E136 Trilho dos Miliarios (Paredes de Coura)



Se respiraba unha atmosfera de Apocalipses, e non precisabamos das previsións meteorolóxicas para aventurar que o Lourenzo pegaría duro co seu lostrego de lume durante toda a xornada. A pesares diso, e porque os eivadiños fai tempo que deixamos de ser helitrópicos, saímos do lugar e na hora habitual, outra vez cara as terras do Coura. Non estabamos todos, pero agás os presos xuntámonos a división de honra: Zalo, Miguel, Georgia, Xacobe e Anxo.

Fixemos unha parada obrigada para recuncar na poción máxica: a malandrina. Aínda que tamén houbo quen viña sobrado de forzas, despois de batallar nos montes de Caminha e Cortegada, e conformouse cunha pescada e só dúas culleradiñas de arroz, as imprescindibles para cicatrizar as rabuñadas que toxos e silveiras lle deran nas pernas.

Despois de barallar entre as rutas posibles da rede pedestre de Paredes dimos en escoller a dos Miliarios, xa que nun día en que a canícula apertaba de tal xeito era obrigado escaso desnivel, sombra abundante e posibilidade de mergullo. De todo esto tivemos, e algunha sorpresa máis.

Saímos pois da Igrexa de Cossourado, deixando para o final o ascenso a Cividade, un castro da idade de ferro que se inza sobre un outeiro desarborado, xa que a hora do comezo, en torno ás tres da tarde, non era o máis axeitado para a visita arqueolóxica. E atravesamos o Monte da Sé por unha pista forestal poboada de toxos, carqueixas e piñeiros aínda miúdos, onde aínda tivemos sorte de que soprara unha lixeira brisa.

Entre suores e conversas chegamos ó lugar de Antas, na freguesía de Rubiâes, que atravesamos seguindo unha estrada alcatreada para chegar a Igrexa de San Bartolameu, onde se atopan media ducia dos miliarios que dan nome ó sendeiro (de feito dous deles sosteñen o adro do templo). Estes cilindros de pedra indican as millas romanas da vía militar XIX, do itinerario de Antonino, que agora se atopa parcialmente recuperada.

Para nos recuperar, tiñamos un chiringo alí mesmo, e tomamos cervexas e refrescos convidados polo Zalo, que é dos bos e xenerosos, e non tiña ningunha presa en rematar. Mentres o resto se debatía nas convocatorias nocturnas: Xacobe propuña ir a Melgaço para o concerto de Mariza; Miguel a Valença para o do vocalista de Supertramp; e Georgia quería volver a Vigo para o Revoltallo. O Anxo esperaba un acordo global, aínda que non era el o que ía decidir ó final.

Con forzas renovadas, e despois de visitar un pazo en ruínas que se atopa fronte a ermida, baixamos cara o río Coura, coa esperanza de atopar un lugar axeitado para nos mergullar, pero o que atopamos e o sendeiro que discorre pola ribeira ben pechado de fentos, silveiras e herbas ben medradas, que fan que o Zalo abra camiño a hostia limpa, mentres Georgia fai esforzos por non arrebolar.

Os máis pediamos a berros un baño, pero o noso guía atravesou o Ponte dos Caniços asegurándonos que máis adiante teríamos mellor oportunidade, e algo máis aloxada da estrada, que recorremos durante uns metros para internarnos nun monte de piñeiros, preto dunha levada que segue a montante do Coura, onde finalmente atopamos un anaquiño do paraíso.

E como no paraíso dimos en espirnos nun pequeno areal, e mergullarnos nas augas frescas e limpas, certificadas polo voo rasante dun feixe de cabaliños do demo. Marabillado con este espectáculo houbo quen ortigou o cu, mentres o Xacobe tentaba por retratar os coleópteros.

Antes de abandonar o Coura, e xa outra vez no camiño, tivemos que sortear un ribeiro por unha rudimentaria pontella de madeira, que fixo tremer a máis de un, pensando no fácil que era esvarar e caer na auga. Máis que pola caída pola cara coa que ía saír na foto. Por fortuna non caeu ninguén.

Volvemos a internarnos no bosque de piñeiros, afastándonos do río, e comezaron outra vez os suores conforme ascendíamos cara o núcleo rural de Cascos. Accedemos a este por un camiño carreteiro que na entrada estaba emparrado, levantando un balbordo de cans, inquedos pola presencia de estraños na aldea. Un feixe de casas solarengas espertou a nosa admiración, xa que algunhas delas están fermosamente rehabilitadas.

Unha vez que atravesamos o lugar collemos un aire no sendeiro, para visitar a Igrexa románica de Rubiâes, onde tomamos un respiro, algún como Miguel deitado na herba do seu camposanto, sinxelo e fermoso. Tamén alí se atopa un miliario curioso, xa que a parte posterior está oca, aproveitada como tumba antropomórfica.

Desfacemos parte do camiño para enlazar outra vez co noso círculo, e a poucos chegamos ó lugar de Crasto, onde atopamos o derradeiro dos miliarios, enfrontado a unha ermida comida polas edras. Tamén comemos nós das maceiras e pereiras que nos saen ó camiño, engadindo máis reservas de azucre ás que xa temos inxerido de moras e frambuesas, mentres íamos o encontro, unha vez más, do río Coura. Aínda atopamos outro lugar idóneo para nos mergullar, e non dubidamos en espirnos para a chapuzada, a pesares da proximidade das casas.

Pasamos a outra beira polo Ponte da Peorada, por onde enlazamos co camiño portugués a Compostela, e un pouco máis adiante, preto da Ponte Nova, decidimos facer unha parada nun bar tenda, sito no lugar de Châo, para nos refrescar. Todos pedimos xeados menos o Zalo, que quixo un fino e quedou ca gorxa seca, xa que a vella que atendía o colmado estaba desbordada polo público, e mesmo tivemos problemas para que nos fixera a conta, menos mal que aquí Georgia estivo campiona e adiantou a suma, aínda que tivo que agardar o tempo regulamentario.

Partimos ó ultimo tramo, que discorría seguindo o camiño xacobeo ou a vía antonina, ou as dúas a vez, por un bosque de ribeira polo que reanudamos a polémica sobre os concertos da noite, sen chegar a ningún acordo posible.

O acordo chegou de maneira accidental, xa que no noso camiño se cruzou unha finca chea de frutais, no que destacaba un pexegueiro cargadiño que chamaba por nos, e dimos en mandar os máis destemidos, o Zalo e o Xacobe, para alixeirar o peso da árbore. Allanaron a propiedade, a modiño por se espertaban a algún can fero, e cando estaban na faena o Petete pisou mal e caeu malamente dun socalco, de tal xeito que se mancou nunha perna.

Quedou o ferido en compaña de Georgia, e o resto subimos a trote cochinero cara a igrexa de Cossourado, que acadamos en menos de vinte minutos. Así que, unha vez recollidos o eivado e a enfermeira, convimos en volver a Vigo para cear e evaluar o estado do primeiro.

No Eido Vello mandámoslle empanada, calamares, tortilla e ás de polo, e polo menos comprobamos que o Xacobe non perdera o apetito, así que non era cousa de urxencias. Non houbo máis que agardar os diagnósticos, que o final non foron preocupantes, e agardar que o noso Eivadiño (agora con maiúsculas) se recupere para nos acompañar nos camiños.

1 comentario:

  1. Con todo isto non fixemos o ascenso a Cividade, ainda que non estou segura de que se fixese aun sen pasar nada. Teño que agradecer a Zalo a súa axuda para poder pasar sen caer na pontella de madeira pois os demais esperaban aproveitar un paso en falso para escachar a rir. E, ¿non vos parece raro que non apareza o nome do que levou para Vigo o cú ortigado?. Fora de lerias, espero que Xacobe "Pupitas" se recupere pronto, ainda que xa sei que vai millor.

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores

Datos personales

Autores

¿Quen anda por ahí?

Concellos