E161 Sendeiro do Río dos Gafos (Pontevedra-Vilaboa)



Descripción do percurso e mapa

Domingo, 14 de febreiro de 2010


Semella que outra vez durmimos pouco, e que os efectos que a troula da véspera deixou nos nosos corpiños aconsella non abandonar as sábenas, e seguir soñando cada quen co seu, pero unha forza interior fainos chimpar da cama, sabendo que os nosos soños compartidos precisan de movemento. Alédome de que, unha vez máis, Georgia diga que non coa boca pequena e que diga que si co corazón grande, e que se vista coas roupas propias da montaña para saír ó mundo a mesturar as súas pegadas coas miñas. Tamén o de Paramos tiña ganas de compartir novos camiños con nós, pero os nosos plans non se axustaban ós seus, xa que estaba preto da fronteira e os nosos plans levábannos cara o interior da provincia.

Fomos ata o Eido Vello, en Peinador, onde comezou a nosa historia, para almorzar conforme manda a tradición, e alí levamos a sorpresa ó cruzarnos co Zalo, que mudara de opinión e decidira agasallarnos coa súa compaña. Celebramos o encontro cunha empanada de zamburiñas fabulosa, e con polbo á feira e tortilla de patacas, todo elo regado cunha botelliña de Mencía. Na sobremesa reducimos dúas racións de torta de tres chocolates, unha lambonada típica do lugar, e mandámoslle café e chupitos como é de lei.

Co bandullo cheo conducimos outra vez cara a cidade, onde deixamos o coche de Zalo, e dende alí ata Pontevedra pola autoestrada. Saímos no desvío da estrada de Ourense, e buscamos o inicio do sendeiro preto do Albergue de Peregrinos, a cen metros da estación de autobuses da capital provincial. Aparcamos a carón do cartel co mapa da ruta, e sen máis comezamos a camiñar polo carreiro do río, que nada máis comezar pasa por un túnel baixo a vía do tren.

Douscentos metros máis adiante atopamos dous túneles máis, baixo a estrada de Ourense, na confluencia do río Pintos co río Tomeza, e collemos o que segue a este último, á nosa dereita. Este río ten distintos nomes segundo os lugares por onde pasa, no núcleo de Pontevedra o máis estendido é río dos Gafos, pero tamén é chamado Menexo, Palamios, da Goleta, da Taboada e da Estación. Nas parroquias de Salcedo, á dereita do río, é Tomeza, á esquerda, adquire o nome desta última.

Outra das características deste río e que é un dos poucos de Galicia que ten unha orientación sur-norte e que mantén unha dirección case lineal, describindo so nos últimos seiscentos metros unha curva cara ó encontro coa ría de Pontevedra. O desnivel é moi suave, o que o fai axeitado para un paseo dominical como o que tiñamos proxectado.

No primeiro quilómetro atopamos o muíño de Cabanas e a ponte Valentín, unha das dezaseis que cruza o río, e para facer honor ó santo patrón dámonos uns biquiños sobre o seu arco de pedra. Algo máis adiante atopamos co Mar da Presa, que é como denominan o lugar onde se encoran as augas que alimentaban o muíño de Cabanas. Zalo dínos que é unha denominación habitual nas zonas costeiras ¡canto se aprende co de Paramos!.

Avanzamos pola braña, onde hai un elevado grado de humidade e asolagamento da capa superficial do solo, con gran profusión de salgueiros e amieiros, aínda que tamén de freixos, bidueiros e carballos, algún deles de gran altura. E pasamos preto da ponte da Condesa, que comunica as parroquias de Tomeza e Salcedo. De Salcedo ven o río Cubela, tamén chamado Bala ou Cancela, que desemboca no que estamos seguindo un quilómetro máis ala.

Seméllanos estraño non atopar a ninguén facendo esta ruta senlleira, de escasa lonxitude e sen desnivel apreciable, e que sae tan preto da cidade, pero aínda máis que por unha estrada en obras que vai paralela ó camiño de ferro, a escasos cincuenta metros de nós, sí se rexistre afluencia de paseantes. Será pola teima que ten a xente polas obras...

