E268 Ruta AQA (Covelo)



Sol, 11 de novembro de 2012
Quizais soñei de máis ou quizais durmín de menos, pero cando espertei non tiña demasiado claro cara onde camiñar, a non ser cara a ducha, para abandonarme ós agarimos da auga e coa pel renovada sacarme do peito outro anaquiño do paraíso perdido onde confundir cos meus pegadas e verbas.
Quedara con dous dos meus incombustibles, deses que si ou si se manteñen na miña cobertura, ás veces dende un silencio e unha distancia respectuosa ou levados polas súas circunstancias, pero sempre dos que me alentaron nesta teima que se deu en chamar Eivadiños dende os primeiros tempos. Xacobe e Miguel estaban pois convocados en Amaquía, para café matinal e o que se prestara, e iso dábame folgos para saltar pola fiestra.
Atopeime alí con varias sorpresas. A primeira que tamén os Botas nos favorecían coa súa presenza, e boa sinal era esa, xa que contar con eles nas nosas filas sempre lle da pedrigri á saída, e con eles traían a Montse, histórica da nosa historia e da nosa prehistoria, pois tamén coincidiramos con ela no Club de Camiñantes. E para completar o círculo perfecto, xa cando tomabamos ó café, apareceu Tucho, uniformado para saír, cando menos, na portada do Grandes Espacios, outro dos bos e xenerosos que fichamos na última temporada e que lle deu un pulo importante ó noso empeño polos camiños.
Non houbo discusións ós meus plans iniciais de ir cara as terras do Paradanta, onde o mundo se chama Covelo, aínda que non lles convencía do todo nin o Pelo do Lobo nin os Carranos, e quedamos na praia fluvial de Maceira para tentar buscar outra ruta, chamada AQA, da que o único que sabíamos era que transcorría a carón do río Tea.
Conversa amigable con Miguel e Xacobe mediante, e algún microsono tamén, chegamos a Maceira, onde nos reunimos co resto da tropa, e buscamos infrutuosamente información da ruta, aínda que cando xa partíamos en dirección a Fofe tivemos que recuar, xa que os Botas deran coa sinal do inicio da ruta.
Apertrechámonos contra o frío que arrecía polo alento do Tea, e algún tamén contra a chuvia, pois a pesares de que non semellaba inminente estaba anunciada, e saímos na procura de novos camiños por un que debuxaba a liña do río, aínda que afastado uns metros del.
Ós nosos pés un balbordo de augas rebeldes erguía un tapiz de escumas brancas por onde Miguel e máis eu soñabamos pasos imposibles para unha navegación que, nin no mellor dos meus tempos, non estaba ó noso alcance, e conformámonos coa sabedoría do meu amigo en materia micolóxica, xa que dende o comezo do sendeiro atopamos unha auténtica mostra de cogomelos e fungos de tódolos tipos.
Outra das constantes do camiño, que na primeira parte non tiña apenas desnivel, foi a de atoparnos con tramos ben enlamados, onde tivemos que facer equilibrios para non enterra-las botas, aínda que a sección fotográfica do grupo, especialmente Xacobe, soubo quitarlle bo proveito para acadar algunha imaxe curiosa do momento.
Montse e os Botas estaban en outro xogo, e cedo tomaron a vangarda, e confabuláronse cun ceo primaveral para arrancarnos os primeiros suores. Eu laiábame de non camiñar máis preto do río, pois a pesar de ter algunha panorámica privilexiada dende a altura, eran máis os tramos nos que so escoitabamos o seu ruxido.
En canto a vexetación tamén tiña desvantaxe  camiñar polo sendeiro, xa que este transcorría entre unha mancha extensa de eucaliptos, e máis preto do río se a masa forestal era a do típico bosque de ribeira: salgueiros, ameneiros e freixos.
Pola contra a conversa, coma sempre, era de calidade, aínda que non era o día que máis estaba eu pola labor, e aínda así falei con Tucho dos concertos do verán e do outono, con Montse de pobos oprimidos e da carteleira de cine, e coa señora Botas…
Ca señora Botas si que houbo polémica, co galo da resurreción (a segunda) dos Eivadiños, pois non estaba moi de acordo co actuar de este que  subscribe, máis cada quen expuxo as súas razóns ou os seus sentires, e o que calou (que foron lexión) semella que foi porque non estaba demasiado interesado nestas rifas, que ó fin e ó cabo, nun colectivo tan reducido coma este, sonche ben estériles.
O sangue non chegou o río, penso máis que nada que porque estaba algo afastado, ou porque o señor Botas aínda lle quitou ferro ó asunto e nos fixo rir a todos, ou porque o Xacobe, o noso Kofi Anam, estaba polo medio, ou tal vez porque uns metros máis adiante internámonos nunha carballeira fermosa desas que fan mellorar os ánimos.
E máis aínda cando chegamos á desviación da Poza do Anguieiro, onde os Botas nos guiaron a través dunha espesa vexetación, para agasallarnos cunha das visións máis fermosas deste río (que ten moitas), onde as augas esmeraldas se encoran dun xeito natural despois dunha pequena fervenza.
Demoramos un bo rato neste anaquiño do paraíso perdido, uns quitando fotos, outros examinando cogomelos, e todos regalando a vista co entorno, e custounos afastarnos del, aínda que continuamos coa promesa de novas  aventuras. Non tardaron en chegar, pois uns metros máis aló tivemos que cruzar, a carón dunha vella pontella vencida polo tempo, o regato do Anguiero, tributario do Tea, onde houbo conato de rebeldía.
Uns porque querían comer xa, sobre as pedras desgastadas da pontella, onde daba o sol, e outros porque non tiñan certo o xeito de cruza-lo regato, aínda que despois de rosmar un pouco, e de facer non poucos equilibrios, deron en seguirme no meu empeño en completa-la ruta.
O que seguía non era mellor, e ben lamentei non facerlle caso ós que querían xantar na pontella, porque seguimos a nosa andaina por unha pista de terra, entre eucaliptos e tumbas. Si, tumbas, pois foron dúas as que atopamos no camiño, e que en outros tempos non tan distantes farían que quitaramos as máscaras da mochila e tivésemos un momento zombi. Pero iso xa é historia…
A tropa impacientábase por non atopar un lugar axeitado para xantar, pero conseguín convencelos para facer algún quilómetro máis, aproveitando un novo tramo de bosque autóctono, ata que dimos en cruzar o río Alén, nunha zona de pradarías, que rematou nunca estrada onde, si ou si, había que tomar unha decisión importante, ou varias.
A primeira foi a de dar conta das nosas provisións sentados na pedra dunha ponte pola que pasaba a estrada, aproveitando que aínda había catro raios de sol que daban algo de alegría, e mentres batíamos a mandíbula con ganas houbo consultas cos jipieses, pois o Miguel lle facía competencia á señora Botas, aínda que non con moito acerto, pois non se puñan de acordo co camiño de volta.
Isto, e as poucas horas que quedaban de luz, motivou que decidira dar volta polo mesmo camiño que viñeramos, non foramos dar co barco nas pedras, pois a experiencia me dicía que cando no está claro o mellor e non meterse, máis que nada porque tiña quenda de noite e non tiña ganas, como xa me pasou algunha vez, de chegar a trote cochinero, sen cear e sen ducharme, ó traballo.
Así que rematamos a comida, e debeunos coller algo o frío, pois puxemos en marcha a bo ritmo, co grupo ben compactado, tentando atrapar os derradeiros alentos do Lourenzo, que aínda acompañou un bo rato, e nos deu motivo para insistir na nosa teima de atrapar nas nosas memorias dixitais un feixe de imaxes fermosas e tamén algunha divertida, como no cruzamento do regato do Angueiro, onde algún estivo a piques de molla-los pes.
O día non deu para máis anécdotas, e rematámolo cunhas cuncas de café con leite na Reitoral de Fofe, onde nos fixemos cos folletos da ruta que, contra o que pensabamos, era circular, polo que, máis pronto que tarde, faremos por volver a este anaquiño do Tea, onde confundimos, unha vez máis, sorrisos, palabras e pegadas.

