E79 Sentiero di Calvelluzo (Val d’Agri)



Mércores, 16 de abril de 2008

Mastigando os derradeiros soños, co sabor das cereixas colonizando o ceo da miña boca, cunha enredadeira de tenrura unindo as metades do meu corpo, completando un arma de destrucción masiva de nostalxias. Abro as fiestras do corazón e en elas entre o vento fresco das montañas lucanas, os bicos diminutos da miña fábrica de motivos e as láminas douradas da primavera. Así me levanto con ganas de ser conquistado, con que esta xeografía siga tatuando os seus releves nos surcos da miña carne, e me faga sentir terra, para abrigar as raíces deses soños que aínda reteño entre os meus dentes.

Equipado para un desafío dun maior alcance, sen dubida esaxerado nas miñas previsións, acompaño á que xera os meus sorrisos ata o centro loxístico das súas xornadas obrigadas, e descendo o outeiro sobre o que se asenta a poboación marsicana, aínda refuxiada nas paredes vernizadas con invasións e terremotos.

Ó meu paso levanto unha algarabía de ocas, corvos e cans, sorprendidos da miña irrupción nos seus pequenos reinos, dando as costas ó pobo como un bandido, de madrugada e pola porta traseira, a que conduce ó estreito cauce do río Agri, en dirección á enorme parede da Diga, unha enorme cubeta hidrolóxica que, sen embargo, non teño intención de visitar.

Sobre a miña cachola, na que aínda son visibles as edras dun feixe de caricias, navega unha flota desordenada de nubes que miro con desconfianza, porque non me tomei a molestia de consultar o parte meteorolóxico, e non sei se veñen en son de paz ou en pe de guerra. Non debería ser tan desconfiado, non neste territorio amable no que me interno, por un dos seus pulmóns, porque na cúpula celeste desenrolase un mural de matices infinitos, e teño a sorte de atrapar algúns coa miña memoria dixital.

Os primeiros metros de desnivel conseguen arrancarme un manancial de gotas perladas e, como consecuencia, tamén a pel de laranxa que me cubre remata engulida pola mochila. É a terceira vez que me interno nesta fraga enfeitizada e xa a sinto parte do meu imaxinario particular, desa xeografía emocional que non está composta só de persoas, senón tamén de bosques, ríos, vales, montañas.

Recoñezo os camiños como se aínda as miñas pegadas fosen visibles, e mentres me alonxo do encoro as miñas pupilas espertan as alertas ó incógnito, a esa franxa na que aínda non me aventurei e que me conduce ata o derradeiro núcleo habitado, ós pes dunha formación rochosa cun topónimo con certo misterio. Nas fontes que consultei antes de iniciar a viaxe atopei referencias ó Monte San Donato, que me propuxen como obxectivo, aínda que non será ata o meu regreso que comprobarei que non é este cara o que camiño.

A pesares de non poder aseguralo cos poboadores da outra beira da Diga, para os que o nome da montaña non ten demasiado interese, o satélite permitiume localizada e atopar o seu nome, Calvelluzo, e a súa altitude, 1699 metros sobre o nivel do mar. Pero estes detalles non teñen importancia cando chego ó pequeno enclave de Camporeale, que semella un pobo fantasma, xa que nin tan sequera atopo cans que me ladren, aínda que para non tentar a miña sorte decido desestimar a estreita estrada que o atravesa e internarme nun camiño que se dirixe cara os xendarmes de caliza, paralelo a un mosaico de prados e campos de cultivo.

É imposible resistirse ó feitizo que exercen estas paisaxes sobre min, e teño que determe cen veces, máis que para recuperar o alento co desnivel acumulado, para seguir rexistrando postais coas que combater a saudade. Volvo desembocar no asfalto, aínda que deixando atrás o enclave, xunto a unha enorme extensión sen cultivar, na que impera un árbore co tronco tronzado, fulminado quizais por un raio, e que decido bautizar como Campo dell’Albero Trombato, e dende onde teño unha magnifica panorámica do val e da distancia recorrida.

Non teño máis opción que continuar pola estrada, que ten unha forte inclinación, onde espero atopar algún camiño que me conduza ó cumio. Apuro o paso, desexoso de acurtar no posible este tramo inhóspito, ata chegar a unha pequena canteira, preto da cal sube un camiño. Este é o meu, me digo, e sen pensalo dúas veces intérnome nel, pero este sae a un campo tralo cal non hai mais que unha espesa masa forestal que cubre a aba da montaña, por onde non parece fácil a progresión, así que volvo sobre as miñas pegadas, e retorno ó asfalto.

A pesares do penoso que é camiñar sobre esta superficie faime gañar altura rapidamente, aínda que siga sen atopar algunha posible vía de acceso ó meu obxectivo. Case por sorpresa sobresaen dous cumios detrás do Calvelluzo, os dous coroados por un manto níveo, a máis lonxana é sen dubida o Volturino, xa que distingo os remonte do telesilla que forman parte da súa estación invernal. Valoro as miñas posibilidades e estimo que quizais poda internarme no monte central, que alberga un gran bosque branco, e dende alí acceder ó que erroneamente pensei que se trataba do Monte San Donato.

Por sorte a estrada morre nun depósito de auga, e despexa as miñas dubidas, xa que dende ese punto parte un sendeiro na dirección que máis me convén. Para animarme, a miña metade, que está repartindo cartas no Valle de Pérgola, anímame dende o teléfono e me fai sentir como si estivese inmerso nunha perigosa aventura. Quizais véñame ben ter presente a súa cordura para internarme neste territorio ignoto, así que agradezo os seus consellos e acometo os primeiros desniveis que me introducen no bosque.

Espertei mastigando soños, co sabor das cereixas vernizando o ceo da miña boca, e agora estou atesourando materiais para seguir construíndoos, internado no seo dun barranco que se abre entre dous outeiros, por onde a progresión se amabiliza, a pesar do forte desnivel. Se amabiliza pola alfombra de follasca que lame as miñas botas, un océano de laminas pardas que se desgaxaron das enormes faias que me asombran, en tódolos sensos da palabra. Esta superficie mulida está salpicada nos primeiros metros de un cardúmen de brotes tenros dunha planta moi similar á que atopei nas fragas do Valle de Ansó, nos Pirineos.

Conforme avanzo, gañando metros a ese ceo onde sigue a batalla entre o sol e as nubes, estas pinceladas verdes vanse esvaecendo entre manchas níveas, que pouco a pouco van facéndose máis grandes ata que a follasca e os brotes de primaveira van sendo cubertos por unha capa compacta de algo que xa pode chamarse, con propiedade, neve. É tal o manto de neve que cubre as zonas máis altas do barranco que os troncos das faias, dun brillo case metálico, teñen unha franxa branca que os atravesa dende a copa ata as raíces.

O silencio que reina na fraga é arrepiante, só roto por algunhas ráfagas de vento xeado e polos meus propios pasos que, nalgúns casos imprimen as miñas pegadas xunto ás de outros mamíferos, neste caso de catro patas. Inquedo por este último descubrimento, xa que non me gustaría facer o resto do camiño cara o cumio en compaña de algunha besta das que moran por aquí, intérnome con decisión na espesura do faial, a pesar de non atopar ningún camiño, e de ter só como referencia a cima do monte que antecede ó Volturino, e ó pouco chego ó alto dun outeiro, dende onde se define un pouco máis o meu obxectivo, e dende onde podo observar un pouco mellor ó xigante que domina o Valle dell’Agri, ó que intentarei cotexar dentro duns días, si o tempo e as forzas me acompañan.

Outra vez mergullado na fraga, coa visión limitada pola densidade de algúns bancos illados de néboa, teño a sorte de atopar un camiño que vai na dirección que desexo, e que sigue ascendendo, co que calculo que non tardarei moito en coroar. Como sempre, as cousas non son o que parecen, e o camiño da un xiro inesperado, polo que teño que abandonalo e continuar guiándome polo meu instinto. Teño momentos de desanimo e temo que non funcione a miña brúxula mental, así que busco unha saída, un balcón que me permita adquirir novas referencias, e cando o atopo teño que tomar unha decisión urxente.

A miña hora de seguridade, a que me fixei para o descanso, acercase, e sigo sen atopar o camiño cara o cumio do Calvelluzo, e sen embargo o val está ós meus pes, xa diviso as casas de Marsico, como se foxen de monecas, así que creo que é convinte buscar unha ruta para o regreso, pero ¿que é eso que diviso entre a néboa? Si, estou moi preto do meu obxectivo, só me resta correr cara el, e non perdo tempo en facelo.

No cumio do xendarme que custodia a vida marsicana, que cos seus 1699 metros xa forman dende este momento parte do meu imaxinario, detéñome a contemplar o val e as montañas que o circundan, extasiado pola beleza da paisaxe e do momento. Por esto e polo que me espera alí abaixo paga a pena vivir. Que grande e que pequeno me sinto, aquí e agora, disfrutando de algo que podería calificarse de felicidade, o de unha das formas de atopala.

Despois de disfrutar estas intensas fracciones de espacio e de tempo volvo buscar unha vía pola que acurtar os metros que me separan da miña metade, que a estas horas xa debe estar inqueda polas miñas andanzas, e enfrontado á diga distingo un dos farallóns de caliza, ata o que discorre unha pendente abrupta, pero accesible, así que me digo ¡un descenso ó sherpa, como poda e por onde poda!.

O certo é que non me custa demasiado chegar ata o pico da formación pétrea, que dende o pobo se asemella a unha V invertida, das catro que compoñen o macizo, pero dende aquí en adiante a cousa xa se pon un pouco máis seria. O desnivel é importante, e si ben non ten demasiada dificultade técnica ó destrepar pola parede de caliza, a pesar de que nalgúns casos está descomposta, máis abaixo adquire unha verticalidade perigosa e afrontar a travesía pola pedreira que se forma entre as uves non ten demasiadas garantías.

Entre os males a elexir quédome co último, e sorteo con coidado a zona de pedra fragmentada, que me lembra a que me tocou salvar no Espigüete. Un pouco de respecto si que impón, así que ando con pes de chumbo, ata que acado o seguinte cantil polo que avanzo como as cabuxas, ata conectar ca fraga que sube dende a aba da montaña.

Se cría que os meus problemas remataran estaba errado. A pendente do terreo sigue sendo considerable, e a espesura da masa forestal me dificulta tamén o avance, así que non podo ignorar as precaucións. Loxicamente aquí non hai camiños e teño sorte atopando un barranco polo que continuar, sempre en liña recta, coa esperanza de conectar coa pista que circunvala a diga ¡pero eso está lonxísimo!.

Media hora despois desemboco nun campo que me resulta coñecido, si, claro, é ó que cheguei polo camiño da mina, cara onde me dirixo para conectar pola estrada. O descenso foi máis esixente do que cría, e as miñas pernas acusan o esforzo, aínda así aperto o paso para chegar á oficina de correos antes de que a miña nena remate a súa quenda.

Camporeale segue parecéndome un lugar deserto, pero agora que o sol venceu definitivamente as nubes, que se baten en retirada, está moito máis bonito, rodeado dunha primavera que explota en forma de flores de tódalas formas e tamaños. Rexistrando esta natureza insólita, que non deixa de entenrecer os meus sentidos, regreso sobre as miñas pegadas para reintegrarme á miña metade, á que asombro cas miñas fazañas, e que non deixa de recriminarme, eso si, entre bicos, a miña temeridade. Mastigando os derradeiros soños, co sabor das cereixas no ceo da miña boca.

