E152 Sendeiro da Croa (Vilaboa)





Descripción do percurso e mapa (pdf)
Domingo, 13 de decembro de 2009

Na véspera se me multiplicaran as peticións dunha ruta axeitada para as diversas doenzas que asolaban as filas eivadiñas, e confiárame de máis ós feitizos da noite, resultando que cando nos reunimos no Concheiro as miñas neuronas estaban nun estado lamentable, incapaces de articular un plan efectivo para darlle, unha vez máis, contido ó día Sol.

Menos mal que xa artellara un esbozo do que podíamos facer, e que o grupo non viña con ganas de liorta, porque o certo é que seguíame a parecer pouco axeitado o de saír seis persoas en tres coches, nada máis que para cruza-la ría. Aparte do que subscribe, viñeron Miguel, Xaime e Iolanda, Xacobe, Isabel e Patricia, cada quen aqueixado da súa eiva, menos a última, que seica imos ter que partirlle algo para que deixe de fachendear de que non lle doe nada.

Baixo un ceo primaveral chegamos a Santa Cristina de Cobres, e deixamos un dos coches no barrio de Larache, onde comezaba o noso sendeiro, e dimos unha volta innecesaria ¡xa dixen que as neuronas estaban algo danadas!, para chegar ó porto, fronte ó cal se atopa un deses comedeiros que xa é habitual nas nosas saídas, a Casa Aurelia. Nun tris tras devoramos unhas boas racións de empanada de zamburiñas, polbo á feira, chipiróns á prancha e croquetas (estas últimas o único que sobraba no menú), baixamos unha botella de mencía e aínda nos quedou oco para a sobremesa: tarta de café e de queixo. Bo, bonito e barato, ¡que máis lle podíamos pedir!.

A min seguían sen darme as contas cos coches, pero nin o noso Industrial foi quen de atopar unha solución mellor, así que conducimos ata a praia de Paredes, onde aparcamos e demos comezo ó sendeiro. Démoslle as costas á desembocadura do Verdugo, sobre a que se alza a ponte do camiño de ferro, e a antiga fábrica de cerámica de Pontesa, o clube de piragüismo e a estrada nacional, e avanzamos por unha pasarela de madeira que discorre ó longo da costa, rodeando o lugar de A Cerca, e pasando por Punta Ulló e Punta do Castelo. Aquí detémonos un chisco a repasar a toponimia: fronte a nós as Illas Alvedosas, e máis alá o monte da Peneda, sobre a poboación de Arcade, e algo máis lonxe os montes do Galleiro e o Vixiador.

O concello de Vilaboa fixo unha grande actuación na zona, xa que ós tramos que discorren entablillados sucédenlle outros empedrados, sempre seguindo a franxa do litoral, ata chegar a Banca de Sacó, unha grande extensión rectangular que foi pechada por grandes muros de granito, furados por unha morea de canles que servían para a explotación das Salinas de Riobó, e onde me aseguraron que tamén se atopaba un muíño de mareas. Deste último non quedan vestixios, pero os muros da Banca tamén foron rehabilitados polo concello, se limparon os camiños de acceso, e o espazo converteuse no lugar de lecer que é hoxe.

Rodeamos o enorme terreo anegado por mor da marea, e pasamos ó carón das Xunqueiras do Ulló. Nesta área podemos distinguir diferentes ecosistemas: o bosque de ribeira, onde predominan bidueiros, amieiros e carballos, e onde con sorte, como tiveron Xacobe e Xaime, pódese ver o pequeno cardeal, recoñecible polo seu peito vermello; a Carriceira, onde encora a auga doce, e onde a gaioliña bicuda atopa o hábitat idóneo para aniñar; a Marisma, pragada de altas matas de xunco mariño e onde a garza real permanece inmóbil á espreita de algún pequeno vertebrado co que alimentarse; e a Enseada, chaira intermareal, de augas predominantemente salgadas, cuberta en parte pola ceba, onde poden atoparse grandes concentracións de pato asubiador.

Claro que non é doado decatarse de todo esto se un non se para diante dos carteis informativos, nin se pasa a presa por esta sucesión de ecosistemas, como fixeron as mozas que ían en cabeza, Isabel, Patri e Iolanda, tan entretidas na conversa que non se detiveron ata chegar o muro sur da Banca, o que atravesa e pecha o mar, polo que animo ó grupo a camiñalo para que sintan a maxia que eu sentín dende a primeira vez que pisei estas pedras desgastadas polos aloumiños das ondas.

Dámoslle as costas ó mar e internámonos nunha fraga onde se agocha outra das referencias importantes da nosa ruta: as Granxas das Salinas. Agora non son máis que un fato de ruínas soterradas pola vexetación, pero en tempos este lugar bulía de actividade, xa que aquí vivían un bo número de traballadores das marismas, empregados nunha laboura que se remonta ó ano 1637, cando reinaba Filipe IV. Esta explotación foi dada en concesión ós Xesuítas de Pontevedra en 1694 e foi un auténtico motor económico para todo o Val do Ulló e especialmente para a parroquia de Paredes.

A ruta non ten desperdicio, a pesares de ser modesta en recorrido, nada máis abandonar a pequena fraga onde se atopan as ruínas das Granxas, saímos a outra zona de gran valor paisaxístico e que forma tamén un ecosistema peculiar: os Caralletes, nomeado así por atoparse aquí un importante banco de navallas, que nestes lugares denominan así. O mar, na súa retirada, debuxa aquí un feixe de liñas caprichosas, nas que se reflexa a terra, a fraga e o ceo, mentres un feixe de aves acuáticas buscan alimento entre as augas lamacentas. Pouco importa que este tramo discorra por asfalto, xa que a beleza do entorno o compensa.

Preto do Peirao de Acuña, un coitelo afiado que serve de acubillo a media ducia de gamelas, tomamos ó asalto un laranxeiro e saboreamos unha froita que roubada sabe sempre mellor. Pasamos ó carón dunha fábrica de conservas pisando un firme composto por miles de cunchas de croques, tan familiares antano nos camiños ribeiregos. Din que tamén é un bo fertilizante, e será xa que a partires de aquí tamén atopamos un bo feixe de viñas e de campos de millo.

Por un carreiro que discorre entre uns e outros tomamos un pequeno aire para atopar unha boa panorámica da Enseada de Larache, que tamén esta parcialmente pechada por un muro, aínda que descoñezamos a súa utilidade.

O río que desemboca aquí, do que ignoro o nome, debuxa uns fermosos meandros, ben visibles por forza da preamar, e tanto Xacobe coma eu detémonos a tirar os últimos disparos, aínda que co equipo e co ollo do noso Industrial non me atrevo a competir.

Sen máis novidade chegamos o barrio de Larache, onde espérannos o cochiño de Isabel, que aínda quere desafiar a sorte meténdonos a todos dentro, para ir a recoller os que quedaron no inicio da ruta. O final marchou o Xaime coas mozas, e o Xacobe máis eu camiñamos costa arriba cara Santa Cristina, para agardar por eles no primeiro bar que atopamos aberto.

Quizais a ruta foi cativa de máis, pero eran moitas as eivas que sumabamos entre todos, e ademais as horas de luz nesta época do ano son as que son: poucas. De tódolos xeitos foi un paseo agradable e, coma sempre, en boa compaña ¿podemos pedir máis?.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Archivo del blog

Seguidores