E128 Trilho das Portelas (Ponte da Barca)



Domingo, 12 de xullo de 2009



No Club de Camiñantes aprendín a deixarme conquistar polos camiños e a esquecer a conquista dos cumios, a valorar máis o debagar por congostras, corredoiras e canicouvas, que o destino a onde estes me levaran, gozando cada paso mentres descubría algúns dos infinitos segredos agochados tras cada árbore, pedra, río.

Especialmente con Zalo, alma de toda esta historia que está a piques de cumprir xa unha década, recitei os nomes dos outeiros, aldeas, muíños, fragas, lagoas, e atopei lendas de mouros e de fuxidos, oficios que pensaba esquecidos, tradicións que se remontan á noite dos tempos.

É un patrimonio valioso que non ten prezo o que me deron os bos e xenerosos do CdC, e por iso sinto un orgullo especial cando utilizan ós Eivadiños como vangarda, patrulla de recoñecemento ou grupo expedicionario para descubrir rutas coas que engrosar as súas convocatorias.

E precisamente con Zalo e con Alex, o elemento máis entusiasta das nosas tropas, imos cara á Serra Amarela, despois da pertinente enchenta de arroz malandro, para afianzar as nosas tradicións. Estas terras que nos descubriron os nosos amigos do Casal de Sistelo (lugar mítico onde algún día peregrinaremos) forman parte xa do noso imaxinario colectivo, e a taberna do cego, ou as poldras do Froufe son visitadas nos nosos soños.

Existen varios trilhos sinalizados na zona, pero non son dabondo para colmar os desexos do León de Paramos de traer a súa lexión de fieis por aquí, así que pensa en engadir ó que sae de Germil, chamado das Poças, outro que xa ten medio debuxado na cabeza, e que quere afianzar na nosa compaña.

Chegados a ese enclave montañés deixamos o coche ao carón da súa igrexa, cun pequeno cemiterio adxacente, e cruzamos as súas estreitas rúas onde aínda se escoitan os ecos dos xogos infantís, e constatamos que este pobo esta cheo de vida, os seus campos cultivados e moitas casas restauradas, unha delas como centro de turismo rural.

Dámoslles as costas a Grijo por unha corredoira que se interna nunha carballeira, firme enlamado ás veces e outras discorrendo por un camiño carreteiro, onde atopamos rastros dun antigo sendeiro sinalizado do que non temos información.

Pero o Zalo é un home teimudo, e ós poucos abandonamos o camiño e subimos cara un monte salpicado de penedos graníticos, intentando seguir o rastro dun antigo paso entre un océano de fentos e de toxos. Non temos outra que seguilo, iniciando unha forte ascensión a un outeiro que nos arranca os primeiros suores. Nin Alex nin eu tivemos a previsión de traer auga para a camiñata, e o de Paramos nos alenta a subir a bo ritmo para recompensarnos cun trago cando cheguemos arriba. As panorámicas dos vales abertos polos ríos Vez e Froufe, conforme gañamos altura, van compensando os esforzos da subida.

No alto da portela hai unha cruz metálica inzada nun penedo, esa é a primeira das referencias do noso guía, e a falta de cartas xeográficas, ben poderíamos chamarlle Portela da Cruz. Dende aquí enlazamos con outro camiño carreteiro que discorre entre valados e que vai mudando a paisaxe debagar, carballos, castiñeiros e pedras colonizadas polo musgo, incluso vemos algún cogomelo que non sabe de estacións.

Este camiño achéganos a outro enclave da serra, Cutelo, inzando unha algarabía de cans, onde apreciamos a importancia do cultivo do millo, xa que vemos espigueiros de cinco, seis e ata oito pés, algúns dos cales cruzan as rúas como os que vimos en Oscos. Este pobo ten a meirande parte das casas en moi bo estado, e moitas delas teñen unha arquitectura certamente señorial, incluso caemos na conta de que ten alcantarillado. Tamén atopamos ó noso paso unha grande cantidade de viñas, o que certifica a fertilidade destas terras.

Entre unha morea de campos cultivados que se estende por todo o val, avanzamos, e non tardamos en acadar o terceiro pobo da xornada, Cortinhas, quizais non tan bonito como o anterior, pero dotado tamén dunha cantidade considerable de grandes espigueiros. Alí podemos aprovisionarnos de auga, ao carón dun xigantesco carballo, despois de consumir as provisións que Zalo levaba na mochila, e proseguir a nosa procura dos segredos da Serra Amarela.

Volvemos ascender cara uns montes de pechadas formacións de granito, entre as miradas inquisitivas dun rabaño de vacas barrosâs, as que Alex non dubida en retratar con maneiras de profesional. Ó lonxe as montañas do Gêres parecen estar chamando por nós, pedindo que debuxemos novas rutas para acariñar os seus lombos, máis preto o Muro (1.345 metros), que queda a nosa dereita.

Á nosa fronte unha morea de cabras custodiadas por un par de pastores parece que nos indican o camiño, xa que o Zalo nos dirixe canda elas, por unha paisaxe que pouco ten que ver coa que atopamos a saída de Grijo. Mentres seguimos o rastro dalgunhas mariolas inzadas polos amigos do Casal de Sistelo, para que lembremos que estamos nos seus territorios.

Aquí o terreo está totalmente desarborado, en boa parte do itinerario nin tan sequera hai fentos ou toxos, e aínda así ten unha estraña beleza. Detémonos a contemplala mentres o noso guía escruta nos xendarmes de pedra que temos que atravesar para atopar unha portela que nos conduza ó outro lado. Aproveita a pausa para explicarnos que as portelas son pequenos portos de montaña por onde é máis axeitado pasar dun val o outro, e cando ten claro por onde atacarlle arremetemos a derradeira ascensión. Debémonos dar presa, xa que unha néboa espesa ven cara nós dende o Gêres.

Cando atravesamos a portela comprobamos que tamén ó outro lado da montaña está invadido polo neboeiro e aumentamos o ritmo, xa en pleno descenso, mentres o Alex nos conta dunha montañeira francesa que, fai ben pouco, estivo perdida na serra asturiana durante máis dunha semana. Nós confiamos no Zalo, e o seu olfacto non o traizoa, xa que os poucos chegamos a unha zona que coñece ben, chamada Châo de Lamas, onde pace unha grea de cabalos.

Dende alí, nun claro aberto entre a néboa, vemos o enclave montañés de Grijo1, o noso destino, e emprendemos unha baixada acelerada, a escachapexegueiros, entre carrascos, uces e toxos. Sen dubida o tramo máis difícil da ruta, xa que aquí non hai nin rastro de camiño, e temos que ir con coidado de non meter unha perna nunha fochanca e mancarnos. Cando completamos a baixada do outeiro, chegando a un ribeiro que cruzamos por unha pontella de grandes lousas, o noso guía anúncianos que aquí debería comezar a segunda parte do noso itinerario, xa que pensaba en enlazar o camiño que fixemos co trilho das Poças, pero que con esta visibilidade non paga a pena.

Aledámonos de entrar no pobo a bo paso, xa que as nosas gorxas xa están sedentas dunha boa Súper Bock. Na primeira taberna que atopamos, quizais a única do pobo, e que asusta mesmo o Alex ó ir a pedir as birras, brindamos polo traballo ben feito. Que saiban os do CdC da nosa tarefa...

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Seguidores