E107 Sendeiro do Eifonso (Vigo)





Domingo, 22 de febreiro de 2009

Pasiño a pasiño vai pasando o inverno, deixándonos un feixe de lembranzas níveas, de humidades compartidas, de soños conxelados, de crises enerxéticas e financeiras, de lonxanos ecos de guerra, de abismos e naufraxios, e a primavera xa está a asomar tralas fiestras, cun sol amable petándonos no peito, asubiando unha melodía hipnótica que nos anima a deixar o refuxio dos nosos leitos, onde fraguamos un pacto de non agresión coas nosas fantasmas.

Abrimos os ollos a outra madrugada no día que endexamais chamaremos domingo, xa que non hai liturxia relixiosa, nin compromisos familiares, nin campionato de fútbol, nin campaña electoral, nin, afortunadamente, espantosa resaca que nos alonxe das nosas aficións, adicións ou devocións (táchese o que non proceda) polos grandes espacios, polos grandes amigos e polas grandes paparotas.

E ó mediodía, sumando máis dun cento de aventuras similares e disimiles, apostámonos a saída da metrópole esperando a orde de partida, que dende as nosas cinco gorxas soan máis como unha invitación, como un desexo, como a unión de cinco vontades. A primeira, a do Alex, entusiasta ata os confíns do imaxinable, que a noite anterior foi quen de darlles unha boa ración de metal os jodechinchos cos seus Aphonnic. A segunda, a do Miguel, que na véspera guiounos polos mares de Pontevedra na fermosa nave Abraio, e fixo salgados os nosos soños. A terceira, a máis nova de todas, a do Samu, que levaba tempo insistindo en concertos e andainas, e tocoulle o segundo. A cuarta vontade, a da Georgia, que estreaba botas para disimular a variación de tonalidades dos seus ollos, sempre dispostos ó sorriso. E a máis cativa, a miña, para pechar este círculo perfecto, propoñendo novos destinos.

Esta xente é boa de convencer, e non pon reparos a cruza-las fronteiras, a internarse no corazón do país ou a descubrir a parte traseira da cidade. Nesta ocasión a idea é adentrarse no cinturón verde de Vigo, nun deses lugares con encanto ignorados pola maioría dos seus cidadáns (dos cinco tan so eu coñecía este sendeiro), e para elo dirixímonos cara a parroquia de Bembrive, escoitando as melodías inclasificables de Mars Volta, para ir espertando. E ben espertos chegamos a Mourelle, onde comeza o camiño, que segue a montante polas beiras do río Eifonso.

Aínda que non todos estabamos igual de espertos, nin de expertos, xa que collín o primeiro carreiro que lle daba as costas ó pobo, xusto no lugar onde aparcaramos o coche, e comecei a subir por el sen decatarme de que estaba levando ós meus por un sitio errado, afastándonos das augas do Eifonso e internándonos na fraga. Menos mal que rectifiquei a tempo e baixamos monte a través ata o noso sendeiro, que discorre a escasos metros do río, polo medio dunha fraga na que abundan os carballos, os castiñeiros e os bidueiros.

Dende os primeiros metros parece que simpatizan o Cachorro e a Mosca, intercambiando impresións sobre grupos e tendencias musicais, e alédome que o meu sobriño tarde tan pouco en integrarse na nosa indisciplina, neste grupo heteroxéneo, nesta suma de vontades que ían descubrindo o trazado que, fai un bo feixe de anos, marcara o desaparecido club de montaña Serra do Suido, ó que pertencían, entre outros, os pais do Samu.

Por un senlleiro paso de pedras cambiamos momentaneamente de beira, tan só para observar un dos muíños mellor conservados da zona, co seu rodicio de metal intacto, e cunha canle de pedra de varios metros intacto, aínda que bastante ameazada polas hedras e por outras especies vexetais que crecen desmesuradamente pola abundancia de auga, entre as que destaca o fento real. Este itinerario semella un oasis na castigada masa forestal dos arredores de Vigo, onde domina o piñeiro ou cando non o eucalipto, e como tal debe ser protexida e coidada polas autoridades municipais.