Nós chegamos ó lugar do Casal do Río a bo ritmo, e cambiamos de beira pola Ponte Rebón, unha pequena pontella de pedra. Desde esta mesma beira, pouco antes de abandonar os límites municipais de Pontevedra e entrar no concello de Vilaboa, cruzamos outro afluente do Tomeza, o río do Pombal, chamado tamén de Santa Marta.

Rabiamos por un café, e Georgia tírame das orellas por aventurarme a dicir que habería opción no camiño, e ademais volvemos esquecernos unha botella de auga e temos que mendigar un pouco de té frío a Zalo, e só consigo distraelos un pouco cruzando a Ponte Leira Longa e visitando o muíño do Toxal, que tamén ten unha curiosa canle para desviar a auga. Neste tramo tamén se denomina así o río, e Toxal segue sendo en toda a parroquia de Bértola.

Cando levamos catro quilómetros e medio volvemos cruza-lo río pola Ponte da Ansuiña, unha pontella de laxas que sortea unhas augas que xa non forman máis que un regueiro e que poderíamos sortear dando un chimpo, a pesares de que cincuenta metros máis adiante se lle sume o cauce do río da Leghua ou do Barco, catrocentos metros máis alá o Regato Filgueira ou Miñoto.

Con tanto afluente é lóxico que o terreo se enchoupe, e o sendeiro amplo que tivemos ó comenzo transformase nun lameiro estreito polo que andamos a chimpos. Xa no penúltimo tributario, o río dos Bois, entramos na parroquia de Figueirido, e o río dos Gafos volve mudar de nome e chamase aquí río Cocho. O derradeiro quilómetro facémolo á beira de campos onde pacen ovellas que nos miran curiosas antes de seguir co seu monótono pacer, e dámonos un pouco de presa por chegar ata o barrio de Balteiro por mor de quecer co café prometido.

Rematamos o sendeiro nunha pista asfaltada que comunica o lugar de Alcouce co de Balteiro, e acercámonos ó apeadeiro de Figueirido, pero tampouco alí hai rastro de ningún establecemento hostaleiro, así que imos ata a estrada nacional, pero tampouco temos sorte. Así que non nos queda outra que dar media volta, e conformarnos cunhas laranxas que recolleitamos preto do camiño de ferro.

O regreso o fixemos a bo paso, aínda que se me espertou a doenza de xeonllo que levo arrastrando dende fai uns meses e conforme avanzabamos era máis evidente a miña coxeira. Non dixen nin pío mentres se incrementaba a distancia cos meus compañeiros, pero aínda así creo que algo se decataron.

En troques o Zalo non dubidaba en pendurarse dunha corda colgaba nunha árbore, ou chimpar por riba das fochancas como si aínda fose aquel cativo que soñaba con subir ó Monte Faro dende o seu Paramos natal. E Georgia semellaba que durmira as horas regulamentarias, pois mantiña o ritmo eivadiño sen fraquear, e ás veces desaparecían os dous entre a fraga de ribeira, brañas e soutos que íamos sorteando.

Outra vez cruzamos pontes de pedra ou de madeira, pasamos ó carón de vellos muíños e sorteamos un feixe de regatos, ata regresar ó punto de partida, na entrada do túnel do camiño de ferro, na rúa Otero Pedraio. E para completar o círculo rematamos cun café con leite no Marco, na parroquia de Tomeza, no mesmo bar onde, de camiño ás terras de Forcarei, recollemos o magnifico folleto editado polo concello de Pontevedra e Vaipolorío que nos descubriu este sendeiro fluvial.

1 comentario:

  1. Sendeiro que poderia ser circular, ainda que fose comenzar dunha beira e regresar pola outra. Todo foi ben bonito e doado, mais debeuse a que contaba coa compaña perfecta.

    ResponderEliminar

Archivo del blog

Seguidores