E173 Trilho do Monte Carvalho (Valença)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Perdidos do principio ao final.... E no medio, qué??...

Lúa, 14-06-010.

Abría os olliños nunha mañá de domingo relativamente cedo para ser domingo. Era un deses espertares nos que unha non sabe moi ben qué facer, a onde ir, se quedar, se seguir durmindo ( cousa que sabía bastante improbable ), se coller unha toalla e marcharme sen rumbo a unha praia calquera ou se illarme do mundo e sentirme unha estraña, unha descoñecida terrícola que aterrou neste planeta por casualidade e que non tiña ganas de face-lo esforzo de contactar co resto do mundo. Sabendo que podería facer distintas actividades, quedar con estes ou con estes outros, comer coa miña nai, chamar á miña amiga, mesmo embarcarme na nada apaixonante odisea de seguir facendo limpeza no cuarto pequeno da miña casa que eu din en chamar " a caixa de Pandora ", pola cantidade de cousas que teño aí dentro e que por moito que baleire sempre acaba enchéndose de retallos da miña historia. Un deses estraños días nos que unha non atopa conformidade nin soa nin acompañada, nin fú nin fá; normalmente, cando me acontece iso prefiro quedar comigo mesma a ventilar as miñas inconsistencias en solitario, que ninguén ten a culpa do meu talante, pero este domingo, nin iso me tiña contenta, e moito menos convencida.

Así que así, de momento, un cafeciño, polo menos con iso non tiña dúbidas. Deixeime estar coa camiseta que fixo de pixama e deambulei pola miña casa. Agora saíndo ao balcón e mirando que aspecto tiña este novo día, agora escribindo a crónica da saída nómada, agora outro cafeciño..... Nada!!, seguía descontenta, pensei que cada vez tiña máis de humana e menos de alieníxena, este era un comportamento moi humano, o de non saber qué facer, digo, e acabando por non facer nada. Deixeille unha mensaxe a Anxo dicíndolle que cando espertara ( xa sabemos das nocturnidades deste Anxo ), me dera unha perdida para saber que plans tiñan os Eivadiños, lle dicía do meu estado dubidoso, como anunciándolle que nin eu estaba segura de se ía convencerme algo, tanto se tiñan plans coma se non. Tamén pensei en chamar aos Sudando Botas, pero pensei que hoxe eu non estaba para camiñares exploratorios, en realidade, non sabía para qué estaba exactamente.

Eran as once e media pasadas cando me chamou Anxo, os Eivadiños quedaran no lugar de costume ás doce e cuarto. Vaia panorama!!. Eu en pixama, en Cangas, e tiña corenta minutos para chegar ao punto de encontro, tiña que tomar unha decisión XA!!, e sen pensalo, porque se o penso non vou, metinme baixo a ducha e vestinme de camiñante a toda mecha mentres facía unha chea de cousas ao mesmo tempo : lava-los dentes cunha man, enviando unha mensaxe a Xurxo coa outra (quedara con el en que lle diría o que ía facer...), mentres pola outra banda o cerebro andaba a pensar en que tiña que meter isto na mochila ou isto outro, que se levaba cartos, que non me ía dar tempo a facer gasolina, que se manda carallo coas miñas indecisións para agora correr coma unha tola, que se........ Polo menos, nesta nebulosa de inconsistencias domingueiras, unha sentíase tranquiliña, xa que ía ser un día de inconsistencias, polo menos sé coherente contigo mesma, neniña, o menos que podes facer é darte conta diso....

Din chegado ás doce e cuarto pasadas un chisquiño, que a min non me gusta nada que a xente estea a esperar por min, coa tranquilidade de que polo menos non fun a derradeira en chegar, o Anxiño aínda non chegara. Pero aí estaban os Eivadiños cos que ía compartir xornada : Yuka e Ramón (despois de todo ía compartir con Sudando Botas!!), Xurxo, Xacobe. Iolanda e máis eu chegamos por igual, aí viña un Eivadiño que levaba tempo sen asomar, Xaime, alias a Criatura, coma o chama Anxo. Alex viña un pouco despois cargadiño de bolsas, e alá ao lonxe xa asomaba a figura de Anxo cruzando o paso de cebra encamiñándose cara a nós. Faltaba Georgina, que chegou cando os demais xa estabamos repartidos nos coches e colliamos rumbo ao Stop, alí sabería o noso destino camiñante deste domingo dubidoso que xa estaba empezando a deixar de selo si ou si (pensaba eu!!, pero se ve que eu non era a única perdida neste día!!...).Dez Eivadiños aventureiros, qué nos depararía o día??.