E78 Trilho do Caminho dos Mortos (Monçao)





Descripción do percurso e mapa

Domingo, 13 de abril do 2008

Como un Sísifo nostálxico abro os ollos a un novo día, e as miñas pupilas xa teñen sede de montaña, de subir escaleiras ó ceo sabendo que cando estea a piques de acariñar as nubes xa será tempo de baixalas, outra vez cara o alento salobre da ribeira,onde desconto as horas para volver ós camiños. Nesta obsesión que non mingua co paso das estacións, e que alimento co mesmo material co que se fabrican os soños, sorrío a un novo amencer, sobrado de motivos, a pesares de que como sucede a miúdo furteille horas ó descanso nocturno para alongar a troula.

Alédome de non ser, nesta ocasión, un Sísifo solitario, e que o Ramón lémbrese de que ás doce e cuarto tiñamos cita no Concheiro, como nos vellos tempos, e que non teña que conducir ata San Pedro da Torre facendo balance das horas pretéritas, senón escoitando as novas do meu amigo, demediado coma eu pola ausencia.

Nada mellor para combatela que mandarlle unha boa ración de poción máxica, como fan os galos da aldea rebelde, e quizais tamén por arte de maxia, mentres rebañamos do prato os restos de malandrina, aparecen o Nacho e o Xurxo, inda que as súas intencións non coincidan coas nosas. Éche un día de encontros e desencontros, uns veñen a comer pero non a camiñar, e outros veñen a camiñar pero manteñen a dieta.

Así que despedímonos dos que si pero non e vamos o encontro do que non pero si, esto é, do Zalo que nos espera na Capela do Senhor dos Passos, freguesía de Merufe, no concelho minhoto de Melgaço. Non podíamos atopar mellor comenzo que botándolle unha pregaria o patrón do pedestrismo, que non confundir co pederastrismo, inda que os dous termos indiquen desviacións da conducta humana, unha procurando o pracer nos camiños, coma os cans, outra nos cativos, como os lobos.

O de Paramos tamén é unha fera dos montes, por eso chamámoslle león, quen senón el sería capaz de levar un par de horas dando voltas, e as que lle quedan por diante, só co xarope de arce como combustible, sen importarlle tan sequera a delgada capa de auga que cae sobre estas terras do norte portugués.

Iniciamos, despois da cerimonia dos estiramentos e de impermeabilizar os noso osos, o proxectado, e aprazado durante os últimos meses, Trilho do Caminho dos Mortos, que debe o seu nome o feito de que, antes da construcción das novas estradas, os finados dos lugares máis montañosos da freguesía eran transportados en carros de bois ata a igrexa parroquial por estes camiños. Camiños de mortos e camiños de vivos, pois vida dámoslle cas nosas pegadas, aínda que atopemos costas matadoras.

Ó carón das cantareiras augas do Río Sucrasto, que baña e da nome ó val, e pasando preto da pequena Ermida da Senhora dos Remedios, os sinais do percurso pedestre lévannos a un camiño empedrado e angosto que se interna nunha fraga de carballos e algúns exemplares típicos de ribeira, salgueiros e bidueiros que indican a proximidade da conca fluvial, e ascendemos baixo unha poalla persistente, maldicindo (no meu caso) as previsións dos gurus de internet.

O carreiro está enchoupado, e ás veces anegado, e temos que sortealo saltando os muros que o separan dos prados, para non tentar de máis a impermeabilidade das nosas botas que, por moito goretex que teñan, inda non están homologadas para mergullar. Sempre a escasos metros do Sucrasto, unha fenda azul e branca que ascende por unha xungla esmeralda cada vez máis exuberante, imos sorteando os peches artesanais, algún cun mecanismo ben fodido, ou as xestas que invaden algúns tramos. E cando non son xesta, son carballos deitados ou fentos xigantes, como se a natureza intentara enterrar tamén o camiño, coa memoria dos finados.

Pouco despois de cruzar o río por unha pequena pontella chegamos a unha zoa de prados, que nos permitan contemplar o desnivel sorteado, e nos leva, baixo un teito de vides, ata o núcleo rural de Arado. Por sorte o ceo danos unha tregua, e o sol é quen de romper a férrea formación de nubes, o que nos permite deternos a botar un grolo de auga e admirar os campos dispostos en terrazas, ou socalcos como as denominan aquí, e os montes tapizados por centos, milleiros de toxos florecidos, que fannos sorrir cos ollos. E non só cos ollos, xa que os meus amigos, sentíndose tan preto do seu territorio máxico do Alto Vez, ilústranme coas marabillas dese val e das súas montañas, que teño que visitar máis pronto que tarde.

Atravesando o pobo vemos vestixios dun pasado que resístese a desaparecer, pero os seus espigueiros invadidos polas silveiras, ou sen portas que os garden, fálannos das leis de mercado, da globalización económica, que anuncia o éxodo do rural cara a metrópole, a pesares de que algúns, cheos de grao, teñan verbas de resistencia. Tamén vemos algunhas velliñas, empeñadas en coidar o gando ou en arrincarlle a terra os seus froitos, como fixeron antes delas as súas nais, e antes das súas nais as súas aboas, e antes das súas aboas...

Un pequeno treito asfaltado lévanos a abandonar o lugar, subindo cara un monte onde o amarelo do toxo imprime un fondo monocromo, e onde temos que confiar na memoria de Ramón, o noso guía aborixe, o noso canciño de presa, para non perder o rumbo, xa que as marcas non están nas mellores condicións para continuar a nosa aventura.

Botamos unha derradeira ollada a panorámica que acadamos dende a cima da poboación de Arado, cos seus campos formando unha singular escaleira cara o Val do Sucrasto, e dende alí divisamos tamén os núcleos rurais de Lavandeira e Paço, este último xa enfrontado o Val do Vez, que outra vez faille cóxegas nos ollos ós meus amigos, e coma un mantra repiten o nome da súa terra prometida, do seu Kamckatka soñado, do seu Sangrilá divino: Sistelosistelosistelo.

Para afastalos da poderosa atracción que exercen estas terras sobre a súa vontade de camiñantes, internámonos nunha fraga de cedros de Darwin ou de Oregón, que tampouco temos demasiado claro a denominación de orixe, e chegamos así á pequena aldea de Bouças. Como xa vai tempo que parou de poallar, e a subida ata aquí arrincounos unha boa dose de suores, acordamos facer unha paradiña para alixeirarnos de roupa e refrescarnos nunha fonte a carón do camiño.

Recuperados os folgos internámonos nunha pista que discorre entre máis cedros, piñeiros, tsugas, e algunha especie que non son quen de identificar, pola que avanzamos ata chegar a un cruce de camiños, outra vez o Ramón ten que tirar de memoria, xa que as marcas están desaparecidas. Como o Zalo vai incubando a idea de traer os seus acólitos por aquí, entre os dous emprenden a construcción dunha mariola, a primeira dunha longa serie, para non perderse na próxima andaina.

O último tramo do ascenso facémolo por unha calzada empedrada, onde están ben visibles as marcas dos carros, pola que por veces baixa un regueiro que temos que sortear chimpando entre as pedras, xa que anega todo o camiño. Chegamos así o punto máis alto do percurso, a 649 metros, despois de sortear un desnivel de máis de 500.

Atopase aquí un vestixio dunha das primeiras civilizacións que se asentaron nesta rexión, no cuarto milenio antes de Cristo, un monumento funerario (non podía ser menos no camiño dos mortos) denominado Mámoa do Cotinho. A mámoa ten preto de 30 metros de diámetro cunha violación central moi pronunciada, sendo visibles partes da súa coraza pétrea.

Para celebrar que a partir de aquí todo é descenso pola Serra da Anta o Ramón abre a mochila e ofrece un amplo surtido de lambetadas, que o Zalo despreza botando outro grolo da súa poción máxica e sobre as que eu bótome con dentes de lobo, lembrándome de tódalas veces que o de Ferrol e a súa compañeira burgalesa tiveron a ben repartir entre nos o seu kit de supervivencia. A verdade é que con eles camíñase doutra maneira, e non só polas provisións, senón tamén polos seus comentarios ben fiados.

O descenso, bastante pronunciado, iniciase por un cortalumens que atravesa a Fraga de Cotniho, onde outra vez escasean as sinais do trilho, e onde o Ramón pastoréanos con determinación, como os guías apaches nas películas do oeste, inda que o Caudillo faille consultar unha e outra vez o mapa por esas cousas que ten de querer saber en todo momento onde se atopa.

Nun cruce de camiños consulta incluso cunha parella de vacas autóctonas (barrosâ ou cachenas, tampouco é capaz de dicilo el), que fannos enlazar con unha ampla pista de terra, cara a parte máis desarborada da serra. Aquí todo é toxo e pedra, amarelo, verde e gris, baixo as siluetas dos xeradores eólicos, unha praga que se estende máis alá das fronteiras. E tamén aquí temos que andar finos tras dos sinais, e outra vez os meus amigos empéñanse na construción de mariolas para asegurar futuras visitas.

Deixamos a pista cara un nacente da Corga dos Muíños, un amplo prado amurallado que recibe o nome de Coutada Grande, onde recibimos outra clase maxistral do mestre de Parada Vella, falándonos dos usos destas construccións, e os tipos de propiedade e de explotación a que estaban suxeitas.

O certo é que tamén camíñase doutra maneira cando ven este home teimudo, e as súas historias fan máis amable o camiño, magoa que non se prodigue tanto para rexistralas por escrito. Eu, que non teño tanta gracia, insisto en estas crónicas eivadiñas, que non son máis que unha pincelada do que aconteceu.

E no camiño insisten as nosas pegadas, mentres seguimos descontando metros entre un caos de granito que semella un feixe de illas de diferentes formas e tamaños entre un océano amarelo de toxos floreados. Atravesando a Serra da Anta contemplamos o descenso cara o Val do Sucrasto, e recíbennos os primeiros campos labrados de Cernadas, o último núcleo rural da freguesía de Merufe que atopamos no noso percurso. Despois de un brevísimo tramo de asfalto enlazamos con outra calzada empedrada, por onde se escoitaban, non fai tanto tempo, os carros de bois baixando os cadaleitos dos finados, cara ó cimenterio.

A derradeira etapa do sendeiro baixa outra vez a unha conca fluvial, a Corga das Valoucas, e ó cruzala detémonos a botar uns disparos de despedida. Dende aquí xa non restan máis que uns metros ata a capela onde deixamos os coches cinco horas antes. Só nos queda, ante a insistencia de Ramón, de ir tomar unha Súper Bock (ou Pedras Salgadas, que hai perversións para todos) ó refuxio de Uma Thurman, que non é cousa de contar, senón de visitar.

Rematamos así a faena, que nos saíu bonita, sabendo que o día seguinte outra era a fronteira...

E77 Trilho do Monte Faro (Valença)





Domingo, 6 de abril do 2008

Teas de araña nos ollos, area na gorxa, rumor de pantasmas nas sabanas, ruxido de galletas nos xeonllos, formigas pastando nos miolos... si claro, tódolos síntomas o confirman: outra resaca para a colección, para non perder as vellas tradicións.

E si queredes pódovos dar a lista dos meus verdugos: Basiliades, Vermis Antecessor, Sorgeth e, para rematar o bo roio, Holocausto Caníbal. ¿Que non estades ó día do panorama do Brutal Death? Pois nada, a próxima Night of. Brutality (eu xa levo dúas na chepa) lévovos ó Anoeta, que é o velódromo da cidade, onde corren estes simpáticos ciclistas, e así compartimos o diagnostico.

Pois si, como non teño remedio, e a estas alturas do campionato xa é tarde para cambiar de adestrador, escoitei outra vez os cantos de serea da Criatura, e volvín recuncar no metal, que sempre ten un convenio difícil. Máis o difícil de verdade é levantarme sen que as agullas que teño penduradas na cabeza me fagan botar un ai, e para sumar calamidades cando abro as fiestras entra na habitación a primavera, que digo a primavera, entra o verán, cunha bafarada de aire quente que leva unha invitación expresa a visitar as praias.