Outra vez no camiño o terreo ascende levemente, sempre baixo o cobixo da sombra das árbores autóctonas, e non tardamos en acadar outro punto de interese para o noso patrimonio etnográfico, unha pequena pontella de laxas, onde as nosas tropas posan para seguir sumando o noso arquivo dixital, e lémbrome de que fai uns séculos traballei catalogando estas ancestrais pontellas nos ríos Louro e Caselas, xunto cos muíños, lavadoiros e cruceiros que plagan as súas beiras.

O camiño vai afastándose do río, e conforme o fai vai pronunciando o desnivel, arrincándonos os primeiros suores, e o Miguel ponse en cabeza dun xeito contundente, incontestable, certamente campión, axudado na súa progresión polos paos telescópicos. Notase que é o que máis durmiu de todo o grupo, e que é quen de comandalo polo interior da parroquia con paso firme.

Despois de sortear un tramo certamente empinado, que arrinca as protestas dos eivadiños máis novatos, chegamos a un pequeno lavadoiro onde colgan dun improvisado tendal unhas pezas de roupa, e uns metros máis adiante descúbrolles ós meus fieis o curruncho máis emblemático do sendeiro, os muíños da Ferrolana, un dos cales atopase en perfecto estado de conservación. E ó seu carón o Eifonso derrámase nun salto duns cinco metros dende unha laxa de pedra, para continuar o seu curso entre un estreito canón.

Detémonos a fotografarnos diante da fervenza e alédome de que o descubrimento sexa do agrado da tropa, que non pensaban que tan preto da metrópole agochárase un lugar con tanto encanto e descoñecido para a maioría dos seus habitantes. Tamén posamos sobre a pontella que cruza o río uns metros antes do salto de auga, e que vai cara os campos de cultivo de Bembrive, aínda que nós seguimos pola marxe dereita, internándonos nunha fraga de carballos, bidueiros e castiñeiros.

O tramo emboscado lévanos a afastarnos un pouco do Eifonso, pero só un pouco, para acadar a estrada que comunica as parroquias de China e Xapón, quero dicir de Bembrive e Beade, ca Ermida de San Cibrán, que non esperta demasiado interese no grupo. A que si ten interese é a fonte que está ó outro lado do asfalto, e onde é tradición beber un grolo de cadanseu cano, un en forma de demo e outra en forma de anxo.

Algo máis fresquiños, acometemos o segundo tramo da nosa ruta, entre piñeiros e eucaliptos, que pasa baixo os pilares do viaducto da autoestrada. O xigante de patas de formigón sortea o miúdo cauce do Eifonso para que os cabalos de ferro cabalguen aloucadamente, mentres avanzamos paseniño por unha pista forestal que discorre o carón do asfalto, cunha profusión de xestas e acacias ameazando as mallas metálicas que impiden o aceso a autoestrada.

A sombra empeza a escasear e o desnivel a incrementarse, conforme xiramos a esquerda para internarmos outra vez na masa forestal, e cústanos seguir ó Panette, que avanza coma un foguete ata acadar a Fraga, unha pequena carballeira rodeada de especies foráneas, onde se atopa un curioso núcleo rural abandonado. Existen citas sobre a existencia do poboado que se remontan ó século XVI, cando no ano 1528 o bispado de Tui acede a aforar a Gregorio Vázquez o casal da Fraga de San Cibrán, que chegou a contar cun aserradeiro, fornos independentes das casas e varios muíños.

A auga rezouma pola calzada de pedra que da aceso á aldea, procedentes das Minas de Champintiel, encouzadas en 1898. O misterio rodea este lugar xa que se descoñece cales foron os seus últimos habitantes e porque o abandonaron, xa que no principio do século XIX había censados trinta veciños. Tamén consta que foi refuxio dos fuxidos republicanos perseguidos polo réxime franquista, e que formou parte do Camiño Portugués, e que mesmo as tropas francesas pasaron por aquí na invasión da cidade olivica fai agora douscentos anos.

As nosas tropas non están para moitas historias, porque ó pasar A Fraga o terreo faise monótono, ó imperar o eucalipto no monte, e as pistas forestais dan un feixe de voltas, subindo, baixando, llaneando, volvendo a subir, e o Lourenzo está a bater nas nosas costas cunha virulencia inusitada para estas alturas do ano. Así o noso francés cóllenos vantaxe e acomete as derradeiras subidas cun entusiasmo que non compartimos, mentres as queixas de Samu se suman as de Georgia, que xa están a demandar un descanso.