E267 Sendeiro do Eifonso (Vigo)


Sol, 4 de novembro de 2012
“Abrimos os ollos a outra madrugada no día que endexamais chamaremos domingo, xa que non hai liturxia relixiosa, nin compromisos familiares, nin campionato de fútbol, nin campaña electoral, nin, afortunadamente, espantosa resaca que nos afaste das nosas afeccións, adicións ou  devocións (táchese o que non proceda) polos grandes espazos, polos grandes amigos e polas grandes paparotas.
E ó mediodía, sumando máis dun cento de aventuras similares e disimiles, apostámonos a saída da metrópole esperando a orde de partida, que dende as nosas cinco gorxas soan máis como unha invitación, como un desexo, como a unión de cinco vontades. A primeira, a do Alex, entusiasta ata os confíns do imaxinable, que a noite anterior foi quen de darlles unha boa ración de metal ós jodechinchos cos seus Aphonnic.”
Moito mudou o mundo, meu querido Alex, dende aquel febreiro do 2009, no que subimos polos carreiros do Eifonso, e non sempre para mellor, xa que dende entón agravouse esa agonía do capitalismo que tanto sufrimento está traendo ás nosas clases proletarias, e ata aqueles que, na súa inocencia, sentíronse burgueses, e polo tanto intocables.
Aínda algúns crían no Estado do Benestar, e como aquel presidente que tiña ata a ousadía de proclamarse “socialista”, dicían que viviamos no “mellor dos mundos posibles”.
Tal vez nós non estamos demasiado afastados de aqueles que fomos, e dende as nosas diferenzas sigamos apostando polas utopías, e nos deixemos acariñar pola idea de que “outro mundo é posible”, e cada un ó seu xeito tenta loitar dende as súas trincheiras, aínda que penso que ti, dende o teu proxecto, é o que máis firmemente aposta para que a realidade se encaixe nos soños, e non ó revés.
A corrente de solidariedade que ergueu nestas últimas semanas o patrocinio do voso último disco (que non derradeiro) ven a subliñar o importante que é crer nunha idea para que os demais a compartan.
Moito falamos dende entón deste cativo proxecto, o dos Eivadiños, que parín entre os ecos dunha doenza que tamén che é familiar, un moito ó meu xeito, e que tentei facer como unha extensión da miña cobertura, da cal está de máis (pero o digo igualmente) formas parte indispensable, a pesares das tempadas que, por avatares varios que non veñen a  conto, non estivemos tan preto.
Cando comecei a escribir esta crónica, tentando recuperar esa fórmula orixinal que abandonei nos tempos desa reviravolta dos zetas, non sabía moi ben por onde tirar, xa que o Eifonso é un camiño de sobra coñecido, e o traxecto non foi moi arriscado, nin tivemos que afrontar demasiados desniveis (aínda que para min lle chegou), e busquei nos meus arquivos buscando o relato daquela outra vez que partillaramos este camiño, atopando curiosos parágrafos coma este:
Dende os primeiros metros parece que simpatizan o Cachorro e a Mosca, intercambiando impresións sobre grupos e tendencias musicais, e alédome que o meu sobriño tarde tan pouco en integrarse na nosa indisciplina, neste grupo heteroxéneo, nesta suma de vontades que ían descubrindo o trazado que, fai un bo feixe de anos, marcara o desaparecido club de montaña Serra do Suido, ó que pertencían, entre outros, os pais do Samu.
Quen nos diría que case tres anos despois estarías dándolle clases ó Samu, tentando facer del un bo batería, e que na véspera o veríamos darlle ás baquetas co seu propio grupo, tentando seguir os teus pasos, e os seus propios soños…
Gustei de compartir este último concerto dos Brainwave contigo, meu amigo, e máis aínda de que o día seguinte, cumprindo o prometido, quedaramos os dous para recuperar esa teima nosa polos camiños, da que ámbolos dous, ti algo máis que eu, estabamos afastados.
Máis aínda que se sumaran os senhores Botas, eses grandes dos camiños, que dende a xéneses foron animadores y entusiastas partes do proxecto, máis aínda nos últimos tempos onde, practicamente, eran eles os que simultaneando as tarefas do seu proxecto particular con ese novo que naceu das cinzas dos Eivadiños, deron en abrazar a causa do Antisenderismo.
E bo traballiño que lles deu, especialmente á senhora Botas, que non daba abasto para manter as dúas bitácoras, e a quen aproveito dende aquí para darlle as máis sinceras grazas pola súa anegada e desinteresada laboura.
O certo é que, unha vez máis, non acompañaban as predicións meteorolóxicas, e aínda así, teimudos que somos, acercámonos a Bembrive, pretiño coas súas lindes con Beade, para subir a montante polo Eifonso, onde o outono xa estaba espallando a follasca polos camiños para confundir, unha vez máis, as nosas pegadas, que dende aquel outubro de 2008, nas terras do Vez, sumaban xa uns centos de quilómetros.
Volvémonos deter nos muíños coa curiosidade da primeira vez, mentres ti falabas de cousas técnicas co senhor Botas, e eu de outras mais terreais coa nosa Comandante, que moi ben me describiu as sensacións que traían da véspera da Ribeira Sacra, ala onde o outono racha nunha sinfonía de cores impresionante. Aínda que tamén saboreamos os silencios, onde a auga, o vento e as criaturas da fraga debuxaban a súa propia melodía.
Detivemos, non podía ser menos, nos muíños da Ferrolana e ó seu carón, na Fervenza da Bouza Fría, onde fixemos unha sesión de fotos na que ti, meu caro Alex, levaches as mellores imaxes, grazas a ese sorriso que che sae do corazón, aínda que queiras poñer cara de león. Tiveron que ter paciencia os Botas comigo, unha vez máis, pois non me chegou coas que tomei na base da fervenza que tamén quixen tomar algunhas dende a cima, xogando un algo o tipo, que para iso mesmo me soporta.
O desnivel acentuábase, as nosas forzas minguaban, e preto da capela de San Cibrán pensamos en dar conta das nosas provisións, que xa había quen tiña un algo de fame ¿quizais ti, Cachorriño?, pero impúxose un pouco a cordura, xa que había que aproveitar a tregua que nos daba o tempo para tentar chegar ó Parque Forestal de Beade sequiños. Ti xa ías provocando, en camiseta, mentres que os Botas ían ben equipados, i eu de máis, suando coma un becerro, e todos apañabamos, de cando en vez, algunha castaña entre un feixe de ourizos.
Houbo algunha dúbida máis alá do viaduto da autoestrada, un cambio de trazado do sendeiro, e algo máis arriba, onde os sinais escaseaban e eu tiven que tirar da memoria, que nos levaron ás Casas da Fraga, un poboado abandonado que se atopa nunha encrucillada de camiños, que ten a súa historia:
Existen citas sobre a existencia do poboado que se remontan ó século XVI, cando no ano 1528 o bispado de Tui acede a aforar a Gregorio Vázquez o casal da Fraga de San Cibrán, que chegou a contar cun aserradeiro, fornos independentes das casas e varios muíños. A auga rezouma pola calzada de pedra que da aceso á aldea, procedentes das Minas de Champintiel, encouzadas en 1898. O misterio rodea este lugar xa que se descoñece cales foron os seus últimos habitantes e porque o abandonaron, xa que no principio do século XIX había censados trinta veciños. Tamén consta que foi refuxio dos fuxidos republicanos perseguidos polo réxime franquista, e que formou parte do Camiño Portugués, e que mesmo as tropas francesas pasaron por aquí na invasión da cidade olivica fai agora douscentos anos.
Tamén nós temos a nosa historia, ¿non si? a que partillamos en tantos camiños, non tantos como quixeramos, e certamente aínda máis nun bo feixe de concertos, e tamén comidas, merendas e cenas, e moitas noites de troula pois, aínda que semella mentira, unha cousa leva a outra, e esta levounos a facer o último tramo por unha fenda de terra, aberta polos adictos á bicicleta de montaña, que eu ben sabía que nos levaría ó parque forestal.
Ti festexáche-la chegada bailando uns ritmos caribeños que, a un volume brutal, viñan dende o campo de fútbol, aínda que non houbera ninguén xogando. E o resto do noso grupo tamén o fixo, pero sacando das mochilas cadanseu bocadillo e dando conta del no primeiro sitio que nos semellou axeitado, aproveitando un sol que aínda nos acariñaba.
Dende alí contactamos co noso compañeiro do metal, a Criatura, que xa estaba ó corrente das nosas andanzas dende o principio, para que se animara a partillar o camiño de baixada, e despois de varios intentos infrutuosos conseguímo-lo, e dispuxémonos a tomar o café sen presa.
Semella que cando faltamos un dos tres, que tantas temos pasado xuntos, coxeamos de máis, e por iso as apertas e apertóns de mans saben sempre a que volve a casa, despois dunha viaxe, sexa esta máis ou menos longa. E ata semella que o camiño custa menos á volta, aínda que tamén axuda que sexa costa abaixo, ca animada charla do Xaime, que durmira as horas que nos faltaban a nós, e viña coa teima dos saltos, estratosféricos ou non, que lle lembraban o seu pasado máis temerario.
Arrefriaba, e o ceo tentaba con cumprir as ameazas que viñan nos xornais, e mesmo así non apurámo-lo paso, e aínda nos permitimos perdernos para volvernos atopar, entre conversas de camiños e concertos, de folgas e anécdotas laborais, ata chegar a fonte de San Cibrán, onde outra vez a Criatura nos anotou que trocaran o demo e o anxo polos que manaba a auga polas cabezas de dous leóns xemelgos.
A luz tamén esmorecía, pero non deixamos de deternos outra vez na Fervenza da Bouza Fría, para outra sesión fotográfica, xa que sumabamos unha cámara no grupo, e ti xa tiñas un feixe de comentarios e megusta no teu feisbuc, que neso lévanos vantaxe ós conversos, que ata fai dous telediarios renegabamos do trebello e trocamos caendo, por partida dobre, no mesmo asunto.
No resto do camiño xa apuramos un chisco o paso, pois as posibilidades de aproveitar a luz para disparar a algún cogomelo ou recuncho do río xa non eran moitas, e ben que fixemos, pois o chegar os coches caeu o diluvio universal, tal como predixeran os émulos de Pemán. E caeu tan arreo que nin tempo nos deu de estirar nin de planear mellor o desenlace, o que nos levou a dar máis dunha volta para recuperar o coche do Xaime.
Rematámo-la faena en Bouzas, despois de que os Botas desistiran de nós, e non quedou mal o día despois de todo, non si, meu amigo, así que será cousa de repetir, por se podemos melloralo. Apúntaste, Cachorriño?