Momento sublime no Stop coas decisións culinarias, o arroz malandro sempre é o rei pero se ve que xa sabemos ben todos das súas consecuencias cando estamos a patear, jajajaja...., así que hoxe perdeu o partido por goleada masiva. Seis pediron arroz tamboril e os outros catro repetimos menú lixeiro, unha pescada con ensaladilla rusa e unhas verduriñas que saben a gloria do ben que as cociñan. Mentres comiamos souben do noso destino, ai que ben!!, non sería moi lonxe, aí mesmo, en Valença, Yuka e Ramón propuñan unha ruta acabada de marcar, apenas había un mes, non moi longo, duns 11 kms, na parroquia de Silva. En apenas vinte minutos xa estabamos no noso destino, iso me tiña contenta, non tiña eu moitas ganas de trasfegar no coche neste día. Cando chegamos á Igrexa de Silva, polo visto o roteiro saía de aí, había preparativos de festa, claro!!, era San Antonio. Parecía unha xuntanza gandeira, os paisanos do lugar ían traendo as vacas, os tenreiros, e ían atándoos ás árbores e levándoos a unha superficie de terra habilitada para a festa. Aí había de todo pero sinais....., desas non había nin unha!!. Percorremos os arredores buscando, Yuka mapa en man recorreu todo o perímetro, eu collín polo outro lado, cara á estrada. Nada, nin unha triste marquiña, aínda que fora vella e despintada. Non sabiamos moi ben qué facer, Yuka considerou por un momento ir a outro destino pero alí a xentiña xa estaba cos preparativos de antes de patear, que si estiramentos, que si poñéndose as botas, comprobando as mochilas. Decidimos ir a aventura, e se tal, inventar o camiño. Así que empezamos a camiñar con Yuka como abandeirada e capitana da expedición, que para Capitana Pechabares xa tiña o título Georgina, como a deu en chamar Anxo agarimosamente.

Empezaba ben o conto!!!. Non levabamos nin vinte minutos de pateada e xa estabamos perdidos, bueno!!, en realidade xa empezamos perdidos. Veña volta atrás!!. O Alex hoxe non estaba para moitos retrocesos, e pedía por favor non sei o qué, porque xa estaba alí e iso non tiña volta atrás. Ánimo Alex!!, lle dicía eu. Fixemos algo moi curioso que Iolanda deu en chamar unha rota de pequeno recorrido, circular, iso si; o tema é que fomos a parar a unha finca e literalmente, o que fixemos foi rodeala para volver a saír, jajajaja. Se ve que hoxe non se levaba nada ben iso de volver para atrás, se hai que volver se volta, pero cara adiante, así que aí andaban dez pipiotas con cara de parvos rodeando unha finca para volver ao mesmo punto. Yuka dicindo : lo siento, lo siento....., e o Anxo dicindo que non nos meteramos con ela. Seguimos perdidos, por suposto. Metémonos entre máis fincas, chupamos asfalto a tutti plen, pero nós, ala!!, para adiante!!. E para adiante iamos, esa é a verdade, o roteiro íase facendo, accidentado, si, pero a cousa ía para adiante. Atopámonos a dous rapaces que viñan entre fincas e preguntámoslles por unha saída á estrada. Un deles díxonos: se me seguen....., e ala!!, Yuka pasou a ser guiada tamén por dous raparigos moi amables que nos capitaneaban entre fincas ata non sei onde, porque para esas alturas eu xa non sabía onde estaba nin quería sabelo. Pasamos por un muíño restaurado convertido en vivenda, precioso entorno. O rapaces pedíronlle permiso ao dono, que estaba sentado comodamente á sombra, parecía un rei satisfeito no seu palacio, eu tamén estaría con esa expresión se esa casa fose miña, mirando divertido coma eses dez pipiolos perdidos seguían a dous rapaces que parecían saber moi ben a onde ir. Dende fora iso debía ser unha escena cómica e extravagante, coma fora de guión. Pero veña!!, qué é Eivadiños sen estas aventuras??, isto era a salsa mandinga da historia Eivadiña. A verdade é que todos tiñamos os talantes ben conformistas neste domingo no que o calor tamén acompañaba.