Menos mal que acadamos neste punto o noso obxectivo, a 840 metros sobre o nivel do mar, o Parque Forestal de Beade, onde hai grande afluencia de veciños disfrutando dun día de lecer, xantando ó aire libre en mesas de pedra, mentres os cativos andan a patadas cun balón. Nós tamén temos fame, así que dirixímonos o restaurante que se atopa no interior do parque, que afortunadamente está aberto (eu tiña as miñas dubidas).

Sentámonos á mesa con fame de sete semanas, e pedimos un prato de polbo á feira, dous de chipiróns e catro racións de churrasco de porco con patacas e máis tres chourizos críollos, e para completar o homenaxe decidímonos por un Rectoral de Amandi, do que nos baixamos dúas botellas.

O polbo estaba brando de máis para min, e as racións de chipiróns non eran moi xenerosas, pero co churrasco triunfamos, e inda nos quedou oco para mandarlle uns anacos de tarta de chocolate, flan con nata e algunha galdrumada máis que agora non lembro.

O que si lembro é que despois dos cafés antollóusenos uns chupitos de crema de orujo, pero decidimos tomalos despois de pedir a contar, para darlle a oportunidade ó mesoneiro de facernos un agasallo. E ademais de levarnos vinte euracos por barba, que xa lle chegaba, levounos outros cinco polos chupitos, co que se gañou a nosa promesa de non lle facer máis visitas.

Botamos unha ollada panorámica á ría de Vigo dende o miradoiro, onde conflúen outros dous sendeiros de pequeno recorrido, e durante algúns momentos valoramos a posibilidade de alongar a nosa ruta, pero despois de semellante paparota non están as tropas para facer esforzos extraordinarios, así que comezamos o descenso.

Para evitar volver polo mesmo itinerario polo que subimos abandonamos o camiño do Parque Forestal e adentámonos no bosque de piñeiros por onde baixa un estreito carreiro utilizado para facer descensos de bicicleta de montaña, e que deseguida esperta a cobiza do Samu, que está na idade de facer este tipo de tolerías. O trazado desta baixada ponnos os pelos de punta, xa que mesmo camiñando os nosos xeonllos sofren o seu, xa non quero imaxinar o que sería baixalo sobre dúas rodas.

Non tardamos moito en chegar ós confíns da autoestrada, e seguindo a pista de servicio que vai ó seu carón, entre xestas e mimosas, volvemos enlazar co sendeiro do Eifonso, moi preto do viaduto, onde atopamos unha parella de camiñantes algo despistados. E para despistalos máis abandonamos outra vez a ruta marcada e seguimos de fronte cruzando o río onde é máis estreito, para chegar ó Camiño das Badaliñas, onde atopamos as primeiras casas de Bembrive. Facemos un pequeno tramo asfaltado, pero paga a pena para ter unha visión atípica do Val do Fragoso que se estende ós nosos pés, como un xigante de cemento, cristal e ferro.

Volvemos camiñarpolo sendeiro sinalizado pasando a Ermida de San Cibrán, avanzando pola fraga da ribeira do Eifonso, e cando chegamos ás inmediacións da Fervenza quitamos as últimas fotos na pontella centenaria, momentos antes de que un can xogantín se nos bote enriba, sen que os donos poidan evitalo. Non era fero, por sorte, pero a min deixoume rabuñadas as pernas o moi animal, menos mal que era xogando.

Nos Muíños da Ferrolana facemos outra variante, e pasamos á outra beira por unha pequena presa onde algúns están a punto de mollar os pes, aínda que todo queda nunhas risas. Vemos varias pociñas onde, se quixeramos, poderiamos darnos un refresco, pero a tropa non está pola labor xa que, cousa rara, o sector nudista está en desvantaxe. E por un estreito carreiro entre fentos reais chegamos ó Muíño Grande, o que ten o paso de pedras, por onde volvemos a cruzar para, un cento de metros despois, finalizar a ruta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores