben.

Trasposto o río, unha costa beirada de valados cubertos de brión apartábanos do Tea  achegándonos a Lourido e recordábamos que a peste existe. Un bosque de eucaliptos tentaba asfixiar  o camiño. O chan cheo dos restos das cáscaras medio podres destes invasores deixaba ver nalgúns lugares os restos do empedrado e noutros unhas enxorreiras recentes tiña lavado a terra. O pequeno grupo continuaba xa co comandante un pouco eivado, como debe ser para facer honra ao nome do grupo.

Aínda fixemos unha última paradiña en Lourido para admirar as vistas do val do Tea e xa estaban a un tris de apagar a luz no mundo cando chegamos de volta á praia de Maceira.

Logo desta fermosa tarde de carreiros e muíños e levadas e conversas e pasos e regueiros e pontes e fragas aínda lle fomos tomar un café á reitoral de Fofe para que a xornada fose completa e logo o Saxo de Lorena devolveunos á Portela de Puxeiros. 

E así foi ou ao menos eu así o lembro este reencontro cos Eivadinhos nas marxes do Tea, nun lugar antigo coma o tempo, lendo unha vez mais ese libros que se leen cos pés que os camiños son.

 Até outra que nin se sabe cando nin a onde. Tampouco hai que sabelo todo.


Zalo de Paramos. Decembro do 2012


E271 Trilho Corno do Bico (Paredes de Coura)






Sol, 2 de decembro de 2012

Frío e sono. A pesares de que na véspera non me deitara tarde, un caldiño francés (e algunhas verbas e silencios desafortunados), fixera por amolarme a dixestión dos soños, trocáraos en pesadelos, e fixérame erguer cunha coroa de espiñas nos miolos.

Aínda non saíra o sol e eu tiña que saltar pola fiestra, con coidado de non quedar xeado polo efecto dos escasos graos sobre cero que había neste curruncho do mundo. A familia, os da miña sangue, ás veces, poucas ben é certo, piden algún sacrificio, e hai que cumprir sen chiar.

Como recompensa teño coche novo, e o celebro escoitando “Primavera” de The Gift para rachar o xeo da mañá, algo deso consigo, e unha aperta das que funden a cefalea máis persistente e axudan ó sol a incrementar a temperatura.

Con todo recollo ó Cachorro á hora programada e troco de banda sonora, e sen saír de Portugal, troco a Sonia por Fernando, co último traballo dos seus Moonspell, “AlphaNoir”, que ben sei aledaba a mañá ó meu compañeiro do metal.

Xa estábamos a piques de coller a autoestrada cando chamou Panette, que si que tivera troula na noite, ataviado coma un rapaz de “Quadrophenia”, e non tiña clara a convocatoria, e fíxenos agardar un chisquiño por el e chegar media hora tarde á cita que tiñamos na Amaquía, co noso Xacobe.

Ás portas da cafetería de Puxeiros estaba o Industrial, acompañado polo Dúo Mecanizado: Tucho e Ramón, que xa tiñan presa por saír a coleccionar congostras e carreiros (e quizais algún cumio). 

Comezou aquí unha negociación amistosa sobre a dirección, o señor B otas tentounos convencer de marchar cara a Serra Amarela, máis a min semelloume lonxe de máis para as poucas horas de luz que tiñamos, e ademais non sabía se o meu pé, aínda ca fascia dando a lata, aturaría unha ruta “de montaña”.

Así que se falou e ninguén, agás Tucho, outro home de ferro, sentiuse con forzas para secundar ó señor Botas, así que despedimos con apertas e bos desexos, e mentres eles collían esa dirección, nos collemos a da terra onde nacemos coma colectivo: Paredes de Coura.

Acompañáronos  as melodías Moonspel, e tras eles as de DiabloSwingOrchestra, que foron a nosa banda sonora sobre a que discutimos, máis ou menos, sobre a ruta, do feixe que tiñamos documentadas, que escoller para pasar a xornada.

Tanto tiña, porque, isto quizais nos pasa só ós Eivadiños, decantámonos polo Trilho da Boullosa, aínda que rematamos por deixar o coche en Tumio, freguesía de Bico,  para facer o Trilho de Corno de Bico, un dos nosos clásicos.

De vagar partimos cara a fraga, deixando as derradeiras casas atrás, camiñando por corredoiras entre un mosaico de prados, onde pacían un feixe de ovellas coma a que nos estivera mirando con curiosidade (ou con luxuria) a Alex e máis a min, cando deixámo-lo medo nun valado.

Unha frondosa franxa de aciveira fíxonos lembrar as características tan especiais deste lugar, onde poidamos atopar unha variedade arboristica pouco habitual no outro lado da fronteira.

Pese a que non era novidade para ningún este lugar, non podíamos deixar de admirar o inicio da ruta, que a poucos no levou a un dos poucos atractivos arquitectónicos da mesma: a igrexa de Giesteira, construída en 1774.A meteoroloxía semellaba sorrirnos, e comezaron os primeiros disparos (de fogueo).

Paseniñamente damos as costas ó núcleo rural de Giesteira, pertencente á freguesía de Vascôes, e internámonos na espesa fraga de Corno de Bico, onde nos anos corenta, durante a ditadura de Salazar, os servizos forestais do Estado Novo desencadearon un proceso de revalorización forestal nun espazo que, por unha excesiva actividade pastoril, ficaba erma hasta entón.