E266 Camiño natural do río Barbantiño (Punxín)



Sol, 28 de outubro de 2012

“O meu capitán é un chisco tolo, segue pensando que ten vinte anos, e síntese inmortal como calquera rapaz de vinte anos, aínda que xa lle caeron enriba os corenta, e cando lle receitan repouso sábelle a aceite de rícino, toma unha culleradiña e volve outra vez brincar. Dálle igual que o diagnostico sexa unha fastitis ou una tendinites, e que eu estea inchado e vermello coma un roxón, o tipo non pode pasar sen a súa ración semanal de monterío, e volve a pecharme dentro dunha bota cheirenta, e veña: a facer quilómetros. Despois anda a laiarse de que si está eivadiño, e non vai estar señor capitán, que se non anda de troula pola noite, que tamén, anda a sortear penedos como hoxe, e que non aprende, non.”

Semella que este capitán debería ser relevado do mando, pois desaprende nos camiños e insiste en avanzar por eles cando o sentidiño, e eu mesmo, lle berra que acougue un chisco, que acougue e repoña forzas cando menos, xa que non procura dunhas mans expertas que me acariñen e que desfagan os nós que me aprisionan, e que me fan errar o paso erguendo un regueiro de laios. Máis o meu destino está ligado ao seu, e moitas veces teño que seguilo contra a miña propia vontade, a pesares de que dende fora semella que son eu o que, co meu xemelgo, teño o poder de imprimir as pegadas neses camiños que a vida, ou esa vontade de tolo, me poñen por diante.

Tamén ten o seu aquel que insista na inmortalidade nas vésperas do día dos defuntos, e que se conxure para dar outro salto mortal –coma si eu estivera para estes excesos- e deixar atrás a súa faciana de “ánima” para festexar a vida onde o mundo se chama Barbantiño, non moi lonxe da casa natal daquel home que soñou outros mundos e que respondía ó nome de Otero Pedraio.

O certo é que, a pesares das miñas protestas matinais, o toliño do meu capitán pechoume outra vez, despois dun verán aireando os meus malos humores nunhas sandalias, nunha bota máis negra que os seus pecados (que dou boa fe que non son poucos) co anagrama dun mamut, e outro tanto fixo co meu xemelgo, aínda algo adurmiñado pero sen dubidas en mellores condicións que eu para afrontar a aventura, e sacoume a esas rúas que tantas veces pisei, e nas que tantas veces tropecei.

Algo mellorou o meu ánimo cando decidiu mandarlle un café nun sitio moi familiar para min, onde tiña costume de xuntarse con outros da súa condición, pois eran moitos os pares que baixo as mesas falabamos miudiño das moitas pegadas compartidas, exaxerando perigosos pasos por fochancas ou rochas esvaradías, afrontando horribles desniveis e moitas horas de marcha.

Máis non había rastro de ningún destes habituais das saídas dominicais, aínda que, para a miña ledicia, e baixo unhas botas impecables que ben podían facerlle as beiras á raíña de Saba, dúas moreniñas xeitosas, quizais coas unllas tinguidas de violeta, e cun feixe de anos menos ca min, dábanme con moita cerimonia e simpatía os bos días, tanto que, por momentos, pensei que cambiaría o conto, e xuntos teríamos unha xornada algo máis amable.

A cousa aínda mellorou algo máis, e despois dun bo treito no que me tocou a tarefa de pisar intermitentemente o embrague mentres o lacazán do meu xemelgo facía o propio freando e acelerando a golpe de pedal, que xa son moitos anos adestrados para a tarefa, cando chegamos a outro lugar coñecido, que o meu capitán nomeou como O Casal, onde seica fan un bo caldo e unha costela asada aínda mellor.

Das dúas probaron o meu señor e a dona das moreniñas que xogaban comigo as agachadas debaixo da mesa, facéndome participe dalgún segredo e tamén de pesares e de soños, mentres eu tentaba non laiarme demasiado das miñas doenzas, non fose espantar a máis temerosa delas, que seica estaba convalecente tamén dunha torcedura, e viña protexida cunha venda elástica.

Algo do meu capitán terei que ter, despois de compartir tantos días e noites, e quizais por iso desaprenda coma il, xa que canto máis confiado estaba volveu erguerse sobre min, sen deixarse acariñar pola sobremesa, e seguido pola súa compañeira, ordenou poñerse outra vez pisa-los pedais, para levarnos a un desas fragas das que gusta, especialmente en outono, nas que, non sei moi ben con que motivo, insiste dende o troco de século.

Sentín ese peso tan familiar da mochila, que a pesares de ir encostada ó seu lombo o final recae, por forza da gravidade, en min e no meu par, de seguro que  cargada de moita roupa de abrigo e un feixe de “por se acaso”, en canto deixamos o vehículo, e xa non valeron laios nin berros, pois o capitán ordenaba o avance, e non había outra que avanzar.

Aínda non chegara o alento do outono, como sería o axeitado para o momento, a salgueiros, ameneiros, carballos e loureiros que salpican as beiras do río Barbantiño, por onde avanzabamos os catro sementando pegadas sobre outras que agora so eran un rumor de lembranzas, mentres o sol lles facía cóxegas ás ramas máis altas, tentando acadar a follasca e os ourizos espallados polo chan.

Pretiño dun bo feixe deles, ós pes dunhas árbores ben coloreadas, estaban espalladas as primeiras castañas que pisabamos neste ano, e detivemos para que as catro mans fixeran algo de traballo (non íamos a ser só nós, os de abaixo, os que levaramos todo o choio) enchendo a rede da mochila deses froitos cos que se nutre a vella tradición do magosto.
As moreniñas axúdanse para progresar cun par de bastóns, non foran a agravar a torcedura que sufría unha delas, e pensei que o meu capitán moitas veces prometeu outro tal, e como tantas veces non cumpriu, nin tan sequera desta que xa leva unha boa temporada fodido por non facerme o caso que ben merezo.
De tódolos xeitos aos poucos empecei a sacar músculo e a sentirme ben, como cando me leva ao ximnasio, aínda que semella que despois dun ano o que melloran outras partes do capitán non teñen correspondencia en mín.
Camiñamos por pasarelas de madeira, e por levadas de pedra, por canicouvas empedradas e pasamos preto de caneiros e muíños, onde o allo antosil e a edra invadían as desgastadas pedras, testemuñas doutros tempos, ata que a través da bota na que estaba agochado, facendo o meu traballo sen descanso, sentín un rumor metálico, mesturado co alento fresco da auga: sen dubida estabamos xa na Fervenza do Cachón, onde si ou si habería parada obrigada.

E así foi. Aínda que mentres a dona das moreniñas sentábase a saborear unha infusión de verbena e flores de azar, o meu capitán obrigounos a chimpar entre os penedos buscando aproximarse máis do axeitado á poza, dende onde disparar ese trebello que atesoura lembranzas. E que non ten acougo este home, non, e mesmo nestas paraxes que tanto lle gustan ten que andar de aquí para alá, como se levásemos zapatos de titereiro.

Subimos despois, sorteando as escadas que daban servizo a tres muíños que aproveitaban o caudal do Barbantiño, ata outra pasarela de ferro, quince metros por riba da primeira, pola que o capitán e a dona tiveron unhas perspectivas aéreas da fervenza, mentres se cruzaban con nós ducias de pares, con cadansúa bota, que seica eran parte dun todo que responde ó nome de Fontiñas, un club deportivo da capital, e que viñan facendo o mesmo camiño, máis en dirección oposta.

E subimos máis e máis, ata sentir a sombra dunha enorme estrutura de formigón,  que non é unha formiga grande, por onde din que pasa un camiño de ferro, ata que o desnivel se suavizou e se inverteu e chegamos a outra, quizais de cemento, onde as augas se ancoraban e onde outra vez tomaron a decisión, para a miña desgraza, de continuar cara adiante. E non é que a miña doenza se agudizara, máis ben semellaba o contrario, nin que a moreniña se queixara dentro da súa venda elástica, pero de seguro que se deramos a volta neste punto non berraríamos como fixemos despois.

Cruzamos un túnel, no que unha das moreniñas apertouse un pouco a min, a pesares de que eu estaba tan cego coma ela (antes, durante e despois) e solo me guiaba a firme determinación do capitán de seguir avanzando, e na saída desembocamos na ponte de San Fiz, onde pasamos a pisar as desgastadas pedras do Camiño Real, onde os antepasados dos nosos donos resistiron a invasión do diaño francés.

Subimos cara San Fiz xa con algo de sufrimento, pois o sol xa non acariñaba as pedras por onde fuxiron co rabo entre as pernas os napoleóns, e o desnivel acentuábase dun xeito imprevisto, e aínda os meus señores levaron algún susto máis despois de cruzarse cunha partida de caza, que semellaba emular a aqueles que na guerra da Independencia lle causaron tantas baixas ós súbditos do corso.

E aínda tivemos algún susto máis, pois o meu capitán, que levaba tirando de memoria para facer o camiño, non daba collido o desvío axeitado e tivo un par de renuncios entre xestas, toxos e piñeiros. A cousa quedou en susto, porque aínda sen o “gipiese”dimos en dar os pasos correctos cara o pequeno encoro, onde so restaba seguir outra vez o camiño da marxe oposta pola que viñeramos.

Aquí o capitán deunos unha tregua, pois eu xa andaba a implorarlle por ela dende San Fiz, e mentres lle servía unha infusión á dona, eu preguntáballe á moreniña polas súas doenzas, aínda que semellaba que estaba en mellores condición ca min. O sol esmorecía tralo Monte da Pena, e non quedou outra que erguerse outra vez e seguir sumando pasiños, un, dous, tres, catro… seguindo o camiño paralelo á condución soterrada de auga que bebía do encoro.

A bo paso, a pesares de que xa levabamos un feixe de quilómetros nas botas, fomos afastándonos un chisco do río, e gañando algo de desnivel, pasando outra vez baixo a xigantesca estrutura do camiño de ferro, pois xa non había tempo para máis treguas, non fora a ser que se fixera a noite no camiño e o capitán fora a meter o barco entre as pedras, ou peor aínda, que metese a algún de nos entre elas.

Sen deternos pasamos polo miradoiro, dende onde se divisa todo o val do Barbantiño, e tivemos  que extremar a atención para baixar cara o río, xa que a pesares de que non sentiramos tal, o desnivel acumulado acentuábase nuns poucos metros, e para aquela a miña fascia e maila escordadura da moreniña xa estaban entoando unha cantiga de escarnio e maldicer.

Así e todo un certo orgullo nos empuxaba a non queixarnos, mais que nada porque tampouco ía servir de moito, e intentamos facer os últimos quilómetros con dignidade, a bo paso, e certamente con ganas de que todo rematara e nos deran algún descanso, xa que acariñarnos ou darnos unha cremiña ía ser que non.

O recendo do río puña a proba a membrana de gordetex que nos cubría, e xa debía de estar moi minguado o alento do sol, pois o capitán tropezaba unha vez e outra vez, aínda que me botara a culpa a min, que xa viña cego de nacemento. E sen máis novidade, entre as conversas amables dos camiñantes, e as propias de árbores, augas e pedras, chegamos ó punto de partida, onde procedemos a estirar, á par doutras zonas deste corpiño do vello capitán e da xoven dona.

O remate feliz da xornada foi na praza maior de Ribadavia, non local quentiño que tiña nome de pegada de gato, onde as nosas repousaron mentres os lampantíns dos nosos señores tomaban cafés con nata e leite condensada, celebrando a vida, xa que porque estamos vivos camiñamos, aínda que as veces semelle que pode con nós a preguiza ou a dor, a nostalxia ou derrota, ou unha mestura de todas estas cousas e dalgunha máis.

Poderedes dicir que un pé non pode darse a estas filosofías, máis tamén diredes que tampouco pode falar, máis so tendes que afiar o oído, tal como estades facendo agora, para que todo sexa posible, unha vez máis. 

In memoriam

Duascentas caminhandas son moitos pasos. Case cinco anos, creo, calcorreando os camiños do mundo ou inventándoos, inventándose a cada paso con esa fórmula imposible que Eivadinhos foi. A fórmula que posibilitaba compaxinar noite e pateo, comida e pateo, amizade e pateo, literatura e pateo, eivas e pateo.

Por iso Eivadinhos non morre, porque é una fórmula necesaria. Desactívase a marca, está ben que as cousas teñan un punto final recoñecíbel, pero a idea continua como continúan os carreiros e os afectos.

Eivadinhos xa non existe como razón social pero permanece non só nos afectos como tamén niso tan importante e que constituíu outra das marcas constitutivas da súa cerna. As crónicas. Unha inmensa colección de crónicas, escritas e visuais, que nos permiten a todos revivir e coñecer aquilo que foi e que, pola arte desta maxia previsora, continua sendo. Moitos pasos e moitas palabras.

Porque, qué cousa somos senón memoria?. Memoria de nós. Iso é o que permanece, si permanece, unha vez que non estamos. No caso que nos ocupa a lembranza queda porque Eivadinhos foi construíndo e afortalando a súa memoria pateada a pateada, crónica a crónica. E non foi casual, foi marca da casa, elemento fulcral e identificativo.

E acontecerá que outros camiñantes eivados teñan precisión de seguir pateando na medida escasa das súas posibilidades e acontecerá tamén que algúns amantes da noite amen tamén as canicoubas. E, inevitablemente, acontecerá que alguén teña que reinventar esta cousa grande que Eivadinhos foi. E segue a ser.

O que non sei se acontecerá é que haxa un corazón disposto a partirse a alma nas mañás do domingo pelexando contra o sono por manter aceso un soño, un facho de ilusión polos camiños. Iso non sei se acontecerá. E se acontecera, dubido que eu volva te-la sorte de estar no lugar e hora axeitada para formar parte, sequera minúscula, dunha ilusión tan grande que non cabe no peito dos homes normais e solo no dos bos e xenerosos. Que non abundan.

En calquera caso, mentres a vida segue e nós con ela, quédanos a memoria. Grande cousa.


Zalo de Paramos. Marzo do 2011

E200 Trilho do Glaciar e do Alto Vez (Arcos de Valdevez)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS


Xoves, 17 de marzo de 2011

Todo ten un comezo e un final, unha xéneses e un epílogo, e esta cousa que se deu en chamar Eivadiños non podía afastarse desta norma natural que rexe a existencia dos homes e das bestas, dos sentimentos e das ideas, das estrelas e dos planetas. Aceptar que somos mortais, e polo tanto finitos, danos a posibilidade de decidir o momento, o instante preciso no que, pola circunstancia que sexa, non queremos ir máis alá e dicimos: ata aquí chegamos, compañeiros.

Penso que, ademais de ser conscientes de que todo ten que rematar algún día, é imprescindible non apegarse, e te-la capacidade de desprenderse das cousas antes de que agonicen ou se convertan nunha doenza crónica. A miña ilusión polos camiños fica intacta, e tamén a de compartilos con boa parte dos que, sen éxito, tentei de converter este proxecto particular en colectivo. Quizais fun ambicioso de máis e soñei con que este caderno de bitácora reflexase as visións, vivencias e soños dos meus iguais.

Nunca tentei que isto fose unha ferramenta para satisfacer o meu ego, nin un escaparate para as miñas “conquistas” montañeiras, e se algunha vez caín nesa tentación agora seméllame ridícula. A primeira intención foi, dende aquela primeira camiñata nas terras do Lérez, formar un pequeno grupo de amigos para saír ó monte en formato reducido, non máis de quince quilómetros nin máis de cinco horas (aínda que tamén houbo excepcións e saídas con máis distancia e duración). A segunda foi dotala dunha historia, tanto gráfica como escrita, que nos dera entidade e nos que se involucraran a meirande parte dos integrantes do grupo. Foron poucos os que o fixeron, aínda que de calidade.

A historia Eivadiña fica aquí, para que cada quen poida mergullarse nela buscando como e onde se produciu, e cales foron os seus actores. Non quixera pensar en que todo esto redúcese a unha palla mental, e que estou a estragar un xoguete co que me cansei de xogar. Quixen erguer un proxecto pero fáltanme forzas e axudas para continuar, e non vexo que ninguén queira tirar do carro, así que penso que é o momento de dicir: vémonos no camiño, máis co único compromiso de compartir pegadas e sorrisos. Non vou facer balances, inventarios, estatísticas, nin longas listas de agradecementos ou de reproches.

Estivo ben mentres durou, e máis nada. Aínda así esta derradeira crónica ten que recoñecer a laboura entusiasta dos que me acompañaron na nosa última andaina: os senhores Botas. Ninguén coma eles aportou tantas propostas ás nosas convocatorias, ninguén coma eles apostou polo proxecto, mesmo cando comezaron a te-lo seu propio, e artellaron unha bitácora precisa e preciosa, técnica e artística, que xa é unha referencia obrigada para quen queira adentarse nos carreiros da xeografía da vella Gallaecia. E foron eles os que me agasallaron cun deses sendeiros de primeira división, que levaban tempo con ganas de compartir comigo: o trilho glaciar do Alto Vez.

Partimos, a senhora Botas e máis eu, da metrópole máis cedo que de costume, xa que o tempo era cumprido e ademais xa non tiña moito sentido seguir a cinguirnos a unha fórmula esgotada. Despois dunha parada obrigada en Amaquía para tomar un café, botar unha ollada rápida á actualidade máis apocalíptica e coller bocadillos e outras lambetadas, puxemos rumbo ó corazón do Condado, onde o vizconde de Sistelo agardaba por nós, impaciente por visitar os seus dominios pese a unha molesta doenza de lumbago. É moito este home para deixar ós camiños por tan pouco.

Foron moitas ás lembranzas que me invadiron este día, e a primeira, conforme chegabamos á Portela de Alvite, foi a de cando os meus queridos Zalo e Salomé me iniciaron nos segredos deste reino perdido, que alguén bautizou con acerto como “o pequeno Nepal”. Celebrabamos entonces o terceiro aniversario dos Eivadiños, e non atopei mellor xeito de facelo que na compaña de estes dous compañeiros de camiños que foron tamén unha parte importante e activa da nosa curta e fructífera historia.

O día anterior deitarame cedo, cousa rara na miña seman de vacacións, xa que tiña certo que nos agardaba unha boa subida, e aínda así aledeime de que ascenderamos en coche un bo anaco pola estreita estrada que vai de Sistelo a Porto Cova. Nesta ultima poboación deixamos o noso vehículo, preparamos ás mochilas e fixemos os estiramentos de rigor. Pese a que o ceo estaba cuberto, a temperatura era agradable, e o noso ánimo era aínda máis cálido. Tiñamos por diante unha desas xornadas polas que paga a pena estar neste mundo, conscientes da fortuna de habitar este anaco da xeografía.

Dende que imprimimos as primeiras pegadas na aldea de Porto Cova, disfrutamos dunhas fantásticas panorámicas ó Val do Vez, cos seus característicos socalcos onde traballaba arreo a xentiña do lugar. Ó noso paso só saíron un feixe de cans, con máis ganas de enredar que de defender o territorio, mentres disparabamos cara as augas do ribeiro de Porto Cova que baixa sorteando penedos cara o Vez, cara a súa eira comunitaria, cun feixe de espigueiros aínda en uso, ou cara o conxunto de casas, algunhas ben rehabilitadas, que forman este enclave montañoso.

Un camiño carreteiro, pola que son ven visibles as fendas abertas polos carros de bois, invitábanos ó ascenso e, a pesares de que dende os primeiros metros o desnivel a sortear era considerable, era compensado pola fermosura dos valados de pedra, das veigas e regadíos, e mesmo do camiño, no que a primavera, quizais sabendo do fin da nosa historia, adiantarase para nos despedir. O brión cubrindo cunha infinita variedade cromática os muros senlleiros que afastaban socalcos e carreiros, e as árbores brotando follas tenras e aromáticas flores, toda unha sinfonía como diría aquel que nos legara a fórmula máxica nas terras da Travanca.

Moita auga descorrendo ó carón do camiño, refrescando as nosas conversas. Viñan moitas lembranzas dos camiños recorridos, e de tanta xente que camiñou canda nós. E tamén botamos unhas risas coas derradeiras crónicas dos Nómadas, onde seica houbo lume cruzado, e desexamos que non houbese ninguén ferido, e coa misteriosa aparición dunha nova marca sendeirista, que seica fai punto de reunión onde comezamos nos a xornada. Cousas da vida: uns principian ó tempo que outros rematan. É lei natural.

Pouco a pouco foi cercándonos a néboa, comezou a refrescar, e os moitos metros que levabamos sorteado de desnivel demandábanos unha pausa. Os tres tiñamos un algo de fame, así que convimos en facer un alto ó abrigo dun penedo. Os bocadillos de calamares e de xamón asado desapareceron nun pestanexo, e tamén os doces que a senhora Botas mercara en Puxeiros ¡que larpeiros!. A parada foi breve porque o amigo do Casal tiña algo de medo a arrefriar as costas, e aínda quedaba moito camiño por diante.

Moito e de moita calidade, pois se o camiño carreteiro nos levara polos socalcos verdescentes de Porto Cova, e polas enfeitizadas fragas de Pardelhas, atravesando algunha branda, tan pequena que nin aparecía nos mapas, era dunha fermosura tal que nos facía desprezar o desnivel, cando este se suavizou e comezou a inverterse, comezou a racha-la néboa e descubrímonos no interior do Vale Glaciar da Serra da Peneda.

Sobre nós a silueta dos eólicos que coroan Santo Antonio de Val de Poldros, á outra beira do Alto Vez, e ó noso fronte a marca indeleble do antigo glaciar, extinto fai millóns de anos, que moldeou a superficie da montaña baixo a presión de enormes masas de xeo, formando os característicos vales en U. A morena formada por materias arrastrados polo glaciar é aínda visible, formada por un feixe de grandes bloques graníticos espallados na marxe dereita do río.

A branda do Furado, unha das máis mais importantes da zona, ofrécenos unhas boas panorámicas do val, aínda que eu non puiden aproveitalas como era debido, xa que neste punto esgotóuseme a batería da cámara. Menos mal que os senhores Botas foron máis previsores, e puideron retratar penedos e socalcos, vacas e cabalos, e os tres eivadiños que compartimos esta derradeira xornada.

Deixamos atrás a branda con algo de pena por nos resistir á proposta da nosa guía, xa que a un tiro de pedra estaba o restaurante de Santo Antonio e non eran poucas as ganas dunha cervexa ou dun café, ou das dúas cousas. Magoa que non nos deran as horas para tanto. E ademais tiñamos por diante a Chá, onde o carreiro facíase máis aéreo e desarborado, aínda que esto tiña a recompensa con estupendas vistas ¡que bonico estaba todo!.

No máis alto da nosa ruta o sol tentou rachar coas nubes, e o vizconde axudou botando uns aturuxos que loitaban contra a néboa ¡Eivadinhoooooos!, mentres a súa dona repetía que ultimamente anda un algo raro. Ser como for esto deunos unha tregua e puidemos admirar dende o alto o Vale Glaciar en toda a súa plenitude. Eso si, ben me laiei de non ter batería de reposto, pois se neste momento se intensificou a sinfonía de cores, o que había a seguir era aínda máis sobresaínte: unha sucesión de brandas, cada cal máis fermosa, que agora se mesturan na miña memoria.

A branda do Outeiro Gordo, a branda da Costa do Salgueiro, a branda da Lapinheira... non é doado falar aquí das súas particularidades, nin dos sendeiros que nos levaron ata elas, xa que non teño imaxes que me refresquen as lembranzas. As casas senlleiras xunto as cardenhas máis ben toscas, un feixe de veigas desafiando o desnivel, valados e máis valados de pedra, máis pedra ferida polos carros no camiño. Nin unha soa alma que se cruzase con nós, ou nós con ela. Un silencio só roto polos nosos sorrisos, verbas e pegadas. A paz máis que respirar semellaba que podíamos mastigala.

De seguro que a reportaxe fotográfica do senhor vizconde encherá estas lagoas da miña memoria, e o track trazado pola senhora do Casal resolverá calquera dúbida ó respecto, pero aínda así dóeme non poder facer unha crónica algo máis completa da derradeira aventura dos Eivadiños. Ser como fora chegamos á ultima branda da nosa ruta, e a máis importante, tanto en dimensións como en beleza.

A branda de Crastibô, aínda que leve anos practicamente en desuso e abandonada, catívanos pola beleza do seu emprazamento e polas súas construccións, a pesares de que moitas atópanse nun estado de deterioro notable. Algo ten este lugar, algunha enerxía agochada, que nos fai deternos algo máis que nas outras. Non mentían os meus amigos cando me dicían que este era un deses anacos do paraíso perdido.

Dende aquí a nosa guía pensou en facer o último tramo por un camiño alternativo, pero unha velhiña desaconsellounos internar no “mato”, o que si fixo foi acompañarnos ata Sistelo, facendo o trazado que fixeramos no ascenso. Falei con ela da despoboación do rural, dos emigrados ás Américas, do contrabando, da dureza dos invernos e da beleza das primaveras, e todo isto mentres a moza chimpaba sobre as pedras esvaradías coa axuda dun caxato e me puña en dificultades para seguila. Gustoume facer os derradeiros metros dos Eivadiños a carón dela e, como non, dos meus senhores Botas, cos que penso seguir sementando un bo feixe de pegadas, desprezando as fronteiras e apreciando as xentes e os lugares.


E199 O Castro - Ermida da Guía - A Telleira (Covelo)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 13 de marzo de 2011

O inverno esmorecía, e eu con el, sabendo que non habería outra primavera para os Eivadiños. Pero propuxérame chegar ó bicentenario é xa estaba a piques, un pequeno esforzo máis e xa. Habería que sorrirlle ó espertador, lembrando o que foi e o que sería. Ala fora, no mundo, agardaban un feixe de cómplices para sementar novas pegadas. E na Casa Grande un rapaz que madrugara artellando o xeito de se librar das gadoupas dos seus maiores. Non puido ser, aínda que estivo ben o intento, e o Samu tivo que botarse a mochila ó lombo do seu vello tío para ir ó encontro cun destino incerto.

O certo é que estaba escrito, porque xa os senhores Botas tiñan plans e, como é costume nos últimos tempos, non había alternativa. Xunto con eles apareceu o noso Cachorro, que semellaba resistirse á desaparición da historia, e quería facer os derradeiros quilómetros aínda que foxe a pata coxa. E, xa na estrada de Ponteareas a Mondariz, nun comedeiro chamado Casa Antón, agardaban Loli e Nacho, para completa-lo grupo. Catro bicos e dúas apertas despois estabamos todos sentados á mesa, diante dunhas fontes de churrasco coa súa provisión de chourizos, patacas e ensalada. Unha enchenta que non fomos quen de reducir, a pesares de que fixemos un bo intento.

Á sobremesa uníusenos Lourdes, unha rapaza entusiasta dos camiños que, por cousas do destino, tentaba unirse a un grupo a piques da disolución. Aínda así a acollemos con simpatía no noso seo, pois ata nos derradeiros momentos damos mostras de que o importante é o noso caudal humano. Non sabíamos nese intre o seu interese por camiñantes doutra natureza, dos mortos que semellan vivos e saen ós camiños na búsquea da súa ración de carne, sangue e vísceras.

O televexo seguía cuspindo imaxes do Apocalipse, e nada me aledaba que se confirmaran os meus prognósticos de que o fin do mundo sería televisado. Gaia tremía na súa lenta agonía, e o capitalismo non era quen de deter os seus efectos secundarios. Máis aínda, multiplicaba a devastación, o sufrimento, e a incerteza sobre un futuro nada alentador. Outro dos cabalos, o da guerra, andaba a rinchar polo Mediterráneo e semellaba que non habería tregua. O mundo, despois dos Eivadiños, non pintaba nada ben.

Xantamos como se, efectivamente, chegara o fin dos tempos, e a piques estivemos de caer na tentación de botar unha sesta en Mondariz-Balneario para facer a dixestión, e irnos mergullar despois nas augas termais do Pazo da auga.

Máis a nosa comandante non permitiu a deserción, e puxo fin á sobremesa e á cerimonia dos cafés. Así que puxemos rumbo as terras de Covelo, onde nos tiña agochada unha sorpresa.

No noso vehículo escoitáronse os Spiritual Beggars e Moonspell, mentres o de Sistelo facía unha feroz crítica musical, e o Samu pensaba se sería quen de acertar con eses ritmos algún día, aínda que quizais coas baquetas e os consellos que lle agallasara Alex ía ben encamiñado.

Ó chegar a Covelo fixemos un xiro á dereita, como fan os partidos da esquerda en canto se fan cun anaco de goberno, e seguimos as indicacións, xa innecesarias para nós, da Ruta da Pedra do Lobo. Aparcamos ó carón do río do Pozo Piñeiro, tamén chamado río das Caldiñas, de onde parte este curto pero fermoso sendeiro. Na anterior visita dos Eivadiños a esta paraxe comezamos algo máis adiante, e perdémonos este tramo fluvial que, sen dubida, é un dos maiores atractivos que posúe.

Unha, dúas, tres, catro... ata cinco cámaras fixeron aparición nas nosas filas, e disparamos coma se as nosas baterías tiveran munición ilimitada, ante unha primavera que xa chegara, cargada de cores, a estas terras do Condado. Foi un tramo curto, pero de calidade, pois a fermosura do río das Caldiñas derramándose polos penedos, formando pequenas fervenzas e pozas máis que aptas para o baño, cativounos a todos.

Démoslle as costas ó río para afrontar un pequeno tramo de asfalto, que nos levou ó lugar de O Castro, un deses enclaves fermosos de casas senlleiras e veigas reverdecidas, dende onde capturamos as primeiras panorámicas do val do Tea. Aquí mostrounos a sorpresa a nosa senhora Botas, xa que non tiña pensado seguir a Ruta da pedra do lobo, senón outra do seu deseño exclusivo. Cantos camiños descubrimos gracias á súa habilidade para interpretar os mapas e o seu olfacto para buscar sendeiros agochados, carreiros esquecidos ou, o máis difícil aínda, abrir novas congostras polas que avanzar.

Deixamos atrás o núcleo rural, e en animada conversa comezamos a ascender cara o monte, colonizado por carrascos, uces e, máis que nada, toxos. Menos mal que unha pista ampla nos permitía avanzar, na vangarda coma sempre a xente do Casal de Sistelo, e na retagarda o Alex, que xa empezaba a se queixar dunha patiña, e máis eu, abafado polo peso do bandullo, dos anos e da falta de sono. Nun penedo fixemos un alto, aproveitando que había unha cadeira abandonada, pero non fixemos por nos sentar, senón que dedicámonos a retratar a Loli e máis a Lourdes facendo equilibrios enriba do penedo e (case) da cadeira.

A guía volveunos arengar e puxémonos en marcha, unha vez máis. Os ceos anunciaban treboada sobre o val do Tea, e tentaba buscar acubillo antes de que caese sobre nós, como na banda animada de Asterix. Quizais eso animouna a abandona-la pista e buscar un atallo entre os toxos, ou quizais xa o tiña planeado (eu penso que algo deso había). Así que ascendemos entre a toxería por un estreito carreiro que, as mais das veces, so existía na nosa imaxinación. O Samu laiábase de non estar en Abelláns, deitado diante do televexo ou da videoconsola, e a Lourdes lle preocupaba máis que nada atoparse con algunha alimaña, mentres o Nacho, máis afecto ós aloumiños dos toxos, entoaba unha cantiga para nos dar folgos.

Ao lonxe divisamos unha ermida sobre un outeiro, e informáronnos de que ese era o noso obxectivo, así que apertamos o paso e, finalmente, conseguimos saír a unha pista na que houbo máis dun sorriso de alivio. Volveron as conversas amables, aproveitando que rematara o desnivel e as trabadas da toxería, e non tardamos moito en chegar á Ermida da Guía, unha construcción senlleira de pedra, onde o Samu pediu praza de esmoleiro mentres o resto da tropa subía ó alto do outeiro, presidido por un cruceiro. Dende alí as panorámicas eran fantásticas, pero pouco nos relaxamos, xa que comezou a poallar e dimos en continuar o camiño.

O máis curioso do lugar era unha pequena capela, enfrontada ó templo, onde había un santo decapitado o que, a falta de cabeza, puxéranlle unha pedra no seu lugar. ¡Cousa do noso señor Satanás, seguro!. Por se acaso, priveime de botar máis aturuxos pola fiestra da ermida e puxémonos de novo en marcha.

Avanzamos por unha pista forestal con bo ánimo, tanguidos pola vara infatigable da nosa guía, ascendendo por uns montes de Covelo que se me antollaban afastados do mundo, e sen embargo tan pretos daquel que, durante un tempo, foi refuxio de naufraxios. A ameaza da treboada quedou en eso, en ameaza, e a poucos puidemos pecha-los paraugas e as carapuchas, e entramos nunha fraga de piñeiro vermello que semellaba o escenario idóneo para un filme de terror. Lourdes interesouse polo tema, e entre Alex, Samu máis eu fixémoslle un catalogo tan extenso de vísceras e sangue, gritos e lóstregos, e coitelos e motoserras, que a rapaza pediunos a lista por escrito.

Trala fraga tivemos un momento de incertidume, resolto polos senhores Botas á brava, e baixamos a escacha pexegueiros por un outeiro ata dar con outra pista que a poucos transformouse en congostra, a congostra en canicouba, a canicouba en corredoira, e así ata chegar o lugar da Telleira, cando xa o sol comezaba a esmorecer. Andivemos para adiante e para atrás, nun deses bailes que sempre se dan entre lusco e fusco, cando non son certos os camiños, e as direccións semella que teñen máis de dous sentidos.

Para asegurar fixemos un tramo de asfalto, xa que non era tempo de perderse, e non tardamos en chegar, xa coas tebras colonizando ó noso mundo, ó entorno enfeitizado do río das Caldiñas, onde nos aventuramos a retratar as derradeiras postais para esta viaxe fantástica que foi Eivadiños. Son moitas as pegadas, os sorrisos, os suores, as maniotas e as verbas compartidas, e máis que serán, sexa na fórmula que sexa, porque son moitos os camiños, pero todos levan ó mesmo sitio, a ese imaxinario no que se mesturan os lugares comúns e os seres queridos, e onde permanecen aínda que desaparezan.

Non deu para máis a xornada, a nosa historia, nin para menos. Un feixe de corazóns latindo como un só, cadaquén arrastrando a súa eiva e axudando a levar a do compañeiro, pois este foi o noso espírito, alleo a competicións, rivalidades ou envexas. Podémolo facer mellor, pero polo menos intentámolo. Sementando pegadas, verbas e sorrisos que permaneceran invisibles baixo a follasca.

E198 Sendeiro circular do río Cerves (Melón)

Información técnica da ruta en SUDANDO BOTAS



Domingo, 6 de marzo de 2011

Podería facer un reconto urxente de cadáveres, ou un inventario dos síntomas acostumados, xa sabedes: formigas pastando na cabeza, teas de araña nos ollos e na gorxa un feixe de area... se non foxe que outra vez foron moitos os excesos e poucas as horas de sono, e polo tanto teño que andar cun algo de presa para me reunir cos meus señores Botas, que algo de empeño teñen en manter con vida a este proxecto moribundo.

Para por a proba a miña capacidade de sorpresa, nun momento preciso no que tan incapaz me sinto, chama o meu primo Rober, para dicirme que el e máis Bego súmanse ás nosas tropas, para ir onde e como sexa, que parece que son fáciles de conformar. Mellor así porque, de momento, non sei si darei chegado ó pasillo, e se algo máis ala non levarei un susto ó atopar o reflexo dos meus desmandes nocturnos.

Alédome de que me veñan buscar porque así teño tempo de tomar unha ducha, e mandar polo desaugue os restos do suicidio, meter algo de roupa de reposto na mochila, e mesmo de tomar un grolo de café para poder saír á rúa cun ollo, a lo menos, aberto. Alédome tamén de que me recollan na furgoneta, un bo punto na loxística, e mesmo de que veñan con Trus, unha mestura de mastín e pastor alemán con cariña de bo co que de seguida simpatizo.

No Concheiro non tardan en reunirse con nós os do Casal de Sistelo, e feitas as presentacións resolvemos meternos todos na furgo, e por rumbo ó Mesón Casal, en Quins, moi preto de Melón, onde convimos xantar e decidir a nosa ruta, xa que barallamos un par de posibilidades.

E máis doado aínda resolver o menú, unha vez sentados á mesa, e decantámonos por unhas cuncas de caldo e unhas cumpridas racións de costela ó forno, cunha boa guarnición de guísante, cenoura e pataca, mentres agardamos que chegue Nacho, que cando o fai non pon pega. Tampouco ó Mencía co que pensamos acompañar ó almorzo, e co que penso combater os restos dunha resaca algo máis que persistente. Cousa boa ter o meu carón xente que me secunde as miñas propostas.

Ou case, xa que a miña idea para a sobremesa era ir cara Punxín, para lles descubrir os meus primos o segredos do Barbantiño, pero os senhores Botas tiñan outras intencións. Semella que aínda teñen algo por recoñecer nas proximidades de Melón, así que non atopei argumentos para me negar, e nun tris tras aparcamos ó carón da área recreativa que están a construír preto das pozas do río Cerves.

Aínda que o tempo non estaba para mergullarse nas xeadas augas, o Trus non agardou por ninguén, e botouse ó río sen agardar a face-la dixestión dos restos da costela. Quixo presumir de destemido e ben que nos asombrou, a pesares de que despois precisara un pouco de axuda para saír. O resto do grupo non fixo nin o amago, e mesmo houbo quen protestou polo xeito no que se secou o noso peludo amigo.

Camiñando polo sendeiro aberto hai uns anos, o Rober lembraba os tempos nos que non había tal, e para chegar ás pozas subíase por un carreiro de pescadores, polo que subían os rapaces do pobo e algún aventureiro de fora. A autovía a piques estivo de estragar o entorno, e pasaron algúns anos ata que, a base de cartos e traballo, a zona adquirise o aspecto actual, no que a actuación máis agresiva é o viaducto que sortea o río.

Ramón máis eu cubrimos a retagarda, disparando cara canta árbore, poza e pedra que atopabamos ó noso paso, e o certo é que non podía estar máis fermoso o Cerves, co seu caudal ben cumprido, mentres o resto da tropa camiñaba de vagar, disfrutando cada metro de sendeiro. Na fervenza grande detivémonos todos, e o da República do Ferradal alertounos para que tiveramos coidado con acercarnos demasiado ó precipicio, xa que case tódolos anos hai alguén que esvara e, cando menos, leva un bo golpe. De feito el foi testemuña dun destes accidentes, e cando tentou auxiliar a un dos que caeran pola rocha en baixo decatouse de que xa estaba morto.
Algo máis adiante miramos con cobiza cara un camiño que vai pola outra beira, e intercambio miradas cómplices cos do Casal de Sistelo. Non fai falta falalo moito, e na primeira ponte cambiamos de rumbo, a explorar o carreiro, aínda sen saber moi ben onde nos leva.

As nosas ansias exploratorias teñen pronta recompensa, xa que de seguida chegamos a unha levada de pedra pola que aínda corre a auga. O paso está limpo de maleza, e só nalgúns tramos está ameazada polas mimosas que, de todos modos, é bastante proveitosa para levarnos algunha postal dixital do lugar, xa que esta especie invasora está en plena floración. Florecen tamén os sorrisos dos meus amigos, xa que a visión do río dende esta beira é tamén excepcional, e ata Trus semella feliz, xa que antes de chegar á fervenza grande dáse unha mergullada pequena. O gusto de chapuzarse deste can lémbrame a min noutros tempos. Será cousa de cans!.

A pesares de que dende aquí a vexetación está máis cumprida, a senhora Botas, co “neno” na man, anímanos a continuar pola levada, e ninguén ve o inconvinte. Como premio damos cun muíño que hasta ben pouco estivo en funcionamento, e algo máis adiante outro máis, xa moi mal conservado. Aínda que o verdadeiro premio é o camiño, e os camiñantes que o fan ó meu carón, que me descobren habilidades tan curiosas como o seu maxisterio nas deposicións dos mustélidos, que seica son uns animaliños que adoitan a deixar os seus zurullos polos carreiros.

Finalmente saímos da levada, damos a un sendeiro, e dende alí a unha leira. Escóitanse preto o ruxido dos cabalos de ferro, e dous pasos máis e acadamos a estrada. Os nosos vehículos non están moi afastados, pero aínda non é momento de dar por rematada a andaina ¡os vizcondes de Sistelo non se moven dos seus dominios para tan pouca cousa!. De tódolos xeitos non se lles ve moi convencidos, camiñando paralelamente á autovía. E menos aínda cando a cruzamos e temos que facer un pequeno tramo de asfalto.

Menos mal que un serradoiro danos un aliciente extra, onde poñemos a proba a batería das nosas cámaras, tal é o xogo que nos dan as torres de madeira, perfectamente apilada, que contrastan cun celeste salpicado de algodón. O certo é que cando hai bo talante non hai camiño que non se aproveite, aínda que o senhor Botas teña dubidas de si vai a colga-lo perfil da nosa ruta dominical. Cruzámo-la estrada nacional e damos cun parque recreativo, chego de trebellos mecánicos nos que exercitarse.

Rober fai o amago de intentalo, pero Trus non está moi de acordo e anda tras del para que se baixe. Debeu mirar á vella que acaba de chegar, unha desas súper aboas que fan ximnasia ¡e con que ganas! á conta do orzamento da deputación. Non seguimos na nosa guerra, e damos cos fociños outra vez co río Cerves, aínda que o que nos amola é que non atopamos xeito de cruzalo, xa que a pesares de que o GPS nos sinala unha presa, e que damos con ela, non é posible atravesala.

A pesares disto o entorno é ben fermoso, coas augas ancoradas formando reflexos que espertan outra vez as nosas ansias de levarnos algunha lembranza dixital. Mentres o vizconde de Sistelo e máis eu estamos nelo, Nacho agasállanos con un feixe de froitas deshidratadas, a senhora vizcondesa busca unha saída vía satélite, e Bego, que está afeita a buscar camiños onde non os hai, atravesa as silveiras para chegar á beira do río e anímanos a continuar por algo semellante a un antigo sendeiro de pescadores. Gústame esta xentiña, cada un coas súas teimas, traballando en equipo, ou case.

Como recompensa á nosa ousadía, descubrimos un fermoso tramo de río por onde, de seguro, fai tempo que non pasa ninguén. Avanzamos con algunha dificultade, pero avanzamos, con ese espírito dos eivadiños: como se poida e por onde se poida. O meu primo de Xacebáns tenta face-la guerra pola outra banda, e só é secundado por Trus, ata que se decata de que a senhora Botas ten claro, e ben claro, por onde nos quere levar, e o Betanzos tenta facer espeleoloxía nunha cova escavada polas augas, aínda que ten que desistir para non molla-lo cú.

Aos poucos chegamos á carón da estrada, a uns cen metros de onde deixamos o coche, e desanimámonos un chisco cando nos informan de que apenas fixemos cinco quilómetros en tres horas ¡pero de que calidade!. A piques estamos de ser captados pola súper aboa do parque recreativo, que ven de volta cunhas amigas e que lle ofrece probar o seu licor café á Bego. Menos mal que dixo que non, senón non estaría escribindo esta crónica: teño quenda de noite e o tempo era cumprido para a volta.

Despedimos a xornada cunhas cervexas en Melón, agasallo do noso Tesorito. Cousa boa ter compartido este día con esta boa xente.

Seguidores