Hai si, que bonito pasar o domingo tirado na area, torrándose cun sol que trae o látego de sete colas, e tomar unha cervexa fresquiña (din que man de santo para as resacas) no chiringuito, despois de pegarse un chapuzón bárbaro salpicando ós parroquianos.

Pero non, porque con teas de area nos ollos, arañas na gorxa, rumor de galletas nas sabanas, ruxido de formigas nos xeonllos e pantasmas pastando nos miolos, son quen de impoñer a miña disciplina. Esa disciplina que, un domingo si e outro tamén, faime encher a mochila de “por si acaso”, e fuxir ás terras de Portugal, como si fixera unha promesa sagrada.

Con tódolos síntomas ó lombo, so tardei un cuarto de hora en pasar polo Concheiro, por se había algún despistado, que non, pero que nunca se sabe. Ou sexa, que tocábame facer penitencia soiño, e vagar polos camiños facendo reconto dos meus pecados, aínda que na véspera só pecara contra min mesmo, por ese gusto que teño pola cebada fermentada mesturada con unha boa dose de metal.

Aínda tiña vicio, e de camiño fun escoitando a recompilación que me fixera o meu amigo satánico, cas fiestras do coche abertas e a un volume excesivo, como ten que ser (tampouco molestaba a ninguén pola estrada de Tui ¿non si?). E con eses vicios, e o dor de testa estabilizado, cheguei a San Pedro da Torre, si, amiguiños, outra vez seguindo as tradicións, que para eso están, e recalando no Stop, que vese que é parada obrigatoria. E se hai que parar se para, e se hai que xantar se xanta, ¿estamos ou non?...

E para seguir ca tradición mandeille unha media ración de arroz malandro con panados (que só era unha pero facía por dúas), mentres no televexo andaban os coches ás carreiras, e imaxinei os meus amigos palentinos animando ó asturiano, que parece que desta non vai ser campión (e non me da pena ningunha). Mentres enchía o bandullo ca poción máxica, botaba olladas furtivas ás catro nubes que salpicaban ó ceo, coa esperanza de que medraran e trouxeran algo de fresquiño para pasar a tarde, porque a ruta que escollera, a do Monte Faro, era de morrer se apertaba a canícula.

Non me atrevín a empuxar os graos de arroz cunha cervexa, non fora o demo, e baixeime unha garrafa de auga que non me fixo mal, aínda que saber non sabía a outra cousa que a auga, que como sabedes non sabe a nada. Pois así, cun americano no corpo, saín á estrada, mentres os do Valenciano botaban un xaroto antes do partido (esta vez entrei antes que eles e o Stop parecía deserto, e con todo rematamos ó mesmo tempo).

Atravesei o centro de Valença, e as freguesías de Ganfei e Ganda, mentres as nubes nas que tiña depositada a miña esperanza ían esmorecendo, e era toda unha beizón internarse no bosque de coníferas pola sinuosa estrada saboreado a sombriña coma fan os cativos cas lambetadas.

A unha destas sombras arrimei o meu carrinho cando din chegado a Capela da Senhora do Faro, onde comezaba o meu percurso pedestre, e xa que estaba alí acerqueime ó recinto sagrado, máis por curiosidade que por devoción, e volvín constatar o feito de que o realmente valiosos do lugar era a súa masa forestal, composta por plátanos, tilias, australias, castiñeiros, carballos e piñeiros.

Botei catro disparos a cegas, que total sonche gratis, e fixen que estiraba, por se alguén miraba, a pesares de saber que a esas horas o que non estaba xantando estaba estomballado na sombra, facendo a dixestión.

A malandrina conseguira arrincar as teas de pantasmas dos ollos, as formigas na gorxa, o ruxido de areas nos xeonllos e as arañas pastando nos miolos, e aproveitando os seus efectos botei a andar, sen mochila nin hostias, eso si, ben chuliño, coas gafas de sol e a pañoleta vermella, que o Lourenzo seica quería facerme chorar o domingo a tarde.

Chorar non, pero si que tiven o momento de lembranza, cando ó comezar a subida polo camiño empedrado fixen memoria das outras veces que pisara este monte, sempre co meu carísimo Zalo, que debía andar pastoreando ás masas nas terras de Entrimo.

Só ou en compaña de outros, o caso é que estaba aquí e que había que move-las pernas, así que tirei millas ata que atopei un pequeno desvío que ía cara unhas antenas, e no medio un vértice xeodésico.

Tiña tempo de sobra, e fíxenlle un aire ó sendeiro, máis que nada por ver que panorámica se divisaba dende alí. Á miña esquerda a Serra d’Arga, á miña dereita o Monte Aloia, e no centro a fenda azul da fronteira unindo e separando nacións.

Un balcón privilexiado dende onde botar unha mexada con vistas, que sempre presta máis, sentíndome como un deus que derrama ouro líquido sobre os vales, montañas e ríos que están ó redor, en fin, outra vez cos efectos secundarios das noites metaleiras.

Metín outra vez o paxaro na súa gaiola, non lle fora facer mal este sol de primavera, e volvín sobre os meus pasos para acadar o sendeiro sinalizado, xusto no lugar onde se atopa un pequeno curro da Associaçao de criadores de gárranos, que é a raza dos cabalos minhotos (se estou trabucado xa me corrixirá ó de Paramos).

O lugar estaba deserto, pero uns metros despois atopei dous exemplares, unha egua e o seu potriño, pacendo en liberdade, e ó decatarse da miña presencia o pequeno tamén botou un pisiño, eso si, máis clariño co meu que aínda era xoven para troulas.

¿E que pasou despois? Ah si, que as marcas botáronme do firme empedrado e fixéronme pisar unha pista de terra, sen máis sombra ca miña, dándolle as costas á raia, e enfrontándome ós montes nos que visitamos o Castelo da Furna, que crin localizar o lonxe.

O Lourenzo seguía a lostregar o seu látego nos meus ollos de area, na miña gorxa de formiga, nos meus xeonllos de pantasma e nos meus miolos de araña, e inda así sorría como un parvo, un pouco por non chorar e outro porque me imaxinaba cen sitios peores para pasar unha tarde de domingo, podía facer unha lista, pero cada un ten a súa.

Cheguei así a divisar a ducia de antenas que coroan o Monte Faro, e a pesares de que os sinais do trilho non me conducían cara alí, decidín facer unha visita a este enclave peculiar. A pesares do despregue tecnolóxico non atopei a ninguén que me prohibise o acceso ó entorno das antenas, cada unha de tamaño e forma diferente, e non puiden evitar ter malos pensamentos: que fácil sería por un feixe de petardos aquí e facer un pouco de terrorismo dominical, só por amolar.

Ás veces son así, dáseme por pensar maldades, pero, que carallo, a maioría dos dirixentes do mundo tamén, e ademais as fan.

Tamén visitei unha torre de vixilancia forestal, idéntica á que coroa Corno de Bico, e tamén como aquela totalmente arruinada. Agora xa están de máis as garitas e os reténs, cun bo satélite xa está todo controlado. De feito pode ser que mentres andaba cheirando entre o feixe de antenas, a miles de quilómetros de distancia, un deses trebellos andaba pescudando que hostias facía eu alí, mentres a boa xente andaba tombada na praia ou debaixo dunha árbore.

Por non tentar abandonei o lugar, non sen antes retratar o complexo dende tódolos ángulos posible, e lembreime do Habibi, que de subir ata aquí seguramente teríamos que quitalo a rastras... teño que facer a proba. E probar probaba un groliño de auga, se levara, ó final tanto encher a mochila cos “por se acaso” e deixo todo no coche. Sonche así, que lle vamos facer, xa non teño solución.

Disparei a derradeira foto, e saíume o tiro polo cu, porque puxen o automático e no momento de posar caéuseme un peido (que eu tirar non tiro nada) e saín con cara de chiripitifláutico. Volvín á pista de terra, e ó cabo duns metros esta empezou a descender abruptamente e transformouse nun barranco no que me fixen a promesa de mercar uns bastóns nas próximas rebaixas do Décathlon, á vez que pensaba en que todo o que baixaba tería que subilo en algún momento.

Por sorte ou por desgraza, aínda non o sabía moi ben, atopei unha aspa vermella e amarela, sinal inequívoca de camiño errado, aínda que lembraba completalo descenso por alí a derradeira vez que vin do Monte faro, e enlacei con outra pista de terra que rodeaba o cumio das antenas. Camiñei un cuarto de hora, máis ou menos, ata chegar a unha mina de auga, na que me refresquei, e botei contas de que en todo ese tempo non atopara máis marcas do percurso, e ademais non me soaba pasar por alí, e o perfil que marcaba a guía indicaba que tiña que baixar, e non o estaba facendo.

Así que volvín sobre as miñas pegadas, ata chegar ó lugar onde a aspa me fixera recuar. Merda, un pouco máis adiante había un poste indicando a dirección correcta, así que tiña que seguir baixando por alí, a aspa indicaba que non me internara na fraga, cara onde ía un pequeno carreiro. Vaiche boa, menos mal que non estaba ninguén alí para rirse de mín. Agora xa podedes facelo, que xa está feito.

E baixei a escacha pexegueiros polo barranco do demo ata chegar a unha chaira valada, ou máis ben alambrada, que tiven que rodear, e que me levou a un parque de merendas cunha pequena fraga baixo a que, dentro dun coche, a sombriña, un par de lugareños dedicábase a, parafraseando a miña amiga de Burgos, actividades socio culturais. Interrompinlles o tema, non a propósito, senón porque non me quedaba máis remedio que pasar polo camiño empedrado, que era por onde me mandaban os sinais, e mentres incorporaban os asentos e asubiaban apertei o paso, para que non me crecera a envexa, e os calores, que fixeron que, por solidariedade, quitara tamén a miña camiseta.

A rudimentaria estrada levoume cara un outeiro de granito esnaquizado, que remataba, a 386 metros de altitude, na Capela do Santo Ovideo, patrón do VHS. Á sombriña do pequeno templo descansei un pouco, pescudando no pequeno folleto da rede municipal de percurso a pouca información que me daba sobre o que levaba percorrido, intentei lembrarme dalgunha oración, pero como da miña infancia so me viña a cabeza o “Cara al sol” púxenme en pé e volvín ó camiño.

No parque de merendas xa remataran e ó pasar, outra vez obrigado, por alí só quedaba un rastro de lenzos de papel. Sorrín, porque quen non tivo a súa ración de amor nas mesmas condicións, aínda que, eso si, podían levar os klenex de recordo. Con estas interneime nunha fraga...

Dos animais que atopei na Fraga do Faro e das conversas que mantiven con eles

Interneime na fraga con ollos de araña, gorxa de arena, pantasmas rumorosos, xeonllos de galleta e miolos de formiga, síntomas que fan innecesario calquera diagnostico, e o Lourenzo seguía dicindo a verdade o domingo a tarde, o mundo esquecerase de min e ben contento que estaba con facerme invisible, e nestas andaba, descontando quilómetros como si puidera trocalos por puntos para a compra do Eroski, cando cruzou o camiño un coello, rápido como un lostrego e agochouse baixo o paraugas amaralero dunha toxeira.

-Carallo, señor coello, xa quixera eu ter nas miñas pernas a forza que teñen as súas.- Berreille.
Dende o seu agocho, o coello, amolado, asomou uns bigotes longos e, para a miña sorpresa, contestoume:

-Non é por gusto que ando ás carreiras, senón por medo. Cada bicho que pasa por esta fraga tenta de facerme o seu almorzo, xa quixera eu ter a súa tranquilidade, e vagar pola fraga sen que me ameazara ninguén. Non é unha vida doada a miña, fuxindo de todo aquel con quen me cruzo, teña dúas patas ou catro, voe ou camiñe, teña pluma ou pelo.-

Calei, porque boas razóns tiña para ter medo, especialmente dos da miña especie, e pensei nos millóns de coellos que están repartidos polo mundo, para os que a súa maior preocupación e chegar ó final do día con vida.

Ninguén ía a trabarme o pescozo, a darme un pao no lombo, a pegarme un tiro na caluga, só porque nacín home, e non coello. Aínda que tamén pódese nacer home e coello, sinxelamente nacendo no sitio e no tempo trabucado.

Con estes pensamentos seguín camiñando á sombra dos piñeiros, sen saber moi ben si o que me acontecera fai uns momentos fora certo ou outro efecto secundario da miña noite metaleira, cando sobre min pasou voando un aguia, tan baixiño que as nosas miradas cruzáronse, e pareceume de mala educación non saudala, así que berreille:

-Carallo, señora aguia, xa quixera eu ter nos meus ollos a visión que teñen os seus.-

A aguia deu unhas voltas ó redor miña, aproveitando as correntes de aire cálido que baixaban dende o cumio, sen necesidade de bater as ás nin un chisco, e abriu o pico como si tivese intención de falarme, pero non o fixo, claro , porque os animais non che son faladeiros como as persoas, agás nos contos. Aínda que si falara ben podía dicir algo parecido a esto:

-¿Que andaras a facer un domingo a tarde neste monte, ca calor que está facendo?.-

Seguín a miña andaina polos camiños que se internan na Fraga do Monte Faro, nas terras arraianas de Valença, e ademais de atopar un coello e un aguia, atopeime cun esquío, dúas vacas (barrosâs ou cachenas, eu que sei), e o esqueleto dunha ovella (que non sei se contar como animal), e con todos eles mantiven conversa, a un envexáballe a cola, a outro os cornos, a lingua, as costelas, o nariz, o lombo, e todos, agás a ovella (ovella que bala, bocado que perde), contestáronme en idénticos termos.

Ou imaxineime nalgún momento que falaba con estes habitantes da fraga, e que me respondían cada un a súa maneira, pero dicindo todos o mesmo. Son estas cousas de saír só a pasear as teas de araña, as areas, as pantasmas, as formigas, todo este feixe de efectos secundarios dunha noite metaleira.

Así cheguei a completalo meu círculo ó redor do monte das antenas, mentres os parroquians espertaran e tomaban finos no chiringuito a carón da Capela da Nosa Senhora, ou xogaban á petanca, ou estiraban as pernas ata o miradoiro de Santa Ana, ata onde tamén fun eu, para volver a encher os ollos cas panorámicas do Alto Minho, antes de regresar á cidade. Nesa cidade na que estou agora, outra vez contra corrente, facendo memoria mentres todos dormen, combatendo a nostalxia, a soedade, a loucura...

E76 Senda dos ríos Cárdena e Segundera (Galende)



Domingo, 23 de marzo do 2008

Fai cenmil anos, durante a derradeira glaciación do cuaternario, e durante os noventamil anos seguintes, instalouse nas Montañas de Sanabria unha gran masa de xeo, un glaciar de meseta, que cubría todo o altiplano cun espeso manto, derramándose por todos os vales que descenden dende o macizo, formando longas e potentes linguas glaciares. Ríos de xeo que escavaron estes vales transformándoos en anchos e profundos canóns tallados na dura roca plutónica.

Polo Val de Terá encaixábase a principal lingua glaciar, descendendo dende o circo de Trevinca e Survia, incrementando o seu grosor conforme íanse agregando o xeo procedente de outros pequenos circos, como o da Lagoa de Lacillo. Ó chegar onde hoxe se atopa o pobo de Ribadelago esta lingua tiña 15 km de longo, e un grosor de máis de 300 mts.

Aquí, o Glaciar do Terá recibía o aporte das linguas do Cárdena e do Segundera, incrementando aínda máis a súa potencia erosiva e escavando a cubeta que hoxe alberga o Lago de Sanabria, formado fai docemil anos, cando rematou a glaciación e a lingua glaciar retirouse deixando ó descuberto, ademais desta enorme cubeta, amplos e profundos canóns, vales pendurados, rochas aborreadas, estrías glaciais e morrenas.

Fai cenmil anos pisei estas terras por primeira vez, e dende entón xa vivín unhas cantas glaciacións, xirando na espiral incesante das idades, e no derradeiro deses xiros volto a ela, cos ollos cheíños de lembranzas.

Xa non queda case nada daquel que viña de escalar os Mallos de Riglos, as Peñas de Etxauri e os Desfiladeiros de Pancorvo, e que unha mañá de setembro mergullouse nas augas xélidas da lagoa, despois dunha noite xogando as agochadas ca garda civil, e moi pouco do que viu dende as terras de Trevinca, enchendo a mochila cun feixe de amigos mentres baixaba a carón do Río Tera, sen saber tódalas veces que ía xirar polas congostras, canicouvas e carreiros con estes camiñantes.

E aínda así estas terras e eses tempos me conforman, como os surcos da espiral que segue tatuando as miñas carnes, ata que os tempos e as terras se confundan e xa non queden nin osos onde pescudar na memoria.

Pero non chegou o momento, as pernas aínda me sosteñen, e un feixe de soños seguen aniñando na miña cabeza, a pesares de que nin as pernas nin os soños teñan a mesma forza, así que alédome de que Zalo, aquel que engadiu estes lugares ó meu imaxinario particular, propoña facer un alto do camiño, trala nosa precipitada fuxida dos Pirineos, para aproveitar o sol radiante que verniza a comarca sanabresa.

É cedo de máis para xantar, e decidímonos a facer unha visita a San Martín de Castañeda, pero antes facemos unha paradiña na oficina de información do Parque Natural, e saímos dála con un mapa da rede de camiños tradicionais e con outro da rede de sendeiros, dos que nos desaconsellan os que discorren polos canóns do Tera de do Cárdena, o primeiro polo xeo e o segundo pola neve. ¿Fálanos de neve a señorita? Botámonos a rir lembrando o entorno do Refuxio de Linza, onde estabamos ata o carallo de neve, e estamos tentados de ensinarlle as fotos á paisana, pero en troques decidimos que podemos almorzar o sendeiro desaconsellado, antes de sentarnos a xantar.

Pasamos polos dous Ribadelago, o novo e o vello, construídos trala rotura da presa do encoro de Vega de Tera, que liberou oito millóns de metros cúbicos de auga, e sepultou o pobo orixinario, oito quilómetros máis abaixo, levándose a vida de cento corenta persoas. E deixamos o coche á beira do pequeno encrave de Moncabril, onde remata a estrada e comeza a Senda dor ríos Cárdenas e Segundera, pouco antes de que sumen as súas augas as do río Tera e engrosen a cubeta da lagoa.

A pesares de que a sinalización, unhas estacas coa pintura vermella roída polo tempo, necesitaba unha nova partida presupostaría, iniciamos o camiño ó carón do Segundera, onde case dez anos atrás fixen de modelo para un artigo da revista Turismo Rural (nº 25, novembro 1999), que animaba a facer este mesmo itinerario. Naquela ocasión so fixen o paripé, e adquirín unha débeda que agora pago, aínda que non sei moi ben cal é o prezo. De tódolos xeitos o camiño ascende lentamente, primeiro por un firme empedrado e despois, aloxándose do leito fluvial, por unha estreita senda entre xestas e carballos miúdos, e eu sigo posuído polo espírito do Petretxema, e intérnome nela ata atopar con outro río, o Cárdena, que sigo a nascente, seguido polo Miguel e o Zalo que, como sempre, seguen dándolle voltas ó mapa.

O dos carballos miúdos ten a súa explicación, xa que por debaixo dos 1500 metros (a lagoa atopase a menos de mil), a fraga dominante é a carballeira de rébollo, formada por árbores xoves, xa que dende antigo foi explotado como parte importante da economía doméstica sanabresa, provendo ós seus habitantes de vigas para as casas e leña para os fogares. Nas bagoadas frías e húmidas é trocado por bidueiros salpicados de servais e aciveiros.

Conforme imos gañando metros tamén van aparecendo pequenas agrupacións de neve no camiño, e volvemos a facer escarnio dos consellos da señorita da oficina de información, porque somos nós os que sabemos do asunto, e pensamos en por unha reclamación á volta. Aínda non sabemos o que temos diante, pero parécenos que váisenos facer curto o paseo.

Cando levamos xa un bo anaco ascendendo polo Canón do Cárdena perdemos de vista o río, introducíndonos nunha fermosa carballeira, desas que animan a disparar a memoria dixital a mans cheas, eso si houbera, xa que está repleta de imaxes do Pirineo oscense, e teño que borrar algunhas postais repetidas para facerlle sitio ás paisaxes sanabresas.

Dende a fraga o camiño gaña verticalidade e o León de Páramos queixase do resfriado que lle fai boquexar coma un peixe fora da auga, e ademais temos que ter conta de onde poñemos os pes, xa que atopamos bastantes placas de xeo, e máis adiante o terreo está enlamado de máis, e hai neve e auga por todas partes.

Nunha pequena chaira enchoupada descubrimos un gran cartel, indicativo de que estamos na Ruta de Don Quijote, que ignorabamos que pasara por estas terras, no que podemos ler o seguinte texto: “Le enterraron al pie de la peña, donde está la fuente” polo que chaman ó lugar Serra do Enterro, e sigue dicindo: “Yace aquí de un amador / El mísero cuerpo helado, / Que fue pastor de ganado / Perdido por desamor.”

Buscamos rastros da tumba ou da fonte, pero só atopamos máis verbas de Cervantes: “Por la cima de la peña, pareció Marcela –Yo nací libre- dijo- y para poder vivir libre escogí la soledad de los campos... Los árboles de estas montañas son mi compañía y las aguas de estos arroyos mis espejos... Con los árboles y con las aguas comunico mis pensamientos y hermosura... Tienen mis deseos por termino estas montañas”.

“Don Quijote y Sancho se entraron por el mismo bosque por el que Marcela desaparece y habiendo andando más de dos horas... vinieron a parar a un prado lleno de fresca hierba junto al. Cual corría un arroyo apacible y fresco... Andaban por aquel valle paciendo una manada de hacas galicianas de unos arrieros gallegos.”

Arrieiros somos e no camiño nos atoparemos, que di o refrán, aínda que a esta altura do campionato xa estamos cansos coma burros, por que o terreo segue poñéndose costa arriba, e o que en principio parecía un paseo dominical estase a converter nun pateo de regulamento, deses que merecen unha crónica como esta que estás lendo.

Aínda que fose só por sinalar que, despois doutra subida do carallo, divisando o lonxe a Lagoa de Sanabria, e volvendo a atopar o curso do Río Cárdena, o Zalo bota un espirro tremendo e tira con Miguel ó chan, que leva unha boa culada contra unha rocha, un espirro de león, claro.

A neve empeza a estenderse por toda a serra, cando chegamos baixo a presa do Encoro de Cárdena, e vémonos obrigados a cruzalo río, facendo equilibrios entre as pedras. Estamos a mais de mil quiñentos metros de altitude, e nótase o desnivel que salvamos dende a nosa saída de Moncabril, case seiscentos, fai un frío do demo, e aínda quédanos a metade do sendeiro por percorrer.

No altiplano da serra, o xeo escavou no seu desprazamento innumerables cubetas, das que unhas convertéronse en lagoas de augas transparentes, que forman o segundo conxunto lacustre mais importante da Península Ibérica, e outras fóronse racheando de sedimentos e musgos o longo de miles de anos, producindo as turbeiras. E ó chegar á primeira desas lagoas, por onde discorre unha pista que comunica o pobo de Porto, preto da fronteira administrativa entre Galiza e León, co Encoro de Vega de Conde, atopamos un panorama polar, e temos ganas de saír correndo a pedirlle desculpas a moza do oficina de información, pero estamos demasiado ocupados buscando os sinais, interpretando os mapas, discutindo sobre a dirección a seguir.

Eu voto man da memoria, e volvo dez anos atrás, cando recorrín estes paraxes con Anxo e Mili, facendo a sesión fotográfica para unha desas revistas nas que publica o meu amigo, e lémbrome que á lagoa que temos diante síguelle outra máis pequena, seguindo á dereita da pista, tal como indica o mapa, así que apremo o paso ata confirmalo.

A Lagoa Roia está parcialmente xeada, e dende alí bérrolle ós meus amigos, indicándolles que estamos no bo camiño, a pesares de que sigan estrañándose de que este siga pola pista. E seguimos ata chegar o Encoro de Garandones, co seu enorme vaso sitiado pola neve, dende onde divisamos os cumios lonxanos da Serra Segundera, entre os que destaca o Moncalvo, con 2044 metros.

Deixando atrás esta lagoa chegamos a unha bifurcación da pista, por un lado diríxese ó Encoro de Vega de Tera, e polo outro vai cara o Pico Fraile. Aquí o Zalo sorrí, xa que neste camiño xa ten pastoreado a máis dun exército, aínda que segue preguntando inquedo pola hora, porque o seu estómago, e o noso, xa reclama alimento. Uns poucos metros despois chegamos a un pequeno refuxio, no que atopamos un kit de supervivencia: unha barriña enerxética, un condón, unha pastilla de parecetamol e un tampón, para atallar calquera emerxencia.

Pasamos o carón da Lagoa de Paión, e dende alí comezamos a descender lixeiramente, ata que atopamos un grupo de camiñantes que fan, é un supoñer, o noso sendeiro en sentido contrario, e con quen Zalo intercambia catro verbas, por certo ¿que se dixeron? Fora o que parolaron, tras o encontro chegamos ó comezo da Tubaria de Presión, e tamén do Plano Inclinado, que baixaban abruptamente os seiscentos metros que nos separan da Central Eléctrica de Moncabril.

O descenso fíxosenos duro de máis, e lembrounos outras ocasións nas que baixamos este camiño de pedras grandes e pequenas, nas que os xeonllos ían cruxindo como galletas e as tripas rosmaban como cañarías vellas, e chegamos cansos e famentos a nosa meta, o noso FIN.

E75 Sendeiro circular do Petretxema (Val de Ansó)



Venres, 21 de marzo do 2008

Por terceira noite consecutiva as miñas pantasmas tiveron que cohabitar con unha sinfonía de tronos saídos do inferno, unha treboada acompañada dos coros das gorxas demoníacas dos meus compañeiros, que porían os pelos de punta ás aguerridas tropas que profanaron o cemiterio de Barroselas. Non é de estrañar que os meus soños cheiren a caliveiras, e que dentro do meu saco aniñen un feixe de alacráns e que, unha vez esperto, empecen a mover a súa cola cara os meus puntos máis vulnerables, que gracias ó intento de onte, ca derrota da Mesa d’os Tres Reis, multiplicáronse.

De tódolos xeitos disimulo, a pesares das profundas trincheiras que labrou a noite no campo ermo da miña fronte, e baixo as concas fondas dos meus ollos, volvo poñerme as roupas de combate para enfrontar un día que se me antolla complicado de máis, xa que non logrei convencer ós meus colegas de subir ó Paso de Tatxeras, tamén chamado Paso del Acher d’Alano, na serra do mesmo nome, para intentar a ascensión de Pena Forca (2390 m) territorio que xa teño ben rillado. Eles prefiren facer o camiño ata o cumio do Petretxema, trinta metros máis baixo, pero co aliciente de ter cada unha das súas caras nun estado diferente.

Fai un tempo de merda, o ceo está cuberto dunha pátina gris, e cae unha cortina fina de auga, xirimiri, poalla ou mollaparvos, así que abrígome ben, porque supoño que temos por diante unha maña fodida, e xa na porta do refuxio de Linza, cálzome as polainas, imitando a Zalo e a Miguel, que tamén levan escrito na cara os estragos da véspera, aínda que tamén tenten disimulalo. Pero, que carallo, hai que aperta-lo cu e tirar para adiante, e quitando forzas de fraqueza, para que vexan que non me achico, bótome a mochila ó lombo e póñome a subir, deixando atrás as Fuentes de Linza, e o faial de As Tascas, envolto nunha néboa espesa, como a dunha historia de terror.

O meu corazón tamén está en tebras, como a novela de Conrad, pero loito para afastar os medos e a dor que tentan colonizarme, e apuro o paso para sortear os primeiros desniveis, sen mirar atrás nin tan só para ver se me seguen os meus compañeiros.

A miña respiración é a dunha robaliza deitada sobre o espigón do peirao da Illa de Ons, e intento atrapar o ar a dentelladas, como se fosen soños, mentres o terreo vai facéndose máis e máis horizontal e o vento báteme na cara retándome a un duelo no que levo todas as de perder. Pero insisto en aperta-lo paso, poñéndome modestos obxectivos, primeiro ata ese lombo herboso, máis tarde ata aquel promontorio rochoso, despois ata a esquina daquela ladeira.

E cando me decato xa estou no Sobrante de Linza, conxestionado polo esforzo, pero ca determinación de seguir dándolle caña ó mono, ata onde faga falta e un pouquiño máis, sen parar nin para disparar unha foto, nin para botar unha mexada, nin para decatarme da distancia que me separa dos meus perseguidores, que imaxino como cans de presa, dispostos a trabarme nas pernas. O certo é que me anima ir abrindo pegada, e conforme desconto metros cara a lingua de neve vou enchendo dunha estraña forza, máis psíquica que física, que me leva a internarme na néboa ca determinación dun conquistador de outros tempos.

Pode ser que sexa o espírito de aquel que fun, o que me fai avanzar polo manto branco adiantando a outros montañeiros ós que nin sequera saúdo, ou pode ser que o bastón que me emprestou o meu irmán de Burlata sexa máxico e me faga descontar os anos, pero sexa como sexa atraveso as seguintes pendentes, sexan de pedra xeada, de herba enlamada ou de neve dura, aínda que en menor cantidade que a que atopamos no día de onte cando pasamos por estes mesmos lugares. E ese espírito lévame ata o Cuello de Linza, e nin alí me deteño, seguindo pola pegada debuxada na primeira das ladeiras que conducen o Petretxema, oculto pola insistente néboa.

Detéñome ante unha placa de xeo que non sei como atallar, xa que o terreo está bastante vertical, e inda hai unha caída do carallo ata o fondo dunha depresión da Foya d’a Sólana, non quero recuar, pero tampouco sei como salva-lo obstáculo, e nesas manobras vexo como un grupo de alpinistas, con piolets e crampóns, sube dende o barranco, mentres os meus compañeiros danme, finalmente, alcance. Quedámonos os tres mirando para a placa de xeo, mentres os outros, que parecen saídos dun capítulo de Al filo del imposible, pregúntanos se levamos material, que xa se ve que non, e seguen o seu camiño, mentres nós deliberamos brevemente e decidimos retroceder.

Por segundo día consecutivo renunciamos ó cumio, pero nesta ocasión non descendo co sabor do fracaso, que ten un gusto agridoce, porque estou convencido de que era quen de subir, e que só as razóns técnicas e a prudencia fixeron que recuara.

Desta tócalle sufrir ó León de Paramos, cun resfriado que lle fai pingar o nariz, e a quen a miña proposta de buscar outra alternativa de subida, coma a do Paso de Tatxeras, non lle fai ningunha gracia porque, literalmente, xa está ata o carallo de subir. E máis cando esvara nunha zoa mixta de caliza, xeo e neve, e leva unha boa costelada que lle remata a faena. Pero o noso compañeiro e bravo de máis, e non se desanima por estas minucias, así que pasando de volta o Sobrante de Linza decidímonos por buscar unha alternativa para encher as horas do camiño, e decidimos baixar ata o Barranco de Petretxema.

Descendemos polas ladeiras abruptas que discorren baixo o camiño polo que levamos sufrindo e soñando nos derradeiros días, buscando a maneira de conectar co sendeiro que discorre o carón dunha delgada liña de auga, e nesto estamos cando atopamos un regalo inesperado para os nosos ollos, unha fermosa fervenza por onde se precipita o Río Petretxema, que forma nunha parede rochosa unha grande cantidade de carambanos, e que recibe o nome de Fuen d’o Barral de Linza. Detémonos a carón deste lugar singular a rillar unhas laranxas, a recuperar forzas e a escoitar as augas cantareiras batendo no xeo, e ollando para o curso fluvial descubrimos algúns spits cravados nunha rocha, parte do equipamento para facilitar o descenso deportivo deste estreito canón, e volven as lembranzas do día cando baixaba co Marcos polo Regueiro da Cal, nas terras vitivinícolas de O Rosal. ¡Que tempos aqueles!

Pero como non podemos vivir de lembranzas seguimos adiante, internándonos nunha fraga de faias que muda totalmente a paisaxe, e fainos cóxegas nos ollos, espertándonos sorrisos e dándonos folgos para continuar co noso itinerario alternativo. Ábrense dous camiños e decidímonos polo que ten a cota máis baixa, aínda que sospeitemos que se dirixen ó mesmo sitio, e nada máis comezar a discorrer por el atopamos os restos dun par de ovellas, da que só quedan osos e calaveiras limpas, seguramente presas dos lobos que aínda atopan refuxio neste territorio fronteirizo.

O sendeiro ascende lixeiramente, sempre por un faial dos que só se atopan nos soños, e os metros que imos gañando van cubríndose de neve, ata que o manto branco esténdese por todo o camiño e tamén por toda a fraga, salpicado tan só polas follas que os últimos alentos do inverno arrancou das polas dos teimudos árbores, resistentes deste clima inhóspito.

O certo é que fai un frío do carallo, e para máis comeza a caer unha poalla molesta, que nos fai pensar no calor do refuxio, pero non viñemos ata tan lonxe para recuar por tan pouco, así que seguimos adiante ata chegar a un claro que identificamos como a Foya de l’Inxeniero.

A capa de neve é aquí máis grosa, e aproveitamos as pegadas dos que nos precederon, quizais a xente que escoitamos ó lonxe, e que un pouco despois vemos deslizándose por unha ladeira co método máis rudimentario posible, ou sexa co cu.

Un grande bloco de caliza ofrécenos un improvisado vivac, para intentar protexernos do mollaparvos, e aproveitamos tamén para dar boa conta das nosas provisións: queixo, fuet, pan e chocolate. Todo un festín. E mentres enchemos o bandullo avaliamos a situación, xa que non hai moitas ganas de continuar, pero inda nos queda curiosidade por ver que se atopa detrás do pequeno outeiro que temos diante.

Así que despois de rematar o almorzo subimos un pouquiño máis e atopámonos co final da foya, diante nosa alzase un gran desnivel que levará seguramente ata o Puerto de Ansó, que fai fronteira entre os estados español e francés, e que leva, un pouco máis adiante ata o Cuello de Petretxema, paso obrigado para ascender ese pico dende esta cara, e tamén para as máis complicadas Agullas d’Ansabère, de 2271 metros, para as que fan falta máis forzas, material e coñecementos dos que nos temos.

Desfacemos o camiño andando, non sen antes botar unha derradeira ollada cara onde a néboa é máis espesa, alá onde se alzan os cumios que non fomos quen de conquistar, e cada un fai a súa promesa de voltar, aínda que sexa nunha estación máis amable, para completar o que déixamos a medias. A pesares de ter que cambiar os nosos plans non podemos laiarnos da nosa sorte, xa que esta parte adicional da xornada, internándonos na fraga, descubriunos unha fermosa paisaxe.

Volvemos a atopar a conca fluvial, no lugar chamado Barcal de Linza, no que Zalo ve un antigo circo glacial, e outra vez temos que decidir porque ribeira queremos sortear o Barranco de Petretxema, xa que nos dous lados hai camiño. Decidímonos por seguir pola parte que está máis arborada, seguindo unha pista forestal bastante ancha, entre faias, algunha de 400 anos de idade, e algún abeto disperso, entrando así no Bosque de Gamueta, onde onte descubrimos un percurso pedestre que temos na reserva.

Así chegamos ó Refuxio de Linza, seis horas e media despois de saír, na nosa segunda xornada pirenaica, confirmando que as previsións meteorolóxicas non estaban erradas. Duchámonos e cambiámonos de roupa, e collemos o coche rumbo ó Valle del Roncal, na vertente navarra, para visitar a vila de Isaba, onde teño tamén un feixe de lembranzas. E para lembranzas a Casa de la Memoria, un curioso museo etnográfico no que coñecemos interesantes detalles sobre as formas de vida dos roncalenses, sobre a súa historia, as súas tradicións, a súa forma de goberno, a súa indumentaria e sobre a súa lingua. Unha visita da que quitamos bo proveito, aínda que consideramos que son demasiados datos para asimilalos nunha soa tarde.

Para completa-la xornada damos un paseo pola vila, baixo un intenso aguaceiro que nos fai refuxiar nun par de locais onde refrescar a gorxa. Voltamos despois ó refuxio, onde xa está todo o mundo a rillar a crema de cenoura e a carne estofada que temos de rancho, e mentres esperamos que enchan os nosos pratos picoteamos o queixo e o fuet que quedou do almorzo. Trala cea, inda botamos un grolo de patxaran caseiro, do que o Iosu nos regalou en Burlata, e que resulta un bo combustible para os soños...

E74 Refuxio de Linza – Mesa dos Tres Reis (Val de Ansó)



Xoves, 20 de marzo de 2008

Loitei durante toda a noite contra as pantasmas do pasado, que vertían nos meus miolos o veleno da nostalxia, na lembranza dos tempos nos que habitaba un corpo que era quen de asaltar os ceos, sen máis visitas ós talleres que para os oportunos cambios de aceite, pastillas de freo e revisións periódicas, e non coma agora no que sinto ó motor coma un feixe de trancallos e no que só o chasis aguanta, máis ou menos, pero máis ben menos.

E loitei no soño e na vixilia, porque deitado a 1350 metros sobre o nivel do mar, no dormitorio colectivo do refuxio de Linza, tiven tempo de repasar os momento nos que ascendín os cumios de Pena Forca, do Castillo de Acher, do Rincón de Alano, tan pretos e tan lonxe de onde escoitaba os ouveos dos lobos nos que se transformaban os ronquidos dos meus amigos, animaliños todos ó fin e ó cabo.

Ás oito da mañá tocaron diana, e o exército de montañeiros empezou a desprezarse, mentres eu loitaba aínda por arrincarme as teas de araña que teceran as lembranzas nos meus ollos. As profundas trincheiras cavadas no perímetro do meu campo de visión facía fácil adiviñar que non fora unha noite pracenteira, e non tiña demasiadas dúbidas sobre o feito de que non estaba no mellor momento físico e mental para a miña cita cas montañas de Pirineos.

Pola contra, Miguel e Zalo espertaron cos ollos sedentos de grandes fazañas e, mentres untabamos tostadas con manteiga e marmelada de fresas e as somerxíamos no colacao ou no café con leite, conviñeron en subir ó punto máis alto de Euskalherria: Hiru Erregen Mahia para os euskalduns, Mesa d’Os Tres Reis para os aragoneses, o Table des Trois Rois para os bearneses, xa que o seu cumio dividía os antigos reinos de Navarra, Aragón e Bearn. Para nós, máis alá do nome, exerce unha estraña fascinación un número, o 2444, o dos metros de altitude que separan o seu vértice xeodésico do nivel do mar.

Esperamos a Iosu, compañeiro de mil batallas nos meus derradeiros vinte anos, que despois da enchente que nos preparou na véspera en Iruña, cunha alubiada con guindillas, patas de porco e unha ensalada de regulamento, tamén está encargado do avituallamento desta xornada, xa que os servicios do refuxio son bastante precarios (teño que engadir que tamén os outros servicios, os hixiénicos, deixan moito que desexar: só tres cagadeiros e dúas duchas para a media centena de almas que compoñemos a súa poboación).

Mentres, saímos a dar unha volta polo Bosque de Gamueta, onde descubrimos un sendeiro que recorre este faial enfeitizado, e chegamos ata o Paso del Salto del Caballo, dende onde temos unha boa visión do Plan d’a Casa.

Descendemos ata o refuxio, botándolle olladas furtivas ó altivo Pico Maz, tamén chamado Txamantxoia, que a pesares de non chegar ós dous mil metros ten unha silueta ben atractiva, e dende abaixo semella unha pirámide. A visión deste xigante, tan preto de nós, tranquilizounos, xa que o seu cumio estaba sen restos de neve, e recortábase contra un ceo no que non había máis color cun azul velvia que fería os ollos: era o día perfecto para atrapar un soño que se viña repetindo nas noites metropolitanas, e ese soño tiña nome, e era aquí e agora.

Así que cando chegou o de Burlata, repartimos o peso do almorzo, axustamos as botas (Miguel, que esquecera as súas en casa tiña que probar con unhas que lle deixara o noso anfitrión) e botamos a mochila ó lombo. Pasaban corenta minutos das nove da mañá, e xa había un feixe de xente subindo diante de nós polas ladeiras herbosas, despois de cruzar un pequeno regueiro, iniciando o ascenso por un desnivel pronunciado onde intento poñerme ó día co meu antigo compañeiro de cuartel.

Ás nosas costas, rodeado dunha espesa fraga de faias e abetos, deixamos o elegante triangulo que forma o Txamantxoia, que tamén fai fronteira entre Nafarroa e Aragón, e Iosu sinálame cara a nosa dereita onde se alza outra mole que sirve de división entre os antigos reinos, agora comunidades autónomas, a Peña Ezkaurre, que pasa con creces dos dous mil metros e por onde transcorre o GR 11, chamado o Sendeiro dos Pirineos, que ven dende Isaba, baixa dende este monte cara Zuriza e vai por Tatxeras internándose nas terras aragonesas por Aguas Tuertas. Unha matada non apta para eivadiños, aínda que o que proxectabamos para esta xornada tamén se afastaba dos modestos presupostos cos que nos moviamos nos últimos tempos.

Pero o día enchíanos de optimismo, e ó pouco rato o desnivel suavizouse e permitiunos reagruparnos e recuperar folgos antes de volver a gañar metros ó ceo, acometendo un camiño estreito pola ladeira dun outeiro, que nos deixaba unha boa panorámica do Barranco do Petretxema, onde é habitual a práctica do esquí de fondo, aínda que nestes momentos non tiña máis ca un chisco de neve. Saímos á outra cara da ladeira, e ós seus pés, por onde pisarían os nosos, chegamos ó Sobrante de Linza, unha cubeta colmatada cuberta de herba e atravesada pola conca do río Petretxema, que á nosa esquerda forma a fervenza chamada Fuen d’o Cubillar. Aquí o camiño ponse vertical de máis, ó que hai que sumarlle que o firme volveuse pedregoso e hai que ter coidado con non esvarar, xa que algún dos cachotes está cuberto de xeo, e non é cuestión de mancarse cando só levamos descontados douscentos metros de desnivel. Este desnivel puña a cada quen no seu sitio, e os meus amigos ían aloxándose, cada vez máis sedentos de cumio.

Afrontamos as primeiras seccións de neve, alternándose con grandes placas de xeo sobre escarpes calcarios e baixo as que corren pequenos regatos, e esto obrigoume a extremar as precaucións, xa que do noso pequeno grupo era o único que non levaba bastóns. Este feito, unido á miña insistencia en fotografar cada novidade que presentaba a orografía, e a ir quitando un feixe de temas pendentes que tiña que debater co irmán Iosu (o análise das recentes eleccións, o estado das nosas doenzas, as viaxes a Italia, os progresos ca informática, a situación laboral...) fixéronme fatigar de máis na subida, e a aumentar a distancia que nos separaba de Miguel e de Zalo, cos que a veces perdíamos contacto visual.

A lingua de neve estendíase por unha ladeira cada vez máis vertical, e a pesar de atoparse bastante compactada o vento arrancaba cortinas de po branco e arroxábanos á cara as limaduras brancas mesturadas cun aire xeado. A pesares de que o sol seguía imperando no ceo sentíase aquí o derradeiro alento do inverno, mentres eu loitaba por soster o meu. Por eso tiven dous sentimentos enfrontados ó chegar ós 1936 metros do Collado de Linza. Por unha parte estaba ledo, aínda que esgotado, por chegar ata alí, e porque o terreo gañaba en horizontalidade na bifurcación entre o camiño que leva a Mesa d’Os Tres Reis, ou ó Petretxema, que xa divisabamos ó lonxe. Pero por outra, observando a enorme depresión karstica da Foya d’a Sólana, que se estendía ante nós, entendía que tiñamos por diante bastante faena, e xa ía coas forzas xustas.

Como non había outra, seguimos camiñando, agora xa reagrupados, polas ladeiras do Lapakiza de Linzola o A Paquiza Linzola, que a pesares de superar con creces os dous mil metros non esperta o interese dos montañeiros, xa que ninguén dos que nos preceden opta pola súa ascensión. Detívenme a calzar as miñas polainas, xa que o resto do grupo foi máis precavido e xa as levaba postas, e a escoitar as coplas de escarnio e maldecir do León de Paramos, que consigue ferirme no pouco orgullo que me queda, sen máis defensa que mandalo a tomar polo cu. Xa sei que non son o que era, pero é fodido de máis que elixan este momento para lembralo.
Foi un conato de incendio, pero había neve abondo para que non prendera o lume, así que seguimos cara adiante, polas pegadas que outros montañeiros deixaron antes que nós, camiño da mesa onde as lendas din que se reunían os reis de Aragón, Bearn e Navarra para dirimir as súas diferencias, máis non creo que as reais pernas subiran aquí para tales feitos, xa que as forzas para discutir despois da subida quedan moi reducidas, pero as lendas son así, sempre dándolle méritos á realeza.

A neve cubría practicamente toda a depresión kárstica, e só sobresaían algunhas rochas torturadas polas variacións climáticas extremas de ese hábitat particular, e ás veces as pegadas multiplicábanse ou desaparecían, e tiñamos que buscar os fitos para non trabucarnos de camiño, xa que ata aquí tamén converxe o que ven dende o refuxio de Belagua, subindo polo cumio do Lapazarra, de 1777 metros, que fomos deixando ás nosas costas. Levounos o seu tempo rodear a Foya d’a Sólana, e xurdiron novas dúbidas sobre por onde seguir, xa que estabamos nun labirinto calcario no que non había xeito de guiarse con seguridade. As gretas e fendas nas rochas, algunhas de varios metros de profundidade, coñecidas aquí como lapiaz, desenrólanse cunha densidade incrible obrigándonos a saltar, rodear e esquivar, atentos sempre a onde poñemos o pe, e dificultando o noso avance.

Esto fixo que comezaran a ruxir os nosos estómagos, así que sentámonos nunha caliza espida e o Iosu, cumprindo o seu papel de anfitrión, preparounos uns bos bocadillos con xamón de Salazar e queixo do Roncal, e aínda se desculpou por esquecer a bota de viño, ¡faltáballe pouco para nos adoptar!. Ata se lembrou de traer unhas laranxas, para o aporte vitamínico, e de todo dimos boa conta, empuxando cuns grolos de auga que parecía recen quitada da neveira. O certo é que eramos nós os que estabamos dentro da neveira, rodeados por tódolos lados por un inmenso manto branco.

Xa co bandullo cheo, e despois de preguntar a outros montañeiros que xa viñan de volta do noso obxectivo, que non acadaron pola forte ventoeira e as placas de xeo que había no cumio, decidimos continuar un pouco máis, por se temos posibilidade de completa-lo noso itinerario, cousa que, polo menos eu, xa dubidaba.

Baixamos cara outra depresión kárstica, a Foya d’o Portiello Larrea, baixo os paredóns calcarios que a pechan polo norte, Lo Puntal de Uquerdi, a 1998 metros de altitude, e que tamén sinalan a fronteira entre Aragón e Navarra. E despois de avanzar durante un bo rato por terreo horizontal, volvemos gañar altura pola ladeira pedregosa que discorre pola faixa dos xendarmes de pedra, que se recortan altivos contra un ceo no que empezan a aparecer inquietantes nubarrons. Era o que faltaba, que mudara o tempo...

Subimos un pouco máis, ata chegar ó Portillo Larrea, cun pe ou case na liña que delimita o territorio de Euskalherria, e dende alí admírannos os cumios do Petretxema (2360 m.), do Mouscaté (2232 m.), dos Picos de Budoguía (2366 m.) e do noso soño final, a Mesa d’os Tres Reis (2444 m.) ou Hiru Erregeen Mahaia, ou Table des Trois Rois, ou como queiran chamarlle, ó que, sen embargo renunciamos.

Levabamos preto de cinco horas camiñando, sorteando un desnivel superior ós setecentos metros, facía un frío do carallo alá arriba, e nos confirmaran que no derradeiro tramo había unha ventoleira do demo e que había que andar ben a modo polas placas de xeo, unhas nubes negras entraban polo porto de Belagua, e dende o Cirque de Lescun viña outra formación de nubes brancas como a supercie xélida que estabamos pisando, e quedábanos por diante todo o descenso, e as miña forzas, físicas e mentais, xa non daban para moito.

Así que fun o primeiro en tirar a toalla, en renderme, en renunciar, en acepta-la derrota, e arrastrar ós meus compañeiros comigo, porque sabía que a pesares de dicirlles que seguisen ata o cumio que xa tiñamos diante nosa, pesaríanlle tamén as cinco horas , o desnivel, o frío do carallo, a ventoleira do demo, as placas de xeo, as nubes negras e as nubes brancas, o descenso, e máis que nada a mingua das miñas forzas, físicas e mentais, a miña derrota.

A decisión estaba tomada e botámoslle unha derradeira mirada o punto máis alto dos sete herrialdes dese territorio indómito, que acapara as portadas dos periódicos estatais dende que teño uso de razón, e as montañas cércanas que seguen soando nos nosos ollos: Petrexema, Budogía, Ansabére, Atxerito, Hiru Erregeen... e antes de darlle as costas cada un de nós, sen que faga falla mover os beizos para que se entenda, fai unha promesa: Volveremos!

E a volta xa non ten dubida, porque a facemos pisando as pegadas que imprimimos na neve esa mesma mañá, mascando cada un a súa propia derrota, que é a derrota de todo o grupo. Xa sei que esta non é unha expedición para subir ningún oitomil, e que temos algúns días por diante para intentar outro cumio, aínda que as previsións meteorolóxicas non sexan moi boas, pero as pantasmas do pasado, esas que levo tocándome os collóns na mochila, fan que o retorno pola Foia d’o Portiello Larrea sexa penoso de máis, e de que teña ganas de pagalo co primeiro que se me poña diante. O Zalo, consciente o inconscientemente do meu baralle, pon distancia entre nós e desfai o camiño a bo paso, falando con Iosu de temas comúns, mentres o Miguel atende os meus lamentos, algúns metros máis atrás.

Os pequenos desniveis que atopamos neste tramo e no seguinte, na Foia d’a Solana, resúltanme especialmente penosos, e agradezo os alentos dos meus compañeiros, que me resaltan a beleza que nos rodea, ata chegar o Cuello de Linza, e máis ala. De tódolos xeitos, esta é a parte máis fácil, porque o descenso de verdade comenza a partires de aquí, e eu non as tiña todas comigo, para afrontar a verticalidade sen bastóns.

O certo é que o descenso non resultou tan fodido como pensaba, xa que fun evitando as pegadas dos que me precederan, e onde a neve endurecera facéndose esbaradiza de máis, e cravando os talóns na neve virxe para facerme unha escada a medida, así baixei ata que o manto branco foi desaparecendo e o terreo mudou, primeiro seccións de caliza con placas de xeo, despois en tramos de herba mollada e máis tarde en terra enlamada. De tódolos xeitos tampouco foi un camiño de rousas, xa que viñamos, e penso que non fago mal en falar en plural, un pouco tocados (si, eu máis) das moitas horas de ascensión, e os tramos máis inclinados nos facían adoecer os xeonllos.

Pero xa di o refrán que nunca choveu que non escampara, e sete horas despois da nosa partida chegamos o Refuxio de Linza sen máis contratempos. Cadaquén estirou ó seu xeito, duchámonos na incomodidade dos reducidos baños unisex, mudámonos de roupa e tomamos un refresco co de Burlata, antes de que partira para a súa residencia campestre de Murillo. Zalo, Miguel i eu, convimos en aproveitar o que nos quedaba de tarde facendo un pouco de turismo polos arredores e collemos destino a Ansó, a catorce quilómetros da nosa base.

No traxecto, seguindo o curso do Río Beral non puiden evitar un momento de nostalxia ó pasar pola Borda Changalé, onde pasara tan bos ratos ca familia Urrutia e, teño que recoñecelo, non só con eles. Pero non eran esas as pantasmas que me pesaban, senón as que me impediran subir facía unhas horas, e seguían a rillarme nas orellas e a pecharme a boca, como si a tivera chea de puñetazos. Menos mal que ó chegar á pequena poboación asistiume o satélite e puiden votar a voar un feixe de verbas para xuntalas coa miña metade.

Ansó está encravado ó longo dun lombo rochoso entre dous ríos, non so para preservarse dos seus veciños navarros e bearneses, senón por efectos máis prácticos, xa que ocupa un terreo improductivo, non apto para os pastos. Esta é a causa de que o pobo teña só dúas rúas lonxitudinais seguindo a dirección do espolón rochoso, cruzadas por uns poucos caixóns transversais, curtos e estreitos, que dan respiro a estas dúas arterias. Este feito non quita para que os meus compañeiros desaparezan, seica temerosos de que pecharan as tendas, e que teña que volver a recorrer ó satélite para atopalos, eso si, despois de collerme un cabreo do carallo.

Fixeron a compra, merquei selos e postais, tomamos unha cervexa e acadei un agasallo para a miña nena, e con esas viñeron as sombras e regresamos ó refuxio, a mandarlle un caldiño, unhas patacas con chourizo (ben malas por certo), e uns anacos de polo asado. O día non deu para máis, pola notei tiven que loitar outra vez contra as pantasmas.


E73 Sendeiro do Aloia – Muíños de Circos (Tui)



Domingo, 10 de marzo do 2008

Entre as cousas pola que paga a pena sorrirlle a un novo amencer, ademais dun gratificante intercambio de sentimentos que sempre fai ver o vaso medio cheo, está a posibilidade de que os prognósticos, sexan meteorolóxicos, electorais ou reservados, non sexan certezas, nin verdades absolutas, e que en moitos casos nin tan sequera se aproximen ó que acontece despois. Así que cada día agocha pequenas sorpresas, e na medida de que estas sexan mais ou menos agradables resulta o suma e sigue que dá forza para afrontar outra noite coma esta, na que me toca outra vez traballar.

Pois si, ou mais ben pois non. Porque o caso é que na véspera, cando saía do recuncho escuro do Anoeta, atronado pola efusión dun feixe de metaleiros mexicanos, chovía arreo como para facerlle caso ó parte de Santiago Pemán, aínda que agora seica a xentiña xa o ten xubilado e escoita a un gurú de internet, e nada facía soñar co día bonito que tivemos hoxe. Cun fato de nubes, algunhas de ferro e outras de algodón, pero onde o sol abría grandes fiestras polas que facernos cóxegas e acariñarnos, ata facernos espirrar un feixe de sorrisos.

E tampouco valeron de nada as previsións de que, debido ás previsións anteriores, ou sexa a unha suma de previsións, só Zalo, co que quedara as doce e cuarto no Concheiro, ía sumar os seus pasos ós meus, e que faríamos un deses pateos de mollaparvos que só nos gustan ó de Paramos e a mín. Nada máis conectarme co satélite telefónico xa tiña o móbil asubiándome unha mensaxe de María, que inda non sabía se si ou se non, pero finalmente decidiuse polo si.

Así que xa eramos tres, así que recollín á Chinita e acordei de pasar polo Concheiro, a pesares de que Zalo chamara para quedar no Stop, xa que salia dende Tui, pero aínda estaban os mexicanos a berrarme na cachola, porque pasei polo lugar das convocatorias sen ver se había alguén.

E si. Déronme en chamala atención, polo teléfono, e din volta para darlle outra labazada os prognósticos. Alí estaban Ramón, Yuka, Xurxo, Nacho e Miguel. Arre carallo, como nos vellos tempos, o exercito eivadiño (case) ó completo.

Organizamos o tema do transporte, xa que Ramón e Yuka só viñan a xantar, outra tradición das moitas que xa ten esto no que levo empeñado nos derradeiros dous anos, polo que se ve que cada quen atopa as vantaxes a esta fórmula que me descubriu, coma tantas outras, o mestre de Paramos nas terras onde combateron os da Travanca. Graciñas, meu amigo, polo teu alento nas miñas horas escuras.

Nese comedeiro de San Pedro da Torre onde imos un domingo si e outro tamén, xuntámonos a comenta-las enquisas electorais, a programalas vacacións de semana santa, a discutir a ruta que faríamos despois, a contalos concertos e outros actos culturais, e máis que nada, a dar conta das racións de arroz de tamboril, arroz malandro con panados, lulas grelhadas e caldo vexetal, que os camareiros do Stop puxeron rapidamente sobre a nosa mesa (agás o velho que mirábanos de reollo, porque sempre lle fodemos a quiniela).

No transcurso da paparota, e como ninguén estaba contento cas miñas propostas ( a min ese sendeiro non me interesa, ese xa o fixen, ese gústame pero non nos da tempo...) o Zalo sacouse da chistera un deses cóellos que sempre leva para marabillarnos, e convenceunos para levarnos as súas terras, o seu país como din máis abaixo dos Alpes, e volvemos a cruzala fronteira para subir ó Monte Aloia.

A verdade é que xa ía tempo que non pisaba estes montes, e intentaba lembrar cando, como e quen nos acompañou na derradeira vez que fixemos este itinerario non homologado, mentres agradecía a cobertura de Ramón e Yuka para non ter que andar para arriba e para abaixo cos coches, xa que o percorrido era lineal. Tamén agradecín que María, que aínda dubidaba se quedar ou marchar, quedara, xa que de elo dependía face-lo camiño de subida ou de baixada. Así que subimos, pero en coche, para baixar felizmente a patas.

