E270 Ruta da Pedra do Lobo (Covelo)


Sol, 25 de novembro de 2012

Consumidas as horas da noite en celebrar as cousas pequenas que a vida pon ó meu alcance, e que tento non desaproveitar, cun balbordo de cómplices e confidentes, de negacións ó inverno e fitas ás doutrinas neoliberais, fago unha acrobacia, algúns dirán (se me viran) sen moita graza, e chimpo pola fiestra para, coa axuda do paracaídas feito con retais de pegadas que levo sempre na mochila, aparecer sentado na mesa de Amaquía, centro de operacións (e conspiracións)  sendeiristas, que as veces semella o Rick’s Café de Casablanca.

Partillando periódicos e croissants, improvisando unha folla de ruta, ríndonos da nosa propia sombra, agardando que a climatoloxía bendiga o noso devagar entre frouma e follasca, que nos deixe atrapar un rabo de nube sen mollarnos, e nos permita papar un bocadillo mediterráneo enriba dun penedo seco ós tres sudamaiscuncan(nós) que nos xuntamos na fronteira dos concellos de Vigo e Mos (xunta-Mos, claro).

E tres eran tres, e seis eran os pés, aínda que hoxe non falaran, Sonia, Miguel e Anxo, sen outro obxectivo que darlle valor a outro domingo, como fan outros co campionato de fútbol ou de fórmula un, cas cerimonias relixiosas ou as festas gastronómicas, todo moi respectable para quen guste da manada.

Así saímos en formato de trío, comentando o bo ánimo da pequena rapaza loura que nos forneceu de víveres (que sempre nos chama “chuli”), e algo máis que, sinceramente, non acado a rexistrar, pois na segunda curva o meu señor Morfeo reclámame ós seus dominios, e boto una soneca por fascículos que nos leva, un pouco polo aire, onde o mundo se chama Covelo.

No mesmo centro da vila do Paradanta, atopamos unha sinalización da ruta da Pedra do Lobo, para que non teña que exprimir, coma se fora unha laranxa, a memoria, e non tardamos en estacionar a carón dunha fermosa casa de pedra, no lugar de Fontán, desas que, na miña terra din “debe ser dun pobre”.

Unha triada de cans sáenos ó camiño, co que tocamos, can-do menos a un trabazo cada un, menos mal que o dono das bestas chamounos á orden, e acougaron, non fose a utilizar o home a viga de ferro que levaba ó lombo como elemento de disuasión.

A primeira visión do sendeiro, habilitado pola Comunidade de Montes de Santiago de Covelo, o primeiro impacto, é a fermosura do río da Ponte Piñeiros, que cautiva tanto ós que xa estivemos aquí coma os que non: entre freixos, salgueiros, amieiros e bidueiros o río vai brincando, deixando un regueiro de seda, que tento atrapar na miña caixa escura sen demasiado éxito, por certo, que semella que pouco aprendín ó carón do meu mestre Anxo Rial.

Agora si que veñen os primeiros suores, e comezan a sobrar as roupas de abrigo, acometendo un desnivel que será a tónica xeral dos primeiros quilómetros.

O Miguel, lembrando as semellanzas coas fragas do Courel, tamén fai memoria pensando na derradeira vez que estivo aquí, aínda sen decatarse que foi na saída numero 192 dos Eivadiños que estivemos aquí con dous históricos do CdC, Nacho e Mónica, entre outros (repáseme a historia, señor Panette). 

Seguimos as pegadas vermellas do lobo ata unha área de descanso con poza invitadora e muíño fermoso, un deses lugares que, se aínda non fose cede, apetecen para xantar. E aínda tivemos tempo para as adiviñas:

“Anda é non ten pés, come é non ten boca, canta comida lle dan, toda lle parece pouca.” Ou, “Máis de mil señoritos entraron por un burato, colleron nome de femia e perderon o nome de macho”.

Cruzamos a Portagrela por unha pista que, a  poucos, vaise estreitando, para dar a un outeiro desarborado que, non por isto deixaba de ter a súa beleza. Aquí xa Miguel dálle por mostrar  músculo é marca “ritmo eivadiño”, e lévanos polo Camiño da Fonte dos Bidros a trote cochinero, e mesmo semella que o tipo non pisa a follasca, senón que pasa voando por riba dela.

As panorámicas dos montes da comarcas máis pretas fannos recitar, non sei se con acerto: Suido, Galleiro, Castelo de Cans, Budiño, Aloia, Galiñeiro… e pronto esquecemos o desnivel que acometemos, aínda que tamén o Panette, que ten o día cachondo, vainos relatando o quilometraxe, a velocidade, e ata nos ensina a liña que debuxamos no mapa coas nosas pegadas, grazas ó seu jipiese.

Ó chegar a Fonte dos Bidros subimos polo regato que lle da nome, onde a fraga adquire a súa faciana máis máxica, cos carballos e castiñeiros cubertos de brión e o chan alfombrado de ourizos e follas. Baixo elas atopase un tesouro, que eu fotografo distraído ata que, outra vez o Miguel, o descobre: un feixe de linguas de gato, que se dispón apañar coa axuda de Sonia.

