Sol, 13 de outubro de 2013
Din que o home é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra, máis eu semella que son animal de máis, pois son moitas as veces que tropecei, erguerme e volver caer todo en un, e así tócame espertar naufragando nun leito mesturado de efectos secundarios, que non vou a enumerar pois son ben coñecidos.
A desculpa, sempre ten que haber unha e se non se fabrica, foi o concerto dos Aphonnic, onde presentaban o seu último (que non derradeiro) traballo discográfico, “Heroes”, once cortes de carnicería fina, que houbo que celebrar por todo o alto, na compaña dun feixe de Eivadiños que, precisamente por iso, hoxe non me requiriron ao mediodía, tal é como facían con algo máis de entusiasmo no pasado.
Máis sempre hai algún motivo para erguerse, e botar na mochila catro porsiacasos (que desta vez foron máis que insuficientes), unha ducha reparadora e poñer a roupa de combate (aínda que me equivocara de guerra, ou mellor dito, de estación). O motivo foi Sonia, que semellaba non acusar efecto secundario ningún da véspera, e estaba disposta a seguir sumando convocatorias a este proxecto que, as veces, semella durmido e outras, como na recente expedición ós Pirineos, semella rexurdir con forza das cinzas, co espírito que naceu nas terras da Travanca.
Fixemos plans a carón dun café, como é pertinente, na Portela de Puxeiros, onde comezou a poallar con insistencia, e tanto insistiu que o ceo semellaba ameazar con non darnos tregua, máis non era a primeira (penso que tampouco a derradeira) que os Eivadiños volvémonos aventureiros nas condicións máis adversas, así que decidimos probar sorte ás beiras do Lérez, moi preto de onde Sonia tivo o seu bautizo nesta empresa sen animo de lucro.
Cinco anos despois daquela expedicións solitaria, na que mitiguei as miñas ganas de matar, e esas cousas do destino (ou por algunha estraña alquimia) no camiño cara as terras de Pontevedra soaron idénticas melodías, co bo facer de Jonas Renkse e os seus rapaces, que fixeron adelgazar as miñas idades, aínda que non contribuíron nadiña para que deixase de chover.
Unha tregua enganosa deunos confianza o chegar a Ponte Bora, onde o Almofrei xunta as súas augas cas do Lérez, e saímos dalí camiñando co bo ánimo, buscando a ribeira salvaxe que se abre unha vez cruzar o río, alí onde en febreiro de 1809 os patriotas galegos de Cotobade, Peñaflor, Terras de Montes e outras parroquias próximas liquidaron a media centea de invasores franceses, acuartelados en San Xurxo de Sacos, Borela e Tenorio, nun deses episodios de bravura que agora semellan, dada a natureza sumisa deste pobo de ananos, cousas doutras xentes e doutras terras.
Semellaba que tamén nós tiñamos que librar unha batalla, pois en canto acadamos o sendeiro de pescadores da marxe dereita, no sentido da corrente, decatámonos de que a continua carreira de obstáculos que é a vida tiña alí un bo reflexo, a follasca agochando as raíces traizoeiras, árbores derribados polo vento ou polo paso do tempo, que nos obrigaban a dobra-lo lombo ou a facer equilibrios sobre os troncos abatidos, e un mollaparvos que xa se facía insistente e que pronto nos obrigou a botar man das poucas prendas de abrigo que meteramos na mochila, e que pronto se mostraron insuficientes.
A nosa mellor arma resultou un paraugas, que unhas veces foi utilizado como bastón ou como machete, e outras fixo honra o seu nome, algo non moi ortodoxo na doutrina eivadiña, máis e ben sabido que as regras fixéronse para romperse. De tódolos xeitos, eran moitas as ganas de camiñar, e a fraga de ribeira, pese a presentar algunha dificultade para avanzar, estaba fermosa de máis, a carón dun Leréz bastante minguado que mostraba algúns dos segredos do seu leito. Entre freixos, bidueiros e salgueiros avanzamos co sabor da aventura nos beizos, sentindo que estabamos nunha selva, pois o sendeiro ameazaba con pecharse cunha barreira de acacias, loureiros, fentos e silveiras, que tamén axudaban a empapar as nosas roupas algo desaconselladas para a ocasión. Comezou a crecer en nós a tentativa da derrota.
Foron insuficientes as roupas, máis aceitadas para un paseo primaveral, foi insuficiente o paraugas, pouco operativo entre a tupida vexetación de ribeira, e foron insuficientes as miñas lembranzas do terreo, pois se ben tiña o recordo dunha ponte metálica que nos permitiría acadar a outra beira e regresar a bo paso polo camiño da tubaria, este non daba aparecido, mentres a chuvia arreciaba e o sendeiro se pechaba.
A miña compañeira perdeu a fe, e a piques estivo de perder a paciencia, i eu mesmo chegue a pensar se non sería mellor dar media volta en medio de aquel diluvio… pasamos unha pequena praia, cun refuxio de Robinson, un extenso canaval de bambú, unhas casas en ruínas, e todo semellaba novo para min, estaba máis perdido cun polbo nun garaxe, aínda que tentaba que non se me notara para que non se espallara o pánico.
Pero non choveu que non escampara, aínda que neste caso non axudaba nin o refraneiro, e finalmente divisamos a estrutura metálica que cruza o Lérez, preto da estación de bombeo de Monteporreiro, onde vivín algunha aventura nos meus tempos de adicto ás augas brancas.
Algo aliviados de iniciar o camiño de regreso, apurámo-lo paso polo camiño ben acondicionado que discorre a carón da tubaria semi-soterrada, parolando das moitas veces que pasei por estes lugares, cos meus eivadiños e sobre unha embarcación, e aínda antes de todo isto, cando nin escoitara falar do Club de Camiñantes, onde mudou a miña visión dos camiños, grazas a xenerosidade e sabedoría do meu querido Zalo de Paramos.
O territorio de aventura da outra beira trocou nun camiño de firme regular por onde avanzamos sen problemas, podendo incluso partillar o paraugas e unha empanadilla de Amaquía que comemos en minorar o paso, pois moito era o resgo de nos arrefriar se o facíamos.
Non había perda posible por este camiño, e non tivemos dificultade en descontar os poucos quilómetros que nos restaban ata Ponte Bora, agás os derivados das inclemencias meteorolóxicas, ca que ao chegar ao coche estábamos algo máis que mollados, aínda que satisfeitos da nosa pequena aventura, pensando en moitos que, nestas circunstancias, no se atreveran a saír da casiña.
E así foi, e así volo conto, aínda sen saber moi ben a quen carallo lle pode interesar, agás os que a vivimos, esta pequena aventura dominical tan preto da cidade. So resta dicir que a pouco imos cumprir as trescentas crónicas, e que se non hai porposta mellor celebraremos o apocalipsis moi preteo, tamén nas terras bañadas polo Lérez, quizais sexa aquí onde se peche o noso círculo…
Eu ese dia rin e tambén asusteime de que non chegaramos. Mais foi unha bendición de dia...na mellor compaña ainda que foramos dous aventureiros...fermosa ruta e soleada xornada ainda que chovera. Eivadinhos forever!
ResponderEliminar