Os rapaces nos deixaron na estrada e seguimos camiño. Pasamos por Casa Gonçalo e todos tivemos un recordatorio para o noso Gonzalo, sempre presente por unhas cousas ou por outras o de Paramos, e tamén pasamos por un bar con terraza, con cartel de xeados, e pechado!!, merda!!, iso non é de lei, ter diante semellante tentación e ter que pasar de longo, cómo a vida mesma, eh??, para que digan que nos camiños non se aprenden leccións!!. Ascenso cara a non sei onde, pero mentres o saiba Yuka!!, e cando rematamos de subir, alegría!!!, un bar no medio do monte!!, se é que estes portugueses teñen esas cousiñas, no pobo non, pero no monte, pois si!!. A sombra dunha sobreira nunha mesa de pedra bebín a cervexa máis rica que probara nos últimos tempos, si señor, sóubome a líquido máxico e reparador. O Xacobe andaba entretido facendo fotos e queixándose da luz que había hoxe, noutra mesa, Iolanda e Xurxo mantiñan unha conversa que parecía moi amena, os dous enleados no diálogo alleos ao resto do mundo. Yuka andaba ás voltas co mapa, eu creo que hoxe Yuka non se decatou moito in situ de por onde ía pisando, pero ten que ter ese mapa resabido e rexistrado na súa memoria a longo prazo para sempre xamais de tanto que o mirou. Ramón tamén andaba facendo fotos por aquí e por acolá. O Alex seguía esfurricado, Xaime parecía levalo moi ben a pesares de levar un tempiño sen saídas Eivadiñas, o Anxo semellaba feliz da presenza de Georgina compartindo pasos, e en xeral, todos pareciamos ter asumido que non sabiamos onde estabamos, cando chegariamos aos coches, pero tampouco pareciamos desgustados coa idea de sentirnos perdidos, ou sexa, confiabamos plenamente en que a metade de Sudando Botas polo menos si que o sabía, porque a outra metade hoxe tamén estaba a deixar que Yuka levase o temón deste peculiar barco montañés, que de mariñeiro non tiña pinta ningunha.

Seguimos ruta. Acabamos na civilización de novo, pasando outra vez polo bar pechado, que seguía aí, a rirse de nós coa súa terraciña e o seu cartel de xeados, pero agora xa non importaba tanto e pasei por diante del cun sorriso de chínchate!!, que eu xa bebín a miña cervexiña!!, coma se unha cousa aí posta, inanimada, puidese entrarme ao trapo, pero deben ser as tolerías camiñantes, que habelas, hainas tamén. Atopamos unha casa co número 666, o número da besta, e Anxo animou á Criatura a posar para unha foto e deixar inmortalizado ese momento anticristo, moi tenebroso o día non estaba, sinceramente, lucía Lorenzo con ganas e Xaime debatíase dubidoso de si posar coas mans estendidas boca abaixo ou como facer para darlle tenebrosidade ao asunto. Aí quedaron el e máis Alex co tema mentres os demais seguiamos rota. Atopamos tamén un cereixo cargadiño dos deliciosos froitos e algúns se empoleiraron na árbore para comer nelas, un pouquiño máis abaixo atopamos dous máis e o resto fomos dereitiños a por eles. Qué festín!!, que boas e doces estaban. Cando os da árbore de arriba quixeron, se pasaron para a de abaixo para seguir, vaia estampa de rouba froitas!!.

Cos bandullos cheíños de cereixas fomos dar cun tramo do camiño portugués que remataba en Valença, aínda andamos un bo treito por el ata que collemos un desvío ata Silva de novo, onde tiñamos os coches; de repente chegaron as presas pois algúns tiñan que estar en Vigo ás oito, así que lle metemos o turbo ao final, coma case sempre. Parece que esta ruta de dez camiñantes perdidos antes, durante e despois, finalmente tiña bo remate. Seguramente inventamos un roteiro novo, do que estaba sinalizado chegamos á conclusión de que tal vez o estará algún día pero non era este día precisamente. Chupamos sol, calor, fincas sen saída e asfalto para dar e tomar, pero eses momentos perdidos, resultaron ser momentos para nada perdidos, senón que son momentos para darte de conta de que en realidade, acabas atopándote. Nas conversas, nas risas, nas tolerancias, nos cansazos, na convivencia entre amigos, todos da súa nai e do seu pai, pero facendo familia. Digo eu, que ben paga o perderse para atoparse con iso.

Para a volta, Iolanda preferiu vir no coche de Yuka e de Ramón, que non se fiaba un chisco da velocidade que puidesen levar os que tiñan que estar en Vigo ás oito. Alá nos deixaron no concheiro para recoller os nosos coches, eu aínda tiña o regreso ao Morrazo. Todas as miñas dúbidas da mañá estaban fora de combate, finalmente esa foi a miña elección, perderme cos meus amigos para atopar un nivel vencellante máis sólido e forte. Agradecida dos momentos compartidos con todos eles.

Eivadiños, unha máis. Así o vivín e así é como volo conto.

Salo.

1 comentario:

  1. Ha sido un placer leer esta crónica. Tan cercana me he sentido que, por momentos, parecía yo misma, igual de humana o de alienigena, pero mecida por el dulce devenir de las palabras, tan bien narrada esta jornada.

    Agradecida, yo también, de haber compartido esos momentos, aunque sea en diferido.

    Gracias, "unha máis", Salo. Gracias Eivadiños.

    ResponderEliminar

Seguidores