Aínda demoramos un tempiño, mentres facemos recolleita de fungos, aínda que eu me adianto un anaquiño ata a Braña de Chan de Lodoso, un humedal  que ten un hábitat característico, é que aquí chaman popularmente “Porcas preñadas”, onde incluso danse especies tan curiosas como a Orballiña, unha planta carnívora. Os meus queridiños non tardan en reunirse comigo, co se botín ben protexido na mochila, e xuntos internámonos nun piñeiral rubio, onde non tivemos a sorte de ver o curioso bicotorto, que seica gusta dos piñóns desta especie non demasiado común na nosa terra.

Enlazamos outra pista forestal, entre piñeiros rubios e algunha mancha de abetos, nos que descubrimos un verdadeiro xardín de amanitas, e non sabemos moi ben como chegamos ata a estrada de Ponteareas á Cañiza, nas lindes de Fontefría, e teño que tirar de memoria, outra vez, para dar co camiño certo, o que esperta algún comentario xocoso de Sonia, que xa se vai decatando de en que compañías anda.

Tirando da memoria, e con algo de axuda do jipiese, volvemos á ruta, e pouco a pouco a fame vainos obrigando a considerar a opción de deter a marcha e xantar, aínda que non atopamos un lugar axeitado ata que chegamos á Branda da Porta do Boi, outra do tipo de “porcas preñadas”, e o seu carón, sentados nunha pedra, damos conta dos víveres mercados en Amaquía.

Xantamos cadanseu bocadillo, moi pretiño da branda, e non puiden evitar a lembranza das brandas de máis ala do Minho, que deron lugar a unha peculiar forma de vida, como a que tivo o bisavó de Castro Laboreiro, José Esteves. 

Tamén dispares son os debagares de Sonia, Miguel e Anxo, mais iso non é impedimento para que mesturen as súas pegadas, atrapando rabos de nube, cogomelos ou momentos coma este, no que gozan de algo tan sinxelo como comer calquera cousa no medio da natureza. 

Despois desta parada obrigada volvemos ó camiño, entre a espesura do piñeiral rubio, onde se agochan os tesouros que o Panette vai atopando, mentres Sonia mais eu botamos unha batalla utilizan as pequenas piñas como munición (ata que levo un pau na caluga e finxo rendición).

Aos poucos  dámoslles as costas ó bosque de piñeiros, e entre un mar de fentos chegamos á Fonte dos Bidros, onde rematamos unha das partes do oito que forma a ruta da Pedra do Lobo, aquí baixamos por un dos tramos máis fermosos, salvando un pequeno desnivel, con árbores cubertas de brión e o chan alfombrado de ourizos e follasca.

Os meus amigos, cun algo de sorna, exclaman: “A que sitios bonitos nos traes”, i eu amago con cobrarlles algún día, aínda que polo de agora me conforme cos seus sorrisos como pago.

Xa estamos na volta, e o sendeiro lévanos outra vez ó río, que atravesamos por unha pontella de pedra, entre amieiros e carballos. Pola outra beira adquirimos unhas panorámicas excelentes dunha boa parte do traxecto recorrido. O Miguel insiste en manter o “ritmo Eivadiño” e nós imos seguindo o seu rastro, coma se fóxemos chiricahuas.

O meu pe esquerdo xa comeza a chiar, coma un paxariño engaiolado, e aproveito as pausas do recolledor de linguas de gato, nunha corredoira con paredes vernizadas de brión e couselo, para coller folgos e non ter que facer os derradeiros metros á pata coxa.

Cruzámo-lo regato, e pasiño a pasiño damos co Castro, que visitamos aínda que este se atope soterrado, para recrearnos nas vistas e cantar vitoria, o jipiese marca preto dos dez quilómetros, e o reloxo case catro horas de marcha.

Xa no coche, entre estiramentos e mudas, unha última sorpresa: un deses crepúsculos que semellan imposibles e que, por suposto, fannos disparar como francotiradores serbios, abraiados por esta efémera fermosura.

Eu aínda boto unha sonequiña por fascículos, mentres soan os Smashing Pumpkins, unha das miñas bandas sonoras máis recorrentes nos noventa, ata chegar a Mondariz-Balneario, onde recalamos para tomar algo quentiño, polo menos eu que tomo un chocolate e Sonia que lle manda un café con leite, mentres o Miguel aposta por un refresco de cola.

Detrás nosa unha parella nova, ben parecidos os dous, aparvados pola caixa tonta, sen dirixirse a palabra, que nos motiva un debate posterior sobre os xeitos máis absurdos de desperdiciar unha tarde de domingo.

A nosa, penso modestamente, quedou chea de contido, e aínda lle de pulos ó principio da semana, xa que as setas habían de consumirse nos primeiros días, e era a escusa perfecta para troulear. Non houbo tal para min, pero de seguro que non perdoo a próxima.


2 comentarios:

  1. Votamos ós caminhos, voltamos á vida. Grazas amiguiño

    ResponderEliminar
  2. Hermosa ruta y mejor compañía. "A qué sitios bonitos nos llevas, Anxo". La ruta de las setas...

    ResponderEliminar

Seguidores