Por congostras sementadas de follasca, ourizos e cogomelos, que o Miguel vai botando na cesta con entusiasmo, entramos nunha fraga que semella enfeitizada, cos carballos cubertos de brión e os castiñeiros tinguidos de amarelo. 
Sumamos entre os catro un feixe de lembranzas neste carvalhal, como en aquela multitudinaria saída na que nos acompañaron Xurxo e Pietro, Nuria e Habibi, e un bo feixe de Eivadiños, con cadansúa eiva, iso si.

O sendeiro da fraga desemboca nunha pista forestal, onde hai unha bifurcación cara o Alto doEspinheiro, que rexeitamos, e seguimos cara o miradoiro de Corno do Bico, nunha conversa desas que teñen os homes cando non hai mulleres diante.

Aínda rimos un chisco, agardando polo Xacobe cada dous por tres, que ven gañado ten o alcume de “Tripodeman”, e desviámonos un pouco para xantar a carón da Casa Forestal, ata onde chega, aínda que amortecido, o alento do Lourenzo.

O certo é que botamos en falta algo quente, e lembrámonos das lentellas que trouxera en certa ocasión a Fany, da que non temos moitas noticias dende que marchou ó seu exilio africano.

Para que non nos collera o frío demoramos o tempo indispensable para dar conta dos bocadillos, e volvemos encarar a pista forestal, sempre en ascenso, co Alex e o Xaco enfrascados en debates informáticos, Miguel seguindo os rastros dos cogomelos, i eu enfrascado nas miñas saudades.

Conforme gañamos altura adquirimos fermosas panorámicas do Val do Coura, ós nosos pés os núcleos rurais de Vilares, Vencemal, Seara… un espazo humano que dende tempos remotos empregou esta fraga como lugar de culto, de defensa, de liña fronteiriza, de pasto ou de refuxio.

No derradeiro tramo de ascenso outra carballeira enfeitizada, onde aínda demorámo-lo noso, con cámaras réflex, compactas, androides e iphones, pois a variedade de trebellos para atrapar imaxes é ben variada no grupo.

Dende o miradoiro situado no Alto do Corno do Bico, case novecentos metros por riba do mar, adquirimos novas perspectivas non so do Val do Coura, senón tamén dos vales do Vez e do Lima, da Serra d’Arga e mesmo das montañas máis aló da fronteira.

Coma se fosemos montañeiros de “primeira división” facemos foto de cumio, e só nos resta a bandeira para semellalo, e despois mudamos de escenario e continuámo-la sesión fotográfica na torre de vixiancia forestal, pois sóbranos tempo ou iso pensabamos, para o descenso.

A pesares de que teño claro por onde é o camiño correcto, desboto o fácil e levo ós meus compañeiros ó interior da fraga, nun descenso algo accidentado, tanto é así que o Miguel esvara e cae en riba da bolsa de fungos que apañou durante todo o camiño.

Pero semella un sinal, pois uns metros máis adiante atopa un feixe de linguas de gato, e crecendo en semicírculo un mundo delas máis, e máis semicírculos, tantas son que os catro nos dedicamos á recolleita ata encher unha bolas , e despois outra  e outra mais.

A piques estivemos de que nos dera a noite na fraga, pois non acreditabamos tal colleita coma esta. Menos mal que algo se impuxo a cordura, e volvemos coller o camiño que enlazaba ca pista forestal que nos leva ó Alto do Espinheiro,  por onde comeza-lo descenso.

Aínda demoramos algo máis, pois o Panette deixou os seus bastóns atrás, co entusiasmo da colleita, e agardamos por el admirando as serras do Paradanta e da Peneda, esta última cuberta coas primeiras neves, que xa anuncian o inverno, e na aba do monte que atravesamos, a aldea de Travassos, coas casiñas pequechas,  como un oasis de humanidade entre os grandes espazos naturais.

O sol manifestaba a intención de nos abandonar, e tomei outra decisión arriscada, a de internarme outra vez na fraga, xusto no punto onde era ben visible a marca de dirección errada, para trocar a pista forestal pola que descendiamos pola de ascenso, para atallar e coller o derradeiro ramal que nos levaría a Tumio.

A sorte sorriume, e resultou ser un tramo ben fermoso, cunha fraga onde se alternaban os carballos, os abetos e un feixe de especies máis, con regatos e, como non, cunha zona onde abundaban as linguas de gato, que remataron de completa-las nosas bolsas e que fixeron mai lento aínda máis o noso retorno.

A pesares de este feliz atranco non tardamos en desembocar na pista, xusto no desvío de Bico, e algo máis abaixo collemos o de Tumio. Polo camiño cruzámonos cunha parella que mirou de esguello para as nosas bolsas, non sei si considerando un espolio do seu ou unha tolemia nosa. Ser como fora ó chegar ó coche quitamos unha foto co noso botín, ben gardado nunha caixa, e puxemos rumbo á metrópole co ánimo de dar boa conta del, coas melodías do derradeiro disco de Katatonia como banda sonora.

Fixémo-lo en Casa Padín, onde os colleiteiros foron cociñeiros, e onde tamén se sumou a Criatura e a miña familia, que tamén tivera xornada micolóxica e sumaba rovellóns e cantarelus á paparota.

Seguidores