No Alto da Cruz fixemos uns estiramentos, máis ben poucos xa que había xente que viña estirada do ximnasio, quitamos catro fotos o Baixo Miño que se estendía baixo os nosos pes, e miramos con nostalxia os cumios da nación veciña, especialmente a Serra d’Arga e o Monte Faro, onde cada un de nós tiña parte das súas lembranzas. Mentres, albiscamos no ceo o resultado incerto da liorta que se libraba entre o sol e as nubes, que seguían sendo de ferro e de algodón a partes iguais. Todo podía acontecer, así que nos deixamos de previsións, despedímonos da parella e puxémonos a camiñar.

Ante a miña insistencia en rexistrar os carteis das distintas especies que conviven nesta parte do parque botánico (so nos primeiros metros, ademais de piñeiros, a especie dominante, atopamos castiñeiros, carballos, oliveiras, pradairos, bidueiros e teixos), o noso guía cóntame que en 1904, cando foi inaugurada a Grande Cruz, este terreo estaba totalmente desarborado, e hai testemuñas gráficas do feito. A min, a información dáme máis pulos para rexistrar esta éstrana masa forestal, non vaia ser o demo que cambien as tornas e dentro de algúns anos volva a estar como a principios do século XX, que hai moito cabrón prendéndolle lume ó monte na nosa terriña.

Cando votamos a camiñar xa atopamos un motivo para facer unha parada, a Cama de San Xiao, un penedo de granito, dos moitos que existen dispersos por esta zona, e que ten un oco onde as mentes piadosas pretendían que descansara a cabeciña do santo. Serán desgraciados! A quen se lle ocorreu que ninguén, por santo que fose, podía durmir baixo esta pedra, quizais en riba dela... para comprobalo fíxemos un pequeno campionato de escalada no que se viu que as miñas facultades neso xa estaban bastante minguadas, e que outra vez Zalo era o campión. Eso si, ben guapiños que saímos no alto da pedra, grazas a que María quedou abaixo para retratarnos.

Baixamos da cama e seguimos baixando ata cruzala carreteira, non sen antes alucinar cunha desas obras de arte moderno que plantan en calquera sitio, neste caso unha escultura de madeira que semella un anaco da muralla china. Curiosa si que era, como outro dos apuntes do guía, que comentábanos que hai anos había unha zona de acampada máis abaixo, cara onde nos dirixiamos, pero como abriron un cámping preto de Tui decidiron prohibir o tema do cámping gratis, así son as leis do mercado ¡o pobre xa non pode durmir onde lle peta!

Cando alcanzamos a zona onde xa non se pode montala tende aproveitamos as madeiras que a coutaban para facer un número de circo, e así Xurxo, Nacho e máis eu subímonos as travesas para emular ós equilibristas que mirabamos de pequenos na tele e algunhas veces nas festas ou na rúa ¿alguén se lembra como se chamaban aqueles que puñan un cable entre o Castro e o Concello e camiñaban sobre el?. Aquí, aínda sorteando as pedras dalgún que ten a manía de lapidarme, ganei eu. Algunha vez tiña que ser.

Con estes enredos chegamos á Senda de Cabanas, que discorre polas marxes do río do mesmo nome, tamén chamado, ignoramos porqué, Senda das Udencias. Entramos nunha fraga cunha diversidade botánica importante, xa que ademais dos típicos exemplares de bosque de ribeira, salgueiros, bidueiros e abeleiras, atopamos criptomerias, piñeiros de Oregón, pereiras bravas, acacias mouras, falsos alciprestes... é imposible deterse en tódolos carteis que anuncian unha nova especie, e boto de menos o meu amigo Xaime, que seguro gustaría deste percorrido.

Por este sendeiro alfombrado tamén polas follas dos carballos chegamos ás Pozas de Cabanas, onde temos clase de zooloxía, xa que aquí é unha zona de cría de anfibios: ras, salamántigas, tritóns e sapos, así coma lugar axeitado para ver, na súa época, as libélulas ou cabaliños do demo, das que neste parque hai preto de 20 especies, entre elas algunhas con nomes ben curiosos: Gaiteiro vermello, libeliña cuadrimaculata ou Tizón azulnegro. A presenza destas especies é un indicativo da limpeza destas augas.

Pouco nos importa que estas pozas non sexan naturais, xa que ó final delas atopamos unha presa de pedra, xa que o entorno é ben bonito, ata cas súas pontellas de madeira, un sitio deses que as familias gustan para facer as merendas. E por que non, se despois se levan toda a merda con eles ¿ou hai alguén tan porco como para vir ata aquí e deixar unha bolsa de lixo espallada polo prado? Pois si, de todo temos na viña do señor, aínda que por fortuna non atopamos tal mostra de pouca conciencia ecolóxica dos nosos concidadáns.

O seguinte tramo, despois de uns metros de asfalto, e deixando o río atrás, lévanos por un monte de piñeiros do pais, que tampouco é unha especie autóctona, xa que se introduciu dende Portugal no século XVIII. Pode chegar dende o nivel do mar ata altitudes elevadas nos montes de interior, aínda que o seu óptimo de crecemento sexa nas bisbarras costeiras e vales fluviais por debaixo dos 400 metros. Aquí imos falando variado, sen facerlle demasiado caso á paisaxe: os festivais musicais do verán, os voos a Italia e a gastronomía local, as rutas de Pirineos, a carteleira... En fin, que falamos por non estar calados. Outra vez cruzámo-la estrada e internámonos noutra masa forestal singular, na Senda Botánica, onde, xunto con algunha das especies xa sinaladas, e baixando polo curso do Regato Tabernas, atopamos acivros, sanguiños, estripos, érbedos, e castiñeiros.

Na Galiza existía un antigo costume de plantar estes últimos en terreo de propiedade comunal, sendo o aproveitamento das árbores exclusivo de quen as plantou e dos seus herdeiros, aínda que a terra seguía a ser dos veciños. Esta práctica chamábase “de postas mortas” xa que o dereito prescribía ó morrer a árbore.

Esta senda está acondicionada para que ata os máis cativos podan acceder a ela, e estuda-la natureza no seu estado (case) salvaxe, xa que cada pequeno obstáculo é sorteado cunha pontella de madeira, ou cunhas escaleiras de pedra ou cun pasamáns, e pese a todo isto non deixa de ser un lugar fermoso para dar un paseo dominical, tal e como facemos nós.

Ó remate desta senda tan didáctica, atopamos un panel onde resumen todo o que acabamos de ver, a mestura de diferentes tipos de bosque: de ribeira (amieiros, salgueiros), mediterráneo (sobreiras, érbedos), atlánticos (carballo, bidueiro, castiñeiro), e de repoboación (mimosa, eucalipto, alcipreste, piñeiro). Preto de aquí tamén atopase un centro interpretativo que atopamos pechado, e que imaxinamos estará destinado ás visitas escolares, digo eu, ¿ou é que pecha domingos e festivos?.

Dándolle as costas ó Regato Tabernas, internámonos nunha fraga máis heteroxénea, onde abundan os carballos e imperan os piñeiros, e o terreo gana horizontalidade, para alcanzar un dos puntos máis interesantes do percorrido: o Rego de Pedra. Esta sinxela construción, de feito é unha estreita levada de pedra que vai conducindo a auga monte abaixo, non deixa de ser curiosa, xa que non ten un trazado lineal senón irregular, e vai sorteando os penedos e as árbores durante varios quilómetros, coa particularidade de que, ademais, segue servindo ó fin para o que foi construído: levar auga para o rego dos campos. Miguel, Xurxo e Nacho atopan un aliciente no camiño, ó ir quitando as follas caídas dos carballos do interior da canle, para que o líquido elemento non atope obstáculos no seu monótono vagar.

Nestes traballos chegamos ás Pozas de Frinxo, unha sucesión de tres presas onde se recolle a auga que ven do Rego de Pedra, dende onde se distribúen ás leiras dos veciños da poboación do mesmo nome, que xa está á nosa vista. Algúns botan de menos, ante a visión dos campos dispostos en terrazas, as terras de Sistelo, que insisten en chamar o Pequeno Nepal, e o certo é que xa me teñen intrigado con esas montañas máxicas que os teñen engaiolados.

Despois de cruza-lo pobo de Frinxo, e internándonos nunha pista forestal que discorre por unha mata forestal ateigada de piñeiros, chegamos ó Castro Alto dos Cubos, un poboado castrexo, da idade de ferro, ubicado nun outeiro tamén chamado Cabeza de Francos, topónimo que ven dado por que tamén atopáronse restos dun asentamento franco nas súas estribacións. De feito, como nos sinala o Zalo, o lugar foi ocupado polos franceses durante a ocupación napoleónica. No poboado desenterráronse, por primeira vez en 1933, varias construcións de planta circular, e parte da muralla que o protexía. As xentes que o habitaban tiñan un bo balcón aberto ó Baixo Miño, o que lles posibilitaba preparar con antelación a defensa ante eventuais invasións.

Abandonamos o enclave dos nosos devanceiros inmersos na polémica da data electoral na que se decide a composición das cortes e, de resultas deste resultado, o nomeamento do presidente de goberno. As posturas, xa que somos xente diversa, varían dependendo do que consideramos cada un como voto útil ou como voto inútil. Eu, por se lle interesa a alguén, inda que o dubido, abstívenme, e máis convencido que moitas outras veces que votei. De tódolos xeitos o debate non é demasiado apaixonado porque tampouco é que, a estas alturas do campionato, andemos con ganas de convencer a ninguén. E con estas lerias chegamos á parte final do sendeiro, seguindo o curso do río Tripes.

Na xuntanza dos ríos Tabernas e Cabanas, que da lugar ó Tripes, atopase un conxunto etnográfico de gran valía para o noso patrimonio, a dos Muíños de Circos, algún dos cales se atopa aínda en bo estado de conservación. O entorno é espectacular, xa que os enxeños hidráulicos atópanse inmersos nunha fraga de carballos, bidueiros e salgueiros. Como última curiosidade botánica contareivos que a casca dos salgueiros conten salicina, o principio activo que constitúa a base do medicamento quizá máis popular que existe: a aspirina. No entanto os salgueiros non se empregan para fabricar este produto farmacéutico, pois as súas compoñente obtéñense sinteticamente.

O sendeiro que descorre a carón da ducia de muíños que alimenta a forza do Tripes é para facer de vagar, para deterse, para escoitar as follas que pisan as nosas botas, ou o rosmar da auga o bater contra a pedra, pero os meus compañeiros xa teñen presa por chegar ó coche e pasamos a fume de carozo por esta terra enmeigada.

Menos mal que a providencia pon no noso camiño a Benito, oriúndo de Paramos como o Zalo, a quen saúda mentres carga un saco de millo. O Benito casou na veciña aldea de Circos, e agora ten muíño e parece que lle gusta o de moer como se facía antigamente, así que, despois de pensalo un pouco, saímos tras el para ver funcionar a pesada roda de pedra, transformando o grao en fariña.

O Benito é un tipo afable, que non ten reparo en ensinarnos as súas artes de muiñeiro, e incluso en ofrecernos un trago de viño que, por precaución, non vaiamos a rematar en muiñada, rexeitamos. E aínda invítanos a volver para a Festa do Burro Fariñeiro, que celebran nestes lugares. Despedímonos do Benito, e ata estamos tentados de pórlle o seu nome ó sendeiro, e non será por veces que o repetiu o seu paisano, pero a miña memoria, xa o sabedes, e coma un can de palleiro.

Ó remate pasamos polo pobo de Circos, que pertence á parroquia de Pazos de Reis, cunha fermosa pontella de pedra que /cruza o río e as viñas dispostas en socalcos, e non imaxinamos mellor lugar para facerlle unha homenaxe ós burros fariñeiros, así que esperamos que nos chegue a convocatoria. Seguindo o curso fluvial, entre máis muíños, aínda que nesta parte comidos polas silveiras, chegamos á estrada, onde pomos punto final ó recorrido.

Seguidores